Resolución do 9 de novembro da Xerencia da USC relativa ás operacións de peche do exercicio orzamentario de 2026 e Instrución da Vicexerencia de Economía e Orzamentos que desenvolve os aspectos operativos derivados da Resolución e establece os criterios e actuacións que deberán observarse durante o proceso de peche do exercicio orzamentario 2026

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1294
Departamento: Xerencia
Estado: En vigor

O artigo 4 do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle os dereitos económicos liquidados durante o exercicio, calquera que sexa o período de que deriven, e as obrigas recoñecidas ata a fin do mes de decembro que correspondan a adquisicións, obras, servizos, prestacións ou, en xeral, gastos realizados dentro do exercicio e con cargo aos respectivos créditos. O artigo 57 da norma antedita, ao regular a imputación de resultado do exercicio, despois de prever no seu parágrafo primeiro que«a cada exercicio económico imputaranse todos os ingresos que se liquidasen e todas as obrigacións recoñecidas durante este», engade na súa alínea dúas que«para estes efectos, as normas de peche do exercicio aprobadas pola Xerencia establecerán as datas límite de expedición, presentación e tramitación dos documentos contables».

Consonte ao exposto, e ao abeiro das competencias atribuídas polo artigo 10.g) do Regulamento de xestión orzamentaria da Universidade de Santiago de Compostela (acordo do Consello de Goberno do 29/12/2020, «DOG» núm. 26 do 09/02/2021, modificado por acordo do 22/07/2022, «DOG» núm. 152 do 10/08/2022), dispoño:

Primeiro. Autorizacións de gasto.

As autorizacións de gasto con cargo ao orzamento do presente exercicio terán como data límite o 27 de novembro.

Segundo. Pagamentos, conciliacións e dotacións das contas de anticipos a xustificar.

Establécese o 20 de novembro como data límite para efectuar pagamentos con cargo ao orzamento do presente exercicio empregando a conta de anticipos a xustificar.

Sen prexuízo do sinalado no apartado anterior, os pagamentos urxentes que tiveran que realizarse despois da dita data tramitaranse segundo a Instrución da Vicexerencia de Economía e Orzamentos á que se fai mención no apartado sexto da presente resolución.

Terceiro. Imputacións no orzamento de gastos.

Establécense as seguintes datas límite para a imputación no orzamentos de gastos:

a) O 27 de novembro para a emisión dos documentos contables de gastos relativos a cursos, conferencias, colaboracións, asistencias a órganos colexiados ou retribucións análogas do persoal con vinculación xurídica coa Universidade de Santiago de Compostela.

b) O 9 de decembro para imputar no orzamento de gastos do presente exercicio os gastos cuxo pagamento implique descontos do imposto sobre a renda das persoas físicas, imposto sobre o valor engadido intracomunitario ou con inversión do suxeito pasivo.

c) O 15 de decembro para imputar os gastos aboados coas contas de anticipos a xustificar das unidades de asuntos económicos.

d) O 23 de decembro para imputar os gastos relativos ás indemnizacións por razón de servizo (axudas de custo e locomoción) exceptuados de gravame.

e) O 8 de xaneiro de 2027 para a emisión dos documentos contables polos responsables de asuntos económicos para a tramitación de facturas en firme de provedores nacionais.

f) As facturas correspondentes a gastos executados de exercicios anteriores, imputaranse no orzamento do exercicio 2027 antes do 26 de febreiro.

Cuarto. Modificacións de crédito.

Establécese o 15 de decembro como data límite para as solicitudes de transferencias de crédito que afecten ao orzamento do 2026.

O prazo previsto no apartado anterior non será aplicable ás transferencias que se realicen desde as partidas orzamentarias de fondos para dotación de cursos de posgrao propios, proxectos e contratos de investigación, teses de doutoramento e concurso de prazas docentes.

As xeracións de crédito por ingresos efectuados no mes de decembro efectuaranse no orzamento de 2027.

Quinto. Expedición de facturas.

Poderanse expedir facturas con data do 29 de decembro de 2026 ata o día 8 de xaneiro de 2027.

Sexto. Expedición, presentación e tramitación dos documentos contables.

Para a expedición, presentación e tramitación dos documentos contables estarase ao disposto na Instrución ditada en aplicación da presente resolución pola Vicexerencia de Economía e Orzamentos.

Sétimo. Peche operacións.

Finalizado o prazo para a imputación no orzamento das operacións xestionadas de forma descentralizada, iniciarase o proceso de peche centralizado sendo a data límite o 19 de febreiro de 2027.

Por necesidades urxentes e inaprazables, a Xerencia poderá autorizar a excepción do cumprimento dos prazos previstos nesta resolución, de forma motivada e previa solicitude do director da unidade de gasto, que se remitirá á Xerencia (ao enderezo vicexerencia.economia@usc.gal), e na que debidamente se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.

Oitavo. Excepcións.

Por necesidades urxentes e inaprazables, a Xerencia poderá autorizar a excepción do cumprimento dos prazos previstos nesta resolución, de forma motivada e previa solicitude do director da unidade de gasto, que se remitirá á Xerencia (ao enderezo vicexerencia.economia@usc.gal), e na que debidamente se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.

Noveno. Entrada en vigor.

A presente resolución entrará en vigor o día da súa publicación no taboleiro electrónico da Universidade de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, data da sinatura electrónica.

O Xerente

Juan M. Díaz Villoslada

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver