Acordo do Consello de Goberno de 30 de outubro de 2026, polo que se determina o nivel retributivo a aplicar na asignación do complemento de produtividade ao persoal investigador posdoutoral

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 1293
Departamento: Consello de Goberno
Estado: En vigor
Texto Texto con anotacións

Acordo do Consello de Goberno do 30 de outubro de 2026 polo que se determina o nivel retributivo a aplicar na asignación do complemento de produtividade ao persoal investigador posdoutoral da Universidade de Santiago de Compostela

O Real Decreto 1086/1989, de 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado universitario, establece entre os conceptos retributivos a percibir polo persoal funcionario de carreira de corpos docentes universitarios o complemento de produtividade, tras a avaliación favorable da actividade investigadora.

Este concepto retributivo estaba orientado ao profesorado universitario funcionario pero coa aprobación da Lei Orgánica de Universidades e a creación de figuras de profesorado universitario con vinculación laboral, o complemento de produtividade investigadora estendeuse a algunhas das novas figuras de profesorado universitario. Así se reflectiu tamén no II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e no Acordo sobre o recoñecemento do complemento de produtividade investigadora ao profesorado axudante doutor da USC, asinado entre a Universidade e as organizacións sindicais con representación na Mesa de Negociación de PDI da USC o 23 de novembro de 2021. A Lei Orgánica do Sistema Universitario non introduce modificacións en relación con este complemento.

Esa evolución normativa tivo reflexo nas sucesivas convocatorias para a avaliación da actividade investigadora do persoal docente investigador contratado da USC, que veñen delimitando os corpos e categorías profesionais do persoal que pode solicitar esta avaliación.

Na resolución reitoral do 16 de xaneiro de 2026 pola que se aproba a convocatoria para a avaliación da actividade investigadora do persoal docente e investigador contratado da USC correspondente ao ano 2025, na liña do que se recolle desde 2022 na convocatoria para a solicitude de recoñecemento do complemento por méritos docentes, estendeuse o ámbito de aplicación ao persoal investigador posdoutoral de diversos programas de recursos humanos, delimitándose o alcance subxectivo no apartado 2.1. desta convocatoria.

Cómpre, polo tanto, determinar o nivel retributivo do complemento de produtividade investigadora para o persoal investigador posdoutoral incorporado na convocatoria de avaliación da actividade investigadora correspondente ao ano 2025.

Por todo o exposto, o Consello de Goberno, na súa sesión ordinaria do día 30 de outubro de 2026, tras a negociación correspondente na Mesa de Negociación de PDI da USC do 23 de outubro de 2026, ACORDA:

Primeiro.

O complemento de produtividade investigadora do persoal investigador posdoutoral dos programas Ramón y Cajal, Beatriz Galindo, ATRAE, posdoutoral da Xunta de Galicia, Juan de la Cierva e Marie Sklodowska-Curie asignarase na contía correspondente ao nivel 26 de complemento de destino.

Segundo. Efectos

Este acordo producirá efectos desde a data da súa publicación no Taboleiro Electrónico e será de aplicación ao recoñecemento do complemento de produtividade investigadora derivado da convocatoria do ano 2025 e de convocatorias posteriores.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver