Acordo 12 do Consello de Goberno de 30 de outubro de 2026 polo que se aproba o Regulamento de Participación, Organización e Funcionamento da Orquestra e do Coro da Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
Consonte á Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario, a comunidade universitaria constituíu ao longo da historia un espazo de preservación e creación cultural aberto á diversidade de expresión do espírito humano. Para tal fin, establece, entre as funcións da universidade, a transferencia e o intercambio do coñecemento e da cultura ao conxunto da sociedade [art. 2.g)] e preceptúa, no seu art. 19, que “a creación e transmisión da cultura universitaria en toda a súa diversidade constitúe unha misión fundamental da Universidade” para cuxa consecución cómpre “manter e reforzar a dimensión cultural de todas as súas actividades, impulsando, así mesmo, a súa apertura, transmisión e difusión á contorna social cunha perspectiva intercultural”. Engádese a necesidade de fomentar o protagonismo do estudantado na actividade cultural promovida pola Universidade.
A Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento das súas funcións de formación integral, promoción da cultura e extensión universitaria, impulsa a práctica artística como un ámbito de aprendizaxe, participación e relación coa sociedade que pretende integrar a universidade do século XXI. Nesta misión destaca a actividade da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela (en diante, OCUSC), dependente da área da Universidade competente en materia de cultura e constitutivo dun proxecto educativo, artístico e cultural orientado á práctica musical colectiva e á formación integral das persoas participantes.
A OCUSC concíbese como un espazo no que a formación musical se complementa coa adquisición e desenvolvemento de competencias persoais e sociais vinculadas á responsabilidade, cooperación, escoita, empatía, convivencia, participación, respecto á diversidade e compromiso colectivo. O carácter universitario da OCUSC é compatible coa súa apertura á sociedade. A presenza de persoas procedentes de diferentes ámbitos, idades, niveis de experiencia e traxectorias musicais constitúe un valor para o proxecto, que debe compatibilizar o seu carácter educativo e inclusivo co rigor, a responsabilidade e as esixencias propias da práctica musical colectiva.
A actividade da OCUSC desenvolverase nos campus de Santiago de Compostela e Lugo mediante agrupacións instrumentais e vocais propias, susceptibles de desenvolver programacións diferenciadas e de participar igualmente en proxectos, encontros e actuacións conxuntas.
Este regulamento establece un marco estable para a organización e funcionamento destas agrupacións. As cuestións variables de cada curso académico, entre elas as prazas ofertadas, horarios, espazos, calendarios, características concretas das probas de acceso ou programación artística, determinaranse nas correspondentes convocatorias e programacións anuais.
En materia de convivencia, o regulamento insírese no marco establecido pola Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria, e polo Regulamento polo que se establecen as normas de convivencia da Universidade de Santiago de Compostela, desenvolvendo no ámbito específico da práctica musical principios de respecto, inclusión, participación, corresponsabilidade, prevención dos conflitos e convivencia positiva. O regulamento atende igualmente á normativa da USC en materia de recoñecemento e transferencia de créditos.
Segundo o art. 81.j) dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, corresponde ao Consello de Goberno aprobar calquera norma regulamentaria non atribuída expresamente a outro órgano de goberno nestes Estatutos
En virtude de todo o anterior, apróbase o seguinte Regulamento de participación, organización, funcionamento e convivencia da Orquestra e do Coro da Universidade de Santiago de Compostela.
TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
1. Este regulamento ten por obxecto establecer as normas básicas de participación, organización, funcionamento e convivencia da OCUSC.
2. A Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela (OCUSC) é un proxecto educativo, artístico e cultural da USC, dependente da área competente en materia de cultura, que promove a formación e a práctica musical colectiva, o compromiso co estudo e a difusión dos valores da música. Está integrada polas agrupacións instrumentais e vocais da Universidade, nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.
3. Estas disposicións aplicaranse ás agrupacións e actividades integradas no proxecto nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.
4. As súas disposicións desenvolveranse mediante convocatorias, programacións anuais, calendarios e instrucións organizativas cando resulte necesario.
Artigo 2. Finalidades
Son finalidades da OCUSC:
• Promover a formación e a práctica musical colectiva.
• Contribuír á formación artística, cultural, persoal e social da comunidade universitaria.
• Favorecer a participación da sociedade nas actividades culturais promovidas pola Universidade.
• Desenvolver valores de cooperación, responsabilidade, escoita, respecto e compromiso.
• Fomentar unha práctica artística inclusiva e respectuosa coa diversidade.
• Contribuír á representación e proxección cultural da USC.
• Favorecer a colaboración e a cohesión entre os campus de Santiago e Lugo.
• Desenvolver proxectos de colaboración con outras institucións, agrupacións e entidades culturais.
Artigo 3. Principios de actuación
A actividade da OCUSC rexerase polos seguintes principios:
• Calidade artística e rigor musical.
• Carácter educativo e formativo.
• Inclusión e igualdade de oportunidades.
• Respecto á diversidade.
• Participación e corresponsabilidade.
• Compromiso e responsabilidade individual respecto do resultado colectivo.
• Convivencia positiva e respecto mutuo.
• Prevención e xestión dialogada dos conflitos.
• Transparencia.
• Avaliación e mellora continua.
TÍTULO II. ESTRUTURA E ORGANIZACIÓN ARTÍSTICA
Artigo 4. Estrutura
• A OCUSC estará constituída polas agrupacións instrumentais e vocais establecidas nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.
• Sen prexuízo da posible creación doutras agrupacións por parte da Vicerreitoría competente en materia de cultura, na actualidade constitúen a OCUSC:
• A Orquestra da USC – Campus de Santiago
• O Coro da USC – Campus de Santiago
• A Orquestra da USC – Campus de Lugo
• O Coro da USC – Campus de Lugo
• A composición e configuración concreta de cada agrupación poderá adaptarse ás circunstancias de cada campus, aos recursos dispoñibles e ás necesidades artísticas e formativas de cada curso.
• As agrupacións poderán desenvolver programacións propias e participar conxuntamente en determinados proxectos.
Artigo 5. Dirección da OCUSC
1. A OCUSC contará cunha dirección responsable da coordinación xeral do proxecto e da súa planificación artística.
2. Corresponderá á dirección:
• Propoñer a planificación e programación artística á Vicerreitoría de Cultura Lingua e Patrimonio.
• Coordinar o funcionamento das distintas agrupacións.
• Dirixir musicalmente aquelas agrupacións que correspondan ou coordinar as direccións convidadas.
• Coordinar os procesos de acceso consonte ás liñas aprobadas polo órgano competente.
• Determinar a distribución artística das persoas participantes.
• Convocar os ensaios, concertos, encontros e demais actividades.
• Supervisar o cumprimento dos compromisos de participación.
• Promover un ambiente educativo, respectuoso, inclusivo e colaborativo.
• Canalizar as incidencias propias do funcionamento ordinario.
• Manter a comunicación e a coordinación necesaria coa Vicerreitoría competente en materia de cultura, coa Área de Cultura e cos restantes órganos ou servizos da USC.
Artigo 6.Direccións, profesorado e persoas especialistas convidadas
• A OCUSC poderá incorporar direccións artísticas convidadas, profesorado especializado, persoas preparadoras de sección, solistas e outras persoas colaboradoras.
• A súa participación poderá circunscribirse a unha agrupación, programa ou período determinado.
• Fomentarase o carácter itinerante das persoas convidadas favorecendo unha maior mostra educativa para o estudantado participante.
• Exercerán as funcións artísticas ou formativas que lles sexan encomendadas, en coordinación coa dirección da OCUSC.
• A súa colaboración non implicará necesariamente unha vinculación permanente coa Universidade nin coa estrutura organizativa da OCUSC.
Artigo 7. Programación artística
1. A OCUSC desenvolverá unha programación anual adaptada ás posibilidades das agrupacións e á planificación cultural da Universidade.
2. Esta programación poderá estruturarse en diferentes programas ao longo do curso e incluír concertos, actividades de cámara, encontros intensivos, intercambios, actividades formativas, proxectos interdisciplinarios ou outras iniciativas.
3. Poderá incorporar programas propios da OCUSC ou da Área de Cultura, así como outros que se creen no futuro.
4. O calendario será comunicado ás persoas participantes coa antelación que permita a planificación do curso.
TÍTULO III. ACCESO E PARTICIPACIÓN
Artigo 8. Persoas participantes
1. Poderán participar na OCUSC persoas que teñan cumpridos os 16 anos e conten coas aptitudes musicais necesarias para integrarse na correspondente agrupación. Igualmente poderán participar persoas a partir dos 15 anos nos programas extraordinarios intensivos como o programa de verán.
2. Poderán solicitar a súa incorporación:
• O estudantado da USC.
• O persoal docente e investigador.
• O persoal investigador.
• O persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.
• Os estudantes de ensinanzas musicais.
• Outras persoas interesadas na práctica musical colectiva.
3. A admisión estará condicionada ás características da convocatoria, ás prazas dispoñibles, ás necesidades das agrupacións e ao correspondente proceso de acceso.
4. A participación de menores de idade estará sometida ás autorizacións que procedan para aquelas actividades que, pola súa natureza, as requiran, especialmente desprazamentos, pernoctas ou outras actividades realizadas fóra do funcionamento ordinario.
Artigo 9. Carácter universitario e participación de persoas externas
1. A OCUSC é un proxecto universitario aberto á sociedade que procurará compatibilizar a participación externa coa preservación do seu carácter prioritariamente universitario.
2. Con carácter xeral, procurarase que as persoas alleas á comunidade universitaria non superen o 15 % da composición activa de cada agrupación.
3. Poderá superarse temporalmente esta porcentaxe cando:
• Non existan suficientes candidaturas procedentes da comunidade universitaria.
• Sexa necesario completar determinados instrumentos, rexistros, voces ou seccións.
• Concorran necesidades artísticas, formativas ou organizativas suficientemente xustificadas e apreciadas pola Vicerreitoría competente en materia de cultura
A excepcionalidade poderá manterse durante o curso académico. Esta previsión non xerará ningún dereito de continuidade para cursos posteriores.
Artigo 10. Convocatorias de acceso
1. O acceso ás agrupacións realizarase mediante convocatoria pública. Para tal efecto, a Vicerreitoría competente en materia de cultura convocará e resolverá anualmente un proceso ordinario de admisión.
2. As prazas que non sexan cubertas poderán permanecer abertas mediante convocatoria permanente durante o curso.
3. Será requisito necesario para participar na mesma achegar, unha certificación negativa expedida polo Rexistro Central de delincuentes sexuais, de conformidade co disposto no art. 57 da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.
4. As convocatorias determinarán, cando menos:
• As agrupacións e prazas ofertadas.
• Os requisitos de acceso.
• O prazo e procedemento de inscrición.
• As características das probas.
• Os criterios xerais de valoración.
• Os horarios e espazos previstos para a súa realización.
Artigo 11. Finalidade e principios das probas de acceso
1. As probas de acceso terán como finalidade coñecer a experiencia, aptitudes, e nivel musical das persoas aspirantes e valorar a súa adecuada integración na actividade colectiva.
2. As probas de acceso serán realizadas e valoradas pola dirección da OCUSC, que poderá contar, cando resulte necesario, co asesoramento de profesorado ou persoas especialistas en función das características da agrupación, instrumento, sección ou corda vocal.
3. As probas de acceso terán carácter inclusivo e non se concibirán exclusivamente como un mecanismo de exclusión en función do nivel técnico, sempre e cando se acredite un nivel mínimo de competencia musical compatible co desenvolvemento adecuado da actividade.
4. Cando existan máis candidaturas que prazas dispoñibles, as probas servirán para establecer unha prelación atendendo ás necesidades das agrupacións.
5. Na valoración poderán terse en conta:
• A competencia técnica.
• A afinación, ritmo e musicalidade.
• A capacidade de escoita e adaptación á práctica colectiva.
• A experiencia previa.
• O equilibrio instrumental ou vocal.
• As necesidades artísticas e pedagóxicas da agrupación.
Artigo 12. Probas de acceso á Orquestra
1. As probas instrumentais poderán realizarse presencial ou telematicamente, segundo determine a convocatoria.
2. Con carácter xeral, incluirán a interpretación de dúas obras, fragmentos ou movementos de libre elección que permitan valorar suficientemente a capacidade musical da persoa aspirante.
3. Poderanse establecer fragmentos ou materiais específicos para determinados instrumentos ou seccións, especialmente cando as súas características así o aconsellen.
4. A convocatoria poderá determinar requisitos técnicos para a gravación, envío ou realización das probas.
Artigo 13. Probas de acceso ao Coro
1. As probas vocais realizaranse preferentemente de maneira presencial.
2. Incluirán unha interpretación vocal de libre elección e aqueles exercicios de entoación, audición, ritmo, extensión ou valoración vocal que se determinen na convocatoria.
3. A proba permitirá valorar as características da persoa aspirante e determinar, cando proceda, a súa clasificación e integración vocal na agrupación.
Artigo 14. Resolución dos procesos de acceso
1. A Vicerreitoría competente en materia de cultura resolverá o proceso de acceso á OCUSC. Na devandita resolución indicaranse, segundo proceda:
• As persoas admitidas como persoas integrantes activas.
• As persoas integrantes da listaxe de agarda, seguindo a orde de prelación establecida pola dirección.
2. A resolución será publicada e comunicada polos medios establecidos na convocatoria.
Artigo 15. Listaxes de agarda
1. As listaxes de agarda poderán permanecer activas durante todo o curso académico, ata a resolución da convocatoria correspondente ao curso académico seguinte.
2. Poderán utilizarse para:
• Cubrir baixas ou vacantes.
• Reforzar determinadas seccións.
• Atender necesidades dun programa concreto.
3. A participación puntual dunha persoa integrante da listaxe de agarda non implicará necesariamente a adquisición da condición de persoa integrante activa de xeito permanente.
4. Se a persoa integrante da listaxe de agarda é convocada para a substitución dunha baixa dunha das prazas ofertadas na convocatoria ordinaria terá preferencia para a súa continuidade no seguinte curso académico en condición de persoa integrante activa como primeiro curso académico.
Artigo 16. Condición de persoa integrante activa
1. A condición de persoa integrante activa terá carácter anual con posibilidade de continuidade ata un máximo de tres cursos académicos.
2. A condición de persoa integrante activa implicará a participación regular na actividade da correspondente agrupación e a aceptación dos compromisos establecidos neste regulamento.
3. Esta condición poderá perderse:
• Por renuncia.
• Por finalización do curso académico.
• Por incumprimento relevante dos requisitos de participación.
• Pola finalización do período máximo de permanencia.
• Polas demais causas previstas neste regulamento.
TÍTULO IV. PERMANENCIA
Artigo 17. Duración máxima
1. A permanencia ordinaria como persoa integrante activa dunha agrupación será dun máximo de tres cursos académicos coa finalidade de favorecer a rotación, facilitar a incorporación de novas persoas ou preservar a dimensión formativa da actividade. O período computarase por campus.
2. A continuidade durante estes tres cursos non será automática e estará condicionada ao adecuado cumprimento dos compromisos de asistencia, participación, preparación e convivencia.
Artigo 18. Finalización do período de permanencia
1. Unha vez cumpridos tres cursos, a praza incorporarase novamente á convocatoria ordinaria.
2. A persoa que esgotase o período poderá volver presentarse ao correspondente proceso de admisión.
3. Non terá dereito de continuidade nin preferencia fronte ás novas persoas aspirantes.
4. Unha vez resolta a convocatoria ordinaria, poderá reincorporarse se permanecen prazas vacantes no correspondente instrumento, sección ou corda vocal e a dirección considera adecuada a súa incorporación.
Artigo 19. Participación nos diferentes campus
1. Os procesos de admisión nos campus de Santiago de Compostela e Lugo serán independentes.
2. A participación previa nun campus non xerará dereito de acceso preferente ao outro.
3. Para os efectos de permanencia, a participación computarase de maneira independente en cada campus.
4. Esta independencia non afectará aos límites de recoñecemento de créditos ECTS, que serán en todo caso os establecidos pola normativa académica da USC.
Artigo 20. Interrupción temporal da participación
1. As persoas que teñan a condición de persoa integrante activa poderán solicitar a interrupción temporal da súa participación por motivos de mobilidade académica nacional ou internacional, incluídos os programas Erasmus+, SICUE ou equivalentes, estadías formativas ou outras circunstancias contempladas como causa de dispensa de asistencia a clase no Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela ou como causa de suspensión no Estatuto dos Traballadores e na normativa reguladora do emprego público, segundo o colectivo ao que pertenza o integrante.
2. A solicitude deberá realizarse coa maior antelación posible, indicando a duración prevista da ausencia e, cando proceda, a data estimada de reincorporación.
3. A autorización da interrupción temporal implicará o dereito de reserva da praza durante todo o período de ausencia cando a duración da ausencia sexa igual ou inferior a un cuadrimestre. A dirección poderá cubrir temporalmente a vacante cando resulte necesario para o adecuado funcionamento artístico da agrupación. Nos restantes casos, a persoa integrante ostentará un dereito de reincorporación preferente ao das restantes persoas integrantes da listaxe de agarda.
4. Cando a ausencia abarque un curso académico completo, a reincorporación será valorada ao inicio do seguinte curso atendendo ás necesidades e configuración da agrupación, sen necesidade de participar nun novo proceso ordinario de acceso cando exista praza dispoñible.
5. As persoas que cubran temporalmente estas vacantes serán informadas do carácter provisional da súa incorporación cando esta circunstancia sexa coñecida no momento da súa admisión.
6. Un período de ausencia durante o que non exista participación efectiva durante todo o curso académico non computará para o límite máximo de permanencia establecido neste regulamento.
7. Se a persoa participa durante unha parte do curso académico e se reincorpora dentro dese mesmo curso, este computará como curso de permanencia.
TÍTULO V. FUNCIONAMENTO DAS AGRUPACIÓNS
Artigo 21. Ensaios ordinarios
1. As agrupacións desenvolverán ensaios regulares segundo o calendario, horario e espazos determinados para cada curso.
2. Estes datos poderán establecerse na convocatoria ou comunicarse antes do inicio da actividade.
3. Poderán modificarse por razóns organizativas, académicas ou artísticas debidamente xustificadas.
4. Durante os períodos oficiais de exames establecidos no calendario académico da USC non se realizarán ensaios ordinarios.
Artigo 22. Ensaios extraordinarios
1. Poderán convocarse ensaios extraordinarios, seccionais, ensaios xerais, actividades intensivas ou outras sesións de preparación.
2. Procurarase comunicalos coa maior antelación posible.
3. Na planificación teranse en conta, na medida do posible, as obrigas académicas e profesionais das persoas participantes.
Artigo 23. Asistencia
1. A condición de persoa integrante activa implica un compromiso de asistencia regular.
2. Será necesaria, con carácter xeral, unha asistencia mínima do 85 % dos ensaios programados.
3. As ausencias deberán comunicarse coa maior antelación posible e serán xustificadas consonte ao disposto no art. 3 do Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela ou como causa xustificativa contemplada no Estatuto dos Traballadores e na normativa reguladora do emprego público, segundo o colectivo ao que pertenza o integrante.
4. A xustificación dunha ausencia terá relevancia para valorar as circunstancias persoais e a continuidade na agrupación, pero non converterá o tempo non realizado en tempo efectivo de dedicación.
5. A imposibilidade de alcanzar o 85 % por causas xustificadas poderá ser obxecto de valoración individual para os efectos da permanencia, sen que isto implique necesariamente o cumprimento dos requisitos esixidos para o recoñecemento académico.
Artigo 24. Puntualidade
1. As persoas participantes deberán incorporarse aos ensaios e actividades coa antelación necesaria para iniciar o traballo á hora prevista.
2. Os atrasos ocasionais xustificados non terán a mesma consideración que os atrasos reiterados e/ou non comunicados.
3. A reiteración de atrasos poderá ser considerada incumprimento do compromiso de participación.
Artigo 25. Concertos e actividades de asistencia obrigatoria
1. Os concertos, ensaios xerais, encontros e demais actividades que sexan expresamente declaradas obrigatorias forman parte esencial do compromiso como persoa integrante activa. A asistencias a estas actividades obrigatorias non estará incluída na marxe de ausencia do 15% prevista para os ensaios ordinarios.
2. A dirección da OCUSC deberá comunicar cunha antelación mínima de 15 días as actividades cuxa asistencia é obrigatoria.
3. As persoas participantes deberán comunicar tan pronto como sexa posible calquera circunstancia que lles impida asistir.
4. As situacións de enfermidade, forza maior, incompatibilidade académica inescusable ou outras circunstancias suficientemente acreditadas serán valoradas individualmente pola dirección da OCUSC para xustificar a ausencia das actividades cuxa asistencia resulte obrigatoria.
5. A ausencia inxustificada a unha actividade obrigatoria poderá constituír un incumprimento relevante do compromiso de participación e afectar á continuidade como persoa integrante activa ademais da avaliación positiva para acadar os créditos ECTS.
Artigo 26. Preparación do repertorio
1. Cada persoa integrante será responsable da preparación individual das partituras, materiais ou repertorio que lle correspondan. A dirección poderá facilitar indicacións e materiais de apoio.
2. Cando unha persoa non dispoña da preparación mínima necesaria para participar adecuadamente nun determinado programa, a dirección poderá decidir a súa non participación nunha actuación concreta, sen que esa decisión afecta á súa condición de integrante activa.
Artigo 27. Distribución artística
1. Corresponde á dirección establecer:
• A distribución de atrís, podendo ter en consideración a opinión do profesorado convidado de apoio.
• A asignación de partes.
• As seccións.
• A distribución de voces.
• As responsabilidades musicais que correspondan.
2. As decisións responderán a criterios artísticos, pedagóxicos e organizativos.
3. Poderán variar entre programas.
4. A asignación dunha determinada posición non xerará un dereito adquirido para futuras actividades.
Artigo 28. Baixas e renuncias
1. A persoa que desexe abandonar a agrupación deberá comunicalo coa maior antelación posible.
2. Procurarase que a baixa non comprometa actividades xa programadas.
3. A dirección poderá cubrir a praza mediante a lista de agarda ou a convocatoria permanente.
TÍTULO VI. DEREITOS, DEBERES E INCLUSIÓN
Artigo 29. Dereitos
As persoas participantes terán dereito a:
• Recibir un trato digno, respectuoso e non discriminatorio.
• Participar nun ambiente adecuado para a aprendizaxe e a práctica artística.
• Recibir información suficiente sobre ensaios, concertos e actividades.
• Dispoñer dos materiais necesarios cunha antelación razoable sempre que sexa posible.
• Coñecer os criterios xerais que afectan á súa participación.
• Formular propostas, observacións, consultas, queixas ou suxestións.
• Ser escoitadas nas cuestións que afecten directamente á súa participación.
• Recibir un tratamento respectuoso da información de carácter persoal.
• Solicitar, cando proceda, medidas de accesibilidade e axustes razoables.
• Recibir orientación e valoración musical desde unha perspectiva educativa e respectuosa.
Artigo 30. Deberes
As persoas participantes deberán:
• Respectar ás demais persoas integrantes, responsables e colaboradoras do proxecto.
• Cumprir os compromisos de asistencia e puntualidade.
• Preparar adecuadamente o repertorio.
• Atender as indicacións artísticas e organizativas.
• Utilizar responsablemente os espazos, instrumentos e materiais.
• Contribuír ao adecuado funcionamento colectivo.
• Comunicar as ausencias e incidencias.
• Respectar este regulamento e a normativa da USC que resulte aplicable.
• Manter un comportamento acorde cos principios de convivencia universitaria.
• Evitar calquera comportamento discriminatorio, intimidatorio, vexatorio ou violento.
• Achegar, antes do inicio das súas actividades, unha certificación negativa expedida polo Rexistro Central de delincuentes sexuais, de conformidade co disposto no art. 57 da Lei Orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.
Artigo 31. Inclusión, diversidade e igualdade de oportunidades
1. A OCUSC favorecerá a participación de persoas con diferentes perfís, capacidades, procedencias, experiencias e traxectorias.
2. Procurará identificar e reducir as barreiras que poidan dificultar a participación.
3. Promoverase unha cultura artística na que a diversidade sexa considerada un elemento enriquecedor da experiencia colectiva.
Estes principios son coherentes tanto coa normativa xeral de convivencia da USC, que incorpora igualdade, inclusión, diversidade e acción positiva, como cos eixes formulados no estudo específico sobre convivencia nas agrupacións musicais universitarias.
Artigo 32. Axustes razoables
1. Poderán establecerse axustes razoables para facilitar a participación de persoas con discapacidade ou necesidades específicas.
2. Estes poderán afectar, entre outros aspectos:
• Á accesibilidade
• Aos materiais ou partituras
• Á presentación da información
• A cantos aspectos organizativos poida constituír un obstáculo para a participación de persoas con discapacidade ou necesidades específicas.
3. Os axustes non deberán supoñer unha carga desproporcionada e ser compatibles coa natureza colectiva da actividade, coas necesidades artísticas e cos recursos dispoñibles.
4. Cando resulte necesario, buscarase a colaboración dos servizos especializados da USC para facer efectivos os dereitos das persoas con discapacidade e necesidades específicas.
TÍTULO VII. CONVIVENCIA E XESTIÓN DE INCIDENCIAS
Artigo 33. Principios de convivencia
1. A actividade da OCUSC desenvolverase conforme aos principios establecidos pola normativa de convivencia da USC.
2. Fomentaranse especialmente:
• O respecto mutuo.
• A empatía e a escoita.
• A cooperación.
• A responsabilidade colectiva.
• A comunicación respectuosa.
• A tolerancia e respecto á diversidade,
• A prevención dos conflitos,
• A participación.
Artigo 34. Prevención de conflitos
1. A OCUSC procurará actuar proactivamente desde unha perspectiva preventiva e educativa coa fin de evitar e xestionar os conflitos que puideran xurdir no seu seo.
2. En concreto, poderanse desenvolver:
• Accións de acollida de novas persoas integrantes.
• Actividades de cohesión.
• Espazos de diálogo.
• Orientacións sobre convivencia.
• Actividades formativas.
Este enfoque coincide coa Lei 3/2022, que configura a convivencia como un ámbito máis amplo que a mera resposta disciplinaria, e coa proposta de prevención e convivencia positiva desenvolvida no ámbito de referencia.
Artigo 35. Xestión dialogada de discrepancias
1. As discrepancias internas que non presenten especial gravidade procurarán abordarse mediante o diálogo e a comunicación entre as persoas implicadas.
2. A dirección poderá facilitar a comunicación e procurar solucións de carácter organizativo ou relacional.
3. Estas actuacións internas non terán a consideración de procedemento formal de mediación nos termos previstos pola normativa da USC.
4. Cando resulte procedente unha mediación formal ou outro mecanismo institucional, a cuestión será trasladada aos órganos competentes da Universidade.
Artigo 36. Situacións de violencia, discriminación ou acoso
1. Calquera situación que poida constituír trato discriminatorio, acoso, violencia ou vulneración grave de dereitos será tratada de acordo coa normativa e protocolos da USC.
2. A OCUSC non realizará investigacións paralelas nin asumirá funcións reservadas aos órganos ou servizos universitarios competentes.
3. A dirección facilitará á persoa interesada a información necesaria para que poida acudir ás canles institucionais correspondentes.
4. Poderán adoptarse as medidas organizativas provisionais indispensables para garantir o normal desenvolvemento das actividades e a protección das persoas, sempre respectando as competencias e garantías previstas pola USC.
Artigo 37. Confidencialidade
1. As incidencias que afecten a circunstancias persoais trataranse coa necesaria discreción.
2. A información será comunicada unicamente ás persoas ou órganos que deban coñecela para o exercicio das súas funcións.
3. Respectarase en todo caso a normativa sobre protección de datos de carácter persoal.
TÍTULO VIII. INCUMPRIMENTOS DOS COMPROMISOS DE PARTICIPACIÓN
Artigo 38. Incumprimentos
Poderán ser considerados incumprimentos dos compromisos de participación:
• A reiteración de ausencias inxustificadas.
• A reiteración de atrasos que afecten ao funcionamento da agrupación.
• A ausencia inxustificada a concertos ou actividades obrigatorias.
• O incumprimento reiterado das indicacións organizativas necesarias para o funcionamento colectivo.
• O uso inadecuado dos espazos ou materiais.
• A perturbación reiterada do normal desenvolvemento dos ensaios.
• O incumprimento dos deberes establecidos neste regulamento.
Artigo 39. Actuación ante incumprimentos
1. As respostas serán proporcionais ás circunstancias e estarán orientadas preferentemente á corrección da situación.
2. Ser prexuízo do disposto no art. 17, os incumprimentos dos compromisos de participación, poderán comportar unha comunicación ou advertencia verbal e unha entrevista coa Dirección.
3. Cando a cuestión poida ter natureza disciplinaria, será remitida aos órganos competentes da USC, sen prexuízo das decisións estritamente organizativas necesarias para o funcionamento da agrupación.
TÍTULO IX. RECOÑECEMENTO ACADÉMICO
Artigo 40. Recoñecemento de créditos ECTS
O estudantado da USC poderá solicitar o recoñecemento académico pola súa participación na OCUSC nos termos establecidos no Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado por acordo do Consello de Goberno do 24 de xullo de 2024, e na normativa universitaria vixente que o desenvolva ou substitúa.
Artigo 41. Seguimento e acreditación
1. A OCUSC establecerá mecanismos de rexistro da asistencia e participación.
2. A dirección facilitará á vicerreitoría competente a información necesaria para a acreditación.
3. A expedición e tramitación final corresponderá aos órganos que determine o Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado por acordo do Consello de Goberno do 24 de xullo de 2024, e a normativa universitaria vixente.
TÍTULO X. COORDINACIÓN ENTRE CAMPUS E ACTIVIDADES CONXUNTAS
Artigo 42. Autonomía das agrupacións
1. As agrupacións de Santiago e Lugo poderán desenvolver programacións independentes.
2. A organización de cada campus adaptarase á realidade e recursos dispoñibles.
3. Esta autonomía será compatible cunha identidade e planificación común da OCUSC.
Artigo 43. Actividades conxuntas
1. Poderán organizarse actividades conxuntas entre as agrupacións dos dous campus.
2. Estas poderán comprender:
• Encontros intensivos.
• Concertos.
• Actividades formativas.
• Proxectos de cámara.
• Intercambios.
• Outras iniciativas culturais.
3. Para determinados programas poderá constituírse temporalmente unha única formación instrumental, vocal ou sinfónico-coral.
Artigo 44. Encontros intensivos
1. Poderán celebrarse encontros ao longo do curso destinados á preparación musical, formación e convivencia.
2. A convocatoria indicará as condicións específicas de participación.
3. Cando impliquen desprazamentos ou pernoctas estableceranse as correspondentes normas organizativas e, no caso de menores, as autorizacións necesarias.
Artigo 45. Encontro de Verán
1. A OCUSC poderá desenvolver un Encontro de Verán de carácter intensivo.
2. Poderán participar integrantes das agrupacións de ambos campus e outras persoas seleccionadas mediante convocatoria específica.
3. Poderá incluír ensaios, actividades formativas, convivencia, actuacións públicas e outras iniciativas culturais.
TÍTULO XI. COMUNICACIÓNS, RECURSOS E IMAXE
Artigo 46. Comunicacións e ferramentas de organización interna.
1. As comunicacións relativas ao funcionamento da OCUSC realizaranse a través das canles e ferramentas que se determinen para cada curso académico, de conformidade cos medios habilitados pola Universidade.
2. A OCUSC poderá empregar plataformas institucionais para a organización e comunicación interna, a publicación de calendarios, avisos, materiais, partituras, información sobre actividades, recursos formativos e outros contidos relacionados co funcionamento das agrupacións.
3. O acceso ás ferramentas institucionais empregadas pola OCUSC articularase mediante os procedementos e mecanismos técnicos que estableza a Universidade, procurando facilitar a participación das persoas integrantes das agrupacións, tanto pertencentes á comunidade universitaria como externas á USC, cando resulte tecnicamente posible e procedente.
4. Complementariamente, poderán empregarse outras canles ou ferramentas de comunicación e coordinación para facilitar o funcionamento ordinario da OCUSC.
5. As persoas participantes deberán consultar regularmente as canles oficiais que se determinen para cada curso académico.
Artigo 47. Espazos, instrumentos e materiais
1. As persoas participantes utilizarán responsablemente os instrumentos, partituras, equipamentos e instalacións postos á súa disposición.
2. Deberán respectar as normas de funcionamento, seguridade, prevención e emerxencia aplicables aos espazos nos que se desenvolvan as actividades.
3. Calquera incidencia ou dano deberá comunicarse tan pronto como sexa posible.
Artigo 48. Imaxe e gravacións
1. A realización e utilización de fotografías, gravacións de audio ou vídeo e outros materiais relacionados coa actividade da OCUSC realizarase de acordo coa normativa e procedementos da USC e con pleno respecto ao dereito á intimidade e á protección de datos de carácter persoal.
2. O tratamento de datos de menores de idade rexerase polo disposto no art. 7 da Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Privados e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 49. Vestiario
1. Nas actuacións públicas deberá respectarse o vestiario determinado para cada programa.
2. Cando se estableza vestiario negro, este consistirá, con carácter xeral, en roupa formal integramente negra e calzado negro.
3. A dirección poderá establecer outras indicacións cando o requiran as características artísticas ou institucionais dunha actividade.
TÍTULO XII. PARTICIPACIÓN, SEGUIMENTO E MELLORA CONTINUA
Artigo 50. Participación das persoas integrantes
1. A OCUSC favorecerá a participación das súas persoas integrantes activas na avaliación e mellora do proxecto.
2. A tal efecto, poderán habilitarse:
• Reunións.
• Consultas.
• Cuestionarios.
• Formularios de suxestións.
• Espazos de diálogo.
• Outros mecanismos de participación.
3. Esta participación entenderase sen prexuízo das competencias artísticas, organizativas e institucionais que correspondan.
Artigo 51. Informe de seguimento
1. A dirección elaborará, a instancias da Vicerreitoría competente en materia de cultura, un informe de seguimento anual.
2. O informeincorporará datos sobre participación, funcionamento, asistencia, actividades realizadas, necesidades e propostas de mellora.
3. Non se incorporarán datos persoais innecesarios nin información que poida comprometer a confidencialidade das persoas implicadas.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Este regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.