Acordo 10 do Consello de Goberno de 30 de outubro de 2026 polo que se aproba o Regulamento sobre o uso da intelixencia artificial na Universidade de Santiago de Compostela
NORMA CONSOLIDADA
O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) recoñece que a intelixencia artificial (IA) e, en particular, a IA xerativa, constitúe un conxunto de tecnoloxías con crecente impacto na actividade universitaria, ao ofrecer novas oportunidades para mellorar os procesos de ensino e aprendizaxe, apoiar a actividade investigadora e de transferencia de coñecemento, impulsar a innovación e contribuír á modernización da universidade.
Ao mesmo tempo, a incorporación das tecnoloxías intelixentes presenta desafíos relacionados coa integridade académica, científica e profesional, coa liberdade de cátedra, co dereito á protección dos datos persoais, á propiedade intelectual e industrial, á igualdade e non discriminación, á protección e promoción da lingua e da cultura galegas e a outros dereitos fundamentais. A súa incorporación deberá atender aos efectos sobre os distintos colectivos da comunidade universitaria e procurar que o acceso ás ferramentas, ás competencias e ás oportunidades derivadas do uso da intelixencia artificial se produza en condicións de igualdade e inclusión. Neste contexto, a USC comprométese a promover a adquisición e actualización das competencias necesarias para que a comunidade universitaria poida facer un uso crítico, responsable e informado da IA, comprendendo adecuadamente as súas posibilidades, limitacións e riscos.
O presente regulamento ten por finalidade establecer un marco xeral que permita a adaptación da USC á evolución tecnolóxica de forma compatible coa autonomía universitaria e co respecto aos dereitos fundamentais.
Este regulamento debe aplicarse e interpretarse de conformidade con:
• Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial (RIA).
• Regulamento (UE) 2026/1744 do Parlamento Europeo e do Consello, do 8 de xullo de 2026, polo que se modifican os Regulamentos (UE) 2024/1689, (UE) 2018/1139 e (UE) 2023/1230 no que respecta á simplificación da aplicación de normas harmonizadas en materia de intelixencia artificial (“Ómnibus dixital sobre IA”).
• Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
• Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
• Lei Orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU).
• Lei 3/2022, do 24 de febreiro, de convivencia universitaria.
• Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial de Galicia.
• Estatutos da USC e demais normativa interna aplicable.
Así mesmo, a USC atenderá as recomendacións, guías, códigos de boas prácticas e demais instrumentos de apoio elaborados pola Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) e polas demais autoridades competentes, órganos de supervisión e institucións nacionais ou europeas con competencias en materia de intelixencia artificial, protección de datos, dereitos fundamentais, seguridade ou regulación dixital, para facilitar a aplicación e actualización deste regulamento.
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1. Obxecto
O presente regulamento ten por obxecto establecer o marco normativo aplicable á implantación e utilización dos sistemas de IA na USC, así como os principios, garantías e responsabilidades que rexerán o seu uso.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
1. Este regulamento será aplicable ao persoal docente e investigador; ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos; ao persoal investigador e de apoio á investigación; ao estudantado, así como a calquera persoa que participe en actividades desenvolvidas ou organizadas pola USC.
2. O disposto neste regulamento será igualmente aplicable aos sistemas de IA desenvolvidos, adquiridos, contratados ou postos á disposición da comunidade universitaria pola USC, así como á utilización de sistemas de IA de terceiros no desenvolvemento das actividades reguladas por este regulamento.
3. Este regulamento será de aplicación ás actividades docentes, investigadoras, de transferencia de coñecemento e de xestión desenvolvidas no ámbito da USC.
Artigo 3. Definicións
Para os efectos deste regulamento, enténdese por:
• Sistema de intelixencia artificial: o definido no artigo 3.1 do Regulamento (UE) 2024/1689 e nas disposicións que o modifiquen ou substitúan 1 1 Na data de aprobación deste regulamento, o artigo 3.1 do Regulamento (UE) 2024/1689 define un sistema de IA como un “sistema baseado nunha máquina que está deseñado para funcionar con distintos niveis de autonomía e que pode mostrar capacidade de adaptación tras a súa posta en funcionamento, e que, para obxectivos explícitos ou implícitos, infire da información de entrada que recibe a maneira de xerar resultados de saída, como predicións, contidos, recomendacións ou decisións, que poden influír en contornas físicas ou virtuais”. .
• Intelixencia artificial xerativa: sistema de IA capaz de xerar contidos novos, como texto, imaxes, audio, vídeo, código informático ou outros contidos similares, a partir das instrucións ou datos de entrada proporcionados.
CAPÍTULO II. PRINCIPIOS E CONDICIÓNS DE USO DA IA
Artigo 4. Principios de utilización
O uso dos sistemas de IA na USC deberá realizarse de conformidade coa normativa aplicable e respectando as limitacións e prohibicións establecidas na mesma. En particular, non poderán empregarse sistemas de IA para finalidades ou prácticas prohibidas pola normativa vixente en materia de intelixencia artificial. No marco destas esixencias, o uso dos sistemas de IA na USC rexerase polos seguintes principios:
• Responsabilidade humana sobre as actuacións, decisións e resultados obtidos coa asistencia de sistemas de IA.
• Supervisión humana adecuada, especialmente cando o uso da IA poida producir efectos relevantes para as persoas.
• Integridade académica, científica e profesional, de acordo cos valores e normas aplicables en cada ámbito de actividade.
• Transparencia no uso da IA, nos termos previstos neste regulamento e nas disposicións que o desenvolvan.
• Protección de datos persoais, privacidade, confidencialidade e seguridade da información.
• Igualdade de oportunidades, non discriminación, accesibilidade e inclusión.
• Proporcionalidade no uso da IA e nas medidas que, se é o caso, se adopten para supervisar o seu uso.
• Promoción da non delegación cognitiva, do pensamento crítico e do uso informado da IA, como ferramenta de ampliación de capacidades humanas, favorecendo a comprensión das súas posibilidades, limitacións e riscos.
• Uso eficiente dos recursos tecnolóxicos, de forma coherente cos compromisos ambientais e sociais da Universidade.
• Respecto á liberdade de cátedra e á autonomía universitaria.
Artigo 5. Transparencia e responsabilidade
1. O uso relevante de sistemas de IA na elaboración de contidos, documentos, actuacións ou outros resultados da actividade docente, investigadora, de transferencia de coñecemento ou de xestión na USC deberá realizarse de forma transparente mediante unha declaración de uso, salvo nos supostos previstos no apartado 3 deste artigo. A consideración dun uso como relevante atenderá á súa incidencia significativa no proceso de elaboración ou no resultado obtido, tendo en conta a natureza, a finalidade e as características da actividade de que se trate, de acordo coas condicións ou directrices específicas que, se é o caso, resulten aplicables.
2. A declaración de uso deberá incluír, cando proceda, o sistema ou sistemas empregados, a finalidade do seu uso e o grao de intervención, revisión e validación humana dos resultados obtidos.
3. Non será necesario declarar os usos meramente instrumentais ou auxiliares, tales como a corrección ortográfica ou gramatical ou a realización de melloras lingüísticas ou de estilo de alcance limitado que non alteren substancialmente o contido nin a expresión das ideas propias da persoa usuaria. A excepción prevista neste apartado non será aplicable cando as tarefas mencionadas constitúan total ou parcialmente unha competencia ou un resultado de aprendizaxe obxecto de avaliación.
4. A responsabilidade por calquera contido, documento, actuación ou outro resultado da actividade docente, investigadora, de transferencia de coñecemento ou de xestión elaborado coa asistencia de sistemas de IA corresponderá sempre á persoa ou órgano que o elabore, presente, valide, adopte ou asuma como propio.
5. A USC establecerá requisitos, modelos ou directrices específicas en materia de transparencia e declaración do uso da IA para determinados ámbitos, actividades ou colectivos. A declaración terá carácter informativo e non estará sometida a autorización ou validación previa, sen prexuízo das condicións ou autorizacións específicas que resulten aplicables á actividade ou ao uso de que se trate.
Artigo 6. Integridade e autoría humana
1. O uso da IA deberá ser compatible cos principios de integridade académica, científica e profesional, honestidade intelectual e veracidade da información.
2. O uso de sistemas de IA non substituirá a autoría nin a responsabilidade das persoas sobre os traballos, documentos, actividades, resultados ou actuacións realizados coa súa asistencia. En consecuencia, aos sistemas de IA non se lles poderá atribuír a autoría nin a coautoría de traballos académicos, publicacións científicas ou outros resultados da actividade universitaria.
3. As persoas usuarias deberán supervisar e validar os contidos, resultados ou propostas xeradas por sistemas de IA antes da súa utilización, sendo responsables da súa exactitude, fiabilidade, potencial impacto e adecuación á finalidade perseguida.
CAPÍTULO III. DOCENCIA E APRENDIZAXE
Artigo 7. Uso da IA no proceso de ensino e aprendizaxe
1. As condicións xerais de uso da IA en cada materia estableceranse na programación docente, en función das competencias e dos resultados de aprendizaxe, por proposta do profesorado responsable. Estas condicións deberán axustarse ao disposto neste regulamento e ás directrices que, de ser o caso, establezan os centros ou as titulacións.
2. As condicións específicas de uso da IA en cada actividade formativa ou avaliable deberán ser coherentes co establecido neste regulamento, na programación docente e nas directrices que, de ser o caso, establezan os centros ou as titulacións. Estas condicións deberán comunicarse ao estudantado con carácter previo ao inicio da actividade e recollerse nas instrucións ou noutros documentos que regulen o seu desenvolvemento. Nelas concretaranse, cando resulte necesario, os usos que, de acordo co previsto no artigo 5, deban considerarse relevantes para efectos da obriga de declaración.
3. Na programación docente, os usos da IA clasificaranse como:
• permitidos;
• permitidos con condicións ou limitacións específicas;
• non permitidos.
4. Cando o seu uso estea permitido, os sistemas de IA poderán utilizarse como ferramentas de apoio á aprendizaxe e a outras actividades académicas, incluíndo, entre outros usos, a procura e análise de información, a resolución de problemas, a programación, a tradución ou a preparación de materiais de apoio, de acordo coas condicións establecidas na programación docente e nas instrucións da correspondente actividade.
5. Cando o uso dunha ferramenta de IA sexa obrigatorio ou necesario para realizar unha actividade formativa ou avaliable, deberá garantirse ao estudantado o acceso en condicións de igualdade mediante ferramentas institucionais ou alternativas equivalentes sen custo.
6. O disposto neste artigo enténdese sen prexuízo da liberdade de cátedra e da autonomía do profesorado para determinar as metodoloxías docentes e os sistemas de avaliación adecuados para a adquisición das competencias e dos resultados de aprendizaxe previstos na materia.
7. De conformidade co previsto no artigo 5, o profesorado deberá informar o estudantado do uso relevante de sistemas de IA na elaboración de materiais docentes ou no desenvolvemento das actividades formativas.
8. O profesorado non poderá introducir traballos, probas, datos persoais ou outra información do estudantado en sistemas de IA externos non autorizados pola USC. A utilización destes sistemas deberá axustarse, en todo caso, ás prohibicións, condicións e garantías establecidas no artigo 11.
Artigo 8. Avaliación da aprendizaxe
1. O uso de sistemas de IA polo estudantado nas actividades formativas e avaliables axustarase ás condicións, limitacións e requisitos establecidos para cada materia ou actividade docente.
2. En todo caso, o estudantado deberá estar en condicións de explicar, xustificar e defender os traballos, probas ou actividades presentadas, así como de acreditar a adquisición das competencias e dos resultados de aprendizaxe correspondentes, con independencia das ferramentas empregadas para a súa elaboración.
3. O uso de sistemas de IA incumprindo as condicións establecidas para unha actividade avaliable, así como a omisión deliberada da declaración dun uso relevante, no caso de que esta proceda, poderán dar lugar ás consecuencias académicas previstas na Normativa de avaliación cando constitúan unha realización fraudulenta do exercicio ou proba. Se os feitos constitúen fraude académico nos termos previstos na Normativa de convivencia da USC, poderá esixirse, ademais, a responsabilidade disciplinaria correspondente.
4. Cando resulte necesario para verificar a autoría do traballo presentado ou a adquisición das competencias avaliadas, o profesorado poderá requirir a achega de evidencias complementarias do proceso de elaboración, incluíndo, entre outras, borradores, materiais de traballo, rexistros de versións, fontes empregadas, explicacións orais, escritas ou outros elementos equivalentes. Cando a verificación requira que o estudantado conserve ou achegue determinadas evidencias do proceso de elaboración, esta esixencia deberá comunicarse nas instrucións da actividade con carácter previo ao seu inicio.
5. A falta inxustificada das evidencias previamente requiridas ás que se refire o apartado anterior poderá ser valorada polo profesorado no marco do correspondente procedemento de avaliación. Cando, á vista do conxunto de evidencias dispoñibles, non resulte posible verificar de maneira suficiente a autoría do traballo presentado ou a adquisición das competencias e dos resultados de aprendizaxe avaliados, poderán derivarse as consecuencias académicas previstas na normativa aplicable.
6. As ferramentas de detección de contido xerado por IA terán carácter exclusivamente auxiliar e orientativo, sen que os resultados poidan constituír, por si sós, proba suficiente para fundamentar unha decisión académica. A súa utilización deberá realizarse de conformidade coa normativa de protección de datos persoais, propiedade intelectual, confidencialidade e seguridade da información. Os traballos, probas ou documentos elaborados polo estudantado só poderán ser introducidos en ferramentas de detección de IA expresamente autorizadas pola USC.
7. De conformidade co previsto no artigo 5, o profesorado deberá informar o estudantado do uso relevante de sistemas de IA como apoio aos procesos de avaliación.
8. Cando se empreguen sistemas de IA que xeren ou propoñan automaticamente a cualificación dunha actividade ou proba, esta deberá ser revisada e validada polo profesorado responsable antes de ser comunicada ao estudantado ou producir efectos académicos.
CAPÍTULO IV. INVESTIGACIÓN E TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO
Artigo 9. Uso da IA na investigación e na transferencia de coñecemento
1. Os sistemas de IA poderán empregarse como ferramentas de apoio nas actividades de investigación e transferencia de coñecemento, incluíndo, entre outras, tarefas de procura bibliográfica, análise de datos, programación, tradución, revisión lingüística ou preparación de documentación técnica.
2. O uso da IA deberá realizarse de forma compatible cos estándares de calidade, rigor metodolóxico, integridade científica e boas prácticas propios de cada disciplina científica e ámbito de coñecemento, así como co Código de Boas Prácticas en Investigación e demais normas e directrices institucionais que resulten aplicables.
3. Cando a utilización de sistemas de IA no marco dunha actividade investigadora poida suscitar implicacións éticas relevantes ou estea sometida a requisitos específicos de avaliación ética, deberán observarse os procedementos e garantías establecidos pola USC. Cando así o prevexa a normativa aplicable ou os procedementos institucionais correspondentes, deberá solicitarse a avaliación ou o informe do Comité de Ética da Investigación da USC antes do inicio da actividade ou no momento procedemental que corresponda.
4. De conformidade co previsto no artigo 5, as persoas responsables da actividade investigadora ou de transferencia deberán declarar o uso relevante de sistemas de IA atendendo á súa incidencia significativa na metodoloxía empregada, na obtención dos resultados ou na elaboración dos produtos finais. Esta declaración deberá cumprir, así mesmo, os requisitos e obrigas que, se é o caso, establezan as entidades financiadoras, as editoriais científicas, os organismos avaliadores ou outras entidades competentes.
5. O uso de sistemas de IA deberá respectar os principios e obrigas relativos á seguridade da información, á confidencialidade dos datos, resultados e materiais de investigación, á protección de datos de carácter persoal, á propiedade intelectual e industrial e ao cumprimento dos compromisos contractuais ou convencionais asumidos pola USC fronte a terceiros. En ningún caso poderá comportar a divulgación, acceso, tratamento, reutilización ou transferencia non autorizados de información protexida ou sometida a deberes de reserva ou confidencialidade.
CAPÍTULO V. XESTIÓN UNIVERSITARIA
Artigo 10. Uso da IA na xestión universitaria
1. Os sistemas de IA poderán empregarse como ferramentas de apoio aos procesos de administración e xestión universitaria co fin de contribuír á mellora da eficiencia, a accesibilidade, a calidade dos servizos e a atención á comunidade universitaria, de conformidade co disposto no artigo 11, coa normativa aplicable e coas instrucións e ferramentas autorizadas pola USC.
2. A utilización de sistemas de IA na xestión universitaria terá carácter exclusivamente instrumental e auxiliar. En ningún caso poderá substituír o exercicio das funcións de valoración, xuízo, decisión ou responsabilidade que correspondan aos órganos ou ás persoas competentes, nin alterar o réxime de competencias legal ou regulamentariamente establecido.
3. A USC promoverá a incorporación progresiva e responsable de sistemas de IA aos seus procesos de xestión de acordo coa normativa aplicable e coas garantías previstas neste regulamento.
4. De conformidade co previsto no artigo 5, as persoas ou órganos responsables da elaboración, validación ou adopción de documentos, informes, propostas ou outras actuacións de xestión deberán declarar o uso relevante de sistemas de IA, atendendo á súa incidencia significativa no proceso de elaboración ou no resultado obtido.
5. Non se adoptarán decisións baseadas exclusivamente en tratamentos automatizados que produzan efectos xurídicos ou afecten significativamente ás persoas, agás nos casos expresamente previstos e coas garantías establecidas pola normativa aplicable.
6. Cando a utilización de sistemas de IA poida ter efectos relevantes sobre os dereitos ou intereses das persoas, a USC garantirá, de conformidade coa normativa aplicable, unha intervención humana efectiva e significativa durante o proceso de adopción da decisión. As persoas afectadas poderán exercer os dereitos de información, alegación, revisión e impugnación que correspondan respecto da intervención destes sistemas nos procedementos que lles afecten.
CAPÍTULO VI. PROTECCIÓN DE DATOS, CONFIDENCIALIDADE E SEGURIDADE DA INFORMACIÓN
Artigo 11. Protección de datos, propiedade intelectual e industrial, confidencialidade e seguridade da información
1. O uso de sistemas de IA na USC deberá realizarse, en todo caso, de conformidade coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais, seguridade da información, propiedade intelectual e industrial, transparencia, confidencialidade e demais disposicións aplicables.
2. A USC promoverá a utilización segura e responsable dos sistemas de IA e poderá poñer á disposición da comunidade universitaria ferramentas institucionais de IA que ofrezan garantías adecuadas de privacidade, seguridade, cumprimento normativo e protección dos dereitos das persoas usuarias.
3. A USC poderá aprobar criterios, directrices, requisitos ou limitacións específicas para a utilización de sistemas de IA no ámbito universitario e identificar ferramentas autorizadas para determinados usos cando resulte necesario para garantir o cumprimento da normativa aplicable en materia de protección de datos, seguridade da información, propiedade intelectual, confidencialidade ou calquera outra obriga legal, contractual ou institucional aplicable. Estas medidas poderán referirse, entre outros aspectos, ao uso de ferramentas institucionais de IA, á utilización de sistemas proporcionados por terceiros e ás categorías de información que poidan ou deban ser tratadas mediante ferramentas expresamente autorizadas pola USC. A utilización de sistemas de IA para a monitorización sistemática da actividade das persoas usuarias ou a elaboración de perfís requirirá unha avaliación previa da súa necesidade, proporcionalidade e impacto sobre os dereitos das persoas afectadas, así como a adopción das demais garantías que resulten esixibles de conformidade coa normativa aplicable. A relación das ferramentas autorizadas para determinados usos e, de ser o caso, as condicións ou limitacións aplicables estarán accesibles e actualizadas a través dos medios institucionais da USC.
4. As persoas usuarias deberán comprobar, con carácter previo á utilización dun sistema de IA, que a introdución de datos, información ou contidos nel se realiza de conformidade coa normativa aplicable e coas directrices e medidas de seguridade establecidas pola USC.
5. Non poderán introducirse en sistemas de IA datos, información ou contidos sometidos a restricións de acceso, deberes de confidencialidade, segredo profesional, protección de datos de carácter persoal, protección da propiedade intelectual ou industrial ou calquera outra limitación legal, contractual ou institucional, cando a utilización do sistema non ofreza garantías suficientes para asegurar o cumprimento das obrigas correspondentes.
6. Os datos persoais obtidos no exercicio das funcións docentes, investigadoras, administrativas ou de xestión non poderán introducirse en sistemas ou servizos dixitais externos non autorizados pola USC, salvo que fosen previamente anonimizados de forma efectiva e irreversible. A información confidencial ou sometida a especiais deberes de protección tampouco poderá introducirse nestes sistemas, agás cando exista habilitación suficiente e se adopten as garantías xurídicas e técnicas esixibles.
7. O tratamento de datos persoais mediante ferramentas institucionais de IA deberá realizarse de conformidade coa normativa de protección de datos aplicable e coas instrucións, garantías e medidas de seguridade aprobadas pola USC.
CAPÍTULO VII. FORMACIÓN DA COMUNIDADE UNIVERSITARIA
Artigo 12. Formación da comunidade universitaria
1. A USC adoptará as medidas necesarias para promover e facilitar por parte da comunidade universitaria a adquisición e actualización das competencias en materia de intelixencia artificial e o seu bo uso, de conformidade coas esixencias establecidas pola normativa aplicable. Para ese efecto, impulsará accións de formación, información, sensibilización e acompañamento orientadas a fomentar un uso crítico, responsable, ético, seguro e eficaz dos sistemas de IA.
2. Estas actuacións estarán destinadas ao persoal docente e investigador, ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, ao persoal investigador e de apoio á investigación e ao estudantado, atendendo ás características e necesidades de cada colectivo.
3. As accións formativas poderán abordar, entre outras, as seguintes materias:
• as capacidades, limitacións, riscos, erros, xeración de información falsa ou non verificable (alucinacións) e posibles nesgos dos sistemas de IA, incluídos os asociados á infrarrepresentación da lingua e da cultura galegas;
• o dereito á protección de datos persoais, á intimidade, á confidencialidade e á seguridade da información;
• os dereitos de propiedade intelectual e industrial e os dereitos de autoría;
• os principios de integridade académica, científica e profesional;
• os requisitos de transparencia e responsabilidade no uso da IA;
• as boas prácticas no uso das ferramentas institucionais que a USC poña á disposición da comunidade universitaria;
• os riscos asociados á utilización de sistemas de IA proporcionados por terceiros;
• as implicacións éticas, sociais e ambientais asociadas ao desenvolvemento e utilización dos sistemas de IA, incluídos o consumo de recursos e o seu impacto ambiental.
CAPÍTULO VIII. INCUMPRIMENTO DO REGULAMENTO
Artigo 13. Incumprimento do regulamento
1. O incumprimento das obrigas, condicións, limitacións e demais previsións establecidas neste regulamento poderá dar lugar á adopción das medidas e á aplicación das consecuencias previstas na lexislación vixente e na normativa da USC que resulten aplicables en atención á natureza dos feitos e á condición da persoa responsable.
2. A tramitación, apreciación e resolución dos eventuais incumprimentos realizaranse de conformidade cos procedementos, competencias e garantías establecidos no ordenamento xurídico e na normativa da USC que resulte aplicable en cada caso.
3. O disposto neste regulamento enténdese sen prexuízo da eventual esixencia de responsabilidades que poidan derivarse da utilización indebida dos sistemas de IA, de acordo co marco xurídico vixente.
Disposición adicional primeira. Recomendacións e guías de uso
A USC promoverá a elaboración e publicación de recomendacións, guías, protocolos ou outros documentos de apoio para facilitar a aplicación deste regulamento e fomentar o uso responsable da IA nos distintos ámbitos da actividade universitaria.
A elaboración destes documentos corresponderá aos órganos, servizos ou unidades competentes en cada materia, de acordo coa organización e normativa interna da USC.
En particular, poderán elaborarse documentos específicos relativos a:
• o proceso de ensino, aprendizaxe e avaliación;
• os traballos académicos, incluídos os TFG, os TFM e as teses de doutoramento;
• a investigación e transferencia de coñecemento;
• a xestión universitaria;
• o uso das ferramentas institucionais de IA;
• a protección de datos, a confidencialidade e a seguridade da información.
Estas recomendacións, guías ou protocolos poderán actualizarse para adaptarse á evolución tecnolóxica, normativa ou organizativa sen necesidade de modificar o presente regulamento.
Disposición adicional segunda. Gobernanza institucional da intelixencia artificial
Sen prexuízo dos principios, garantías e condicións de uso establecidos neste regulamento, a gobernanza institucional da intelixencia artificial na USC articularase a través da Comisión de Coordinación da Estratexia Dixital, como órgano responsable do impulso e coordinación das actuacións institucionais nesta materia, así como da coordinación ou proposta de directrices, criterios, ferramentas institucionais e demais medidas necesarias para a aplicación deste regulamento, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos e unidades da USC.
No exercicio das funcións de gobernanza, supervisión e cumprimento normativo da intelixencia artificial, a USC realizará ou promoverá a realización das avaliacións, análises e medidas de xestión de riscos que resulten legalmente esixibles, incluídas as avaliacións de impacto sobre protección de datos cando proceda.
Disposición transitoria única. Aplicación ás programacións docentes xa aprobadas
As condicións de utilización da intelixencia artificial previstas no artigo 7 incorporaranse ás programacións docentes que se aproben con posterioridade á entrada en vigor deste regulamento. Respecto das programacións docentes vixentes, o profesorado responsable poderá establecer condicións de utilización da intelixencia artificial na materia, de conformidade co disposto no artigo 7 e coas directrices que, de ser o caso, establezan os órganos competentes dos centros ou titulacións. Tanto estas condicións como as directrices deberán ser compatibles coa programación docente en vigor.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao que se dispón neste regulamento.
Disposición final primeira. Desenvolvemento e aplicación do regulamento
Corresponde aos órganos competentes da USC adoptar as instrucións, directrices, procedementos e demais medidas necesarias para o desenvolvemento, aplicación, seguimento e actualización do presente regulamento.
Disposición final segunda. Entrada en vigor
O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.