Decreto 115/2026, do 13 de outubro, polo que se desenvolve o título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia
NORMA CONSOLIDADA
Exposición de motivos
I
A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.
O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 27.19, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de fomento da cultura en Galicia; no artigo 27.22, a promoción do deporte e a adecuada utilización do ocio, e no artigo 27.24, a promoción do desenvolvemento comunitario.
Por outra banda, o Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario procede a realizar o traspaso, entre outros, da dirección e xestión e, de ser o caso, da titularidade das instalacións comprendidas na Rede nacional de albergues xuvenís, residencias xuvenís, campamentos e campos de voluntariado. Estas competencias foron asumidas polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro, sobre asunción de competencias en materia de cultura.
Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no eido da xuventude e desenvolvemento comunitario.
II
Tras a regulación sectorial de distintos ámbitos en materia de xuventude a través de varias disposicións normativas, o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, agrupou e refundiu nun só texto normativo as diversas disposicións na materia, cun labor de racionalización normativa que favoreceu a seguridade xurídica.
Pola súa parte, a Comunidade Autónoma de Galicia exerceu a responsabilidade de harmonizar a súa lexislación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, nun proceso de harmonización normativa que afectou tamén os procedementos e autorizacións en materia de xuventude e que deu lugar á publicación do Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos do mercado interior.
Finalmente, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 20 de xullo, de xeito que a nosa comunidade autónoma cumpriu co compromiso coa sociedade en xeral, pero especialmente coa mocidade, que merecía ter unha norma con rango legal dedicada especificamente a tratar os problemas e inquedanzas máis comúns da nosa xuventude. Esta aprobación constitúe un grande impulso normativo en materia de xuventude, pola súa importancia transversal no resto de políticas públicas que executan as administracións públicas galegas.
A Lei 6/2012, do 19 de xuño, foi modificada nalgúns aspectos a través da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, modificación destinada a lograr unha maior precisión na delimitación do ámbito de aplicación, así como na terminoloxía empregada polo texto legal.
O compromiso do Goberno galego de seguir afondando na solución das cuestións máis relevantes para a mocidade galega plásmase agora na aprobación deste decreto que, logo da regulación do Consello Asesor e Consultivo de xuventude de Galicia a través do Decreto 57/2014, do 8 de maio, polo que se aproba o Regulamento do Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia, pretende desenvolver dun xeito integral os servizos á xuventude regulados no título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, nomeadamente a información xuvenil a través da Rede galega de información xuvenil, a formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil a través da Rede de escolas de educación no tempo libre de Galicia, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, as instalacións xuvenís e os carnés de servizos á xuventude.
Este regulamento ten en conta a vixente ordenación do Sistema de formación profesional e a regulación dos certificados profesionais, e recolle as implicacións derivadas da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, no referente ao inicio das actividades e o seu réxime de control. Tamén ten presente o previsto na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia, fronte á violencia. A dita lei propugna a necesidade dunha actuación efectiva que lles garanta ás persoas menores de idade o seu desenvolvemento persoal en contornos seguros, contornos que deberán abranguer todas as áreas do seu desenvolvemento como persoas, incluíndo a educación, o deporte e tamén as actividades de lecer e tempo libre.
Así mesmo, este regulamento remata coa situación transitoria e de interinidade que supón a regulación da materia por unha normativa previa á aprobación da norma con rango legal, e que mantiña a súa vixencia con base no número 2 da disposición derrogatoria única da lei, o cal dispón que «mentres non entre en vigor a normativa de desenvolvemento desta lei, resultarán aplicables o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, así como o decreto da súa adaptación á directiva de servizos, en todo canto non se opoña ao establecido nesta lei».
III
A norma consta dun total de 112 artigos, articulados nun título preliminar, que aborda a regulación das disposicións xerais relativas ao ámbito de aplicación, a comunicación previa e a declaración responsable para a prestación de servizos á xuventude, e seis títulos máis.
O título I recolle as disposicións comúns a todos os procedementos que regula o decreto.
O título II actualiza a normativa vixente en materia de información xuvenil, ordena a Rede galega de información xuvenil e revisa a regulación dos distintos servizos que a conforman, establecendo os requisitos que deben reunir, o procedemento de integración na Rede e as titulacións das persoas que desenvolven accións neste ámbito, entre outros aspectos.
O título III desenvolve regulamentariamente as previsións do capítulo III do título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, dedicado á formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil, actualizando o procedemento de inicio de actividade para a prestación de servizos de formación como escola de educación no tempo libre e establecendo os requisitos de espazos, medios materiais e educativos das escolas, así como do seu persoal.
O seu capítulo II adapta as modalidades de ensino no tempo libre á realidade da formación neste ámbito, xurdida no marco da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, substituída hoxe pola Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, desenvolvida polo Real decreto 659/2023, do 18 de xullo, polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional.
A través do Real decreto 567/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o catálogo de cualificacións profesionais mediante o establecemento de catro cualificacións profesionais da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade, aprobáronse as cualificacións profesionais de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e dirección e coordinación de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, establecendo un marco común para a formación das persoas que traballan neste ámbito, que debe ser incorporado a esta nova norma.
Na reunión do Consello Interterritorial de Xuventude, que está integrado polo Instituto da Xuventude de España e polos organismos de xuventude das comunidades autónomas e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, que tivo lugar o 21 de xuño de 2012, acordouse iniciar o proceso de modificación das normativas autonómicas reguladoras das actividades e formación na materia de educación no tempo libre, adecuándoas á nova situación creada tras a publicación das cualificacións profesionais correspondentes no Catálogo nacional de cualificacións profesionais, de tal xeito que a regulación das actividades e formación das persoas monitoras e directoras se axustase en todas as comunidades autónomas ao contido das ditas cualificacións.
En Galicia, de acordo con este criterio adáptanse os contidos dos cursos de monitor/a de actividades de educación no tempo libre e de director/a de actividades de educación no tempo libre ao dos certificados profesionais, co fin de garantir a calidade da formación neste ámbito e de facilitar a mobilidade das persoas educadoras no tempo libre. Estas dúas cualificacións foron actualizadas no Real decreto 151/2022, do 22 de febreiro, polo que se actualizan determinadas cualificacións profesionais das familias profesionais Hostalaría e Turismo, Marítimo-Pesqueira, Seguridade e Medio Ambiente, e Servizos Socioculturais e á Comunidade, recollidas no Catálogo nacional de cualificacións profesionais.
Así mesmo, as modalidades de» ensino que impartan as escolas de educación no tempo libre conformarán un Catálogo oficial de formación no tempo libre infantil e xuvenil da Xunta de Galicia.
Cómpre tamén facer unha aclaración no relativo ao cambio de denominación de «campos de voluntariado», en lugar de «campos de traballo».
A denominación recollida na Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, de «campos de traballo» ten unhas connotacións negativas que é conveniente erradicar. O cambio de denominación por «campos de voluntariado» acordouse nunha comisión interdepartamental entre os directores xerais con competencias en materia de xuventude das comunidades autónomas e o Instituto da Xuventude (INXUVE) no ano 2017. As comunidades autónomas adoptaron así este termo, conseguindo a uniformidade de todas elas na elaboración das súas normativas relativas a este aspecto.
O título IV do Decreto desenvolve o capítulo IV do título II da Lei de xuventude de Galicia, tratando de dar resposta ao reto de garantir a calidade na prestación das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, e establecendo unha nova delimitación da tipoloxía destas actividades e das que quedan excluídas do ámbito de aplicación do decreto, incorporando unha regulación minuciosa dos requisitos exixidos para estas, tanto no relativo ao persoal e persoas responsables das actividades como a outros aspectos de organización e intendencia.
Así mesmo, a nova regulación amplía os perfís das persoas educadoras no tempo libre, recollendo tanto os certificados profesionais como outras titulacións do sistema educativo que inclúan de forma completa as cualificacións profesionais correspondentes.
O título V incorpora unha nova regulación das instalacións xuvenís, determinando de maneira específica os requisitos de espazos e servizos que debe ter cada unha das tipoloxías recollidas, así como os dereitos e deberes das persoas usuarias destas instalacións e dedicando un capítulo á Rede de albergues xuvenís de Galicia.
O título VI desenvolve o capítulo VI da Lei 6/2012, do 19 de xuño, relativo aos carnés de servizos á xuventude, incorporando por primeira vez unha regulación autonómica para o Carné Xove, como servizo á xuventude que favorece o acceso a bens e servizos por parte deste colectivo.
Completan o texto normativo tres disposición adicionais, catro disposicións transitorias, unha derrogatoria e dúas derradeiras.
A disposición derradeira primeira da Lei 6/2012, do 19 de xuño, habilita expresamente a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido na dita lei.
IV
Na tramitación e proceso de elaboración deste decreto, en aplicación do principio de transparencia, posibilitouse a participación activa das distintas organizacións, así como da cidadanía, en diversas ocasións, nos termos establecidos no artigo 7 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
O texto da norma é o resultado dun proceso de participación e diálogo con todas/os as/os axentes implicadas/os a través de distintos espazos de escoita activa e traballo conxunto e da man coa Administración. Realizáronse sesións participativas abertas, como sesións de traballo iniciais de presentación do borrador e de constitución de grupos de traballo; habilitouse un espazo web propio como canle de información pública, participación e testemuña do proceso, unha caixa de correos para a participación cidadá en relación coa nova normativa; tiveron lugar o III e IV Foro aberto do tempo libre, como espazos de toma de decisións de cara a pechar o borrador de decreto para o inicio da súa tramitación administrativa, e as XI e XII edicións do Interactuando no tempo libre viñeron marcadas polo reto de avanzar no consenso de cara á elaboración dun borrador da normativa.
De acordo co que establece o artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a norma adecúase ao principio de necesidade, respondendo ao mandato legal de desenvolvemento regulamentario de determinados aspectos da Lei de xuventude de Galicia e tratando de satisfacer un interese de carácter xeral, como é o de contribuír ao benestar dos mozos e mozas galegos como destinatarios últimos dos servizos á xuventude.
O proxecto de decreto é coherente tamén cos principios de proporcionalidade e simplicidade, na medida en que supón o medio necesario e suficiente para desenvolver os mandatos legais e sen supor cargas nin restricións innecesarias. As obrigas que se lles impoñen aos destinatarios da norma son as imprescindibles para asegurar unha correcta aplicación da lei sen exceder as xa impostas por esta e limitándose a concretar o seu alcance.
O principio de seguridade xurídica tamén se cumpre con este proxecto, concretando requisitos, precisando procedementos e aclarando conceptos, e nesta medida favorece a certeza, ao proporcionar criterios máis precisos partindo das disposicións xenéricas establecidas na lei que desenvolve. Tamén desde o punto de vista de que se pretende dotar os servizos á xuventude de maior seguridade xurídica no exercicio efectivo das distintas actividades que os compoñen, a prol de acadar unha calidade axeitada en función do interese público que representan.
Respecto do principio de eficacia, podemos dicir que a norma é un instrumento eficaz para responder aos seus obxectivos e é o instrumento máis axeitado para concretar o alcance das previsións máis xerais establecidas na Lei de xuventude de Galicia.
A adecuación ao principio de transparencia xustifícase pola participación intensa ofrecida aos distintos axentes implicados na elaboración da norma, e mesmo se pode afirmar que o texto foi elaborado conxuntamente coa Administración promotora a través de varias sesións de traballo.
A súa tramitación vén precedida da consulta á cidadanía, e durante a instrución déuselles audiencia e información ás entidades que puideren resultar afectadas por ela. Así mesmo, solicitáronse os informes preceptivos en cumprimento do disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento do título II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, no relativo ao réxime aplicable aos servizos á xuventude no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Neste decreto regúlanse os seguintes procedementos:
a) Inicio da actividade de prestación de servizos de información xuvenil (código de procedemento BS312A, ou o que o substitúa). O formulario para a declaración responsable é o que consta no anexo I deste decreto.
b) Inicio da actividade de prestación de servizos de formación como escola de educación no tempo libre, modificación ou cesamento de actividade (código de procedemento BS307A, ou o que o substitúa). O formulario para a declaración responsable é o que consta no anexo II deste decreto.
c) Actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil (código de procedemento BS314A, ou o que o substitúa). O formulario para a declaración responsable é o que consta no anexo III deste decreto.
d) Inicio da actividade ou cambio de titularidade da prestación de servizos en instalacións xuvenís (código de procedemento BS315A, ou o que o substitúa). O formulario para a declaración responsable é o que consta no anexo IV deste decreto.
e) Modificación substancial en instalacións xuvenís (código de procedemento BS315B, ou o que o substitúa). Enténdese por modificación substancial para efectos deste decreto aquela que poida afectar a estrutura, volume, distribución, número de prazas ou os servizos que presta a instalación. O formulario para a declaración responsable é o que consta no anexo V deste decreto.
f) Actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil (código de procedemento BS315C, ou o que o substitúa). Trátase das actividades citadas no artigo 66. O formulario para a comunicación previa é o que consta no anexo VI deste decreto.
g) Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de educación no tempo libre (código de procedemento BS309A, ou o que o substitúa). Este procedemento ten por obxecto tramitar a expedición dos títulos acreditativos correspondentes ás ensinanzas que formen parte do Catálogo oficial de formación, de conformidade coas actas de avaliación de cada escola de educación no tempo libre. O formulario para a solicitude é o que consta no anexo VII deste decreto, e o anexo VIII é o modelo normalizado da acta de avaliación.
h) Solicitude de Carné Xove (código de procedemento BS319A, ou o que o substitúa). O formulario correspondente a este procedemento consta no anexo IX deste decreto.
3. As solicitudes, declaracións responsables e comunicacións previas relativas aos procedementos administrativos relacionados no punto anterior poderanse presentar desde a entrada en vigor deste decreto e desde ese momento estará aberto permanentemente o prazo de presentación.
4. De acordo co estipulado no artigo 18.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, as entidades que presten servizos á xuventude atenderán ao uso da lingua galega de acordo coa Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
Este decreto é aplicable ás persoas prestadoras e destinatarias dos seguintes servizos:
a) Información xuvenil.
b) Formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil.
c) Actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
d) Instalacións xuvenís.
e) Carnés de servizos á xuventude.
Artigo 3. Definicións
1. A declaración responsable constitúe un documento subscrito pola persoa que inicia a prestación do servizo, no cal declara baixo a súa responsabilidade:
a) Que cumpre coa totalidade dos requisitos e obrigas establecidos nos artigos correspondentes deste decreto para prestar ese servizo ou actividade.
b) Que dispón da totalidade da documentación exixida para o servizo ou actividade que vai prestar, especificada no artigo correspondente deste decreto en función da natureza do servizo, e que a porá á disposición do órgano de dirección competente en materia de xuventude cando lle sexa requirida.
c) Que se compromete a manter o cumprimento dos anteriores requisitos e obrigas durante a vixencia da prestación do servizo ou actividade.
Os requisitos a que se refire este punto deberán estar recollidos de maneira expresa, clara e precisa na declaración responsable.
A Administración poderá requirir en calquera momento que se achegue a documentación que acredite o cumprimento dos mencionados requisitos e a persoa interesada deberá achegala.
2. A comunicación previa constitúe un documento subscrito pola persoa que inicia a prestación da actividade de educación no tempo libre infantil e xuvenil, de acordo co modelo normalizado que figura no anexo VI, mediante o cal pon en coñecemento do órgano de dirección competente en materia de xuventude os seus datos identificativos e os datos relevantes para a realización da actividade recollidos no artigo 66.2.
3. Enténdese por modificación substancial dunha instalación xuvenil aquela que poida afectar a estrutura, volume, distribución, número de prazas ou os servizos que presta a instalación.
Artigo 4. Principios xerais
A prestación dos servizos obxecto deste decreto rexerase, de maneira transversal, polos seguintes principios xerais:
a) Igualdade de trato, garantindo sempre que non se produza ningún tipo de discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, expresión de xénero, identidade, orientación sexual, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
b) Igualdade de oportunidades, garantindo especialmente a inclusión e accesibilidade das persoas con discapacidade, tanto en calidade de usuarias como en calidade de prestadoras dos servizos obxecto de regulación.
TÍTULO I Disposicións comúns a todos os procedementos
Artigo 5. Inicio do procedemento
1. A prestación de servizos á xuventude, nos supostos de inicio de actividade e de cambio de titularidade relativos a instalacións xuvenís, a escolas de educación no tempo libre e a servizos de información xuvenil promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro, así como no de modificación substancial de instalacións xuvenís, requirirá a presentación dunha declaración responsable ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude.
Tamén requirirá a presentación dunha declaración responsable a prestación de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, sempre e cando así veña exixido en virtude do artigo 67.
2. Á declaración responsable xuntarase o documento xustificativo do pagamento da taxa correspondente, salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente. Segundo o procedemento de que se trate, os códigos das taxas son os seguintes:
– Procedemento BS307A: código 30.52.02.
– Procedemento BS309A: código 30.52.04.
– Procedemento BS312A: código 32.07.22.
– Procedemento BS314A: código 30.52.03.
– Procedementos BS315A e BS315B: 30.52.01.
3. Cando a presentación da declaración responsable comporte a inscrición no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia, a inscrición realizarase de oficio na data de inicio da actividade e seralle notificada á persoa interesada, indicando o número de rexistro asignado, no prazo de dez (10) días desde que se produza.
4. Logo de presentar a declaración responsable, os órganos do departamento territorial da consellería con competencia en materia de xuventude correspondentes procederán á súa verificación.
O órgano do departamento territorial, no suposto de detectar a concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no artigo 8.1, porá estes feitos en coñecemento do órgano de dirección competente en materia de xuventude, que, á vista do informe presentado, incoará un expediente informativo ao titular do servizo, tramitado segundo o establecido no artigo 8.2.
5. A prestación de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil, nos supostos do artigo 66.1 (procedemento BS315C), requirirá a presentación dunha comunicación previa ao inicio da actividade ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude.
Artigo 6. Forma de presentación das declaracións responsables, solicitudes e comunicacións previas
1. As declaracións responsables, solicitudes e comunicacións previas presentaranse preferentemente por vía electrónica, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, estes documentos poderanse presentar en calquera dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. Para a presentación das declaracións responsables, solicitudes e comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica de documentación.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Artigo 7. Efectos da presentación das declaracións responsables, solicitudes e comunicacións
1. A presentación da declaración responsable ou comunicación previa habilitará a persoa prestadora do servizo, para os efectos previstos neste decreto e sen prexuízo doutras exixencias legais, para o exercicio da actividade desde a súa presentación.
2. A presentación da declaración responsable ou comunicación previa non exime do cumprimento da lexislación sectorial aplicable.
Artigo 8. Efectos da non presentación da documentación ou da inexactitude, falsidade ou omisión de datos de carácter esencial
1. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore a unha declaración responsable ou a unha comunicación previa, ou a non presentación da declaración responsable, a documentación que sexa, de ser o caso, requirida para acreditar o cumprimento do declarado, ou a comunicación, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade desde o momento en que se teña constancia de tales feitos e a obriga de restituír a situación ao momento previo ao inicio da actividade, sen prexuízo das responsabilidades que procedan.
2. Nos supostos do punto anterior, o órgano de dirección en materia de xuventude incoará un expediente informativo á persoa titular do servizo, que terá un prazo de dez (10) días para facer as alegacións e subministrar os elementos de xuízo que considere oportunos. Unha vez recibidos estes, o órgano de dirección competente en materia de xuventude poderá ordenar, mediante resolución motivada, que se deberá ditar no prazo de tres (3) meses desde a data do acordo de inicio do expediente, o cesamento da actividade, temporal ou definitivamente, á vista do carácter e da natureza esencial da inexactitude, falsidade, omisión ou incumprimento.
Contra a citada resolución a persoa prestadora do servizo ou actividade poderá interpor un recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da consellería competente en materia de xuventude.
Artigo 9. Excepción á obriga de ditar resolución
De conformidade co disposto no artigo 21.1, parágrafo terceiro, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, exceptúanse da obriga de ditar resolución expresa e de notificala os procedementos relativos á prestación de servizos á xuventude sometidos ao deber de declaración responsable ou de comunicación á Administración.
Artigo 10. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coas solicitudes a seguinte documentación:
a) No relativo ao procedemento BS309A, recollido no anexo VII, a acta de avaliación do curso e o documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes (código da taxa 30.52.04), salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.
b) No relativo ao procedemento BS319A, reflectido no anexo IX, a copia do pasaporte da persoa solicitante (no caso de non ser titular do DNI ou NIE).
2. De conformidade co artigo 28.3, parágrafo segundo, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as administracións públicas non lles requirirán aos interesados datos ou documentos non exixidos pola normativa reguladora aplicable ou que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, e as administracións públicas deberán recadalos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada ou a lei especial aplicable requira o seu consentimento expreso. Excepcionalmente, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
Artigo 11. Forma de presentación da documentación complementaria
1. A documentación complementaria presentarase preferentemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De acordo co artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
3. De conformidade co artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude ou comunicación, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude ou o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 12. Consulta de datos
1. Para a tramitación dos procedementos previstos neste decreto consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa solicitante, comunicante ou declarante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante, comunicante ou declarante.
d) NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
3. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Artigo 13. Notificacións
1. De acordo co artigo 41.1, parágrafo primeiro, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as notificacións efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía.
As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario de inicio. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas que realicen os órganos e entidades do sector público autonómico de Galicia efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, enderezo electrónico habilitado único -Notifica.gal
Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. A falta de práctica deste aviso non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.
5. De conformidade co artigo 43.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido.
Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou sexa expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de declaracións responsables, solicitudes e comunicacións
1. A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada.
2. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén se poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
TÍTULO II Da información xuvenil
Artigo 15. Información xuvenil
1. De conformidade co artigo 19.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, a información xuvenil é unha actividade de busca, tratamento e difusión da información, xunto co asesoramento e orientación prestados á mocidade nos servizos de información xuvenil.
2. O obxecto da información xuvenil é pór á disposición da mocidade os elementos necesarios para unha mellor toma de decisións no exercicio da súa liberdade e autonomía, favorecer a súa participación activa e facilitar o desenvolvemento dos seus proxectos vitais, facendo posible a súa plena integración na sociedade.
3. A información xuvenil prestarase atendendo ás necesidades da mocidade con menos oportunidades por motivos económicos, sociais, culturais, xeográficos, de saúde, de discapacidade, ou por calquera outra razón que poida orixinar unha situación discriminatoria, removendo os obstáculos que lle impidan acceder de maneira efectiva á información xuvenil.
Artigo 16. Servizos de información xuvenil
1. Terán a condición de servizos de información xuvenil aqueles que realicen a actividade de información xuvenil, definida no artigo anterior, e que sexan promovidos por organismos públicos ou entidades privadas sen ánimo de lucro; neste último caso, unha vez presentada a declaración responsable, tal e como se establece no artigo 18.
2. A información que elaboren e proporcionen os servizos de información xuvenil abranguerá todos os aspectos que afecten directamente a mocidade ou aqueles que sexan do seu interese.
3. Os servizos de información xuvenil clasifícanse en:
a) As oficinas locais de información xuvenil.
b) Os puntos de información xuvenil.
c) As oficinas de orientación e asesoramento especializado en xuventude.
d) Os Espazo Xove, que conforman a Rede galega de centros de xuventude.
4. Unicamente poderán ser promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro os puntos de información xuvenil.
5. Todos os servizos de información xuvenil se integran na Rede galega de información xuvenil.
Artigo 17. A Rede galega de información xuvenil
1. De conformidade co artigo 20 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, a Rede galega de información xuvenil configúrase como un servizo público, do que é responsable o órgano directivo competente en materia de xuventude, de carácter gratuíto e de estrutura territorial, que articula e coordina as iniciativas promovidas tanto polos organismos públicos como por entidades privadas sen ánimo de lucro. Ten como obxectivos prioritarios os seguintes:
a) Asegurar que as prestacións dos servizos de información xuvenil se desenvolvan en condicións de eficacia, calidade e igualdade.
b) Colaborar con outros organismos de natureza análoga de ámbito nacional, europeo e internacional.
c) Garantir a difusión da información xuvenil de maneira ampla e actualizada en todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Favorecer a implantación dos mecanismos para que a información, a orientación e o asesoramento á xuventude se baseen nos principios da Carta Eryica, garantindo a igualdade, independencia, calidade e atención persoal á xuventude, respectando a confidencialidade e o anonimato da persoa usuaria e posibilitando a igualdade de oportunidades.
e) Promover a máxima difusión de información a través das tecnoloxías da información e comunicación, especialmente a través da internet e das súas redes sociais.
f) Informar a mocidade daqueloutras iniciativas culturais, educativas, laborais, deportivas e sanitarias ofertadas a toda a poboación, como principio de integración na comunidade e avogando polos principios reitores de transversalidade e coordinación.
2. A Rede galega de información xuvenil canaliza toda a información para a xuventude a través do Centro Coordinador de Información Xuvenil, mediante os servizos de información xuvenil e as/os correspondentes xuvenís.
Artigo 18. Procedemento de integración na Rede galega de información xuvenil
1. Os servizos de información xuvenil promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro deberán presentar unha declaración responsable ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude, con carácter previo ao inicio da actividade de información, de conformidade co establecido no artigo 3.1 e no título I deste decreto. O formulario para realizar esta declaración é o que consta no anexo I deste decreto, co código de procedemento BS312A.
2. A presentación da declaración responsable comportará a inscrición do servizo na sección de entidades integrantes da Rede galega de información xuvenil, sen prexuízo do establecido no artigo 5.4.
3. A integración na Rede galega de información xuvenil será imprescindible para ter acceso á Rede nacional e internacional de información e documentación xuvenil.
4. O servizo de información xuvenil deberá estar en posesión da seguinte documentación, que será requirida para os efectos de verificar a declaración responsable presentada:
a) Unha memoria que recolla a conveniencia da creación do servizo de información xuvenil no ámbito territorial en que se vai desenvolver a actividade, a infraestrutura e medios humanos de que dispón, especificando as titulacións e características da relación laboral, o orzamento anual e as previsións do seu financiamento, e o plan de actividades de dinamización da información que se desenvolverán desde o servizo.
b) Certificación, emitida polo órgano competente segundo os seus estatutos ou a normativa reguladora, de que quen presenta a declaración é o órgano facultado para iso.
5. O órgano de dirección competente en materia de xuventude orientará e realizará un seguimento do funcionamento dos servizos de información xuvenil a través dos servizos de xuventude do departamento territorial correspondente.
6. O servizo de información xuvenil poderá solicitar o cesamento voluntario da actividade no momento en que o considere oportuno, e deberá comunicarllo ao órgano de dirección con competencias en materia de xuventude, de acordo co establecido no artigo 14.1.
Artigo 19. Identificación
1. As entidades integrantes da Rede galega de información xuvenil deberán exhibir no exterior das súas dependencias a identidade gráfica, recollida no anexo X deste decreto. As actualizacións ou modificacións posteriores da dita identidade gráfica levaranse a cabo a través dunha orde.
2. As entidades integrantes da Rede galega de información xuvenil dependentes da consellería competente en materia de xuventude da Xunta de Galicia exhibirán tamén a súa condición de servizos da Xunta de Galicia.
Artigo 20. O Centro Coordinador de Información Xuvenil
1. De conformidade co artigo 21.1 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o Centro Coordinador de Información Xuvenil é un servizo adscrito orgánica e funcionalmente ao órgano de dirección competente en materia de xuventude da Xunta de Galicia.
2. De acordo co artigo 21.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, o Centro Coordinador de Información Xuvenil terá como funcións:
a) Coordinar o conxunto dos servizos de información xeral ou especializada da Rede galega de información xuvenil.
b) Recoller, catalogar, elaborar e distribuír canta información sexa de interese para os mozos e mozas.
c) Cooperar con entidades, organizacións e institucións públicas ou privadas na elaboración e na execución dos servizos, programas e actividades de información á xuventude.
d) Organizar accións formativas dirixidas ao persoal dos servizos de información xuvenil e á mocidade en xeral, en colaboración coa Escola Galega de Xuventude.
e) Asesorar outras entidades públicas ou privadas sobre a creación e a apertura de servizos de información xuvenil.
f) Colaborar tecnicamente co Observatorio Galego da Xuventude.
Artigo 21. As oficinas locais de información xuvenil
1. As oficinas locais de información xuvenil son estruturas informativas de carácter público e local que prestan servizos de información ás persoas mozas do seu ámbito territorial, ben directamente, ben a través de puntos locais de información xuvenil vinculados a elas.
2. As oficinas locais poderán ter ámbito territorial municipal, supramunicipal ou inframunicipal, e estarán adscritas a algunha das entidades locais descritas nos artigos 1 e 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.
3. As oficinas locais de información xuvenil contarán, como mínimo,
a) Cun local axeitado de uso exclusivo ou separado doutros servizos da entidade local, que facilite a atención adecuada da persoa moza que demande información, orientación ou asesoramento, e permita tamén levar a cabo a organización do traballo e a elaboración dos materiais de consulta.
b) Cun horario de atención á xuventude en consonancia coa demanda da oficina, que estará exposto nun lugar visible ao público.
c) Cun plan de actividades de dinamización da información.
d) Cun cadro de persoal proporcional ao volume dos servizos que presta e ao número de persoas usuarias. A persoa responsable da oficina deberá ter a condición de informadora xuvenil ou técnica de xuventude.
e) Coa dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación; deberá dispor, como mínimo, do seguinte soporte informático: un ordenador con conexión á internet, correo electrónico e teléfono.
4. As oficinas locais poderán ter, na propia oficina ou en lugares diferentes, espazos de autoconsulta que faciliten o acceso directo das persoas mozas á información que lles poida interesar. Os espazos de autoconsulta son espazos á disposición da xuventude onde esta pode resolver as súas dúbidas e conseguir a documentación ou información de forma directa e sen intermediarios, tanto en soporte papel como dixital.
5. As oficinas locais de información xuvenil poderán contar con asesorías especializadas en materia de educación, emprego, vivenda, saúde ou aqueloutras que demande en cada momento a mocidade, sempre que dispoñan de persoal cunha formación suficiente para o desenvolvemento da dita función.
Artigo 22. Os puntos de información xuvenil
1. Os puntos de información xuvenil son servizos de información xuvenil que poñen directamente á disposición da mocidade materiais informativos, subministrados principalmente polo Centro Coordinador de Información Xuvenil ou polas oficinas locais de información xuvenil.
2. Os puntos de información xuvenil poden ser promovidos por entidades públicas ou por entidades privadas sen ánimo de lucro e teñen por obxecto o exercicio de actividades de carácter informativo dirixidas á xuventude e prestadas directamente ao público.
3. En núcleos dispersos de poboación poderán existir puntos de información xuvenil dependentes das oficinas locais de información xuvenil.
Artigo 23. As oficinas de orientación e asesoramento especializado en xuventude
1. As oficinas de orientación e asesoramento especializado en xuventude son estruturas informativas de carácter especializado en función do tipo de persoas mozas destinatarias ou da temática que se trata, como emprego, saúde, sexualidade, educación, xurídica ou calquera outra de interese para a mocidade, e nas cales se necesiten profesionais con coñecementos técnicos específicos.
2. As oficinas de orientación e asesoramento especializado en xuventude poderán ser creadas polo órgano de dirección competente en materia de xuventude ou polas entidades locais; neste último caso, nas mesmas condicións que para as oficinas locais de información xuvenil establece o artigo 21.
Artigo 24. A Rede galega de centros de xuventude. Espazo Xove
1. A Rede galega de centros de xuventude está composta polos Espazo Xove, que son equipamentos propios da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, adscritos á consellería competente en materia de xuventude, que ofrecen os seguintes servizos:
a) Información xuvenil en diferentes ámbitos; entre outros, lecer, voluntariado, emocional, prácticas de vida saudable, comunicación e redes sociais.
b) Orientación e asesoramento á mocidade sobre os recursos, plans e programas que promove a Xunta de Galicia, así como outras institucións e organismos públicos, tanto estatais como europeos, en materia de xuventude.
c) Organización de actividades de animación sociocultural e de educación non formal, facilitando a convivencia e a participación da mocidade nas actividades e programas que organice o propio centro, o órgano de dirección competente en materia de xuventude ou as asociacións xuvenís e os grupos informais.
d) Apoio e fomento do asociacionismo.
2. Os Espazo Xove contarán, como mínimo,
a) Cun local axeitado de uso exclusivo ou separado doutros servizos, que facilite a atención adecuada da persoa moza que demande información, orientación ou asesoramento, e permita tamén levar a cabo a organización do traballo e a elaboración dos materiais de consulta.
b) Cun horario de atención á xuventude en consonancia coa demanda da oficina, que estará exposto nun lugar visible ao público.
c) Cun plan anual de accións de dinamización da información e organización de actividades.
d) Cun cadro de persoal proporcional ao volume dos servizos que presta e ao número de persoas usuarias. A persoa responsable do Espazo Xove deberá ter a condición de informadora xuvenil ou técnica de xuventude.
e) Con normas de réxime interno.
f) Coa dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación; deberá dispor, como mínimo, do seguinte soporte informático: un ordenador con conexión á internet, correo electrónico e teléfono.
3. Os Espazo Xove remitiranlle ao órgano de dirección competente en materia de xuventude, no mes de xaneiro de cada ano, unha memoria detallada das actividades do ano anterior.
Artigo 25. Infraestrutura dos puntos de información xuvenil
1. Os puntos de información xuvenil contarán, como mínimo,
a) Cun local que permita albergar o material, soportes de consulta e atender o público.
b) Cun horario de atención á mocidade consonte a demanda e que estará exposto ao público.
c) Cun plan de actividades de dinamización da información.
d) Cun cadro de persoal proporcional ao volume dos servizos que se prestan e ao número de persoas usuarias. En todo caso, a persoa responsable do punto terá a condición de informadora xuvenil, técnica de xuventude ou educadora no tempo libre na súa modalidade de director/a.
e) Coa dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación, polo que deberá dispor, como mínimo, do seguinte soporte informático: un ordenador con conexión á internet, correo electrónico e teléfono.
2. Ademais, poderán ter espazos de autoconsulta que faciliten o acceso directo das mozas e mozos á información que lles poida interesar. Os espazos de autoconsulta son espazos á disposición da xuventude onde esta pode resolver as súas dúbidas e conseguir a documentación ou información de forma directa e sen intermediarios, tanto en soporte papel como dixital.
Artigo 26. A persoa técnica en xuventude
1. A persoa técnica en xuventude será a profesional que oriente e asesore de maneira xeral e especializada en materia de xuventude, ademais de planificar as actuacións que se van desenvolver no servizo de información.
2. A persoa técnica en xuventude deberá estar en posesión de titulación universitaria vinculada ao eido social e contar con formación específica en materia de xuventude.
3. Ademais, terán a condición de técnico ou técnica en xuventude, para os efectos deste decreto:
a) As persoas que na data de entrada en vigor deste regulamento posúan unha experiencia laboral mínima de tres ou máis anos como responsable ou técnico/a dunha oficina local de información xuvenil ou Espazo Xove, verificable mediante contrato, vida laboral ou outra documentación oficial.
b) As persoas que conten con algunha titulación, expedida polos órganos competentes en materia de xuventude dalgunha comunidade autónoma, polo Instituto Nacional de Administración Pública, pola Escola Galega de Administración Pública ou a súa equivalente doutra comunidade autónoma, expedida con anterioridade á entrada en vigor deste regulamento, dos seguintes cursos:
1º. Especialista en Información Xuvenil.
2º. Experto/a en Xuventude.
Artigo 27. A persoa informadora xuvenil
1. A persoa informadora xuvenil será a que organice e xestione os servizos de información xuvenil, desenvolvendo accións de información, orientación e dinamización da información e promovendo actividades sociais e educativas no marco da educación non formal, orientadas a facer efectiva a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento integral da xuventude como cidadás e cidadáns no contexto dunha sociedade democrática.
2. A persoa informadora xuvenil deberá estar en posesión dalgunha das seguintes acreditacións:
a) Certificado profesional de Información Xuvenil.
b) Título do sistema educativo que inclúa de forma completa a cualificación profesional de información xuvenil.
Artigo 28. As/os correspondentes de información xuvenil
1. As/os correspondentes de información xuvenil son mozos e mozas que voluntariamente desenvolven un labor de difusión da información xuvenil nos centros educativos en que estean a cursar estudos, nos Espazo Xove ou noutros centros, contando co apoio do persoal do Centro Coordinador de Información Xuvenil.
2. As súas funcións serán as de:
a) Xestionar e manter actualizado un taboleiro informativo no centro.
b) Difundir a información que reciban a través dos medios ao seu alcance entre o alumnado e persoas usuarias do centro.
c) Remitir ao Centro Coordinador de Información Xuvenil información do seu centro que poida ser de interese para correspondentes doutros puntos de Galicia.
d) Calquera outra que contribúa á difusión da información xuvenil no seu centro.
3. A consellería competente en materia de xuventude poderá recoñecer beneficios e vantaxes para as mozas e mozos que actúen como correspondentes xuvenís, así como organizar para eles/as programas gratuítos de actividades de educación non formal.
TÍTULO III Da formación das persoas educadoras no tempo libre infantil e xuvenil
CAPÍTULO I Escolas de educación no tempo libre
Artigo 29. Inicio da actividade das escolas de educación no tempo libre
1. De conformidade co artigo 24 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, as escolas de educación no tempo libre constitúen centros de formación, perfeccionamento e especialización nas actividades e técnicas orientadas á promoción e axeitada utilización do lecer e do tempo libre.
2. As persoas, físicas ou xurídicas, que queiran iniciar a prestación de servizos de formación como escola de educación no tempo libre deberán presentar, ante o órgano de dirección competente en materia de xuventude, unha declaración responsable previa ao inicio da actividade, segundo o establecido no artigo 3.1 e no título I deste decreto. O formulario para realizar esta declaración é o que consta no anexo II deste decreto, co código de procedemento BS307A, marcando o recadro «Inicio de actividade» en «Tipo de declaración».
3. A persoa declarante deberá estar en posesión da seguinte documentación, que será requirida para os efectos de verificar a declaración responsable presentada:
a) Acreditación da identidade da persoa promotora, no caso de persoas físicas. No caso de persoas xurídicas, documentación acreditativa sobre a súa constitución, representación e normas reguladoras, que deberán incluír de forma expresa a finalidade de impartir formación no ámbito do lecer e do tempo libre educativo.
b) Proxecto e sistema educativo da escola, no cal figuren os seus fundamentos e obxectivos, con especificación das modalidades de ensinanzas que se vaian impartir, a planificación didáctica, a metodoloxía de aprendizaxe e o sistema de avaliación e seguimento do alumnado. Así mesmo, deberá especificar o organigrama da escola e do seu profesorado, departamentos e áreas nas cales se estrutura e os órganos de xestión.
c) Acreditación de que a escola dispón da infraestrutura necesaria para levar a cabo as actividades formativas e de que esta cumpre coa normativa de accesibilidade vixente, con descrición detallada dos medios materiais e educativos de que disporá, información sobre a localización da escola e características das instalacións onde se impartirán as sesións.
d) Acreditación suficiente de que a persoa directora, coordinadora e profesorado posúen as titulacións exixidas neste decreto.
e) Regulamento de réxime interno da escola, aprobado pola persoa titular de acordo coas súas normas reguladoras, que conterá, como mínimo, os seguintes datos:
1º. Fins e actividades;
2º. Domicilio;
3º. Denominación da escola de educación no tempo libre, que non poderá coincidir nin ser similar a outras xa inscritas na sección de escolas de educación no tempo libre do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia;
4º. Órganos de dirección e xestión administrativa;
5º. Normas de funcionamento;
6º. Ámbito territorial en que desenvolverá as súas actividades;
7º. Entidade ou persoa titular da escola de educación no tempo libre;
8º. Mecanismos de disolución da escola de educación no tempo libre que, en todo caso deben prever o compromiso de concluír os procesos formativos iniciados ou trasladar estes a outras escolas, tras a aceptación destas, salvo renuncia expresa da/do alumna/o.
f) Declaración de que vai cumprir coa normativa en materia de protección de datos.
g) Acreditación de que dispón, en permanente vixencia, dun seguro de responsabilidade civil e accidentes, de conformidade co previsto no artigo 36 deste regulamento.
Artigo 30. Medios materiais e educativos das escolas
1. As escolas de educación no tempo libre deberán contar cun local permanente, en propiedade, alugamento ou cesión que, como mínimo, disporá dos seguintes espazos diferenciados: unha sede fixa e permanente de atención ao público e un arquivo.
2. Os cursos deberanse impartir nunha aula de, como mínimo, 25 m2 útiles e, en todo caso, deberá respectarse a ratio mínima de 2 m2 por alumna/o. Esta aula poderá estar:
a) No local permanente da escola ou
b) No local dalgunha entidade, pública ou privada, que poida ser utilizado pola escola para fins de formación de educación no tempo libre, en virtude de convenio de colaboración, contrato ou outra autorización legal de uso.
3. Algúns contidos dos cursos poderán desenvolverse en espazos diferentes da aula sinalada no punto anterior, en función da natureza e do tipo do contido e da metodoloxía empregada.
4. Todos os espazos enumerados nos números anteriores deste artigo deberán contar coas adecuadas condicións de salubridade, seguridade e accesibilidade.
5. Como equipamento necesario para impartir os cursos, a escola de educación no tempo libre deberá contar durante a súa realización, como mínimo,
a) Cos materiais e recursos didácticos específicos suficientes e adaptados ás necesidades das persoas, para cada módulo e/ou sesión formativa.
b) Cunha caixa de urxencias de primeiros auxilios.
6. Para a formación a distancia, de ser o caso, será necesario:
a) Unha plataforma de formación en liña, con garantías de accesibilidade dixital.
b) Unha programación secuenciada de actividades que garantan a adquisición e avaliación das competencias.
c) Atención e apoio titorial, con dedicación igual ao número de horas do módulo impartidas a distancia.
Artigo 31. Persoal das escolas de educación no tempo libre
Nas escolas de educación no tempo libre haberá unha directora ou director, un equipo de persoas formadoras, unha persoa coordinadora e unha secretaria ou secretario, que realizará os labores administrativos.
Artigo 32. Dirección
1. Á fronte de cada escola haberá unha directora ou director, que terá a consideración de persoa educadora no tempo libre na modalidade de director/a.
2. A directora ou director deberá posuír unha titulación de técnico/a superior de formación profesional ou unha titulación universitaria (diplomatura, licenciatura ou grao).
3. As funcións da directora ou director da escola de educación no tempo libre serán as de dirección e representación, así como as de asinar e validar a documentación que xere a escola.
4. A persoa directora da escola poderá exercer a función de coordinadora dun curso sempre que cumpra as condicións exixidas para iso.
Artigo 33. Equipo de persoas formadoras
1. En cada escola existirá un equipo de persoas formadoras suficiente e estable, que garanta a calidade do proxecto educativo e a realización dos programas de formación.
2. Exixirase un mínimo de tres persoas formadoras en cada curso, sen que ningunha delas poida impartir máis dun 35 % das horas, excluídas as do módulo de prácticas.
3. As persoas formadoras dunha escola de educación no tempo libre deberán ter a consideración de persoa educadora no tempo libre na modalidade de director/a ou na modalidade de monitor/a, sempre que neste último caso conten con titulación de bacharelato, formación profesional de grao medio ou titulacións superiores a estas.
4. As persoas formadoras dunha escola de educación no tempo libre deberán reunir, ademais, algún dos seguintes requisitos:
a) Os requisitos que se establecen para as persoas formadoras no Real decreto 1537/2011, do 31 de outubro, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se inclúen no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, e no Real decreto 1697/2011, do 18 de novembro, polo que se establecen cinco certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos Socioculturais e á Comunidade que se inclúen no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou os da normativa que os substitúa, en función do curso e dos módulos establecidos nos artigos 39 e 40 deste decreto.
b) A titulación de formador/a en escolas de educación no tempo libre, establecida neste decreto.
c) Unha experiencia docente contrastada, acreditada documentalmente, de polo menos 200 horas nos últimos sete anos en formación profesional para o emprego, no sistema educativo, en escolas de educación no tempo libre ou noutros ámbitos da educación non formal.
Artigo 34. Coordinación e secretaría
1. No equipo de persoas formadoras haberá, como mínimo, unha persoa coordinadora, que coordinará a acción docente das persoas formadoras de cada curso que se imparta.
2. A persoa coordinadora deberá ter a consideración de persoa educadora no tempo libre na modalidade de director/a e reunir algún dos requisitos enumerados no artigo 33.4.
3. En cada escola haberá, ademais, unha secretaria ou secretario, que realizará os labores administrativos.
Artigo 35. Obrigas das escolas de educación no tempo libre
1. As escolas de educación no tempo libre remitiranlle ao órgano de dirección competente en materia de xuventude, no mes de xaneiro de cada ano:
a) Unha memoria detallada das actividades do ano anterior, onde se recollan os cursos realizados, as datas e os lugares de realización, así como o número de alumnos matriculados.
b) Un programa de actividades do ano en curso, especificando os cursos previstos, as súas datas e os lugares onde se realizarán.
c) Unha relación de persoas formadoras que compoñan o claustro da escola e as súas respectivas titulacións. Se xa se achegase anteriormente a dita relación, só se requirirá a documentación acreditativa dos cambios na relación de docentes e as novas incorporacións.
d) A póliza ou pólizas en vigor e o recibo do pagamento do seguro de responsabilidade civil e de accidentes da escola.
e) Calquera modificación dos datos que figuren na sección de escolas de educación no tempo libre do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia, a través dunha declaración responsable recollida no anexo II deste decreto, co código de procedemento BS307A, marcando o recadro de «Modificación» en «Tipo de declaración».
2. As escolas de educación no tempo libre comunicaranlle ao órgano de dirección competente en materia de xuventude, con polo menos vinte días de antelación, o lugar e a data dos cursos que se vaian impartir, e será obrigatorio que a escola informe de calquera modificación posterior. Esta información será publicada e, de ser o caso, actualizada polo órgano de dirección competente en materia de xuventude na súa páxina web.
3. As escolas de educación no tempo libre deberán amosar no seu local, e nun lugar visible ao público, o número de rexistro na sección de escolas de educación no tempo libre do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia, así como en toda a publicidade dos cursos e documentación oficial.
4. No suposto de cesamento da actividade dunha escola, esta terá que traspasar a outra escola de educación no tempo libre, mediante un acordo por escrito, os expedientes en trámite, así como a información sobre as titulacións que emitiu na data de peche. O cesamento formularase a través dunha declaración responsable recollida no anexo II deste decreto, co código de procedemento BS307A, marcando o recadro «Cesamento da actividade» en «Tipo de declaración».
No suposto de que un alumno ou alumna solicite o cambio de escola, esta terá que ceder unha copia do seu expediente.
5. As escolas de educación no tempo libre non poderán estar máis de dous anos sen actividade docente efectiva e deberán impartir, polo menos, todos os módulos teórico-prácticos dun curso de primeiro ou segundo nivel. No caso contrario, poderá iniciarse un expediente de baixa na sección de escolas de educación no tempo libre do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.
Artigo 36. Seguro de responsabilidade civil e accidentes
1. A escola de educación no tempo libre deberá dispor dun seguro de responsabilidade civil para cubrir os danos, persoais ou materiais, causados involuntariamente a terceiras persoas, derivados do desenvolvemento da súa actividade. Os límites mínimos serán de 300.000 euros por vítima e 1.200.000 euros por sinistro.
2. Ademais, a escola de educación no tempo libre deberá dispor dun seguro de accidentes que cubra os accidentes que poida sufrir o alumnado e o persoal formador durante a realización do curso. As coberturas deberán ser, como mínimo, de 6.000 euros para asistencia sanitaria, 5.000 euros por defunción e 6.500 euros no caso de invalidez.
Artigo 37. Encontro coas escolas de educación no tempo libre de Galicia
1. A Escola Galega de Xuventude convocará, polo menos unha vez ao ano, a todas as escolas de educación no tempo libre a unha xuntanza na cal se debaterán todas as cuestións relativas á educación no tempo libre que se consideren de interese, tanto por parte da Administración como das escolas.
2. Á dita xuntanza asistirá, en representación das escolas, a persoa que exerza a súa dirección ou a persoa en quen esta delegue.
CAPÍTULO II Modalidades de ensino
Artigo 38. Catálogo oficial de formación e modalidades de ensino
1. As modalidades de ensino que impartan as escolas de educación no tempo libre conformarán o Catálogo oficial de formación no tempo libre infantil e xuvenil da Xunta de Galicia.
As modalidades incluídas no Catálogo oficial de formación no tempo libre infantil e xuvenil serán:
a) Cursos de primeiro nivel:
Monitor/a de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
b) Cursos de segundo nivel:
1º. Director/a de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
2º. Director/a de campos de voluntariado (artigo 24.4.b) da Lei 6/2012, do 19 de xuño).
c) Cursos de especialización:
1º. Formador/a en escolas de educación no tempo libre.
2º. Especialista en atención á discapacidade en actividades educativas de tempo libre.
3º. Especialista na xestión do fomento da igualdade de xénero nas actividades educativas de tempo libre.
4º. Outros cursos que se consideren de especial interese no eido da educación non formal e que se establezan a través de orde da consellería competente en materia de xuventude.
2. O Catálogo oficial de formación no tempo libre infantil e xuvenil actualizarase a medida que se incorporen novos cursos ou se modifiquen os existentes.
3. As escolas de educación no tempo libre poderán impartir outra formación correspondente ao seu ámbito de actuación no eido da xuventude. Os cursos non incluídos no Catálogo oficial de formación no tempo libre infantil e xuvenil só conducirán á expedición de certificados ou diplomas por parte das escolas e non se rexerán por este decreto.
Artigo 39. Curso de monitor ou monitora de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil
1. O curso de monitor ou monitora de actividades de educación no tempo libre é un programa de formación que lle outorga competencias ao alumnado para organizar, dinamizar e avaliar actividades de tempo libre, no marco da educación non formal, dirixidas á infancia e á xuventude, dentro da programación xeral dunha organización, aplicando as técnicas e os recursos específicos de tempo libre educativo, animando procesos grupais, incidindo explicitamente na educación en valores e cumprindo a normativa relativa ao desenvolvemento da actividade, prevención e estándares de calidade.
2. A formación irá dirixida a que o/a futuro/a monitor ou monitora adquira as seguintes competencias:
a) Dinamizar actividades no tempo libre educativo e noutros ámbitos da educación non formal.
b) Intervir en procesos grupais no marco do tempo libre educativo e outros ámbitos da educación non formal.
c) Aplicar técnicas e recursos educativos de animación no tempo libre e noutros ámbitos da educación non formal.
3. O curso de monitora ou monitor de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil terá a duración e os contidos do programa formativo establecido no Real decreto 1537/2011, do 31 de outubro, para o certificado profesional de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, ou na normativa que o substitúa.
4. Para acceder ao curso deberán cumprirse os requisitos académicos, formativos ou profesionais establecidos para ese mesmo certificado profesional ou os da normativa que o substitúa.
5. O proxecto de prácticas conterá os elementos básicos de toda intervención educativa e planificación no tempo libre.
Artigo 40. Curso de director ou directora de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil
1. O curso de directora ou directora de actividades de educación no tempo libre é un programa de formación que lle outorga competencias ao alumnado para coordinar a planificación, xestión e avaliación de proxectos de tempo libre educativo, no marco da educación non formal, dirixidos á infancia e á xuventude, dentro da programación xeral dunha organización, liderando a creación, dinamización e control do equipo de persoal monitor, asumindo a representación interna e externa do proxecto e da organización promotora, incidindo explicitamente na educación en valores e responsabilizándose do cumprimento da normativa relativa á planificación e ao desenvolvemento do proxecto, prevención e estándares de calidade.
2. A formación irá dirixida a que o/a futuro/a director ou directora adquira as seguintes competencias:
a) Coordinar a planificación, xestión e avaliación de proxectos de tempo libre educativo e noutros ámbitos da educación non formal.
b) Liderar equipos de persoal monitor en proxectos de tempo libre educativo e noutros ámbitos de educación non formal.
3. O curso de directora ou director de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil terá a duración e os contidos do programa formativo establecido no Real decreto 1697/2011, do 18 de novembro, para o certificado profesional de dirección e coordinación de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil, ou na normativa que o substitúa, excepto os contidos coincidentes cos do curso regulado no artigo anterior.
4. Poderán acceder ao curso as persoas educadoras no tempo libre na súa modalidade de monitor/a que cumpran os requisitos académicos, formativos ou profesionais establecidos para ese mesmo certificado profesional ou os da normativa que o substitúa.
5. As prácticas responderán a un proxecto de dirección dun equipo de persoal monitor nunha actividade xestionada pola directora ou polo director nas súas fases de infraestrutura, organización, execución e avaliación, dirixida a unhas persoas destinatarias concretas.
Artigo 41. Curso de director ou directora de campos de voluntariado
1. O curso de directora ou director de campos de voluntariado é un programa de formación que ten a finalidade de formar e especializar os directores e directoras de educación no tempo libre no deseño, dirección, dinamización e avaliación de campos de voluntariado.
2. A formación irá dirixida a que a futura directora ou director adquira as seguintes competencias:
a) Deseñar, dinamizar e avaliar o proxecto educativo de tempo libre que representa o campo de voluntariado.
b) Dirixir un equipo de persoal educador que intervén no campo de voluntariado.
c) Comprender e dinamizar as persoas participantes nos campos de voluntariado.
3. Para o acceso ao curso de director/a de campos de voluntariado será necesario ter a condición de persoa educadora no tempo libre na súa modalidade de director/a e unha experiencia na dita condición de, cando menos, un campamento de dez (10) días ou 150 horas en proxectos educativos coa xuventude.
4. O programa e demais especificidades do curso estableceranse mediante unha orde da consellería competente en materia de xuventude.
Artigo 42. Curso de formador/a en escolas de educación no tempo libre
1. O curso de formador/a en escolas de educación no tempo libre é un programa de formación que ten por obxecto capacitar para:
a) Programar, impartir e avaliar accións formativas no eido da educación no tempo libre.
b) Titorizar os módulos de prácticas conforme os distintos programas de formación.
c) Elaborar recursos didácticos que desenvolvan os contidos de cada curso.
2. Poderán acceder a este curso as persoas educadoras no tempo libre que cumpran os requisitos establecidos no artigo 33.4, sempre que conten cunha experiencia acreditada no eido da educación no tempo libre de 300 horas.
3. As persoas docentes deberán ser educadoras no tempo libre na súa modalidade de director/a e, ademais, cumprir un dos seguintes requisitos:
a) Posuír a titulación universitaria oficial de grao en Pedagoxía, mestre/a en calquera das súas especialidades, Educación Social ou calquera outra do ámbito das ciencias da educación.
b) Estar en posesión do certificado de aptitude pedagóxica ou equivalente, ou dos títulos profesionais de Especialización Didáctica e o certificado de cualificación pedagóxica, ou o máster universitario habilitante para o exercicio das profesións reguladas de profesor da ESO e bacharelato, formación profesional e escolas oficiais de idiomas.
c) Contar cunha experiencia contrastada, acreditada documentalmente, de polo menos 400 horas nos últimos sete anos como persoa formadora nunha escola de educación no tempo libre.
4. O programa e demais especificidades do curso estableceranse mediante unha orde da consellería competente en materia de xuventude.
Artigo 43. Curso de especialista en atención a persoas con discapacidade en actividades educativas de tempo libre
1. O curso de especialista en atención a persoas con discapacidade en actividades educativas de tempo libre é un programa de formación que ten por obxecto formar as persoas educadoras no tempo libre para:
a) Dar a coñecer e concienciar sobre a situación das persoas con discapacidade no acceso ao lecer.
b) Formar nunha visión integradora no acceso e desfrute de todas e todos.
c) Achegar os recursos e coñecementos necesarios para poder levar a cabo actividades baseadas na equidade.
d) Comprender o valor educativo da diversidade.
e) Distinguir os distintos tipos de discapacidade e valorar a súa importancia nas actividades de tempo libre.
f) Deseñar, adaptar, dinamizar e avaliar programas educativos de actividades no tempo libre desde unha perspectiva de inclusión.
2. Poderán acceder ao curso as persoas educadoras no tempo libre en calquera das súas modalidades.
3. O programa e demais especificidades do curso estableceranse mediante unha orde da consellería competente en materia de xuventude.
Artigo 44. Curso de especialista na xestión do fomento da igualdade de xénero nas actividades educativas de tempo libre
1. O curso de especialista na xestión do fomento da igualdade de xénero nas actividades educativas de tempo libre é un programa de formación que ten por obxecto formar as persoas educadoras no tempo libre para:
a) Formar nunha visión integradora desde o punto de vista da igualdade de xénero.
b) Dar a coñecer ferramentas e recursos de cara á prevención, detección e formas de intervención ante situacións de desigualdade nos contextos de lecer.
c) Achegar os recursos e coñecementos necesarios para poder levar a cabo actividades baseadas na igualdade de xénero.
d) Sensibilizar e concienciar sobre a necesidade de promover relacións igualitarias, eliminar actividades sexistas ou que segreguen por razón de xénero.
e) Deseñar, adaptar, dinamizar e avaliar programas educativos de actividade no tempo libre desde unha perspectiva de xénero.
2. Poderán acceder ao curso as persoas educadoras no tempo libre en calquera das súas modalidades.
3. O programa e demais especificidades do curso estableceranse mediante unha orde da consellería competente en materia de xuventude.
CAPÍTULO III Matriculación, realización dos cursos e expedición dos títulos
Artigo 45. Matriculación
1. A idade mínima para acceder aos cursos de tempo libre será de 17 anos para os módulos teórico-prácticos e de 18 anos para o módulo de prácticas.
2. O número de alumnas/os máximo por curso e aula será de 25.
3. As escolas de educación no tempo libre abrirán un expediente persoal de cada alumna/o. Os expedientes deberán ser conservados pola escola, que asegurará, durante o tempo que os custodie, o cumprimento da normativa en materia de protección de datos, disposta na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos. Os ditos expedientes poderán ser destruídos unha vez que pasen cinco (5) anos.
Artigo 46. Realización do curso
1. As xornadas formativas serán dun máximo de dez (10) horas.
2. A formación será fundamentalmente de carácter presencial, pero pode ser complementada por formación en liña.
A formación presencial deberá supor un mínimo de 100 horas no curso de monitor/a de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil e de 136 horas no curso de director/a de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
A formación en liña non poderá supor máis dun terzo das horas totais de cada módulo formativo.
3. A metodoloxía, tanto na formación presencial como na formación en liña, será activa, dinámica e participativa.
Artigo 47. Avaliación
1. As escolas de educación no tempo libre expedirán unha acta de avaliación de cada un dos cursos conforme o modelo normalizado que se recolle no anexo VIII, encadrado no procedemento BS309A deste decreto, na cal constarán os apelidos e o nome, a data de nacemento e o DNI dos alumnos e alumnas participantes, así como o resultado de cada un dos módulos formativos do curso.
2. A avaliación levarase a cabo de xeito obxectivo, con base en criterios como a participación do alumnado, a experiencia e a actitude, a asimilación dos contidos impartidos e as actitudes e aptitudes persoais indispensables á hora de desenvolver a actividade da persoa educadora no tempo libre.
3. A avaliación dos módulos teórico-prácticos dos cursos que se impartan nas escolas de educación no tempo libre basearase nunha avaliación continua personalizada, que se efectuará ao longo do curso, e unha avaliación final, de acordo coa ponderación que para cada un dos criterios de avaliación estableza, para cada modalidade, o proxecto educativo da escola, e que será de xeral aplicación a todos os cursos que imparta. A referida ponderación deberá serlle comunicada ao alumnado na primeira xornada de formación de cada curso.
4. Para que se considere apto, o alumnado deberá ter asistido ao 80 % da formación de carácter presencial e ter completado o 100 % das actividades e avaliacións propostas na modalidade en liña.
5. Para a obtención do título necesitarase superar satisfactoriamente todos os módulos teórico-prácticos e o módulo de prácticas do curso.
Artigo 48. Módulo de práctica
1. É responsabilidade da escola posibilitar a realización das prácticas de todo o alumnado, de acordo coas súas necesidades formativas, mediante oferta propia ou convenios con entidades. Esta responsabilidade inclúe o preceptivo aseguramento do alumnado, sen prexuízo do que se estableza no convenio de prácticas.
2. No caso de convenios con entidades, a realización das prácticas require a sinatura previa dun convenio de colaboración, segundo o modelo tipo que establecerá o órgano competente en materia de xuventude.
3. O convenio incluirá, como mínimo, os datos e acordos seguintes:
a) Datos da escola que imparte a formación e da persoa representante.
b) Datos do centro, entidade ou empresa onde se vaian realizar as prácticas e da persoa representante.
c) Identificación da persoa responsable das prácticas na entidade receptora.
d) Identificación da persoa titora de prácticas da escola.
e) Proxecto formativo.
f) Cobertura de risco de accidente e responsabilidade civil do alumnado.
g) Vixencia e rescisión anticipada do convenio.
Artigo 49. Realización do módulo de prácticas
1. As prácticas serán realizadas nas actividades reguladas no título IV deste decreto e responderán a un proxecto elaborado pola persoa participante no curso, que será orientada na súa elaboración e desenvolvemento pola titora ou titor de prácticas, designada/o para tal fin pola escola de educación no tempo libre e que deberá formar parte do seu cadro de formadoras/es. Durante o seu desenvolvemento será necesaria a existencia dunha persoa responsable de prácticas designada pola entidade receptora onde se vaia realizar, que teña a condición de educadora no tempo libre na mesma modalidade do curso e experiencia acreditada no eido.
2. A entidade receptora debe garantir as condicións de intervención do alumnado en canto a equipamentos e espazos, e debe facilitarlle a documentación e o soporte material necesarios para levar a cabo as prácticas. As tarefas encomendadas, baixo a supervisión da escola onde realizou a formación teórico-práctica, deben ser as adecuadas ao proceso formativo do alumnado.
3. O alumnado poderá propor unha alternativa adecuada para a realización das prácticas, que será aceptada sempre que se cumpran os requisitos establecidos neste decreto, se posibilite a supervisión da escola e se asine o convenio. Neste suposto, será a entidade receptora a que se faga cargo dos preceptivos seguros.
4. Non se poderán computar máis de doce (12) horas ao día cando se faga noite. No resto dos casos, o cómputo máximo diario será de dez (10) horas.
5. O módulo de prácticas desenvolverase nun prazo máximo de dous (2) anos desde o remate e a superación dos módulos teórico-prácticos.
Artigo 50. Avaliación do módulo de prácticas
A avaliación do módulo de prácticas dos distintos cursos que impartan as escolas de educación no tempo libre efectuarase, unha vez desenvolvida a actividade proxectada, con base na memoria elaborada pola persoa participante no curso e que recollerá o desenvolvemento da actividade, o informe da persoa responsable de prácticas da entidade receptora e o informe da persoa titora da escola.
Artigo 51. Expedición de títulos acreditativos
1. O órgano de dirección competente en materia de xuventude expedirá os títulos acreditativos correspondentes ás ensinanzas que formen parte do Catálogo oficial de formación, de conformidade coas actas de avaliación de cada escola, logo da solicitude desta, a través do procedemento BS309A, que figura como anexo VII deste decreto, á cal se achegarán a acta de avaliación do curso (anexo VIII) e o documento acreditativo do pagamento das taxas correspondentes (código da taxa 30.52.04), salvo que este se efectúe a través da sede electrónica, caso en que o xustificante se xerará automaticamente.
O prazo para resolver é de tres meses desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro electrónico da Administración ou organismo competente para a súa tramitación. O vencemento do prazo sen se notificar resolución expresa lexitima as persoas interesadas para entendela estimada por silencio administrativo.
2. En cada título faranse constar o nome e os apelidos, o número do documento nacional de identidade, a data de nacemento da persoa interesada e a escola onde realizou o curso. Na parte traseira do título incorporaranse o programa do curso ou contidos impartidos, a consellería e o órgano que expide o título.
3. A escola de educación no tempo libre é plenamente responsable da veracidade dos datos que consten nas actas, así como do seguimento do procedemento de avaliación establecido neste decreto. A Escola Galega de Xuventude poderá requirir a escola para que presente calquera documento acreditativo do cumprimento dos requisitos para obter as titulacións.
TÍTULO IV Das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil
CAPÍTULO I Normas xerais
Artigo 52. Definicións
1. De conformidade co artigo 25 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, as actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil son as promovidas por persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas, públicas ou privadas, que contribúan ao desenvolvemento integral da infancia e da mocidade mediante a execución dun proxecto cunha metodoloxía educativa non formal e dun xeito lúdico-recreativo e formativo.
2. Segundo o seu papel nas actividades, distinguirase entre:
a) Participantes: aquelas persoas ás cales vai dirixida a actividade e que se benefician dela.
b) Equipo técnico dirixente: conxunto de persoal titulado que desenvolve a actividade. Todos os membros do equipo deberán ser maiores de idade.
c) Persoa promotora: a persoa promotora da actividade é a persoa física ou entidade xurídica, privada ou pública, que promove a organización do programa de actividades, con capacidade de decisión sobre o seu contido e execución, independentemente de que o seu desenvolvemento efectivo o realice por si mesmo ou a través dunha persoa terceira, total ou parcialmente.
d) Persoa organizadora: a persoa ou entidade que asume o desenvolvemento das actividades de educación no tempo libre incluídas no programa e, de ser o caso, autorizadas pola persoa promotora e baixo as súas directrices.
e) Persoa coordinadora: a responsable da dinamización, realización e supervisión da actividade xuvenil de tempo libre para garantir o cumprimento do programa e a súa planificación.
Artigo 53. Tipoloxía de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil reguladas neste decreto
Encóntranse comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto as seguintes actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil nas cales que haxa un mínimo de oito participantes:
a) Acampadas: son actividades de facer noite, que implican asentamentos temporais en tendas de campaña, caravanas, albergues móbiles ou calquera outro elemento facilmente transportable.
b) Marchas voantes ou rutas de facer noite: actividades consistentes na realización dunha marcha itinerante nas cales se fai noite en lugares diferentes.
c) Campamentos: son actividades de facer noite en instalacións fixas e nas cales se poderán desenvolver accións lúdicas e de animación, deportivas, artísticas e culturais, entre outras.
d) Campos de voluntariado: son as actividades que se desenvolven de acordo cun programa de traballo de carácter social e de interese xeral, sen ánimo de lucro, e no cal as persoas participantes son voluntarias.
e) Campamentos sen facer noite: calquera tipo de actividade de educación no tempo libre infantil e xuvenil que se leve a cabo en período non lectivo, en xeral de luns a venres, sen ningún tipo de continuidade durante o ano, na cal se desenvolven accións lúdicas e de animación, deportivas, artísticas e culturais, entre outras.
f) Actividades sen facer noite que se desenvolvan no marco dunha programación continuada en instalacións fixas.
g) Obradoiros: son actividades puntuais de educación no tempo libre infantil e xuvenil dirixidas a adquirir ou ampliar coñecementos en temáticas concretas ou a adquirir habilidades ou aptitudes básicas na elaboración de produtos ou realización de actividades, onde as sesións serán teórico-prácticas orientadas á aprendizaxe e que impliquen custodia infantil.
h) Actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil consistentes na realización de eventos puntuais lúdico-recreativos que impliquen custodia infantil.
i) Actividades que fomentan o contacto coa natureza, a convivencia e o respecto aos animais, desenvolvendo programas de educación ambiental en granxas escola.
j) Excursións ou saídas puntuais con menores, de carácter formativo-lúdico e/ou cultural.
Artigo 54. Actividades excluídas
Este decreto non se aplicará ás seguintes actividades:
a) As actividades que teñan un carácter familiar.
b) As actividades que se realicen a título particular, nas cales non exista, por parte de persoas físicas ou entidades, a planificación e organización dun programa de actividades de educación no tempo libre.
c) As actividades organizadas polos órganos competentes das administracións públicas en materia de atención á infancia e protección de menores.
d) As actividades desenvolvidas por centros docentes que impartan ensinanzas regradas, de réxime xeral ou especial, dentro do período lectivo, cando se dirixan ás persoas membros da comunidade educativa do centro e se desenvolvan dentro da súa programación xeral anual.
e) As competicións ou prácticas deportivas que leven a cabo as correspondentes federacións deportivas ou clubs con deportistas federadas/os, así como aquelas especificamente reguladas pola normativa en materia de deporte.
f) As actividades promovidas por centros residenciais de acollemento ou polos servizos sociais.
g) As actividades desenvolvidas en ludotecas.
h) As actividades desenvolvidas en centros de lecer infantil.
i) A actividade de campamento de turismo.
j) As actividades de turismo activo.
k) As actividades de espectáculos públicos e actividades recreativas.
l) Aqueloutras actividades que se rexan pola súa normativa específica.
Artigo 55. Persoas educadoras no tempo libre
1. Terán a consideración de persoas educadoras no tempo libre na modalidade de monitor/a as persoas que teñan 18 anos e que estean en posesión dalgunha das acreditacións seguintes:
a) Título de monitora ou monitor de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
b) Certificado profesional de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
c) Título do sistema educativo que inclúa de forma completa a cualificación profesional de dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
2. Terán a consideración de persoas educadoras no tempo libre na modalidade de director/a as persoas que estean en posesión dalgunha das acreditacións seguintes:
a) Título de directora ou director de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
b) Certificado profesional de dirección e coordinación de proxectos de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
c) Título do sistema educativo que inclúa de forma completa a cualificación profesional de dirección e coordinación de proxectos de tempo libre educativo infantil e xuvenil.
3. Non precisarán de homologación as titulacións de educación no tempo libre análogas expedidas polos organismos responsables en materia de xuventude das distintas comunidades autónomas.
4. Mediante unha orde da consellería competente en materia de xuventude regularase o Rexistro Oficial de Persoas Educadoras no Tempo Libre de Galicia.
CAPÍTULO II Requisitos das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil
Sección 1ª. Requisitos xerais
Artigo 56. Dirección das actividades
1. As actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto estarán dirixidas por persoal técnico que teña a consideración de persoa educadora no tempo libre na modalidade de director/a, que será a persoa responsable do correcto desenvolvemento destas.
Esta persoa deberá estar permanentemente presente na actividade, incluíndo como parte desta calquera tarefa inherente á súa función, aínda que non se desenvolva na localización principal da actividade.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, as actividades de ata 25 participantes que non requiran de declaración responsable poderán ser dirixidas por persoal técnico que teña a consideración de persoa educadora no tempo libre na súa modalidade de monitor/a, que será a persoa responsable do correcto desenvolvemento destas.
3. No caso dos campos de voluntariado, as actividades estarán dirixidas en todo caso por persoal técnico coa titulación de directora ou director de campos de voluntariado, que será a persoa responsable do correcto desenvolvemento das actividades e deberá estar permanentemente presente durante a súa realización.
Artigo 57. Ratio mínima do equipo técnico
1. Para a realización de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil cumprirase a seguinte ratio:
a) Nas actividades suxeitas a declaración responsable, e tendo en conta a idade das persoas participantes:
1º. Se estas teñen menos de 9 anos, o equipo técnico estará formado, como mínimo, por unha persoa por cada 8 participantes.
2º. Se estas teñen 9 anos ou máis, o equipo técnico estará formado, como mínimo, por unha persoa por cada 10 participantes.
Nestas actividades a persoa responsable da actividade non se considera integrante do equipo técnico á hora de calcular a ratio necesaria.
b) Nas demais actividades, e tendo en conta a idade das persoas participantes:
1º. Se estas teñen menos de 9 anos, o equipo técnico estará formado, como mínimo, por unha persoa por cada 10 participantes.
2º. Se estas teñen 9 anos ou máis, o equipo técnico estará formado, como mínimo, por unha persoa por cada 15 participantes.
Nestas actividades, a persoa responsable da actividade si se considera integrante do equipo técnico á hora de calcular a ratio necesaria.
c) Se as persoas participantes nunha actividade pertencen a dous grupos de idade diferentes para efectos de ratio, asumirase sempre aquela que supoña un maior número de persoas educadoras no equipo técnico dirixente.
2. Para o caso das persoas con discapacidade que por razón das súas necesidades especiais precisen apoio, disporase do persoal necesario coa formación e experiencia axeitadas que permitan garantir a inclusión e a participación na actividade de todas as persoas en condicións de igualdade. Para estes efectos, valorarase preferentemente como formación axeitada a superación do curso previsto no artigo 43.
Con carácter previo á actividade, a persoa promotora da actividade analizará a situación, co fin de concretar os apoios e facer os axustes necesarios, de ser o caso.
3. O persoal en prácticas non se contabilizará para os efectos das ratios mínimas establecidas no número 1. Así mesmo, as persoas monitoras en prácticas non poderán exceder de 1 por cada 2 persoas monitoras tituladas e non poderá haber máis dun director ou directora en prácticas por cada actividade.
4. Con carácter xeral, a metade do equipo técnico necesario para cumprir coa proporción recollida nas alíneas anteriores, exceptuando a persoa responsable da actividade, deberá ter a condición de persoa educadora no tempo libre na súa modalidade de monitor/a. A porcentaxe restante, que en todo caso deberá estar composta por persoas maiores de idade, poderá exercer se ten unha titulación adecuada á actividade específica que se leve a cabo.
Artigo 58. Certificado vixente de non estar inscrito no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais
Todo o persoal técnico dirixente, incluído o persoal en prácticas e, de ser o caso, o resto de persoal que teña contacto habitual cos menores participantes na actividade deberá estar en posesión do certificado vixente de non estar inscrito no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.
Artigo 59. Obrigas da persoa responsable da actividade
Constituirán obrigas da persoa responsable da actividade, sen prexuízo da responsabilidade que lle poida corresponder á persoa promotora e/ou organizadora da actividade:
a) Cumprir e facer cumprir as normas deste título.
b) Velar para que as actividades se desenvolvan coas necesarias condicións sanitarias e de hixiene e coas medidas de seguridade suficientes que garantan a integridade física das persoas participantes.
c) Garantir que todas as persoas encargadas da manipulación dos alimentos e da elaboración das comidas actúen de acordo cos requisitos mínimos precisos co fin de evitar contaminacións alimentarias e que conten coa formación necesaria de acordo coa normativa vixente.
d) Garantir o cumprimento do programa de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
e) Cumprir e facer cumprir as normas vixentes en materia de bebidas alcohólicas, tabaco ou calquera outra substancia que poida xerar adicción.
f) Adoptar as medidas necesarias para evitar a deterioración das propiedades e instalacións, os riscos de incendio que se poidan producir ben sexa por acción ou omisión, impedir as accións que produzan verteduras ou desperdicios en zonas non idóneas, así como velar para que non se produzan alteracións no marco natural.
g) De acordo co artigo 26.2 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, cando participen menores de idade nas actividades, requirirase que conten cunha autorización por escrito da persoa ou das persoas que exerzan a súa patria potestade ou tutela.
h) En xeral, velar polo cumprimento das normativas sectoriais vixentes que afecten a actividade.
Artigo 60. Seguro de responsabilidade civil
As persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas, públicas ou privadas, promotoras da actividade deberán dispor dun seguro de responsabilidade civil para cubrir os danos, persoais ou materiais, causados involuntariamente a terceiras persoas, derivados do desenvolvemento da súa actividade. Os límites mínimos serán de 300.000 euros por vítima e 1.200.000 euros por sinistro.
Sección 2ª. Requisitos das actividades de facer noite
Artigo 61. Actividades en instalacións fixas
Cando a actividade se realice nunha instalación fixa que non estea recoñecida administrativamente como instalación xuvenil ou turística destinada ao aloxamento, deberán cumprirse as seguintes condicións mínimas:
a) A instalación localizarase en zonas salubres e non perigosas para a integridade física.
b) O almacenamento de materiais líquidos ou sólidos inflamables realizarase coas correspondentes medidas de seguridade. Deberán cumprirse, en todo caso, os requisitos exixidos pola normativa sobre incendios.
c) Destinaranse dependencias separadas para os usos de dormitorio, servizos hixiénicos, cociña e comedor.
d) Os espazos destinados a dormitorio disporán de ventilación directa.
e) Os servizos hixiénicos disporán de auga.
Artigo 62. Actividades en tendas de campaña ou outras instalacións móbiles
1. Non se poderá acampar nos seguintes lugares:
a) En terreos situados en leitos secos, beiras dos ríos ou zonas susceptibles de ser inundadas, así como naqueloutras que, por calquera causa, resulten perigosas ou insalubres, e en ningún caso en terreos situados na zona de fluxo preferente definida no artigo 9.2 do Regulamento de dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.
b) Nun raio inferior a 150 metros dos lugares de captación de auga potable para o abastecemento de poboacións.
c) A menos de 1 quilómetro dos campamentos públicos de turismo ou de núcleos urbanos, nin a menos de 10 metros das marxes de leitos fluviais nin a menos de 50 metros de estradas ou vías de ferrocarril.
d) A menos de 500 metros de monumentos ou conxuntos histórico-artísticos legalmente declarados.
e) Nas proximidades de industrias que teñan unha declaración de incidencia ambiental e dos lugares de vertedura de augas residuais.
f) En terreos polos cales discorran liñas de alta tensión.
g) Na zona de dominio público marítimo-terrestre, nas praias e na zona de servidume de tránsito, entendendo por esta última a franxa de 6 metros medidos terra dentro a partir do límite interior da ribeira do mar.
h) En xeral, naqueles lugares que por exixencias do interese público estean afectados por prohibicións ou limitacións neste sentido ou por servidumes establecidas expresamente, mediante disposicións legais ou regulamentarias, salvo que se obteña a autorización oportuna dos organismos competentes.
2. En todo caso, a persoa promotora deberá recadar as autorizacións sectoriais necesarias para a realización da actividade.
Artigo 63. Normas de carácter sanitario
1. A auga de consumo, en todo momento, deberá ser apta para o consumo segundo o recollido no Real decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e subministración.
2. Para o tratamento das augas residuais, no caso de non resultar posible a conexión a unha rede municipal de saneamento, disporase de depósitos de recollida estancos. Unha vez concluída a actividade, os residuos xestionaranse mediante xestor autorizado.
3. O almacenamento do lixo realizarase en recipientes con tapa ou bolsas que se poidan pechar e depositarase periodicamente en contedores de recollida de lixo.
4. Todos os alimentos que se consuman deberán reunir as correspondentes garantías sanitarias, tendo en conta, ademais, que:
a) Non se almacenarán alimentos conxuntamente con outros produtos que poidan ser fonte de contaminación ou intoxicación.
b) Nas zonas de almacenamento ningún alimento deberá estar en contacto co chan; deberá estar illado del cunha separación de 10 cm, como mínimo, así como protexido dos insectos.
c) Os alimentos perecedoiros conservaranse en frigoríficos. De non se dispor de sistemas de frío, estes alimentos consumiranse no mesmo día da súa compra e o sobrante, de existir, desbotarase.
5. O uso recreativo das augas de baño deberase realizar exclusivamente en zonas incluídas no Rexistro de Augas de Baño de Galicia, establecido polo Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia.
6. Durante toda a actividade será necesario que exista unha caixa de primeiros auxilios, baixo a responsabilidade da persoa establecida no artigo seguinte. A caixa de primeiros auxilios deberá cumprir coas previsións establecidas na normativa correspondente e será acorde co número de participantes, características da actividade e distancia entre a súa localización e o centro sanitario máis próximo.
7. Ao acabar a actividade, as persoas participantes nela deberán deixar o lugar en perfectas condicións, limpándoo de residuos e xestionando as augas residuais segundo se indica no número 2 deste artigo. Deberán, así mesmo, asegurarse de deixar completamente apagados todos os focos de ignición.
8. Deberá terse á disposición, de xeito permanente, un vehículo adecuado que permita o desprazamento das persoas participantes e do persoal técnico dirixente ao centro de saúde ou hospital máis próximo, en caso de ser necesario.
Artigo 64. Persoa responsable sanitaria e persoa responsable de primeiros auxilios
1. As actividades contarán cunha persoa responsable sanitaria:
a) No caso de actividades de cincuenta ou máis participantes, a persoa responsable sanitaria deberá ser médica, graduada en Enfermaría ou equivalente, nas que se desenvolvan a máis de quince quilómetros de distancia dun punto de atención continuada (PAC), e auxiliar de enfermaría nas que se desenvolvan a quince quilómetros ou menos.
b) No caso de actividades de menos de cincuenta participantes, as súas funcións serán asumidas pola persoa responsable da actividade.
2. As funcións da persoa responsable sanitaria serán as seguintes:
a) Velar polo perfecto estado dos alimentos e augas de consumo nos termos establecidos no artigo 63.
b) Vixiar as enfermidades e os accidentes que poidan sufrir as persoas participantes.
c) Coidar de que as actividades se fagan conforme as normas sanitarias establecidas no artigo 63 e demais normativa de aplicación, de forma que non se poña en perigo a saúde das persoas nin se estrague o medio.
3. Ademais, as actividades contarán cunha persoa designada especificamente como responsable de primeiros auxilios, con formación mínima en primeiros auxilios debidamente acreditada.
4. As funcións da persoa designada como responsable de primeiros auxilios consistirán no mantemento e na vixilancia da caixa de primeiros auxilios, aplicación de primeiros auxilios básicos e dispor de información suficiente dos recursos sanitarios da zona.
Artigo 65. Seguro de accidentes
As persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas, públicas ou privadas, promotoras da actividade deberán dispor dun seguro de accidentes que cubra os accidentes que poidan sufrir as persoas participantes ou o equipo técnico dirixente durante a realización da actividade. As coberturas deberán ser, como mínimo, de 6.000 euros para asistencia sanitaria, 5.000 euros por defunción e 6.500 euros no caso de invalidez.
CAPÍTULO III Inicio da actividade
Artigo 66. Actividades suxeitas a comunicación previa
1. Requirirá a presentación dunha comunicación previa, a través do procedemento BS315C, que figura como anexo VI deste decreto, a realización das seguintes actividades:
a) Campamentos sen facer noite cunha duración igual ou superior a cinco días.
b) Actividades de facer noite cunha duración superior a dúas noites e inferior a seis noites consecutivas.
2. Mediante a comunicación previa poranse en coñecemento da Administración os seguintes datos relevantes para a realización da actividade:
a) Nome, apelidos, NIF e titulación da persoa ou persoas responsables.
b) Relación de persoas do equipo técnico dirixente, con indicación de que se cumpren as ratios de persoal previstas neste decreto.
c) Número de participantes e rango de idade.
d) Lugar, datas, fins e obxectivos da actividade.
e) Que todas as persoas integrantes do equipo dirixente, así como as persoas en prácticas, conten co certificado vixente de que non están inscritas no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.
f) Que a persoa promotora teña subscrito o seguro de responsabilidade civil preceptivo, así como o de accidentes, de ser o caso.
Artigo 67. Actividades suxeitas a declaración responsable
1. As actividades de facer noite que inclúan na súa duración un número mínimo de seis noites consecutivas requirirán a presentación previa dunha declaración responsable, nos termos recollidos no artigo 3.1 e no título I deste decreto. O formulario para realizar esta declaración é o que consta no anexo III deste decreto, co código de procedemento BS314A.
2. Para estes efectos, a persoa promotora, ou a persoa responsable da actividade durante a súa realización, deberá ter á disposición do órgano de dirección competente en materia de xuventude a seguinte documentación:
a) Relación do equipo técnico dirixente, onde consten:
1º. O nome, os apelidos e o NIF.
2º. Copia da titulación de cada unha das persoas que forman o equipo, en que se indique a persoa ou persoas responsables.
3º. A xustificación do cumprimento das ratios de persoal establecidas neste título.
4º. Declaración de que todas as persoas integrantes do equipo dirixente, así como as persoas en prácticas, conten co certificado vixente de que non están inscritas no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.
b) De ser o caso, autorización por escrito do titular de dereitos de uso e aproveitamento, administrador ou representante legal suficientemente acreditado, do predio que se ocupa.
c) No caso de que a noite non se faga en instalacións recoñecidas administrativamente como instalación xuvenil ou turística destinada ao aloxamento, copia do escrito dirixido á persoa titular da alcaldía do concello onde se sitúe o terreo ou espazo onde se pretende desenvolver a actividade, e comunicación da intención da realización desta e do lugar onde se vai facer noite. Na copia deberá figurar o rexistro de entrada.
d) Póliza dos seguros de responsabilidade civil e accidentes, así como o correspondente recibo de pagamento co fin de acreditar a súa vixencia.
e) Asistencia médica prevista e especificación do centro de saúde ao cal acudir en caso de necesidade.
f) No caso de que a noite non se faga en instalacións recoñecidas administrativamente como instalación xuvenil ou turística destinada ao aloxamento, plano gráfico ou bosquexo do lugar onde se vaia desenvolver a actividade e forma de acceso a el, coa indicación do municipio, parroquia e lugar o máis detalladamente posible. No caso de acampadas, se son próximas á costa deberá indicarse, en metros lineais, a distancia aproximada ao límite interior da beiramar.
g) No caso de rutas ou marchas voantes, deberá indicarse, ademais, unha descrición do itinerario, lugares e días en que se fará noite.
h) Fins ou obxectivos da actividade.
i) No caso de ser un campo de voluntariado, terán que indicarse, ademais, programa de voluntariado, medios para a súa realización e horario.
j) Relación do número das persoas participantes e idades destas.
3. A presentación da declaración responsable non exime do cumprimento da normativa sectorial vixente aplicable á actividade e, especialmente, da normativa en materia de incendios.
4. No caso de que a actividade se prevexa realizar dentro da Rede galega de espazos protexidos, Rede Natura, áreas protexidas de interese internacional, reservas da biosfera ou espazos naturais de interese local, deberase cumprir a normativa aplicable aos ditos espazos.
TÍTULO V Instalacións xuvenís
CAPÍTULO I Definición e tipoloxía
Artigo 68. Definición
1. De conformidade co artigo 27.1 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, considéranse instalacións xuvenís as que, pertencendo á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás administracións locais e ás entidades privadas, están principalmente ao servizo da mocidade e facilitan a súa convivencia, aloxamento, formación e participación en actividades dirixidas ás persoas novas.
2. Son instalacións que propician a mobilidade xuvenil e o desenvolvemento de actividades culturais, deportivas, turísticas, formativas, de tempo libre ou simplemente recreativas, ofrecendo servizos de aloxamento e, de ser o caso, manutención, en condicións especiais, fomentando estilos de vida saudables. Nelas predomina a realización de actividades sociais e zonas comúns nas cales se fomenta a interacción entre persoas, promovendo unha maior comprensión, tolerancia e novas formas de cooperación, especialmente entre a xuventude.
Artigo 69. Características e fins
1. Os fins das instalacións xuvenís son:
a) Proporcionarlles aloxamento e, de ser o caso, manutención ás persoas que, individualmente ou en grupo, demanden os seus servizos.
b) Pór en valor o patrimonio natural e cultural galego entre a infancia e a mocidade.
c) Conseguir un clima de ambiente respectuoso e convivencial, facilitador de accións socioculturais, que leve a un intercambio de experiencias compartidas.
d) Facilitarlles ás persoas novas a práctica de actividades de educación no tempo libre.
e) Potenciar o seu uso por parte de entidades e grupos xuvenís ou que traballen con ou para a xuventude.
2. As instalacións xuvenís deberán contar cunha programación anual de actividades que inflúan na mobilidade das mozas e mozos galegos e que responda ao proxecto educativo da instalación.
3. A tipoloxía da programación será educativa, cultural, deportiva, de emprendemento, de coñecemento do medio natural ou calquera outra relacionada cos ámbitos da educación no tempo libre.
4. As instalacións xuvenís galegas deberán ser instalacións inmersas no contorno, polo que ofrecerán servizos directos relacionados coa veciñanza do lugar.
Artigo 70. Albergues xuvenís
Considérase albergue xuvenil toda instalación xuvenil de carácter fixo, permanente ou de temporada, que lles facilite aloxamento ás persoas usuarias, preferentemente mozas, de forma individual ou colectiva, en cuartos de todo tipo de capacidades, como lugar de paso nos seus desprazamentos ou como marco dunha actividade de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
Artigo 71. Campamentos xuvenís
Considérase campamento xuvenil toda instalación xuvenil na cal se fai noite en tendas de campaña, caravanas ou calquera outro elemento facilmente transportable, e debidamente acondicionado para a realización de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
Artigo 72. Granxas escola e aulas de natureza
1. Son granxas escola as instalacións xuvenís que, cumprindo os requisitos exixidos para os albergues ou campamentos xuvenís, ofrecen equipamentos suficientes e adecuados para o traballo didáctico no tempo libre en técnicas agrarias e gandeiras.
2. Son aulas de natureza as instalacións xuvenís que, cumprindo os requisitos exixidos para os albergues ou campamentos xuvenís, ofrecen equipamentos suficientes e adecuados para o traballo didáctico no tempo libre no coñecemento do medio natural e na educación ambiental.
3. Non se consideran granxas escola ou aulas de natureza, para os efectos deste decreto, as instalacións que non ofrecen aloxamento.
Artigo 73. Residencias xuvenís
1. Son residencias xuvenís as instalacións xuvenís que lles facilitan o aloxamento e a realización de actividades culturais e formativas aos mozos e mozas que, por razóns de estudo ou traballo, se vexan obrigados a permanecer fóra do seu domicilio familiar.
2. As residencias xuvenís poderán prestar servizos como albergues xuvenís de temporada.
Artigo 74. Centros de xuventude integrados na Rede galega de centros de xuventude
1. Os centros de xuventude integrados na Rede galega de centros de xuventude son instalacións xuvenís, de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que lle ofrecen á xuventude unha información transversal e integral, coa denominación de Espazo Xove.
2. Os centros de xuventude integrados na Rede galega de centros de xuventude regúlanse exclusivamente no título II deste decreto.
Artigo 75. Período de apertura
As instalacións xuvenís, segundo o seu período de apertura, poderán ser:
a) De carácter permanente: son aquelas abertas todo o ano.
b) De temporada: son aquelas abertas durante un máximo de cinco (5) meses ao ano entre os meses de marzo e outubro.
Artigo 76. Persoas usuarias
1. As principais persoas usuarias das instalacións xuvenís son as persoas de idade non superior a 30 anos, como destinatarias das actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil que regula este decreto.
2. As persoas cuxa idade sexa superior a 30 anos poderán utilizar as instalacións xuvenís nos seguintes casos:
a) No caso dos albergues xuvenís, cando sexan persoas titulares do carné de alberguista nas súas diferentes modalidades.
b) En todas as instalacións xuvenís, cando as persoas usuarias sexan pais, nais, titoras, mestras, educadoras, monitoras ou semellantes, que participen conxuntamente coas mozas e mozos nas actividades educativas que se realicen ou leven a cabo tarefas organizativas ou de apoio.
c) En todas as instalacións xuvenís e, de xeito non habitual, cando haxa dispoñibilidade e quede garantida a función inherente destas instalacións.
CAPÍTULO II Inicio de actividade e modificación substancial
Artigo 77. Inicio de actividade ou cambio de titularidade das instalacións xuvenís
1. A prestación de servizos ou o cambio de titularidade nunha instalación xuvenil precisa da presentación, con carácter previo, dunha declaración responsable pola persoa, física ou xurídica, titular da instalación, conforme cumpre cos requirimentos técnicos descritos nos artigos seguintes.
A declaración responsable presentarase de conformidade co establecido no artigo 3.1 e no título I deste decreto. O formulario para realizar esta declaración é o que consta no anexo IV deste decreto, co código de procedemento BS315A.
2. Para os efectos deste decreto, enténdese por titular da instalación a persoa, física ou xurídica, propietaria ou titular dun dereito real que lle outorgue o uso lexítimo da instalación para os fins previstos nesta norma.
3. No momento de presentar a declaración responsable de inicio da actividade, a persoa titular deberá estar en posesión da seguinte documentación:
a) Proxecto educativo da instalación, que identifique os seus obxectivos detallados, o seu ámbito de actuación, os seus fins educativos, as metodoloxías ou programas que se empregarán para acadar eses fins e calquera outra información que xustifique o carácter educativo da instalación.
b) Memoria descritiva da instalación, na cal consten as características e prazas e onde se especifique o período de funcionamento ao longo do ano naqueles supostos de instalacións de temporada, así como a indicación de que cumpre coa normativa de accesibilidade vixente.
c) Documentación que acredite que a auga é apta para o consumo, de acordo cos criterios técnico-sanitarios de calidade da auga de consumo establecidos na normativa vixente, e que cumpre a regulamentación aplicable respecto ao estado sanitario xeral dos equipamentos, o sistema de evacuación de augas residuais, cando non sexa a través da rede municipal de sumidoiros, a eliminación de residuos e as condicións hixiénico-sanitarias dos servizos hixiénicos, así como a normativa sobre comedores colectivos.
d) Autorización ou concesión para o aproveitamento de augas outorgada pola Administración hidráulica competente, cando as instalacións non estean conectadas á rede pública de abastecemento de auga e para a subministración de auga se faga uso de captacións de auga superficiais ou subterráneas.
e) Permiso de vertedura para a evacuación de augas residuais a través da rede municipal de sumidoiros. Cando a evacuación non se realice a través da rede municipal de sumidoiros, documentación sobre o sistema de evacuación de augas residuais e, no suposto de non realizarse mediante depósitos de recollida estancos, autorización outorgada pola Administración hidráulica competente.
f) Boletín eléctrico entregado por un instalador autorizado e selado pola consellería competente en materia de economía e industria.
g) Contrato de subministración ou certificación expedido polo órgano competente de adecuación da instalación de gas á normativa aplicable, no suposto de existir a dita subministración.
h) Documentación acreditativa da personalidade da persoa titular da instalación e, no suposto de persoas xurídicas, a documentación que acredite que a persoa que asinou a declaración responsable é a súa representante legal.
i) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble para o uso da instalación xuvenil, ben en propiedade, ben en virtude de título que habilite para a explotación da instalación, como contrato de cesión, arrendamento ou calquera outro documento que xustifique o uso por parte da persoa ou entidade interesada.
4. A persoa titular dunha granxa escola, ademais da documentación xeral exixida no punto anterior, deberá dispor da documentación exixida pola normativa sobre sanidade animal e garantir as condicións técnicas específicas sinaladas no artigo 94.
5. A persoa titular dunha aula da natureza, ademais da documentación xeral exixida no punto terceiro deste artigo, deberá garantir as seguintes cuestións:
a) A existencia dun equipamento suficiente e adecuado.
b) A disposición de recursos didácticos necesarios para exercer a súa función.
Artigo 78. Modificación substancial das instalacións xuvenís
1. Toda modificación substancial require a emisión dunha declaración responsable, que se presentará de acordo co establecido no artigo 3.1 e no título I deste decreto. O formulario para realizar esta declaración é o que consta no anexo V deste decreto, co código de procedemento BS315B.
2. Cando se produza unha modificación substancial, a persoa titular da instalación xuvenil, no momento de presentar a declaración responsable, deberá dispor da seguinte documentación:
a) Memoria explicativa da modificación que pretende realizar.
b) Proxecto técnico da obra, con planos a escala que reflictan o estado da instalación.
Artigo 79. Distintivo identificativo
1. Todas as instalacións xuvenís, unha vez que se presente a declaración responsable e se inicie a súa actividade, deberán exhibir de forma visible, no exterior do edificio e a carón da porta principal de acceso, un distintivo identificativo.
2. O distintivo identificativo adecuarase ao modelo que para cada tipo de instalación xuvenil estableza o órgano de dirección competente en materia de xuventude, salvo no caso dos albergues integrados na Rede española de albergues xuvenís (REAX), nos cales o distintivo identificativo se adecuará ao modelo establecido por esta.
3. As placas identificativas serán de metal ou doutro material resistente e inalterable.
CAPÍTULO III Requirimentos das instalacións xuvenís
Sección 1ª. Requirimentos xerais
Artigo 80. Funcións do director ou directora das instalacións xuvenís
Á fronte de cada instalación xuvenil haberá un director ou directora, cuxas funcións serán:
a) Cumprir e facer cumprir as normas de carácter legal e regulamentario que regulen o funcionamento da instalación, así como o Regulamento de réxime interior.
b) Velar polo bo funcionamento dos equipamentos e servizos da instalación.
c) Facilitar, na medida das posibilidades de cada instalación, a realización de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil.
d) A administración da instalación e a xestión do persoal.
e) Coidar de que se cumpran os horarios establecidos.
Artigo 81. Condicións técnicas comúns para as instalacións xuvenís
1. As instalacións xuvenís estarán suxeitas ao cumprimento das condicións técnicas recollidas neste decreto, sen prexuízo das establecidas pola normativa sectorial que lles resulte de aplicación.
En todo caso, as instalacións xuvenís deberán ter realizado a pertinente comunicación previa de actividade ao concello onde estean localizadas.
2. A accesibilidade das instalacións xuvenís deberá cumprir o establecido na Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade, e na restante normativa aplicable sobre accesibilidade. En todo caso, os espazos que alberguen os diferentes usos ou servizos da instalación terán características tales que lles permitan a súa utilización independente ás persoas con discapacidade, e estarán comunicados por itinerarios accesibles e comprensibles.
As instalacións xuvenís deberán estar convenientemente sinalizadas co fin de facilitar o acceso, polo que nos carteis indicadores deberán constar, cando menos, o tipo e o nome da instalación xuvenil, o seu logotipo, conforme os modelos que estableza o órgano de dirección competente en materia de xuventude, e a distancia aproximada ata elas.
3. Os contedores de residuos das instalacións xuvenís, ata o momento da súa recollida, situaranse en dependencias destinadas exclusivamente ao dito fin, e deberán estar separados daquelas dependencias onde estean os alimentos e os aloxamentos, no caso das instalacións que prestan servizos deste tipo.
Ademais, no caso de non dispor dun servizo público de recollida de lixo, a instalación xuvenil deberá articular, cando menos dous días á semana, os medios adecuados para o seu transporte ata os puntos de recollida máis próximos.
4. As instalacións xuvenís deberán cumprir as medidas de prevención de incendios e de seguridade en caso de incendio que determina a normativa vixente para os edificios de uso residencial público.
Tamén deberán cumprir coa normativa sectorial relacionada coas instalacións eléctricas e de gas, o almacenamento de combustible de calquera natureza e os sistemas de climatización.
5. Disporase dunha caixa de primeiros auxilios, baixo a responsabilidade da persoa titular da instalación, que deberá ser acorde coa tipoloxía de actividade que se realice, número de participantes, idades e necesidades especiais, segundo o que estableza a normativa vixente para poder atender os casos ou accidentes máis frecuentes. Adoptaranse as medidas oportunas para que os medicamentos da caixa de primeiros auxilios permanezan fóra do alcance das nenas, nenos, mozos e mozas.
6. Todas as instalacións xuvenís contarán cun plan de emerxencia, que conterá, polo menos, protocolos de actuación para situacións de emerxencia, e un plano xeral da instalación no cal se indicarán as saídas de emerxencia, a sinalización dos sistemas de protección de incendios, a localización da caixa de primeiros auxilios, o lugar onde se imparta asistencia médica, de ser o caso, así como a situación dos servizos xerais da instalación.
Tamén deberán dispor dun sistema de comunicación co exterior, ben sexa vía telefónica, radiocomunicación ou vía satélite.
Así mesmo, deberán dispor de enerxía eléctrica garantida, con puntos de luz e tomas de corrente.
Artigo 82. Subministración de auga
1. As instalacións reguladas neste capítulo deberán asegurar unha subministración de auga apta para o consumo, de calidade axeitada e en cantidade suficiente, durante as 24 horas do día e nunca inferior a 100 litros por persoa e día.
2. Deberase garantir o cumprimento do Real decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e subministración, os criterios recollidos no Programa de vixilancia sanitaria de augas de consumo humano de Galicia e aquela lexislación que o desenvolva.
3. Aquelas instalacións que non estean conectadas á rede pública de abastecemento de auga deberán contar coa autorización ou concesión, segundo proceda, outorgada polo organismo de bacía competente, cando para a subministración de auga fagan uso de captacións de auga superficiais ou subterráneas. Estas instalacións deberán estar dotadas de depósito de almacenamento de auga para o consumo humano con capacidade mínima para 36 horas de abastecemento. Os depósitos serán accesibles unicamente ao persoal de mantemento da instalación, co obxecto de efectuar os labores de limpeza e de desinfección periódicos que sexan necesarios.
Artigo 83. Seguro de responsabilidade civil
1. As persoas titulares das instalacións xuvenís deberán ter contratado e en permanente vixencia un seguro de responsabilidade civil para cubrir os danos persoais ou materiais causados involuntariamente a persoas terceiras, derivados do desenvolvemento da súa actividade. Os límites mínimos serán de 300.000 euros por vítima e 1.200.000 euros por sinistro.
2. A póliza e o correspondente recibo de pagamento deberán estar á disposición dos órganos competentes en materia de xuventude, co fin de acreditar a súa vixencia permanente.
Artigo 84. Regulamento de réxime interior, libro-rexistro, follas de reclamacións e tratamento de datos de carácter persoal
1. A instalación deberá elaborar un regulamento de réxime interior que regule o seu funcionamento. Nel constarán todos os aspectos relativos ao funcionamento da instalación non recollidos neste decreto, así como aqueloutros que afecten os dereitos e deberes das persoas usuarias. En ningún caso, o Regulamento de réxime interior poderá regular cuestións que afecten o dereito de igualdade das persoas usuarias provocando discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, expresión de xénero, identidade, orientación sexual, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
2. Todas as instalacións xuvenís deberán contar cun libro-rexistro onde figuren os partes de entrada das persoas usuarias da instalación.
Este libro-rexistro estará á disposición das forzas e corpos de seguridade con competencia na materia, e os partes de entrada axustaranse ao modelo establecido no anexo da Orde INT/1922/2003, do 3 de xullo, sobre libros-rexistro e partes de entrada de viaxeiros en establecementos de hostalaría e outros análogos. En todo caso, os partes de entrada deberán ser asinados pola persoa usuaria da instalación, e constituirán o libro-rexistro.
Estes rexistros conservaranse por un prazo de tres (3) anos, contados desde a data da última entrega das follas de rexistro que os integran, ou, de ser o caso, desde a data de gravación da información cando se conserve por medios dixitais.
3. Igualmente, as instalacións xuvenís deberán ter á disposición das persoas usuarias follas de reclamacións, que lle serán facilitadas á persoa titular de cada instalación xuvenil polo departamento territorial da consellería competente en materia de xuventude, e deberán exhibir ao público de xeito permanente un cartel anunciador da existencia das ditas follas de reclamación.
4. Todos os datos de carácter persoal que traten as instalacións xuvenís deberán cumprir o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE.
Artigo 85. Equipamentos comúns e distribución
1. Todas as instalacións xuvenís deberán dispor dos seguintes equipamentos:
a) Bloques de servizos sanitarios, dotados de inodoros, lavabos e duchas.
b) Sala de actividades, destinada ás actividades propias das persoas usuarias da instalación.
c) Equipamento para lavar e tender a roupa.
2. Ademais, todas as instalacións xuvenís poderán dispor de:
a) Comedor.
b) Cociña ou instalación para quecer alimentos, salvo que a instalación preste o servizo de manutención a través dunha entidade externa.
3. Todas estas dependencias estarán situadas en cuartos diferentes.
4. No suposto dos campamentos xuvenís, as salas destinadas a actividades poderán ser instalacións de tipo provisional.
5. Os bloques sanitarios non poderán ser lugar de paso habitual cara a outras dependencias.
Artigo 86. Servizos sanitarios
1. As instalacións xuvenís reguladas neste capítulo disporán de bloques de servizos sanitarios, que se deberán manter limpos e nas necesarias condicións hixiénicas.
A limpeza, como mínimo, será diaria. Para estes efectos, deberán estar visibles as follas de control nas cales que conste a data da última vez que se limparon.
As paredes, chans e teitos estarán revestidos de materiais de fácil limpeza.
2. Estes bloques sanitarios deberán ter unha ventilación suficiente, directa ou asistida, con renovación do aire.
3. Os chans serán de material antiesvaradío.
4. Os servizos sanitarios deberán contar, como mínimo, con:
a) Un inodoro por cada 8 persoas ou fracción, con un polo menos por cada sexo.
b) Un lavabo por cada 8 persoas ou fracción.
c) Unha ducha por cada 8 persoas ou fracción, con biombos.
5. Os bloques sanitarios deberán ter un número adecuado de espellos e estantes ou perchas, que permitan a disposición adecuada dos efectos persoais, e deberá haber tamén andeis para poder dispor dos efectos persoais de xeito totalmente hixiénico.
6. No caso de que os bloques sanitarios dispoñan de duchas de tipo colectivo, existirá, como mínimo, unha para cada sexo, e en cada bloque sanitario haberá, como mínimo, unha ducha de tipo individual. Ademais, existirá unha separación de chan a teito entre a zona dos inodoros e as duchas, e pode existir comunicación entre ambas as zonas a través dunha porta con peche.
7. As portas de acceso aos bloques sanitarios estarán dotadas dun sistema que permita o peche por elas mesmas ou dun sistema que impida a visión ao seu interior.
Artigo 87. Sala de actividades
1. Toda instalación xuvenil disporá dunha ou máis dependencias destinadas ás actividades propias das persoas usuarias da instalación.
2. A superficie mínima da sala de actividades será de 30 metros cadrados e non se poderá utilizar simultaneamente por un número de persoas usuarias que supere a ratio dunha persoa por metro cadrado de superficie útil.
Cando o espazo destinado a esta sala de actividades estea comprendido en varias dependencias, cada unha destas deberá ter garantida a correspondente ventilación e a superficie de cada dependencia non poderá ser inferior aos 16 metros cadrados.
Nesta superficie non se poderá computar a correspondente a aqueles cuartos destinados a gardar os efectos persoais de máis volume e o material de actividades, no caso de que existan.
Artigo 88. Equipamento para lavar e secar a roupa
1. As instalacións xuvenís deberán dispor do equipamento necesario para poder lavar, á man nun lavadoiro ou con máquinas de lavado, e dun espazo para tender a roupa ou colocar máquinas de secado.
2. En caso de dispor de lavadoiros para o uso das persoas usuarias da instalación, estes deberán ser de tipo individual, facilmente desinfectables e en número non inferior a un para cada 20 persoas usuarias.
Artigo 89. Comedor e cociña
1. Todas as instalacións xuvenís que presten servizos de comedor deberán dispor dun espazo destinado a que as persoas usuarias almorcen, xanten e ceen.
2. Neste caso, a superficie mínima do comedor será de 15 metros cadrados, e non poderá ser utilizado simultaneamente por un número de persoas usuarias que supere a ratio dunha persoa por metro cadrado de superficie útil.
3. Se a instalación ofrece a manutención, esta terá lugar dentro do horario sinalado pola Dirección da instalación que, en todo caso, comprenderá un período mínimo dunha hora e media para o xantar e a cea.
4. Os establecementos que oferten servizo de comedor poderán prestalo contando con cociña propia ou a través dun servizo externo.
5. No caso de que a instalación xuvenil conte con cociña, deberá estar dotada de elementos necesarios para a conservación e o tratamento de alimentos en proporción á capacidade máxima do aloxamento.
Ademais, disporá de ventilación ao exterior directa ou asistida e tamén de aparellos para a renovación do aire e a extracción de fumes.
Os chans e as paredes deberán manterse en bo estado e ser fáciles de limpar e, en caso necesario, de desinfectar.
Artigo 90. Espazos complementarios
1. Todo campamento e albergue xuvenil disporá preferentemente dun espazo, proporcional á súa capacidade e convenientemente delimitado, para a realización de actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil ao aire libre, tales como xogos, seráns, deportes e similares.
2. Se a instalación xuvenil dispón de piscina, deberá cumprir as condicións propias das piscinas de uso colectivo, excepto a obriga de dispor de vestiarios.
Sección 2ª. Requirimentos específicos
Artigo 91. Condicións técnicas comúns para os albergues e as residencias xuvenís
Ademais das condicións técnicas xerais, os albergues e residencias xuvenís disporán dos seguintes equipamentos:
a) Calefacción, que garanta unha temperatura ambiental mínima de 19 ºC. Este último requisito non será exixible para aquelas instalacións que presten servizos de temporada.
b) Dormitorios, que deberán cumprir o establecido no artigo seguinte.
c) Unha zona de recepción das persoas usuarias, con atención telefónica. Para estes efectos, disporán dun número de teléfono de contacto que non implique cargos adicionais ao custo de tarifa. No caso das residencias, a atención presencial será dun mínimo de 8 horas e a telefónica de 24 horas.
d) Armarios ou compartimentos suficientes para a equipaxe de cada persoa usuaria, así como espazo para depositar o calzado.
e) Limpeza semanal das instalacións no caso dos albergues e diaria no caso das residencias.
f) Servizo de acceso á internet vía wifi en zonas comúns, salvo que tecnicamente non sexa posible.
g) Unha sala polivalente destinada ao descanso e á convivencia das persoas usuarias.
Esta sala terá unha superficie mínima de 15 metros cadrados e non poderá ser utilizada simultaneamente por un número de persoas usuarias que supere a ratio dunha persoa por metro cadrado de superficie útil. Estará dotada de mobiliario suficiente e adecuado para o seu fin e poderá ser usada como comedor dentro do horario das comidas.
As instalacións que non dispoñan de cociña para uso propio das persoas usuarias deberán contar na sala polivalente cun frigorífico, un microondas e un vertedoiro por cada 50 prazas ou fraccións.
Artigo 92. Dormitorios
1. Os dormitorios non poderán estar, en ningún caso, situados en subterráneos.
Disporán de iluminación natural e de ventilación directa do exterior, que garanta a perfecta renovación do aire mediante elementos aperturables.
A superficie mínima dos ocos de iluminación e ventilación será do 10 % da superficie do dormitorio, cun mínimo de 1,20 metros cadrados en dormitorios cunha profundidade máxima de 7,5 metros. No caso de dormitorios cunha profundidade superior, a superficie dos ocos será, como mínimo, de 1/6 da superficie do dormitorio.
2. A distribución das camas e das liteiras de cada dormitorio deberá permitir sempre a total apertura das portas e das fiestras, e estas disporán de calquera sistema eficaz que garanta a escuridade do dormitorio durante as horas de descanso.
3. Cada persoa usuaria disporá dun espazo individual para durmir e ordenar os seus efectos persoais.
No caso de que a instalación dispoña dun cuarto específico para gardar os efectos persoais de máis volume, os dormitorios disporán igualmente dun sistema complementario para deixar e gardar nel os elementos de uso máis frecuente.
4. Non poderá haber ningún dormitorio cunha superficie útil mínima inferior a 5 metros cadrados. A cubicaxe por persoa usuaria non será inferior a 5 metros cúbicos e o mínimo espazo de chan que se debe reservar a unha cama será de 3 metros cadrados de superficie útil. O espazo reservado para unha liteira será tamén de 3 metros cadrados de superficie útil.
Enténdese por superficie útil dun cuarto a do espazo que corresponde a alturas non inferiores a 1,90 m.
5. A altura do teito dos dormitorios sobre o chan da superficie útil terá, como mínimo, un valor medio de 2,25 m, en edificios preexistentes, e de 2,50 m en edificios de nova construción. Esta altura medirase desde o chan ata, se se dá o caso, a parte máis baixa das trabes.
Para alturas de dormitorios entre 2,25 m e 2,50 m unicamente se aceptará a colocación de camas. Para alturas iguais ou superiores a 2,50 m aceptaranse liteiras.
No caso de dormitorios con teitos inclinados ou situados en baixo cuberta, aceptarase a colocación de camas nas alturas comprendidas entre 1,90 m e 2,50 m, sempre que a altura media do dormitorio acade, como mínimo, os valores establecidos no parágrafo anterior deste artigo e se cumpran as determinacións mínimas relativas á cubicaxe por persoa usuaria e á superficie por cama ou liteira.
6. As camas ou liteiras estarán dotadas, como mínimo, de colchón coa súa correspondente lenzaría, almofada e un número suficiente de mantas ou edredóns, que se deberán encontrar en todo momento en perfectas condicións hixiénicas. As dimensións mínimas das camas ou liteiras serán de 1,9 metros de longo por 0,8 metros de ancho. A distancia entre os laterais lonxitudinais das camas ou liteiras non poderá ser inferior a 0,75 metros.
No caso das liteiras, tomaranse as medidas oportunas para evitar accidentes por caídas desde os somieres superiores.
7. Os dormitorios non se poderán utilizar para almacenar o material de que dispón o grupo para a realización das súas actividades, nin poderán ser lugar de paso habitual cara a outras dependencias.
Artigo 93. Condicións técnicas específicas para os campamentos xuvenís
1. Os campamentos xuvenís deberán dispor dunha enfermaría, na cal se deberán cumprir as seguintes ratios:
a) Ata 25 prazas: unha cama.
b) Entre 26 e 50 prazas: dúas camas.
c) A partir de 51 prazas: unha cama a maiores por cada 50 prazas.
2. A enfermaría deberá dispor dun lavabo, dun inodoro e dunha ducha, independentes do resto de servizos hixiénicos do campamento xuvenil.
3. En ningún caso o número de prazas da enfermaría se incluirá no total de prazas da instalación.
4. A enfermaría non poderá ser lugar de paso habitual cara a outras dependencias.
Artigo 94. Condicións técnicas específicas para as granxas escola
As granxas escola deberán garantir os seguintes aspectos:
a) Unha separación entre o lugar destinado ás cortes dos animais e o lugar de residencia das persoas usuarias, co fin de evitar os olores excesivos e a proximidade de insectos, así como a limpeza e as condicións hixiénicas e sanitarias dos animais da granxa, conforme a normativa sectorial vixente en materia de hixiene, sanidade animal e benestar animal.
b) O peche do recinto dos animais e das cortes, co fin de evitar que as persoas usuarias poidan entrar de forma indiscriminada.
c) O uso dun vestiario específico por parte das persoas usuarias e do persoal da instalación, para utilizar cando estean no recinto dos animais ou corte.
d) No caso de que a instalación dispoña de salas ou recintos para a transformación dos produtos da granxa, deberán cumprir a normativa técnico-sanitaria que lle sexa de aplicación.
e) Dispor dos recursos didácticos necesarios para a súa función.
Artigo 95. Condicións técnicas específicas para as residencias xuvenís
As residencias xuvenís disporán especificamente dos seguintes equipamentos:
a) Unha mesa de estudo e unha cadeira por praza de dormitorio, así como de andeis que permitan a colocación dos libros.
b) Unha sala de estudos e biblioteca. A sala de estudos e a biblioteca non poderán ser lugar de paso habitual cara a outras dependencias.
CAPÍTULO IV Dereitos e deberes das persoas usuarias das instalacións xuvenís
Artigo 96. Responsable dun grupo de persoas usuarias da instalación
Os grupos de persoas usuarias deberán designar de entre os seus compoñentes unha persoa responsable que exerza a súa representación ante a Dirección da instalación xuvenil.
Artigo 97. Dereitos das persoas usuarias
As persoas usuarias das instalacións xuvenís terán os seguintes dereitos:
a) Acceso á información contida na documentación relacionada no artigo seguinte.
b) Un adecuado uso e desfrute de cantos equipamentos e dependencias posúan as instalacións xuvenís, especialmente no caso de persoas con discapacidade, así como recibir os servizos requiridos como contraprestación dos prezos satisfeitos.
c) Formular, ante a Dirección da instalación xuvenil, cantas iniciativas, suxestións e reclamacións crean oportunas.
d) Ser respectadas na súa liberdade, dignidade e integridade.
Artigo 98. Deberes das persoas usuarias
Serán deberes das persoas usuarias das instalacións xuvenís:
a) Respectar o Regulamento de réxime interior que regule o funcionamento de cada instalación xuvenil.
b) Aboar os prezos fixados na lista de prezos do ano en curso, conforme os servizos solicitados.
c) Coidar as instalacións, mobiliario, material e o contorno natural do lugar da instalación xuvenil.
d) Contribuír coa súa conduta a crear un clima de tolerancia e respecto mutuo entre todas as persoas usuarias.
Artigo 99. Restricións ao dereito de uso
As persoas titulares das instalacións xuvenís reguladas neste título poderán amoestar ou rescindir o contrato e expulsar das instalacións as entidades, persoas, familias ou grupos que incumpran o Regulamento de réxime interior e as normas lóxicas de convivencia.
Artigo 100. Documentación á disposición das persoas usuarias
As instalacións xuvenís reguladas neste título deben ter á disposición das persoas usuarias da instalación e de calquera autoridade debidamente acreditada a seguinte documentación:
a) Documentación na cal se informe da procedencia e da calidade da auga de consumo de que se dispón; pódese referir aos métodos que para a información do cidadán recolle o Real decreto 3/2023, do 10 de xaneiro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo, o seu control e subministración.
b) Informe que acredite as correctas condicións hixiénico-sanitarias da instalación, emitido pola consellería competente en materia de sanidade.
c) Lista de prezos do ano en curso, co detalle dos diversos conceptos e servizos ofertados, selada polo departamento territorial da consellería competente en materia de xuventude.
d) Regulamento de réxime interior.
e) Follas de reclamacións.
CAPÍTULO V Rede de albergues xuvenís de Galicia (RAXG)
Artigo 101. Rede de albergues xuvenís de Galicia
1. De conformidade co artigo 28 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, a Rede de albergues xuvenís de Galicia estará constituída por todos os albergues xuvenís situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou de calquera outra Administración pública. Así mesmo, poderán formar parte dela os albergues de titularidade de persoas físicas ou xurídicas privadas que estean inscritos no Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.
2. A Rede de albergues xuvenís de Galicia terá como finalidades as seguintes:
a) Promover a mobilidade e o intercambio entre a xuventude galega, nacional e internacional.
b) Ofrecerlles ás mozas e aos mozos unha programación activa anual de carácter cultural, deportiva ou educativa que fará dos albergues centros dinámicos e activos.
c) Estar integrados no medio, polo que ofrecerán actividades de calquera tipo nas localidades onde estean situados.
3. Para favorecer a ocupación dos albergues xuvenís integrados na Rede de albergues xuvenís de Galicia, poderanse crear centrais de reservas ao abeiro do artigo 85 da Lei 7/2011, do 27 outubro, do turismo de Galicia.
4. A integración na Rede de albergues xuvenís de Galicia é requisito imprescindible para a integración na Rede española de albergues xuvenís (REAX) e o seu conseguinte recoñecemento pola Federación Internacional de Albergues Xuvenís (International Youth Hostel Federation, IYHF), na Federación Europea de Albergues de Xuventude (EUFED) ou en calquera outra organización interrexional ou internacional de similares características.
5. Os albergues pertencentes á Rede de albergues xuvenís de Galicia que queiran formar parte da Rede española de albergues xuvenís (REAX) deberán manifestalo expresamente na declaración responsable de inicio de actividade, procedemento BS315A do anexo IV, ou informando con posterioridade o órgano de dirección competente en materia de xuventude sobre esta cuestión.
Os albergues pertencentes á REAX deberán cumprir coas directrices marcadas tanto pola REAX como por Hostelling International.
TÍTULO VI Dos carnés de servizos á xuventude
CAPÍTULO I Do Carné Xove
Artigo 102. Obxecto
O Carné Xove ten por obxecto favorecer o acceso da xuventude a bens e servizos de carácter cultural, deportivo, recreativo, de consumo, de transporte e outros de análoga natureza, que ofrecen, en condicións vantaxosas, as entidades colaboradoras e os establecementos adheridos ao programa do Carné Xove.
Artigo 103. Características
1. O Carné Xove forma parte do programa European Youth Card (Carné Xove europeo), da European Youth Card Association (EYCA, Asociación do Carné Xove Europeo).
2. O Carné Xove formalízase como unha tarxeta persoal e intransferible que acredita a persoa titular como beneficiaria dos servizos que comporta.
3. Os servizos, descontos e vantaxes asociados ao Carné Xove serán publicados na páxina web do órgano de dirección competente en materia de xuventude.
Artigo 104. Persoas usuarias
Poden ser usuarias do Carné Xove as persoas novas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos, ambos os dous incluídos. Este rango de idade poderá ser modificado polo órgano de dirección competente en materia de xuventude, en función dos acordos e das normas nacionais e internacionais aplicables ao programa.
Artigo 105. Emisión do Carné Xove
1. O Carné Xove será emitido e enviado de oficio polo órgano de dirección competente en materia de xuventude para as persoas domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para que o carné remitido de oficio teña plena validez e vixencia será necesario activalo, conforme o sinalado no artigo 106.
2. Tamén se poderá solicitar a emisión do Carné Xove mediante a presentación do formulario de solicitude que consta como anexo IX deste decreto, co código de procedemento BS319A, ou ben de maneira presencial nos centros expendedores regulados no artigo 107, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo para resolver é de tres meses desde a data en que a solicitude teña entrada no Rexistro electrónico da Administración ou organismo competente para a súa tramitación. O vencemento do prazo sen se notificar resolución expresa lexitima as persoas interesadas para entendela acollida por silencio administrativo.
Artigo 106. Activación do Carné Xove
1. A activación do Carné Xove recibido de oficio realizarase mediante a incorporación dos datos da persoa titular á aplicación de xestión do Carné Xove por parte do órgano de dirección competente en materia de xuventude e coa asignación ao carné do número EYCA, identificativo deste ante a Asociación do Carné Xove Europeo.
2. A activación debe ser solicitada pola persoa titular, de forma presencial, acudindo a un dos puntos de activación regulados no artigo 107, ou de forma electrónica, a través das canles que dispoña o órgano de dirección competente en materia de xuventude.
3. No caso de carnés emitidos por solicitude previa da persoa interesada, o carné será emitido e entregado á persoa solicitante plenamente activado, sen necesidade, polo tanto, do trámite de activación previsto para os carnés remitidos de oficio.
Artigo 107. Centros expendedores e de activación
1. Poderán ser centros expendedores e puntos de activación do Carné Xove as entidades integradas na Rede galega de información xuvenil e as entidades autorizadas para este fin polo órgano de dirección competente en materia de xuventude.
2. Na páxina web do órgano de dirección con competencias en materia de xuventude publicarase a relación de centros expendedores e de activación do Carné Xove.
Artigo 108. Vixencia
O Carné Xove terá vixencia desde a súa activación ata que a persoa titular faga os 31 anos. O período de vixencia poderá ser modificado polo órgano de dirección competente en materia de xuventude.
Artigo 109. Ámbito territorial
1. O Carné Xove terá validez na Comunidade Autónoma de Galicia e nas demais comunidades autónomas e noutros países, de conformidade co disposto nas normas e nos acordos nacionais e internacionais relativos ao programa do Carné Xove que resulten de aplicación.
2. Así mesmo, con base nestas normas e acordos, e atendendo ao principio de reciprocidade, na Comunidade Autónoma de Galicia recoñeceránselles ás persoas usuarias dos Carné Xove expedidos por outras comunidades autónomas e países iguais dereitos que aos usuarios e usuarias dos carnés expedidos en Galicia.
Artigo 110. Establecementos adheridos
1. Terán a condición de establecementos adheridos ao Carné Xove, na súa condición de prestadoras de servizos ou subministradoras de bens, aquelas persoas físicas ou xurídicas que o soliciten e subscriban un compromiso de adhesión co órgano de dirección competente en materia de xuventude.
2. Mediante este acordo comprométense a concederlles descontos ou outras vantaxes nos seus produtos e servizos ás persoas titulares do Carné Xove. Estes beneficios serán aplicables tamén ás persoas usuarias de carnés emitidos por outras comunidades autónomas e países en virtude das normas e dos acordos nacionais e internacionais relativos ao programa do Carné Xove aplicables.
3. O órgano de dirección competente en materia de xuventude poderá non aceptar aquelas solicitudes ou ofertas que, polo seu contido ou características, non se axusten á finalidade do Carné Xove.
4. O compromiso de adhesión, unha vez asinado, permanecerá vixente mentres o establecemento adherido non solicite a rescisión do acordo. Tamén deberá comunicar calquera cambio que altere a natureza do compromiso, por cesamento da actividade ou por cambio de titularidade. A solicitude de rescisión do acordo e os cambios na natureza do compromiso deberánselle comunicar ao órgano de dirección competente en materia de xuventude cunha antelación que será determinada por este. Tamén se deberán comunicar os cambios no contido dos descontos ou vantaxes ofertados. Estes cambios poderán non ser aceptados cando non se axusten ás condicións do programa.
5. O órgano de dirección competente en materia de xuventude poderá rescindir o acordo no caso de incumprimento dos compromisos asumidos polo establecemento adherido. Poderá, así mesmo, establecer un período limitado de vixencia para o compromiso de adhesión.
6. Os establecementos adheridos disporán dun distintivo acreditativo da súa condición, que será proporcionado polo órgano de dirección competente en materia de xuventude.
Artigo 111. Entidades colaboradoras
Terán a condición de entidades colaboradoras do Carné Xove aquelas que subscriban o oportuno convenio co órgano de dirección da consellería competente en materia de xuventude, coa finalidade de apoiar o desenvolvemento, promoción e difusión do programa do Carné Xove.
CAPÍTULO II Outros carnés de servizos á xuventude
Artigo 112. Outros carnés
A Xunta de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 29 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, a través do órgano de dirección competente en materia de xuventude, poderá xestionar outros carnés de servizos á xuventude mediante os cales a xente nova poderá acceder a aqueles servizos e beneficios que se determinen en función das normas e dos acordos nacionais e internacionais a que se sume a Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición adicional primeira. Títulos de monitor/a e de director/a obtidos antes da entrada en vigor deste decreto
Os títulos expedidos con data anterior á entrada en vigor deste decreto con base no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude, ou na normativa anterior, son equivalentes ás titulacións reguladas neste decreto para os efectos de poder traballar nas actividades de educación no tempo libre infantil e xuvenil no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Disposición adicional segunda. Aplicabilidade das medidas previstas na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia
Ao abeiro dos artigos 47 e 48 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, o órgano directivo competente en materia de xuventude aprobará un protocolo de actuación que recollerá as actuacións para construír un ambiente seguro no ámbito do lecer e o tempo libre. O dito protocolo deberá ser aplicado por todas as persoas, físicas e xurídicas, prestadoras dos servizos á xuventude regulados neste decreto.
Disposición adicional terceira. Actualización de formularios normalizados publicados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos, para a súa utilización en papel ou en formato electrónico, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente, en particular co obxecto de adaptalos ao establecido nesta lei. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición transitoria primeira. Adaptación das escolas de educación no tempo libre
As escolas de educación no tempo libre rexistradas en virtude da normativa anterior que queiran continuar coa súa actividade deberán adecuar o seu proxecto, sistema educativo, medios materiais e organigrama ás previsións deste decreto no termo dun ano contado desde a súa entrada en vigor. Se, unha vez transcorrido un ano, o órgano competente en materia de xuventude comproba que non se cumpren os requisitos establecidos neste decreto, poderá iniciar un expediente para a súa baixa na sección de escolas de educación no tempo libre do Rexistro de Entidades Xuvenís de Galicia.
Disposición transitoria segunda. Adaptación das instalacións xuvenís
As instalacións xuvenís que estean rexistradas no momento de entrada en vigor deste decreto continuarán a rexerse polo Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, no relativo ás condicións técnicas da instalación, e será aplicable este decreto en todos os demais aspectos. Porén, se se leva a cabo unha modificación substancial da instalación que obrigue á presentación dunha declaración responsable, pasarán a rexerse totalmente pola nova normativa.
Disposición transitoria terceira. Cursos e actividades de educación no tempo libre iniciados antes da entrada en vigor deste decreto
Os cursos e as actividades de educación no tempo libre iniciados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto continuarán a rexerse pola normativa vixente na data de inicio do curso ou da actividade ata a súa finalización.
Disposición transitoria cuarta. Curso de director/a de campos de voluntariado
O programa, e as demais especificidades non reguladas neste decreto, do curso de directora ou director de campos de voluntariado serán os establecidos no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, ata a aprobación da orde a que se refire o artigo 41.4.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan a este decreto, e en particular o Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, excepto no que se refire:
– Ao Censo de entidades xuvenís, o Rexistro de Instalacións Xuvenís e o Rexistro de Escolas de Tempo Libre.
– Ás condicións técnicas das instalacións xuvenís que estean rexistradas no momento de entrada en vigor deste decreto, de acordo co indicado na disposición transitoria segunda.
– Ao programa e especificidades non reguladas neste decreto, en relación co curso de directora ou director de campos de voluntariado, tal e como recolle a disposición transitoria cuarta.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Facúltase a persoa titular da consellería con competencias en materia de xuventude para aprobar cantas outras disposicións sexan precisas, no ámbito das súas competencias, para a execución e o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil vinte e seis
O presidente P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.