Acordo 1/CG de 8 de setembro de 2026 polo que se aproban as bases reguladoras do Programa Propio FÉNIX da Universidade de Santiago de Compostela para o apoio á incorporación de persoas investigadoras seleccionadas na convocatoria Ramón y Cajal 2025
NORMA CONSOLIDADA
EXPOSICION DE MOTIVOS
A captación, incorporación e consolidación de persoal investigador de excelencia constitúe unha das prioridades estratéxicas da Universidade de Santiago de Compostela.
O Programa Ramón y Cajal representa, neste contexto, un dos principais instrumentos do sistema español de ciencia para a selección, incorporación e consolidación de persoal investigador cunha traxectoria científica destacada, mediante procedementos competitivos de ámbito estatal.
As circunstancias excepcionais concorrentes na convocatoria Ramón y Cajal 2025 (en diante, RYC 2025), xunto co interese estratéxico da USC en incorporar e reter persoas investigadoras seleccionadas nesta convocatoria que manifestaron a súa vontade de desenvolver a súa carreira científica na Universidade, xustifican a creación dun instrumento propio, extraordinario e limitado a esta convocatoria.
O Programa propio FÉNIX da USC ten como finalidade facilitar a incorporación ou continuidade na Universidade destas persoas investigadoras, ofrecéndolles un marco de desenvolvemento profesional e científico que tome como referencia as condicións que terían mediante a axuda RYC 2025 e favorecendo, ao mesmo tempo, a súa participación en futuras convocatorias competitivas de captación e consolidación de talento.
O Programa articula, para as persoas incluídas no seu ámbito de aplicación, as condicións da súa incorporación e vinculación coa USC, a dotación destinada ao desenvolvemento da súa actividade investigadora e un itinerario orientado á súa eventual consolidación, condicionado ao cumprimento dos requisitos legalmente esixibles e aos procedementos de planificación, autorización e aprobación que resulten de aplicación na Universidade.
Así mesmo, o Programa establece os compromisos que corresponden ás persoas incorporadas, entre eles o de concorrer, mentres cumpran os requisitos de elixibilidade, ás sucesivas convocatorias Ramón y Cajal e/ou a outros programas competitivos de excelencia de ámbito autonómico, estatal ou europeo que permitan financiar total ou parcialmente a súa contratación, actividade investigadora ou consolidación na USC.
A proposta do Programa foi sometida, con carácter previo á súa elevación ao Consello de Goberno ao informe da Comisión de Investigación e da Comisión de Organización Académica e Profesorado, no ámbito das súas respectivas competencias.
En atención ao seu carácter estratéxico e excepcional, e coa finalidade de dotar de respaldo institucional ás condicións de incorporación, financiamento, seguimento e consolidación previstas, sométese o Programa propio FÉNIX á aprobación do Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela.
BASES DO PROGRAMA
PRIMEIRA. OBXECTO E FINALIDADE
O Programa propio FÉNIX da USC ten por obxecto facilitar a incorporación ou continuidade na USC de persoas investigadoras seleccionadas na convocatoria Ramón y Cajal 2025 (en diante, RYC 2025) que teñan vontade de desenvolver a súa carreira científica nas prazas que se relacionan no anexo destas bases na Universidade.
O Programa ten carácter extraordinario e específico para a convocatoria RYC 2025 e persegue proporcionar ás persoas que se vaian incorporar un marco de desenvolvemento profesional e científico que tome como referencia as condicións previstas naquela convocatoria, así como favorecer a súa participación en futuras convocatorias competitivas de captación e consolidación de talento e establecer un itinerario orientado á súa eventual consolidación na USC.
SEGUNDA. ÁMBITO SUBXECTIVO
O Programa FÉNIX ten carácter extraordinario e específico para a convocatoria Ramón y Cajal 2025 e comprende exclusivamente as prazas ofertadas no anexo deste acordo.
O programa está dirixido ao persoal investigador seleccionado na devandita convocatoria, polo que quedan excluídas as persoas incluídas nas listaxes de reserva. En consecuencia, só será aplicable ás persoas seleccionadas nalgunha das 19 áreas da convocatoria e incluídas na Proposta de resolución provisional de persoas seleccionadas e de reserva publicada o 10 de xuño de 2026 pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), dispoñible en:https://www.aei.gob.es/convocatorias/buscador-convocatorias/ayudascontratos-ramon-cajal-ryc-2025/publicaciones .
A selección das persoas candidatas estará supeditada á formalización da renuncia á axuda para a que foron propostas na convocatoria RYC 2025 antes da publicación da resolución definitiva de concesión.
TERCEIRA. REQUISITO PARA A INCORPORACIÓN
A incorporación ao Programa requirirá, cando proceda, a renuncia da persoa interesada á axuda para a que foi seleccionada na convocatoria RYC 2025, nos prazos e condicións que se determinen.
CUARTA. MODALIDADE CONTRACTUAL
A incorporación efectuarase mediante a modalidade de contrato de acceso de persoal investigador doutor prevista no artigo 22 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e, en aplicación das previsións do precepto, terá unha duración inicial de tres anos que poderá ser prorrogado ata completar dous anos adicionais, de acordo co previsto nestas bases, coa normativa aplicable e coa dispoñibilidade do financiamento correspondente. A persoa contratada quedará adscrita ao departamento e ao centro ou estrutura de investigación que para cada caso se indican no anexo.
QUINTA. CONDICIÓNS ECONÓMICAS
As persoas contratadas no marco do Programa percibirán unha remuneración anual que tomará como referencia a establecida na convocatoria RYC 2025:
a) un mínimo de 36.720 euros brutos anuais durante os tres primeiros anos;
b) un mínimo de 43.400 euros brutos anuais durante os dous anos adicionais, cando proceda.
Así mesmo, o Programa incluirá unha dotación adicional para o desenvolvemento do proxecto de investigación da persoa incorporada por importe total de 100.000 euros correspondente á modalidade de Atracción de Talento da convocatoria RYC 2025.
Esta dotación distribuirase, con carácter xeral, a razón de 20.000 euros por anualidade e poderá destinarse aos conceptos de gasto previstos na convocatoria RYC 2025 sempre que resulten compatibles coa normativa aplicable na USC.
A xestión, execución e xustificación destas dotacións corresponderá consonte coa normativa de xestión económica da USC ás estruturas e unidades responsables da xestión económica do centro ou estrutura de adscrición, sen prexuízo da responsabilidade da persoa investigadora sobre a adecuada utilización dos fondos para os fins do seu proxecto.
A eventual aplicación dunha parte da dotación a conceptos retributivos unicamente poderá realizarse cando resulte compatible coa normativa legal, convencional, retributiva e orzamentaria aplicable e conte coas autorizacións que correspondan.
SEXTA. ACTIVIDADE DOCENTE E INVESTIGADORA
O persoal contratado ao abeiro do Programa poderá desenvolver actividade docente ata un máximo de 100 horas anuais, sempre que o permita a modalidade contractual aplicable e de acordo coas necesidades e posibilidades docentes do departamento de adscrición, logo do correspondente acordo deste.
Así mesmo, poderá participar, colaborar e, cando resulte procedente conforme á normativa e ás condicións das respectivas convocatorias, liderar proxectos e actividades de investigación.
SÉTIMA. ITINERARIO DE CONSOLIDACIÓN
A USC promoverá, no marco da planificación do seu persoal docente e investigador, un itinerario orientado á consolidación das persoas incorporadas ao Programa. Para estes efectos, será necesario que a persoa investigadora reúna os requisitos legalmente esixibles para o acceso á correspondente figura de profesorado permanente e, en particular, que estea en posesión do certificado R3 e da acreditación estatal que resulte necesaria.
Na planificación deste itinerario tomarase como referencia temporal a que correspondería á persoa investigadora de ter formalizado a axuda RYC 2025 á que renuncia, procurando que a súa incorporación ao Programa FÉNIX non determine, por si mesma, un atraso no horizonte temporal previsto para a súa consolidación.
Unha vez cumpridos os requisitos anteriores, a USC promoverá, de acordo coa planificación do seu persoal docente e investigador, a dotación e convocatoria dunha praza de profesorado con vinculación permanente no ámbito de coñecemento correspondente.
A creación, dotación e convocatoria da praza estará sometida en todo caso á normativa aplicable, á planificación e programación do persoal da Universidade, á dispoñibilidade orzamentaria, ás autorizacións que resulten necesarias e ao correspondente procedemento público de selección. A participación no Programa non supón a reserva individual dunha praza nin atribúe dereito á súa adxudicación.
Cando non exista dispoñibilidade orzamentaria suficiente para autorizar algunha das prórrogas previstas ata completar os cinco anos máximos de contratación no Programa, poderá promoverse a planificación da correspondente praza de profesorado permanente ao remate do terceiro ou cuarto ano, sempre que a persoa investigadora reúna nese momento os requisitos establecidos nesta base.
OITAVA.COMPROMISOS, XESTIÓN E INCUMPRIMENTOS:
1.- Compromisos das persoas incorporadas
As persoas que se incorporen ao Programa asumirán os seguintes compromisos:
a) Formalizar a renuncia á axuda obtida na convocatoria RYC2025 nos prazos e nas condicións que permitan a súa incorporación ao Programa FÉNIX;
b) Desenvolver a súa actividade investigadora na USC, no departamento e centro de adscrición establecidos no anexo, durante o período de vixencia da súa vinculación ao Programa;
c) Concorrer, mentres cumpran os requisitos de elixibilidade, ás seguintes convocatorias Ramón y Cajal e/ou a outros programas competitivos de excelencia de ámbito autonómico, estatal ou europeo que permitan financiar total ou parcialmente a súa contratación, actividade investigadora ou consolidación na USC;
d) Solicitar, cando reúna os requisitos, o certificado R3 e a acreditación estatal correspondente á figura permanente á que pretenda optar;
e) Comunicar á Vicerreitoría de Investigación e Ciencia Aberta a obtención de financiamento externo destinado total ou parcialmente á súa contratación ou actividade investigadora.
2. Obrigas de xestión
A obriga de xestión e xustificación económica da dotación adicional corresponderá ás unidades ou estruturas competentes da USC, sen prexuízo da obriga da persoa investigadora de destinar os fondos asignados exclusivamente ás finalidades autorizadas e de facilitar a documentación necesaria para a súa correcta xustificación. Asemade, dada a vinculación contractual, a participación e obtención de financiamentos externos para a súa contratación ou actividade investigadora deberá suxeitarse as regras e procedementos da USC.
3. Incumprimento O incumprimento dos compromisos establecidos nestas bases por causas imputables á persoa incorporada poderá determinar a revisión das condicións da súa participación no Programa, logo da audiencia da persoa interesada e da valoración das circunstancias concorrentes polos órganos competentes cos efectos previstos na normativa laboral e contractual aplicable.
A ausencia de financiamento para a contratación logo do período contractual de tres anos determinará a imposibilidade de prorroga.
NOVENA. FINANCIAMENTO
O financiamento do Programa realizarase de acordo coa distribución prevista para cada unha das incorporacións no anexo, mediante as achegas da Vicerreitoría de Investigación e Ciencia Aberta, dos centros ou estruturas de adscrición, segundo o informe económico que acompaña estas bases, e, de ser o caso, do financiamento externo obtido polas persoas incorporadas.
A obtención de financiamento externo destinado á contratación ou actividade investigadora poderá dar lugar á adaptación das achegas internas previstas.
DÉCIMA. SEGUIMENTO DO PROGRAMA
O seguimento do Programa corresponderá á Vicerreitoría de Investigación e Ciencia Aberta, en coordinación coa vicerreitoría competente en materia de profesorado, cos centros e cos departamentos de adscrición, no ámbito das súas respectivas competencias.
O seguimento terá por obxecto comprobar o desenvolvemento da vinculación contractual, o cumprimento dos compromisos previstos nestas bases, a execución das dotacións económicas, a participación en novas convocatorias competitivas e a evolución no cumprimento dos requisitos necesarios para a consolidación.
As circunstancias sobrevidas que poidan afectar ás condicións inicialmente previstas serán analizadas polos órganos competentes co obxecto de adoptar ou propoñer, segundo corresponda, as adaptacións necesarias.
DÉCIMO PRIMEIRA. EXECUCIÓN E DESENVOLVEMENTO
Corresponderá ás vicerreitorías competentes en materia de investigación e profesorado adoptar, no ámbito das súas respectivas competencias, as actuacións necesarias para a convocatoria, selección e formalización das contratacións, así como para a execución, seguimento e desenvolvemento do Programa.
As modificacións que afecten aos elementos esenciais do Programa, ás persoas incluídas nel, aos compromisos de consolidación ou aos compromisos económicos substanciais requirirán a aprobación do órgano competente.
DÉCIMO SEGUNDA. PERSOAS INCORPORADAS E CONDICIÓNS ESPECÍFICAS
As persoas que formalicen o contrato ao abeiro do Programa, así como o departamento e centro de adscrición, asumirán as condicións particulares de financiamento e, de ser o caso, as previsións específicas relativas ao seu itinerario de incorporación e consolidación.
DISPOSICIÓN FINAL. PUBLICACIÓN, ENTRADA EN VIGOR E EFICACIA
O presente acordo publicarase no Boletín Oficial da Universidade de Santiago de Compostela e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.
ANEXO
Prazas Ofertadas no Programa:
1 - Área RYC2025: Biociencias e Biotecnoloxía - Atracción de talento: Si
Departamento: Fisioloxía Centro de adscrición: CIMUS
2 - Área RYC2025: Biomedicina - Atracción de talento: Si
Departamento: Fisioloxía Centro de adscrición: CIMUS
3 - Área RYC2025: Biomedicina - Atracción de talento: Si
Departamento: Fisioloxía Centro de adscrición: CIMUS
4 - Área RYC2025: Ciencias Físicas - Atracción de talento: Si
Departamento: Física de Partículas Centro de adscrición: IGFAE
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.