Norma Consolidada
Publicado en: DOG 88 06/05/1996
Departamento: Consellería de Sanidade e Servizos Sociais
Estado: En vigor
Segundo a disposición adicional da Orde do 13 de abril de 2007, todas as referencias realizadas nesta orde á Dirección Xeral de Servizos Sociais entenderanse realizadas ao órgano da Administración autonómica competente en materia de autorización de centros segundo a disposición reguladora do departamento competente en materia de servizos sociais
A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, atribúelle á Administración autonómica competencia para a regulamentación das entidades, servicios e centros, públicos ou privados, que presten servicios sociais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo as normas nas que se determinen as condicións de apertura, funcionamento, modificación, capacitación do persoal e cesamento de actividades dos centros.
No exercicio desta competencia, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. A citada norma estableceu os requisitos xerais que deben cumpri–los centros para a súa creación, apertura e posta en funcionamento, remitindo a unha normativa posterior a fixación das condicións e requisitos específicos que, segundo a súa tipoloxía e área de actuación, deba cumprir cada un deles.
A presente orde ten por obxecto a determinación dos requisitos específicos esixibles ós centros e establecementos que prestan atención ó colectivo de persoas maiores, co fin de garanti–la adecuación das instalacións, a calidade na prestación dos servicios e unha asistencia axeitada ás necesidades e características dos usuarios.
Así mesmo, as condicións arquitectónicas, materiais, de equipamento e de distribución de espacios que se establecen na presente norma pretenden garanti–la seguridade, privacidade, mobilidade e a confianza e desenvolvemento adecuados dos usuarios dos centros, procurando, en todo caso, a súa integración no ámbito social máis próximo, facilitando e posibilitando a súa relación co mundo exterior.
En virtude do exposto e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
Artigo 1º
É obxecto da presente orde o desenvolvemento do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, no relativo ós requisitos específicos que deben cumpri– los centros que presten atención ó colectivo de persoas maiores.
Artigo 2º
1. Para os efectos da presente orde terán a consideración de centros de atención ás persoas maiores todos aqueles equipamentos, establecementos ou instalacións nos que se preste, dun xeito estable e continuado, atención directa a un mínimo de 6 persoas con idade igual ou superior a 65 anos, ou, excepcionalmente, maiores de 60 que pola súa situación persoal ou social precisen destos centros.
2. Son centros de atención os seguintes:
a) Residencias.
b) Fogares residenciais.
c) Vivendas comunitarias.
d) Apartamentos tutelados.
e) Centros de día.
f) Fogares e clubs.
g) Vivendas colaborativas.
3. Na mesma edificación poderán integrarse un o máis centros dos anteriormente citados, podendo compartir aquelas instalacións susceptibles de uso común sempre que se respecte a superficie mínima exixida por usuario e se acredite a independencia funcional de cada un dos centros.
Artigo modificado:Artigo 2º apartado 2 nova redacción e apartado 3 engadido por artigo primeiro apartados 1 e 2.
Orde do 10 de outubro de 2022.
Artigo modificado:Artigo 2 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado un.
Artigo 3º
1. As entidades prestadoras de servicios sociais que sexan titulares de centros de atención ás persoas maiores no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia estarán obrigadas a solicita–las autorizacións administrativas e os permisos que correspondan de acordo co disposto no capítulo II do Decreto 243/1995, do 28 de xullo.
2. O procedemento para a obtención das autorizacións administrativas para a creación, construción, modificación substancial de centros de atención a persoas maiores así como dos correspondentes permisos de inicio e cesamento de actividades, iniciaranse por instancia do titular ou representante legal da entidade de que dependa o centro mediante solicitude, en impreso normalizado segundo os modelos que figuran como anexos III, IV e V, que se dirixirá ao organo da Administración autonómica competente en materia de autorización de centros.
3. As solicitudes deberanse presentar acompañadas dos documentos que para cada caso se sinalan nos artigos 15 e 21 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo, e tramitaranse conforme o procedemento nel establecido.
Artigo modificado:Artigo 3º apartado 2 nova redacción por artigo segundo.
Artigo 4º
A competencia para a resolución dos expedientes de autorizacion para a creación, construcción ou modificación substancial dos centros de atención ás persoas maiores, así como os permisos de inicio e cesamento das súas actividades, correspóndelle ó director xeral de Servicios Sociais.
Artigo 5º
A Dirección Xeral de Servicios Sociais, a través da unidade administrativa correspondente e con caracter previo á resolución do expediente, poderá realiza-las inspeccións que estime necesarias co fin de comproba-lo comprimento por parte dos centros de tódolos requisitos, xerais e específicos, esixidos, así como solicita-los informes que considere oportunos.
Artigo 6º
O exercicio da potestade sancionadora respecto ás infraccións que se produzan en relación coas materias reguladas por esta orde, rexerase polo disposto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, e no Decreto 175/1995, do 16 de xuño, que a desenvolve.
Artigo 7º
1. Tódolos centros que presten atención a persoas maiores deberán leva-los libros de reclamacións e de usuarios, se é o caso, sinalados nos apartados c) e d) do artigo 7.1.2 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo.
2. No libro de rexistro de usuarios deberán consta-los seguintes datos: nome e apelidos, data de alta, incidencias, data de baixa e causa.
3. O libro de reclamacións, constituído por follas numeradas segundo o modelo establecido no anexo II da presente orde, será dilixenciado pola Dirección Xeral de Servicios Sociais unha vez concedido o permiso de actividades do centro.
Primeira.-
Facúltase o director xeral de Servicios Sociais para dicta-las resolucións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.
Segunda.-
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996.
José Manuel Romay Beccaría
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais
REQUISITOS ESPECÍFICOS DOS CENTROS DE ATENCIÓN ÁS PERSOAS MAIORES
1. Residencias para persoas maiores.
Terán a consideración de residencias os centros destinados a vivenda permanente e común nos que se presta unha asistencia integral e continuada ás persoas maiores.
Segundo a súa capacidade as residencias clasifícanse en:
-Minirresidencias: de 13 a 59 prazas.
-Residencias: de 60 a 120 prazas.
Grandes centros residenciais: superiores a 120 prazas.
A) Condicións materiais e arquitectónicas:
Tódalas residencias deberán contar coas seguintes áreas diferenciadas.
a) Área de dirección-administración.
b) Área residencial.
c) Área de servicios xerais.
d) Área de atención especializada.
a) Área de dirección-administración.
Comprende os espacios destinados ás funcións de recepción de usuarios, dirección, administración e xestión do centro. Nas súas dependencias custodiaranse os libros de reclamacións e de rexistro de usuarios así como os demais documentos a que se refire o apartado 1.2 do artigo 7 do Decreto 243/1995, do 28 de xullo.
b) Área residencial.
É a área onde o usuario desenvolve a súa vida individual e social. Comprende os espacios destinados a aloxamento, manutención e zonas de convivencia.
Habitacións.
Os espazos destinados con tal fin deberán:
– Dedicarse exclusivamente a dormitorios.
– Dispor de iluminación natural, con ventás cun mínimo de iluminación dun oitavo da súa superficie. As ventás deberán estar situadas a unha altura que permita a visibilidade en posición sentada e con suficientes garantías de seguridade.
– Serán individuais ou dobres, cunha superficie mínima útil, sen computar o espazo do cuarto de baño, de 9 ou 12 m2, respectivamente.
O equipamento mínimo consistirá en: cama de 90 cm con punto de luz na cabeceira; no caso de persoas habitualmente encamadas, a cama deberá ser articulada e estar dotada de colchón antiéscaras; mesa de noite, que será móbil para persoas con problemas motores; armario con chave cun mínimo dun 1 m3 de capacidade; cadeira de brazos e, en caso de solicitarse, unha pequena mesa; ademais, todos os dormitorios deberán ter enchufe eléctrico, sistema de iluminación adecuado, e sistema de comunicación co persoal de atención directa. O sistema contará cun pulsador do timbre de chamada vinculado a cada cama, de modo que poida ser activado comodamente sen que sexa preciso levantarse dela. O sistema permitirá identificar o dormitorio desde a que se accionou. Sen prexuízo do anterior, cada persoa usuaria poderá achegar o seu propio mobiliario.
Servizos hixiénicos.
Todos os centros disporán de servizos hixiénicos en número suficiente e adaptados á tipoloxía das persoas usuarias.
Deberán estar situados en habitacións con ventilación directa e suficiente iluminación, contando coas correspondentes axudas en paredes e aparellos.
As portas, que serán corredías ou de apertura cara ao exterior, terán un dispositivo sinxelo de apertura e peche e un paso libre de 80 cm.
O chan será antiesvaradío e de doada limpeza.
Os produtos de aseo necesarios para a hixiene persoal serán de material desbotable e estarán incluídos nas prestacións básicas do centro sen custo adicional para as persoas usuarias, como esponxas xabonosas, colonia, xampú, xabón, xel de baño, pasta dentífrica, crema hidratante e produtos similares; agás cando a persoa usuaria demande ou utilice produtos de marcas específicas.
1) Zona de dormitorios:
Deberase contar cun mínimo dun baño con ducha accesible por cada 4 prazas. Os baños deberán dispor dun sistema de alarma ou dispositivo de chamada de urxencia con conexión interna coas zonas de control.
A dotación mínima consistirá en: inodoro e lavabo con billas facilmente prensibles; ducha ao nivel do pavimento sobre base impermeabilizada, dispoñendo de asento fixo, ducha tipo teléfono e un sumidoiro sifónico de gran absorción no chan.
2) Zonas de uso común.
A dotación mínima consistirá nun aseo accesible equipado con lavabo e inodoro, incrementándose nun máis por cada 50 prazas ou fracción, cun mínimo de dous.
Accesos e corredores.
Todos os corredores contarán a ambos os dous lados con pasamáns de forma continuada a unha altura de 90 ± 5 cm.
Aqueles centros que non dispoñan de todas as instalacións destinadas ás persoas usuarias na planta baixa deberán contar cun ascensor con capacidade para o traslado de padiolas.
Os pavimentos das zonas destinadas a residentes serán antiesvaradíos, pouco porosos e de doada limpeza.
Salas de convivencia.
Terán unha dimensión non inferior a 30 m. Non obstante, se procurarase unha superficie mínima de 1,80 m, por praza.
Deberán ser exteriores e dispoñer de ventilación natural e suficiente iluminación.
Sempre que as estancias sexan superiores a 80 m deberán existir separacións, ríxidas ou móbiles, que posibiliten distintos ambientes.
Comedor.
Os locais destinados a comedor deberán contar cunha superficie mínima de 30 m, correspondendo polo menos 2 m por usuario. As mesas posibilitarán o seu uso por persoas en cadeira de rodas.
c) Área de servicios xerais.
Comprende os espacios destinados á prestación de servicios comúns tales como cociña, lavandería, eliminación de lixo, mantemento, seguridade e mortuorio.
Cociña.
O servicio de cociña poderá ser propio ou contratado, e deberá cumprir en ámbolos casos os requisitos esixidos na lexislación vixente e, en especial, a regulamentacion técnica sanitaria para comedores colectivos.
En todo caso, deberán ter espacios diferenciados para:
-Almacén de víveres.
-Manipulación e tratamento de alimentos.
-Lavado da menaxe e utensilios de cociña.
Lavandería.
Tódalas residencias contarán con servicio de lavandería, propio ou contratado, que garanta o lavado periódico de lencería e roupa de uso persoal dos residentes.
Se o servicio de lavandería é propio do centro deberá estar illado de toda actividade relacionada coa manipulación de alimentos.
Utilizaranse contedores diferenciados para a roupa limpa e sucia. Esta última transportarase sempre en contedores pechados.
En todo caso, os centros deberán contar cunha capacidade mínima de tratamento propio de lavado de roupa.
Eliminación de lixo.
En tódolos centros deberá existir unha unidade de eliminación de lixo que teña como función o depósito e saída de residuos, cumprindo co previsto nas ordenanzas municipais e no seu defecto co seguinte:
O local será de uso exclusivo para tal fin, cunha superficie mínima de 6 m, e preferentemente con evacuación directa á rúa. En ningún caso a saída de residuos poderá ser realizada a través das áreas residencial e de atención especializada.
O transporte de lixo a través do centro efectuarase sempre en contedores pechados debidamente sinalizados, permanecendo igualmente pechados durante o seu almacenamento provisional na unidade.
Periodicamente deberá efectuarse a desinfección e desparasitación do local.
Mantemento e seguridade.
Prestarase especial atención ao mantemento, conservación e reparación, se é o caso, do mobiliario, instalacións e locais, co fin de evitar a súa deterioración, así como do conxunto de máquinas, caldeiras, instalacións ou instrumentos que, se entrañasen algún risco potencial, deberán ser manipulados exclusivamente por persoal instalador autorizado.
Mortuorio.
Sempre que non exista un tanatorio próximo e de fácil acceso, as residencias cun número de prazas igual ou superior a 60 deberán contar cun espacio destinado a mortuorio, dotado de ventilación ou renovación forzada de aire.
d) Área de atención especializada.
Comprende os espacios destinados a presta-los servicios e tratamentos específicos que requiran os usuarios, así como a desenvolve-los programas propios do centro.
As unidades que integran a área de atención especializada deberán estar dotadas do equipamento necesario para o desenvolvemento das súas funcións.
Atención xeriátrica e enfermería.
Con independencia do sistema de cobertura sanitaria, tódalas residencias disporán dunha área de asistencia xeriátrica e de enfermería que necesariamente deberá contar coas seguintes dependencias debidamente interconectadas:
-Despacho médico, dotado de toma de auga, con espacio suficiente para permiti-lo recoñecemento e a exploración dos residentes.
-Sala de curas, con toma de auga e cunha superficie mínima útil de 6 m. Ata 60 prazas poderá constituír espacio conxunto co despacho médico.
– Zona de enfermaría: o centro deberá dispor dunha porcentaxe de camas de enfermaría correspondente ao 3 % da súa capacidade total, cun máximo de 4 camas por dormitorio, reservándose polo menos un dormitorio individual para situacións que requiran illamento.
A superficie mínima útil por cama será de 7 m2.
O centro terá, como mínimo, un baño xeriátrico ou un servizo hixiénico completo con espazo suficiente para permitir a manexabilidade dun carro hidráulico de ducha, procurándose que estea preto da zona de enfermaría.
Rehabilitación.
Os centros residenciais con prazas asistidas deberán contar cun local, suficientemente ventilado e iluminado, destinado á rehabilitación dos residentes.
Este espacio, cunha superficie mínima de 20 m no caso de residencias de menos de 59 prazas, e de 40 m no resto dos centros, deberá situarse próximo ós servicios hixiénicos e sanitarios.
Unidade social.
Tódalas residencias disporán dunha sala polivalente, cunha superficie mínima de 20 m, e próxima a algún servicio hixiénico de uso común. Esta sala destinarase á realización de distintas actividades ocupacionais, culturais, creativas ou participativas.
As residencias de máis de 59 prazas deberán contar cun despacho para a persoa responsable desta unidade, con capacidade suficiente para recibir a pequenos grupos de usuarios. Así mesmo, deberán dispoñer dunha antesala ou recibidor con capacidade como minímo para dúas persoas.
B) Requisitos de persoal.
Todo centro residencial deberá contar coa figura dun responsable.
O persoal será o adecuado en número e especialización para presta-los servicios correspondentes.
A ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa sera de 0,20 por usuario en módulos destinados á atención de persoas con autonomía e de 0,35 en módulos destinados a persoas dependentes. Para estes efectos entenderase por atención directa a realizada tanto por persoal xerocultor como sanitario.
Garantirase a vixilancia e coidado da saúde dos residentes por persoal cualificado para esta función. Os centros cun número inferior a 40 prazas asistidas deberán contar coa presencia localizada de médico e ATS ou DUE durante as 24 horas. Aqueles cun número superior de prazas asistidas, ademais da presencia localizada do persoal médico, deberán contar coa presencia física do ATS ou DUE as 24 horas.
Sen prexuízo do anterior deberáselles prestar unha asistencia sanitaria integral a tódolos residentes, a través de prestacións de servicios profesionais propios ou concertados.
2. Fogares residenciais.
Os fogares residenciais configúranse como equipamentos residenciais cun máximo de 24 prazas que proporcionan, con carácter permanente, unha atención integral nun ambiente personalizado, a persoas maiores autónomas ou dependentes.
A) Condicións materiais e arquitectónicas:
Accesibilidade vertical.
Os fogares residenciais que non conten coa totalidade das instalacións destinadas aos usuarios en planta baixa contarán cun ascensor adaptado. Cando a zona de atención especializada para grandes dependentes non se atope en planta baixa, o ascensor deberá contar con capacidade para o traslado de padiolas.
Estes centros contarán coas seguintes instalacións:
1. Despacho de administración.
2. Zonas de uso común.
Sala polivalente.
Unha sala polivalente cunha superficie mínima de 1,80 m2 por usuario con funcións de sala de estar, televisión, xogos, lectura, visitas e demais actividades que se poidan programar no funcionamento do centro. Será un espazo con iluminación e ventilación natural directa.
Sala de actividades.
Unha sala de actividades de 30 m22, que poderá ser unha sala independente ou ben un espazo diferenciado da sala polivalente. Estará dotada de armarios para almacenaxe do material.
Sala de rehabilitación.
Contará cunha superficie mínima de 20m2 nela desenvolveranse actividades de fisioterapia e rehabilitación menor e contarán co equipamento específico.
Deberá contar con iluminación e ventilación suficiente
Comedor.
O comedor situarase preferentemente preto da cociña e dos baños comúns, terá un mínimo 30 m2 e contará con iluminación e ventilación natural directa.
Aseos comúns.
Contará cun mínimo de dous baños adaptados, diferenciados segundo os sexos. Estarán dotados polo menos con inodoro e lavabo e contarán con ventilación natural ou forzada.
Todos os baños do centro disporán de timbres de chamada de urxencia mediante un sistema de tirador ou pulsador accionable desde o chan e contarán coas axudas técnicas necesarias para as persoas con limitacións de mobilidade.
3) Área residencial:
Baños.
Esta zona contará cun mínimo dun baño completo composto por ducha, lavabo e inodoro por cada catro prazas ou fracción. A dotación correspondente á zona de gran dependencia debe ser accesible.
A ducha carecerá de prato, resolvendo o desaugadoiro mediante a pendente do propio chan cara a un sumidoiro sifónico de grande absorción e facilmente desmontable para limpeza.
3.1. Área residencial normalizada.
A zona residencial destinarase a acoller a persoas usuarias que non están habitualmente encamadas.
Os cuartos dobres contarán cun mínimo de 12 m2 e os individuais de 9 m2. Contarán con timbre de chamada de urxencia accesible desde cada unha das camas.
3.2. Área residencial especializada para residentes con gran dependencia.
O 25 % do total de prazas do centro dedicarase a persoas usuarias en situación de gran dependencia. Garantirase a proximidade a esta zona dalgún dos baños adaptados procurando que a súa superficie, sempre que sexa posible, permita a utilización dun carro de ducha. Todo o mobiliario deberá ser específico para uso xeriátrico, cumprindo os parámetros de ergonomía, hixiene e funcionalidade.
Sala de curas.
A sala de curas terá unha superficie mínima útil de 6 m2 situarase preto do cuarto de enfermaría, contará con toma de auga, padiola de exploración, unha caixa de primeiros auxilios e un armario dotado de chave para as medicinas, ademais dun arquivador con chave para gardar as historias clínicas.
Cuarto individual de enfermaría.
O centro contará polo menos cunha praza de enfermaría de carácter non residencial que contará cunha superficie mínima de 7 m2 dotada cunha cama articulada e mesa para persoas con problemas de mobilidade.
Neste centros prestaranse como mínimo os seguintes servizos: aloxamento, manutención con dietas especializadas, apoio ás actividades da vida diaria as 24 horas por persoal xerocultor, servizo de rehabilitación menor e fisioterapia, atención social, enfermaría e terapia ocupacional ou animación sociocultural.
«B) Recursos humanos.
Estes centros contarán cun responsable con dedicación mínima de 20 horas/semana. A ratio mínima de persoal de atención directa en réxime de xornada completa será de 0, 20 por usuario con dependencia leve ou moderada e 0,35 por usuario con gran dependencia.
3. Vivendas comunitarias.
Son equipamentos cun máximo de 12 prazas destinados a albergar, en réxime de convivencia case familiar, persoas autónomas ou con dependencia de grao I.
No caso de que durante a estancia na vivenda a persoa usuaria co grao I de dependencia pase a ser recoñecida en graos superiores, e sempre que non estea habitualmente encamada, poderá continuar residindo nese establecemento ata que se adxudique praza nun centro apto para o novo grao de dependencia recoñecido.
A) Condicións materiais e arquitectónicas.
Estar situadas en pisos ou vivendas unifamiliares, xa sexa de forma unitaria ou agrupada. tanto no medio urbano como no rural deberán estar integradas nun contorno vivo e próximas ós servicios sociais e sanitarios.
Estar situadas en zonas suficientemente comunicadas ou con fáciles accesos. Así mesmo, é recomendable que existan espacios verdes e paseos próximos.
O seu deseño e construcción deberá procura-la maior similitude posible a un fogar normalizado, escapando de toda concepción institucional.
Contará como mínimo cunha sala de estar que posibilite a convivencia e a integración social. A súa superficie nunca será inferior a 18 m e deberá dispor de iluminación e ventilación natural.
As habitacións serán preferentemente individuais. No obstante, toda vivenda comunitaria contará polo menos cunha habitación para uso dobre. A superficie mínima útil será de 9 m ou 12 m, respectivamente.
O equipamento mínimo por usuario será de cama de 0,90 m, mesa de noite, armario con chave cun mínimo de 0,60 m de largo e 1 m de capacidade, cadeira de brazos, mesa, enchufe eléctrico e sistema de iluminación adecuado. Sen prexuízo do anterior cada usuario poderá achega-lo seu propio mobiliario.
Toda vivenda comunitaria contará como mínimo con dous servicios hixiénicos diferenciados, un para cada sexo. Deberán estar dotados de axudas en paredes e aparellos, así como dun timbre de chamada con conexión ás zonas comunes. O chan será antiesuaradío e de doada limpeza e as portas terán un dispositivo sinxelo de peche e apertura. A dotación mínima consistirá en: lavabo e inodoro, con billas facilmente prensibles e ducha a nivel de pavimento, ou bañera accesible, con ducha tipo teléfono.
Servicios comúns: manutención, lavado de roupa e limpeza de zonas comunes, así como o apoio preciso para a realización das actividades da vida cotiá segundo necesidade.
B) Recursos humanos.
Este tipo de alternativa convivencial deberá contar, como mínimo, coa figura dunha persoa encargada responsable da coordinación e organización do centro. En todo caso, garantirase a supervisión presencial das persoas usuarias durante as 24 horas.
Cando na mesma edificación existan dúas ou máis vivendas comunitarias ou cando compartan determinados servizos ou zonas comúns a ratio mínima de persoal de atención directa a xornada completa será de 0,20 por persoa usuaria.
4. Apartamentos tutelados.
Conxunto de vivendas independentes, agrupadas para a prestación en común de servicios colectivos, e con capacidade para albergar a unha ou a dúas persoas cun alto grao de autovalemento. Este sistema de aloxamento pretende potencia-la autonomía e privacidade dos seus usuarios garantíndolles ó mesmo tempo a seguridade e seguimento periódico da súa situación.
A) Condicións materiais e arquitectónicas.
Trátase de vivendas de tamaño reducido, cunha superficie mínima útil de 25 ou 45 m, segundo se trate de uso individual ou dobre.
O mobiliario básico será confortable, seguro e de fácil mantemento, posibilitándose en todo caso á súa achega polo propio usuario.
A cociña e demais electrodomésticos funcionarán con enerxía eléctrica, e estarán dotados de medidas de seguridade que reduzan ó máximo os posibles riscos dos usuarios.
Contarán cun sistema de chamada de urxencia con conexión interior ó posto de control.
Servicios comúns básicos: seguimento social, servicio de vixilancia e seguridade, limpeza de zonas comúns e zona de lavandería, así como recepción de chamadas de urxencia.
Servicios facultativos: comedor social, atención social e axuda domiciliaria.
B) Requisitos de persoal
Existirá a figura dun responsable-coordinador, e garantirase, ben con medios propios ou concertados, a vixilancia e seguridade durante as 24 horas.
5. Centros de día.
Son equipamentos destinados á atención diurna de persoas maiores con perda da súa autonomía física ou psíquica que, residindo nos seus propios fogares, precisen dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapeútico ou social.
A) Condicións materiais e arquitectonicas.
O centro deberá dispoñer dos recursos necesarios para levar a cabo as seguintes prestacións: atención persoal (aseo, hixiene, comida, coidados básicos), rehabilitación menor, terapia ocupacional e animación socio-cultural. As instalacións e equipamentos deberán posibilita-la cobertura das necesidades específicas dos seus usuarios, adecuándose ás súas características.
O deseño dos locais deberá ter en conta as limitacións sensoriais e funcionais dos seus usuarios, con supresión de todo tipo de barreiras.
As zonas de acceso adecuaranse tanto ó transporte adaptado como ós usuarios en cadeira de rodas.
Os aseos estarán adaptados, cunha dotación mínima de lavabo, inodoro e unha ducha asistida por cada 20 usuarios.
Deberá estar situado preferentemente en planta baixa ou primeira, con fácil acceso ó exterior e con espacios ó aire libre.
Contará cun espacio polivalente, cunha superficie mínima de 2,5 m por usuario, para a realización das distintas actividades individuais ou de grupo.
As características do mobiliario, tanto fixo como móbil, deberán axustarse ás condicións anatómicas e ás discapacidades do usuario.
As portas deberán ser accesibles para usuarios en cadeiras de rodas, con picaporte a adecuada altura e dotadas dun sistema sinxelo de apertura cara ó exterior.
As fiestras deberán estar situadas preferentemente a unha altura que permita a visibilidade en posición de sentados.
As varandas estarán separadas das paredes, con sección e altura adecuada á anatomía dos maiores.
A sala de curas terá unha superficie mínima de 6 m e toma de auga quente e fría.
B) Requisitos de persoal.
O centro deberá contar coa figura dun responsable que poderá ser compartido co da residencia na que, se é o caso, estea integrado.
A ratio de persoal de atención directa en réxime continuado será de 1 por cada 10 usuarios, cun mínimo de dous traballadores, garantíndose ademais, sempre que sexa necesario, a asistencia de: médico, axudante técnico sanitario ou diplomado universitario en enfermería, fisioterapeuta e psicólogo.
6. Fogares e clubs.
Son centros destinados a servir como lugares de encontro nos que se promove fundamentalmente a convivencia dos maiores co obxectivo de desenvolve-la solidariedade e potencia-la integración persoal e comunitaria.
A) Condicións materiais e arquitectónicas.
Os locais ou edificios que alberguen estes centros deberán estar situados preferentemente en planta baixa ou 1ª con fácil acceso ó exterior, gozando de iluminación e ventilación natural.
Deberán contar cunha sala de estar e convivencia. Sempre que esta estancia sexa superior a 80 m deberán existir separacións, ríxidas ou móbiles, que posibiliten distintos ambientes.
Os aseos, diferenciados para cada sexo, serán adecuados para a súa utilización por persoas con discapacidades funcionais limitadas.
B) Requisitos de persoal.
Estes centros adaptaranse funcionalmente ós distintos programas que se leven a cabo neles, dispoñendo do persoal suficiente coa titulación e experiencia necesaria de acordo co tipo de actividades e o número de usuarios atendidos.
8. Vivendas colaborativas.
As vivendas colaborativas configúranse como unha modalidade residencial organizada en espazos de uso privativo e zonas comunitarias coa finalidade de desenvolver unha convivencia entre as persoas que deciden vivir xuntas nun mesmo lugar para os efectos de promoción da súa autonomía e a atención ante situacións de dependencia, baseándose nos principios de colaboración, autoxestión e axuda mutua, e nunhas condicións de igualdade e non discriminación.
O número de persoas residentes será como máximo de 150.
Poderán residir no equipamento as persoas cunha idade igual ou superior a 55 anos. Así mesmo, poderán ser residentes deste equipamento as persoas cunha idade inferior aos 55 anos, sempre que convivan na mesma vivenda colaborativa con, polo menos, unha persoa residente de idade igual ou superior aos 55 anos. Neste caso, o número de persoas residentes con idade inferior aos 55 anos non pode superar o cincuenta por cento do total de residentes.
A) Condicións materiais e arquitectónicas.
As vivendas colaborativas non poden contar con barreiras arquitectónicas, deben cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e deberán estar adaptadas a persoas con mobilidade reducida segundo estableza a normativa de aplicación.
No non previsto nesta orde, as vivendas colaborativas deberán cumprir co establecido na normativa galega de habitabilidade de vivendas.
Estes recursos contarán con espazos privados e zonas de uso común.
a) Os espazos privados deberá dispoñer polo menos das seguintes estancias:
– Cuarto individual ou dobre cunha superficie mínima útil, sen computar o cuarto de baño, de 12 m².
– Cuarto de baño, accesible ou cunha dimensión mínima que, de ser o caso, se poida converter en accesible, dotado como mínimo de lavabo, inodoro e ducha.
– Rocho, dentro ou fóra do apartamento.
– Salón
– Cociña, podendo estar integrada no salón.
b) As zonas de uso común deberán contar, como mínimo, coas seguintes instalacións:
– Unha zona de recepción á entrada.
– Baños ou aseos: mínimo dous e equipados, como mínimo, con lavabo e inodoro. Polo menos un deles debe ser accesible.
– Unha ou máis salas polivalentes para a convivencia e realización de actividades. Disporán en total, polo menos, dunha superficie mínima de 2 m2 por residente. De ser o caso, tamén poderá/n ser utilizada/s como área de comedor común.
– Unha sala ou espazo para a atención sociosanitaria, con toma de auga.
– Cuartos para a atención de persoas residentes que, polo seu grao de dependencia ou dependencia sobrevida, requiran atención ou coidados persoais de enfermaría, cunha capacidade mínima dun 3 % do total das prazas, que deberán ser reservadas para o posible coidado diúrno ou nocturno destas persoas. Estes cuartos deberán cumprir as mesmas exixencias que as habitacións da área residencial das residencias para persoas maiores recollidas na letra A) do número 1. Estes cuartos poderán ser utilizados para outras finalidades, como cuartos para persoas invitadas, se non son precisas para a atención e os coidados persoais de enfermaría das persoas residentes, pero nunca seren ocupados por novas persoas residentes de xeito permanente.
Así mesmo, as zonas de uso común deberán contar con:
– Zona de descanso de profesionais, no caso de dispor deste persoal.
– Zona axardinada ou zona exterior, agás a existencia de espazos públicos adxacentes ao centro con estas características ou cando, pola súa localización, sexa imposible dispoñer destas zonas.
– Unha zona para o aparcamento de vehículos, que dispoña, polo menos, dunha (1) praza reservada para persoas con mobilidade reducida.
– Un espazo para almacén.
B) Requisitos funcionais e de persoal.
a) O centro deberá contar cun plan de organización, planificación dos servizos de mantemento e un programa de actividades comúns, co seguinte contido mínimo:
– O modelo de organización, limpeza e mantemento dos espazos de uso común.
– Actividades que se realicen relativas á promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia, tanto no interior do centro como no súa relación coa contorna.
– Plan de atención ás persoas residentes que pola súa situación de dependencia requiran coidados persoais. Esta atención poderá prestarse a través dos seguintes sistemas:
1) Mediante as prestacións ou servizos que lle correspondan ás persoas dependentes das recollidas no sistema para a promoción da autonomía persoal e a atención á dependencia.
2) A través de profesionais vinculados ao centro para atender as necesidades das persoas con dependencia.
As persoas con dependencia contarán cun plan de atención individual en que se recollerán os coidados, as atencións e as intensidades que se lles prestan.
Non obstante, no caso de que o número de persoas con dependencia recoñecida no grao II ou III sexa igual ou superior ao 25 % do número total de residentes, a modalidade de atención deberá ser a recollida no número 2.
b) O recurso deberá contar cunha persoa responsable que deberá ter titulación universitaria e formación complementaria en dependencia, discapacidade, xeriatría, xerontoloxía, dirección de centros residenciais ou outras áreas de coñecemento relacionadas co ámbito de atención á dependencia.
Esta persoa pode ser unha persoa usuaria do recurso ou ben unha persoa externa a el.
No caso de que o número de persoas con dependencia recoñecida, grao II ou III, sexa igual ou superior ao 25 % do número total de residentes, requirirase para atender estas persoas usuarias a mesma ratio de persoal de atención directa que a exixida para as residencias de maiores, segundo o disposto na letra B) do número 1.
Artigo modificado:Anexo I puntos 1, 2 e 3 nova redacción por artigos terceiro, cuarto e quinto.
Artigo modificado:Anexo I renumeracion dos puntos 3, 4 e 5 que pasan a ser os puntos 4, 5 e 6 por artigo sexto.
Artigo modificado:Anexo I punto 3 nova redacción por artigo único.
Orde do 12 de xaneiro de 2021.
Artigo modificado:Anexo I puntos 1, 2 e 3 nova redacción por disposición derradeira primeira apartados 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10 e 11.
Orde do 10 de outubro de 2022.
Artigo modificado:Anexo I punto 8 engadido por artigo único apartado dous.
Orde do 10 de outubro de 2023.
Artigo modificado:Anexo I punto 8 alínea A) letra b) nova redacción por artigo único.
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

