lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Publicado en: DOG 222 20/11/1985

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: Derrogada

PDF

Modificacións

Como unha manifestación máis do desenvolvemento da liberdade individual, principio mantido reiteradamente na nosa Constitución, o xogo en xeral deixou de ser unha conducta prohibida, recollida na lexislación penal anterior á reforma, que tipificaba como delito tanto o feito de dirixir unha casa de xogo, envite ou azar, coma o do concorrer ós citados establecementos como mero xogador. Sen embargo, non só pola incidencia que o xogo ten na conducta cidadá e na moral social, senón mesmo por ser unha importante fonte de ingresos para o erario público, debe ser obxecto dunha adecuada regulación e control, cando sobarda os límites do simple lecer.

O artigo 27 do Estatuto de Autonomía para Galicia sinala como da competencia exclusiva da Comunidade, entre outras, a ordenación dos casinos, xogos e apostas, con exclusión das Apostas Mutuas Deportivo Benéficas.

Consonte co anterior e como resultado do acordo Estado-Comunidade Autónoma, dictouse o Real Decreto 228/1985, de data 6 de febreiro de 1985, polo que se concreta o que, en materia de xogo, son competencias exclusivas e concorrentes do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sendo necesario establecer co debido rango normativo aspectos fundamentais relativos ós xogos e apostas lícitas, e dentro do marco do convenio realizado co Estado, elabórase a Lei reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Defínese o que é o xogo ou aposta en xeral, a efectos da norma, eludindo o que son un e outro tipo de actividades, polos seus efectos practicamente similares, e para non incorrer en descricións casuísticas; pola contra, acódese a conceptos mantidos con carácter xeral pola Doctrina. Tamén se determina que xogos se inclúen na regulación legal, considerando como tales aqueles nos que se persegue un lucro mercantil, ou dos que se deriven obrigas económicas, alomenos de certa importancia, e definindo conforme a criterios xa aceptados na normativa precedente determinados tipos de xogos e apostas que se practican na Comunidade Autónoma. Por outra parte inclúense na regulación do xogo as actividades consideradas en si mesmas e mailos titulares da explotación. Para a avaliación económica das obrigas que dan lugar á separación entre o xogo sometido ós principios de dereito privado ou público acódese a un criterio que é mantido no noso Código Civil para dar determinados efectos ás débedas procedentes do xogo.

É conveniente tamén que sexa a propia Lei a que estableza nalgúns casos, pola repercusión que o tema ten en Galicia, que persoas ou entidades deben ser titulares, como ocorre nos casinos de xogo ou bingos, ou en que lugares deberán levarse a cabo concretos tipos de xogo; en canto ós xogadores tamén é indispensable excluír da práctica do xogo a aquelas persoas que, por razón de idade ou outras circunstancias, condicionen o seu libre albedrío, utilizándose a tal fin na norma unha expresión que engloba tódolos supostos que poidan producirse de diminución ou perda de tal capacidade.

No campo da competencia dos diversos órganos, limítase a Lei a delimitala con respecto ós altos órganos de Goberno: o Consello da Xunta de Galicia, que ten capacidade decisoria sobre cuestións verdadeiramente fundamentais, e maila Consellería da Presidencia, como órgano de execución, por entenderse que entra no campo regulamentario o desenvolvemento das citadas competencias a través de órganos administrativos inferiores. Créase un ente colexiado de apoio, a Comisión de Xogo da Comunidade Autónoma, con participación de representacións das Consellerías que teñen algunha relación directa con esta materia, así como da Administración Local, co obxectivo primordial de asistir nas súas decisións ós órganos executivos anteriormente citados.

Con respecto ás infraccións administrativas, e dentro do marco que as transferencias permiten, faise unha detallada regulación, ó ter en conta que, como anteriormente se indicou, ó desaparece-la configuración de determinados xogos como constitutivos de delito, e recoñecerse a súa realidade como unha situación de feito que, sen potenciala nin desvirtuala, é merecedora, polas implicacións que ten, dun adecuado control por parte dos poderes públicos competentes. Con respecto ás sancións, a Lei, respetuosa cos límites de transferencias, sométese á normativa do Estado.

Completa o contido da Lei unha referencia específica á existencia dun Catálogo de xogos, no que se recollerán alomenos os xa coñecidos en Galicia, e no que se permite a introducción doutros de nova implantación.

Finalmente, consciente a Lei reguladora dos xogos e apostas de que o seu contido debe comprende-los seus aspectos fundamentais, limítase a sinalar unha ampla posibilidade de desenvolvemento regulamentario de tan complexa materia, e permite a súa aplicación inmediata con carácter provisorio, remitíndose ás disposicións de tal rango actualmente vixentes.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do devandito Estatuto e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

Artigo 1

1. Regúlanse pola presente Lei as actividades relativas a casinos, xogos e apostas que, consideradas lícitas, se practiquen en territorio da Comunidade Autónoma, coa excepción das Apostas Mutuas Deportivo Benéficas.

2. Quedan excluídos os xogos e apostas de lecer que se celebren que non sexan obxecto de explotación lucrativa, e aqueles dos que se deriven obrigas de carácter económico módico.

Artigo 2

Enténdese por xogo ou aposta, para os efectos desta lei, calquera actividade, dependente da destreza ou do azar, mediante a que se arrisquen cantidades de diñeiro ou obxectos economicamente avaliables que permitan a súa transferencia entre os participantes, con independencia de que predomine o grao de habilidade ou a destreza daqueles, ou sexa exclusiva de sorte, envite ou azar, tanto as realizadas por medios presenciais coma por canles electrónicas, informáticas, telemáticas e interactivas, cando se desenvolvan dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 2 nova redacción por artigo 21.

Artigo 3

Inclúense no ámbito de aplicación desta Lei:

a) As actividades propias dos xogos e apostas.

b) A instalación de materiais relacionados co xogo en xeral e empresas adicadas á súa explotación.

c) Os casinos e demais locais nos que se leven a cabo as actividades enumeradas nos dous apartados precedentes.

d) As persoas naturais ou xurídicas que dalgún xeito interveñan na xestión, explotación e práctica dos xogos e apostas.

Artigo 4

Ós menores de idade e ós que, sendo maiores, non se achen en pleno uso da súa capacidade de obrar, estalles prohibida a práctica de xogos de azar, o uso de máquinas con premio e a participación en apostas, así como a entrada ós locais adicados especificamente ás devanditas actividades.

Artigo 5

1. Son xogos autorizados os determinados nesta lei.

2. A publicidade das actividades de xogo regulada nesta lei unicamente poderá efectuarse con autorización previa, coas excepcións previstas na alínea 3 deste artigo. Os requisitos e as condicións necesarios para a concesión de tal autorización determinaranse regulamentariamente.

3. Malia o anterior, non será necesaria a devandita autorización para a publicidade realizada nos casos e coas condicións que se establezan na correspondente norma regulamentaria nin para a publicidade realizada en medios especializados en materia de xogo nin para a realizada noutros medios, que se limite exclusivamente aos seguintes aspectos:

a) Nome ou razón social, enderezo, teléfono, sitio web e dirección de correo electrónico da empresa de xogo e, se é o caso, do establecemento destinado á práctica de xogo.

b) Xogos e modalidades destes que se practiquen ou se ofrezan pola empresa autorizada.

c) Horario da actividade de xogo ou, de ser o caso, días de práctica de xogo.

d) Servizos complementarios que preste o establecemento destinado á práctica de xogo e horario da súa prestación.

4. En calquera caso, a publicidade de calquera modalidade de xogo deberá axustarse á normativa específica sobre esa publicidade. En particular, queda prohibida a publicidade que utilice gráficos, textos ou mensaxes xenófobas, sexistas ou racistas e a publicidade efectuada na radio ou na televisión durante a emisión de programas ou de espazos especialmente destinados ao público infantil.

5. Son xogos prohibidos todos os que non estean permitidos por esta lei e aqueles que, aínda que permitidos, se realicen sen a oportuna autorización ou na forma, no lugar ou con persoas distintas das que especifica esta lei.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 5 nova redacción por artigo 22.

Artigo 6

Requirirá autorización administrativa previa a organización, práctica e desenvolvemento dos seguintes xogos:

a) Os exclusivos dos casinos de xogo. Teñen tal condición:

Ruleta francesa.

Ruleta americana.

Vinteún ou black-jack.

Bola ou boule.

Trinta e corenta.

Punto e banca.

Camiño de ferro, bacarrá ou chemin de fer.

Bacarrá a dous panos.

Dados ou craps.

Póker nas variantes que regulamentariamente se establezan.

b) O xogo do Bingo.

c) c) As máquinas de xogo.

d) O xogo de boletos.

e) As rifas, tómbolas e combinacións aleatorias.

Non obstante, quedan exentas deste réxime de autorización previa as combinacións aleatorias con fins publicitarios ou promocionais sempre que a participación nestas sexa gratuíta e non exista en ningún caso sobreprezo ou tarificación adicional ningunha calquera que sexa o procedemento ou o sistema a través do que se realicen, se ben o promotor delas queda obrigado a formular a súa comunicación individualizada previa.

f) Apostas que sexan expresión ou consecuencia do resultado dun acontecemento previamente determinado, de desenlace incerto e alleo ás persoas apostantes.

g) As loterías, agás que o Consello da Xunta de Galicia lle reserve a xestión á propia Administración pública autonómica.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 6 apartados c) e e) nova redacción por disposición adicional sexta apartado un e apartado g) engadido por disposición adicional sexta apartado dous.

Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 6 apartados a) e g) nova redacción por artigo 26.

Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 6 apartados c) e e) nova redacción por artigo 22º apartado un.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 6 apartado c) nova redacción por artigo único apartado un.

Lei 2/2017, do 8 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 6 letra f) modificada por artigo 44.

Artigo 7

1. As autorizacións outorgaranse sempre que se cumpran os requisitos esixidos legalmente. Nos casos nos que exista un plan de carácter territorial para a súa distribución, a autorización poderase outorgar mediante a resolución dun concurso de carácter público entre as solicitudes que cumpran as condicións legalmente establecidas.

No caso do xogo da lotería instantánea electrónica concederáselle autorización a unha soa empresa no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para a xestión e explotación mercantil dese xogo.

2. As autorizacións validamente outorgadas terán unha duración indefinida e extinguiranse co cesamento do feito ou actividade que constitúa o obxecto dela.

Non obstante, terán unha duración limitada cando as autorizacións se outorguen mediante resolución dun concurso de carácter público cun prazo e condicións de prórroga fixados regulamentariamente.

3. A permanencia da autorización queda condicionada ó cumprimento dos requisitos legais esixidos para o seu outorgamento, que será requirido polo órgano administrativo competente antes de proceder á súa renovación.

4. A eficacia da autorización quedará supeditada á obtención do correspondente permiso de apertura para o cal operarase con unidades de expediente.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 7 apartados 1 e 2 nova redacción por disposición adicional sétima.

Artigo 8

1. Son casinos de xogos os establecementos expresamente dedicados á práctica de todos os xogos legalmente autorizados.

2. Os casinos deberán contar, como mínimo, cos xogos referidos na letra a) do artigo 6, e neles poderán instalarse máquinas e terminais de xogo no número que se fixe regulamentariamente.

3. Nos casinos haberá un rexistro de admisión e un servizo de control e asistencia.

4. Unicamente se autorizará a instalación e funcionamento dun casino en cada provincia da Comunidade Autónoma, que, en todo caso, deberá contar, nun radio de 25 quilómetros desde o lugar da súa localización, medidos en liña recta, cun asentamento de poboación superior aos 300.000 habitantes.

Respectaranse as situacións de feito actualmente existentes en canto á situación de casinos.

5. Poderá autorizárselle a cada un dos casinos de xogo a instalación e funcionamento dunha sala adicional que, formando parte do casino, se atope localizada fóra do recinto ou complexo onde estea situado este pero dentro da mesma provincia e nas condicións que regulamentariamente se determinen.

6. A dita sala funcionará como apéndice do casino do que forme parte. Nela poderán practicarse todos os xogos autorizados para casino nos termos establecidos regulamentariamente e deberá contar, en todo caso, cun rexistro de admisión e cun servizo de control e de asistencia.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 8 apartado 3 nova redacción por disposición adicional oitava.

Lei 12/2014, do 22 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 8 nova redacción por artigo 33.

Artigo 9

1. Son salas de bingo os locais destinados á práctica deste xogo.

2. Nas salas de bingo poderán instalarse máquinas de xogo do tipo B e, nas mesmas condicións, terminais do xogo da lotería instantánea en salón diferente daquel no que se realice o xogo do bingo, sen comunicación con este nin coa cafetería e sempre que non impida o desenvolvemento normal do xogo do bingo.

3. As salas de bingo en Galicia non poderán ter un aforo inferior ás cen persoas nin superior ás oitocentas persoas.

4. As máquinas instaladas de tipo B nunha sala de bingo gardarán relación co aforo da sala, non podendo instalarse máis ca unha máquina recreativa tipo B por cada vintecinco prazas de aforo.

5. As salas de bingo terán un rexistro de admisión e un servicio de control de asistencia.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 9 apartado 2 nova redacción por disposición adicional novena.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 9 apartado 2 nova redacción por artigo único apartado sete.

Artigo 10

2. Son salóns de xogo os autorizados para explotar neles de forma permanente máquinas dos tipos A, A especial e B. No caso de que se exploten conxuntamente coas máquinas de tipo A calquera dos outros tipos referidos, deberán estar instaladas as de tipo A en salas diferentes ás de tipo A especial e B, sen que poida existir comunicación directa entre as salas, agás no caso de que exista prohibición de entrada a menores no salón de xogo.

No primeiro caso a superficie da sala non poderá ser inferior a 50 metros cadrados e no segundo, a 150 metros cadrados. En ambos os dous supostos a ocupación máxima non será superior a unha máquina por cada tres metros cadrados.

3. Nos salóns de xogo, na sala destinada ás máquinas de tipo B, poderanse instalar terminais de acceso para o xogo da lotería instantánea electrónica, nas mesmas condicións cás máquinas de tipo B.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 10 nova redacción por disposición adicional décima.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 10 apartado 1 suprimido por artigo único apartado dous.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 10 apartado 2 nova redacción por disposición derradeira novena.

Artigo 11

Nos bares, cafetarías, establecementos de hostalaría e análogos tan só se poderá instalar unha máquina de cada un dos tipos «A especial» e «B». En ningún caso a instalación de máquinas de xogo poderá desvirtuar nin impedir o desenvolvemento normal da actividade propia do establecemento. Así mesmo, poderá autorizarse a instalación de terminais de xogo de acordo co que se dispoña na normativa regulamentaria correspondente e nos termos de planificación que nela se fixen.

Regulamentariamente poderá limitarse o número total dos aparellos anteriormente citados neste tipo de establecementos.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 11 nova redacción por disposición adicional décimo primeira.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 11 nova redacción por artigo 23.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 11 nova redacción por artigo único apartado sete.

Artigo 12

1. As empresas que realicen a explotación de xogos con ánimo de lucro deberanse constituír baixo a forma de sociedade mercantil.

2. Tódalas empresas de xogo deberán constituír fianza, que en ningún caso será inferior ó vintecinco por cento do capital social. A fianza aplicarase, no seu caso, a garantiza-las obrigas derivadas da presente Lei.

Artigo 13

1. As empresas que realicen a explotación mercantil dun casino de xogo deberán contar ó menos cun capital social equivalente ó producto resultante de multiplica-lo aforo da sala principal pola cantidade de tres millóns de pesetas. Se con posterioridade á constitución estas empresas incrementasen o aforo, aumentarase o capital social de acordo co establecido no párrafo anterior.

2. As empresas que realicen a xestión e explotación mercantil do xogo do bingo contarán cun capital social mínimo de cinco millóns de pesetas por sala. O número máximo de salas por empresa será de cinco no ámbito da Comunidade Autónoma Galega.

4. A empresa adxudicataria do xogo da lotería instantánea electrónica deberá revesti-la forma de sociedade anónima e contar cun capital social mínimo de 60.101,21 euros no momento da autorización, debendo procederse á adaptación deste por períodos de tres anos de tal forma que ó final de cada un deses períodos o capital sexa como mínimo un 30% do total do investimento executado acumulado nese mesmo período.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 13 apartado 4 engadido por disposición adicional décimo segunda.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 13 apartado 3 suprimido por artigo único apartado tres.

Artigo 14

As empresas que se dediquen á fabricación, distribución ou importación de máquinas ou elementos directamente relacionados co xogo, deberán ter como mínimo un capital social de cinco millóns de pesetas, a súa contía non se poderá diminuír durante a existencia da sociedade e deberá reuni-los mesmos requisitos esixidos nos artigos anteriores.

Artigo 15

As persoas que realicen a súa actividade en empresas adicadas á xestión e á explotación do xogo en Galicia, deberán estar en posesión do correspondente documento profesional.

Artigo 16

Son máquinas de xogo os aparatos de funcionamento manual ou automático que a cambio dun prezo lle permiten ó usuario un tempo de recreo e, eventualmente, en función do azar ou da destreza do usuario, obter da máquina un premio ou un obxecto economicamente valorable.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 16 nova redacción por disposición adicional décimo terceira.

Artigo 17

Para efectos do seu réxime xurídico, as máquinas de xogo clasifícanse nos seguintes tipos:

2. Máquinas tipo «A especial»: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets, fichas, vales ou similares, con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro. Os premios outorgaranse conforme os requisitos e os límites que regulamentariamente se establezan e, en todo caso, serán inferiores aos previstos para as máquinas de tipo «B».

3. Máquinas tipo «B» ou recreativas con premio programado: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, de acordo co programa de xogo, cos límites que regulamentariamente se establezan.

4. Máquinas tipo «B especial»: son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, de acordo co programa de xogo, cos límites que regulamentariamente se establezan, que, en todo caso, serán superiores aos previstos para as máquinas de tipo «B». Estas máquinas serán de instalación exclusiva en salóns de xogo, bingos e casinos, terán un réxime xurídico propio e seralles de aplicación subsidiaria, para todo o non previsto especificamente para elas, a regulación das máquinas de tipo «B».

5. Máquinas tipo «C» ou máquinas de azar: son aquelas que, a cambio do prezo da partida, lle conceden á persoa usuaria un tempo de uso ou de xogo e, eventualmente, un premio, cos límites que regulamentariamente se establezan. Serán de instalación exclusiva en casinos.

6. Regulamentariamente determinaranse as condicións de instalación de máquinas tipo «B», «B especial» e «C», multipostos, interconexionadas e/ou progresivas.

7. Sen prexuízo do sinalado nas alíneas anteriores, o Consello da Xunta de Galicia poderá, mediante decreto, ademais de fixar os requisitos de homologación e contías, porcentaxes e límites de prezos e premios para cada tipo, incorporar á clasificación anterior outros tipos ou subgrupos de máquinas que, polas súas características ou polo feito de combinar modalidades, elementos ou mecanismos de diferentes xogos autorizados, non estivesen identificadas ou comprendidas nos sinalados antes.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 17 nova redacción por disposición adicional décimo cuarta.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 17 nova redacción por artigo 24.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 17 apartado 1 suprimido por artigo único apartado catro.

Artigo 18

Só poderán explota-las máquinas dos tipos A especial e B as empresas operadoras autorizadas.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 18 nova redacción por disposición adicional décimo quinta.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 18 nova redacción por artigo único apartado sete.

Artigo 19

1. As máquinas de xogo deberán dispoñer da autorización oficial que estableza a Xunta de Galicia.

2. Quedan expresamente excluídas desta lei:

a) As máquinas puramente expendedoras ou de venda de productos e mercancías, nas que o importe depositado para a obtención do producto ofertado se corresponde co seu valor de mercado, sen intervención de ningún compoñente de xogo.

b) As máquinas tocadiscos ou videodiscos.

c) As máquinas de pura competencia ou deporte.

d) As máquinas ou aparatos de uso infantil.

e) As máquinas tipo A ou recreativas, que son aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo sen ningún tipo de premio nin contraprestación en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets ou vales con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro, agás a posibilidade de prolongar a propia partida ou outras adicionais co mesmo importe inicial.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 19 nova redacción por disposición adicional décimo sexta.

Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 19 apartado 1 nova redacción por artigo 22º apartado dous.

Lei6/2014, do 26 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 19 apartado 1 nova redacción por artigo único apartado cinco e apartado 2.e) engadido por artigo único apartado seis.

Artigo 20

A autorización, a organización e o desenvolvemento do xogo mediante boletos, das rifas, das tómbolas e das combinacións aleatorias serán obxecto dos seus propios regulamentos.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 20 nova redacción por disposición adicional décimo sétima.

Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 20 nova redacción por artigo 22º apartado tres.

Artigo 21

1. Os xogos e apostas regulados nesta Lei só poderán ser practicados previa a súa inclusión no catálogo.

2. O catálogo especificará para cada xogo ou aposta:

a) As distintas denominacións con que sexa coñecido e as súas posibles modalidades.

b) Os elementos necesarios da súa práctica.

c) As regras aplicables ó mesmo.

d) Os condicionamentos e prohibicións que se considere necesario impoñer á súa práctica.

3. Así mesmo deberá establecer:

a) A transparencia no desenvolvemento dos xogos e a garantía de que non se poden producir fraudes.

b) A posibilidade de levar e controlar, no seu caso, a contabilidade de tódalas operacións realizadas.

c) O rigoroso control tributario.

Artigo 22

É competencia do Consello da Xunta de Galicia:

a) A aprobación do catálogo de xogos e apostas autorizadas.

b) A planificación dos xogos e apostas na Comunidade Autónoma conforme ás normas xerais do Estado.

c) A aprobación dos regulamentos especiais de xogos e apostas, incluídos no catálogo.

d) Reserva-la xestión do xogo das loterías a un organismo ou a unha sociedade pública da Comunidade Autónoma.

Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 22 apartado d) engadido por artigo 27.

Artigo 23

Correspóndelle á consellería competente en materia de xogos e apostas:

a) Concede-las autorizacións necesarias para xestionar e explota-los xogos e apostas. Cando se conceda mediante concurso público será obrigatorio o informe favorable da consellería competente en materia de economía e facenda sobre as condicións económico-financeiras.

b) Determina-las condicións relativas ás actividades relacionadas con estes e coa materia de publicidade nos termos previstos no artigo 5.

c) O control dos seus aspectos administrativos e técnicos.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 23 nova redacción por disposición adicional décimo oitava.

Artigo 24

1. Créase o Corpo de Inspectores de Xogos e Apostas que, amais da súa inspección permanente e sen prexuício das competencias do Estado en materia de orde pública e seguridade cidadá, terá as funcións que regulamentariamente se lle asignen, e principalmente as seguintes:

a) A vixilancia do cumprimento do previsto na presente Lei e nas disposicións complementarias dictadas ó efecto.

b) O descubrimento e persecución do xogo clandestino.

c) Levanta-las pertinentes actas por infraccións administrativas.

2. O ingreso no Corpo de Inspección de Xogos e Apostas estará sometido ás seguintes prevencións:

a) Sistema de oposición libre conforme ó establecido na lexislación xeral.

b) Estar en posesión de titulación académica a nivel de diplomado ou equivalente.

Artigo 25

1. Créase a Comisión de Xogo de Galicia como órgano de estudio, coordenación e asesoramento das actividades relacionadas coa práctica de xogos e apostas no territorio da Comunidade Autónoma.

2. Correspóndelle á Comisión de Xogo de Galicia informar naquelas materias relacionadas coas actividades reguladas na presente Lei que sexan competencia do Consello da Xunta de Galicia, e naquelas nas que este ou a Consellería da Presidencia lle soliciten.

3. Atribúenselle á Comisión de Xogo as seguintes competencias:

a) O informe preceptivo non vinculante, que se emitirá no prazo de 15 días desde que teña entrada na Secretaría da antedita Comisión, sobre os asuntos seguintes:

— Disposicións de carácter xeral que se teñan que dictar en desenvolvemento desta Lei e do Catálogo de Xogos.

— Medidas de planificación do xogo en Galicia.

— Propostas de altas e baixas e modificacións no Catálogo do Xogo en Galicia.

b) Evacuar calquera outro informe ou consulta que lle sexan solicitados conforme ó apartado 2.

Artigo 26

1. A Comisión do Xogo será presidida polo conselleiro con competencias en materia de xogos e apostas e estará integrada polos seguintes membros:

a) O director xeral con competencias en materia de xogos e apostas, que actuará como vicepresidente.

b) Un representante con rango de director xeral por cada unha das consellerías con competencia en materia de economía e facenda, traballo, industria, xuventude e deportes.

c) Un representante de cada un dos sectores de casinos, bingos e máquinas de xogo.

2. Será secretario da comisión un funcionario da consellería con competencias na materia.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 26 nova redacción por disposición adicional décimo novena.

Artigo 27

1. Constitúe infracción administrativa o incumprimento dos mandatos, ordes e prohibicións establecidos pola presente Lei e disposicións regulamentarias que a desenvolvan.

2. As infraccións serán moi graves, graves ou leves.

Artigo 28

Será infracción moi grave:

a) A organización, xestión ou explotación de xogos e apostas sen posuír tódalas autorizacións legalmente previstas.

c) Utilizar elementos de xogos ou máquinas non homologadas ou autorizadas ou substituír fraudulentamente o material de xogo ou das máquinas de tipo B e C.

d) Fabricar, distribuír, vender, explotar ou instalar máquinas ou elementos de xogo non inscritos no Rexistro de Modelos, ou por persoas ou empresas non autorizadas para explotaren ou instalaren máquinas B ou C en locais ou lugares non autorizados.

e) A autorización ou permisión ós menores de idade da práctica de xogos de sorte, de envite ou de azar.

f) A utilización de documentos non conformes á realidade para obte-los permisos ou autorizacións necesarios.

g) A carencia dos documentos necesarios para a explotación dos elementos de xogo.

h) A organización e maila práctica dos xogos aprobados polo Catálogo de Xogos en recintos distintos ós autorizados.

i) O feito de supera-los límites máximos de premios ou de apostas permitidas para cada xogo.

l) A concesión de préstamos ós xogadores apostantes nos lugares nos que se practique o xogo.

ll) A inexistencia das medidas de seguridade dos locais esixidas na autorización de instalación ou permiso de apertura ou o non funcionamento das mesmas cando lle poida afectar á seguridade das persoas.

m) Calquera acción ou omisión que, significando unha alteración ou modificación substancial do disposto nos Regulamentos respectivos, sexa determinante de defraudación ou engano.

n) A reincidencia pola comisión de máis dunha infracción grave no prazo dun ano.

Lei 7/1991, do 19 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 28 apartado b) suprimido por disposición adicional terceira.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 28 apartado n) engadido por disposición adicional vixésima.

Artigo 29

Será infracción grave:

a) A cesión, por calquera título de autorizacións para a práctica de xogos, salvo que estes cumpran os requisitos e as condicións fixadas regulamentariamente.

b) Calquera acción de carácter publicitario dos xogos que infrinxa as normas regulamentarias establecidas.

c) As promocións de venda mediante actividades análogas ás dos xogos incluídos no catálogo.

d) A negativa a exhibirlles ós Axentes da Autoridade e demais funcionarios os documentos acreditativos das autorizacións administrativas correspondentes, así como non lles abrir ou mostrarlles ós mesmos as máquinas ou elementos de xogo.

e) As actitudes de coacción ou intimidación sobre os xogadores no caso de protestas ou reclamación.

f) Non leva-los libros de contabilidade específicos do xogo naquelas actividades que se determinen no Catálogo de Xogos, e en todo caso das empresas titulares das actividades a que se refire esta Lei.

g) Non lles facilitar ós órganos competentes a información necesaria para o adecuado control das actividades de xogos e apostas, conforme ás disposicións establecidas na presente Lei.

h) A admisión de máis xogadores do que permita o aforo do local.

i) Non ter no local ou instalada na máquina toda a documentación esixida preceptivamente.

j) A reincidencia pola comisión de máis dunha infracción leve no prazo dun ano.

Lei 7/1991, do 19 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 29 apartado i) engadido por disposición adicional terceira.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 29 apartado j) engadido por disposición adicional vixésimo primeira.

Artigo 30

Serán infraccións leves:

b) A levanza inexacta de maneira habitual do ficheiro de visitantes.

c) E, en xeral, tódalas previstas na Lei e disposicións regulamentarias que, non estando comprendidas nos artigos 28 e 29, non produzan prexuícios a terceiros nin beneficios ó infractor.

Lei 7/1991, do 19 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 30 apartado a) suprimido por disposición adicional terceira.

Artigo 31

1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa superior a 18.000 euros ata 100.000 euros, que se poderá elevar ata 600.000 euros no caso de reincidencia ou segundo as contías xogadas, beneficios obtidos ou incidencia social.

Como sanción accesoria poderase, ademais, retirar temporal ou definitivamente a autorización concedida e proceder á clausura do local de xogo. No suposto de revogación da autorización ou clausura definitiva como local de xogo non se lles poderán conceder, ata transcorridos cinco anos, novas autorizacións para calquera das actividades previstas nesta lei ás mesmas empresas. Así mesmo poderase, de se-lo caso, decreta-la destrucción da máquina ou dos elementos de xogo.

2. As infraccións graves serán castigadas con multa superior a 3.000 euros ata 18.000 euros.

3. As infraccións leves serán sancionadas a primeira vez con apercibimento. Se a falta implica unha deficiencia técnica requirirase o infractor para que proceda á súa reparación inmediata. Se o requirimento non fose atendido ou se reiterase ou persistise na infracción, impoñeráselle unha multa de 1.000 euros a 3.000 euros.

4. A sanción levará implícita a devolución dos beneficios ilicitamente obtidos, segundo os casos, á administración ou ós directamente prexudicados.

5. Para os efectos desta lei, das infraccións cometidas por empresas serán responsables solidarios os xerentes e administradores destas.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 31 nova redacción por disposición adicional vixésimo segunda.

Artigo 32

1. A resolución dos expedientes sancionadores corresponde:

a) Ó director xeral con competencias en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista nunha multa de ata 60.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de tres anos.

b) Ó conselleiro competente en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista en multa superior a 60.000 euros ata 300.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de cinco anos.

c) Ó Consello da Xunta, cando a sanción consista en multa superior a 300.000 euros e/ou na retirada definitiva da autorización ou clausura tamén definitiva do local.

2. A potestade sancionadora exercitarase seguindo o procedemento establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na normativa de desenvolvemento desta. En todo caso, o prazo para dictar e notificar resolución expresa será dun ano desde a data do acordo de iniciación.

3. Un mesmo feito non pode ser considerado como constitutivo de infraccións administrativas diferentes, agás que nel exista infracción administrativa tributaria.

4. Iniciado o expediente sancionador por falta grave ou moi grave, a autoridade competente para resolvelo poderá decretar, como medida provisional, o comiso de efectos, máquinas ou instrumentos de xogo relacionados coa infracción.

Cando o persoal inspector proceda a levantar acta por infraccións que poidan ter este carácter de grave ou moi grave e se estime conveniente para efectos probatorios, este realizará o precinto inmediato de tales máquinas, efectos ou instrumentos, reflectindo tal circunstancia na dita acta, así como as razóns que a motivaron.

A Administración dispón do prazo de 30 días naturais para confirmar ou modificar tal medida provisional. Transcorrido o prazo, sen efectuárlle-la oportuna notificación á empresa operadora ou ó titular do local, indistintamente, quedará enervada a devandita medida provisional, sen prexuício de que poida adoptarse posteriormente.

Lei 7/1991, do 19 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 32 apartado 4) nova redacción por disposición adicional terceira.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 32 apartados 1, 2 e 3 nova redacción por disposición adicional vixésimo terceira.

Artigo 33

A autorización, organización ou celebración de xogos e actividades comprendidas nesta lei queda sometida ás correspondentes taxas fiscais sobre xogos de sorte, envite ou azar e sobre rifas, tómbola, apostas e combinacións aleatorias.

Lei 2/2013, do 27 de febreiro.

Artigo modificado:Artigo 33 nova redacción por artigo 70.

Artigo 34

A prestación dos servicios encamiñados á obtención de inscricións, dilixencias de libros, expedición de documentos, autorizacións, licencias ou permisos, dará lugar á percepción pola Comunidade Autónoma da taxa que lle corresponde na contía que legalmente se determine.

Disposición adicional primeira

O disposto nesta lei enténdese sen prexuízo das competencias que lle correspondan ao Estado en materia de xogos e apostas.

Non obstante, a instalación e apertura de locais presenciais abertos ao público para a explotación de xogos e apostas da competencia do Estado, con exclusión dos supostos previstos na alínea Cinco da disposición adicional primeira da Lei 13/2011, así como a instalación de terminais ou equipos que permitan a participación nos xogos, apostas e lotarías, tanto nos locais de xogo recollidos nesta lei coma nos establecementos de hostalaría e análogos ou en calquera outro local presencial aberto ao público situado na Comunidade Autónoma de Galicia, requirirán a autorización administrativa da Comunidade Autónoma. Todo isto de acordo cos criterios de planificación e ordenación da actividade do xogo que regulamentariamente se establezan e conforme os procedementos regulamentariamente esixidos.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Disposición adicional primeira nova redacción por artigo 25 apartado un.

Disposición adicional segunda

Autorízase ó Goberno galego a dicta-las disposicións regulamentarias que cumpran para o desenvolvemento desta Lei. Mentres non se dicten, aplicaranse as emanadas da Administración do Estado.

Disposición adicional terceira

No catálogo que se elabore, incluiranse, como mínimo, os seguintes xogos:

-Lotería.

-Os correspondentes a casinos de xogo.

-Bingo.

-Máquinas tipos A, A especial, B e C.

-Rifas.

-Tómbolas.

-Apostas hípicas.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por disposición adicional vixésimo cuarta.

Disposición adicional cuarta

Ós efectos previstos no artigo 6, establécense as seguintes definicións:

a) Ruleta francesa.— A ruleta é un xogo de azar, dos denominados de contrapartida, a súa característica esencial reside en que os participantes xogan contra o establecemento organizador, dependendo a posibilidade de gañar do movemento dunha bola que se move dentro dunha roda horizontal xiratoria.

b) Ruleta americana.— É a variedade de ruleta na que as apostas se colocan sobre un dos lados do tapete e na que un número á cifra máxima de colores existentes figura no reborde do cilindro.

c) Black-Jack ou Vinteún.— O Black-Jack ou Vinteún é un xogo de azar practicado con naipes dos denominados de contrapartida, no caso de que os participantes xoguen contra o establecemento, sendo o obxecto do xogo acadar vinteún puntos ou achegarse a eles sen pasar deste límite.

d) Bola ou Boule.— A Bola ou Boule é un xogo de azar, dos denominados de contrapartida, no que os participantes xogan contra o establecemento organizador dependendo a posibilidade de gañar, igual que na ruleta, do movemento dunha bola que se move dentro dunha plataforma circular.

e) Trinta e Corenta.— O Trinta e Corenta é un xogo de azar, practicado con cartas, dos denominados de contrapartida, no que os participantes xogan contra o establecemento, existindo varias combinacións gañadoras.

f) Punto e Banca.— O Punto e Banca é un xogo de cartas que enfrenta a varios xogadores entre si, podendo o resto daqueles apostar tanto a favor da banca coma contra dela. Correspóndelle en todo caso ó establecemento o exercicio da banca.

g) Camiño de Ferro, Bacarrá ou Chemin de Fer.— O Camiño de Ferro, Bacarrá, coñecido tamén como Chemin de Fer, é un xogo de cartas dos denominados de círculo, que enfrenta a varios xogadores entre si, tendo un deles a banca e podendo apostar contra esta tódolos xogadores que se atopen sentados e os que se atopen detrás destes, de pé.

h) Bacarrá a dous panos.— O Bacarrá a dous panos é un xogo de cartas dos denominados de círculo, que enfrenta a un xogador, que é a banca, con outros xogadores, podendo apostar contra aquel tanto os xogadores que se atopen sentados ó redor da mesa de xogo coma os que están situados de pé detrás daqueles.

i) Dados ou Craps.— O xogo de dados é un xogo de azar, dos denominados de contrapartida, no que os participantes xogan contra o establecemento, existindo varias combinacións gañadoras.

l) Póker-Keno-Roda da Fortuna.— O Póker-Keno-Roda da Fortuna consiste en sinalar unha lista de números do un ó oitenta, vinte dos cales se escollen ó azar en cada xogo. Cada número págase a dous por un.

ll) Xogo do bingo.

O xogo do bingo é un xogo de azar consistente na extracción de bólas con distintas numeracións depositadas nun bombo ou máquina mecánica, ou ben na xeración en soporte electrónico ou virtual dun número indeterminado de bólas, ata completar todas e cada unha das combinacións gañadoras establecidas, con dereito a premio, a medida que os números van sendo extraídos, xerados e anunciados. Conseguirán o premio os xogadores ou as xogadoras que antes consigan completar os números que compoñen a combinación gañadora.

O xogo do bingo, na súa forma tradicional realizada por medios presenciais, xógase con 90 números, do 1 ao 90, ambos os dous incluídos. Os xogadores ou as xogadoras teñen como unidade de xogo cartóns integrados por quince números distintos entre si, distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e en nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca haxa unha columna sen número.

Nas restantes modalidades do xogo do bingo, sexa cal sexa a súa canle de explotación, poderase xogar con máis ou menos de 90 números, distintos aos comprendidos entre o 1 e o 90, e con combinacións de composición diferentes ás utilizadas no sistema tradicional en canto ao número de combinacións gañadoras e aos números ou figuras que as integren conforme o programa de xogo que se autorice.

m) Xogo da lotería.

É o xogo que, realizado a través de terminais de acceso ou mediante a adquisición de boletos e participacións nos establecementos autorizados, permite obter, de se-lo caso, a cambio dun prezo certo, o premio en metálico indicado nestes.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Disposición adicional cuarta apartado m) nova redacción por disposición adicional vixésimo quinta.

Lei 12/2011, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Disposición adicional cuarta apartado ll) nova redacción por artigo 25 apartado dous.

Disposición transitoria primeira

Os casinos actualmente en funcionamento na Comunidade Autónoma Galega dispoñerán ata o 31 de decembro de 1986 para se adaptar ás disposicións da presente Lei.

Disposición transitoria segunda

Ás salas de bingo xa autorizadas no lles será de aplicación o establecido no artigo 9 apartado 3, aínda no caso de solicitude de modificacións, renovacións, cambio de empresa de servicios ou da entidade titular da licencia.

No caso de renuncia, disolución, perda da licencia, extinción do contrato ou outra circunstancia pola que a entidade titular da mesma deixe de selo, poderá asumi-la titularidade da licencia a empresa de servicios, tendo preferencia, en todo caso, a que acredite a disponibilidade do local.

Disposición transitoria terceira

As entidades benéficas, deportivas, culturais e turísticas que na actualidade están autorizadas para a explotación do xogo do bingo e veñan realizando por si mesmas e baixo a súa responsabilidade a xestión do xogo ou que teñan contratada cunha empresa de servicios, poderán continuar coa situación ata agora vixente durante dous anos a partir da entrada en vigor da presente Lei, ou os necesarios, no seu caso, para completa-lo período de dez anos desde que se iniciou a actividade, que permita a amortización dos investimentos realizados. Cumprindo o prazo de autorización só se poderá renovar en favor da empresa de xogo que se sub-rogase nos dereitos dunhas ou outras nas condicións que para as empresas de xogo establece o artigo 15 da Lei.

Disposición transitoria cuarta

Os salóns recreativos axustaranse ó establecido na presente Lei nun prazo que rematará o 31 de decembro de 1986; en todo caso, nos salóns onde existan máquinas tipo B, impedirase o acceso ós menores de idade desde a entrada en vigor desta Lei.

Disposición transitoria quinta

Desde a entrada en vigor da presente Lei, os establecementos a que se refire o artigo 11 deberanse axustar, antes do 31 de decembro de 1985, ás previsións e requisitos esixidos no devandito precepto.

Disposición transitoria sexta

Os empresarios individuais transformaranse en sociedades mercantís e cos requisitos esixidos nesta Lei nun prazo que rematará o 31 de decembro de 1986.

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 1985

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia