lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Publicado en: DOG 62 31/03/2014

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

Estado: En vigor

PDF

A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, crea unha rede ecolóxica europea coherente denominada Natura 2000 que constitúe un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. A Rede Natura 2000 está composta polos lugares de importancia comunitaria (en diante, LIC), ata a súa transformación en zonas especiais de conservación (en diante, ZEC), polas ditas ZEC e polas zonas de especial protección para as aves (en diante, ZEPA), declaradas segundo as disposicións da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres.

Coa adopción da Decisión 2004/813/CE da Comisión, do 7 de decembro, pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica (DOUE núm. L 387, do 29.12.2004), e a Decisión 2006/613/CE da Comisión, do 19 de xullo, pola que se aproba, de conformidade coa Directiva 92/43/CEE do Consello, a lista de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica mediterránea (DOUE núm. L 259, do 21.9.2006), a Comisión Europea aprobou os 59 LIC que foron propostos pola Comunidade Autónoma de Galicia. Estas listas sufriron sucesivas actualizacións. A este respecto, o réxime actualmente vixente está constituído polas decisións de execución da Comisión 2013/740/UE e 2013/739/UE, do 7 de novembro de 2013, polas que se adopta a sétima lista actualizada de lugares de importancia comunitaria das rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, respectivamente.

O artigo 42.3 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, establece que, unha vez aprobada a lista de LIC pola Comisión Europea, estes deberán ser declarados como ZEC polas comunidades autónomas correspondentes canto antes e como máximo nun prazo de seis anos, xunto coa aprobación do correspondente plan ou instrumento de xestión. Así mesmo, o artigo 45.1.a) do mesmo texto legal, sobre medidas de conservación da Rede Natura 2000, establece a obriga de elaborar plans ou instrumentos de xestión, específicos para os lugares ou integrados noutros plans de desenvolvemento, que deben incluír, polo menos, os obxectivos de conservación do lugar e as medidas apropiadas para manter os espazos nun estado de conservación favorable. Estes plans deberán ter en especial consideración as necesidades daqueles concellos incluídos na súa totalidade ou nunha gran porcentaxe do seu territorio na Rede Natura 2000.

En particular, de acordo co artigo 36.1 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, mediante este decreto procédese á declaración como ZEC e determinación da fórmula de xestión das áreas mariñas dos LIC marítimo-terrestres que forman parte da Rede Natura 2000 no litoral galego, tendo en conta a súa clara continuidade ecolóxica coas áreas terrestres contiguas. Todo o anterior non vai en detrimento do que se estableza de común acordo coa Administración xeral do Estado en relación coa colaboración necesaria na xestión da biodiversidade nas áreas mariñas da Rede Natura 2000.

A Xunta de Galicia, mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (en diante, ZEPVN), integrou na Rede galega de espazos protexidos todos os LIC propostos para formar parte da Rede Natura 2000 e todos os lugares declarados como ZEPA conforme a Directiva 79/409/CEE do Consello, do 2 de abril de 1979. Tal norma comunitaria foi derrogada en favor da vixente Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro. No referido contexto normativo tamén procede citar o Decreto 131/2008, do 19 de xuño, polo que se declara zona de especial protección para as aves o espazo natural Pena Trevinca, e o Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a zona de especial protección para as aves da Limia.

Co fin de dar cumprimento ás previsións normativas citadas, este decreto ten por obxecto declarar como ZEC os LIC presentes en Galicia e aprobar o Plan director da Rede Natura 2000 como instrumento de planificación e xestión que establece un conxunto de obxectivos e medidas de xestión para os espazos naturais que se inclúen no seu ámbito de aplicación, coa finalidade de asegurar un estado de conservación favorable dos tipos de hábitats naturais e das especies de interese comunitario da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, e das especies de aves a que se refire o artigo 4 da Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro. Trátase dun instrumento que se estrutura e se adapta á figura de plan de ordenación dos recursos naturais (en diante, PORN), figura que permite a planificación en rede e que está prevista tanto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, como na Lei 42/2007, do 13 de decembro, complementando os obxectivos formulados en ambas as normativas cos obxectivos e directrices para a xestión dos espazos protexidos Rede Natura 2000.

A delimitación xeográfica dos LIC que se declaran mediante este decreto ZEC correspóndense coa información oficial Rede Natura 2000 (cartografía e formulario normalizado de datos Rede Natura 2000). Na maior parte dos casos os límites xeográficos foron dixitalizados sobre unha base cartográfica a escala 1:50.000 (proxección UTM; datum ED50; fuso 29). Con motivo da declaración de ZEPVN efectuada mediante o Decreto 72/2004, do 2 de abril, obtívose unha delimitación máis precisa, dixitalizada sobre unha base cartográfica 1:5.000 (proxección UTM; datum ED50; fuso 29) dos LIC propostos, escala máis axeitada para a planificación dos recursos naturais.

O procedemento para a validación desta actualización da cartografía oficial con motivo da mellora na escala de traballo iniciouse ante a Administración xeral do Estado en setembro de 2011. A dita actualización non formará parte da información oficial Rede Natura 2000 ata a súa validación pola Comisión Europea, tal e como queda recollido na disposición derradeira primeira deste decreto.

En consecuencia, tal e como se desprende das previsións contidas no artigo 3 e na disposición derradeira primeira, decláranse como ZEC os LIC cos límites xeográficos recollidos nas decisións da Comisión anteditas, que son os que figuran no anexo I do decreto, e apróbase o plan director que será de aplicación á superficie comprendida dentro de tales límites. Ademais, prevese a aplicación do plan director a aquela superficie non incluída no anexo I declarada ZEPVN, como réxime de protección mentres non se produza a aprobación da actualización de límites pola Comisión Europea. Unha vez realizada esta aprobación pola Comisión, o presente decreto garante sempre a declaración como ZEC dos espazos contidos na delimitación actualizada. Para estes efectos autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para modificar mediante orde o anexo I deste decreto para recoller os límites xeográficos actualizados.

En canto ao procedemento de elaboración do decreto, o día 13 de xuño de 2011 presentouse o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia ao Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible como órgano consultivo de carácter colexiado da Administración pública galega. Por medio do anuncio do 20 de xuño de 2011 acordouse someter á participación do público o borrador do plan director, conforme o establecido no artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente. Tras o período de consultas, acordáronse unha serie de modificacións para a mellora do documento.

Conforme o establecido nos artigos 21.2 e 44 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, mediante os que se regulan os procedementos de información pública e audiencia aos interesados, previos á aprobación dos PORN e á declaración de ZEC, e o establecido no artigo 23.4 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o 17 de xullo de 2012 publicábase no Diario Oficial de Galicia núm. 136 o Anuncio do 5 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acordaba someter ao procedemento de información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Posteriormente, o proxecto de decreto someteuse ao trámite de audiencia dos concellos afectados durante un período de quince días hábiles. Así mesmo, foron oídas as xuntas consultivas dos parques naturais constituídas ao abeiro do Decreto 265/2007, do 28 de decembro, polo que se modifica a composición das xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia.

Finalmente, o texto modificado foi presentado de novo ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o 20 de decembro de 2013.

Polo anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de marzo de 2014,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Zonas especiais de conservación

Artigo 1. Declaración de zonas especiais de conservación

1. Decláranse zonas especiais de conservación (en diante, ZEC) os lugares de importancia comunitaria relacionados no anexo I deste decreto, no cal se concretan os hábitats e as especies que motivan a súa declaración.

2. A delimitación xeográfica das ZEC do anexo I deste decreto correspóndese cos límites xeográficos dos lugares de importancia comunitaria (en diante, LIC) aprobados pola Decisión 2013/740/UE de execución da Comisión, do 7 de novembro de 2013, pola que se adopta a sétima lista actualizada de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica atlántica, e pola Decisión 2013/739/UE de execución da Comisión, do 7 de novembro de 2013, pola que se adopta a sétima lista actualizada de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica mediterránea.

CAPÍTULO II Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

Artigo 2. Aprobación do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

Apróbase o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, o cal ten a natureza de plan de ordenación dos recursos naturais dos espazos protexidos Rede Natura 2000 de Galicia. O dito plan está integrado por unha parte dispositiva e por un mapa de límites e zonificación, os cales se recollen nos anexos II e III deste decreto.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

1. O Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia será de aplicación ao conxunto dos espazos protexidos recollidos no anexo I deste decreto, constituídos por 59 ZEC, así como tamén ás 16 zonas de especial protección para as aves (en diante, ZEPA).

2. Así mesmo, o Plan director da Rede Natura 2000 será de aplicación a todas as superficies non incluídas no anexo I, declaradas zonas de especial protección dos valores naturais polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (en diante, ZEPVN), e á disposta polo Decreto 411/2009, do 12 de novembro, polo que se declara a zona de especial protección para as aves da Limia, como réxime preventivo de protección con vistas á súa futura integración na Rede Natura 2000, unha vez que a Comisión Europea actualice os límites.

Artigo 4. Avaliación das repercusións

Os procedementos de avaliación das repercusións de plans, programas e proxectos sobre os espazos protexidos incluídos no ámbito de aplicación deste decreto realizaranse consonte o disposto no artigo 84 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, e no artigo 39 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Lei 7/2022, do 27 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 4 nova redacción por artigo 19 apartado un.

Artigo 5. Xestión

1. A dirección xeral competente en materia de conservación da natureza será a responsable da posta en marcha das medidas de xestión contidas no plan, en coordinación coas administracións públicas competentes e con outros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A concesión das autorizacións de usos e actividades, así como daqueles plans, programas e proxectos que non requiren da avaliación das repercusións a que se refire o artigo 45.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e que teñen a condición de autorizables no plan, correspóndelle á persoa titular da xefatura territorial competente en materia de conservación da natureza por razón de territorio, logo do informe ambiental emitido polo servizo de conservación da natureza correspondente. No caso de que os usos e actividades, plans, programas ou proxectos afecten máis dunha provincia, a concesión da autorización corresponderá á dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

A concesión das autorizacións daqueles plans, programas e proxectos que requiren da avaliación das repercusións a que se refire o artigo 45.4 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, sometidos a avaliación ambiental de conformidade coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, correspóndelle á dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo das autorizacións que poidan corresponder a outras administracións ou a outros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No caso en que a tramitación de determinados plans, programas ou proxectos requira da emisión dun documento que certifique a ausencia de afección apreciable destes sobre a Rede Natura 2000, este substanciarase mediante unha declaración da autoridade responsable, que corresponderá ao titular da dirección xeral con competencias en materia de conservación da natureza, de acordo coas disposicións deste decreto, agás os supostos en que a declaración corresponda ao Estado.

Artigo 6. Colaboración entre administracións públicas

A dirección xeral competente en materia de conservación da natureza promoverá a colaboración entre as administracións públicas afectadas para garantir o cumprimento dos obxectivos das medidas de conservación dos espazos protexidos que resultan do ámbito de aplicación deste plan. En particular, naqueles que se integren na Rede de áreas mariñas protexidas de España conforme os artigos 24 e 26 da Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño, nos cales haberá que desenvolver unha xestión coherente e coordinada coa Administración xeral do Estado.

Artigo 7. Réxime de infraccións e sancións

O réxime sancionador aplicable aos espazos protexidos que resultan do ámbito de aplicación do presente plan será o establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza de Galicia; na Lei 42/2007, do 13 de decembro, e na Lei 41/2010, do 29 de decembro, así como calquera outra que resulte de aplicación.

Artigo 8. Acceso á información contida no plan director

A consellería con competencias en materia de conservación da natureza deberá garantir o acceso permanente á información contida no plan director, incluída a cartografía, e manter actualizada a dita información cando se produzan modificacións ou revisións.

Disposición transitoria única. Información relativa aos tipos de hábitats naturais e especies de interese comunitario presentes nas ZEC e ZEPA

A información actualizada recollida no Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia relativa aos tipos de hábitats naturais e especies de interese comunitario presentes no ámbito de aplicación do presente plan non formará parte da información oficial Rede Natura 2000 mentres non se produza a súa validación pola Comisión Europea.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogados o artigo 2 do Decreto 72/2004, do 2 de abril, e os artigos 4.2 e 4.3, en canto ao réxime de autorizacións, do Decreto 411/2009, do 12 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Actualización de límites

Unha vez publicadas as decisións da Comisión Europea polas que se aproben os límites actualizados tal e como se recollen no anexo III, todos os espazos comprendidos nos límites actualizados terán a consideración de ZEC de acordo co artigo 1 deste decreto.

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para modificar mediante orde o anexo I deste decreto para recoller os límites xeográficos actualizados.

Disposición derradeira segunda. Vixencia

As presentes medidas de conservación e xestión terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización conforme o estado da ciencia e da técnica, e sen prexuízo da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

Disposición derradeira terceira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto. O dito desenvolvemento poderá levarse a cabo mediante a elaboración de medidas de conservación e xestión específicas para cada ZEC ou ZEPA, ou ben para determinados hábitats ou especies, ou para determinados usos e actividades, ou mediante o establecemento de obxectivos operativos específicos que desenvolvan os obxectivos que figuran no anexo II deste decreto cos seus correspondentes indicadores. As ditas medidas e obxectivos operativos específicos poderán ser aprobados mediante orde, respectando o establecido no título III da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de marzo do dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I

Zonas especiais de conservación

[Documento: dec_CMATI----_00037_2014_20140327]

Modificación. Anexo 1 nova redacción.Véxase a ligazón á Orde do 11 de xullo de 2016.

Orde do 11 de xullo de 2016.

Artigo modificado:Anexo I nova redacción por artigo único.

ANEXO II

Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia

[Documento: dec_CMATI----_00037_2014_20140327]

Modificación. Anexo 2 nova redacción.Véxase a ligazón á lei 9/2017.
Modificación. Anexo 2 nova redacción.Véxase a ligazón á lei 7/2022.

Lei 9/2017, do 26 de decembro.

Artigo modificado:Anexo II ordinal 1º da letra c) nova redacción por artigo 11.

Lei 7/2022, do 27 de decembro.

Artigo modificado:Anexo II artigos 28, 44, 45, 46, 47, 57, 59, 60, 67 e 68 nova redacción por artigo 19 apartados dous, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez, once, doce, trece, catorce, quince, dezaseis, dezasete, dezaoito, dezanove, vinte, vinte e un, vinte e dous, vinte e tres, vinte e catro, vinte e cinco, vinte e seis, vinte e sete, vinte e oito, vinte e nove, trinta, trinta e un, trinta e dous, trinta e tres, trinta e catro, trinta e cinco, trinta e seis, trinta e sete, trinta e nove, corenta, corenta e un, corenta e dous, corenta e tres, corenta e catro, corenta e cinco, corenta e seis, corenta e sete, e corenta e oito.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia