lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia.

Publicado en: DOG 23 21/03/1983

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Modificacións

O Estatuto de Autonomía, nos seus artigos 15 e 16, prevé que o Parlamento de Galicia determine, mediante Lei a regulación do estatuto persoal, atribucións e responsabilidades do Presidente e da Xunta de Galicia.

Recolle este mandato o espírito de que a regulación destas institucións básicas teña a prioridade debida e constitúa, en consecuencia, un dos pasos lexislativos inmediatos na construcción da Autonomía galega.

O disposto no artigo 9 do Estatuto ó atribuí-lo exercicio dos poderes da Comunidade Autónoma ó Parlamento, á Xunta e ó seu Presidente, quizais aconselle unha Lei do Parlamento que, estimada agora fóra do contexto desta norma de desenrolo dos artigos 15 e 16 do Estatuto, regule con precisión as relacións da Cámara co Goberno e acade a debida complitude institucional da Autonomía de Galicia.

Limítase, en consecuencia, esta lei á regulación da organización e establecemento de normas xerais relativas ós órganos executivos superiores de Galicia, cun senso básico, sen prexuício de que unha Lei de Réxime Xurídico da Administración da Comunidade Autónoma Galega recolla en toda a súa integridade as necesarias normas de funcionamento.

Polo tanto, en cumprimento dos devanditos preceptos, o Parlamento de Galicia aprobou e eu promulgo, en nome de El-Rei, a Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente.

Título I Da Xunta

Capítulo I Da natureza e composición da Xunta

Artigo 1

A Xunta é o órgano colexiado que, baixo a dirección do Presidente, dirixe a política xeral e a Administración da Comunidade Autónoma. A tal fin, exerce a iniciativa lexislativa, a función executiva e a potestade regulamentaria de conformidade co Estatuto de Autonomía e as Leis.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 1 nova redacción por artigo primeiro.

Artigo 2

A Xunta de Galicia está composta polo Presidente, Vicepresidente ou Vicepresidentes —no seu caso— e os Conselleiros.

No suposto de que haxa varios Vicepresidentes, un deles terá a condición de Vicepresidente primeiro coas facultades que esta Lei lle atribúe.

Todos eles constitúen conxunta e colexiadamente o Consello, que exercerá, conforme ó establecido nesta lei, as atribucións da Xunta, sen prexuício das competencias das Comisións Delegadas.

Na composición da Xunta deberá respectarse o principio de equilibrio por sexos, nunha proporción entre cada un deles que debe concretar o Parlamento ao inicio de cada lexislatura.

Lei 2/2007, do 28 de marzo.

Artigo modificado:Artigo 2 parágrafo último engadido por disposición adicional oitava apartado dous.

Artigo 3

A Xunta de Galicia responde politicamente ante o Parlamento de forma solidaria, sen prexuício da responsabilidade directa de cada un dos seus componentes pola súa xestión.

Capítulo II Das atribucións da Xunta

Artigo 4

Corresponde á Xunta:

1.— Establece-las directrices e desenvolve-lo Programa de goberno.

2.— Elabora-los presupostos da Comunidade Autónoma, remitilos ó Parlamento para a súa aprobación.

3.— Aproba-los Proxectos de Lei para a súa remisión ó Parlamento e acordar, no seu caso, a súa retirada.

4.— Dictar Decretos Lexislativos nos supostos de delegación expresa do Parlamento.

5.— Outorgar ou denega-la súa conformidade á tramitación de proposicións de lei que supoñan aumento dos créditos ou mingua dos ingresos presupostarios, nos términos previstos no Regulamento do Parlamento.

6.— Aproba-los regulamentos para o desenrolo e execución das leis de Galicia así como os das leis do Estado, cando a competencia de execución corresponda á Comunidade Autónoma en virtude do Estatuto de Autonomía ou por delegación ou transferencia.

7.— Adoptar, no seu caso, as medidas regulamentarias que requirise a execución dos tratados e convenios internacionais e o cumprimento dos regulamentos e directrices derivadas daqueles, no que afecte a materias atribuídas á competencia da Comunidade Autónoma.

8.— Aprobar e remitir ó Parlamento os proxectos de convenios e acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas para a ratificación ou aprobación, no seu caso.

9.— Acorda-la interposición de recursos de inconstitucionalidade, así como o persoarse nas cuestións de inconstitucionalidade que afecten a Galicia e o plantexamento de conflictos de competencias ante o Tribunal Constitucional.

10.— Deliberar sobre a cuestión de confianza que o Presidente da Xunta propoña formular ó Parlamento, así como sobre a disolución da Cámara, que o Presidente pode decretar, ó abeiro do artigo 24 da presente Lei.

11.— Resolve-los recursos en vía administrativa nos casos previstos polas leis.

12.— Resolver mediante Decreto os conflictos de atribucións que se susciten entre as diversas Consellerías.

13.— Nomear e destituír, por proposta de quen posúa a titularidade das consellarías respectivas, os altos cargos da Administración pública galega de rango igual ou superior a dirección xeral, así como aqueloutros que legalmente se estableza. Nos nomeamentos atenderase ao principio de equilibrio por sexos, de acordo coas porcentaxes e a estrutura que determine a propia Xunta.

14.— Crear, modificar e suprimi-las Comisións Delegadas da Xunta.

15.— Determina-la estructura orgánica superior da Vicepresidencia ou Vicepresidencias e das Consellerías da Xunta de Galicia.

16.— Designa-los representantes da Comunidade Autónoma nos organismos económicos, institucións financeiras e empresas públicas do Estado a que se refire o artigo 55 do Estatuto de Autonomía. Do mesmo xeito, supervisar, de acordo coa Lei, a xestión dos servicios públicos e dos entes e empresas públicas dependentes da Comunidade Autónoma, e administra-lo patrimonio da mesma con suxección ó disposto na Lei.

17.— Coordina-la actividade das Deputacións Provinciais, en canto afecte directamente ó interés xeral da Comunidade Autónoma, e acorda-las transferencias ou delegación de funcións nas mesmas. Do exercicio destas competencias darase conta ó Parlamento.

18.— Tomar coñecemento das resolucións do Parlamento e adoptar, se é o caso, as medidas que proceden.

19.— Garantir e promover a aplicación do principio de igualdade por razón de sexo en todas as políticas que lle corresponda desenvolver á Xunta de Galicia.

20.— Calquera outra atribución que lle veña conferida por algunha disposición legal ou regulamentaria e, en xeral, deliberar sobre aqueles asuntos nos que a súa resolución deba revesti-la forma de Decreto ou que, pola súa importancia e repercusión na vida da Comunidade Autónoma, esixan o coñecemento ou deliberación da Xunta.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 4 apartados 10, 14, 15, 16 e 18 nova redacción por artigo segundo apartado 1, e apartado 19 nova redacción por artigo segundo apartado 2.

Lei 2/2007, do 28 de marzo.

Artigo modificado:Artigo 4 apartado 13 nova redacción por disposición adicional oitava apartado tres, apartado 19 engadido por disposición adicional oitava apartado catro e apartado 20 nova numeración por disposición adicional oitava apartado cinco.

Capítulo III Do funcionamento da Xunta

Artigo 5

A Xunta reúnese en Consello, que someterá o seu funcionamento ós principios de unidade, colexialidade, participación e coordinación.

Artigo 6

As atribucións da Xunta serán exercidas polo Consello. O Consello designará de entre os seus membros un Secretario que dará fe dos seus acordos e dos das Comisións Delegadas e librará, cando proceda, certificación dos mesmos.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 6 nova redacción por artigo terceiro.

Artigo 7

1. O Consello será convocado polo Presidente da Xunta. Á convocatoria xuntaráselle a orde do día, que será conformada polo Secretario de acordo coas instruccións do Presidente.

2. O Consello entenderase validamente constituído cando asista o Presidente, ou quen o substitúa, e, ó menos, a metade dos seus membros.

3. Os membros do Consello están obrigados a gardar segredo sobre as deliberacións daquel, as opinións e, se é o caso, os votos emitidos.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 7 nova redacción por artigo cuarto.

Artigo 8

A Xunta poderá crear no seu seo Comisións Delegadas para coordina-la elaboración de directrices e disposicións, programa-la política sectorial, examinar asuntos de interés interdepartamental e prepara-las reunións do Consello.

O réxime xeral de funcionamento das Comisións, haberá de axustarse ós criterios establecidos nesta lei para o Consello.

En todo caso, o Decreto de creación dunha Comisión Delegada deberá conte-la composición e a Presidencia da mesma e mailas competencias asignadas.

Artigo 9

O Consello establecerá as normas internas que se precisen para a boa orde dos traballos e para a adecuada preparación dos acordos que haxan de adoptarse, mediante un Regulamento de Réxime Interior que haberá de axustarse ós términos da presente lei.

Título II Do Presidente da Xunta

Capítulo I Do Estatuto Persoal, elección e cese

Sección 1.ª Do Estatuto Persoal

Artigo 10

O Presidente da Xunta ostenta a suprema representación da Comunidade Autónoma e a ordinaria do Estado en Galicia. Dirixe e coordina a acción da Xunta ou Goberno.

Artigo 11

O Presidente da Xunta en razón do seu cargo ten dereito a:

1.— A preeminencia que, con arregro á alta representación da Comunidade Autónoma e á ordinaria do Estado en Galicia, lle corresponde.

2.— Que lle sexan rendidos os honores que lle correspondan consoante co que se establece na legalidade vixente e o que acorde a Comunidade Autónoma.

3.— Recibi-lo tratamento de Excelencia.

4.— Utiliza-la bandeira de Galicia como guión.

5.— Ocupa-la residencia oficial que se estableza, coa correspondente dotación de persoal e servicios.

6.— Percibi-la remuneración e gastos de representación que se establezan polo Parlamento de Galicia e figuren nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

7. Recibir con carácter vitalicio o tratamento de excelentísimo señor e os honores protocolarios e as precedencias establecidas na lexislación vixente e na que, se é o caso, dicte a Comunidade Autónoma.

As ex presidentas e os ex presidentes terán dereito a percibir, durante dous anos desde a data do seu cesamento, as compensacións económicas que se establezan por decreto da Xunta de Galicia.

Así mesmo, terán dereito por un período de catro anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante catro ou menos anos, ou por un período de dez anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante máis de catro anos, aos medios e servizos que se establezan por decreto da Xunta. Este dereito será incompatible coa condición de membro nato do Consello Consultivo de Galicia ou co exercicio dun cargo público que outorgue unha prestación de medios e servizos de análoga natureza.

Malia o anterior, a Xunta de Galicia poderalles prestar ás ex presidentas e aos ex presidentes os medios materiais de apoio precisos para o exercicio das funcións inherentes á súa condición por un período de tempo superior ao establecido no parágrafo anterior.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 11 apartado 7 engadido por artigo quinto.

Lei 12/2007, do 27 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 11 apartado 7 parágrafo último nova redacción por artigo segundo.

Artigo 12

O Presidente da Xunta non poderá exercer ningunha función pública que non se derive do seu cargo, nin actividade mercantil ou profesional ou calquera outra que puidese menoscaba-la independencia e dignidade da súa función.

En canto ás funcións representativas propias do mandato parlamentario, haberá que aterse ó disposto no artigo 6 da Lei de Galicia 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 12 nova redacción por artigo sexto.

Artigo 13

A responsabilidade política do Presidente da Xunta ante o Parlamento será esixible nos términos establecidos no Estatuto de Autonomía, no Regulamento da Cámará e na presente lei.

Artigo 14

Durante o seu mandato e polos actos delictivos cometidos no territorio de Galicia non poderá ser detido nin retido senón no caso de flagrante delito, correspondendo decidir, en todo caso, sobre a súa inculpación, prisión, procesamento e xuício, ó Tribunal Superior de Xusticia de Galicia. Fóra do devandito territorio, a responsabilidade penal será esixible nos mesmos términos perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo.

Sección 2.ª Da elección e cese

Artigo 15

O Presidente da Xunta será elixido polo Parlamento Galego de entre os seus membros.

Artigo 16

Constituído o Parlamento e nos demais supostos en que así proceda, o seu Presidente, previa consulta coas forzas políticas representadas parlamentariamente e oída a Mesa, propoñerá un candidato á Presidencia da Xunta, conforme ó previsto no artigo 136.1.º do Regulamento do Parlamento de Galicia.

Artigo 17

O candidato presentará o seu Programa ó Parlamento. Para ser elixido o candidato deberá en primeira votación obter maioría absoluta; de non obtela procederase a unha nova votación 24 horas despois da anterior, e a confianza entenderase outorgada se obtivera maioría simple. Caso de non consegui-la devandita maioría, tramitaranse sucesivas propostas na forma prevista anteriormente.

Se transcorresen dous meses a partir da primeira votación de investidura sen que ningún candidato proposto obtivera a confianza do Parlamento, este quedará disolto e procederase á convocatoria de novas eleccións.

Artigo 18

Se o Parlamento outorga a súa confianza ó candidato, o Presidente comunicarao a El-Rei para o seu nomeamento, mediante Real Decreto que se publicará no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19

O Presidente elixido tomará posesión do seu cargo dentro dos cinco días seguintes ó da publicación do seu nomeamento.

Artigo 20

O Presidente prestará xuramento na súa toma de posesión coa seguinte fórmula:

«Xuro ou prometo ser fiel ó meu mandato como Presidente da Xunta, observar e facer cumpri-la Constitución e o Estatuto de Autonomía e as demais leis de Galicia e do Estado e exercita-las miñas funcións no interés supremo e exclusivo de Galicia e de España.»

Artigo 21

O Presidente da Xunta cesa trala celebración de eleccións autonómicas, nos casos de perda da confianza parlamentaria, ou por dimisión, falecemento ou incapacidade para o exercicio do cargo. Corresponde ó Parlamento a apreciación da incapacidade do Presidente.

Artigo 22

Nos supostos de falecemento e incapacidade do Presidente, será sustituído polos Vicepresidentes se os houber, pola súa orde, e no seu defecto polo Conselleiro que máis tempo leve pertencendo ininterrompidamente á Xunta e, no caso de igualdade, o de máis idade. A mesma orde de sustitución observarase nos casos de ausencia ou enfermidade temporal do Presidente da Xunta, agás designación expresa do mesmo.

A sustitución terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 23

Nos demais casos previstos no artigo 20, o Presidente continuará o exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do novo Presidente da Xunta.

Capítulo II Das atribucións

Artigo 24

Ó Presidente da Xunta, como supremo representante da Comunidade Autónoma, compételle representar a esta nas relacións con outras institucións do Estado, subscribi-los convenios e acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas, convocar eleccións ó Parlamento de Galicia trala súa disolución, promulgar en nome de El-Rei as Leis de Galicia, así como, se é o caso, os Decretos lexislativos, e ordena-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Presidente, baixo a súa exclusiva responsabilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta, poderá disolve-lo Parlamento mediante Decreto que fixará a data das eleccións.

Esta facultade en todo caso non se poderá exercer cando non pasase alomenos un ano desde a última disolución da Cámara.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 24 nova redacción por artigo sétimo.

Artigo 25

Como representante ordinario do Estado en Galicia, corresponde ó Presidente da Xunta manter relacións coa Delegación do Goberno, ós efectos dunha mellor coordinación das actividades do Estado en Galicia e as da Comunidade Autónoma, ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento do Presidente do Tribunal Superior de Xusticia, e das Leis e Decretos Lexislativos de Galicia no Boletín Oficial do Estado.

Artigo 26

Para a dirección e coordinación das actividades da Xunta correspóndelle:

1.— Crear, modificar ou suprimir mediante Decreto a Vicepresidencia ou Vicepresidencias, se as houber, e as Consellerías, sempre que non supoña aumento de gasto público, así como nomear e dispo-lo cesamento dos Vicepresidentes e dos Conselleiros.

2.— Convocar, presidir, suspender e levanta-las reunións do Consello e das Comisións Delegadas, así como dirixi-las súas deliberacións.

3.— Dirixir e coordina-la acción de Goberno e asegura-la súa continuidade.

4.— Velar polo cumprimento das directrices sinaladas pola Xunta e promover e coordina-la execución dos acordos do Consello e das súas Comisións Delegadas.

5.— Asegura-la coordinación entre as distintas Consellerías.

6.— Coordina-lo programa lexislativo da Xunta e a elaboración de normas de carácter xeral.

7.— Encomendar a un Vicepresidente ou a un Conselleiro que se encargue do despacho dunha Consellería ou da propia Presidencia, en caso de ausencia, enfermidade ou impedimento do titular.

8.— Plantexar perante o Parlamento, previa deliberación do Consello, a cuestión de confianza.

9.— Presentar ó Parlamento os proxectos de lei, por si mesmo ou a través do membro da Xunta designado.

10.— Facilitar ó Parlamento a información e documentación que este recabe da Xunta.

11.— Solicitar que o Parlamento se reúna en sesión extraordinaria.

12.— Solicitar que se celebre un debate xeral no Parlamento.

13.— Comunicar ó Parlamento a interposición de recursos de inconstitucionalidade e o plantexamento de conflictos de competencias perante o Tribunal Constitucional, así como o acordo da Xunta de persoarse nos recursos e nas cuestións de inconstitucionalidade que afecten a Galicia.

14.— Exercer cantas facultades e atribucións lle correspondan en consonancia coas disposicións vixentes.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 26 apartado 1 nova redacción por artigo oitavo.

Título III Dos membros da Xunta

Capítulo I Do Estatuto Persoal, nomeamento e cese

Artigo 27

1. O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e os Conselleiros serán nomeados e cesados polo Presidente da Xunta, a teor do disposto no artigo 26, e terán a alta consideración que corresponde á súa condición de membros do Goberno Autónomo e o tratamento de excelentísimo señor.

2. Os ex-Vicepresidentes e mailos ex-Conselleiros manterán o tratamento de excelentísimo señor e recibirán os honores protocolarios que estableza a lexislación vixente e a que dicte a Comunidade Autónoma.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo modificado:Artigo 27 nova redacción por artigo noveno.

Artigo 28

O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e mailos Conselleiros prestarán xuramento na súa toma de posesión coa mesma fórmula prevista nesta lei para o Presidente da Xunta.

Artigo 29

O cese do Presidente da Xunta comporta o de tódolos membros da mesma. A Xunta cesante continuará en funcións ata a toma de posesión da nova Xunta.

Artigo 30

Os membros da Xunta percibirán a remuneración e gastos de representación que se establezan polo Parlamento de Galicia e figuren nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 31

O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e mailos Conselleiros, non poderán exercer outras funcións representativas cás propias do mandato parlamentario ou, no seu caso, do Senado, nin calquera outra función pública que non derive do seu cargo, nin actividade mercantil ou profesional ou outra que menoscabe a independencia e dignidade da súa función.

Artigo 32

En canto á inmunidade, estarase ó disposto no artigo 13 para o Presidente.

Capítulo II Das atribucións

Artigo 33

O Vicepresidente, ou no seu caso, o Vicepresidente primeiro, amais de sustituír ó Presidente nos supostos previstos nesta Lei, exercerá as funcións que aquel lles delegue dentro do ámbito que lle confiran as disposicións da presente Lei.

Asimesmo, poderán designarse no seo da Xunta outros Vicepresidentes encargados de áreas homoxéneas coas funcións que lles sexan asignadas.

Artigo 34

Os Conselleiros como xefes das súas Consellerías están investidos das seguintes atribucións:

1.— Ostenta-la representación do Departamento de que son titulares.

2.— Propoñer ó Consello os nomeamentos e ceses dos cargos da súa Consellería que requiran a forma de decreto para a súa designación.

3.— Exerce-la iniciativa, dirección e inspección de tódolos servicios da Consellería e a alta inspección e demais funcións que lles corresponden respecto dos organismos autónomos adscritos á mesma.

4.— Propoñer para a súa aprobación polo Consello a estructuración e organización da súa Consellería.

5.— Propoñer ó Consello os proxectos de lei ou de Decreto relativos ás competencias atribuídas á súa Consellería.

6.— Exerce-la potestade regulamentaria nas materias da súa Consellería.

7.— Resolve-los recursos administrativos promovidos contra as resolucións dos organismos e das entidades da consellería, agás cando por lei ou regulamentariamente se lle atribúa esa facultade a outro órgano.

8.— Formula-lo anteproxecto de presupostos da súa Consellería.

9.— Dispoñe-los gastos propios dos servicios da súa Consellería non reservados á competencia do Consello, dentro dos límites da autorización presupostaria e interesar dos servicios financeiros competentes a ordenación dos pagos correspondentes.

10.— Firmar en nome da Xunta os contratos relativos a asuntos propios da súa Consellería.

11.— Resolve-los conflictos de atribucións entre autoridades dependentes da súa Consellería.

12.— E cantas facultades lles atribúan as disposicións en vigor.

Lei 7/2002, do 27 de decembro.

Artigo modificado:Artigo 34 apartado 7 nova redacción por artigo 30.

Artigo 35

Os membros da Xunta poderán designar e cesar libremente o persoal colaborador e de asistencia directa dentro dos créditos presupostarios consignados ó efecto. Este persoal, de carácter eventual, cesará automaticamente ó se produci-lo cese do membro da Xunta que efectuou o seu nomeamento.

Título IV Organización e réxime xurídico

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 36 suprimido por artigo décimo.

Artigo 36

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, constituída por órganos xerarquicamente ordenados baixo a dirección da Xunta, ten personalidade xurídica única e posúe a capacidade de obrar necesaria para levar a cabo os seus fins.

2. A actuación da Administración axéitase ós principios de legalidade, obxectividade, servicio ó interese xeral, publicidade, eficacia, xerarquía, economía do gasto público, desconcentración e coordenación entre os seus órganos.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 36 engadido por artigo décimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 37 suprimido por artigo décimo.

Artigo 37

1. Adoptarán a forma de Decreto:

a) As disposicións xerais aprobadas polo Consello da Xunta.

b) As resolucións do Consello da Xunta nos supostos dos números 6, 7, 12, 13, 14, 15, 16 primeiro inciso e 18 do artigo 4 da presente Lei e os demais casos que establezan as Leis.

c) As resolucións do Presidente da Xunta, nos supostos contemplados no parágrafo segundo do artigo 24 e nos números 1 e 7 do artigo 26 desta Lei.

2. Os Decretos serán asinados polo Presidente da Xunta e referendados, agás no suposto c) do apartado anterior, polo Conselleiro competente en razón da materia.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 37 engadido por artigo décimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 38 suprimido por artigo décimo.

Artigo 38

As disposicións e resolucións dos Conselleiros revestirán a forma de Ordes, que serán asinadas polo titular do Departamento. Cando interesen a máis de unha Consellería, serán asinadas conxuntamente polos Conselleiros afectados.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 38 engadido por artigo décimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 39 suprimido por artigo décimo.

Artigo 39

As normas regulamentarias terán o rango do órgano que as aprobara e ordenaranse xerarquicamente da seguinte forma:

1.— Decretos.

2.— Ordes das Comisións Delegadas.

3.— Ordes dictadas polos Conselleiros.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 39 engadido por artigo décimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 40 suprimido por artigo décimo.

Artigo 40

Serán nulas de pleno dereito as normas regulamentarias que infrinxan outras de rango superior ou se opoñan ó establecido pola lei.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 40 engadido por artigo décimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 41 suprimido por artigo décimo.

Artigo 41

1. As disposicións regulamentarias non poderán establecer penas nin impoñer tributos ou exaccións de calquera natureza. Tampouco poderán impoñer sancións a non ser no marco do disposto na Lei.

2. Serán nulas as disposicións e resolucións que infrinxan o disposto no apartado anterior.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 41 engadido por artigo décimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 42 suprimido por artigo décimo.

Artigo 42

As resolucións administrativas de caráter particular non poderán vulnera-lo establecido nunha disposición de carácter xeral ou dispensar singularmente do seu cumprimento, aínda cando aquelas teñan un rango formal igual ou superior a esta.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 42 engadido por artigo décimo.

Artigo 43

1. O Consello poderá delega-las funcións administrativas que teña encomendadas nas Comisións Delegadas.

2. Sen prexuício das competencias delegadas no Vicepresidente primeiro de acordo co disposto no artigo 32 desta lei, o Presidente poderá delegar funcións puramente executivas nos demais membros da Xunta, dando conta ó Parlamento.

3. Os Conselleiros poderán delegar competencias administrativas nos órganos inmediatamente inferiores das súas Consellerías, cando as necesidades de funcionamento así o aconsellen.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 43 engadido por artigo décimo.

Artigo 44

1. A delegación de atribucións a que se refire o artigo anterior e a súa revocación haberán de publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. Non poderán ser obxecto de delegación, a non ser que unha lei o autorice expresamente, as competencias que, á súa vez, foran delegadas, nin a competencia para resolver recursos administrativos interpostos contra actos ou resolucións do órgano delegatario.

3. Os actos dictados por delegación consideraranse como propios do órgano delegante, que en calquera momento poderá revoca-la delegación outorgada.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 44 engadido por artigo décimo.

Título V Das relacións da Xunta co Parlamento

Capítulo I Do control parlamentario

Sección 1.ª Da moción de censura

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 43 suprimido por artigo undécimo apartado 1.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 44 suprimido por artigo undécimo apartado 1.

Artigo 45

1. O Parlamento pode esixi-la responsabilidade política da Xunta e do seu Presidente mediante a adopción por maioría absoluta da moción de censura.

2. A moción de censura deberá estar firmada, alomenos, por unha quinta parte dos membros do Parlamento, e haberá de incluír un candidato á Presidencia da Xunta.

3. A moción de censura non poderá ser votada ata que transcorran cinco días desde a súa presentación. Nos dous primeiros días do devandito prazo poderán presentarse mocións alternativas.

4. Se a moción de censura non fose aprobada polo Parlamento, os seus signatarios non poderán presentar outra durante o mesmo período de sesións.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 45 engadido por artigo undécimo apartado 1.

Artigo 46

Se prosperase a moción de censura, a Xunta e o seu Presidente cesarán e o candidato incluído nela entenderase investido da confianza do Parlamento, procedéndose a continuación á súa designación como Presidente da Xunta, segundo o disposto no artigo 17 desta lei.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 46 engadido por artigo undécimo apartado 1.

Sección 2.ª Da cuestión de confianza

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 45 suprimido por artigo undécimo apartado 1.

Artigo 47

O Presidente da Xunta, previa deliberación do Consello, pode plantexar perante o Parlamento a cuestión de confianza sobre o seu Programa ou sobre unha declaración política xeral. A cuestión de confianza non se poderá votar ata transcorridas 24 horas desde a súa presentación. A confianza entenderase outorgada cando vote a prol da mesma a maioría simple de Deputados.

Se o Parlamento negase a súa confianza ó Presidente da Xunta entenderase cesado e procederase á elección de novo Presidente conforme ó establecido nesta Lei.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 47 engadido por artigo undécimo apartado 1.

Sección 3.ª Do impulso e control da acción política do Goberno

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 46 suprimido por artigo undécimo apartado 2.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 47 suprimido por artigo undécimo apartado 2.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 48 suprimido por artigo undécimo apartado 2.

Comunicación do 7 de agosto de 2015.

Artigo modificado:Artigo 48 nova redacción por artigo segundo.

Lei 10/2015, do 31 de agosto.

Artigo modificado:Artigo 48 nova redacción por artigo único.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 49 suprimido por artigo undécimo apartado 2.

Artigo 48

A Xunta solicitará anualmente do Parlamento, ao comezo dun dos períodos de sesións, a celebración dun debate de política xeral. Non caberá celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta de Galicia.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 48 engadido por artigo undécimo apartado 2.

Sección 4.ª Doutras formas de control

Artigo 49

O Parlamento, as súas Comisións e os Deputados a través da Presidencia do mesmo, poderán recaba-la información e axuda que precisen da Xunta, dos seus Conselleiros e de calquera outra autoridade da Comunidade Autónoma.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 49 engadido por artigo undécimo apartado 3.

Artigo 50

O Parlamento mailas súas Comisións poden reclama-la presencia dos Conselleiros e dos outros altos cargos da Comunidade Autónoma.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 50 engadido por artigo undécimo apartado 3.

Artigo 51

Os Conselleiros teñen acceso ás sesións do Parlamento e das súas Comisións e a facultade de se facer oír nelas. Ante as Comisións poderán facerse acompañar de altos cargos ou funcionarios das súas Consellerías e solicitar que estes informen.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 51 engadido por artigo undécimo apartado 3.

Artigo 52

1. A Xunta e cada un dos seus membros están sometidos ás mocións, interpelacións e preguntas que se lles formulen no Parlamento.

2. Toda interpelación poderá dar lugar a unha moción na que o Parlamento manifeste a súa posición.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 52 engadido por artigo undécimo apartado 3.

Capítulo II Delegación lexislativa

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 50 suprimido por artigo undécimo apartado 4.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 51 suprimido por artigo undécimo apartado 4.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 52 suprimido por artigo undécimo apartado 4.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 53 suprimido por artigo undécimo apartado 4.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo derrogado:Artigo 54 suprimido por artigo undécimo apartado 4.

Artigo 53

1. O Parlamento poderá delegar na Xunta a potestade de dictar normas con rango de lei que recibirán o título de Decretos lexislativos.

2. A delegación lexislativa deberá outorgarse mediante unha lei de bases cando o seu obxecto sexa a formación de textos articulados ou por unha lei ordinaria cando se trate de refundir varios textos legais nun só.

3. Non poderán ser obxecto de delegación a regulación do réxime electoral da Comunidade Autónoma, a aprobación do presuposto, as leis institucionais ou de desenrolo básico do Estatuto e as que, pola súa natureza, requiran maioría cualificada para a súa aprobación.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 53 engadido por artigo undécimo apartado 4.

Artigo 54

A delegación lexislativa haberá de outorgarse á Xunta en forma expresa para materia concreta e con fixación do prazo para o seu exercicio sen que se poida entender concedida de forma implícita nin por tempo indeterminado. Tampouco poderá permiti-la subdelegación en prol de autoridades distintas da propia Xunta.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 54 engadido por artigo undécimo apartado 4.

Artigo 55

1. As leis de bases delimitarán con precisión o obxecto e alcance da delegación lexislativa e os principios e criterios que se han de seguir no seu exercicio. En ningún caso poderán autorizar á Xunta para modifica-la propia lei de bases nin para dictar normas con carácter retroactivo.

2. As leis ordinarias de autorización para refundir textos legais, determinarán o ámbito normativo a que se refire o contido da delegación, especificando se se circunscribe á mera formulación dun texto único ou se se inclúe a de regularizar, clarexar e harmoniza-los textos legais que han de ser refundidos.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 55 engadido por artigo undécimo apartado 4.

Artigo 56

O control sobre os Decretos Lexislativos levarase a cabo nos términos previstos no Regulamento do Parlamento de Galicia, sen prexuício do cal as leis de delegación poderán establecer en cada caso fórmulas adicionais de control parlamentario.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 56 engadido por artigo undécimo apartado 4.

Artigo 57

1. Cando unha proposición de lei ou unha enmenda sexa contraria a unha delegación lexislativa en vigor, a Xunta está facultada para se opoñer á súa tramitación. Neste caso poderá presentar unha proposición de lei para a derogación parcial ou total da lei de delegación.

2. A delegación entenderase esgotada coa publicación pola Xunta da norma correspondente.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Artigo 57 engadido por artigo undécimo apartado 4.

Disposición transitoria primeira

O disposto no número 7 do artigo 11 da presente Lei será aplicable para tódolos efectos desde a celebración das primeiras eleccións autonómicas galegas.

Os tratamentos honoríficos establecidos nese precepto serán tamén extensibles ós ex-Presidentes da Preautonomía.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Disposición transitoria primeira engadida por artigo duodécimo.

Disposición transitoria segunda

En tanto a Xunta non regule por Decreto o establecido no parágrafo segundo do número 7 do artigo 11 da presente Lei, a compensación económica establecida será equivalente ó 60 por cento da que lle corresponda ó Presidente da Xunta. Tal compensación será compatible con aqueloutras retribucións que os ex-Presidentes poidan percibir, por outros conceptos, con cargo ós Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

En ningún caso, a contía global pode chegar a ser superior á retribución total que en cada caso perciba o Presidente da Xunta de Galicia.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Disposición transitoria segunda engadida por artigo duodécimo.

Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo engadido:Disposición transitoria terceira engadida por artigo duodécimo.

Lei 12/1989, do 4 de outubro.

Artigo derrogado:Disposición transitoria terceira derrogada por artigo único.

Disposición transitoria cuarta.

Mentres o Parlamento de Galicia non adopte a resolución prevista no artigo 2, parágrafo cuarto, desta lei, a porcentaxe do sexo menos representado no Consello da Xunta de Galicia non pode ser inferior ao 40 por 100.

Lei 2/2007, do 28 de marzo.

Artigo engadido:Disposición transitoria cuarta engadida por disposición adicional oitava apartado seis.

Disposición derradeira primeira

Facúltase á Xunta para dicta-los seus propios Regulamentos internos conforme ó establecido nesta lei.

Disposición derradeira segunda

A presente lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1983

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia