lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

Publicado en: DOG 239 16/12/2011

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O artigo 34.3 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que, no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode regular, crear e manter a súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, todos os medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins. Con base nesta competencia estatutaria o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, que permitiu a posta en marcha duns medios públicos de comunicación audiovisual en lingua galega.

Desde entón, Televisión de Galicia e Radio Galega contribuíron decisivamente á normalización da lingua galega, ao reforzamento da identidade do pobo galego, á promoción da cultura galega e ao impulso da industria audiovisual do país. Transcorridas case tres décadas desde a súa creación, e derrogadas tanto a Lei 4/1980, do 10 de xaneiro, do estatuto da radio e a televisión, como a Lei 46/1983, do 26 de decembro, reguladora da terceira canle de televisión, resulta necesario adecuar o réxime xurídico da entidade prestadora do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia á nova Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual, e, máis en xeral, ao novo contexto social, económico e técnico que, ao longo destes anos, modificou substancialmente as condicións nas que os distintos operadores actúan no mercado audiovisual e tecnolóxico.

Con esta finalidade, o Parlamento de Galicia acordou constituír, en febreiro de 2010, unha ponencia conxunta para a elaboración dun novo texto normativo. Esta ponencia lexislativa escoitou ao longo dun ano as comparecencias de expertos en comunicación, organización ou finanzas así como de representantes ou directivos de operadores audiovisuais ou das súas agrupacións profesionais ou de persoas destacadas do ámbito da comunicación, así como de directivos, xestores ou representantes sindicais da propia Compañía da Radio-Televisión de Galicia. As súas contribucións tivéronse en conta e en boa medida incorporáronse a este texto legal.

Entre as principais novidades que se introducen, a nova lei adecúa a entidade prestadora do servizo público de comunicación audiovisual ás circunstancias económicas actuais. Para iso, incorpora medidas destinadas a mellorar a eficiencia na xestión mercantil da entidade prestadora. Iso conséguese, ademais de pola adopción doutras medidas, mediante un reforzamento da independencia da Corporación Radio e Televisión de Galicia respecto do poder executivo e coa incorporación do principio de eficiencia económica en todas as actividades de prestación do servizo público de comunicación audiovisual. Unifícanse os tres entes instrumentais existentes (a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A.) nunha única corporación pública autonómica, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG), para gañar en eficacia e capacidade de actuación. Establécese un horizonte a longo prazo, a través do mandato marco, para o cumprimento dos obxectivos ligados á función de servizo público, que se articula por medio de contratos programa entre o Consello da Xunta e a Corporación RTVG, con duración de tres anos, o que non só facilita a independencia da corporación senón que tamén a dota da estabilidade financeira necesaria. A nova corporación mantén o modelo mixto de financiamento, que achega recursos tanto pola vía da compensación polo cumprimento da misión de servizo público como pola vía dos ingresos publicitarios ou derivados doutros dereitos.

Con esta lei tamén se pretende unha adecuación da Corporación RTVG ás novas circunstancias tecnolóxicas, como a aparición da tecnoloxía dixital ou a irrupción da internet como competidora de contidos. Para a consecución deste obxectivo, entre outras medidas adoptadas, atribúeselle á Corporación RTVG un réxime xurídico, patrimonial e organizativo que permite axustar as emisións e a súa penetración no público ás evolucións tecnolóxicas e tendencias do mercado. Todo iso para conseguir que a entidade prestadora siga sendo competitiva e, polo tanto, un instrumento eficaz de vertebración da identidade de Galicia como pobo e da difusión e normalización da súa principal manifestación, que é a lingua.

A Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia garante os valores de pluralismo, veracidade e accesibilidade co fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada, e prevé a regulación da organización e o control parlamentario dos medios de comunicación social de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia. Para iso a lei garante a independencia, obxectividade e veracidade da información, reforza a capacidade de control do Parlamento de Galicia, e prevé a creación dunha autoridade audiovisual independente de Galicia que realizará tamén as funcións propias do consello asesor. No eido interno, impídese a posibilidade de ceder a terceiros a realización e edición dos programas informativos, e establécese por vez primeira na Comunidade Autónoma un estatuto profesional da Corporación RTVG que prevé a creación dun consello de informativos.

Finalmente, esta lei introduce cambios transcendentes nos órganos de goberno da sociedade pública autonómica de comunicación audiovisual, co obxecto de acadar unha maior independencia e profesionalidade na xestión. O nomeamento da directora ou do director xeral da Corporación RTVG, que na compañía creada no ano 1984 era efectuado polo Executivo, pasa agora a ser realizado polo Parlamento de Galicia por maioría cualificada e logo de comparecer perante a propia Cámara lexislativa, do mesmo xeito que os membros do consello de administración. Adicionalmente, increméntanse os requisitos de cualificación profesional esixidos para formar parte dos órganos de goberno, así como as causas de incompatibilidade, e alónganse os mandatos para que non coincidan cos da lexislatura. O reforzo da independencia dos xestores vai acompañado por un incremento das responsabilidades esixidas, e prevese o cesamento do principal responsable da corporación por causas obxectivas relacionadas co incumprimento das súas obrigas en materia orzamentaria. A lei establece, adicionalmente, a obriga de realizar unha xestión consonte os criterios de transparencia e responsabilidade social empresarial.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.

TÍTULO I Obxecto e principios xerais

Artigo 1. Obxecto da lei.

Esta lei ten por obxecto regular a xestión da prestación do servizo público de comunicación audiovisual de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como establecer os obxectivos, principios e criterios fundamentais da súa prestación, definir a estrutura básica da súa xestión e determinar os mecanismos de control da xestión e do cumprimento do servizo público audiovisual autonómico.

A xestión da prestación do servizo público desenvolverase a través da correspondente entidade prestadora do servizo público.

Artigo 2. Encomenda da xestión do servizo público de radio e televisión.

A entidade prestadora á que se lle encomenda a xestión do servizo público de comunicación audiovisual de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia é a Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (Corporación RTVG).

Artigo 3. Ámbito de cobertura.

1. A emisión do servizo público de comunicación audiovisual por ondas hertzianas terrestres que será xestionado pola Corporación RTVG comprende o ámbito xeográfico de cobertura coincidente co territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poderá estenderse a cobertura das emisións da Corporación RTVG ao territorio dunha comunidade autónoma limítrofe e con afinidades culturais e lingüísticas coa Comunidade Autónoma de Galicia, logo do acordo que se adopte para o efecto, segundo dispón a Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

3. O ámbito limitado de cobertura regulado nas alíneas anteriores refírese ás emisións por ondas hertzianas terrestres no territorio español e enténdese sen prexuízo, entre outras, das emisións derivadas do acceso noutras tecnoloxías ou ás redes de comunicación electrónica.

4. A Corporación RTVG poderá subscribir convenios de colaboración con entidades prestadoras de servizos audiovisuais para a produción ou difusión de contidos audiovisuais en lingua galega e portuguesa en Galicia e nos países de cultura lusófona.

Artigo 4. Principios inspiradores e alcance.

1. A actividade de comunicación audiovisual da Corporación RTVG inspirarase nos seguintes principios:

a) O respecto e a defensa dos principios que informan a Constitución Española e o Estatuto de autonomía de Galicia e dos dereitos e das liberdades que neles se recoñecen e garanten.

b) A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia.

c) O fomento da produción audiovisual propia e de emisións que coadxuven á proxección de Galicia cara ao exterior e de información ás comunidades galegas do exterior.

d) O reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.

e) O respecto á dignidade humana, ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe.

f) A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.

g) A protección da xuventude e da infancia.

h) A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural.

i) A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sustenta estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

j) A garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio.

k) A procura do desenvolvemento do sector audiovisual desde o punto de vista da mellora da súa contribución á economía da comunidade autónoma.

l) A garantía do dereito das persoas con discapacidade ao acceso de forma efectiva aos contidos emitidos.

m) A garantía dos dereitos dos consumidores e usuarios en relación coa programación, coa publicidade e coas outras modalidades de promoción comercial.

n) O fomento do coñecemento dos valores ecolóxicos e do respecto e protección do medio ambiente.

ñ) A conservación e custodia dos documentos que de acordo coa normativa de patrimonio cultural deban integrar o patrimonio documental de Galicia.

2. A Corporación RTVG deberá cumprir coa misión de servizo público de comunicación audiovisual que lle sexa encomendada, e a súa programación inspirarase nos principios definidos na alínea precedente.

Artigo 5. Obxecto do servizo público.

1. O servizo público de comunicación audiovisual é un servizo esencial de interese económico xeral que ten por obxecto a produción, edición e difusión dun conxunto posible de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, que cubrirán os distintos xéneros, destinadas a satisfacer as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade, a preservar o pluralismo nos medios de comunicación e a promover o emprego da lingua galega.

2. A función de servizo público comprende a produción de contidos e a edición e difusión de canles xeralistas e temáticas, así como a oferta de servizos conexos ou interactivos, todo iso orientado polos principios sinalados na alínea 1.

3. Todas as canles e todos os servizos considerados en cada momento de servizo público son de libre acceso. Unicamente poderán emitirse de forma codificada aqueles contidos así previstos no mandato marco.

4. Co fin de cumprir as misións de servizo público específicas reguladas neste artigo, e na medida na que o espectro radioeléctrico e as tecnoloxías dispoñibles o posibiliten, irase tendendo á difusión por medio de canles dixitais temáticas específicas con atención preferente ao público infantil e xuvenil. A difusión por medio de canles dixitais temáticas asegurará unha maior participación e acceso ao espazo público de comunicación da pluralidade política, social e cultural representativa da sociedade galega.

5. A función de servizo público implica que os servizos informativos sexan conformados por profesionais da información. A realización e a edición dos servizos informativos non poden ser cedidas a terceiros, sen prexuízo de que os elementos accesorios da cadea de produción poidan ser obxecto de contratación externa.

Artigo 6. Uso da lingua galega.

A lingua da Corporación RTVG é o galego; xa que logo, a prestación do servizo de comunicación audiovisual por parte da devandita sociedade e as comunicacións que efectúe ao persoal dependente dela no exercicio das súas tarefas serán en lingua galega.

TÍTULO II Corporación Radio e Televisión de Galicia

CAPÍTULO I Natureza e réxime xurídico

Artigo 7. Natureza xurídica.

1. A Corporación RTVG é unha sociedade mercantil pública autonómica integrada no sector público autonómico, sen prexuízo das garantías de independencia recollidas nesta lei. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. A Corporación RTVG terá a forma de sociedade anónima, e o seu capital estará participado na súa totalidade e de forma directa pola Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do período de transición previsto na disposición transitoria primeira desta lei.

3. A Corporación RTVG gozará de autonomía na súa xestión e actuará con independencia funcional respecto do Goberno e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. A xestión da Corporación RTVG deberá realizarse de acordo cos criterios de transparencia empresarial e de responsabilidade social empresarial consonte recolle a Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable.

Artigo 8. Réxime xurídico.

1. A Corporación RTVG rexerase, en primeiro lugar, por esta lei, polos seus estatutos sociais e pola Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual. En segundo lugar, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e, en defecto da normativa anterior, pola lexislación mercantil.

2. Os estatutos sociais da Corporación RTVG incorporarán as previsións establecidas nesta lei relativas aos órganos internos e ás súas competencias.

3. Os estatutos sociais da Corporación RTVG e as súas modificacións serán aprobadas pola xunta xeral de accionistas, logo do acordo favorable do Consello da Xunta, e inscribiranse no Rexistro Mercantil.

4. O obxecto social da Corporación RTVG deberá incluír a prestación do servizo público de comunicación audiovisual nos termos previstos nesta lei así como todas aquelas actividades necesarias para o exercicio das súas funcións de servizo público ou que estean relacionadas coa comunicación audiovisual.

5. Os acordos ditados polos órganos de goberno da Corporación RTVG e as pretensións que se deduzan deles son competencia da xurisdición que corresponda en cada caso sen necesidade de formular reclamación previa nin recurso administrativo ningún.

Artigo 9. Estrutura da Corporación Radio e Televisión de Galicia.

1. A Corporación RTVG deberá contar coa estrutura suficiente e necesaria para asegurar o cumprimento da misión de servizo público encomendada e para facilitar a provisión de contidos territoriais na súa programación.

2. A Corporación RTVG poderá constituír ou participar no capital de toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil e cuxo obxecto social estea vinculado coas actividades e funcións daquela, incluídas as de servizo público. A adquisición ou perda da participación maioritaria da Corporación RTVG no capital social das devanditas sociedades requirirá a previa autorización do Consello da Xunta.

3. Malia o sinalado na alínea anterior, a Corporación RTVG non poderá participar, directa ou indirectamente, no capital social de prestadores privados do servizo de comunicación audiovisual.

Artigo 10. Cooperación.

Para a mellor consecución das funcións de servizo público audiovisual a Corporación RTVG poderá subscribir convenios de cooperación e colaboración con outras entidades de servizo público de noticias, radio e televisión, coas administracións públicas ou coas entidades delas dependentes.

Artigo 11. Operacións de fusión, escisión e disolución.

1. As operacións de fusión ou escisión da Corporación RTVG requirirán o acordo favorable do Consello da Xunta.

2. A disolución da Corporación RTVG requirirá o acordo favorable do Consello da Xunta, oído o Parlamento de Galicia.

CAPÍTULO II Organización da Corporación Radio e Televisión de Galicia

Sección 1.ª Órganos internos

Artigo 12. Órganos.

1. Son órganos da Corporación RTVG os seguintes:

a) O consello de administración.

b) A directora ou o director xeral.

2. O consello de administración poderá crear os órganos ou as comisións de participación ou asesoramento que estime necesarios, de acordo co establecido nesta lei e nos estatutos sociais.

3. Constituirase no seo do consello de administración unha comisión de economía e control.

4. A organización da Corporación RTVG rexerase polo disposto no Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, coas especialidades establecidas nesta lei.

Artigo 13. Consello de administración.

1. Correspóndelle ao consello de administración a administración e o control da Corporación RTVG.

2. O consello de administración componse de sete membros. Un deles será a directora ou o director xeral.

Artigo 14. Elección e nomeamento do consello de administración.

1. Os membros do consello de administración son elixidos polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. Se esta maioría non se acada no prazo de tres meses desde a primeira votación, abondará para a elección unha maioría de tres quintos.

2. Os candidatos propostos polos grupos parlamentarios deben ser persoas con acreditada experiencia profesional e recoñecido prestixio. Terase en conta a pluralidade cultural, ideolóxica e política e procurarase o equilibrio de xéneros.

3. Os candidatos propostos polos grupos parlamentarios deberán comparecer ante a comisión correspondente na forma que determina o Regulamento da Cámara, co fin de examinar a súa idoneidade para o cargo.

4. A xunta xeral de accionistas nomeará os membros do consello de administración elixidos polo Parlamento de Galicia.

5. As vacantes serán cubertas na forma que determinan as alíneas anteriores, respectando a pluralidade de orixe. O mandato dos novos conselleiros terá unha duración equivalente ao tempo que lles quedase de mandato aos membros aos que substitúen.

Artigo 15. Experiencia profesional e recoñecido prestixio.

1. Para os efectos do disposto no artigo anterior presumirase que unha persoa posúe experiencia profesional e recoñecido prestixio para ser membro do consello de administración no caso de ter desempeñado funcións de administración, alta dirección, control, ou asesoramento, ou funcións de similar responsabilidade, en entidades públicas ou privadas, e tamén se ten méritos relevantes de carácter profesional, docentes ou de investigación en ámbitos relacionados coa comunicación.

2. Na composición do consello de administración deberá garantirse a presenza de conselleiras ou conselleiros que dispoñan de experiencia profesional no ámbito da alta dirección, do control ou do asesoramento e de conselleiras ou conselleiros que teñan experiencia no ámbito profesional, docente ou investigador da comunicación.

Artigo 16. Duración do mandato.

1. O mandato dos membros do consello de administración é de cinco anos, contados desde o seu nomeamento.

2. O mandato é renovable por unha soa vez.

3. Esgotado o mandato, os membros do consello de administración continúan no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos novos conselleiros.

Artigo 17. Cesamento.

1. Os membros do consello de administración cesan no seu cargo por:

a) Expiración do prazo do seu mandato.

b) Renuncia expresa notificada formalmente ao consello.

c) Defunción.

d) Inhabilitación para o exercicio de cargo público ou por condena por delito doloso, declaradas en sentenza firme.

e) Por incompatibilidade sobrevida.

2. Os membros do consello de administración tamén cesarán no seu cargo por separación aprobada polo Parlamento de Galicia, por maioría de dous terzos, por proposta da xunta xeral de accionistas ou do consello de administración, logo da instrución do correspondente expediente, por non desenvolver as súas funcións de acordo cos requirimentos que determinan esta lei e as normas que a desenvolvan.

Artigo 18. Estatuto persoal.

1. Os membros do consello de administración terán dedicación exclusiva e estarán suxeitos ao réxime de incompatibilidades de altos cargos da Administración autonómica, e a súa condición será en todo caso incompatible coa de membro do Parlamento ou do Goberno, co exercicio de calquera cargo de elección ou designación política e coa pertenza a organismos de dirección en partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais.

2. Os membros do consello de administración non poden ter intereses directos nin indirectos con empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de produción ou distribución de películas cinematográficas ou de programas filmados ou gravados en magnetoscopio ou radiofónicos, discográficas ou en calquera tipo de entidade relacionada coa subministración ou dotación de material ou de programas á Corporación RTVG.

3. Os membros do consello de administración no exercicio do seu cargo actúan con plena independencia e neutralidade, sen que poidan recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou doutras institucións ou entidades.

4. Os membros do consello de administración exercerán as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixencia, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil, e axustarán a súa actuación aos principios de legalidade, obxectividade e bo goberno.

Artigo 19. Competencias e funcións.

1. Correspóndenlle ao consello de administración as seguintes funcións:

a) As facultades indelegables consonte a lexislación mercantil, isto é, a rendición de contas da xestión social e a presentación de balances á xunta xeral, e o exercicio daquelas facultades que a xunta xeral lle conceda ao consello de administración.

b) Nomear o persoal directivo designado pola directora ou polo director xeral e formalizar o seu cesamento no suposto de destitución pola directora ou director xeral.

c) Aprobar as directrices básicas en materia de persoal e o cadro de persoal.

d) Aprobar o regulamento interno e demais normas de funcionamento do propio consello.

e) Aprobar a creación dos órganos ou das comisións de participación, asesoramento ou de control interno.

f) Aprobar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación RTVG elaborados pola directora ou polo director xeral.

g) Vixiar o cumprimento da misión de servizo público encomendada polo mandato marco e o contrato programa.

h) Aprobar a organización básica da corporación e as súas modificacións.

i) Aprobar, por proposta da directora ou do director xeral, o plan xeral de actuación da corporación e os plans de programación das distintas canles de radio e televisión públicas.

j) Aprobar as normas reguladoras da emisión de publicidade tendo en conta os criterios de autorregulación do sector.

k) Aprobar o informe anual sobre a xestión da corporación e sobre o cumprimento da misión de servizo público atribuída.

l) Aprobar o proxecto de orzamentos anuais de explotación e capital, así como os plans financeiros plurianuais previstos na normativa.

2. Como órgano representativo do pluralismo político e social, correspóndelle ao consello de administración o establecemento dos criterios reitores da dirección editorial da Corporación RTVG. Enténdese por criterios reitores a fixación dos principios que deben inspirar a dirección editorial da Corporación RTVG.

Artigo 20. Presidencia.

1. A presidencia do consello de administración será puramente funcional e exercerase de forma rotatoria polos seus membros, excluída a directora ou o director xeral, por un período de seis meses.

2. A presidencia do consello de administración terá como funcións a de convocar as sesións, ordenar os debates e conducir as deliberacións asegurando a súa boa marcha, conforme dispoña o regulamento interno e demais normas de funcionamento do propio consello.

3. A presidencia terá tamén as seguintes funcións: organizar e coordinar coa comisión de economía e control a avaliación periódica do consello e a coordinación do consello de administración e a directora ou o director xeral.

4. En ningún caso quen exerza a presidencia do consello terá ningunha función de representación ou dirección executiva da Corporación RTVG, que lle corresponderá á directora ou ao director xeral.

Artigo 21. Secretaría.

1. O consello de administración ten unha secretaria ou un secretario, que deberá ser licenciada ou licenciado en dereito, non poderá ter a condición de membro do consello de administración e actuará con voz pero sen voto.

2. A designación e a destitución da secretaria ou do secretario correspóndelle ao consello de administración, así como a súa substitución temporal nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade consonte o que establezan os estatutos sociais.

3. A persoa titular da secretaría terá as funcións que lle asignen os estatutos e, en todo caso, as de preparar as reunións, estender actas, certificar os seus acordos e asesorar en dereito.

4. Á persoa titular da secretaría seralle aplicable o réxime de incompatibilidades e deberes previsto para os membros do consello de administración, agás o relativo á dedicación exclusiva.

Artigo 22. Funcionamento.

1. Os acordos do consello de administración adoptaranse por maioría dos seus membros salvo que os estatutos sociais ou a lexislación mercantil establezan outra cousa.

2. A directora ou o director xeral terá voto de calidade para dirimir os posibles empates nas votacións que se efectúen no consello de administración.

3. O regulamento de funcionamento interno que debe aprobar o consello de administración establecerá que o consello se reunirá en sesión ordinaria unha vez ao mes como mínimo e en sesión extraordinaria cando o determine a directora ou o director xeral ou cando o solicite unha terceira parte dos seus membros.

Artigo 23. A directora ou o director xeral.

1. A directora ou o director xeral exercerá de forma permanente as funcións de administración e representación da Corporación RTVG que lle confiren esta lei e os estatutos sociais.

2. A directora ou o director xeral é elixido polo Parlamento de Galicia por maioría de dous terzos. No caso de non acadarse a maioría de dous terzos nunha primeira votación, o Parlamento de Galicia poderá volver someter a votación o mesmo candidato transcorrido un mes desde a primeira votación, e neste caso abondará para a súa elección a maioría dos tres quintos do Pleno da Cámara.

Será nomeado polo consello de administración na súa primeira sesión.

3. O cargo de directora ou director xeral terá unha duración de cinco anos, e poderá ser reelixida ou reelixido no cargo unha vez por un período de idéntica duración.

4. Esgotado o mandato, a directora ou o director xeral continúa no exercicio das súas funcións ata o nomeamento da nova persoa elixida para o cargo.

Artigo 24. Cesamento da directora ou do director xeral.

1. Producirase o cesamento da directora ou do director xeral polas seguintes causas:

a) Por expiración do prazo do seu mandato.

b) Por imposibilidade física ou enfermidade superior na súa duración a seis meses continuos.

c) Por renuncia expresa notificada ao consello de administración.

d) Por defunción.

e) Por inhabilitación para o exercicio de cargo público ou por condena por delito doloso, declaradas en sentenza firme.

f) Por incompatibilidade sobrevida.

g) Por revogación aprobada polo Parlamento de Galicia coa mesma maioría esixida para a súa elección.

2. A directora ou o director xeral cesará automaticamente cando da liquidación do orzamento anual da Corporación RTVG e por causas imputables á súa xestión se constate a concorrencia das seguintes circunstancias:

a) Un empeoramento do resultado orzado cunha desviación igual ou superior ao 10% da compensación suficiente aprobada pola prestación do servizo público.

b) A existencia dunha desviación orzamentaria por exceso igual ou superior ao 10% das cifras aprobadas para o total das dotacións tanto do orzamento de explotación coma do orzamento do capital, excluídos do cómputo do primeiro os impostos e os resultados, e, do segundo, a variación do capital circulante.

Artigo 25. Estatuto persoal da directora ou do director xeral.

1. A directora ou o director xeral exercerá as súas funcións con absoluta independencia, sen que poida recibir instrucións, directrices ou calquera clase de indicación imperativa do Goberno, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, dos partidos políticos nin doutras institucións ou entidades.

2. A directora ou o director xeral terá dedicación exclusiva e exercerá as súas funcións con suxeición aos deberes de dilixente administración, fidelidade, lealdade, segredo e responsabilidade establecidos na lexislación mercantil. Así mesmo, axustará a súa actuación aos principios de legalidade, obxectividade, bo goberno e estabilidade financeira.

3. A directora ou o director xeral estará suxeito ao réxime de incompatibilidades de altos cargos da Administración autonómica. En todo caso, o seu cargo será incompatible coa condición de membro do Parlamento ou do Goberno, co exercicio de calquera cargo de elección ou designación política e coa pertenza a organismos de dirección en partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais.

4. A directora ou o director xeral non pode ter intereses directos nin indirectos en empresas publicitarias, editoriais, xornalísticas, de produción ou distribución de películas cinematográficas ou de programas filmados ou gravados en magnetoscopio ou radiofónicos, discográficas ou en calquera tipo de entidade relacionada coa subministración ou dotación de material ou de programas á Corporación RTVG.

Artigo 26. Competencias e funcións da directora ou do director xeral.

1. A directora ou o director xeral desempeñará a dirección executiva da Corporación RTVG.

2. A directora ou o director xeral exercerá, entre outras, as seguintes funcións:

a) A representación da Corporación RTVG.

b) Adoptar, realizar e executar cantos actos, actuacións ou decisións sexan necesarios para o desempeño da dirección executiva da Corporación RTVG.

c) Elaborar o plan anual de actividades, a memoria anual e os anteproxectos de orzamentos da Corporación RTVG.

d) Actuar como órgano de contratación da Corporación RTVG.

e) Autorizar os pagamentos e os gastos da Corporación RTVG.

f) Organizar a dirección da Corporación RTVG.

g) Designar con criterios de profesionalidade e destituír o persoal directivo, logo da notificación ao consello de administración.

h) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos da Corporación RTVG.

i) Ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao funcionamento da organización interna.

j) Propor, para o seu sometemento á xunta xeral de accionistas, o nomeamento dos auditores de contas ou as sociedades de auditoría.

k) Exercer a xefatura superior do persoal da corporación e desenvolver as directrices básicas do consello de administración en materia de persoal.

l) Cumprir e facer cumprir a lei e os acordos do consello de administración.

m) Establecer os criterios de programación e as directrices oportunas para que a programación cumpra a misión de servizo público encomendada.

n) Asinar o contrato programa convido baixo as directrices do mandato marco.

ñ) Asegurar o cumprimento da lexislación de protección dos datos de carácter persoal.

3. As dúbidas que no transcurso da actividade da sociedade poidan xurdir en relación coa atribución dunha competencia ao consello de administración ou á persoa titular da dirección xeral da corporación resolveranse sempre a favor desta.

Artigo 27. Consello asesor.

Terá a consideración de Consello Asesor da Corporación RTVG a comisión, sección ou órgano que para ese fin se sinale na estrutura da autoridade audiovisual independente de Galicia que para o efecto se constitúa por lei.

Artigo 28. Comisión de economía e control.

O número de membros e as normas de funcionamento da comisión de economía e control fixaranse estatutariamente ou, se é o caso, polas normas de funcionamento interno da entidade, que, en todo caso, favorecerán a independencia do seu funcionamento.

Sección 2.ª Réxime do persoal ao servizo da Corporación Radio e Televisión de Galicia

Artigo 29. Réxime dos membros do consello de administración.

1. Os membros do consello de administración, incluída a directora ou o director xeral, estarán vinculados á Corporación RTVG por unha relación mercantil sen prexuízo das especialidades establecidas nesta lei.

2. O Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Facenda, aprobará as retribucións que lles correspondan percibir á directora ou ao director xeral e aos restantes membros do consello de administración, así como as indemnizacións que por asistencia lles poidan corresponder aos integrantes do consello de administración. As cantidades anteriores integraranse no orzamento da Corporación RTVG e, polo tanto, nos termos nos que proceda, na lei de orzamentos que cada ano aprobe o Parlamento de Galicia.

Artigo 30. Réxime do persoal directivo.

1. Estará suxeito a unha relación laboral especial aquel persoal directivo da Corporación RTVG cuxas funcións reúnan os requisitos esixidos polo ordenamento para que o seu contrato sexa cualificado como de alta dirección. As indemnizacións por extinción da relación laboral axustaranse ao previsto na norma que regule a relación especial do directivo de alta dirección. No caso de que a indemnización por todos os conceptos fose superior aos seis meses de soldo esixirase autorización da Consellería de Facenda con carácter previo á sinatura do contrato de alta dirección.

2. O número de efectivos de persoal de alta dirección ao que se refire a alínea anterior debe estar relacionado no plan plurianual de actuacións e nos sucesivos contratos programa.

3. O persoal de alta dirección está suxeito ás incompatibilidades previstas no artigo 18.2 desta lei para os membros do consello de administración.

Artigo 31. Persoal laboral.

1. O persoal ao servizo da Corporación RTVG estará sometido ás normas de dereito laboral. As relacións da Corporación RTVG co seu persoal rexeranse polas condicións establecidas no correspondente contrato de traballo, no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, nos convenios colectivos e nas demais normas que sexan aplicables.

2. Á selección e contratación do persoal laboral seranlles aplicables as disposicións recollidas na Lei 6/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico relativas ás sociedades mercantís autonómicas.

3. A contratación do persoal laboral con carácter fixo realizarase de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, mediante as correspondentes probas convocadas pola Corporación RTVG, logo do informe favorable dos centros directivos da Xunta de Galicia competentes en materia de orzamentos e función pública.

TÍTULO III Principios para a prestación do servizo público

CAPÍTULO I Misión de servizo público

Artigo 32. Mandato marco.

Os obxectivos xerais da función de servizo público que debe cumprir a Corporación RTVG estableceranse normativamente, a través do correspondente mandato marco, para un período de nove anos. O mandato marco deberá ser aprobado polo Parlamento de Galicia por unha maioría de dous terzos. De non acadarse a maioría de dous terzos, e logo da inclusión do asunto na orde do día dun próximo pleno, o mandato marco será aprobado por unha maioría de tres quintos. No suposto de non resultar aprobado nesta segunda votación, incluiríase nunha próxima sesión plenaria e resultaría aprobado se acadase a maioría absoluta dos membros da Cámara.

Artigo 33. Contratos programa.

1. O desenvolvemento e a concreción, para todas e cada unha das súas canles, dos obxectivos da función de servizo público encomendados á Corporación RTVG realizaranse mediante a subscrición por un período de tres anos do correspondente contrato programa entre o Consello da Xunta e a Corporación RTVG. O primeiro contrato programa achegará a memoria e o plan plurianual de actuación regulados no artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. O contrato programa deberá referirse de xeito expreso aos seguintes contidos:

a) As achegas con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia destinadas a compensar a Corporación RTVG pola prestación do servizo público de radio e televisión.

b) Os medios para a adecuación e actualización do custo das actividades e dos obxectivos acordados ás variacións do ámbito económico, garantindo sempre o cumprimento do mandato marco e o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

c) Os obxectivos da política de eficiencia, rendibilidade, produtividade, persoal ou reestruturación técnica, así como os métodos indicadores da súa avaliación e a forma de render conta deles, que desenvolverá a Corporación RTVG no exercicio da misión de servizo público.

d) Os contidos de servizo público que deban emitirse pola Corporación RTVG, que deberán concretar as porcentaxes de xéneros de programación.

e) Os efectos que haberán de derivarse do incumprimento dos compromisos acordados.

f) O control da execución do contrato programa e dos resultados derivados da súa aplicación.

3. Entre os obxectivos específicos que deberá desenvolver a Corporación RTVG poderán considerarse, ademais dos obxectivos propios da actividade audiovisual, os obxectivos de natureza organizativa ou económica que contribúan ao mellor cumprimento da misión de servizo público.

4. Os membros da Xunta comparecerán para informar anualmente o Parlamento autonómico sobre a execución e o resultado do contrato programa.

CAPÍTULO II Principios de produción e programación

Artigo 34. Impulso da produción propia.

A Corporación RTVG impulsará a produción propia da súa programación, de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos nas canles xeralistas, atendendo aos recursos materiais e humanos dos que dispoña.

Artigo 35. Realización e edición dos programas informativos.

1. A Corporación RTVG non poderá ceder a terceiros a realización e edición de programas informativos e daqueloutros que expresamente determine o mandato marco.

2. Para os efectos da alínea anterior, enténdese por realización e edición de programas informativos o proceso necesario para a definición do programa, do seu contido, a forma da súa divulgación e calquera outro aspecto da cadea de creación relacionado coa definición da información mesma. Só se lles poderá encomendar a terceiros a colaboración en aspectos de carácter material ou técnico da cadea de produción.

Artigo 36. Estatuto profesional.

1. O estatuto profesional da Corporación RTVG é un instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos ofrecidos polas distintas canles de radio, televisión e internet e responderá aos principios xerais que inspiran esta lei.

2. O estatuto profesional recollerá a creación dun consello de informativos como órgano interno de participación dos profesionais da información da Corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, pola veracidade e pola obxectividade dos contidos informativos difundidos por todas as súas canles.

3. As normas de organización e funcionamento do consello de informativos aprobaranse polo consello de administración, logo de escoitar as organizacións sindicais representativas.

Artigo 37. Procesos electorais.

Durante os procesos electorais aplicarase o réxime especial que establezan as normas electorais. A aplicación e o control das normas corresponderanlle á xunta electoral competente.

CAPÍTULO III Pluralismo democrático

Artigo 38. Pluralismo.

A Corporación RTVG asegurará o dereito que todas as persoas teñen a que a comunicación audiovisual inclúa unha programación en aberto que reflicta e respecte a diversidade cultural, ideolóxica e política da sociedade galega.

Artigo 39. Dereito de acceso.

1. O dereito de acceso na Corporación RTVG materialízase a través dos seguintes medios:

a) A participación dos grupos sociais e políticos representativos, como fontes e portadores de información e opinión no conxunto da programación.

b) O establecemento de espazos específicos na televisión e radio fixados polo Consello de Administración da Corporación RTVG, oída a autoridade audiovisual independente que se constitúa.

2. Garantirase a dispoñibilidade de medios técnicos e humanos para a realización dos espazos necesarios para o correcto exercicio do dereito de acceso.

Artigo 40. Dereito de rectificación.

1. En todo caso, a comunicación audiovisual respectará o honor, a intimidade e a propia imaxe das persoas e garantirá os dereitos de rectificación e de réplica.

2. O dereito de rectificación rexerase polo sinalado na Lei orgánica 2/1984, do 26 de marzo, reguladora do dereito de rectificación.

TÍTULO IV Réxime económico

Artigo 41. Financiamento

1. O sistema de financiamento da Corporación RTVG dotaraa dun réxime económico que lle permita cumprir a súa finalidade de servizo público de calidade dun xeito eficaz, con garantía da súa independencia e obxectividade.

2. O financiamento da Corporación RTVG basearase nun sistema mixto mediante a percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público, ademais dos ingresos e rendementos das súas actividades e da participación no mercado da publicidade. As compensacións polo cumprimento das obrigacións de servizo público consignaranse nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas compensacións terán carácter anual e non poderán superar o custo neto do servizo público prestado no correspondente exercicio orzamentario.

3. Para os efectos da alínea anterior, considérase custo neto a diferenza entre os custos totais e os seus outros ingresos distintos das compensacións. Se ao peche dun exercicio se constatase que a compensación supera o custo neto incorrido en tal período, o montante en exceso minorarase da compensación orzada para o exercicio seguinte a aquel no que se produciu tal exceso.

4. A Corporación RTVG poderá adquirir dereitos de emisión de contidos de gran valor no mercado audiovisual. Con todo, non poderá subcotizar os prezos da súa oferta comercial e de servizos nin utilizar a compensación pública para sobrepoxar fronte a competidores por dereitos de emisión sobre contidos de gran valor no mercado audiovisual.

Artigo 42. Recurso ao endebedamento.

1. A Corporación RTVG e calquera outra sociedade na que posúa, directa ou indirectamente, a maioría do capital social só poderán realizar operacións de crédito, na medida e cos límites máximos establecidos na normativa vixente, para o financiamento dos seus investimentos en inmobilizado material e inmaterial e para atender necesidades transitorias de tesouraría.

2. Os límites de tal endebedamento quedarán fixados, para cada exercicio, na lei de orzamentos de cada ano.

Artigo 43. Orzamentos.

1. O réxime orzamentario, económico-financeiro, de contabilidade, de intervención e de control financeiro da Corporación RTVG someterase ao establecido no artigo 103.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e nas demais disposicións que lle sexan aplicables, así como ás previsións establecidas nesta lei.

2. Xunto cos orzamentos de explotación e capital a Corporación RTVG remitirá unha memoria da avaliación económica do investimento ou dos investimentos que vaian iniciarse no exercicio así como a expresión dos obxectivos que se pretendan acadar nel.

Artigo 44. Contabilidade e reservas.

1. Co fin de cuantificar o custo neto do servizo público, a Corporación RTVG debe dispor de separación de contas por actividades, así como levar un sistema de contabilidade analítica que separe a imputación de ingresos e custos da actividade de servizo público dos contidos comerciais e das restantes actividades.

2. A Corporación RTVG deberá proceder progresivamente á separación estrutural das súas actividades para garantir os prezos de transferencia e o respecto ás condicións do mercado.

3. O réxime económico-financeiro de contabilidade e control da Corporación RTVG será o establecido pola lexislación de réxime económico e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia para as sociedades mercantís autonómicas, sen prexuízo da aplicación do previsto na lexislación audiovisual de carácter básico aprobada polo Estado.

Artigo 45. Contas anuais e auditoría externa.

1. Sen prexuízo do sinalado nesta lei, as contas anuais da Corporación RTVG rexeranse polos principios e normas de contabilidade recollidos no plan xeral contable e deberán ser revisadas por auditores de contas de acordo co disposto na lexislación mercantil.

2. As contas anuais serán formuladas polo Consello de Administración da Corporación RTVG e serán sometidas, xunto coa proposta de distribución de resultados, á aprobación da xunta xeral de accionistas conforme a lexislación mercantil. Logo de aprobadas e remitidas ao Parlamento autonómico para o seu coñecemento, a directora ou o director xeral comparecerá ante a comisión de control parlamentario correspondente.

Artigo 46. Patrimonio.

1. A Corporación RTVG terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Comunidade Autónoma de Galicia, integrado polo conxunto de bens, dereitos e obrigacións dos que sexa titular. Os bens e dereitos da Corporación RTVG serán en todo caso de dominio privado ou patrimoniais.

2. A xestión, administración, explotación e disposición dos bens e dereitos que integran o patrimonio da Corporación RTVG rexeranse polo disposto nesta lei, polas normas reguladoras do patrimonio da Comunidade Autónoma, e, na súa falta, polo ordenamento privado.

Artigo 47. Principios e réxime de contratación.

1. A Corporación RTVG axustará a súa actividade contractual aos principios de publicidade e concorrencia, con suxeición ao disposto na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

2. Sen prexuízo do anterior, a actividade contractual da Corporación RTVG rexerase polo ordenamento xurídico privado.

TÍTULO V Control externo

Artigo 48. Control parlamentario.

1. O Parlamento de Galicia exerce o control da xestión e do cumprimento da función de servizo público encomendada á Corporación RTVG, a través da Comisión Permanente de Control da Corporación RTVG.

2. Para ese efecto a Corporación RTVG, sen prexuízo do disposto nos artigos 33.4 e 45.2 desta lei, presentaralle con caracter anual á devandita comisión parlamentaria un informe referido á execución do contrato programa e mandato marco e unha memoria sobre a execución da función de servizo público encomendada referida ao conxunto das súas actividades, programacións, servizos e emisións.

Artigo 49. Control pola autoridade audiovisual.

1. A autoridade audiovisual da Comunidade Autónoma de Galicia deberá avaliar se os novos servizos significativos que se pretendan incluír se axustan á misión de servizo público encomendada e se alteran a competencia no mercado audiovisual. Durante a avaliación deberáselles outorgar audiencia aos distintos interesados, e os seus resultados deberán publicarse. Ademais, a autoridade audiovisual establecerá un procedemento para que se poida solicitar a súa intervención no caso de incumprimento da función de servizo público.

2. Así mesmo, a autoridade audiovisual determinará un procedemento de control periódico do financiamento público que reciba a Corporación RTVG, así como as medidas de reequilibrio necesarias para que o seu destino sexa o establecido nesta lei.

Disposición adicional primeira. Desafectación do dominio público e atribución do patrimonio adscrito.

Quedan desafectados do dominio público os bens e dereitos que á entrada en vigor desta lei integran o patrimonio da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A. Tales bens e dereitos terán a consideración de patrimoniais da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A.

Disposición adicional segunda. Tecnoloxía e promoción da identidade galega.

En función da tecnoloxía e do alcance da emisión, poderán adaptarse os contidos para contribuír ao mellor cumprimento pola Corporación RTVG da promoción da identidade galega en todas as culturas.

Disposición transitoria primeira. Transición da Compañía de Radio-Televisión de Galicia á Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

1. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A. realizarán a transmisión dos activos e pasivos que resulten necesarios para a prestación do servizo público de radio e televisión á Corporación RTVG que sexa designada ou constituída para ese efecto por acordo do Consello da Xunta. Unha vez designada ou constituída a Corporación RTVG, o acordo do Consello da Xunta aprobará a citada operación distinguindo os activos e pasivos que son obxecto de transmisión daqueles que non o sexan, sen prexuízo do cumprimento das normas que procedan de acordo coa lexislación mercantil ou civil que sexa aplicable.

2. A Corporación RTVG comezará a exercer a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión ao día seguinte a aquel no que se produza o outorgamento da escritura pública na que se execute a operación referida na alínea 1. Mentres non teña lugar a transmisión de activos e pasivos establecidos polo acordo do Consello da Xunta á Corporación RTVG, a prestación do servizo público seguiralle correspondendo á Compañía de Radio-Televisión de Galicia e ás sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A.

3. A transmisión de activos e pasivos á Corporación RTVG prevista na alínea 1 deberá realizarse no prazo máximo dun ano desde a entrada en vigor desta lei.

Disposición transitoria segunda. Disolución da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.

1. Acórdase a disolución do ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A.

2. Cando se produza a achega de activos e pasivos necesarios para a prestación do servizo público á que se refire a disposición transitoria primeira desta lei, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A. entrarán en disolución-liquidación. Estas entidades deberán proceder á finalización ordenada de cantas relacións xurídicas estean pendentes e non sexan obxecto de traspaso á Corporación RTVG.

3. No mesmo momento referido na alínea anterior quedarán suprimidos os órganos da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., que serán substituídos por un liquidador único designado pola consellaría competente en materia de facenda da Comunidade Autónoma de Galicia. A Xunta Xeral de Accionistas de Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A. nomeará liquidador o designado pola citada consellaría.

4. O Consello da Xunta proverá a Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as sociedades Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A. dos recursos económicos que sexan necesarios para a realización do proceso de liquidación patrimonial.

Disposición transitoria terceira. Órganos da Compañía de Radio-Televisión de Galicia

O Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e a súa dirección xeral continúan, nos termos establecidos na Lei 9/1984, de 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, no exercicio das súas funcións ata que se inicie pola Corporación RTVG a súa actividade de prestación do servizo público de radio e televisión. Se neste momento non estiver elixida a persoa titular da súa dirección xeral, o exercicio das súas funcións corresponderá transitoriamente á persoa que sexa titular da dirección xeral da Compañía.

Lei 13/2015, do 24 de decembro.

Artigo modificado:Disposición transitoria terceira nova redacción por disposición derradeira cuarta.

Disposición transitoria cuarta. Nomeamento dos cargos da Corporación Radio e Televisión de Galicia.

1. A elección da directora ou do director xeral e demais membros do consello de administración deberá realizarse no prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei. Non obstante, o seu nomeamento producirase na data na que a corporación adquira personalidade xurídica.

2. No prazo dun mes desde a entrada en vigor desta lei, a Mesa do Parlamento aprobará, consonte o Regulamento da Cámara, as normas reguladoras do procedemento para a elección da directora ou do director xeral e dos membros do consello de administración.

3. Este procedemento deberá garantir que antes da expiración do prazo sinalado na alínea anterior, dous grupos parlamentarios ou unha quinta parte dos membros da Cámara poidan solicitarlles aos órganos competentes a inclusión na orde do día do Pleno da elección dos devanditos órganos da corporación.

Disposición transitoria quinta. Mandato marco.

O primeiro mandato marco previsto no artigo 32 desta lei será tramitado e aprobado polo Parlamento de Galicia nos prazos previstos para a primeira elección da directora ou do director xeral e dos demais membros do consello de administración.

Disposición transitoria sexta. Administración da Corporación Radio e Televisión de Galicia.

1. Mentres non se produza a achega de activos e pasivos necesarios para a prestación do servizo público á que se refire a disposición transitoria primeira desta lei, a administración provisional da Corporación RTVG corresponderalle ao administrador ou aos administradores nomeados para ese efecto conforme os estatutos e as regras xerais do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital.

2. O administrador ou os administradores aos que lles corresponda a administración provisional da Corporación RTVG cesarán no cargo o mesmo día no que se produza o outorgamento da escritura de achega de activos e pasivos referida na disposición transitoria primeira desta lei.

Disposición derrogatoria única. Derrogación de normas.

1. Sen prexuízo do sinalado na alínea 3 da disposición transitoria primeira desta lei, quedan derrogados:

a) A Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, o Decreto 480/1990, do 10 de outubro, de control financeiro, réxime orzamentario e contable do ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

b) O artigo 7 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

c) As disposicións adicionais segunda e terceira da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

2. Así mesmo quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan, contradigan ou resulten incompatibles co establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Engádeselle unha nova disposición adicional á Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo terceira. Corporación Radio e Televisión de Galicia.

O patrimonio da Corporación Radio e Televisión de Galicia réxese pola súa lexislación específica».

Disposición derradeira segunda. Referencias á Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Todas as referencias que nas normas en vigor se lle realicen á Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberán entenderse feitas á Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A.

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia.

1. Modifícase o artigo 4 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, como segue:

«Artigo 4. Principios xerais da actividade audiovisual.

As actividades recollidas nesta lei basearanse nos seguintes principios:

a) O respecto e a defensa dos principios que informan a Constitución Española e o Estatuto de autonomía de Galicia e dos dereitos e das liberdades que neles se recoñecen e garanten.

b) A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade de Galicia.

c) O fomento da produción audiovisual propia e de emisións que coadxuven á proxección de Galicia cara ao exterior e de información ás comunidades galegas do exterior.

d) O reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia.

e) O respecto á dignidade humana, ao honor, á intimidade persoal e á propia imaxe.

f) A promoción activa da igualdade entre homes e mulleres, que inclúe a igualdade de trato e de oportunidades, o respecto á diversidade e á diferenza, a integración da perspectiva de xénero, o fomento de accións positivas e o uso da linguaxe non sexista.

g) A protección da xuventude e da infancia.

h) A obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa, así como o respecto á liberdade de expresión e á formación dunha opinión pública plural.

i) A separación entre informacións e opinións, a identificación de quen sostén estas últimas e a súa libre expresión dentro dos límites constitucionais e estatutarios.

j) A garantía da máxima continuidade na prestación do servizo e a plena cobertura do conxunto do territorio.

k) A procura do desenvolvemento do sector audiovisual desde o punto de vista da mellora da súa contribución á economía da comunidade autónoma.

l) A garantía do dereito das persoas con discapacidade ao acceso de forma efectiva aos contidos emitidos.

m) A garantía dos dereitos dos consumidores e usuarios en relación coa programación, coa publicidade e coas outras modalidades de promoción comercial.

n) O fomento do coñecemento dos valores ecolóxicos e do respecto e da protección do medio ambiente».

2. Modifícase o artigo 5 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, como segue:

«Artigo 5. Principios xerais de acción institucional.

1. A Xunta de Galicia recoñece o carácter estratéxico e prioritario do sector audiovisual pola súa importancia cultural, social e económica, como instrumento para a expresión do dereito á promoción e divulgación da cultura de Galicia, da súa historia e da súa lingua, como datos de autoidentificación.

2. Os poderes públicos de Galicia promoverán as actividades do sector audiovisual galego, tanto público coma privado, mediante mecanismos que fomenten a súa presenza.

3. Os poderes públicos garanten e promoven o pluralismo cultural no audiovisual, potenciando o sector mediante o apoio a iniciativas educativas, profesionais e industriais.

4. Os poderes públicos impulsarán a produción propia da programación de radio e televisión de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos nas canles xeralistas».

3. Modifícase o artigo 8 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, como segue:

«Artigo 8. Dos obxectivos das actividades de fomento.

As accións de fomento do sector audiovisual en Galicia terán os seguintes obxectivos:

a) Promover un mellor coñecemento da historia, da arte, da literatura, da música, das producións culturais e, en xeral, da realidade social galega a través das producións cinematográficas e audiovisuais.

b) Promover e potenciar o ensino do audiovisual e das novas tecnoloxías interactivas na práctica docente da educación.

c) Promover e potenciar a actividade profesional no sector audiovisual dentro do seu territorio.

d) Fomentar a actividade empresarial e a creación de emprego no sector audiovisual, especialmente de actores e actrices e mais de técnicos.

e) Impulsar a produción propia da programación da radio e televisión de forma que esta abranga a maioría dos programas difundidos nas canles xeralistas.

f) Producir, editar e difundir un conxunto de canles de radio, televisión e servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, cubrindo todos os xéneros, destinadas a satisfacer as necesidades de información, cultura, educación e entretemento da sociedade e a preservar o pluralismo nos medios de comunicación.

g) Promover a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico no sector audiovisual.

h) Promover a utilización do idioma galego mediante o seu uso nos medios audiovisuais, especialmente apoiando a súa utilización en salas de exhibición e promovendo a asistencia a estas en municipios de máis de 35.000 habitantes.

i) Promover a utilización dos medios audiovisuais entre os cidadáns discapacitados.

j) Divulgar as obras audiovisuais galegas no propio territorio, no do Estado español, no de Portugal, no da Unión Europea e en todos os territorios onde existan comunidades galegas».

4. Modifícase o artigo 14 da Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, como segue:

«Artigo 14. Funcións de arbitraxe.

1. O Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual exercerá funcións de arbitraxe co fin de garantirlles aos usuarios unha oferta de servizos competitivos, nos supostos de situacións de dominio de mercado que afecten as relacións entre os diferentes axentes vinculados á prestación do servizo dunha determinada demarcación na rede de cable, sempre que a cuestión lle fose sometida polos interesados.

2. No desenvolvemento desta función, o Consello Asesor das Telecomunicacións e do Audiovisual axustarase ao procedemento previsto nos artigos 11 e seguintes do Real decreto 1994/1996, do 6 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, e, subsidiariamente, na Lei estatal 60/2003, do 23 de decembro, reguladora do réxime xurídico da arbitraxe.

3. En todo caso, o sometemento a esta arbitraxe terá para os interesados a eficacia prevista no artigo 11 da devandita Lei estatal 60/2003, do 23 de decembro, reguladora do réxime xurídico da arbitraxe».

Disposición derradeira cuarta. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

1. Engádeselle unha nova disposición adicional á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional décimo cuarta. Corporación Radio e Televisión de Galicia.

A Corporación RTVG rexerase pola súa normativa específica sen prexuízo da aplicación desta lei para os aspectos non regulados por aquela, sempre que sexan compatibles coa súa natureza e carácter especial».

2. Modifícase a alínea 4 da disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, como segue:

«4. As normas de organización e funcionamento e os estatutos de Portos de Galicia e da Empresa Pública de Obras e Servizos Hidráulicos adecuaranse a esta lei para as entidades públicas empresariais, por proposta conxunta dos titulares das consellarías competentes en materia de administración pública e de facenda, e modificarán, de ser o caso, as súas denominacións».

Disposición derradeira quinta. Autoridade audiovisual.

A Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento de Galicia, no prazo de nove meses desde a entrada en vigor desta lei, un proxecto de lei que regule ou encomende as funcións da autoridade audiovisual. Mentres non se aprobe a norma de referencia terá a consideración de autoridade audiovisual quen viñese exercendo tales funcións.

Disposición derradeira sexta. Habilitación normativa.

Habilítase a Xunta de Galicia para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do establecido nesta lei.

Disposición derradeira sétima. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas na sección de disposicións xerais do DOG. Consulte a información contida ao respecto na sección preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia