lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia.

Publicado en: DOG 124 29/06/2006

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 189, do 29 de setembro de 2006.

Preámbulo

I

«O dereito civil de Galicia é unha creación xenuína do pobo galego. Como dereito regulador de relacións entre suxeitos privados, xorde ao longo dos séculos na medida en que a súa necesidade se fai patente, fronte a un dereito que, por ser común, negaba as nosas peculiaridades xurídicas emanadas do máis fondo sentir do noso pobo. É por iso un froito da realidade social e, como tal, cambiante ao longo do tempo, de xeito que mentres unhas institucións perden vixencia aparecen outras que tratan de se acomodar á nova situación. Esta tensión entre a realidade e a supervivencia de formas xurídicas que van sendo superadas foi dando, así mesmo, novo sentido a novas institucións, xa que poucas veces se poderá atopar unha relación funcional tan estreita entre esas necesidades que as institucións xurídicas tentan acadar e as realidades de cada momento histórico.

Este proceso de creación consuetudinario e do dereito civil, como froito dunha realidade concreta no tempo e no espazo, viuse, certamente, interrompido polo movemento codificador uniformador xurdido no século XIX. É, precisamente, o Código civil de 1889 o que coloca á marxe da legalidade vixente unha boa parte do noso dereito civil propio, sen que esta situación fose, nin moito menos, resolta coa promulgación, en 1963, da Compilación do dereito civil de Galicia, fragmentaria, incompleta, falta de entidade propia dun sistema xurídico e, en consecuencia, en boa parte, de costas á realidade social.

O Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 creou un novo marco, dentro do que pode conservarse, modificarse e desenvolverse o dereito civil galego, tal como determina no artigo 27.4, ao fixar a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, ao abeiro do previsto no artigo 149.1.8.) da Constitución española de 1978. Sen prexuízo da competencia estatal en materia de lexislación civil, de acordo co previsto na Constitución e nos estatutos de autonomía, as comunidades autónomas poderán conservar, modificar e desenvolver os seus propios dereitos civís, forais ou especiais, alí onde existan. O marco estatutario completouse ademais coas súas previsións específicas sobre a parroquia rural, de acordo cos artigos 27.2 e 40 do Estatuto, que asoma nas disposicións desta lei sobre a comunidade veciñal, sobre as comunidades de augas ou sobre o réxime xurídico dos montes veciñais en man común, incorporados ao dereito autonómico por mor do previsto no devandito artigo 27 do propio Estatuto, entre outras competencias que inciden, naturalmente, sobre os máis diversos aspectos das relacións xurídico-privadas.

De singular transcendencia para o dereito civil galego é o artigo 38 do Estatuto de autonomía, expresivo das fontes do dereito propio de Galicia. No seu parágrafo terceiro di que «Na determinación das fontes do dereito civil o Estado respectará as normas do dereito civil galego». Esta lei, no seu título preliminar, fai uso desta facultade e especifica nitidamente que o dereito civil de Galicia estará integrado polos usos e os costumes propios e polas normas contidas nesta lei, así como polas demais leis galegas que o conserven, desenvolvan ou modifiquen. Nos demais artigos do título preliminar complétase o marco das normas do dereito civil de Galicia dentro das máis estritas previsións constitucionais e estatutarias.

A Sentenza do Tribunal Constitucional número 182/1992, sobre a Lei 2/1986, do 10 de decembro, do Parlamento de Galicia, de prórroga no réxime de arrendamentos rústicos para Galicia, interpretou, moi axeitadamente, as expresións constitucionais e estatutarias sobre o ámbito material no que debía conservarse, modificarse ou desenvolverse o dereito civil galego. Dixo expresa e nitidamente que, sendo certo que a vixente Compilación do dereito civil de Galicia non contén ningunha regra, directa e expresa, sobre o arrendamento rústico, non o é menos -como consideración de principio- que a competencia autonómica para a conservación, a modificación e o desenvolvemento do propio dereito civil pode dar lugar, segundo xa dixera na recente Sentenza do Tribunal Constitucional 121/1992 (fundamento xurídico 2.º), a unha recepción e formalización lexislativa de costumes e usos efectivamente vixentes no respectivo territorio autonómico, eventualidade, esta última, que resulta aínda máis clara visto o enunciado do referido artigo 27.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, pois na idea de «institución» xurídica, presente en tal precepto, intégranse ou pódense integrar, con naturalidade, posibles normas consuetudinarias. En similar sentido pronunciáronse os distintos congresos de dereito galego, cando proclaman que a Compilación de 1963 non era a expresión completa do noso dereito civil e, pola contra, fóra dela pervivían moitas institucións que agardaban a súa incorporación ao dereito vixente». (sic)

II

Esta Lei de dereito civil de Galicia tenta, pois, desenvolver, en todos os seus aspectos, aquelas institucións xurídico-privadas que realmente estivesen vivas no dereito propio de Galicia. De seguro que existen institucións que a lei non regula e que teñen méritos propios para ser incorporadas ao dereito escrito de Galicia. Por iso, en previsión da existencia de tales institucións, pero tamén das dúbidas e dos problemas que a aplicación desta lei puidese suscitar na práctica, establécese unha fórmula co fin de que se someta, cando se coide oportuno, como máximo no prazo de cinco anos, a unha avaliación o presente texto mediante o informe dunha ponencia especial, sen prexuízo da iniciativa parlamentaria que pode existir en calquera momento, de xeito que os grupos parlamentarios ou a Xunta de Galicia puidesen facer no seu día uso de oportunas iniciativas lexislativas que permitan a conservación, a modificación ou o desenvolvemento propio do dereito de Galicia.

Estamos ante un dereito vivo de Galicia. Nado nos campos galegos, como emanación singular dun rico dereito agrario, desbordado hoxe, incluso na vida cotiá das súas urbes. Lonxe da preocupación de calquera tentación arqueolóxico-xurídica, a lei pretende regular institucións válidas para os intereses e as necesidades do pobo galego. As comunidades de montes veciñais en man común, as de augas, as agras e os vilares teñen unha regulación específica. A dúbida sobre a posible incorporación dunha regulación dos muíños de herdeiros como unha institución viva do dereito galego levou a ponencia ao convencemento da oportunidade da súa inclusión, por canto pode ter de interese como elemento de interpretación e integración dun sistema xurídico-civil propio de Galicia. O título dedicado ás serventías ocupa un largo e longo espazo, xa que as relacións de veciñanza e a propia configuración do sistema agrario galego así o aconsellan. En canto aos contratos, a parzaría, o arrendamento rústico e o lugar acasarado teñen hoxe unha excelente vitalidade, o que aconsella a súa regulación por medio desta lei.

Se vivo e expresivo dun dereito propio é o sinalado no parágrafo anterior, complétase a súa riqueza con aquelas institucións constitutivas dun réxime económico familiar con fórmulas específicas de dereito sucesorio, integradoras dunhas relacións xurídico-privadas de gran alcance, pois definen as formas familiares e o papel da casa no desenvolvemento non só do dereito galego, senón tamén de grandes elementos explicativos da cultura galega. Institucións como o vitalicio, tan vivo na realidade social galega, acadan agora un estatuto xurídico que as circunstancias do noso tempo reclaman.

A devandita Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, marcou o camiño no exercicio da competencia para a conservación, a modificación e o desenvolvemento das institucións do dereito civil galego (artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia). Malia o tempo transcorrido, a doutrina científica, a práctica forense e a xurisprudencia puxeron de manifesto a inexplicable repetición de dous artigos do texto legal, a introdución dalgúns preceptos superfluos e a regulación ambigua dalgunhas materias que xeraron conflitos na súa interpretación ou aplicación. Por estas razóns, aínda que agora se conserve a regulación existente de moitas das institucións tradicionais, unha eficiente política lexislativa debe tentar mellorar algúns aspectos das institucións referidas aos montes veciñais en man común, ás augas de torna a torna ou pilla pillota, ao cómaro, o ribazo e o arró, ás serventías, ás servidumes de paso, á parzaría do lugar acasarado, ao dereito de labrar e posuír, á compañía familiar galega, ao réxime económico familiar e mais ao importante título referido aos dereitos sucesorios.

Congruentes con esa liña de mellora do texto lexislativo vixente déronse pasos a prol da modificación dalgúns artigos relativos ás fontes do dereito civil (artigo 1), aos arrendamentos rústicos -pola incidencia das leis estatais 49/2003, do 26 de novembro, e 26/2005, do 30 de novembro-, ás parzarías e ao dereito sucesorio. Chámase a atención sobre a nova regulación do artigo 234.3.º), que estende a obriga de lles prestar alimentos aos fillos e aos ascendentes que o precisen, sen ter que reunir a condición de comúns, modificación que vai incidir na cuestión de inconstitucionalidade núm. 311/2003 en relación co artigo 123.3.º) da Lei do 24 de maio de 1995.

Por último, a ponencia coidou oportuno acometer o desenvolvemento, no dereito civil de Galicia, dalgunhas materias non reguladas na Lei do 24 de maio de 1995, como son as relativas á protección de menores, á adopción e á autotutela, institucións que se recollen en corenta e seis artigos na súa vertente civil, deixando fóra do seu ámbito os aspectos administrativos e procesuais. Tamén hai que subliñar a regulación no texto legal das institucións derivadas de relacións de veciñanza, como son a gabia, o resío, a venela e os montes abertais, institucións de dereito consuetudinario reflectidas no informe do Consello da Cultura Galega e que a ponencia considerou oportuno desenvolver.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de dereito civil de Galicia.

Título preliminar

Artigo 1

1. As fontes do dereito civil de Galicia son a lei, o costume e os principios xerais que integran e informan o ordenamento xurídico galego.

2. O costume rexerá en defecto de lei galega aplicable.

3. En defecto de lei e costume galegos, aplicarase con carácter supletorio o dereito civil xeral do Estado, cando non se opoña aos principios do ordenamento xurídico galego.

Artigo 2

1. Os usos e costumes notorios non requirirán proba. Son notorios, ademais dos usos e os costumes compilados, os aplicados polo Tribunal Supremo, polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou pola antiga Audiencia Territorial de Galicia.

2. O dereito galego interpretarase e integrarase desde os principios xerais que o informan, así como coas leis, os usos, os costumes, a xurisprudencia emanada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e mais a doutrina que encarna a tradición xurídica galega.

Artigo 3

O dereito civil galego terá eficacia no territorio da comunidade autónoma. Exceptúanse os casos nos que, conforme o dereito interrexional ou internacional privado, deban aplicarse outras normas.

Artigo 4

1. A suxeición ao dereito civil de Galicia determinarase pola veciñanza civil, consonte o disposto no dereito civil común.

2. Os galegos que residan fóra de Galicia terán dereito a manter a veciñanza civil galega consonte o disposto no dereito civil común e, en consecuencia, poderán seguir suxeitos ao dereito civil de Galicia.

Título I Da protección de menores

Capítulo I Disposición xeral

Artigo 5

Co fin de garantir os dereitos das persoas menores e de emendar as situacións de desamparo ou de risco nas que se puidesen atopar, a Xunta de Galicia exercerá a través do organismo competente a protección das persoas menores que residan ou se atopen en Galicia.

Artigo 6

Para os efectos de decidir a medida de protección axeitada para as persoas menores de idade de acordo co principio de proporcionalidade da intervención pública protectora, serán principios reitores os seguintes:

1.º) O principio de supremacía do interese da ou do menor.

2.º) O principio do mantemento da ou do menor no núcleo ou medio familiar ou no contorno de orixe, agás que non sexa conveniente para o seu interese.

3.º) O principio da consecución da integración sociofamiliar dos nenos, as nenas e os e as adolescentes, garantindo, sempre que sexa posible, a permanencia no seu ambiente familiar e no contorno comunitario.

4.º) O principio da máis pronta definición da situación da ou do menor.

Lei 3/2011, do 30 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 6 nova redacción por disposición adicional terceira.

Capítulo II Do desamparo e da tutela administrativa

Sección 1.ª Disposición xeral

Artigo 7

Correspóndelle á entidade pública competente a tutela das persoas menores que se atopen en situación de desamparo. Considérase desamparo a situación que se produce de feito por mor do incumprimento ou do imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda dos menores, cando estes queden privados da necesaria asistencia.

Sección 2.ª Da declaración de desamparo

Artigo 8

1. A situación de desamparo deberase apreciar nun procedemento administrativo no que se lles dará audiencia aos titulares de deberes de protección referidos no artigo anterior e deberase declarar mediante unha resolución motivada que implicará a conseguinte asunción da tutela.

2. A devandita resolución administrativa deberase pór en coñecemento do ministerio fiscal e deberalles ser notificada aos titulares de deberes de protección escoitados no procedemento de apreciación e declaración do desamparo nun prazo de corenta e oito horas.

3. Os devanditos titulares de deberes de protección serán informados no momento da notificación das causas que deron lugar á intervención da administración e dos posibles efectos da decisión adoptada. A información deberase facer de forma presencial, de xeito claro e comprensible.

4. Para formular oposición perante os tribunais civís ás resolucións en materia de protección de menores non será necesaria a reclamación previa na vía administrativa. A oposición ás resolucións administrativas en materia de protección de menores rexerase polo disposto no artigo 780 e concordantes da Lei de axuizamento civil.

Artigo 9

1. A declaración de desamparo e a conseguinte asunción da tutela pola entidade pública traen consigo a suspensión da patria potestade ou da tutela ordinaria á que estivese sometida a persoa menor.

2. Malia o anterior, serán válidos os actos de contido patrimonial que realicen os pais ou titores en representación da persoa menor e que sexan beneficiosos para ela.

Sección 3.ª Das medidas de protección

Artigo 10

1. A actuación da entidade pública respecto da persoa menor declarada en desamparo consistirá en promover algunha das seguintes medidas:

1.ª) A reinserción do menor no propio núcleo familiar no que se producise o desamparo, cando isto sexa posible e o interese do menor o aconselle.

2.ª) A constitución da tutela ordinaria, nos casos en que sexa conveniente para o interese do menor.

3.ª) A adopción, cando non sexa conveniente a reinserción do menor na súa familia de orixe.

4.ª) A declaración de incapacidade do menor, no caso de concorrer algunha das causas de incapacitación.

2. De non ser posible a reinserción da persoa menor na súa propia familia ou de se constituír a tutela ordinaria ou a adopción, correspóndelle á entidade pública a garda da persoa menor, que se exercitará por medio do acollemento.

Capítulo III Da garda administrativa

Sección 1.ª Disposición xeral

Artigo 11

Correspóndelle á administración a garda das persoas menores:

1.º) Como función inherente á tutela administrativa asumida pola entidade pública nos casos en que se declare o desamparo.

2.º) Cando por solicitude dos titulares dos deberes de protección a entidade pública acceda a asumila provisionalmente.

3.º) Se así o acorda o xuíz nos casos en que legalmente proceda.

Sección 2.ª Da garda administrativa asumida por solicitude á entidade pública

Artigo 12

1. No caso de mediar circunstancias graves que lles impidan exercitar as súas funcións, os titulares dos deberes de protección poderán solicitar da entidade pública competente que asuma a garda do menor durante o tempo que sexa preciso.

2. De se aceptar a solicitude, a cesión da garda á entidade pública deberase facer por escrito, no que se fará constar que os pais, os titores ou os gardadores foron informados das responsabilidades que seguen a manter respecto do menor, así como do xeito no que a administración exercerá a devandita garda.

3. Nos supostos de garda de feito, a entidade pública procurará ademais a formalización da situación da persoa menor promovendo a medida de protección que corresponda.

4. Cando concorran circunstancias que así o aconsellen, a administración poderá modificar a forma de exercicio da garda. Neste caso deberáselles comunicar aos pais, os titores ou os gardadores, así como ao ministerio fiscal, a razón da modificación e a nova forma de garda adoptada.

Artigo 13

1. A garda administrativa asumida por solicitude á entidade pública cesará:

1.º) Por pedimento dos titulares dos deberes de protección.

2.º) Por decisión da propia entidade pública cando, en atención ao interese do menor, considere que non se xustifica a persistencia da situación de garda administrativa.

2. En ambos os dous casos, sen prexuízo de que a entidade pública competente poida promover a medida de protección que coide procedente.

Sección 3.ª Do exercicio da garda administrativa: O acollemento. Disposicións xerais

Artigo 14

1. O coidado e a protección do menor serán exercidos pola entidade pública correspondente mediante o acollemento do menor.

2. O acollemento pode ser familiar ou residencial. No primeiro, o coidado e a protección do menor exercítanos a persoa ou as persoas do grupo familiar determinadas pola entidade pública. No acollemento residencial a garda exercítaa o director do centro ou da institución en que sexa acollido o menor.

3. Teña ou non a administración a tutela ou a garda do menor, a constitución do acollemento require sempre o consentimento da entidade pública competente.

Artigo 15

1. Terase que evitar que o exercicio do coidado e da protección do menor traia consigo a separación dos irmáns, procurando que sexan acollidos por unha mesma persoa ou persoas e, de ser o caso, nun único centro ou institución.

2. De xurdir problemas graves de convivencia, o propio menor ou calquera persoa que teña coñecemento da situación poderán solicitar o cesamento ou a remoción da garda.

3. Todas as actuacións de formalización e cesación do acollemento practicaranse coa obrigada reserva.

Sección 4.ª Do acollemento familiar

Artigo 16

1. O acollemento familiar produce a plena participación do menor na vida de familia e imponlle a quen o recibe as obrigas de velar por el, telo na súa compañía, alimentalo, educalo e procurarlle unha formación integral.

2. Agás que o interese da persoa menor o desaconselle, procurarase o acollemento familiar dunha persoa ou das persoas que formen parte da familia ou do contorno de orixe do menor, evitando a súa erradicación do propio ámbito familiar e social.

Artigo 17

O acollemento familiar pode asumir as modalidades de acollemento simple, permanente ou preadoptivo.

Artigo 18

O acollemento familiar simple, como modo de exercicio do coidado e da protección dos menores baixo a garda administrativa, ten carácter transitorio e procédese á súa constitución:

1.º) Nos casos en que se prevexa como posible a reinserción do menor na súa propia familia.

2.º) Como medida provisional ata que se lle poida procurar ao menor outra forma de protección máis estable.

Artigo 19

1. O acollemento familiar permanente só procederá respecto de menores declarados en desamparo cando o interese do menor así o aconselle.

2. Nestes casos, a entidade pública poderá solicitar do xuíz que se lle atribúan a quen acolle o menor as facultades que faciliten o desempeño das súas funcións.

Artigo 20

1. O acollemento familiar preadoptivo formalizarao a entidade pública cando eleve perante a autoridade xudicial a proposta de adopción dun menor. Para iso cómpre:

1.º) Que o menor se atope declarado en situación de desamparo.

2.º) Que os acolledores sexan seleccionados, que reúnan os requisitos precisos para adoptar e que presten perante a entidade pública o seu consentimento á adopción.

2. A entidade pública tamén poderá formalizar un acollemento familiar preadoptivo cando, con anterioridade á presentación da proposta de adopción, aprecie a necesidade de fixar un período de adaptación do menor declarado en situación de desamparo á familia dos posibles adoptantes. Este período será o máis breve posible e procurarase que non exceda do prazo dun ano.

Sección 5.ª Do acollemento residencial

Artigo 21

O acollemento residencial ten carácter subsidiario respecto do familiar e das demais medidas de protección do menor. Só se poderá recorrer ao acollemento residencial de non seren posibles aqueles ou, en atención ao interese do menor, de se consideraren inadecuados o mantemento do menor na súa familia, o acollemento familiar, a constitución da tutela ordinaria ou a adopción.

Sección 6.ª Da constitución do acollemento

Artigo 22

1. Para a constitución do acollemento terán que prestar o seu consentimento:

1.º) A entidade pública.

2.º) A persoa ou as persoas que reciban o menor en acollemento.

3.º) O propio menor se ten cumpridos doce anos.

4.º) Os titulares da patria potestade ou da tutela, cando non teñan prestado o seu consentimento.

2. Se os titulares da patria potestade ou da tutela non consenten ou se opón, o acollemento só poderá ser acordado polo xuíz consonte os trámites da Lei de axuizamento civil. Así e todo, a entidade pública poderá acordar, en interese do menor, un acollemento familiar provisional, que subsistirá ata que recaia resolución xudicial.

3. En todo caso, o menor de doce anos que teña madureza abonda deberá ser oído.

Artigo 23

O acollemento formalizarase por escrito. Unha vez concluído o expediente, a entidade pública terá que lle remitir ao ministerio fiscal o documento de formalización do acollemento.

Artigo 24

Nos casos en que o acollemento deba ser acordado polo xuíz, a entidade pública, logo de realizar as dilixencias oportunas e de concluír o expediente, presentaralle a proposta de acollemento á autoridade xudicial de xeito inmediato e, en todo caso, no prazo máximo de quince días.

Sección 7.ª Do cesamento do acollemento

Artigo 25

1. O acollemento cesará:

a) Por decisión xudicial.

b) Por decisión da entidade pública que teña a tutela ou a garda da persoa menor, polos seguintes motivos:

1.º) No caso de acollemento familiar, por decisión das persoas que a teñen acollida, logo da comunicación destas á entidade pública.

2.º) No caso de garda rogada, por pedimento do titor ou a titora ou do pai ou a nai que teña a patria potestade e reclame a súa compaña.

3.º) En calquera caso que se considere necesario para a salvagarda do interese da ou o menor.

2. Será precisa resolución xudicial de cesamento cando o acollemento fose acordado polo xuíz ou pola xuíza.

Lei 3/2011, do 30 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 25 nova redacción por disposición adicional terceira.

Capítulo IV Da situación de risco e das medidas de protección

Artigo 26

1. Considérase situación de risco a que se produce de feito cando a persoa menor de idade, sen estar privada no seu ámbito familiar da necesaria asistencia moral ou material, se ve afectada por calquera circunstancia que prexudique o seu desenvolvemento persoal, familiar, social ou educativo e que permita razoablemente temer que no futuro poida estar incursa nunha situación de desamparo, inadaptación ou de exclusión social.

2. En tales casos, a actuación dos poderes públicos orientarase á prevención do desamparo e á reparación da situación de risco que puider afectar a persoa menor.

Lei 3/2011, do 30 de xuño.

Artigo modificado:Artigo 26 nova redacción por disposición adicional terceira.

Título II Da adopción

Capítulo I Das persoas que poidan adoptar e ser adoptadas

Artigo 27

A adopción require que a persoa adoptante sexa maior de vinte e cinco anos. Na adopción por ambos os cónxuxes abonda con que un deles teña acadada a devandita idade. En todo caso, o adoptante deberá, polo menos, ter catorce anos mais ca o adoptado.

Artigo 28

Unicamente poderán ser adoptadas as persoas menores non emancipadas. Como excepción, poderá ser adoptado un maior de idade ou un menor emancipado se, inmediatamente antes da emancipación, existise entre as persoas adoptante e adoptanda unha situación de acollemento familiar ou convivencia, iniciada antes de que o adoptando cumpra os catorce anos.

Artigo 29

Non poderán ser adoptados:

1.º) Os descendentes.

2.º) Os parentes en segundo grao da liña colateral por consanguinidade ou afinidade.

Artigo 30

Agás os casos de adopción por ambos os cónxuxes, ninguén pode ser adoptado por máis dunha persoa.

Artigo 31

Poderase constituír unha nova adopción:

1.º) No caso de morte do adoptante.

2.º) Cando o xuíz acorde a exclusión do adoptante das funcións tuitivas por incorrer en causa de privación da patria potestade.

Capítulo II Da constitución da adopción

Artigo 32

A adopción constitúese por resolución xudicial. Para estes efectos terase en conta sempre o interese preferente do adoptando, así como a idoneidade do adoptante ou dos adoptantes para o exercicio da patria potestade.

Artigo 33

1. Para iniciar o expediente de adopción é necesaria a proposta previa da entidade pública a favor do adoptante ou dos adoptantes que os declarase idóneos para o exercicio da patria potestade.

2. A declaración de idoneidade poderá ser previa á proposta de adopción.

Artigo 34

1. Non se require a proposta previa da entidade pública cando nun adoptando concorra algunha das seguintes circunstancias:

1.ª) Ser orfo e parente do adoptante en terceiro grao por consanguinidade ou afinidade.

2.ª) Ser fillo ou filla do consorte do adoptante.

3.ª) Levar máis dun ano acollido legalmente polo adoptante na modalidade de acollemento familiar preadoptivo.

4.ª) Levar máis dun ano baixo a tutela do adoptante.

5.ª) Ser maior de idade ou menor emancipado.

2. Nos catro primeiros supostos do apartado anterior poderase constituír a adopción aínda que o adoptante falecese. Para iso cómpre que o adoptante xa tivese prestado perante o xuíz o seu consentimento para a adopción. Logo de se constituír en tales casos a adopción, os efectos da resolución xudicial retrotraeranse á data na que o adoptante prestase o consentimento.

Artigo 35

1. Terán que consentir a adopción:

1.º) O adoptante ou os adoptantes.

2.º) O adoptando maior de doce anos.

2. O consentimento deberase prestar en presenza do xuíz.

Artigo 36

1. Deberán asentir a adopción na forma establecida na Lei de axuizamento civil:

1.º) O cónxuxe do adoptante, agás que medie separación legal por sentenza firme ou exista separación de feito por mutuo acordo que conste fidedignamente.

2.º) Os pais do adoptando que non se atope emancipado, agás que estean privados da patria potestade por sentenza firme ou incursos en causa legal para tal privación.

2. Non será necesario o asentimento cando os que deban prestalo se atopen imposibilitados para iso. A devandita imposibilidade terá que ser apreciada motivadamente na resolución xudicial que constitúa a adopción.

3. O asentimento da nai non se poderá prestar ata que transcorran trinta días desde o parto.

Artigo 37

Deberán ser oídos polo xuíz:

1.º) Os pais que non fosen privados da patria potestade, cando o seu asentimento non sexa necesario para a adopción.

Na citación aos pais para o trámite de audiencia precisarase a circunstancia pola cal deban simplemente ser oídos. Nos casos en que os pais pretendan que se recoñeza a necesidade do seu asentimento para a adopción seguirase o procedemento previsto no artigo 781 da Lei de axuizamento civil.

2.º) O titor e, de ser o caso, o gardador ou os gardadores.

3.º) O adoptando menor de doce anos, de ter xuízo abondo.

4.º) A entidade pública, co fin de apreciar a idoneidade do adoptante, cando o adoptando leve máis dun ano acollido legalmente por aquel.

Capítulo III Da eficacia da adopción

Artigo 38

A filiación adoptiva produce os mesmos efectos ca a filiación por natureza.

Artigo 39

1. A adopción produce a extinción dos vínculos xurídicos entre o adoptado e a súa familia anterior.

2. Porén, subsistirán os vínculos xurídicos coa familia paterna ou materna, segundo o caso, nos seguintes supostos:

1.º) Cando o adoptado sexa fillo do cónxuxe da persoa adoptante, aínda que o consorte falecese.

2.º) Cando soamente un dos proxenitores estea legalmente determinado e o adoptante sexa persoa de distinto sexo ao do devandito proxenitor, sempre que o adoptante solicite tal efecto, o adoptado sexa maior de doce anos e o pai ou a nai teñan un vínculo que deba persistir.

3. O establecido nos apartados anteriores enténdese sen prexuízo do disposto sobre impedimentos matrimoniais.

Artigo 40

1. A adopción é irrevogable.

2. O xuíz poderá acordar a extinción da adopción por pedimento do pai ou da nai que, por causa que non lles fose imputable, non interviñesen no expediente de adopción segundo o prescrito nos preceptos que o regulan. Para estes efectos será necesario que a demanda se interpoña dentro dos dous anos seguintes á adopción e que a extinción solicitada non prexudique gravemente o menor.

3. A determinación da filiación que por natureza lle corresponda ao adoptado non afecta a adopción.

Artigo 41

1. O xuíz, por pedimento do ministerio fiscal, do adoptado ou do seu representante legal, acordará que a persoa adoptante que incorrese en causa de privación da patria potestade quede excluída das funcións tuitivas e dos dereitos que por lei lle correspondan respecto da persoa adoptada ou dos seus descendentes, ou nas súas herdanzas.

2. Logo de acadar a plena capacidade, a exclusión só a poderá pedir o adoptado, dentro dos dous anos seguintes.

3. Deixarán de producir efecto as restricións ás que se refire o apartado 1 deste artigo por determinación do propio fillo ou filla, logo de atinxir a plena capacidade.

Título III Da autotutela

Artigo 42

En previsión dunha eventual incapacidade, calquera persoa maior de idade poderá designar en escritura pública a persoa ou as persoas, físicas ou xurídicas, para que exerzan o cargo de titor. Do mesmo xeito, poderá nomear substitutos dos que designase para exercer a tutela e excluír a determinadas persoas para o cargo.

Artigo 43

A persoa interesada tamén poderá delegar no seu cónxuxe ou noutra persoa a elección do futuro titor entre unha pluralidade de persoas físicas ou xurídicas, previamente identificadas ou relacionadas en escritura pública.

Artigo 44

Así mesmo o interesado poderá:

1.º) Fixar a retribución do futuro titor e sinalar as regras xerais de funcionamento e contido da tutela prevista, especialmente no que se refire ao coidado da súa persoa.

2.º) Propor medidas de vixilancia e control da actuación tutelar, así como regras para a administración dos seus bens.

Artigo 45

As disposicións ás que se refiren os artigos anteriores vincularán o xuíz ao constituír a tutela, agás que o beneficio do incapacitado exixa outra cousa, e nese caso farao mediante decisión motivada.

Título IV Da situación de ausencia non declarada

Artigo 46

Atópase en situación de ausencia non declarada a persoa cuxo paradoiro se ignora ou aquela que non se pode localizar de modo transitorio.

Artigo 47

A situación de ausencia efectiva do domicilio habitual poderase acreditar mediante acta de notoriedade tramitada por notario hábil, na que se fará constar a persoa á que lle corresponde a representación e a defensa dos intereses do ausente.

Artigo 48

1. Na situación de ausencia non declarada, agás previsión expresa do ausente, correspóndelles ao cónxuxe non separado legalmente ou de feito, aos descendentes maiores de idade e aos ascendentes, por esta orde, a representación do ausente de feito en todos os actos e negocios xurídicos de administración ordinaria que non se poidan demorar, a obriga de velaren polos intereses deste, así como instaren a acta á que se refire o artigo anterior. De entre os descendentes, a preferencia correspóndelle ao de maior idade. Entre os ascendentes ao máis novo.

2. En calquera caso, quedarán a salvo as facultades de representación que fosen conferidas polo ausente de feito.

Artigo 49

O representante obrigará ao ausente de feito en todos os actos e negocios realizados consonte o artigo anterior, e serán aplicables, en canto a dereitos e obrigas, as regras do mandato, sen outras excepcións ca as previstas nestes preceptos.

Artigo 50

O representante do ausente percibirá, en concepto de retribución mínima, un vinte e cinco por cento dos froitos netos que xeren os bens que administre.

Título V Da casa e da veciñ

Artigo 51

A casa patrucial e os seus anexos constitúen un patrimonio indivisible.

Artigo 52

Os patrucios dunha parroquia constitúen a veciña, que administra os bens en man común segundo o costume ou consonte o acordado pola maioría.

Quedarán excluídos deste réxime os montes veciñais en man común, que se rexerán polas normas que lles sexan aplicables.

Artigo 53

A veciña reunirase polo menos unha vez ao ano cando, como e onde o acorde, e estará presidida polo vigairo, o patrucio de máis idade ou a persoa escollida pola maioría dos patrucios. O presidente ten voto de calidade en caso de empate.

Artigo 54

O presidente convocará os patrucios con tres días de antelación. De non o facer así, a veciña reunirase o 31 de decembro de cada ano, agás que houbese costume de se reunir outro día.

Artigo 55

Na reunión anual da veciña polo menos someteranse á aprobación as contas do ano anterior e fixaranse os plans ou os obxectivos de actuación para o ano seguinte. Os acordos inusitados serán documentados.

Título VI Dos dereitos reais

Capítulo I Dos montes veciñais en man común

Artigo 56

Son montes veciñais en man común as terras situadas na comunidade autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas, na súa condición de veciños con casa aberta e con fume.

Artigo 57

As terras ás que se refire o artigo anterior poderanse declarar montes veciñais en man común en virtude de sentenza firme ditada pola xurisdición ordinaria ou ser obxecto de clasificación como tales montes veciñais, que realizarán os xurados provinciais.

Artigo 58

Tras se iniciar o expediente de clasificación de montes veciñais en man común, ningunha terra afectada por aquel poderá ser obxecto de alleamento, división ou gravame ata que o xurado dite a resolución oportuna, e para tal efecto practicarase a correspondente anotación no rexistro da propiedade. Así e todo, se a terra estivese inscrita con asignación de diferente titularidade en virtude de sentenza ditada en xuízo declarativo, suspenderase a tramitación e os efectos do expediente ata que recaia resolución ditada pola xurisdición ordinaria.

Artigo 59

Logo de se ter clasificado o monte fixarase a superficie e as estremas deste, achegando á resolución unha planimetría suficiente, cos datos descritivos precisos, e procederase á súa sinalización e demarcación, que realizará de xeito gratuíto a consellaría competente por razón da materia. Así mesmo, figurará o estado económico de aproveitamentos, usos, concesións e consorcios. Asemade, o xurado remitiralle testemuño da resolución ao rexistro da propiedade, para os efectos de que se proceda á anotación preventiva da clasificación do monte.

Artigo 60

A propiedade dos montes veciñais en man común é de natureza privada e colectiva, e correspóndelle a súa titularidade dominical e o aproveitamento á comunidade veciñal respectiva.

Artigo 61

1. A comunidade veciñal entenderase composta polos veciños que a integren en cada momento.

2. Terán a condición de veciños comuneiros aquelas persoas titulares de unidades económicas, produtivas ou de consumo, con casa aberta e residencia habitual independente dentro da área xeográfica sobre a que se asente o grupo social ao que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte.

3. Os estatutos da comunidade veciñal poderán establecer un prazo mínimo de residencia para adquirir a condición de comuneiro, que, en ningún caso, poderá ser superior a un ano.

4. Non se poderá eximir o cumprimento do requisito de residencia habitual salvo causas xustificadas, e sen que a exención poida superar os dous meses en cada ano natural.

Artigo 62

A acción para reclamar o recoñecemento da condición de comuneiro prescribe aos trinta anos.

Artigo 63

A condición de comuneiro perderase, exclusivamente, desde o momento en que deixen de se cumprir os requisitos exixidos para a integración na comunidade veciñal. En todo caso, a perda desta condición deberá ser acordada pola asemblea xeral, tras a súa inclusión na orde do día, con expresión individualizada das persoas afectadas e sempre con audiencia destas.

Capítulo II Dos montes abertais

Artigo 64

Son montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo os conservados en pro indiviso nos que os seus copropietarios, sen prexuízo de realizaren en común aproveitamentos secundarios, tiñan ou manteñen o costume de se reunir para repartir entre si porcións determinadas de monte ou searas para o seu aproveitamento privativo, asignacións que se fan en tantos lotes como partícipes principais veñen determinados polos títulos ou polo uso inmemorial, e nos que a súa adxudicación se decide pola sorte, tamén sen prexuízo da subdivisión das searas así asignadas consonte as adquisicións hereditarias ou contractuais. De chegar o caso, a división das devanditas terras e a conseguinte extinción da copropiedade faranse consonte o costume, e de non exisir este faranse consonte a presunción de igualdade de cotas referida no parágrafo segundo do artigo 393 do Código civil.

Capítulo III Da comunidade en materia de augas

Artigo 65

1. O propietario ou posuidor dun predio pode aproveitar as augas da chuvia, estancadas ou non, e fará saír as sobrantes polo lugar acostumado.

2. O propietario ou posuidor tamén pode aproveitar as augas subterráneas que nazan ou abrollen no seu predio, sempre sen prexuízo dos dereitos preexistentes.

3. As augas da chuvia e as que nazan ou abrollen nos montes veciñais en man común aproveitaranse de conformidade co que acorde o organismo representivo da comunidade veciñal, segundo os usos e costumes da comunidade, e sen prexuízo dos aproveitamentos existentes.

4. O exercicio das facultades dos anteriores apartados non precisará de ningún tipo de concesión administrativa previa.

Artigo 66

1. As augas de torna a torna ou pilla pillota aproveitaranse segundo o costume ou conforme o acordo unánime dos usuarios ou partícipes, e, por pedimento de calquera deles, partiranse por horas, días ou semanas, en proporción á extensión que se viñese regando, sen que se lles poida dar ás augas un uso distinto daquel para o que foron rateadas.

2. Os aproveitamentos existentes presúmense inmemoriais e por acta notarial de presenza poderán ser inscritos no rexistro da propiedade de conformidade co disposto na lexislación hipotecaria.

Artigo 67

O disposto neste capítulo enténdese sen prexuízo do establecido na lexislación de augas.

Capítulo IV Dos muíños de herdeiros

Artigo 68

Son muíños de herdeiros os de propiedade común indivisible dedicados a moer grans para consumo familiar e alimentación do gando dos seus copropietarios, calquera que sexa a súa orixe e o seu estado de conservación.

Artigo 69

1. O aproveitamento da cota indivisa na propiedade farase por pezas ou grupos de horas que acorden os copartícipes e nos días que establezan, e, no seu defecto, polo que sexa costume. É exclusiva de cada propietario a cota asignada e, polo tanto, susceptible de permuta, alleamento ou arrendamento, o que fai seus os froitos ou as utilidades que produza.

2. Os copropietarios contribuirán proporcionalmente aos custos de conservación e reparación do edificio, do seu contorno, da maquinaria e do aproveitamento da auga, sen que entre eles haxa que pagar maquía.

3. Os copropietarios poderán exercitar o retracto de comuneiros, no caso de transmisión inter vivos, da peza ou a parte da peza da que outro partícipe dispuxese.

Artigo 70

1. Calquera modificación no uso e no aproveitamento respectará o dereito de cada partícipe e requirirá o voto favorable da maioría de comuneiros que, pola súa vez, teña a maior parte do uso e aproveitamento.

2. Os acordos da maioría que modifiquen o uso e o aproveitamento serán executivos, pero impugnables nos trinta días seguintes ao acordo ou á notificación.

Capítulo V Das agras e dos vilares

Artigo 71

1. A propiedade sobre as leiras integrantes da agra ou do vilar levará inherente un dereito de copropiedade sobre os seus valos ou cercados.

2. As partes en copropiedade non poderán ser alleadas ou gravadas con independencia das terras das que se reputan elementos alleos e inseparables, e na transmisión, por calquera título, do dominio dalgunha delas entenderase comprendida a cota de participación en tales elementos.

Artigo 72

De non haber pacto ou normas específicas de concentración parcelaria, o uso rexerá o aproveitamento e, en xeral, as relacións xurídicas dos propietarios das leiras que integren a agra ou o vilar.

Artigo 73

O propietario ou a persoa que utilice a agra, no seu nome ou por título distinto, e use a parcela ou as parcelas sen respectar os usos indemnizará polos danos e as perdas ocasionados.

Artigo 74

Ningún propietario ou persoa que a título distinto utilice as leiras da agra estará obrigado a pagar melloras, novos servizos ou instalacións, pero non poderá aproveitalas sen antes pagar o que lle corresponda ao seu predio ou predios.

Capítulo VI Das relacións de veciñanza

Artigo 75

1. O cómaro, ribazo ou arró e os muros de contención de leiras estremeiras situadas a distinto nivel ou socalco enténdese, agás proba en contrario, que forman parte do predio situado no plano superior, e o seu propietario ou posuidor están obrigados a realizar as obras e reparacións necesarias para a súa conservación e o seu mantemento.

2. A gabia ou o foxo paralelo ao lado exterior dos muros construídos para pechar leiras enténdese, agás proba en contrario, feitos co fin de advertir de que o pechamento pertence ao predio pechado, e, de se tratar de leiras estremeiras situadas a distinto nivel ou socalco, que estes forman parte do predio situado no plano inferior.

3. O resío ou a franxa de terreo sen cultivar que rodea os muros ou as construcións con fins de mantemento ou separación enténdese, agás proba en contrario, que pertence ao propietario do muro ou da construción. Para os efectos de determinar a súa largura terase en conta o costume do lugar.

4. A venela ou a suma de dous resíos deixados polos propietarios de muros ou construcións contiguas ou estremeiras con fins de mantemento ou separación enténdese que está dividida, agás proba en contrario, por unha liña que correrá equidistante de ambas as dúas construcións.

Capítulo VII Das serventías

Artigo 76

A serventía é o paso ou camiño privado de titularidade común e sen asignación de cotas, calquera que sexa o que cada un dos usuarios ou causantes cedesen para a súa constitución, que se encontra establecido sobre a propiedade non exclusiva dos lindeiros e que teñen dereito a usar, gozar e posuír en común para os efectos de paso e servizo dos predios.

Artigo 77

Se algún titular dos lindeiros acreditase a adquisición exclusiva da parte do paso ou camiño que discorre sobre a súa propiedade, quen alegue a existencia de serventía deberá probar a súa constitución, que poderá ser declarada fronte o que se opón ao paso, en beneficio da comunidade, sen necesidade de intervención dos demais cotitulares, os que se aproveitarán das resolucións favorables sen que os prexudiquen as adversas.

Artigo 78

Agás proba en contrario, presúmese a existencia de serventía:

1.º) Se as leiras forman ou formaron parte do agro, da agra ou do vilar, e se proba o uso continuo.

2.º) Cando o paso ou camiño foi establecido na partición de herdanza ou división de cousa común como servizo para todas ou algunha das parcelas resultantes.

3.º) Se o camiño aparece referido como lindeiro nos títulos das terras que se serven por el.

4.º) Cando o paso ou camiño é usado polos lindeiros para accederen ás súas terras situadas sen outra saída a camiño público.

Artigo 79

Ningún cotitular da serventía poderá exercitar a acción de división.

Artigo 80

Todos os partícipes están obrigados a contribuír, por partes iguais, cos gastos de conservación da serventía nos termos que acorde a maioría.

Artigo 81

1. Calquera modificación ou alteración da serventía requirirá o consentimento unánime dos copropietarios.

2. Malia o anterior, se o trazado do paso ou camiño dentro dos predios achegados para a constitución da serventía lle impedise ao condono realizar no resto do seu obras, reparacións ou melloras importantes, poderá variarse pola súa conta sempre que ofreza no predio outro lugar igualmente idóneo e de xeito que non resulte prexuízo grave para os demais cotitulares da serventía.

Capítulo VIII Da servidume de paso

Sección 1.ª Da adquisición da servidume de pa

Artigo 82

1. A servidume de paso adquírese por lei, por dedicación do dono do predio servente ou por negocio xurídico. Tamén se pode adquirir por usucapión.

2. A acción negatoria desta servidume prescribe aos trinta anos, contados desde o momento en que se comezou a exercitar o paso, agás que o exercicio tivese lugar de xeito clandestino, con violencia ou que constituíse un acto unicamente tolerado. Correspóndelle ao dono do predio presuntamente servente acreditar que o paso se exercitou por pura tolerancia.

Artigo 83

1. O propietario, o posuidor en concepto de dono e o titular dun dereito real de uso e gozo dun predio situado entre outros alleos, sexa rústico ou urbano, teñen dereito a exixir a constitución forzosa de servidume de paso polas herdades veciñas, logo da correspondente indemnización.

2. Considérase enclavado o predio que carece de acceso suficiente a camiño público transitable para satisfacer as necesidades permanentes de explotación, uso e gozo deste conforme o seu destino económico actual, e no que o acceso só é posible a través doutros predios de allea pertenza e sobre os que o lexitimado, para pedir a constitución da servidume, carece de calquera outro título que lle permita efectuar o tránsito.

3. Se a servidume de paso se constitúe de xeito que poida ser continuo o seu uso para todas as necesidades do predio dominante co establecemento dunha vía permanente, a indemnización consistirá no valor do terreo que se ocupe e no importe dos prexuízos que se causen no predio servente.

4. Cando se estableza o paso necesario a través do predio servente sen vía permanente, a indemnización consistirá no aboamento do prexuízo que ocasione este gravame.

Artigo 84

1. A servidume forzosa de paso establecerase polo predio ou os predios nos que, satisfeitas as necesidades do dominante, se cause o menor prexuízo e, en canto fose conciliable con esta regra, por onde sexa menor a distancia desde o predio dominante ao camiño público.

2. Para a concreción da servidume de paso dentro do predio servente teranse en conta as regras do apartado anterior, e a súa largura e forma de exercicio serán as que abonden para as necesidades do predio dominante.

3. De xurdir a situación de enclave pola supresión dun paso previo ata entón tolerado, o lexitimado para exixir a constitución da servidume poderá instala exclusivamente sobre o predio ou os predios polos que se viña exercendo, sobre os que se establecerá, sempre e cando se acredite que nel ou neles concorren as circunstancias determinadas no apartado 1 deste artigo.

4. Non se poderá impor en ningún caso unha servidume de paso sobre un predio se a súa constitución supón a inutilidade económica deste.

Artigo 85

1. Se logo de adquirir un predio por venda, voluntaria ou non, permuta, partición ou calquera outro título, oneroso ou gratuíto, inter vivos ou mortis causa, quedase enclavado entre algún do transmitente ou partícipe, este e os seus habentes causa, sexan a título universal ou particular, están obrigados a constituír servidume de paso sobre os seus predios sen indemnización, a non ser que respecto dela se pactase o contrario.

2. En defecto de constitución voluntaria da servidume de paso á que se refire o apartado anterior, poderase exixir a súa imposición forzosa. A servidume establecerase sobre o predio do transmitente ou partícipe, aínda que o predio enclavado o estea tamén entre outro de allea pertenza, sempre que o seu estado actual permita o paso abondo para satisfacer as necesidades do fundo intercluso.

3. Enténdese, sen admisión de proba en contrario, que a servidume se constituíu no momento do alleamento ou da partición, sempre que o paso a camiño público desde o predio enclavado se veña exercendo, de xeito continuado e sen oposición do dono ou dos donos dos terreos que o soportan, a través do predio ou dos predios polos que se imporía a servidume forzosa consonte o establecido no artigo precedente.

Artigo 86

A existencia dun signo aparente de servidume de paso entre dous ou máis predios, establecido ou mantido polo seu propietario, considerarase, de se allear algún, inter vivos ou mortis causa, como título de constitución da servidume, a non ser que, ao tempo de se separar a propiedade dos terreos, conste expresamente o contrario no título de alleamento de calquera deles, ou que se faga desaparecer materialmente aquel signo antes do perfeccionamento do negocio traslativo de dominio.

Artigo 87

1. Todo propietario dun predio pode establecer sobre el, por actos inter vivos ou mortis causa, as servidumes de paso que coide convenientes, sempre que non contraveña as leis e a orde pública.

2. A constitución inter vivos da servidume de paso por negocio xurídico será válida calquera que sexa a forma en que se realice, sempre que o propietario do predio servente prestase o seu consentimento expresa ou tacitamente, e que a súa existencia se poida apreciar derivada de actos ou feitos concluíntes.

3. Agás proba en contrario, suponse a existencia de título se o propietario dun terreo procede ao seu pechamento respectando o camiño e o tránsito que por el se veña realizando e deixando o paso na súa parte exterior.

Artigo 88

1. A servidume de paso pódese adquirir pola súa posesión pública, pacífica e ininterrompida durante o prazo de vinte anos, que comezará a contarse desde o momento en que se empezase a exercitar.

2. A forma de prestarse a servidume de paso pode prescribir como a servidume mesma e do mesmo xeito.

Sección 2.ª Dos dereitos e das obrigas dos propietarios dos predios dominante e servente

Artigo 89

1. Os dereitos e as obrigas dos titulares dos predios dominante e servente virán determinados polo disposto no título de constitución e mais pola posesión na servidume adquirida por usucapión.

2. Ao se establecer unha servidume de paso enténdense concedidos todos os dereitos precisos para o seu uso.

3. No caso de dúbida, a servidume entenderase constituída de xeito que satisfaga as necesidades do predio dominante co menor prexuízo para o fundo servente.

Artigo 90

1. O titular do predio dominante non poderá agravar de ningún xeito a servidume, nin o titular do predio servente poderá realizar acto de ningún tipo que supoña menoscabo do seu exercicio.

2. Non se considerará agravación a adecuación dos medios de transporte aos avances técnicos, de acordo co destino dos fundos no momento de constitución da servidume, sempre e cando non se cause prexuízo apreciable na condición do fundo gravado. Tal adecuación exixirá o consentimento do dono do predio servente ou, no seu defecto, aprobación xudicial.

3. Se por razón do lugar asignado primitivamente ou da forma establecida para o uso da servidume esta chegase a ser innecesariamente incómoda para o dono do predio servente ou dificultase gravemente a realización nel de obras, reparacións ou melloras importantes, poderá variala pola súa conta, sempre que ofreza no mesmo fundo outro lugar ou forma igualmente idóneos, e de xeito que non resulte ningún prexuízo para o dono do predio dominante nin para os que teñan dereito ao uso da servidume.

Artigo 91

Cando unha servidume de paso chegue a ser insuficiente para as necesidades do predio dominante, o dono deste, o posuidor en concepto de dono e o titular dun dereito real de uso e gozo poderán pedir a súa ampliación na medida en que tales circunstancias o exixisen, sempre que o estado do predio servente o permita sen grave prexuízo e logo de indemnización. A ampliación poderase deber ás modificacións necesarias introducidas no fundo dominante de acordo co seu destino actual e mellor uso e explotación.

Sección 3.ª Da extinción e suspensión da servidume de paso

Artigo 92

1. O propietario do predio servente poderá solicitar a extinción da servidume forzosa se o paso deixa de ser necesario para o predio dominante por reunilo o seu dono a outro que estea lindeiro a camiño público, coa devolución do que tivese recibido por indemnización.

2. Para estes efectos, considerarase servidume forzosa a constituída por negocio xurídico ou a adquirida por usucapión se no momento da súa constitución ou adquisición o predio dominante estivese enclavado. Igualmente considerarase para estes efectos servidume forzosa a constituída consonte o artigo 85.

Artigo 93

A servidume de paso, calquera que sexa a súa forma de constitución, extinguirase:

1.º) Por se reunir nunha mesma persoa a propiedade dos predios dominante e servente. Cando o que se adquire é unha parte indivisa, a servidume non se considerará extinguida.

2.º) Polo non uso durante o prazo de vinte anos, que se comezará a contar desde o día en que se deixe de exercitar a servidume.

3.º) Pola renuncia do dono do predio dominante.

4.º) Por chegar o día ou se realizar a condición, de ser a servidume temporal ou condicional.

5.º) Pola redención convida entre o dono do predio dominante e o propietario do predio servente.

Artigo 94

1. A imposibilidade de usar a servidume non producirá a súa extinción mentres non transcorra o prazo dos vinte anos.

2. Ata o transcurso do devandito prazo tampouco se extinguirá por falta de utilidade. Porén, se a servidume deviñese inútil por non reportar vantaxe significativa ao predio dominante e as circunstancias actuais do predio servente o xustificasen, o titular deste último poderá solicitar a suspensión do exercicio mentres a servidume non recobre a utilidade ou non transcorra o prazo legal de extinción.

3. Durante o tempo de suspensión do exercicio da servidume, non se poderán realizar no predio servente obras que imposibiliten no futuro o restablecemento do paso de recobrar a súa utilidade antes do transcurso do prazo de extinción.

Capítulo IX Do retracto da graciosa

Artigo 95

En todos os casos de execución patrimonial sobre bens que formen parte dunha explotación agraria, o debedor executado, que tivese a condición de profesional da agricultura, poderá retraer os bens adxudicados no prazo de trinta días hábiles a partir da data de notificación da adxudicación. O órgano que fixo a adxudicación notificaralla ao debedor dentro do terceiro día, e desde ese momento iniciarase o cómputo do prazo para o exercicio da acción de retracto.

Artigo 96

Para exercitar o retracto de graciosa o debedor deberá proceder ao pagamento do prezo e dos gastos de lexítimo aboamento.

Artigo 97

De non chegar o prezo obtido no procedemento para cubrir a totalidade da débeda e as demais cantidades incluídas na execución, o debedor, ademais do prezo e dos gastos lexítimos, deberá aboar a diferenza na contía necesaria para que o acredor executante vexa totalmente satisfeito o seu crédito e as cantidades reclamadas.

Artigo 98

Os bens retraídos poderán ser obxecto de novo embargo e execución.

Título VII Dos contratos

Capítulo I Dos arrendamentos rústicos

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 99

Os arrendamentos de predios rústicos rexeranse polos pactos libremente establecidos entre as partes, polas normas deste capítulo así como polos usos e os costumes que lles sexan aplicables. No seu defecto, os arrendamentos de predios rústicos rexeranse polas normas do Código civil.

Artigo 100

1. O obxecto do contrato será o uso e o aproveitamento dos predios rústicos e dos elementos vinculados a eles, no seu destino agrícola, pecuario ou forestal.

2. De non existir pacto en contrario, o tipo de cultivo será o que o arrendatario determine, sen prexuízo da súa obriga de devolver o predio no estado en que o recibiu.

3. Os aproveitamentos secundarios do predio pertencerán ao arrendatario, agás pacto ou costume en contrario.

Artigo 101

1. A renda será a que libremente estipulen as partes, que poderán acordar tamén o sistema de actualización.

2. O pagamento da renda efectuarase baixo a forma, o tempo e o lugar pactados. En defecto de pacto ou costume, a renda aboarase en metálico, por anos vencidos e no domicilio do arrendador.

3. As partes poderán convir que a contraprestación consista, en todo ou en parte, na mellora do predio arrendado.

Artigo 102

O contrato de arrendamento será obrigatorio calquera que sexa a forma en que se realice. Porén, as partes poderanse compeler reciprocamente á formalización do contrato en documento público ou privado.

Artigo 103

1. A duración do arrendamento será a que de común acordo estipulen as partes, e, no seu defecto, de dous anos agrícolas.

2. O prazo fixado será prorrogable por acordo expreso das partes.

Artigo 104

O contrato reconducirase tacitamente se con polo menos seis meses de antelación ao remate deste ou ao de calquera das súas prórrogas ningunha das partes lle notifica á outra a súa vontade de que o arrendamento conclúa. Os períodos de tácita recondución terán unha duración de dous anos agrícolas.

Artigo 105

O arrendatario non poderá subarrendar nin ceder, en todo ou en parte, o predio arrendado sen o consentimento expreso do arrendador.

Artigo 106

1. O arrendador deberá realizar as obras e as reparacións necesarias co fin de manter o predio en estado de servir para o aproveitamento ou a explotación para os que foi destinado.

2. De ser urxente, a realización das obras e reparacións necesarias poderá efectuala o arrendatario con dereito ao reintegro do que desembolsase.

3. Serán por conta do arrendatario as reparacións ordinarias que exixa o desgaste polo uso normal do predio.

Artigo 107

1. De non mediar oposición, calquera dos contratantes poderá realizar as melloras útiles das que sexa susceptible o predio segundo o seu destino. Para iso terá que lle comunicar previamente á outra parte o propósito de realizar as melloras, e non poderá efectualas de constar oposición expresa no prazo de quince días.

2. A mellora útil realizada polo arrendatario será compensada na forma establecida polas partes. De non existir acordo, o arrendatario poderá optar entre retirar a mellora se o predio non sufrise deterioración ou percibir o valor que tivese a mellora no momento en que o contrato remate.

Artigo 108

Serán pola conta do arrendador as contribucións e os impostos que recaian sobre o predio.

Artigo 109

O arrendamento de predios rústicos extinguirase:

1.º) Polo transcurso do prazo, das súas prórrogas ou do período de tácita recondución.

2.º) Pola perda ou a expropiación do predio arrendado.

3.º) Pola morte ou a imposibilidade física do arrendatario para continuar no uso e o aproveitamento do predio, agás que proceda a subrogación.

Artigo 110

O arrendatario saínte deberalles permitir ao entrante ou ao arrendador, de ser o caso, os actos necesarios para a realización dos labores preparatorios do ano agrícola seguinte. Así mesmo, o arrendatario entrante ou o arrendador, de ser o caso, teñen a obriga de lle permitir ao saínte o que sexa necesario para a recolleita e o aproveitamento de froitos. No cumprimento desta obriga recíproca haberá que se ater en todo caso ao que resulte do costume do lugar.

Artigo 111

No caso de morte ou imposibilidade física do arrendatario, o cónxuxe non separado legalmente ou de feito ou a persoa coa que convivía ou convive cunha relación de afectividade análoga á conxugal terá dereito a se subrogar no contrato. En defecto do cónxuxe ou da parella de feito, o dereito a se subrogar corresponderalle ao familiar que convivise co arrendatario e o auxiliase na explotación do predio arrendado. De seren varios os familiares, establecerase a preferencia atendendo á designación feita polo arrendatario, e, na falta desta, por proximidade de grao.

Artigo 112

Agás pacto en contrario, logo de transcorrer dous anos o arrendatario poderá desistir do contrato sen pagar ningunha indemnización. O exercicio deste dereito requirirá a súa notificación con seis meses de antelación ao remate do ano agrícola.

Artigo 113

1. Por pedimento do arrendador poderase resolver o arrendamento polas seguintes causas:

1.ª) Pola falta de pagamento da renda ou por non se realizar a mellora convida.

2.ª) Por non se respectar o destino do predio ou o tipo de cultivo pactado.

3.ª) Por se deixar de explotar o predio durante un período de, polo menos, dous anos consecutivos.

4.ª) Por se causar danos graves no predio de forma dolosa ou culposa.

5.ª) Polo subarrendo ou a cesión inconsentida.

6.ª) E por calquera outro grave incumprimento das obrigas contractuais ou legais.

2. Por pedimento do propietario, o arrendamento poderase resolver ao extinguirse o dereito que o arrendador tiña sobre o predio. Porén, o arrendamento subsistirá ata o remate do ano agrícola en curso.

Artigo 114

O alleamento da leira non será causa de extinción do contrato, e o adquirente subrogarase en todas as obrigas do arrendador.

Artigo 115

1. No caso de transmisión a título oneroso do predio rústico arrendado ou de porción determinada deste, o arrendatario que estivese a cultivalo de xeito persoal durante polo menos tres anos ininterrompidos poderá exercitar o dereito de tento dentro dos trinta días hábiles seguintes á notificación fidedigna que deberá realizar o arrendador, na que lle indicará o prezo ofrecido e as demais condicións da transmisión.

2. En defecto de notificación, o arrendatario terá dereito de retracto durante trinta días hábiles, contados a partir da data na que, por calquera medio, tivese coñecemento da transmisión e das condicións en que se fixo.

3. Só cabe renunciar a estes dereitos desde o momento en que poidan ser exercitados.

Artigo 116

Os dereitos de tento e retracto do arrendatario serán preferentes a calquera outro de adquisición, agás o retracto de lindeiros e o de coherdeiros e comuneiros.

Artigo 117

Exercitados os dereitos de tento ou retracto, o arrendatario non poderá allear total ou parcialmente o predio ata que transcorran tres anos polo menos desde a súa adquisición, nos que o predio terá que ser cultivado de xeito persoal. No caso de incumprimento, o comprador tentado ou retractado poderá pedir a reversión do predio.

Artigo 118

Non proceden o tento nin o retracto nas permutas de predios. Os arrendatarios de aproveitamentos secundarios ou por un prazo inferior ao ano agrícola tampouco poderán exercitar os dereitos de tento e retracto.

Sección 2.ª Do arrendamento do lugar acasarado

Artigo 119

Enténdese por lugar acasarado o conxunto formado pola casa de labor, as edificacións, as dependencias e as leiras, aínda que non sexan lindeiras, así como toda clase de gando, maquinaria, apeiros de labranza e instalacións que constitúan unha unidade orgánica de explotación agropecuaria, forestal ou mixta.

Artigo 120

O arrendamento do lugar acasarado terá unha duración mínima de cinco anos. O prazo pactado só será prorrogable por acordo expreso das partes ou por tácita recondución.

Artigo 121

O alleamento do lugar acasarado ou dos predios ou elementos que o formen non será causa de extinción, total ou parcial, do contrato, e producirase a subrogación do adquirente nas obrigas do arrendador. Tampouco lle afectará ao contrato a partición hereditaria do lugar.

Artigo 122

O arrendatario terá dereito de tento e retracto para o caso de transmisión onerosa da totalidade do lugar acasarado, dalgún dos predios que o integran ou de porción determinada destes, nos termos sinalados para os arrendamentos rústicos.

Artigo 123

Os dereitos de tento e retracto do arrendatario sobre o lugar acasarado serán preferentes con respecto a calquera outro de adquisición, agás o retracto de coherdeiros e comuneiros.

Artigo 124

Exercitados os dereitos de tento e retracto, o arrendatario quedará suxeito en todos os seus termos ao establecido no artigo 117, tanto respecto do lugar no seu conxunto coma das súas partes individuais.

Artigo 125

O arrendatario poderá desistir do contrato do lugar acasarado mediante notificación ao arrendador con máis de seis meses de antelación ao remate do ano agrícola e sen obriga de indemnizar.

Artigo 126

No non previsto nesta sección, o arrendamento do lugar acasarado rexerase polas disposicións xerais desta lei sobre os arrendamentos rústicos.

Capítulo II Das parzarías

Artigo 127

1. A cesión por un contratante a outro do gozo de certos bens, pola que se convén en repartir en partes alícuotas os froitos ou rendementos, rexerase polo título constitutivo e, no non previsto nel, polas normas deste capítulo. No seu defecto, rexerase polos usos e os costumes.

2. A parzaría pode ser agrícola, do lugar acasarado, pecuaria e forestal de novas plantacións.

Artigo 128

1. Poden ser obxecto da parzaría agrícola os predios rústicos de calquera clase, sen que perda o seu carácter polo feito de comprender a casa de labor e as súas dependencias.

2. Non se altera a natureza do contrato se varios titulares de predios rústicos concertasen entre si ou con terceiros o uso ou gozo deles, convindo en repartir os produtos por partes alícuotas.

Artigo 129

A parzaría do lugar acasarado ten por obxecto o conxunto de elementos que constitúen unha unidade orgánica de explotación, segundo o establecido no artigo 119 desta lei.

Artigo 130

Poden ser obxecto da parzaría pecuaria os animais susceptibles de aproveitamento na agricultura, a industria ou o comercio.

Artigo 131

Constitúe o obxecto da parzaría forestal de novas plantacións a creación, o mantemento e a posterior participación en plantacións de arboredo.

Artigo 132

O contrato de parzaría será obrigatorio con independencia da súa forma. A pesar diso, as partes poderanse obrigar reciprocamente á formalización do contrato en documento público ou privado. Así mesmo, se a parzaría fose pecuaria poderase obrigar a levar un caderno segundo é costume.

Artigo 133

1. A duración da parzaría será a que, de común acordo, estipulen as partes.

2. A parzaría agrícola acordada sen fixación de prazo entenderase concertada, en defecto de costume, polo tempo necesario para completar unha rotación ou un ciclo de cultivo. Se fose de lugar acasarado, polo tempo de cinco anos. A parzaría pecuaria, por un ano. E de ser de novas plantacións, por vinte anos.

Artigo 134

O prazo de duración fixado no contrato só será prorrogable por acordo expreso das partes.

Artigo 135

En defecto de costume, de se cumprir os requisitos establecidos no artigo 104, reconducirase tacitamente o contrato:

1.º) Na parzaría agrícola e do lugar acasarado, polo tempo necesario para completar unha rotación ou un ciclo de cultivo.

2.º) Na parzaría pecuaria, polo prazo dun ano.

Artigo 136

Son obrigas do cedente:

1.ª) Entregarlle ao parceiro as leiras, o gando e todo canto constitúa a achega convida.

2.ª) Garantirlle ao parceiro o gozo pacífico e útil do que achegase.

3.ª) Satisfacer a parte que lle corresponda das contribucións, os seguros, as sementes, os fertilizantes e os outros elementos necesarios para obter os produtos propios dos bens cedidos, que, agás costume en contrario, non será inferior á parte alícuota que teña atribuída nos froitos ou nos rendementos.

Artigo 137

O parceiro estará obrigado en todo caso a entregar a parte alícuota dos produtos que corresponda, conforme o pacto ou o uso, no lugar, o prazo e a forma convidos. Para tal efecto, o parceiro comunicaralle con suficiente antelación ao cedente ou ao seu representante a data sinalada para a percepción dos produtos obtidos. Se, dado o aviso, non comparecese o cedente ou o representante na data sinalada, o parceiro poderá levantar a colleita ou percibir os produtos, adxudicándose a parte que lle corresponda.

Artigo 138

Ademais das obrigas derivadas dos usos e os costumes, en cada tipo de parzaría, serán, de ser o caso, obrigas do parceiro:

1.ª) Usar os predios consonte o previsto no contrato, destinándoos ao cultivo ou explotación convidos ou ao máis acorde coa súa natureza, e obter os rendementos conforme a dilixencia dun bo labrador.

2.ª) Devolver os predios ao concluír a parzaría tal e como se recibiron, coas súas accesións e salvo os menoscabos que se tivesen producido pola súa utilización ao uso do bo labrador. Ante a falta de expresión do estado dos predios no momento de se concertar a parzaría, enténdese que se recibiron en bo estado, agás proba en contrario.

Artigo 139

Verbo das melloras útiles haberá que se ater ao establecido no artigo 107.

Artigo 140

O cedente e os parceiros entrante e saínte terán que se ater, no tocante á preparación de labores nos predios e á utilización das súas dependencias, ao previsto para o arrendador e o arrendatario no artigo 110.

Artigo 141

A parzaría extínguese:

1.º) Polo transcurso do prazo estipulado, das súas prórrogas ou do período de tácita recondución.

2.º) Pola perda ou a expropiación dos bens dados en parzaría.

Artigo 142

Son causas de resolución do contrato de parzaría:

1.ª) O incumprimento polo parceiro do pactado ou, de ser o caso, do que resulte dos usos e os costumes, no que respecta á explotación dos bens cedidos.

2.ª) A deslealdade ou a fraude, por parte do parceiro, na valoración ou na entrega ao cedente da parte de froitos que lle corresponda.

3.ª) O dano grave causado, dolosa ou culposamente, polo parceiro nos bens obxecto da parzaría ou nos seus froitos.

4.ª) A extinción do dereito que o cedente tiña sobre os bens cedidos; se ben os efectos da parzaría agrícola subsistirán ata o remate do ano agrícola en curso.

5.ª) Calquera outro grave incumprimento das obrigas a cargo dalgunha das partes.

Artigo 143

O alleamento da terra non afectará o contrato de parzaría, e o adquirente subrogarase en todas as obrigas do cedente. Os mesmos efectos produciranse nos casos de alleamento do lugar acasarado, de leiras ou de elementos que o formen ou se se producise a partición hereditaria do lugar.

Artigo 144

A morte ou a imposibilidade física do parceiro para o traballo non será causa de extinción da parzaría, que poderá ser continuada por aquelas persoas e nas mesmas condicións que se relacionan no artigo 109.3 desta lei. De ser o caso, a parzaría subsistirá ata o remate do correspondente ano agrícola.

Artigo 145

Ao se extinguir a parzaría de novas plantacións procederase ao corte e o reparto do arboredo. Agora ben, o cedente poderá optar pola conservación do plantado, e neste caso farase a liquidación do que lle corresponda ao parceiro pola súa participación no arboredo. Para este fin, determinarase o seu valor con independencia do que teña o chan e aboaráselle ao parceiro a parte correspondente.

Artigo 146

No caso de transmisión, a título oneroso, dunha leira ou dun lugar acasarado cedidos en parzaría, ou de porción determinada deles, o parceiro poderá exercitar o dereito de tento e retracto cos mesmos requisitos, condicións e efectos que para os arrendatarios de predios rústicos ou do lugar acasarado se establecen nesta lei.

Capítulo III Do vitalicio

Artigo 147

Polo contrato de vitalicio unha ou varias persoas obríganse respecto doutra ou doutras a prestar alimentos, nos termos que conveñan, a cambio da cesión de determinados bens ou dereitos.

Artigo 148

1. A prestación alimenticia deberá comprender o sustento, a habitación, a vestimenta e a asistencia médica, así como as axudas e os coidados, mesmo os afectivos, axeitados ás circunstancias das partes.

2. Agás que no título constitutivo se fixese constar o contrario, nos casos de pluralidade de obrigados, a prestación alimenticia terá carácter solidario. Tamén se poderá pactar que os obrigados cumpran a prestación alimenticia de modo conxunto e indivisible.

Artigo 149

1. O vitalicio poderase constituír en favor do cedente dos bens ou dun terceiro.

2. Será válido o vitalicio entre ascendentes e descendentes, sen prexuízo da obriga de alimentos establecida pola lei.

3. Non se poderá constituír en ningún caso o vitalicio na consideración da vida dun terceiro que non sexa o alimentista ou os alimentistas.

Artigo 150

Para que teña efectos fronte a terceiros, o contrato de vitalicio deberase formalizar en escritura pública.

Artigo 151

A obriga de prestar alimentos durará ata o falecemento do alimentista e transmitiráselles, agás pacto en contrario, aos sucesores do obrigado a prestalos.

Artigo 152

1. O cesionario poderá desistir do contrato en calquera tempo, logo de notificación fidedigna ao cedente con seis meses de antelación.

2. O cesionario que queira desistir deberá proceder á restitución dos bens e dereitos recibidos en virtude do contrato, así como dos seus froitos, sen máis cargas ou gravames ca os preexistentes á cesión.

Artigo 153

1. O cedente poderá resolver o contrato de concorrer algunha das seguintes circunstancias:

1.ª) Conduta gravemente inxuriosa ou aldraxante da persoa obrigada a prestar alimentos, do seu cónxuxe ou da súa parella ou ben dos fillos cos que conviva respecto do alimentista.

2.ª) Incumprimento total ou parcial da prestación alimenticia, ou dos termos nos que foi pactada, sempre e cando non sexa imputable ao seu perceptor.

3.ª) Cando, segundo a posición social e económica das partes, o cesionario non coide ou non atenda no necesario ao alimentista en todo canto faga posible o capital cedido, na procura do mantemento da súa calidade de vida.

2. A acción de resolución poderá ser exercitada por calquera dos cedentes respecto dos bens cedidos.

3. Se a cesión se fixo conxuntamente por ambos os cónxuxes, a resolución instada polo sobrevivente traerá consigo a ineficacia total do contrato.

Artigo 154

A acción de resolución só se lles transmitirá aos herdeiros do cedente nos casos en que o alimentista fose un terceiro e só poderá ser exercitada en vida deste.

Artigo 155

Se en virtude de pacto a prestación alimenticia tivese que se realizar de maneira conxunta e indivisible polos cesionarios, o cedente poderá resolver o contrato cando algunha das circunstancias expresadas no artigo 153.1 fose referible a calquera daqueles. Tamén será causa de resolución o desistimento dalgún dos obrigados a prestar a débeda alimenticia de maneira conxunta e indivisible.

Artigo 156

Nos casos de resolución, o cedente recuperará os bens e dereitos cedidos, quedando sen efecto os alleamentos e os gravames que o cesionario fixese coa limitación establecida, en canto a terceiros, pola lexislación hipotecaria.

Título VIII Da compañía familiar galega

Capítulo I Da constitución da compañía

Artigo 157

A compañía familiar galega constitúese entre labradores con vínculos de parentesco, para viviren xuntos e explotaren en común terras, lugar acasarado ou explotacións pecuarias de calquera natureza pertencentes a todos ou a algún dos reunidos.

Artigo 158

A compañía familiar galega constitúese de calquera dos modos ou das formas admitidos en dereito. A devandita constitución deberá necesariamente documentarse cando calquera dos contratantes así o solicite.

Artigo 159

A compañía familiar galega rexerase polo título constitutivo, polo uso ou o costume do lugar e mais polas normas desta lei.

Artigo 160

1. Agás pacto en contrario, entenderase constituída a compañía familiar galega cando un parente do labrador case para a casa.

2. Por casar para a casa enténdese o feito de se integrar o novo matrimonio ou a parella na vida comunitaria e de traballo do grupo familiar xa constituído. A devandita integración deberá necesariamente documentarse cando o solicite calquera das partes.

Artigo 161

Son bens sociais da compañía:

1.º) Os achegados polos socios e os adquiridos a título oneroso por conta do capital común, mentres dure a compañía.

2.º) Os froitos, as rendas, as ganancias e os xuros percibidos ou debidos durante o mesmo tempo, procedentes dos bens sociais.

3.º) As edificacións, as reconstrucións, as plantacións e calquera tipo de mellora feita nos bens sociais.

4.º) Calquera outro ben que as partes acorden.

Artigo 162

Son cargas da compañía:

1.º) Os gastos de mantemento, vestimenta, instrución, asistencia médica e enterro, tanto dos asociados coma das persoas constituídas na súa potestade.

2.º) Os gastos de administración, cultivo, contribucións e impostos, seguros, rendas e cargas reais dos bens sociais.

3.º) As débedas contraídas polos administradores ou por calquera dos socios, se o importe delas se investiu en beneficio da compañía, e os réditos das devanditas débedas.

4.º) As reparacións e as melloras de calquera especie que se fagan nos bens sociais.

5.º) Os gastos e as custas dos preitos seguidos para defender os intereses sociais.

6.º) Os gastos que fagan os socios en beneficio común, así como as obrigas que, de boa fe, contraesen para os negocios.

7.º) Calquera outra carga que as partes acorden e conste documentalmente.

Capítulo II Da administración da compañía

Artigo 163

A administración da compañía correspóndelle á persoa que determine o contrato de constitución. En todo o non previsto no contrato, así como nas compañías constituídas tacitamente, a administración corresponderalle, sucesivamente, ao patrucio, á súa viúva ou a quen de modo notorio a exerza.

Artigo 164

Son facultades do patrucio ou, se é o caso, do socio administrador:

1.ª) Dirixir e representar a sociedade.

2.ª) Adquirir para ela e obrigarse no seu nome.

3.ª) Dispoñer dos semoventes e bens mobles sociais.

Capítulo III Da modificación da compañía

Artigo 165

Son causas de modificación da compañía:

1.ª) O falecemento dalgún dos socios, aínda cando os seus herdeiros convivan e opten por permanecer na sociedade.

2.ª) A declaración de incapacidade, prodigalidade ou concurso e a ausencia, por máis dun ano, non motivada pola xestión social.

3.ª) A renuncia ou a cesión de dereitos en favor doutro membro da compañía, así como a retirada do capital ou o feito de o allear, sen causa xustificada.

4.ª) O ingreso dun socio noutra compañía ou o casamento con desvinculación dela.

5.ª) A incorporación ou a separación dalgún socio.

Artigo 166

1. En todos os supostos de modificación da compañía, agás pacto en contrario, o socio separado ou os que del traian dereito non poderán retirar os seus bens propios nin a parte que lles corresponda nos sociais ata que rematen as operacións pendentes e a recollida dos froitos, sempre e cando a realización destas non supere o ano.

2. Neste suposto os demais socios terán o dereito de retracto, polo mesmo prezo e condición, que caducará aos trinta días da notificación do acto dispositivo e do seu prezo e condicións.

Artigo 167

No caso de cesión ou alleamento a título oneroso da participación da compañía a un terceiro, antes de a liquidar e de realizar as adxudicacións, calquera socio poderá exercitar o dereito de retracto e subrogarse no lugar do comprador ou cesionario, reembolsándolle o prezo e os gastos de lexítimo aboamento. Este dereito poderase exercitar no prazo dos trinta días seguintes á notificación da transmisión e das súas condicións.

Artigo 168

1. Ao se modificar a compañía, practicarase a liquidación parcial para fixar o haber de cada un no momento da modificación, co fin de lles determinar e adxudicar a súa participación ao que cause baixa ou aos que del traian dereito.

2. De faltaren estas liquidacións parciais, cando se faga a liquidación final da compañía e non se probe que bens eran propios dela antes da súa modificación, reputaranse sociais os indeterminados e dividiranse proporcionalmente ao número de socios que formasen cada compañía modificada e, ao mesmo tempo, da súa respectiva duración.

Capítulo IV Da extinción da compañía

Artigo 169

A compañía familiar galega extinguirase:

1.º) Por acordo de todos os socios.

2.º) Polo falecemento ou a renuncia dos socios, cando non queden, polo menos, dous que non constitúan matrimonio.

3.º) Polo matrimonio entre si dos dous únicos socios ou pola refundición de todos os dereitos sociais nos dous cónxuxes.

4.º) Pola declaración de concurso ou creba que afecte a todos.

Artigo 170

En todos os casos de extinción da compañía, a liquidación e a división dos bens sociais faranse consonte as seguintes regras:

1.ª) Pagaranse as débedas contraídas en interese da sociedade cos bens sociais e, de non seren abondos, cos bens propios dos socios en proporción ás súas cotas.

O déficit que resulte da insolvencia dalgún socio dividirase proporcionalmente entre os restantes, sen prexuízo do dereito a se reintegrar se o insolvente mellorase de fortuna.

2.ª) Cada socio recibirá os bens que subsistan dos que achegase, o equivalente dos que transmitise en propiedade á compañía ou allease en beneficio dela e mais o importe dos danos que os seus bens sufrisen en proveito común.

3.ª) O remanente líquido do capital constituirá o haber da compañía e repartirase entre os socios ou entre os que deles trouxesen dereito, do modo establecido na regra primeira.

Título IX Do réxime económico familiar

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 171

O réxime económico matrimonial será o convido polos cónxuxes en capitulacións matrimoniais. En defecto de convenio ou ineficacia deste, o réxime será a sociedade de gananciais.

Artigo 172

Os cónxuxes poderán pactar en capitulacións matrimoniais a liquidación total ou parcial da sociedade e mais as bases para realizala, con plena eficacia ao se disolver a sociedade conxugal.

Capítulo II Das capitulacións matrimoniais

Artigo 173

As capitulacións poderanse outorgar antes ou durante o matrimonio e deberanse formalizar necesariamente en escritura pública.

Artigo 174

As capitulacións poderán conter calquera estipulación relativa ao réxime económico familiar e sucesorio, sen máis limitacións ca as contidas na lei.

Capítulo III Das doazóns por razón de matrimonio

Artigo 175

Son doazóns por razón de matrimonio as que por causa deste calquera persoa faga en favor dalgún dos contraentes, ou de ambos, antes ou despois da celebración.

Artigo 176

As doazóns por razón de matrimonio poderán abranguer bens presentes ou futuros. No primeiro caso determinarán a adquisición inmediata do doado, se ben para que a doazón de inmobles sexa válida deberá facerse en escritura pública. No segundo caso a adquisición subordínase á morte do doador e o réxime aplicable será o dos pactos sucesorios establecidos nesta lei.

Artigo 177

As doazóns por razón de matrimonio poderanse someter a condición.

Artigo 178

1. De ser a sociedade de gananciais o réxime económico matrimonial, os bens doados por razón de matrimonio aos cónxuxes conxuntamente e sen designación de partes terán carácter ganancial.

2. De non ser a sociedade de gananciais o réxime económico matrimonial, os bens doados conxuntamente aos esposos pertencen a ambos en pro indiviso ordinario e por partes iguais, agás que o doador dispuxese outra cousa.

3. En todo caso, a liberalidade deberá ser aceptada por ambos os cónxuxes.

Artigo 179

As doazóns por razón de matrimonio previas a este quedarán sen efecto de non se chegar a contraer no prazo dun ano.

Artigo 180

As doazóns por razón de matrimonio só poderán ser revogadas polas seguintes causas:

1.ª) Por incumprimento dalgunha das cargas impostas, sempre que o doador reserve expresamente para si a facultade de as revogar.

2.ª) Nas realizadas por terceiros, pola nulidade, a separación ou o divorcio dos cónxuxes, se os mesmos bens doados estivesen en poder dos cónxuxes.

3.ª) Nas realizadas entre esposos cando o donatario cometese algún delito contra a persoa do doador, os seus ascendentes ou descendentes.

En canto fose compatible co disposto neste artigo, o réxime xurídico da revogación será o do incumprimento de cargas previsto en materia de doazóns polo Código civil.

Título X Da sucesión por causa de morte

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 181

A sucesión defírese, en todo ou en parte:

1.º) Por testamento.

2.º) Por calquera dos pactos sucesorios admisibles consonte o dereito.

3.º) Por disposición da lei.

Artigo 182

Nas sucesións rexidas por esta lei non haberá lugar á reversión legal nin á obriga de reservar.

Capítulo II Dos testamentos

Sección 1.ª Do testamento aberto ordinario

Artigo 183

1. O testamento aberto ordinario outorgarase perante notario, sen que sexa necesaria a presenza de testemuñas.

2. O testamento redactarase na lingua oficial en Galicia que o outorgante escolla.

Artigo 184

Como excepción, deberán concorrer testemuñas ao outorgamento do testamento aberto ordinario:

1.º) Cando o solicite o testador ou o notario.

2.º) Cando o testador sexa cego, demente en intervalo lúcido ou non saiba ou non poida ler ou escribir.

Artigo 185

Nos casos en que sexa necesaria a súa presenza, as testemuñas serán polo menos dúas, e deberán ter plena capacidade de obrar, entender o testador e saber asinar.

Artigo 186

O testamento aberto ordinario pode ser individual ou mancomunado.

Sección 2.ª Do testamento mancomunado

Artigo 187

1. É mancomunado o testamento cando se outorga por dúas ou máis persoas nun único instrumento notarial.

2. Os outorgantes que fosen esposos poderán, ademais, establecer no testamento mancomunado disposicións correspectivas.

Son correspectivas as disposicións de contido patrimonial cuxa eficacia estivese reciprocamente condicionada por vontade expresa dos outorgantes. A correspectividade non se presume.

Artigo 188

Os galegos poderán outorgar testamento mancomunado en Galicia ou fóra dela.

Artigo 189

O testamento mancomunado deberase outorgar en forma aberta notarial.

Artigo 190

O testamento mancomunado poderá ser revogado conxuntamente polos outorgantes. Así mesmo, en todo momento poderá ser revogado unilateralmente por calquera deles no tocante ás súas disposicións non correspectivas.

Artigo 191

1. A revogación ou a modificación unilateral das disposicións correspectivas só poderán facerse en vida dos cónxuxes e producirá a ineficacia de todas as reciprocamente condicionadas.

2. Ao falecer un dos cónxuxes ou volverse incapaz para testar, as disposicións correspectivas convértense en irrevogables. Excepcionalmente, o sobrevivente poderá revogar as outorgadas a favor de persoa que fose declarada incapaz para suceder ao outro cónxuxe, ou que estivese incursa en causa de incapacidade para sucedelo, ou que premorrese.

Artigo 192

1. A revogación do testamento mancomunado deberase facer en testamento aberto notarial.

2. A revogación deberalles ser notificada aos outros outorgantes, tras o que se lle fará saber ao notario da existencia do testamento mancomunado e do domicilio dos demais outorgantes. En todo caso, a falta de notificación non afectará a validez da revogación.

3. Para que produza efectos, a revogación das disposicións correspectivas deberalle ser notificada ao outro cónxuxe. A notificación realizarase nos trinta días hábiles seguintes polo notario que a autorizou, no domicilio sinalado no propio testamento así como no indicado polo revogante, e producirá efectos revogatorios aínda que non se atope o cónxuxe en ningún dos domicilios sinalados. A revogación producirá todos os seus efectos cando se probe que o cónxuxe do revogante tivo coñecemento dela.

Artigo 193

O testamento mancomunado non limita a liberdade dispositiva de ningún dos outorgantes. Calquera deles poderá dispor, inter vivos ou mortis causa, de todo ou de parte dos seus bens.

Artigo 194

1. Agás que se fixese de común acordo, a disposición de bens comprendidos nunha cláusula testamentaria correspectiva, realizada en vida dos cónxuxes, producirá a ineficacia das reciprocamente condicionadas con ela, sen necesidade de notificación.

2. Ao falecer un dos cónxuxes, o outro poderá dispor dos bens comprendidos nunha cláusula correspectiva. Neste caso, o beneficiario da disposición testamentaria poderá reclamar o valor actualizado dos bens obxecto da disposición con cargo á herdanza do dispoñente, sen prexuízo das lexítimas. Este dereito caducará no prazo de tres anos, contados desde o falecemento do dispoñente.

Artigo 195

Ao falecer un dos outorgantes, os interesados na súa sucesión terán dereito á copia do testamento mancomunado. A copia só poderá conter as disposicións que afecten a sucesión aberta.

Sección 3.ª Do testamento por comisario

Artigo 196

Chámase testamento por comisario ao que un dos cónxuxes outorga en exercicio da facultade testatoria concedida polo outro.

Artigo 197

Poderá validamente pactarse en capitulacións matrimoniais ou atribuírse en testamento por un cónxuxe a outro a facultade de designar herdeiro ou legatario entre os fillos ou descendentes comúns, así como a de asignar bens concretos e determinar o título polo que se recibirán.

Artigo 198

Ademais das lexítimas, no exercicio da facultade testatoria o comisario deberá respectar as disposicións do cónxuxe atribuínte.

Artigo 199

Agás que o atribuínte lle sinalase prazo, o cónxuxe poderá exercitar a facultade testatoria mentres viva.

Artigo 200

1. O comisario poderá adxudicar os bens do defunto:

1.º) En acto particional inter vivos, total ou parcial, no que se determine o título polo que os bens se atribúen. As adxudicacións inter vivos, unilaterais ou non, serán irrrevogables e transmitirán a propiedade e a posesión dos bens pola aceptación do fillo ou descendente.

2.º) Por actos mortis causa, ben en testamento outorgado polo cónxuxe en condición de comisario do causante ou ben en testamento polo que o comisario dispón ademais dos seus propios bens. As adxudicacións feitas en testamento serán revogables.

2. As adxudicacións poderán comprender non só bens privativos do causante, senón tamén da disolta sociedade de gananciais. Se as adxudicacións comprendesen bens da sociedade de gananciais imputaráselles o seu valor pola metade aos respectivos patrimonios.

Artigo 201

1. En tanto o cónxuxe non exercite a facultade testatoria entenderase que a herdanza do falecido está baixo a súa administración.

2. O comisario poderá realizar actos de administración e pagar tanto as débedas da herdanza ou as que orixine a apertura da sucesión coma os gastos de enterro e funeral. Con tal fin, o comisario poderá dispor do metálico hereditario que estivese no seu poder ou depositado en entidade de crédito a nome do causante.

3. Agás dispensa expresa do causante, o comisario estará obrigado a render contas da súa xestión unha vez concluída.

Artigo 202

1. A facultade testatoria quedará sen efecto:

1.º) Pola presentación da demanda de nulidade, separación ou divorcio.

2.º) Pola separación de feito dos cónxuxes que conste de modo fidedigno.

3.º) Agás dispensa do atribuínte, polo novo matrimonio do viúvo ou da viúva celebrado antes de exercitar a facultade testatoria.

2. Así mesmo, a facultade testatoria quedará revogada polo testamento que outorgase con posterioridade o cónxuxe que a atribuíse.

Sección 4.ª Das disposicións testamentarias especiais

Artigo 203

1. Toda disposición a favor de persoa incerta será nula, a non ser que por algún evento poida resultar certa.

2. Será válida a disposición a favor de quen coide ao testador. Agás que se dispoña outra cousa, de o testador ter designado testamenteiro, será este quen determine en escritura pública a persoa ou as persoas que coidaron ao testador.

Artigo 204

Tamén será válida a disposición feita baixo a condición de coidar e asistir ao testador, aos seus ascendentes, aos seus descendentes ou ao seu cónxuxe. Se o testador designase testamenteiro, corresponderalle a este a facultade de apreciar o cumprimento ou o incumprimento da condición resolutoria.

Artigo 205

1. A disposición testamentaria dun ben ganancial poderase realizar como de cousa ganancial ou como do dereito que ao testador lle corresponda neste.

2. No caso de dúbida entenderase que a disposición testamentaria dun ben ganancial foi realizada como do dereito que ao testador lle corresponda neste.

Artigo 206

Cando se dispoña dun ben por enteiro como cousa ganancial deberase facer constar expresamente este carácter e a disposición producirá todos os seus efectos se o ben fose adxudicado á herdanza do testador na liquidación de gananciais. De non ser isto así, entenderase legado o valor que tivese o ben no momento do falecemento do testador.

Artigo 207

1. Cando se adxudica ou lega o dereito que lle corresponde ao testador nun ben ganancial a disposición entenderase referida soamente á metade do seu valor.

2. Malia o anterior, a disposición entenderase referida á metade indivisa do ben:

1.º) Cando o cónxuxe sobrevivente ou os seus herdeiros o acepten.

2.º) Se ambos os cónxuxes tivesen realizada a disposición de forma coincidente e ambas as herdanzas estivesen deferidas.

Artigo 208

A non ser que do testamento resulte outra cousa, as disposicións a prol do cónxuxe non producirán efecto se ao falecer o testador estivese declarada xudicialmente a nulidade do matrimonio, decretado o divorcio ou a separación, ou se atopasen en trámite os procedementos dirixidos a ese fin. Tampouco producirán efecto nos casos de separación de feito entre os cónxuxes.

Capítulo III Dos pactos sucesorios

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 209

Sen prexuízo dos que fosen admisibles consonte o dereito, de conformidade con esta lei son pactos sucesorios:

1.º) Os de mellora.

2.º) Os de apartamento.

Artigo 210

Só poden outorgar pactos sucesorios as persoas maiores de idade con plena capacidade de obrar.

Artigo 211

Os pactos sucesorios deberán ser outorgados en escritura pública. Noutro caso o pacto non producirá ningún efecto.

Artigo 212

Será admisible o outorgamento dos pactos sucesorios por poder que, tendo carácter especial, conteña os elementos esenciais do negocio sucesorio.

Artigo 213

As estipulacións contidas nos pactos de mellora que fagan referencia explícita a institucións consuetudinarias galegas, como a casa, o casamento para a casa, a mellora de labrar e posuír, a compañía familiar ou calquera outra, deberán ser interpretadas consonte os usos e costumes locais.

Sección 2.ª Dos pactos de mellora

Artigo 214

Son pactos de mellora aqueles polos que se convén a prol dos descendentes a sucesión en bens concretos.

Artigo 215

Os pactos sucesorios poderán supor a entrega ou non de presente dos bens aos que os afecten, o que no primeiro caso determina a adquisición da propiedade por parte do mellorado.

Artigo 216

No pacto sucesorio poderán establecerse os supostos nos que quedará sen efecto e determinarse o ámbito residual das facultades dispositivas dos adxudicantes, por actos inter vivos, a título oneroso ou gratuíto.

Artigo 217

En defecto de regulación expresa, o pacto de mellora aterase ás seguintes regras:

1.ª) Se non se realizase con entrega de bens, o adxudicante conserva plena liberdade dispositiva por actos inter vivos a título oneroso. Se se realizase con entrega de bens, o adxudicante só poderá dispor deles no caso de ter reservada para si de modo expreso a devandita facultade.

2.ª) A disposición realizada en exercicio da facultade anterior suporá a ineficacia do pacto en canto aos bens obxecto da disposición e á prestación do mellorado, no caso de se estipular. Se a prestación xa se realizou, total ou parcialmente, o mellorado poderá pedir a súa restitución, e, de non ser esta posible, o seu equivalente en metálico.

3.ª) Os actos de disposición que non tivesen a súa orixe na vontade do mellorante non revogan o pacto, subrogándose as contraprestacións en lugar do ben inicialmente previsto.

4.ª) Agás reserva expresa do adxudicante, calquera disposición dos bens obxecto do pacto en favor de terceiro por acto inter vivos a título gratuíto ou por acto mortis causa non producirá ningún efecto e, ao falecer o causante, o mellorado poderá exercitar as accións correspondentes co fin de obter a posesión dos bens.

Artigo 218

Ademais de polas causas que se conviñesen, os pactos de mellora quedarán sen efecto:

1.º) Se o mellorado incumprise as obrigas asumidas.

2.º) Por premoriencia do mellorado, agás pacto expreso de substitución ou que a mellora se realizase con entrega de bens.

3.º) Por incorrer o mellorado en causa de desherdamento ou indignidade, pola súa conduta gravemente inxuriosa ou vexatoria e, de haber entrega de bens, por ingratitude.

Sección 3.ª Da mellora de labrar e posuír

Artigo 219

1. O ascendente que queira conservar indiviso un lugar acasarado, aínda que as sortes de terras estean separadas, ou unha explotación agrícola, industrial, comercial ou fabril poderá pactar con calquera dos seus descendentes a súa adxudicación íntegra.

2. De non se dispoñer no pacto outra cousa, a adxudicación suporá a institución de herdeiro en favor do así mellorado.

Artigo 220

Nos casos aos que se refire o artigo anterior, a casa patrucial e a súa eira, os currais e as hortas, tratándose de lugar acasarado, e a explotación agrícola, comercial ou fabril reputaranse indivisibles para os efectos da partición.

Artigo 221

1. O adxudicatario poderá compensar en metálico os demais interesados na partición.

2. O pagamento en metálico poderase facer por prazos, dentro dos cinco anos seguintes á apertura da sucesión, sempre que o adxudicatario garanta o cumprimento. A cantidade adiada producirá o xuro legal dos cartos.

Artigo 222

Ademais de polas causas comúns aos pactos de mellora, o dereito de labrar e posuír quedará sen efecto se durante dous anos consecutivos o mellorado abandonase en vida do adxudicante, totalmente e sen causa xusta, a explotación dos bens que a compoñen.

Artigo 223

Cando a mellora non se realice con entrega de bens, no caso de premoriencia do mellorado, se os descendentes deste son varios e o favorecido non designa sucesor na mellora, o mellorante poderá elixir un deles como mellorado en escritura pública ou en testamento.

Sección 4.ª Do apartamento

Artigo 224

Polo apartamento quen teña a condición de lexitimario de se abrir a sucesión no momento no que se formaliza o pacto queda excluído de modo irrevogable, por si e pola súa liñaxe, da condición de herdeiro forzoso na herdanza do apartante, a cambio dos bens concretos que lle sexan adxudicados.

Artigo 225

O apartante poderalle adxudicar ao apartado calquera ben ou dereitos en pagamento do apartamento, con independencia do seu valor.

Artigo 226

Poderá validamente pactarse que o lexitimario quede excluído non só da condición de herdeiro forzoso, senón tamén do chamamento intestado.

Artigo 227

Agás dispensa expresa do apartante, o dado en apartamento deberase traer a colación de o apartado ou os seus descendentes concorreren na sucesión con outros lexitimarios.

Capítulo IV Do usufruto do cónxuxe viúvo

Artigo 228

Os cónxuxes poderán pactar en escritura pública ou dispor en testamento a atribución unilateral ou recíproca do usufruto sobre a totalidade ou parte da herdanza.

Artigo 229

1. O usufruto voluntario do cónxuxe viúvo é inalienable. O usufrutuario só poderá dispor do seu dereito sobre bens concretos co consentimento dos propietarios sen usufruto.

2. Este usufruto é renunciable en todo ou en parte e só redimible ou conmutable por acordo do usufrutuario e dos propietarios sen usufruto.

Artigo 230

1. O usufruto do cónxuxe viúvo quedará sen efecto nos supostos de indignidade para suceder ou por ser o cónxuxe xustamente desherdado, por declaración de nulidade do matrimonio, por divorcio e por separación xudicial ou de feito dos cónxuxes.

2. O usufruto pactado quedará tamén sen efecto por mutuo acordo e o testamentario pola súa revogación.

Artigo 231

A non ser que o título constitutivo dispoña outra cousa, o cónxuxe viúvo non estará obrigado a formar inventario dos bens usufrutuados nin a prestar fianza. Emporiso, calquera lexitimario poderá exixir a prestación de fianza para salvagardar a súa lexítima.

Artigo 232

1. Cando a persoa viúva estivese obrigada a formar inventario e non se indique prazo, este será de seis meses, que se contarán desde a apertura da sucesión.

2. O atraso na formación do inventario facultará os herdeiros ou, de ser o caso, os propietarios sen usufruto a facelo, por si mesmos ou por medio da persoa que designen, por conta do usufrutuario. Unha vez finalizado o inventario, este deberalle ser notificado fidediganamente no prazo de dez días.

Artigo 233

Ademais das facultades que lle incumben a todo usufrutuario, o cónxuxe que o fose pola totalidade da herdanza está facultado para:

1.º) Pagar os gastos de última enfermidade, enterro, funerais e sufraxios do cónxuxe premorto, con cargo á herdanza.

2.º) Pagar as débedas exixibles do causante con metálico da herdanza. De non haber cartos ou estes non seren abondos, o usufrutuario poderá allear semoventes, arboredo ou mobiliario ordinario na contía precisa. Para o alleamento de calquera outro ben coa finalidade de pagar as débedas do causante será necesario o consentimento dos propietarios sen usufruto ou, noutro caso, a autorización xudicial.

3.º) Cobrar créditos da herdanza, aínda cando non se prestase fianza.

4.º) Allear o mobiliario e os semoventes que coide necesarios, de acordo cunha boa administración, e os cales debe repoñer en canto sexa posible conforme o mesmo criterio.

5.º) Realizar as cortas de árbores madeireiras, mesmo polo pé, e facer seu o produto delas, sempre que sexan adecuadas a unha normal explotación forestal.

6.ª) Realizar melloras non suntuarias con cargo á herdanza.

7.ª) Explotar as minas segundo o seu regulamento xurídico.

Artigo 234

A persoa referida nos artigos anteriores deberá:

1.º) Cumprir as obrigas que expresamente lle impuxese o causante.

2.º) Administrar os bens obxecto do usufruto coa dilixencia propia dun bo pai ou nai de familia.

3.º) Prestarlles alimento, con cargo ao usufruto, aos fillos e aos descendentes que o precisen.

4.º) Defender, á súa custa, a posesión dos bens.

Artigo 235

Se os propietarios sen usufruto fosen descendentes da persoa viúva, as reparacións, tanto as ordinarias coma as extraordinarias, serán a cargo e por conta de quen fose usufrutuario, a non ser que pola súa entidade e atendida a rendibilidade do patrimonio usufrutuado non puidese custealas aquela persoa.

Neste último caso, as reparacións realizaranse de conformidade cos propietarios sen usufruto ou, de non haber acordo, por determinación xudicial.

Artigo 236

Ademais de polas causas xerais de extinción do usufruto, o do cónxuxe viúvo extínguese:

1.º) Por renuncia en escritura pública.

2.º) Por contraer a persoa usufrutuaria novas nupcias ou vivir maritalmente con outra persoa, agás pacto ou disposición en contrario do cónxuxe premorto.

Artigo 237

Por instancia dos propietarios sen usufruto, tamén se extinguirá o usufruto de viuvez:

1.º) Por incumprimento das obrigas impostas pola lei ou polo causante.

2.º) Por grave e reiterado incumprimento dos deberes familiares.

Capítulo V Das lexítimas

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 238

Son lexitimarios:

1.º) Os fillos e os descendentes de fillos premortos, xustamente desherdados ou indignos.

2.º) O cónxuxe viúvo non separado legalmente ou de feito.

Artigo 239

Malia non teren a condición de lexitimarios, os apartados, os que repudiasen o chamamento lexitimario así como os seus descendentes fan número para o cálculo das lexítimas.

Artigo 240

Os lexitimarios teñen dereito a recibir do causante, por calquera título, unha atribución patrimonial na forma e na medida establecidas nesta lei.

Artigo 241

Deixando a salvo o usufruto do cónxuxe viúvo ordenado consonte esta lei, non se poderán impor sobre a lexítima cargas, condicións, modos, termos, fideicomisos ou gravames de ningunha clase. De os haber teranse por non postos.

Artigo 242

Agás os casos de apartamento, será nula toda renuncia ou transacción sobre a lexítima realizada antes da apertura da sucesión.

Sección 2.ª Da lexítima dos descendentes

Artigo 243

Constitúe a lexítima dos descendentes a cuarta parte do valor do haber hereditario líquido que, determinado consonte as regras desta sección, se dividirá entre os fillos ou as súas liñaxes.

Artigo 244

Para fixar a lexítima, o haber hereditario do causante determinarase consonte as seguintes regras:

1.ª) Computaranse todos os bens e dereitos do capital relicto polo valor que tivesen no momento da morte do causante, con dedución das súas débedas. O devandito valor actualizarase monetariamente no momento en que se faga o pagamento da lexítima.

2.ª) Engadirase o valor dos bens transmitidos polo causante a título lucrativo, incluídos os dados en apartamento, considerado no momento da transmisión e actualizado monetariamente no momento de se efectuar o pagamento da lexítima. Como excepción, non se computarán as liberalidades de uso.

Artigo 245

Agás disposición en contrario do causante, imputarase ao pagamento da lexítima dos descendentes:

1.º) Calquera atribución a título de herdanza ou legado, aínda que o lexitimario renuncie a ela.

2.º) As doazóns feitas aos lexitimarios, así como as melloras pactadas con eles.

3.º) As doazóns feitas aos fillos premortos que fosen pais ou ascendentes dun lexitimario.

A imputación de doazóns realizarase polo valor que tivesen os bens no momento da doazón, actualizado monetariamente no tempo do pagamento da lexítima.

Artigo 246

1. De o testador non ter asignado a lexítima en bens determinados, os herdeiros, de común acordo, poderán optar entre pagala en bens hereditarios ou en metálico, aínda que sexa extrahereditario. Por falta de acordo entre os herdeiros, o pagamento da lexítima farase en bens hereditarios.

2. Agás disposición do testador ou pacto ao respecto, non se poderá pagar unha parte da lexítima en cartos e outra parte en bens.

Artigo 247

Se os bens atribuídos polo causante a un lexitimario non fosen abondos para satisfacer a súa lexítima, este só terá dereito ao seu complemento, que se satisfará de acordo coas regras do artigo anterior.

Artigo 248

Poden pagar a lexítima, ou o seu complemento, o herdeiro, o comisario ou contador-partidor así como o testamenteiro facultado para isto. Pero corresponderalles exclusivamente aos herdeiros a opción de pagaren a lexítima en metálico extrahereditario.

Artigo 249

1. O lexitimario non ten acción real para reclamar a súa lexítima e será considerado, para todos os efectos, como un acredor.

2. O lexitimario poderá exixir que o herdeiro, o comisario ou contador-partidor ou o testamenteiro facultado para o pagamento da lexítima formalice inventario, con valoración dos bens, e que o protocolice perante notario.

3. Tamén poderá o lexitimario solicitar anotación preventiva do seu dereito no rexistro da propiedade sobre os bens inmobles da herdanza.

Artigo 250

O herdeiro deberá pagar as lexítimas ou o seu complemento no prazo dun ano desde que o lexitimario a reclame. Transcorrido este prazo a lexítima producirá o xuro legal dos cartos. Se o lexitimario non estivese conforme coa liquidación da lexítima e rexeitase o pagamento, o herdeiro ou a persoa facultada para entregala poderá proceder á consignación xudicial.

Artigo 251

1. De non haber na herdanza bens abondos para o pagamento das lexítimas poderán reducirse por inoficiosos os legados e as doazóns computables para o seu cálculo, comezando, agás disposición en contra do testador, polos primeiros a pro rata. De non ser abondo, reduciranse tamén as doazóns pola orde das súas datas, comezando polas máis recentes.

2. De non seren abondas as reducións ás que se refire o apartado anterior, tamén poderán reducirse os apartamentos feitos polo causante e os pactos sucesorios. Se se realizasen varios, reduciranse todos a pro rata.

3. Os afectados pola redución poderana evitar entregando en metálico o seu importe para o pagamento das lexítimas.

Artigo 252

As accións de reclamación de lexítima e de redución de disposicións inoficiosas prescribirán aos quince anos do falecemento do causante.

Sección 3.ª Da lexítima do cónxuxe viúvo

Artigo 253

De concorrer con descendentes do causante, ao cónxuxe viúvo correspóndelle en concepto de lexítima o usufruto vitalicio dunha cuarta parte do haber hereditario fixado consonte as regras do artigo 245.

Artigo 254

De non concorrer con descendentes, o cónxuxe viúvo terá dereito ao usufruto vitalicio da metade do capital.

Artigo 255

O causante poderá satisfacer a lexítima do cónxuxe viúvo atribuíndolle por calquera título, en usufruto ou en propiedade, bens determinados de calquera natureza, un capital en cartos, unha renda ou unha pensión.

Artigo 256

Se o causante non o prohibiu, os herdeiros poderán conmutar a lexítima do cónxuxe viúvo por algunha das atribucións expresadas no artigo anterior e optaren pola modalidade de pagamento, pero deberán acordar coa persoa viúva os bens ou dereitos nos que se concretará. De non haber acordo entre os herdeiros e a persoa viúva, decidirá a autoridade xudicial.

Artigo 257

1. En tanto non exceda da súa cota usufrutuaria, o cónxuxe viúvo poderá optar por facela efectiva sobre a vivenda habitual, o local onde exercese a súa profesión ou a empresa que viñese desenvolvendo co seu traballo.

2. Este dereito é preferente á facultade de conmutar que lles atribúe aos herdeiros o artigo anterior.

Sección 4.ª Da preterición e do desherdamento

Artigo 258

A preterición intencional dun descendente non afecta a validez das disposicións por causa de morte. O lexitimario só terá dereito a percibir a súa lexítima consonte as regras desta lei. O mesmo se entenderá no caso de preterición do cónxuxe, sexa intencional ou non.

Artigo 259

1. A preterición non intencional dun lexitimario descendente faculta a persoa preterida para obter a declaración de nulidade da institución de herdeiro feita en testamento. As demais disposicións testamentarias e os pactos sucesorios serán válidos en canto a súa redución no sexa necesaria para o pagamento das lexítimas.

2. A preterición non intencional de todos os lexitimarios descendentes producirá, por instancia de calquera deles, a nulidade das disposicións testamentarias de contido patrimonial. Os apartamentos e os pactos de mellora só se reducirán se fose necesario para o pagamento das lexítimas.

Artigo 260

A preterición non intencional non producirá os efectos aos que se refire o artigo precedente se os preteridos concorresen á partición cos instituídos.

Artigo 261

Os descendentes doutro descendente que non fose preterido representan a este na herdanza do ascendente e non se consideran preteridos.

Artigo 262

1. O desherdamento xusto dun lexitimario priva a este da súa lexítima.

2. Para que sexa xusto, o desherdamento deberase facer en testamento, con expresión da súa causa. De a negar a persoa desherdada, correspóndelle ao herdeiro do testador a carga de probala.

Artigo 263

Son xustas causas para desherdar a calquera lexitimario:

1.ª) Terlle negados alimentos á persoa testadora.

2.ª) Tela maltratado de obra ou inxuriado gravemente.

3.ª) O incumprimento grave ou reiterado dos deberes conxugais.

4.ª) As causas de indignidade expresadas no artigo 756 do Código civil.

Artigo 264

A persoa desherdada inxustamente conserva o seu dereito á lexítima.

Artigo 265

A reconciliación posterior do ofensor e do ofendido priva a este do dereito de desherdar, e deixa sen efecto o desherdamento xa feito.

Artigo 266

As accións por causa de preterición ou desherdamento inxusto extínguense por caducidade aos cinco anos da morte do causante.

Capítulo VI Da sucesión intestada

Artigo 267

De non existiren persoas que teñan dereito a herdar de acordo co establecido nesta lei e co disposto nas seccións 1.ª, 2.ª e 3.ª do capítulo IV do título III do Código civil, herdará a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 268

Nos casos en que lle correspondese herdar á Comunidade Autónoma de Galicia a herdanza entenderase aceptada sempre a beneficio de inventario.

Artigo 269

Os bens herdados pola Comunidade Autónoma de Galicia serán destinados a establecementos de asistencia social ou institucións culturais que se sitúen, preferentemente e por esta orde, no lugar da última residencia do causante, no seu termo municipal, na súa comarca e en todo caso en territorio da comunidade autónoma galega.

Capítulo VII Da partición da herdanza

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 270

A partición da herdanza pódese realizar:

1.º) Polo propio testador, en testamento ou noutro documento anterior ou posterior a el.

2.º) Polo contador-partidor, en calquera dos casos admitidos pola lei.

3.º) Polos herdeiros.

4.º) Por resolución xudicial.

Artigo 271

Se concorresen á sucesión menores ou incapacitados legalmente representados non será necesaria a intervención nin a aprobación xudicial para os efectos de aceptar ou partir a herdanza.

Artigo 272

O cesionario dun herdeiro subrógase no lugar deste na partición da herdanza.

Sección 2.ª Da partición polo testador

Artigo 273

O testador poderá facer a partición da herdanza ou realizar adxudicacións de bens e dereitos determinados, sen prexuízo das lexítimas.

Artigo 274

A partición feita polo testador en documento non testamentario deberase axustar ás disposicións do testamento. Con todo, será válida a partición aínda que o valor do adxudicado a calquera dos partícipes na comunidade hereditaria non corresponda coa cota atribuída no testamento.

Artigo 275

Poderanse ordenar en testamento disposicións particulares sobre a partición da herdanza que se deberán observar ao facer esta.

Artigo 276

Os cónxuxes, aínda que testen por separado, poderán facer unha partilla conxunta e unitaria dos seus bens privativos e dos comúns, de os haber, con independencia da orixe dos adxudicados a cada herdeiro.

Artigo 277

A partilla conxunta e unitaria será eficaz no momento do falecemento de ambos os cónxuxes. Tamén producirá plenos efectos se, ao falecer un dos cónxuxes, o sobrevivente a cumprise na súa integridade por atribucións patrimoniais inter vivos.

Artigo 278

Ao falecer un dos cónxuxes que fixese a partilla conxunta e unitaria, o sobrevivente poderá dispor dos seus bens privativos. Para a disposición dos bens comúns e dos do premorto incluídos na partición será necesario o concurso dos seus herdeiros e do cónxuxe sobrevivente. A confusión de patrimonios nesta partilla non prexudicará aos terceiros acredores e lexitimarios.

Artigo 279

En vida de ambos os cónxuxes, a partilla conxunta e unitaria poderá ser revogada por calquera deles. A revogación non producirá efecto mentres non sexa notificada fidedignamente ao outro cónxuxe. A revogación producirá a ineficacia total da partilla.

Artigo 280

Ao falecer un dos cónxuxes, a partilla conxunta e unitaria tamén quedará sen efecto pola revogación do sobrevivente.

Artigo 281

A partilla poderá ser declarada ineficaz cando a composición patrimonial base dela se alterase de forma substancial por alleamentos voluntarios ou forzosos.

Artigo 282

Na partición conxunta e unitaria por ambos os cónxuxes a lexítima de calquera dos fillos ou descendentes comúns poderá ser satisfeita con bens dun só dos causantes. Neste caso, non se poderán reclamar as lexítimas ata o falecemento do último dos cónxuxes.

Sección 3.ª Da partición polo contador-partidor

Artigo 283

No propio testamento ou en escritura pública, o testador poderalle encomendar a facultade de facer a partición da herdanza a quen non sexa partícipe nela

Artigo 284

1. Malia o disposto no artigo anterior, o testador poderá nomear contador-partidor ao cónxuxe sobrevivente ao que só asignase o usufruto universal, sen prexuízo doutras facultades que tamén puidese atribuírlle.

2. Agás dispensa do testador, estas facultades unicamente poderán ser exercitadas mentres o sobrevivente permaneza viúvo, e dentro do prazo fixado polo causante. Se non o fixase, o cónxuxe poderá exercitalas mentres viva.

Artigo 285

A designación de contadores-partidores poderase efectuar mancomunada, sucesiva ou solidariamente.

Artigo 286

De non se establecer expresamente a solidariedade nin se fixar unha orde sucesiva entre os contadores-partidores, entenderanse nomeados mancomunadamente.

Artigo 287

1. Cando os contadores-partidores fosen mancomunados, ademais da partilla feita por todos, valerá a que faga un só deles autorizado polos demais. No caso de disidencia, será válida a que faga a maioría deles.

2. No caso de renuncia, falecemento ou incapacidade dun ou varios contadores-partidores mancomunados, a non ser que o testador dispuxese outra cousa, valerá a partilla feita polos demais, sempre que sexan máis dun.

Artigo 288

1. Os contadores-partidores só actuarán por requirimento de calquera partícipe na comunidade hereditaria, excepto cando o testador impuxese expresamente a súa intervención.

2. O requirimento deberáselles facer a todos os contadores-partidores, aínda que sexan solidarios. Os que acepten deberán actuar conxuntamente, consonte as regras aplicables aos contadores-partidores mancomunados.

Artigo 289

Será válida a partición feita por un só dos contadores-partidores solidarios:

1.º) Cando acredite que lles notificou fidedignamente aos demais a súa aceptación do cargo e o propósito de partir, sen que ningún deles, dentro dos dez días hábiles seguintes á notificación, xustifique aceptar o cargo así como a súa vontade de intervir.

2.º) Cando por morte, renuncia expresa ou incapacidade dos demais quedase como partidor único.

Artigo 290

O cargo de contador-partidor entenderase renunciado se dentro dos dez días hábiles seguintes ao requirimento dos herdeiros non fose aceptado expresamente.

Artigo 291

O contador-partidor poderá realizar o inventario por si só, aínda cando existan persoas suxeitas á patria potestade, tutela ou curatela.

Artigo 292

1. O contador-partidor deberá facer a partición total da herdanza.

2. Ademais das facultades propias do cargo e das encomendadas polo causante, o contador-partidor poderá, baixo a súa responsabilidade, entregar os legados unha vez formalizado o inventario.

Artigo 293

Na partición, o contador-partidor poderá liquidar a sociedade conxugal co cónxuxe sobrevivente ou os seus herdeiros. Se o contador-partidor o fose de ambos os cónxuxes e realizase a partición conxunta, poderá prescindir da liquidación da sociedade conxugal, a non ser que fose precisa para cumprir as disposicións testamentarias de calquera deles.

Sección 4.ª Da partición polos herdeiros

Artigo 294

Cando o testador non tivese feita a partición, os partícipes maiores de idade, os emancipados ou os legalmente representados poderán partir a herdanza do modo que teñan por conveniente.

Artigo 295

Cando non haxa contador-partidor designado polo causante ou estea vacante o cargo, os partícipes que representen unha cota de máis da metade do haber partible e sexan dous polo menos poderán promover perante notario a partición da herdanza, que, respectando en todo caso as disposicións do causante, se substanciará consonte as formalidades establecidas nos artigos seguintes.

Artigo 296

Os que promovan a partición deberanlles notificar o seu propósito notarialmente aos demais interesados, de coñeceren o seu domicilio. O notario só aceptará o requirimento se os que o promoven lle acreditan a titularidade da cota hereditaria á que se refire o artigo precedente e designan contadores-partidores.

Artigo 297

Se o domicilio dalgún interesado non fose coñecido polos requirentes, o notario notificarao mediante a publicación de edictos no boletín oficial da provincia, no taboleiro de anuncios do concello e nun dos periódicos de maior circulación, todo isto respecto do lugar onde o causante tivo o derradeiro domicilio en España.

Artigo 298

No requirimento inicial ao notario, cada un dos que o promovan poderá designar ata un máximo de tres contadores-partidores, co fin de elixir un deles por sorteo. No requirimento inicial tamén se fixará a data e a hora nas que o sorteo se realizará perante o notario requirido para a notificación. Non se poderá en ningún caso realizar o sorteo ata que transcorresen trinta días hábiles desde a data en que se practicou a última das publicacións ou das notificacións e sesenta días hábiles desde o requirimento inicial ao notario.

Artigo 299

Durante os trinta días hábiles seguintes á práctica da notificación ou da publicación cada un dos partícipes non promoventes tamén poderá propor ata un máximo de tres contadores-partidores.

Artigo 300

A partición por acordo maioritario non poderá efectuarse cando con anterioridade á finalización do prazo previsto no artigo anterior se lles notifique fidedignamente aos partícipes que se promoveu xudicialmente a partición. Ao non se ter efectuado esta notificación, a partilla que se realice consonte o disposto nos artigos seguintes producirá plenos efectos.

Artigo 301

Logo de transcorrer o prazo ao que se refire o artigo 299, designarase un contador-partidor por insaculación de entre os propostos, que deberán ser polo menos cinco.

Artigo 302

O contador-partidor designado, en unión, de ser o caso, do cónxuxe viúvo para os efectos da liquidación dos bens da sociedade conxugal, deberá formar inventario con fundamento nos documentos que os interesados lle achegasen e procederá, por si ou con asesoramento pericial, á valoración dos bens.

Artigo 303

Se as cotas dos partícipes na herdanza fosen iguais ou se, aínda sendo desiguais, permitisen a formación de tantos anexos homoxéneos como fosen precisos para a adxudicación dos bens, o contador-partidor formará os que correspondan, que serán sorteados perante notario.

Artigo 304

De seren as cotas desiguais de tal natureza que non permiten a formación de lotes homoxéneos cos bens hereditarios, o contador-partidor proporalles aos interesados un proxecto de partición, que para a súa validez deberá ser aprobado por partícipes que representen, polo menos, as tres cuartas partes do haber hereditario.

Artigo 305

Na partición, xa sexa formada por sorteo dos anexos perante notario ou aprobada pola maioría cualificada á que se refire o artigo anterior, deberase incluír a entrega de legados, o pagamento das lexítimas e as demais operacións complementarias que procedan, incluída a liquidación da sociedade conxugal.

Artigo 306

A partición formalizarase mediante escritura pública de protocolización do caderno particional outorgada polo contador-partidor designado, e, no caso ao que se refire o artigo 303, polos partícipes que representan a maioría cualificada nel prevista, perante o mesmo notario que interviñese nos trámites anteriores.

Artigo 307

O notario notificaralles a formalización da partición aos interesados que non comparecesen á protocolización. A notificación realizarase consonte o disposto nos artigos 295 e 296. Unha vez practicada a notificación, a partición producirá todos os seus efectos e porá fin á indivisión.

Artigo 308

O quiñón adxudicado ao partícipe que por ausencia de feito non tivese domicilio coñecido será administrado polo viúvo do causante que, interesado na partición, fose ascendente do adxudicatario. No seu defecto ou por renuncia, o quiñón será administrado consonte o disposto no artigo 49 desta lei.

Disposicións adicionais

Primeira.-

Cada cinco anos, como máximo, sen prexuízo da iniciativa parlamentaria correspondente, a Mesa do Parlamento de Galicia designará unha comisión, integrada por membros dos diversos grupos parlamentarios da Cámara, co fin de elaborar un informe comprensivo das dificultades e dúbidas que se advirtan na aplicación dos preceptos desta lei e daquelas normas que se coiden necesarias para a conservación, a modificación e o desenvolvemento das institucións do dereito civil propio de Galicia.

Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo derrogado:Disposición adicional segunda derrogada por disposición derrogatoria única apartado 1.a).

Terceira.-

1. Para os efectos da aplicación desta lei, equipáranse ao matrimonio as relacións maritais mantidas con intención ou vocación de permanencia, co que se estenden aos membros da parella os dereitos e as obrigas que esta lei lles recoñece aos cónxuxes.

2. Terán a condición de parellas de feito as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

Non poden constituír parellas de feito:

a) Os parentes en liña recta por consanguinidade ou adopción.

b) Os colaterais por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.

c) Os que estean ligados por matrimonio ou formen parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

3. Os membros da unión de feito poderán establecer validamente en escritura pública os pactos que consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas tras a súa extinción, sempre que non sexan contrarios ás leis, limitativos da igualdade de dereitos que corresponden a cada convivente ou gravemente prexudiciais para cada un deles.

Serán nulos os pactos que contraveñan a anterior prohibición.

Lei 10/2007, do 28 de xuño.

Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por artigo único.

Cuarta.-

As referencias feitas nesta lei ao home ou á muller ou só nun dos xéneros débense entender referidas a ambos os dous xéneros, sen que poida existir, xa que logo, ningunha discriminación por razón de sexo.

Disposicións transitorias

Primeira.-

Agás a posesión dunha servidume de paso comezada antes da entrada en vigor da Lei 4/1995, do 24 de maio, que non lle aproveitará ao posuidor para os efectos da súa adquisición por usucapión, o disposto no capítulo VIII do título VI desta lei seralles aplicable a todos os actos e servidumes de paso calquera que sexa a súa data de realización ou constitución.

Corrección de erros. Disposición transitoria primeira redactada conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 189, do 29 de setembro de 2006.

Segunda.

1. As disposicións desta lei sobre a partición da herdanza seranlles aplicables a todas as particións que se realicen a partir da súa entrada en vigor, sexa cal fose a data do falecemento do causante.

2. Respecto dos demais dereitos sucesorios aplicaráselles esta lei ás sucesións cunha apertura que teña lugar a partir da súa entrada en vigor.

Terceira.-

1. Para os efectos da aplicación desta lei, equipáranse ao matrimonio as relacións maritais mantidas con intención ou vocación de permanencia, co que se estenden aos membros da parella os dereitos e as obrigas que esta lei lles recoñece aos cónxuxes.

2. Terán a condición de parellas de feito as unións de dúas persoas maiores de idade, capaces, que convivan coa intención ou vocación de permanencia nunha relación de afectividade análoga á conxugal e que a inscriban no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia, expresando a súa vontade de equiparar os seus efectos aos do matrimonio.

Non poden constituír parellas de feito:

a) Os parentes en liña recta por consanguinidade ou adopción.

b) Os colaterais por consanguinidade ou adopción ata o terceiro grao.

c) Os que estean ligados por matrimonio ou formen parella de feito debidamente formalizada con outra persoa.

3. Os membros da unión de feito poderán establecer validamente en escritura pública os pactos que consideren convenientes para rexer as súas relacións económicas durante a convivencia e para liquidalas tras a súa extinción, sempre que non sexan contrarios ás leis, limitativos da igualdade de dereitos que corresponden a cada convivente ou gravemente prexudiciais para cada un deles.

Serán nulos os pactos que contraveñan a anterior prohibición.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Lei do Parlamento de Galicia 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, así como todas aquelas disposicións que se opoñan ao previsto nesta lei.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia