Norma Consolidada
A falta dunha lexislación actualizada e integradora sobre a protección e defensa dos animais que viven no contorno humano, que recolla os principios xerais de respecto, protección e defensa ós seres vivos que conviven ó noso redor, tal como figuran nos convenios e tratados internacionais e na normativa dos países socialmente máis avanzados, determina a oportunidade de aprobar unha lei no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que teña como obxectivo o seu amparo e salvagarda, adoptando unha postura activa ante conductas que comporten abuso dos animais.
É obxecto desta lei a protección dos animais domésticos e salvaxes que viven en catividade, baixo a posesión ou protección do home, recolléndose nela as atencións mínimas que deben recibi-los animais, desde o punto de vista hixiénico-sanitario, así como a tenencia, a venda ou o mantemento destes, co fin de garantir uns mínimos de bo trato dos animais, regulándose co dito obxecto a inspección e vixilancia, as obrigas dos seus posuidores, os centros de recollida e albergues ou as instalacións para o seu mantemento temporal.
A presente lei fixa como principio fundamental de protección destes animais o de posesión ou tenencia responsable, de modo que os afectados asuman o coidado dos animais en tódolos aspectos contidos na presente lei como a contraprestación humana que se lles debe fronte ó afecto ou á utilidade que significa o animal para o seu compañeiro ou posuidor.
Excepcionalmente, permite esta lei a celebración dos espectáculos tradicionais nos que interveñan animais sempre que se veñan celebrando consuetudinariamente, baseándose na necesidade e no interese de pervivencia do patrimonio histórico-cultural dos costumes dos distintos lugares de Galicia.
Tamén recolle e incentiva a lei a necesaria participación da sociedade no seu conxunto a través da potenciación das asociacións de protección e defensa e da difusión dun espírito que contribúa ó fomento do respecto ós animais.
O proxecto de lei ten en conta os criterios incluídos na I Declaración universal dos dereitos do animal, aprobada pola UNESCO e posteriormente pola ONU.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.
Artigo 1. Ámbito da lei.
A presente lei ten por obxecto establece-las normas para a protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídos aqueles animais que son obxecto dunha regulación específica, como os criados para o aproveitamento das súas produccións e os salvaxes.
Artigo 2. Definicións da lei.
Para os efectos desta lei enténdese por:
1.— Animais domésticos: os que se crían, reproducen e conviven co home e que non son susceptibles de ocupación.
2.— Animais salvaxes en catividade: os que sendo libres pola súa condición foron obxecto de captura no seu medio natural, manténdose nun grao absoluto e permanente de dominación.
3.— Animal abandonado: o que circula libremente aínda que estea provisto da correspondente identificación, sexa por placa ou tatuaxe, se no prazo de vinte días a partir da súa captura non é reclamado por ninguén que acredite a súa relación posesoria.
Artigo 3. Dos establecementos.
1. Os núcleos zoolóxicos, os establecementos de recollida de animais abandonados, os centros de importación de animais, as escolas de adestramento de animais domésticos e salvaxes en catividade e as canceiras deportivas, sen prexuízo do exixido nas demais disposicións que lles sexan aplicables, de acordo coa natureza do animal, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Estar autorizados pola consellaría competente en materia de benestar animal para o control da súa actividade.
b) Levar os libros de rexistro nos casos, nas condicións e co contido que regulamentariamente se establezan.
c) Dispoñer de boas condicións hixiénico-sanitarias e de locais axeitados ás condicións fisiolóxicas dos animais que alberguen.
d) Adoptar as medidas necesarias para evitar os contaxios entre os animais que alberguen.
e) Dispoñer de servizos veterinarios suficientes e adecuados a cada establecemento.
f) Se é o caso, entregar os animais coas debidas garantías sanitarias, libres de toda enfermidade, acreditándoo coa documentación que regulamentariamente se estableza.
2. Para os establecementos veterinarios, centros de acicalamento e coidado e as residencias caninas e felinas substituirase a autorización prevista na alínea a) do punto anterior pola realización dunha comunicación previa ao inicio da súa actividade na que se manifeste o cumprimento dos requisitos exixidos e pola que se facilite a información necesaria á consellaría competente en materia de benestar animal para o control da súa actividade.
Lei 1/2010, do 11 de febreiro.
Artigo modificado:Artigo 3 nova redacción por artigo 14
Artigo 4. Do transporte dos animais domésticos e salvaxes en catividade.
O transporte dos animais obxecto da presente lei deberá efectuarse de acordo coas peculiaridades propias de cada especie; ó mesmo tempo terán que cumpri-los requisitos hixiénico-sanitarios esixidos pola normativa específica e aqueloutros que regulamentariamente se determinen.
Artigo 5. Dos espectáculos.
1. Prohíbese a utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades se iso lles pode ocasionar danos, sufrimentos ou facelos obxecto de tratamento antinatural. Excepcionalmente, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá autorizar espectáculos consuetudinarios nos que interveñan animais.
2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei a festa dos touros, os encerros e demais espectáculos taurinos.
3. Sen prexuízo do disposto no punto 1, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá autorizar, baixo o control da respectiva federación, a celebración de competicións de tiro de pombiño.
Artigo 6. Da experimentación.
1. Toda actividade experimental con animais que poida causarlles dor, sufrimento, lesión ou morte adecuarase á súa normativa específica e requirirá, se é o caso, autorización previa da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
2. Os animais destinados a experimentos serán obxecto da protección e dos coidados xerais previstos nesta lei.
3. Os experimentos deberán levarse a cabo baixo a dirección do persoal facultativo correspondente.
4. Os animais que, como resultado da experimentación, non poidan desenvolver unha vida normal serán sacrificados de forma rápida e indolora.
Artigo 7. Das obrigas dos posuidores.
1. Os posuidores dos animais teñen a obriga de tratalos humanitariamente e mantelos en boas condicións hixiénico-sanitarias, de acordo coas características propias da especie, cumprindo o disposto nesta lei e nas súas disposicións regulamentarias.
2. O posuidor será responsable de adopta-las medidas necesarias para impedir que os animais lixen as vías ou espacios públicos, lles causen molestias ós veciños ou poñan en perigo a quen conviva no seu contorno.
3. Os posuidores de animais domésticos e salvaxes en catividade pertencentes ás especies que regulamentariamente se determinen deberán censalos nos correspondentes servicios provinciais de sanidade en producción animal, no prazo de un mes.
A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá establece-la obrigatoriedade de que outras especies de animais de compañía sexan censadas.
4. O posuidor dun animal, sen prexuízo da responsabilidade subsidiaria do propietario, será responsable dos danos e das perdas que ocasione o mesmo, de acordo coa lexislación aplicable no seu caso.
Artigo 8. Consideracións xerais.
1. O posuidor dun animal doméstico é responsable da súa protección e coidado así como do cumprimento de tódalas obrigas contidas nesta lei.
2. Os órganos competentes da Administración autonómica desenvolverán programas de educación no coidado e na protección de animais e prestaranlles asesoramento ós particulares e ás entidades que o soliciten.
Artigo 9. Medidas sanitarias.
1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no ámbito das súas competencias, poderá ordena-la vacinación ou o tratamento obrigatorio dos animais domésticos.
2. Naqueles casos nos que, por razón da sanidade animal ou saúde pública, se esixa o sacrificio obrigatorio, este efectuarase de forma rápida, indolora e nos locais aptos para ese fin baixo a responsabilidade e o control dun veterinario.
3. Os concellos e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderán ordena-lo illamento e internamento dos animais domésticos no caso de que se lles diagnosticasen enfermidades transmisibles, co obxecto de sometelos ó tratamento curativo ou, cando non fose posible, proceder ó seu sacrificio, tal como se indica no punto anterior.
Artigo 10. Medidas xerais.
1. O posuidor dun animal salvaxe en catividade é responsable da súa protección e coidado, así como do cumprimento de tódalas obrigas contidas nesta lei.
2. A tenencia de animais salvaxes en catividade procedentes de importación, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, precisará informe previo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes relativo ás condicións hixiénico-sanitarias do animal.
3. Prohíbese a tenencia de animais salvaxes perigosos para o home fóra dos locais autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, así como a súa circulación por lugares abertos ó público sen as medidas protectoras que se establezan, de acordo coas características de cada especie.
4. Ós animais salvaxes en catividade seranlles aplicables as medidas sanitarias previstas no artigo 9 desta lei.
Artigo 11. Da recollida.
1. Os concellos recollerán os animais abandonados e reteranos ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados.
2. Se o animal non está identificado reterase por un prazo de vinte días, transcorrido o cal os centros de recollida poderán darlle o destino máis conveniente, e só en último termo o sacrificio.
3. Se o animal está identificado avisarase o propietario, quen dispoñerá dun prazo de dez días para recuperalo, unha vez aboados os gastos orixinados polo seu mantemento. Unha vez transcorrido este prazo, se o propietario non satisfixese o aboamento dos gastos, o centro de recollida procederá de acordo co disposto no punto anterior.
Artigo 12. Do servicio de recollida.
1. Para o cumprimento do disposto no artigo anterior as administracións locais poderán concertar convenios de cooperación ou colaboración coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, con asociacións de protección e defensa dos animais ou con outras entidades autorizadas para ese fin.
2. Se o servicio non se encontra municipalizado e unha ou varias asociacións de protección e defensa dos animais solicitan a súa xestión, o Concello poderá concedela por un prazo mínimo de tres anos prorrogables.
3. Sen prexuízo do disposto nos demais preceptos desta lei que lle sexan aplicables, os establecementos dedicados á recollida de animais abandonados deberán estar inscritos no rexistro creado para tal efecto pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
4. As normas mínimas de funcionamento dos servicios de recollida estableceranse regulamentariamente.
Artigo 13. Definición e condicións.
1. Para os efectos desta lei son asociacións de protección e defensa dos animais aquelas que se constitúen legalmente, sen fin de lucro, que teñen por obxecto fundamental a defensa e protección dos animais no medio no que viven, sendo consideradas de utilidade pública e benéfico-docentes.
2. As asociacións definidas no punto anterior inscribiranse nun rexistro creado para tal efecto pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e poderán ser declaradas por ela entidades colaboradoras cando reúnan os requisitos esixidos polas disposicións regulamentarias dictadas con tal fin.
3. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá establecer dentro dos seus presupostos programas de axuda ás asociacións que teñan a condición de entidades colaboradoras.
4. As asociacións teñen a obriga de denuncia-los feitos que consideren infracción, de acordo co previsto nesta lei.
Artigo 14. Principio xeral.
Tódalas administracións públicas no territorio de Galicia deberán cooperar no desenvolvemento das medidas de defensa e protección dos animais e na denuncia ante os órganos competentes de calquera actuación contraria ó disposto nesta lei.
Artigo 15. Órganos da comunidade.
O órgano da Xunta de Galicia competente en materia de defensa e protección dos animais de compañía e salvaxes en catividade será a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
Artigo 16. Órganos das corporacións locais.
Compételle ó alcalde a responsabilidade superior na defensa e protección dos animais no ámbito de cada municipio. As funcións obrigatorias que lles corresponden ós concellos son as establecidas na normativa de réxime local e as contidas con carácter xeral para tódalas administracións públicas na presente lei.
Artigo 17. Da inspección e vixilancia.
1. A inspección superior para o mellor cumprimento do establecido na presente lei correspóndelle á Xunta de Galicia a través da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, tódolos órganos da Administración da Comunidade que por razón das súas funcións teñan relación co contido da presente lei teñen a obriga de vixia-lo seu cumprimento.
3. Os facultativos dependentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes rexistrarán tódalas actuacións en materia de policía sanitaria na área xeográfica da súa competencia.
4. Así mesmo, os veterinarios en exercicio, as clínicas e os hospitais veterinarios arquivarán as fichas clínicas dos animais obxecto de vacinación, tratamento ou sacrificio obrigatorio e poñeranas ó dispor da autoridade competente.
5. O servicio de censo, vixilancia e inspección poderá ser obxecto dunha taxa fiscal.
Artigo 18
1. Para os efectos da presente lei será infracción administrativa o incumprimento das obrigas, das prohibicións e dos requisitos establecidos nela, así como o das condicións impostas nas autorizacións administrativas outorgadas ó seu amparo.
2. A responsabilidade administrativa será esixible sen prexuízo da que puidese corresponder no ámbito civil ou penal.
3. No caso de celebración de espectáculos prohibidos, incorrerán en infracción administrativa non só os seus organizadores senón tamén os donos dos locais ou terreos que os cedesen, a título oneroso ou gratuíto.
Artigo 19
As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves.
Artigo 20. Infraccións leves.
Son infraccións leves:
a) O maltrato dos animais que non lles cause dor.
b) A venda, doazón ou cesión de animais a menores de 14 anos ou incapacitados, sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.
c) A doazón de animais de compañía como premio.
d) Non mante-lo animal en boas condicións hixiénico-sanitarias.
e) Mantelos en instalacións inadecuadas.
f) Non facilitárlle-la alimentación adecuada ás súas necesidades.
g) A utilización de animais en traballos que os inmobilicen, causándolles dor.
h) Exerce-la venda ambulante de animais fóra dos mercados e feiras autorizados.
i) A carencia ou tenencia incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou vacinación.
j) A posesión dun can non censado conforme o previsto no artigo 7.3 desta lei.
k) O sacrificio de animais en lugares públicos.
l) A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compañía na vía pública.
m) Calquera outra actuación que vulnere o disposto nesta lei e que non estea tipificada como infracción grave ou moi grave.
Artigo 21. Infraccións graves.
1. Serán infraccións graves:
a) O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.
b) Mutilalos sen necesidade ou sen o adecuado control veterinario.
c) Abandonalos.
d) A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral, fóra dos establecementos, feiras e mercados legalmente autorizados.
e) A venda de animais salvaxes en catividade fóra dos establecementos autorizados.
f) O incumprimento das obrigas sinaladas nos artigos 3, 4 e 5 desta lei, salvo o disposto no artigo 22.1.b).
g) A subministración de estimulantes non autorizados ou substancias que poidan atentar contra a súa saúde, excepto cando sexa por prescrición facultativa.
h) A non vacinación ou o non tratamento obrigatorio dos animais.
i) A venda de animais enfermos, salvo que se trate dun vicio oculto, non coñecido polo vendedor.
j) A cría ou comercialización de animais sen cumpri-los requisitos correspondentes.
k) A tenencia de animais perigosos sen as medidas de protección que se fixen.
l) O incumprimento de calquera outra das condicións impostas nas autorizacións administrativas.
2. Considerarase, así mesmo, como infracción grave a reincidencia en infracción leve, entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción leve do mesmo tipo cá que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta; requirirase que a resolución sancionadora adquirise firmeza.
Artigo 22. Infraccións moi graves.
1. Son infraccións moi graves:
a) O maltrato dos animais que lles cause a morte.
b) A organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos.
c) A venda de animais con enfermidade infecto-contaxiosa coñecida.
d) A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros non autorizados.
e) A esterilización ou o sacrificio de animais sen control facultativo.
f) A reiteración en faltas graves.
2. Considerarase, así mesmo, como infracción moi grave a reincidencia en infracción grave, entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción grave do mesmo tipo cá que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á notificación desta; requirirase que a resolución sancionadora adquirise firmeza.
Artigo 23. Prescrición das infraccións.
As infraccións leves prescribirán ós seis meses, as graves ós doce meses e as moi graves ós dous anos.
Artigo 24. Das sancións pecuniarias.
1. As infraccións indicadas no capítulo anterior serán sancionadas con multas de:
a) As leves, de 100 a 500 euros.
b) As graves, de 501 a 5.000 euros.
c) As moi graves, de 5.001 a 30.000 euros
2. A imposición das sancións previstas corresponderalles a:
a) O alcalde do Concello, para as infraccións leves.
b) O director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, para as infraccións graves.
c) O conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, para as moi graves.
3. A incoación dos expedientes sancionadores, dos cales a tramitación se adecuará ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, corresponderalles ós delegados da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.
4. Regulamentariamente determinaranse os supostos nos que a incoación e tramitación poidan serlles encomendadas ós concellos.
Lei 8/2014, do 26 de setembro.
Artigo modificado:Artigo 24 apartado 1 nova redacción por artigo único.
Artigo 25. Das sancións non pecuniarias.
Na resolución do expediente sancionador, ademais das multas a que se refire o artigo anterior, os órganos competentes poderán impoñe-las seguintes sancións:
1.— O peche temporal ou definitivo, respectivamente para as infraccións graves ou moi graves, dos establecementos regulados por esta lei.
2.— A prohibición temporal ou permanente, respectivamente para as infraccións graves e moi graves, do exercicio de actividades comerciais reguladas pola lei.
3.— A incautación dos animais obxecto de actividades ilegais ou de abandono para calquera tipo de infracción.
4.— No caso de federacións ou de calquera outra entidade non lucrativa, para infraccións graves ou moi graves, poderase suspender temporalmente, ou en casos moi graves definitivamente, o exercicio das súas actividades.
Artigo 26. Graduación das sancións.
A imposición das sancións prescritas pola lei graduarase conforme os seguintes criterios:
1.— A transcendencia social ou sanitaria e o prexuízo causado pola infracción.
2.— O ánimo de lucro e a contía do beneficio obtido na comisión da infracción.
3.— A importancia do dano causado ó animal.
4.— A reiteración ou reincidencia na comisión de infraccións.
Disposición adicional primeira
Autorízase a Xunta de Galicia para o desenvolvemento regulamentario da presente lei.
Disposición adicional segunda
A Administración autonómica dispoñerá as medidas oportunas para a creación dun órgano específico de asesoramento para o mellor cumprimento do preceptuado na presente lei, en especial no referente á vixilancia, inspección e sanción das infraccións tipificadas nela.
Disposición adicional terceira
Autorízase a Xunta de Galicia a modificar, anualmente, o importe das sancións establecidas no artigo 24 desta lei conforme a variación anual do IPC ou índice que o substitúa
Lei 8/2014, do 26 de setembro.
Artigo modificado:Disposición adicional terceira nova redacción por artigo único.
Disposición adicional cuarta
O Goberno debe elaborar, xunto coas entidades protectoras e as asociacións colaboradoras, campañas e iniciativas de sensibilización sobre o contido da presente lei para a poboación en xeral
Lei 8/2014, do 26 de setembro.
Artigo engadido:Disposición adicional cuarta engadida por artigo único.
Disposición adicional quinta
Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia por infraccións da presente lei deberán destinarse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección dos animais
Lei 8/2014, do 26 de setembro.
Artigo engadido:Disposición adicional quinta engadida por artigo único.
Disposición transitoria
No prazo de un ano a partir da posta en vigor da lei, os establecementos regulados por ela deberán adopta-las medidas necesarias para axustarse ós seus preceptos.
Disposición derradeira
A presente lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.
Santiago de Compostela, 13 de abril de 1993
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

