lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 9/1984, do 11 de xullo, de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Publicado en: DOG 148 03/08/1984

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: Derrogada

PDF

Modificacións

Segundo establece o artigo 34.3 do Estatuto de Autonomía para Galicia, no marco das normas básicas do Estado, a Comunidade Autónoma pode regular, crear e mante-la súa propia televisión, radio e prensa e, en xeral, tódolos medios de comunicación social para o cumprimento dos seus fins. Por outra banda, a disposición transitoria sexta do Estatuto establece que no tocante á televisión, a aplicación do apartado 3 do artigo 34 supón que o Estado outorgará en réxime de concesión á Comunidade Autónoma de Galicia a utilización dunha terceira canle, de tilularidade estatal, que se debe crear especificamente para a súa emisión no territorio de Galicia, nos términos da citada concesión.

A esta terceira canle refírese, segundo a doctrina, o artigo 2.2 da Lei 4/80, do 10 de xaneiro de 1980 (Estatuto de Radiodifusión e Televisión), cando sinala que o Goberno poderá conceder ás Comunidades Autónomas, previa autorización por Lei das Cortes Xerais, a xestión directa dunha canle de televisión de titularidade estatal que se cree especificamente para o ámbito territorial de cada Comunidade Autónoma. O apartado 3 do mesmo artigo 2 deixa finalmente establecido que a organización e o control parlamentario da terceira canle rexional, así como da radiodifusión e televisión no mesmo ámbito territorial, se articulará orgánica e funcionalmente de acordo cos criterios establecidos nos artigos 5.° a 12.° e 26.° do devandito Estatuto da Radiodifusión e Televisión, e segundo Lei da Comunidade Autónoma.

Este é, pois, o obxectivo da presente Lei: crear un Ente de Dereito Público ó que lle corresponde a regulación e xestión dos servicios de radiodifusión e televisión, competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, determinando a estructura orgánica do devandito Ente, a forma de designación e cese dos seus membros, e mailas súas funcións, así como tamén a creación dunha Comisión do Parlamento de Galicia, con funcións de control, e de acordo coas previsións do seu Regulamento.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de creación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Capítulo I Natureza e funcións

Artigo 1

1. Créase no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co carácter de entidade de dereito público, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, á que lle corresponde a xestión directa dos servicios públicos de radiodifusión e televisión competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, encargo que levará a cabo consonte o seguinte:

1.1. Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servicio público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso ós distintos xéneros de programacións e ós eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas pola dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., así como de calquera outra que poida crear no futuro.

1.2. Para o desenvolvemento das misións de servicio público encomendadas, actuando baixo o obxectivo de rendibilidade social e eficiencia económica, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberá promover activamente os principios de programación sinalados nesta lei, fomenta-la producción audiovisual propia de Galicia, ofrecer programacións e emisións que coadxuven á proxección cara ó exterior de Galicia e de información ás comunidades galegas do exterior.

1.3. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia promoverá activamente o desenvolvemento da sociedade da información, participando no progreso tecnolóxico, utilizando tódalas formas e medios de distribución, expresión e linguaxe, así como as novas técnicas de producción e de difusión de programas de comunicación audiovisual, e desenvolvendo novos servicios, incluídos os dixitais e en liña, susceptibles de enriquecer ou completa-la súa oferta de programación, dentro do marco estatutario de Galicia.

2. As misións ás que se refire o apartado anterior enténdense sen prexuízo das competencias que lle corresponden ó Parlamento e ó Goberno de Galicia e das que, en período electoral, lles corresponden ás xuntas electorais.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 1 nova redacción por disposición adicional segunda.

Artigo 2

A Compañía de Radio-Televisión de Galicia ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. Rexerase polas normas que se conteñen na presente Lei e nas disposicións que se dicten para desenvolvela. As devanditas normas integran o dereito propio de Galicia na materia.

Nas súas relacións xurídicas externas, adquisicións patrimoniais e contratación estará suxeita ó réxime de Dereito Privado, sen outras excepcións cás previstas nesta Lei.

Capítulo II Organización

Sección primeira. Órganos

Artigo 3

A efectos de funcionamento, administración e dirección, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia estructurarase nos órganos seguintes:

a) Consello de Administración.

b) Consello Asesor da Compañía e as súas sociedades.

c) Director Xeral.

Sección segunda. Consello de Administración

Artigo 4

1. O Consello de Administración comporase de doce membros, elixidos para cada lexislatura polo Parlamento de Galicia, mediante maioría de dous tercios, entre persoas de acreditado prestixio profesional. Unha vez nomeado, o Director Xeral asiste ás súas reunións de acordo co disposto no artigo 10.4.

2. As vacantes que se produzan cubriranse de acordo co procedemento establecido no apartado anterior.

3. O cese dos membros do Consello de Administración producirase ó final da lexislatura correspondente, se ben seguirán desempeñando as súas funcións ata que os novos tomen posesión dos seus cargos.

4. A condición de membro do Consello de Administración será incompatible con calquera clase de vinculación directa ou indirecta con empresas publicitarias, empresas de producción ou distribución de películas cinematográficas ou de programas filmados ou gravados en magnetoscopio ou radiofónicos, casas productoras de discos, cintas magnetofónicas ou similares, así como as adicadas ó fornecemento ou dotación de programas ou material á Compañía e ás súas sociedades. Tamén será incompatible con todo tipo de prestación de servicios ou relación laboral en activo coa Compañía, con RTVE ou coas sociedades de ámbolos dous entes.

Artigo 5

A Presidencia do Consello de Administración será puramente funcional e exercerase de forma rotativa por un período de tres meses polos seus membros. A orde de rotación determinarase tendo en conta a maior idade.

Se durante o decorrer da lexislatura cumprise proceder á substitución dalgún Conselleiro, o substituto ocupará, a efectos do turno rotatorio na Presidencia, o lugar que lle correspondese ó substituído pola súa idade.

Artigo 6

1. Para que o Consello de Administración se entenda validamente constituído en sesión, cumprirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros.

2. A adopción de acordos farase por maioría de membros presentes, agás os casos nos que a presente Lei esixa unha maioría cualificada.

3. O Consello de Administración reunirase en sesión ordinaria cando menos unha vez ó mes e tamén en caso de urxencia a criterio do seu presidente ou cando o solicite a maioría absoluta dos seus membros. A convocatoria farase por escrito e incluirá, en todo caso, a orde do día.

4. Non se poderán tratar asuntos distintos dos incluídos na orde do día, non sendo que medie acordo en senso contrario adoptado por maioría de dous tercios dos membros do Consello.

Artigo 7

1. Correspóndenlle ó Consello de Administración as seguintes competencias:

a) Coidar do cumprimento do establecido na presente Lei.

b) Emiti-la súa opinión sobre o nomeamento do Director Xeral.

c) Recibir notificación previa do nomeamento e cese dos Directores da Compañía e das súas sociedades.

d) Aprobar, a proposta do Director Xeral, o plan de actividades do ente público, que fixará os principios básicos e liñas xerais de programación, así como o plan de actuación das súas sociedades.

e) Aproba-la Memoria anual relativa ó desenvolvemento das actividades da entidade e das súas sociedades.

f) Aprobar con carácter definitivo os cadros da Compañía e das súas sociedades, así como as súas modificacións.

g) Aproba-lo réxime de retribucións da Compañía e das súas sociedades.

h) Aproba-lo anteproxecto de presupostos da Compañía e das súas sociedades.

i) Informa-los proxectos de disposicións que en materia de publicidade se propoña dicta-lo Goberno Galego.

l) Dictar normas reguladoras de emisión de publicidade a través das sociedades da Compañía, tendo en conta o control de calidade da mesma, o contido das mensaxes publicitarias e o axeitamento do tempo da publicidade á programación e ás necesidades dos medios.

ll) Determinar semestramente a porcentaxe de horas de programación destinadas ós grupos políticos e sociais significativos, fixando os criterios de distribución entre eles, en cumprimento do que se establece no artigo vinte da Constitución.

m) Determinar anualmente a porcentaxe de producción propia que se deberá incluír na programación de cada medio.

n) Coñecer daquelas cuestións que, aínda non sendo da súa competencia, o Director Xeral da Compañía someta á súa consideración.

o) Coñecer periodicamente a xestión presupostaria e emiti-lo seu parecer sobre a mesma.

2. Estes acordos adoptaranse por maioría simple, a non se-los referidos nos apartados b), d), f), g) e ll), que se adoptarán por maioría de dous tercios. Con respecto ó apartado b), se non se acada a maioría indicada, entenderase que o Consello de Administración se abstén de emiti-la súa opinión sobre tal nomeamento, dándose por cumprido o trámite. Polo que se refire ó apartado d), será suficiente a maioría absoluta dos membros do Consello de Administración, unha vez que trancorrese un mes sen recaer acordo por maioría cualificada de dous tercios. Polo que toca ó apartado h), e no caso de non se acadar acordo por maioría de dous tercios, o anteproxecto de presuposto remitirase á Xunta no prazo legal facendo consta-lo senso do voto de cada un dos membros do Consello de Administración.

Artigo 8

O Consello de Administración designará un Secretario de Actas que, sen voz nin voto, terá as funcións que regulamentariamente se lle asignen, sen que poida recaer en persoa que forme parte do devandito Consello.

Sección terceira. Consello Asesor

Artigo 9

As sociedades da Compañía de Radio-Televisión de Galicia teñen un Consello Asesor, composto polos seguintes membros:

a) Tres vocais de cada empresa, elixidos polos representantes dos traballadores segundo criterios de proporcionalidade. A representatividade e a proporcionalidade enténdense referidas ó grado de implantación das seccións e dos grupos de carácter sindical ou independentes en cada empresa dependente da Compañía.

b) Tres vocais representantes da Administración autonómica, designados pola Xunta de Galicia.

c) Tres vocais, designados un polo Consello da Cultura Galega, un pola Universidade, e outro polos medios de comunicación designado polo Parlamento.

d) Un representante designado por cada unha das Deputacións Provinciais.

e) O Consello Asesor será convocado cando menos semestralmente para cada unha das sociedades polo Consello de Administración e emitirá opinión ou dictame cando lle fosen expresamente requiridos por este e, en todo caso, en canto ás competencias que sobre programación corresponde ó Consello de Administración nos términos do artigo 7 desta Lei.

Sección cuarta. Director Xeral

Artigo 10

1. O Director Xeral da Compañía será o órgano executivo da entidade pública e terá que ser nomeado pola Xunta, oído o Consello de Administración.

2. Sen prexuício das causas de cese establecidas na presente Lei, o seu mandato coincidirá coa lexislatura do Parlamento de Galicia na que foi nomeado. Cando o seu mandato remate coa lexislatura, continuará ó frente do seu cargo ata a designación do novo Director Xeral.

3. O cargo de Director Xeral estará afectado polas mesmas incompatibilidades cás sinaladas para os membros do Consello de Administración. Tamén se considerará causa de incompatibilidade a vinculación con entidades públicas ou privadas de medios de comunicación.

4. O Director Xeral asistirá ás reunións do Consello de Administración con voz e voto, pero carecerá deles cando trate de asuntos que o afecten persoalmente.

Artigo 11

Corresponderalle ó Director Xeral:

a) Cumprir e facer cumpri-lo disposto na presente Lei e nas demais normas que regulen a Compañía, así como os acordos do Consello de Administración nas materias que sexan competencia deste órgano colexiado.

b) Someter á aprobación do Consello de Administración coa suficiente antelación, o plan anual de traballo, a Memoria económica anual e os anteproxectos de presupostos da Compañía e das súas sociedades.

c) Impulsar, orientar, coordenar e inspecciona-los servicios da Compañía e das súas sociedades e dicta-las disposicións, instruccións e circulares relativas ó funcionamento das competencias do Consello de Administración.

d) Actuar como órgano de contratación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.

e) Autoriza-los pagamemos e gastos da entidade e das súas sociedades sen prexuício de que as normas que regulen estas dispoñan a facultade de delegación.

f) Organiza-la dirección e nomear con criterios de profesionalidade ó persoal directivo da Compañía e das súas sociedades, notificando con carácter previo os citados nomeamentos ó Consello de Administración.

g) Ordena-la programación de conformidade cos principios básicos aprobados polo Consello de Administración.

h) Ostenta-la representación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e, en consecuencia, comparecer en xuício e en toda clase de actuacións, conferindo ó efecto os oportunos apoderamentos.

Artigo 12

1. A Xunta de Galicia poderá cesar ó Director Xeral, oído o Consello de Administración, mediante resolución motivada, por algunha das seguintes causas:

a) Imposibilidade física ou enfermidade superior na súa duración a seis meses continuos.

b) Incompetencia manifesta ou actuación contraria ós criterios, principios ou obxectivos ós que se refire a presente Lei.

c) Condena por delito doloso.

2. Así mesmo, a Xunta poderá cesar ó Director Xeral a proposta do Consello de Administración, fundada nalgún dos supostos anteriores e adoptada por maioría de dous tercios.

Capítulo III Xestión

Sección primeira. Xestión pública

Artigo 13

1. A xestión dos servicios públicos de Radiodifusión e Televisión no ámbito da Comunidade Autónoma galega correspondente á Compañía de Radio-Televisión de Galicia rexerase polas disposicións da presente Lei e normas complementarias que a desenvolvan e realizarase mediante a adscrición dos servicios comúns que regulamentariamente se establezan.

2. Dos recursos e pretensións que se deduzan contra os acordos que dicten os órganos de goberno da Compañía coñecerá a xurisdicción que en cada caso corresponda sen necesidade de formular reclamación previa en vía gubernativa.

Sección segunda. Xestión mercantil

Artigo 14

1. A xestión dos servicios públicos de Radiodifusión e Televisión levarase a cabo mediante as sociedades públicas con forma de sociedades anónimas que a Compañía de Radio-Televisión de Galicia está facultada para crear. Estas sociedades rexeranse polo dereito privado sen máis excepcións cás establecidas na presente Lei.

2. O capital das anteriores sociedades será duplicado na súa totalidade, integramente subscrito pola Comunidade Autónoma de Galicia, pertencerá á Compañía e non poderá ser alleado, hipotecado, gravado, peñorado nin cedido en forma onerosa ou gratuíta.

3. Os Directores das sociedades serán nomeados e separados polo Director Xeral da Compañía, previa notificación ó Consello de Administración, e serán os administradores únicos. Os Directores de cada sociedade estarán afectados polas mesmas incompatibilidades que as previstas para o cargo de Director Xeral nesta Lei.

4. Os estatutos de cada sociedade deberán sinala-las facultades que en materia de autorización de gasto, ordenación de pagamentos e contratación corresponden ó Administrador único de cada sociedade e as que se reserve o Director Xeral.

5. A adquisición de emisoras privadas de radiodifusión por parte da Compañía de Radio-Televisión de Galicia quedará condicionada á sub-rogación na titularidade da concesión administrativa de frecuencia e potencias.

Artigo 15

A Xunta de Galicia, a proposta do Director Xeral e de acordo co Consello de Administración da Compañía, poderá crear sociedades filiais nas áreas de comercialización, producción, comunicación e outras análogas para acadar unha xestión máis eficaz. Estas sociedades filiais que se creen poderán ser de capital integramente subscrito e desembolsado pola Comunidade Autónoma e estarán sometidas ó réxime xurídico a que se refire o artigo anterior e concordantes.

Capítulo IV Programación e control

Sección primeira. Principios de programación

Artigo 16

Os principios que han de inspira- la programación dos medios xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia son os seguintes:

a) O respeto á Constitución e ó Estatuto de Autonomía de Galicia e a promoción e difusión da Cultura e Lingua Galega, así como a defensa da identidade da nacionalidade galega.

b) O respeto á liberdade de expresión, obxectividade, veracidade e imparcialidade das informacións.

c) A separación entre as informacións e opinións, a identificación de quen sustente estas últimas e a súa libre expresión, cos límites do apartado 4 do artigo 20 da Constitución.

d) O respeto ó pluralismo político, relixioso, social, cultural e lingüístico.

e) O respeto ó honor, á fama, á vida privada das persoas e cantos dereitos e liberdades recoñece a Constitución.

f) A protección da xuventude e da infancia.

g) O respeto ós valores da igualdade recollidos no artigo 14 da Constitución.

Sección segunda. Dereito de antena

Artigo 17

1. A ordenación dos espacios de radiodifusión e televisión de Galicia farase de xeito que a eles poidan accede-los grupos políticos e sociais máis significativos. Para tal fin, o Consello de Administración, de acordo co Director Xeral, terá en conta criterios obxectivos, como representación parlamentaria, implantación política, sindical, social, cultural e ámbito territorial de actuación.

2. O Goberno Galego poderá facer que se emitan, indicando a súa orixe, declaracións e comunicados oficiais necesarios para o interés público. Por razóns de urxencia, apreciadas polo Goberno, estas declaracións e comunicados terán efecto inmediato.

3. A Xunta de Galicia poderá establecer periodicamente as obrigas que se deriven da natureza do servicio público da Compañía de Radio e Televisión de Galicia e, previa consulta ó Consello de Administración, facelas cumprir.

Sección terceira. Dereito de rectificación

Artigo 18

O dereito de rectificación e o seu procedemento regularase segundo o previsto nas normas xerais que rexen a materia.

Sección cuarta. Período electoral

Artigo 19

Durante as campañas electorais aplicarase o réxime especial que establezan as normas electorais, correspondendo a aplicación e o control das mesmas á Xunta electoral competente, que cumprirá a súa misión a través do Consello de Administración e do Director Xeral da Compañía.

Sección quinta. Control parlamentario directo

Artigo 20

Correspóndelle ó Parlamento de Galicia o control da actuación da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e das súas sociedades.

A Comisión Permanente de Control da Compañía de Radio-Televisión de Galicia e as súas sociedades, constituída de conformidade co que dispoña o Regulamento da Cámara, exercerá o control da actuación da CRTVG e as súas sociedades, de tal xeito que polo cumprimento efectivo da función de servicio público, definida e encomendada á CRTVG no artigo 1, apartado 1, desta lei.

Para estes efectos, a CRTVG remitiralle, con carácter anual, á devandita Comisión parlamentaria un informe sobre a execución da función de servicio público encomendada, referido ó conxunto das súas actividades, programacións, servicios e emisións.

Lei 3/2002, do 29 de abril.

Artigo modificado:Artigo 20 nova redacción por disposición adicional terceira.

Capítulo V Presuposto e financiación

Artigo 21

O presuposto da Compañía de Radio-Televisión de Galicia axustarase ó que dispoña a Lei de Xestión Económica e Financeira Pública de Galicia, sen prexuício das especialidades previstas na presente Lei.

Artigo 22

1. As sociedades xestoras dos servicios públicos de Radiodifusión e de Televisión terán presupostos separados, que se adxuntarán ós Xerais da Comunidade Autónoma para a súa ulterior aprobación polo Parlamento de Galicia.

2. As sociedades filiais creadas ó amparo do artigo 15 da presente Lei, estarán suxeitas a igual réxime presupostario.

3. Os presupostos a que se refiren os anteriores apartados elaboraranse e xestionaranse con observancia do principio de equilibrio presupostario.

4. Sen prexuício do presuposto da Compañía e do separado de cada unha das súas sociedades establecerase un presuposto consolidado coa finalidade de evitar déficits de caixa e de permitir unha cobertura destes mediante o superávit das entidades e sociedades integradas no presuposto consolidado.

Por virtude da presente Lei autorízase o réxime de minoración de ingresos sobre o presuposto da Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Artigo 23

A contabilidade das sociedades a que se refiren os artigos precedentes axustarase ás normas que para as sociedades e entidades de capital público se conteñan na Lei de Xestión Económica e Financeira Pública da Galicia.

Artigo 24

1. O Director Xeral da Compañía renderá contas periodicamente da xestión someténdose ó control parlamentario a que se refire o artigo 20 da presente Lei.

2. Nos términos que estableza a Lei reguladora correspondente, o Consello de Contas informará ó Parlamento de Galicia da xestión económica e presupostaria da Compañía, das súas sociedades xestoras e das sociedades filiais que no seu caso se creen.

3. O control financeiro da Compañía e das súas sociedades xestoras e filiais efectuarase, en todo caso, a través de procedementos de auditoría, sen suxección ó sistema de intervención previa.

No demais, aplicaranse as disposicións que regulen a xestión económica e financeira pública de Galicia.

Artigo 25

1. A Compañía de Radio-Televisión de Galicia financiarase con cargo ós Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma e mediante os ingresos e rendementos das súas actividades. As sociedades xestoras e as filiais farano mediante subvencións consignadas nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma, mediante a comercialización e venda dos seus productos e, limitadamente, mediante unha participación no mercado da publicidade.

2. No caso da televisión haberá que estar, ademais, ó sinalado no párrafo terceiro da Disposición Transitoria sexta do Estatuto de Autonomía para Galicia.

Capítulo VI Patrimonio

Artigo 26

O patrimonio da Compañía e das sociedades de capital integramente da Comunidade Autónoma ás que se refire a presente Lei, terá a consideración de dominio público, como patrimonio afecto ó servicio público correspondente e, polo tanto, gozará na orde tributaria das exencións pertinentes.

A titularidade do patrimonio a que se refire o párrafo anterior atribúese, en todo caso, á Administración autonómica, correspondéndolle á Compañía e ás súas sociedades, en concepto de adscrición de uso, a súa xestión, conservación e administración para o cumprimento dos seus fins específicos.

Aplicaranse as disposicións da Lei do Patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en todo o que se refire ó réxime xurídico dos bens e dereitos patrimoniais ou demaniais que lle sexan cedidos, adscritos ou incorporados ó seu patrimonio independente.

Capítulo VII Persoal

Artigo 27

1. As relacións de carácter laboral na Compañía de Radio-Televisión de Galicia e nas súas sociedades ás que se refire a presente Lei regularanse polo preceptuado na lexislación laboral, con suxección ó principio de autonomía das partes.

2. A pertenencia ó Consello de Administración ou ó Consello Asesor regulados nesta Lei, non dará lugar ó nacemento de dereitos de carácter laboral sobre a Compañía e das súas sociedades.

3. A situación dos funcionarios que se incorporen á Compañía ou ás súas sociedades rexerase polo que dispoñan as normas que, sobre a función pública, dicte a Comunidade Autónoma de Galicia, con arregro ás bases definidas pola lexislación estatal.

4. O ingreso con carácter fixo na Compañía e nas súas sociedades só poderá facerse mediante as oportunas probas de admisión, establecidas e convocadas polo Director Xeral de acordo co Consello de Administración e con arregro ós principios básicos definidos pola lexislación estatal.

Disposición transitoria

Mentres non teña lugar a constitución do Consello Asesor a que se refire a presente Lei, as súas funcións exerceraas o Consello Asesor de Radio e Televisión Española en Galicia.

O Consello de Administración deberá quedar constituído dentro dos 30 días seguintes ó de designación dos seus membros.

En todo o non previsto nesta Lei o Consello de Administración establecerá o seu réxime de funcionamento.

A derrogación prevista pola Lei 9/2011 realízase sen perxuizo do sinalado no apartado 3 da disposición transitoria primeira da presente lei.

Disposición derradeira primera

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase á Xunta de Galicia para dicta-las disposicións regulamentarias que se requiren en desenvolvemento da presente Lei, sen prexuício das facultades regulamentarias autónomas recoñecidas nesta Lei e as intruccións e circulares que a Compañía de Radio-Televisión de Galicia poida dictar para o correcto e coordenado funcionamento das sociedades que agrupe.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 1984

Gerardo Fernández Albor

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia