lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo.

Publicado en: DOG 100 27/05/2002

Departamento: Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Estado: En vigor

PDF

Modificacións
Téñase en conta que, segundo o Decreto 113/2010, do 1 de xullo, as referencias feitas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil entenderanse feitas á consellería e ao órgano con competencia en materia de xogo.

Son varias as causas que motivaron a elaboración dun novo Regulamento do xogo do bingo.

En primeiro lugar, a propia evolución lexislativa facía necesario supera-lo desfase no que se atopaba a regulación contida no anterior regulamento, que en certos aspectos pugnaba coa vixente normativa legal sobre sociedades mercantís, investimentos estranxeiros en España ou a libre circulación de traballadores no seo da Unión Europea.

Por outra banda, a realidade socioeconómica actual determinaba a procedencia de exerce-la iniciativa planificadora prevista nos artigos 7.1 e 25.3º a) da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas de Galicia, e da que se fai uso no novo texto regulamentario limitándose o número de salas de bingo e as capacidades máximas que poden ser autorizadas en función do número de habitantes dos municipios.

O dinamismo do sector provocou a aparición de novas variantes do xogo de bingo, facendo oportuna a súa incorporación á nosa normativa como ampliación do número de premios que as salas de bingo instaladas en Galicia poden ofertar ós seus clientes, ampliación e oferta que leva aparellada no novo texto regulamentario unha limitación da contía daqueles premios que teñen unha dotación que se forma por acumulación de porcentaxes da recadación detraídas en varias partidas.

A necesidade de actualización do réxime das fianzas que deben presta-las empresas dedicadas á explotación e xestión do xogo do bingo ou a adaptación do texto regulamentario á actual normativa sobre protección de datos de carácter persoal son outras das causas que xustifican a publicación do novo regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, oída a Comisión do Xogo de Galicia e oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-

Apróbase o Regulamento do xogo do bingo, que a continuación se insire como anexo a este decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-

Os expedientes que se atopen en trámite á entrada en vigor deste decreto deberán axustarse ós requisitos previstos neste, con este fin o órgano competente poderá requirir dos interesados a achega da documentación que resulte necesaria.

Segunda.-

Mentres non se aprobe unha normativa específica, as esixencias de material homologado que se conteñen no regulamento aprobado por este decreto entenderanse referidas ó material que homologase o organismo competente da Administración do Estado.

Terceira.-

As empresas titulares de salas de bingo deberán adapta-las fianzas ás contías previstas no regulamento que se aproba polo presente decreto no prazo de seis meses desde a data da súa entrada en vigor, se a que tivesen prestada fose inferior á esixida naquel, non podendo mentres tanto detraerse, en tales salas, cantidade ningunha para os premios do bingo acumulativo e prima e pasando, en tal caso, a ser do 59 por cento a porcentaxe para o premio de bingo ordinario. De non adapta-las fianzas no referido prazo, incoarase expediente de revogación das autorizacións de instalación correspondentes.

Cuarta.-

Se no tempo de entrada en vigor deste decreto a cantidade que constitúe a dotación do bingo acumulativo fose inferior a 48.000 euros, destinarase o 75 por cento para o premio do bingo acumulativo, ata o límite de 24.000 euros e o 25 por cento restante ou o que excedese daqueles 24.000 euros á constitución da reserva.

Se no tempo de entrada en vigor deste decreto a cantidade que constituíse a dotación do bingo acumulativo fose superior a 48.000 euros destinaranse 24.000 euros para o premio do bingo acumulativo e 21.000 euros á reserva, destinándose a cantidade restante, como premio complementario, a sumarse ó importe que constitúa o premio do bingo ordinario da partida seguinte, non podendo supera-lo dito premio complementario a cantidade de 2.410 euros e, se fose necesario, procederase a incrementa-los premios do bingo das sucesivas partidas ata a súa total amortización.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 273/1986, do 31 de xullo, de regulamento do xogo do bingo, Decreto 245/1991, do 4 de xullo, Decreto 20/1993, do 28 de xaneiro, e tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido no presente regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-

Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a dictar cantas disposicións de aplicación e desenvolvemento do regulamento que se aproba polo presente decreto sexan necesarias. En concreto, no prazo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto, aprobaranse, mediante orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, os modelos normalizados de autorizacións, actas e libros previstos no regulamento.

Segunda.-

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO Regulamento do xogo do bingo

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto do presente regulamento o desenvolvemento da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, no relativo ó xogo do bingo, e as actividades que relacionadas con este sexan realizadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. A autorización, organización, explotación e desenvolvemento do xogo do bingo aterase ás normas contidas na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, no presente regulamento e en cantas disposicións de carácter xeral sobre xogos resulten aplicables.

2. Quedan prohibidos todos os xogos que, co mesmo ou distinto nome, constitúan modalidades de bingo non previstas nas normas mencionadas no número anterior.

3. As obrigas que deriven do xogo do bingo terán carácter de módicas, para os efectos do disposto no número 2 do artigo 1 da Lei 14/1985, cando o conxunto das operacións semanais, entendidas estas como a suma de todas as cantidades achegadas polos xogadores, non superen os trescentos euros e o importe total das cantidades aceptadas a un xogador nunha xornada non supere os cincuenta euros.

Non obstante o anterior, cando a actividade de xogo se realice en poboacións con máis de 5.000 habitantes segundo o censo de poboación oficial, os organizadores estarán obrigados a comunicar, con anterioridade ao comezo efectivo das actividades, á dirección xeral competente en materia de xogo, toda a información relacionada co cumprimento dos requisitos previstos, a identificación do local onde se celebrará o xogo, así como a identidade das persoas responsables da organización.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 2 do regulamento apartado 2 nova redacción por artigo primeiro apartado un e apartado 3 engadido por artigo primeiro apartado dous.

Capítulo II Regras xerais do xogo

Artigo 3º.-Descrición do xogo.

De acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro, o xogo do bingo é un xogo de azar consistente na extracción de bólas con distintas numeracións depositadas nun bombo ou máquina mecánica, ou ben na xeración en soporte electrónico ou virtual dun número indeterminado de bólas, ata completar todas e cada unha das combinacións gañadoras establecidas, con dereito a premio, a medida que os números van sendo extraídos, xerados e anunciados. Conseguirán o premio os xogadores ou as xogadoras que antes consigan completar os números que compoñen a combinación gañadora.

O xogo do bingo, na súa forma tradicional realizada por medios presenciais, xógase con 90 números, do 1 ao 90, ambos inclusive. Os xogadores ou as xogadoras teñen como unidade de xogo cartóns integrados por quince números distintos entre si, distribuídos en tres liñas horizontais de cinco números cada unha e en nove columnas verticais, en calquera das cales pode haber tres, dous ou un número, pero sen que nunca haxa unha columna sen número.

Nas restantes modalidades do xogo do bingo, sexa cal for a súa canle de explotación, poderá xogarse con máis ou menos de 90 números, distintos aos comprendidos entre o 1 e o 90, e con combinacións de composición diferentes ás utilizadas no sistema tradicional en canto ao número de combinacións gañadoras e aos números ou figuras que as integren de conformidade co programa de xogo que se autorice.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 3 do regulamento nova redacción por artigo primeiro apartado tres.

Decreto 59/2016, do 26 de maio.

Artigo modificado:Artigo 3 do regulamento nova redacción por artigo único apartado un.

Artigo 3 bis. Modalidades do xogo do bingo.

De acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 14/1985, do 23 de outubro,

1. O xogo do bingo poderá practicarse conforme as seguintes modalidades:

a) Modalidade do xogo do bingo tradicional.

b) Modalidade do xogo do bingo interconexionado.

c) Modalidade do xogo do bingo simultáneo.

d) Modalidade do xogo do bingo electrónico.

2. O bingo tradicional é a modalidade do xogo do bingo desenvolvida nun só establecemento, con cartóns físicos que serán subministrados, de forma presencial ou por medios telemáticos, pola consellería competente en materia de facenda e que, polo menos en parte, se realice con soportes materiais ou persoais.

3. O bingo interconexionado é unha modalidade do xogo do bingo baseada no formato do bingo tradicional, sempre que concorran no seu desenvolvemento dous ou máis establecementos de forma coordinada, e que consiste na obtención dun premio adicional polas persoas xogadoras que resulten premiadas co bingo tradicional. Non obstante, para a obtención do citado premio adicional deberá cantarse bingo con bóla de orde igual ou inferior á que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo. Cando o importe detraído alcance a cantidade fixada como máxima, procederase a aumentar o número de orde da referida bóla coa periodicidade e no número de bólas que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

A cantidade que se distribuirá no premio adicional do bingo interconexionado é a resultante de detraer a cantidade calculada de conformidade co que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo

O importe do premio será como máximo de 30.000 € , polo que alcanzado ese límite as detraccións se destinarán, na súa totalidade, ao premio do bingo tradicional.

4. O bingo simultáneo é unha modalidade do xogo do bingo, baseada na realización simultánea do xogo do bingo tradicional entre varios establecementos, en formato de unidade de xogo para todos eles.

O número de partidas e a hora de celebración destas será a que se concrete na norma de desenvolvemento e farase coincidir nas horas que determine a xestora do sistema.

Esta modalidade desenvolverase conforme as normas xerais que rexen o bingo tradicional, coas seguintes especificidades:

a) Consiste na celebración dunha partida de bingo tradicional de forma simultánea por todas as persoas xogadoras presentes nas diferentes salas que estean adheridas ao sistema e en conexión entre si e unha unidade central do proceso de datos ou central operativa.

b) Ten como base os cartóns de bingo, mediante series especiais, o suficientemente amplas para asegurar que todas as persoas xogadoras poidan xogar, sen que existan cartóns repetidos. O valor facial dos cartóns correspondentes a esta modalidade será o que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

c) O sorteo poderase celebrar tanto nunha central operativa como en calquera das salas adheridas ao sistema e en cada sala recibirase información do xogo e das diferentes extraccións a través de imaxe de vídeo remitida pola central operativa. Desta forma, o establecemento que queira participar deberá dispoñer dun sistema informático conectado á dita central operativa que permita enviar ás salas os datos relativos ao desenvolvemento da partida e recibir daquel información consolidada e de control. Ademais, os establecementos estarán dotados dun sistema de reprodución de imaxe de televisión que permita reproducir as extraccións realizadas polo sistema de produción do sorteo e que deberá estar conectado ao circuíto pechado de televisión da sala.

5. O bingo electrónico é unha modalidade do xogo do bingo na cal a xestión e o control do xogo se realiza por medio dun sistema integramente automatizado, nun ou varios establecementos de modo simultáneo, mediante a interconexión dunha unidade central de proceso de datos cos servidores situados nos distintos locais.

A práctica da modalidade do bingo electrónico deberá realizarse, salvo que a súa práctica teña lugar en momentos diferentes ao bingo tradicional, en dependencias diferenciadas do establecemento que reúnan especiais condicións de illamento acústico que permitan a súa compatibilidade.

Ten como base cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo, nos cales se poden integrar combinacións numéricas ou gráficas, que se deberán identificar en canto á serie, ao número e ao valor.

Estes cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo poderán mostrarse nos terminais auxiliares de xogo debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Os cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo, así como os programas informáticos que os xeren, deberán cumprir as especificacións técnicas e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería en materia de facenda. A consellería competente en materia de xogo establecerá mediante orde a forma de rexistro das operacións e o valor facial dos cartóns de xogo.

6. Os elementos do xogo específicos das modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico, que deberán estar previamente homologados, son os seguintes: nas modalidades do bingo interconexionado e simultáneo existirá unha central operativa, que será o centro de xestión, control e coordinación de todo o sistema e ao cal deberán estar conectados todos os establecementos que queiran participar e, na modalidade do bingo electrónico, un sistema informatizado do bingo electrónico, terminais auxiliares de xogo, no cal se poderán reflectir os cartóns electrónicos ou cartóns físicos de xogo adquiridos para participar na partida e, de ser o caso, os cartóns electrónicos prepagamento que se utilicen para efectuar a compra dos cartóns e cobramento dos premios.

7. As especificacións que sobre as regras do bingo tradicional presenten as modalidades do bingo interconexionado, simultáneo e electrónico serán obxecto de desenvolvemento mediante orde da consellería competente en materia de xogo. As distintas modalidades deberán xestionarse en soportes electrónicos previamente autorizados, que garantan a total transparencia no desenvolvemento do xogo, a seguridade dos datos e o control tributario e deberán incorporar mecanismos de control e información, xa sexa en liña ou mediante formatos de exportación electrónica, accesibles para os organismos competentes para o seu control, accesibilidade que en ningún caso implicará ningún custo para a Administración.

8. A porcentaxe destinada a premios no xogo do bingo nas súas modalidades do bingo tradicional, simultáneo e electrónico será a que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo engadido:Artigo 3 bis do regulamento engadido por artigo primeiro apartado catro.

Decreto 61/2014, do 23 de maio.

Artigo modificado:Artigo 3 bis do regulamento nova redacción por por artigo único apartado un.

Decreto 59/2016, do 26 de maio.

Artigo modificado:Artigo 3 bis do regulamento nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 4º.-Elementos do xogo.

Para o desenvolvemento do xogo do bingo serán necesarios os seguintes elementos:

a) Cartóns.

O xogo do bingo tradicional só poderá practicarse cos cartóns físicos autorizados e homologados pola consellería competente en materia de xogo e expedidos pola consellería competente en materia de facenda. Entenderase por cartón físico a unidade en soporte material ou virtual en que a persoa xogadora irá marcando as diferentes extraccións de bolas en cada partida. Cada cartón deberá ser identificado en canto ao seu número, serie a que pertence, número de orde dentro desta e número de cartóns de que consta a serie, valor e distribución porcentual de premios. Cada cartón será válido unicamente para unha partida. O valor facial destes cartóns será o que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

Os cartóns físicos en soporte material deberán estar fabricados nun material que permita que sexan marcados polas persoas que xogan, e indicarán no anverso o seu valor facial, o número de serie a que pertence, o número de orde dentro desta e o número de cartóns de que consta a serie, e figurá no reverso un extracto das principais regras do xogo e a distribución dos premios. Os citados cartóns serán subministrados de forma presencial pola consellería competente en materia de facenda ao representante da empresa titular solicitante da sala de bingo, xunto cunha guía de circulación que servirá de xustificante da súa posesión e destino.

Os cartóns físicos poderán ser subministrados pola consellería competente en materia de facenda por medios telemáticos, e poderán ser impresos na sala de destino ou mostrados en terminais informáticos debidamente homologados pola consellería competente en materia de xogo. Para estes efectos, deberanse cumprir as especificacións e requisitos, así como as exixencias de control e seguridade que ditamine a consellería competente en materia de facenda.

A consellería competente en materia de facenda poderá establecer, para as salas en que se desenvolva o xogo tradicional do bingo, a obrigatoriedade de que os cartóns sexan subministrados telematicamente.

b) Aparello de extracción de bólas.

O aparello extractor de bólas, cos seus mecanismos accesorios, poderá ser de bombo ou pneumático e deberá estar previamente homologado.

c) Bólas de xogo.

O xogo de bólas estará composto por noventa unidades, tendo cada unha delas inscrito na súa superficie, de xeito indeleble, o correspondente número, que deberá ser perfectamente visible a través dos aparellos receptores de televisión. Só poderán empregarse bólas previamente homologadas e, no caso de aparellos de extracción pneumáticos, cada xogo de bólas deberá ser substituído coa menor deterioración en calquera das bólas que o compoñen e, en todo caso, cada dúas mil partidas como máximo.

d) Instalación de son e circuíto pechado de televisión.

A sala deberá estar dotada dunha instalación de son que garanta a perfecta audición en toda a sala por parte dos xogadores.

Será obrigatoria, así mesmo, a existencia dun circuíto pechado de televisión que garanta o coñecemento polos xogadores das bólas que vaian sendo extraídas durante a partida; para iso a cámara enfocará permanentemente o lugar de saída daquelas e a imaxe será emitida polos distintos monitores distribuídos na sala en número suficiente para asegurar a perfecta visibilidade por todos os xogadores.

e) Pantallas informativas.

Existirán igualmente unha ou varias pantallas ou paneis onde se irán recollendo os números a medida que vaian sendo extraídos e cantados e onde se indicarán o número de cartóns vendidos, a contía dos premios de liña, bingo ordinario, a prima que se obtén en cada partida e o número máximo de extraccións ata a que se pode obter o premio da prima.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 4 do regulamento nova redacción por artigo único apartado un.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 4 do regulamento apartado a) nova redacción por artigo único apartado cinco.

Decreto 61/2014, do 23 de maio.

Artigo modificado:Artigo 4 do regulamento apartado a) nova redacción por artigo único apartado dous.

Artigo 5º.-Premios.

Premiaranse as seguintes combinacións formadas polos xogadores:

a) Liña: entenderase formada a liña cando durante a celebración dunha partida fosen extraídos todos os números que integran unha das tres liñas horizontais en que se distribúe o cartón, sempre e cando non resultase premiada outra liña cos números extraídos anteriormente.

b) Bingo ordinario: entenderase formado o bingo ordinario cando durante a celebración dunha partida fosen extraídos todos os números que integran un cartón.

c) Prima: atribuirase como premio adicional ao xogador ou xogadores que durante a celebración da partida formen o bingo ordinario, de acordo coas normas e nas condicións previstas no artigo 8º.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 5 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado dous.

Artigo 6º.-Contía dos premios.

A cantidade que se distribuirá en premios en cada partida consistirá na porcentaxe do valor facial da totalidade dos cartóns vendidos nela que se estableza mediante orde da consellería competente en materia de xogo e a súa contía determinarase de acordo co disposto na dita orde

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 6 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado tres.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 6 nova redacción por artigo único apartado seis.

Decreto 61/2014, do 23 de maio.

Artigo modificado:Artigo 6 do regulamento nova redacción por artigo único apartado tres.

Artigo 7º.-Obtención e aboamento dos premios.

1. Para ter dereito a reclamar os premios de liña, bingo ordinario e prima durante a celebración dunha partida é preciso que todos os números do cartón premiado que forman a combinación gañadora fosen extraídos e cantados polo locutor no transcurso desa determinada partida e que o xogador cante a xogada de liña ou bingo en voz alta, independentemente do momento en que fose completada tal combinación, excepto, respecto disto último, para os premios de prima, nos cales será necesario para ter dereito a reclamalos que o xogador cante a xogada de bingo antes de que sexa extraída a bóla seguinte á de referencia prevista para tales premios.

Se outro xogador cantase no transcurso dunha mesma partida as xogadas de liña ou bingo e se cumprisen os requisitos sinalados no artigo 36.4º, perderase todo o dereito á reclamación sobre as ditas xogadas unha vez dada polo xefe de mesa-caixeiro a correspondente orde de reiniciar a partida ou de tela por finalizada.

No caso de erro por parte do locutor ao anunciar un número que non se corresponda co realmente extraído, prevalecerá o que figure na bóla extraída.

O dito erro será corrixido polo xefe de mesa, facéndoo constar por dilixencia no libro de actas. De igual maneira procederase no caso de erro ou omisión ao mostrar na pantalla os números extraídos.

2. Os premios pagaranse ao remate de cada partida, logo da comprobación e contra entrega dos cartóns premiados, que se deberán presentar íntegros e sen manipulacións que poidan inducir a erro. Os cartóns premiados incorporaranse á acta e conservaranse polo período indicado no artigo 36º deste regulamento.

3. Os premios de liña, bingo ordinario e prima de ata 3.000 euros seranlles aboados aos xogadores en efectivo metálico, quedando prohibida a súa substitución total ou parcial por premios en especie. Non obstante, o dito pagamento en metálico poderá ser substituído, por petición do xogador ou coa súa conformidade, pola entrega dun cheque librado ao seu favor contra unha conta corrente da empresa titular da sala.

Os premios de liña, bingo ordinario e prima superiores a 3.000 euros pagaranse, en todo caso, mediante cheque nominativo.

4. Se en calquera dos premios houbese máis dunha combinación gañadora, procederase á repartición do importe do premio entre os xogadores que a obtivesen.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 7 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado catro.

Artigo 8

1. A dotación do premio da prima será dividida en dúas categorías de premio denominados prima e prima-plus.

2. O premio de prima será outorgado á persoa ou persoas que completen e canten o bingo ordinario co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, que non poderá ser inferior a aquel que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo, a partir da partida inmediata posterior a aquela en que se alcanzase o importe ou contía mínima necesaria para obter o premio. Esta contía será determinada pola sala no mesmo momento de fixar o número de extraccións para o mencionado premio, que non poderá ser superior á cantidade que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

No suposto de que o premio de prima non fose adxudicado por superarse o número de extraccións fixado inicialmente, este incrementarase nunha unidade de extracción en cada unha das partidas posteriores ata que se produza a adxudicación.

O número de extraccións necesarias para cada partida será anunciado ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

3. O premio de prima-plus será outorgado á persoa ou persoas que completen e canten o bingo co número de extraccións menor ou igual ao fixado pola sala, que non poderá ser inferior ao número que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo. A cantidade que se outorgará polo dito premio será determinada pola sala e terá como límite máximo a cantidade que se determine mediante orde da consellería competente en materia de xogo.

No suposto de que o premio de prima-plus non fose adxudicado por se ter superado o número de extraccións fixado e unha vez alcanzada a contía máxima, este incrementarase nunha unidade de extracción diaria en cada unha das sesións de xogo posteriores ata que se produza a adxudicación e as detraccións adicionais destinaranse na súa totalidade para constituír o importe do novo premio de prima-plus.

O número de extraccións necesarias para cada sesión anunciarase ao comezo de cada unha das partidas sucesivas.

4. En caso de que a persoa que xogue obteña o premio de bingo, en bola igual ou inferior ás determinadas para os premios de prima e prima-plus, e ambas as dúas se encontren en xogo, terá dereito á obtención dos dous premios.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 8 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado cinco.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 8 nova redacción por artigo único apartado sete.

Decreto 61/2014, do 23 de maio.

Artigo modificado:Artigo 8 do regulamento nova redacción por artigo único apartado catro.

Artigo 9º.-Publicidade.

1. Queda prohibida calquera tipo de publicidade do xogo do bingo en tódolos medios de comunicación galegos, a excepción dos especializados en temas relacionados co xogo, o ocio e os espectáculos, así como en todo lugar exterior ás propias salas de bingo.

Non acada esta prohibición o rótulo instalado no exterior de cada sala, indicativo da súa situación coa expresión «Bingo» ou «Sala de bingo» e o nome comercial da sala. Tampouco acada a prohibición ó obsequio de obxectos publicitarios de escaso valor nos que apareza o nome e/ou o enderezo da sala e que a súa entrega se realice dentro desta, nin á publicación simplemente informativa en medios de comunicación de sucesos ou reportaxes de carácter xeral sobre o devandito xogo que non impliquen referencia directa a unha ou varias salas de bingo de maneira singular con fins publicitarios.

Igualmente queda autorizada a inclusión da sala con carácter puramente informativo en carteleiras e folletos de espectáculos, guías de ocio e publicacións similares.

2. Poderá realizarse publicidade no interior das salas de bingo, incluso a través de monitores e pantallas, sempre que a súa exhibición non interrompa o desenvolvemento do xogo e isto sen prexuízo da normativa legal sobre publicidade que sexa de aplicación.

Capítulo III Réxime de explotación e autorizacións

Sección primeira Empresas de bingo

Artigo 10º.-Empresas.

Só poderán realiza-la xestión e explotación do xogo do bingo nas salas expresamente autorizadas para o efecto, dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as empresas autorizadas e inscritas na Sección de Empresas do Rexistro do Xogo do Bingo da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 11º.-Requisitos das empresas.

Poderán obter autorización para a xestión e explotación do xogo do bingo e a súa inscrición no Rexistro do Xogo do Bingo as empresas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Constituírse baixo a forma de sociedade anónima.

b) Ter domicilio social en España ou, sendo estranxeira, ter sucursal domiciliada ou establecemento permanente en España.

c) Ter como obxecto social exclusivo a explotación de xogos autorizados.

d) Ter, por cada sala autorizada, un capital social mínimo de 30.050,61 euros, subscrito e desembolsado na forma esixida pola lexislación mercantil que non se poderá diminuír durante a vixencia da sociedade.

Cando aumente o número de salas que a empresa tivese autorizadas, a correspondente ampliación de capital deberá efectuarse no prazo de tres meses contado desde as datas das respectivas autorizacións.

e) As accións representativas do capital deberán ser nominativas.

f) A participación directa ou indirecta de capital estranxeiro non poderá exceder dos límites establecidos no réxime especial dos investimentos estranxeiros en España.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 11 do regulamento apartado g) suprimido por artigo único apartado oito.

Artigo 12º.-Solicitude de autorización e inscrición.

A solicitude, segundo modelo normalizado, de autorización e inscrición no rexistro dirixirase á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e con ela acompañaranse:

a) Copia auténtica da escritura de constitución da sociedade e dos seus estatutos, inscrita no Rexistro Mercantil, e na que constarán os nomes e apelidos dos socios accionistas coa cota de participación destes, así como os cargos directivos e os representantes desta.

b) Declaración do número de salas que pretende explotar.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 12 do regulamento apartado c) suprimido por artigo único apartado nove.

Artigo 13º.-Tramitación da solicitude e inscrición.

Presentada a solicitude e tralas comprobacións previas que se estimen necesarias, a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil resolverá outorgando a autorización solicitada ou denegándoa, procedéndose, no primeiro caso, a practica-la inscrición na Sección de Empresas do Rexistro do Xogo do Bingo.

Se a solicitude ou a documentación estivesen afectadas de defectos reparables requirirase o representante legal da sociedade solicitante co fin de que os repare no prazo de dez días. Transcorrido o dito prazo sen que os defectos fosen reparados dictarase resolución téndoo por desistido da solicitude.

A resolución deberá dictarse no prazo máximo de dous meses desde a presentación da solicitude ou, se é o caso, desde que se efectuase en prazo a reparación requirida. Vencido o dito prazo sen recaer resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

Artigo 14º.-Vixencia das autorizacións e inscricións.

As autorizacións de empresas de bingo e as inscricións na Sección de Empresas do Rexistro do Xogo do Bingo terán unha validez indefinida, pero poderá revogarse a autorización e cancelarse a inscrición mediante resolución do director xeral de Interior, tralo expediente previo, por solicitude da propia empresa ou pola comprobación de inexactitudes nos datos achegados para a autorización e inscrición ou desaparición de calquera dos requisitos esixidos para estas.

Artigo 15º.-Comunicacións.

As empresas de bingo inscritas deberán comunicar previamente á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil calquera variación dos datos que figuren na inscrición na Sección de Empresas do Rexistro do Xogo do Bingo.

Sección segunda Salas de bingo

Artigo 16º.-Definición.

Son salas de bingo os locais especificamente autorizados para a práctica do xogo do bingo.

Os casinos de xogo, con suxeición ó que dispoñan as súas respectivas autorizacións de instalación, apertura e funcionamento, poderán instalar salas de bingo dentro da edificación do propio casino, pero en locais separados e independentes das restantes salas de xogos, estando suxeitas en canto á súa autorización e funcionamento ós preceptos do presente regulamento, coas seguintes excepcións:

a) A autorización de sala de bingo dentro dun casino tramitarase con unidade de expediente respecto á propia solicitude de casino, pero observando as prescricións do presente regulamento.

b) Os requisitos de admisión e control á sala de bingo previstos neste regulamento só serán de aplicación se a entrada á sala de bingo fose distinta á das salas de xogo do casino.

Artigo 17º.-Condicións das salas.

1. As salas de bingo deberán estar dispostas de xeito que as extraccións de bólas sexan visibles por tódolos xogadores, ben directamente ou mediante o emprego de monitores e de maneira que se garanta a simultaneidade da visión e o adecuado seguimento da partida.

2. As salas e as súas instalacións deberán reuni-las condicións técnicas e de seguridade previstas nas regulamentacións específicas.

Será preceptiva, en todo caso, a existencia nas devanditas salas do aparello de extracción de bólas, instalación de son e circuíto pechado de televisión coas características previstas no artigo 4º deste regulamento.

3. As salas de bingo non poderán admitir un número de persoas que excedan da capacidade autorizada, que non poderá ser inferior a cen persoas nin superior a oitocentas. A capacidade fixarase en función do número máximo de prazas de xogadores sentados de que dispuxese a sala unha vez instalado o mobiliario, sen que este número poida ser superior ó número de metros cadrados de espacio útil para xogadores e tendo en conta a facilidade de circulación destes entre as mesas.

No cómputo do número de persoas, para os efectos de capacidade, excluiranse, en todo caso, os traballadores de servicio na sala.

4. Nas salas de bingo poderán instalarse máquinas recreativas dos tipos A e B e, nas mesmas condicións, terminais de xogo de lotería instantánea, as cales se colocarán en dependencias distintas do salón onde se realiza o xogo do bingo, de xeito que non se impida o normal desenvolvemento deste.

Poderán así mesmo dispoñer de servicios de hostalería ou calquera outro servicio comercial autorizado, sempre que estes últimos se presten fóra do salón onde se realiza o xogo.

O número de máquinas recreativas de tipo B instaladas nunha sala de bingo gardará relación coa capacidade da sala, non podendo instalarse máis dunha por cada vintecinco prazas de capacidade.

A sala onde se atopen colocadas as máquinas recreativas non estarán en comunicación co salón onde se realice o xogo do bingo nin cos servicios de hostalería que se presten na sala de bingo.

Artigo 18º.-Clasificación das salas.

As salas de bingo clasificaranse, segundo a súa capacidade, nas seguintes categorías:

a) De terceira categoría: ata 200 xogadores.

b) De segundo categoría: de 201 a 400 xogadores.

c) De primeira categoría: de 401 a 600 xogadores.

d) De categoría especial: de 601 a 800 xogadores.

Artigo 19º.-Horario das salas.

O horario de apertura e peche das salas de bingo será o fixado pola orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Dentro de tales límites autorizados, a empresa que realice a explotación da sala determinará diariamente, previamente ó inicio da sesión, as horas en que terán que comezar e remata-las partidas. A celebración da última partida anunciarase expresamente ós xogadores.

Artigo 20º.-Documentación.

1. Nas salas de bingo existirán, á disposición dos funcionarios do Corpo de Inspección de Xogos e Apostas ou axente da autoridade competente, a autorización de instalación e o permiso de apertura das salas previstos neste regulamento.

2. Así mesmo existirá, á disposición do público, alomenos un exemplar deste regulamento.

Artigo 21º.-Autorizacións.

A explotación dunha sala de bingo require a obtención previa da autorización de instalación, permiso de apertura e a inscrición na Sección de Salas do Rexistro do Xogo do Bingo.

Artigo 22º.-Solicitude de autorización de instalación.

As empresas inscritas na Sección de Empresas do Rexistro do Xogo do Bingo que pretendan inicia-la explotación dunha sala de bingo deberán solicita-la previa autorización de instalación da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, e coa solicitude achegaranse:

a) Documento acreditativo da representación da empresa solicitante por parte de quen subscriba a solicitude.

b) Proxecto básico das obras e instalacións do local, subscrito por técnico competente e visado polo respectivo colexio, e o seu contido mínimo será:

-Plano de situación do edificio onde se pretende instala- la sala de bingo no municipio, a escala 1/1000, como mínimo.

-Plano de planta, na súa configuración actual, a escala 1/100 e plano de distribución prevista.

-Memoria descritiva do local na que se fará constar, necesariamente: estado xeral do local, superficie total, superficie dos espacios en que está distribuído, capacidade útil medida en número de persoas sentadas, situación dos elementos necesarios para a práctica do xogo e localización dos servicios de hostalería e comerciais, dos servicios sanitarios e do servicio de admisión e control.

c) Documento que acredite a dispoñibilidade do local.

Artigo 23º.-Tramitación e resolución.

1. Presentada a solicitude, e tralo exame previo desta e da documentación con ela achegada, e as comprobacións que se estimen oportunas, a Dirección Xeral de Interior e Protección Civil dictará resolución outorgando a autorización solicitada ou denegándoa.

Se a solicitude ou a documentación tivesen defectos reparables requirirase o representante legal da sociedade solicitante co fin de que os repare no prazo de dez días. Transcorrido o dito prazo sen que os defectos fosen reparados dictarase resolución téndoo por desistido da solicitude.

2. A resolución deberá dictarse no prazo de dous meses desde a presentación da solicitude ou, se é o caso, desde que efectuase en prazo a reparación requirida. Vencido dito prazo sen terse dictado resolución expresa deberá entenderse desestimada a solicitude.

3. Non poderá autorizarse a instalación dunha nova sala de bingo ou a ampliación da capacidade doutra xa autorizada, cando iso implique excede-los seguintes límites:

-Municipios de ata 50.000 habitantes de feito, segundo censo oficial:

Capacidade máxima: 300 xogadores.

Número máximo de salas: 1.

-Municipios de entre 50.001 e 150.000 habitantes de feito, segundo censo oficial:

Capacidade máxima: 600 xogadores.

Número máximo de salas: 2.

-Municipios de máis de 150.000 habitantes de feito, segundo censo oficial:

Capacidade máxima: 1.800 xogadores.

Número máximo de salas: 4.

4. A instalación dunha sala de bingo só se poderá autorizar cando garde, respecto doutra sala xa autorizada ou en tramitación, unha distancia non inferior a mil metros seguindo o eixe da vía máis curto que teña a consideración legal de dominio público.

A distancia entre salas medirase partindo do eixe da vía pública a que dá fronte a porta principal de acceso ás respectivas salas, tomando tal eixe desde a perpendicular trazada desde o centro daquelas portas de acceso.

En ningún caso se autorizará a instalación de salas de bingo a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros oficiais que impartan ensino regrado a persoas menores de idade.

5. A eficacia da autorización de instalación quedará supeditada á obtención do permiso de apertura de que trata o artigo seguinte.

Decreto 37/2016, do 17 de marzo.

Artigo modificado:Artigo 23 do regulamento apartado 4 nova redacción por disposición derradeira terceira.

Artigo 24º.-Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación.

1. Expedida a autorización de instalación, e en prazo non superior a un ano desde a notificación da correspondente resolución, deberán executarse as obras de adaptación dos locais conforme os proxectos achegados e solicitar en igual prazo, e antes de proceder á apertura da sala de bingo, o permiso de apertura e a inscrición da autorización de instalación na Sección de Salas do Rexistro do Xogo do Bingo.

2. Coa solicitude anterior achegarase a seguinte documentación:

a) Licenza municipal de apertura ou actividade, ou xustificante de tela solicitada.

b) Certificación de obra rematada e de que as obras e instalacións realizadas se corresponden co proxecto básico polo que se concedeu a autorización de instalación.

c) Certificado subscrito por técnico competente sobre a idoneidade de funcionamento das instalacións e aparellos relacionados co desenvolvemento do xogo.

d) Relación do persoal que vai prestar servizos na sala, xunto coas fotocopias compulsadas dos preceptivos contratos de traballos e copias dos seus respectivos documentos nacionais de identidade.

e) Documento acreditativo de ter formalizada a fianza a que se refire o artigo 30º deste regulamento.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá ordenar visita de inspección ao local co fin de comprobar a súa correspondencia coa documentación achegada.

4. Se o exame da documentación achegado e, de ser o caso, o resultado da inspección fosen satisfactorios, a dirección xeral competente en materia de xogo outorgará o correspondente permiso de apertura da sala de bingo e procederase á inscrición da autorización de instalación na Sección de Salas do Rexistro do Xogo do Bingo.

5. En todo caso, o permiso de apertura outorgarase sen prexuízo da correspondente concesión de licenza municipal de apertura ou de actividade.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 24 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado seis.

Artigo 25º.-Vixencia da autorización de instalación.

As autorizacións de instalación outorgadas terán carácter indefinido, sen prexuízo da súa revogación por algunha das causas a que fai referencia o artigo 29º deste regulamento.

Artigo 26º.-Modificacións.

1. Requirirán autorización previa da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil:

a) Os cambios de colocación da sala de bingo.

b) O peche da sala por máis de trinta días consecutivos, salvo que o período de funcionamento desta se limitase a unha tempada concreta, segundo a autorización.

c) A transmisión da autorización de instalación.

d) As modificacións substanciais da sala, tales como as que supoñan o cambio da súa configuración, amplíen ou diminúan a súa superficie útil ou afecten as súas condicións de seguridade.

2. Requirirán comunicación previa á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil:

a) Os cambios que se produzan nos cadros de persoal ó servicio da sala.

b) Os cambios que se produzan na maquinaria relacionada co desenvolvemento do xogo.

Artigo 27º.-Cambios de situación das salas.

Para a autorización de cambios de situación de salas de bingo con autorización de instalación en vigor seguirase igual procedemento e esixiranse iguais requisitos que para as salas de nova instalación.

Non obstante o anterior, a sala obxecto de cambio de situación non se considerará como unha nova sala para os efectos de cómputo do número máximo de salas, podendo conserva-la mesma capacidade da que dispuxese antes do cambio sempre que a nova sala reúna as condicións previstas para iso neste regulamento.

Tampouco afectará a sala obxecto de cambio de situación a limitación de distancias a que se refire o artigo 23º.4 deste regulamento, pero en ningún caso se autorizará o cambio de situación a menor distancia daquela que a sala obxecto de cambio viñera mantendo respecto doutras no momento de solicitarse a autorización.

Artigo 28º.-Transmisión das autorizacións de instalación.

1. A transmisión das autorizacións de instalación unicamente poderá efectuarse entre empresas inscritas na Sección de Empresas do Rexistro do Xogo do Bingo.

2. A autorización previa para a dita transmisión deberá solicitarse polos representantes legais das empresas transmitente e adquirente, achegando coa solicitude a documentación acreditativa de ter constituído a empresa adquirente a fianza sinalada no artigo 30º deste regulamento.

3. A empresa adquirente subrogarase para tódolos efectos fronte á Administración na posición xurídica da empresa transmitente.

Artigo 29º.-Extinción das autorizacións de instalación.

As autorización de instalación poderán revogarse mediante resolución do director xeral de Interior por solicitude da empresa titular da autorización ou, a través do correspondente expediente, cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Modificacións a que fai referencia o artigo 26º.1 deste regulamento sen obter autorización previa.

b) Incumprimento da obriga de mante-la fianza pola contía mínima prevista neste regulamento ou non completala no prazo establecido para os casos da súa diminución.

c) Por inexactitude dos datos achegados na solicitude de autorización.

d) Por cancelación da inscrición da empresa titular da autorización de instalación no Rexistro do Xogo do Bingo.

e) Por non executarse as obras de adaptación do local ou non solicitarse o permiso de apertura no prazo fixado no artigo 24º.1, ou por dictarse resolución denegatoria do permiso de apertura da sala de bingo.

f) Por non reiniciarse a actividade da sala despois de transcorrido un ano desde o seu peche temporal.

Artigo 30º.-Fianzas.

1. As empresas de bingo deberán constituír unha fianza cunha contía que será de sesenta, setenta e dous, noventa ou cento vinte mil euros por cada unha das autorizacións de instalación que obtivesen obtido, segundo sexa a sala de categoría terceira, segunda, primeira ou especial, respectivamente. En ningún caso o importe da fianza constituída pola empresa poderá ser inferior ó vintecinco por cento do capital social.

A acreditación da constitución da fianza realizarase ó formula-la solicitude do permiso de apertura da sala de bingo previsto no artigo 24º deste regulamento.

2. A fianza poderá constituírse en metálico, mediante aval presentado por banco, caixa de aforros, cooperativa de crédito ou sociedades de garantía recíproca, ou póliza de caución individual. Deberá formalizarse na correspondente delegación da Consellería de Economía e Facenda, á disposición da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e aplicarase a garanti-las obrigas derivadas da Lei 14/1985, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e en especial quedará afecta ó pagamento de premios, de sancións derivadas do incumprimento daquelas obrigas e das taxas fiscais e administrativas que correspondan.

3. As fianzas deberán ser mantidas pola totalidade do seu importe durante todo o tempo de vixencia da autorización de instalación. Se se producise diminución na contía, a empresa titular da autorización de instalación deberá completa-la contía esixible no prazo máximo de quince días contados desde que tivese coñecemento de terse producido a diminución.

De non completarse a fianza no devandito prazo, incoarase expediente de revogación da autorización de instalación.

4. Poderá solicitarse e procederase á devolución da fianza, trala autorización previa da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, cando desaparezan as causas que motivaron a súa constitución. Non obstante, se existisen obrigas pendentes ou expediente en trámite que afectasen a fianza só procederá autoriza-la devolución parcial desta polo importe dispoñible.

Sección terceira Do persoal

Artigo 31º.-Requisitos xerais e documento profesional.

1. O persoal que preste os seus servicios nas salas de bingo deberá reuni-los requisitos seguintes:

a) Ser maior de idade.

b) Ostenta-la nacionalidade española ou dalgún estado da Unión Europea.

c) Estar en posesión do documento profesional a que se refire a alínea seguinte.

2. Todas aquelas persoas que reúnan os requisitos a) e b) da alínea 1 anterior poderán solicitar ante a delegación provincial correspondente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, o correspondente documento profesional, e a obtención deste facultaraos para exercer calquera posto de traballo ou categoría profesional das previstas no artigo 32º. Os documentos que se presentarán xunto co modelo de solicitude serán os seguintes:

a) 2 fotografías tamaño carné.

b) Fotocopia DNI.

c) Certificado de ter realizado os estudios correspondentes á ensinanza secundaria obrigatoria.

Na solicitude deberán consta-la data e a sinatura do representante da empresa na que presta os seus servicios o solicitante do documento profesional.

Unha vez verificada a documentación achegada, a delegación provincial outorgará o correspondente documento profesional que terá unha validez de catro anos. Para a renovación do documento profesional só será necesario presentar dúas fotografías tamaño carné.

Artigo 32º.-Categorías profesionais e postos de traballo.

1. As categorías profesionais establecidas para as salas de bingo son as seguintes:

-Categoría A: xefes de sala.

-Categoría B: xefes de mesa-caixeiros.

-Categoría C: locutores-vendedores e responsables de admisión-control.

2. Establécese a mobilidade funcional entre categorías para o desempeño transitorio de funcións.

3. As funcións esenciais características de cada posto de traballo son:

-Xefe de sala: exercerá a dirección e control xerais da sala de bingo, adoptando as decisións relativas á marcha das distintas operacións, de acordo coas normas técnicas do xogo previstas neste regulamento. Terá ó seu cargo o coidado e funcionamento de tódolos aparellos, instalacións e servicios da sala, así como o control da supervisión dos libros obrigatorios, en especial a contabilidade específica do xogo. Será, igualmente, responsable do mantemento da orde na sala, prevendo a súa alteración e restablecéndoa cando fose necesario, podendo, a tal fin, esixi-lo abandono da sala ás persoas que produzan perturbacións ou participen no xogo de maneira irregular.

O xefe de sala poderá adscribi-lo persoal a diferentes postos de traballo, de acordo coas normas previstas neste regulamento, exercendo a súa dirección efectiva na sala.

Así mesmo, ostentará a representación da empresa titular da sala, tanto fronte ós xogadores como ante a autoridade competente, a non ser que a dita representación estea atribuída a outra persoa e este se atope na sala.

-Xefe de mesa-caixeiro: será persoalmente responsable da comprobación dos cartóns, bólas e premios, así como da supervisión dos libros específicos do xogo, determinando en cada xogada o número de cartóns vendidos e os importes destinados a premios, informando diso os xogadores. Terá no seu poder os cartóns e entregarállelos ós vendedores, así como as cantidades correspondentes a premios, recadando igualmente o diñeiro obtido na venda de cada xogada dos vendedores.

-Locutor-vendedor: realizará a venda directa dos cartóns e a recadación do seu importe, que entregará xunto cos cartóns sobrantes ó xefe da mesa-caixeiro. Manexará a máquina extractora de bólas, anunciando o número de bólas segundo a súa orde de extracción e poderá entregar ós xogadores o importe dos premios.

-Responsable de admisión-control: será o encargado de controla-lo acceso e entrada de xogadores e visitantes á sala de bingo, esixindo a presentación do DNI ou documento equivalente, e impedindo a entrada daquelas persoas que o tivesen prohibido.

4. As funcións atribuídas por este regulamento ó persoal das salas de bingo teñen carácter simplemente enunciativo, podendo realizar outras non especificamente mencionadas.

5. O persoal ó servicio da sala de bingo non poderá en ningún caso participar no xogo, directamente ou mediante terceiros, nin conceder préstamos ós xogadores, nin consumir bebidas alcólicas durante as horas de servicio.

6. As salas de bingo deberán ter contratado un cadro de persoal mínimo que segundo a súa categoría deberá constar das seguintes persoas:

-Salas de 3ª categoría: sete persoas.

-Salas de 2ª categoría: dez persoas.

-Salas de 1ª categoría: catorce persoas.

-Salas de categoría especial: vinte persoas.

7. As gratificacións que os xogadores entreguen serán depositadas nunha caixa hermética, dotada de rañura, que se situará durante a celebración das partidas, en lugar visible da mesa.

A custodia da caixa é responsabilidade do propio persoal ó servicio da sala.

Rematado o horario de xogo, contarase o contido da caixa anotando a contía nun libro normalizado e dilixenciado pola Administración que levarán para o efecto no que se expresará a data do reconto e a cantidade recadada, así como o DNI e a sinatura da persoa que efectuase o reconto. Da veracidade dos datos reflectidos, así como a custodia dos fondos, serán responsables unha ou varias persoas do persoal elixidas entre eles e, no seu defecto, a totalidade do cadro de persoal.

O reparto das citadas gratificacións farase de acordo cos criterios establecidos polo propio persoal.

A empresa titular da sala de bingo poderá acordar temporal ou definitivamente a non admisión de gratificacións, e neste caso advertirase este extremo mediante anuncios colocados na sala.

Capítulo IV Regras e desenvolvemento das partidas da modalidade de bingo tradicional

Artigo 33º.-Actuacións previas.

Antes de iniciarse cada sesión deberase comproba-lo correcto funcionamento de todo o material e instalacións de xogo que cumpra utilizar; acto seguido procederase ó reconto das bólas e á súa introducción no aparello extractor, podendo os xogadores que así o desexen inspeccionar ámbalas dúas operacións.

Artigo 34º.-Venda de cartóns.

1. Realizadas as actuacións referidas no artigo anterior, anunciarase a serie ou series de cartóns postos á venda, o número de cartóns desta e o valor facial de cada cartón.

2. A continuación iniciarase a venda dos cartóns, os cales se venderán correlativamente segundo o número de orde destes dentro de cada serie, comezando en cada partida co número un de cada serie, se se inicia esta, ou co número seguinte ao último vendido en calquera partida anterior, se efectuase esta o mesmo día ou outro anterior. Os cartóns defectuosos retiraranse ben por series completas ou illadamente, reflectíndose neste último caso no libro de actas como cartón non vendido.

3. Se o número de cartóns da serie posta á venda, comece esta ou non polo número un da dita serie, fose insuficiente para atender a demanda dos xogadores, poderán poñerse á venda para a mesma partida cartóns dunha nova serie, sempre que se cumpran estes requisitos:

a) A segunda serie que se vai empregar con carácter complementario terá que ser do mesmo valor facial que a primeira.

b) A venda da segunda serie terá que comezar ou polo número un desta ou polo seguinte ao número vendido da serie anterior.

c) Os cartóns da segunda serie poderán venderse ata o límite máximo do cartón da primeira serie coa cal se iniciou a venda, de tal xeito que en ningún caso se poderán vender dous cartóns iguais na mesma partida.

4. A venda de cartóns só se poderá realizar dentro da sala onde se desenvolva o xogo, non podendo ningún xogador reter os cartóns correspondentes á partida anterior, que deberán quedar á disposición dos empregados da sala.

5. Os cartóns deben ser pagados en efectivo polas persoas que xoguen, e queda prohibida a súa entrega á conta ou o seu aboamento mediante cheques ou calquera outro medio de pagamento, salvo o disposto nos parágrafos seguintes, así como a práctica de operacións de concesión de préstamo ou crédito.

Conforme as normas que dite a consellería competente en materia de xogo poderá autorizarse calquera medio de pagamento electrónico, sempre que o resultado das operacións realizadas non supoña operación de préstamo ou crédito entre a empresa titular do establecemento e o usuario. Así mesmo, poderase autorizar por parte do organismo competente a expedición exclusiva para as salas de bingo de soportes ou tarxetas electrónicas de pre-pagamento e reintegro, que se deberán cambiar dentro das dependencias destes establecementos.

Nas salas de bingo poderase autorizar fóra da sala de xogos a instalación de caixeiros automáticos de entidades financeiras e bancarias, suxeitándose ás normas que dite a consellería competente en materia de xogo

6. Pola compra e tenza dos cartóns os xogadores adquiren o dereito a que se desenvolva a partida de acordo coas normas contidas no presente regulamento e normas concordantes e, se for o caso, ao pagamento dos premios establecidos ou, cando proceda, á devolución dos importes pagados polos cartóns.

7. O diñeiro obtido pola venda de cartóns e destinado a premios quedará en poder e baixo a custodia do xefe de mesa-caixeiro e afecto ao pagamento destes dentro da propia sala, da cal non poderá ser retirado.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 34 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado sete.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 34 do regulamento apartado 5 nova redacción por artigo único apartado once.

Artigo 35º.-Comezo da partida.

1. Finalizada a venda dos cartóns, o xefe de mesa-caixeiro procederá á recollida dos cartóns sobrantes e, unha vez realizados os cálculos pertinentes, anunciará :

-O total de cartóns vendidos da serie ou series correspondentes, utilizando a seguinte fórmula:

«cartóns vendidos ... da serie... do número ... ao ... e da serie ... ( de ser o caso ), do número ... ao ...».

-O importe dos premios de liña bingo ordinario e prima.

-O número máximo de extraccións para obter o premio da prima segundo o disposto no artigo 8º deste regulamento.

Así mesmo, expoñerase nos paneis ou pantallas informativas o número de cartóns vendidos, premios de liña, bingo ordinario e prima, e o número máximo de extraccións ata a que pode obterse o premio da prima.

2. Verificado o anterior, o xefe de mesa-caixeiro, anunciará o comezo da partida, e desde ese momento ata a súa finalización non se permitirá a entrada de novos xogadores ou visitantes á sala onde se realice o xogo.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 35 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado oito.

Artigo 36º.-Desenvolvemento da partida.

1. A partir do anuncio do comezo da partida iranse extraendo sucesivamente as bólas, e os seus números anunciaranse a través dos altofalantes e amosaranse pola súa orde de saída nunha pantalla ou paneis facilmente lexibles polos xogadores, debendo efectuarse as extraccións e lecturas das bólas a un ritmo adecuado para que tódolos xogadores poidan seguilas e anotalas nos seus cartóns e dispoñerse o necesario para que quede constancia, en cada partida e ata a partida seguinte, da orde de saída de bólas.

2. Os números dos cartóns deberán ser marcados polos xogadores a medida que as correspondentes bólas sexan extraídas e anunciadas. A marca deberá efectuarse de maneira indeleble mediante o trazo de calquera símbolo que permita identificar inequivocamente o número marcado, non sendo válidos, para os efectos do premio, aqueles cartóns que a súa marca non permita identificar claramente o número nin aqueles nos que os números impresos foran sobreliñados ou manipulados graficamente en calquera xeito ou se marcaran mediante o emprego de lapis ou outro medio susceptible de ser borrado facilmente

3. O xogo interromperase cando algún xogador cante a xogada de liña ou bingo en voz alta. Acto seguido entregará o cartón ó xefe de mesa-caixeiro, procedendo este á súa comprobación, mentres, para información dos xogadores, se expón o cartón matriz no circuíto de monitores ou calquera outro medio electrónico ou mecánico homologado. Esta operación repetirase con todos aqueles cartóns cantados.

Se da comprobación efectuada resultasen erros, manipulacións ou inexactitudes nalgún dos números do cartón o xogo retomarase ata que se produza un gañador; cando a liña cantada sexa correcta o xogo continuará ata que sexa cantado o bingo e, no caso de se-la verificación deste positiva, darase por finalizada a partida, procedéndose ó pago do importe dos premios.

4. Comprobada a existencia dalgún cartón premiado, preguntarase polo xefe de mesa-caixeiro se existe algunha outra combinación gañadora coas voces «¿Algunha liña máis?» ou «¿Algún bingo máis?» segundo proceda, deixando un prazo de tempo prudencial ata da-la orde de retoma-la partida ou dala por finalizada, segundo o caso.

5. Finalizada cada partida os cartóns usados deberán ser recollidos e, tralas comprobacións previas oportunas, destruídos antes da sesión seguinte, exceptuándose de tal destrucción os cartóns premiados, os cales se conservarán, en unión da acta da sesión, podendo ser destruídos transcorrido o prazo de tres meses, salvo aqueles que correspondan a partidas obxecto de reclamación administrativa ou xudicial por parte dalgún xogador, neste caso a destrucción non se poderá efectuar ata que recaese resolución firme sobre tal reclamación.

Tampouco se destruirán os cartóns que puideran constituír medios de proba de infracción penal ou administrativa no caso de que aparecesen indicios reveladores de terse cometido a dita infracción durante a partida, neste caso tales cartóns poñeranse, en unión de copia da acta da partida, á disposición da autoridade competente.

Artigo 37º.-Devolucións.

1. Se durante a celebración dunha partida e con anterioridade á extracción da primeira bolsa se produciran erros ou avarías nos aparellos ou instalacións ou calquera tipo de accidentes que impidan a continuación do xogo, suspenderase provisionalmente a partida.

Se no prazo de quince minutos non puidera ser resolto o problema presentado procederase a devolver ós xogadores o importe íntegro dos cartóns e á retirada destes.

2. No caso de que xa comezara a extracción das bólas, continuarase a partida, efectuándose as extraccións por procedemento manual sempre que sexa posible garanti-la súa aleatoriedade, e empregándose exclusivamente as bólas pendentes de extraer. Se non fose posible garanti-la aleatoriedade das extraccións ou se descubrise calquera anomalía no xogo de bólas que impedise o normal desenvolvemento da partida procederase a devolver ós xogadores o importe íntegro dos cartóns, que serán retirados.

3. A retirada do xogador durante o transcurso das partidas non dará lugar á devolución do importe dos cartóns que adquirira, aínda que poderá transferilos, se o desexa, a outro xogador.

Artigo 38º.-Actas das partidas.

1. O desenvolvemento de cada sesión irase reflectindo nunha acta axustada ao modelo normalizado e que se redactará, partida por partida, simultaneamente á realización de cada unha destas, non podendo comezar a extracción de bólas ata que non se consignen nas actas os datos respectivos.

2. As actas estenderanse en libros encadernados e foliados, que serán dilixenciados previamente pola delegación da consellería competente en materia de xogo da provincia respectiva.

As actas poderán cubrirse a través de tratamento informatizado, neste caso estenderase en follas numeradas correlativamente e previamente dilixenciadas e encadernaranse posteriormente.

3. As actas encabezaranse coa dilixencia de apertura da sesión, na cal se farán constar os datos identificativos da sala, a data e a hora de apertura, sendo asinada polo xefe de mesa-caixeiro. A continuación inseriranse por cada partida os seguintes datos: data, hora e número de orde da partida, serie ou series de cartóns vendidos, valor facial do cartón, cantidade total de cartóns vendidos, importe total da venda, contía detraída para os premios de liña, bingo ordinario e prima, cantidade acumulada para o premio de prima e contía do premio de prima en xogo, número de bólas máximo para a obtención do premio da prima. A secuencia de números extraídos en cada partida constará impresa en documento independente que se imprimirá automaticamente polo sistema de control do xogo, por cada unha das partidas. Tamén se fará constar na acta a substitución do xogo de bólas se esta circunstancia se producise durante o desenvolvemento da sesión. Ao rematar a sesión estenderase a dilixencia de peche, na que se expresará a data e a hora del e será asinada polo xefe de mesa-caixeiro.

Das actas farase polo menos unha copia, que poderá ser reclamada polos servizos de Inspección do Xogo.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 38 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado nove.

Artigo 39º.-Libros de incidencias e reclamacións.

As reclamacións que os xogadores desexen formular durante o desenvolvemento das partidas reflectiranse, mediante dilixencias diferenciadas, no Libro de Incidencias e Reclamacións axustado a modelo normalizado.

Os libros de incidencias e reclamacións, encadernados e foliados, serán dilixenciados previamente pola delegación provincial respectiva da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e en cada folla farase consta-la data e a hora en que se produce, número de partida e páxina na que esta se recolle no libro de actas de partidas. As dilixencias de incidentes e reclamación serán asinadas polo xefe de sala e as de reclamacións, ademais, por quen formula a reclamación, pois sen o seu nome, sinatura e número de documento nacional de identidade carecerán de valor.

O número de folio do Libro de Incidencias e Reclamacións no que se recolla a dilixencia do incidente ou reclamación será reflectido na acta da partida na que durante o seu desenvolvemento se producise o feito que a motivou, e unha copia da dita dilixencia deberá remitirse á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil no prazo de tres días a partir da data en que fose estendida.

Artigo 40º.-Máquinas auxiliares do xogo.

1. Para a práctica do xogo do bingo os xogadores poderán empregar, como material auxiliar, máquinas automáticas que conectadas á mesa de control e sen interferencias no seu funcionamento recollan os datos da partida.

2. As máquinas automáticas empregadas deberán estar homologadas e para a súa instalación deberán estar amparadas pola autorización previa da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

3. O número máximo de cartóns que poden xogarse nunha partida por cada máquina e xogador será de quince conxuntos.

4. O emprego das máquinas automáticas non eximirá da obriga de marcar no cartón premiado, se é o caso, os números que fosen cantados.

Capítulo V Admisión e control de xogadores

Artigo 41º.-Admisión de xogadores.

1. Prohíbese a entrada ás salas de bingo a:

a) Os menores de idade.

b) Os que sendo maiores de idade non se atopen en pleno uso da súa capacidade de obrar.

c) As persoas que pretendan entrar portando armas ou obxectos que poida empregarse como tales.

d) As persoas que dean mostras evidentes de atoparse en estado de embriaguez ou intoxicación por drogas, ou de sufrir enfermidade mental, ou calquera outra circunstancia da que razoablemente se deduza que poden perturba-la orde ou o desenvolvemento do xogo.

e) As persoas incluídas na Lista de Prohibidos.

2. O xefe de sala poderá expulsar da sala as persoas que produzan perturbacións nela ou cometeran irregularidades na práctica do xogo.

3. As empresas titulares das salas de bingo poderán solicitar á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil autorización para establecer restriccións ó acceso ás salas por motivos distintos dos indicados nas anteriores alíneas, que en ningún caso terán carácter discriminatorio ou lesivo dos dereitos fundamentais das persoas, debendo tales restriccións facerse publicas unha vez autorizadas, mediante avisos colocados á entrada das salas.

Artigo 42º.-Listaxe de Prohibidos.

1. A Dirección Xeral de Interior e Protección Civil incluirá na Lista de Prohibidos as persoas que voluntariamente o soliciten cubrindo o correspondente formulario e exhibindo o documento nacional de identidade ou pasaporte ante as correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais ou ante o encargado do servicio de admisión nas propias salas de bingo.

2. As prohibicións terán unha duración mínima dun ano, e o seu levantamento requirirá a tramitación previa do oportuno expediente.

3. As prohibicións terán carácter reservado e delas darase traslado ás empresas titulares das salas de bingo, por escrito ou mediante o oportuno soporte informático, cunha periodicidade non superior á quincenal.

No caso de remisión telemática, as empresas titulares de salas de bingo deberán contar cos dispositivos técnicos axeitados para a súa recepción. A actualización efectuarase con acceso restrinxido das persoas previamente habilitadas pola empresa titular da sala de bingo, mediante certificado electrónico recoñecido emitido por unha entidade prestadora de servizos de certificación recoñecida.

Así mesmo, as salas de bingo estarán obrigadas a actualizar diariamente os datos informáticos de prohibidos da dirección xeral competente en materia de xogo para a súa inclusión na base de datos do servizo de admisión das salas de bingo. En caso de desconexión informática entre as salas de bingo e o órgano competente de xogo, utilizaranse outros sistemas alternativos autorizados previamente.

Decreto 113/2010, do 1 de xullo.

Artigo modificado:Artigo 42 do regulamento apartado 3 nova redacción por artigo único apartado doce.

Artigo 43º.-Servicio de admisión e control.

1. Tódalas salas de bingo dispoñerán dun servicio de admisión que controlará o acceso á sala de bingo de tódolos xogadores ou visitantes.

2. O servicio de admisión abrirá a cada visitante, na súa primeira asistencia á sala de bingo, unha ficha na que deberán figura-los seguintes datos: nome, apelidos, enderezo actualizado, número de documento nacional de identidade ou documento equivalente e data de apertura da ficha.

As ditas fichas terán validez indefinida e deberán realizarse mediante soportes informáticos que garantan a conservación daqueles datos e o correcto control da Lista de Prohibidos, estando suxeitos os ficheiros ó réxime xeral da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e as súas disposicións de desenvolvemento e prevendo a cesión dos datos ó persoal de inspección do xogo para o desempeño das funcións que lle atribúe a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

3. O servicio de admisión esixirá a tódolos visitantes, antes de permitirlles o acceso á sala de bingo, a exhibición do documento nacional de identidade ou documento identificativo equivalente.

4. O servicio de admisión deberá dispoñer, en número bastante, dos correspondentes formularios oficiais de solicitude de inclusión na Lista de Prohibidos, que se atoparán expostos de maneira visible na recepción da sala e á disposición de tódolos visitantes.

Cuberto o formulario, este será remitido pola empresa, en vintecatro horas, á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, para a inclusión do solicitante na Lista de Prohibidos.

Capítulo VI Peche das salas

Artigo 44º.-Peche temporal.

No caso de peche temporal da sala de bingo por máis de trinta días consecutivos, autorizado o disposto pola Administración, as cantidades acumuladas para o pagamento do premio de prima serán depositadas na correspondente delegación da Consellería de Economía e Facenda, á disposición da consellería competente en materia de xogo, no prazo máximo de 48 horas a partir do peche.

Se no prazo dun ano desde a data de peche non se reiniciase a actividade da sala e se revogase por tal causa, de acordo co previsto no artigo 29º deste regulamento, a autorización de apertura, as cantidades depositadas quedarán en beneficio da comunidade autónoma para a súa aplicación para fins e obras sociais.

De reiniciarse a actividade da sala antes de transcorrido o dito prazo, as dotacións iniciais do premio da prima serán as existentes ao tempo do peche.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 44 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado dez.

Artigo 45º.-Peche definitivo.

No caso de peche definitivo da sala de bingo, empresa titular da autorización de instalación procederá, no prazo e de acordo coas instrucións sinaladas no artigo anterior, ao depósito das cantidades acumuladas para o pagamento do premio de prima que quedarán en beneficio da comunidade autónoma para a súa aplicación para fins e obras sociais.

Decreto 9/2007, do 25 de xaneiro.

Artigo modificado:Artigo 45 do regulamento nova redacción por artigo artigo único apartado once.

Capítulo VII Rexistro do xogo do bingo

Artigo 46º.-Competencias, estructura e contido

1. O Rexistro do Xogo do Bingo depende da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil e nel inscribiranse as empresas que reunindo os requisitos esixidos por este regulamento pretendan realiza-la explotación do xogo do bingo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as salas de bingo.

2. O Rexistro do Xogo do Bingo terá a seguinte estructura:

Sección I: de empresas.

Sección II: de salas de bingo.

3. Na sección de empresas faranse conta-los seguintes datos: denominación da sociedade, domicilio social, capital social, nomes e apelidos dos socios accionistas e as súas cotas de participación e nomes con apelidos das persoas que ocupen nela cargos directivos.

4. Na sección de salas de bingo faranse consta-los seguintes datos: denominación da sala, categoría e capacidade, situación, empresa titular da autorización de instalación e data desta.

Capítulo VIII Réxime sancionador

Artigo 47º.-Infracción e sancións.

Constitúen infraccións administrativas en materia de actividades relacionadas co xogo do bingo as accións ou omisións tipificadas nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

As infraccións administrativas serán obxecto de sanción nos termos previstos, en función da súa gravidade, na expresada lei.

Artigo 48º.-Responsabilidade.

Son responsables das infraccións antes sinaladas as persoas físicas e xurídicas que as cometan.

Sen prexuízo diso, das infraccións cometidas por empresas serán responsables solidarios os seus xerentes e apoderados.

Artigo 49º.-Prescrición.

1. As infraccións prescribirán, conforme o disposto no artigo 6 da Lei 34/1987, do 26 de decembro, de potestade sancionadora da Administración pública en materia de xogos de sorte, envite e azar, nos seguintes prazos:

a) Leves, ós dous meses.

b) Graves, ó ano.

c) Moi graves, ós dous anos.

O termo da prescrición empezará a contar desde o día en que se cometese a infracción e interromperase desde que o infractor tivera coñecemento da existencia do procedemento, volvendo a correr de novo o tempo da prescrición desde que aquel remate sen sanción ou se paralice o procedemento durante máis de tres meses, se non é por causa imputable ó interesado.

2. As sancións prescribirán, segundo o disposto no artigo 132.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nos seguintes prazos:

a) As sancións impostas por faltas leves prescribirán ó ano.

b) As impostas por faltas graves, ós dous anos.

c) As impostas por faltas moi graves, ós tres anos.

Artigo 50º.-Órgano sancionador.

Corresponderá a imposición de sancións ó director xeral ou ó conselleiro con competencias en materia de xogo e apostas ou ó Consello da Xunta de Galicia por proposta de dito conselleiro.

Artigo 51º-Procedemento sancionador.

1. A instrucción dos expedientes sancionadores por incumprimento do disposto neste regulamento verificarase de acordo co procedemento sinalado na Lei 34/1987, do 26 de decembro, de potestade sancionadora da Administración pública en materia de xogos de sorte, envite ou azar.

2. Iniciado o expediente sancionador por falta grave ou moi grave, a autoridade competente para resolvelo poderá decretar, como medida provisional, o comiso de efectos, máquinas ou instrumentos de xogo relacionados coa infracción.

Cando o persoal inspector proceda a levantar acta por infraccións que poidan ter este carácter de grave ou moi grave e se estime conveniente para os efectos probatorios, o dito persoal inspector realizará o precinto inmediato de tales máquinas, efectos ou instrumentos, reflectindo tal circunstancia na dita acta, así como as razóns que a motivaron.

A Administración dispón dun prazo de trinta días naturais para confirmar ou modificar tal medida provisional. Transcorrido o prazo, sen ter efectuado a oportuna notificación á empresa titular da sala, quedará enervada a dita medida provisional, sen prexuízo de que poida adoptarse posteriormente.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia