lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Publicado en: DOG 20 29/01/2009

Departamento: Consellería de Economía e Facenda

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

O 21 de xullo de 2006 o Consello de Ministros aprobou o Real decreto 887/2006, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións. Coa aprobación de ambas as normas configúrase o marco ao cal, en virtude do carácter básico de moitos dos seus preceptos, se debe adaptar a xestión das subvencións concedidas no noso país.

Tras a aprobación do regulamento, comezou a tramitación que levou á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coa cal se realiza unha adaptación ás peculiaridades propias da xestión das subvencións na nosa comunidade. A Lei 9/2007, publicada no Diario Oficial de Galicia o 25 de xuño de 2007, entrou en vigor tras unha vacatio legis de tres meses. Na súa disposición derradeira recolle o mandato ao executivo para a elaboración e aprobación dun regulamento que a desenvolva para a súa aplicación. En cumprimento do dito mandato, apróbase este regulamento.

A aprobación do regulamento supón a derrogación total do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, que xa fora derrogado parcialmente coa entrada en vigor da Lei 9/2007, desenvolvéndose neste regulamento o réxime aplicable a aqueles aspectos que aínda permanecían en vigor.

II

A estrutura do regulamento segue as liñas marcadas pola normativa precedente, semellándose á estrutura do regulamento que desenvolve a Lei xeral de subvencións. O regulamento estrutúrase en seis títulos en que teñen cabida 87 artigos e catro disposicións adicionais.

O título preliminar recolle unha serie de preceptos de carácter xeral, reiterando o concepto de subvención recollida na lei e desenvolvendo os plans estratéxicos de subvencións como figura mediante a que se plasman as grandes liñas de actuación da Administración en materia de subvencións. Define o ámbito de aplicación do regulamento, con separación das entidades a que lles é aplicable de forma plena o regulamento e outras a que se lles aplican os seus principios. Este título regula a existencia duns plans estratéxicos de subvencións, que se integran coa programación por obxectivos dos orzamentos xerais da comunidade autónoma. Tamén se recollen neste título unha serie de aspectos relativos á xustificación de determinados requisitos por parte dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, con especial mención á acreditación do cumprimento das obrigas fronte ás administracións públicas e ás obrigas derivadas da necesidade de que os beneficiarios acheguen financiamento propio.

O título I, baixo a rúbrica de bases reguladoras e financiamento, recolle algúns aspectos relativos á comunicación que se debe realizar de xeito preceptivo á Unión Europea. A continuación, detállanse cuestións relativas ao financiamento da subvención, abordando tanto o financiamento que, de ser o caso, deba realizar o beneficiario como o financiamento da Administración a través do correspondente expediente de gasto, regulando a posibilidade de realizar anticipadamente algúns trámites do procedemento e tamén a tramitación do gasto correspondente a expedientes que afecten varios exercicios orzamentarios, mellorando a adecuación do ritmo orzamentario ao ritmo de execución das actuacións subvencionadas.

O título II denomínase Procedementos de concesión. En primeiro lugar figuran os artigos dedicados ás subvencións convocadas en réxime de concorrencia, que regulan o prazo mínimo para a presentación de solicitudes e limitan o importe do gasto ao que determine a convocatoria, agás naqueles casos excepcionais que de xeito taxativo se detallan. Nos procedementos de concesión directa o regulamento desenvolve a posibilidade prevista no artigo 29.3º da lei, e regula un procedemento para cada un dos tres casos en que é posible acudir á concesión directa.

O título III regula os aspectos relativos ao procedemento de xestión e xustificación das subvencións. Tamén se fixa o réxime aplicable ás xustificacións, para o que se habilitan tres modalidades diferentes para xustificar, permitindo que as bases reguladoras determinen en cada caso aquela que mellor se adapta á natureza das subvencións concedidas. O título conclúe coa regulación da comprobación por parte dos órganos administrativos do cumprimento dos requisitos exixidos nas bases reguladoras.

No título IV regúlanse os pagamentos e as garantías, cun sistema que segue os principios que inspiraban o Decreto 287/2000. Prevese a posibilidade de realizar pagamentos anticipados e pagamentos á conta da liquidación definitiva da subvención e defínese o réxime de garantías aplicable en ambos os casos, así como aquelas que deban prestarse con motivo de compromisos que deba cumprir un beneficiario ou unha entidade colaboradora con posterioridade ao pagamento da subvención.

No título V regúlase o reintegro como consecuencia do incumprimento por parte do perceptor das obrigas que debía cumprir, ben sexa con motivo da concesión da subvención, da súa xustificación ou das medidas que en relación á difusión do financiamento público debería ter adoptado.

Para concluír, o título VI recolle dúas disposicións relativas ao procedemento sancionador que completan o réxime recollido na Lei 9/2007.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Apróbase o Regulamento de aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se insire a seguir.

Disposición derrogatoria

Derrogación normativa.

1. Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se poñan ao disposto neste decreto.

2. En particular, queda expresamente derrogado o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

Autorízase a consellería competente en materia de economía e facenda para ditar as normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor ao mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil nove.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

TÍTULO PRELIMINAR DISPOSICIÓNS XERAIS

CAPÍTULO I DO ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1º.-Obxecto e réxime xurídico.

1. Este regulamento ten por obxecto o desenvolvemento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Axustaranse aos preceptos recollidos na Lei 9/2007 e a este regulamento as subvencións cuxo establecemento ou xestión corresponde ás entidades definidas no artigo 3 da Lei 9/2007.

3. Non serán aplicables as disposicións deste regulamento ás entidades locais de Galicia e aos organismos e ás entidades vinculadas ou dependentes delas.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. O previsto na Lei de subvencións de Galicia, así como neste regulamento, será de aplicación a todas as subvencións que sexan establecidas ou xestionadas por calquera dos suxeitos previstos no artigo 1 deste regulamento a favor de persoas públicas ou privadas, calquera que sexa a denominación dada ao acto ou negocio xurídico de que derive a devandita disposición.

Non obstante, as subvencións establecidas pola Unión Europea, o Estado ou outro ente público, cuxa xestión lle corresponda, total ou parcialmente, á Administración da comunidade autónoma, así como o financiamento complementario das ditas subvencións que poida outorgar esta Administración, rexeranse polo réxime xurídico do ente que as estableza, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento propios da Administración da comunidade autónoma e sen prexuízo da súa aplicación con carácter supletorio conforme o disposto no artigo 3.3º da Lei de subvencións de Galicia.

2. En particular, será de aplicación a Lei de subvencións de Galicia e este regulamento:

a) Aos convenios de colaboración subscritos entre administracións públicas, en que unicamente a Administración pública beneficiaria ten competencias propias de execución sobre a materia, consistindo a obriga da Administración pública concedente da subvención na realización dunha achega en diñeiro a favor da outra ou outras partes do convenio, coa finalidade de financiar o exercicio de tarefas, investimentos, programas ou calquera actividade que entre dentro do ámbito das competencias propias da Administración pública destinataria dos fondos.

Non obstante, constitúen unha excepción ao sinalado no parágrafo anterior as achegas en diñeiro que teñan por obxecto financiar actividades cuxa realización obrigatoria por parte do beneficiario da subvención veña imposta por unha lei autonómica ou estatal, segundo cal sexa a Administración pública concedente.

b) Aos convenios de colaboración polos cales os suxeitos previstos no artigo 1 deste regulamento asumen a obriga de financiar, en todo ou en parte, unha actividade xa realizada ou que van realizar persoas suxeitas a dereito privado e cuxo resultado, material ou inmaterial, resulte de propiedade e utilización exclusiva do suxeito de dereito privado.

3. Non se entenderán comprendidos no ámbito de aplicación da lei e deste regulamento:

a) Os convenios realizados entre administracións públicas que comporten unha contraprestación a cargo do beneficiario.

b) Os convenios e concertos realizados entre administracións públicas que teñan por obxecto a realización dos plans e programas conxuntos a que se refire o artigo 7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como os convenios en que as administracións públicas que os subscriban teñan competencias compartidas de execución.

c) As achegas en diñeiro que, en concepto de cotas ordinarias ou extraordinarias, satisfaga a Administración da comunidade autónoma a organismos internacionais para financiaren total ou parcialmente, con carácter indiferenciado, a totalidade ou un sector da súa actividade.

Artigo 3º.-Axudas en especie.

1. As entregas de bens, dereitos ou servizos que, sendo adquiridas coa finalidade exclusiva de ser entregados a terceiros, cumpran os requisitos previstos nas alíneas a), b), e c) do artigo 2.1º da Lei de subvencións de Galicia, terán a consideración de subvencións en especie e quedarán suxeitas á dita lei e a este regulamento, coas peculiaridades que comporta a especial natureza do seu obxecto.

2. O procedemento de xestión orzamentaria previsto no artigo 31 da Lei de subvencións de Galicia non será de aplicación á tramitación destas axudas, sen prexuízo de que os requisitos exixidos para efectuar o pagamento das subvencións deberán entenderse referidos á entrega do ben, dereito ou servizo obxecto da axuda.

Non obstante o anterior, no suposto de que a adquisición dos bens, dereitos ou servizos teña lugar con posterioridade á convocatoria da axuda, será de aplicación o disposto no artigo 31.1º da Lei de subvencións de Galicia respecto da necesidade de aprobación do gasto con carácter previo á convocatoria.

3. No suposto de que se declare a procedencia do reintegro en relación cunha axuda en especie, considerarase como cantidade recibida que haberá que reintegrar un importe equivalente ao prezo de adquisición do ben, dereito ou servizo. En todo caso, será exixible o xuro de demora correspondente, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 4º.-Entregas en diñeiro sen contraprestación outorgadas por entidades vinculadas ou dependentes da Xunta de Galicia.

1. As entidades vinculadas ou dependentes da Administración xeral da comunidade autónoma a que se refire o artigo 3.2º da lei, estarán suxeitas aos principios de xestión e de información, previstos respectivamente nos artigos 5.2º e 16 da lei, nas achegas en diñeiro que realicen a favor de terceiros sen contraprestación.

2. A concesión destas entregas deberá axustarse ao procedemento elaborado pola entidade, de acordo coas regras e principios establecidos na lei e neste regulamento, o cal deberá recoller os seguintes aspectos:

a) Órgano competente para ditar o acordo de convocatoria.

b) O contido do acordo que, en todo caso, deberá prever o obxecto, finalidade e condicións da achega en diñeiro, requisitos que deben reunir os perceptores, criterios de selección e a contía máxima da entrega.

c) Medios de publicidade que se van utilizar para promover a concorrencia e información que se vai facilitar sobre o contido da convocatoria, que en todo caso incluirá a publicación na súa páxina web oficial. Cando a convocatoria supere a cantidade de 300.000 euros ou cando as entregas individuais a cada perceptor poidan superar a cantidade de 100.000 euros, ademais dos medios de publicidade que habitualmente utilice a entidade, o acordo a que se refire a letra anterior publicarase no Diario Oficial de Galicia.

d) Tramitación das solicitudes.

e) Xustificación por parte do perceptor do emprego da axuda.

f) Réxime de pagamentos e, se é o caso, garantías.

3. O procedemento establecido pola entidade deberá someterse ao informe da Asesoría Xurídica Xeral e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. As subvencións que, se é o caso, poidan tramitar estas entidades só se poderán conceder de forma directa nos supostos a que se refire o artigo 19.4º da Lei de subvencións de Galicia.

Corrección de erros. Artigo 4 redacatado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

Artigo 5º.-Réxime xurídico das subvencións financiadas con cargo aos fondos da Unión Europea.

1. Para os efectos previstos no artigo 3.3º da Lei de subvencións de Galicia, as subvencións concedidas que fosen financiadas total ou parcialmente con cargo aos fondos da Unión Europea rexeranse pola normativa comunitaria e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición daquelas.

2. O procedemento de concesión e de control, así como o réxime de reintegros, infraccións e sancións administrativas establecido na Lei de subvencións de Galicia será, así mesmo, de aplicación ás subvencións financiadas total ou parcialmente con cargo aos fondos da Unión Europea, cando así proceda de acordo co establecido na normativa comunitaria.

CAPÍTULO II PLANS ESTRATÉXICOS

Artigo 6º.-Plans estratéxicos de subvencións.

1. Cada consellería elaborará unha planificación estratéxica das subvencións que teñan previsto convocar a consellería e os organismos e entidades dependentes ou vinculadas a ela. A planificación deberá ser coherente cos documentos de planificación e obxectivos que se elaboren cada ano no marco do proceso de elaboración dos orzamentos xerais da comunidade autónoma.

2. Os plans estratéxicos teñen carácter programático, e o seu contido non crea dereitos nin obrigas. A efectividade dos plans queda condicionada á posta en práctica das diferentes liñas de subvención e ás dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio.

3. Cando, nos termos previstos na Lei de subvencións de Galicia e neste regulamento, se tramite unha subvención que non estea comprendida na planificación estratéxica da consellería, deberase incluír no expediente unha memoria en que se detallen a relación dos obxectivos da subvención coa planificación estratéxica e os posibles efectos nesta.

Artigo 7º.-Contido dos plans estratéxicos de subvencións.

Os plans elaborados polas consellerías conterán a totalidade das liñas de subvencións que teñan previsto convocar a consellería e todos os organismos e entidades dependentes ou vinculadas a ela.

Os plans incluirán como mínimo:

a) Os obxectivos e efectos que pretenden acadar coas liñas de subvencións. Estes obxectivos farán referencia tanto ás grandes liñas como ás actuacións intermedias e adaptaranse á estrutura que marque a normativa reguladora da elaboración dos orzamentos xerais.

b) O prazo necesario para a súa consecución.

c) O financiamento necesario con indicación, se é o caso, das achegas das distintas administracións públicas, da Unión Europea e doutros órganos públicos ou privados que participen nestas accións de fomento.

d) Os indicadores que permitan realizar un seguimento sobre o cumprimento dos obxectivos, e as actuacións de seguimento que se vaian realizar e que deberán ter en conta, en todo caso, os indicadores e obxectivos relativos ao impacto de xénero.

CAPÍTULO III DISPOSICIÓNS RELATIVAS ÁS ENTIDADES COLABORADORAS E AOS BENEFICIARIOS

Artigo 8º.-Cumprimento de obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Administración pública da comunidade autónoma.

Para os efectos do previsto no artigo 10.2º e) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que os beneficiarios ou as entidades colaboradoras están ao día nas obrigas coa Administración do Estado, a Seguridade Social e a Administración pública da comunidade autónoma cando se verifique a concorrencia das circunstancias previstas para o efecto pola normativa tributaria e a normativa básica en materia de subvencións e, en todo caso, as seguintes:

a) Non manter coa Administración pública da comunidade autónoma débedas ou sancións tributarias en período executivo, salvo que se trate de débedas ou sancións tributarias que estean aprazadas, fraccionadas ou cuxa execución estivese suspendida.

b) Non manter ningún tipo de débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia en vía executiva, salvo que estivesen en situación de aprazamento, fraccionamento ou suspensión.

c) Non ter pendentes de ingreso cantidades en concepto de responsabilidades civís derivadas de delito contra a Facenda Pública declaradas por sentenza firme.

Artigo 9º.-Obrigas por reintegro de subvencións.

1. Para efectos do previsto no artigo 10.2º g) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que os beneficiarios ou as entidades colaboradoras están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos seguintes supostos:

a) Cando non teñan débedas coa Administración pública da comunidade autónoma por reintegros de subvencións en período executivo.

b) Cando as débedas estean aprazadas, fraccionadas ou se acordase a súa suspensión con ocasión da impugnación da correspondente resolución de reintegro.

2. No caso de beneficiarios ou entidades colaboradoras contra os cales non proceda a utilización da vía de constrinximento, considerarase que están ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións cando non teñan débedas non atendidas en período voluntario.

Artigo 10º.-Acreditación do cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

1. O cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da comunidade autónoma acreditarase mediante a presentación polo solicitante ante o órgano concedente da subvención das certificacións que se regulan neste artigo.

2. Cando así se prevexa nas bases reguladoras, a presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano concedente para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda.

Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela deberá entregar a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

3. As circunstancias mencionadas no artigo 9 deste regulamento acreditaranse mediante certificación administrativa positiva expedida polo órgano competente; para estes efectos, a certificación terá un dos seguintes contidos:

a) Será positiva cando se cumpran todos os requisitos indicados nos citados artigos. Neste caso, indicaranse xenericamente os requisitos cumpridos e o carácter positivo da certificación.

b) Será negativa en caso contrario, en que a certificación indicará cales son as obrigas incumpridas.

As certificacións serán expedidas polo órgano competente no prazo máximo previsto para o efecto na súa propia normativa, que en ningún caso poderá ser superior a 20 días, e, por instancia do solicitante, poderán quedar na sede do dito órgano á súa disposición ou enviarse ao lugar sinalado para o efecto na solicitude ou, no seu defecto, ao domicilio de que teña constancia o devandito órgano por razón das súas competencias.

Se o certificado non fose expedido no prazo sinalado, ou se o dito prazo se prolongase máis alá do establecido para solicitar a subvención, deberase xuntar á solicitude da subvención a acreditación de ter solicitado o certificado, debendo entregalo posteriormente, unha vez que sexa expedido polo órgano correspondente.

As certificacións emitiranse preferentemente por medios electrónicos, informáticos ou telemáticos e terán a mesma validez e eficacia que os documentos orixinais, sempre que quede garantida a súa autenticidade, integridade e conservación.

4. En calquera caso, os solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español deberán presentar un certificado de residencia fiscal emitido polas autoridades competentes do seu país de residencia.

5. As certificacións expediranse para os efectos exclusivos que nelas se fagan constar, non orixinarán dereitos nin expectativas de dereitos a favor dos solicitantes nin de terceiros, non producirán o efecto de interromper ou suspender os prazos de prescrición, nin servirán de medio de notificación dos procedementos a que puidesen facer referencia.

En todo caso, o seu contido, co carácter de positivo ou negativo, non afectará o que puidese resultar de actuacións posteriores de comprobación ou investigación.

Unha vez expedida a certificación, terá validez durante o prazo de seis meses contados desde a data de expedición, salvo que na propia certificación se estableza outro prazo diferente.

Artigo 11º.-Simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da comunidade autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social.

A obriga de presentar a certificación prevista no artigo anterior poderá ser substituída pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos seguintes casos:

a) As subvencións outorgadas a favor da Comunidade Autónoma de Galicia e dalgunha das entidades dependentes ou vinculadas.

b) As subvencións outorgadas a favor dos órganos estatutarios de Galicia.

c) As subvencións libradas a favor da Administración do Estado, dos seus organismos autónomos e das entidades públicas dela dependentes, así como dos órganos constitucionais

d) As subvencións libradas a favor doutras comunidades autónomas, dos seus organismos autónomos e das entidades públicas dela dependentes.

e) As subvencións outorgadas a favor das universidades.

f) As subvencións outorgadas a favor das corporacións locais e dos seus organismos autónomos.

g) As bolsas e axudas destinadas expresamente a financiar estudos en centros de formación públicos ou privados, cando as perciban directamente as persoas individuais beneficiarias.

h) As subvencións con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo IV, Transferencias correntes, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

i) As subvencións que non superen os 3.000 euros individualmente e se concedan con cargo aos créditos orzamentarios do capítulo VII, Transferencias de capital destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

j) As subvencións que se concedan con cargo aos programas orzamentarios nos que así se sinale na correspondente lei de orzamentos.

k) Aquelas axudas ou subvencións nas que, por concorrer circunstancias debidamente xustificadas, derivadas da natureza, do réxime ou da contía da subvención, así se estableza mediante orde da consellería competente en materia de economía e facenda.

l) As subvencións destinadas a financiar proxectos ou programas de acción social e cooperación internacional que se concedan a entidades sen fins lucrativos, así como a federacións, confederacións ou agrupacións delas.

Artigo 12º.-Acreditación do cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións.

A acreditación do cumprimento de obrigas por reintegro de subvencións realizarase mediante declaración responsable do beneficiario ou da entidade colaboradora.

O disposto no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo dos procedementos que, se é o caso, se desenvolvan, en virtude do previsto no artigo 20.4º a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para a cesión dos datos da base de datos nacional de subvencións, así como daqueles procedementos que se desenvolvan para verificación de oficio pola Administración do cumprimento das obrigas por reintegro de subvencións concedidas con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Corrección de erros. Artigo 12 redacatado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

Artigo 13º.-Acreditación do cumprimento doutras obrigas establecidas no artigo 10 da lei.

Nos casos non previstos nos artigos anteriores, o beneficiario ou a entidade colaboradora acreditarán que non están incursos en ningunha das prohibicións previstas no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia, mediante a presentación de declaración responsable ante o órgano concedente da subvención.

Artigo 14º.-Apreciación da prohibición de obter a condición de beneficiario ou de entidade colaboradora.

As prohibicións para obter a condición de beneficiario ou de entidade colaboradora contidas nas alíneas a), b), d), e), f), g) e h) do punto 2 do artigo 10 da lei apreciaranse directamente e subsistirán mentres concorran as circunstancias que en cada caso as determinen ou durante o tempo que dispoña a sentenza ou a resolución firme.

Artigo 15º.-Alcance e duración da prohibición cando derive da resolución de contratos.

1. Cando a prohibición derive da resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración por causa da cal fosen declarados culpables, o alcance e a duración da prohibición para obter a condición de beneficiario ou de entidade colaboradora serán os mesmos que os que se acorden para a prohibición de contratar.

2. A resolución pola cal se estableza a prohibición para contratar deberá pronunciarse tamén sobre a prohibición para obter subvencións.

Artigo 16º.-Convenios de colaboración con entidades colaboradoras.

1. Os convenios de colaboración previstos no artigo 13 da Lei de subvencións de Galicia non poderán ter un prazo de vixencia superior a catro anos, aínda que poderá preverse nel a modificación e prórroga por mutuo acordo das partes antes da finalización daquel, sen que a duración total das prórrogas poida ser superior á vixencia do período inicial e sen que, en conxunto, a duración total do convenio de colaboración poida exceder de seis anos.

2. Non obstante, cando a subvención teña por obxecto a subsidiación de créditos, a vixencia do convenio poderá prolongarse ata a total cancelación dos créditos. Así mesmo, cando veña enmarcado nun plan ou programa de duración superior ao prazo indicado no punto 1 deste artigo, a vixencia do convenio poderá prolongarse ata a finalización do dito plan.

TÍTULO I BASES REGULADORAS E FINANCIAMENTO

CAPÍTULO I DAS BASES REGULADORAS E DA PUBLICIDADE

Artigo 17º.-Notificación e comunicación á Unión Europea de proxectos de establecemento, concesión ou modificación dunha subvención.

1. Para as subvencións a que se refire o artigo 6.1º da Lei de subvencións de Galicia, non poderá iniciarse ningún procedemento de concesión de subvencións sen que se producise a notificación dos proxectos para o seu establecemento, concesión ou modificación aos órganos competentes da Unión Europea a través da Administración xeral do Estado.

2. Os órganos xestores que pretendan establecer ou modificar unha subvención remitirán á dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios o correspondente proxecto, unha vez que recibiron informe as bases reguladoras, xunto coa información necesaria e nos modelos normalizados de comunicación establecidos para a súa notificación á Comisión Europea segundo a normativa prevista por esta, polo menos dous meses antes da data prevista para a súa entrada en vigor.

3. A dirección xeral competente en materia de relacións exteriores, unha vez posto no seu coñecemento o proxecto pola dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios, remitirá no prazo de dez días a información necesaria ao órgano da Administración do Estado competente para a súa remisión á Comisión Europea.

4. O pagamento da subvención estará en todo caso condicionado a que os órganos competentes da Unión Europea adopten unha decisión de non formular obxeccións a esta ou declaren a subvención compatible co mercado común e nos termos en que a dita declaración se realice, extremo este que deberá constar no acto administrativo de concesión.

5. Igualmente, cando os órganos da Unión Europea condicionen a decisión de compatibilidade establecendo exixencias ou requisitos cuxo cumprimento puidese verse afectado pola actuación do beneficiario, as condicións establecidas deberán trasladarse ao beneficiario, entendendo que son asumidas por este se no prazo de dez días desde a súa notificación non se producise a renuncia á subvención concedida.

6. Para os proxectos que se acollan a algún dos regulamentos comunitarios que eximan da obriga de notificación previa, respecto de determinadas axudas, será necesaria a comunicación á Comisión Europea da información sobre o proxecto ou convocatoria aprobada que se determine na normativa comunitaria, dentro dos prazos e de acordo co procedemento establecido para cada réxime de exención.

Artigo 18º.-Aprobación das bases reguladoras.

1. Os órganos concedentes establecerán con carácter previo á disposición dos créditos as bases reguladoras aplicables á concesión e deberán ser publicadas no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do órgano concedente, salvo nos supostos de concesión directa.

2. As bases reguladoras deberán someterse ao informe da Asesoría Xurídica Xeral, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e da dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios.

Artigo 19º.-Informe da dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios.

1. O informe da dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios terá carácter preceptivo e versará acerca da coherencia do proxecto coa planificación económica da Xunta de Galicia e cos documentos de programación e outras formas de intervencións comunitarias, así como da súa compatibilidade coas normas comunitarias de aplicación.

2. A dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios emitirá informe motivado dentro dos dez días hábiles seguintes á data de recepción do proxecto e da información completa. No suposto de que a información sexa incompleta suspenderase o prazo para a emisión do informe ata a remisión completa do expediente.

3. A solicitude de informe deberá ir acompañada do proxecto de bases reguladoras, xunto coa información ou documentos que sexan necesarios para a súa completa avaliación e, en todo caso, para coñecer a finalidade, alcance, destinatarios e contía da subvención.

4. A solicitude de informe indicará:

a) Se se trata dunha axuda de Estado xa notificada, a indicación da decisión adoptada pola Comisión Europea e o número de axuda de Estado que se lle outorgou.

b) No suposto de proxectos de axudas que, por acollerse a algún dos regulamentos comunitarios, eximan, respecto de determinadas axudas, da obriga de notificación previa, deberá indicarse expresamente o regulamento de exención a que se acolle, así como incluír as restantes condicións que deriven da aplicación deste.

c) Réxime de minimis aplicable, regulamento que o estableza e condicións que del deriven.

d) Documentación acreditativa do cumprimento das normas relativas á acumulación de axudas e a existencia dun mecanismo para o seu control. Entenderase por acumulación de axudas a aplicación de máis dun réxime de axudas a un proxecto de investimento cando este cubra todos os investimentos en capital fixo necesarios para a súa realización, con independencia de que se localicen nun mesmo ou distinto lugar.

e) O plan estratéxico a que se axusta, obxecto do proxecto e indicadores de seguimento.

5. O informe da dirección xeral competente en materia de planificación económica e fondos comunitarios determinará se se trata dunha axuda de Estado e a normativa comunitaria aplicable e, se é o caso, as modificacións que deban introducirse para adecualos á normativa comunitaria europea, especificamente respecto das actuacións financiadas con fondos comunitarios.

Artigo 20º.-Publicidade da subvención por parte do beneficiario.

1. As bases reguladoras das subvencións deberán establecer as medidas de difusión que debe adoptar o beneficiario dunha subvención para darlle a adecuada publicidade ao carácter público do financiamento do programa, actividade, investimento ou actuación de calquera tipo que sexa obxecto de subvención.

As medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma coma na súa duración, e poderán consistir na inclusión da imaxe institucional da entidade concedente, así como en lendas relativas ao financiamento público en carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos ou audiovisuais, ou ben en mencións realizadas en medios de comunicación.

Cando o programa, actividade, investimento ou actuación gozase doutras fontes de financiamento e o beneficiario estivese obrigado a dar publicidade desta circunstancia, os medios de difusión da subvención concedida así como a súa relevancia deberán ser análogos aos empregados respecto das outras fontes de financiamento.

2. De se incumprir esta obriga, e sen prexuízo das responsabilidades que, por aplicación do réxime previsto no título IV da lei, puidesen corresponder, aplicaranse as seguintes regras:

a) Se resultase aínda posible o seu cumprimento nos termos establecidos, o órgano concedente deberá requirir o beneficiario para que adopte as medidas de difusión establecidas nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia das consecuencias que do dito incumprimento puidesen derivar por aplicación do artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia. Non poderá adoptarse ningunha decisión de revogación ou reintegro sen que o órgano concedente dese cumprimento do dito trámite.

b) Se, por terse desenvolvido xa as actividades afectadas por estas medidas, non resultar posible o seu cumprimento nos termos establecidos, o órgano concedente poderá establecer medidas alternativas, sempre que estas permitan dar a difusión do financiamento público recibido co mesmo alcance das inicialmente acordadas. No requirimento que o órgano concedente lle dirixa ao beneficiario deberá fixarse un prazo non superior a 15 días para a súa adopción con expresa advertencia das consecuencias que do incumprimento poderían derivar por aplicación do artigo 33.1º d) da Lei de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO II DO FINANCIAMENTO DAS ACTIVIDADES

Artigo 21º.-Achega de financiamento propio nas actividades subvencionadas.

1. Salvo que as bases reguladoras establezan outra cousa, o orzamento da actividade presentado polo solicitante, ou as súas modificacións posteriores, servirán de referencia para a determinación final do importe da subvención, calculando este como unha porcentaxe do custo final da actividade. Neste caso, o eventual exceso de financiamento público calcularase tomando como referencia a proporción que debe alcanzar a dita achega respecto do custo total, de conformidade coa normativa reguladora da subvención e as condicións da convocatoria.

2. Se a normativa reguladora da subvención fixase a achega pública como un importe certo e sen referencia a unha porcentaxe ou fracción do custo total, entenderase que queda por conta do beneficiario a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada, debendo ser reintegrado en tal caso o financiamento público unicamente polo importe que superase o custo total da actividade.

Artigo 22º.-Comunicación de subvencións concorrentes.

1. Cando se solicite unha subvención para un proxecto ou actividade e se concedese outra anterior incompatible para a mesma finalidade, farase constar esta circunstancia na segunda solicitude.

Neste suposto, a resolución de concesión deberá, se for o caso, condicionar os seus efectos á presentación por parte do beneficiario da renuncia a que se refire o parágrafo seguinte en relación coas subvencións previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.

2. Unha vez obtida a nova subvención, o beneficiario comunicarallo á entidade que lle outorgou a primeira, a cal poderá modificar o seu acordo de concesión nos termos establecidos na normativa reguladora. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na normativa reguladora.

3. Procederá exixir o reintegro da subvención cando a Administración da comunidade autónoma teña coñecemento de que un beneficiario percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen ter efectuado a correspondente renuncia.

Artigo 23º.-Exceso de financiamento sobre o custo da actividade.

Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo do proxecto ou actividade, e estas fosen compatibles entre si, o beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

Non obstante, cando sexa a Administración da comunidade autónoma a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

CAPÍTULO III DO PROCEDEMENTO DE XESTIÓN ORZAMENTARIA

Artigo 24º.-Aprobación do gasto.

Con carácter previo á convocatoria da subvención ou á súa concesión directa, deberá efectuarse a aprobación do correspondente expediente de gasto nos termos previstos no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 25º.-Tramitación anticipada.

1. A convocatoria poderá aprobarse nun exercicio orzamentario anterior a aquel en que vaia ter lugar a súa resolución, cando se dea algunha das circunstancias seguintes:

a) Que exista crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia para o exercicio seguinte a aquel en que se aprobe a convocatoria.

b) Que exista normalmente crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da comunidade autónoma para a cobertura orzamentaria do gasto. Para estes efectos enténdese que existe normalmente crédito adecuado e suficiente cando nos tres últimos exercicios o importe dos créditos aprobados polas respectivas leis de orzamentos é, en cada un dos exercicios, igual ou superior a aquel que resulte de engadir ao importe da convocatoria o total dos compromisos existentes á data do inicio do expediente e referidos ao exercicio en que vaia ter lugar a resolución.

2. Nestes casos deberá facerse constar expresamente na convocatoria que a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Nos supostos en que o crédito orzamentario que resulte aprobado na Lei de orzamentos fose superior á contía inicialmente estimada, o órgano concedente poderá decidir a súa aplicación ou non á convocatoria, logo de tramitación do correspondente expediente de gasto antes da resolución, sen necesidade de nova convocatoria.

4. Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución de concesión subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

Artigo 26º.-Subvencións plurianuais.

1. Poderá autorizarse a convocatoria de subvencións cuxo gasto sexa imputable, en parte ou na súa totalidade, a exercicios posteriores a aquel en que recaia resolución de concesión.

2. Na convocatoria deberá indicarse a contía total máxima que se vai conceder, así como a súa distribución por anualidades, dentro dos límites fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, atendendo ao momento en que se prevexa realizar o gasto derivado das subvencións que se concedan.

3. A modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente do gasto.

4. Cando se previse expresamente na normativa reguladora a posibilidade de efectuar pagamentos á conta, na resolución de concesión dunha subvención plurianual sinalarase a distribución por anualidades da contía atendendo ao ritmo de execución da acción subvencionada. A imputación a cada exercicio realizarase logo de entrega da xustificación equivalente á contía que corresponda. A alteración do calendario de execución acordado na resolución rexerase polo disposto no artigo 35 deste regulamento.

Corrección de erros. Artigo 26 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

Artigo 27º.-Reaxuste de anualidades.

1. Cando como consecuencia da modificación da resolución de concesión varíe o importe correspondente a cada ano será necesario tramitar un expediente de reaxuste de anualidades no expediente de gasto.

2. Será necesaria a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando os importes ou os prazos resultantes da modificación da resolución superen os requisitos fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia ou cando a aprobación inicial da subvención sexa autorizada previamente polo Consello da Xunta.

3. Non se requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia no caso de que as novas anualidades non excedan os límites indicados no artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e o importe total resultante da modificación non implique incremento no importe total inicialmente concedido na resolución de concesión. Para estes efectos considérase importe total o resultante da suma de todas as anualidades.

Artigo 28º.-Tramitación electrónica e telemática.

As bases reguladoras deberán prever a tramitación do procedemento por medios telemáticos.

Os órganos concedentes acordarán, de acordo co disposto na Lei de subvencións de Galicia e neste regulamento, os requisitos técnicos que rexerán para o procedemento, e en particular para a presentación de solicitudes, notificación e publicidade das resolucións de concesión.

TÍTULO II PROCEDEMENTOS DE CONCESIÓN

CAPÍTULO I PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN EN RÉXIME DE CONCORRENCIA

Artigo 29º.-Convocatorias de subvencións.

O prazo de presentación de solicitudes de subvencións establecidas nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes. O prazo indicado non será de aplicación cando a convocatoria veña prefixada por unha normativa de carácter estatal ou comunitario.

Artigo 30º.-Modificación da contía máxima fixada na convocatoria.

1. A convocatoria fixará necesariamente a contía total máxima destinada ás subvencións convocadas e os créditos orzamentarios aos cales se imputan.

Non se poderán conceder subvencións por importe superior á contía total máxima fixada na convocatoria sen que previamente se realice unha nova convocatoria.

2. Excepcionalmente, a convocatoria poderá prever, ademais da contía total máxima dentro dos créditos dispoñibles, a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3º deste regulamento.

A convocatoria deberá facer constar expresamente que o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 31º.-Aprobación do gasto por unha contía máxima e distribución entre créditos orzamentarios.

Cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Artigo 32º.-Esgotamento de crédito nos supostos regulados no artigo 19.2º da Lei de subvencións de Galicia.

No suposto de que o número de solicitudes presentadas, que cumpran coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario, supuxer o esgotamento da contía máxima fixada e sempre que a convocatoria non previse a posibilidade de ampliar o crédito segundo o disposto no artigo 30 deste regulamento, o órgano concedente acordará a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarao no DOG e na páxina web.

Artigo 33º.-Valoración.

1. Nos supostos de concorrencia competitiva, as bases reguladoras deberán recoller os criterios de valoración das solicitudes. Cando se tome en consideración máis dun criterio, deberá precisarse a ponderación relativa atribuída a cada un deles en función da súa importancia en relación coa finalidade da subvención.

2. Os criterios de valoración deberán baremarse expresando o número de puntos concretos que se poderán atribuír a cada criterio de tal forma que permitan efectuar unha valoración posterior da súa adecuada aplicación.

3. No caso de que o procedemento de valoración se articule en varias fases, indicarase igualmente en cales delas se irán aplicando os distintos criterios, así como o limiar mínimo de puntuación exixido ao solicitante para continuar no proceso de valoración.

4. Cando, por razóns debidamente xustificadas, non sexa posible precisar a ponderación atribuíble a cada un dos criterios elixidos, considerarase que todos eles teñen o mesmo peso relativo para realizar a valoración das solicitudes.

5. Como resultado da aplicación dos criterios de valoración obterase unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas.

6. O órgano concedente asignará o crédito dispoñible na convocatoria por orde segundo a listaxe a que se refire o punto anterior, comezando polas solicitudes que obtivesen a puntuación máis alta, e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

7. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, o órgano concedente acordará, sen necesidade dunha nova convocatoria, a concesión da subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de puntuación.

Artigo 34º.-Resolución.

1. O órgano competente resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución, de acordo co previsto no artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, se for o caso, na correspondente norma ou convocatoria.

2. Mediante resolución acordarase tanto o outorgamento das subvencións coma a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida, sen prexuízo do establecido no artigo 33.7º deste regulamento. A resolución de concesión ponlle fin á vía administrativa, salvo que as bases reguladoras establezan o contrario.

3. A resolución de concesión motivarase de conformidade co que dispoñan as bases reguladoras da subvención, polo que deben quedar acreditados no procedemento os fundamentos da resolución que se adopte.

4. En todo caso, deberán quedar claramente identificados os seguintes extremos:

a) Compromisos asumidos polos beneficiarios.

b) Créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, contía da subvención individualizada, e se é o caso, fondo europeo, eixe, categoría de gasto e porcentaxe de financiamento.

c) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e aboamentos á conta, así como o réxime de garantías que, se for o caso, deberán achegar os beneficiarios.

e) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

f) Carácter condicionado da concesión nos supostos previstos no artigo 17.4º deste regulamento.

Corrección de erros. Artigo 34 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

Artigo 35º.-Modificación da resolución.

1. Unha vez recaída a resolución de concesión o beneficiario poderá solicitar a modificación do seu contido, de concorreren as circunstancias previstas para tales efectos nas bases reguladoras, de conformidade co previsto no artigo 14.1º.m) da Lei de subvencións de Galicia.

2. A solicitude deberá presentarse antes de que conclúa o prazo para a realización da actividade.

3. A modificación poderase autorizar sempre que non dane dereitos de terceiro.

4. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución tiveron lugar con posterioridade a ela.

5. Cando en subvencións plurianuais a modificación da resolución implique unha modificación do importe nas anualidades previstas, será necesaria a autorización previa do Consello da Xunta no caso de que os novos importes superen os límites fixados no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

6. A Administración poderá rectificar de oficio a resolución cando dos elementos que figuren nela se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.

7. Cando a modificación da resolución implique modificación do importe total concedido ou da súa repartición entre anualidades tramitarase a correspondente modificación do expediente de gasto.

Corrección de erros. Artigo 35 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

CAPÍTULO II PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN DIRECTA

Artigo 36º.-Concesión directa de subvencións.

Poderán concederse de forma directa as seguintes subvencións:

a) As previstas nominativamente nos orzamentos xerais da comunidade autónoma nos termos recollidos nos convenios e na normativa reguladora destas subvencións.

b) Aquelas cuxo outorgamento ou contía lles veñan impostos á Administración por unha norma de rango legal, que seguirán o procedemento de concesión que lles resulte aplicable, de acordo coa súa propia normativa.

c) Con carácter excepcional, aqueloutras subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

Artigo 37º.-Procedemento de concesión das subvencións previstas nominativamente nos orzamentos.

1. Consideraranse subvencións nominativas aquelas en que o obxecto subvencionado, a dotación orzamentaria e o beneficiario individualizado polo nome ou razón social aparecen determinados expresamente no estado de gastos dos orzamentos da comunidade autónoma.

2. O procedemento para a concesión destas subvencións iniciarao de oficio o centro xestor do crédito orzamentario ao cal se lle imputa a subvención, ou por instancia do interesado. O convenio será o instrumento habitual para canalizar estas subvencións. O procedemento rematará coa resolución de concesión ou o convenio.

En calquera dos supostos previstos neste punto, o acto de concesión ou o convenio terá o carácter de bases reguladoras da concesión para os efectos do disposto na Lei de subvencións de Galicia.

A resolución, ou se for o caso o convenio, deberá incluír os seguintes extremos:

a) Definición do obxecto da subvención e dos seus beneficiarios, de acordo co disposto na Lei de orzamentos da comunidade autónoma do correspondente exercicio.

b) Crédito orzamentario a que se lle imputa o gasto e a contía da subvención, individualizada, se é o caso, para cada beneficiario, se foren varios.

c) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e aboamentos á conta, así como o réxime de garantías que, de acordo co disposto neste regulamento, deberán achegar os beneficiarios.

e) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

f) Obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

g) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

3. Cando a subvención sexa concedida mediante convenio e o importe sexa superior a 150.000 euros ou teña carácter plurianual, a aprobación do convenio requirirá de autorización previa polo Consello da Xunta de Galicia, salvo que na Lei de orzamentos se dispoña o contrario.

Artigo 38º.-Transferencias de financiamento.

Para os efectos do disposto no artigo anterior non teñen a consideración de subvencións as achegas en diñeiro nominativas a favor dos organismos e das entidades vinculadas ou dependentes da Administración da comunidade autónoma destinadas a financiar global ou parcialmente a súa actividade con carácter indiferenciado.

Artigo 39º.-Subvencións de concesión directa imposta á Administración por unha norma de rango legal.

1. As subvencións de concesión directa, cuxo outorgamento ou contía lle vén imposto á Administración por unha norma de rango legal, rexeranse pola dita norma e pola Lei de subvencións de Galicia e por este regulamento.

2. Cando a lei que determine o seu outorgamento se remita para a súa instrumentación á formalización dun convenio de colaboración entre a entidade concedente e os beneficiarios, será de aplicación o disposto no punto 2 do artigo 37 deste regulamento.

3. Para que sexa exixible o pagamento das subvencións a que se refire este artigo será necesaria a existencia de crédito adecuado e suficiente no correspondente exercicio.

4. Cando a subvención sexa concedida mediante convenio e o importe sexa superior a 150.000 euros ou teña carácter plurianual, a aprobación do convenio requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 40º.-Subvencións de concesión directa en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública.

1. A concesión directa de subvencións en que se acrediten razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ou outras debidamente xustificadas que dificulten a súa convocatoria pública poderá instrumentarse a través de resolución ou convenio que, en todo caso, deberán axustarse ás previsións contidas na Lei de subvencións de Galicia, salvo no que afecte a aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, e conterán como mínimo os seguintes extremos:

a) Definición do obxecto das subvencións, con indicación do carácter singular delas e as razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario ou aquelas que xustifican a dificultade da súa convocatoria pública.

b) Beneficiarios e modalidades de axuda.

c) Crédito orzamentario a que se lle imputa o gasto e a contía da subvención, individualizada, se é o caso, para cada beneficiario se foren varios.

d) Compatibilidade ou incompatibilidade con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Prazos e modos de pagamento da subvención, posibilidade de efectuar pagamentos anticipados e aboamentos á conta, así como o réxime de garantías que, de acordo co disposto neste regulamento, deberán achegar os beneficiarios.

f) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario e, se é o caso, da entidade colaboradora do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e da aplicación dos fondos percibidos.

g) Obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

h) Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

2. O expediente incluirá, como mínimo, os seguintes documentos:

a) Unha memoria, na cal se xustifique claramente e de xeito detallado, as razóns que acreditan o interese público, social, económico ou humanitario, ou outras que xustifiquen a dificultade da súa convocatoria pública e o seu carácter excepcional.

b) Os informes previstos no artigo 18º.2 deste regulamento. Non obstante estes informes non serán exixibles ás subvencións que se concedan mediante resolución e que non superen as contías a que se refire o punto 4 deste artigo.

c) As propostas de acordo ou resolución de concesión, ou o instrumento do convenio que autorice a subscribir.

3. Cando a subvención sexa concedida mediante convenio e o importe sexa superior a 150.000 euros ou teña carácter plurianual, a aprobación do convenio requirirá a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia.

4. Cando a subvención sexa concedida mediante resolución e a súa contía supere o importe de 6.010 euros por beneficiario e ano, ou as concedidas por cada departamento da Administración autonómica excedan globalmente de 60.100 euros no exercicio, a aprobación da resolución requirirá de autorización previa polo Consello da Xunta de Galicia. Os importes anteriores elevaranse a 12.000 euros e 120.300 euros, respectivamente, para o servizo correspondente á Secretaría Xeral da Presidencia.

TÍTULO III XESTIÓN E XUSTIFICACIÓN DE SUBVENCIÓNS

CAPÍTULO I XESTIÓN

Artigo 41º.-Obriga de realizar as actuacións.

O beneficiario ten a obriga de cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión nos termos establecidos nas bases reguladoras e na resolución de concesión.

Artigo 42º.-Gastos subvencionables.

1. Son gastos subvencionables os que cumpren os requisitos fixados polo artigo 29 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Para os efectos da súa consideración como subvencionable, considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados, e asinados polo beneficiario.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con fotocopias dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento debese realizar sempre mediante a achega do correspondente extracto bancario que irá acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín do provedor.

3. Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados polo órgano concedente, as bases reguladoras poderán aceptar a xustificación do pagamento mediante recibín do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 euros, a cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos acredores por razón do gasto realizado ou coa entrega a estes dun efecto mercantil, garantido por unha entidade financeira ou compañía de seguros.

4. Se realizada a actividade e finalizado o prazo para xustificar se pagase só unha parte dos gastos en que se incorrese, para os efectos de perda do dereito ao cobramento aplicarase o principio de proporcionalidade.

5. Se sendo preceptiva a solicitude de varias ofertas, consonte o disposto no punto 3º do artigo 29 da Lei de subvencións de Galicia, estas non se achegasen ou a adxudicación recaese, sen xustificación adecuada, nunha que non fose a máis favorable economicamente, o órgano concedente poderá solicitar unha taxación pericial do ben ou servizo, e serán por conta do beneficiario os gastos que se ocasionen. En tal caso, a subvención calcularase tomando como referencia o menor dos dous valores: o declarado polo beneficiario ou o resultante da taxación.

6. Para os efectos de imputación de custos indirectos á actividade subvencionada, as bases reguladoras, logo dos estudos económicos que procedan, poderán establecer a fracción do custo total que se considera custo indirecto imputable a esta; neste caso a dita fracción de custo non requirirá unha xustificación adicional.

Artigo 43º.-Subcontratación das actividades subvencionadas.

1. A realización da actividade subvencionada é obriga persoal do beneficiario sen outras excepcións que as establecidas nas bases reguladoras, dentro dos límites fixados no artigo 27 da Lei de subvencións de Galicia e neste regulamento. Se as bases reguladoras permitisen a subcontratación sen establecer límites cuantitativos, o beneficiario non poderá subcontratar máis do cincuenta por cento do importe da actividade subvencionada, sumando os prezos de todos os subcontratos.

2. Para os efectos do disposto no artigo 27.7º d) da Lei de subvencións de Galicia, considerarase que existe vinculación con aquelas persoas físicas ou xurídicas ou agrupacións sen personalidade en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Persoas físicas unidas por relación conxugal ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade, parentesco de consanguinidade ata o cuarto grao ou de afinidade ata o segundo.

b) As persoas físicas e xurídicas que teñan unha relación laboral retribuída mediante pagamentos periódicos.

c) Ser membros asociados do beneficiario a que se refire o punto 2 e membros ou partícipes das entidades sen personalidade xurídica a que se refire o punto 3º do artigo 8 da Lei de subvencións de Galicia.

d) Unha sociedade e os seus socios maioritarios ou os seus conselleiros ou administradores, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

e) As sociedades que, de acordo co artigo 4 da Lei 24/1988, do 28 de xullo, reguladora do mercado de valores, reúnan as circunstancias requiridas para formar parte do mesmo grupo.

f) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e os seus representantes legais, patróns ou quen exerza a súa administración, así como os cónxuxes ou persoas ligadas con análoga relación de afectividade e familiares ata o cuarto grao de consanguinidade ou de afinidade ata o segundo.

g) As persoas xurídicas ou agrupacións sen personalidade e as persoas físicas, xurídicas ou agrupacións sen personalidade que conforme as normas legais, estatutarias ou os acordos contractuais teñan dereito a participar en máis dun cincuenta por cento no beneficio das primeiras.

3. A Administración poderá comprobar, dentro do período de prescrición, o custo así como o valor de mercado das actividades subcontratadas ao abeiro das facultades que lle atribúe o artigo 30 da Lei de subvencións de Galicia.

CAPÍTULO II XUSTIFICACIÓN DE SUBVENCIÓNS

SECCIÓN PRIMEIRA DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 44º.-Modalidades de xustificación da subvención.

A xustificación polo beneficiario do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos no acto de concesión da subvención poderá revestir as seguintes modalidades:

a) Conta xustificativa, que adoptará unha das formas previstas na sección segunda deste capítulo.

b) Acreditación por módulos.

c) Presentación de estados contables.

Artigo 45º.-Prazo de xustificación.

1. O beneficiario deberá presentar perante o órgano administrativo competente a xustificación da subvención no prazo fixado na resolución de concesión.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado esta perante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente para os efectos previstos neste capítulo. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro.

4. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación son os establecidos no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. En todo caso o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

Artigo 46º.-Forma de xustificación.

A xustificación da subvención terá a estrutura e o alcance que se determine nas correspondentes bases reguladoras.

Cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección.

Artigo 47º.-Xustificación telemática.

A acreditación dos gastos poderá efectuarse mediante facturas electrónicas, sempre que cumpran os requisitos exixidos para a súa aceptación no ámbito tributario.

A consellería competente en materia de economía e facenda establecerá mediante orde as normas que regulen o emprego dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos nas xustificacións das subvencións.

SECCIÓN SEGUNDA DA CONTA XUSTIFICATIVA

Artigo 48º.-Conta xustificativa con entrega de xustificantes de gasto.

A conta xustificativa conterá, con carácter xeral, a seguinte documentación:

1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2. Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

a) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e, se é o caso, data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, no caso de adquisición de bens inmobles.

d) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na letra a), agás naqueles casos en que as bases reguladoras da subvención previsen a súa compensación mediante un tanto global sen necesidade de xustificación.

e) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

f) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario.

g) Se for o caso, a carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados así como dos xuros derivados destes.

3. Non obstante o anterior, cando por razón do obxecto ou da natureza da subvención non fose preciso presentar a documentación prevista no punto anterior, as bases reguladoras determinarán o contido da conta xustificativa.

Artigo 49º.-Validación e estampillado de xustificantes de gasto.

Os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada, cando neste último suposto así se establecese nas bases reguladoras.

No caso de que as bases reguladoras así o establezan, os xustificantes orixinais presentados marcaranse cun selo, indicando nel a subvención para cuxa xustificación foron presentados e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención.

Neste último caso, indicarase ademais a contía exacta que resulte afectada pola subvención.

Artigo 50º.-Conta xustificativa con entrega de informe de auditor.

1. As bases reguladoras da subvención poderán prever unha redución da información que se incorporará na memoria económica a que se refire o punto 2 do artigo 48º deste regulamento sempre que:

a) A conta xustificativa vaia acompañada dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas.

b) O auditor de contas leve a cabo a revisión da conta xustificativa co alcance que se determine nas bases reguladoras da subvención e con suxeición ás normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións no ámbito da Administración pública concedente.

c) A conta xustificativa incorpore, ademais da memoria de actuacións a que se refire o punto 1 do artigo 48º deste regulamento, unha memoria económica abreviada.

2. Naqueles casos en que o beneficiario estea obrigado a auditar a súas contas anuais por un auditor sometido á Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas, a revisión da conta xustificativa levaraa a cabo o mesmo auditor, salvo que as bases reguladoras prevexan o nomeamento doutro auditor.

3. No suposto en que o beneficiario non estea obrigado a auditar as súas contas anuais, a designación do auditor de contas será realizada por el, a non ser que as bases reguladoras da subvención prevexan o seu nomeamento polo órgano concedente. O gasto derivado da revisión da conta xustificativa poderá ter a condición de gasto subvencionable cando así o establezan as devanditas bases e ata o límite que nelas se fixe.

4. O beneficiario estará obrigado a pór á disposición do auditor de contas cantos libros, rexistros e documentos lle sexan exixibles en aplicación do disposto na letra f) do artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, así como a conservalos co obxecto das actuacións de comprobación e control previstas na lei.

5. O contido da memoria económica abreviada establecerase nas bases reguladoras da subvención. Como mínimo deberá acreditar o disposto no artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia e conterá un estado representativo dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados, e, se for o caso, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións producidas.

6. Cando a subvención teña por obxecto unha actividade ou proxecto que se realizará no estranxeiro, o réxime previsto neste artigo e no artigo 51º deste regulamento entenderase referido a auditores exercentes no país onde deba levarse a cabo a revisión, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables.

De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión de auditoría de contas no citado país, a revisión prevista neste artigo poderá realizala un auditor establecido no citado país, sempre que a designación deste a leve a cabo o órgano concedente conforme uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

Corrección de erros. Artigo 50 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

Artigo 51º.-Conta xustificativa simplificada.

1. Para os efectos do disposto no punto 2º do artigo 28 da Lei de subvencións de Galicia, para subvencións concedidas por importe inferior a 30.000 euros poderá ter carácter de documento con validez xurídica para a xustificación da subvención a conta xustificativa regulada neste artigo, sempre que así se previse nas bases reguladoras da subvención.

2. A conta xustificativa simplificada conterá a seguinte información:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3º da Lei de subvencións de Galicia.

b) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue de acordo cun orzamento estimado, indicaranse as desviacións producidas.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

d) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

3. O órgano concedente comprobará, a través das técnicas de mostraxe que se acorden nas bases reguladoras, os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderá requirirlle ao beneficiario a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados. Para estes efectos, a consellería competente en materia de economía e facenda poderá establecer os requisitos mínimos que deben cumprir as técnicas de mostraxe empregadas.

4. A conta xustificativa simplificada utilizarase como forma de xustificación con carácter excepcional e cando o elevado número de beneficiarios desaconselle a práctica da xustificación por outros medios. Porén, cando das comprobacións realizadas non se acade a evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, o órgano concedente procederá a requirirlles aos beneficiarios a totalidade dos documentos xustificativos segundo o disposto no artigo 48º deste regulamento.

SECCIÓN TERCEIRA DOS MÓDULOS

Artigo 52º.-Ámbito de aplicación dos módulos.

1. As bases reguladoras das subvencións poderán prever o réxime de concesión e xustificación a través de módulos naqueles supostos en que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade subvencionable ou os recursos necesarios para a súa realización sexan medibles en unidades físicas.

b) Que exista unha evidencia ou referencia do valor de mercado da actividade subvencionable ou, se for o caso, do dos recursos que se van empregar.

c) Que o importe unitario dos módulos, que poderá conter unha parte fixa e outra variable en función do nivel de actividade, se determine sobre a base dun informe técnico motivado, en que se recollerán as variables técnicas, económicas e financeiras que se tiveron en conta para a determinación do módulo, sobre a base de valores medios de mercado estimados para a realización da actividade ou do servizo obxecto da subvención.

2. Cando as bases reguladoras prevexan o réxime de concesión e xustificación a través de módulos, a concreción destes e a elaboración do informe técnico poderá realizarse de forma diferenciada para cada convocatoria.

Artigo 53º.-Actualización e revisión de módulos.

1. Cando as bases reguladoras da subvención ou as ordes de convocatoria que delas deriven aproben valores específicos para os módulos cuxa contía se proxecte ao longo de máis dun exercicio orzamentario, as ditas bases indicarán a forma de actualización, e xustificaranse no informe técnico a que se refire a liña c) do artigo 52º.1 deste regulamento.

2. Cando, por circunstancias sobrevidas, se produza unha modificación das condicións económicas, financeiras ou técnicas tidas en conta para o establecemento e actualización dos módulos, o órgano competente aprobará a revisión do importe destes, motivada a través do pertinente informe técnico.

Artigo 54º.-Xustificación a través de módulos.

Cando as bases reguladoras previsen o réxime de módulos, a xustificación da subvención levarase a cabo mediante a presentación da seguinte documentación:

1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

2. Unha memoria económica xustificativa que conterá, como mínimo, os seguintes extremos:

a) Acreditación sobre o número de unidades físicas consideradas como módulo.

b) Contía da subvención calculada sobre a base das actividades cuantificadas na memoria de actuación e os módulos previstos nas bases reguladoras ou, se é o caso, nas ordes de convocatoria.

c) Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

Artigo 55º.-Obrigas formais dos beneficiarios en réxime de módulos.

Os beneficiarios están dispensados da obriga de presentación de libros, rexistros e documentos de transcendencia contable ou mercantil, agás previsión expresa en contra nas bases reguladoras da subvención.

SECCIÓN CUARTA DA PRESENTACIÓN DE ESTADOS CONTABLES

Artigo 56º.-Supostos de xustificación a través de estados contables.

1. As bases reguladoras poderán prever que a subvención se xustifique mediante a presentación de estados contables cando:

a) A información necesaria para determinar a contía da subvención poida deducirse directamente dos estados financeiros incorporados á información contable de obrigada preparación polo beneficiario.

b) A citada información contable fose auditada conforme o sistema previsto no ordenamento xurídico a que estea sometido o beneficiario.

2. Ademais da información descrita no punto 1º deste artigo, as bases reguladoras poderán prever a entrega dun informe complementario elaborado polo auditor de contas e seguindo o previsto na disposición adicional décimo quinta do Real decreto 1636/1990, do 20 de decembro, polo que se aproba o Decreto que desenvolve a Lei 19/1988, do 12 de xullo, de auditoría de contas.

3. Cando o alcance dunha auditoría de contas non se considere suficiente, as bases reguladoras establecerán o alcance adicional da revisión que o auditor levará a cabo respecto da información contable que sirva de base para determinar a contía da subvención. Neste caso, os resultados do traballo incorporaranse ao informe complementario a que se refire o punto 2 deste artigo e a retribución adicional que lle corresponda percibir ao auditor de contas poderá ter a condición de gasto subvencionable cando o establezan as bases ata o límite que nelas se fixe.

CAPÍTULO III COMPROBACIÓN DE SUBVENCIÓNS

Artigo 57º.-Comprobación da adecuada xustificación da subvención.

1. O órgano concedente da subvención levará a cabo a comprobación da xustificación documental da subvención, consonte o método que se estableza nas súas bases reguladoras; para este fin revisará a documentación que obrigatoriamente deba achegar o beneficiario ou a entidade colaboradora.

2. Naqueles supostos en que o pagamento da subvención se realice despois da achega da conta xustificativa, nos termos previstos no artigo 48º deste regulamento, a comprobación formal para a liquidación da subvención poderá limitarse aos seguintes documentos:

a) A memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) A relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se for o caso, a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue consonte un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) O detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa procedencia.

3. No suposto previsto no punto anterior, a revisión das facturas ou documentos de valor probatorio análogo que, se é o caso, formen parte da conta xustificativa deberán ser obxecto de comprobación nos catro anos seguintes sen prexuízo das especialidades previstas no artigo 51º deste regulamento.

Artigo 58º.-Comprobación e certificación da realización da actividade e do cumprimento da finalidade que determinen a concesión e o desfrute da subvención.

O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar, segundo o disposto no artigo anterior, o cumprimento polo beneficiario dos requisitos establecidos nas bases reguladoras para proceder ao pagamento das subvencións.

Unha vez comprobado o cumprimento o órgano concedente incluirá no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada, en que se detallarán expresamente os principais requisitos exixidos nas bases reguladoras e o alcance das comprobacións practicadas.

Artigo 59º.-Efectos das alteracións das condicións da subvención na comprobación da subvención.

1. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no punto m) do artigo 14.1º da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros.

2. A aceptación das alteracións por parte do órgano concedente no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Corrección de erros. Artigo 59 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

TÍTULO IV PAGAMENTO E GARANTÍAS

CAPÍTULO I PAGAMENTO DA SUBVENCIÓN

Artigo 60º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento da subvención realizarase unha vez comprobado polo órgano concedente a xustificación presentada polo beneficiario, a realización da actividade, proxecto, obxectivo ou adopción do comportamento para o cal se concedeu e o cumprimento dos demais requisitos fixados na normativa reguladora da subvención, salvo que esta normativa prevexa a posibilidade de realizar pagamentos anticipados ou á conta.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade.

Cando a subvención se conceda en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor, non se requirirá outra xustificación que a acreditación conforme os medios que estableza a normativa reguladora.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

A comprobación material poderáselle encomendar a outro órgano distinto do que concedeu a subvención.

Excepcionalmente, a comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

3. A entidade colaboradora, se é o caso, realizará, en nome e por conta do órgano concedente, as comprobacións previstas.

4. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma nos termos previstos nos artigos 10º e 11º deste regulamento.

Artigo 61º.-Perda do dereito ao cobramento da subvención.

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei de subvencións de Galicia.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención será o establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 62º.-Pagamentos á conta.

1. Cando a natureza da subvención así o xustifique, poderán realizarse pagamentos á conta. Os ditos pagamentos á conta poderán supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada ata a porcentaxe que establezan as bases reguladoras.

2. O importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80% da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

3. Cando as bases reguladoras recollan a posibilidade de realizar pagamentos a conta, fixarán así mesmo o réxime de garantías que deberá prestar o beneficiario segundo o disposto no artigo 67º deste regulamento.

4. Excepcionalmente, logo de xustificación da súa necesidade, o Consello da Xunta poderá autorizar a modificación da porcentaxe sinalada no punto 2.

Artigo 63º.-Pagamentos anticipados.

1. Poderanse realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

Un.-Subvencións correntes.

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros as bases reguladoras poderán prever a concesión de pagamentos anticipados de ata un 80% da subvención concedida e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros as bases reguladoras poderán prever, ademáis, pagamentos anticipados dun 10% adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Dous.-Subvencións de capital.

As bases reguladoras poderán prever a concesión de pagamentos anticipados de ata un 50% da subvención concedida naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

2. Cando as bases reguladoras recollan a posibilidade de realizar pagamentos anticipados fixarán así mesmo o réxime de garantías que deberá prestar o beneficiario segundo o disposto no artigo 67º deste regulamento.

3. Excepcionalmente, logo de xustificación da súa necesidade, o Consello da Xunta poderá autorizar a modificación das porcentaxes sinaladas.

4. As subvencións de capital instrumentadas mediante convenio con outras administracións públicas xestionaranse nos termos previstos no dito convenio sen que sexan de aplicación as limitacións previstas neste artigo.

Artigo 64º.-Devolución por iniciativa do perceptor.

Enténdese por devolución voluntaria aquela que é realizada polo beneficiario sen o requirimento previo da Administración.

Na convocatoria deberase dar publicidade dos medios dispoñibles para que o beneficiario poida efectuar esta devolución.

O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte do beneficiario. O ingreso realizarase segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación.

CAPÍTULO II GARANTÍAS

Artigo 65º.-Réxime xeral de garantías.

1. Os beneficiarios e as entidades colaboradoras están obrigados á constitución de garantías nos seguintes supostos:

a) Nos procedementos de selección de entidades colaboradoras.

b) Cando se prevexa a posibilidade de realizar pagamentos á conta ou anticipados.

c) Cando se considere necesario para asegurar o cumprimento dos compromisos asumidos por beneficiarios e entidades colaboradoras.

As bases reguladoras determinarán o réxime de garantías aplicable de acordo co previsto neste regulamento.

2. En procedementos en que concorran varios solicitantes, as bases reguladoras poderán prever que determinados beneficiarios non constitúan garantías cando a natureza das actuacións financiadas ou as especiais características do beneficiario así o xustifiquen, sempre que quede suficientemente asegurado o cumprimento das obrigas impostas a estes.

3. A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá amplialo o órgano concedente cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización no prazo anteriormente sinalado.

4. Quedan exonerados da constitución de garantía:

a) A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos autónomos.

b) As entidades vinculadas ou dependentes directa ou indirectamente da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal, así como análogas entidades doutras comunidades autónomas e das entidades locais.

d) As entidades que por lei estean exentas da presentación de caucións, fianzas ou depósitos perante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

e) Os beneficiarios de bolsas e axudas destinadas expresamente para financiar estudos en centros de formación públicos ou privados, cando as perciban directamente as persoas individuais beneficiarias.

f) Os beneficiarios de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, Transferencias correntes, destinadas a familias e institucións sen fins de lucro.

g) Os centros tecnolóxicos que sexan recoñecidos como tales pola consellería competente en materia de investigación, desenvolvemento e innovación.

h) As entidades non lucrativas, así como as federacións, confederacións ou agrupacións destas, que desenvolvan proxectos ou programas de acción social ou cooperación internacional.

i) Os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 euros. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

5. Salvo que as bases reguladoras establezan o contrario, estarán obrigados a constituír garantía as persoas ou entidades cuxo domicilio estea situado fóra do territorio nacional e carezan de establecemento permanente no devandito territorio.

Corrección de erros. Artigo 65 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 61, do 30 de marzo de 2009.

SECCIÓN PRIMEIRA GARANTÍAS EN PROCEDEMENTOS DE SELECCIÓN DE ENTIDADES COLABORADORAS

Artigo 66º.-Garantías nos procedementos de selección de entidades colaboradoras.

1. Cando, en virtude do establecido no artigo 13.4º da Lei de subvencións de Galicia, a colaboración se vaia formalizar mediante un contrato, o réxime de garantías será o previsto na normativa reguladora da contratación administrativa.

2. Nos demais casos, cando por aplicación do disposto no artigo 13.4º da Lei de subvencións de Galicia as entidades colaboradoras deban seleccionarse mediante un procedemento sometido aos principios de publicidade, concorrencia, igualdade e non discriminación, as bases reguladoras, xunto coas condicións de solvencia e eficacia que, se é o caso, se establezan, poderán fixar a garantía que, con carácter provisional, deberán entregar os participantes no procedemento de selección.

Os medios de constitución e depósito e a extensión das garantías, salvo previsión expresa nas bases reguladoras, son os previstos na normativa reguladora da contratación administrativa.

SECCIÓN SEGUNDA GARANTÍAS EN PAGAMENTOS ANTICIPADOS E Á CONTA

Artigo 67º.-Obriga de constituír garantías en pagamentos anticipados e á conta.

1. Cando nas bases reguladoras se prevexa a posibilidade de realizar pagamentos anticipados ou á conta, as ditas bases deben regular a obriga de constituír garantías nos termos establecidos neste artigo, salvo nos supostos previstos no artigo 65º.4 deste regulamento.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

3. A garantía deberá cubrir o 110% do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. O Consello da Xunta poderá autorizar a constitución por importe inferior ao disposto neste artigo ou eximir da obriga de constituír garantías.

Artigo 68º.-Garantías prestadas por terceiros.

1. Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

2. O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente á garantía prestada nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 69º.-Constitución das garantías.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de economía e facenda.

Artigo 70º.-Execución das garantías.

1. Unha vez acordado o reintegro polo órgano competente e transcorrido o prazo previsto para o ingreso en período voluntario, o reintegro tramitarase de acordo co disposto na normativa reguladora da recadación en vía executiva. O órgano competente solicitará a incautación das garantías no marco do dito procedemento.

2. A Caixa Xeral de Depósitos executará as garantías por instancia do órgano competente para recadar o reintegro das cantidades anticipadas de acordo cos procedementos que se establezan na súa normativa reguladora.

3. Cando a garantía non sexa bastante para satisfacer as responsabilidades a que está afecta, a Administración da comunidade autónoma procederá ao cobramento da diferenza continuando o procedemento administrativo de constrinximento, conforme o establecido nas respectivas normas de recadación.

Artigo 71º.-Cancelación das garantías.

1. As garantías reguladas nesta subsección cancelaranse por acordo do órgano concedente nos seguintes casos:

a) Unha vez comprobada de conformidade a adecuada xustificación do anticipo, tal e como se regula no artigo 57º deste regulamento.

b) Cando se reintegrasen as cantidades anticipadas nos termos previstos no artigo 33 da lei.

c) No suposto de que fosen constituídas para garantir pagamentos fraccionados, correspondentes a fases ou partes que respondesen ao ritmo de execución das accións subvencionadas, poderán ser liberadas unha vez comprobada a realización da parte ou fase da actividade ou proxecto para o que se concedeu, de conformidade co establecido na resolución de concesión.

2. A cancelación deberá ser acordada dentro dos seguintes prazos máximos:

a) Tres meses desde o reintegro ou liquidación do anticipo.

b) Seis meses desde que tivese entrada na Administración a xustificación presentada polo beneficiario e esta non se pronunciase sobre a súa adecuación ou iniciase procedemento de reintegro.

3. Estes prazos suspenderanse cando se realicen requirimentos ou soliciten aclaracións respecto da xustificación presentada, continuando no momento en que sexan atendidos.

4. A Administración da comunidade autónoma reembolsará, logo de acreditación do seu importe, o custo do mantemento das garantías cando estas se estendesen, por causas non imputables ao interesado, máis alá dos prazos previstos no punto 2 deste artigo.

SECCIÓN TERCEIRA GARANTÍAS EN CUMPRIMENTO DE COMPROMISOS ASUMIDOS POR ENTIDADES COLABORADORAS E BENEFICIARIOS

Artigo 72º.-Garantías en cumprimento de compromisos asumidos por entidades colaboradoras.

1. Cando as bases reguladoras prevexan a achega de garantías por entidades colaboradoras, os medios de constitución e o procedemento de cancelación deberán facerse constar no convenio.

Malia o anterior, cando a colaboración se formalice mediante un contrato resultarán de aplicación as garantías previstas na normativa reguladora da contratación administrativa, ademais das que poidan establecerse de acordo co indicado no punto seguinte.

2. Cando a colaboración recolla a entrega ou distribución dos fondos, será necesario presentar garantía polo importe total dos fondos públicos recibidos máis os xuros de mora correspondentes ata seis meses despois da finalización do prazo de xustificación da aplicación dos fondos por parte da entidade colaboradora. O Consello da Xunta poderá autorizar que as bases reguladoras eximan da necesidade de constituír as garantías ás que se refire este punto.

3. As garantías responderán da aplicación dos fondos públicos por parte da entidade colaboradora e dos reintegros e xuros de demora que puidesen exixirse.

4. Transcorrido o prazo de seis meses desde a xustificación da aplicación dos fondos por parte da entidade colaboradora sen que se acordase a cancelación da garantía, resultará de aplicación o previsto no artigo 71º.4 deste regulamento. Para estes efectos, entenderase suspendido o prazo cando se requira a entidade colaboradora para que complete ou emende a xustificación.

5. Cando se asumisen compromisos que fosen estenderse máis alá do prazo de xustificación, poderán manterse as garantías que se consideren axeitadas nos termos previstos nas bases reguladoras, sen que en ningún caso poidan:

a) Manterse unha vez cumpridos plenamente os compromisos.

b) Acadar un importe superior á cantidade que se tivese que reintegrar polo incumprimento do compromiso garantido.

Artigo 73º.-Garantías e outras medidas cautelares en cumprimento de compromisos asumidos por beneficiarios.

1. Cando as bases reguladoras prevexan o cumprimento de compromisos máis alá do prazo de pagamento e xustificación da subvención, poderase establecer a obriga de constituír garantías nos termos establecidos neste capítulo.

2. As garantías poderán adoptar, ademais das previstas para as garantías de pagamentos á conta ou anticipados, as formas de hipoteca ou peñor.

A normativa reguladora da subvención poderá prever cautelarmente a inscrición nos rexistros correspondentes ou calquera outra salvagarda que se considere adecuada á natureza dos bens, investimentos ou actividades financiadas.

3. Estas garantías poderán exixirse como requisito para conceder a subvención, para realizar os pagamentos ou como parte integrante da xustificación da subvención e terán por obxecto garantir o cumprimento e, en especial, o mantemento das obrigas do beneficiario.

4. A forma de constitución, extensión, acreditación, cancelación e execución deberá estar prevista nas bases reguladoras. Non obstante, cando adopten as formas previstas para as garantías por pagamentos á conta ou anticipados, aplicarase o réxime previsto na sección segunda deste capítulo.

5. A falta de constitución e acreditación ante o órgano competente das garantías reguladas neste artigo, cando fosen exixidas polas bases reguladoras, terá algún dos seguintes efectos:

a) Desestimación da solicitude, se a acreditación da constitución se configurou como requisito para acceder á condición de beneficiario.

b) Retención do pagamento da subvención concedida, ata o momento en que se acredite a constitución da garantía, podendo dar lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención de forma definitiva cando, téndose realizado requirimento previo do órgano concedente para que se acredite a constitución da garantía, este non fose atendido no prazo de 15 días.

6. Cando se asumisen compromisos que fosen estenderse máis alá do prazo de xustificación, poderán manterse as garantías que se consideren axeitadas nos termos previstos nas bases reguladoras, sen que, en ningún caso, poidan:

a) Manterse unha vez cumpridos plenamente os compromisos.

b) Acadar un importe superior á cantidade que se tivese que reintegrar polo incumprimento do compromiso garantido.

TÍTULO V DO REINTEGRO

CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 74º.-Reintegro por incumprimento das obrigas establecidas con motivo da concesión da subvención.

1. O beneficiario deberá cumprir todos e cada un dos obxectivos, actividades e proxectos, adoptar os comportamentos que fundamentaron a concesión da subvención e cumprir os compromisos asumidos con motivo desta.

Noutro caso, procederá o reintegro total ou parcial, atendendo aos criterios establecidos nas bases reguladoras da subvención.

2. Cando a subvención se concedese para financiar investimentos ou gastos de distinta natureza, a execución deberá axustarse á distribución acordada na resolución de concesión e, salvo que as bases reguladoras ou a resolución de concesión establezan outra cousa, non se poderán compensar uns conceptos con outros.

3. Nos casos previstos no punto 1 do artigo 21º deste regulamento, procederá o reintegro proporcional se o custo efectivo final da actividade resulta inferior ao orzado.

Artigo 75º.-Reintegro por incumprimento da obriga de xustificación.

1. Cando, transcorrido o prazo outorgado para a presentación da xustificación, esta non se efectuase ou a xustificación resultase insuficiente segundo o exixido nas bases reguladoras, acordarase o reintegro da subvención, logo do requirimento establecido no punto 2 do artigo 45º deste regulamento.

2. Entenderase incumprida a obriga de xustificar cando a Administración, nas súas actuacións de comprobación ou control financeiro, detectase que na xustificación realizada polo beneficiario se incluísen gastos que non respondesen á actividade subvencionada, que non supuxesen un custo susceptible de subvención, que fosen xa financiados por outras subvencións ou recursos, ou que se xustificasen mediante documentos que non reflectisen a realidade das operacións.

3. Nestes supostos, sen prexuízo das responsabilidades que puidesen corresponder, procederá o reintegro da subvención correspondente a cada un dos gastos anteriores cuxa xustificación indebida detectase a Administración.

Artigo 76º.-Reintegro por incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión do financiamento público recibido.

Procederá o reintegro por incumprimento da adopción das medidas de difusión do financiamento público recibido cando o beneficiario non adopte as medidas establecidas nas bases reguladoras nin as medidas alternativas propostas pola Administración e previstas no artigo 20º.2 deste regulamento.

CAPÍTULO II PROCEDEMENTO DE REINTEGRO

SECCIÓN PRIMEIRA DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 77º.-Regras xerais.

1. No acordo polo cal se inicie o procedemento de reintegro, deberán indicarse a causa que determina o seu inicio, as obrigas incumpridas e o importe da subvención afectado.

2. O acordo seralle notificado ao beneficiario ou, se é o caso, á entidade colaboradora, e concederanlle un prazo de quince días para que alegue ou presente os documentos que considere pertinentes.

3. O inicio do procedemento de reintegro interromperá o prazo de prescrición de que dispón a Administración para exixir o reintegro, de acordo co establecido no artigo 35 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Se transcorrido o prazo ao que se refire o punto 2 o beneficiario non presentase alegacións, o órgano competente poderá, sen máis trámite, resolver o procedemento de reintegro nos mesmos termos contidos no acordo de inicio do procedemento.

5. A resolución do procedemento de reintegro identificará, cando menos, ao obrigado ao reintegro, as obrigas incumpridas, a causa de reintegro e o importe do principal da subvención que se vaia reintegrar.

6. A resolución do procedemento de reintegro pon fin á vía administrativa.

7. A recadación do reintegro tramitarase, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación aprobada pola consellería competente en materia de economía e facenda.

SECCIÓN SEGUNDA PROCEDEMENTO DE REINTEGRO POR PROPOSTA DA INTERVENCIÓN XERAL DA COMUNIDADE AUTÓNOMA

Artigo 78º.-Inicio do procedemento de reintegro por proposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

1. Cando das actuacións de control financeiro de subvencións realizadas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma se puxese de manifesto a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas na lei, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma proporá no seu informe o inicio do procedemento de reintegro.

2. O órgano concedente deberá manifestar a súa conformidade ou desconformidade total ou parcial coa proposta de inicio de expediente de reintegro no prazo dun mes desde a recepción do informe.

3. No caso de manifestar a conformidade, o órgano concedente acordará o inicio do procedemento de reintegro. O acordo deberá adoptarse no prazo dun mes desde a comunicación da conformidade e deberá incluír o contido da proposta de inicio de procedemento de reintegro formulada pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. O acordo seralle notificado ao beneficiario ou á entidade colaboradora. O órgano concedente remitirá copia do acordo de inicio á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. No caso de manifestar a desconformidade, esta deberá estar motivada e se comunicará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma no prazo dun mes desde a recepción do informe.

Artigo 79º.-Informe de actuación.

1. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma emitirá informe de actuación dirixido ao órgano concedente cando se dea algún dos seguintes supostos:

a) Que, tendo transcorrido o prazo dun mes desde a recepción do informe de control financeiro, non lle manifestase á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a súa conformidade ou desconformidade total ou parcial co contido do informe de control financeiro.

b) Que, tendo manifestado a súa conformidade co informe de control financeiro, non iniciase a instrución do expediente de reintegro no prazo previsto no punto 3 do artigo anterior.

c) Que o órgano concedente manifeste a súa desconformidade total ou parcial co informe de control financeiro e esta non sexa aceptada pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Se é o caso, o informe de actuación remitirase, ademais, ao titular da consellería da que dependa ou á que estea adscrito o órgano concedente.

2. O órgano concedente, no prazo máximo de dous meses a partir da recepción do informe de actuación, manifestará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a súa conformidade ou discrepancia co seu contido.

3. No suposto de que o órgano concedente manifestase a súa conformidade, deberá realizar as actuacións precisas para que se inicie o procedemento de reintegro ou de declaración de perda do dereito ao cobramento da axuda.

No prazo dun mes contado desde a comunicación á que se refire o parágrafo anterior, o órgano concedente deberalle comunicar á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o inicio da instrución do procedemento que corresponda. Esta comunicación indicará a data de notificación ao interesado.

4. No suposto de que o órgano concedente manifestase a súa desconformidade ou non ofrecese resposta ningunha a el no prazo sinalado no punto 2, a Intervención Xeral poderá elevar, a través do/a titular da consellería competente en materia de economía e facenda, o referido informe á consideración do Consello da Xunta. A decisión adoptada polo Consello resolverá a discrepancia.

Artigo 80º.-Trámite de alegacións.

1. Recibida a notificación do inicio do procedemento de reintegro, o interesado poderá presentar as alegacións e a documentación que considere oportunas no prazo de quince días.

2. As alegacións e documentación presentada poderán facer referencia aos feitos manifestados no informe de control financeiro que motivaron o inicio do procedemento.

3. Non se terán en conta no procedemento feitos, documentos ou alegacións presentados polo suxeito controlado cando, podendo achegalos no control financeiro, non o fixese.

4. Cando o control financeiro finalizase como consecuencia de resistencia, escusa, obstrución ou negativa, unicamente serán admisibles alegacións e documentación tendentes a constatar que tal circunstancia non se produciu durante o control, sen que caiba emendar a falta de colaboración unha vez concluído o control financeiro.

5. En calquera momento durante o trámite de alegacións poderá o interesado admitir o reintegro. Neste caso procederase á devolución do importe correspondente segundo o disposto no artigo 64º deste regulamento, sen prexuízo das sancións que, se é o caso, poidan recaer en aplicación do disposto no título IV da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 81º.-Valoración de alegacións.

1. Se o beneficiario ou o suxeito controlado non presentase alegacións, o órgano competente poderá, sen máis trámite, resolver o procedemento de reintegro, nos mesmos termos contidos no acordo de inicio do procedemento.

2. Cando á vista das alegacións presentadas, a valoración que destas realice o órgano concedente confirme a proposta contida no informe da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, resolverase o expediente de reintegro de acordo coa dita proposta.

Artigo 82º.-Informes de reintegro.

1. Cando á vista das alegacións presentadas, a valoración que das mesmas realice o órgano concedente se aparte da proposta contida no informe da Intervención Xeral, antes de ditar a resolución do procedemento o órgano concedente deberá dar traslado das alegacións presentadas polo beneficiario xunto co seu parecer á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que deberá emitir un informe de reintegro.

2. O informe, que deberá ser emitido no prazo dun mes desde a recepción completa da documentación, tomará como punto de partida o informe de control financeiro, valorará as alegacións e o parecer do órgano concedente e concluirá concretando o importe de reintegro que se vaia exixir. O informe de reintegro será remitido ao órgano concedente e o titular da súa consellería de adscrición.

Artigo 83º.-Resolución do procedemento de reintegro.

1. Á vista do informe de reintegro, o órgano concedente ditará resolución acerca do procedemento de reintegro.

2. Cando o órgano concedente non comparta o criterio recollido no informe de reintegro, con carácter previo á resolución tramitará discrepancia nos termos establecidos no artigo 101 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Unha vez recaída resolución o órgano concedente dará traslado desta á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. A resolución de reintegro pon fin á vía administrativa.

Artigo 84º.-Información á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Durante o mes seguinte á fin de cada trimestre, o órgano concedente informará á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma das actuacións realizadas durante o trimestre respecto dos procedementos iniciados, así como daqueles que nese período terminasen.

Artigo 85º.-Seguimento de actuacións.

1. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma realizará un seguimento das actuacións de reintegro practicadas en cumprimento do contido dos seus informes. En particular, analizará:

a) Os procedementos de reintegro iniciados polo órgano concedente, de acordo co disposto nos informes de control financeiro.

b) As actuacións realizadas polo órgano concedente nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 79º deste regulamento.

c) As resolucións dos procedementos de reintegro nos que o órgano concedente se separe do criterio recollido no informe de reintegro emitido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Os resultados do seguimento ao que se refire o punto anterior plasmaranse nunha memoria anual. A persoa titular da consellería competente en materia de economía e facenda, por proposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, informará o Consello da Xunta do contido desta memoria.

TÍTULO VI PROCEDEMENTO SANCIONADOR

Artigo 86º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento administrativo sancionador a que se refire o artigo 66 da lei será o regulado polo decreto do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, tanto na súa modalidade de ordinario coma simplificado, coas especialidades recollidas na dita lei e neste regulamento.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos previstos no artigo seguinte, e os órganos e entidades colaboradoras que no exercicio das súas funcións coñezan de feitos que poidan constituír infracción, poñeranos en coñecemento dos órganos competentes para impoñer as sancións. Nas comunicacións faranse constar cantas circunstancias se consideren relevantes para a cualificación da infracción e achegaranse os medios de proba de que dispoñan.

3. Considéranse documentos públicos de valor probatorio nos termos recollidos no artigo 137.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, as dilixencias e os informes en que se documenten as actuacións de control financeiro a que se refire o artigo 48 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 87º.-Tramitación do procedemento sancionador por proposta da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

1. Cando das actuacións de control financeiro realizado pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma se detectase a existencia de feitos susceptibles de constituír sanción, proporá ao órgano competente a apertura dun expediente sancionador.

2. O órgano competente poderá iniciar o procedemento sancionador polos feitos trasladados na proposta ou, alternativamente, comunicaralle á Intervención Xeral os motivos polos cales considera que non procede a apertura do procedemento.

3. Iniciado o procedemento, e no caso de que o interesado presente alegacións, o instrutor deberá solicitar informe da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que terá carácter preceptivo.

4. O informe emitirao a Intervención Xeral no prazo dun mes.

5. Do mesmo xeito se procederá en fase de resolución do procedemento sancionador cando o órgano competente para resolver acorde a realización de actuacións complementarias.

6. O órgano concedente remitirá copia da resolución á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Disposición adicionais

Primeira.-Informes de legalidade.

Os informes que en virtude do disposto neste regulamento deban emitir a Asesoría Xurídica Xeral e a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma serán emitidos polo órgano que se determine nas súas respectivas normativas reguladoras das súas respectivas estruturas.

Segunda.-Réxime de libramentos das transferencias de financiamento.

1. As achegas de natureza corrente libraranse con carácter mensual por doceavas partes, salvo que mediante convenio se regule outro réxime diferente de pagamento.

2. As achegas de capital libraranse atendendo ao ritmo de execución do gasto de capital da entidade.

3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma verificará a correcta aplicación destas achegas mediante o uso das técnicas de fiscalización e auditoría previstas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas normas que a desenvolven.

Terceira.-Subvencións derivadas de situacións de catástrofe e/ou calamidade pública.

As subvencións que teñan por obxecto atender ás necesidades derivadas de situacións de catástrofe ou calamidade pública rexeranse pola súa normativa específica, de acordo co disposto na disposición transitoria primeira da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, que deberá axustarse ao contido da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a este regulamento, salvo naqueles aspectos nos que, pola especial natureza destas subvencións, non resulte aplicable.

Cuarta.-Racionalización da xestión administrativa na xustificación e reintegro en materia de subvencións.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia recollidos no artigo 5.2º da Lei de subvencións de Galicia, poderase considerar plenamente xustificada a subvención no proceso de comprobación, cando o órgano xestor constate que os gastos efectivamente xustificados sexan inferiores á contía do importe subvencionado e esta diferenza dese lugar a unha minoración no importe da subvención ou no importe a reintegrar inferior a 30 euros ou á contía que para eses efectos fixe a consellería competente en materia de economía e facenda.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia