lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 158/2011, do 21 de xullo, polo que se ditan normas de aplicación sobre os documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas, os rexistros e as declaracións de determinadas prácticas no sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 148 03/08/2011

Departamento: Consellería de Medio Rural

Estado: En vigor

PDF

O Regulamento (CE) 436/2009 da Comisión, do 26 de maio de 2009, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 479/2008 do Consello no que respecta ao rexistro vitícola, ás declaracións obrigatorias e á compilación de información para o seguimento do mercado, aos documentos que acompañan o transporte de produtos e aos rexistros que se han levar no sector vitivinícola, establece a normativa básica de aplicación para os documentos que acompañan o transporte de produtos do sector vitivinícola e para os rexistros que se levarán no mencionado sector, en aplicación do artigo 185 quater do R(CE) 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, polo que se crea unha organización común de mercados agrícolas e se establecen disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM).

A experiencia adquirida desde a publicación da Orde do 12 de xuño de 1996, da entón Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, na que se regularon as condicións que debían cumprir o transporte de produtos vitivinícolas e os rexistros que deben levarse no sector vitivinícola galego, as modificacións de que foi obxecto e tendo en conta a nova organización común do mercado vitivinícola, aconsellan facer un novo texto que permita un mellor manexo e cumprimento da normativa aplicable.

Ademais, o R(CE) 606/2009 da Comisión, do 10 de xullo do 2009, que fixa determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 479/2008 do Consello no relativo ás categorías de produtos vitivinícolas, as prácticas enolóxicas e as restricións aplicables, establece a obrigatoriedade de declarar á autoridade competente determinadas prácticas ou tratamentos enolóxicos. Co obxecto de facilitar o cumprimento da normativa vixente en materia de prácticas e tratamentos enolóxicos aos operadores do sector, para que estes poidan acreditar convenientemente ante os organismos de control competentes a realización correcta das ditas prácticas e as características específicas dos produtos elaborados ou comercializados, faise necesario complementar e desenvolver a citada normativa comunitaria, sen prexuízo da súa aplicabilidade directa. Na redacción deste decreto optouse, en determinadas ocasións, por reproducir algúns preceptos que se recollen nos regulamentos comunitarios antes mencionados para unha maior coherencia e claridade do texto, o cal, obviamente se fai sen prexuízo da aplicabilidade directa dos ditos regulamentos.

Por outra banda, como consecuencia da aprobación da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, é necesario revisar a Orde do 18 de marzo de 1997, da citada Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, pola que se ditan normas para a inscrición no rexistro de envasadores e embotelladores de viños e bebidas alcohólicas e dos produtos enolóxicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, os cambios introducidos na estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural polo Decreto 318/2009, do 4 de xuño, fan necesario definir cal é o órgano de control na Comunidade Autónoma galega na materia vitivinícola regulada neste decreto.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confiren os artigos 26 e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, por proposta do conselleiro do Medio Rural, de conformidade co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xullo de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as normas de aplicación do Regulamento (CE) 436/2009 da Comisión, do 26 de maio de 2009, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 479/2008 do Consello no que respecta ao rexistro vitícola, ás declaracións obrigatorias e á compilación de información para o seguimento do mercado, aos documentos que acompañan o transporte de produtos e aos rexistros que se han levar no sector vitivinícola; do R(CE) 606/2009 da Comisión, do 10 de xullo do 2009, que fixa determinadas disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 479/2008 do Consello no relativo ás categorías de produtos vitivinícolas, as prácticas enolóxicas e as restricións aplicables; e da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, no que atinxe ao rexistro de embotellador.

2. Mediante o este decreto regúlanse:

– Os documentos que acompañarán os produtos vitivinícolas cando o inicio do transporte teña lugar nun punto do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e o destino sexa calquera lugar do territorio da Unión Europea.

– Os rexistros que se levarán no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, nos que se anotarán as entradas e saídas de cada produto, as manipulacións efectuadas sobre eles e os produtos empregados nelas.

– As prácticas e tratamentos enolóxicos autorizados, así como as normas administrativas para a súa aplicación.

– O Rexistro de embotellador de viños e outras bebidas alcohólicas distintas do viño.

Artigo 2. Autoridade competente.

A autoridade competente no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para a aplicación do Regulamento (CE) 436/2009, do 26 de maio, o R(CE) 606/2009, do 10 de xullo, e demais normativa específica nos aspectos regulados neste decreto, será a dirección xeral da consellería competente en materia de calidade agroalimentaria que teña atribuída a función relativa ao seu control.

As competencias de control relacionadas con este decreto exerceranse a través do servizo que teña ao seu cargo as funcións de inspección de defensa contra fraudes e calidade alimentaria das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de calidade agroalimentaria, en diante servizo provincial competente.

CAPÍTULO II Documentos de acompañamento para o transporte de produtos vitivinícolas

Artigo 3. Obrigatoriedade dos documentos de acompañamento.

1. Conforme o establecido no artigo 185 quáter do Regulamento (CE) 1234/2007, do 22 de outubro, os produtos do sector vitivinícola deberán circular amparados por un documento oficial. O artigo 24 do Regulamento (CE) 436/2009, do 26 de maio, establece os documentos de acompañamento recoñecidos.

2. Toda persoa física ou xurídica e toda agrupación de persoas, incluídos os/as comerciantes sen almacén, que teñan o seu enderezo ou a súa sede no territorio aduaneiro da Comunidade e que realicen ou fagan realizar o transporte dun produto vitivinícola deberán cubrir, baixo a súa responsabilidade, un documento que acompañe este transporte, no sucesivo denominado «documento de acompañamento».

3. Non se requirirá ningún documento de acompañamento nos casos recollidos no artigo 25 do R(CE) 436/2009, do 26 de maio.

Dadas as particulares características da vitivinicultura galega, cun gran peso das denominacións de orixe, nas que en moitos casos hai distancias relativamente grandes entre os diferentes puntos da área delimitada, a distancia de 40 km á que se refiren os incisos i) e ii) da letra a) do dito artigo amplíase a 70 km.

4. As copias dos documentos de acompañamento deberán ser conservadas como mínimo cinco anos, estando obrigadas as persoas que interviñesen na súa redacción, así como as que as recibisen, a presentalas aos/ás axentes da autoridade competente no momento no que sexan requiridos.

5. A obrigatoriedade dos documentos regulados neste decreto entenderase sen prexuízo daqueloutros cos que deba contar a empresa, o vehículo e/ou o/a condutor/a ao abeiro da normativa específica en materia de transportes.

Artigo 4. Documentos de acompañamento de produtos sometidos a disposicións fiscais.

1. Cando se transporten produtos suxeitos aos trámites de circulación establecidos pola Directiva 2008/118/CE, do Consello, do 16 de decembro de 2008, relativa ao réxime xeral de tenza, circulación e controis dos produtos obxecto de impostos especiais, recoñécense como documentos de acompañamento válidos para os efectos de control vitivinícola:

– Os documentos administrativos de acompañamento e os documentos comerciais cubertos conforme o Regulamento (CE) 684/2009 da Comisión, do 24 de xuño de 2009, polo que se establecen disposicións de aplicación da Directiva 2008/118/CE para os casos de posta en circulación en suspensión de impostos sobre consumos específicos.

– Os documentos de acompañamento simplificados ou os documentos comerciais cubertos conforme o Regulamento (CEE) 3649/1992 da Comisión, do 17 de decembro de 1992, relativo a un documento simplificado de acompañamento na circulación intracomunitaria de produtos suxeitos a impostos especiais, que foran despachados a consumo no Estado membro de partida.

Artigo 5. Documentos de acompañamento para o transporte de produtos non sometidos a disposicións fiscais en materia de circulación e a súa formulación.

1. O transporte de produtos vitivinícolas non suxeitos aos trámites de circulación establecidos na Directiva 2008/118/CE, do Consello, do 16 de decembro de 2008, relativa ao réxime xeral, tenza, circulación e controis dos produtos obxecto de impostos especiais, deberá ir amparado por un documento de acompañamento segundo impreso normalizado que, no caso do transporte de produtos vitivinícolas en recipientes dun volume nominal superior a 60 litros, constará de orixinal e dúas copias, nas que deberá figurar a mención «copia».

2. Os documentos de acompañamento a que se refire este artigo serán confeccionados polo propio expedidor/a conforme o modelo do anexo I deste decreto. O orixinal do documento acompañará a mercadoría e será entregado polo/a transportista á persoa destinataria e a primeira copia quedará en poder da persoa expedidora, que a remitirá ao servizo provincial competente.

3. Cando o transporte dun produto vitivinícola se efectúe en recipientes de máis de 60 litros, o número de referencia do documento de acompañamento será atribuído a cada operador/a polo servizo provincial competente ao que se refire o artigo 2 deste decreto, debendo este figurar preimpreso no documento de acompañamento e formar parte dunha serie continua.

4. Considerarase que o documento de acompañamento foi debidamente cuberto cando inclúa as indicacións recollidas no anexo VI do Regulamento (CE) 436/2009, do 26 de maio. O documento de acompañamento deberá cubrirse de maneira lexible e presentarse con carácteres indelebles. Calquera riscadura, raspadura ou procedemento corrector farao inutilizable.

Artigo 6. Visado dos documentos de acompañamento dos produtos non sometidos a disposicións fiscais en materia de circulación.

1. Os orixinais e copias de todos os documentos de acompañamento que amparen transportes de produtos vitivinícolas realizados en recipientes de volume nominal superior a 60 litros deberán ser validados previamente ao inicio de cada transporte.

2. O visado dos documentos será realizado polo servizo provincial competente ou pola persoa responsable da oficina comarcal agraria onde se iniciou o transporte, ou por parte do expedidor autorizado.

3. Cando se reciban documentos de acompañamento con irregularidades, o receptor comunicarao ao servizo provincial competente no prazo de dous días hábiles seguintes á data de recepción.

Artigo 7. Autorización do visado ás persoas expedidoras.

1. Para que as persoas expedidoras poidan efectuar o visado de documentos de acompañamento de acordo co artigo anterior, deberán solicitar previamente a súa autorización no servizo provincial competente correspondente ao lugar onde realice a súa actividade, segundo o modelo que figura no anexo II deste decreto.

2. O visado será realizado polo/a propio/a expedidor/a autorizado/a, mediante un selo das dimensións e características establecidas no anexo III deste decreto –letra a) para a uva de vinificación, letra b) para o resto de produtos vitivinícolas- ou unha impresión de características e dimensións idénticas.

3. En aplicación do disposto no artigo 33 do R(CE) 436/2009 da Comisión, do 26 de maio de 2009, a autoridade competente, no caso de infracción grave das disposicións comunitarias do sector vitivinícola ou das disposicións nacionais adoptadas en aplicación destas, ou cando esta autoridade teña sospeitas fundadas dunha infracción deste tipo, poderá retirar a autorización de visado concedida.

4. As autorizacións para o visado de documentos de acompañamento que amparen a uva de vinificación serán válidas unicamente para a campaña que se solicite, sendo o modelo do selo o indicado no anexo III letra a) deste decreto.

5. Todas as persoas expedidoras de documentos de acompañamento deberán remitir ao servizo provincial competente onde radique a súa actividade, con anterioridade ao día 10 de cada mes, unha copia de cada un dos documentos de acompañamento dos transportes realizados durante o mes anterior.

Artigo 8. Certificacións de denominación de orixe (DOP) ou indicación xeográfica protexida (IXP).

1. En aplicación do artigo 31.2 do R(CE) 436/2009 da Comisión, do 26 de maio, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a certificación de orixe dos viños con denominación de orixe protexida (DOP) corresponde aos respectivos consellos reguladores. Para os viños acollidos a unha indicación xeográfica protexida (IXP), a certificación de orixe será realizada polo Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal).

2. A certificación de orixe ou procedencia dos produtos vitivinícolas figurará no recadro Certificados do correspondente documento de acompañamento.

3. A persoa expedidora do documento de acompañamento presentarao ao Consello Regulador ou ao Ingacal, segundo corresponda, para que este faga constar nel a certificación de orixe co selo, a data e sinatura da persoa que certifica, anotando no recadro reservado a certificados as seguintes lendas:

– Para os viños DOP: «Este documento ten valor de certificado de denominación de orixe protexida para os viños que nel figuran».

– Para os viños con IXP: «Este documento ten valor de certificado de indicación xeográfica protexida para os viños que nel figuran».

4. A certificación de orixe poderá ser realizada polos/as operadores/as comerciais pertencentes a unha denominación de orixe protexida (DOP) ou a unha indicación xeográfica protexida (IXP) no caso de que os ditos produtos circulen amparados por un documento electrónico dentro do sistema de control de movementos de impostos especiais. Para estes efectos, os órganos de control establecerán, dentro das súas competencias, o sistema de información destes movementos.

5. Se o transporte dun viño con DOP ou IXP se efectúa en recipientes de volume inferior a 5 litros provistos de dispositivo de peche, o documento de garantía e control será a contraetiqueta ou o precinto emitido polo Consello Regulador correspondente ou polo Ingacal, segundo corresponda.

CAPÍTULO III Rexistros da contabilidade vitivinícola

Artigo 9. Obrigatoriedade dos rexistros da contabilidade vitivinícola.

1. De acordo co disposto no artigo 36 do R(CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009, as persoas físicas ou xurídicas e as agrupacións de persoas que, para o exercicio da súa profesión ou con fins comerciais, teñan no seu poder, baixo calquera concepto, un produto vitivinícola, deberán levar unha contabilidade vitivinícola mediante rexistros, nos que anotarán, en particular, as entradas e saídas do dito produto, así como as manipulacións que se efectúen e os produtos empregados nestas.

2. En aplicación do establecido no artigo 37.3 do R(CE) 436/2009, do 26 de maio, non están obrigados a levar os rexistros aos que se refire a alínea anterior, ademais dos supostos sinalados nos puntos 1 e 2 do dito artigo, as persoas físicas ou xurídicas e as agrupacións de persoas que posúan ou poñan á venda exclusivamente produtos vitivinícolas en pequenos recipientes axustados ás condicións de presentación da letra b), inciso i) do artigo 25 do dito regulamento, sempre que en todo momento se controlen as súas entradas, saídas e existencias mediante outros xustificantes, en particular, os documentos comerciais utilizados na contabilidade financeira.

Artigo 10. Clases de rexistros.

1. En aplicación do artigo 38.2 do R(CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009, os rexistros serán levados por empresa e no lugar mesmo onde se atopen os produtos.

2. De acordo co artigo 39 do citado R(CE) 436/2009, do 26 de maio, levaranse contas distintas para cada categoría de produto, e deberán axustarse aos modelos establecidos no anexo IV deste decreto.

3. Os modelos de libros de rexistro que se recollen no anexo IV son os que a continuación se relacionan:

– Libro rexistro de entradas e saídas de viños.

– Libro rexistro de entradas e saídas de viños sen DOP/IXP con dereito á indicación de variedade e colleita.

– Libro de entradas e saídas para viños con DOP/IXP.

– Libro de embotellamento de viños.

– Libro de embotellamento para viños con DOP/IXP.

– Libro de embotellamento de viños sen DOP/IXP con dereito á indicación de variedade e colleita.

– Libro rexistro de procesos de elaboración.

– Libro rexistro de movemento de produtos para procesos de elaboración e prácticas enolóxicas.

– Libro rexistro de prácticas enolóxicas.

– Libro rexistro de elaboración de viños espumosos.

– Libro rexistro de elaboración de viño de licor.

– Libro rexistro de embotellamento de viño de licor.

– Libro rexistro de embotellamento de espumosos gasificados.

– Libro rexistro de embotellamento de viños de agulla gasificados, aromatizados e alcoholizados.

4. A cada un dos procesos de elaboración que debe ser rexistrado correspóndelle o seguinte código:

– Elaboración de espumosos: 1.

– Elaboración de viños espumosos gasificados: 2.

– Elaboración de viños de agulla: 3.

– Elaboración de viños de agulla gasificados: 4.

– Elaboración de viño de licor: 5.

– Elaboración de viños alcoholizados: 6.

– Elaboración de viño aromatizado: 7.

– Mestura de viño: 8.

– Elaboración licor de tiraxe: 9.

– Elaboración licor de expedición: 10.

5. Os libros de rexistro estarán formados por follas fixas numeradas consecutivamente, tanto para entradas como para saídas, debendo dilixenciarse, previamente á súa apertura, polo servizo provincial competente correspondente ao lugar onde se localicen as instalacións.

Artigo 11. Excepcións á obrigatoriedade de levanza de libros de rexistro.

Os/as produtores/as que comercialicen a súa propia produción e esta non supere os 5.000 litros por campaña e non procedan ao seu embotellamento, nin efectúen ningunha práctica enolóxica sometida a rexistro, poden levar os rexistros constituídos polas anotacións no reverso das declaracións anuais de produción.

Artigo 12. Conservación dos rexistros.

Os libros de rexistro ou as anotacións no reverso das declaracións, así como os documentos relativos ás operacións que figuran neles, deberán conservarse durante 5 anos contados desde a data do seu peche.

Artigo 13. Normas de levanza dos rexistros.

1. As anotacións de entradas e saídas nos libros de rexistro deberán indicar para cada operación o número de control, a data, a cantidade real de entradas e saídas, o tipo de produto, a graduación alcohólica ou, de ser o caso, a densidade; e cando se trate dun transporte, o número oficial de referencia que identifique inequivocamente o documento de acompañamento.

2. As anotacións nos libros de rexistro efectuaranse, polo que respecta ás entradas, como moi tarde o día hábil seguinte ao da recepción e, polo que respecta ás saídas, como moi tarde, o terceiro día hábil seguinte ao do envío. As entradas de mosto nas adegas de molturación poderán reflectirse nun só asento diario para cada tipo de produto, indicando a cantidade obtida. O asento realizado basearase en documentos xustificativos que sexan valorados pola autoridade competente.

En canto a prácticas enolóxicas, procesos de elaboración e movementos de produtos para as ditas prácticas e procesos, haberá que aterse ao disposto na alínea 1 letras b) e c) do artigo 45 do Regulamento (CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009.

3. As anotacións nos libros de rexistro corresponderanse rigorosamente coas cantidades reais de entradas ou saídas e coas que figuran nas declaracións de produción e de existencias, debendo anotarse cada asento de forma individual, en especial, en canto a tipo de produto, grao alcohólico, densidade ou volume.

4. Se na etiquetaxe ou comercialización dos produtos vitivinícolas se desexase facer mención da variedade de uva, o ano de colleita, a procedencia xeográfica ou outros datos permitidos na designación e presentación, deberanse facer constar inescusablemente estas indicacións nos puntos Designación do produto ou «observacións» en todos os asentos dos libros de rexistro que se refiran ás partidas que interviñeron na elaboración.

5. Todos os recipientes de almacenamento deben estar numerados e coa indicación do seu volume nominal, así como coas indicacións referidas no parágrafo anterior, de acordo co establecido na alínea 3 do artigo 40 do mencionado R(CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009. Así mesmo, cando nunha mesma instalación coexistan diferentes produtos vitivinícolas, estes deberán estar identificados.

6. A escritura utilizada nos asentos dos libros de rexistro deberá facerse de forma lexible e indeleble. Non será admisible que se fagan a lapis nin deixando entreliñas en branco.

7. As descualificacións das partidas dos viños con DOP/IXP serán consideradas saídas dos libros de rexistro correspondentes e daranse como entradas nos que correspondan en función das características que reúnan as ditas partidas. No punto Observacións do libro de rexistro correspondente quedará reflectida esta circunstancia

Artigo 14. Dispoñibilidade dos rexistros.

Os libros de rexistro e os documentos que xustifican as anotacións nos rexistros deberán estar á disposición das unidades que teñan ao seu cargo as funcións de inspección de defensa contra fraudes e calidade alimentaria durante o curso das inspeccións no lugar onde estean depositados os produtos.

Artigo 15. Incidencias.

1. Considérase como perda derivada do almacenamento e de manipulacións o 3% do volume total das entradas reais.

2. Se na realización dun aforo da adega se comprobase que os datos non coinciden coas existencias reais asentadas no libro de rexistro, dentro da tolerancia establecida no punto anterior, deixarase constancia deste feito e procederase a comunicarllo ao servizo provincial competente no prazo de 48 horas, contado desde o día hábil seguinte ao que se efectuou a anotación.

3. Nos rexistros admitiranse as seguintes tolerancias:

– Na indicación do grao alcohólico adquirido, unha tolerancia do ± 0,2% vol.

– Na indicación do contido de azucre, unha tolerancia do 3%.

4. No caso de que a discrepancia nos datos reflectidos nos documentos de acompañamento fose superior ao 1,5% da tolerancia establecida no anexo VI do R(CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009, procederase a comunicalo ao servizo provincial competente dentro das 48 horas seguintes, anotándose os datos reais nos rexistros.

Artigo 16. Peche anual de libros de rexistro.

1. As contas dos rexistros pecharanse o 31 de xullo, coincidindo co inventario anual de existencias. Anotarase o resultado do balance final de entradas e saídas de cada produto contabilizadas nos libros, tendo en conta as características destes por tipo, graduación, variedades de vide e cantos datos se desexen facer constar na súa designación e presentación.

Simultaneamente realizarase o aforo das existencias reais na adega e se este non coincidise co resultado do balance anterior, realizarase un asento de regularización deixando constancia escrita do desfase producido.

A apertura das contas da seguinte campaña realizarase o 1 de agosto, anotando na seguinte páxina de «entradas» en branco, as existencias reais de cada produto por tipo, graduación, variedades de vide e cantos datos se desexe facer constar na súa designación e presentación. Estas deberán coincidir exactamente coas indicadas na correspondente declaración de existencias.

2. As saídas de produtos que, pola súa cantidade, destino ou outra causa, non requiran documento de acompañamento, anotaranse diariamente no libro rexistro con indicación do motivo da exención.

De igual forma actuarase no caso do autoconsumo ou de saídas para a venda directa a consumidores/as.

Artigo 17. Libros rexistros en adegas con viños acollidos a diferentes niveis de protección.

No caso de que nunha mesma adega haxa viños acollidos a diferentes niveis de protección, levarase un libro rexistro para cada produto e tipo de anotación sometida a rexistro. Non obstante, os libros rexistro de movementos de produtos para procesos de elaboración, os de prácticas enolóxicas e os de procesos de elaboración poderán ser únicos por industria.

Artigo 18. Rexistros informatizados.

Conforme a letra a) da alínea 1 do artigo 38 do R(CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009, a dirección xeral competente en materia de calidade agroalimentaria establecerá unha aplicación informática de levanza dos rexistros vitivinícolas a que fai referencia este decreto, que será facilitada aos operadores comerciais que queiran utilizala.

Mentres non se estableza a dita aplicación informática, só se autoriza a levanza mediante soporte informático dos rexistros dos embotellamentos, e sempre logo de solicitude de autorización á dita dirección xeral.

CAPÍTULO IV Prácticas e tratamentos enolóxicos

Artigo 19. Prácticas e tratamentos enolóxicos sometidos a rexistro.

As prácticas enolóxicas do aumento artificial do grao alcohólico natural, acidificación, desacidificación, edulcoración, tratamento mediante carbóns de uso enolóxico ou tratamento con ferrocianuro potásico, fitato de calcio ou ácido DL-tartárico, adición de dicarbonato de metilo, intercambiadores de catións, tratamento por electrodiálise, emprego de resinas de intercambio iónico, adición de xofre e anacos de madeira de carballo, deberán anotarse no correspondente rexistro de prácticas enolóxicas previsto na alínea 2 do artigo 10 deste decreto.

Artigo 20. Produtos enolóxicos sometidos a rexistro.

Os operadores comerciais que teñan no seu poder, baixo calquera concepto, algún dos seguintes produtos, deberán anotalos no libro rexistro de movementos de produtos para procesos de elaboración e prácticas enolóxicas:

– Sacarosa.

– Mosto de uva concentrado.

– Mosto de uva concentrado rectificado.

– Produtos utilizados para a acidificación.

– Produtos utilizados para a desacidificación.

– Alcohois e augardentes de viño.

Artigo 21. Prácticas sometidas a comunicación.

1. A realización das prácticas enolóxicas da edulcoración, acidificación-desacidificación e aumento artificial do grao alcohólico natural estarán condicionadas á presentación dunha declaración efectuada polos operadores, conforme o modelo indicado no anexo V.

2. A comunicación da práctica da edulcoración recollido no parágrafo anterior, deberá estar en poder da autoridade competente, como moi tarde, 48 horas antes do día no que se realice. Para a acidificación e desacidificación, poderá ser comunicada ata o segundo día seguinte a aquel no que se efectuou a primeira operación no transcurso dunha campaña, sendo está válida para o conxunto das operacións da campaña.

Artigo 22. Prácticas sometidas a condicións específicas.

Os tratamentos nos que se vaian empregar ferrocianuro potásico, fitato cálcico ou ácido DL-tartárico, electrodiálise, tratamento con intercambiadores catiónicos ou emprego de resinas de intercambio iónico, só poderán realizarse baixo o control e responsabilidade dun/ dunha enólogo/a ou técnico/a, autorizado/a pola dirección xeral competente en materia de calidade agroalimentaria, cumprindo ademais as seguintes condicións:

a) Con antelación á execución da práctica presentarase ante o servizo provincial competente unha declaración que incluía o volume de mosto ou viño que se vai tratar, a identificación dos depósitos de almacenamento, o produto enolóxico, a dose que se vai empregar e o/a enólogo/a ou técnico/a responsable do tratamento, acompañando á declaración o boletín de análise do produto no que figuren as determinacións necesarias que xustifiquen a necesidade do tratamento e a dose que se vai empregar.

b) Os/as enólogos/as e técnicos/as que realicen as prácticas indicadas no parágrafo anterior deberán responsabilizarse delas durante todo o proceso, sendo responsables solidarios/ as da correcta realización delas.

c) Unha vez realizado o tratamento, remitirase ao servizo provincial competente o boletín de análises do produto tratado.

Artigo 23. Autorización de prácticas ou tratamentos experimentais.

De acordo co establecido no artigo 4 do R(CE) 606/2009, do 10 de xullo de 2009, a autoridade competente poderá autorizar, con fins experimentais, determinadas prácticas ou tratamentos.

Artigo 24. Etiquetaxe dos produtos enolóxicos.

Os produtos enolóxicos que se elaboren, circulen ou se empreguen na Comunidade Autónoma de Galicia deben conter na súa etiquetaxe, en algún dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma, as seguinte indicacións:

– Denominación do produto.

– Indicacións.

– Modo de emprego.

– Dose máxima que se vai empregar.

– Composición.

– Límite máximo de impurezas.

– Peso ou volume neto.

– Número de lote.

– Nome ou razón social dun responsable establecido na UE.

Esta disposición establécese sen menoscabo do regulamentariamente establecido, especialmente en relación coa pureza e identidade dos produtos enolóxicos.

Artigo 25. Destino dos produtos que non se axusten á norma.

1. Os produtos que non se axusten ás disposicións en vigor serán destruídos. Non obstante, os que se detallan a continuación poderán ter os seguintes destinos:

– Produtos con exceso de acidez volátil: vinagrería.

– Produtos con exceso de sulfuroso: destilación ou vinagrería.

– Produtos con exceso de ácido sórbico: destilación.

– Produtos con exceso de ácido L-ascórbico: destilación.

– Produtos con exceso de ácido cítrico: destilación.

2. Os produtos que non se axusten ás disposicións vixentes deben estar rotulados cunha lenda na que figure: «non apto para o consumo». Debe figurar, así mesmo, unha anotación rexistral e debe darse conta ao servizo provincial competente. A Administración poderá acordar a súa desnaturalización.

3. Todos os produtos sometidos a prácticas non autorizadas serán destruídos.

Artigo 26. Acidificación en varias fases.

No territorio da Comunidade Autónoma de Galicia autorízase a acidificación en varias fases, sempre que non sobrepase os límites previstos no anexo V do R(CE) 479/2008, do 29 de abril.

CAPÍTULO V Rexistro de embotellator de viños e bebidas alcohólicas

Artigo 27. Inscrición no rexistro.

1. No rexistro de embotellator de viños e bebidas alcohólicas deberán inscribirse todas as industrias situadas en Galicia que se dediquen ao embotellamento de viños e bebidas alcohólicas.

Por bebida alcohólica, para os efectos deste decreto, enténdense as bebidas espirituosas reguladas no Regulamento (CE) 110/2008 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xaneiro de 2008, relativo á definición, designación, presentación, etiquetaxe e protección da indicación xeográfica de bebidas espirituosas e polo que se derroga o Regulamento (CEE) 1576/1989, do Consello.

2. Para proceder á inscrición das diferentes industrias embotelladoras será necesaria:

a) A previa inscrición no rexistro sanitario industrial e no rexistro de Industrias Agrarias ao que se refire o artigo 41 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, sen prexuízo do disposto na disposición derradeira primeira.

b) A presentación dunha solicitude, conforme o modelo establecido no anexo VI deste decreto, dirixido ao departamento territorial con competencia en materia de calidade agroalimentaria, na que se fará constar unha relación dos produtos que se van embotellar e as súas marcas.

Artigo 28. Número de rexistro.

Unha vez revisada e aprobada a solicitude, a cada industria embotelladora asinaráselle un número de rexistro. No caso de que unha mesma industria posúa diferentes establecementos con planta de embotellamento, ao número asignado engadirase un díxito que identifique cada una delas.

O número de rexistro figurara nas etiquetas dos produtos embotellados, de acordo co establecido na disposición adicional cuarta da Lei 24/2003, do 10 de xullo.

Artigo 29. Embotellamento por encarga.

No caso de que un operador embotelle produtos para outras adegas, industrias ou marquistas, deberá ter á disposición do servizo provincial competente o contrato do embotellamento ou envasamento feito por encarga.

De acordo co disposto na letra h) da alínea 2 do artigo 41 do R(CE) 436/2009, do 26 de maio de 2009, os embotellamentos por encargo reflectiranse no libro rexistro de embotellamentos, facendo constar o nome e enderezo da persoa embotelladora.

Artigo 30. Responsabilidade sobre a etiquetaxe.

As etiquetas e demais elementos cos que se identifique o embotellamento dos produtos obxecto do rexistro de embotellador de viños e bebidas alcohólicas, serán responsabilidade da persoa embotelladora titular do rexistro que figure nelas, e no caso de embotellamento por encarga, a responsabilidade será solidaria.

Artigo 31. Cambio de titularidade ou cesamento da actividade no rexistro de embotellador.

Os cambios de titularidade ou de domicilio ou o cesamento da actividade deberán ser comunicados ao servizo provincial competente en materia de calidade agroalimentaria onde se localice a industria, no prazo máximo de 30 días.

CAPÍTULO VI Infraccións e sancións

Artigo 32. Infraccións e sancións.

O incumprimento do previsto neste decreto será sancionado de acordo co establecido na Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño. Ademais será de aplicación a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega no relativo a medidas cautelares e obstrución ao labor inspector.

Disposición transitoria única.

Todas as persoas obrigadas á levanza dos rexistros de contabilidade vitivinícola previstos neste decreto, deberán proceder, no prazo de seis meses, ao cambio dos libros rexistros existentes polos modelos que figuran no anexo IV deste decreto.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogada a Orde do 12 de xuño de 1996, pola que se as ditan normas de aplicación sobre os documentos que acompañan o transporte de produtos vitivinícolas e dos rexistros que se deben levar no sector vitivinícola na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 18 de marzo de 1997 pola que se ditan normas para a inscrición nos rexistros de envasadores de viños e bebidas alcohólicas e de produtos enolóxicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Obrigatoriedade de inscrición no rexistro de industrias agrarias.

A obrigatoriedade da inscrición no rexistro de industrias agrarias con carácter previo á inscrición no rexistro de embotellador de viños e bebidas alcohólicas á que se refire a letra a) da alínea 2 do artigo 27, non será de aplicación ata que se produza a regulación de aquel rexistro mediante decreto da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento.

Facúltase o conselleiro do Medio Rural para ditar normas complementarias que resulten necesarias para o cumprimento e a correcta aplicación deste decreto. En particular, queda autorizado para modificar os modelos de impresos que figuran como anexos a este decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xullo de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Comunidade Europea

Documento destinado a acompañar o transporte de produtos vitivinícolas

(RCE 436/2009)

[Documento: dec_CMR------_00158_2011_20110721]

ANEXO III

Selos de validación

a) Auto validación para uva de vinificación:

[figura]

b) Autovalidación para o resto de produtos vitivinícolas:

[figura]

c) Selo validación autoridade competente.

[figura]

ANEXO IV

[documentos]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia