Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 240 11/12/2003
Departamento: Parlamento de Galicia
Estado: En vigor

O obxectivo desta lei é a adaptación da lexislación en materia de taxas e prezos da nosa Comunidade Autónoma á doutrina exposta polo Tribunal Constitucional na Sentencia 185/1995, do 14 de decembro, onde establece uns criterios de definición deses conceptos distintos dos que figuran na nosa lexislación vixente; a sentencia do alto tribunal que fixa eses criterios tiña como motivo un recurso de inconstitucionalidade dirixido contra a Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos do Estado, e nesta, entre outros artigos, decláranse inconstitucionais os que definen aqueles ingresos. Obviamente, aínda que a lexislación vixente na nosa Comunidade, Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, non se ve directamente afectada pola sentencia citada, como os seus conceptos están inspirados nos da lexislación estatal, si que se fai conveniente realiza-la debida adecuación.

A sentencia referida declaraba a inconstitucionalidade de determinados artigos desa lei no sentido de entender que certos ingresos, que ata daquela constituían prezos públicos e quedaban fóra da órbita do principio de reserva de lei, en tanto e en canto participan das notas características das prestacións patrimoniais públicas polo seu grao de continuidade ou necesidade para un adecuado desenvolvemento persoal ou social, necesitan norma con rango de lei para o seu establecemento.

O obxectivo antes manifestado podíase conseguir por dous procedementos posibles: modificando concretamente a lexislación vixente no que fose necesario ou promulgando unha nova lei que a derrogase; optouse pola segunda alternativa por entender que é a mellor fórmula para preserva-lo principio de seguridade xurídica mediante unha maior claridade na normativa.

A lei que se derroga, no que se refire ás taxas, ten o carácter de lei de bases, que foi desenvolvida polo Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril; o uso desa técnica lexislativa estaba xustificado polo estado naquel momento existente de confusión e proliferación de normas que facía difícil un coñecemento práctico e unitario de tódalas tarifas que correspondían ás taxas de toda a actividade da Administración autonómica. Non é a situación actual e polo tanto optouse por establecer esas tarifas nos correspondentes anexos do texto.

A estructura desta lei consta de tres títulos, dúas disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria, catro derradeiras e cinco anexos.

O título I, Disposicións xerais, contén un conxunto de disposicións comúns á totalidade dos instrumentos financeiros e reguladores que se establecen na lei: taxas, prezos e mais exaccións e subvencións reguladoras.

O título II regula os instrumentos financeiros e dedícalle un capítulo a cada un deles: o primeiro ás taxas, o segundo ós prezos públicos e o terceiro ós prezos privados.

As tarifas ou as contías que deben satisfacerse por taxas veñen determinadas nos anexos correspondentes: no primeiro, os supostos da taxa por servicios administrativos; no segundo, os correspondentes á taxa por servicios profesionais, modalidade de actuacións administrativo-facultativas; no terceiro, os da taxa por servicios profesionais, modalidade de actuacións profesionais; no cuarto, os da taxa sobre a venda de bens, e, por último, o quinto anexo contén a taxa pola utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

O título III regula os instrumentos reguladores, as exaccións e as subvencións, xa creadas na Lei 13/1991, e mantén o réxime establecido por esta.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.21 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Título I Disposicións xerais

Artigo 1. Contido da lei.

Esta lei regula os aspectos financeiros da actividade da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, en canto a devandita actividade pretenda determinar ou influír no consumo ou consista na entrega de determinados bens ou na prestación de determinados servicios, en ámbolos casos individualizables. Para estes efectos, entenderase que o consumo dun ben ou servicio é individualizable cando exista unha demanda definida deste, tanto se esta é de carácter voluntario coma se ten a súa orixe nunha obriga legal.

Artigo 2. Tipo de instrumentos.

Nesta lei desenvólvense dous tipos de instrumentos:

a) Os instrumentos financeiros, que son as contraprestacións percibidas como consecuencia da subministración ou utilización de bens ou da prestación de servicios demandados polos suxeitos. Son instrumentos de tipo financeiro os establecidos no título II desta lei.

b) Os instrumentos reguladores, que son os medios utilizables para altera-las contraprestacións esixidas por aqueles bens ou servicios ofrecidos polos suxeitos activos ós que se refire o artigo seguinte. Son instrumentos reguladores os establecidos no título III desta lei.

Artigo 3. Ámbito de aplicación.

Os instrumentos ós que se refire o artigo anterior poderán ser aplicados polos órganos da Administración xeral, os seus organismos autónomos e as entidades de dereito público dependentes ou que estean vinculadas a calquera deles, encadrables todos eles dentro da Administración pública da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Réxime orzamentario e aplicación obrigatoria.

1. Os ingresos derivados da aplicación dos instrumentos regulados nesta lei e percibidos polos suxeitos ós que se refire o artigo 3 estarán destinados a satisface-lo conxunto das súas obrigas respectivas, agás que excepcionalmente e por medio de lei se estableza a súa afectación para fins determinados.

2. O rendemento proveniente deles aplicarase integramente ó orzamento de ingresos que corresponda, e o seu ingreso deberase realizar nas caixas do tesouro da Facenda galega ou, a través das entidades financeiras colaboradoras, nas contas autorizadas pola consellería competente en materia de facenda.

3. Cando os suxeitos referidos no artigo 3 entreguen bens ou presten servicios para os que exista demanda, deberanse aplica-los instrumentos financeiros que sexan utilizables de acordo coas normas desta lei.

4. Para este fin, todo proxecto de creación dunha entidade ou incluso de oferta dun novo ben ou servicio, independentemente doutros requisitos, deberá ir acompañado dunha memoria económica elaborada pola consellería correspondente, na que, ademais de valora-la conveniencia do proxecto, se propoñerán os instrumentos financeiros que, de se-lo caso, sexan aplicables. Idéntico procedemento esixirase para os supostos de modificación das contías dos instrumentos ós que se refire esta lei. Sobre a devandita memoria emitirá informe a consellería competente en materia de facenda.

Artigo 5. Responsabilidades.

1. As autoridades, os funcionarios públicos, os axentes ou asimilados que de forma voluntaria e culpable esixan indebidamente un instrumento financeiro dos establecidos nesta lei ou que o fagan en contía superior á establecida incorrerán en falta disciplinaria moi grave, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que puidesen derivar da súa actuación.

2. Cando adopten na mesma forma resolucións ou realicen actos que infrinxan esta lei e as demais normas que regulamentan esta materia, estarán obrigados ademais a indemnizaren a Facenda pública polos prexuízos causados.

Artigo 6. Normativa aplicable.

1. Os instrumentos financeiros regulados nesta lei rexeranse polas normas contidas nela e polas normas regulamentarias dictadas no seu desenvolvemento.

2. Serán aplicables o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e maila Lei xeral tributaria e as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como aquelas disposicións dictadas no seu desenvolvemento, en canto resulten aplicables, de acordo co réxime xurídico establecido nesta lei en concreto para cada instrumento financeiro.

3. Os instrumentos financeiros transferidos no marco da transferencia de competencias do Estado á Comunidade Autónoma ou das corporacións locais galegas á Comunidade Autónoma rexeranse polo disposto nas disposicións transitorias dos decretos de traspaso. No caso de silencio das normas de traspaso, serán aplicables as normas autonómicas en tódolos seus termos, a excepción do disposto no parágrafo seguinte, desde o momento no que teña efectividade o traspaso das competencias, dos servicios ou dos bens que dean lugar ó instrumento financeiro correspondente.

Nos supostos de prestacións de servicios, realizacións de actividades ou entrega de bens a consecuencia da transferencia de competencias do Estado ou das corporacións locais galegas á Comunidade Autónoma esixirase, de se-lo caso, a contía establecida na correspondente normativa estatal ou local no momento da transferencia ata o momento no que esta sexa establecida polo correspondente acto normativo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Título II Instrumentos financeiros

Capítulo I Taxas

Sección 1ª Disposicións xerais

Artigo 7. Concepto.

Son taxas da Comunidade Autónoma de Galicia os tributos creados por lei ou transferidos polas súas corporacións locais ou polo Estado no marco da transferencia de servicios e competencias a esta, das que o seu feito impoñible consiste na utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia ou na entrega de bens, a prestación de servicios ou a realización de actividades en réxime de dereito público por parte dos suxeitos activos ós que se refire o artigo 3 desta lei, que se refiran, afecten ou beneficien de modo particular o suxeito pasivo, sempre que se produza calquera das circunstancias seguintes:

Primeira.-Que a entrega de bens, a prestación de servicios ou a realización de actividades non sexan de solicitude voluntaria para os administrados. Para estes efectos non se considerará voluntaria a solicitude por parte dos administrados:

-Cando veña imposta por disposicións legais ou regulamentarias, ou

-Cando os bens, os servicios ou as actividades requiridos sexan imprescindibles para a vida privada ou social do solicitante.

Segunda.-Que non se entreguen, presten ou realicen polo sector privado, estea ou non establecida a súa reserva a favor do sector público consonte a normativa vixente.

Artigo 8. Normativa aplicable.

1. As taxas da Comunidade Autónoma de Galicia rexeranse polas normas desta lei, polas disposicións legais de cada taxa, de se-lo caso, e mais polas normas regulamentarias dictadas no seu desenvolvemento.

2. Serán aplicables o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e maila Lei xeral tributaria e as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como aquelas disposicións dictadas no seu desenvolvemento.

Artigo 9. Reserva de lei.

1. O establecemento das taxas e a regulación dos seus elementos esenciais faranse mediante norma con rango de lei do Parlamento de Galicia.

2. Para os efectos previstos no apartado anterior son elementos esenciais das taxas: o feito impoñible, o suxeito pasivo, a base impoñible, a cota tributaria e o devengo.

3. Así mesmo, a lei regulará o establecemento, a supresión e a prórroga de exencións e bonificacións.

4. A aplicación dunha taxa establecida a supostos concretos de utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, venda de bens, realización de actividades ou prestación de servicios poderase facer na Lei de orzamentos de cada ano.

Así mesmo, na devandita lei, poderanse modificar e actualiza-las cotas tributarias correspondentes ás taxas vixentes.

5. Non se poderán establecer taxas que non sexan consecuencia da utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia ou da subministración ou entrega, prestación ou realización dalgún ben, servicio ou actividade, respectivamente.

6. Sen prexuízo do establecido no apartado 2, a cota tributaria poderá ser fixada regulamentariamente cando así estea previsto en norma de rango legal e sempre dentro dos límites dispostos por ela.

Artigo 10. Principio de capacidade económica.

En canto as características do tributo o permitan, terase en conta, para a fixación da cota tributaria das taxas, a capacidade económica do suxeito pasivo, en especial cando se establezan consumos ou se impoñan actividades susceptibles de afectaren a tódolos cidadáns.

Artigo 11. Principio de equivalencia.

1. O rendemento total previsible da taxa non poderá exceder, no seu conxunto, do custo total de producción do ben, do servicio ou da actividade.

2. No caso da taxa pola utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia tomarase como referencia o valor de mercado correspondente ou o da utilidade derivada daquela.

Artigo 12. Supostos de non suxeición.

Non se lles esixirán taxas ós suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta lei.

Artigo 13. Clases de taxas.

1. Por esta lei establécense as taxas seguintes:

a) A taxa por servicios administrativos.

b) A taxa por servicios profesionais.

c) A taxa por venda de bens.

d) A taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando as actuacións solicitadas ou que se realicen acerca dun mesmo suxeito pasivo comporten o devengo de diferentes taxas, deberanse aplicar tódalas taxas e modalidades que correspondan.

3. Así mesmo, a aplicación dunha taxa que lle autorice ou permita unha actividade ó suxeito pasivo esixirase sen prexuízo da do prezo público ou privado que, de acordo coas normas desta lei, puidese implica-lo exercicio efectivo da actividade autorizada.

Artigo 14. Devengo.

1. As taxas devengaranse segundo a natureza do feito impoñible:

a) Cando se conceda a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando se inicie a prestación do servicio, se realice a actividade ou se entregue o ben, sen prexuízo da posibilidade de esixi-lo seu depósito previo.

b) Cando se presente a solicitude que inicie a actuación ou o expediente, que non será realizada ou tramitado sen que se efectúe o pagamento correspondente.

2. Cando as taxas se devenguen periodicamente, tras notifica-la liquidación correspondente á alta no respectivo rexistro, padrón ou matrícula, poderanse notificar colectivamente as sucesivas liquidacións mediante anuncios no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 15. Cota tributaria.

1. A cota tributaria poderá:

-Consistir nunha cantidade fixa sinalada para o efecto,

-Determinarse por aplicación dun tipo de gravame sobre unha base impoñible,

-Establecerse por aplicación de ámbolos métodos conxuntamente.

2. As cotas tributarias das taxas establecidas por algún dos métodos contidos no apartado anterior terán en conta o custo medio real ou previsto para a entrega do ben, a prestación do servicio ou a realización da actividade da que se trate, ou, no seu defecto, o valor da prestación recibida, agás na taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, que se fixará tomando como referencia o valor de mercado correspondente ou o da utilidade derivada daquela. Noutro caso, deberase sinala-la correspondente subvención reguladora.

3. Para a determinación das cotas tributarias das taxas establecidas nas letras a), b) e c) do apartado 1 do artigo 13 tomaranse os custos directos e indirectos, incluso os de carácter financeiro, amortización do inmobilizado, custos de investimento e, de se-lo caso, os necesarios para garanti-lo mantemento, a expansión e o desenvolvemento razoable do ben, o servicio ou a actividade gravada pola taxa, máis unha normal rendibilidade dos recursos investidos.

4. Cando se estableza un novo suposto de aplicación dunha taxa no exercicio do establecido no artigo 9.4 desta lei ou se modifiquen as cotas tributarias vixentes, sempre que non se trate da actualización anual á que se refire o apartado 6 seguinte, deberase elaborar unha memoria económico-financeira que conterá como mínimo información relativa ós custos directos e indirectos que contribúan á formación do custo total do servicio ou da actividade, consonte o disposto no punto anterior, así como unha previsión tocante ó custo unitario que lle corresponde a aquel e mais unha proposta da cota tributaria aplicable.

5. Cando a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia leven aparellado unha destrucción ou deterioración del non previstas na memoria económico-financeira, o beneficiario, sen prexuízo do pagamento da cota tributaria correspondente, estará obrigado ó reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrucción ou reparación. De os danos resultaren irreparables, a indemnización consistirá nunha contía igual ó valor dos bens destruídos ou ó importe da deterioración dos danados.

6. As cotas tributarias revisaranse como mínimo cada cinco anos, baseándose nos rexistros de gastos e ingresos e na correspondente memoria económico-financeira sobre o custo e a actividade realizada. Non obstante, estas cotas tributarias poderán ser obxecto de actualización anual na Lei de orzamentos en función das variacións do custo económico motivadas pola fluctuación dos índices dos prezos ó consumo e dos incrementos das retribucións do persoal adscrito ós mencionados órganos, organismos autónomos ou entidades de dereito público.

Artigo 16. Pagamento.

1. O pagamento das taxas poderase esixir ben en calquera momento entre a solicitude e o devengo ou ben no momento da solicitude cando esta coincida co devengo.

Tamén se poderá esixi-la anticipación ou o depósito previo do importe total ou parcial das taxas na forma que, por proposta da consellería competente en materia de facenda, se determine regulamentariamente.

2. Os suxeitos activos ós que se refire o artigo 3 desta lei denegarán a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, a entrega do ben, a prestación do servicio ou a realización da actividade cando o suxeito pasivo incumpra o pagamento. Así mesmo devolverá as cantidades que percibise cando, por causas non imputables ó suxeito pasivo, non se levase a cabo o feito impoñible.

3. O pagamento das taxas efectuarase mediante ingreso no tesouro da Facenda galega, de acordo coas modalidades regulamentariamente establecidas.

4. Poderase autorizar igualmente o pagamento das taxas mediante o emprego de efectos timbrados da Comunidade Autónoma de Galicia nos termos que regulamentariamente se determinen.

5. O pagamento das taxas poderase adiar ou fraccionar na forma e nas condicións regulamentariamente determinadas. Nestes casos, as cotas adiadas devengarán o xuro de mora vixente e deberanse garantir mediante hipoteca, peñor, aval bancario ou outra garantía suficiente, agás que sexan inferiores á cifra que por orde fixe o conselleiro competente en materia de facenda.

6. A Administración esixirá pola vía de constrinximento as débedas tributarias polas taxas devengadas e non satisfeitas nos prazos establecidos regulamentariamente, de acordo coa normativa que sexa aplicable.

Artigo 17. Xestión

1. Con carácter xeral, a xestión e a liquidación de cada taxa corresponderanlles ós suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta lei que concedan a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, subministren o ben, presten o servicio ou realicen a actividade gravados.

2. A fiscalización, o control contable e as funcións de inspección financeira e tributaria, así como a potestade sancionadora en materia tributaria, correspóndenlle á consellería competente en materia de facenda. As funcións relativas ós procedementos de recadación corresponderanlle á consellería competente en materia de facenda e levarana os órganos de recadación que regulamentariamente e por proposta desta se determinen.

3. Regulamentariamente, por proposta da consellería competente en materia de facenda, determinaranse os supostos nos que de forma obrigatoria os suxeitos pasivos deberán practica-la operación de autoliquidación das taxas e o conseguinte ingreso no tesouro da Facenda galega.

4. Toda institución ou entidade pública que conceda a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, subministre bens, preste servicios ou realice actividades, polos que perciba taxas, virá obrigada a levar rexistros separados tanto dos gastos en que incorra na realización dos supostos anteriores coma dos ingresos obtidos polas taxas.

Artigo 18. Responsables.

A normativa legal reguladora de cada taxa, de se-lo caso, poderá sinala-la responsabilidade solidaria ou subsidiaria daquelas persoas físicas ou xurídicas que, distintas do suxeito pasivo, estean interesadas ou relacionadas cos supostos que dean lugar ó devengo da taxa.

Artigo 19. Reclamacións e recursos.

1. Os actos de xestión das taxas da Comunidade Autónoma serán obxecto de recurso en reposición con carácter potestativo perante o órgano que dictou o acto.

2. Contra a resolución do recurso de reposición ou contra os actos de xestión, se non se interpuxo aquel, poderase presentar recurso perante a Xunta Superior de Facenda, da que as resolucións esgotan a vía económico-administrativa.

Artigo 20. Prescrición e réxime sancionador.

Todo o relativo á prescrición e mais ás infraccións e sancións rexerase pola Lei xeral tributaria e as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como por aquelas disposicións dictadas no seu desenvolvemento.

Sección 2ª Taxa por servicios administrativo

Artigo 21. Feito impoñible.

1. Constitúe feito impoñible da taxa por servicios administrativos a prestación, por parte dos suxeitos relacionados no artigo 3 desta lei, de calquera servicio administrativo que se refira, afecte ou beneficie dun modo particular os suxeitos pasivos, en cada unha das modalidades seguintes:

a) Modalidade de autorizacións: pola concesión de autorizacións, permisos, licencias, guías, expedición de títulos, dilixenciamento de libros e, en xeral, documentos que faculten o suxeito pasivo para realizar unha actividade sometida legalmente á devandita condición previa.

b) Modalidade de rexistro: pola inscrición en rexistros, matrículas ou relacións mantidas pola Administración en tanto que resulte obrigado para o desenvolvemento dunha actividade ou o exercicio dun dereito por parte do suxeito pasivo.

c) Modalidade de certificacións: pola verificación de documentos, expedición de certificacións, copia de arquivos e elaboración de documentos acreditativos de información que conste en arquivos ou rexistros públicos.

2. Non se esixirá a taxa por servicios administrativos cando se trate de compulsas ou cotexos de documentos que se deban achegar a solicitudes, escritos ou comunicacións presentados polo cidadán e realizados no ámbito de actuación dos rexistros consonte o disposto no artigo 38.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes da taxa as persoas físicas ou xurídicas que soliciten ou provoquen as actuacións administrativas que constitúen o feito impoñible.

2. Tamén terán a consideración de suxeitos pasivos as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades carentes de personalidade xurídica que constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de tributación.

Artigo 23. Exencións.

1.-A expedición de certificados de retribucións satisfeitas pola Xunta de Galicia co obxecto de xustificación en relación co imposto sobre a renda das persoas físicas.

2.-A expedición de certificados e compulsa que o persoal da administración solicite respecto de necesidades propias do posto de traballo ou da relación de servicios.

3.-Os alumnos por calquera actuación en materia de ensinanzas non universitarias.

4.-As compulsas realizadas nas oficinas de emprego para os desempregados na tramitación de expedientes que sexan competencia das devanditas oficinas.

5.-A inscrición nas convocatorias para a selección de persoal da Comunidade Autónoma, logo de xustificación documental, solicitada polas persoas con minusvalía igual ou superior ó 33%.

6.-A expedición de certificados relativos á situación fiscal.

7.-O Estado e os demais entes públicos territoriais ou institucionais, sempre que os servicios ou as actividades dos que sexan beneficiarios se presten ou realicen no marco do principio de colaboración entre administracións.

8.-As víctimas de actos terroristas así como os seus cónxuxes e os seus fillos por calquera actuación en materia educativa realizada en centros oficiais de estudios en tódolos niveis de ensino.

9.-Os membros dos organismos consultivos da Administración pública galega respecto dos certificados emitidos polos devanditos organismos.

Artigo 24. Devengo.

A taxa devengarase no momento no que se presente a solicitude para a prestación dos devanditos servicios administrativos.

Artigo 25. Tarifas.

A taxa esixirase de acordo coas tarifas relacionadas no anexo 1 desta lei.

Sección 3ª Taxa por servicios profesionais

Artigo 26. Feito impoñible.

1. Constitúe feito impoñible da taxa por servicios profesionais a prestación, por parte de profesionais facultativos ó servicio dos suxeitos relacionados no artigo 3 desta lei, dos servicios que se refiran, afecten ou beneficien dun modo particular os suxeitos pasivos, logo de solicitude destes, en cada unha das seguintes modalidades:

a) Modalidade de actuacións administrativo-facultativas: servicios administrativos, análogos ós sometidos á taxa por servicios administrativos, cando a súa prestación require que se leve a cabo baixo a dirección dun profesional facultativo.

b) Modalidade de actuacións profesionais: servicios de asesoramento, consulta, dirección técnica de obras, emisión de informes, análises, dictames ou opinións profesionais e, en xeral, actividades que esixen a cualificación que ten o profesional que as presta.

2. No suposto das tarifas 08 e 36 da modalidade de actuacións administrativo-facultativas, relacionadas no anexo 2, constitúe o feito impoñible a prestación das actividades realizadas polos suxeitos ós que fai referencia o apartado anterior para preserva-la saúde pública e a sanidade animal, mediante a práctica de inspeccións e controis sanitarios de animais e as súas carnes frescas destinadas ó consumo, así como doutros productos de orixe animal, efectuados polos facultativos dos servicios correspondentes, tanto nos locais ou establecementos de sacrificio, despezamento e almacenamento frigorífico, sitos en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coma os demais controis e análises realizadas nos centros habilitados para o efecto.

Para os efectos da exacción do tributo, as actividades de inspección e control sanitario que se inclúen dentro do feito impoñible da tarifa 08 da modalidade de actuacións administrativo-facultativas catalóganse da seguinte forma:

a) Inspeccións e controis sanitarios ante mortem para a obtención de carnes frescas de gando bovino, porcino e xabarís, ovino, caprino e outros ruminantes, coellos e caza menor de pluma e pelo, solípedos- équidos, aves de curral e outras especies.

b) Inspeccións e controis sanitarios post mortem dos animais sacrificados para a obtención das mesmas carnes frescas.

c) Control documental das operacións realizadas no establecemento.

d) Control e selado das canais, vísceras e sobras destinadas ó consumo humano, así como marcaxe das pezas obtidas nas salas de despezamento.

e) Control das operacións de almacenamento de carnes frescas para o consumo humano, desde o momento no que así se estableza, agás as relativas a pequenas cantidades realizadas en locais destinados á venda ós consumidores finais.

Para os efectos da exacción do tributo, as actividades de inspección e control sanitario que se inclúen dentro do feito impoñible da tarifa 36 da modalidade de actuacións administrativo-facultativas catalóganse da seguinte forma:

-Control de determinadas substancias e residuos en animais e os seus productos, na forma prevista pola normativa vixente.

3. No suposto da tarifa 99 da modalidade de actuacións profesionais, relacionada no anexo 3, o feito impoñible estará constituído, segundo cada caso, polas seguintes operacións:

-Na tarifa X-1, a utilización das augas do porto, instalacións de sinais marítimos e balizamento, canles de acceso, esclusas (sen incluí-lo amarre, o remolque ou a sirgaxe nela) e pontes móbiles, obras de abrigo e zonas de ancoraxe, e seralles aplicable na contía e nas condicións que se indican no anexo 3 a tódolos barcos que entren nas augas do porto.

-Na tarifa X-2, o uso das obras de atracada e dos elementos fixos de amarre e defensa, e seralles aplicable na contía e nas condicións que se indican no anexo 3 a tódolos barcos que utilicen as obras e os elementos antes sinalados que fosen construídos total ou parcialmente pola Administración portuaria ou que sexan propiedade dela.

-Na tarifa X-3, a utilización polas mercadorías e polos pasaxeiros que embarquen, desembarquen, transborden ou efectúen tránsito marítimo ou terrestre das zonas de manobra, manipulación e tránsito, dos accesos e vías de circulación terrestres viarias e ferroviarias e doutras instalacións portuarias fixas. Así mesmo, inclúese no feito impoñible a súa utilización polas mercadorías ou polos pasaxeiros que accedan ou saian da zona de servicio do porto por vía terrestre sen utilizar en ningún momento a vía marítima, agás que teñan como orixe ou destino instalacións fabrís, de transformación, loxísticas ou de almacenaxe situadas na zona de servicio do porto.

-Na tarifa X-4, a utilización polos buques pesqueiros en actividade e os productos da pesca marítima fresca das augas do porto, das instalacións de balizamento, dos peiraos, das bacías, das zonas de manipulación e mais dos servicios xerais ou de policía.

-Na tarifa X-5, a utilización polas embarcacións deportivas ou de lecer, e polos seus tripulantes e pasaxeiros, das augas do porto e das súas instalacións de balizamento, das axudas á navegación, das bacías, dos accesos terrestres e viais de circulación dos portos, dos servicios xerais de policía e, de se-lo caso, das instalacións de ancoraxe e atracada en peiraos ou embarcadoiros, así como dos servicios específicos dispoñibles.

-Na tarifa E-1, a utilización dos guindastres convencionais ou non especializados.

-Na tarifa E-2, a utilización de explanadas, alpendres, pendellos, almacéns, depósitos, locais e edificios, cos seus servicios xerais correspondentes, non explotados en réxime de concesión.

-Na tarifa E-3, a subministración de productos ou enerxía e a utilización das instalacións para a súa prestación.

-Na tarifa E-4, calquera outro servicio prestado por Portos de Galicia, non enumerado nas restantes tarifas e que se estableza especificamente en cada porto ou se preste logo de solicitude polos peticionarios.

-Na tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servicios, a actividade que realice a Administración portuaria, dirixida á aplicación do réxime de autorizacións administrativas para o exercicio de actividades comerciais, industriais e de servicios na zona de ámbito portuario.

Artigo 27. Suxeito pasivo.

1. É suxeito contribuínte da taxa por servicios profesionais a persoa natural ou xurídica que solicite ou á que se lle preste calquera dos servicios que figuran nos anexos 2 e 3.

2. Así mesmo, terán a consideración de suxeitos pasivos as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades que, carecendo de personalidade xurídica, constitúen unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de tributación.

3. Na tarifa 27 da modalidade de actuacións profesionais, que se relaciona no anexo 3, será suxeito pasivo substituto do contribuínte a empresa concesionaria do servicio de inspección técnica de vehículo.

4. Un.-Son suxeitos pasivos obrigados ó pagamento, segundo a tarifa de que se trate, as seguintes persoas ou entidades:

1.-Na tarifa 08 da modalidade administrativo-facultativa, relacionada no anexo 2:

a) No caso da tarifa relativa ás inspeccións e ós controis sanitarios oficiais ante mortem e post mortem dos animais sacrificados, selado de canais, vísceras e sobras destinadas ó consumo humano, os titulares da explotación dos establecementos onde se leve a cabo o sacrificio ou se practique a inspección.

b) Na tarifa relativa ó control das operacións de despezamento:

1) As mesmas persoas ou entidades determinadas na letra a) anterior, cando as operacións de despezamento se realicen no mesmo matadoiro.

2) Os titulares da explotación dos establecementos dedicados á operación de despezamento de forma independente, nos demais casos.

c) Na tarifa relativa ó control de almacenamento, desde o momento no que se fixen, os titulares da explotación dos citados establecementos.

2.-Na tarifa 36 da modalidade administrativo-facultativa, relacionada no anexo 2:

-Na tarifa relativa ó control de substancias e residuos en animais e os seus productos, os titulares da explotación dos establecementos onde se leven a cabo os citados controis e análises.

Dous.-Os suxeitos pasivos anteriores deberanlles trasladar, cargando o seu importe en factura, a taxa correspondente ós interesados que solicitasen a prestación do servicio ou para os que se realicen as operacións de sacrificio, despezamento, almacenamento ou control de determinadas substancias e residuos animais e os seus productos descritos no artigo 26.2, e procederán posteriormente ó seu ingreso a favor da Comunidade Autónoma, na forma que regulamentariamente se estableza.

No caso de que o interesado, á súa vez, lle adquirise o gando en vivo a un terceiro, para sacrificio, poderá esixir deste o importe da taxa correspondente ó concepto da tarifa 36 da modalidade administrativo-facultativa.

Tres.-Entenderase que son interesados non só as persoas físicas ou xurídicas que soliciten os mencionados servicios, senón tamén as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades que, aínda que non teñan personalidade xurídica de seu, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado.

5. Na tarifa 99 da modalidade de actuacións profesionais, relacionada no anexo 3, serán suxeitos pasivos as seguintes persoas ou entidades:

-Das tarifas X-1 e X-2, os armadores ou os seus representantes ou os consignatarios dos barcos que utilicen os servicios gravados.

-Da tarifa X-3, os armadores ou os consignatarios dos barcos que utilicen o servicio e os propietarios do medio de transporte cando a mercadoría entre e saia do porto por medios exclusivamente terrestres.

-Da tarifa X-4, o armador do buque ou quen na súa representación realice a primeira venda.

O suxeito pasivo deberá facer repercuti-lo importe da tarifa X-4 sobre o primeiro comprador da pesca, de o haber, polo que este queda obrigado a soporta-la devandita repercusión, que se fará constar de maneira expresa e separada na factura ou no documento equivalente. As controversias que se susciten entre o suxeito pasivo e o comprador repercutido serán da competencia da Xunta Superior de Facenda.

-Da tarifa X-5, con carácter solidario, o titular da embarcación ou o seu representante autorizado e, de se-lo caso, o titular do dereito de uso preferente do amarre ou da ancoraxe. Nas zonas de concesión nas que o titular desta se subrogue na obriga dos suxeitos pasivos, nos termos establecidos na regra décimo primeira, letra b), desta tarifa X-5, o concesionario será o substituto do contribuínte e terá que cumprir no lugar daquel as obrigas formais e materiais derivadas da obriga tributaria.

-Da tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servicios:

a) O titular da concesión ou autorización de ocupación do dominio público.

b) O titular da autorización de actividade, cando o exercicio desta non leve consigo a ocupación do dominio público.

Artigo 28. Bonificacións.

Establécese unha bonificación dun 25%do importe das tarifas desta taxa que se deben satisfacer cando estean comprendidas na solicitude de autorización, ampliación, modificación ou traslado de establecementos industriais e se realicen os trámites a través das oficinas de tramitación única de industrias (OTUI) da consellería competente en materia de industria.

Artigo 29. Responsables.

1. Serán responsables subsidiarios, nos supostos e co alcance previsto no artigo 40 da Lei xeral tributaria, os administradores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral que se dediquen ás actividades para as que a súa inspección e control xera o devengo das tarifas 08 e 36 da modalidade administrativo-facultativa.

2. Na tarifa 99 da modalidade de actuacións profesionais, serán responsables subsidiarios:

-Do pagamento da tarifa X-3, os propietarios da mercadoría e, no seu defecto, os seus representantes autorizados, agás que proben que lles fixeron provisión de fondos ós responsables principais.

-Do pagamento da tarifa X-4, o primeiro comprador da pesca, agás que demostre que soportou efectivamente a repercusión, e o representante do armador, de se-lo caso.

-Do pagamento da tarifa X-5, o capitán da embarcación e/ou seu patrón habitual.

-Do pagamento da tarifa E-1, os propietarios das mercadorías e, no seu defecto, os seus representantes autorizados, agás que proben que lles fixeron a estes provisión de fondos.

Artigo 30. Exencións.

Quedarán exentos desta taxa os supostos seguintes:

1.-Polos servicios xerais establecidos na tarifa 99 da modalidade de actuacións profesionais:

a) Os barcos de guerra e as aeronaves militares nacionais. Igualmente os estranxeiros que, en réxime de reciprocidade, non realicen operacións comerciais e sempre que a súa visita teña carácter oficial ou de arribada forzosa.

b) As embarcacións dedicadas polas administracións públicas a labores de vixilancia, investigación, protección e rexeneración costeira, represión do contrabando, salvamento, loita contra a contaminación marítima, ensinanzas marítimas e, en xeral, a misións oficiais da súa competencia.

c) O material e as embarcacións da Cruz Vermella Española dedicadas ós labores propios que ten encomendados esta institución.

2. O Estado e os demais entes públicos territoriais ou institucionais, sempre que os servicios ou as actividades dos que sexan beneficiarios se presten ou realicen no marco do principio de colaboración entre administracións.

3. Quedarán exentas da tarifa 22, «Actuacións en materia de vivenda», a promoción, cesión e rehabilitación polo Estado de vivendas de protección oficial de interese xeral, así como as actuacións da Comunidade Autónoma e das corporacións locais en materia de promoción ou rehabilitación.

Artigo 31. Devengo.

1. A taxa devengarase cando se inicie a prestación do servicio.

2. A taxa que corresponde satisfacer polas tarifas 08 e 36 da modalidade administrativo-facultativa devengarase no momento no que se leven a cabo as actividades de inspección e control sanitario de animais e os seus productos, nos establecementos ou nas instalacións nos que se desenvolven estas, sen prexuízo de que se esixa o seu pagamento previo cando a realización do control sanitario se inicie por solicitude do suxeito pasivo ou do interesado.

Na tarifa 08 da modalidade administrativo-facultativa, no caso de que nun mesmo establecemento e por solicitude do interesado se realicen en forma sucesiva as tres operacións de sacrificio, despezamento e almacenamento, ou dúas delas en fases igualmente sucesivas, o total da contía da taxa determinarase de forma acumulada ó inicio do proceso, con independencia do momento do devengo das cotas correspondentes, sen prexuízo do previsto nas regras de acumulación.

3. Na tarifa 99 da modalidade por actuacións profesionais, a taxa devengarase, en cada caso:

-Na tarifa X-1, cando o barco entrase nas augas de calquera das zonas do porto.

-Na tarifa X-2, cando o barco atracase ó peirao. A atracada contarase desde a hora para a que se autorizase ata o momento de larga-la última amarra do peirao.

-Na tarifa X-3, cando se inicien as operacións de paso das mercadorías ou dos pasaxeiros polo porto.

-Na tarifa X-4, cando se inicien as operacións de embarque, desembarque ou transbordo dos productos da pesca en calquera punto das augas ou da zona terrestre baixo a xurisdicción do organismo portuario.

-Na tarifa X-5, cando a embarcación entre nas augas do porto ou no recinto portuario.

-Na tarifa E-1, desde o momento de posta á disposición do correspondente guindastre.

-Na tarifa E-2, entenderase que o inicio da prestación do servicio se produce na data de reserva do espacio solicitado.

-Na tarifa polo exercicio de actividades comerciais, industriais e de servicios, producirase no momento da notificación do outorgamento da autorización de actividade ou da concesión ou autorización de ocupación do dominio público portuario respecto do ano en curso. Nembargantes, no suposto de que por execución de obras e outras causas xustificadas se producise unha demora no inicio da actividade, o devengo da taxa non se producirá ata o momento no que esta se inicie. Nos anos sucesivos o devengo producirase o 1 de xaneiro.

Artigo 32. Tarifas.

A taxa esixirase de acordo coas tarifas contidas nos anexos 2 e 3 desta lei, para as modalidades de actuacións administrativo-facultativas e actuacións profesionais, respectivamente, e entenderanse co imposto sobre o valor engadido, de se-lo caso, a excepción da tarifa 99 prevista no anexo 3.

Sección 4ª Taxa sobre a venda de bens

Artigo 33. Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa sobre a venda de bens a entrega por parte dos suxeitos relacionados no artigo 3 desta lei dos bens solicitados.

2. No caso de que a subministración do ben consista en entregas parciais, o feito impoñible entenderase realizado en cada unha delas.

Artigo 34. Suxeito pasivo.

1. É suxeito pasivo da taxa sobre a venda de bens a persoa física ou xurídica solicitante do ben en cuestión.

2. Así mesmo, terán a consideración de suxeitos pasivos desta taxa as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades que, carecendo de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición.

Artigo 35. Exencións.

Quedarán exentos desta taxa os organismos, as entidades e as autoridades que conforman a distribución institucional na venda das publicacións do Instituto Galego de Estatística.

Artigo 36. Devengo.

1. A taxa devengarase no momento da entrega do ben.

2. No caso de que a entrega do ben se realice de xeito periódico como consecuencia da realización dunha subscrición polo suxeito pasivo, a taxa devengarase no momento no que se realice a devandita subscrición.

Artigo 37. Tarifas.

A taxa esixirase de acordo coas tarifas contidas no anexo 4 desta lei e entenderase co imposto sobre o valor engadido, de se-lo caso.

Sección 5ª Taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 38. Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 39. Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos desta taxa os titulares dos permisos de ocupación temporal, concesións administrativas ou calquera outra autorización, cando teñan por obxecto a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 40. Bonificacións e exencións.

Á tarifa 02 contida no anexo 5 seranlle aplicables as bonificacións e exencións que se relacionan a seguir:

a) Cando os suxeitos pasivos realicen investimentos en obras de recheo, consolidación ou mellora de terreos. A contía da bonificación determinarase en función do investimento realizado, de conformidade coa escala que se estableza regulamentariamente, atendendo ó tipo de obra e ó seu custo, e non poderá exceder do 50% da contía correspondente á ocupación das augas do porto ou, de se-lo caso, dos terreos.

b) Cando o obxecto da concesión consista na urbanización e comercialización de zonas de almacenaxe e de actividades loxísticas, a contía de bonificación determinarase en función do investimento privado realizado, de conformidade coa escala que se estableza regulamentariamente, atendendo ó tipo de obra e ó seu custo, e non poderá exceder do 40% da contía correspondente á ocupación de terreos. Esta bonificación non se poderá aplicar durante un período superior ó establecido para a finalización de cada fase de urbanización no título concesional.

c) Cando o titular da concesión ou autorización sexa algún órgano das administracións públicas e o obxecto destas sexan actividades de interese social e cultural. O importe desta bonificación será do 50% da contía correspondente á ocupación de terreos.

d) Cando a ocupación do dominio público portuario teña por destino a construcción e/ou explotación de lonxas, fábricas de xeo e naves de redes, a contía da taxa terá unha bonificación do 90%.

e) Nas concesións ou autorizacións de dominio público portuario outorgadas a entidades náuticas ou culturais sen ánimo de lucro para actividades de ensinanza da náutica deportiva ou de conservación ou recuperación de embarcacións tradicionais terá unha bonificación do 90% no que se refire exclusivamente a estas actividades, sempre que non sexan obxecto de explotación económica.

f) Estarán exentos do pagamento da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio portuario:

-Os órganos e as entidades das administracións públicas cando estean directamente relacionados con actividades de vixilancia, de represión do contrabando, de protección civil de salvamento e de loita contra a contaminación mariña ou coa defensa nacional.

-As corporacións locais cando se trate de actividades encadradas entre as súas finalidades públicas e estas non sexan obxecto de explotación económica.

g) A Cruz Vermella Española está exenta do pagamento da taxa por utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público portuario respecto das actividades marítimas propias que esta institución ten encomendadas.

Por orde da consellería competente en materia de portos e por proposta do ente público Portos de Galicia, concretaranse as condicións, as escalas e os criterios necesarios para a aplicación das bonificacións previstas nos anteriores supostos, partindo dos elementos esenciais contidos nestes

Artigo 41. Devengo.

1. A taxa devéngase no momento da notificación do outorgamento do permiso de ocupación temporal, da concesión administrativa ou de calquera outra autorización, respecto do ano en curso e o 1 de xaneiro nos sucesivos anos.

2. Na tarifa 02 contida no anexo 5, nos supostos de concesións nos que o termo inicial se vincule á data de extinción doutra concesión ou á data de remate de obras que executa a autoridade portuaria, o devengo producirase nesas datas o primeiro ano e o 1 de xaneiro nos sucesivos anos.

Artigo 42. Tarifas.

1. A taxa esixirase de acordo coas tarifas relacionadas no anexo 5 desta lei.

2. As tarifas prorratéanse en función do tempo de gozo da concesión ou autorización durante o primeiro ano e o último de duración daquelas, computándose o tempo en meses enteiros e arredondándose para estes efectos o número de meses ó enteiro inmediatamente superior.

3. No caso da tarifa 02 contida no anexo 5 será aplicable o seguinte:

a) A base sobre a que se aplica o tipo de gravame establecido actualizarase anualmente na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral dos prezos ó consumo para o conxunto nacional total (IPC) no mes de outubro. A devandita actualización será efectiva a partir do día 1 de xaneiro seguinte.

b) A tarifa 02 contida no referido anexo non abrangue o imposto sobre o valor engadido correspondente.

c) A tarifa será esixible por adiantado coas actualizacións e, de se-lo caso, revisións que se efectúen, e nos prazos que figuren nas cláusulas da concesión ou autorización, que non poderán ser superiores a un ano. Nembargantes, Portos de Galicia poderá autorizar pagamentos a conta da taxa por prazos superiores para financia-la execución de obras a cargo desta.

d) No suposto de que Portos de Galicia convoque concursos para o outorgamento das concesións ou autorizacións, os pregos de bases poderán conter, entre os criterios para a súa resolución, o que os licitadores oferten importes adicionais ós establecidos para esta taxa. Neste caso, o tipo da taxa virá determinado pola suma de dous compoñentes:

a) A porcentaxe vixente no momento do devengo.

b) A mellora determinada polo adxudicatario na proposición sobre a que se realiza a concesión, expresada en puntos porcentuais.

Capítulo II Prezos públicos

Artigo 43. Concepto.

Son prezos públicos as contraprestacións pecuniarias percibidas polos suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servicios ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito público cando, prestándose tamén tales servicios ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados; para estes efectos enténdese que os servicios sociais, sanitarios e educativos se prestan en réxime de dereito público.

Artigo 44. Normativa aplicable.

1. En todo o non previsto nesta lei os prezos públicos obxecto dela regularanse polo disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nas súas normas de desenvolvemento.

2. Aplicaranse de forma supletoria a Lei xeral tributaria e as demais disposicións xerais en materia tributaria, así como as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 45. Obrigados ó pagamento.

Estarán obrigados ó pagamento dos prezos públicos os que, en cada caso, determine a norma que os estableza.

Artigo 46. Contía dos prezos públicos.

1. Os prezos públicos fixaranse na contía que cubra como mínimo os custos económicos derivados do servicio ou das actividades prestadas.

2. Cando existan razóns de interese público que o xustifiquen, poderanse sinalar prezos públicos en contía inferior á indicada no apartado anterior, logo de adopción das previsións orzamentarias precisas para a cobertura da parte de custo subvencionada.

Artigo 47. Fixación de prezos públicos.

1. Os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería da que dependa o órgano ou a entidade oferente. A devandita proposta incluirá necesariamente unha memoria económica que deberá conter como mínimo o seguinte:

a) Información suficiente respecto do custo de prestación dos bens ou servicios de que se trate.

b) Xustificación da política de prezos proposta, a cal deberá en todo caso resultar suficiente para cubri-los custos totais, sen prexuízo da posible subvención reguladora correspondente.

2. Sobre a proposta á que se refire o apartado anterior deberá emitir informe favorable a consellería competente en materia de facenda.

Artigo 48. Xestión.

1. A xestión dos prezos públicos correspóndelles ós suxeitos relacionados no artigo 3, perceptores destes, que deberán:

a) Levar rexistros separados de ingresos e gastos, de xeito que resulte posible a súa determinación tanto conxuntamente coma polo tipo de ben ou servicio producido.

b) Poñer en coñecemento do órgano da Administración da comunidade do que dependan calquera situación económica adversa que provoque un desequilibrio orzamentario da súa xestión.

c) En todo caso, someteranse regularmente ós controis e ás inspeccións que correspondan pola consellería competente en materia de facenda.

2. Os ingresos derivados de prezos públicos estarán sometidos ó réxime orzamentario da entidade perceptora.

3. Os prezos públicos poderanse esixir desde que se efectúe a entrega dos bens ou se inicie a prestación dos servicios que xustifican a súa esixencia.

Tamén poderá esixirse a anticipación ou o depósito previo do importe total ou parcial dos prezos públicos na forma que, por proposta da consellería competente en materia de facenda, se determine regulamentariamente.

4. O pagamento dos prezos públicos realizarase en efectivo ou mediante emprego de efectos timbrados ou doutros instrumentos de pagamento que autorice a consellería competente en materia de facenda.

5. As funcións relativas ós procedementos de recadación corresponderanlle á consellería competente en materia de facenda e levarana os órganos de recadación que regulamentariamente e por proposta desta se determinen.

6. As débedas por prezos públicos poderanse esixir mediante o procedemento administrativo de constrinximento.

7. Cando por causas non imputables ó obrigado ó pagamento do prezo non se realice a actividade ou non se preste o servicio, procederá a devolución do importe que corresponda.

Artigo 49. Reclamacións e recursos.

Contra os actos de xestión poderase presentar recurso na vía económico-administrativa perante a Xunta Superior de Facenda, sen prexuízo do dereito a interpoñer previamente, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o órgano que dictou o acto. A resolución das reclamacións económico-administrativas esgotará a vía administrativa.

Capítulo III Prezos privados

Artigo 50. Concepto.

Son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta lei pola prestación de servicios ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servicios ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados.

Artigo 51. Fixación.

Os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, logo de informe favorable da de Economía e Facenda, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado no que operen, sen prexuízo de que excepcionalmente se poidan aplicar subvencións reguladoras. Para estes efectos, a consellería correspondente remitiralle á de Economía e Facenda o proxecto normativo xunto coa memoria económica na que se xustifiquen os aspectos anteriores. A norma que fixe estes prezos deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 52. Xestión.

A xestión dos prezos privados correspóndelles ós suxeitos relacionados no artigo 3 desta lei, quedando así mesmo sometidos ás obrigas enumeradas no artigo 48.1.

Artigo 53. Réxime xurídico.

Os actos, os negocios e, en xeral, as relacións xurídicas que deriven das actuacións económicas das entidades oferentes que teñan unha contraprestación que deba cualificarse como prezo privado de acordo co artigo 49 rexeranse polas normas de ordenación xurídica privada que resulten aplicables.

Título III Instrumentos reguladores

Artigo 54. Concepto.

1. Son instrumentos reguladores as exaccións ou, de se-lo caso, as subvencións utilizadas co obxecto de influír sobre o consumo de determinados bens ou servicios.

2. A aplicación dunha exacción reguladora determinará unha tarifa para o consumidor ou usuario superior ó importe normalmente percibido pola institución ou entidade oferente do ben ou servicio do que se trate. Pola contra, a utilización dunha subvención reguladora permitirá aplicarlles ós consumidores prezos ou tarifas inferiores ó custo de producción dos bens ou servicios.

Artigo 55. Establecemento de instrumentos reguladores.

1. O establecemento de calquera exacción ou subvención reguladoras deberase facer mediante norma con rango de lei. Na lei de creación das exaccións reguladoras recolleranse os seus elementos esenciais así como a finalidade da intervención que se pretende.

2. Na Lei de orzamentos de cada ano poderanse modifica-los elementos determinantes da contía das exaccións reguladoras sempre que non se altere o seu propósito ou natureza. Nesta mesma lei ofrecerase información global respecto das compensacións ou subvencións que puidesen comporta-la venda de bens e a prestación de servicios cando o oferente sexa un dos suxeitos ós que se refire o artigo 3 desta lei.

Artigo 56. Reclamacións e recursos.

As exaccións reguladoras teñen natureza tributaria e, en consecuencia, os actos administrativos derivados da súa aplicación serán obxecto de recurso na vía económico-administrativa como previa á interposición, de se-lo caso, dos recursos contencioso-administrativos.

Disposición adicional primeira.-Xunta Superior de Facenda.

O Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma creado na disposición adicional primeira da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, pasará a denominarse Xunta Superior de Facenda.

Disposición adicional segunda.-Revisión e reducción das tarifas das taxas.

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 15.6 desta lei e agás que a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dispoña outra cousa, no período quinquenal 2004-2008, as taxas de contía fixa elevaranse ata a cantidade resultante da aplicación dos coeficientes que se relacionan a seguir para cada ano ás contías esixibles o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior:

[figura]

Estes coeficientes seranlles aplicables ás contías que, con carácter mínimo ou máximo, se establecen en todo tipo de tarifas calquera que sexa a forma de establecemento da súa cota tributaria.

Considéranse taxas de contía fixa aquelas que non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou cando esta non se valora en unidades monetarias.

Exceptúanse deste incremento as tarifas das taxas que se recadan mediante efectos timbrados.

2. A tarifa portuaria X-5 contida no apartado 99 do anexo 3 e aplicable ás embarcacións deportivas e de lecer terá unha reducción do 20% nos portos situados na comarca da Costa da Morte.

Esta reducción aplicarase de oficio e será acumulable ás demais reduccións e bonificacións xerais establecidas nas regras xerais de aplicación desta taxa.

Disposición transitoria única.-Títulos vixentes á entrada en vigor desta lei.

As autorizacións e concesións por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario da Comunidade Autónoma de Galicia ou para o exercicio de actividades comerciais, industriais e de servicios, vixentes á entrada en vigor desta lei, deberanse adaptar ó disposto nesta lei co respecto ás correspondentes taxas.

Portos de Galicia, considerando o tempo transcorrido desde a entrada en vigor da concesión, a amortización das obras efectuadas e mailos resultados económicos da explotación, poderá efectuar unha aplicación lineal do incremento durante un prazo de tres anos.

Disposición derrogatoria única.-Derrogación de determinadas normas legais.

Quedan derrogadas cantas normas se opoñan ó establecido por esta lei, e, en particular, a Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, agás as súas disposicións adicionais primeira e segunda, así como o Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira.-Modificación da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifícase o apartado 2 do artigo 54 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«2. As concesións outorgaranse para unha finalidade concreta, con determinación do seu obxecto e límites, sendo esixible como contraprestación a contía da taxa que resulte vixente no momento do seu devengo».

Disposición derradeira segunda.-Modificación da Lei 6/2002, do 27 de decembro.

Engádeselle unha nova letra d) ó artigo 28.Dous da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, coa seguinte redacción:

«d) Para financia-las variacións de activos financeiros que sexan considerados como tales desde o punto de vista do SEC 95».

Disposición derradeira terceira.-Desenvolvemento regulamentario.

A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, desenvolverá regulamentariamente as normas desta lei dentro dos seis meses seguintes á súa entrada en vigor.

Disposición derradeira cuarta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, nove de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Anexo 1

[táboa]

Anexo 2

[táboas]

Anexo 3

[táboas]

Anexo 4

[táboas]

Anexo 5

Taxa por utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia

01. Dominio público en xeral.

Con carácter xeral, e agás que exista tarifa específica, a contía da taxa que se debe satisfacer será a que se fixe por decreto, por proposta da consellería á que estea adscrito o elemento obxecto de concesión e logo de informe favorable da consellería competente en materia de facenda, e determinarase pola aplicación dunha porcentaxe mínima do 2% e máxima do 6% sobre o valor de mercado. Para estes efectos, tomarase como valor de mercado o valor actualizado do ben segundo o Inventario xeral dos bens e dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta a superficie ocupada e a súa situación no inmoble, de se-lo caso.

Cando se utilicen procedementos de licitación pública, o tipo da taxa virá determinado pola suma de dous compoñentes:

a) A porcentaxe vixente no momento do devengo.

b) A mellora determinada polo adxudicatario na proposición sobre a que se realiza a concesión, expresada en puntos porcentuais.

02. Dominio público portuario.

A contía que se debe satisfacer será o resultado de aplica-lo tipo do gravame establecido no apartado 2 sobre a base impoñible definida no apartado 1, que será actualizada anualmente consonte o establecido no artigo 42 desta lei, tendo en conta as regras establecidas a seguir:

1. A base impoñible da taxa será o valor do ben, que se determinará da forma seguinte:

a) Ocupación de terreos. Será o valor dos terreos, que se determinará sobre a base de criterios de mercado. Para este efecto, a zona de servicio dividirase en áreas funcionais, coa asignación ós terreos incluídos en cada unha delas dun valor por referencia a outros terreos do termo municipal ou dos termos municipais próximos con similares usos a cada área, en particular ós cualificados como de uso comercial, industrial ou loxístico e para a mesma ou similar actividade, tomando en consideración o aproveitamento que lles corresponda.

Ademais, no caso de áreas funcionais destinadas a terminais e outras instalacións de manipulación de mercadorías, tomarase en consideración o valor de superficies portuarias que puidesen ser alternativas para os tráficos do referido porto.

Ademais dese valor de referencia, na valoración final dos terreos de cada área deberanse ter en conta o grao de urbanización xeral da zona, a conexión cos diferentes modos e infraestructuras de transporte, a súa accesibilidade marítima e terrestre e maila súa localización e proximidade ás infraestructuras portuarias, en particular, ás instalacións de atracada e áreas abrigadas.

b) Ocupación das augas do porto. Será o valor dos espacios de auga incluídos en cada unha das áreas funcionais nas que se divida a zona de servicio do porto, que se determinará por referencia ó valor dos terreos das áreas da zona de servicio con similar finalidade ou uso ou, de se-lo caso, ó dos terreos máis próximos. Na valoración deberanse ter en conta as condicións de abrigo, profundidade e localización das augas, sen que poida exceder do valor dos terreos de referencia.

Nembargantes, cando o espacio de auga se outorgue en concesión para o seu recheo, o valor desta será o asignado ós terreos de similar utilidade que se atopen máis próximos.

c) Ocupación de obras e instalacións. Estará constituída polos seguintes conceptos:

-O valor dos terreos e das augas ocupados.

-O valor das infraestructuras, superestructuras e instalacións, incluídas a urbanización interna e a pavimentación da parcela en concesión, no momento do seu outorgamento, calculado sobre a base de criterios de mercado, e o valor da súa depreciación anual.

Estes valores, que serán aprobados por Portos de Galicia, permanecerán constantes durante o período concesional, e non lles será aplicable a actualización anual prevista no artigo 42.

Os criterios para o cálculo do valor das obras e instalacións e do valor da súa depreciación aprobaraos o conselleiro competente en materia de portos, por proposta do ente público Portos de Galicia.

d) Cando a ocupación do dominio público portuario inclúa un uso consuntivo del, o valor deste uso será o dos materiais consumidos a prezo de mercado.

2. O tipo de gravame anual aplicado á base impoñible será o seguinte:

a) No suposto de ocupación de terreos e de augas do porto:

-Nas áreas destinadas a usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, ós relativos ó desenvolvemento de servicios portuarios e a outras actividades portuarias comerciais, pesqueiras e náutico-deportivas: o 5%.

-Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e as que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6%.

-Nas áreas destinadas a usos non portuarios: o 7%.

Respecto do espacio de auga para recheo, o 2,5% do valor da base mentres o concesionario efectúa as obras de recheo no prazo fixado na concesión. Ó finalizar este prazo, o tipo será do 5%.

b) No caso de ocupación do voo ou do subsolo de terreos ou espacios somerxidos:

-O 2,5% do valor da base impoñible que corresponda ós respectivos terreos ou augas, agás que o seu uso impida a utilización da superficie. Neste caso o tipo de gravame será o que corresponda de acordo co previsto na letra a) anterior.

c) No caso de ocupación de obras e instalacións:

-Nas áreas destinadas a usos portuarios relacionados co intercambio entre modos de transporte, ós relativos ó desenvolvemento de servicios portuarios e a outras actividades portuarias comerciais, pesqueiras e náutico-deportivas: o 5% dos valores dos terreos, do espacio de auga e das obras e instalacións e o 100% do valor da depreciación anual asignada.

-Nas áreas destinadas a actividades auxiliares ou complementarias das actividades portuarias, incluídas as loxísticas, de almacenaxe e as que correspondan a empresas industriais ou comerciais: o 6% dos valores dos terreos, do espacio de auga e das obras e instalacións, e o 100% do valor da depreciación anual asignada.

-Nas áreas destinadas a usos non portuarios: o 7% dos valores dos terreos, do espacio de auga e das obras e instalacións e o 100% do valor da depreciación anual asignada.

d) No suposto de uso consuntivo: o 100% do valor dos materiais consumidos.

3. Para a determinación do valor dos terreos e das augas do porto, o conselleiro competente en materia de portos aprobará por proposta do ente público Portos de Galicia a correspondente valoración da zona de servicio do porto, de acordo co seguinte procedemento:

a) Elaboración polo ente público da valoración de terreos e augas do porto.

b) Información pública durante un prazo non inferior a vinte días, que será anunciada no diario oficial da Comunidade Autónoma.

c) Remisión do expediente á consellería competente en materia de portos, que solicitará informe da consellería competente en materia de facenda, o cal deberá ser emitido nun prazo non superior a un mes.

d) A orde de aprobación da correspondente valoración será publicada no Diario Oficial de Galicia. Os valores contidos na orde non serán susceptibles de recurso autónomo, sen prexuízo dos que procedan contra a notificación individual conxunta do devandito valor e da nova contía da taxa ós concesionarios e titulares de autorizacións.

e) Tales valoracións, que se actualizarán o 1 de xaneiro de cada ano na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos ó consumo para o conxunto nacional total (IPC) no mes de outubro, poderanse revisar para a totalidade da zona de servicio cada cinco anos e, en todo caso, deberanse revisar cada dez anos. Así mesmo, deberanse revisar cando se aprobe ou modifique o plan de utilización dos espacios portuarios, na parte da zona de servicio que se atope afectada pola devandita modificación ou cando se produza calquera circunstancia que poida afecta-lo seu valor.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver