Acordo do Consello de Goberno do 29 de maio de 2026, polo que se modifica o Regulamento do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela e a súa relación de postos de traballo
NORMA CONSOLIDADA
O Regulamento do Persoal Directivo Profesional, aprobado na sesión do Consello de Goberno do 29 de xuño de 2022, entrou en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro electrónico o día 6 de xullo de 2022.
A Resolución Reitoral do 10 de abril de 2026 estableceu a nova estrutura organizativa do equipo reitoral, polo que faise preciso adaptar agora a estrutura directiva aprobada no ano 2022 á organización establecida para o goberno da USC neste novo mandato 2026-2032, que se ven de completar coa Resolución Reitoral de Delegación de Competencias do 8 maio de 2026 (D.O.G. do 20 de maio de 2026). Esta revisión supón unha organización directiva simplificada e máis eficiente, baseada principalmente en unidades con rango de vicexerencias conforme ao artigo 91.2 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, ao tempo que garante e reforza o rango administrativo da Secretaría Xeral da USC e a gobernanza dos servizos de xestión e apoio á investigación e á promoción científica da Universidade.
Cómpre ademais revisar o devandito regulamento en dous aspectos concretos. En primeiro lugar, no que atinxe aos requisitos para o desempeño dun posto directivo profesional na Universidade de Santiago de Compostela, xa que a adquisición da condición de persoal directivo tal e como establece o artigo 34.1 da Lei 2/2015 de 29 de abril de emprego público de Galicia debe basearse nos principios de mérito e capacidade e en criterios de idoneidade, entendidos estes últimos como o conxunto de cualidades, coñecementos e experiencia necesaria que debe reunir unha persoa para ser considerada apta para o desenvolvemento desta función.
O requisito establecido de acreditación de competencias directivas baseada exclusivamente na posesión dunha formación concreta así como a experiencia en determinados postos directivos en calquera administración, sen ter en consideración o desenvolvemento deste tipo de funcións en postos de relevancia na xestión universitaria, fai aconsellable modificar a acreditación das competencias directivas que menciona o artigo 6.3 do dito regulamento, engadindo un suposto máis que permita acreditar competencias baseadas na experiencia contrastada que determina a ocupación de postos técnicos na propia USC.
A segunda modificación que se propón afecta ás causas polas que se pode producir o cesamento do persoal directivo profesional. A Lei de emprego Público de Galicia establece no artigo 34.6 que as causas de cesamento nos postos directivos vincúlanse a avaliación negativa no desempeño, á perda de confianza ou a graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo recoñecendo análogas garantías nestes supostos que para o persoal que fose removido en postos de traballo provistos polo procedemento de libre designación.
Este regulamento non contempla así a posibilidade de establecer como causa de cese a modificación da propia organización do goberno e a dirección da Universidade, causa que obxectiva a necesidade de acompasar a organización e perfil de ocupación dos postos directivos á gobernanza universitaria que en cada momento se adopte, sempre coas mesmas garantías que para o resto dos supostos de cese mencionados. Debe tamén engadirse a posibilidade de que o titular de un posto directivo, por razóns persoais ou causas sobrevidas poida pedir o cese.
Finalmente, co fin de adecuar a Relación de Postos Directivos Profesionais á nova estrutura de goberno da Universidade, proponse a necesaria modificación da mesma, establecendo a posibilidade da súa cobertura por persoal con experiencia directiva noutras universidades públicas, conforme á vixente normativa e doutrina xurisprudencial recaída ao respecto.
Ao abeiro do exposto, e en virtude das competencias atribuídas polos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela no seus artigos 81.c) e 91.2, o Consello de Goberno na súa sesión do 29 de maio de 2026
ACORDOU:
Primeiro. Aprobar a modificación do Regulamento do Persoal Directivo Profesional da Universidade de Santiago nos seguintes termos:
Artigo único. Modificación do Regulamento do Persoal Directivo Profesional da Universidade de Santiago.
Introdúcense no Regulamento do Persoal Directivo Profesional da Universidade de Santiago as seguintes modificacións:
PRIMEIRA. Nova redacción do artigo 6.3
Artigo 6. Requisitos
3. Ademais do anterior, para o acceso á condición de persoal directivo serán necesario acreditar competencias directivas. Para os efectos do previsto neste regulamento entenderase que se posúen competencias directivas en calquera dos seguintes supostos:
a) Estar en posesión da certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva impartido pola Universidade de Santiago de Compostela ou por centros de formación acreditados doutras Administracións públicas.
b) Estar en posesión dun mestrado ou título de posgrao, de carácter oficial, sobre dirección pública.
c) Ter desempeñado postos directivos en calquera Administración pública durante, polo menos, dous anos continuados.
d) Ter desempeñado como persoal funcionario de carreira ou como persoal laboral fixo, durante polo menos dous anos continuados, funcións de xestión, dirección, coordinación ou supervisión relacionadas cos postos directivos profesionais obxecto de cobertura. O persoal que acceda a postos directivos por esta modalidade deberá de participar nas accións formativas que a universidade convoque para o desenvolvemento da función directiva.
SEGUNDA. Nova redacción do artigo 9.3.
Artigo 9. Nomeamento e cesamento.
3. O cesamento do persoal directivo profesional producirase por petición propia, por causas organizativas, por causas obxectivas vinculadas a unha avaliación negativa do seu desempeño, á perda de confianza ou a graves e continuadas dificultades de integración no equipo directivo, apreciadas polo órgano superior xerárquico do que dependa directamente.
Segundo. Modificar a Relación de postos directivos profesionais da Universidade de Santiago de Compostela segundo o Anexo do presente acordo.
Terceiro. Proceder ó publicación do texto consolidado da modificación do Regulamento de Persoal Directivo consonte ás normas de técnica lexislativa.
Disposición final. Entrada en vigor.
O presente acordo entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Taboleiro Electrónico da Universidade de Santiago de Compostela..
ANEXO. Relación de postos directivos profesionais da Universidade de Santiago de Compostela .
|
Denominación |
Unidade orgánica |
Provisión |
Clasificación |
Retribucións |
Observacións |
|---|---|---|---|---|---|
|
Vicexerencia de Recursos Humanos e Organización. |
Xerencia |
PD |
A1/A2-Grupo I/II |
70.435,60 |
Aberto a outras Universidades Públicas |
|
Vicexerencia de Economía e Orzamentos. |
Xerencia |
PD |
A1/A2-Grupo I/II |
70.435,60 |
Aberto a outras Universidades Públicas |
|
Vicexerencia de Coordinación e Servizos á Comunidade universitaria. |
Xerencia |
PD |
A1/A2-Grupo I/II |
70.435,60 |
Aberto a outras Universidades Públicas |
|
Dirección da Área de Promoción e Xestión da Investigación. |
Vicerreitoría de Investigación e Ciencia Aberta |
PD |
A1/A2-Grupo I/II |
70.435,60 |
Aberto a outras Universidades Públicas |
|
Secretaría Xeral Técnica |
Secretaría Xeral |
PD |
A1/A2-Grupo I/II |
70.435,60 |
Aberto a outras Universidades Públicas |
Lenda
PD: posto directivo provisto segundo o Regulamento do persoal directivo profesional da Universidade de Santiago de Compostela.
Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.