Regulamento de Réxime Interno do "Centro de Investigación Interunivesitario das Paisaxes Atlánticas Culturais" (CISPAC)

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0754
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor
Nesta norma tómase como punto de partida o texto consolidado publicado no Taboleiro electrónico da USC. Polo tanto, non é posible visualizar as diferentes versións anteriores da norma.

As universidades que conforman o Sistema Universitario Galego son o espazo no que se acumula a meirande parte da investigación que se realiza en Ciencias Socias e Humanidades na nosa comunidade. En moitos ámbitos tense acadado, tendo como base o grupo de investigación, un alto nivel de excelencia científica internacional e recoñecemento social.

É evidente que unha sociedade en transformación necesita impulsar a investigación en ámbitos experimentais, pero nunca debe deixar atrás a investigación centrada nas persoas e na comunidade, como a Historia, a Socioloxía, o Patrimonio, a Economía, a Xeografía, e a Cultura nas súas amplas e diversas formas de expresión.

Hoxe en día imponse a necesidade de afrontar os retos da sociedade dende unha visión integral, multidimensional, que esixe un abordaxe interdisciplinar e transdisciplinar. O CISPAC é o froito do traballo de acercamento entre grupos de investigación que dende orixes e ámbitos científicos distintos converxen, logo dun proceso de maduración e priorización, na procura de entender e dar resposta a retos sociais que abarcan a posta en valor do patrimonio, a recuperación da memoria histórica e social, as políticas de inclusión, o entendemento dos cambios no territorio nas súas dimensións económicas e sociais, as súas formas de goberno ou a elaboración de solucións en co desenvolvemento coa comunidade.

Así, apóstase pola creación dun Centro interuniversitario con capacidade para axuntar forzas, masa crítica e o coñecemento presente nas tres universidades galegas, coa finalidade de converterse nun referente na rexión atlántica europea na súa transferencia á sociedade, tanto á civil, como ao mundo empresarial e as institucións públicas.

CAPÍTULO 1: DENOMINACIÓN, NATUREZA, FINS E SEDE

Artigo 1.- O CISPAC

O Centro Interuniversitario Centro de Investigación en Paisaxes Atlánticas Culturais, en adiante CISPAC, constitúese como un Centro de Investigación Interuniversitario do que fan parte, no marco do Sistema Universitario Galego, a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo , e que ten como obxectivo estratéxico desenvolver investigacións e xerar coñecemento científico de excelencia no estudio do territorio como espazo habitado, espazo produtivo, espazo visitado, espazo gobernando e espazo en transformación, abordado dende as ciencias sociais e as humanidades.

Este regulamento ten por obxecto a regulación do réxime interno do Centro de Investigación CISPAC, no marco do Convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo e das normativas propias de cada universidade.

A constitución do CISPAC realízase tendo en conta o disposto na Lei Orgánica 6/2001, de 21 de decembro, de Universidades, e a Lei 6/2013 de 13 de xuño do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 2.- O marco legal do CISPAC

O CISPAC, como Centro Interuniversitario, dependerá organicamente dos Consellos de Goberno das tres universidades e rexerase por:

a) A Lei Orgánica 2/2023, de 22 de marzo, do Sistema Universitario (LOSU) e as súas disposicións regulamentarias.

b) A Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

c) A Lei 6/2013, de 13 de xuño, do sistema Universitario de Galicia.

d) A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia.

e) O convenio de colaboración asinado entre as universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela para a creación do CISPAC.

f) O presente Regulamento.

Artigo 3.- Sede do CISPAC

1.- A sede do CISPAC establecerase no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia. O CISPAC poderá contar con outras sedes nos campus universitarios galegos onde exista persoal investigador vinculado.

2.- Adicionalmente, as actividades do CISPAC poderán desenvolverse nos centros e espazos universitarios nos que estean situados os distintos grupos de investigación aos que pertenzan ó persoal investigador vinculado ao mesmo.

Artigo 4.- Obxecto e fins do CISPAC

O CISPAC ten por obxecto o estudo da paisaxe como espazo histórico, económico e social multidimensional desde unha investigación de excelencia a través dunha axenda científica especializada, dirixida á consecución dos retos da sociedade e cunha clara orientación á transferencia de coñecemento.

O CISPAC ten como fins concretos:

1.- Desenvolver investigación de excelencia no seu ámbito científico no marco das axendas científicas que se acorden.

2.- Crear masa crítica de persoal investigador de excelencia especializados nas diferentes dimensións do territorio.

3.- Impulsar a transferencia de coñecemento á contorna, co gallo de mellorar a xestión do territorio, dende o ámbito público e privado.

CAPÍTULO 2: ORGANIZACIÓN E ESTRUCTURA

Artigo 5.- Estrutura do CISPAC

Para facilitar o desenvolvemento da súa actividade científica e de transferencia do coñecemento, o CISPAC configúrase arredor de 5 campos de investigación que serán os responsables do impulso e seguimento das actividades de investigación e transferencia e do desenvolvemento da Axenda Científica, así como dos seus resultados e impacto.

Os campos de investigación contarán co apoio dos recursos tecnolóxicos, de promoción e de administración comúns dos que se dote o Centro.

Cada un dos cinco campos terá representación no Comité Científico consonte ao establecido no artigo 11 deste Regulamento.

Artigo 6.- Principios do goberno do CISPAC

O goberno do CISPAC guiarase polos principios do bo goberno en relación coa administración e a rendición de contas, tanto no referente ao seu ámbito público, como ao interno en aquelo relativo aos seus integrantes, en consonancia cos códigos e principios que a nivel europeo deben ser observados por toda entidade do ámbito académico e da investigación científica.

No marco das leis que sexan de aplicación, a gobernanza asentarase nuns principios básicos que se recollen a continuación, e que inspiraran todas e cada unha das accións desenvoltas no seu seo:

• Manter a liberdade académica e investigadora, tanto básica como aplicada, responsable no marco da Axenda Científica proposta e realizada conforme aos principios éticos esixibles á investigación.

• Preservar a autonomía do Centro, xunto co compromiso coa transparencia e a rendición de contas, tanto a nivel económico como o relativo ao impacto social das actividades.

• Respectar á misión académica de excelencia na investigación, a formación e a transferencia de coñecementos á contorna.

• Facer unha selección rigorosa do persoal investigador vinculado, en función dos seus méritos e avaliación continua mediante sistemas obxectivos externos.

• Promover unha participación significativa e obxectiva dos seus membros e dos responsables externos na gobernanza.

• Asumir os principios de sustentabilidade na súas actuacións.

• Contribuír á igualdade de oportunidades sen discriminacións de xénero, raza, relixión ou orixe.

Artigo 7.- Goberno

O funcionamento do CISPAC organizase en torno a tres tipos de órganos:

a) Órgano de Goberno

• Consello reitor

b) Órganos Executivos

• Director/a científico/a

• Director/a científico adxunto/a

• Secretario/a con funcións de director/a adxunto/a de transferencia

• Comité Científico

c) O Centro contará cos seguintes órganos consultivos:

• Consello Asesor Científico Externo (Scientific Advisory Board-SAB)

• Consello de Transferencia

Artigo 8.- O Consello Reitor

O Consello Reitor é máximo órgano de goberno do Centro, que será presidido rotativamente por un Reitor/a das tres universidades do SUG. Integra a representación en materia de investigación e transferencia das universidades participantes, e a súa composición será:

• Presidente:o/a reitor/a da universidade que corresponda, con carácter rotativo.

• Un/ha vicerreitor/a de cada unha das universidades participantes con responsabilidade nos ámbitos de investigación e transferencia de coñecemento.

• Os/as xerentes das universidades participantes, ou persoas en quen deleguen.

• O/a director/a científico do Centro.

• O/a director/a científico adxunto/a do Centro.

• O/a secretario/a, con funcións de director/a adxunto/a de transferencia.

Os cargos de director/a científico/a, director/a científico adxunto e Secretario/a, con funcións de director/a Adxunto/a de Transferencia pertencerán sempre a distinta universidade. A composición garantirá o equilibro de xénero en cada órgano colexiado.

Son funcións do Consello Reitor:

a) Aprobar a elección do director/a científico/a, a proposta do Comité Científico.

b) A elección do Director/a científico adxunto/a e do director/a adxunto/a de transferencia, a proposta do director/a científico.

c) Aprobar o plan estratéxico do Centro e as súas modificación, facer seguimento anual do plan de acción e das medidas propostas polo Consello Asesor Científico Externo.

d) Aprobar a proposta de orzamentos e programación do CISPAC.

e) Aprobar as memorias anuais de actividades e a económica, e dar conta das mesmas aos consellos de goberno das universidades.

f) Promover o financiamento e a dotación de infraestruturas do centro.

g) Nomear ao Consello Asesor Científico Externo previsto no Regulamento e establecer o seu funcionamento.

h) Aprobar, a proposta do Comité Científico, o inicio dos procesos de vinculación de investigadores/as ao CISPAC.

j) Ratificar o ingreso de membros no CISPAC e aprobar a súa desvinculación, salvo cando sexa por petición propia.

k) A elección dos membros do Consello de Transferencia previsto no Regulamento e establecer o seu funcionamento.

O Consello Reitor reunirase en sesión ordinaria cando menos dúas veces ao ano, e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado polo Comité Científico e/ou de Dirección.

por solicitude da metade máis un dos seus membros, ou polo director/a científico/a por decisión propia. O Consello Reitor tamén poderá, se fora necesario, desenvolver as votacións de forma asíncrona, seguindo as directrices que regulan estas sesións na Universidade á que pertenza o presidente/a do Concello Reitor.

Artigo 9.- O director/a científico/a do CISPAC

A persoa que exerza a dirección do Centro será escollida polo Consello Reitor, tras proposta do Comité Científico e informe favorable do Consello Asesor Científico Externo, por un período de seis anos improrrogables e non renovables. O/a director/a científico/a deberá ser persoal docente e investigador dunha universidade que forme parte do CISPAC, ter o título de doutor/a, vinculación permanente coa súa entidade de orixe, e estar vinculado/a ao Centro.

Son funcións do director/a científico/a:

a) A convocatoria do Comité Científico, a súa presidencia, e a execución dos seus acordos.

b) A representación do CISPAC no ámbito das súas competencias.

c) A elaboración das propostas de orzamento e programación de actividades.

d) A redacción da memoria anual de actividade e a económica.

e) A proposta de nomeamento do director/a científico/a adxunto/a e do/a secretario/a con funcións de director/a adxunto/a de transferencia

f) O impulso dos obxectivos e fins do CISPAC, segundo se desprende do Convenio de creación asinado polos Reitores do Sistema Universitario de Galicia.

g) A autorización de gastos do orzamento anual.

h) A dirección do persoal técnico e do persoal de apoio previsto no artigo 15 do presente regulamento que desenvolva as súas tarefas no CISPAC

Artigo 10.- O/a director/a científico/a adxunto/a

O director/a científico/a do CISPAC será asistido por un/ha director/a científico/a adxunto/a, nomeado polo Presidente/a do Consello Reitor a proposta do director/a científico entre os/as investigadores/as vinculados ao centro. Serán funcións do/a director/a científico/a adxunto/a:

a) Apoiar ao director/a científico/a nas súas funcións especialmente naquelas relacionadas coa xestión ordinaria do centro en materia económica e de xestión de persoal.

b) Coordinar os 5 campos de investigación nos que se divide o CISPAC.

c) Coordinar a acción do CISPAC nas Redes das que forme parte.

d) Promover a ampliación das relacións externas do CISPAC, acorde coa súa axenda científica.

e) Dirixir o proceso electoral para a escolla dos membros dos investigadores/as vinculados, permanentes e non permanentes, no Comité Científico. Estará asistido/a polo director/a adxunto/a de transferencia.

f) Substituír ao director/a científico/a nos casos de ausencia ou enfermidade. Neste caso as propias funcións do/a director/a científico/a adxunto/a serán realizadas polo/a Secretario/a con funcións de director/a adxunta de transferencia.

Artigo 10 bis. O/A Secretario/a con funcións de director/a adxunto/a de transferencia

O Secretario/a tamén asumirá funcións de director/a axunto/a de transferencia. Será nomeado polo Presidente/a do Concello Reitor a proposta do director/a científico/a, entre os/ as investigadores/as vinculados ao centro. Serán funcións do/a director/a adxunto/a de transferencia:

a. As propias das funcións de secretaría do Centro:dar fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, redactar as súas actas das sesións, expedir certificacións no ámbito da súa competencia, custodiar o arquivo e documentación do centro, entre outras.

b. Actuará ademais como Director/a adxunto de transferencia coas seguintes funcións:.

1. O impulso das actividades de transferencia do CISPAC.

2. A coordinación da axenda de transferencia dos 5 campos nos que se divide o CISPC.

3. A coordinación do Consello de Transferencia do CISPAC.

4. A coordinación da estratexia de valorización do coñecemento do CISPAC mediante a xestión da Carteira de Servizos.

5. Promover e coordinar os eventos de transferencia que organice o CISPAC.

6. En caso de ausencia ou enfermidade do director/a axunto/a de transferencia, as súas funcións serán realizadas polo director/a científico adxunto/a. Substituír ao director/a científico/a adxunto/a nos casos de ausencia ou enfermidade.

Artigo 11.- O Comité Científico

Terá como función xeral orientar as liñas mestras de desenvolvemento do plan científico do Centro, e propor, baseándose nun informe positivo do Consello Asesor Científico Externo (SAB), o nomeamento do director/a Científico/a ao Consello Reitor. No Comité Científico garantirase a representación científica das universidades participantes, e estará composto por:

• O/a director/a científico/a, o/a director/a adxunto e o/a secretario/a en funcións de director/a adxunto/a de transferencia.

• 2 investigadores vinculados permanente (IVP) por cada grande campo científico definido na Axenda Científica.

• 1 representante do persoal investigador non permanente (IVNP) ou en formación (IF) do Centro.

Son funcións do Comité Científico:

a) Propor ao Consello Reitor o nomeamento do seu director/a científico/a, previo informe do Consello Asesor Científico Externo.

b) Propor a vinculación de novos membros no CISPAC, previo informe do Consello Asesor Científico Externo. Este ingreso deberá ser aprobado polo Consello Reitor.

c) Propor a desvinculación do persoal investigador do CISPAC ao Consello Reitor.

d) Aprobar o programa científico anual do Centro.

e) Propor, para o seu nomeamento polo Presidente/a do Consello Reitor , de forma razoada a composición do Consello de Transferencia e do Consello Asesor Científico Externo.

f) Aprobar o nomeamento como investigadores/as colaboradores/as a petición razoada do persoal vinculado ao CISPAC.

O Consello Científico reunirase en sesión ordinaria cando menos dúas veces ao ano e, en sesión extraordinaria, cando sexa convocado polo seu director/a científico/a por decisión propia ou por solicitude da metade máis un dos seus membros. O Consello Científico tamén poderá, se fora necesario, desenvolver votacións de forma asíncrona, seguindo as directrices que regulan estas sesións na Universidade á que pertenza o presidente/a do Consello Reitor, garantindo sempre o carácter secreto cando afecten a persoas concretas.

O persoal investigador, permanente e non permanente, escollido para ser parte do Comité Científico exercerá a representación de cada un dos campos científicos coordinando ao persoal vinculado do campo científico, poderá propoñer actividades de investigación e transferencia que permitan a vinculación funcional dos campos así como participar activamente no desenvolvemento da axenda científica e de transferencia do CISPAC.

Artigo 11.bis. Procedemento de escolla dos membros do Comité Científico

Os representantes dos/das investigadores/as vinculados permanentes de cada Campo realizase seguindo os seguintes parámetros:

a. Todos os membros con vinculación permanente son elixibles.

b. Abrirase un prazo de polo menos 5 días para a presentación de candidatos/as. Todo o persoal investigador de cada campo poderá exercer o dereito ao voto no seu propio campo.

d. Cada membro do CISPAC só poderá emitir voto a un/unha dos candidatos.

e. A votación celebrarase mediante voto segredo.

f. Habilitarase unha xornada de votación de polo menos 8 horas. Ademais do voto presencial, existirá como opción de voto o procedemento do voto telemático.

g. Resultarán escollidos como representantes do Campo no Comité Científico os 2 candidatos/ as con maior número de votos, non podendo ser do mesmo xénero nin da mesma Universidade.

En caso de empate, será elixido/a o candidato/a que pertenza ao xénero e/ou á Universidade con menor representación no Comité Científico.

h. O representante do persoal investigador non permanente ou en formación será escollido por sufraxio directo no seo deste colectivo sen distinción de Campo, sendo de aplicación todos os preceptos anteriores excepto o g), resultando escollido/a aquel/a que obteña maior número de votos.

Os membros do Comité Científico serán escollidos cada 4 anos. Do proceso de escolla reflectido previamente, xerarase unha listaxe de suplencias que se fará efectiva se acontecera algún proceso de desvinculación do persoal investigador ou calquera outra circunstancia que conlevará a perda da condición de vinculado/a.

Artigo 12.- O Consello Asesor Científico Externo (SAB)

O Consello Asesor Científico Externo (SAB) é un órgano asesor con capacidade e competencias para monitorizar e avaliar de forma continuada a actividade do Centro e dos investigadores vinculados ao mesmo. Deberá incorporar perfís de referencia científica nos campos da Axenda Científica cunha perspectiva internacional, así como expertos na xestión operativa e dirección de entidades de investigación de características similares ao CISPAC. Estará composto por un máximo de 7 membros e respectará unha participación equilibrada de xénero e entre campos de investigación.

Os membros da comisión non poderán ser removidos da mesma salvo por petición propia ou por flagrante deixamento das súas funcións e responsabilidades, a solicitude dunha maioría cualificada do Comité Científico ao consello Reitor.

Serán funcións do Consello Asesor Científico Externo:

a) Asesorar ao director/a científico/a do CISPAC e ao Consello Reitor sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento do centro e a súa Axenda Científica.

b) Avaliar a actividade do CISPAC e do seu persoal, e emitir os correspondentes informes de avaliación.

c) Emitir informes sobre a vinculación de novos membros ao centro.

d) Emitir informe sobre as persoas candidatas a dirixir o centro, que será perceptivo e vinculante no senso que un informe desfavorable impediría a continuidade dunha candidatura.

e) Avaliar globalmente cada catro anos a actividade do Centro.

Artigo 13.- Consello de Transferencia

O Consello de Transferencia estará integrado por representantes de institucións públicas e privadas e do terceiro sector da contorna socioeconómica cuxos ámbitos de actuación sexan coincidentes coa Axenda Científica do CISPAC. Terán como función principal asesorar ao Centro en materia de transferencia de coñecemento e na procura da rendibilidade social das actividades que se desenvolvan nel.

O Consello de Transferencia será coordinado polo director/a adxunto/a de transferencia. Terá un número máximo de 15 membros.

O seu nomeamento será por catro anos, renovables.

Son funcións do Consello de Transferencia:

a) Asesorar á dirección do CISPAC e ao Consello Reitor sobre a aplicabilidade e a transferencia de coñecemento dos resultados de investigación obtidos.

b) Suxerir actividades de I+D+i que melloren o entroncamento do CISPAC co ámbito das políticas públicas e as necesidades sociais.

c) Calquera outra que contribúa a incrementar o impacto social e económico do I+D+i desenvolvido polo persoal do CISPAC.

CAPÍTULO 3: DO PERSOAL

Artigo 14.- Persoal científico: vinculación, desvinculación, avaliación e permanencia

1.- Tipos de persoal científico.

O persoal científico do CISPAC estará formado por investigadores vinculados, que poderán ser:

a) Investigadores/as vinculados/as permanentes (IVP): serán persoal PDI das universidades de A Coruña, Vigo e de Santiago de Compostela, con vinculación permanente coa institución á que pertenzan, e vinculados ao Centro previa petición e avaliación favorable por parte do Consello Asesor Científico Externo. Poderá ser considerado investigadores/as vinculados o persoal investigador contratado baixo a figura de "investigador distinguido".

b) Investigadores/as vinculados/as non permanentes (IVNP): estará formado polo persoal investigador con contratos postdoutorais e por persoal con contratos de duración inferiores a cinco anos e que teñen pasado o proceso de vinculación.

c) Investigadores/as en formación (IF): terán esta consideración os investigadores con contratos predoutorais obtidos en convocatorias competitivas, ou vinculados a un contrato ou convenio de investigación ou transferencia, baixo a dirección ou codirección dun investigador/a vinculado ao CISPAC.

d) Investigadores/as colaboradores:investigadores doutores tanto das universidades galegas como doutras entidades públicas ou privadas que colaboren na realización de proxectos ou actividades do CISPAC. O persoal vinculado ao CISPAC poderá solicitar ao Comité Científico, mediante proposta razoada, a alta como investigador/a colaborador/a a aqueles que cumpran estas condicións.

2.- Vinculación, avaliación e permanencia.

A vinculación dun/ha investigador/a ao CISPAC realizarase sobre criterios de méritos de investigación da persoa candidata, e a adecuación do seu currículo e proxecto investigador á axenda científica do Centro.

A persoa investigadora que desexe incorporarse ao CISPAC deberá solicitar a súa admisión ao Comité Científico nos períodos habilitados para a vinculación ao Centro, achegando o seu Currículo Vitae e o seu proxecto investigador, que deberán ser coherentes coa Axenda Científica do Centro.

As solicitudes de incorporación deberán contar co informe favorable do Consello Asesor Científico Externo e serán ratificadas polo Consello Reitor.

A actividade do persoal científico do Centro será avaliada polo Consello Asesor Científico Externo cada 4 anos. O resultado positivo desta avaliación, mediante informe razoado, será necesario para a continuidade da vinculación dos investigadores ao CISPAC.

3.- Criterios de avaliación.

a) Sexenios de investigación e de transferencia recoñecidos ao investigador/a e resultados de avaliación da actividade investigadora recoñecidos pola ACSUG ou outras axencias de acreditación.

b) Traxectoria investigadora e a súa coherencia coa Axenda Científica do Centro.

c) Publicacións, patentes e teses doutorais dirixidas.

d) Proxectos de investigación e contratos e convenios con entidades públicas e privadas coordinados.

e) Outros méritos que no ámbito de investigación do/a investigador/a avaliados poidan ser considerados como relevantes.

4.- Desvinculación Os/as investigadores/as que non obteñan un informe favorable nas avaliacións ás que sexa sometida a súa actividade investigadora desvincularanse do CISPAC e non poderán voltar a optar á vinculación ata pasados un mínimo de dous anos dende esta.

Os/as investigadores/as poderán desvincularse do CISPAC por vontade propia, unha vez transcorridos dous anos dende a súa vinculación inicial ou renovación. En todo caso, deberán realizar un preaviso de 3 meses e a desvinculación non poderá ter efectos negativos sobre a actividade que se viñera realizando en relación co Centro.

Artigo 15.- Do persoal técnico e do persoal de apoio

No marco das normas administrativas e laborais que sexan de aplicación, o CISPAC poderá dotarse de persoal especifico:

a) Persoal técnico de apoio administrativo ás labores de xestión administrativa, xestión económica, comunicación, informática, apoio á dirección, entre outros.

b) Persoal técnico de apoio á investigación, tanto a nivel auxiliar, técnico especialista ou técnico superior, entre outros.

CAPÍTULO 4: RÉXIME ECONÓMICO E MEDIOS

Artigo 16.- Orzamento

O CISPAC terá o seu propio orzamento elaborado e executado de acordo con este Regulamento.

O orzamento será xestionado de acordo coas normas das que se dote o CISPAC, dentro do marco legal de aplicación, e no seu caso, de acordo coas normas establecidas pola universidade ao que estea adscrito o Centro.

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

Co obxectivo de asegurar a solvencia científica do Centro, os investigadores garantes que por reunir criterios de excelencia e competencia científica, avalen e garantan o desenvolvemento da axenda científica e obxectivos definidos para o Centro, deberán reunir tres dos catro seguintes criterios:

• Posuír tres sexenios de investigación, o último deles vixente.

• Figurar como coordinador/a ou investigador/a responsable de polo menos 3 proxectos de I+D do Programa Marco da EU ou do Plan Estatal de I+D da Administración Xeral do Estado nos últimos 10 anos.

• Ten captado polo menos 350.000€ por proxectos no marco de convocatorias públicas e/ou contratos ou convenios nos últimos 5 anos.

• Ten, como mínimo, 3 teses lidas nos últimos 5 anos.

Ademais, e de forma excepcional, poden figurar como Investigadores/as Garantes, aqueles/as que non cumprindo tres dos catro criterios mencionados anteriormente, demostren competencia científica relevante cos campos, liñas e programas da Axenda Científica para dar cobertura a mesma, así como presentar unha traxectoria relevante no eido transferencia cunha significativa proxección económica e social sobre a contorna.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

O reparto e titularidade dos resultados de investigación e a súa transferencia, así como os temas de propiedade intelectual e industrial que se xeren no CISPAC serán obxecto dun acordo específico entre as tres universidades.

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

1.- Unha vez o Regulamento entre en vigor, iniciarase o proceso de avaliación e vinculación de investigadores baixo a supervisión e asesoramento do Consello Asesor Científico Externo.

2.- Rematado o proceso de vinculación elaborarase o censo de investigadores e persoal Vinculado ao CISPAC.

3.- Concluído o procedemento de conformación do censo de investigadores vinculados, constituiranse os novos órganos e procederase a designar ao novo director/a científico.

DISPOSICIÓN FINAL

Este regulamento reformado debe publicarse nos taboleiros de anuncios das tres universidades e entrará en vigor na data da última das publicacións.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver