Regulamento de Réxime Interno do Departamento de Producción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: USCP 0276
Departamento: Consejo de Gobierno
Estado: En vigor

Aprobado polo Consello de Departamento o día 23 de maio de 2019.

TÍTULO PRELIMINAR

ARTIGO 1: Lexislación

O Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, rexerase polo presente Regulamento no marco do sinalado na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, pola Lei 6/2013, de 13 de xuño do sistema universitario de Galicia, polo disposto nos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a demais normativa xeral que lle sexa da aplicación.

ARTIGO 2: Definición e denominación

O Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría é a unidade básica encargada da programación e do desenvolvemento do ensino e do apoio da investigación nos ámbitos de coñecemento de Produción Vexetal e de Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela.

ARTIGO 3: Adscrición e sede

1. O Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría estará adscrito á Escola Politécnica Superior de Enxeñaria do Campus Universitario de Lugo.

2. Asede do Departamento fixarase na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rúa Benigno Ledo s/n, Campus Universitario, 27002 Lugo.

ARTIGO 4: Lingua

A lingua galega é a lingua propia da USC. O Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría promoverá accións que contribúan á normalización e ao desenvolvemento da lingua galega.

ARTIGO 5: Igualdade de xénero

O Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría asume como principio inspirador de todas as súas actuacións a igualdade de tratamento e oportunidades entre mulleres e homes de conformidade co Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aprobado polo Consello de Goberno da USC.

TITULO I. ESTRUTURA E FUNCIÓNS DO DEPARTAMENTO

ARTIGO 6: Órganos do Departamento

1. Son órganos de dirección do Departamento:

a. O Consello do Departamento.

b. O director ou directora.

c. O secretario ou secretaria.

ARTIGO 7: Funcións

De conformidade co artigo 49 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela son funcións do Departamento:

a. A programación, desenvolvemento e seguimento das ensinanzas asignadas ao ámbito de coñecemento da súas competencias, de acordo coas previsións dos planos de estudo, así como cos criterios xerais emanados da Universidade e cos criterios específicos emanados dos centros nos que se imparte docencia.

b. O apoio ás iniciativas e actividades docentes e investigadoras do seu persoal docente e investigador, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.

c. O rexistro actualizado da produción científica e da actividade investigadora do Departamento.

d. A formación do persoal docente e investigador da Universidade.

e. A iniciativa ou, no seu defecto, informe previo, para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de persoal docente e investigador, funcionario ou contratado, así como, de ser o caso, a proposta dos membros da comisión encargada de resolver os concursos.

f. Calquera outra actividade encamiñada ao axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que non corresponda a outros órganos.

TITULO II. DO GOBERNO DO DEPARTAMENTO

CAPITULO I. DO CONSELLO DE DEPARTAMENTO

ARTIGO 8: O Consello de Departamento

O Consello é o órgano colexiado de goberno do Departamento.

ARTIGO 9: Composición do Consello

1. O Consello de Departamento, presidido polo seu director ou directora e no que actuará como secretario ou secretaría o do Departamento, estará composto por:

a. Os doutores ou doutoras membros do Departamento.

b. Unha representación do resto do persoal docente e investigador e persoal investigador en formación, que non excederá do 10% do total dos membros.

c. Unha representación do estudantado do ámbito de docencia do Departamento, que suporá o 25% do total dos membros do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10% corresponderá a estudantado de grao e máster e o 15% ao estudantado de doutoramento.

d. Un representante do persoal de administración e servizos.

2. Cando a natureza dos asuntos o requira, o director ou directora do Departamento, por propia iniciativa ou a instancia dun terzo dos membros do Consello, poderá convocar a calquera membro da comunidade universitaria con voz pero sen voto.

3. As eleccións a membros do Consello de Departamento faranse conforme ao disposto no Regulamento electoral xeral da Universidade de Santiago de Compostela.

4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes que o serán por un ano. A condición de membro do Consello perderase ao cesar a vinculación co Departamento, ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.

5. A asistencia ás reunións do Consello constitúe un dereito e un deber dos seus membros e débense prever as medidas que favorezan a dita asistencia.

ARTIGO 10: Competencias do Consello de Departamento

Corresponderalle ao Consello de Departamento:

a. A elección do director ou directora e, de ser o caso, a proposta ao reitor ou reitora da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada pola maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.

b. A planificación docente das materias das que sexa responsable o Departamento, así como a aprobación dos respectivos programas e sistemas de avaliación, a coordinación da actividade docente e a supervisión do seu cumprimento en colaboración cos centros, nos termos establecidos no artigo 49, alínea a) dos Estatutos da USC.

c. O apoio á actividade investigadora, nos termos establecidos no artigo 49, alínea b), dos Estatutos da USC.

d. A formulación das demandas de persoal docente e investigador, de acordo coas necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e de doutoramento e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.

e. A distribución das cantidades asignadas e dispoñibles polo Departamento.

f. A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno.

g. A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

h. A promoción do perfeccionamento da docencia.

i. A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de membros das comisións correspondentes, consonte a lexislación vixente e Os Estatutos da USC.

j. Aemisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudantado.

k. Calquera outra competencia que lle atribúan os Estatutos da USC ou a lexislación vixente.

ARTIGO 11: Funcionamento

O Consello do Departamento actuará en pleno ou en comisión.

ARTIGO 12: Convocatorias e sesións

1. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Celebrará, polo menos, tres sesións ordinarias durante o curso académico en período lectivo.

2. A convocatoria das sesións ordinarias do Consello será realizada polo director ou directora ou por quen legalmente faga as súas funcións, notificándoa aos membros deste cunha antelación mínima de dous días. Sen prexuízo doutras formas de publicidade, dita notificación será persoal e remitirase por correo electrónico ao enderezo institucional dos seus membros.

3. As convocatorías ordinarias do Consello de Departamento deberán conter: lugar da reunión, data, hora, en primeira e segunda convocatoria e orde do día. A orde do día será elaborada polo director ou directora do Departamento, asistido polo secretario ou secretaria. Deberán incluírse aqueles asuntos que solicite un terzo dos membros do Consello na primeira reunión ordinaria do órgano que se convoque trala solicitude.

4. O Consello do Departamento reunirase de modo extraordinario convocado polo director ou directora por propia iniciativa cando a importancia ou a urxencia dos asuntos a tratar así o requira notificándose aos membros cunha antelación mínima de un día. Na orde do día destas sesións extraordinarias non se incluirán os puntos relativos a aprobación das actas, asuntos de trámite, informes ou rogos e preguntas.

5. Axuntarase as convocatorias toda a documentación necesaria para a información dos seus membros, ou se indicará o lugar onde estará depositada para a súa consulta polos membros do Consello.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

ARTIGO 13: Réxime de adopción de acordos

1. O Consello presidirao o director ou directora ou quen legalmente o/a substitúa.

2. Para a válida constitución do Consello, será necesaria en primeira convocatoria a asistencia persoal da metade máis un dos seus membros. De non se producir quórum na primeira convocatoria, o Consello constituirase na segunda convocatoria sempre que estean presentes ó menos un 20% dos seus membros. En todo caso requírese a asistencia do director ou directora e do secretario ou secretaria ou de quen legalmente os substitúan.

3. As sesións do Consello deberán realizarse de xeito continuado ata esgotar a orde do día, agás que iniciada na xornada de maña debe interromperse para a súa continuación na mesma xornada de tarde.

4. As sesións ordinarias do Consello iniciaranse coa lectura polo secretario ou secretaria, se algún membro o solicita, e a aprobación ou modificación da acta da última sesión ordinaria celebrada, así como das actas das sesións extraordinarias celebradas dende a última sesión ordinaria do Consello. Seguidamente, se pasará ao exame, debate e, no seu caso, votación dos puntos establecidos na orde do día da convocatoria.

5. Corresponderá o presidente ou presidenta establecer a orde de intervencións e moderar o debate, conceder e retirar a palabra, e precisar os termos ou propostas obxecto de votación. No exercicio de dita competencia, poderá establecer unha orde cerrada de intervencións e asignar tempos determinados a cada unha delas, garantindo, ó menos, un dereito de réplica por alusións.

6. Os acordos poderán adoptarse por:

a. Asentimento:cando realizada unha proposta polo presidente ou presidenta esta non suscita obxeccións ou oposición por ningún membro.

b. Por votación ordinaria a man alzada ou secreta. Será secreta cando se trate da avaliación de persoas concretas ou a solicitude dalgún dos seus membros asistentes. O secretario ou secretaria fará o reconto e de seguido o presidente ou presidenta fará público o resultado.

7. Non se admitirá a delegación de voto nin o voto anticipado dos membros do Consello.

8. As decisións do Consello de Departamento adoptarán a forma de acordos.

9. Paraser válida a adopción de acordos do Consello deberán acadar cando menos a metade mais un dos votos dos membros presentes, agás aqueles acordos para os que a normativa específica esixa outras maiorías.

10. Nas votacións nas que se produza empate o presidente ou presidenta poderá exercer o voto de calidade ou aprazar o tema de que se trate.

11. Os acordos do Consello de Departamento serán susceptibles de ser impugnados en alzada diante o Consello de Goberno da Universidade.

ARTIGO 14: Actas doa Consello

1. De cada sesión que celebre o Consello do Departamento levantárase acta polo secretario ou secretaria, que especificará necesariamente os asistentes, os que desculpan a súa asistencia, a orde do día da reunión, as circunstancias de lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta figurará, a solicitude dos respectivos membros do Consello do Departamento, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o senso do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición integra da súa intervención ou proposta, debendo entregar ao secretario ou secretaria o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención nese momento ou no prazo que sinale o director ou directora, facéndose así constar na acta ou uníndose copia a esta.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito, no prazo de dous días, que se incorporará ao texto aprobado.

4. As actas asinadas polo secretario ou secretaria, co visto e prace do presidente ou presidenta, serán sometidas á consideración do Consello para a súa aprobación na sesión ordinaria inmediatamente posterior, podendo non obstante emitir o secretario ou secretaria certificación sobre os acordos específicos que se teñan adoptado, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta. Nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta farase constar expresamente tal circunstancia.

5. As actas serán encadernadas consonte coas instrucións dadas ao respecto pola Secretaría Xeral da USC.

ARTIGO 15: Comisión Permanente

1. De acordo co previsto no artigo 105.2 dos Estatutos da USC, establécese no presente Regulamento a posibilidade de creación da Comisión Permanente do Departamento.

2. No caso da súa creación, a Comisión Permanente estará composta polos seguintes membros do Consello de Departamento:

a. O director ou directora, que a presidirá.

b. O secretario ou secretaria.

c. Catro representantes do persoal docente e investigador.

3. En caso de ausencia do director ou directora e do secretario ou secretaria serán substituídos conforme aos artigos 16.7 e 18.4 do Regulamento.

4. Os seis membros da Comisión Permanente pertencerán as dúas áreas de coñecemento diferentes e terá a mesma relación porcentual que no Consello de Departamento.

5. Para a válida constitución da Comisión Permanente requirirase a presenza, como mínimo, de catro dos seus membros. En todo caso, é necesaria a asistencia do director ou directora e do secretario ou secretaria ou, no seu caso, das persoas que os substitúan.

6. Os representantes do persoal docente e investigador na Comisión Permanente serán elixidos polo Consello de Departamento por un período igual ao mandato do director ou directora. No caso de que non houbera candidatos ou candidatas, os membros da Comisión Permanente serán elixidos por sorteo.

7. Os membros da Comisión Permanente cesarán no momento en que perdan a súa condición de membros do Consello de Departamento.

8. Son competencias da Comisión Permanente:

a. Adoptar acordos sobre asuntos de trámite e aqueles que lle fosen delegados polo Consello de Departamento.

b. A redacción das normativas relacionadas co Departamento para a súa presentación ao Consello de Departamento no que se debaterán e aprobarán.

c. Adoptar acordos sobre cuestións que, segundo o criterio do director ou directora do Departamento, deban ser resoltas con urxencia.

d. Resolveras reclamacións inherentes a asuntos académicos que non sexan competencia exclusiva do Consello de Departamento.

e. Informar, a petición do director ou directora, sobre a resolución de conflitos que puideran orixinarse no ámbito de competencia do Departamento.

f. Informar e facer propostas de mellora ao Consello de Departamento sobre o cumprimento da normativa vixente sobre os programas e sistemas de avaliación das materias das que sexa responsable o Departamento.

g. Asesorar en todas as cuestións que o director ou directora do Departamento lle formule no exercicio das súas competencias.

9. No relativo ao funcionamento da Comisión Permanente serán de aplicación todos os puntos dos artigos 12, 13 e 14 sempre que non contradigan ao regulado no artigo 15.

10. O director ou directora informará, na seguinte sesión ordinaria do Consello de Departamento, dos acordos da Comisión Permanente.

CAPÍTULO II. O DIRECTOR OU DIRECTORA

ARTIGO 16: O director ou directora

1. O director ou directora representa o Departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. A dirección do Departamento corresponderalle por elección a un dos seus membros, que sexa profesor doutor ou profesora doutora con vinculación permanente á Universidade.

3. De non se poder levara cabo o nomeamento do director ou directora do Departamento por falta de persoas candidatas que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do reitor ou reitora, encargaralle provisoriamente as funcións de dirección a un profesor ou profesora do Departamento ou, no seu defecto, doutro departamento, que teña o título de doutor ou doutora e vinculación permanente á Universidade de Santiago. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.

4. O director ou directora do Departamento será elixido polo Consello de Departamento, consonte de acordo co Regulamento electoral xeral da Universidade de Santiago de Compostela, e nomearao o reitor ou reitora.

5. O cargo de director ou directora do Departamento desempeñarase durante catro anos, e non poderá ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.

6. O director ou directora do Departamento cesará o remate do seu mandato, por dimisión ou como consecuencia dunha moción de censura construtiva a petición, como mínimo, dun terzo dos membros do Consello do Departamento e aprobada por maioría absoluta dos membros do Consello. A presentación da moción incorporará un candidato ou candidata alternativo que deberá cumprir os requisitos esixidos para ser director ou directora. O director ou directora acordará convocar unha sesión extraordinaria do Consello de Departamento coa moción de censura como único punto da orde do día, que se celebrará nun prazo máximo de dez días dende a presentación da moción. Tanto o candidato ou candidata proposto como o director ou directora disporán dun prazo máximo de trinta minutos para expoñer as súas propostas. Tras o oportuno debate procederase á votación nominal e secreta. Se a moción de censura non acadara os votos necesarios considerarase rexeitada e os seus asinantes non poderán presentar outra durante o mesmo curso académico.

7. En caso de ausencia ou enfermidade, o director ou directora será substituído, con carácter accidental, polo membro do Departamento de maior categoría e antigúidade que sexa profesor doutor ou profesora doutora con vinculación permanente á USC.

ARTIGO 17: Competencias da dirección do Departamento

1. Son competencias da dirección do Departamento:

a. A convocatoria e a presidencia do Consello de Departamento.

b. A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e a vixilancia do seu cumprimento.

c. A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento, dos medios persoais e materiais dos que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.

d. A execución das previsións orzamentarias.

e. A proposta ao reitor ou reitora do nomeamento de secretario ou secretaria do Departamento.

2. As competencias da dirección do Departamento esténdese a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do Departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.

CAPÍTULO III. O SECRETARIO OU SECRETARIA

ARTIGO 18: O secretario ou a secretaria

1. O secretario ou a secretaria do Departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do Departamento e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do Departamento. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou directora ou lle encomende a lexislación ou os Estatutos da USC.

2. O secretario ou secretaria será nomeado polo reitor ou reitora, tras a proposta do director ou directora, entre o profesorado, axudantes e funcionarios ou funcionarias dos subgrupos A1 e A2 do Departamento con dedicación a tempo completo.

3. O secretario ou secretaria cesará por decisión do reitor ou reitora, logo de proposta do director ou directora do Departamento Ou a petición propia.

4. No suposto de imposibilidade de asistencia o secretario ou secretaria será substituído, con carácter accidental, polo membro do Departamento de menor idade que reúna os requisitos para ser secretario Ou secretaria.

TITULO III. DA DOCENCIA

ARTIGO 19: Da docencia

O Departamento promoverá como un dos seus obxectivos fundamentais impartir unha docencia de calidade e será o responsable da docencia das materias establecidas nos programas de estudo que os centros lle encarguen, de conformidade coa normativa aprobada polo Consello de Goberno para a organización docente prevista no artigo 138 dos Estatutos da USC.

O Consello de Departamento, con carácter anual e conforme estableza a propia USC, deberá:

a. Fixaro programa das materias ao seu cargo e o réxime de titorías do profesorado.

b. Determinar as actividades esixidas polos planos de estudo.

c. Fixar o sistema ou sistemas básicos e xerais de avaliación do alumnado para cada materia.

d. Distribuír e asignar as tarefas docentes entre o profesorado.

e. Aprobara proposta de planificación da súa actividade docente (Plan de Ordenación docente) para a súa remisión á Vicerreitoría con competencias ao respecto.

f. Elaborar os informes preceptivos sobre outras actividades (seminarios, conferencias, Cursos ou congresos).

g. Facilitar a difusión de seminarios, conferencias, cursos ou congresos organizados polo profesorado sempre que así llo soliciten. Nas actividades financiadas ca partida orzamentaria do Departamento se incluirá o Departamento como entidade organizadora.

h. Promover a elaboración dunha memoria docente.

i. Resolver calquera outra cuestión que esixa a normativa da USC ao respecto.

A distribución das obrigas docentes deberá contemplar a necesidade de cubrir tódalas ausencias que, por motivos xustificados, se poidan producir por parte de calquera dos membros do Departamento ao longo do curso.

O Departamento apoiará a posta en marcha de actividades na procura dunha mellora continua da calidade da docencia e da formación continua dos seus membros.

TITULO IV. DA INVESTIGACIÓN

ARTIGO 20: Da investigación

1. O Departamento asume como un dos seus obxectivos esenciais a investigación. A tal efecto promoverá no marco das súas competencias o desenvolvemento dunha investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación.

2. A investigación é un deber e un dereito do persoal docente e investigador, dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.

3. O Departamento fomentará a constitución ou integración en grupos e redes de investigación nos que participe o seu persoal investigador. As relacións entre o Departamento e os grupos de investigación nos que participen os seus membros se acomodarán a normativa que a tal efecto aprobe o Consello de Goberno da USC

4. O Departamento fomentará a presentación de proxectos de investigación de forma institucional ou a título persoal do persoal docente e investigador adscrito a este nas distintas convocatorias dos organismos públicos e privados, nacionais ou internacionais encargados de financiar a investigación, e colaborará na súa formalización

5. O Departamento, a nivel institucional, e o seu persoal docente e investigador, poderá promover contratos con entidades públicas ou privadas ou ben con persoas físicas, a realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, e mailo desenvolvemento de cursos de especialización, formación ou perfeccionamento, acordes coas normas e procedementos establecidos pola USC.

6. O Departamento promoverá manter un rexistro actualizado da produción científica e de todos aqueles eventos relacionados coa actividade investigadora realizada polos seus membros no Departamento, para o que o profesorado deberá remitir anualmente a información precisa, que se poderá recoller nunha memoria científica anual.

7. O Departamento apoiará a divulgación da actividade investigadora realizada polos seus membros, a través dos medios que considere máis adecuados e sempre co acordo dos grupos de investigación e dos centros e servizos implicados.

8. O Departamento fomentará a actualización e mantemento dunha páxina web para a difusión e coñecemento público da súas actividades e que se vinculará á páxina web do Grupo de Investigación.

TITULO V. DO REXIME ECONÓMICO

ARTIGO 21: Do orzamento

1. Coñecidos os recursos anuais dos que dispoña o Departamento, o director ou directora elaborará e presentará ao Consello de Departamento para súa aprobación o orzamento anual, no que se detallarán os ingresos e gastos e a proposta de distribución destes.

2. Os ingresos que reciba o Departamento procedentes da organización de seminarios, Cursos ou congresos e da produción científica asignada pola USC ao seu persoal ou grupos de investigación imputarán na conta persoal dos organizadores ou organizadoras.

ARTIGO 22: Da memoria anual

Finalizado o exercicio económico anual a dirección renderá conta ao Consello de Departamento da execución do orzamento coa presentación dunha memoria económica.

TITULO VI. DA REFORMA DO REGULAMENTO

ARTIGO 23: Da iniciativa

A iniciativa para a reforma do presente Regulamento deberá ser subscrita a lo menos por un terzo dos membros do Consello do Departamento e deberá ser dirixida a dirección deste mediante un escrito que deberá incluír o obxecto da reforma, o seu fundamento e o texto alternativo articulado que se propón ou, polo menos, as materias acerca das que se exerce e os preceptos cuxa reforma se propugna.

ARTIGO 24: Procedemento de Reforma do Regulamento

1. Unha vez admitida a trámite a proposta de reforma, esta e o texto alternativo comunicaranse a todos os membros do Consello de Departamento para que poida ser examinada e presentadas emendas durante un período mínimo de 15 días.

2. O proxecto de reforma e as emendas presentadas polos membros do Consello debateranse nunha sesión extraordinaria do Consello de Departamento convocada para tal efecto nun prazo máximo dun mes natural, a contar desde a presentación da iniciativa de reforma,

ARTIGO 25: Aprobación da Reforma do Regulamento

1. Para a aprobación do proxecto de reforma requírese a maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.

2. O proxecto de reforma do Regulamento é aprobado polo Consello de Departamento, será remitido ao Consello de Goberno da USC para a súa ratificación e aprobación definitiva.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

PRIMEIRA.

Corresponderá ao Consello de Departamento o desenvolvemento de cantas disposicións non previstas neste Regulamento sexan necesarias para a súa aplicación.

SEGUNDA.

En todo o non disposto no presente Regulamento de réxime interno aplicarase o estipulado nos Estatutos da USC e na lexislación xeral universitaria vixente.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

O presente Regulamento entrará en vigor no momento da súa publicación no taboleiro electrónico da USC trala aprobación polo Consello de Goberno da USC.

Este documento es de carácter informativo y no tiene valor jurídico. Está elaborado únicamente a partir de las normas publicadas en Lex.gal. Consulte la información contenida al respeto en la sección de preguntas frecuentes.

Volver