Resolución do 14 de abril de 2026 pola que se modifica o anexo V da Orde do 9 de decembro de 2020 pola que se aproban os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria

NORMA CONSOLIDADA

Publicado en: DOG 076 24/04/2026
Departamento: Axencia Tributaria de Galicia
Estado: En vigor
Resolución publicada na sección III, outras disposicións, do DOG.

A Orde do 9 de decembro de 2020 aprobou os diferentes modelos de autoliquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na Comunidade Autónoma de Galicia e regulou o procedemento e as condicións para o seu pagamento e presentación, así como determinadas obrigacións formais e de subministración de información tributaria.

Os anexos da devandita orde, para adaptalos aos diversos cambios normativos acaecidos, modificáronse mediante as resolucións da Axencia Tributaria de Galicia do 25 de xaneiro, 4 de marzo e 14 de maio de 2021, 10 de xaneiro de 2022, 10 de xaneiro e 27 de decembro de 2023, 31 de maio e 19 de decembro de 2024 e 26 de decembro de 2025.

A Orde HAC/1501/2025, do 17 de decembro, pola que se aproban os prezos medios de venda aplicables na xestión do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, imposto sobre sucesións e doazóns e imposto especial sobre determinados medios de transporte, establece, por primeira vez para o ano 2026, que a valoración dos motores mariños se realiza unicamente en función da súa potencia mecánica real (kW), en lugar de empregar a potencia en cabalos de vapor (CV), como se viña facendo en anos anteriores.

Por outro lado, pode darse a posibilidade de que un barco teña máis dun motor de diferente tipoloxía, debendo reflectilos de forma independente, posto que a valoración tamén vai ser distinta.

O exposto fai necesario modificar o anexo V da Orde do 9 de decembro de 2020, referente ao modelo 620, para o que é competente a persoa titular da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia con base na habilitación normativa prevista na disposición adicional sexta da devandita orde.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificación do modelo 620

Modifícase o modelo 620 contido no anexo V da Orde do 9 de decembro de 2020, que pasa a ser o seguinte:

[figura]

[figura]

[figura]

[figura]

Segundo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026.

Disposición transitoria única. Emprego do anterior modelo 620 en papel

As persoas obrigadas á presentación do modelo 620 poderán seguir empregando o antigo modelo para a presentación en papel da autoliquidación.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2026

Sonia Lafont Sendino

Directora da Axencia Tributaria de Galicia

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Volver