lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 19/2023, do 2 de marzo, polo que se modifica o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia.

Publicado en: DOG 48 09/03/2023

Departamento: Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

Estado: En vigor

PDF

En virtude do disposto na disposición adicional quinta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mediante o Decreto 142/2016, do 22 de setembro, procedeuse á transformación do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) en axencia, mantendo a súa adscrición á consellería competente na materia, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo.

O Inega ten como obxectivos básicos o fomento, impulso e realización de iniciativas e programas de actuación para a investigación, o estudo e apoio das actuacións de coñecemento, desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia, así como a participación na xestión e prestación, se for o caso, de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

A Axenda Enerxética de Galicia 2030 establece os obxectivos enerxéticos para alcanzar na Comunidade nese ano, de forma que a consecución destes obxectivos intermedios contribúa a unha adecuada transición que permita acadar a neutralidade climática de Galicia non máis tarde de 2050, tal e como se recolle na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, aliñada cos obxectivos recollidos no Pacto Verde Europeo.

Non obstante, a actual situación de elevación de prezos e incertidume no mercado mundial da enerxía está afectando os fogares, as pequenas e medianas empresas e a industria e, por suposto, tamén as administracións públicas, as cales deben xogar un papel exemplarizante nas actuacións relacionadas co aforro, a implantación de medidas de mellora da eficiencia enerxética, o aproveitamento de fontes renovables de enerxía e a adecuada xestión enerxética.

Neste eido, a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e do Inega, vén sendo pioneira, e mediante o Decreto 66/2013, do 18 de abril, creou a Rede de enerxía da Xunta de Galicia para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Particularmente, de acordo co establecido no artigo 22.2.j) do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, corresponde á Xerencia do Inega xestionar a Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga), así como xestionar e coordinar todos aqueles proxectos desenvolvidos entre a axencia e outras administracións públicas.

Este escenario encóntrase aliñado coas medidas incluídas na Axenda Enerxética de Galicia 2030, en concreto, coas relacionadas co incremento do aforro e mellora da xestión da demanda de enerxía no sector terciario e nas administracións públicas.

Esta situación, que incide directamente nas competencias do Inega, pon de manifesto a necesidade de fortalecer a súa estrutura organizativa reforzando as competencias da Xerencia –da cal se pasa a especificar o seu carácter de posto directivo– mediante a creación dun posto con nivel orgánico de subdirección xeral, con dependencia xerárquica e funcional daquela, e no que quedará integrada a actual Área de Xestión e Coordinación.

Para tal efecto, resulta necesario modificar a letra a) do artigo 21, e os números 1 e 3 do artigo 22 dos estatutos.

Este decreto estrutúrase nun artigo único, no cal se procede á modificación dos artigos 21 e 22, e unha disposición derradeira.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de marzo de dous mil vinte e tres,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia

O Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase a letra a) do artigo 21, que queda redactada como segue:

«A Xerencia, da cal depende o Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no Sector Público».

Dous. Modifícase o número 1 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«A persoa titular da Xerencia da axencia Instituto Enerxético de Galicia terá carácter de persoal directivo».

Tres. Modifícase o número 3 do artigo 22, que queda redactado como segue:

«3. Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Xerencia contará cun Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no Sector Público, con nivel orgánico equivalente ao de subdirección xeral, que exercerá as funcións de coordinación e apoio na xestión da actividade da Xerencia, con especial referencia ás competencias de xestión da Redexga e todos aqueles proxectos que se desenvolvan entre a axencia e o sector público.

O Departamento de Coordinación de Eficiencia Enerxética no Sector Público estará integrado pola Área de Xestión e Coordinación, con nivel orgánico de xefatura de servizo, á cal corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión da Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) exercendo todas aquelas funcións que poidan corresponder ao Inega, consonte o disposto no Decreto 66/2013, do 18 de abril, polo que se crea a Rede de enerxía da Xunta de Galicia e se regula a organización e competencias para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) A xestión, coordinación e seguimento de todas aquelas estratexias, programas ou proxectos que se desenvolvan no conxunto das administracións públicas coa participación do Inega».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de marzo de dous mil vinte e tres

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Francisco José Conde López

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia