lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 221/2022, do 22 de decembro, polo que se crea a categoría estatutaria de dietista-nutricionista do Servizo Galego de Saúde.

Publicado en: DOG 5 09/01/2023

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, establece no seu artigo 15.1 que no ámbito de cada servizo de saúde se establecerán, modificarán ou suprimirán as categorías de persoal estatutario de acordo coas previsións do capítulo XIV e, se é o caso, do artigo 13 da dita lei. E, conforme o seu artigo 14.1, os servizos de saúde establecerán as diferentes categorías ou grupos profesionais existentes no seu ámbito de acordo co criterio de agrupación unitaria das funcións, competencias e aptitudes profesionais, das titulacións e dos contidos específicos da función que se vaia desenvolver.

Segundo o artigo 113.4 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, a creación, modificación e supresión de categorías estatutarias realizarase mediante decreto do Consello da Xunta.

Entre as liñas de actuación da Administración sanitaria no ámbito da atención primaria figura definir e impulsar unha estratexia de saúde comunitaria que integre, entre outros, aqueles factores que, como a dieta, están relacionados co estilo de vida. Por outra parte, tamén se considera estratéxico conectar os equipos de atención primaria con algunhas funcións, entre elas as propias dos/das nutricionistas, que cada vez serán máis necesarias para a prestación dos coidados que necesitan determinados/as pacientes.

Para a prestación destas actividades no ámbito da dietética e a nutrición, o artigo 7 da Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, alude expresamente á profesión de dietista-nutricionista.

Con este decreto créase no Servizo Galego de Saúde unha categoría con esa mesma denominación, de xeito que o organismo poderá impulsar no futuro a incorporación deste persoal sanitario especialmente cualificado.

Certamente, como xa se expuxo, a creación da nova categoría responde inicialmente a unhas determinadas liñas estratéxicas de actuación no ámbito da atención primaria. Con todo, e en plena correspondencia co amplo currículo formativo desta profesión sanitaria, o decreto non restrinxe as súas actividades ao ámbito dese nivel asistencial. Desta forma, e se a prestación da asistencia así o demanda, a actividade deste colectivo profesional podería estenderse, igualmente, ao ámbito da atención hospitalaria.

Polo demais, calquera que sexa o ámbito da súa actividade, a incorporación desta nova categoría atende tamén ao obxectivo, así mesmo estratéxico, de fortalecer e fomentar o traballo e os equipos multidisciplinares.

O decreto consta de 6 artigos nos cales se regulan o seu obxecto, o réxime xurídico da categoría, o acceso a esta, as súas funcións e determinadas especificacións relativas ao cadro de persoal, as retribucións e a xornada.

Pola súa parte, na disposición adicional fíxanse o nivel dos postos de traballo da nova categoría e as súas retribucións complementarias iniciais.

Pechan o texto unha disposición derrogatoria e dúas derradeiras, relativas á habilitación normativa e á entrada en vigor do decreto.

A tramitación desta norma adecuouse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia para os efectos do previsto no artigo 9.c) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. Así mesmo, o proxecto foi sometido ao informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero, informe sobre impacto demográfico, informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, informe da dirección xeral competente en materia de función pública e da Asesoría Xurídica da Consellería de Sanidade.

Este decreto dítase tras a preceptiva negociación na mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Por último, o texto do decreto adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Así, en aplicación dos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade e eficiencia, a norma persegue un interese xeral, que é a creación dunha nova categoría estatutaria, e recolle as normas precisas para tal fin sen impoñer maiores obrigas e cargas ca as necesarias. En virtude dos principios de seguridade xurídica e simplicidade, a norma garda coherencia co resto do ordenamento xurídico. En cumprimento dos principios de transparencia e accesibilidade, identifícanse con claridade nela os obxectivos perseguidos e, ademais, durante a súa tramitación publicouse no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación no Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación, no Servizo Galego de Saúde, da categoría estatutaria de dietista-nutricionista, dentro do colectivo de persoal estatutario sanitario de formación universitaria, de nivel diplomado ou graduado (subgrupo A2), ao tempo que se conteñen previsións sobre o seu réxime xurídico, réxime de acceso, funcións, cadro de persoal, retribucións e xornada.

Artigo 2. Réxime xurídico

A relación de servizo do persoal da categoría creada neste decreto co Servizo Galego de Saúde rexerase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, pola normativa en materia de emprego público, nos termos previstos nela, polo presente decreto e pola restante normativa aplicable ao persoal estatutario do organismo.

Artigo 3. Acceso

1. Para acceder á categoría de dietista-nutricionista, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do título universitario oficial de diplomado/a ou graduado/a en Nutrición Humana e Dietética. Cando se trate de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea deberá achegarse, ademais, o documento que acredite fidedignamente a súa homologación e recoñecemento, respectivamente.

2. Será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo desta categoría a superación das correspondentes probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego e consonte o establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, e na restante normativa aplicable.

3. A selección do persoal temporal efectuarase polo procedemento que se estableza logo da negociación na mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

4. Os procesos de selección para o acceso, e os procesos de provisión de prazas, terán carácter periódico e programaranse en función da planificación eficiente das necesidades de recursos.

A oferta ou ofertas de emprego público negociaranse na antedita mesa sectorial, e o número de prazas que se convoquen nos respectivos procesos de selección e concurso de traslados determinarase tras a negociación na devandita mesa de acordo cos trámites preceptivos e as previsións legais.

Artigo 4. Funcións

1. Corresponde ao persoal dietista-nutricionista do Servizo Galego de Saúde desenvolver, con carácter xeral, actividades orientadas á alimentación da persoa ou de grupos de persoas, adecuadas ás necesidades fisiolóxicas e, de ser o caso, patolóxicas destas, e de acordo cos principios de prevención e saúde pública.

2. O persoal dietista-nutricionista, que sexa incorporado no ámbito da atención primaria, apoiará a actividade das unidades e servizos desenvolvendo as funcións que, entre as seguintes, lle sexan asignadas:

a) Realizar valoracións do estado nutricional.

b) Dar soporte na prescrición de dietas e consellos alimentarios.

c) Identificar os factores de risco e as prácticas dietéticas inadecuadas, mediante cuestionarios de cribaxe e rexistros dietéticos.

d) Colaborar no soporte nutricional domiciliario nas funcións que lle son propias.

e) Elaborar dietas estandarizadas.

f) Participar en programas de información e educación alimentaria e nutricional, preventivos ou terapéuticos, e outras accións e intervencións no ámbito da saúde comunitaria.

g) Participar na formación continuada do demais persoal sanitario en materia de dietética e nutrición.

h) Participar na coordinación, en materia de dietética e nutrición, entre os niveis asistenciais.

i) Realizar unha actividade estatística en clave de igualdade e/ou violencia de xénero.

j) Calquera outra función que se corresponda co conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación de diplomado/a ou graduado/a en Nutrición Humana e Dietética.

3. O persoal dietista-nutricionista, que sexa incorporado no ámbito da atención hospitalaria, desenvolverá as funcións que, entre as seguintes, lle sexan asignadas:

a) Colaborar na adecuación dos sistemas de alimentación establecidos en cada centro e na elaboración do manual ou código de dietas hospitalarias.

b) Realizar o deseño, a confección e o seguimento das dietas especiais ou personalizadas por solicitude de persoal facultativo especialista en endocrinoloxía e nutrición.

c) Colaborar na prevención de desnutrición hospitalaria, mediante a valoración do estado nutricional, dentro do equipo multidisciplinar.

d) Participar na coordinación e na relación do servizo/unidade de endocrinoloxía e nutrición coa área de traballo de hostalaría e alimentación.

e) Realizar valoracións do estado nutricional.

f) Calcular necesidades nutricionais.

g) Informar o equipo responsable das deficiencias nutricionais actuais ou potenciais.

h) Elaborar protocolos de seguimento, control e avaliación nutricional.

i) Participar na elaboración dun plan de intervención individual segundo a patoloxía e prescrición nutricional.

j) Participar na indicación do soporte nutricional.

k) Informar o/a paciente e familiares das características da dieta/pauta nutricional prescrita.

l) Participar na coordinación, en materia de dietética e nutrición, entre os niveis asistenciais.

m) Calquera outra función que se corresponda co conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación de diplomado/a ou graduado/a en Nutrición Humana e Dietética.

4. O persoal dietista-nutricionista poderá ser incorporado ás unidades e servizos especializados no ámbito da endocrinoloxía e nutrición.

5. As funcións desenvolveranse baixo a dirección da institución sanitaria e a supervisión que esta dispoña, e sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos/ das profesionais doutras categorías que actúen no correspondente equipo, servizo ou unidade asistencial.

6. Na programación e no desenvolvemento das funcións do persoal dietista-nutricionista incorporarase a perspectiva de xénero, de conformidade co que establece a normativa en materia de igualdade de mulleres e homes.

Artigo 5. Cadro de persoal

1. Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da consellería con competencias en materia de sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural de acordo coa planificación estratéxica da política de recursos humanos do Sistema público de saúde de Galicia.

2. Esta medida de dotación de postos de carácter estrutural farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e de conformidade coas previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.

3. Os postos de traballo da categoría de dietista-nutricionista contarán con códigos orzamentarios específicos.

Artigo 6. Xornada e retribucións

1. O réxime de xornada e as retribucións aplicables ao persoal da nova categoría de dietista- nutricionista serán os que resulten da normativa xeral citada no artigo 2 deste decreto.

2. Cando o persoal dietista-nutricionista desempeñe postos de atención primaria aplicaráselle o réxime de xornada que establece o Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional única. Nivel dos postos de traballo e retribucións complementarias

1. Acórdase clasificar no nivel 22 os postos de traballo de dietista-nutricionista.

2. As retribucións complementarias dos ditos postos de traballo, en contía mensual e referenciadas á data da aprobación deste decreto, serán as seguintes:

[figura]

3. O persoal dietista-nutricionista de atención primaria percibirá, como complemento de produtividade no seu factor variable, a contía que corresponda polo cumprimento dos obxectivos prefixados polo Servizo Galego de Saúde. As contías e demais condicións de aplicación deste complemento serán as mesmas que se establecen con carácter xeral para o demais persoal sanitario, subgrupo A2, de atención primaria.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no ámbito da organización e materias propias do seu departamento

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia