lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Publicado en: DOG 140 26/07/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

Nacións Unidas recoñece a violencia contra as mulleres como unha manifestación das relacións de poder historicamente desiguais entre os sexos que, de feito, impide o adianto pleno das mulleres, pois a violencia é un dos mecanismos sociais para manter a súa situación de subordinación. Co obxectivo de remover as estruturas que causan e perpetúan esta situación, en Galicia temos a obriga de establecer os mecanismos legais e sociais que propicien un cambio real nas relacións de poder asimétricas entre homes e mulleres. A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, foi unha aposta nesta dirección.

No referido ao tratamento integral da violencia, a lei regula no seu título II as accións que desde os poderes públicos se deben realizar para crear e desenvolver programas e servizos encamiñados á protección e asistencia fronte á violencia de xénero. Para isto, a lei garántelles ás mulleres unha asistencia sanitaria, xurídica, social e psicolóxica que debe ser integral. Mais todas as medidas non son suficientes se as mulleres carecen dos recursos precisos para iniciar una nova vida afastada dos seus agresores. De feito, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, prevé, no seu artigo 39, a habilitación á Xunta de Galicia para lles establecer unha prestación económica ás mulleres que sofren violencia de xénero.

En desenvolvemento da dita previsión, de forma anual convócanse axudas individuais de carácter periódico para as mulleres vítimas da violencia machista. Porén, a experiencia así como a persistencia da lacra da violencia machista aconsellan unha mudanza nese procedemento, de xeito que a axuda periódica para as vítimas da violencia de xénero se configure como un procedemento cun prazo de solicitude aberto durante todo o ano.

Asemade, resulta aconsellable estender esta axuda a aquelas mulleres e nenas que resulten vítimas do delito de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, tipificado desde o ano 2010 no Código penal español.

A trata de seres humanos é, sen dúbida, a escravitude do noso tempo e, lamentablemente, unha realidade en Europa e no noso país. Esta supón unha profunda violación dos dereitos humanos, da dignidade e da liberdade da persoa e constitúe unha forma de delincuencia grave, que na maioría das ocasións implica organizacións delituosas ás que proporciona importantes beneficios baseados na utilización das persoas con distintos fins de explotación.

Ademais, os informes emitidos polas distintas organizacións internacionais que traballan no ámbito da loita contra a trata de seres humanos (a Organización Internacional do Traballo, a Oficina contra a Droga e o Delito de Nacións Unidas, a Unión Europea, etc.) recollen datos que poñen de manifesto unha realidade ineludible: a trata de persoas é un crime que non é neutral en termos de xénero, e a trata de seres humanos afecta as mulleres de xeito desproporcionado, non só por elas rexistraren a maior parte das vítimas, senón porque as formas de explotación ás que son sometidas adoitan ser máis severas, especialmente a trata con fins de explotación sexual.

Por todo isto, faise aconsellable modificar a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, en dous sentidos: en primeiro lugar, retocando o artigo 3, para establecer como forma de violencia de xénero a definición de trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual coherente coa do Código penal e coa dos documentos internacionais, e, en segundo lugar, modificando o artigo 39, para garantir a incorporación das vítimas desta forma de violencia de xénero como beneficiarias da axuda periódica, así como para establecer o prazo permanentemente aberto da solicitude dela.

Esta lei efectúa, mediante un artigo único, as oportunas modificacións nos artigos 3 e 39 e mais na disposición adicional cuarta da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. E, ademais, inclúe unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Artigo único. Modificación da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, queda modificada como segue:

Un. A alínea f) do artigo 3 queda redactada como segue:

«f) A trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.»

Dous. O artigo 39 queda redactado como segue:

«Artigo 39. Prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero

1. A Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, garantirá a existencia dunha prestación económica de carácter periódico dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero. A devandita prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e mais a tentar axudalas a romper coa situación de violencia.

2. A Xunta de Galicia regulará esta prestación a través dunhas bases reguladoras, que serán aprobadas mediante orde ou resolución pola persoa titular do departamento competente en materia de igualdade. Estas bases reguladoras garantirán en todo caso un prazo de solicitude aberto durante todo o ano e establecerán como potenciais beneficiarias as vítimas das formas de violencia de xénero sinaladas nas alíneas a), Violencia física, b), Violencia psicolóxica, e f), Trata de mulleres e nenas, do artigo 3.»

Tres. A disposición adicional cuarta queda redactada como segue:

«Disposición adicional cuarta. Información ao Parlamento

1. O Goberno da Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento de Galicia, con carácter anual, un informe sobre a situación da violencia de xénero en Galicia, que contará coas achegas de todos os departamentos implicados na prevención e no tratamento da violencia de xénero.

2. Do mesmo xeito, o departamento competente en materia de igualdade da Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento galego un informe anual sobre a prestación periódica para as mulleres que sofren violencia de xénero.»

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

1. Facúltase o Consello da Xunta de Galicia e o órgano competente en materia de igualdade para ditaren as disposicións regulamentarias e as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta lei.

2. En todo caso, as novas bases reguladoras da prestación económica de carácter periódico para mulleres vítimas de violencia de xénero deberán estar en vigor para o exercicio orzamentario do ano 2017.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia