lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 121/2022, do 23 de xuño, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2022/23.

Publicado en: DOG 128 06/07/2022

Departamento: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

Estado: En vigor

PDF

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 81.3.b) que, no caso de estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, os prezos públicos e dereitos fixaraos a comunidade autónoma, dentro dos límites máximos que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

En virtude do anterior, mediante a Resolución do 26 de maio de 2022, da Secretaría Xeral de Universidades, publicouse o Acordo adoptado pola Conferencia Xeral de Política Universitaria o 4 de maio de 2022, polo que se manteñen para o curso académico 2022/23 as mesmas condicións acordadas para os cursos académicos 2020/21 e 2021/22 en relación cos límites máximos dos prezos públicos dos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios oficiais.

Para os restantes estudos, os prezos públicos serán fixados polo consello social da respectiva universidade, segundo o disposto no artigo 81.3.c) da citada lei orgánica, e no artigo 75.3.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

A disposición adicional quinta da Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, outorga aos referidos importes a consideración de prezos públicos. Pola súa parte, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de definir no seu artigo 43 o concepto de prezos públicos, dispón, no seu artigo 47, que estes deberán ser regulados por norma con rango de decreto.

Neste contexto normativo, o presente decreto fixa os importes que deberá aboar o alumnado polos estudos universitarios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, correspondentes ao curso 2022/23, tendo en conta o custo estimado dos servizos académicos, así como a diferenza entre o prezo da primeira matrícula fronte ao prezo da segunda, terceira, cuarta e sucesivas matrículas, e ao abeiro do establecido no artigo 47 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co obxecto de atenuar o esforzo do alumnado e das súas familias, unha vez aplicadas as regras fixadas para o cálculo pola normativa estatal, o presente decreto mantén os mesmos prezos públicos do curso 2021/22 co fin de favorecer o acceso aos estudos universitarios evitando posibles exclusións debidas a razóns económicas.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, tras o informe do Consello Galego de Universidades, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto do presente decreto é fixar, para o curso 2022/23, os prezos públicos que hai que satisfacer polos servizos académicos e administrativos por estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional impartidos polas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia e os seus centros adscritos, que serán aboados segundo as normas que se establecen nos seguintes artigos e nas contías sinaladas no anexo deste decreto.

2. O importe dos prezos por estudos conducentes a títulos ou diplomas que non teñan carácter oficial será fixado nas universidades públicas galegas polo respectivo consello social, de conformidade co establecido no artigo 81.3.c) da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e no artigo 75.3.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Prezos públicos

1. Ensinanzas de grao. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no número 1 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

2. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable e análogos. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no número 2 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

3. Ensinanzas de máster non comprendidas no punto anterior. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no número 3 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos en que se realice a matrícula.

4. Programas oficiais de doutoramento. Os prezos públicos que se aboarán pola matrícula en programas de doutoramento son os establecidos no número 4 da tarifa primeira do anexo, en concepto de titoría anual de doutoramento.

A formalización da matrícula nun programa de doutoramento por primeira vez no prazo extraordinario fixado polas universidades, supoñerá o aboamento do 50 % da devandita tarifa.

5. A universidade establecerá, mediante resolución reitoral debidamente motivada, os prezos que deberá aboar pola matrícula en estudos de grao e máster o alumnado estranxeiro maior de dezaoito anos que non teña a condición de residente, con exclusión daquelas persoas que sexan nacionais de Estados membros da Unión Europea ou aquelas a que lles sexa de aplicación o réxime comunitario. En todo caso, estes prezos terán como límite máximo os vixentes para esta tipoloxía de estudantado no curso 2021/22 na mesma universidade.

Para estes efectos, as universidades consultarán a condición de residencia legal nas plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto.

6. O alumnado mencionado nos números anteriores deberá aboar, así mesmo, os prezos correspondentes á tarifa terceira, punto 2, do anexo deste decreto que lle correspondan.

Artigo 3. Centros adscritos

O alumnado dos centros adscritos aboará á universidade, en concepto de expediente académico e de proba de avaliación, o 25 % dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo, sen prexuízo do establecido no correspondente convenio que o dito centro asinase coa respectiva universidade. Os demais prezos aboaranse na contía íntegra prevista.

Artigo 4. Recoñecemento e transferencia de créditos e acreditación de competencias nos programas correspondentes a estudos universitarios

1. O recoñecemento de créditos, regulado polo Real decreto 1393/2007 polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, é a aceptación por unha universidade dos créditos que, tendo sido obtidos nunhas ensinanzas oficiais, na mesma ou noutra universidade, son computados noutras distintas para os efectos da obtención dun título oficial. Este recoñecemento será gratuíto para os créditos conducentes á obtención dunha mesma titulación oficial e cursados consonte un plan de estudos, se provén de centros públicos. Esta mesma consideración estenderase aos estudos cursados en titulacións que, por transformación, son substituídos por novas titulacións de grao.

No caso de créditos conducentes á obtención doutra titulación oficial distinta á cursada, a persoa solicitante deberá aboar á universidade que realice o recoñecemento o 25 % dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

2. A transferencia de créditos, regulada polo Real decreto 1393/2007 polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, implica que nos documentos académicos oficiais acreditativos das ensinanzas seguidas por cada estudante se incluirá a totalidade dos créditos obtidos en ensinanzas oficiais cursadas con anterioridade, na mesma ou noutra universidade, que non conduciron á obtención dun título oficial. Esta transferencia será gratuíta se provén de centros públicos. No caso de centros non públicos ou centros estranxeiros, a persoa solicitante aboará á universidade de destino o prezo fixado no número 2.e) da tarifa terceira do anexo.

3. Nos estudos de máster e programas de doutoramento, os prezos que se aboarán polo recoñecemento de créditos ou pola acreditación de competencias serán o 25 % dos prezos establecidos nos números 2, 3 ou 4 da tarifa primeira do anexo.

Artigo 5. Modalidades de matrícula

O estudantado que curse estudos universitarios oficiais poderá matricularse en réxime de dedicación a tempo completo ou a tempo parcial, segundo o que estableza a normativa da universidade en que curse os estudos.

Para cada curso, o número mínimo e máximo de créditos de que se poderá matricular un/unha estudante a tempo parcial quedará fixado na normativa de progreso e permanencia de cada universidade ou calquera outra que regule esta materia.

En todo caso, o alumnado que comece os seus estudos de grao a tempo completo deberá matricularse do primeiro curso na súa integridade, coa excepción dos casos en que se recoñezan materias do dito primeiro curso, caso en que os prezos son os establecidos no artigo 4, e outros réximes de matrícula.

Artigo 6. Forma de pagamento

As persoas obrigadas ao pagamento dos prezos públicos establecidos no anexo deste decreto deberán liquidar os importes correspondentes no momento de formalizar a súa matrícula. En todo caso, poderán elixir entre a modalidade de pagamento único ou fraccionado, nas condicións e prazos que a universidade estableza para efectuar a liquidación e o pagamento dos prezos públicos, mediante resolución reitoral.

No caso de optar polo pagamento fraccionado, as contías reguladas na tarifa segunda, avaliación e probas, e tarifa terceira, títulos e secretaría, aboaranse integramente no primeiro prazo.

Artigo 7. Exercicio do dereito de matrícula

1. O importe dos prezos de matrícula calcularase en función das circunstancias acreditadas pola persoa que se matricule no momento da súa formalización, agás que unha disposición legal estableza outro prazo.

2. O aboamento do prezo da matrícula dará dereito, con carácter xeral, a dúas oportunidades de exame en cada unha das materias en que a persoa matriculada formalizase a matrícula, atendendo, en todo caso, ás circunstancias académicas recollidas na normativa de permanencia de cada universidade.

3. O dereito de matrícula establecido no parágrafo anterior exercerase no marco do réxime de horarios xerais fixados en cada centro.

4. En todo caso, o dereito ao exame e á avaliación correspondente quedará limitado polas incompatibilidades académicas derivadas dos plans de estudo.

5. Nos programas de doutoramento o aboamento do prezo da matrícula dará dereito de uso dos servizos académicos e supoñerá o mantemento da vinculación académica coa universidade.

Artigo 8. Anulación da matrícula por instancia de parte

1. Cada universidade establecerá na súa convocatoria de matrícula un período ao inicio do curso no cal o estudantado poderá solicitar a anulación da matrícula perante o órgano correspondente da universidade e, de resultar estimada, supoñerá a devolución, se é o caso, das contías aboadas en concepto de prezo público por servizos académicos e non supoñerá cómputo en número de matrículas nin efectos derivados desta. No caso das persoas que teñan a condición de bolseiras, deberán presentar xustificante de renuncia, e as persoas solicitantes da bolsa, xustificante de que desisten da súa solicitude de bolsa, xunto coa correspondente anulación de matrícula.

2. A solicitude de anulación de matrícula por instancia da persoa matriculada efectuada fóra dos prazos sinalados no punto anterior, se resulta estimada, non producirá a devolución da totalidade do aboado ata o momento nin eximirá do pagamento que poida restar dos prezos públicos, xa que dependerá dos servizos académicos utilizados ata o momento da anulación, de acordo co regulado por cada universidade na súa convocatoria de matrícula. Non se computará o número de matrículas nin os efectos derivados desta.

3. En todo caso, nas devolucións que procedan non se incluirán as contías que correspondan á apertura do expediente académico nin ao seguro escolar.

Artigo 9. Falta de pagamento

1. A falta de pagamento do importe total ou parcial do prezo público, segundo a opción elixida pola persoa que se matricula, poderá supoñer a denegación, anulación ou suspensión da matrícula nos termos e cos efectos previstos na normativa da universidade, con perda das contías que xa se aboasen.

2. A universidade poderá exixir o pagamento das contías pendentes por matrícula ou por servizos complementarios como condición previa á formalización de matrícula, ou expedición de títulos ou certificados, consonte os procedementos legalmente establecidos.

Artigo 10. Bolsas

1. Estarán exentas do aboamento dos prezos públicos por matrícula as persoas físicas beneficiarias de bolsas con cargo aos orzamentos xerais do Estado, así como aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, cando esta bolsa teña un compoñente para este concepto.

2. O alumnado que, no momento de formalizar a súa matrícula, se acolla á exención de prezos públicos por ter solicitado a concesión dunha bolsa das previstas no parágrafo anterior, deberá presentar xustificación desta circunstancia. Se, posteriormente, non obtén a condición de persoa bolseira ou lle é revogada a bolsa concedida, estará obrigado ao aboamento do prezo da matrícula que efectuou. A falta de pagamento supoñerá a aplicación do establecido no artigo 9 deste decreto.

3. Non obstante, de conformidade co disposto na normativa que regula as bolsas e axudas de carácter xeral para estudos universitarios, a universidade poderá requirir de xeito cautelar o aboamento dos ditos prezos públicos ao alumnado que non cumpra os requisitos establecidos na citada normativa.

Artigo 11. Matrículas de honra

1. O alumnado de grao e de máster universitario que obteña créditos coa mención de matrícula de honra estará exento do pagamento dos prezos públicos fixados na tarifa primeira do anexo para a primeira matrícula, nun número equivalente dos créditos de que consten as materias en que obtivesen a dita mención, no curso académico inmediatamente seguinte a aquel en que obteña a dita mención, sempre que pertenzan aos mesmos estudos ou a estudos da mesma rama de coñecemento.

Esta exención aplicarase do mesmo xeito no caso de cursar unha segunda titulación de grao ou máster universitario, na mesma rama de coñecemento e no curso inmediatamente seguinte a aquel en que se obtivo a dita mención.

2. Terá dereito á exención do pagamento dos prezos públicos fixados na tarifa primeira do anexo, por unha soa vez, no primeiro curso de ensinanzas de grao, o alumnado que inicie estudos universitarios e acredite ter obtido:

a) Matrícula de honra global no segundo curso de bacharelato ou ciclo formativo de formación profesional de grao superior.

b) Premio extraordinario de bacharelato ou de formación profesional de grao superior.

c) Medalla en olimpíadas académicas acreditadas de ámbito nacional ou internacional.

3. En ningún caso a bonificación poderá superar o importe total da matrícula.

O dereito a esta bonificación non será de aplicación no caso de que a matrícula de honra sexa consecuencia da validación de materias ou de recoñecemento de créditos.

A aplicación das correspondentes bonificacións levarase a cabo unha vez calculado o importe da matrícula, con base no prezo establecido por crédito en primeira matrícula.

Artigo 12. Exencións

1. En cumprimento do disposto no artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para os efectos da aplicación das exencións previstas no presente decreto, as universidades obterán electronicamente a documentación requirida a través das súas redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, cando a dita documentación se atope en poder da universidade ou doutra Administración pública.

2. A condición que dea lugar á exención deberá estar vixente na forma legalmente establecida para cada caso, no momento de efectuar a matrícula, e deberá acreditarse nun prazo máximo de dez días contado a partir do día seguinte de terse efectuada esta.

3. Familias numerosas.

En aplicación do establecido na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 1621/2005, do 30 de decembro, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o alumnado membro de familia numerosa de categoría especial está exento do pagamento dos prezos públicos e taxas previstos no anexo deste decreto. O alumnado membro de familia numerosa de categoría xeral gozará dunha bonificación do 50 % dos ditos prezos e taxas.

A condición de familia numerosa deberá acreditarse mediante documento oficial expedido pola Administración autonómica competente.

No caso de que o documento acreditativo da condición de familia numerosa estivese en fase de tramitación nese momento, poderán aplicarse os beneficios a el asociados logo da presentación do xustificante da solicitude de recoñecemento ou renovación deste, así como unha declaración responsable da categoría en que se encadra. Neste caso, deberá presentarse o documento oficial acreditativo antes do 31 de decembro do ano en curso e, de non ser así, anularanse automaticamente os beneficios concedidos e procederase ao aboamento do importe da matrícula correspondente.

Cando o título concedido sexa de inferior categoría á declarada, deberá aboarse a diferenza que corresponda.

A perda da condición de membro de familia numerosa e o cambio de categoría durante o curso académico non alterará o desfrute e contía do beneficio ata o seu remate.

4 . Persoas con discapacidade.

De conformidade co previsto na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, en relación co artigo 19 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, o alumnado que teña a condición de persoa con discapacidade ou con funcionalidades diversas terá dereito á exención total de taxas e prezos públicos previstos no anexo, nos estudos conducentes á obtención dun título universitario.

A condición de persoa con discapacidade acreditarase mediante a correspondente resolución administrativa expedida polo órgano competente da comunidade autónoma.

O alumnado que, no momento de formalizar a súa matrícula se acolla á exención de prezos públicos por ter solicitada no organismo competente a valoración do grao de discapacidade, con anterioridade ao inicio do prazo de matriculación dos estudos a que desexa acceder, deberá presentar xustificación desta circunstancia e de que comunicou ao citado organismo o carácter de urxencia conforme a normativa correspondente.

Se posteriormente non obtén a condición de persoa con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %, estará obrigado a aboar o prezo da matrícula que efectuou. A falta de pagamento supoñerá a aplicación do establecido no artigo 9 deste decreto.

Non obstante, de conformidade co disposto na normativa que regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, a universidade poderá requirir de xeito cautelar o aboamento dos ditos prezos públicos ao alumnado que non cumpra os requisitos establecidos na citada normativa e/ou cando non quede suficientemente acreditada a solicitude e/ou comunicación de urxencia do procedemento correspondente.

5. Vítimas do terrorismo.

De conformidade co previsto no artigo 38 da Lei 29/2011, do 22 de setembro, de recoñecemento e protección integral ás vítimas do terrorismo, e no artigo 39 do Real decreto 671/2013, do 6 de setembro, polo que se aproba o regulamento da anterior lei, están exentas de todo tipo de taxas e prezos polos servizos académicos nos centros oficiais de estudos de todos os niveis de ensino as vítimas de actos terroristas, así como os seus cónxuxes e fillos/as.

A condición de vítima de terrorismo deberá acreditarse segundo o disposto no artigo 4 bis), número 3, da Lei 32/1999, do 8 de outubro, de solidariedade coas vítimas do terrorismo.

6. Vítimas de violencia de xénero.

De conformidade co previsto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, as persoas que teñan a condición de vítimas de violencia de xénero, así como os seus fillos e fillas e menores de idade suxeitos á súa tutela e garda e custodia, terán dereito á exención do pagamento dos prezos públicos por servizos académicos. En consecuencia, deberán aboar unicamente os prezos da tarifa terceira.

Os menores que estean suxeitos á tutela e garda e custodia das mulleres vítimas de violencia de xénero continuarán gozando da exención prevista anteriormente unha vez que acaden a maioría de idade.

A condición de vítima de violencia de xénero acreditarase mediante calquera das formas previstas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Declarada a exención por este motivo, manterase durante o período ordinario de realización deses estudos.

Artigo 13. Inicio do curso académico no SUG

Co fin de facilitar a incorporación do estudantado, o 5 de setembro de 2022 será a data de inicio das actividades académicas de docencia nas titulacións oficiais de grao e máster correspondentes ao primeiro cuadrimestre nas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

Disposición adicional primeira. Compensacións ás universidades

De conformidade co artigo 7.1.b) do Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, os prezos por servizos académicos que as universidades públicas do Sistema universitario de Galicia deixen de percibir como consecuencia da concesión de bolsas ou axudas ao estudo serán financiados con cargo aos orzamentos xerais do Estado na cantidade correspondente ao límite inferior do intervalo establecido para o prezo público en cada ensino.

A Comunidade Autónoma de Galicia financiará con cargo aos seus orzamentos a diferenza entre o prezo público fixado neste decreto e o vixente no curso 2012/13.

Para estes efectos, as universidades públicas do Sistema universitario de Galicia solicitarán á Comunidade Autónoma a compensación pola diferenza existente entre os prezos públicos e os límites mínimos correspondentes a cada ensino, determinando as contías que se compensarán mediante certificación do órgano competente. A contía resultante financiarase con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio inmediatamente posterior, segundo o previsto no punto VIII do Plan galego de financiamento universitario 2022-2026.

Disposición adicional segunda. Relación de estudos de grao e máster universitarios oficiais

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades fará pública a relación dos estudos de grao e máster universitarios oficiais que serán impartidos no curso 2022/23 no Sistema universitario de Galicia.

Disposición adicional terceira. Comunicación de datos

As universidades públicas do Sistema universitario de Galicia deberán facilitar á consellería competente en materia de universidades, antes do 15 de febreiro de 2023, o número de persoas matriculadas en cada unha das titulacións, en centros propios e centros adscritos, distinguindo a primeira e sucesivas matrículas, as ensinanzas oficiais de grao, máster universitario e doutoramento. Así mesmo, comunicarán o número total de créditos matriculados para cada unha das titulacións.

Todos os datos referidos ás persoas físicas estarán desagregados por sexo.

Disposición adicional cuarta. Excepción á data de inicio de curso

Queda exceptuado da aplicación do disposto no artigo 13 deste decreto o Centro Universitario da Defensa, Escola Naval Militar de Marín, centro adscrito á Universidade de Vigo, que se rexerá pola normativa ditada para tal fin polo Ministerio de Defensa.

Disposición transitoria única. Titulacións pendentes de autorización

Poderase proceder á matriculación en ensinanzas en trámite de autorización, modificación ou substitución sempre que as ditas titulacións conten coa resolución favorable de verificación do Consello de Universidades, antes do día 15 de setembro de 2022 e que a súa oferta de prazas conte coa autorización da Comunidade Autónoma e da Conferencia Xeral de Política Universitaria.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para os prezos públicos correspondentes ao curso académico 2022/23.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

Román Rodríguez González

Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Tarifa primeira. Actividade docente

1. Ensinanzas de grao (prezo dun crédito).

[figura]

2. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España segundo o establecido na normativa estatal europea aplicable e análogos (prezo dun crédito).

[figura]

3. Outras ensinanzas de máster oficial (prezo dun crédito).

[figura]

4. Doutoramento.

[figura]

Tarifa segunda. Avaliación e probas

[figura]

Tarifa terceira. Títulos e secretaría

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia