lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación (código de procedemento ED302B).

Publicado en: DOG 161 12/08/2020

Departamento: Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

Estado: En vigor

PDF

O Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, establece os requisitos mínimos dos centros que imparten as ensinanzas do segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación secundaria. O artigo 8.3 do citado real decreto dispón que o segundo ciclo de educación infantil correrá a cargo de profesionais que posúan o título de grao en Educación Infantil ou o título de mestre coa especialidade de Educación Infantil.

O artigo 12.1 prescribe que os centros de educación primaria disporán, como mínimo, dun mestre por cada grupo de alumnos e garantirán, en todo caso, a existencia de graduados na educación primaria ou mestres coa cualificación adecuada para impartir a ensinanza de música, a educación física e as linguas estranxeiras.

Finalmente, o artigo 17 determina que para impartir as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato será necesario ter o título de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, ademais do máster que habilita para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de idiomas e acreditar, así mesmo, a cualificación específica para impartir as áreas e materias respectivas.

Mediante o Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, regúlanse as condicións de formación inicial do profesorado dos centros privados para exercer a docencia nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e do bacharelato. O Real decreto 665/2015, do 17 de xullo, polo que se desenvolven determinadas disposicións relativas ao exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, a formación inicial do profesorado e as especialidades dos corpos docentes de ensinanza secundaria, modifica o Real decreto 860/2010 para adecuar as súas disposicións ás modificacións que a Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, introduce na ordenación das distintas ensinanzas e para incorporar os requisitos de titulación necesarios para impartir os módulos profesionais asociados aos bloques comúns da formación profesional básica.

Pola súa vez, mediante o Real decreto 476/2013, do 21 de xuño, regúlanse as condicións de cualificación e formación que deben posuír os mestres dos centros privados de educación infantil e de educación primaria.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional desenvolveu o Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, e o Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, mediante a Orde do 3 de xuño de 2011, que estableceu, ademais, o procedemento de acreditación da habilitación para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional. A dita orde foi posteriormente modificada pola Orde do 23 de xuño de 2014 e complementada polas ordes do 3 e do 29 de xullo de 2015.

Cómpre, polo tanto, a teor das modificacións realizadas á Orde do 3 de xuño de 2011, como consecuencia da normativa ditada desde a súa entrada en vigor, aprobar unha nova orde que as integre coa finalidade de dar lugar a un único texto completo e sistemático.

Así mesmo, regúlase nesta orde que as solicitudes se presentarán obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, en liña coa necesidade de acadar un desenvolvemento pleno da Administración dixital e tendo en consideración que as persoas solicitantes da habilitación para o exercicio da docencia en centros privados posúen a capacidade técnica e a dedicación profesional que lles permite o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos precisos. Non obstante, a obrigatoriedade do emprego de medios electrónicos non será efectiva ata a convocatoria de habilitacións para o exercicio da docencia en centros privados de xaneiro de 2021.

Na súa virtude, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto desenvolver o Real decreto 132/2010, do 12 de febreiro, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan as ensinanzas do segundo ciclo da educación infantil, a educación primaria e a educación secundaria, e o Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, polo que se regulan as condicións de formación inicial do profesorado dos centros privados para exercer a docencia nas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato e establecer o procedemento para habilitar o profesorado para exercer docencia na educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional (código de procedemento ED302B).

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A presente orde é de aplicación ás persoas que teñan o seu domicilio no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e desexen habilitarse para impartir docencia nos centros privados e ás persoas que non, tendo o seu domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, teñan unha oferta de emprego dun centro privado desta.

Artigo 3. Condicións de formación inicial para impartir educación infantil e educación primaria

3.1. Resulta de aplicación a regulación contida no Real decreto 476/2013, do 21 de xuño, polo que se regulan as condicións de cualificación e formación que deben posuír os mestres dos centros privados de educación infantil e de educación primaria.

3.2. Non terán que solicitar a habilitación as persoas que posúan algunha das titulacións que se relacionan no anexo III da presente orde.

Artigo 4. Condicións de formación inicial para impartir educación secundaria obrigatoria e bacharelato

4.1. Os requisitos de formación inicial para impartir as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou de bacharelato son:

• Ter unha titulación de licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, ou un título oficial de educación superior de grao.

• Acreditar unha cualificación específica adecuada para impartir as materias respectivas.

• Ter a formación pedagóxica e didáctica a que fai referencia o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

4.2. A cualificación específica requirida para impartir as materias da educación secundaria obrigatoria e bacharelato acreditarase mediante os procedementos establecidos no artigo 3 do Real decreto 860/2010, do 2 de xullo.

Artigo 5. Formación pedagóxica e didáctica

5.1. O profesorado que imparta educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional específica deberá acreditar a formación pedagóxica e didáctica establecida no artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación e, polo tanto, posuír o correspondente título de máster regulado pola Orde ECI/3858/2007, do 27 de decembro, polo que se establecen os requisitos de verificación dos títulos universitarios oficiais que habiliten para o exercicio das profesións de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas.

5.2. Non será necesario posuír o citado título oficial de máster antes mencionado para as persoas que soliciten habilitación e acrediten posuír, con anterioridade ao 1 de outubro de 2009, algún dos seguintes requisitos:

a) Posuír o título profesional de especialización didáctica, o certificado de cualificación pedagóxica ou o certificado de aptitude pedagóxica.

b) Posuír un título universitario oficial que habilite para o exercicio da profesión de mestre, ou unha titulación de licenciatura en Pedagoxía ou Psicopedagoxía, así como calquera outra titulación de licenciatura ou outra titulación declarada equivalente a esta que inclúa formación pedagóxica e didáctica. Así mesmo, tamén estará exento o persoal que estivese cursando a titulación de mestre, licenciatura en Pedagoxía ou Psicopedagoxía e tivese cursado 180 créditos destas na citada data do 1 de outubro de 2009.

c) Ter impartido docencia durante un mínimo de 12 meses en centros públicos ou privados de ensinanza regrada, debidamente autorizados, nos niveis e ensinanzas cuxas especialidades docentes se regulan no Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro. No caso dos módulos profesionais, que no ensino público sexan impartidos por persoal funcionario das especialidades a que se pode acceder co título de técnico superior ou equivalente, ter impartido docencia con anterioridade ao 1 de setembro de 2014 durante dous cursos académicos completos ou, na súa falta, durante 12 meses exercidos en períodos continuos ou descontinuos, en centros públicos ou privados de ensinanza regrada debidamente autorizados, nas ensinanzas de formación profesional. A experiencia docente en centros privados acreditarase mediante certificación da dirección do centro co visto e prace da Inspección educativa ou certificación de servizos prestados expedida pola Administración educativa correspondente, no caso de centros públicos.

Artigo 6. Condicións de formación para impartir módulos profesionais correspondentes á formación profesional do sistema educativo

6.1. As titulacións exixidas para obter a habilitación para impartir os módulos profesionais de ciclos de formación profesional do sistema educativo son as que para cada módulo se establecen no real decreto polo que se aproba o correspondente título.

Cando a titulación exixida sexa xenérica, deberá cumprirse algún dos seguintes requisitos:

a) Que as ensinanzas conducentes á titulación alegada engloben todos os resultados de aprendizaxe do módulo profesional.

b) Que se acredite unha experiencia profesional habitual e remunerada de, polo menos, tres anos realizados nos nove anteriores á solicitude, en ocupacións que inclúan o desenvolvemento de actividades produtivas, distintas da docencia, que comprendan as realizacións profesionais asociadas con todos os resultados de aprendizaxe do módulo solicitado. A experiencia laboral acreditarase mediante certificado das entidades onde se prestasen servizos laborais, recollendo as ocupacións realizadas, de acordo co anexo II e informe da vida laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social. Para identificar as ocupacións, será empregada a Clasificación nacional de ocupacións 2011 publicada polo Instituto Nacional de Estatística.

c) No caso de traballadores por conta propia, acreditarase experiencia profesional desenvolvida de xeito habitual de, polo menos, tres anos, realizados durante os nove anteriores á solicitude, en ocupacións análogas ás indicadas no punto anterior. A experiencia profesional acreditarase mediante certificado das actividades desenvolvidas, recollendo as ocupacións realizadas, de acordo co anexo II, informe da vida laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social e certificación sobre o imposto de actividades económicas ou autorización, neste último caso, para a consulta dos datos a través do nodo de interoperabilidade da Xunta de Galicia.

d) No caso de módulos profesionais correspodentes a ciclos de formación profesional básica, que se acredite unha experiencia docente no sistema educativo de, polo menos, tres cursos académicos impartindo módulos de ensinanzas vinculadas ao módulo solicitado. A vinculación virá determinada pola inclusión de ambos os módulos en ofertas formativas pertencentes á mesma familia profesional. Tamén existirá vinculación cando ambos os dous módulos estean atribuídos á mesma especialidade de profesorado. A experiencia docente acreditarase mediante certificación emitida pola persoa titular da dirección do centro co visto e prace do Servizo de Inspección Educativa ou certificación de servizos prestados expedida pola Administración educativa correspondente.

6.2. Para solicitar a habilitación para impartir formación profesional deberá acreditarse a oferta de emprego dun centro privado da Comunidade Autónoma de Galicia ou solicitala para un módulo profesional que se estea a impartir no centro educativo en que se presta servizos laborais.

Artigo 7. Condicións de formación inicial para impartir Lingua Galega e Literatura Galega na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato

Será necesario posuír calquera título de licenciatura da área de Humanidades ou calquera título oficial de grao da rama de coñecemento de Artes e Humanidades, e acreditar unha experiencia docente ou unha formación superior adecuada para impartir o currículo da materia correspondente.

Artigo 8. Condicións de formación inicial para impartir materias de libre configuración autonómica na educación secundaria obrigatoria e no bacharelato

8.1. Cando a materia estea adscrita á área de ciencias será necesario posuír calquera titulación de licenciatura, enxeñaría ou arquitectura da área de Ciencias Experimentais e da Saúde, das Ensinanzas Técnicas ou das Ciencias Sociais e Xurídicas ou calquera título oficial de grao da rama de coñecemento de Ciencias, de Enxeñaría e Arquitectura, de Ciencias da Saúde ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, e acreditar unha experiencia docente ou unha formación superior adecuada para impartir o currículo da materia.

8.2. Cando a materia estea adscrita á área de letras será necesario posuír calquera titulación da área de Humanidades, de Ciencias Sociais ou Xurídicas ou calquera título oficial de grao da rama de coñecemento de Artes e Humanidades, ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, e acreditar unha experiencia docente ou unha formación superior adecuada para impartir o currículo da materia correspondente.

Artigo 9. Condicións de formación inicial para impartir o bloque de Comunicación e Ciencias Sociais e o bloque de Ciencias Aplicadas da formación profesional básica

9.1. O bloque de Comunicación e Ciencias Sociais será impartido por persoas que estean habilitadas para impartir calquera das seguintes materias: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, lingua estranxeira, Xeografía, Historia e Xeografía e Historia.

9.2. O bloque de Ciencias Aplicadas será impartido por persoas que estean habilitadas para impartir calquera das seguintes materias: Matemáticas, Física, Química, Física e Química, Bioloxía, Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía.

Artigo 10. Condicións de formación inicial para impartir os ámbitos dos programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento

10.1. O ámbito lingüístico e social será impartido por persoas que estean habilitadas para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, lingua estranxeira e Xeografía e Historia.

10.2. O ámbito científico e matemático será impartido por persoas que estean habilitadas para impartir calquera das seguintes materias da educación secundaria: Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía.

Artigo 11. Requisito de coñecemento da lingua galega

O profesorado para exercer a docencia nos centros pertencentes ao ámbito de aplicación desta orde deberán posuír o Celga 4, curso de perfeccionamento de lingua galega, certificado de nivel avanzado da escola oficial de idiomas das ensinanzas reguladas polo Real decreto 1629/2006, do 29 de decembro, e polo Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro, ou outros estudos declarados equivalentes.

Artigo 12. Solicitude de habilitación

12.1. As solicitudes (anexo I) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos http://www.edu.xunta.es/habilitacions e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

As titulacións exixidas para o exercicio nos centros privados das ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, así como as funcións que desenvolven estas persoas, presupoñen que as persoas solicitantes posúen a capacidade técnica suficiente para o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, no sentido do que establece o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, como xustificación da obrigatoriedade de presentar as solicitudes exclusivamente por medios electrónicos.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data da presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso de presentar máis dunha solicitude do mesmo tipo soamente se admitirá a última presentada na sede electrónica da Xunta de Galicia. Deberán incluírse na mesma solicitude todas as áreas, materias ou módulos profesionais para os cales se desexe obter a habilitación.

12.2. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

12.2.1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II. Certificación de actividades desenvolvidas en entidades produtivas, no caso das persoas solicitantes de habilitación para formación profesional que aleguen experiencia laboral.

b) Informe da vida laboral emitido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social, no caso de solicitar habilitación para formación profesional e alegar experiencia laboral.

c) Certificación da experiencia docente emitida pola persoa titular da dirección do centro co visto e prace do Servizo de Inspección Educativa, no caso de solicitar habilitación por experiencia docente para módulos profesionais correspondentes a ciclos de formación profesional básica.

d) Oferta de emprego, no caso de solicitar habilitación para formación profesional.

e) Certificación académica oficial que acredite que se realizaron todos os estudos para a obtención deste xunto coa documentación acreditativa do pagamento dos dereitos de expedición, no caso de non dispor do título. Deberá presentarse a credencial da súa homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión de profesor de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e ensinanza de idiomas, mestre en Educación Primaria ou en Educación Infantil, no caso de titulacións obtidas no estranxeiro.

f) Título no caso das persoas que posúan unha titulación de licenciatura en Filosofía e Letras ou en Filosofía e Ciencias da Educación para o que se require dunha sección e/ou subsección determinada, a licenciatura en Filoloxía, licenciatura en Tradución e Interpretación ou o grao no ámbito dunha lingua estranxeira. No suposto de non constar no título a especialidade ou, de ser o caso, a lingua estranxeira deste, deberá achegarse ademais a certificación académica.

g) Certificación académica persoal, en que conste ter superado polo menos 24 créditos ou créditos ECTS de formación, ou no caso de non figurar créditos, dous cursos académicos en calquera estudo universitario oficial, de materias relacionadas coa formación que se desexa acreditar, agás nos supostos en que a titulación concreta estea relacionada para a materia solicitada no anexo do Real decreto 860/2010 ou nos criterios publicados pola Comisión Autonómica de Habilitacións de Galicia.

h) Certificación académica oficial expedida pola universidade acreditativa da obtención da mención, no caso de persoas graduadas en Educación Primaria que obtivesen unha mención nunha universidade distinta da que obtiveron o título e aleguen esta mención para obter a habilitación da materia.

i) Certificado de nivel avanzado, de aptitude ou nivel intermedio B2 do idioma correspondente das escolas oficiais de idiomas, no caso de solicitar a habilitación de lingua estranxeira en primaria ou para acreditar o dominio da lingua en educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

j) Certificación acreditativa de nivel de competencia lingüística B2 ou superior segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas, consonte co establecido no anexo da Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería, modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016, no caso de acreditar o dominio da lingua en educación secundaria obrigatoria e bacharelato.

k) Título superior de Música relativo ás ensinanzas artísticas superiores a que se refire o artigo 54 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, título superior de Música da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, ou titulacións declaradas equivalentes para efectos de docencia, título profesional de Música da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, o da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, título de profesor regulado no Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, de regulamentación xeral dos conservatorios de música, diploma elemental o ter cursado as ensinanzas de Solfexo e Teoría da Música, Conxunto Coral e Instrumento correspondentes ao grao elemental, conforme o Decreto 2618/1966, do 10 de setembro, no caso de que se requira algunha destas titulacións para obter a habilitación da materia.

l) Título superior de Danza (artigo 54.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio), título superior de Danza (artigo 42.3 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro) ou ensinanzas declaradas equivalentes para efectos de docencia, no caso de que se requira algunha destas titulacións para obter a habilitación da materia.

m) Título superior de Arte Dramática (artigo 55.3 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio), título superior de Arte Dramática (artigo 45.1 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro) ou titulacións declaradas equivalentes para os efectos de docencia, no caso de que se requira algunha destas titulacións para obter a habilitación da materia.

n) Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Deseño ou Artes Plásticas, no caso de que se requira algunha destas titulacións para obter a habilitación da materia.

o) Diploma de Educación Especial ou de Logopedia correspondente a cursos organizados mediante convenio entre as diferentes administracións educativas e universidades, no caso de que se requira algunha destas titulacións para obter a habilitación da materia.

p) Diploma de especialista en Medicina Deportiva, no caso de que se requira esta titulación para obter a habilitación da materia.

q) Documentación xustificativa da formación pedagóxica e didáctica a que se refire o artigo 100.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación ou, cando sexa o caso, da formación equivalente, excepto o título de máster regulado pola Orde ECI/3858/2007, do 27 de decembro.

r) Certificado de Celga 4 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, validación do certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4), curso de perfeccionamento da lingua galega, validación do curso de perfeccionamento en lingua galega expedida polo órgano competente, título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, certificado de aptitude ou nivel avanzado de galego da escola oficial de idiomas ou certificado de ter o curso de especialización en lingua galega.

s) Certificación de ter superado os cursos da especialidade que se solicita no nivel educativo de primaria, segundo o establecido no artigo 7 do Real decreto 476/2013, do 21 de xuño, polo que se regulan as condicións de cualificación e formación que deben posuír os mestres dos centros privados de educación infantil e de educación primaria, de ser o caso.

t) Certificación de ter superado a fase de oposición da especialidade que se solicita, segundo o establecido no artigo 8 do Real decreto 476/2013, do 21 de xuño, polo que se regulan as condicións de cualificación e formación que deben posuír os mestres dos centros privados de educación infantil e de educación primaria, de ser o caso.

v) Certificación de ter superada a proba a que fai referencia o artigo 21.1 do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e se regula o réxime transitorio de ingreso a que se refire a disposición transitoria décimo sétima da citada lei, da especialidade a que está asignada a materia correspondente nos anexos III, IV e V do Real decreto 1834/2008, do 8 de novembro, polo que se definen as condicións de formación para o exercicio da docencia na educación secundaria obrigatoria, o bacharelato, a formación profesional e as ensinanzas de réxime especial, e se establecen as especialidades dos corpos docentes de ensino secundario, de ser o caso.

x) Certificación da experiencia docente consistente na impartición da materia solicitada durante, polo menos, dous cursos completos ou, na súa falta, 12 meses en períodos continuos ou descontinuos, en centros públicos ou privados debidamente autorizados para impartir as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato, de ser o caso. A experiencia docente debe ser anterior ao 13 de marzo de 2010 e acreditarase coa certificación da dirección do centro co visto e prace da inspección educativa ou certificación de servizos prestados expedida pola Administración educativa correspondente.

y) Certificación da impartición de lingua estranxeira en educación secundaria emitida pola dirección do centro co visto prace da Inspección educativa, no caso de formular solicitude específica de centro para impartir idioma en primaria.

12.2.2. Non será necesario achegar de novo a documentación no caso daquelas persoas que a presenten en calquera convocatoria a partir da convocatoria de habilitacións de xaneiro de 2021.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

12.2.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

12.3. Comprobación de datos.

12.3.1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Títulos oficiais universitarios que consten no Rexistro Central do Ministerio de Educación, agás no caso das persoas que posúan unha titulación de licenciatura en Filosofía e Letras ou en Filosofía e Ciencias da Educación para os que se require dunha sección e/ou subsección determinada, a licenciatura en Filoloxía, licenciatura en Tradución e Interpretación ou o grao no ámbito dunha lingua estranxeira.

c) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Certificación do imposto de actividades económicas.

12.3.2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

12.3.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 13. Prazo de presentación de solicitudes

Os prazos de presentación de solicitudes da habilitación de cada ano natural serán os seguintes:

a) Do 10 de xaneiro ao 31 de xaneiro, ambos incluídos.

b) Do 15 de marzo ao 31 de marzo, ambos incluídos.

c) Do 1 ao 30 de xuño, ambos incluídos.

d) Do 1 de setembro ao 15 de setembro, ambos incluídos.

Cando o último día do prazo sexa inhábil, o prazo entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Notificacións

15.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa regulada do procedemento administrativo común.

15.2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles as persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

15.3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

15.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se aceda ao seu contido.

15.5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Comisión Autonómica de Habilitacións de Galicia

16.1. A Comisión Autonómica de Habilitacións de Galicia estará composta por:

Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Recursos Humanos ou persoa en quen delegue.

Vogais:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Centros ou persoa en quen delegue.

b) A persoa titular do Servizo de Ordenación e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

c) Unha persoa funcionaria do corpo de inspectores de Educación ou do corpo de inspectores ao servizo da Administración educativa, por cada xefatura territorial, designada por proposta da persoa titular da xefatura territorial correspondente.

d) Unha xefatura de sección de centros dunha xefatura territorial, designada por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

e) Unha persoa funcionaria da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que exercerá as funcións de secretaria, con voz e sen voto.

16.2. Ás sesións da comisión poderá asistir, con voz e sen voto, unha persoa representante designada polos sindicatos do ensino privado e unha persoa representante designada polas organizacións patronais, en ambos os casos con representación nesta comunidade autónoma.

16.3. No exercicio das súas funcións a Comisión Autonómica de Habilitacións de Galicia poderá solicitar os informes, así como adoptar os criterios que considere pertinentes.

Artigo 17. Dereito a percibir asistencias e axudas de custo

As persoas integrantes da Comisión Autonómica de Habilitacións de Galicia terán dereito a percibir as asistencias e axudas de custo por concorreren as sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG núm. 122, do 25 de xuño), modificado polo Decreto 96/2011, do 5 de maio (DOG núm. 103, do 30 de maio). Para estes efectos, a comisión autonómica considerarse incluída na categoría primeira.

Artigo 18. Órgano competente para outorgar a habilitación

A habilitación para o exercicio da docencia nos centros privados da Comunidade Autónoma de Galicia outorgaraa a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, por proposta da Comisión Autonómica de Habilitacións de Galicia.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución non poderá exceder os cinco meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse rexeitadas por silencio administrativo.

Contra a resolución ditada, que non pon fin á vía administrativa, a persoa interesada poderá formular recurso de alzada no prazo dun mes ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, de acordo cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para tramitar e resolver os seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional segunda. Docencia dos mestres na educación secundaria obrigatoria

De conformidade coa disposición adicional segunda do Real decreto 860/2010, do 2 de xullo, os mestres que estean impartindo un ou algún dos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria no momento da entrada en vigor da presente orde poderán continuar realizando a mesma función nos postos que veñan ocupando ou noutros centros privados.

Se estes mestres deixasen de impartir voluntariamente docencia nos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria, decaerán na súa habilitación para impartir as ditas ensinanzas. En ningún caso decaerá desta habilitación o persoal que por cuestións organizativas do centro deixe de impartir ensinanzas nos dous primeiros cursos da educación secundaria obrigatoria para impartir outras ensinanzas nel.

Disposición adicional terceira. Solicitude específica de centro para impartir idioma en primaria

O profesorado que estea impartindo docencia das linguas estranxeiras en educación secundaria obrigatoria ou bacharelato poderá impartir excepcionalmente ensinanzas das linguas estranxeiras respectivas na etapa de educación primaria, sempre que se trate do mesmo centro ou centros da mesma persoa titular. A impartición en educación secundaria das linguas estranxeiras acreditarase coa certificación da dirección do centro co visto prace da Inspección educativa.

Disposición adicional cuarta. Prazo para posuír o requisito de coñecemento da lingua galega

As persoas que non reúnan os requisitos de formación en lingua galega previstos no artigo décimo primeiro da presente orde que estivesen contratadas por centros privados de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e sexan trasladadas a centros privados da mesma titularidade nesta comunidade disporán de tres anos desde a súa incorporación para acreditar a formación necesaria en lingua galega.

De non acreditar esta formación no prazo sinalado decaerán no seu dereito a continuar impartindo docencia nun centro privado da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional quinta. Docencia en educación infantil

As áreas do currículo do segundo ciclo de educación infantil serán impartidas polas persoas habilitadas para impartir educación infantil. Neste segundo ciclo de educación infantil poderán ser apoiadas, no seu labor docente, por persoas habilitadas noutras áreas de educación primaria cando as ensinanzas impartidas o requiran.

Disposición adicional sexta. Docencia en bilingüismo

As persoas habilitadas nunha área ou materia poderán impartila, de ser o caso, en lingua estranxeira sen que sexa preciso posuír habilitación para a impartición bilingüe sempre que se posúa algunha das titulacións ou ensinanzas relacionadas no anexo da Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería (DOG núm. 80, do 16 de abril), modificada pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG núm. 128, do 7 de xullo).

Disposición adicional sétima. Documentación presentada con anterioridade

Non será necesario que a persoa solicitante achegue ante a mesma xefatura territorial a documentación que xa presentou con anterioridade á entrada en vigor desta orde.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Disposición adicional oitava. Condicións para impartir os módulos autonómicos de Lingua Estranxeira Profesional

Os módulos autonómicos de Lingua Estranxeira Profesional serán impartidos por persoas que estean habilitadas para impartir no ensino secundario en centros privados a lingua estranxeira correspondente ou que estean habilitadas en calquera outro módulo profesional do ciclo formativo asociado, de ser o caso, a algunha unidade de competencia do Catálogo nacional de cualificacións profesionais, e ademais posúa para a lingua estranxeira que se vai impartir unha titulación correspondente ao nivel C1 do Marco común europeo de referencia para as linguas.

Disposición adicional novena. Habilitación de oficio

1. As persoas habilitadas para impartir docencia nos centros privados nas materias da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, serán habilitadas, de oficio, nas novas materias da educación secundaria obrigatoria e/ou do bacharelato da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación segundo as correspondencias que se relacionan no anexo desta orde. Cando a habilitación que se posúa sexa para centro e materia, ou para unha etapa educativa, a nova habilitación manterá as mesmas condicións.

2. As persoas habilitadas para impartir docencia nos centros privados nas materias da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa serán habilitadas, de oficio, nas materias da educación secundaria obrigatoria e/ou do bacharelato cuxa denominación sexa coincidente coas da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación nas mesmas condicións da habilitación anterior.

Disposición transitoria única. Efectividade dos artigos 12.1, 14 e 15 da presente orde

Os artigos 12.1, 14 e 15 da presente orde entrarán en vigor coas solicitudes que se formulen desde a convocatoria de habilitacións para o exercicio da docencia en centros privados de xaneiro de 2021.

Disposición derrogatoria única

Quedas derrogadas a Orde do 3 de xuño de 2011 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación; a Orde do 23 de xuño de 2014 pola que se modifica a Orde do 3 de xuño de 2011 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional e se establece o procedemento de habilitación; a Orde do 3 de xullo de 2015 pola que se complementa a Orde do 3 de xuño de 2011, modificada pola Orde do 23 de xuño de 2014, pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional e se establece o procedemento de habilitación, e a Orde do 29 de xullo de 2015 pola que se complementa a Orde do 3 de xuño de 2011 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación.

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo

Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia