lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 8 de abril de 2022 pola que se modifica a Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

Publicado en: DOG 78 25/04/2022

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Estado: En vigor

PDF

I

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, ten a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.

En exercicio desa atribución competencial, regúlanse as normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia no artigo 48 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 88 e 89 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que desenvolve a dita lei, e habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo para a súa aprobación.

Dando cumprimento a este mandato normativo, procedeuse á aprobación da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que entraron en vigor o 25 de maio de 2020.

II

As normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia naceron da necesidade dunha simplificación e normalización técnica dos instrumentos de planeamento urbanístico, co obxecto de facilitar e axilizar a súa elaboración, tramitación e coñecemento.

Teñen por obxecto unificar os criterios técnicos para a formulación dos instrumentos de planeamento, facilitar a integración da información xeográfica urbanística nas infraestruturas dixitais de datos espaciais e posibilitar así un acceso sinxelo aos documentos de planeamento a todos os axentes que participan na planificación do territorio e ao público en xeral.

Esta normativa supuxo un cambio na linguaxe formal e técnica empregada para a elaboración do planeamento, que se concibiu como unha oportunidade de mellora no proceso de redacción e aprobación dos instrumentos de planeamento, sempre na procura dunha maior transparencia e lexibilidade.

Neste cambio tivo especial relevancia a determinación de elaborar a documentación gráfica do planeamento en formato compatible cos sistemas de información xeográfica (SIX) que garantan a interoperabilidade da información xeográfica urbanística, así como a súa difusión.

Isto derivou necesariamente na definición dunha serie de parámetros técnicos preceptivos que emprendan o camiño cara a unha homoxeneización no aspecto formal dos instrumentos de planeamento.

Con todo, a experiencia acumulada na aplicación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia puxo de manifesto algunhas dificultades interpretativas na súa aplicación, e detectáronse unha serie de insuficiencias na regulación ou determinacións susceptibles de seren revisadas e melloradas.

Así mesmo, tendo en conta que os sistemas de información xeográfica (SIX) se apoian nunha infraestrutura tecnolóxica en constante evolución, cómpre actualizar determinados parámetros técnicos para adaptalos a estes cambios.

En definitiva, resulta preciso abordar a seguinte reforma das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia co obxectivo de garantir unha mellor comprensión e aplicación da norma. Para este fin responden as principais liñas en que se fundamenta esta modificación e que se expoñen a continuación.

III

Modifícase o réxime transitorio das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia sobre adaptación do planeamento urbanístico para simplificar a súa redacción e engadir as modificacións dos instrumentos de planeamento na exención do cumprimento do título II da base cartográfica, facilitando así a súa formulación. Así mesmo, no caso dos documentos aprobados inicialmente no momento da súa entrada en vigor, amplíase a obrigatoriedade de achegar os datos xeográficos do documento de planeamento en soporte vectorial xeorreferenciado para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Por outra banda, no réxime transitorio desta modificación regúlase a adaptación dos instrumentos de ordenación do territorio ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

IV

No tocante ao seu texto articulado, realízanse unha serie de modificacións, entre as cales destacan as seguintes.

No capítulo I do título I, sobre criterios xerais de elaboración, presentación e entrega dos documentos de planeamento, reformúlase a localización do índice xeral do instrumento de planeamento; aclárase que o formato da documentación escrita é libre salvo no caso da normativa urbanística, que se debe elaborar en formato A4 vertical para favorecer o seu proceso de publicación; claréxase a posibilidade de empregar un sistema de marcos libre, non oficial, na división en follas da cartografía elaborada en escalas diferentes a 1:10 000 e 1:5 000; incorpóranse especificacións para os modelos de planos en tamaño A2 e amplíase a regulación da codificación básica dos instrumentos de planeamento para dar solución a casuísticas non previstas na redacción orixinal do texto normativo.

Así mesmo, regúlase o caso concreto da acreditación da coincidencia entre o documento pdf dilixenciado e o documento pdf sometido a aprobación ou trámite administrativo, e créase un modelo de declaración responsable para estes efectos.

De igual xeito, incorpórase no seu capítulo II a regulación da ficha de vixencia que as normas técnicas prevían para os instrumentos de planeamento, restrinxindo o seu alcance ao planeamento xeral e eliminando así a súa obrigatoriedade no caso de documentos que xa acadasen a aprobación inicial no momento de entrada en vigor das normas técnicas.

E respecto dos preceptos regulados no capítulo III do título III, sempre co obxectivo de facilitar o traballo dos equipos redactores e das administracións municipais, exceptúanse aos estudos de detalle da obriga de seren elaborados en formato compatible con sistemas de información xeográfica (SIX).

No título II, no relativo á validación da base cartográfica que debe dar soporte aos instrumentos de planeamento, cínguese este procedemento á cartografía elaborada a escala 1:5 000, ou de menor detalle, de conformidade co réxime competencial da Comunidade Autónoma de Galicia respecto da elaboración de cartografía.

Finalmente, no título III, sobre disposicións comúns, á vista de que durante a aplicación práctica das normas técnicas de planeamento se puxeron de manifesto dificultades tecnolóxicas dos axentes participantes no proceso de formulación do planeamento para dar cumprimento a determinados preceptos sobre a sinatura e o dilixenciado electrónico, aclárase que a sinatura electrónica do equipo redactor non ten que ser visible nos documentos en pdf, ben que debe ser verificable, e elimínase a obrigatoriedade de que o espazo reservado para a marca visible da sinatura e do dilixenciado electrónico municipal sexa na banda esquerda do documento, ben que se mantén a preferencia desa opción se resulta posible.

V

Actualízanse os anexos técnicos das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia para adecuarse ás modificacións operadas no texto normativo, para adaptarse aos constantes cambios e evolucións no sector tecnolóxico dos sistemas de información xeográfica (SIX) e para mellorar determinados aspectos e solucionar pequenas eivas detectadas na súa redacción orixinal.

Respecto destes anexos, a disposición adicional única desta modificación prevé a súa actualización mediante un procedemento de actualización máis áxil e dinámico, por canto as normas técnicas definen o planeamento nunha nova linguaxe técnica, en formato SIX, que está en constante evolución e cambio.

Por tal motivo, resulta imprescindible que as referidas normas non se convertan nun documento ríxido nos seus aspectos máis técnicos, senón que sexan quen de seguir o ritmo da dinámica do sector.

Para tal efecto, proponse a actualización dos aspectos técnicos recollidos nos anexos das normas técnicas mediante resolución da persoa titular do órgano autonómico competente en materia de urbanismo, que se deberá publicar no Diario Oficial de Galicia con indicación dos cambios operados. Para calquera outro tipo de modificación do contido das normas técnicas, deberase seguir o mesmo procedemento que se seguiu para a súa aprobación.

VI

Esta norma estrutúrase nun único artigo, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e unha disposición derradeira.

No que atinxe ao procedemento de modificación, seguiuse o regulado no artigo 89 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, mediante a Resolución do 6 de maio de 2021, acordou o inicio da tramitación da modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia someténdoas a información pública durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 96, do 25 de maio; corrección de erros no DOG núm. 98, do 27 de maio).

Así mesmo, comunicóuselles o trámite de audiencia á Federación Galega de Municipios e Provincias, ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ao Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación de Galicia, ao Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, ao Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia e ao Colexio Oficial de Xeógrafos de Galicia.

Unha vez finalizado o seu procedemento de tramitación e cumpridos todos os trámites preceptivos, en cumprimento do previsto no artigo 89.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, elevouse a modificación das normas técnicas de planeamento de Galicia á Comisión Superior de Urbanismo de Galicia que, na súa sesión do 6 de abril de 2022, emitiu informe favorable previo á súa aprobación definitiva por parte da persoa titular da consellería competente en materia de urbanismo.

Visto canto antecede, de acordo co establecido no artigo 48.2. da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 89.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia

Apróbase a modificación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, aprobadas mediante a Orde do 10 de outubro de 2019, de conformidade coa Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo de Galicia.

A Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia queda modificada como segue:

Un. Modifícase a disposición transitoria primeira, que queda redactada como segue:

«1. Os instrumentos de planeamento urbanístico que non acadasen a aprobación inicial na data de entrada en vigor destas normas técnicas de planeamento (25.5.2020), deberanse adaptar a elas na súa totalidade. Aos que a acadasen, unicamente lles será de aplicación o disposto no título III destas.

2. O título II das normas técnicas de planeamento será de aplicación ás modificacións puntuais, ao planeamento de desenvolvemento, ás delimitacións de núcleo rural e aos estudos de detalle, unicamente cando o instrumento de planeamento a que se refiran xa estea adaptado a elas.

Nestes casos, poderase empregar a cartografía ou planimetría do planeamento de orixe e, sobre esa base, delimitar o ámbito afectado e grafar a ordenación proposta, adaptada no que proceda ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia».

Dous. Modifícase a disposición transitoria segunda, que queda redactada como segue:

«En todo caso, os instrumentos de planeamento que se remitan á consellería competente en materia de urbanismo para informe, aprobación ou inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia deberán achegar os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado».

Tres. Modifícase o título da disposición adicional, que pasa a denominarse disposición adicional primeira.

Catro. Engádese unha disposición adicional segunda co seguinte contido:

«Disposición adicional segunda. Actualización dos anexos técnicos

Os anexos técnicos das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia poderán ser obxecto de actualización coa finalidade de mantelos adaptados á normativa vixente e de poder emendar aspectos e melloras de índole técnica do seu contido.

Para estes efectos, a dita actualización realizarase mediante resolución administrativa da persoa titular do órgano autonómico competente en materia de urbanismo e será publicada mediante o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia con indicación dos cambios operados, sen máis trámite».

Cinco. Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 4 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que quedan redactados como segue:

«2. O contido completo do instrumento de planeamento será recollido nun índice xeral que se incorporará no documento dixital conforme a estrutura e codificación de carpetas e arquivos do anexo 4 das normas.

Neste mesmo arquivo, a continuación do índice xeral, indicaranse tamén a composición e as titulacións da totalidade dos membros do equipo redactor do instrumento.

3. Sen prexuízo disto, a totalidade dos documentos e arquivos que compoñen o plan conterán un índice propio que garanta a facilidade do seu manexo mediante a sinalización das súas páxinas numeradas ou o acceso ás diferentes partes do documento a través de marcadores que faciliten a navegación, segundo sexa posible en cada caso.

Cando os documentos dixitais non editables dun plan se teñan que dividir en varios arquivos pdf para non superaren o límite de tamaño regulado no artigo 10 destas normas, cada un deles deberá contar co seu índice propio, que cumprirá as condicións establecidas no parágrafo anterior. Así mesmo, o primeiro deles conterá o índice global do documento conxunto no cal se indicará de cantos arquivos pdf independentes se compón e o contido de cada un deles.

No caso da documentación gráfica, se o índice ten un formato de papel diferente ao da serie de planos a que corresponda, este achegarase nun arquivo independente que indicará o contido completo da serie desagregado nos arquivos dixitais en que se divida a serie, correctamente identificados».

Seis. Modifícase o artigo 5 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A documentación escrita elaborarase mediante o emprego de procesadores de texto, follas de cálculo ou as aplicacións ofimáticas que correspondan segundo o documento concreto de que se trate, seguindo o principio de interoperabilidade da información.

2. Todos os documentos escritos estarán paxinados con numeración correlativa referenciada ao total de páxinas.

3. O formato de papel empregado para elaborar a documentación escrita é libre, excepto no caso da normativa urbanística, que se deberá realizar en formato A4 vertical. En todo caso, para a maquetaxe e a presentación das follas A4 seguiranse as especificacións de formato, tamaño e posición definidas no anexo 5».

Sete. Modifícanse os números 2 e 3 do artigo 6 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que quedan redactados como segue:

«2. De ser precisa a división en follas da cartografía a escala 1:10 000 e 1:5 000 para a súa elaboración e presentación, esta división realizarase en follas de tamaño A1 segundo os marcos oficiais para a distribución de follas do sistema xeográfico de referencia.

Incluirase en cada plano da serie un gráfico distribuidor das follas numeradas, cos códigos dos planos, no cal se remarque a folla que corresponda ao contido do plano.

Cando a división da cartografía en follas sexa precisa pero resulte de empregar unha escala diferente das anteriores, a elección dos marcos que se empreguen para a subdivisión será libre mais seguirá os principios de máxima sinxeleza e lexibilidade enumerados no artigo 3 destas normas.

3. Para a maquetaxe e a presentación das follas A1, A2 e A3, seguiranse as especificacións de formato, tamaño e posición definidas no anexo 5».

Oito. Modifícase o número 1 do artigo 8 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. Na elaboración da documentación gráfica dos instrumentos de planeamento empregaranse os parámetros de simboloxía definidos no anexo 2 destas normas técnicas».

Nove. Engádese un segundo parágrafo ao número 3 do artigo 9 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«Así mesmo, o órgano responsable de dilixenciar o documento de planeamento acreditará, mediante unha declaración responsable, que o documento en formato pdf dilixenciado é coincidente co documento pdf sometido a aprobación ou trámite administrativo, salvo no tocante á súa manipulación para realizar o proceso de sinatura e dilixenciado dixital regulado no artigo 22 destas normas».

Dez. Modifícanse os números 4 e 5 do artigo 9 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactados como segue:

«4. No relativo ao soporte dixital, e para garantir a ausencia de alteracións posteriores no documento, calcularase o código alfanumérico correspondente á pegada dixital (función hash) das carpetas comprimidas do documento e acreditarase a coincidencia mediante referencia a estas pegadas.

5. A declaración responsable para acreditar a coincidencia entre soportes (pdf, soporte dixital editable ou papel, de ser o caso) será elaborada de conformidade co modelo do anexo 9 destas normas técnicas, e nela indicaranse o algoritmo e o formato empregado para crear as pegadas dixitais do documento en soporte dixital».

Once. Engádese un número 6 ao artigo 9 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, coa seguinte redacción:

«6. A declaración responsable para acreditar a coincidencia entre o documento pdf dilixenciado e o documento pdf sometido a aprobación ou trámite administrativo será elaborada de conformidade co modelo do anexo 9.B destas normas técnicas».

Doce. Modifícase o número 3 do artigo 10 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«3. Como regra xeral, unicamente se poderán desagregar para a súa presentación en arquivos pdf independentes as follas das distintas series de planos da documentación gráfica dos instrumentos de planeamento».

Trece. Modifícase o número 6 do artigo 10 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«6. Identificarase claramente a orde dos arquivos desagregados dentro do conxunto total das partes que conforman o documento completo orixinal e numerarase ou identificarase cada parte a continuación do nome definido nestas NNTTPP para o documento. A numeración ou identificación que se estableza estará separada do nome do arquivo mediante un guión baixo e, no caso de empregar numeración seriada do un ao nove, esta estará precedida do número 0».

Catorce. Modifícanse as letras a), b), c) e d) do número 1 do artigo 11 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que quedan redactadas como segue:

«a) INE é o código do concello asignado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), considerados unicamente os seus cinco primeiros díxitos.

b) TIP é o tipo de instrumento de planeamento; o dominio posible é:

• Para o planeamento xeral: PXOM: plan xeral de ordenación municipal; PBM: plan básico municipal; NNSSPP: normas subsidiarias de planeamento; PXOU: plan xeral de ordenación urbana; POMR: proxecto de ordenación do medio rural.

• Para o planeamento de desenvolvemento: PP: plan parcial; PE: plan especial; PEP: plan especial de protección; PERI: plan especial de reforma interior; PEPRI: plan especial de protección e reforma interior; PEID: plan especial de infraestruturas e dotacións; PS: plan de sectorización; PAU: programa de actuación urbanística.

• Para outras figuras de planeamento: DNR: delimitación de solo de núcleo rural; ED: estudos de detalle; DSU: delimitación de solo urbano.

No caso do planeamento de desenvolvemento e doutras figuras de planeamento, indicarase a continuación do tipo de instrumento [TIP] e separada deste por un guión baixo (_) unha abreviatura representativa do código ou nome do ámbito, do nome do núcleo ou da numeración correlativa que corresponda segundo o caso, que non exceda os sete (7) caracteres.

No caso de que se trate dunha modificación dun destes instrumentos, a nomenclatura do tipo de instrumento (TIP) estará precedida das letras MP; no caso de que se trate dunha corrección de erros, estará precedida das letras CE e, no caso de tratarse dun documento refundido, das letras DR. Nos tres casos xuntaráselle á letra o número de modificación, corrección de erros ou texto refundido de que se trate, tendo en conta que a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0 segundo o seguinte formato: MP01, MP02, MP03...

Así mesmo, no caso concreto das modificacións puntuais de plan xeral para a delimitación de núcleo rural que adoptan a tramitación dunha delimitación de núcleo rural segundo o artigo 189.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, a codificación do tipo de instrumento estará seguida das siglas DNR segundo o seguinte formato: MP01PXOMDNR.

c) AAAAMM é a data do documento achegado en cada fase, identificada co ano e co mes, e referenciada ao momento final deste proceso.

Enténdese que este momento será coincidente no tempo, de forma aproximada, coa data da sinatura electrónica do documento por parte do redactor do plan. Con todo, permítese a existencia de partes do documento asinadas con anterioridade e que se incorporen de novo sense ter modificado o seu contido, ben que na súa nomenclatura si deberán atender á codificación básica empregada para o documento no seu conxunto.

d) F é a identificación dos documentos segundo a fase de tramitación urbanística e ambiental a que correspondan, e o dominio posible é: B: borrador; AI: documento correspondente á fase de aprobación inicial; PPDEAE: proposta do plan para a formulación da declaración ambiental estratéxica; PPMA: proposta do plan para a formulación da memoria ambiental (naqueles instrumentos que continúan a súa tramitación ao abeiro da Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente); AP: documento correspondente á fase de aprobación provisional, e AD: documento aprobado definitivamente.

No caso de que se acheguen sucesivas addendas do documento en cada unha das fases, entendendo por addenda a documentación adicional ou complementaria que se achegue a maiores da inicialmente remitida, indicarase a continuación da nomenclatura da fase (F), separada por un guión baixo, o número de addenda (ADD). Para isto, a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0 e seguirase o seguinte formato de codificación: PPDEAE_ADD01, PPDEAE_ADD02... AP_ADD01, AP_ADD02...

Cando se remitan documentos completos correspondentes a unha mesma fase de xeito sucesivo, o modo normal de diferencialos será a través da data do documento, mais, no caso excepcional de que esta poida coincidir, diferenciaranse engadindo á abreviatura da fase o número que corresponda. Respecto disto, a numeración seriada do un ao nove estará precedida do número 0 e seguirá o seguinte formato de codificación: PPDEAE01, PPDEAE02...AP01, AP02...».

Quince. Engádense un número 2 e un número 3 ao artigo 12 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, coa seguinte redacción:

«2. Así mesmo, os instrumentos de planeamento xeral contarán cunha ficha en que se recolla a vixencia do planeamento do concello tras a súa aprobación.

3. Nesta ficha, elaborada polo redactor do documento coa información facilitada polo concello, ou polo promotor deste, de ser o caso, deixarase constancia expresa do planeamento completo que resultará vixente no concello tras a entrada en vigor do instrumento de planeamento xeral, incluído este. Ademáis, listarase o planeamento que perde a súa vixencia tras esta entrada en vigor.

Esta ficha realizarase segundo o modelo do anexo 7 destas normas e achegarase como un anexo á memoria xustificativa do documento.»

Dezaseis. Modifícase o número 1 do artigo 13 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. Á vista do contido mínimo que indica o Regulamento da Lei do solo de Galicia para os diferentes instrumentos de planeamento, da codificación básica que se define nestas normas e dos documentos preceptivos que se regulan nelas, establécense no anexo 4 a preceptiva estrutura e codificación de carpetas e arquivos que se deben seguir na elaboración e presentación dos documentos, co fin de estandarizar e facilitar o seu manexo. Deste xeito, o documento de planeamento en soporte dixital deberase organizar seguindo a xerarquía e a nomenclatura de carpetas definidas no anexo 4, e os arquivos que o compoñan nomearanse segundo a codificación establecida.

No caso de tratarse dunha modificación puntual dun instrumento de planeamento non regulado na Lei do solo de Galicia, seguirase a estrutura de carpetas e arquivos definida no anexo 4 para o instrumento de planeamento que sexa asimilable con este e de conformidade coa codificación establecida no artigo 11».

Dezasete. Engádense un segundo e terceiro parágrafo ao número 5 do artigo 13 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, coa seguinte redacción:

«A escala mínima de elaboración desta documentación gráfica será a fixada no Regulamento da Lei do solo de Galicia e dividirase a información en varios planos temáticos cando así o requira a lexibilidade do plano.

Os planos temáticos dunha serie de planos identificada nas táboas do anexo 4 nomearanse seguindo a codificación establecida para ela nese anexo, seguida dunha abreviatura identificativa do contido do plano temático separada da codificación da serie mediante un guión baixo».

Dezaoito. Engádese un segundo parágrafo ao número 1 do artigo 14 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, coa seguinte redacción:

«Quedan exceptuados da obriga de ser elaborados en formato compatible con SIX os estudos de detalle, ben que a súa documentación gráfica, con independencia do seu formato de elaboración, deberá estar definida en todo caso no sistema de referencia ETRS89 (European Terrestrial Reference System 1989), fuso 29N».

Dezanove. Modifícase o artigo 18 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. A documentación gráfica dos instrumentos de planeamento urbanístico deberá ser formulada empregando como soporte unha base cartográfica en formato vectorial.

2. De existir cartografía oficial da Xunta de Galicia a escala 1:5 000, empregarase como soporte para a documentación gráfica dos instrumentos de planeamento que se elaboren a esa escala ou a escalas menores (de menor detalle), e actualizarase no caso de ser necesario. En caso contrario, deberase realizar unha base cartográfica que cumpra co indicado neste artigo.

A cartografía dispoñible na Xunta de Galicia a escalas 1:5 000 ou 1:10 000 porase á disposición de todas as persoas interesadas no Portal de mapas de información xeográfica de Galicia.

3. Para o resto da documentación gráfica dos instrumentos de planeamento que precisen escalas maiores (de maior detalle), quen formule o planeamento deberá, simultaneamente producir cartografía á escala necesaria.

4. A base cartográfica completa que se empregue para a formulación do planeamento, en calquera escala, deberá ser achegada como parte do documento de planeamento en formato editable e poderá ser empregada pola Administración autonómica para completar a súa infraestrutura de datos espaciais. Ademais, a cartografía que se actualice ou elabore a escala 1:5 000 porase á disposición do Instituto de Estudos do Territorio, para os efectos da súa comprobación, segundo o procedemento establecido no artigo 82 do Regulamento da Lei do solo, e da súa integración no Sistema de información territorial de Galicia, se procede.

5. Para estes efectos, será obrigatoria, cando menos, a integración no Sistema de información territorial de Galicia da cartografía elaborada a escala 1:5 000 para os documentos de planeamento xeral.

6. Co fin de facilitar esta integración, a cartografía que se produza a escala 1:5 000 deberá estar harmonizada co disposto neste título das normas técnicas e co seu anexo 8, no cal se indica o catálogo mínimo de obxectos xeográficos que debe incorporar a base cartográfica a esta escala.

Así mesmo, de actualizarse a Base topográfica de Galicia (BTG), respectarase o seu modelo de datos sen alterar as especificacións definidas para cada obxecto xeográfico ou fenómeno contido na base.

7. A tramitación do instrumento de planeamento poderá continuar coas sucesivas fases establecidas no seu procedemento ata acadar a súa aprobación definitiva, con independencia do proceso de comprobación da base cartográfica e da súa integración no Sistema de información territorial de Galicia.

8. Sen prexuízo disto, como apoio na formulación do planeamento urbanístico poderase empregar a información cartográfica doutras fontes oficiais, como pode ser a catastral».

Vinte. Engádese un segundo parágrafo ao número 1 do artigo 22 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, coa seguinte redacción:

«A sinatura electrónica do equipo redactor non ten que ser visible nos documentos en pdf, mais será válida e verificable pola Administración que reciba o documento en primeiro termo en cada unha das fases do procedemento de tramitación».

Vinte e un. Modifícase o número 4 do artigo 22 do anexo da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, que queda redactado como segue:

«4. En relación co seu tamaño e posición, tomaranse como referencia as indicacións do anexo 5 destas normas técnicas mentres non se desenvolva a Plataforma urbanística dixital de Galicia prevista na disposición adicional primeira da Lei do solo de Galicia».

Vinte e dous. Modifícanse os anexos técnicos 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9 das normas técnicas de planeamento de Galicia, que se incorporan coa súa nova redacción a esta orde, e créase un novo anexo técnico 9B.

Disposición transitoria única. Adaptación dos instrumentos de planeamento territoriais e urbanísticos

1. Aos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados inicialmente antes da entrada en vigor desta modificación non lles resultará de aplicación preceptiva esta, sen prexuízo da posibilidade de adaptarse a ela voluntariamente.

2. Para os efectos do previsto na disposición adicional sexta da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, os instrumentos de ordenación do territorio en que se emitise o informe ambiental estratéxico ou, de ser o caso, o documento de alcance, antes da entrada en vigor da dita lei, non se terán que adaptar ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia nin esta modificación.

Naqueles supostos en que proceda ou se opte pola dita adaptación, resultarán aplicables aquelas determinacións previstas nas normas técnicas que poidan resultar de aplicación ao instrumento de ordenación territorial, en función da natureza, obxecto e contido deste.

En todo caso, os instrumentos de ordenación do territorio que se remitan á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo para a súa inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia deberán achegar os datos xeográficos do documento en soporte vectorial xeorreferenciado.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogados o artigo 26 da Orde do 10 de outubro de 2019 de aprobación das normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia e cantas disposicións de igual ou inferior rango normativo se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Anexo 1: Listaxe de abreviaturas

[Táboa]

Anexo 2: Simboloxía gráfica e parámetros de etiquetaxe

• Clasificación e categorización do solo

• Dotacións urbanísticas

• Ámbitos de planeamento remitido, ordenado detalladamente e incorporado

• Ordenanzas dos sistemas dotacionais

• Ordenanzas do Plan básico autonómico

• Construcións

• Afeccións sectoriais

Anexo 2: Simboloxía gráfica e parámetros de etiquetaxe

CLASIFICACIÓN E CATEGORIZACIÓN DO SOLO

[Táboa]

DOTACIÓNS URBANÍSTICAS (XEOMETRÍAS DE TIPO LINEAL E PUNTUAL)

[Táboa]

DOTACIÓNS URBANÍSTICAS (XEOMETRÍAS DE TIPO POLIGONAL PARTE I)

[Táboa]

ÁMBITOS DE PLANEAMENTO REMITIDO, ORDENADO DETALLADAMENTE OU INCORPORADO

[Táboa]

ORDENANZAS DOS SISTEMAS DE DOTACIÓNS (3)

[Táboa]

ORDENANZAS DO PLAN BÁSICO AUTONÓMICO

[Táboa]

CONSTRUCIÓNS

[Táboa]

AFECCIÓNS SECTORIAIS (1)

[Táboa]

Anexo 2: Lenda de simboloxía gráfica (parte I)

[Táboa]

Anexo 2: Lenda de simboloxía gráfica (parte II)

[Táboa]

Anexo 3: Modelo de datos dos arquivos vectoriais

Neste anexo regúlase o modelo de datos dunha serie de arquivos vectoriais que se deben achegar con carácter preceptivo como parte da documentación gráfica en formato editable dos instrumentos de planeamento. O dominio posible para cada campo do modelo de datos está indicado nas táboas deste anexo, sen prexuízo de que, como regra xeral, para aqueles campos dos cales se dispoña de datos, o valor que se vai indicar será “cf”: sen datos, e, para aqueles que non resulten de aplicación, o valor a indicar será “na”: non aplicable.

Os campos definidos neste modelo, así como o seu dominio, considéranse preceptivos, pero permítese a incorporación de novos campos na estrutura da táboa de atributos dos arquivos vectoriais, de ser necesario para un correcto tratamento da información xeográfica.

1 . Arquivos vectoriais dos instrumentos de planeamento xeral

1.1 Delimitación do instrumento de planeamento xeral

Incluirase unha capa vectorial coa delimitación do ámbito territorial do instrumento de planeamento xeral. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[figura]

1.2 Dotacións urbanísticas

Achegarase a información xeográfica das dotacións urbanísticas segundo o artigo 65 do Regulamento da Lei do solo de Galicia. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

1.3 Clasificación e categorización do solo

Achegarase a información xeográfica da clasificación e categorización do solo proposta polo plan xeral. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

1.4 Cualificación do solo urbano consolidado

Achegarase a información xeográfica da cualificación do solo urbano consolidado proposto polo plan xeral. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

1.5 Ámbitos de planeamento remitido

Achegarase a información xeográfica dos ámbitos cuxa ordenación detallada está remitida polo instrumento de planeamento xeral a un planeamento de desenvolvemento. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

1.6 Ámbitos con ordenación detallada

Achegarase a información xeográfica dos ámbitos de desenvolvemento ordenados detalladamente polo plan xeral. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

1.7 Ámbitos de planeamento incorporado

Achegarase a información xeográfica dos ámbitos de planeamento que o planeamento xeral incorpora. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[figura]

1.8 Análise do modelo de asentamento poboacional

Achegarase a información xeográfica dos núcleos rurais delimitados polo instrumento de planeamento xeral de conformidade co documento de análise do modelo de asentamento poboacional. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

1.9 Construcións tradicionais

Achegarase a información xeográfica das construcións de tipo tradicional existentes nos núcleos rurais delimitados polo instrumento de planeamento. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[figura]

1.10 Parcelas edificables polo método gráfico

No caso de xustificar o grao de consolidación dos núcleos rurais polo método gráfico, achegarase unha capa vectorial na cal se delimiten as parcelas edificables no núcleo rural conforme o establecido no artigo 35 do RLSG. Esta capa terá as características indicadas na seguinte táboa.

[Táboa]

1.11 Cualificación do solo de núcleo rural

Achegarase a información xeográfica da cualificación do solo de núcleo rural proposto polo instrumento de planeamento. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

2 . Arquivos vectoriais dos instrumentos de desenvolvemento (1) e (2)

2.1 Delimitación do instrumento de desenvolvemento

Incluirase unha capa vectorial coa delimitación do ámbito territorial do instrumento de planeamento de desenvolvemento. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

2.2 Cualificación do solo

Achegarase a información xeográfica da cualificación dos terreos. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

2.3 Edificacións

Achegarase a información xeográfica das edificacións existentes e proxectadas no ámbito do planeamento de desenvolvemento. Esta capa elaborarase segundo o seguinte modelo de datos.

[Táboa]

3 . Arquivos vectoriais das delimitacións de núcleo rural

No caso das delimitacións de solo de núcleo rural (DNR), deberanse achegar os arquivos vectoriais regulados nos puntos 1.1, 1.2, 1.3, 1.8, 1.9, 1.10 e 1.11, segundo corresponda, empregando no campo “TIP” da codificación básica o dominio “DNR”.

Anexo 4: Estrutura e codificación de carpetas e arquivos das figuras de planeamento

PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL (PXOM)

[Táboa]

BORRADOR DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL (PXOM)

[Táboa]

PLAN BÁSICO MUNICIPAL (PBM)

[Táboa]

PLAN PARCIAL (PP) E PLAN ESPECIAL DE REFORMA INTERIOR (PERI)

[Táboa]

PLAN ESPECIAL (PE) (4)

[Táboa]

DELIMITACIÓN DE NÚCLEO RURAL (DNR)

[Táboa]

ESTUDO DE DETALLE (ED)

[Táboa]

Anexo 5: Modelo de cartela e formato A1, A2, A3 e A4

• Formato A1_V

• Formato A1_H

• Formato A2_V

• Formato A2_H

• Formato A3_V

• Formato A3_H

• Formato A4_V

• Formato A4_H

[Táboa]

Anexo 6: Modelo de extracto da avaliación ambiental1

[Táboa]

Anexo 7: Ficha da vixencia do planeamento do concello tras a aprobación do documento en tramitación (1)

[Táboa]

Anexo 8: Catálogo mínimo de obxectos xeográficos da base topográfica do planeamento urbanístico

A continuación detállase a listaxe de obxectos xeográficos que conforman o conxunto mínimo de elementos que debe conter unha base topográfica de planeamento urbanístico para cumprir co perfil das normas BTG.

O seguinte perfil débese utilizar para as escalas 1:10 000 e 1:5 000, e contén un conxunto de elementos obrigatorios que conforman o núcleo deste perfil. Estes elementos correspóndense cos obxectos xeográficos identificados co nivel 1 (N1) na táboa seguinte. Os obxectos xeográficos fillo identificados co nivel 2 (N2) poderanse cartografar como un obxecto xeográfico independente ou engadir como un atributo do obxecto xeográfico pai (N1), nun novo campo identificado como ID_TIPO.

[Táboa]

Anexo 9: Declaración responsable da coincidencia entre soportes

[Documento]

Anexo 9B: Declaración responsable do proceso de dilixenciado

[Documento]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia