lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 30 de marzo de 2022 pola que se aproba o contido das obrigas de información pública e sinalética das instalacións termais autorizadas ao abeiro da Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia.

Publicado en: DOG 70 11/04/2022

Departamento: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

Estado: En vigor

PDF

A Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia (DOG núm. 2, do 3.1.2020), no capítulo III do seu título I, sobre dereitos e obrigas das persoas titulares de autorizacións e concesións de aproveitamento lúdico, e concretamente no seu artigo 23, establece as obrigas e prohibicións que as persoas titulares das autorizacións ou concesións de aproveitamento exclusivamente lúdico das augas termais teñen que cumprir.

O dito artigo 23 indica que, respecto das augas termais, deberán consignarse nun lugar visible os seus datos máis significativos e, particularmente, os relativos á temperatura de emerxencia e á declaración termal das ditas augas; e se é o caso, tamén se deberán consignar os relativos á eventual declaración mineromedicinal que adicionalmente poidan ter as augas, sen que tal información obxectiva presupoña vinculación respecto ao seu uso terapéutico que poidan atribuírlles as persoas usuarias, e remarcando neste caso que o aproveitamento se faga con base na declaración termal.

Así mesmo, este artigo establece como obrigatorio informar das «eventuais contraindicacións que o uso lúdico desas augas poida supoñer para a saúde das persoas» (artigo 23.b), a obriga, respecto dos usos, de «limitarse á oferta e prestación dos servizos propios do aproveitamento lúdico, e posibilitar a existencia de instalacións complementarias para eses usos como as destinadas a saunas, baños de vapor ou tratamentos estéticos» (artigo 23.c) e a prohibición, respecto dos usos, de que nas instalacións lúdicas «se oferten, presten ou garantan servizos terapéuticos das augas que excedan os propios do seu aproveitamento lúdico, e a correlativa obriga de consignar en lugar visible a dita prohibición » (artigo 23.d).

En calquera caso, cómpre sinalar que, aínda que se establece esta prohibición, a propia Lei 8/2019, do 23 de decembro, tamén establece no seu título III a prelación e compatibilidade entre aproveitamentos terapéuticos e lúdicos das aguas termais. Así, o artigo 27 dispón que «as augas termais procedentes dunha mesma emerxencia poderán ser simultaneamente obxecto de aproveitamento terapéutico e lúdico», sempre e cando se cumpra unha serie de requisitos. Ademais, sinálase que «a compatibilidade entre ambos os aproveitamentos deberá estar debidamente detallada no proxecto de aproveitamento e deberá figurar de forma clara e visible para as persoas usuarias».

Pola súa banda, o artigo 1 da Lei 8/2019, do 23 de decembro, sinala con respecto ás augas termais o seu valor patrimonial e cultural. A continuación, o artigo 2 establece, entre os fins da lei, o de protexer a integridade das augas termais como recurso patrimonial e cultural. Deste modo, a norma asocia inequivocamente os mananciais de augas termais galegos co patrimonio cultural de Galicia, sendo esta unha das súas características significativas. Son, polo tanto, «datos significativos» de acordo coa definición da alínea a) do artigo 23.1, que poderán incorporarse na sinalética das instalacións co obxecto de poñer en valor as características diferenciais do manancial como elemento patrimonial inherente á propia configuración do espazo termal galego.

As referidas obrigas de información pública, tal e como se recolle no dito artigo 23, deberán igualmente reflectirse, se é o caso, na páxina web das instalacións termais correspondentes.

Polo tanto, o artigo 23 establece uns requirimentos de mínimos en relación coa información que se lles debe achegar ás persoas usuarias das instalacións de uso lúdico das augas termais, sendo posible unha ampliación e maior definición dos contidos que en materia de información pública deberá proporcionar a persoa titular da autorización ou concesión de aproveitamento lúdico das augas termais. Ademais, a importancia e obrigatoriedade da información vén reforzada polo artigo 31.e) da Lei 8/2019, que considera infracción grave o incumprimento das obrigas de información recollidas nesta.

En virtude do exposto, en cumprimento do disposto no número 2 da disposición derradeira cuarta da citada Lei 8/2019, do 23 de decembro, que faculta a persoa titular da consellería competente en materia de minas para regular directamente cuestións técnicas da súa competencia, particularmente as correspondentes á sinalética das novas instalacións, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, e 7/2002, do 27 de decembro, e de conformidade co disposto no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto desenvolver o artigo 23 da citada Lei 8/2019, do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, en concreto, establecer o contido das obrigas de información pública e aprobar o modelo de sinalética, que se incorpora como anexo I da presente orde, das instalacións termais autorizadas ao abeiro da citada lei.

Artigo 2. Contido da información pública

A información pública de todas as instalacións termais autorizadas deberá reflectir os seguintes datos e contidos:

1. Denominación: «Espazo termal de/piscina termal de uso lúdico de ..................», termo municipal de .......... (provincia).

2. Titular: deberase especificar o nome da persoa que conte co título habilitante.

3. Características da augas termais:

a) Nome do manancial.

b) Temperatura a que emerxe a auga termal.

c) Tipoloxía das augas (facies hidroquímicas).

d) pH.

4. Declaración, autorización ou concesión administrativa:

a) Declaración de auga termal: indicaranse a data da resolución, a data de publicación e o número do DOG.

b) Declaración de auga mineromedicinal, de ser o caso: indicaranse a data da resolución, a data de publicación e o número do DOG.

c) Autorización/concesión do aproveitamento lúdico da auga termal: indicaranse a data da resolución, a data de publicación e o número do DOG.

5. Características patrimoniais e culturais: deberanse indicar, de ser o caso, os datos que poñan en valor as características históricas, patrimoniais e culturais do manancial como elemento patrimonial inherente á propia configuración do espazo termal galego. A información ofrecida non debería conter datos que poidan inducir as persoas usuarias á convicción de propiedades terapéuticas non recoñecidas no título de aproveitamento. A veracidade da información contida na sinalética sobre as características patrimoniais e culturais do manancial deberá ser confirmada, nunha declaración responsable, polas persoas titulares das autorizacións ou das concesións dos aproveitamentos lúdicos das augas termais. Cando se empregue esta opción de posta en valor do manancial, o seu contido poderá ser analizado e, de ser o caso, modificado, pola consellería competente en materia de minas, de acordo cos informes pertinentes obtidos.

6. Características das instalacións:

a) Volume e superficie da lámina de auga de cada vaso dos que compoñen a instalación, temperatura da auga de cada un deles e profundidade máxima.

b) Instalacións complementarias: saunas, baños de vapor ou tratamentos estéticos.

7. Prohibición de servizos terapéuticos:

Recollerase obrigatoriamente a seguinte frase para o caso de que as augas termais teñan título habilitante unicamente para o aproveitamento lúdico:

«Os usos das augas termais existentes foron autorizados para fins lúdicos. Queda expresamente prohibida a prestación de servizos terapéuticos nestas instalacións».

Artigo 3. Obrigas de información pública

1. As obrigas de información pública exixidas ás persoas titulares das autorizacións ou das concesións dos aproveitamentos lúdicos das augas termais reguladas pola Lei 8/2019, do 23 de decembro, serán trasladadas ao público xeral a través da páxina web da instalación termal correspondente e, en particular, ás persoas usuarias das ditas instalacións termais, a través dunha sinalética exposta en lugar visible desde o exterior do recinto da instalación termal, dun material resistente (pedra natural, madeira con tratamento para exteriores, metal, metacrilato ou similar).

2. A sinalética será como mínimo tamaño A4, de acordo co modelo establecido no anexo I desta orde e co Manual de identidade corporativa da Xunta de Galicia vixente en cada momento e deberá incluír, obrigatoriamente, a información sinalada en galego e castelán.

Artigo 4. Información pública en materia hixiénico-sanitaria

O contido das obrigas de información pública recollido nesta orde especifícase, sen prexuízo das obrigas de información pública relativas ás eventuais contraindicacións, prohibicións e recomendacións do uso destas augas no que afecte a saúde das persoas, e deberán terse en conta os requisitos hixiénico-sanitarios dos espazos termais e das piscinas termais de uso lúdico, recollidos na normativa sanitaria, no artigo 14 do Real decreto 742/2013, do 27 de setembro, polo que se establecen os criterios técnico-sanitarios das piscinas, e na normativa autonómica ditada en desenvolvemento da dita norma básica.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para ditar as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2022

Francisco José Conde López

Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO I

[Documento]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia