lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2014, do 27 de maio, de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Publicado en: DOG 102 30/05/2014

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, pretende a adaptación da normativa básica en materia de administración local para a adecuada aplicación dos principios de estabilidade orzamentaria, sustentabilidade financeira e eficiencia no uso dos recursos públicos locais, en liña coas disposicións da Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Un dos obxectivos básicos da reforma consiste en clarificar as competencias municipais para evitar duplicidades coas competencias doutras administracións de forma que se faga efectivo o principio «unha Administración, unha competencia» e evitar, en palabras da exposición de motivos da lei, «os problemas de solapamentos competenciais entre administracións ata agora existentes».

Así, a exposición de motivos da lei entende como disfuncionalidades do modelo competencial deseñado pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LBRL), a existencia de situacións de concorrencia competencial entre varias administracións públicas, duplicidade na prestación de servizos ou que os municipios presten servizos sen un título competencial específico que os habilite e sen contar cos recursos axeitados para iso, o que dá lugar ao exercicio de competencias que non teñen legalmente atribuídas nin delegadas e á duplicidade de competencias entre administracións.

A exposición de motivos da lei conclúe que «As entidades locais non deben volver asumir competencias que non lles atribúe a lei e para as cales non conten co financiamento adecuado. Polo tanto, só poderán exercer competencias distintas das propias ou das atribuídas por delegación cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outra Administración pública».

De acordo coa súa disposición derradeira quinta, a Lei estatal 27/2013 dítase ao abeiro dos títulos competenciais recollidos nas alíneas 14 e 18 do artigo 149.1 da Constitución. Isto é, «facenda xeral e débeda do Estado» e «bases do réxime xurídico das administracións públicas».

A disposición adicional terceira refírese ás «Competencias autonómicas en materia de réxime local» e na súa alínea 1 establece que «As disposicións desta lei son aplicables a todas as comunidades autónomas, sen prexuízo das súas competencias exclusivas en materia de réxime local asumidas nos seus estatutos de autonomía, no marco da normativa básica estatal e con estrita suxeición aos principios de estabilidade orzamentaria, sustentabilidade financeira e racionalización das estruturas administrativas».

Polo tanto, a propia lei recorda a existencia de competencias exclusivas das comunidades autónomas en materia de réxime local e o papel da normativa básica de actuar como un marco destas competencias.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten atribuída a competencia exclusiva en materia de réxime local, de acordo co artigo 27 do seu Estatuto de autonomía, así como de acordo co seu artigo 49 a tutela financeira sobre os entes locais, respectando a autonomía que a estes lles recoñecen os artigos 140 e 142 da Constitución e consonte o artigo 27.2 do Estatuto.

En exercicio destas competencias, a Comunidade Autónoma de Galicia debe adoptar mediante a presente lei unha serie de medidas en desenvolvemento da normativa básica necesarias para a aplicación efectiva da reforma e en garantía tanto da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira das entidades locais coma da eficiente prestación do sistema de servizos públicos existente na Comunidade Autónoma, evitando que a inexistencia dunha normativa de desenvolvemento produza resultados indesexables ou disfuncionalidades no funcionamento dos indicados servizos públicos que prexudiquen a cidadanía.

Estas medidas débense adoptar de modo urxente e sen prexuízo da necesidade de que deba realizarse unha revisión da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, derivada tanto da súa necesaria adaptación á nova normativa básica coma ao resto da lexislación posterior á súa data e aos novos retos organizativos e funcionais que se presentan actualmente ás entidades locais.

O eixe fundamental tanto da Lei de racionalización e reforma da Administración local coma desta lei debe seguir sendo o artigo 2.1 da LBRL, que na súa redacción actual derivada da reforma continúa facendo referencia a que, para a efectividade da autonomía garantida constitucionalmente ás entidades locais, a lexislación do Estado e a das comunidades autónomas, reguladoras dos distintos sectores de acción pública, segundo a distribución constitucional de competencias, deberán asegurar aos municipios e ás provincias o seu dereito a interviren en cantos asuntos afecten directamente o círculo dos seus intereses, atribuíndolles as competencias que procedan en atención ás características da actividade pública de que se trate e á capacidade de xestión da entidade local, de conformidade cos principios de descentralización, proximidade, eficacia e eficiencia e mais, como engade agora a reforma, con estrita suxeición á normativa de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

Este artigo demostra en definitiva que, como no modelo orixinario da LBRL, a lei básica non articula un modelo pechado de atribución de competencias locais.

A Sentenza do Tribunal Constitucional 214/1989, do 21 de decembro, expresa que este precepto condensa «o criterio de que corresponde ao lexislador estatal a fixación dos principios básicos en relación coas competencias que se deban recoñecer ás entidades locais [...], fixando ao respecto unhas directrices para levar a cabo a asignación de tales competencias, directrices que se concretan en atender, en cada caso, ás características da actividade pública e á capacidade de xestión da entidade local, de acordo cos principios de descentralización e máxima proximidade da xestión administrativa aos cidadáns».

Na sentenza indicada exprésase que a función constitucional encomendada ao lexislador estatal é a de garantir os mínimos competenciais que dotan de contido e efectividade a garantía da autonomía local, xa que non se descende á fixación detallada de tales competencias, pois o propio Estado non dispón de todas elas. De aí que esa ulterior operación quede deferida ao lexislador competente por razón da materia, respectando as bases estatais e, en particular, este artigo 2.1 e os artigos 25.2, 26 e 36 da LBRL. Todo iso con pleno respecto á Carta europea de autonomía local, que consagra os principios de autonomía e suficiencia financeira das entidades locais.

Polo tanto, serán as leis sectoriais as que concretarán as competencias locais segundo o sistema de distribución constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, observando as directrices do artigo 2.1 da Lei de bases.

No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, debe terse en conta, en especial, o Acordo de cooperación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) polo que se establece o contido do Pacto local que rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia, asinado o 20 de xaneiro de 2006. O Pacto local recoñece a posibilidade de asunción de competencias polo nivel local atendendo aos principios de subsidiariedade e eficacia, dado o seu carácter de Administración máis próxima á cidadanía, e expresa o obxectivo primordial de dar cumprimento aos principios de igualdade e solidariedade para lograr que os cidadáns e as cidadás poidan ter as mesmas prestacións independentemente do seu lugar de residencia e, deste xeito, lograr unha cohesión entre todos e en todos os ámbitos. O pacto recoñece tamén a singularidade específica da Administración local galega relacionada co feito de contar con máis da metade dos núcleos de poboación do Estado, que na práctica se traduce en asentamentos poboacionais que condicionan directamente a súa xestión cotiá e os diversos labores que ten que desenvolver.

Esta lei regula o réxime de atribución de competencias propias aos municipios despois da entrada en vigor da reforma, incorporando a regulación recollida na lexislación de bases en canto á necesidade da análise do impacto da nova atribución de competencias sobre os recursos financeiros das administracións públicas afectadas e o cumprimento dos principios de estabilidade, sustentabilidade financeira e eficiencia do servizo ou a actividade, así como a necesaria previsión da dotación dos recursos necesarios para asegurar a suficiencia financeira das entidades locais.

Regúlase, así mesmo, a delegación de competencias, autorizando a Administración da Comunidade Autónoma a delegar nos municipios o exercicio das súas competencias, consonte o disposto nos artigos 7 e 27 da Lei 7/1985.

Especial atención recibe no texto da lei a regulación do exercicio de novas competencias polos municipios distintas das propias e das atribuídas por delegación, que de acordo coa lexislación básica só será posible cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, conforme os requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outra Administración pública.

Para estes efectos, regúlase a forma de apreciación da existencia ou inexistencia de duplicidade na prestación de servizos ou a realización de actividades e remítese a apreciación da sustentabilidade financeira ao disposto na normativa estatal.

Tamén se regula a solicitude dos informes competencia da Administración autonómica, a documentación que debe presentarse xunto coa solicitude de informe, o procedemento e o prazo para a emisión dos informes, así como o seu carácter vinculante e contido. A lei fai referencia tamén á necesidade dun novo informe nos casos de modificacións substanciais no exercicio das competencias.

Por outra banda, na falta de regras legais especiais expresas na lexislación básica, as disposicións adicionais aclaran o réxime aplicable ás competencias atribuídas na lexislación autonómica anterior á entrada en vigor da lei.

En efecto, fronte ao suposto das actividades e servizos complementarios dos realizados por outras administracións, que se exercían con base no artigo 28 da Lei de bases, xa derrogado, estamos nestes casos ante competencias atribuídas normativamente como propias pola diferente lexislación sectorial, que polo tanto deseñou todo o sistema prestacional á cidadanía baseándose nunha distribución específica de competencias que non pode agora sen máis descoñecerse sen que perigue esa prestación de servizos públicos, moitas veces esenciais para a cidadanía.

É evidente tamén que non poden impoñerse ás normas aprobadas con anterioridade á entrada en vigor da lei básica requisitos previstos no artigo 25 que só son aplicables ás aprobadas no novo sistema vixente tras a reforma, como os de previsión da dotación financeira, cando as competencias propias das entidades locais veñen sustentadas aínda polo actual sistema de financiamento.

Por último, establécense disposicións especiais sobre a creación de consorcios, a formalización de convenios, así como sobre as competencias cuxa titularidade debe asumir a Administración da Comunidade Autónoma de acordo coa normativa estatal.

Finalmente, debe indicarse que o anteproxecto desta lei foi sometido a consulta da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Artigo 1. Competencias propias dos municipios atribuídas pola lexislación autonómica

1. As leis autonómicas que regulen as materias en que, de acordo coa distribución constitucional de competencias, corresponda a súa regulación á Comunidade Autónoma de Galicia e atribúan novas competencias aos municipios consonte o establecido no artigo 2.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, deberán, de acordo co establecido no artigo 25.3 da indicada norma, avaliar a conveniencia da implantación de servizos locais conforme os principios de descentralización, eficiencia, estabilidade e sustentabilidade financeira.

2. Igualmente, atenderase ao principio de máxima proximidade da xestión á cidadanía, lexitimando a actividade pública local cando o ámbito municipal sexa o máis adecuado para a prestación de acordo coa Carta europea de autonomía local.

3. Para estes efectos, os anteproxectos das leis a que se refire a alínea anterior deberán ir acompañados dunha memoria económica elaborada pola consellaría competente por razón da materia na cal se reflicta o impacto da nova atribución de competencias sobre os recursos financeiros das administracións públicas afectadas e o cumprimento dos principios de estabilidade, sustentabilidade financeira e eficiencia do servizo ou a actividade. A lei deberá prever a dotación dos recursos necesarios para asegurar a suficiencia financeira das entidades locais sen que iso poida levar consigo, en ningún caso, un maior gasto das administracións públicas.

Os anteproxectos de leis acompañaranse de informes da consellaría competente en materia de facenda e da consellaría competente en materia de administración local nos cales se analice o cumprimento dos criterios antes sinalados.

4. A lei determinará a competencia municipal propia de que se trate, garantindo que non se produce unha atribución simultánea da mesma competencia á Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 2. Delegación de competencias nos municipios

1. A Administración da Comunidade Autónoma poderá delegar nos municipios, seguindo criterios homoxéneos, o exercicio das súas competencias, consonte o disposto nos artigos 7 e 27 da Lei 7/1985, así como o previsto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A delegación poderá abranguer, entre outras, as competencias previstas no artigo 27 da Lei 7/1985, sempre que as leis da Comunidade Autónoma non atribuísen a súa titularidade aos municipios como propias.

A delegación deberá ir acompañada en todo caso do correspondente financiamento, para o cal será necesaria a existencia de dotación orzamentaria adecuada e suficiente nos orzamentos da Administración da Comunidade Autónoma para cada exercicio económico, e será nula sen a dita dotación.

O incumprimento das obrigas financeiras por parte da Administración autonómica delegante facultará a entidade local delegada para compensalas automaticamente con outras obrigas financeiras que esta teña con aquela.

2. A delegación producirase por decreto do Consello da Xunta de Galicia e requirirá aceptación expresa por parte dos municipios receptores, que se formulará e remitirá con carácter previo á deliberación do Consello da Xunta de Galicia, nos termos regulados pola Lei 5/1997.

3. O proxecto de decreto de delegación deberá acompañarse dunha memoria económica elaborada pola consellaría competente por razón da materia onde se xustifiquen os principios de eficiencia, de eliminación de duplicidades administrativas e de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. En particular, valorarase o impacto no gasto das administracións públicas afectadas.

O proxecto de decreto acompañarase de informes da consellaría competente en materia de facenda e da consellaría competente en materia de administración local nos cales se analice o cumprimento dos criterios antes sinalados.

4. O decreto de delegación incluirá a cláusula de garantía do cumprimento dos compromisos de financiamento a que se refire o artigo 57 bis da Lei 7/1985, do 22 de abril, de bases de réxime local.

5. Na delegación deberase determinar a súa duración, as súas posibles prórrogas e os medios persoais, materiais e económicos asignados. No caso de que o financiamento da delegación resulte insuficiente, deberase proceder á súa reconsideración.

Artigo 3. Competencias das entidades locais distintas das propias e das atribuídas por delegación

1. O exercicio de novas competencias polas entidades locais que sexan distintas das atribuídas como propias pola lexislación, e cuxo exercicio non se encontre delegado, só será posible cando non se poña en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, e non se incorra nun suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outra Administración pública.

2. Para os efectos deste artigo, entenderase por exercicio de novas competencias os procedementos que se inicien para o establecemento de servizos de nova planta consonte o artigo 297.2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, así como a modificación dos servizos xa establecidos para a realización de novas actividades prestacionais, cando non constitúan desenvolvemento, execución ou non tendan á consecución dos fins das competencias atribuídas como propias ou das competencias que se exerzan por delegación.

Así mesmo, entenderase como exercicio de novas competencias o exercicio da actividade de fomento polas entidades locais mediante o establecemento de subvencións cando non constitúan desenvolvemento, execución ou non tendan á consecución dos fins das competencias atribuídas como propias ou das competencias que se exerzan por delegación.

3. En particular, non se entenderá como exercicio de novas competencias:

a) A continuidade na prestación dos servizos xa establecidos.

b) A continuidade da actividade de fomento xa establecida en exercicios anteriores así como a realización de novas actuacións de fomento que foran xa establecidas nos proxectos de establecemento de servizos obxecto dos informes de inexistencia de duplicidades e sustentabilidade financeira previstos nesta lei.

c) A modificación da regulamentación dos servizos, das súas modalidades de prestación ou da situación, deberes e dereitos das persoas usuarias consonte o artigo 297 da Lei 5/1997, cando non leve consigo a realización de novas actividades prestacionais polos servizos xa establecidos ou, aínda que as leve consigo, non supoñan unha modificación substancial das condicións de prestación do servizo, da realización da actividade ou do seu financiamento, de acordo co establecido nesta lei, ou ben o seu exercicio non supoña a asunción de novas obrigas financeiras para a entidade local de acordo coa memoria económica xustificativa que deberá incluírse no expediente.

d) A concorrencia a convocatorias de subvencións ou axudas, así como a formalización de convenios de colaboración de concesión de subvencións, para que as entidades locais realicen con carácter conxuntural actividades de información, de asesoramento, de orientación, de mellora da empregabilidade e formativas e mais outras actividades que non supoñan a creación de novos servizos municipais de acordo co artigo 297 de Lei 5/1997. Tampouco se entenderá como exercicio de novas competencias a realización das actividades citadas unha vez obtida a subvención.

e) As obras, servizos, axudas, adquisicións ou subministracións de emerxencia, por mor de acontecementos catastróficos, situacións que supoñan grave perigo ou necesidades que afecten directamente a seguridade pública.

f) A colaboración entre administracións entendida como o traballo en común para a solución daqueles problemas, tamén comúns, que poidan formularse máis alá da concreta repartición competencial nos distintos sectores da acción pública, de acordo co artigo 193.2 da Lei 5/1997.

g) O auxilio administrativo, de acordo co disposto no artigo 193.4 da Lei 5/1997.

h) Os premios que se outorguen sen solicitude previa do beneficiario.

4. Para os efectos indicados na alínea 1 deste precepto, con carácter previo ao inicio das novas competencias, serán preceptivos os informes previos da Administración competente por razón da materia, en que se sinale a inexistencia de duplicidades, e da Consellería de Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como titular da competencia de tutela financeira sobre as entidades locais galegas, sobre a sustentabilidade financeira das novas competencias.

Cando a Administración competente por razón da materia sexa a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, o informe sobre a inexistencia de duplicidades será emitido pola consellaría competente en materia de administración local logo de consulta á consellaría competente por razón da materia.

5. Nos procedementos polos que se pretenda o exercicio da nova competencia, ou os dirixidos ao establecemento do novo servizo ou a realización das novas actividades, deberá incluírse unha memoria na cal xustifique a persoa titular da presidencia da corporación o interese da entidade local na intervención nas materias de que se trate por afectar directamente o círculo dos seus intereses, a capacidade de xestión da entidade local en relación coa forma concreta prevista da prestación do servizo ou a realización da actividade.

Así mesmo, deberá xustificarse na indicada memoria a relación das prestacións e actividades previstas en aplicación dos principios de descentralización, proximidade, eficacia e eficiencia e mais a estrita suxeición á normativa de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

A memoria deberá facer referencia ás características proxectadas da actividade pública de que se trate, ao réxime xurídico previsto para o servizo, ao alcance das prestacións previstas en favor da cidadanía e á proxectada regulación dos aspectos de carácter xurídico, económico e administrativo relativos á prestación do servizo.

6. En particular, nos supostos de exercicio da actividade de fomento polas entidades locais mediante o establecemento de subvencións, os informes previos previstos neste artigo deberán emitirse con carácter previo ao establecemento das subvencións, sobre o plan estratéxico regulado no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que as entidades locais deberán concretar os obxectivos e efectos que se pretenden coa súa aplicación, o prazo necesario para a súa consecución, os custos previsibles e as súas fontes de financiamento.

Artigo 4. Apreciación da inexistencia de duplicidade na prestación de servizos ou a realización de actividades

As prestacións de servizos e as actividades proxectadas non poderán supoñer a existencia de duplicidades pola execución simultánea dos mesmos servizos ou actividades por outra Administración pública, atendendo sempre aos concretos servizos ou actividades que se pretenden realizar, en atención aos principios de descentralización, proximidade, eficacia e eficiencia e ás súas características e alcance de acordo co establecido no artigo anterior, atendendo en particular á satisfacción da demanda non cuberta plenamente polos servizos existentes.

Artigo 5. Apreciación da sustentabilidade financeira

1. Para a apreciación da sustentabilidade financeira das novas competencias, actividades e servizos avaliarase a sustentabilidade do conxunto da Facenda local, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

2. En canto ao concepto de sustentabilidade financeira, observarase o establecido na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria, ou na normativa estatal que a substitúa.

3. En particular, entenderase que o exercicio das novas competencias, actividades e servizos pon en risco o conxunto da Facenda local cando a súa realización poida superar a capacidade da entidade local para financiar os seus compromisos de gasto presentes e futuros dentro dos límites de déficit, débeda pública e morosidade de débeda comercial conforme o establecido na lexislación de estabilidade orzamentaria.

Artigo 6. Solicitude dos informes competencia da Administración autonómica

1. Para os efectos da emisión dos informes previstos no artigo 3 desta lei pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como titular da competencia de tutela financeira e, de ser o caso, como Administración competente por razón de materia, as entidades locais que pretendan o exercicio das novas competencias ou servizos deberán presentar a solicitude de informe dirixida á consellaría competente en materia de administración local, xunto coa documentación que se expresa nesta lei.

2. O órgano competente da entidade local deberá solicitar os informes con carácter previo á implantación do servizo, á modificación dos servizos xa establecidos para a realización de novas actividades prestacionais ou á aprobación do plan estratéxico de subvencións.

3. Poderanse inadmitir as peticións de informe pola consellaría competente en materia de administración local se da documentación remitida ou dos antecedentes de que dispoña a Administración autonómica resulta que non se dan os presupostos previstos no artigo 3 para a solicitude de informe e, en particular, cando non se trate do exercicio de novas competencias ou servizos, da normativa vixente se deduza que a competencia está atribuída como propia á entidade local pola lexislación do Estado ou da Comunidade Autónoma, ou se delegase o seu exercicio.

Artigo 7. Documentación que debe presentarse xunto coa solicitude de informe

1. Á solicitude de informe xuntarase a documentación a que se refire o artigo 3.5.

2. En particular, para a xustificación de sustentabilidade financeira deberá acompañarse a seguinte documentación:

– Liquidación consolidada do exercicio inmediato anterior, xunto co respectivo informe da Intervención sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade, regra de gasto e débeda, incluíndo o estado do remanente de tesouraría no 31 de decembro do exercicio inmediato anterior.

– Situación actual da débeda viva, con detalle das operacións vixentes e cadros de amortización.

– Orzamento do exercicio vixente xunto co informe da Intervención sobre o cumprimento do obxectivo de estabilidade, regra de gasto e débeda.

– Informe da Intervención sobre cumprimento da estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira coas novas competencias.

– Detalle e importes das partidas orzamentarias correspondentes á competencia para informar tanto de gastos coma de ingresos ou, de ser o caso, previsións das modificacións orzamentarias que se deberán realizar.

– Calquera outra documentación que solicite o órgano competente por ser necesaria para os efectos de emitir o informe sobre sustentabilidade financeira.

3. Se a documentación a que se refire esta disposición fose incompleta, a consellaría competente en materia de administración local ou a consellaría competente en materia de facenda requirirá, segundo os casos, a entidade local para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada polos órganos expresados nos termos previstos no artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderase requirir en calquera momento para que se corrixa a documentación incompleta ou inexacta, e interromperanse os prazos para a emisión dos informes durante o tempo que medie entre a recepción do requirimento e a entrada no órgano competente para emitir o informe da documentación complementaria, de acordo co artigo 42.5 da Lei 30/1992.

Artigo 8. Procedemento e prazo para a emisión dos informes

1. Recibidas as solicitudes de informe pola consellaría competente en materia de administración local, remitirállelas á consellaría competente por razón da materia, para que emita a consulta prevista no artigo 3.4, e mais á competente en materia de facenda.

2. As consellarías competentes para a emisión do informe poderán realizar os actos de instrución necesarios para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales deban emitir o seu informe.

3. Os informes serán emitidos no prazo de tres meses. Cando razóns de interese público o aconsellen poderase acordar, de oficio ou por petición da entidade local, a aplicación ao procedemento da tramitación de urxencia, pola cal se reducirán á metade os prazos establecidos para o procedemento ordinario, consonte o disposto no artigo 50 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo da obriga da Administración autonómica de emitir o informe, o vencemento do prazo máximo sen notificarse este lexitima a entidade local para entendelo desfavorable, para os efectos da súa impugnación na vía contencioso-administrativa nos termos e prazos establecidos na lei reguladora da dita xurisdición.

Artigo 9. Carácter e contido dos informes

1. Os informes terán carácter vinculante, polo que a entidade local non poderá proceder ao exercicio da competencia, ao establecemento do novo servizo ou á prestación da nova actividade se os informes son negativos por apreciar un risco para a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda local, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, ou a existencia de duplicidades por apreciarse un suposto de execución simultánea do mesmo servizo público con outra Administración pública.

2. Os informes deberán ser debidamente motivados e fundarse en apreciacións obxectivas.

3. Os informes poderán establecer para o exercicio das actividades as condicións que sexan precisas para garantir a sustentabilidade financeira e a inexistencia de duplicidades e mais posibilitar o exercicio das actividades ou a prestación dos servizos.

Artigo 10. Modificacións substanciais no exercicio das competencias

1. Só será necesario solicitar a emisión dun novo informe nos supostos de modificación substancial das condicións de prestación do servizo, de realización da actividade ou do seu financiamento.

2. Para estes efectos débese entender por modificación substancial aquelas modificacións que poidan afectar pola súa intensidade as condicións tidas en conta na emisión do informe inicial, que poidan afectar a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda local ou cambios na forma de prestación do servizo que poidan provocar a existencia de duplicidades na súa prestación por confundirse co prestado por outra Administración.

3. Os informes poderán determinar as condicións en que se entenderá que existe esta modificación substancial e establecerán as condicións que se teñen en conta para a súa emisión. Así mesmo, poderán establecer as condicións que deberán manterse ou os límites de desenvolvemento da actividade.

Artigo 11. Efectos dos informes

1. A emisión dos informes non implicará a prestación de calquera tipo de garantía ou a asunción ou transferencia de calquera tipo de responsabilidade financeira pola Facenda autonómica polo funcionamento ou o mantemento do servizo fronte á cidadanía, outras administracións ou o propio municipio.

2. Así mesmo, a emisión do informe sobre a non duplicidade de servizos á vista do proxecto concreto de prestación das actividades polo municipio non implica que a Administración autonómica con competencia material no servizo deba asumir a súa prestación en caso de que o municipio decida posteriormente o abandono ou o non exercicio da competencia, ou careza finalmente dos recursos necesarios para financiala pola evolución das finanzas locais.

En particular, a emisión destes informes non compromete ou condiciona a planificación que a Administración autonómica mantén sobre o exercicio das súas propias competencias e para decidir a forma en que ela mesma deba exercelas, de xeito adecuado e nas condicións óptimas para o conxunto da cidadanía e sustentables financeiramente.

Artigo 12. Coordinación e colaboración entre a Administración autonómica e a local

Deberase establecer un marco de coordinación e colaboración efectiva entre a Administración autonómica e a local de cara á prestación e o mantemento dos servizos fronte á cidadanía, debendo promover a súa mellora e garantir a súa prestación efectiva e promovendo o traballo en común para a solución daqueles problemas que se poidan presentar máis alá da concreta repartición competencial nos distintos sectores da acción pública.

Disposición adicional primeira. Réxime aplicable ás competencias atribuídas pola lexislación autonómica anterior á entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local

As competencias atribuídas ás entidades locais pola lexislación autonómica anterior á entrada en vigor da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, continuarán exercéndoas elas, rexéndose pola indicada lexislación ou, de ser o caso, polo dereito estatal aplicable como supletorio, sen prexuízo do disposto nas disposicións adicionais cuarta e quinta sobre a asunción pola Comunidade Autónoma das competencias relativas á educación, saúde e servizos sociais.

Disposición adicional segunda. Cooperación mediante consorcios ou convenios administrativos

1. A cooperación económica, técnica e administrativa entre a Administración local e a Administración da Comunidade Autónoma, tanto en servizos locais coma en asuntos de interese común, desenvolverase con carácter voluntario, de acordo co artigo 57 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, baixo as formas e nos termos previstos nas leis, e poderá ter lugar, en todo caso, mediante os consorcios ou convenios administrativos que subscriban.

2. A subscrición de convenios e a constitución de consorcios deberán mellorar a eficiencia da xestión pública, eliminar duplicidades administrativas e cumprir coa lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, sen que para a súa formalización ou constitución deban solicitarse os informes preceptivos que se regulan nesta lei.

3. En particular, os convenios e consorcios procurarán a eliminación de duplicidades na prestación dos servizos a través do coexercicio de competencias e a colaboración e cooperación para a prestación dos servizos ou a realización das actividades e o seu financiamento conxunto.

4. A colaboración e a cooperación poderán comprender, entre outros aspectos:

a) A asistencia técnica, que se concretará na elaboración de estudos e proxectos, na prestación de servizos ou en calquera outra actividade propia ou común.

b) A axuda financeira a unha das partes para o exercicio de actividades da súa competencia ou para o exercicio polas entidades locais de competencias distintas das atribuídas como propias ou delegadas.

c) Executar puntualmente obras ou servizos da competencia dunha das partes.

d) Compartir as sedes, os locais ou os edificios que sexan precisos para o desenvolvemento das súas competencias.

e) Desenvolver actividades de carácter prestacional.

5. Os convenios incluirán a cláusula de garantía do cumprimento dos compromisos de financiamento a que se refire o artigo 57 bis da Lei 7/1985, do 22 de abril, de bases de réxime local.

Disposición adicional terceira. Adaptación ao réxime da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, dos convenios, acordos e demais instrumentos de cooperación xa subscritos

1. A adaptación ao réxime da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, dos convenios, acordos e demais instrumentos de cooperación xa subscritos no momento da entrada en vigor desa lei pola Comunidade Autónoma de Galicia con toda clase de entidades locais, que leven aparellado calquera tipo de financiamento destinado a sufragar o exercicio por parte destas últimas de competencias delegadas ou competencias distintas das atribuídas como propias pola lexislación do Estado ou da Comunidade Autónoma, deberá producirse o 31 de decembro de 2014. Transcorrido este prazo sen se adaptar quedarán sen efecto.

2. A adaptación establecida na alínea anterior consistirá na realización dunha avaliación polas partes asinantes do convenio sobre a continuidade na cooperación no exercicio destas competencias, na cal deberá xustificarse a colaboración e cooperación para a prestación dos servizos ou a realización das actividades e o seu financiamento conxunto e a non existencia de duplicidades.

Así mesmo, a entidade local deberá ponderar se polas condicións da actuación se pon en risco a sustentabilidade financeira do conxunto da Facenda municipal, de acordo cos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira. De a entidade local apreciar este risco, requirirase o informe vinculante da consellaría competente en materia de facenda, que se emitirá conforme o establecido nesta lei pola tramitación de urxencia.

A avaliación, se é positiva, incorporarase a unha addenda ao convenio, acordo ou instrumento de cooperación, na cal se recollerán, así mesmo, de ser o caso, as modificacións acordadas en garantía dos principios mencionados na alínea anterior.

Disposición adicional cuarta. Asunción pola Comunidade Autónoma das competencias relativas á educación, saúde e servizos sociais

1. As competencias que debe asumir a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, saúde e servizos sociais en cumprimento das disposicións da Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, continuarán sendo prestadas polos municipios mentres non se dean as condicións previstas para o seu traspaso na normativa básica e, en particular, o establecemento do novo sistema de financiamento autonómico e das facendas locais previsto nela.

2. No marco do que dispoñan as normas reguladoras do sistema de financiamento das comunidades autónomas e das facendas locais, o Consello da Xunta de Galicia regulará as condicións do correspondente traspaso de medios económicos, materiais e persoais, sen que a xestión polas comunidades autónomas dos servizos anteriormente citados poida supoñer un maior gasto para o conxunto das administracións públicas. Para tales efectos, con carácter previo á regulación polo Consello da Xunta das condicións do correspondente traspaso de acordo co previsto no parágrafo anterior, as consellarías competentes por razón da materia deberán elaborar un plan para a avaliación, reestruturación e implantación dos servizos.

Disposición adicional quinta. Disposicións específicas sobre as competencias relativas á participación na xestión da atención primaria da saúde

1. En desenvolvemento das previsións da disposición transitoria primeira da Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, tendo en conta o disposto no Acordo de cooperación entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), polo que se establece o contido do Pacto local que rexerá na Comunidade Autónoma de Galicia, asinado o 20 de xaneiro de 2006, a Comunidade Autónoma asumirá de forma progresiva, comezando en todo caso no ano 2014, nun vinte por cento anual, a xestión dos servizos asociados á xestión da atención primaria da saúde.

2. Para estes efectos, a asunción da xestión dos servizos levarase a cabo mediante a cesión gratuíta ao Servizo Galego de Saúde da titularidade dos edificios e terreos dos centros de saúde e a subrogación do organismo autónomo nos correspondentes contratos de servizos e subministracións contratados polos municipios para os ditos centros.

3. Unha comisión mixta paritaria entre a Consellería de Sanidade e a Fegamp determinará os centros de saúde en que se operará a cesión e subrogación progresiva en cada exercicio mediante convenios con cada municipio e os requisitos para a asunción da xestión.

Os bens cedidos integraranse no patrimonio do Sergas e quedarán afectados ao servizo público de saúde. No caso de supresión do servizo, tales bens reverterán sobre o municipio.

Disposición adicional sexta. Réxime de funcionarios e funcionarias da Administración local con habilitación de carácter nacional

1. De acordo co disposto no artigo 92 bis.10 da Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, os órganos competentes para a incoación de expedientes disciplinarios aos funcionarios e ás funcionarias de Administración local con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia serán os seguintes:

a) A persoa titular da presidencia da corporación onde o funcionario ou a funcionaria tería cometido os feitos que se lle imputan, cando poidan ser constitutivos de falta leve, ou o membro desta que, por delegación daquela, exerza a xefatura do persoal.

b) A persoa titular da dirección xeral competente na materia de administración local da Administración xeral da Comunidade Autónoma, agás cando os feitos denunciados poidan ser constitutivos de faltas moi graves tipificadas na normativa básica estatal, caso no que a competencia corresponderá ao órgano que se determine nela.

2. O órgano competente para acordar a incoación do expediente serao tamén para nomear instrutor e, se é o caso, secretario, decretar ou alzar a suspensión provisional, así como para instruír dilixencias previas antes de decidir sobre a incoación.

En ningún caso poderán adoptarse medidas cautelares que impliquen a suspensión temporal de funcións nos casos de infraccións tipificadas como leves.

3. Os instrutores e instrutoras e os secretarios e secretarias nos expedientes disciplinarios incoados polas entidades locais e a Administración xeral da Comunidade Autónoma a funcionarios e funcionarias con habilitación de carácter nacional nomearanse preferentemente entre funcionarios e funcionarias pertencentes á mesma escala, propostos polo colexio territorial en cuxo ámbito territorial se atope a entidade local onde o funcionario ou a funcionaria cometese os feitos que se lle imputan.

No caso de que o colexio, logo de xustificación razoada, non remitise a proposta no prazo de quince días, ou dentro del xa manifestase a súa intención de non facer proposta para o efecto, os instrutores e instrutoras e os secretarios e secretarias nomearanse entre funcionarios e funcionarias da Administración local ou da Administración autonómica.

En todo caso, tanto o secretario ou a secretaria coma o instrutor ou a instrutora deberán ser necesariamente persoal funcionario de carreira de calquera corpo ou escala do subgrupo A1, que conten con coñecementos na materia a que se refire a infracción.

4. A instrución do expediente corresponderá á Administración competente para a incoación do procedemento.

Para estes efectos, cando a corporación local aprecie a existencia de feitos que poidan constituír infracción administrativa grave ou moi grave, comunicarallo á Administración competente para a incoación e instrución.

Así mesmo, cando a petición de incoación se remita á Administración xeral da Comunidade Autónoma e esta entenda que os feitos postos de manifesto poidan ser constitutivos de infracción moi grave, remitiralle a petición ao órgano competente da Administración do Estado para a incoación e instrución por ela do procedemento, sen prexuízo de que esta poida devolvela á Administración xeral da Comunidade Autónoma cando entenda que os feitos postos de manifesto non fosen constitutivos de infracción moi grave pero poidan ser constitutivos de infracción grave.

5. De acordo co disposto no artigo 92 bis.11 da Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, os órganos competentes para a imposición de sancións disciplinarias aos funcionarios ou ás funcionarias de Administración local con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia serán os seguintes:

a) O Pleno da Corporación, cando se trate de impoñer sancións por faltas leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente na materia de administración local da Administración xeral da Comunidade Autónoma cando se trate de impoñer sancións de suspensión de funcións e destitución, agás cando a sanción que recaia sexa por falta moi grave tipificada na normativa básica estatal, caso no que a competencia corresponderá ao órgano que se determine nela.

6. En tanto non entre en vigor o desenvolvemento regulamentario previsto no artigo 92 bis.8 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no que se establezan os supostos excepcionais nos que lle corresponda á Administración do Estado os nomeamentos provisionais de funcionarios e funcionarias con habilitación de carácter nacional, a dirección xeral competente na materia de administración local da Administración xeral da Comunidade Autónoma continuará efectuando os referidos nomeamentos, aplicando os requisitos establecidos na normativa regulamentaria vixente establecida pola Administración do Estado, con independencia do tempo de permanencia nos postos de traballo obtidos por concurso.

Disposición derradeira primeira. Presentación do proxecto de lei de reforma da Lei de Administración local de Galicia

O Goberno presentará ao Parlamento, dentro do prazo de seis meses desde a entrada en vigor do novo sistema de financiamento autonómico e das facendas locais, un proxecto de lei de reforma da Lei de Administración local de Galicia, para a actualización e adaptación da normativa autonómica vixente de réxime local, que integrará a regulación prevista nesta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento regulamentario

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións regulamentarias que sexan precisas para o desenvolvemento da presente lei.

Santiago de Compostela, vinte e sete de maio de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia