lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 27 de xaneiro de 2014 pola que se aproban as normas de aplicación do canon eólico.

Publicado en: DOG 20 30/01/2014

Departamento: Consellería de Facenda

Estado: En vigor

PDF

A Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental, creou un tributo ambiental denominado canon eólico, que somete a gravame a xeración de afeccións e impactos ambientais adversos sobre o medio natural e, por ende sobre o territorio, a través da instalación dos bens afectos á produción de enerxía eólica e situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O período impositivo coincide co ano natural aínda que, no caso de primeira instalación ou desmantelamento do parque eólico, o período impositivo se estenderá desde a devindicación e o último día do período impositivo, no primeiro caso, e entre a devindicación e a data do desmantelamento, no segundo caso. A devindicación producirase na data en que se formalice a acta de recepción da obra do parque o ano de implantación do parque eólico e o primeiro día do ano natural nos sucesivos anos en que a autorización administrativa estea vixente.

Consonte a Lei 8/2009, do 22 de decembro, son suxeitos pasivos do canon, en calidade de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas e as entidades as que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria que, baixo calquera título, leven a cabo a explotación dun parque eólico aínda que non sexan titulares dunha autorización administrativa para a súa instalación. Presumirase,salvo proba en contra, que a explotación dun parque eólico é realizada pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente autorización administrativa para a súa instalación.

Consonte o artigo 17 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, os suxeitos pasivos están obrigados a declarar inicialmente os datos, as características e as circunstancias necesarias para a cuantificación do tributo, así como as modificacións dos datos previamente declarados, nos prazos e lugar e mediante os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellería competente en materia de facenda mediante orde. Así mesmo, estarán obrigados a presentar unha declaración de baixa, no suposto de desmantelamento do parque eólico. Ademais, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do canon eólico, determinando a débeda tributaria correspondente, e a ingresar o seu importe na forma, prazos e lugar, mediante os modelos e de conformidade coas instrucións que estableza a consellería competente en materia de facenda mediante orde.

Por outra banda, consonte a Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Administración establecerá un rexistro obrigatorio de parques eólicos, dos aeroxeradores neles existentes e das características destes. A estrutura, contido e sede do rexistro así como os procedementos para a súa formación e mantemento determinaranse mediante orde da consellería competente en materia de facenda.

O artigo 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece unha bonificación de carácter rogado e o seu recoñecemento estará condicionado á comunicación do proxecto de repotenciación ao órgano competente da Administración autonómica en materia de enerxía e á acreditación efectiva polo dito órgano da redución das unidades de aeroxeradores. A bonificación ten carácter rogado e o seu recoñecemento é un procedemento de xestión tributaria regulado no Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos que contén as normas regulamentarias que son de aplicación, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

Por último, a Lei 8/2009, do 22 de decembro, establece que a consellería competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do canon se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben e, igualmente, dispón que poderá establecer a obrigatoriedade da súa presentación e pagamento mediante medios electrónicos.

No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, desenvolve no seu artigo 34 a obriga da Administración de informar e asistir os obrigados tributarios sobre o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, sinalando que as actuacións da Administración tributaria que requiran a súa intervención deberán levarse a cabo da forma que resulte menos gravosa para estes, sempre que iso non prexudique o cumprimento das súas obrigas tributarias. O título III da Lei 58/2003, do 17 de decembro, regula as normas xerais de aplicación dos tributos e, en concreto, no seu capítulo I consagra os principios xerais informadores da aplicación dos tributos. No capítulo II establécense as normas comúns aplicables ás actuacións e procedementos tributarios e os capítulos III, IV e V configuran os procedementos de xestión, de inspección e de recadación respectivamente. Dentro do primeiro capítulo, no seu artigo 96, impele a Administración tributaria a promover a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e electrónicos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias. Así mesmo, cando sexa compatible cos medios técnicos de que dispoña a Administración electrónica, os cidadáns poderán relacionarse con ela para exercer os seus dereitos e cumprir coas súas obrigas mediante técnicas e medios electrónicos, informáticos e electrónicos coas garantías e requisitos previstos en cada procedemento. Do mesmo xeito, fíxanse os principais supostos en que cabe a utilización destes medios, cunha ampla habilitación regulamentaria. No capítulo II, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, recolle exclusivamente as especialidades aplicables nos procedementos tributarios respecto das normas administrativas xerais. No capítulo III contén unha regulación sistemática e suficiente da xestión tributaria e dos seus procedementos, aínda que dun xeito flexible, co fin de facilitar a adaptación dos procedementos tributarios aos avances que se vaian producindo sen que a lei constitúa un impedimento. Neste capítulo regúlanse as declaracións, as autoliquidacións e as comunicacións de datos, instrumentos mediante os que poden iniciarse as actuacións de xestión tributaria e contense unha relación non exhaustiva dos procedementos de xestión tributaria, facultando o regulamento para que estableza outros procedementos que estime convenientes aos cales se aplicarán en todo caso as normas establecidas no capítulo II da Lei 58/2003, do 17 de decembro. O Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos contén as normas regulamentarias que son de aplicación e, en concreto, contén as normas regulamentarias aplicables en materia de censos da Administración tributaria, en materia de cumprimento de obrigas tributarias, incluídas as formais, así como en materia de principios, disposicións xerais e procedementos de aplicación dos tributos e, máis en concreto, no seu título III contén as normas regulamentarias concernentes aos principios e disposicións xerais da aplicación dos tributos e, destacadamente, ao emprego de medios electrónicos, informáticos e electrónicos das actuacións e procedementos tributarios, e no seu título IV contén, entre outras, as normas regulamentarias aplicables na presentación de declaracións, autoliquidacións, comunicacións de datos e nas actuacións e procedementos de comprobación de obrigas tributarias principais, accesorias e formais. É destacable que no regulamento se faculta a persoa titular do ministerio competente en materia de facenda e os órganos equivalentes das comunidades autónomas, que no noso caso é a persoa titular da consellería competente en materia de facenda, para que mediante orde aprobe modelos e sistemas normalizados de autoliquidacións, declaracións, comunicacións, solicitudes ou calquera outro medio previsto na normativa tributaria, os requisitos e as condicións para a súa presentación, determine os supostos e condicións en que os obrigados tributarios deberán presentar por medios electrónicos as súas declaracións, autoliquidacións, comunicacións, solicitudes e calquera outro documento con trascendencia tributaria, e dite as correspondentes normas de desenvolvemento aplicables ás actuacións e procedementos tributarios que se realicen por medios electrónicos, informáticos ou electrónicos e ás relacionadas cos medios de autenticación utilizados pola Administración tributaria. Do mesmo xeito, poderá aprobar a utilización de modalidades simplificadas ou especiais de declaración, autoliquidación ou comunicación de datos e os supostos en que os datos consignados se entenderán subsistentes para períodos sucesivos, se o contribuínte non comunica variación neles.

O artigo 103 da Constitución española sinala a eficacia como un dos principios que deben rexer o actuar das administracións públicas. Pola súa parte, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, alude no seu artigo 3, xunto aos principios constitucionais, os de eficiencia e servizo aos cidadáns, recoñecendo no artigo 35 o dereito dos cidadáns a que se lles facilite o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas. Para o logro destes obxectivos a Lei 30/1992, do 26 de novembro, destaca, no seu artigo 45, como instrumento idóneo, a utilización por parte das administracións de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, polo que insta a estas a que impulsen e apliquen as devanditas técnicas. Finalmente, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, consagra a relación coas administracións públicas por medios electrónicos como un dereito dos cidadáns e como unha obriga correlativa das administracións. Deste xeito, a Lei 11/2007, do 22 de xuño, recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coas administracións públicas por medios electrónicos e regula os aspectos básicos da utilización das tecnoloxías da información na actividade administrativa, nas relacións entre as administracións públicas, así como nas relacións dos cidadáns con elas coa finalidade de garantir os seus dereitos, un tratamento común ante elas e a validez e eficacia da actividade administrativa en condicións de seguridade xurídica. Pola súa vez, dispón que as administracións públicas empreguen as tecnoloxías da información consonte a lei, asegurando a dispoñibilidade, o acceso, a integridade, a autenticidade, a confidencialidade e a conservación dos datos, informacións e servizos que xestionen no exercicio das súas competencias. Do mesmo xeito se pronuncia a Lei 58/2003, do 17 de decembro, no seu artigo 96.

As novas tecnoloxías aplicadas aos procedementos xestores de tributos son un instrumento idóneo para conxugar os principios de eficacia da Administración tributaria e a limitación dos custos indirectos ao contribuínte e, nesta liña, a presentación telemática de tributos ofrécelles a posibilidade de evitar desprazamentos ás oficinas xestoras ou ás entidades bancarias para a realización do pagamento, así como a presentación dos tributos fóra do horario normal de atención ao público. Ao mesmo tempo, a utilización dos programas que a Administración tributaria implementa para a presentación telemática dos tributos facilita cubrir os modelos, guiando ao contribuínte na introdución dos datos, evitando a reiteración destes e ofrecéndolle unha axuda en liña.

Baixo esta óptica, a consellería competente en materia de facenda vén prestando unha especial atención ás posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para facilitar aos cidadáns o cumprimento voluntario das obrigas tributarias desde o ano 2003. A experiencia xestora no tratamento dos modelos presentados en papel e os presentados de forma telemática poñen tamén de manifesto as vantaxes desta forma de pagamento e presentación fronte á outra. Por todo isto, e en uso da facultade xenérica de establecer a obrigatoriedade de comunicarse coas administracións públicas empregando exclusivamente medios electrónicos, cando os interesados teñan garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, consonte o disposto no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, establécese, con carácter xeral, a obriga de cumprir as obrigas tributarias principais e accesorias contidas na lei deste imposto de xeito electrónico.

Mediante esta orde, polo tanto, créase e regúlase o Censo electrónico de parques eólicos de Galicia (CEPEG), apróbanse os modelos en formato electrónico de declaración inicial e modificación dos datos incorporado ao CEPEG, apróbase o modelo de autoliquidación do canon eólico e dítanse as normas de aplicación do canon eólico consonte os principios e disposicións xerais regulamentarias contidas na normativa xeral tributaria.

Por todo isto, consonte o exposto, de acordo co establecido no artigo 37.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e en virtude das habilitacións establecidas nos artigos 17 e 19 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto a regulación do cumprimento das obrigas tributarias concernentes ao canon eólico, e mais a creación do Censo electrónico de parques eólicos de Galicia (CEPEG).

Artigo 2. Cumprimento electrónico das obrigas tributarias concernentes ao canon eólico

1. O pagamento e a presentación das autoliquidacións do canon eólico deberá realizarse por medios electrónicos, a través da aplicación que a Axencia Tributaria de Galicia (Atriga) poña a disposición dos suxeitos pasivos na Oficina virtual tributaria (OVT), nas condicións e de acordo co procedemento previsto nesta orde.

2. O resto das obrigas tributarias reguladas nesta orde deberán cumprirse por medios electrónicos a través da aplicación que a Atriga poña á disposición dos suxeitos pasivos na OVT, nas condicións e de acordo cos procedementos previstos nesta orde.

Artigo 3. Usuarios autorizados

1. Para os efectos do disposto no artigo anterior, as aplicacións informáticas do canon eólico poderán ser empregadas polos usuarios que se relacionan a seguir, sempre que sexan previamente autorizados pola dirección da Atriga:

a) Os suxeitos pasivos que dispoñan do correspondente certificado de usuario outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda (FNMT-RCM) para a presentación e pagamento dos seus propios tributos, ou doutras autoridades certificadoras admitidas pola consellería competente en materia de facenda.

b) Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresarias ou profesionais, que subscribiran coa comunidade autónoma o correspondente convenio de colaboración, nos termos acordados neste.

2. Os usuarios anteriores, para poderen empregar as aplicacións informáticas do canon eólico, deberán presentar ante a dirección da Atriga unha solicitude de autorización xunto a unha ficha de usuario, axustadas aos modelos que contén o anexo I, con anterioridade ao primeiro prazo en que deban cumprir as obrigas tributarias referidas ao canon eólico. Outorgarase a autorización a todos aqueles que reúnan as condicións establecidas no punto anterior.

Artigo 4. Aprobación de modelos en formato electrónico

Apróbanse os modelos en formato electrónico que figuran nos anexos II e III desta orde e que se relacionan a seguir, para os efectos da aplicación do canon eólico:

Modelo 007. Modelo de declaración de alta/modificación de datos no Censo electrónico de parques eólicos de Galicia (CEPEG).

Modelo 012. Modelo de autoliquidación do canon eólico.

Artigo 5. Singularidade dos parques

No suposto de que un suxeito pasivo teña en explotación máis dun parque eólico que estea gravado polo canon éolico, as declaracións e autoliquidacións reguladas nesta orde e o resto das obrigas tributarias que deban cumprirse referiranse a cada un dos parques que teña en explotación.

Artigo 6. Prazos para o cumprimento das obrigas tributarias

1. Sen prexuízo dos prazos que especificamente se sinalen nos artigos desta orde, os suxeitos pasivos deberán presentar, con carácter xeral, o modelo 007, no prazo dun mes desde o día seguinte á data de efectos que motive a presentación do modelo.

2. Os suxeitos pasivos deberán presentar nos vinte primeiros días naturais do mes de xaneiro o modelo 012 anual, salvo no primeiro ano natural de funcionamento do parque, en que deberán presentar o modelo 012 no prazo dos vinte primeiros días naturais do segundo mes seguinte a aquel en que se produza a devindicación.

3. Cando como consecuencia da modificación comunicada mediante o modelo 007, varíe a base impoñible do período impositivo e, consecuentemente, a débeda tributaria que se debe pagar, e xa concluíra o prazo sinalado no número anterior, deberase presentar, no prazo dos primeiros vinte días naturais do segundo mes seguinte a aquel en que se produciu a modificación, un modelo 012 consonte o sinalado no capítulo II desta orde.

4. Os prazos establecidos neste artigo entenderanse prorrogados ata o primeiro día hábil seguinte, no suposto de que o último día do período fose día inhábil ou sábado.

Artigo 7. Censo electrónico de parques eólicos de Galicia

1. Créase o Censo electrónico de parques eólicos de Galicia (CEPEG), instrumento que será empregado pola Administración tributaria galega para os efectos da aplicación do canon eólico.

2. O CEPEG conterá, ademais dos datos sinalados na normativa xeral tributaria, os datos declarados mediante o modelo 007.

3. Quedarán inscritos no censo todos os parques eólicos que estean situados en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, a Administración tributaria galega poderá incorporar de oficio os datos que deban figurar nel, consonte o disposto no artigo 144 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, e mediante as actuacións as que se refire o artigo 13 desta orde.

CAPÍTULO II Obrigas tributarias censuais

Artigo 8. Procedemento para a realización da declaración inicial

1. Os suxeitos pasivos deberán, con carácter xeral, presentar electronicamente ante a Atriga, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á data da devindicación e, en calquera caso, antes do pagamento e presentación electrónicos da autoliquidación, unha declaración inicial dos datos do parque consignados no modelo 007.

Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán coa aplicación informática que a Atriga poña á súa disposición na OVT, consonte as instrucións aprobadas a este respecto no propio modelo e nas condicións e de acordo co procedemento previsto neste artigo.

2. Unha vez consignados todos os datos requiridos, o suxeito pasivo deberá proceder á presentación telemática, de xeito que transmitirá os datos da declaración coa sinatura electrónica, xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unha única sinatura, a correspondente ao seu certificado.

3. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao suxeito pasivo en pantalla:

– Un código de identificación, que se denominará código do parque, formado por cinco carácteres numéricos, que deberá ser empregado polo suxeito pasivo en todas as actuacións que teña coa Atriga na aplicación deste tributo. A asignación deste código suporá a inscrición no CEPEG.

– O modelo 007 debidamente cuberto cos datos declarados e co código de identificación a que se refire o apartado anterior, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis carácteres, con indicación da data de presentación. Este modelo servirá de xustificante da presentación da declaración inicial na data sinalada no propio modelo.

4. No suposto de que a presentación fora rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o suxeito pasivo deberá proceder corrixilos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación fora orixinado por un motivo non emendable, o suxeito pasivo deberá repetir a presentación.

5. O suxeito pasivo deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente código seguro de verificación.

Artigo 9. Procedemento para a modificación dos datos contidos no CEPEG

1. Cando se produza algunha variación nos datos inscritos no CEPEG, diferente ás previstas nos artigos 10, 11 e 12 desta orde, os suxeitos pasivos deberán presentar comunicación electrónica daquela ante a Atriga, no prazo dun mes contado dende o día seguinte á data da autorización da modificación, no caso de que fora preceptiva ou, noutro caso, dende o día seguinte á data en que se produza a dita modificación.

Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán consonte as instrucións aprobadas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática a que fai referencia o artigo 8 anterior nas condicións e de acordo co procedemento previsto nel.

2. Se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao suxeito pasivo en pantalla o modelo 007 debidamente cuberto cos datos declarados, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis carácteres, con indicación da data de presentación. A comunicación referida determinará, no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, coa excepción do sinalado no punto 3 seguinte, a modificación definitiva dos datos a que se refira.

3. Cando a declaración se refira a datos que supoñan variación na débeda tributaria do período impositivo en que se produce a modificación, a dita declaración deberá presentarse no prazo sinalado no punto 1 deste artigo e, en calquera caso, antes do pagamento e presentación electrónicos que debera presentar. Neste caso, se a declaración é aceptada, a aplicación devolveralle ao suxeito pasivo en pantalla o modelo 007 debidamente cuberto cos datos declarados, e validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis carácteres, con indicación da data de presentación e, no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a comunicación determinará a modificación provisional dos datos a que se refira.

O suxeito pasivo deberá xustificar documentalmente ante a Atriga, no prazo máximo de 10 días, a modificación dos datos a que se refire este punto. Sen prexuízo do disposto no artigo 13, a Atriga, unha vez recibida a documentación xustificativa da modificación e verificada, procederá á modificación definitiva dos datos que corresponderan, momento a partir do cal se poderá confeccionar e presentar a autoliquidación correspondente consonte o capítulo III desta orde.

Artigo 10. Procedemento para a modificación por repotenciación do parque eólico

1. Unha vez outorgada polo órgano competente a acta de posta en servizo dun parque eólico repotenciado, o suxeito pasivo deberá presentar comunicación electrónica da modificación ante a Atriga, no prazo dun mes contado dende o día seguinte á data da formalización da acta e, en calquera caso, antes do pagamento e presentación electrónicos que, de ser o caso, deba presentar como consecuencia da modificación comunicada.

Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán consonte as instrucións aprobadas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática a que fai referencia o artigo 8 anterior nas condicións e de acordo co procedemento previsto nel.

2. A comunicación referida determinará, no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, as seguintes consecuencias:

a) A modificación provisional do número de aeroxeradores do parque repotenciado.

b) A presentación, de ser o caso, da solicitude de recoñecemento do beneficio fiscal previsto no artigo 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental.

O suxeito pasivo deberá xustificar documentalmente ante a Atriga a modificación comunicada no prazo máximo de 10 días.

3. No caso de que o suxeito pasivo presentara a solicitude de recoñecemento do beneficio fiscal á que fai referencia a letra b) anterior, seguirase o procedemento regulado nos artigos 136 e 137 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo. Para estes efectos terase en conta que o recoñecemento terá efectos desde a data da acta de posta en servizo, sempre que a solicitude do recoñecemento do beneficio fiscal se presentase no prazo establecido no punto 1 anterior. En caso de que a presentación se producira fora dese prazo, o recoñecemento terá efectos dende o momento da súa concesión pola Atriga.

4. Sen prexuízo do disposto no artigo 13, recibida a documentación xustificativa da modificación e verificada pola Atriga e, de ser o caso, recoñecido o dereito á aplicación do beneficio fiscal previsto no artigo 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Atriga procederá á modificación definitiva do número de aeroxeradores do parque eólico, momento a partir do cal se poderá confeccionar e presentar a autoliquidación correspondente consonte o capítulo III desta orde.

Artigo 11. Procedemento para a modificación do suxeito pasivo

1. Cando por calquera operación ou título xurídico se produza a modificación do suxeito pasivo do canon eólico por un parque inscrito no CEPEG, quen fora o suxeito pasivo con anterioridade á modificación deberá comunicar electronicamente á Atriga, mediante o modelo 007, unha baixa por modificación do suxeito pasivo, identificando o novo suxeito pasivo, e este último deberá presentar electronicamente unha declaración de alta por modificación do suxeito pasivo.

Para realizar esta declaración empregarán o modelo 007, que conformarán consonte as instrucións aprobadas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática a que fai referencia o artigo 8 anterior nas condicións e de acordo co procedemento previsto nel e debendo proceder do xeito que se sinala a seguir.

2. Quen fora suxeito pasivo con anterioridade á modificación, deberá comunicar a baixa por cambio de suxeito pasivo de xeito electrónico no prazo máximo de dez días naturais dende a data en que se realizara aquela. A comunicación referida determinará, no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a baixa provisional do suxeito pasivo inicial respecto ao parque censado. O suxeito pasivo inicial deberá xustificar documentalmente ante a Atriga o cambio no prazo máximo de 5 días. Verificada pola Administración a documentación achegada, procederase á baixa definitiva do suxeito pasivo inicial respecto ao parque censado.

3. Realizada a baixa provisional, o novo suxeito pasivo, sen prexuízo do disposto no artigo 3, deberá comunicar electronicamente á Atriga a alta por cambio de suxeito pasivo. A referida comunicación determinará, no mesmo momento da aceptación pola aplicación da súa presentación, a alta do novo suxeito pasivo respecto ao parque censado, momento a partir do cal poderá realizar calquera outra operación co respecto a ese parque a través das aplicacións informáticas da OVT.

4. Sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a Atriga poderá de oficio dar de baixa a quen fora suxeito pasivo con anterioridade á operación que determinara o cambio de suxeito pasivo, por solicitude do novo suxeito pasivo e logo de xustificación documental.

5. A persoa que na data da devindicación realice o feito impoñible gravado polo canon será a que teña a obriga de autoliquidar e ingresar a débeda tributaria polo período impositivo en que se produza a modificación. No entanto, se producido un cambio de suxeito pasivo, o novo suxeito pasivo realizara dentro do mesmo período impositivo unha modificación das características do parque, as obrigas tributarias derivadas daquela corresponderán ao novo suxeito pasivo.

Artigo 12. Procedemento para comunicar o desmantelamento do parque

1. No prazo dun mes dende a data en que se desmantele o parque eólico, o suxeito pasivo deberá comunicalo á Atriga. Para realizar esta declaración empregará o modelo 007, que conformará consonte as instrucións aprobadas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática a que fai referencia o artigo 8 anterior, nas condicións e de acordo co procedemento previsto nel. Con carácter previo á dita comunicación, deberá cumprir as obrigas tributarias que tivera pendentes de realizar ou concluír, seguindo o procedemento establecido no capítulo III desta orde.

2. A comunicación referida determinará, no mesmo momento da súa aceptación, a baixa provisional do parque censado. Feita a comunicación, o suxeito pasivo deberá, no prazo máximo de 10 días, presentar ante a Atriga a acta de peche das instalacións ou xustificar documentalmente o desmantelamento do parque.

3. Sen prexuízo do disposto no artigo 13, recibida a documentación xustificativa e verificada pola Atriga, a Atriga procederá á baixa definitiva do parque eólico.

4. Sen prexuízo das consecuencias que deriven do incumprimento das obrigas neste artigo sinaladas, a Atriga poderá, de oficio, dar de baixa os parques eólicos rexistrados que fosen desmantelados.

Artigo 13. Actuacións de comprobación censual

1. A Atriga comprobará a veracidade dos datos comunicados mediante o modelo 007 consonte o disposto no artigo 144 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo.

2. A Atriga poderá modificar de oficio a situación censual dos parques inscritos no CEPEG consonte o establecido nos artigos 145 e 146 do Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado mediante o Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, segundo proceda en cada caso.

CAPÍTULO III Determinación e pagamento da débeda tributaria e presentación da autoliquidación

Artigo 14. Procedemento para a confección electrónica da autoliquidación

1. Os usuarios deberán confeccionar electronicamente, no prazo sinalado no artigo 6.2, o modelo 012, en que practicarán a autoliquidación do canon e determinarán a débeda tributaria correspondente a cada período impositivo.

Para realizar esta declaración os suxeitos pasivos deberán estar previamente identificados co código do parque no CEPEG e empregarán o modelo 012, que conformarán consonte coas instrucións aprobadas a este respecto no propio modelo, coa aplicación informática que a Atriga poña á súa disposición na OVT nas condicións e de acordo co procedemento previsto neste artigo.

2. Os usuarios accederán á OVT, na aplicación denominada CANON EÓLICO e, unha vez identificados consonte co sinalado no número anterior, iniciarán a confección do modelo 012 correspondente ao período impositivo a que se refira a autoliquidación, para o que deberán confirmar os datos que a aplicación informática lles mostra, baseados nos datos declarados por eles e consignados no CEPEG.

3. Unha vez confirmados os datos, mostrarase o modelo 012 debidamente cuberto, que debe ser confirmado polo usuario.

Se ten que modificar os datos, deberá facelo mediante a presentación dun modelo 007 para modificar os datos do CEPEG, consonte co procedemento establecido no capítulo III e, unha vez presentada a declaración de modificación, procederá do xeito sinalado con anterioridade, volvendo mostrar a aplicación o modelo 012 debidamente cuberto, que debe ser confirmado polo usuario.

4. Unha vez confirmados os datos, a aplicación calculará a débeda tributaria correspondente, que debe ser confirmada polo usuario, momento en que se lle asignará un número identificativo do modelo. O usuario, para concluír o proceso de confección do modelo 012, deberá confirmalo.

5. Unha vez confirmado o modelo 012, no mesmo prazo e previamente á súa presentación e sempre que resulte un importe a ingresar, o usuario deberá seleccionar a/as forma/s de pagamento consonte as instrucións do modelo no anexo de datos de pagamento. No caso de que marcase un importe a aprazar ou fraccionar, deberá presentar ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que se poida entender presentada aquela coa presentación electrónica da autoliquidación. No caso de que recoñecera débeda por algún importe, transcorrido o prazo voluntario do seu pagamento sen facelo efectivo, exixirase pola vía de constrinximento, nas condicións establecidas na normativa tributaria. No caso de que teña que ingresar algún importe, procederá consonte o disposto no artigo 15.

No mesmo prazo establecido no artigo 6.2 e, de ser o caso, tras a operación de pagamento, deberá proceder á presentación electrónica do modelo 012, consonte co disposto no artigo 16.

6. Se, presentada a autoliquidación correspondente a un período impositivo, se presentara un modelo 007 consonte co sinalado nos artigos 9, 10 ou 12, os suxeitos pasivos deberán presentar un modelo 012 para axustar a débeda tributaria do período impositivo. Para estes efectos, o usuario deberá confeccionar electronicamente, no prazo sinalado no artigo 6.3, o modelo 012, en que practicará a autoliquidación do canon, determinará a débeda tributaria correspondente ao período impositivo da cal descontará o importe ingresado na/nas autoliquidación/s precedente/s, determinando o importe a ingresar ou o importe a devolver derivado da normativa, consonte co sinalado neste artigo. Unha vez confirmado o modelo 012, no mesmo prazo e previamente á súa presentación, o usuario deberá seleccionar a/as forma/s de pagamento consonte as instrucións do modelo no anexo de datos de pagamento da cantidade positiva resultante da autoliquidación, consonte co disposto no número anterior. No mesmo prazo establecido no artigo 6.3 e, de ser o caso, tras a operación de pagamento, deberá proceder á presentación electrónica do modelo 012, consonte co disposto no artigo 16.

Artigo 15. Procedemento electrónico para o pagamento da débeda tributaria

1. Unha vez confeccionado e confirmado o correspondente modelo 012, conforme o sinalado no artigo 14, cando o usuario determine un importe positivo a ingresar no anexo de datos de pagamento, deberá realizar o seu pagamento de calquera das formas sinaladas no número 2.

2. Os usuarios poderán pagar a débeda ordenando a súa domiciliación consonte coa normativa vixente na materia e/ou de calquera das formas seguintes:

a) De forma presencial en calquera das entidades de crédito colaboradoras autorizadas, mediante a carta de pagamento que, para estes efectos, xerará a aplicación informática e que previamente deberá imprimir o usuario. A aplicación informática xerará dous exemplares da carta de pagamento debidamente cubertos cos datos que o usuario facilitase na aplicación informática. Con estes dous exemplares da carta de pagamento acudirase á entidade colaboradora para realizar o pagamento. Unha vez realizado o pagamento, a entidade colaboradora facilitará un número de referencia completo (NRC) identificativo do ingreso realizado, quedará co exemplar para a entidade colaboradora e devolverá ao usuario o exemplar para o interesado co selo da entidade, coa data do ingreso, co número e co importe, así como co NRC. O dito documento servirá de xustificante de pagamento do número da autoliquidación impreso nel. O NRC identificativo do ingreso realizado será requirido posteriormente pola aplicación informática para completar a presentación electrónica da autoliquidación.

b) De forma electrónica. O usuario accederá ás aplicacións específicas a través da OVT da Atriga e efectuará o pagamento da correspondente autoliquidación, a través das entidades de crédito colaboradoras na recadación autorizadas para tal efecto ou mediante tarxeta de crédito ou débito a través de sistemas de terminal de punto de venda (TPV) virtual. A entidade efectuará as comprobacións oportunas e aceptará ou rexeitará a operación. No caso de ser aceptada, efectuará o aboamento na correspondente conta restrinxida de recadación de tributos e xerarase o correspondente NRC, para completar a presentación electrónica da autoliquidación. Unha vez realizado o pagamento, a aplicación informática xerará o recibo a que se refire o número 2 do artigo 17.

3. O NRC a que se refire o número 2 é un código xerado informaticamente mediante un sistema criptográfico que permitirá asociar a autoliquidación presentada ao pagamento dela derivado. O NRC está composto por 22 posicións co seguinte contido: Posicións 01‑13: alfanuméricas, corresponden ao número de xustificante asignado pola OVT. Posición 14: alfanumérica, corresponde a un carácter de control adicional. Posicións 15-22: caracteres de control. As normas técnicas de xeración do NRC figuran no anexo IV.

4. A xeración do NRC pola entidade e a inclusión del nun recibo entregado ao obrigado tributario implicará:

a) Que o recibo en que figura responde a un ingreso realizado na entidade que o expide.

b) Que o devandito recibo corresponde á autoliquidación que se indica nel e non a outra.

c) Que a partir do momento de xeración deste pola entidade de crédito, e sempre que o NRC non fose anulado consonte a normativa tributaria en materia de recadación, queda a entidade obrigada fronte á Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe que figura no devandito recibo, e o obrigado tributario queda liberado da súa obriga de pagamento fronte á citada Facenda, salvo que se poida probar de forma fidedigna a inexactitude da data ou do importe que conste na validación do xustificante.

5. Unha vez xerado o correspondente NRC, salvo que sexa anulado consonte coa normativa tributaria en materia de recadación, non se admitirá a retrocesión do pagamento por parte da entidade, e o suxeito pasivo deberá presentar, de ser o caso, ante a Atriga, a correspondente solicitude de devolución de ingresos indebidos adecuadamente fundamentada. Pola súa parte, a entidade deberá realizar o pagamento na conta restrinxida de recadación con carácter previo á xeración do citado NRC.

Artigo 16. Procedemento para a presentación electrónica da autoliquidación

1. Unha vez calculada a débeda e, de ser o caso, realizado o pagamento desta ou marcada na autoliquidación a solicitude de aprazamento/fraccionamento, para concluír co proceso, o usuario deberá proceder á presentación da autoliquidación electronicamente, de xeito que transmitirá os datos dela coa sinatura electrónica xerada ao seleccionar o certificado dixital recoñecido. Se o presentador é unha persoa ou entidade autorizada para presentar declaracións en representación de terceiras persoas, requirirase unicamente a sinatura correspondente ao seu certificado.

2. Se a presentación electrónica é aceptada, a aplicación devolveralle ao usuario en pantalla o modelo 012 debidamente cuberto, co seu número de identificación, cos datos declarados, coa autoliquidación da débeda tributaria, cos datos correspondentes ao importe a ingresar ou a devolver e, de ser o caso, co ingreso realizado e coa data do ingreso e/ou coa débeda recoñecida, coa data da presentación e validado cun código seguro de verificación (CSV) formado por dezaseis caracteres. Este modelo serviralle de xustificante da presentación do número da autoliquidación impreso nel na data sinalada no propio modelo e, de ser o caso, do seu pagamento ou da presentación da solicitude de devolución derivada da normativa do imposto.

No suposto de que a presentación sexa rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o usuario deberaos emendar mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da presentación é orixinado por un motivo non emendable, o usuario deberá repetir a presentación.

CAPÍTULO IV Xustificantes do pagamento e da presentación electrónica de declaracións e autoliquidacións e accesos á OVT

Artigo 17. Xustificantes do pagamento e da presentación electrónica de autoliquidacións e declaracións

1. No caso de que o usuario opte polo pagamento de forma presencial nunha entidade colaboradora, o exemplar para o interesado da carta de pagamento que esta entregue nos termos previstos no artigo 15.2.a) servirá de xustificante do pagamento do número da autoliquidación impreso nel.

2. Se as persoas usuarias optasen polo pagamento electrónico, a aplicación informática, unha vez realizado o pagamento, xerará o correspondente recibo, que as persoas obrigadas tributarias deberán conservar, no cal se identificarán, no caso de pagamento con tarxeta, a data do ingreso, o importe, o NIF e o nome do suxeito pasivo, así como o NRC. No caso de que o pagamento se realice con cargo na conta, no recibo identificarase, ademais, o número de conta que realiza o pagamento. O devandito documento servirá de xustificante de pagamento da autoliquidación asociada ao NRC impreso nel.

3. A presentación da autoliquidación do canon eólico e a súa data acreditarase mediante o documento (modelo 012) xerado pola aplicación informática en que constarán os datos identificativos do suxeito pasivo, da declaración, da liquidación e da cantidade que se debe ingresar ou devolver e, de ser o caso, do ingreso e/ou da débeda recoñecida, así como as datas do ingreso, de ser o caso, e da presentación. Ademais, xerarase un código interno que permitirá asociar de forma inequívoca as autoliquidacións presentadas electronicamente coas xeradas pola aplicación informática e entregadas. Estas xustificarán, así mesmo e de ser o caso, o pagamento das cantidades positivas resultantes delas ou a presentación da solicitude de devolución derivada da normativa do tributo nos termos previstos no número 2 do artigo 16.

4. Os xustificantes de pagamento e presentación sinalados nos números anteriores producirán os efectos liberatorios para coa Facenda da Comunidade Autónoma sinalados no Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo. No caso de que a autoliquidación non dea lugar a ingreso bastará a xustificación da presentación na forma sinalada no número 3. Os suxeitos pasivos deberán conservar os xustificantes de pagamento e presentación.

5. Unha vez que a aplicación informática acepte a presentación de calquera declaración realizada mediante o modelo 007 polo usuario, xerarase o modelo 007 debidamente cuberto cos datos declarados e validado cun CSV formado por dezaseis caracteres, con indicación da data de presentación. Este modelo serviralle de xustificante da presentación da declaración de alta ou da declaración de modificación segundo corresponda e, de ser o caso, da solicitude de recoñecemento do beneficio fiscal recollido no artigo 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na data sinalada no propio modelo. O obrigado tributario deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente CSV.

6. Os xustificantes a que se refiren os números 3 e 5 poderán ser verificados por calquera persoa de forma permanente e inmediata mediante a introdución do seu CSV no servizo de verificación de documentos da OVT da Atriga. Para estes efectos, poderanse establecer mecanismos de verificación automática do CSV a través de servizos web ou similares cos colectivos que se estableza.

Artigo 18. Accesos á OVT

1. Os usuarios poderán en calquera momento acceder á OVT, no seu horario de dispoñibilidade, para cumprir as obrigas tributarias a que se refire esta orde.

2. Para estes efectos, os usuarios deberán acceder na sección Usuarios autorizados á aplicación informática denominada CANON EÓLICO. Unha vez nela poderán acceder ás diferentes declaracións. Para estes efectos, cada unha das declaracións mostrará o estado de situación en que se encontra. Con ocasión de cada acceso, os usuarios poderán comezar unha operación ou, de ser o caso, retomar as operacións pendentes e continualas.

3. Os estados de situación poden ser:

a) Borrador: é o estado en que se encontra a declaración 007 cando foi confeccionada e gardada sen ser presentada.

b) Pendente de pagamento e presentación: é o estado en que se encontra o modelo 012 a ingresar cando foi confirmado polo usuario mais non foi realizada ningunha das fases posteriores de pagamento nin de presentación.

c) Pendente de pagamento: é o estado no que aparece o modelo 012 a ingresar confirmado polo usuario, cando o importe a ingresar no anexo de datos de pagamento foi tramitado para o seu pagamento presencial segundo o establecido no artigo 15.2.a) mais o usuario non concluíu a transacción de pagamento.

d) Pendente de presentación: é o estado en que aparece o modelo 012 validado polo usuario, cando aínda non foi presentado, e, no caso de que sexa a ingresar, unha vez seleccionada/s a/as forma/s de pagamento da débeda tributaria no anexo de datos de pagamento e, de ser o caso, ingresada a cantidade positiva a ingresar que figurase no dito anexo, consonte co disposto no artigo 15.2, mais o modelo aínda non fose presentado.

e) Presentado: estado en que aparecen os modelos 007 e 012 cando, unha vez confeccionados e validados, e realizadas as operacións reguladas nesta orde en cada caso, o usuario os presentase electronicamente ante a Atriga.

Disposición adicional primeira. Excepcionalidade ao cumprimento das obrigas tributarias de xeito electrónico

De xeito excepcional e cando circunstancias extraordinarias así o aconsellen, logo de petición do interesado debidamente xustificada, a dirección da Atriga, valoradas as razóns aducidas polo interesado e a documentación e as probas achegadas por el para xustificar a súa demanda, poderá eximilo da obrigatoriedade de empregar os medios electrónicos para o cumprimento das obrigas tributarias reguladas nesta orde. A resolución fixará o alcance temporal da excepcionalidade e a forma e as condicións en que deberá facer efectivas as obrigas tributarias, sen prexuízo das consecuencias que deriven consonte a normativa tributaria no caso de incumprimentos das normas.

Disposición adicional segunda. Parques eólicos autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia

1. Os suxeitos pasivos do canon eólico que, no momento da entrada en vigor desta orde, cumpriran a obriga de presentación da declaración de alta regulada na Orde da Consellería de Economía e Industria do 15 de xaneiro de 2010, quedan exentos da obriga establecida no artigo 8. Os datos comunicados mediante ela incorporaranse de oficio no CEPEG.

2. Os suxeitos pasivos a que se refire o apartado anterior, unha vez autorizados como usuarios da OVT, deberán verificar que os datos que figuran no CEPEG son correctos, nos vinte primeiros días naturais do mes seguinte á entrada en vigor desta orde. Para isto empregarán a aplicación informática que a Atriga poña á disposición dos suxeitos pasivos na OVT, mediante a que se lle poran de manifesto os datos que figuran no CEPEG dos seus parques eólicos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, debendo proceder do xeito sinalado no artigo 9. Unha vez confirmados os datos que se mostran en pantalla ou os previamente modificados por eles, mostrarase na pantalla o modelo 007, debidamente cuberto e cun código de identificación, que se denominará código do parque, formado por cinco carácteres numéricos, que deberá ser empregado polo suxeito pasivo en todas as actuacións que teña coa Administración tributaria na aplicación deste tributo. O modelo 007 virá validado cun código seguro de verificación formado por dezaseis carácteres, con indicación da data de presentación.

Este modelo, serviralle de xustificante da presentación da confirmación dos datos que figuran no CEPEG, na data sinalada no propio modelo.

3. No suposto de que a confirmación fora rexeitada, mostrarase en pantalla a descrición dos erros detectados. Neste caso, o suxeito pasivo deberá corrixilos mediante a aplicación informática. Se o rexeitamento da confirmación fora orixinado por un motivo non emendable, o suxeito pasivo deberá repetir a operación.

4. O suxeito pasivo deberá conservar a declaración aceptada e validada co correspondente código seguro de verificación.

5. A data de presentación do modelo a que se refire esta disposición determinará o momento a partir do cal o suxeito pasivo poderá cumprir o resto das obrigas tributarias as que se refire a orde.

Disposición adicional terceira. Obrigas de conservación de soportes informáticos das entidades de crédito en que se realice o pagamento deste tributo

No suposto de pagamento electrónico das autoliquidacións referidas ao canon eólico, a entidade de crédito conservará durante un período de cinco anos os soportes informáticos que motivaron o devandito NRC.

Disposición adicional cuarta. Confidencialidade e representación

Os profesionais colexiados, así como as entidades, institucións ou organizacións representativas de sectores sociais, laborais, empresariais ou profesionais, no exercicio das súas funcións e nas actuacións previstas nos convenios correspondentes, respectarán as normas establecidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Os membros dos colexios profesionais, as entidades privadas, así como as institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais aos cales o suxeito pasivo solicitase a colaboración para a presentación telemática deste tributo, deberán posuír a representación nos termos establecidos no artigo 46 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A Administración poderá requirir destes, en calquera momento, a acreditación da devandita representación.

A falta de representación suficiente das persoas no nome das cales se presentase a documentación dará lugar á exixencia das responsabilidades que sexan procedentes.

Disposición adicional quinta. Adhesión e autorización de entidades colaboradoras

As entidades de depósito, xa autorizadas como colaboradoras na recadación dos tributos xestionados por esta comunidade autónoma quedan adheridas ás obrigas derivadas da colaboración na recadación dos ingresos derivados do modelo 012 que se fagan efectivos nelas.

As entidades de depósito que estiveran autorizadas para o pagamento electrónico doutros tributos xestionados pola consellería competente en materia de facenda quedarán adheridas ao pagamento electrónico do canon eólico sen necesidade de solicitalo á dirección competente na materia.

Disposición adicional sexta. Modificación dos anexos desta orde

Autorízase a dirección da Atriga para modificar ou actualizar mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia os anexos I ao IV desta orde, cando sexa preciso como consecuencia da modificación das normas legais ou regulamentarias ou como consecuencia dos avances tecnolóxicos, os cambios de sistemas ou calquera outra circunstancia que precise a correspondente plasmación nos modelos aprobados ou nas normas ou especificacións técnicas aprobadas polos ditos anexos.

Disposición transitoria única. Cumprimento das obrigas tributarias

As obrigas tributarias cuxo prazo de cumprimento se iniciase con anterioridade á entrada en vigor desta orde, cumpriranse nos vinte primeiros días naturais do segundo mes seguinte á entrada en vigor da orde e, de ser o caso, unha vez cumprido o disposto na disposición adicional segunda.

Disposición derrogatoria única. Derrogación das ordes da consellería de economía e industria que aproban modelos do canon eólico

Quedan derrogadas as normas seguintes:

1) As ordes da Consellería de Economía e Industria seguintes:

1.1) A do 7 de xaneiro de 2010 pola que se aproba o modelo de autoliquidación do canon eólico creado pola Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de compensación e

1.2) A do 15 de xaneiro de 2010 pola que se aproba o modelo de declaración de alta, modificación e baixa do canon eólico creado pola Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental e

2) Cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras

Introdúcense as seguintes modificacións nos anexos I e IV da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras:

Un. Engádese no anexo I, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida un novo modelo de ingreso da autoliquidación do canon eólico, coa seguinte redacción:

«012-Canon eólico».

Dous. Modifícase a descrición das posicións 20-22 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3) do anexo IV, engadindo, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, un novo modelo de ingreso da autoliquidación do canon eólico, coa seguinte redacción:

«Modelo 012-Canon eólico. Autoliquidación».

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2014

Elena Muñoz Fonteriz

Conselleira de Facenda

ANEXO I

Solicitude de autorización para a utilización das aplicacións informáticas da Oficina virtual tributaria para o cumprimento das obrigas tributarias do canon eólico

[formulario]

ANEXO II

Modelo en formato electrónico de declaración de alta/modificación no Censo electrónico de parques eólicos (modelo 007)

[formulario]

Modificación. Anexo II nova redacción.Véxase a ligazón á Resolución do 27/10/2021..

Instrucións:

– Carácter da declaración.

Neste bloque deberase sinalar o carácter a que corresponda a declaración, consonte coa nomenclatura que se sinala a continuación, e a data de efectos, que será a data que se sinala en cada caso:

ALTA: cando se trate dunha declaración de alta dun parque eólico (primeira declaración). Neste caso a data será a da formalización da acta de recepción da obra do parque.

MODIFICACIÓN POR DESMANTELAMENTO DO PARQUE: cando se trate deste tipo de modificación, a data será a do desmantelamento do parque.

MODIFICACIÓN POR REPOTENCIACIÓN: cando se trate dunha modificación motivada por unha autorización dun proxecto de repotenciación do parque eólico. Neste caso a data que se debe consignar é a data de formalización da acta de posta en servizo do parque eólico repotenciado.

MODIFICACIÓN: cando se trate de calquera outra modificación dos datos declarados con anterioridade correspondentes ao parque. Neste caso a data que se debe consignar é a data da autorización da modificación, no caso de que sexa unha modificación que precisara autorización e, en caso contrario, consignarase a data da modificación.

BAIXA POR CAMBIO DE SUXEITO PASIVO: consignarase cando se produza a transmisión por calquera título da condición de suxeito pasivo. A data será a da transmisión. Neste caso haberá que especificar o NIF do novo suxeito pasivo.

ALTA POR CAMBIO DE SUXEITO PASIVO: consignarase no caso de adquisición da condición de suxeito pasivo dun parque eólico. A data será a do día seguinte á data en que se produciu o cambio do suxeito pasivo. Neste caso haberá que especificar o NIF do anterior suxeito pasivo.

Neste bloque, unha vez presentada a declaración cargarase o número de expediente e a data de presentación.

– Suxeito pasivo.

Neste bloque deberanse consignar os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións.

O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina virtual tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de datos persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo.

– Datos da autorización.

Neste bloque deberá consignar:

• Cando o carácter da declaración sexa ALTA:

AUTORIDADE AUTORIZANTE: deberá consignar a denominación da autoridade que autorizou o parque.

Nº DE ORDE NO REXISTRO DE INSCRICIÓN EN RÉXIME ESPECIAL: consignarase o número co que se inscribira o parque no Rexistro de instalacións de produción en réxime especial da Xunta de Galicia.

NÚMERO DE AUTORIZACIÓN/RESOLUCIÓN DA AUTORIZACIÓN DO PARQUE e DATA DA AUTORIZACIÓN PARQUE/DATA DA PUBLICACIÓN DOG: consignarase, de ser o caso, o nº de autorización do parque eólico e a data de efectos da autorización; no caso de que a autoridade autorizante sexa a Xunta de Galicia, consignarase a resolución da autorización e a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

• Para o resto dos carácteres:

Nº AUTORIZACIÓN DA MODIFICACIÓN/TRANSMISIÓN: consignarase cando o carácter da declaración sexa BAIXA POR CAMBIO DE SUXEITO PASIVO ou ALTA POR CAMBIO DE SUXEITO PASIVO, ou cando, sendo MODIFICACIÓN, a modificación que se comunica precisase autorización.

DATA DA MODIFICACIÓN/TRANSMISIÓN/CESAMENTO: cando o carácter da declaración sexa BAIXA POR CAMBIO DE SUXEITO PASIVO ou ALTA POR CAMBIO DE SUXEITO PASIVO, ou cando sendo MODIFICACIÓN, a modificación que se comunica precisara autorización, consignarase a data da autorización; cando o carácter da declaración sexa MODIFICACIÓN POR DESMANTELAMENTO DO PARQUE, ou cando, sendo MODIFICACIÓN, a modificación que se comunica non precisase autorización, consignarase respectivamente a data de desmantelamento do parque ou a data da modificación.

Nº DE AUTORIZACIÓN DE REPOTENCIACIÓN: consignarase o número de autorización para a repotenciación do parque, cando o carácter da declaración sexa MODIFICACIÓN POR REPOTENCIACIÓN.

DATA AUTORIZACIÓN REPOTENCIACIÓN: consignarase a data de formalización da acta de posta en servizo do parque eólico repotenciado, cando o carácter da declaración sexa MODIFICACIÓN POR REPOTENCIACIÓN.

– Datos do parque.

Neste bloque deberá consignar os datos do parque que motiva a declaración deste tributo. Deberá consignar os seguintes datos:

NOME DO PARQUE.

CÓDIGO: deberá consignarse o código do parque asignado pola Administración tributaria no proceso de alta no CEPEG. Cando o carácter da declaración sexa ALTA, deberá deixar este dato en branco.

DATA FORMALIZACIÓN ACTA RECEPCIÓN OBRA PARQUE: consignarase esta data no caso de que se trate dunha declaración de alta.

DATA FORMALIZACIÓN ACTA DE POSTA EN SERVIZO DO PARQUE: esta data só se consignará no caso de que se trate dunha declaración de modificación por repotenciación.

CONCELLO/S ONDE SE SITÚA: consignarase o concello ou concellos en que se estende o parque.

PROVINCIA/S: provincia ou provincias en que se estende o parque.

NÚMERO DE AEROXERADORES PARQUE: número de aeroxeradores que constitúen o parque.

ESTÉNDESE EN GALICIA NA SÚA TOTALIDADE: deberá indicar se o parque se estende na súa totalidade en Galicia (SI ou NON).

NÚMERO DE AEROXERADORES EN GALICIA: no caso de que no punto anterior sinalara NON, deberá consignar o número de aeroxeradores que se atopan situados no territorio galego.

NÚMERO DE AEROXERADORES TRAS A MODIFICACIÓN: no caso de que se produza unha modificación no número de aeroxeradores haberá que consignar o número de aeroxeradores despois da modificación.

NÚMERO DE AEROXERADORES TRAS A REPOTENCIACIÓN: no caso de que se produza unha repotenciación do parque, haberá que consignar o número de aeroxeradores despois da repotenciación.

– Bonificación repotenciación.

Neste bloque, marcando o recadro correspondente estarase solicitando o recoñecemento do beneficio fiscal establecido no artigo 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de compensación ambiental.

Só poderá cubrirse este recadro se, como consecuencia dun proxecto de repotenciación, tivera lugar unha redución efectiva das unidades aeroxeradoras que non supuxera un cambio no tramo do tipo de gravame que se deba aplicar á base impoñible.

Para o recoñecemento da bonificación será necesaria a acreditación efectiva da repotenciación e da redución das unidades de aeroxeradores.

A declaración será datada e asinada polo suxeito pasivo ou polo seu representante.

ANEXO III

Modelo en formato electrónico de autoliquidación do canon eólico (modelo 012)

[formulario]

Modificación. Anexo III nova redacción.Véxase a ligazón á Resolución do 27/10/2021..

Instrucións:

– Carácter e devindicación.

Neste bloque deberán consignarse os datos correspondentes ao carácter e a devindicación da autoliquidación, do xeito que se describe a seguir:

EXERCICIO: farase constar o ano a que corresponde a autoliquidación.

DATA DA DEVINDICACIÓN: no primeiro período impositivo, consignarase a data de formalización da acta de recepción da obra do parque eólico; no resto dos anos en que a autorización estea vixente, consignarase o 1 de xaneiro do exercicio a que se refira a autoliquidación.

Nº DÍAS PERÍODO IMPOSITIVO: consignarase por defecto o número de días que teña o ano natural a que se refire a autoliquidación, salvo nos seguintes supostos:

• No primeiro ano de actividade do parque: consignarase o número de días do ano natural que transcorreron desde a data de formalización da acta de recepción da obra do parque ata o último día do ano, ambos os dous incluídos.

• No último ano de actividade: consignarase o numero días do ano natural que transcorreron desde o primeiro día do ano natural ata o día do desmantelamento do parque, incluíndo ambos os dous días.

COMPLEMENTARIA: marcarase este recadro cando se trate dunha autoliquidación que complementa a outra presentada con anterioridade para o mesmo período impositivo. Só se poderá presentar unha autoliquidación complementaria cando resulte un importe para ingresar superior ou unha cantidade para devolver ou para compensar inferior ao importe resultante da autoliquidación anterior. Farase constar o número da autoliquidación a que complementa a actual.

MODIFICATIVA: marcarase este recadro cando se trate dunha autoliquidación que modifica a outra presentada con anterioridade para o mesmo período impositivo como consecuencia dunha repotenciación do parque ou de calquera outra modificación que determine unha devolución derivada da normativa do tributo. Farase constar o número da autoliquidación a que complementa a actual, así como a data de efectos da repotenciación (data de formalización da acta de posta en servizo do parque eólico repotenciado), da modificación (data da autorización da modificación, no caso de que sexa unha modificación que precisase autorización e, en caso contrario, consignarase a data da modificación) ou do cesamento (data do desmantelamento do parque).

Neste bloque, unha vez presentada a autoliquidación, cargarase o número de expediente e a data de presentación.

– Suxeito pasivo.

Neste bloque cargaranse os datos identificativos do suxeito pasivo: NIF, apelidos e nome ou razón social, enderezo fiscal ou enderezo para efectos de notificacións. O enderezo que será cargado informaticamente é o enderezo fiscal do seu certificado dixital. Se quere consignar un enderezo diferente para os efectos de notificación, deberá comunicalo con carácter previo na Oficina virtual tributaria. Para isto deberá acceder ao módulo de «Xestión de datos persoais» no submenú «Catálogo de servizos».

– Representante.

No caso de actuar mediante representante, deberá consignar os datos deste: NIF, apelidos e nome e enderezo.

– Datos do parque.

Neste bloque deberase consignar:

NOME DO PARQUE EÓLICO: denominación do parque eólico para os efectos administrativos.

CÓDIGO PARQUE: o código asignado pola Atriga no CEPEG, respecto ao parque a que se refire a autoliquidación.

NÚMERO DE AEROXERADORES PARQUE DEVINDICACIÓN/NÚMERO DE AEROXERADORES DENTRO DA CAG DEVINDICACIÓN: consignarase o número de aeroxeradores que ten o parque na data da devindicación. No caso de que se trate dun parque que se estenda máis alá da Comunicade Autónoma de Galicia, consignarase o número de aeroxeradores que están dentro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nº DÍAS: cando se trate da primeira autoliquidación presentada no ano, consignarase o número de días do ano natural a que se refire a autoliquidación e coincidirá co nº de días do período impositivo sinalado no bloque denominado DEVINDICACIÓN. Cando se trate dunha autoliquidación modificativa ou dunha complementaria derivada da comunicación dunha modificación nos datos do CEPEG, consignarase o número de días transcorridos no período impositivo desde a data da devindicación ata a data de efectos da circunstancia que motivou a presentación do modelo 007, ambo os dous días incluídos.

NÚMERO DE AEROXERADORES PARQUE TRAS A MODIF./REPOTENCIACIÓN/DESMANTELAMENTO/ NÚMERO DE AEROXERADORES DENTRO DA CAG TRAS A MODIF./REPOTENCIACIÓN/ DESMANTELAMENTO: consignarase o número de aeroxeradores que ten o parque tras a modificación, tras a repotenciación ou tras o desmantelamento do parque, circunstancias comunicadas cada unha delas mediante o correspondente modelo 007. No caso de que se trate dun parque que se estenda máis alá da Comunicade Autónoma de Galicia, consignarase o número de aeroxeradores que están dentro da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de desmantelamento, o número de aeroxeradores será cero.

Nº DÍAS MODIFICACIÓN/REPOTENCIACIÓN/DESMANTELAMENTO: cando se trate dunha autoliquidación modificativa ou dunha complementaria derivada da comunicación dunha modificación nos datos do CEPEG, consignarase o número de días do ano natural a que se refire a autoliquidación en que vai ter efectos a modificación ou a repotenciación ou, no caso de tratarse do desmantelamento do parque, o número de días do ano natural en que o parque eólico estará desmantelado.

– Liquidación.

Neste bloque deberá proceder á autoliquidación do importe da débeda tributaria consonte os datos declarados.

BASE IMPOÑIBLE: no recadro da base impoñible consignarase o número de aeroxeradores existentes no parque eólico que estean situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes regras:

1. No primeiro ano: consignarase o resultado de multiplicar o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia polo dato consignado como «Nº días período impositivo» no bloque de CARÁCTER E DEVINDICACIÓN e dividido polo nº de días do ano natural a que se refire a autoliquidación.

2. No resto dos anos de vida do parque eólico: consignarase o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Cando se tratara dunha autoliquidación complementaria motivada por unha modificación das características do parque que dera lugar a un importe a ingresar, ou dunha autoliquidación modificativa, consignaranse tantas bases impoñibles como o número de subperíodos en que quedara dividido o ano natural e, para o cálculo da base impoñible de cada subperíodo, terase en conta o número de aeroxeradores e o número de días do subperíodo con respecto ao número total de días do ano natural a que se refire a autoliquidación, tendo en conta que, no caso de desmantelamento do parque, no último período do ano o número de aeroxeradores será cero.

TIPO DE GRAVAME: no recadro do tipo de gravame consignarase o tipo de gravame que estea vixente na data da devindicación. Para determinar o tramo que é de aplicación, terase en conta o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia na data da devindicación. Cando se tratara dunha autoliquidación complementaria motivada por unha modificación das características do parque que dera lugar a un importe a ingresar, ou dunha autoliquidación modificativa, e sempre que se produza un cambio no tramo da tarifa como consecuencia da modificación ou da repotenciación, consignaranse tantos tipos de gravame como o número de subperíodos en que quedara dividido o ano natural e, para o cálculo do tramo aplicable, terase en conta o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia antes da modificación ou repotenciación e o número de aeroxeradores do parque na Comunidade Autónoma de Galicia despois da modificación ou repotenciación.

COTA TRIBUTARIA: a cota tributaria será o resultado de multiplicar a base impoñible polo tipo de gravame que corresponda en función do número da aeroxeradores que ten o parque na Comunidade Autónoma de Galicia. Cando se trate dunha autoliquidación complementaria motivada por unha modificación das características do parque que dera lugar a un importe a ingresar, ou dunha autoliquidación modificativa, a cota tributaria será a suma do resultado de aplicar a cada base impoñible de cada subperíodo o tipo de gravame aplicable que corresponda.

BONIFICACIÓN: no caso de que a autoliquidación sexa unha modificativa motivada por unha repotenciación, e proceda a aplicación da bonificación previamente recoñecida pola Atriga consignarase o importe que corresponda pola aplicación da porcentaxe establecida na Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo número de aeroxeradores reducido, sobre a cota tributaria.

COTA LÍQUIDA: no recadro da cota líquida, consignarase, de ser o caso, a diferenza entre a cota tributaria e a bonificación.

COTA INGRESADA CON ANTERIORIDADE: no caso de autoliquidacións complementarias ou modificativas, consignarase a/s cota/s ingresada/s na/s autoliquidación/s anterior/es.

COTA AUTOLIQUIDADA: consignarase a diferenza entre a cota líquida e a cota ingresada con anterioridade.

TOTAL PARA INGRESAR/DEVOLVER: consignarase o importe do recadro anterior.

IMPORTE INGRESADO/PARA DEVOLVER: neste recadro trasladarase o importe consignado no total anterior.

No caso de que o dito importe sexa positivo e o suxeito pasivo pretenda solicitar un aprazamento ou fraccionamento da débeda tributaria, deberá marcar o recadro correspondente a APRAZAMENTO/FRACCIONAMENTO Lei 58/2003, do 17 de decembro, e deberá presentar ante a Atriga solicitude expresa de aprazamento ou fraccionamento na forma, lugar e prazo e cos requisitos e consecuencias sinaladas na normativa de aplicación e sen que a solicitude poida entenderse presentada por marcar este recadro. Neste caso, o importe que figurará neste recadro será 0.

No caso de que o importe sexa unha cantidade a devolver derivada da normativa do canon eólico, o suxeito pasivo deberá marcar o recadro da súa solicitude e consignar, empezando pola esquerda, os datos identificativos da conta (IBAN) da súa titularidade na cal desexa recibir a devolución. No caso de contas en entidades financeiras españolas, o código IBAN estará composto por 24 díxitos, que se deberán consignar comezando pola esquerda.

A declaración será datada e asinada polo suxeito pasivo ou polo seu representante.

ANEXO IV

Normas técnicas para a xeración do número de referencia completo (NRC)

A entidade financeira xerará o NRC (número de referencia completo) segundo a segunda norma técnica do anexo 1 da Orde do Ministerio de Facenda do 28 de decembro de 2000 (BOE do 3 de xaneiro de 2001), correspondente á xeración de NRC para documentos de ingreso expedidos polas oficinas tributarias. O NRC xerarase a partir dun rexistro de 48 carácteres codificados en EBCDIC:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante, onde:

- MMMNNNNNNNNND (13): número de xustificante asignado pola Oficina virtual tributaria.

- C (1): carácter de control calculado polo banco, utilizando o mesmo algoritmo especificado na citada orde. A oficina tributaria facilitará á entidade colaboradora o algoritmo para o cálculo deste carácter de control.

• XXXXXXXXX (9): NIF do debedor.

• NNNNNNNNNNNNN (13): importe de cargo.

• AAAAMMDD (8): data de cargo.

• XXXX (4): código de Banco de España da entidade.

O número de referencia completo (NRC) resultante terá 22 posicións:

• MMMNNNNNNNNNDC (14): número de xustificante (o mesmo que o especificado enriba).

• XXXXXXXX (8): caracteres de control resultantes de aplicar unha funcion MAC 4 do algoritmo DES (segundo norma X9.9.1) aos datos anteriores (48 caracteres) utilizando a clave privada do banco. Esta funcion xerara 8 caracteres de control; e dicir, a «sinatura».

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia