lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 190 Bis 01/10/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 23 de outubro. Non obstante, establécese un prazo de dous meses desde a súa publicación para o cumprimento da obriga de asegurar que a totalidade do persoal traballador dos establecementos de lecer nocturno teña a formación requirida segundo o establecido no punto 6 do anexo desta orde.
Téñase en conta que a Orde do 7 de outubro de 2021 que modifica a presente orde, foi derrogada pola Orde do 22 de outubro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade. Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que para lograr o fin proposto resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento en todo momento da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

Así mesmo, conforme o punto quinto do acordo, as medidas previstas nel poderían ser completadas por plans específicos de seguridade, protocolos organizativos e guías adaptados a cada sector de actividade, aprobados polas administracións competentes, e, de acordo co punto sexto, as medidas deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Así mesmo, a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do presente acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas neste acordo que sexan necesarias.

Pola súa banda, a Orde do 25 de xuño de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, recolle no punto 4 do seu anexo I medidas especiais que resultan aplicables aos establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan a súa actividade de forma análoga ás anteriores, e remitíase para o desenvolvemento das medidas indicadas nela á Orde da Consellería de Sanidade que aprobe o correspondente protocolo de lecer nocturno.

Así, mediante a Orde do 1 de xullo de 2021 aprobouse o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar a regulación do lecer nocturno contida nas ditas ordes do 25 de xuño e do 1 de xullo de 2021 coa finalidade de adaptar a regulación do lecer nocturno contida nelas á evolución da situación epidemiolóxica.

Así, mediante a Orde do 8 de xullo de 2021 introdúcese a posibilidade de apertura dos establecementos de lecer nocturno situados nos concellos de nivel medio de restricións, que ata ese momento, permanecían pechados, e mantense o peche dos establecementos situados nos concellos con niveis de restricións máximo e alto. A dita orde recolle expresamente que, para o acceso aos ditos establecementos de lecer nocturno situados nos concellos de nivel medio de restricións, será necesaria a exhibición dun certificado que acredite que o seu titular recibiu a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 cuxa comercialización fose autorizada de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004, e sempre que transcorresen, polo menos, 14 días desde a última dose desta, ou ben que dispón dunha proba diagnóstica de infección activa negativa realizada nas 72 horas anteriores, ou ben que se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 diagnosticada e está no período comprendido entre o día 11 e o 180, ambos incluídos, despois da proba de infección activa positiva.

A continuación, tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica, mediante a Orde do 15 de xullo vólvense modificar as ordes do 25 de xuño e do 1 de xullo de 2021. No que atinxe aos establecementos de lecer nocturno, a modificación ten unha dobre finalidade: por unha banda, reducir a ocupación máxima por mesa ou agrupación de mesas no exterior, que pasan de quince a dez persoas e, por outra banda, estender a obriga de exhibición de determinada documentación como requisito previo ao acceso aos establecementos situados nos concellos con nivel de restrición media baixa. Esta obriga xa se viña exixindo para o acceso aos establecementos de lecer nocturno situados en concellos con nivel de restrición media.

Mediante a Orde do 22 de xullo acométese unha nova modificación da regulación desta actividade. Como aspectos máis salientables, destácase a posibilidade de que os establecementos de lecer nocturno situados nos concellos de nivel máximo e alto de restricións presten servizo nas terrazas, que ata ese momento debían permanecer pechadas. Mantense, ademais, a obriga de exhibición de determinada documentación para o acceso aos establecementos situados nos niveis medio e medio-baixo que fora introducida pola Orde do 8 de xullo (para os establecementos situados en concellos con nivel medio de restricións) e pola Orde do 15 de xullo (para os establecementos situados en concellos con nivel medio-baixo de restricións).

Pola súa banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en dous autos notificados o día 12 de agosto de 2021, nos cales denegaba as solicitudes de medidas cautelarísimas establecidas no marco de recursos contencioso-administrativos presentados contra a Orde do 22 de xullo de 2021, declarou que as ditas medidas referidas á obriga de exhibición de determinada documentación como requisito previo ao acceso a certos establecementos, entre os cales se atopaban os de lecer nocturno, carecían de vixencia na Comunidade Autónoma de Galicia, por canto non foran sometidas a autorización da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tendo en conta o criterio manifestado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Administración autonómica considerou que o procedente era solicitar, canto antes, a autorización para evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia da exixencia destes certificados e fomentar así a seguridade xurídica. A dita autorización foi solicitada o día 13 de agosto.

Nesa mesma data publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de agosto de 2021 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e se suspende a exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela, e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e substitúese por unha regulación transitoria e provisional. Tal e como se explicaba na exposición de motivos da citada orde, nela suspendíase, por razóns de coherencia, a eficacia da regulación que prevía a exixencia dos certificados, mentres que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non se pronunciase sobre a súa autorización, e substituíase a dita exixencia por unha regulación transitoria e provisional con respecto á cal xa se advertía que o seu carácter transitorio e provisional non prexulgaba, de ningún xeito, a conformación definitiva que tería esta regulación, no caso de non ser autorizada a medida de exixencia de certificados.

Esta regulación transitoria e provisional establecía, en substitución das capacidades máximas vixentes ata ese momento, para os establecementos de lecer nocturno situados nos concellos nos que for aplicable o nivel medio e medio-baixo de restricións, unha ocupación máxima no interior do trinta por cento da capacidade máxima permitida. Nestes concellos, os servizos de terraza quedaban limitados, respectivamente, ao cincuenta e cen por cento da capacidade máxima permitida.

Mediante o Auto 97/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, denégase a autorización das medidas consistentes na exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos previstas na orde sometida a autorización. Á vista desta situación, e á espera da existencia dunha decisión xudicial firme que se pronunciase sobre esta cuestión, mediante a Orde do 20 de agosto de 2021 óptase por manter a regulación transitoria e provisional ditada en substitución da exixencia de exhibición de documentación acreditativa de determinadas circunstancias, ben que se inclúen certas adaptacións que atenden á evolución favorable da situación epidemiolóxica. Así, no que respecta aos establecementos de lecer nocturno, coa finalidade de continuar avanzando na modulación de determinadas restricións e compatibilizar o desenvolvemento das correspondentes actividades coa seguridade sanitaria, óptase por aumentar a capacidade máxima permitida en determinados casos, e todo isto se expresaba sen prexuízo das medidas máis permisivas que se poderían aprobar se finalmente se autorizaba a medida consistente na exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, polas maiores garantías de seguridade sanitaria que ofrece esta medida.

A suspensión da exixencia de exhibición de determinada documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, acordada mediante a Orde do 13 de setembro, mantívose nas posteriores ordes do 1 e do 16 de setembro de 2021, rematando a eficacia desta última ás 00.00 horas do día 2 de outubro

II

Cómpre indicar que a Sentenza 1112/2021, da Sección Cuarta da Sala do Contencioso‑Administrativo do Tribunal Supremo, estimou o recurso de casación presentado pola Administración autonómica fronte ao Auto 97/2021 da Sección Terceira da Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A dita sentenza sinala que a ratificación ou autorización xudicial unicamente se pode obviar cando a falta de restrición ou limitación dos dereitos fundamentais é manifesta, evidente, ostensible e indiscutible, polo que a medida de exhibición de determinada documentación para o acceso a certos establecementos require a autorización xudicial previa, aínda que se indica que no caso examinado esta incidencia nos dereitos fundamentais é tenue.

Tamén se salienta a existencia de cobertura xurídica para a adopción das medidas axuizadas, lembrando, neste sentido, que a Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, en coherencia coas demais leis sanitarias, é suficiente como norma de cobertura das medidas sanitarias que comporten algunha restrición de dereitos fundamentais que, ademais, neste caso, é liviá.

O Tribunal Supremo recoñece que os dereitos fundamentais, como calquera dereito subxectivo, non son absolutos nin ilimitados e que a limitación resulta precisa para permitir a súa pacífica coexistencia cos demais dereitos fundamentais e cos bens constitucionalmente protexidos, que se traducen, neste caso, nunha potente presenza do dereito á vida e á integridade física, e á defensa e protección da saúde dos cidadáns. Nesta liña, a sentenza expresa: «É o que sucede neste caso, ao confrontar a tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14), e á intimidade (artigo 18.1), co dereito fundamental á vida (artigo 15), a protección da saúde (artigo 43) en situacións da pandemia como a COVID-19, e co interese xeral de todos a sobrevivir nestas gravísimas circunstancias, que avalan a procedencia da medida que se pretende.

Así é, a medida de exhibición de determinada documentación (certificado da pauta completa de vacinación, proba diagnóstica negativa de infección activa (PDIA) ou test de antíxenos, e certificado de terse recuperado da enfermidade desde o día 11 ao 180), para a entrada no interior de determinados establecementos en que se produce unha grande afluencia de persoas, tales como os de lecer nocturno, resulta adecuada e acorde coas exixencias derivadas de protección da saúde, porque se refire a locais onde a entrada é voluntaria e onde non se realizan actividades esenciais, aos cales se teña a obrigación de acudir. Non. As persoas poden empregar o seu lecer de moi diversa forma, e naturalmente poden acudir aos devanditos locais, ou non, poden preferir a terraza, ou non, pero se se pretende ir ao interior do establecemento, que é un espazo pechado e normalmente pouco ventilado, onde o risco de contaxio se incrementa, debe exhibirse a indicada documentación, que proporciona garantía, desde logo non absoluta, de non padecer nese momento a infección SARS- CoV-2, segundo os informes que constan nas actuacións e que máis adiante veremos».

A sentenza conclúe que a medida é proporcionada, idónea e necesaria. Sinala, para estes efectos, que «Non é preciso, desde logo, que a medida que se postula impida de modo absoluto calquera tipo de contaxio, é dicir, que resulte infalible, pois non existe no estado actual da ciencia ese risco cero. Pero para a determinación da idoneidade e necesidade da medida é bastante que esta resulte eficaz, apropiada e proporcionada, para acadar a finalidade de protección da vida e a saúde que resulte compatible coa realización da actividade. O beneficio que proporciona a medida, respecto da redución significativa dos contaxios, é moi superior ao sacrificio que comporta a exixencia de presentar a documentación para o acceso ao local. En definitiva, non se observa ningunha medida que resulte máis adecuada para salvagardar a vida e a saúde dos cidadáns nese tipo de locais.(…) Desde logo, a medida máis segura é o peche dos establecementos. Sucede, con todo, que esta medida de peche, tendo en conta a evolución da pandemia en relación coas consideracións epidemiolóxicas no estado actual da ciencia, e as severas restricións xa pasadas, podería facer que o lecer nocturno derive en concentracións na vía pública, o que suporía un grave risco para a saúde pública de todos, ademais dos custos económicos e laborais nos sectores afectados».

III

Na actualidade, a situación epidemiolóxica, de acordo co Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de setembro de 2021, pódese resumir do seguinte modo:

– O número de casos novos vén diminuíndo desde o día 22 de xullo de 2021. Desde esa data detéctase unha porcentaxe de cambio diaria do -5,1 % e a incidencia acumulada en Galicia mantense por debaixo de 25 casos novos por 100.000 habitantes nos últimos sete días e por debaixo de 60 casos novos por 100.000 habitantes nos últimos catorce días. Aumenta tamén o número de concellos sen casos nos últimos 14 días (141) e sen casos nos últimos sete días (202).

– A porcentaxe de positividade das probas diagnósticas realizadas tamén ten unha tendencia á baixa e mantense no 3,57 entre o 7 e o 13 de setembro, o que supón un descenso do 28 % respecto ao período de entre o 31 de agosto e o 6 de setembro.

– A incidencia por grupos de idade de Galicia mostra que os grupos de idade máis afectados, despois do de 0 a 11 anos (grupo para o cal non existe unha vacina autorizada e, polo tanto, están sen vacinar), son os de entre 12 e 19 anos e de 20 a 29 anos.

– Descende tamén a media de pacientes hospitalizados, tanto en unidades de agudos (cunha taxa de hospitalización de 3,0 ingresados por 100.000 habitantes, o que significa un -24,4 % con respecto a sete días antes) como en unidades de enfermos críticos (1,1 ingresados por 100.000 habitantes, o que supón un descenso do -30,1 % con respecto a sete días antes).

Como resumo, os indicadores epidemiolóxicos van mellorando en Galicia pero segue a existir circulación do virus e, polo tanto, risco de transmisión, con aínda altas incidencias nos grupos de idade máis novos (así, entre 20 a 29 anos) e que, con maior probabilidade, sexan usuarios dos establecementos de lecer nocturno.

Esta mellora significativa da situación epidemiolóxica de Galicia determina que se establezan de forma progresiva medidas de desescalada. Neste contexto, as actividades que presentan un risco comparativamente máis alto de transmisión, como é o lecer nocturno, precisan continuar con medidas específicas de control, tendo en conta que o virus SARS‑CoV-2 segue a circular causando novos casos, ingresos hospitalarios e en unidades de críticos, e mortes na nosa comunidade autónoma.

IV

Tendo en conta os antecedentes referidos, o obxecto desta orde é aprobar o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se adoptan unha serie de medidas que teñen por obxecto regular esta actividade coa finalidade de que se poida desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade, coa finalidade de continuar avanzando na modulación de determinadas restricións e compatibilizar o desenvolvemento da actividade de lecer nocturno coa seguridade sanitaria.

Entenderase por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido no plan, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

No novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia establécese un procedemento para clasificar os establecementos segundo o seu nivel de compromiso, en función das boas prácticas levadas a cabo e da aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías posibles, o que comporta unha correlativa ampliación de capacidades máximas e horarios.

Este novo plan permite unha estabilidade das condicións de apertura nos establecementos de lecer nocturno, no sentido de que, tendo en conta a situación epidemiolóxica actual, estas condicións dependerán das medidas de seguridade aplicadas e non xa automaticamente do nivel concreto de restricións en que estea situado o concello no cal se encontran, todo isto sen prexuízo da posible activación do nivel de seguridade previsto no plan, o que requirirá dunha decisión xustificada e motivada das autoridades sanitarias, en casos de gromos con crecemento exponencial ou situacións que comprometan os indicadores sanitarios.

Esta nova estratexia responde á situación actual do avanzado estado da vacinación na nosa comunidade.

Por outra banda, a ocupación da hospitalización convencional e das unidades de coidados críticos e a porcentaxe de pacientes COVID nos servizos de urxencias tamén permiten o desenvolvemento deste novo plan.

Polo tanto, este plan sempre estará condicionado á evolución da situación asistencial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como aos parámetros epidemiolóxicos que poidan repercutir na capacidade asistencial do sistema sanitario. Deste modo, o plan será obxecto de seguimento e de avaliación continua por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, co asesoramento do Comité Clínico, para propor os cambios e medidas que, de ser o caso, se consideren oportunos.

V

O novo plan recolle unhas regras comúns para todos os establecementos de lecer nocturno, como regras de capacidade máxima; uso de máscara; distancia de seguridade; medidas de hixiene, limpeza e desinfección; e, con especial énfase, insístese nas medidas de ventilación. Así mesmo, establece os niveis 1c (ou «unha cunchiña») e 2c (ou dúas cunchiñas), en función das boas prácticas levadas a cabo nos establecementos e da aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías posibles, sen prexuízo do establecido para o nivel de seguridade.

O denominado nivel 1c será o nivel de obrigado cumprimento aplicable por defecto para todos os establecementos de lecer nocturno, salvo nos supostos en que a autoridade competente decida a aplicación do nivel de seguridade.

Neste nivel 1c cabe destacar que no interior dos establecementos se permitirá o 50 % da capacidade máxima en condicións normais, cun máximo de 2.000 persoas. Deste modo, neste nivel 1c mantense a capacidade máxima interior establecida actualmente nas medidas de prevención en vigor para os concellos situados no nivel de restricións medio e medio-baixo, sen prexuízo da introdución da limitación cuantitativa indicada. Nas terrazas dos establecementos permitirase o 75 % da capacidade máxima en condicións normais. O horario límite de peche ao público será ás 3.00 horas, salvo que estes establecementos teñan fixado un horario inferior no seu título habilitante.

No nivel 2c prevese unha ampliación no interior dos establecementos ao 75 % da capacidade máxima en condicións normais, cun máximo de 2.000 persoas. Nas terrazas dos establecementos permitirase o 100 % da capacidade máxima en condicións normais. O horario límite de peche ao público amplíase ás 4.00 horas. Tendo en conta esta ampliación das condicións de funcionamento, este nivel só será aplicable no caso de que os establecementos de lecer nocturno se comprometan a aplicar as medidas adicionais recollidas no novo plan, para garantir unha maior seguridade no marco da pandemia, co fin de protexer a saúde do seu persoal traballador e da clientela.

Entre as medidas específicas de prevención que se recollen no novo plan, debemos salientar a medida que exixe a exhibición de determinada documentación como requisito previo para o acceso aos establecementos de lecer nocturno que pretendan cumprir as condicións do nivel denominado 2c, que comportan unha ampliación da capacidade ao 75 % no interior, 100 % no exterior e unha ampliación de horario ata as catro horas.

A antedita documentación deberá acreditar que o seu titular recibiu a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu autorización de comercialización conforme o Regulamento (CE) nº 726/2004, ou ben que dispón dunha proba diagnóstica negativa, ou que se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos seis meses.

O fundamento da necesidade de establecer esta medida nos establecementos de lecer nocturno que pretendan acollerse ao nivel 2c radica, como se desenvolverá a continuación, na ampliación de capacidades máximas e horario da actividade sobre os establecidos na actualidade, o que acrecenta os riscos de contaxio, tendo en conta, en particular, as características peculiares da actividade, riscos que deben ser adecuadamente controlados.

Debe terse en conta que no momento da aprobación desta orde, debido á evolución da situación epidemiolóxica, todos os concellos galegos están situados no nivel medio ou medio-baixo, o que se pondera para a aprobación do novo sistema e a introdución do certificado no nivel 2c do novo plan. Tendo en conta a indicada evolución da situación epidemiolóxica, e dado que actualmente, de acordo coas medidas de prevención vixentes neste momento, xa se permite o desenvolvemento da actividade no interior destes establecementos nos niveis medio e medio-baixo ao 50 % da súa capacidade máxima e ata as tres horas, estas magnitudes considéranse como punto de partida no nivel 1c do plan, sen necesidade de exixencia da exhibición do certificado, e só se considera a exixencia do certificado no nivel 2c para a ampliación das indicadas capacidades (ata o 75 %) e horario (ata as catro horas). Esta decisión, vinculada á situación epidemiolóxica xeral actual, adóptase por considerar que o resto das medidas recollidas no novo plan son suficientes no nivel 1c para manter os niveis de ocupación e horario actuais e ponderando o principio de proporcionalidade, tendo en conta que a exixencia do certificado é considerada polo Tribunal Supremo como unha medida que afecta, ben que de modo livián ou tenue, os dereitos fundamentais, o que aconsella restrinxir a súa utilización neste momento ao nivel 2c, por existir neste maior risco dada a ampliación de capacidades máximas e horario.

Como punto de partida das medidas propostas no novo plan, debe terse en conta que, como antes se expresou, no lecer nocturno concorren unhas características peculiares que pasamos a expor detidamente:

– Nel prodúcese a retirada da máscara por parte dos clientes para o consumo de bebida ou, nos casos en que resulta posible segundo o título habilitante do establecemento, servizos de restauración.

– Resulta posible nestes establecementos a permanencia e o consumo de pé, ademais de sentado, o que presenta problemas particulares de maior risco da existencia de aglomeracións de persoas e fai moi dificultoso na práctica o mantemento da distancia de seguridade interpersoal, ao estaren os usuarios circulando polo establecemento.

– As condicións de desenvolvemento da actividade comportan a existencia de música alta, o que fai que as persoas levanten a voz e se acheguen para falar, o que comporta a emisión de máis gotas e aerosois respiratorios con maior risco de contaxio da COVID-19.

– O feito de que se trata dunha actividade de lecer e recreativa en que se produce consumo de bebidas alcohólicas e o horario nocturno en que se realiza a actividade determinan unha relaxación por parte dos usuarios das medidas de seguridade aplicables, o que xoga en contra do desenvolvemento ordenado e seguro da actividade.

Neste sentido, a Sentenza do Tribunal Supremo antes citada salienta, con carácter xeral, as características que son propias destes establecementos: «A idoneidade da medida que se postula, sobre a exhibición da documentación xa citada, gana en concreción cando descendemos ás características propias dos establecementos nos cales se exixe. Así é, nestes lugares de lecer, pola súa propia natureza, a diferenza doutros establecementos abertos ao público, non permiten o uso constante e permanente da máscara, que debe necesariamente retirarse para comer e para beber, do mesmo xeito que resulta difícil manter neles a distancia de seguridade, adóitase conversar cun ton de voz máis alto, ou mesmo cantar, o que favorece a «inhalación de pingas e aerosois respiratorios emitidos por un contaxiado» que é «a principal vía de transmisión do SARSCoV-2, segundo sinala o informe do Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, avalado polos membros do Subcomité de Control de Gromos do Comité Clínico que asesora a citada consellería».

Tamén destaca a sentenza indicada o carácter destes establecementos como de lecer e non esenciais e nos cales «se produce unha grande afluencia de persoas», indicando que «se refire a locais onde a entrada é voluntaria e onde non se realizan actividades esenciais, aos cales se teña a obrigación de acudir».

No sentido exposto, o Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de setembro de 2021, en relación co risco asociado aos establecementos de lecer nocturno, destaca as seguintes cuestións:

– É importante ter en conta que a adopción de calquera medida debe adecuarse, ademais de á situación epidemiolóxica existente, ao risco de transmisión que poida ocasionar unha determinada actividade, ben sexa polo establecemento en que esta se desenvolve, ben polas propias características da actividade.

– Coa evidencia científica acumulada, considérase que a principal vía de transmisión do SARS- CoV-2 é o contacto e a inhalación das pingas e aerosois respiratorios emitidos por un enfermo que conteñen virus con capacidade de xerar infección, sobre todo en determinadas circunstancias: en proximidade ao caso índice durante tempo prolongado e en espazos pechados e mal ventilados.

– Tendo en conta esta transmisión, considérase apropiado establecer medidas de prevención adicionais e específicas nos establecementos de lecer nocturno do mesmo xeito que se realizou noutros países, por tratarse de espazos nos cales se poden agrupar factores que aumentan o risco de transmisión do SARS-CoV-2: espazos pechados en que se establecen contactos próximos e prolongados entre persoas, con escasa renovación de aire nalgúns casos e realización de actividades nas cales é necesaria a retirada de máscara e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois (falar, en ocasións cun ton de voz maior do normal, ou cantar). Ademais, trátase de espazos de socialización que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención (uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade interpersoal), ao cal pode contribuír o consumo de alcol.

– A diferenza doutros locais da hostalaría, estes espazos de lecer nocturno teñen, con frecuencia, a complicación engadida de non realizaren unha renovación de aire de xeito natural, o que provoca que se poida facilitar a transmisión vía aeróxena de xeito máis doado.

– Ademais, hai evidencia de que a carga viral en persoas novas, que son as que practican de xeito habitual esta actividade, é máis elevada que nas persoas de máis idade, o que favorece a transmisión, especialmente se temos en conta que a proporción de asintomáticos ou con síntomas moi leves tamén é máis frecuente nas idades novas.

– Estas circunstancias, que non se dan noutras actividades mercantís (establecementos de alimentación, áreas comerciais, salóns de peiteado, empresas, etc.) nas cales o uso de máscara se mantén en todo momento e, xeralmente, os contactos non son prolongados no tempo nin próximos, fan precisa a medida que nos ocupa, que estaría avalada pola evidencia científica dispoñible en relación co papel que ten esta actividade na transmisión da infección polo SARS-CoV-2.

Neste sentido, o informe destaca diversos estudos sobre o papel que xoga este tipo de actividade na produción de gromos. En particular, o estudo sobre gromos en Corea do Sur, relacionados co lecer nocturno e a súa difusión posterior a outros ambientes, con casos secundarios e terciarios, tras a apertura dos locais nocturnos. A pesar da baixa incidencia da COVID-19 no período posterior ao pico da pandemia, a superpropagación relacionada coa visita a este tipo de locais tivo o potencial de provocar o rexurdimento de casos en Corea do Sur. Outros estudos corroboran o potencial de superpropagación dunha soa persoa nunha discoteca cando non se aplican medidas de distanciamento social, ou mostran eventos de supertransmisión en contornos interiores, como festas e clubs nocturnos, destacando escenarios «oportunistas», como cando é maior o número de persoas que se agrupan temporalmente e falan alto, cun aumento da probabilidade de transmisión por contacto.

Ás características propias dos establecementos debe engadirse que a franxa de idade en que se sitúa a maioría dos usuarios destes establecementos coincide coas franxas de idade en que existe menor porcentaxe de vacinación, o que implica que resulta moito máis probable que accedan persoas que non están vacinadas e que se poden contaxiar no caso de que existan persoas contaxiadas asintomáticas entre as asistentes, ou ben contaxiar, no caso de estaren elas infectadas.

Neste sentido, o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública destaca que Galicia é a comunidade autónoma coa porcentaxe de vacinados sobre o total de poboación por vacinar máis elevada de todas as comunidades e cidades autónomas de España. Ademais, tamén é das que ten unha cobertura das máis elevadas sobre o total da súa poboación (poboación INE 2020). Con todo, esta cobertura, que supera o 90 % nos grupos de idade de 40 anos e máis, é menor nos grupos menores de 40 anos, especialmente entre os 20 e 39 anos, situación que se reproduce no conxunto de España.

Así, por exemplo, no grupo de idade de 20 a 29 anos, as persoas vacinadas representan o 79,40 por cento, e no grupo de 30 a 39 anos, o 77,30 %.

Como expresa o informe indicado, estes grupos de idade, cunha menor cobertura, son os que adoitan frecuentar os locais de lecer nocturno. Está ben demostrado que o risco de infección nas persoas non vacinadas é maior que entre as persoas coa pauta de vacinación completa, polo que nos establecementos coas características sinaladas (nos cales é difícil o mantemento das distancias de seguridade, se realizan actividades de risco polas súas propias características e, ademais, algunhas destas actividades, como a de beber, implican a non utilización permanente da máscara), cunha potencial asistencia dun 20 ou 25 % de persoas non vacinadas, a probabilidade de transmisión da infección a partir dunha persoa infectada asintomática é sensiblemente superior á que pode existir noutros establecementos de características diferentes.

O maior risco de infección en persoas non vacinadas ponse de manifesto en estudos como un efectuado en Israel, no cal acharon que a vacinación completa coa vacina de Pfizer, tras 7 días ou máis da inoculación da pauta completa, ten unha estimación axustada da efectividade do 95,3 % (IC do 95 %: 94,9-95,7), e atoparon unha taxa de incidencia de 91,5 por 100.000 persoas-día nos non vacinados fronte ao 3,1 por 100 000 persoas-día en persoas completamente vacinadas.

Como expresa o informe, isto indica que a posibilidade de exixir o certificado de vacinación para persoas que frecuentan ambientes de máis risco de infección, como é o caso dos locais de lecer nocturno, pode garantir a prevención da infección no caso de que asistan persoas que poidan estar infectadas e, consecuentemente, previr un gromo entre as persoas que frecuentan o establecemento e a posterior transmisión a outras persoas, aínda que estean vacinadas.

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública tamén analiza a posibilidade de que se xeren gromos neste tipo de establecementos, partindo dos datos dispoñibles na nosa comunidade autónoma, En particular, aínda que segundo avanza a diminución da incidencia tamén o fai o número de gromos, destácase que non obstante, o número de gromos no ámbito do ocio nocturno, na actualidade, representa o 2,8 %, e os casos asociados a este ámbito supoñen o 7,4 % dos casos dos gromos, proporción en absoluto desprezable, especialmente se temos en conta que debido á dificultade de asociar o gromo a un local concreto e a dificultade da identificación dos contactos estreitos neste ámbito (prodúcense interaccións entre persoas, ás veces, descoñecidas ou dificilmente identificables), o número de gromos e de casos asociados é probablemente máis elevado. O informe expresa que no ámbito do lecer nocturno, cunha poboación cunha cobertura de vacinación bastante menor que nos grupos de máis idade, se pode prever a posibilidade de que xurdan gromos semellantes aos que se están a dar na poboación non vacinada en colexios. Igualmente, pondera a posibilidade de que xurdan gromos máis explosivos neste ámbito, xa que, como se comentou anteriormente, os eventos supercontaxiadores son frecuentes neste tipo de actividade, o que comporta, ademais, a transmisión a outros ámbitos como o familiar ou laboral, dadas as circunstancias da elevada proporción de asintomáticos nas persoas infectadas que participan no lecer nocturno.

En particular, non se pode desprezar un beneficio indirecto que deriva da exixencia desta documentación para o acceso aos establecementos de lecer nocturno, como é o do estímulo ou incentivo para a vacinación e da realización de cribados, en beneficio da saúde publica e da colectividade en xeral. Así, a Sentenza do Tribunal Supremo refírese a que «tamén recoñece [...] o informe da subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, e membro do Comité Clínico, que a implantación da dita medida serviu de medida de fomento da vacinación e do seu control epidemiolóxico», pois «permitiu aumentar o control da enfermidade incentivando a vacinación», e «os cribados de probas diagnósticas entre aquelas persoas aínda non vacinadas (...) favoreceu un diagnóstico precoz de casos».

VI

Afondando nas razóns antes expresadas, en canto á explicación do concreto modelo que establece o novo plan para afrontar a situación exposta e os riscos que presenta esta actividade, consistente na exixencia da exhibición dos certificados no nivel 2c, cabe destacar que a sentenza do Tribunal Supremo antes citada se pronuncia sobre unha regulación que prevía a apertura de interiores dos establecementos de lecer nocturno situados nos termos municipais dos concellos «con nivel de restrición medio ou medio-baixo recollidos nas letras C e D do anexo II» da Orde pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID- 19 na Comunidade Autónoma de Galicia, vixente en cada momento. Isto é, no caso que analiza o Tribunal Supremo, permitíase o «acceso ao interior dos establecementos de lecer nocturno nos correspondentes concellos con eses niveis de restrición (medio e medio-baixo)», «sempre que se presente ou exhiba o expresado pasaporte COVID».

Como expresamos anteriormente, pola evolución da situación epidemiolóxica, todos os concellos galegos están situados no nivel medio ou medio-baixo, o que se pondera para a aprobación do novo sistema, unido ao feito de que actualmente, de acordo coas medidas de prevención vixentes neste momento, xa se permite o desenvolvemento da actividade no interior destes establecementos nos niveis medio e medio-baixo ao 50 % da súa capacidade máxima e ata as tres horas. Estas magnitudes considéranse no novo plan como punto de partida do nivel 1c, sen necesidade de exixencia da exhibición do certificado, por considerar que as medidas recollidas no novo plan para este nivel son suficientes, ponderando o principio de proporcionalidade. En efecto, tendo en conta, segundo o xa indicado, que a exixencia do certificado é considerado polo Tribunal Supremo como unha medida que afecta, ben que de modo livián ou tenue, os dereitos fundamentais, resulta aconsellable restrinxir a súa utilización neste momento e non exixilo no nivel 1c, que se corresponde coas condicións de ocupación e horario vixentes neste momento.

Deste modo, como se expresou, a medida de exixencia de exhibición de certificados limítase no plan para o nivel 2c, por existiren neste nivel maiores riscos dada a ampliación de capacidades máximas (ata o 75 %) e de horario (ata as catro horas). Esta ampliación de condicións sobre as actualmente vixentes determina que se acrecenten os riscos de contaxio, tendo en conta as características peculiares xa expostas da actividade de lecer nocturno, ao incrementarse o número de persoas presentes no local e o tempo de permanencia nel.

Debe tamén terse en conta que, fronte ao modelo vixente actualmente, no cal os interiores dos establecementos de lecer nocturno estaban pechados automaticamente cando os locais estaban situados en concellos nos cales resultasen de aplicación os niveis alto e máximo, o novo plan, tendo en conta a evolución e situación actual da pandemia na nosa comunidade autónoma (neste momento, como indicamos, toda Galicia está situada no nivel medio ou medio-baixo), e co obxecto de ofrecer maior estabilidade a un sector severamente afectado polas restricións desde o inicio da pandemia, opta por un modelo en que a apertura e o peche dos locais xa non están vinculados de forma automática ao nivel de restricións do concreto concello en que se encontran, tendo en conta a protección e a seguridade que supoñen as medidas de seguridade que se establecen no novo plan. A nova orientación non significa, naturalmente, que as medidas previstas estean desvinculadas da situación epidemiolóxica xeral de Galicia ou particular do concello en que se encontre o local, dado que se prevé no novo plan a posible activación do denominado «nivel de seguridade » e o consecuente peche de interiores, cando así resulte necesario, o que exixirá unha decisión específica e motivada adaptada ás condicións epidemiolóxicas ou de gromos existentes nese momento. O que se busca, en definitiva, é evitar a sucesión temporal automática de peches e reaperturas ou variacións de capacidade máxima con carácter xeral en atención soamente ás subidas ou baixadas de nivel dos concretos concellos en que se sitúan os locais.

De acordo co que viñemos expoñendo, a medida de exixencia de certificado non se formula como unha medida de aplicación xeral ou indiscriminada a todo tipo de actividades, senón que a medida se pretende aplicar neste momento a actividades moi determinadas para as cales existe unha xustificación epidemiolóxica polas súas características ou condicións en que se realizan, tendo en conta especialmente a ampliación de capacidades máximas e horarios que se establecen no plan para o nivel 2c.

Desta forma, a exixencia dos certificados resulta unha garantía que permitirá a ampliación das capacidades máximas e horarios do nivel 2c. En definitiva, a autoridade sanitaria considera que, na situación epidemiolóxica actual de Galicia, o novo plan e a exixencia dos certificados prevista para o nivel 2c permiten unhas condicións de estabilidade e funcionamento do sector que compatibilizan mellor o desenvolvemento da actividade coa seguridade sanitaria. En particular, permitir a ampliación de capacidades máximas e horarios co contrapeso da exixencia dos certificados no nivel 2c supón unha medida menos gravosa para a consecución do fin proposto de saúde pública, con igual eficacia que impedir as indicadas ampliacións.

Débese destacar, por outra parte, que medida se adopta con carácter temporal, e atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible nese momento, o que se pasa a desenvolver a continuación con máis detalle.

En efecto, a avaliación realizada conclúe que a limitación do acceso ao interior dos locais a persoas vacinadas, persoas que contan cunha proba negativa ou persoas que pasaron a enfermidade contribúe a diminuír as posibilidades da existencia de contaxio e gromos. En particular, como expresa o Considerando 7 do Regulamento (UE) 2021/953 do Parlamento Europeo e do Consello, do 14 de xuño de 2021, relativo a un marco para a expedición, verificación e aceptación de certificados COVID-19 interoperables de vacinación, de proba diagnóstica e de recuperación (certificado COVID dixital da UE) co fin de facilitar a libre circulación durante a pandemia da COVID-19, as persoas vacinadas ou que obtivesen un resultado negativo nunha proba recente da COVID-19 e as persoas que se recuperaron da COVID-19 nos últimos seis meses parecen ter un risco reducido de infectar outras persoas co SARS-CoV-2, de acordo con datos científicos actuais e aínda en evolución. O Considerando 13, respecto da vacinación, engade que os datos científicos dispoñibles sobre os seus efectos contra a COVID-19 son sistematicamente concluíntes en relación coa interrupción da cadea de transmisión.

Neste sentido, considérase que as persoas vacinadas teñen un menor risco de infectarse e teñen tamén un menor risco de propagación da infección no caso de seren infectadas. Por este motivo, o Centro Europeo para a Prevención e Control de Enfermidades (ECDC) considera que o risco de adquisición da infección dunha persoa vacinada é moi baixo, como tamén o é o de desenvolver enfermidade grave unha vez infectada. Hai menos datos sobre a capacidade de transmisión da infección a partir de persoas vacinadas, pero os que hai suxiren unha redución desta capacidade respecto da dos non vacinados. Por este motivo, o ECDC considera que, co coñecemento actual, a probabilidade de que un vacinado transmita a infección é entre baixa e moderada.

O Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 29 de setembro de 2021, expresa que a pesar de que a vacinación non impide completamente a infección da persoa vacinada nin elimina a probabilidade de que unha persoa vacinada e infectada poida transmitir a infección, a vacinación ten un efecto positivo sobre ambas (infección e transmisión) que, sen chegar a ter o efecto que ten sobre a prevención da enfermidade grave, non é en absoluto desprezable en canto ao número de posibles contaxios.

O informe expresa que o feito de que o virus siga a circular e que o fará durante tempo, que no mundo hai un gran número de países con coberturas de vacinación practicamente de cero, que países da nosa contorna teñen coberturas de vacinación moito máis baixas que as nosas, especialmente en grupos de idade máis novos, fai considerar preciso tomar esta medida nesta actividade en que a evidencia mostra que ten un risco engadido de transmisión.

A este respecto, o informe indica que ningunha medida de prevención e control que permita as interaccións persoais entre a poboación pode evitar completamente posibles novos contaxios polo SARS CoV-2, sobre todo cando estes contactos se producen sen que se poidan garantir totalmente as medidas de prevención que se aplican na maioría de ámbitos (uso de máscara en todo momento e distancia interpersoal). As medidas non farmacolóxicas impostas durante o transcurso da pandemia teñen como obxectivo reducir o número e a gravidade dos contaxios, e non é necesaria unha redución absoluta destes para considerar unha medida como eficaz e adecuada para o obxectivo que persegue. Polo tanto, o feito de que a implantación do «pasaporte COVID» non elimine por completo a posibilidade de novos contaxios non invalida en ningún momento a idoneidade dunha medida que permite reducir o devandito risco.

Doutra banda, o informe salienta o obxectivo que ten a estratexia da acreditación do estado COVID-19, coa cal se pretende reducir a probabilidade de que unha persoa infectada entre en contacto con outra persoa non infectada e esta última se contaxie. Tendo claro o obxectivo que se persegue, a utilización do coñecemento científico obtido ata o momento fai que non caiba a dúbida de que este obxectivo de redución da probabilidade de novos contaxios se pode conseguir con esta estratexia.

En particular, o informe refírese á xustificación específica da utilización dos 3 tipos de «pasaportes COVID».

Polo que se refire á vacinación, o certificado COVID de vacinación decidiuse implantar tendo en conta a evidencia científica dispoñible, na cal se describe que o risco de transmisión da COVID-19 entre os vacinados é moito menor ao dos non vacinados, non só porque estes teñen un risco menor de infectarse, senón porque, mesmo no caso de infectarse pola COVID-19, a taxa de ataque secundaria dos casos COVID vacinados foi inferior á taxa de ataque secundaria dos casos COVID non vacinados. Na literatura científica vemos como varios estudos sinalan a importante diminución do risco de contaxio en pacientes correctamente vacinados. Un recente estudo publicado por Mayo Clinic Health System, mostra como a redución de risco de infección foi, no caso de Moderna, un 86 % (IC95: 81-90.6 %) e no de Pfizer, 76 % ( IC95: 69-81 %). Mesmo na variante Delta, máis contaxiosa, o estudo React (Real-time Assessment of Community Transmission findings) realizado con 46.525 participantes, estimou unha importante redución de risco de infección tanto para vacinas baseadas en adenovirus (Astra Zeneca) como de mRNA (Pfizer). Outro estudo realizado en Escocia demostrou tamén como a taxa de ataque secundario dun caso COVID se reduciu nun 30 % cunha soa dose de vacina en ambientes de moi alta transmisibilidade (conviventes), polo que esta redución podería ser mesmo maior en contornos en que existe menor interacción entre persoas que nos domicilios. Segundo un informe do ECDC, a carga viral das persoas contaxiadas da COVID-19 vacinadas é menor que a das contaxiadas non vacinadas, tanto en casos sintomáticos como asintomáticos, o que implica unha redución de tempo e cantidade da excreción de virus entre os vacinados. Isto podería implicar, por tanto, unha redución da transmisión desde os casos vacinados aos seus contactos. Ademais, noutro informe, o ECDC pon de manifesto que as persoas vacinadas teñen un risco reducido de desenvolver COVID, que é moi baixo para as persoas mozas e de mediana idade e baixo para as persoas maiores ou con factores de risco subxacentes. Así mesmo, as persoas non vacinadas reducen significativamente o seu risco de infectarse e desenvolver a COVID-19 no caso de entrar en contacto cun caso COVID se este está vacinado. Neste informe, o ECDC salienta que se pode permitir certa relaxación de medidas non farmacolóxicas cando se pode asegurar que as persoas están correctamente vacinadas, debido a que no caso pouco probable de que unha persoa vacinada se infectase por COVID, os seus contactos non vacinados reducen notablemente o seu risco de desenvolver unha enfermidade grave, coa consecuente redución da saturación do ámbito sanitario e da mortalidade provocada pola COVID. Na matriz de risco que o ECDC establece neste caso, o risco das persoas maiores ou con condicións subxacentes de desenvolver unha enfermidade grave baixa a moderado e, no caso de persoas máis novas sen patoloxías previas, este risco establécese como moi baixo. A vacinación elimina, por tanto, o risco alto e moi alto.

Así mesmo, respecto a ter pasado a enfermidade, o certificado COVID de recuperación establécese de maneira similar ao de vacinación, debido a que nunha revisión da literatura científica realizada polo ECDC se afirmou que as persoas que xa foron diagnosticadas como caso confirmado da COVID-19 reducen dun 81 % a un 100 % a súa probabilidade de reinfección durante un seguimento de 5 a 7 meses. Polo tanto, conclúese que as reinfeccións pola COVID-19 son un evento raro. Ademais, o estudo SIREN, publicado na revista Lancet, con máis de 30.000 participantes, conclúe que a historia previa de infección polo SARS-CoV-2 está asociada a un 84 % menos de risco de contaxiarse novamente, cunha media de 7 meses de duración do efecto protector desde a primoinfección. Tendo en conta isto, o propio ECDC establece que é moi probable que, dado que unha infección previa contra a COVID-19 reduce a reinfección, as infeccións previas tamén reducirán a transmisión a nivel comunitario.

Polo que se refire á acreditación de probas diagnósticas, o informe expresa que a UE establece este certificado coa finalidade de reducir o risco de que unha persoa non vacinada/ recuperada da COVID se encontre contaxiada polo SARS-CoV-2 no momento da viaxe. No caso de Galicia, a finalidade é a mesma, pero establécese para reducir o risco nos interiores de establecementos de lecer nocturno. De igual maneira que a UE aproba o certificado COVID de probas diagnósticas como opción válida para aquelas persoas maiores de 12 anos que non estean vacinadas ou non pasasen a COVID, en Galicia habilítase a dita opción e establécense mecanismos para facilitar a realización das ditas probas.

O informe indica que malia que, efectivamente, as probas diagnósticas só establecen unha foto fixa da situación da persoa cando se realiza a dita proba, a propia UE estableceu un período de validez acordado de maneira consensuada no cal se aceptan como válidas as PCR durante 72 horas e os tests de antíxenos durante 48 horas.

Este período foi establecido deste xeito porque as técnicas diagnósticas aceptadas son altamente sensibles e permiten detectar casos mesmo na fase previa ao comezo de síntomas, cando o aumento da carga viral aínda é o suficientemente baixo como para considerarse unha persoa como pouco transmisible. O informe xustifica que a PCR é capaz de diagnosticar un caso de COVID-19 mesmo 5 días antes do inicio de síntomas. Polo tanto, a PCR pode detectar unha persoa infectada pola COVID-19 ata 3 días antes de que esta persoa poida comezar a transmitir a COVID-19, o cal se establece que comeza 2 días antes do inicio dos síntomas.

Tendo en conta o anteriormente mencionado, o informe expresa que estas probas non exclúen ao 100 % que unha persoa que obtivo un resultado negativo o día previo a acudir a local de lecer nocturno poida estar infectada, pero parece claro, polo anteriormente explicado, que a probabilidade de que esta persoa poida transmitir o virus no momento en que acode ao establecemento é moi baixa. Polo tanto, a realización de probas diagnósticas permite identificar casos asintomáticos e realizar diagnósticos de forma precoz. Deste xeito, a realización das probas diagnósticas permite romper cadeas de transmisión e evitar gromos de magnitude, motivo polo cal esta realización de probas se adopta como medida tamén para o control do persoal sanitario e sociosanitario non vacinado/recuperado, para o cribado de pacientes ingresados ou como medida estratéxica adoptada pola UE para os viaxeiros. Igualmente, permite identificar os contactos estreitos de casos asintomáticos que pasarían desapercibidos, así como reducir a probabilidade de que unha persoa acceda a un establecemento de lecer nocturno sendo positiva, debido a que cada poucos días tería que repetir estas probas se non se vacina. Polo tanto, o cribado repetido destas persoas que continúan acudindo a locais onde non se pode garantir o uso da máscara en todo momento, permite detectar casos entre persoas con maior risco de padeceren COVID ou de padecela de maneira máis grave por non estar vacinadas/recuperadas da COVID-19.

O informe recalca tamén que só se permite acreditar o certificado de probas negativas con probas cunha alta sensibilidade diagnóstica (gt;90 %) e que o tempo que se autoriza para a validez das PCR é maior debido a que é a técnica máis sensible de que se dispón actualmente.

En definitiva, estas medidas teñen en común o obxectivo de reducir a probabilidade de que unha persoa infectada entre en contacto con outras persoas non infectadas e non protexidas e, polo tanto, poida transmitirlles a infección.

Para ponderar a proporcionalidade da medida, cómpre ter en conta que vai acompañada dun grande esforzo da Administración sanitaria tanto no campo da vacinación como no da expedición de certificados e no aumento da dispoñibilidade de probas para a detección do virus SARS-CoV-2, favorecendo unha maior accesibilidade ás probas da COVID-19. Así, débese destacar que neste momento todas as persoas que quixeron vacinarse tiveron a oportunidade de facelo. Respecto das persoas que optan libremente por non vacinarse, a medida de prevención consistente na exixencia do certificado para o acceso aos establecementos de lecer nocturno non os forza a iso, xa que se trata de establecementos onde non se prestan servizos esenciais para a vida social, ademais de que sempre teñen a opción de acudir a establecementos do nivel 1c, onde non se exixe esta medida, ou de realizar unha proba PCR ou de antíxenos, de fácil acceso na actualidade.

VII

Nesta orde establécese unha regulación ampla da medida de seguridade sanitaria consistente na exixencia dos certificados e acláranse determinados aspectos que suscitaron dúbidas.

Así, ante as dúbidas xurdidas no sector ou nos usuarios, a regulación que se establece aclara expresamente que os requisitos establecidos se considerarán, para os efectos do establecido no número 1 do artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, como condicións de seguridade sanitaria para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, polo que, de acordo co número 2 do artigo 23 desta lei, as persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal terán a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria.

Co obxecto de insistir na máxima garantía da intimidade das persoas, exprésase que a exhibición da información a que se refire este só poderá ser solicitada no momento de acceso e que non se poderán conservar os datos persoais ou crear ficheiros con eles; establécese que en ningún caso se realizarán operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, o rexistro, a organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

Con esta mesma finalidade recórdase que, en todo caso, as persoas titulares dos establecementos ou o persoal que realice o control de acceso están obrigados a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que accedan, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

Por último, regúlanse cuestións relativas á información aos clientes e prevese expresamente que a posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquietudes asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter 2.a) da Lei 8/2001.

Débese lembrar que, en todo caso, o empeño da Administración autonómica é garantir o libre exercicio das actividades económicas concernidas, compatibilizándoo coa maior seguridade sanitaria posible. Así mesmo, cabe lembrar que a exixencia deste certificado permite o exercicio da actividade de lecer nocturno en condicións de capacidade máxima e horario máis amplas que as actualmente vixentes. Por iso, enténdese que a exixencia de certificados é, en todo caso, unha medida alternativa que compensa a ampliación indicada e, polo tanto, menos gravosa que a prohibición da ampliación destas actividades.

VIII

Por último, en relación co ata o de agora exposto, cabe destacar que a regulación que se aproba respecto da exixencia de exhibición de certificados, nas condicións en que se efectúa nesta orde, cumpre os requisitos establecidos polo Tribunal Supremo para as medidas sanitarias que afectan dereitos fundamentais, tendo en conta tanto a ponderación efectuada entre os dereitos fundamentais que o Tribunal Supremo considera que se poden ver afectados na sentenza antes citada, dereitos que, atendendo ao carácter tenue ou livián desa afectación, non se poden considerar prevalentes cos dereitos fundamentais e bens constitucionalmente protexidos, que amparan a implantación da medida examinada.

Así, cabe recordar que a Sentenza expresada do Tribunal Supremo avala no caso considerado e, en particular, para o lecer nocturno, a procedencia da medida partindo da confrontación da «tenue limitación que podería ter a medida examinada sobre os dereitos fundamentais á igualdade (artigo 14), e á intimidade (artigo 18.1), co dereito fundamental á vida (artigo 15), coa protección da saúde (artigo 43) en situacións de pandemia como a COVID-19, e co interese xeral de todos de sobrevivir nestas gravísimas circunstancias».

En particular, e como xa expresamos, o Tribunal Supremo pondera as características dos establecementos «nos cales se produce unha grande afluencia de persoas, tales como os de lecer nocturno», o carácter voluntario da entrada, a non realización de actividades esenciais, aos cales se teña a obrigación de acudir, así como o incremento de risco de contaxio en locais pechados e mal ventilados.

Así mesmo, o Tribunal Supremo entende que «a exhibición da documentación sinalada non vulnera o dereito á igualdade, pois non se produce discriminación entre aqueles que están vacinados e os que non o están. Lembremos que a documentación reviste unha tripla modalidade, que resulta acadable a todos, de modo que quen non quere mostrar se foi ou non vacinado tendo en conta o seu carácter voluntario, pode presentar o resultado da proba PDIA ou o test de antíxenos e, desde logo, o certificado de recuperación da COVID-19 se pasou a infección».

En definitiva, para o Tribunal Supremo «concorre unha xustificación obxectiva e razoable para permitir ou non o acceso ao correspondente establecemento, segundo se cumpra tal exixencia, pois trátase da protección da saúde e da vida das persoas, mediante unha medida que evita ou restrinxe a propagación da pandemia. Tendo en conta que tales diferenzas de trato para seren discriminatorias deben carecer desa xustificación obxectiva e razoable, de acordo con criterios xurídicos atendibles, ao basearse en razóns que resulten xuridicamente relevantes, como é o caso cando as situacións comparables non resultan homoxéneas polos seus graves efectos con respecto á salvagarda do dereito á vida, á integridade física e á protección da saúde».

Respecto da intimidade, o Tribunal Supremo indica que «non parece que se poida esgrimir a prevalencia deste dereito fronte ao dereito á vida e á protección da saúde pública, tendo en conta que a información sobre se se recibiu a vacina ou non, en momentos nos cales se atravesa unha pandemia, é unha peza básica e esencial para impedir a propagación da infección polo SARS-CoV-2 e, polo tanto, da preservación da vida e da saúde de todos. É certo que se trata dunha información médica, pero as connotacións que impón a situación de pandemia, o carácter masivo da vacinación e a solidariedade que comporta a protección e axuda entre todos, devalúa a preeminencia da intimidade neste caso».

En particular, o Tribunal Supremo descartou a existencia de ningunha limitación ao dereito á protección de datos, ao considerarse na regulación a mera exhibición dos certificados.

A regulación desta medida de prevención tamén se axusta ao xuízo de proporcionalidade, que inclúe o xuízo de idoneidade, necesidade e proporcionalidade estrita, de acordo co estándar establecido polo Tribunal Supremo na súa sentenza.

Neste sentido, ademais do xa indicado respecto da proporcionalidade, no sentido de que se considera que a afectación aos dereitos fundamentais é tenue, ou mesmo discutible, como expresa o Tribunal Supremo, respecto da idoneidade e necesidade da medida, a sentenza expresa: «En relación coa súa idoneidade e necesidade, é certo que cando xorde un grave e inminente perigo para a vida das persoas e a protección da saúde pública, calquera actuación da Administración debe axustarse, ante todo, aos criterios médicos e epidemiolóxicos que resulten acordes co estado da ciencia en cada momento, e que constitúan o medio exacto, cabal e apto para acadar a finalidade proposta, sen que exista nese momento unha alternativa mellor. De modo que as medidas forzosamente deben ser cambiantes, constantemente adaptadas á evolución da pandemia e aos consecuentes criterios científicos. E sabido é que a vacina non é un medio para curar a enfermidade pero, como antes sinalamos e agora insistimos, si é unha acción de carácter preventivo que evita ou tempera considerablemente a propagación da pandemia, supón un innegable beneficio para a saúde de todos porque diminúe os contaxios e as mortes, e impide o colapso hospitalario que pode carrexar a consecuente desatención doutras enfermidades alleas á COVID-19».

O Tribunal Supremo, en particular, pon en relación a idoneidade da medida coas «características propias dos establecementos en que se exixe», como xa nos referimos anteriormente, lugares que «non permiten o uso constante e permanente da máscara», nos cales «resulta difícil manter neles a distancia de seguridade» e se adoita «conversar cun ton de voz máis alto».

Así, a sentenza considera que o contido dos informes achegados por esta administración «pon de manifesto, con abundancia de datos científicos respecto diso e mediante a identificación das fontes das súas aseveracións, que a única medida eficaz posible, para proceder á apertura dos locais de lecer, que proporcione un alto nivel de protección para a saúde pública, é a implantación do denominado pasaporte COVID, pois só ela pode diminuír considerablemente o risco de contaxio nos devanditos establecementos».

A sentenza, respecto desta cuestión, destaca tamén que «non é preciso, desde logo, que a medida que se postula impida de modo absoluto calquera tipo de contaxio, é dicir, que resulte infalible, pois non existe no estado actual da ciencia ese risco cero. Pero para a determinación da idoneidade e necesidade da medida é bastante que esta resulte eficaz, apropiada e proporcionada, para acadar a finalidade de protección da vida e a saúde que resulte compatible coa realización da actividade. O beneficio que proporciona a medida, respecto da redución significativa dos contaxios, é moi superior ao sacrificio que comporta a exixencia de presentar a documentación para o acceso ao local. En definitiva, non se observa ningunha medida que resulte máis adecuada para salvagardar a vida e a saúde dos cidadáns nese tipo de locais».

O Tribunal Supremo recoñece que «desde logo, a medida máis segura é o peche dos establecementos. Sucede, con todo, que esta medida de peche, tendo en conta a evolución da pandemia en relación coas consideracións epidemiolóxicas no estado actual da ciencia e as severas restricións xa pasadas, podería facer que o lecer nocturno derive en concentracións na vía pública, o que supoñería un grave risco para a saúde pública de todos, ademais dos custos económicos e laborais nos sectores afectados».

O Tribunal Supremo valorou tamén na súa sentenza que, «ademais, a medida que se postula non se implanta de forma indiscriminada en todo o territorio da Comunidade Autónoma, facendo táboa rasa da diferente incidencia da pandemia sobre as diferentes zonas do territorio. Ao contrario, a Orde establece unha sorte de mapa que gradúa a incidencia da pandemia en cada lugar. Fíxanse para o efecto diversos niveis de restrición, segundo a gravidade da incidencia da COVID-19 nos diferentes municipios. E en cada un dos catro niveis de restrición previstos: máximo, alto, medio e baixo, inclúense e relaciónanse, segundo o anexo da orde, os diferentes municipios galegos que se encontran en cada nivel».

Respecto desta cuestión cómpre aclarar que, sen dúbida, a situación epidemiolóxica actual non resulta ser a mesma que a considerada na Orde do 13 de agosto sometida no seu día a autorización, o que debe determinar tamén un lóxico cambio na ponderación que efectúa a autoridade sanitaria nesta orde e no plan que se aproba. Así, neste momento, como xa indicamos, todos os concellos galegos se encontran en nivel de restricións medio ou medio-baixo, o que se corresponde coa previsión efectuada na Orde do 13 de agosto sometida a autorización respecto da exixencia da exhibición do certificado nos establecementos de lecer nocturno situados neses niveis de restrición, que é a situación considerada e avalada pola sentenza do Tribunal Supremo, pois nese momento, como explica a sentenza, estaba pechado o interior dos establecementos de lecer nocturno situados non niveis alto e máximo de restricións.

Como xa explicamos anteriormente, atendida a situación epidemiolóxica actual, o novo plan pretende outorgar maior estabilidade á actividade, polo que as medidas aplicables dependen das medidas de seguridade sanitaria específicas adoptadas, en relación coas capacidades e co horario autorizados en cada caso, incluída a exixencia da exhibición dos certificados no nivel 2c, máis que do nivel xeral de restrición establecido con carácter xeral no concello, para evitar peches ou reaperturas automáticos, sen prexuízo da activación do nivel de seguridade, e consecuente peche de interiores, cando a situación epidemiolóxica o exixa, o que determina un sistema máis adaptado a este sector e con máis matices que inciden na idea de proporcionalidade, afastada de automatismos.

Polo tanto, a medida non se implanta, en palabras do Tribunal Supremo, «de forma indiscriminada en todo o territorio da Comunidade Autónoma, facendo táboa rasa da diferente incidencia da pandemia sobre as diferentes zonas do territorio», senón que, polo contrario, valora a existencia no momento actual, na práctica, dunha incidencia moi homoxénea da pandemia en todo o territorio da Comunidade Autónoma, inexistente daquela, o que determina as opcións adoptadas no novo plan e, en consecuencia, xustifica a proporcionalidade da decisión de exixir a exhibición dos certificados no nivel 2c, ao preverse unha ampliación neste nivel de capacidades máximas e horarios por riba das previstas nas medidas actualmente en vigor, o que determina un incremento do risco que debe ser compensado con esta medida, pois doutro modo non se permitirían neste momento. Incide tamén na idea de proporcionalidade o feito de que non se prevé a exixencia do certificado no nivel 1c, nivel de partida, no cal se aplican as exixencias de capacidade máxima interior e horario establecidas neste momento polas medidas en vigor.

En particular, o novo plan non se desvincula da situación epidemiolóxica actual e da súa evolución, senón que, precisamente, a considera e prevé un nivel de seguridade que se poderá activar, mediante decisión xustificada e motivada, cando a situación epidemiolóxica o determine.

Por último, como exixe o Tribunal Supremo, a medida reviste tamén un carácter temporal, segundo os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible en cada momento». Así, recóllese expresamente este carácter temporal e establécese que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Como expresa o Tribunal Supremo, «como é natural, as medidas deben adecuarse, como sinalamos, á realidade necesariamente cambiante, atendida a evolución da enfermidade e o estado da ciencia en cada momento, e deben mediar a adecuada correspondencia e a necesaria vinculación entre a realidade sobre a cal se actúa, a finalidade que se persegue e o medio adecuado para a súa consecución».

Co obxecto de reforzar a idea de temporalidade e adecuación establécese, respecto da medida de exixencia de exhibición de certificados, unha eficacia inicial ata o día 23 de outubro, contado desde o día da publicación desta orde, unha vez autorizada xudicialmente, e sen prexuízo da posible revisión da medida e, de ser o caso, da súa prórroga (se se conta nese momento coa necesaria autorización xudicial). Isto é, aínda que se pretende para o novo plan de lecer nocturno unha estabilidade e duración maior, sempre de acordo coa situación epidemiolóxica, débese establecer unha duración adecuada e limitada no tempo da medida da exixencia da exhibición de certificados, pola súa afectación, aínda que tenue, aos dereitos fundamentais, sen prexuízo da súa posible prórroga.

Polo tanto, tendo en conta todo o exposto, considérase que a medida resulta xustificada respecto da súa idoneidade, necesidade e proporcionalidade, nos termos recollidos na sentenza do Tribunal Supremo.

IX

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

En particular, o artigo 34 da Lei de saúde de Galicia, relativo ás «intervencións públicas sobre actividades, centros e bens», expresa:

«As intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde son: (…) 6. Establecer, controlar e inspeccionar as condicións hixiénico-sanitarias, de funcionamento e desenvolvemento de actividades que poidan ter repercusión sobre a saúde das persoas».

Así mesmo, o artigo 38.1, «Medidas preventivas en materia de saúde pública» (redactado pola Lei 8/2021), establece:

«1. Co obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas e locais, dentro do ámbito das súas competencias, poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir:

(…) g) En medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades».

Do mesmo xeito, tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, dado que permite o establecemento por parte das autoridades sanitarias dunha obrigación de «subministración de datos» necesarios para o control e a contención de riscos para a saúde pública.

Ademais do indicado, os requisitos establecidos consideraranse, para os efectos do establecido no número 1 do artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, como condicións de seguridade sanitaria para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, polo que, de acordo co número 2 do artigo 23 desta lei, as persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal terán a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria, polo que non se permitirá o acceso das persoas que non exhiban a documentación requirida, que será necesaria para o acceso e a prestación dos correspondentes servizos ao cliente.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto e natureza

1. Esta orde ten por obxecto aprobar, coa natureza de medidas preventivas, de acordo co disposto no artigo 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia que se incorpora como anexo.

2. A aplicación das medidas previstas no citado plan non poderá supor a exclusión da eficacia nin a exención do cumprimento doutras medidas preventivas que, en función da evolución epidemiolóxica, resulten necesarias en ámbitos territoriais ou sectores concretos.

Segundo. Principios de actuación

1. A Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia sanitaria, continuará desenvolvendo o novo Plan de lecer nocturno, baseado nas seguintes liñas fundamentais:

a) Corresponsabilidade dos operadores económicos na aplicación, cumprimento e seguimento do plan e na colaboración no establecemento de medidas e instrumentos que contribúan ao control e seguimento de posibles gromos, incluída a rastrexabilidade dos posibles contactos, co obxecto de garantir unha actividade nas adecuadas condicións de seguridade.

b) Definición de criterios claros e precisos para a organización e utilización de espazos, condicións de adecuada ventilación que velen pola calidade do aire interior e determinación de ocupación para efectos da aplicación das medidas sanitarias de prevención.

c) Colaboración coas entidades representativas do sector para o estudo, deseño e implementación das medidas de prevención aplicables, incluída a promoción da existencia de mecanismos de autocontrol e auditoría de cumprimento.

d) Xeración de confianza nos usuarios, así como información e concienciación deles sobre as medidas de prevención e o seu necesario cumprimento.

e) Establecemento dun plan de control e inspección autonómico e a adecuada colaboración coas entidades locais nas súas competencias de control e inspección, especialmente con aquelas de menor tamaño e medios.

f) Colaboración das forzas e corpos de seguridade no control e inspección.

2. As entidades locais participarán na aplicación e no cumprimento do novo Plan de lecer nocturno mediante o exercicio das súas competencias de control sanitario establecidas na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, tendo en conta a súa consideración de plan sanitario para os efectos do previsto no artigo 80 da indicada lei.

Terceiro. Medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos establecementos de lecer nocturno aos cales se lles aplique o nivel 2c previsto no número 4.2 do anexo

1. A medida preventiva de seguridade sanitaria consistente na exhibición de documentación que acredite o cumprimento de determinados requisitos para o acceso aos establecementos de lecer nocturno aos cales se lles aplique o nivel 2c previsto no número 4.2 do anexo, prevista no número 2 deste punto, con fundamento na protección da saúde pública, ao abeiro do establecido nas letras g) e k) do número 1 do artigo 38.1 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, rexerase pola regulación establecida neste punto.

Non será necesaria a exhibición de documentación para a prestación do servizo en terrazas situadas no exterior, cando para o acceso a elas non sexa precisa a circulación polo interior do local.

En particular, esta medida de seguridade sanitaria adóptase como condición para permitir a ampliación de capacidades máximas e horarios no nivel 2c previsto no número 4.2 do anexo, atendida a situación epidemiolóxica actual, constituíndo, deste xeito, unha medida alternativa menos gravosa para a consecución do fin proposto de saúde pública con igual eficacia que impedir as indicadas ampliacións.

2. No suposto indicado no punto anterior, para o acceso aos locais requirirase a presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas no caso das PCR e 48 horas no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso, a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

3. A medida adoptarase con carácter temporal, atendidos os principios científicos, as probas científicas e a información dispoñible neste momento, buscando asegurar un nivel elevado de protección da cidadanía, de acordo co establecido no artigo 38.ter da Lei 8/2008, do 10 de xullo.

A medida poderá ser revisada unha vez atendidas as probas e a información científica existentes en cada momento.

4. Ademais do establecido no número 1, os requisitos establecidos para o acceso consideraranse, para os efectos do establecido no número 1 do artigo 7 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, como condicións de seguridade sanitaria para garantir os dereitos do público asistente e de terceiras persoas afectadas, polo que, de acordo co número 2 do artigo 23 desta lei, as persoas titulares dos establecementos ou o seu persoal terán a obrigación de realizar o control do cumprimento da medida de seguridade sanitaria, polo que non se permitirá o acceso das persoas que non exhiban a documentación requirida, que será necesaria para o acceso e a prestación dos correspondentes servizos ao cliente.

5. Co obxecto de procurar a máxima garantía da privacidade e intimidade das persoas, a exhibición da información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada polas persoas titulares dos establecementos ou polo seu persoal no momento do acceso e para os efectos da súa mera comprobación ou verificación, unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles. Polo tanto, non se realizarán en ningún caso operacións de tratamento sobre datos persoais, xa sexa por procedementos automatizados ou non, como a recollida, rexistro, organización, estruturación, conservación, adaptación ou modificación, extracción, consulta, utilización, comunicación por transmisión, difusión ou calquera outra forma de habilitación de acceso ou outra operación non permitida pola normativa vixente.

6. En todo caso, as persoas titulares dos establecementos ou o persoal que realice o control de acceso están obrigados a manter o segredo e a confidencialidade sobre os datos persoais a que accedan, de acordo co establecido no número 4 do artigo 7 da Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, así como ao cumprimento do indicado no punto anterior.

7. Os clientes serán informados, tanto verbalmente como a través de cartelaría visible localizada na entrada do establecemento, de acordo cos modelos que determine a Consellería de Sanidade, das medidas aplicables e do seu contido, sobre o seu carácter necesario para o acceso, así como da non conservación dos datos persoais, a súa non integración en calquera tipo de ficheiros e a inexistencia de calquera tratamento ulterior, co fin de facilitar o coñecemento da dita información por parte do cliente.

8. A posta en funcionamento da medida e o seu control respectarán, en todo caso, a dignidade da persoa. As actuacións de comprobación serán o menos intrusivas e invasivas que sexa posible para lograr o obxectivo de protección da saúde pública, procurando reducir ao mínimo as molestias ou inquietudes asociadas coa medida, de acordo co disposto no artigo 38.ter 2.a) da Lei 8/2001».

Cuarto. Seguimento e inspección

1. A implantación do novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia comportará, como un dos elementos fundamentais, o establecemento dun plan de control e inspección autonómico e o desenvolvemento de actuacións de control e inspección municipais.

A Administración autonómica velará pola adecuada colaboración coas entidades locais, especialmente con aquelas de menor tamaño e medios.

Para estes efectos, o Plan de control e inspección autonómico atenderá a estas circunstancias na priorización das actuacións inspectoras que se desenvolvan.

Así mesmo, o novo Plan de lecer nocturno baséase na colaboración das forzas e corpos de seguridade no seu control e inspección, impulsando a coordinación entre os distintos corpos existentes que garantan a efectividade da implantación das medidas acordadas.

2. As actuacións de inspección de control municipais deberanse axustar ao novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia e aos estándares mínimos que definan as autoridades sanitarias autonómicas.

As actuacións de inspección municipais deberanse adaptar ao tamaño do concello e aos seus recursos e poderán prever a colaboración das forzas e corpos de seguridade na súa execución, de acordo cos protocolos que se deseñen con estas.

As autoridades sanitarias locais, de conformidade co establecido na Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, poderán encomendar o exercicio de funcións de inspección de saúde pública para o desenvolvemento das súas actuacións de inspección e control, en caso de insuficiencia de medios, a outros corpos de funcionarios dependentes delas.

Para o desenvolvemento das súas competencias de control sanitario, os concellos poderán solicitar o apoio técnico do persoal e os medios das autoridades sanitarias autonómicas, de acordo cos protocolos que se establezan no Plan de control e inspección autonómico, de conformidade co establecido no artigo 80.6 da Lei 8/2008, de saúde de Galicia.

3. Dentro das súas respectivas competencias, os concellos colaborarán nas actuacións de inspección e control do cumprimento das medidas de prevención establecidas.

4. O obxecto das actuacións de inspección e control previstas no punto anterior será, como mínimo, o control e a comprobación do cumprimento, por parte do establecemento, das seguintes medidas:

a) Que, de conformidade coa Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, así como co establecido nas medidas de prevención sanitarias previstas nesta orde, teñen exposta, no exterior do local, a capacidade máxima permitida, nun lugar facilmente visible tanto para clientes como para os órganos inspectores, de acordo cos modelos de cartelaría postos á súa disposición polas autoridades sanitarias.

b) Que se cumpre a porcentaxe máxima de capacidade establecida especificamente en cada momento durante a situación da pandemia, así como as regras que estean en vigor, de ser o caso, en canto á prohibición de uso de barras e ocupación máxima das mesas.

c) Que a apertura e o peche do establecemento están dentro do horario establecido.

d) Que os clientes e empregados do local cumpren coas medidas de seguridade interpersoal en canto ás distancias e ao uso das máscaras.

e) Que se cumpren as medidas en materia de ventilación segundo os niveis recollidos no Plan de lecer nocturno.

5. A autoridade sanitaria autonómica poderá solicitar aos concellos información sobre as actuacións de control e inspección realizadas e as denuncias levantadas, e determinará a periodicidade desta información. Así mesmo, a actuación realizada polas forzas e corpos de seguridade será obxecto de avaliación dentro dos órganos de coordinación e colaboración policial xa constituídos, nos cales se dará conta dos incumprimentos observados das medidas de prevención establecidas.

6. En particular, entenderase que existe un risco grave ou perigo inminente para as persoas naqueles casos en que se desenvolva a actividade de forma que se incumpran de forma grave as medidas de prevención establecidas polas autoridades sanitarias para evitar a COVID-19, dada a súa condición de enfermidade transmisible e o risco grave e inmediato que representa para a saúde.

De acordo co indicado, no suposto de incumprimento das medidas de prevención, os axentes dos corpos e forzas de seguridade poderán adoptar de forma directa, logo de requirimento ás persoas responsables do local e no caso de que este non for atendido, as seguintes medidas, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, e co cumprimento dos requisitos que estas normas establecen:

a) A suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e o precinto dos establecementos abertos ao público.

b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, en atención ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e dos bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción en atención aos bens e dereitos obxecto de protección.

7. Para os efectos do establecido no número anterior, entenderase que concorre un perigo grave e inminente para as persoas nos casos de incumprimento das seguintes medidas de prevención:

a) Incumprimento xeneralizado no establecemento ou na actividade das distancias de seguridade interpersoal, xa sexa por unha deficiente organización dos espazos, xa polo incumprimento da organización existente.

b) Incumprimento da obrigación do uso adecuado das máscaras por parte do persoal, clientes ou público asistente, cando non sexa meramente singular, puntual ou episódico.

c) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de persoas con sintomatoloxía compatible co COVID-19.

d) Presenza no establecemento ou espazo aberto ao público de traballadores ou público asistente sometidos a obrigas de illamento ou corentena.

e) Incumprimento grave das medidas de limpeza e desinfección.

f) Incumprimento das medidas relativas á capacidade máxima dos establecementos ou espazos.

g) Existencia de aglomeracións de persoas no interior ou no exterior dos establecementos ou espazos.

h) Incumprimento das medidas relativas a agrupacións máximas de persoas nas mesas ou agrupacións de mesas.

i) Non adopción das medidas requiridas para o cumprimento do límite de concentración de CO2 nos interiores dos locais, establecido no novo Plan de lecer nocturno.

Quinto. Perda de efectos da regulación transitoria e provisional establecida nos puntos quinto e sexto da Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional

Déixase sen efecto a regulación transitoria e provisional prevista nos puntos quinto e sexto da Orde do 20 de agosto de 2021 pola que se prorroga e se modifica a Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, e se mantén a suspensión da exixencia da exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos prevista nela e na Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e se substitúe por unha regulación transitoria e provisional.

Sexto. Modificación da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia

Un. Modificase a epígrafe III.2.7 do punto 4.1 do anexo I da Orde do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactada como segue:

«III.2.7. Establecementos de lecer e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés-espectáculo.

Os establecementos de lecer nocturno, tales como discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores, axustaranse ao establecido pola Orde do 29 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a ocupación máxima será de 8 persoas no interior e 15 persoas na terraza, por mesa ou agrupación de mesas».

Sétimo. Derrogación da Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID- 19

Derrógase a Orde do 1 de xullo de 2021 pola que se aproba o Protocolo para a reactivación do lecer nocturno no marco da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

Oitavo. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitarase a autorización xudicial das medidas consistentes na exhibición de documentación para o acceso a determinados establecementos, previstas no punto terceiro desta orde, en canto poden implicar limitación ou restrición de dereitos fundamentais, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e publicarase a orde unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e ata as 00.00 horas do día 23 de outubro. Non obstante, establécese un prazo de dous meses desde a súa publicación para o cumprimento da obriga de asegurar que a totalidade do persoal traballador dos establecementos de lecer nocturno teña a formación requirida segundo o establecido no punto 6 do anexo desta orde.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

1. Obxectivos.

1. O Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia ten como obxectivos:

a) Proporcionar un marco de estabilidade das condicións de apertura nos establecementos do sector de lecer nocturno.

b) Recoller as medidas sanitarias comúns de aplicación en todos os establecementos de lecer nocturno por mor da pandemia de SARS-CoV-2.

c) Establecer as medidas sanitarias de aplicación para garantir un nivel maior de compromiso e obter beneficios adicionais de capacidade máxima e horario nestes establecementos.

2. Esta nova estratexia responde á situación actual do avanzado estado da vacinación na nosa comunidade. Por outra banda, a ocupación da hospitalización convencional e das unidades de coidados críticos e a porcentaxe de pacientes COVID nos servizos de urxencias tamén permiten o desenvolvemento deste novo plan.

Polo tanto, este plan sempre estará condicionado á evolución da situación asistencial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como aos parámetros epidemiolóxicos que poidan repercutir na capacidade asistencial do sistema sanitario. Deste xeito, será obxecto de seguimento e de avaliación continua por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, co asesoramento do Comité Clínico, para propor os cambios e as medidas oportunas.

2. Ámbito de aplicación.

1. O Plan de lecer nocturno da Comunidade Autónoma de Galicia será de aplicación aos establecementos de lecer nocturno. Entenderase por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido neste plan, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores.

3. Regras comúns para todos os establecementos de lecer nocturno:

3.1. Obrigas xerais.

1. Todos os cidadáns deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a xeración de riscos de propagación da enfermidade COVID-19, así como a propia exposición aos ditos riscos. Este deber de cautela e protección será igualmente exixible aos titulares de calquera actividade.

2. Así mesmo, deberanse respectar as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19.

3.2. Capacidade máxima.

3.2.1. Control de acceso.

1. Cada establecemento será responsable das capacidades máximas que declare, así como de controlar en todo momento que as porcentaxes máximas de uso sexan respectadas, polo que se deberán establecer procedementos que permitan o reconto e control da capacidade máxima permitida en cada momento, de forma que esta non sexa superada.

Na entrada e na saída dos asistentes débense establecer os mecanismos necesarios para impedir as aglomeracións de persoas e respectar as distancias de seguridade.

Esta información poderá ser auditada polos distintos mecanismos de control e auditoría establecidos, para os efectos de seguir o seu correcto cumprimento. Para tal efecto, a persoa responsable do establecemento deberá dispor, en soporte físico, da documentación acreditativa das superficies utilizadas para os cálculos das capacidades.

3.2.2. Capacidade.

Os establecementos deberán declarar e manter accesible ao público e á autoridade sanitaria a súa capacidade máxima, interior e exterior, da forma que se determina neste plan.

Para tal efecto, a persoa responsable do establecemento deberá dispor, en soporte físico, da documentación acreditativa das superficies utilizadas para os cálculos das capacidades, da forma descrita nos puntos seguintes:

a) A distribución dos clientes será homoxénea entre diferentes estancias e andares se existen, respectando, ademais, os límites nas agrupacións de persoas e a distancia de seguridade.

b) Para a determinación da capacidade interior do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie destinada aos usuarios, en metros cadrados, excluídos deste cómputo os metros correspondentes aos aseos, á barra e zona interior da barra, almacéns, gardarroupas, cociñas e outras superficies onde non pode acceder o cliente.

c) Nos casos en que se dispoña de varias estancias, a superficie das que permanezan sen uso non computarán para os efectos do cálculo da capacidade interior do establecemento.

d) Á capacidade interior de persoas aplicaráselle a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria.

e) Para a determinación da capacidade exterior do establecemento, a persoa responsable deberá computar a superficie de terraza establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal.

f) Á capacidade exterior de persoas aplicarase a porcentaxe máxima de uso que estableza en cada momento a autoridade sanitaria.

g) Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo exterior ao local non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos. O consumo nas terrazas deberase realizar sentado e facendo uso das mesas dispoñibles. En todo caso, deberase asegurar que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, se é o caso, agrupacións de mesas.

h) Non se permite o consumo na barra, aínda que si o servizo aos clientes a través dela, respectando as distancias de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións.

i) A ocupación máxima para o uso dos aseos será dunha persoa para espazos de ata 4 metros cadrados, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia.Nese caso, tamén se permitirá a utilización por parte do seu acompañante. Para aseos de máis de catro metros cadrados que conten con máis dunha cabina ou urinario, a ocupación máxima será do 50 % do número de cabinas e urinarios que teña a estancia, e deberase manter durante o seu uso a distancia de seguridade interpersoal. Deberanse establecer sistemas para controlar a afluencia dos clientes a esa zona.

3.2.3. Información para as persoas usuarias.

1. A apertura ao público do establecemento implicará a obriga de dispor nun lugar visible do acceso, preferentemente na porta de entrada, dun cartel que sexa de doada lectura, no cal conste a información sobre as capacidades máximas permitidas no establecemento.

a) Interior:

– Capacidade máxima interior permitida en condicións normais.

– Porcentaxe máxima de uso interior establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

– Capacidade máxima interior permitida en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

ii) Exterior:

– Capacidade máxima exterior permitida en condicións normais.

– Porcentaxe máxima de uso exterior establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

– Capacidade máxima exterior permitida en función da aplicación da porcentaxe máxima de uso establecida pola autoridade sanitaria no nivel declarado.

2. A persoa responsable do establecemento deberá actualizar esta información cada vez que se produza un cambio no nivel declarado, tanto na capacidade interior coma na exterior.

3. Para os efectos do establecido neste punto, deberanse utilizar os modelos de cartel en función do nivel do establecemento postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria-segura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

3.2.4. Regras básicas sobre disposición do mobiliario.

1. A persoa titular do establecemento deberá adoptar as medidas organizativas que resulten necesarias para que a distribución e agrupación de mesas permita que se respecte a distancia de seguridade interpersoal entre cada mesa ou agrupación de mesas coas restantes.

2. A colocación será homoxénea entre os espazos dispoñibles para o consumo, evitando a súa concentración en espazos concretos, especialmente naqueles establecementos que dispoñen de varias salas.

3. O tamaño das mesas será acorde co número de persoas que as ocupen.

3.2.5. Consumo en barra.

Non está permitido o consumo na barra aínda que se poderá servir aos clientes a través dela, respectando as distancias de seguridade e impedindo a formación de aglomeracións.

3.2.6. Consumo de pé.

Permítese o consumo de pé, fóra das zonas de baile, sempre que se respecte a capacidade máxima do establecemento. Para estes efectos, os clientes deberán respectar no momento de retirada da máscara para o consumo a distancia interpersoal de seguridade entre persoas non conviventes.

3.3. Uso de máscara.

1. Será obrigatorio o uso da máscara, salvo nas disposicións recollidas na normativa aplicable en materia de uso da máscara.

2. O persoal do establecemento debe levala en todo momento e débese reforzar o cumprimento dos clientes instando a que as manteñan postas sempre e só as quiten no momento de consumiren alimentos e bebidas.

3. Deberase dar un uso adecuado á máscara, é dicir, esta deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo incluído, estar perfectamente axustadas e usarse segundo instrucións de renovación, reutilización, etc. indicadas polo fabricante. Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria.

3.4. Distancia de seguridade.

1. A persoa titular do establecemento adoptará as medidas organizativas que resulten necesarias para que clientes e traballadores poidan manter, con carácter xeral, a distancia de seguridade recomendada. En particular, adoptaranse medidas organizativas para posibilitar que, no momento en que se estea circulando polo local, se poidan cumprir, con carácter xeral, as distancias de seguridade interpersoal recomendadas.

2. Nos establecementos que ofrezan espectáculos musicais ou de animación, establecerase un espazo de seguridade entre o escenario e o público de, polo menos, 3 metros. Así mesmo, as medidas do escenario determinarán o número de membros máximo que pode conformar o grupo artístico, tendo en conta as recomendacións de manter as distancias de seguridade. Ademais, no caso de espectáculos musicais serán de aplicación as medidas de prevención específicas para a actuación e os ensaios de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais.

3.5. Medidas de hixiene, limpeza e desinfección.

1. O titular da actividade ou, de ser o caso, o responsable do establecemento deberá asegurar que se adoptan as medidas de limpeza e desinfección adecuadas ás características e á intensidade de uso dos locais e espazos.

2. Antes de cada sesión, deberase proceder á limpeza e desinfección do local, así como do equipamento, en particular, mesas, cadeiras, barra e calquera outra superficie de contacto, así como de forma frecuente (recomendable entre cliente e cliente).

3. Nas tarefas de limpeza prestarase especial atención ás zonas de uso común e ás superficies de contacto máis frecuentes, como pomos de portas, mesas, mobles, pasamáns, chans, teléfonos, perchas e outros elementos de similares características, de conformidade coas seguintes regras:

a) Utilizaranse desinfectantes como dilucións de lixivia (1:50) recentemente preparada ou calquera dos desinfectantes con actividade viricida que se atopan no mercado e debidamente autorizados e rexistrados. No uso dese produto respectaranse as indicacións da etiqueta.

b) Tras cada limpeza, os materiais empregados e os equipamentos de protección utilizados desbotaranse de xeito seguro, e procederase posteriormente ao lavado das mans.

4. As medidas de limpeza estenderanse tamén, de ser o caso, a zonas privadas dos traballadores, tales como vestiarios, armarios, aseos e áreas de descanso.

5. Cando existan postos de traballo compartidos por máis dun traballador, estableceranse os mecanismos e procesos oportunos para garantir a hixienización destes postos.

6. Procurarase que os equipamentos ou ferramentas empregados sexan persoais e intransferibles, ou que as partes en contacto directo co corpo da persoa dispoñan de elementos substituíbles. No caso daqueles equipamentos que deban ser manipulados por diferente persoal, procurarase a dispoñibilidade de materiais de protección ou o uso de forma recorrente de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con carácter previo e posterior ao seu uso.

7. Deberanse reforzar a limpeza e a desinfección dos aseos, vestiarios, camerinos, probadores ou similares de clientes, visitantes ou usuarios, garantindo sempre o seu estado de salubridade e hixiene.

8. Disporase de papeleiras para depositar panos e calquera outro material desbotable, que se deberán limpar de forma frecuente e, polo menos, unha vez ao día.

9. Deberanse pór á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados e rexistrados, en lugares accesibles e visibles e, en todo caso, na entrada do local ou establecemento, e deberán estar sempre en condicións de uso.

10. Os elementos auxiliares do servizo, como a vaixela, cristalaría, xogos de cubertos, entre outros, almacenaranse en recintos pechados e, se isto non for posible, lonxe de zonas de paso de clientes e traballadores.

11. No caso de que se empreguen uniformes ou roupa de traballo, procederase ao lavado e á desinfección regular destes, seguindo o procedemento habitual.

12. O persoal traballador que realice o servizo en mesa e en barra deberá procurar a distancia de seguridade co cliente e aplicar os procedementos de hixiene e prevención necesarios para evitar o risco de contaxio. En calquera caso, será obrigatorio o uso de máscara para o persoal destes establecementos na súa atención ao público.

3.6. Ventilación.

1. Débense realizar tarefas de ventilación periódica nas instalacións para acadar unha renovación do aire e garantir unha boa calidade deste, eliminando as partículas suspendidas nel e reducindo así o risco de transmisión do virus. Ao ventilar os espazos interiores, dilúense os aerosois potencialmente infecciosos e redúcese o risco de contaxio polo virus SARS-CoV-2.

Na Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19 están as recomendacións para asegurar unha boa ventilación do local. A dita guía está dispoñible no seguinte enderezo electrónico:

https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/813/GUIA_VENTILACION_HOSTALARIA. pdf

2. Non se deberán superar no interior as 1.000 ppm de concentración de CO2. Se o valor de CO2 obtido supera 800 ppm, deberanse adoptar as seguintes medidas:

i) No caso de ventilación natural:

Deberase aumentar a frecuencia de apertura de xanelas ou o grao de apertura destas ata encontrar a situación en que non se superen os valores recomendados. No caso de que, unha vez comprobados todos os escenarios posibles de apertura de xanelas e portas, se excedan os valores recomendados de CO2, hai varias opcións:

• Complementar con ventilación mecánica.

• Reducir a súa capacidade máxima e o tempo de permanencia de persoas nos locais.

ii) No caso de ventilación mecánica ou forzada:

Procederase a axustar o equipamento de climatización por parte do persoal técnico:

• Aumentar o caudal de aire renovado (taxa) para que achegue a maior cantidade de aire exterior posible fronte á cantidade de aire recirculado.

• Reducir ou limitar a recirculación.

Outras medidas para lograr a renovación de aire establecido polas autoridades sanitarias:

• Se é posible, complementar con ventilación natural.

• Reducir a súa capacidade máxima e o tempo de permanencia de persoas nos locais.

3. A colocación dos medidores de CO2 deberá cumprir cos requisitos establecidos na Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19. En particular, no caso de ventilación natural os medidores non se deben colocar preto das xanelas, portas ou outros puntos de ventilación para que non se marquen valores máis baixos que os reais. Polo tanto, débense situar nas zonas do local onde hai un maior número de persoas ou nas zonas con peor fluxo de renovación de aire, pero sen que estas poidan respirar directamente encima do sensor do dispositivo para non alterar as medidas. No caso de ventilación mecánica, o medidor non se debe colocar na saída dos condutos de ventilación senón que o máis recomendable sería situalos na parede enriba deles.

3.7. Restauración.

Adicionalmente, os establecementos de lecer nocturno que presten servizos de hostalaría e restauración deberán cumprir coas concretas medidas establecidas para o desenvolvemento das ditas actividades de hostalaría e restauración no novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Niveis dos establecementos de lecer nocturno.

Establécense os seguintes niveis en función das boas prácticas levadas a cabo nos establecementos e da aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías posibles.

• Nivel 1c (unha cunchiña).

• Nivel 2c (dúas cunchiñas).

• Nivel de seguridade.

4.1. Nivel 1c (unha cunchiña).

1. Este nivel será o nivel de obrigado cumprimento aplicable por defecto para todos os establecementos de lecer nocturno, independentemente do nivel de restrición do concello en que se encontre e salvo nos supostos en que a autoridade competente decida a aplicación do nivel de seguridade.

2. No interior dos establecementos permitirase o 50 % da capacidade máxima en condicións normais, cun máximo de 2.000 persoas. Nas terrazas dos establecementos, permitirase o 75 % da capacidade máxima en condicións normais.

3. O horario límite de peche ao público será ás 3.00 horas, salvo que teña autorizado un horario inferior.

4. Deberanse utilizar os modelos de cartel correspondentes a este nivel postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria- segura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

5. Os responsables dos establecementos comprométense a aplicar as medidas comúns recollidas no número 3 deste plan e as seguintes medidas adicionais:

a) Ter elaborado un Plan de continxencia pola COVID-19 que recolla todas as medidas hixiénico-sanitarias que cómpre aplicar e que sexa coñecido por todo o persoal. Este plan debe estar á disposición da autoridade sanitaria.

b) Distancia de seguridade: asegurar unha distancia de 1,5 metros entre mesas e agrupación de mesas, así como nas zonas de tránsito.

c) En relación cos aseos, deberase sinalizar a súa capacidade máxima, e a súa limpeza e desinfección mínima será de dúas veces ao día.

d) En relación coa calidade do aire interior, deberanse adoptar as seguintes medidas:

d.1. Avaliación non continua: contar con dispositivos medidores de CO2, con marcación CE e con pantalla visible para os usuarios. Realizar e rexistrar as medicións polo menos cada 4 horas e nos momentos de máxima afluencia. Non se deberán superar no interior as 1.000 ppm de concentración de CO2.

d.2. Reforzar a ventilación dos espazos interiores. Recoméndase a ventilación natural de forma permanente (se non é posible, deberanse realizar tarefas de ventilación de forma frecuente). No caso da utilización de sistemas de ventilación forzada, deberase aumentar a subministración de aire limpo e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

d.3. No caso de ter sistema de ventilación/climatización, deberá acreditar a certificación do seu mantemento periódico e da última revisión por un profesional autorizado.

d.4. Co fin de manter unha boa calidade de aire interior e de cumprir cos límites de ppm establecidos neste plan, recoméndase aplicar as medidas da Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19. A dita guía está dispoñible no seguinte enderezo electrónico: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/813/ GUIA_VENTILACION_HOSTALARIA.pdf

e) En materia do persoal traballador, deberanse adoptar as seguintes medidas:

e.1. Dotación de máscara obrigatoria (mínimo exixible máscara cirúrxica con cambio cada 4 horas).

e.2. Asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19. Poderanse establecer protocolos de colaboración entre as asociacións do sector e a Dirección Xeral de Saúde Pública co fin de coordinar esta formación (formación básica de 2 horas).

f) Medidas de protección colectiva. Deberanse adoptar as seguintes medidas:

f.1. Os establecementos deberán contar con hidroxel en varios puntos do local ademais de na entrada e nos aseos.

f.2. Os establecementos deberán ter itinerarios de circulación diferenciados.

f.3. Control da máscara obrigatoria para clientes.

g) Os establecementos deberán cumprir coas seguintes medidas complementarias:

g.1. No caso de dispor de mecanismos de pagamento electrónico, como o pagamento por tarxeta, ofrecelo como sistema fronte ao uso de diñeiro en efectivo.

g.2. No caso de ter carta material, esta deberá permitir a súa desinfección.

h) Rexistro de clientes: co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos da COVID-19, deberase dispor de mecanismos para o control dos asistentes (ben sexa mediante rexistro manual, ben dixital por medio de aplicacións móbiles) que inclúa nome e apelidos, hora de entrada e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante, polo menos, un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

i) Declaración responsable: no momento de obter o cartel sinalizador a través da web correspondente, os titulares dos establecementos deberán realizar unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos que se acheguen para a xeración do cartel, así como o compromiso de cumprimento das medidas recollidas neste nivel.

4.2. Nivel 2c (dúas cunchiñas).

1. Este nivel será aplicable no caso de que os establecementos de lecer nocturno se comprometan a aplicar as medidas adicionais recollidas a continuación para garantir unha maior seguridade no marco da pandemia, co fin de protexer a saúde do seu persoal traballador e da clientela.

2. No interior dos establecementos permitirase o 75 % da capacidade máxima en condicións normais, cun máximo de 2.000 persoas. Nas terrazas dos establecementos permitirase o 100 % da capacidade máxima en condicións normais.

3. O horario límite de peche ao público será ás 4.00 horas, salvo que teña autorizado un horario inferior.

4. Deberanse utilizar os modelos de cartel correspondentes a este nivel, postos á disposición para a súa impresión na páxina web https://coronavirus.sergas.es/Contidos/Hostalaria- segura ou na plataforma de Turespazo (https://turespazo.turismo.gal).

5. Os responsables dos establecementos comprométense a aplicar as medidas comúns recollidas no número 3 e as seguintes medidas adicionais:

a) Ter elaborado un plan de continxencia pola COVID-19 que recolla todas as medidas hixiénico-sanitarias que cómpre aplicar e que sexa coñecido por todo o persoal. Este plan debe estar á disposición da autoridade sanitaria.

b) Adoptar as medidas organizativas que resulten necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal, para o cal se recomenda unha adecuada distribución dos espazos e das persoas no local.

c) En relación cos aseos, deberase sinalizar a súa capacidade máxima, e a súa limpeza e desinfección mínima será de tres veces ao día.

d) Calidade do aire interior. Deberanse adoptar as seguintes medidas:

d.1. Avaliación continua: dispor de dispositivos medidores de CO2 en continuo, con marcación CE e con pantalla visible para os usuarios. Non se deberán superar no interior os 1.000 ppm de concentración de CO2. Recoméndase o uso de actuadores automáticos, no caso de sistemas de ventilación forzada, para a regulación da achega de aire no caso de superar os 800 ppm.

d.2. Reforzar a ventilación dos espazos interiores. Recoméndase a ventilación natural de forma permanente (se non é posible, deberanse realizar tarefas de ventilación de forma frecuente). No caso da utilización de sistemas de ventilación forzada, deberase aumentar a subministración de aire limpo e limitarase ao mínimo indispensable a función de recirculación do aire interior.

d.3. No caso de ter sistema de ventilación/climatización, deberase acreditar a certificación do mantemento periódico e da última revisión por un profesional autorizado.

d.4. Co fin de manter unha boa calidade de aire interior e cumprir cos límites de ppm establecidos neste plan, recoméndase aplicar as medidas da Guía para as boas prácticas de ventilación na hostalaría no contexto da COVID-19. A dita guía está dispoñible no seguinte enderezo electrónico: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/813/ GUIA_VENTILACION_HOSTALARIA.pdf

e) En materia do persoal traballador, deberanse adoptar as seguintes medidas:

e.1. Dotación de máscara obrigatoria (mínimo exixible máscara cirúrxica con cambio cada 4 horas). Dispor de máscaras FFP2 e ofertalas ao persoal traballador (cambio cada 8 horas).

e.2. Asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19. Poderanse establecer protocolos de colaboración entre as asociacións do sector e a Dirección Xeral de Saúde Pública co fin de coordinar esta formación (formación avanzada de 4 horas).

e.3. En particular, como medida específica de impulso da vixilancia da saúde dos traballadores, deberase ofrecer ao persoal traballador a realización de probas diagnósticas periódicas cada 15 días. A frecuencia será cada 7 días no caso de que o nivel de restrición aplicable ao concello sexa alto ou máximo. A realización destas probas será voluntaria para o persoal traballador, polo que se realizará soamente cando as persoa traballadora preste o seu consentimento de acordo co establecido no artigo 22 da Lei de prevención de riscos laborais. A realización das probas poderá ser levada a cabo polos servizos de prevención da empresa, con aplicación do establecido polo artigo citado, ou ben polos mecanismos habilitados para o efecto pola Consellería de Sanidade.

f) Medidas de protección colectiva. Deberanse adoptar as seguintes medidas:

f.1. Os establecementos deberán contar con hidroxel á disposición dos clientes na entrada dos aseos, en cada mesa ou agrupación de mesas.

f.2. Itinerarios de circulación diferenciados.

f.3. Control da máscara obrigatoria para clientes. Dispoñibilidade para dotar os clientes de máscara cirúrxica nova,no caso necesario.

g) Os establecementos deberán adoptar as seguintes medidas:

g.1. Deberán dispor de mecanismos de pagamento electrónico, como o pagamento por tarxeta, e priorizar este sistema fronte ao emprego de efectivo.

g.2. No caso de ter carta, esta deberá ser dixital, mediante QR ou encerado.

g.3. Control de acceso con dispositivos QR para evitar aglomeracións.

g.4. Certificado COVID: o acceso aos locais requirirá da presentación dun certificado emitido polo servizo público de saúde ou, no caso do ordinal 2º, por un laboratorio oficial autorizado, que acredite a concorrencia de calquera das seguintes circunstancias:

1º. Que recibiron a pauta completa dunha vacina contra a COVID-19 para a cal se concedeu unha autorización de comercialización de conformidade co Regulamento (CE) nº 726/2004.

2º. Que dispoñen dunha proba diagnóstica negativa realizada nas últimas 72 horas no caso das PCR e 48 horas no caso dos tests de antíxenos. No caso dos tests rápidos de antíxenos, deberán estar enumerados na lista común e actualizada de tests rápidos de antíxenos da COVID-19 establecida sobre a base da Recomendación 2021/ C 24/01, do Consello de Europa.

3º. Que o titular se recuperou dunha infección polo SARS-CoV-2 nos últimos 6 meses. Para iso a persoa deberá ter sido diagnosticada como caso confirmado da COVID-19 hai 11 días ou máis mediante unha proba PCR, e non é válido outro tipo de test.

Co obxecto de procurar a máxima garantía da privacidade e intimidade das persoas, a exhibición da información a que se refire a medida preventiva só poderá ser solicitada polas persoas titulares dos establecementos ou polo seu persoal no momento do acceso e para os efectos da súa mera comprobación ou verificación, unicamente coa finalidade expresada de control de acceso. Non se conservarán en ningún caso datos de carácter persoal nin se crearán ficheiros con eles.

g.5. Rexistro de clientes: co obxectivo de facilitar o seguimento de contactos ante casos positivos da COVID-19, deberase dispor de mecanismos para o control dos asistentes (ben sexa mediante rexistro manual, ben dixital por medio de aplicacións móbiles) que inclúa nome e apelidos, hora de entrada e número de teléfono; a persoa responsable do establecemento terá a obriga de custodialo durante, polo menos, un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal.

g.6. Deberá fomentar o uso de ferramentas como PassCOVID e RadarCOVID, a través de cartelaría ou información dispoñible ao público.

h) Declaración responsable: no momento de obter o cartel sinalizador a través da web correspondente, os titulares dos establecementos deberán realizar unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos que se acheguen para a xeración do cartel, así como o compromiso de cumprimento das medidas recollidas neste nivel.

4.3. Nivel de seguridade.

1. Este nivel será de aplicación cando así o decidan as autoridades sanitarias en situacións extraordinarias en función da gravidade da situación epidemiolóxica e da ocupación asistencial.

2. Os establecementos incluídos neste nivel unicamente poderán manter abertas ao público as terrazas ao aire libre para consumo e servizo sentado na mesa. As terrazas limitarán a súa capacidade máxima ao 50 % da capacidade máxima en condicións normais.

3. Non estará permitida a instalación de barras para consumo ou servizo a clientes da terraza.

4. O horario límite de peche ao público será ás 1.00 horas.

5. Os responsables dos establecementos comprométense a aplicar as medidas comúns recollidas no número 3.

6. Declaración responsable: no momento de obteren o cartel sinalizador a través da web correspondente, os titulares dos establecementos deberán realizar unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos que se acheguen para a xeración do cartel, así como o compromiso de cumprimento das medidas recollidas neste nivel.

5. Verificación de medidas.

O cumprimento das medidas declaradas poderá ser verificado polos distintos mecanismos de control e inspección establecidos polas autoridades competentes.

Para tal efecto, resultarán de aplicación o previsto na orde pola cal se aproba este novo Plan de lecer nocturno, así como as disposicións normativas aplicables en materia de infraccións.

6. Contidos da formación do persoal dos establecementos de lecer nocturno no contexto da COVID-19 e procedementos para a validación da formación.

6.1. Contidos mínimos dos programas de formación.

Un dos requisitos do novo Plan de lecer nocturno de Galicia é asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade no contexto da COVID-19.

Establécense dous tipos de formación en función do nivel de compromiso dos establecementos:

a) Para o nivel 1c (unha cunchiña), a formación será básica (2 horas).

b) Para o nivel 2c (dúas cunchiñas), a formación será avanzada (4 horas).

1.1. Os contidos mínimos para o nivel de formación básico son os seguintes:

1. O novo Plan de lecer nocturno de Galicia.

1.1. Obxectivos e niveis.

2. Infección por SARS-CoV 2.

2.1. Que é o SARS-CoV 2. Como se transmite.

2.2. Que é a COVID-19 e cales son os síntomas. Consecuencias da infección por COVID- 19.

2.3. Síntomas e actuacións no caso de contaxio. Illamento do caso sospeitoso. Caso e contacto.

3. Principais medidas ante a COVID-19.

3.1. Uso correcto da máscara. Tipos de máscaras.

3.2. Lavado de mans e outras medidas de hixiene.

3.3. Distancia de seguridade e capacidades neste nivel.

3.4. A importancia da ventilación. Medición de CO2.

4. Medidas específicas.

4.1. Limpeza e desinfección: pautas para a súa realización; produtos autorizados.

4.2. Organización adecuada dos espazos (itinerarios e zonas comúns).

4.3. Medidas complementarias e medidas hixiénicas específicas das actividades.

4.4. Rexistro de clientes.

Aos contidos xuntarase material didáctico que debe incluír un manual cos contidos teóricos.

Para a superación do curso realizarase unha proba teórica formada, como mínimo, por 20 preguntas e deberase contestar correctamente un 80 % para aprobala.

Tras a superación do curso, porase á disposición do alumnado un certificado que amosará o programa da formación.

1.2. Os contidos mínimos para o nivel de formación avanzado son os seguintes:

1. O novo Plan de lecer nocturno de Galicia.

1.1. Obxectivos e niveis.

2. Infección por SARS-CoV 2.

2.1. Que é o SARS-CoV 2. Como se transmite.

2.2. Que é a COVID-19 e cales son os síntomas. Consecuencias da infección por COVID- 19.

2.3. Síntomas e actuacións no caso de contaxio. Illamento do caso sospeitoso. Caso e contacto.

2.4. Control da trasmisión:

2.4.1. Detección precoz de casos.

2.4.2. Manexo dos contactos estreitos.

2.4.3. Cribados.

2.5. As probas diagnósticas (PCR/tests de antíxenos) e seroloxías.

3. Principais medidas ante a COVID-19.

3.1. Uso correcto da máscara. Tipos de máscaras.

3.2. Lavado de mans e outras medidas de hixiene.

3.3. Distancia de seguridade e capacidades neste nivel.

3.4. A importancia da ventilación. Medición de CO2.

3.5. Vacinas.

4. Medidas específicas.

4.1. Limpeza e desinfección: pautas para a súa realización; produtos autorizados.

4.2. Organización adecuada dos espazos (itinerarios e zonas comúns).

4.3. Medidas complementarias e medidas hixiénicas específicas das actividades.

4.4. Certificado COVID.

4.5. Control de acceso.

4.6. Rexistro de clientes.

4.7. PASS COVID/Radar COVID.

5. Relacións coa clientela.

5.1. Servizo e orientación ao cliente sobre as normas de hixiene, tanto a nivel individual como colectivo.

5.2. Transmisión de confianza e seguridade ao cliente.

Aos contidos xuntarase material didáctico que debe incluír un manual cos contidos teóricos.

Para a superación do curso realizarase unha proba teórica formada, como mínimo, por 20 preguntas e deberase contestar correctamente un 80 % para aprobala.

Tras a superación do curso, porase á disposición do alumnado un certificado que amosará o programa da formación.

6.2. Como acceder á formación requirida.

6.2.1. Novos cursos organizados pola Administración.

A Xunta de Galicia, no prazo máximo de dez (10) días, porá á disposición dos profesionais do sector unha plataforma de formación para accederen aos contidos de cada nivel e obteren a certificación oportuna de forma gratuíta.

O acceso será a través da páxina web https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/ formacion-niveis-covid-19

Alí encontraranse as dúas opcións para acceder aos contidos da formación básica e da formación avanzada. Os contidos poderanse visualizar cantas veces se considere conveniente.

Tras a visualización dos contidos, o alumnado deberase rexistrar para solicitar o acceso á proba que corresponda. A cada alumno que o solicite enviaráselle por correo electrónico a ligazón para realizar a proba. Se a proba é superada, facilitáreselle o certificado correspondiente.

6.2.2. Novos cursos organizados por outras entidades e servizos de prevención de riscos laborais.

Os cursos para obter a formación básica e avanzada no contexto do novo Plan de lecer nocturno de Galicia tamén poderán ser impartidos por entidades de formación, asociacións do sector e servizos de prevención de riscos laborais.

Os contidos para cada nivel deben ser, como mínimo, os que se achegan no punto 6.1.

Dado o carácter sanitario da formación, as titulacións dos docentes deberán ser: licenciaturas ou diplomaturas do ámbito sanitario, licenciatura en Veterinaria, técnicos de Seguridade e Hixiene, técnicos en Prevención de Riscos Laborais.

Ademais, deben exixir asistencia completa (presencial ou virtual) e a superación dunha proba para a obtención do certificado correspondente.

As entidades de formación, as asociacións do sector e os servizos de prevención de riscos laborais que pretendan acreditar esta formación comunicarán á Dirección Xeral de Saúde Pública a seguinte información:

a) Nome do curso que se vai impartir.

b) Modalidade (presencial e/ou virtual).

c) Nivel de formación (básica ou avanzada).

d) Programa.

e) Duración.

f) Docentes e titulación.

Tras a revisión da información achegada, a Dirección Xeral de Saúde Pública validará o curso ou comunicará, se é o caso, os requisitos que se deban cumprir para a indicada validación. Entenderanse validados se non se recibe a indicada comunicación nun prazo de quince días.

Os cursos validados publicaranse na páxina web https://coronavirus.sergas.gal/

6.2.3. Validez de cursos xa realizados.

Os cursos xa realizados con anterioridade á data da eficacia deste anexo daranse por válidos como formación básica, cando o seu contido coincida co recollido no punto 1.2 (cando menos nun 80 %), a duración sexa igual ou maior a 2 horas e se entregase o correspondente certificado acreditativo co programa. Estes requisitos poderán ser comprobados polas autoridades competentes no caso de inspección do establecemento.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia