lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 256/2011, do 7 de decembro, polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia.

Publicado en: DOG 60 27/03/2012

Departamento: Consellería de Medio Rural

Estado: En vigor

PDF

A regulación do potencial de produción vitícola é un dos instrumentos establecidos pola Unión Europea (UE) para acadar o equilibrio do mercado vitivinícola no marco da Organización Común do Mercado (OCM).

Entre outras medidas da OCM vitivinícola, no que atinxe ao potencial produtivo instaurouse un sistema de limitación da produción que, desde a súa creación, mantén como eixe fundamental un réxime restritivo nas plantacións de viñedo.

A xestión deste potencial mediante o Rexistro Vitícola de Galicia (RVG), con base na prohibición comunitaria de plantar vides para vinificación sempre que non existan dereitos de plantación de viñedo, resulta ser a mellor ferramenta técnico-administrativa para controlar a evolución das superficies vitícolas, regulando a xeración e o fluxo dos devanditos dereitos.

Tendo en conta a da multitude de intereses que interveñen con relación ao sector vitivinícola comunitario, tanto desde o punto de vista do cultivo da vide (viticultura) como da produción de viños e alcohois (vinicultura), a súa lexislación (OCM vitivinícola) é motivo permanente de reforma, tanto da regulamentación comunitaria como da normativa básica estatal e a autonómica, así mesmo pola importante concorrencia competencial existente nesta materia.

Paralelamente, na liña de simplificar o ámbito normativo da política agrícola común (PAC), o Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello (Regulamento único para as OCM), derroga e substitúe por un acto xurídico único todos os regulamentos que o Consello adoptou desde o establecemento da PAC no marco da creación das organizacións comúns de mercado (OCM) para os produtos ou grupos de produtos agrícolas.

No que atinxe ao sector vitivinícola, só se incorporaron inicialmente no Regulamento único para as OCM as disposicións que non eran obxecto de ningunha reforma normativa. Aquelas que eran obxecto de modificacións debían incorporarse logo de aprobalas.

Neste novo contexto normativo da PAC apróbase a reforma do sector vitivinícola mediante o Regulamento (CE) n.º 479/2008 do Consello, do 29 de abril de 2008, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, que pola súa vez é derrogado polo Regulamento (CE) n.º 491/2009 do Consello, do 25 de maio de 2009, que modifica o Regulamento (CE) n.º 1234/2007, incorporando totalmente a OCM vitivinícola no Regulamento único para as OCM.

Así mesmo, hai que ter en conta o Regulamento (CE) n.º 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño de 2008, polo que se establecen as normas de desenvolvemento da OCM vitivinícola no relativo aos programas de apoio, o comercio con países terceiros, o potencial produtivo e os controis no sector vitivinícola.

Cómpre salientarse que nesta regulamentación se mantén, como principio fundamental para restablecer o equilibrio do mercado vitivinícola, unha prohibición transitoria de plantar vides das variedades clasificadas de uva de vinificación ata o 31 de decembro de 2015. Cómpre lembrar que o dito principio se aplica como unha limitación á plantación de viñas para vinificación só se non se dispón dos oportunos dereitos de plantación (dereitos de nova plantación, replantación ou procedentes dunha reserva) e non como unha prohibición absoluta de plantalas.

Non obstante, e ao criterio dos Estados membros, nos respectivos territorios ou en parte deles pode decidirse continuar coa dita prohibición ata o 31 de decembro de 2018, como máis tarde. Porén, antes de finais de 2012 a Comisión emitirá un informe intermedio sobre a aplicación da OCM vitivinícola reformada e poderá decidir novamente a revisión do actual réxime de plantacións.

Por todo isto, na previsión dun escenario puramente economicista de liberalización das plantacións e, en consecuencia, nada desexable para unha viticultura tradicionalmente produtora de viños de calidade, máxime coas peculiaridades galegas de pequenas explotacións familiares, a prohibición provisional de plantar variedades de uva para vinificación aplicarase coa necesaria flexibilidade para permitir o desenvolvemento sustentable da produción, que non debe supoñer un freo á competividade de tipos de viño que gozan dunha forte demanda pola súa recoñecida calidade, como é o caso dos viños galegos con denominación de orixe protexida ou indicación xeográfica protexida (viños con DOP ou IXP).

Para os efectos da comprobación das disposicións sobre o potencial produtivo, en particular, do cumprimento da devandita prohibición de realizar novas plantacións, utilizarase o Rexistro Vitícola de Galicia, de conformidade co artigo 185 bis do devandito regulamento único para as OCM e o artigo 81 do Regulamento (CE) n.º 555/2008.

As disposicións comúns con relación ao devandito rexistro vitícola desenvólvense no Regulamento (CE) n.º 436/2009 da Comisión, do 26 de maio de 2009, polo que se establecen disposicións de aplicación da OCM vitivinícola no que respecta ao rexistro vitícola, ás declaracións obrigatorias e á recompilación de información para o seguimento do mercado, aos documentos que acompañan o transporte de produtos e aos rexistros que se levarán no sector vitivinícola.

Para realizar un seguimento do mercado vitivinícola, debe garantirse que a información contida no rexistro vitícola reflicta en todo momento a situación real da viticultura. Por iso, para a completa actualización deste rexistro, é necesario dispoñer dun coñecemento adecuado da produción e das existencias do sector vitivinícola, que só se pode adquirir actualmente relacionándoo coas declaracións obrigatorias neste sector.

No Estado español a regulamentación comunitaria de aplicación con relación ao devandito potencial produtivo ten a súa transposición, como normativa básica estatal, mediante o Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola.

Esta normativa complétase mediante o Real decreto 1303/2009, do 31 de xullo, sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola, que establece a nivel estatal os datos mínimos nos modelos das declaracións do sector, xunto con outros extremos e co fin de mellorar a aplicabilidade do réxime de abandono de viñedo.

Pola súa vez, a normativa básica estatal exixe o correspondente desenvolvemento normativo nas comunidades autónomas, dentro do marco legal establecido pola Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, sen prexuízo do establecido pola UE.

En Galicia, en consecuencia co anterior, resulta necesario adaptar a regulamentación autonómica á nova situación normativa.

De acordo co exposto, este decreto recolle o conxunto de disposicións que regulan o potencial produtivo con relación ao sector vitícola de Galicia co obxectivo de contribuír á súa ordenación territorial.

En concreto, regúlanse os dereitos de plantación de viñedo, recóllense aspectos relativos ao seu réxime transitorio, no que atinxe á prohibición de plantar vides se non se dispón dos oportunos dereitos ou, en caso contrario, as plantacións consideraranse ilegais e deberán arrincarse, salvo excepcións autorizadas e sen prexuízo das sancións que poidan corresponder no caso de incumprimento da arrinca.

Vélase con maior rigor pola ordenación territorial nas plantacións, garantindo que non poderán comportar incremento do potencial produtivo nin riscos de desequilibrios comarcais salientables.

Regúlase, dentro da xestión e control do potencial produtivo no sector vitivinícola de Galicia, o Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) que se deberá manter actualizado e con información fiable para a súa utilización como ferramenta técnico-administrativa fundamental no que se refire á xestión e ao control do devandito potencial produtivo. Para os efectos da súa actualización, relacionaranse no devandito RVG as declaracións obrigatorias do sector e, cando proceda, os expedientes vitícolas adaptaranse á súa verificación coa realidade.

Para unha completa actualización do RVG velarase especialmente pola coherencia dos datos vitícolas dispoñibles e compatibilidade co SIXPAC, tras a actualización do «uso viñedo » deste sistema, co obxecto da súa utilización como base gráfica de referencia na identificación das parcelas vitícolas, e mediante o uso das novas tecnoloxías dos sistemas de información xeográfica (SIX) facilitarase tanto a súa actualización permanente e comprobación regular coma o acceso público ao devandito rexistro vitícola, vía internet, a través da oficina agraria virtual (OAV).

Así mesmo, co fin de evitar unha carga administrativa adicional sen comprometer os obxectivos do Rexistro Vitícola de Galicia, aprovéitase esta iniciativa para unha reorganización administrativa nesta materia que implique unha redefinición dos procedementos, clarificándoos e axilizándoos e para simplificar a súa documentación e a relación coas persoas viticultoras interesadas que redunde no seu beneficio e, en xeral, no de todo o sector vitícola de Galicia.

Establécese a clasificación das variedades de uva para vinificación de Galicia, coas súas sinonimias oficiais, ás cales deberán adecuarse, cando proceda, as normas particulares dos viños con denominación de orixe protexida e indicación xeográfica protexida.

Inclúense aspectos de interese da actividade vitícola, entre outros, co fin de preservar as mellores tradicións da viticultura galega e á súa vez promover un desenvolvemento sustentable do cultivo da vide, baseado nas variedades de uva para vinificación autóctonas de Galicia.

Foméntase o emprego de variedades de vide certificadas, a través dos viveiros legalmente autorizados. Para os efectos tomaranse medidas urxentes para potenciar a súa introdución no sistema de control e certificación mediante a súa recondución nun programa de selección clonal e sanitaria das variedades de uva para vinificación autóctonas de Galicia, no que se potenciará, ademais da conservación dos recursos existentes, a recuperación daquelas variedades minoritarias ou con risco de erosión xenética.

Como novidades máis salientables deste decreto decláranse as zonas vitícolas de Galicia de especial protección, con medidas de apoio específicas, en particular para a viticultura de montaña e/ou en forte pendente, á cal se lle outorga un merecido recoñecemento.

Por último, ademais, na liña de incentivar a actividade vitícola fronte ao paulatino abandono das plantacións, introdúcense varias modificacións puntuais ao Decreto 21/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a Reserva galega de dereitos de plantación de viñedo.

De acordo co anterior, no que atinxe ás superficies plantadas abandonadas, introdúcese unha disposición derradeira para promover a súa revalorización mediante a recuperación dos seus dereitos de replantación de viñedo a través da reserva galega e, cando proceda, adxudicándoos entre aquelas persoas viticultoras que os soliciten, segundo criterios obxectivos e a título gratuíto.

Na elaboracion deste decreto foron consultadas as entidades máis representativas do sector vitivinícola de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Medio Rural e de conformidade co previsto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Este decreto ten por obxecto regular o potencial de produción vitícola da Comunidade Autónoma de Galicia, contribuíndo á súa ordenación territorial, no marco da regulamentación do sector vitivinícola na UE e da normativa básica estatal, fundamentalmente no que atinxe:

a) O sistema de dereitos de plantación de viñedo.

b) As plantacións ilegais de viñedo.

c) A xestión e o control do potencial produtivo no sector vitivinícola mediante o Rexistro Vitícola de Galicia (RVG).

d) A viticultura e o seu desenvolvemento sustentable.

2. As disposicións contidas neste decreto son necesarias para o seguimento da evolución do potencial produtivo e serán de aplicación unicamente ás plantacións destinadas á produción de uva de vinificación e ao cultivo de viñas nais de enxertos no territorio galego.

Artigo 2. Definicións.

1. Os termos utilizados neste decreto son coincidentes cos establecidos na normativa comunitaria vixente e na lexislación básica estatal.

2. Para os efectos de aplicación do presente decreto entenderase por:

a) Campaña vitícola (no sucesivo campaña): é a campaña de produción dos produtos a que se refire o regulamento que establece a organización común do mercado vitivinícola, que comeza o 1 de agosto de cada ano e remata o 31 de xullo do ano seguinte.

b) Titular do viñedo: é a persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten os dereitos de plantación ou replantación sobre o cultivo, ben como consecuencia dun dereito de propiedade, ou ben porque teña atribuído un dereito de disposición sobre o cultivo. En todo caso, deberá xustificarse o dereito para realizar a arrinca ou o consentimento expreso do propietario e/ou do cultivador, cando estes non sexan o titular da superficie afectada pola arrinca.

c) Propietario: é a persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, independentemente da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, que ten o título de propiedade sobre a parcela onde se atopa o viñedo.

d) Cultivador ou explotador: é a persoa que obtén o produto anual da viña, ben por ser o propietario ou ben por ter atribuído un dereito de uso sobre o viñedo. Tamén se denomina viticultor.

e) Parcela de viñedo: é a superficie continua de terreo na cal un só explotador cultiva a vide.

f) Recinto vitícola ou de viñedo: é a superficie continua de terreo na cal hai asignado un uso agrícola relacionado co viñedo (uso viñedo), en monocultivo ou asociado a outros cultivos, dentro dunha parcela agrícola do SIXPAC. Pode coincidir ou non coa totalidade da parcela vitícola.

g) Superficie vitícola cultivada: é o conxunto da superficie plantada de vide en adecuado estado para a produción, sometida regularmente a operacións de cultivo para obter un produto comercializable.

h) Superficie vitícola abandonada: é o conxunto da superficie plantada de vide que deixe de estar sometida regularmente a operacións de cultivo con fin de obter un produto comercializable. Para os efectos, consideraranse superficies de viñedo abandonadas aquelas en que se demostre fidedignamente que non foron cultivadas, polo menos, nas tres últimas campañas.

i) Explotación: é o conxunto de parcelas vitícolas administradas por unha persoa física ou xurídica ou agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, e que se atopa no territorio galego.

l) Plantación: é a colocación definitiva no terreo de chantóns de vide ou partes destes, enxertados ou non, para a produción de uva ou o cultivo de viñas nais de enxertos.

m) Sobreenxerto: é o enxerto efectuado sobre unha vide xa enxertada con anterioridade.

n) Arrinca: é a eliminación total de todas as cepas que se atopan nunha superficie plantada de vide. Esta arrinca inclúe a eliminación tanto dos portaenxertos como da parte aérea da planta.

ñ) Dereito de plantación: dereito a plantar vides en virtude dun dereito de replantación, de nova plantación, ou procedente da reserva galega de dereitos de plantación de viñedo, nos termos establecidos no artigo 3 do presente decreto.

o) Dereito de replantación: é o dereito a plantar vides nunha superficie equivalente en cultivo puro a aquela en que fosen ou vaian ser arrincadas vides nos termos establecidos no Regulamento polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola.

p) Cedente: é o titular do viñedo que vende os dereitos de replantación, xerados pola arrinca administrativamente constatada na súa explotación vitícola, mediante unha transferencia autorizada.

q) Adquirente: é toda persoa que compra dereitos de replantación de viñedo mediante unha transferencia autorizada.

r) Reposición de marras: é a substitución das cepas de vide improdutivas ou desaparecidas por fallos de arraigamento ou por causas accidentais físicas, biolóxicas ou meteorolóxicas.

s) Plantación ilegal: parcelas plantadas de vide sen autorización da Administración.

CAPÍTULO II Dereitos de plantación de viñedo

Artigo 3. Dereitos de plantación.

1. O dereito a plantar vides, consonte o establecido na normativa comunitaria vixente, será autorizado unicamente cando se realice ao abeiro de:

a) Dereitos de nova plantación, concedidos en virtude do artigo 4 deste decreto.

b) Dereitos de replantación, concedidos en virtude do artigo 5 deste decreto.

c) Dereitos de plantación procedentes da Reserva galega, concedidos en virtude do artigo 5 do Decreto 21/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a Reserva galega de dereitos de plantación de viñedo, segundo a redacción dada pola disposición derradeira primeira deste decreto.

2. Os dereitos de plantación de viñedo, recollidos no punto anterior, concederanse en hectáreas, en virtude do establecido na normativa comunitaria de aplicación.

Artigo 4. Dereitos de nova plantación.

1. A consellería competente en materia de agricultura poderá conceder dereitos de nova plantación de viñedo para aquelas superficies destinadas aos seguintes fins:

a) Experimentación vitícola.

b) Cultivo de viñas nais de enxertos.

c) Novas plantacións no marco de medidas de concentración parcelaria ou medidas de expropiación por causa de utilidade pública.

2. A concesión dos ditos dereitos realizarase en función das solicitudes presentadas polas persoas interesadas nos supostos do punto anterior e segundo a distribución dos dereitos dispoñibles para novas plantacións que o ministerio competente en materia de agricultura poida realizar.

3. Para poder solicitar dereitos de nova plantación, as persoas solicitantes deberán ter regularizada a totalidade do seu viñedo.

4. Os produtos elaborados coa uva procedente de novas plantacións para experimentación vitícola non se poderán comercializar.

5. A uva procedente de novas plantacións para o cultivo de viñas nais de enxertos non se vendimará e deberá destruírse.

6. Non obstante os puntos 4 e 5, as superficies de novas plantacións para experimentación vitícola ou para o cultivo de viñas nais de enxertos poderán destinarse á elaboración de viño destinado á comercialización cando a persoa titular achegue dereitos de plantación para os efectos.

Artigo 5. Dereitos de replantación.

1. A arrinca dun viñedo é o presuposto para a existencia dos dereitos de replantación que, en todo caso, require a tramitación e resolución dun procedemento administrativo de concesión da autorización e a constatación posterior desa arrinca efectiva para o recoñecemento dos devanditos dereitos.

2. Non obstante, as superficies vitícolas abandonadas poderán constituír dereitos de replantación para incorporarse á reserva galega sen necesidade de ser arrincadas, mediante resolución motivada da consellería competente en materia de agricultura, logo de tramitación do correspondente expediente administrativo, de acordo coa Lei 30/1992. Todo isto sen prexuízo da substitución da práctica da notificación pola publicación dos datos dos viñedos abandonados e os seus titulares conforme o RVG, nos termos dos artigos 59.6 e 60 da devandita lei, para o cal se prevé a súa inclusión na edición electrónica do Diario Oficial de Galicia ou no taboleiro de anuncios electrónico da Xunta de Galicia e no taboleiro de edictos dos concellos correspondentes.

3. A consellería competente en materia de agricultura autorizará o dereito de replantación para plantar vides nunha superficie equivalente en cultivo puro a aquela en que fosen arrincadas vides da mesma explotación, nos termos establecidos neste artigo.

4. Cando se proceda a unha arrinca sen autorización administrativa previa, non se xerarán dereitos de replantación na explotación da cal formase parte o viñedo. Ben que para evitar a súa perda como potencial produtivo da Comunidade Autónoma de Galicia, cando proceda, formarán parte da reserva galega de dereitos de plantación de viñedo.

5. A reposición de marras non terá a consideración de replantación, e poderá efectuarse sen límite durante os cinco primeiros anos da plantación e para os seguintes anos ata un máximo anual do 10 por cento das cepas de vide útiles en cada parcela vitícola, sempre que se efectúe coas mesmas características que a plantación orixinal. Non obstante, en plantacións de máis de cinco anos e en circunstancias de danos excepcionais, a reposición poderase realizar nunha porcentaxe superior que requirirá autorización da consellería competente en materia de agricultura.

6. Igualmente, a recuperación do cultivo da vide nunha superficie abandonada de viñedo, de acordo co Rexistro Vitícola de Galicia, non terá a consideración de replantación, cando para esta non sexa necesario arrincar o viñedo existente e se efectúe mantendo as características da plantación orixinal. Para os efectos, bastará coa comunicación previa ao órgano responsable do Rexistro Vitícola de Galicia que, logo das comprobacións técnicoadministrativas e sobre o terreo, modificará, de ser o caso, a dita situación de abandono.

7. Os dereitos de replantación terán que ser exercidas polas persoas titulares dentro da parcela para a cal se concedan ou na explotación vitícola da que procedan por arrinca. Non obstante, os dereitos de replantación poderán ser obxecto de transferencia a outra explotación, consonte o establecido no seguinte artigo.

Artigo 6. Transferencia de dereitos de replantación.

1. Os dereitos de replantación de viñedo que non vaian ser exercidos polos seus titulares na parcela para a cal se concedan ou na explotación da cal procedan por arrinca, poderán ser obxecto de transferencia total ou parcial a outra explotación, consonte o establecido no artigo 5 do Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, nos seguintes supostos:

a) Cando os dereitos se transfiran por calquera negocio xurídico inter vivos ou mortis causa e unicamente cando se transfiran os dereitos a unha parcela destinada á produción de viños con denominación de orixe protexida ou con indicación xeográfica protexida ou ao cultivo de viñas nais de enxertos.

b) Cando os dereitos se transfiran á reserva galega de dereitos de plantación de viñedo coa condición de que os ditos dereitos sexan utilizados para plantar viñedos cuxa produción teña unha saída garantida, de acordo cos criterios que, de ser o caso, fixe a consellería competente en materia de agricultura.

2. A transferencia dos dereitos de replantación, realizada mediante calquera negocio xurídico inter vivos, só será válida se se realiza directamente entre o titular da parcela que xerou os dereitos de replantación e o titular da parcela en que se vai realizar a replantación, sen prexuízo do que se dispoña para estes efectos na regulación da transferencia de dereitos da reserva.

3. As devanditas transferencias de dereitos de replantación de viñedo requirirán autorización administrativa e os ditos dereitos só se poderán utilizar para os supostos en que se concedan. Non obstante, en circunstancias excepcionais debidamente xustificadas ou por causas de forza maior, poderase autorizar o cambio das parcelas de destino obxecto da transferencia, logo de solicitude de modificación debidamente motivada.

4. Non se poderán autorizar as transferencias de dereitos de replantación anticipada, nin de dereitos procedentes dunha transferencia ou da reserva galega de dereitos de plantación de viñedo, que non fosen utilizados pola persoa que pretende transmitilos.

5. Cando a transferencia de dereitos de replantación de viñedo supoña fluxo de dereitos entre parcelas situadas en diferentes provincias, será de aplicación o disposto no artigos 7.3 e 8 deste decreto.

6. Cando a transferencia de dereitos de replantación de viñedo se realice entre parcelas situadas dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, así como entre unha parcela doutra comunidade autónoma e a reserva galega ou desde unha reserva doutra comunidade autónoma, observarase o disposto no artigo 5.4 do Real decreto 1244/2008, sen prexuízo do disposto nos artigos 7.3 e 8 deste decreto.

7. Non se considera transferencia a cesión de dereitos de replantación de viñedo entre dúas parcelas do mesmo titular. Non obstante, nestas cesións tamén será aplicable o disposto nos artigos 7.3 e 8 deste decreto.

Artigo 7. Requisitos para a solicitude de transferencias de dereitos de replantación.

1. Para que se poidan autorizar as transferencias de dereitos de replantación de viñedo, estes deben estar previamente recoñecidos ao cedente e estar vixentes segundo o punto 6 do artigo 9 deste decreto, ademais de cumprirse os seguintes requisitos:

a) O cedente e o adquirente deberán ter regularizada a totalidade do seu viñedo.

b) O adquirente non deberá ter transferido dereitos de replantación de viñedo, nin terse beneficiado dunha prima por arrinca para o abandono definitivo do cultivo da vide, durante a campaña en curso ou nalgunha das cinco campañas precedentes.

2. As plantacións que se efectúen con dereitos de replantación de viñedo procedentes dunha transferencia deberán cumprir o regulamento específico da denominación de orixe protexida (DOP) correspondente ou ter dereito a comercializar o viño producido cunha indicación xeográfica protexida (IXP).

3. As transferencias de dereitos non poderán en ningún caso supoñer incremento do potencial produtivo vitícola e, para os efectos, a consellería competente en materia de agricultura velará para que o rendemento da parcela que se vai plantar non supere en máis do 5 por cento o rendemento da parcela de arrinca e, de ser o caso, efectuarase o axuste correspondente, reducindo a superficie que se vai plantar proporcionalmente ao cociente dos rendementos. Para o dito axuste teranse en conta os rendementos medios actualizados que figuran no anexo I do Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola. Non obstante, o cedente poderá presentar un certificado da comunidade autónoma competente que acredite rendementos diferentes aos que figuran no citado anexo I, caso en que poderán ser tidos en conta para os efectos de realizar o axuste correspondente.

Artigo 8. Ordenación territorial do sector vitícola galego.

1. A consellería competente en materia de agricultura velará pola ordenación das plantacións de viñedo garantindo que en ningún caso se poida carrexar un incremento global do potencial produtivo, de acordo co establecido no último punto do artigo anterior e, con carácter xeral, non poderá autorizar ningunha transferencia de dereitos cando a dita transferencia poida producir desequilibrios salientables na ordenación territorial do sector vitícola de Galicia.

2. Para os efectos do previsto no punto anterior, enténdese que se poden producir desequilibrios salientables na ordenación territorial do sector vitícola galego cando o saldo de hectáreas transferidas na comunidade autónoma e nunha mesma campaña supere o 0,4 por cento da súa superficie total de viñedo de uva destina da a vinificación.

3. Cando circunstancias extraordinarias e imprevistas de tipo socioeconómico ou ambiental e paixasístico así o aconsellen, a consellería competente en materia de agricultura poderá propoñer de forma motivada a denegación da transferencia de dereitos de replantación de viñedo dunha determinada zona vitivinícola cando a dita transferencia poida producir riscos graves de desequilibrio na citada zona.

4. Para os efectos do previsto no punto anterior, a devandita consellería poderá propoñer a denegación da autorización de novas solicitudes de transferencias de replantación de viñedo dunha provincia ou dunha zona vitícola e, en particular, dunha zona vitivinícola de Galicia declarada de especial protección, consonte o artigo 47, cando o saldo da superficie transferida nunha mesma campaña supere o 0,4 por cento da súa superficie total de viñedo para vinificación na citada zona.

Artigo 9. Validez dos dereitos de plantación de viñedo.

1. Os dereitos de plantación de viñedo unicamente serán válidos en condicións en que fosen concedidos e deberán ser exercidos pola persoa titular dentro do seu período de vixencia ou, superado este, producirase a súa caducidade.

2. Non obstante, cando a falta de exercicio do dereito de plantación de viñedo se deba a causas non imputables á súa persoa titular e así o recoñeza a consellería competente en materia de agricultura, unha vez finalizada a causa que imposibilitou o exercicio do dereito, este será reasignado á persoa titular de orixe, consonte o artigo 3.6 do Decreto 21/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a Reserva galega de dereitos de plantación de viñedo.

3. Os dereitos de nova plantación deberán utilizarse antes de que remate a segunda campaña seguinte a aquela en que fosen concedidos.

4. Os dereitos de nova plantación concedidos para experimentación vitícola e para o cultivo de viñas nais de enxertos só serán válidos durante o período de tempo que dure a experimentación ou, de ser o caso, a produción de enxertos.

5. Os dereitos de replantación, xerados pola arrinca autorizada de viñedo, deberán utilizarse antes de que remate a oitava campaña seguinte a aquela durante a cal fosen recoñecidos.

6. Os dereitos de replantación adquiridos por transferencia deberán utilizarse antes de que remate a segunda campaña seguinte á da autorización da transferencia sen que, en ningún caso, se poida superar o prazo máximo de vixencia dos dereitos de replantación de procedencia, establecido no punto anterior.

7. En calquera caso, a validez dos dereitos de plantación de viñedo estará suxeita á duración prevista para o réxime transitorio de aplicación destes, consonte o disposto na disposición transitoria primeira, no marco da regulamentación vitivinícola comunitaria e estatal.

Artigo 10. Autorización das plantacións.

1. Corresponde á consellería competente en materia de agricultura a autorización das plantacións de viñedo que se realicen no ámbito territorial galego, con independencia da procedencia do dereito de plantación.

2. As plantacións de viñedo, incluído o sobreenxerto, unicamente serán autorizadas cando se realicen de conformidade con dereitos de plantación de viñedo, segundo o previsto neste capítulo, e se xustifique o pagamento, exención ou non suxeición ao imposto que sexa aplicable no caso de transmisión dos dereitos de replantación.

3. En ningún caso as plantacións poderán supoñer incremento do potencial produtivo. Para estes efectos non se poderá autorizar a plantación dun viñedo se a superficie que se vai plantar é maior á dos dereitos de procedencia; deberase aplicar, de ser o caso, o axuste correspondente de rendemento recollido no punto 3 do artigo 7.

4. A autorización supeditarase á plantación do viñedo nunha ou varias parcelas e/ou recintos identificados gráfica e alfanumericamente no SIXPAC, cuxa superficie terá correlación equivalente cos dereitos de plantación recoñecidos para ela no RVG e fixará as características agronómicas que deben concorrer.

5. Tanto a planta-enxerto coma os portaenxertos procederán de viveiros de vide legalmente autorizados.

6. En calquera caso, para a produción de viño no territorio galego unicamente se poderán plantar, replantar, enxertar ou sobreenxertar as variedades incluídas na clasificación, que se enumeran no anexo S-VII, sen prexuízo das excepcións establecidas para o autoconsumo, o cultivo de viñas nais de enxertos para exportación do material de multiplicación vexetativo da vide ou experimentación vitícola, ben que, neste último caso, se denegarán as solicitudes de autorización para establecer campos de ensaio con variedades de vide modificadas xeneticamente (transxénicas).

7. Así mesmo, cando se pretenda a produción de viños amparados por algunha denominación de orixe ou indicación xeográfica protexidas, as variedades de uva para vinificación axustaranse, ademais, ao establecido no artigo 43.

8. A plantación deberá axustarse sempre aos termos da autorización e dará lugar á extinción dos correspondentes dereitos e actualizacións oportunas do RVG.

CAPÍTULO III Plantacións ilegais de viñedo

Artigo 11. Plantacións ilegais.

1. Con carácter xeral, considéranse plantacións ilegais de viñedo as efectuadas sen a correspondente autorización administrativa, incumprindo a normativa vitivinícola de aplicación do potencial produtivo en que así se establece e, en particular, aquelas plantadas infrinxindo a prohibición transitoria de plantar vides.

2. Para os efectos do cumprimento das disposicións de aplicación sobre plantacións ilegais de viñedo establecidas neste capítulo, segundo o previsto no Regulamento único para as OCM, considéranse ilegais:

a) As parcelas plantadas de vide antes do 1 de setembro de 1998 sen dispoñer dos correspondentes dereitos de plantación, que non fosen regularizadas.

b) As parcelas plantadas de vide despois do 31 de agosto de 1998 sen dispoñer dos correspondentes dereitos de plantación.

c) As plantacións destinadas á produción de viño realizadas con variedades de vide non clasificadas de acordo co artigo 42 deste decreto.

Artigo 12. Arrinca obrigatoria do viñedo das plantacións declaradas ilegais.

1. As plantacións de viñedo a que fai referencia o anterior artigo, declaradas ilegais, deberán ser obrigatoriamente arrincadas, no prazo de dous meses contados desde a notificación que faga para o efecto a Administración á persoa titular da explotación vitícola, exceptuando os casos previstos no artigo 13.4 deste decreto.

2. A arrinca obrigatoria do viñedo ilegal por aplicación da normativa será declarada, tras a tramitación do correspondente expediente, mediante resolución expresa da consellería competente en materia de agricultura.

3. A obriga de arrincar o viñedo deberá ser exercida pola persoa responsable da plantación ilegal ou, no seu defecto, pola persoa propietaria da parcela, sen prexuízo do dereito desta a reclamar o custo da arrinca á persoa responsable da plantación ilegal.

4. As ditas plantacións ilegais quedarán suxeitas aos controis que se establezan para evitar que se comercialicen as súas producións, que exixirán a verificación da non circulación ou destilación dos produtos en cuestión, sen prexuízo das sancións que correspondan ás persoas responsables das plantacións, ata que se produza a arrinca obrigatoria do viñedo ilegal.

5. O Rexistro Vitícola de Galicia fará constar a situación ilegal desas plantacións, sen prexuízo das actuacións administrativas de control, inspección e polas infraccións que deriven da súa existencia, ata que se efectúe a arrinca establecida.

Artigo 13. Destino dos produtos das plantacións ilegais obxecto de arrinca.

1. Ata que se efectúe a arrinca recollida no artigo 12, as uvas e os produtos elaborados a partir das producións das devanditas plantacións ilegais unicamente poderán pórse en circulación con destino á destilación e a persoa produtora correrá con todos os gastos da dita destilación.

2. Os produtos resultantes desa destilación non se poderán utilizar para a elaboración de alcohol cun grao alcohólico volumétrico adquirido igual ou inferior ao 80 por cento. A devandita destilación deberá ser realizada por empresas autorizadas, ao abeiro do disposto nos regulamentos (CE) n.º 1234/2007 e 555/2008. En calquera caso, a non circulación ou destilación das producións dos viñedos ilegais será obrigatoria, exceptuando os casos previstos segundo o punto 4.

3. Os produtores a que fai referencia o punto primeiro presentarán, antes do final de cada campaña, as probas da destilación das devanditas producións, preferentemente nos servizos territoriais do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), da consellería competente en materia de agricultura, na provincia onde se atope a plantación ilegal ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992. No caso de que non presenten estas probas no prazo establecido, a devandita consellería imporá unha sanción que se calculará en función do valor das producións, de acordo coa Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

4. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, a consellería competente en materia de agricultura, antes do 31 de maio de cada ano, e en calquera caso para a seguinte vendima, poderá autorizar individualmente, e por petición do produtor, a destrución da produción das parcelas antes da maduración das uvas, ou que a dita produción se destine ao consumo familiar se o tamaño da superficie total que se vai arrincar é inferior a 0,1 hectáreas. A dita solicitude será formulada conforme o modelo do anexo S-VI.

5. Os produtores autorizados a destruír a produción a que fai referencia o punto anterior, antes do 30 de xuño dese mesmo ano procederán á destrución da produción desas parcelas. A partir desa data, e antes do 31 de xullo, o persoal técnico da xefatura territorial da consellería competente en materia de agricultura na provincia onde se atopa a parcela realizará os controis sobre o terreo para verificar que a dita colleita foi destruída.

Artigo 14. Réxime sancionador.

No caso de incumprimentos das obrigas establecidas neste decreto, aplicarase o réxime de infraccións e sancións establecido na Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, e o Regulamento (CE) n.º 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño, polo que se establecen as normas de desenvolvemento da OCM vitivinícola.

CAPÍTULO IV Xestión e control do potencial produtivo no sector vitivinícola de Galicia

Sección 1.ª O Rexistro Vitícola de Galicia (RVG)

Artigo 15. Natureza xurídica.

1. Créase o RVG como un rexistro informático único, de carácter público e natureza técnico-administrativa, no cal se recollen as informacións obrigatorias do sector vitivinícola, tal e como se definen no artigo 17. Este rexistro depende da consellería competente en materia de agricultura, a través da subdirección xeral que teña atribuídas as funcións en materia de potencial de produción vitícola na dita consellería, e será xestionado cos medios persoais e materiais desta.

2. A información recollida durante o establecemento do RVG non presupón a súa validez e, en consecuencia, non constitúe nin xera dereitos particulares, e correspóndelles ás persoas viticultoras obrigadas, de acordo co artigo 17, a responsabilidade da veracidade dos datos inscritos e, de ser o caso, das alegacións ou cambios propostos e das posteriores declaracións ou solicitudes que realicen. Para os efectos administrativos, a condición de titular do viñedo estará asociada á súa inscrición no Rexistro Vitícola de Galicia, como a persoa titular da explotación (propietaria e/ou viticultora), identificándose nel co correspondente código de explotación vitícola (CODEV).

3. A mera inclusión dun viñedo no RVG non presupón pronunciamento sobre a súa situación legal, que virá determinada pola posesión dos correspondentes dereitos de plantación ou, excepcionalmente, pola súa regularización.

4. Para efectos do parágrafo anterior, recoñécense os dereitos históricos de plantación de viñedo daquelas plantacións efectuadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1986, sen prexuízo de que a dita cuestión poida ter que demostrarse nos controis referentes ao potencial produtivo.

Artigo 16. Concepto, obxectivo e finalidade.

1. O Rexistro Vitícola de Galicia é o instrumento técnico-administrativo fundamental para o mellor coñecemento da situación real do potencial de produción vitícola da Comunidade Autónoma de Galicia, que se deberá manter con información actualizada e fiable do devandito potencial produtivo.

2. A finalidade do RVG é a seguinte:

a) Xestión técnico-administrativa das explotacións vitícolas.

b) Seguimento e control da evolución do potencial de produción vitícola.

c) Base de datos para as estatísticas oficiais nesta materia, en particular para o inventario do potencial vitícola de Galicia.

Artigo 17. Inscrición e informacións obrigatorias no RVG.

1. A inscrición no RVG é obrigatoria para cada persoa viticultora que cultive unha super- ficie plantada de vide de, polo menos, 0,1 hectáreas ou que estea obrigada a realizar unha declaración do sector vitivinícola, segundo as exixidas no artigo 26, en virtude da regulamentación comunitaria ou estatal.

2. O RVG conterá as informacións obrigatorias de conformidade co punto 1 do artigo 3 do Regulamento 436/2009 da Comisión, do 26 de maio de 2009, polo que se establecen as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 479/2008, do Consello, no que respecta ao rexistro vitícola, ás declaracións obrigatorias e á recompilación de información para o seguimento do mercado, aos documentos de acompañamento ao transporte dos produtos e aos rexistros que se levarán no sector vitivinícola.

3. As persoas viticultoras quedan obrigadas a notificar á unidade encargada do RVG os cambios que afecten a información inscrita neste.

4. Para os efectos administrativos, a parcela vitícola ou de viñedo está identificada no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) cunha referencia alfanumérica única e constituída pola totalidade ou parte dun ou varios recintos no Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC).

Artigo 18. Acceso á información.

1. De forma xeral, polo carácter público do RVG, todas as persoas interesadas poderán exercer os dereitos de acceso á súa información, sen prexuízo do cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. Mediante atención presencial, nas correspondentes oficinas agrarias comarcais (OAC) facilitaráselle copia da ficha vitícola a toda persoa viticultora inscrita que a solicite e, de ser o caso, tramitaráselle a modificación dos seus datos para adecualos á realidade.

3. Así mesmo, a consellería competente en materia de agricultura implementará progresivamente os medios informáticos e telemáticos adecuados para facilitar a consulta do RVG vía internet, a través da oficina agraria virtual (OAV) da súa páxina web na sede electrónica da Xunta de Galicia, adoptando todas as medidas técnicas necesarias de accesibilidade, co fin de satisfacer o previsto normativamente no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento electrónico na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes dela.

4. Para o acceso ou cesión de informacións do RVG, na solicitude correspondente, os interesados comprometeranse a tratar os datos obtidos con sometemento á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

5. En calquera caso, o acceso á información do RVG ou a súa cesión poderá ser denegado de forma motivada pola consellería competente en materia de agricultura, cando o seu exercicio poida causar un prexuízo grave aos seus intereses ou ao cumprimento das súas propias funcións ou afecte a eficacia de funcionamento do servizo público.

Artigo 19. Conservación da información.

1. Os datos que figuren no RVG manteranse durante o tempo necesario para o seguimento e control das medidas a que se refiren.

2. En calquera caso, a consellería competente en materia de agricultura garantirá a conservación da información que figure no RVG, como mínimo, durante as cinco campañas seguintes aquela a que se refiran os ditos datos.

Artigo 20. Actualización da información.

1. Co obxecto de manter o RVG con información fiable para cumprir os seus fins, a consellería competente en materia de agricultura garantirá a súa actualización permanente, incluíndo as modificacións pertinentes por petición das persoas interesadas e unha actualización regular, de oficio, a medida que se dispoña da información recollida, sen prexuízo da súa comunicación ás persoas interesadas. Para os efectos, a devandita consellería establecerá as medidas adecuadas para:

a) Asesorar as persoas viticultoras, facilitándolles a información necesaria das parcelas vitícolas, de forma que poidan cubrir adecuadamente as declaracións ou solicitudes correspondentes.

b) Atender e resolver as alegacións que poidan presentarse.

c) Incorporar á base de datos as actualizacións aceptadas.

2. A consellería competente en materia de agricultura, para harmonizar a xestión do potencial de produción vitícola galego no ámbito xeográfico das denominacións de orixe protexidas, poderá regular o marco de actuacións dos consellos reguladores vitivinícolas de Galicia respecto do RVG.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a consellería competente en materia de agricultura facilitaralles aos consellos reguladores vitivinícolas e ao Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal) o debido acceso web ao RVG para adecuar os seus diferentes rexistros de viñas, unificadamente, atendendo á verificación dos datos inscritos, especialmente no que atinxe á identificación do viticultor, localización das parcelas vitícolas e superficies de viñedo inscritas e producións declaradas nas respectivas denominacións de orixe protexidas e, así mesmo, colaborarán na actualización e delimitación exacta destas zonas de produción na base gráfica de referencia do devandito RVG.

Artigo 21. Compatibilidade do RVG co SIXPAC.

1. Co obxecto de que o RVG sexa compatible co SIXPAC, e que resulte posible un intercambio de datos que non presente dificultades de identificación das parcelas vitícolas, a consellería competente en materia de agricultura coordinará as actuacións adecuadas para establecer a correlación das referencias identificativas entre ambos os dous sistemas de información xeográfica, para os efectos de garantir:

a) A coherencia entre os datos vitícolas dispoñibles.

b) A homoxeneidade na explotación dos devanditos datos.

c) A utilización do SIXPAC como base gráfica de referencia do RVG.

2. En previsión do punto anterior, e de conformidade co disposto no Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola, o RVG utilizará a información gráfica e alfanumérica de identificación de parcelas do SIXPAC, a medida que se dispoña da información recollida, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira deste decreto.

Artigo 22. Inscrición, baixa e modificación ou actualización de datos do RVG.

1. Deberán solicitar a inscrición, a baixa ou a modificación/actualización dos datos do RVG as persoas viticultoras que non figuren neste e aquelas que figuran pero cuxos datos rexistrados non se correspondan coa realidade.

2. As persoas viticultoras interesadas presentarán as alegacións que xulguen necesarias para a adecuación á realidade dos datos do RVG, ben sexa por erros obvios na información recollida nel ou como consecuencia dos cambios producidos polo propio dinamismo das explotacións vitícolas.

3. De forma xeral, as ditas alegacións poderán responder á seguinte casuística:

a) Alta ou baixa de parcelas e/ou de explotacións vitícolas.

b) Modificación de datos das parcelas e/ou das explotacións vitícolas.

c) Transmisión da titularidade das parcelas e/ou das explotacións vitícolas.

Artigo 23. Control da información.

1. Para garantir que a información contida no RVG reflicta en todo momento a situación real da viticultura de Galicia, ademais de preverse a súa actualización permanente a través da información obtida das persoas viticultoras, a consellería competente en materia de agricultura, polo menos cada cinco anos, adaptará a información dos expedientes de explotación e produción vitícola atendendo á verificación da súa correspondencia coa situación real.

2. Para os efectos, a devandita consellería efectuará os controis referentes ao potencial produtivo que resulten necesarios. Estes controis poderán ser tanto administrativos como sobre o terreo, mediante inspección directa das parcelas vitícolas.

3. As persoas viticultoras, en caso de ser requiridas para o control, deberán facilitar o labor dos técnicos nas inspeccións de campo, así como a documentación necesaria para verificar a fiabilidade dos datos rexistrados.

4. O resultado do control dará lugar, de ser o caso, á rectificación rexistral pertinente, sen prexuízo das sancións aplicables ás irregularidades que se detecten.

Sección 2.ª Rastrexabilidade da produción

Artigo 24. Declaracións obrigatorias no sector vitivinícola.

1. Co fin de mellorar a rastrexabilidade da produción vitivinícola e ao mesmo tempo facilitar a recompilación de canta información sexa necesaria para o cumprimento das obrigas de seguimento do mercado vitivinícola previstas na normativa comunitaria e na básica estatal, a consellería competente en materia de agricultura velará polo cumprimento da presentación polas diferentes persoas interesadas dos distintos tipos de declaracións obrigatorias no sector vitivinícola:

a) Declaracións de viño e mosto por instalación.

b) Declaración de colleita.

c) Declaración de produción: provedores.

d) Declaración de destino das producións das plantacións ilegais.

2. As ditas declaracións presentaranse nos formularios que aparecen como anexos D.

3. A presentación das declaracións previstas neste artigo é obrigatoria para as persoas ou entidades sinaladas no Real decreto 739/2015, do 31 de xullo, sobre declaracións obrigatorias no sector vitivinícola.

Todos os procedementos relativos a declaracións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia serán aplicables tanto a persoas ou entidades obrigados á presentación electrónica, como a persoas físicas non obrigadas, agás os procedementos de declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe, co código de procedemento MR441I, previsto no artigo 26 bis desta norma, o cal se aplicará só a persoas ou entidades obrigadas á presentación electrónica.

Sección 3.ª Disposicións específicas sobre os procedementos administrativos no sector vitícola

Artigo 25. Procedementos.

As normas de procedemento contidas nesta sección aplicaranse ás solicitudes relativas á tramitación da autorización administrativa de superficies de viñedo, así como para a presentación das declaracións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia e que a continuación se relacionan, sen prexuízo do cumprimento do establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

1. Solicitudes relativas á autorización administrativa de superficies de viñedo.

a) Inscrición, baixa e modificación/actualización de datos do Rexistro Vitícola de Galicia (RVG).

b) Autorización de arrinca de viñedo para recoñecemento de dereitos de replantación.

c) Autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo entre titulares de parcelas situadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo procedentes doutras comunidades autónomas.

e) Autorización de plantación de viñedo.

f) Autorización para exceptuar a arrinca obrigatoria de plantacións ilegais.

g) Concesión de dereitos de nova plantación de viñedo.

h) Concesión de dereitos de plantación de viñedo procedentes da reserva galega.

2. Declaracións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia.

a) Declaracións de viño e mosto por instalación.

b) Declaración de colleita.

c) Declaración de produción: provedores.

d) Declaración de destino de producións de plantacións ilegais.

Artigo 26. Forma e lugar de presentación de solicitudes relativas á autorización administrativa de superficies de viñedo

Todas as solicitudes ou declaracións relativas aos procedementos regulados neste decreto, que se axustarán aos modelos dos anexos e prazos establecidos, se presentarán nas oficinas agrarias comarcais, na oficina do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, San Caetano, Santiago de Compostela, en calquera das súas xefaturas territoriais, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro

Artigo 26 bis. Forma e lugar de presentación de solicitude de alta, baixa ou modificación dos datos do REOVI e de declaracións e comunicacións obrigatorias do sector vitivinícola de Galicia

1. As declaracións de viño e mosto por instalación previstas na letra a) do punto 1 do artigo 24 presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da aplicación informática que existe no Sistema de información de mercados do sector vitivinícola (INFOVI), de acordo co previsto no Real decreto 739/2015, do 31 de xullo. A URL da páxina web de acceso a esta aplicación é https://www.aica.gob.es/

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

2. Nos casos que se enumeran neste punto, a presentación será preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os supostos que se rexerán polo disposto neste punto 2 son os seguintes:

a) A declaración de colleita prevista na letra b) do punto 1 do artigo 24. Procedementos MR441B (anexo D: I a) e MR441C (anexo D: I b).

b) Declaración de alta, baixa ou modificación dos datos do Rexistro Xeral de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI). Procedemento MR441H (anexo D: II deste decreto).

c) Comunicación da eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola. Procedemento MR441D (anexo D: III).

d) Declaración de produción: provedores prevista na letra c) do punto 1 do artigo 24. Procedemento MR441E (anexos D: IV a e D: IV b).

e) A declaración de destino das producións das plantacións ilegais. Procedemento MR441G (anexo D: V deste decreto).

3. A declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe co código de procedemento MR441I, regulada na disposición adicional cuarta desta norma, presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación desta declaración poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 26 ter. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, comunicación ou declaración correspondente a seguinte documentación en cada un dos procedementos que se indican a seguir:

a) Na declaración de colleita de uva presentada polo consello regulador da denominación de orixe protexida, co código de procedemento MR441I, o CRDO xunto a esta declaración presentará a seguinte documentación:

– O ficheiro en folla de cálculo cos datos da declaración de colleita das persoas produtoras de uva acollidas ao dito CRDO que outorgaron a súa autorización ao consello regulador na campaña correspondente. Estes datos incluirán a información contida na última folla do anexo D: I c.

b) Na comunicación de eliminación de subprodutos obtidos na transformación vinícola, co código de procedemento MR441D presentarase o proxecto, no suposto de que elixan esta opción na retirada baixo control.

c) Na declaración de produción: persoas provedoras, co código de procedemento MR441E presentarase como documentación complementaria o/os xustificante/s de compravenda de produto/s, cuxo modelo se recolle no anexo D: IV b.

2. A presentación de documentación complementaria efectuarase da seguinte forma:

a) No suposto recollido na letra a) do punto 1 deste artigo, a documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

b) Nos supostos recollidos nas letras b) e c) do punto 1 deste artigo, a documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da comunicación ou declaración. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación ou declaración deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 26 quáter. Comprobación de datos dos procedementos previstos no artigo 26 bis

1. Para a tramitación dos procedementos previstos no artigo 26 bis consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante/declarante/comunicante.

b) NIF da entidade solicitante/declarante/comunicante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 26 quinquies. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 26 sexies. Trámites administrativos posteriores

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 27. Prazos e modelos para presentar solicitudes ou declaracións.

1. Os prazos de presentación de solicitudes ou declaracións para os distintos tipos de procedementos, dentro de cada campaña, e os respectivos modelos a que deben axustarse, son os seguintes:

a) Solicitudes de autorizacións administrativas de superficies de viñedo:

1.º Solicitude de inscrición, baixa e modificación/actualización de datos do Rexistro Vitícola de Galicia: durante todo o ano, segundo o modelo de solicitude do anexo S: I.

2.º Solicitude de autorización de arrinca de viñedo para o recoñecemento de dereitos de replantación: durante todo o ano, segundo o modelo de solicitude do anexo S: III.

3.º Solicitude de autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo entre titulares de parcelas situadas no territorio de Galicia: durante todo o ano, segundo o modelo de solicitude do anexo S: IV.

4.º Solicitude de autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo procedentes doutras comunidades autónomas: deberán presentarse antes do 1 de abril de cada ano, segundo o modelo de solicitude do anexo S: II.

5.º Solicitude de autorización de plantación de viñedo: durante todo o ano, segundo o modelo de solicitude do anexo S: V.

6.º Solicitude de autorización para exceptuar a arrinca obrigatoria de plantacións ilegais: antes do 31 de maio de cada ano, segundo o modelo de solicitude do anexo S: VI.

7.º Solicitude de concesión de dereitos de nova plantación de viñedo: todo o ano, no mesmo modelo do anexo S: V.

8.º Solicitude de concesión de dereitos de plantación de viñedo procedentes da reserva galega: no prazo e modelo de solicitude que se estableza para os efectos na orde de convocatoria específica.

b) Declaracións obrigatorias do sector vitivinícola:

1º. Rexistro de Operadores do Sector Vitivinícola (REOVI).

– Todo produtor de viño e/ou mosto ou almacenista con sede social en Galicia que non figure actualmente no REOVI debe solicitar ao Fogga a súa inscrición. Igualmente, toda nova instalación deses operadores deberá inscribirse no REOVI. As solicitudes deberán realizarse como máis tarde dentro do mes seguinte ao do inicio da actividade, empregando o procedemento MR441H da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: II deste decreto).

– Todo produtor de viño e/ou mosto ou almacenista con sede social en Galicia que cese definitivamente ou peche unha instalación debe comunicalo ao Fogga no período dun mes desde que se produciu o feito, empregando o procedemento MR441H da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: II deste decreto).

– Toda modificación dos datos inscritos no REOVI, así como calquera erro detectado deberá ser comunicado ao Fogga como máis tarde dentro do mes seguinte de producirse a modificación ou a detección do erro, empregando o procedemento MR441H da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: II deste decreto).

2º. Declaracións de viños e mostos por instalación:

– As persoas produtoras cuxa produción media de viño e mosto sexa maior ou igual a 1.000 hl e os almacenistas deberán presentar en INFOVI mensualmente unha declaración de viño e mosto por instalación como máis tarde o día 20 de cada mes.

– As persoas produtoras con produción media de viño e mosto inferior a 1.000 hl deberán presentar en INFOVI unha declaración por instalación nos meses de decembro e agosto como máis tarde o día 20 deses meses.

3º. Declaración de colleita: ata o 10 de decembro de cada ano, empregando os procedementos MR441B e MR441C da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: I a e anexo D: I b deste decreto) e/ou o procedemento MR441I da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: I c deste decreto).

4º. Declaración de provedores: do 30 de novembro ata o 10 de decembro de cada ano, empregando o procedemento MR441E da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: IV a e IV b deste decreto).

5º. Declaración de destino da produción de plantacións ilegais: ata o 10 de decembro de cada ano, empregando o procedemento MR441G da sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo D: V deste decreto).

2. Os modelos de solicitudes e declaracións do sector vitivinícola estarán accesibles na oficina agraria virtual (OAV) na páxina web da consellería competente en materia de agricultura, así como no seu enlace correspondente de trámites da sede electrónica da Xunta de Galicia, na guía do cidadán.

Artigo 28. Documentación común.

Todas as solicitudes irán acompañadas de fotocopia do DNI ou documento equivalente das persoas solicitantes salvo que presten o seu consentimento para a comprobación dos datos, conforme o artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

Artigo 29. Documentación específica de solicitudes de inscrición, baixa e modificación ou actualización de datos do Rexistro Vitícola de Galicia (RVG).

Para as solicitudes de inscrición, baixa e modificación/actualización de datos do Rexistro Vitícola de Galicia (RVG), achegarase un plano ou bosquexo cotado do SIXPAC onde se aprecie con exactitude a superficie da parcela ou recinto de viñedo obxecto da solicitude, só cando non coincida con recintos completos do SIXPAC.

Así mesmo, segundo a solicitude de que se trate, achegarase:

a) No caso de alta de parcela vitícola: identificación alfanumérica e gráfica do SIXPAC e documentación acreditativa de que a persoa solicitante ten a propiedade das parcelas obxecto da solicitude ou ten atribuído un dereito de uso e disposición sobre o cultivo; as ditas parcelas deberán quedar indudablemente localizadas (xeorreferenciadas) na devandita base gráfica de referencia. No caso de dúbida motivada na identificación da localización territorial exacta das parcelas, dada a constante variabilidade na actualización catastral de tales datos, poderá exixirse informe emitido por técnico competente, enxeñeiro técnico agrícola ou enxeñeiro agrónomo, sen necesidade do visado polo colexio profesional e sen prexuízo de que a persoa interesada o poida solicitar.

b) No caso de modificación da superficie vitícola: certificación descritiva e gráfica emitida pola xerencia territorial do catastro cando a modificación da superficie afecte a totalidade da parcela catastral. Se a modificación só afecta a parte da parcela catastral, por desconformidade cun recinto SIXPAC, deberase achegar plano cotado deste. No caso de dúbida, poderá exixirse informe emitido por técnico competente, enxeñeiro técnico agrícola ou enxeñeiro agrónomo, sen necesidade do visado polo colexio profesional e sen prexuízo de que a persoa interesada o poida solicitar.

c) No caso de modificación da data do ano de plantación: documentación acreditativa da antigüidade do viñedo con base nun informe emitido por técnico competente, enxeñeiro técnico agrícola ou enxeñeiro agrónomo, sen necesidade do visado polo colexio profesional e sen prexuízo de que a persoa interesada o poida solicitar.

d) No caso de modificación da variedade de uva: informe emitido por técnico competente, enxeñeiro técnico agrícola ou enxeñeiro agrónomo, sen necesidade do visado polo colexio profesional e sen prexuízo de que a persoa interesada o poida solicitar.

e) No caso de cambio de viticultor sen que exista transmisión da propiedade: solicitude asinada polo novo cultivador ou polo propietario da parcela.

f) No caso de cambio de propietario: documentación acreditativa de que a persoa solicitante ten a propiedade das parcelas obxecto da solicitude.

g) No caso de baixa dunha parcela ou explotación vitícola: solicitude asinada polo titular do viñedo ou polo propietario, de ser o caso.

Artigo 30. Documentación específica de solicitude de autorización de arrinca de viñedo para o recoñecemento de dereitos de replantación.

Para as solicitudes de autorización de arrinca de viñedo para o recoñecemento de dereitos de replantación achegarase:

a) Plano ou bosquexo cotado do SIXPAC no cal se aprecie con exactitude a superficie de viñedo obxecto da arrinca, cando non coincida con recintos completos do SIXPAC.

b) En todo caso, acreditarase o dereito para realizar a arrinca ou o consentimento expreso do propietario e/ou do cultivador, cando estes non sexan o titular da superficie afectada. Para os efectos desta acreditación do dereito de uso e disposición sobre o cultivo da vide presentarase debidamente cuberto o anexo S: XI.

Artigo 31. Documentación específica de solicitude de autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo entre titulares de parcelas situadas no territorio de Galicia.

Para as solicitudes de autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo entre titulares de parcelas situadas no territorio de Galicia achegarase:

– Copia compulsada do contrato de compravenda, opción de compra ou calquera outro documento contractual que sirva de soporte á transferencia entre os viticultores cedente e adquirente.

Artigo 32. Documentación específica de solicitude de autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo procedentes doutras comunidades autónomas.

Para as solicitudes de autorización de transferencia de dereitos de replantación de viñedo procedentes doutras comunidades autónomas achegarase:

a) Certificado expedido pola comunidade autónoma desde a que se vaia transferir o dereito de replantación, no cal se acredite a existencia dos dereitos de replantación que se vai transferir e que será válido para a campaña obxecto da solicitude.

b) Copia compulsada do contrato de compravenda, opción de compra ou calquera outro documento contractual que sirva de soporte á transferencia entre os viticultores cedente e adquirente.

Artigo 33. Documentación específica de solictude de autorización de plantación de viñedo.

Para as solicitudes de autorización de plantación de viñedo achegarase:

a) Xustificación da existencia dos dereitos de plantación, no caso de non constar no RVG.

b) Xustificación do pagamento, exención ou non suxeición ao imposto que sexa aplicable no caso de transmisión dos dereitos de replantación.

c) Resolución do ministerio competente en materia de agricultura autorizando a devandita transferencia, nos casos en que este ministerio sexa competente para autorizar previamente a transferencia dos dereitos de replantación.

d) Memoria xustificativa nos supostos de solicitude de plantación para experimentación vitícola ou de cultivo de viñas nais de enxertos.

e) Documentación acreditativa no caso de solicitudes de plantación no marco de medidas de concentración parcelaria ou medidas de expropiación por causa de utilidade pública.

f) Plano ou bosquexo cotado do SIXPAC no cal se aprecie con exactitude a superficie de viñedo obxecto da plantación, cando non coincida con recintos completos do SIXPAC.

Artigo 34. Domentación específica de solicitude de autorización para exceptuar a arrinca obrigatoria de plantacións ilegais.

Para as solicitudes de autorización de excepción da arrinca obrigatoria de plantacións ilegais achegarase:

a) Plano ou bosquexo cotado do SIXPAC no cal se aprecie con exactitude a superficie de viñedo obxecto da excepción, cando non coincida con recintos completos do SIXPAC.

b) Xustificación do ingreso da taxa pola autorización correspondente.

Artigo 35. Competencia na tramitación das solicitudes e declaracións do sector.

1. Correspóndelles aos servizos responsables en explotacións agrarias, da xefatura territorial da consellería competente en materia de agricultura, na provincia onde se atopen as parcelas a que se refiran as solicitudes relacionadas no artigo 25.1.), tramitalas e realizar a comprobación documental, os controis técnico-administrativos e, de ser o caso, as inspeccións necesarias sobre o terreo para verificar os datos consignados nelas, deixando a súa constancia contrastada no informe correspondente. O dito informe, motivado e desprendido dos preceptivos controis e baseado na documentación do expediente, constituirá garantía suficiente para a proposta de resolución da solicitude.

2. Pola súa parte, os servizos territoriais responsables en intervención de mercados do FOGGA son os encargados para a tramitación das declaracións obrigatorias que se relacionan no artigo 25.2).

3. En calquera caso, a información correspondente ás ditas solicitudes e declaracións será incorporada ao RVG.

Artigo 36. Resolución das solicitudes.

1. A resolución das solicitudes de autorización administrativa de superficies de viñedo a que se refire o artigo 25.1 compételle á xefatura territorial correspondente da consellería competente en materia de agricultura, salvo nos supostos específicos que, consonte cos artigos 4.1, 5.2, 6.5, 8, 9.2, 12.2 e 13.4, requiren resolución expresa da persoa titular da dirección xeral responsable en produción vitícola da consellería competente en materia de agricultura, por proposta da subdirección xeral correspondente, á cal lle corresponde a instrución do procedemento. Non obstante, nestes supostos requirirase o informe previo do servizo técnico correspondente coa proposta da xefatura territorial da devandita consellería na cal se dese trámite á solicitude.

2. O prazo máximo para notificar a resolución expresa das solicitudes de autorizacións administrativas de superficies de viñedo é de seis meses a partir da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, de acordo co sinalado na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender estimadas as súas solicitudes.

4. As resolucións que se diten en virtude dos procedementos tramitados ao abeiro deste decreto comportarán as oportunas anotacións no Rexistro Vitícola de Galicia.

5. Estas resolucións non poñen fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes, ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura.

Sección 4.ª Control do potencial de produción vitícola de Galicia

Artigo 37. Principios do control.

1. Sen prexuízo das disposicións específicas previstas na normativa vitivinícola comunitaria e básica estatal, a consellería competente en materia de agricultura realizará controis técnico-administrativos fundamentalmente para a verificación e o control de datos do RVG e, cando proceda, controis sobre o terreo.

2. Os resultados dos controis poderán dar lugar a actualizacións da información do RVG e do SIXPAC.

Artigo 38. Control referente ao potencial produtivo e ás operacións de reestruturación e reconversión do viñedo.

1. Para os efectos da comprobación do cumprimento das disposicións sobre o potencial produtivo previstas na normativa comunitaria e na básica estatal, incluído o cumprimento da prohibición provisional de realizar novas plantacións, así como para as comprobacións relativas ás superficies polas que se presentase unha solicitude de axuda para operacións de reestruturación e reconversión de viñedos, utilizarase o Rexistro Vitícola de Galicia.

2. Cando se concedan dereitos de replantación segundo o disposto no artigo 5 deste decreto, procederase á comprobación sistemática sobre o terreo da existencia da superfi- cie de viñedo de que se trate antes e despois da súa arrinca nas parcelas para as cales se vaian conceder os dereitos de replantación.

3. Cando as superficies reciban unha axuda para operacións de reestruturación e reconversión de viñedos, someteranse a unha comprobación sistemática sobre o terreo antes e despois da execución das operacións.

4. Non obstante, a comprobación previa a que fan referencia os dous puntos anteriores poderá consistir nun control administrativo co RVG e a obriga de efectuar un control previo sobre o terreo antes da arrinca, e poderá limitarse anualmente a unha mostraxe do 5% das solicitudes co fin de confirmar a fiabilidade do sistema de control administrativo.

5. O control previo ás operacións do punto 3 comprenderá, ademais da comprobación da existencia do viñedo de que se trate, o control da superficie plantada determinada pola metodoloxía oficial, conforme a disposición transitoria cuarta, e que están excluídos os supostos de renovación normal dos viñedos.

6. No caso de que os controis sobre o terreo poñan de manifesto a existencia de irregularidades ou discrepancias significativas nunha zona vitivinícola de Galicia ou en parte dela, a consellería competente en materia de agricultura aumentará debidamente o número de controis sobre o terreo durante ese ano. Se se detectan irregularidades nos supostos establecidos no punto 2, deberán aumentarse os controis tamén no seguinte ano.

CAPÍTULO V Viticultura e variedades de vide en Galicia

Sección 1.ª Cultivo da vide

Artigo 39. Preservación da viticultura tradicional galega.

1. A consellería competente en materia de agricultura velará pola preservación das prácticas tradicionais da viticultura galega de calidade, particularmente no ámbito das zonas de produción vitícola amparadas na actualidade como denominacións de orixe protexidas (DOP): Ribeiro, Rías Baixas, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra, así como no das indicacións xeográficas protexidas (IXP) actualmente recoñecidos como viños da terra de Val do Miño-Ourense, viño da terra de Betanzos e viño da terra de Barbanza e Iria.

2. En calquera caso, e ao mesmo tempo que se manteñen as prácticas tradicionais, fomentarase a adopción dos avances tecnolóxicos que, mellorando a calidade e a rastrexabilidade, poidan tamén aumentar a rendibilidade, sen prexuízo do establecido nos respectivos regulamentos das proteccións vitivinícolas e dando por feito a necesidade de facer chegar ao mercado un produto vitícola de calidade e con seguridade alimentaria.

Artigo 40. Desenvolvemento sustentable do cultivo da vide.

1. A consellería competente en materia de agricultura promoverá o emprego de prácticas de desenvolvemento sustentable do cultivo da vide que, preservando as mellores tradicións da viticultura galega, garantan producións respectuosas co ambiente e que permitan unha óptima expresión do potencial produtivo e cualitativo das variedades de uva para vinificación autóctonas de Galicia, tendo en conta non só o seu interese agronómico e a composición dos produtos senón igualmente a súa inocuidade en relación coa saúde do consumidor e co ecosistema.

2. A consellería competente en materia de agricultura velará pola identificación daquelas zonas sensibles de especial protección vitivinícola e de interese ambiental e paisaxístico para favorecer un enfoque coordinado e eficaz do compromiso do sector vitícola de Galicia por un ambiente sustentable, mellorando o impacto da produción vitícola e, en especial, no que se refire á erosión do solo, á contaminación, ao uso de praguicidas e á xestión dos residuos, entre outras.

3. A devandita consellería implementará as medidas protectoras e de mellora que xulgue convenientes e que concilien as tres dimensións do desenvolvemento sustentable do cultivo da vide, no seu aspecto económico, ambiental e social.

Artigo 41. Protección fitosanitaria e tratamentos.

1. As persoas viticultoras, co obxecto de defender a viña contra as enfermidades e as pragas, de maneira eficaz e respectando o ambiente, deberán adoptar medidas profilácticas antes de utilizar as medidas de loita directa.

2. Cando sexa necesario aplicar métodos de loita directa, deberán utilizarse prioritariamente os de loita biolóxica ou biotécnica, baseada nos limiares de tolerancia, na estimación de risco e na información achegada polos servizos técnicos.

3. Sen prexuízo das disposicións vixentes sobre aplicación de produtos fitosanitarios da viña e dos límites oficiais de residuos destes produtos de tratamento admitidos para as uvas, en particular, atenderase ás resolucións da Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV) adoptadas sobre os límites máximos de residuos de produtos de tratamento da viña nas uvas no momento da vendima, cuxa lista será publicada e actualizada na páxina web da consellería competente en materia de agricultura.

Sección 2.ª Variedades de vide en Galicia

Artigo 42. Clasificación das variedades de uva para vinificación en Galicia.

1. A persoa titular da consellería competente en materia de agricultura clasificará como variedades de vide, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, as variedades do xénero botánico Vitis destinadas á produción de uva para vinificación ou de material de multiplicación vexetativa da vide.

2. As variedades de uva para vinificación en Galicia clasificaranse, dependendo da súa aptitude cultural, tras a avaliación da súa calidade, nunha das seguintes categorías, sen prexuízo do disposto no artigo 31.2 do Real decreto 1244/2008, do 18 de xullo, polo que se regula o potencial de produción vitícola:

a) Recomendadas.

b) Autorizadas.

c) De conservación vexetal.

3. Incluiranse como variedades de uva para vinificación recomendadas aquelas que, pertencendo á especie Vitis vinífera (L), produzan normalmente viños cuxa boa calidade comercial estea recoñecida.

4. Incluiranse como variedades de uva para vinificación autorizadas aquelas que, pertencendo á especie Vitis vinífera (L), produzan viños cun nivel de calidade inferior ao de recomendada pero mantendo un nivel adecuado á categoría.

5. Incluiranse como variedades de uva para vinificación de conservación vexetal aquelas que non correspondan aos criterios recollidos nas outras categorías que, en calquera caso, pertenzan á especie Vitis vinífera (L), ou cruzamentos desta con outras especies do xénero Vitis (variedades interespecíficas ou híbridos, sempre que non se trate dalgunha das seguintes variedades: Noah, Othello, Isabelle, Jacquez, Clinton e Herbemont), pero que pola súa antigüidade, interese e adaptación local sexa aconsellable a súa conservación.

6. A persoa titular da consellería competente en materia de agricultura será a responsable do recoñecemento ou avaliación da calidade das variedades de vide para a súa inclusión en cada unha das categorías establecidas, así como para a realización dos exames de aptitude cultural delas.

7. A dirección xeral responsable en materia de produción vitícola da devandita consellería comunicará ao ministerio competente en materia de agricultura, antes do 1 de abril de cada ano, as modificacións que se produzan na clasificación establecida no anexo S-VII, tendo en conta os nomes das variedades e sinonimias recollidos no Rexistro de Variedades Comerciais (RVC).

Artigo 43. Variedades de uva para vinificación aptas para a produción de viños con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida en Galicia.

Únicamente se poderán empregar para a produción dos viños galegos con DOP ou IXP as variedades de uva para vinificación da especie Vitis vinifera (L) que, entre as clasificadas coa categoría de variedades de uva para vinificación recomendadas ou autorizadas en Galicia, sexan consideradas aptas polos correspondentes regulamentos das DOP e IXP, segundo os anexos S: IX e X, respectivamente.

Artigo 44. Portaenxertos.

Os portaenxertos utilizados nas plantacións de viñedo deberán estar entre os recomendados que se enumeran no anexo S-VIII, sen prexuízo das excepcións establecidas, dentro do marco comunitario, para o autoconsumo, fins experimentais ou de investigación científica e o cultivo de viñas nais de enxertos para exportación do material de multiplicación vexetativo da vide.

Artigo 45. Emprego de plantas de viveiro de vide.

1. A consellería competente en materia de agricultura promoverá o emprego de variedades de vide certificadas, con garantía de calidade e sanidade contrastadas, acorde coas exixencias do sector vitícola de Galicia e sen prexuízo da regulamentación vixente, por considerar que constitúe un investimento de gran transcendencia na viticultura, cun efecto multiplicador moi elevado pola súa incidencia no potencial produtivo.

2. Para os efectos do parágrafo anterior, a devandita consellería, a través do sistema de control e certificación de plantas de viveiro de vide, garantirá a transferencia ao sector vitícola dos mellores clons seleccionados das variedades de uva para vinificación autóctonas de Galicia, sen prexuízo do establecido no seguinte artigo.

Artigo 46. Preservación da diversidade vitícola.

1. Para a preservación da máis ampla diversidade vitícola, especialmente do conxunto de todos os clons diferentes que se cultivan nos viñedos máis antigos ou variedades de poboación consideradas autóctonas de Galicia, así como daquelas outras en perigo de extinción ou risco de erosión xenética, a consellería competente en materia de agricultura favorecerá a súa selección clonal e a recuperación daquelas minoritarias ou pouco coñecidas do patrimonio vitícola galego, ben que cun adecuado potencial produtivo e cualitativo.

2. Para os efectos do punto anterior, considéranse variedades minoritarias aquelas cuxa superficie represente menos do 0,1% da superficie vitícola total de Galicia.

3. En calquera caso, para a produción dos viños galegos orixinais, a devandita consellería priorizará, a través dos viveiros de vide legalmente autorizados na comunidade autónoma, a transferencia ao sector vitícola dos mellores clons de vide seleccionados das variedades de uva para vinificación recomendadas en Galicia, elixindo aqueles que produzan viños singulares da máxima calidade e tipicidade, adaptados ás exixencias do mercado de consumo e cuns mínimos razoables de produción de uva para manter uns niveis de renda aceptables para as persoas viticultoras.

Sección 3.ª Viticultura de especial protección

Artigo 47. Declaración de zonas vitícolas de Galicia de especial protección.

1. Declararanse zonas vitícolas de Galicia de especial protección aquelas zonas vitivinícolas de Galicia en que o desenvolvemento sustentable do medio rural manteña unha actividade vitícola sustentable e rendible que garanta a súa superviviencia nelas, así como aquelas zonas en que factores de diversa índole fagan que a viticultura se realice en difíciles condicións, provocando o paulatino abandono do cultivo da vide.

2. Concretamente, declararanse zonas vitícolas de Galicia de especial protección as superficies de viñedo situadas en pendente do terreo superior ao 30%, ou nunha altitude máis elevada de 500 metros sobre o nivel do mar ou aquelas en que se realiza o cultivo da vide maioritariamente en socalcos. Estas zonas recoñeceranse como «zonas de viticultura de montaña e/ou en forte pendente».

3. Así mesmo, considéranse de especial protección as zonas vitícolas excluídas do réxime subvencionado para o abandono definitivo do cultivo da vide, no marco da normativa vitivinícola vixente, de acordo coa Orde do 11 de agosto de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras das primas para o réxime de abandono das viñas.

4. A declaración como zona vitícola de Galicia de especial protección será realizada pola persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, logo da proposta do director xeral competente en materia de produción vitícola, de acordo co seguinte artigo.

Artigo 48. Zonificación vitícola de especial protección.

1. A persoa titular da consellería competente en materia de agricultura, por proposta da dirección xeral responsable en materia de produción vitícola, delimitará xeograficamente as ditas zonas en función de criterios obxectivos e non discriminatorios, realizando un inventario das superficies vitícolas afectadas.

2. Na zonificación vitícola poderán terse en conta consideracións socioeconómicas, estruturais, ambientais e paisaxísticas, como fundamento para a súa declaración e, en particular, os seguintes criterios de prioridade: a pendente do terreo, a altitude, o cultivo da vide en socalcos, a porcentaxe de ocupación do terreo polas superficies de viñedo, a evolución do potencial de produción vitícola, a antigüidade das cepas, o fluxo de dereitos de plantación, o grao de despoboamento e o índice de envellecemento da poboación.

3. As zonas a que se fai referencia quedarán xeorreferenciadas nunha capa asociada á base gráfica de referencia do Rexistro Vitícola de Galicia.

Artigo 49. Medidas de apoio á viticultura de montaña e/ou en forte pendente.

1. Sen prexuízo do resto das zonas declaradas de especial protección, especialmente nas zonas de viticultura de montaña e ou en forte pendente, a consellería competente en materia de agricultura promoverá o mantemento e a mellora da actividade vitícola, compatible co desenvolvemento sustentable do medio rural, mediante unha atención preferente:

a) Na percepción de incentivos con relación ao sector vitivinícola.

b) Na asignación de dereitos de plantación de viñedo procedentes da reserva galega.

c) Na valorización da súa produción vitícola cun selo distintivo de calidade.

2. As ditas zonas serán prioritarias con relación ás axudas ao sector vitivinícola, no marco do Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español, en particular no que atinxe ás medidas de reestruturación e reconversión do viñedo e promoción en países terceiros, así como para a medida de investimento que se desenvolva no devandito programa de apoio.

3. Así mesmo, consonte coas zonas rurais que se van revitalizar, recollidas no artigo 10.1.a) da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, as zonas vitícolas de Galicia declaradas de especial protección serán prioritarias para efectos da utilización dos fondos comunitarios transferidos no marco da aplicación do Programa de desenvolvemento rural, destinados exclusivamente ás zonas vitícolas.

4. Non obstante, os investimentos para o mesmo fin que deriven dos dous puntos anteriores serán incompatibles entre si, co obxecto de evitar o seu dobre financiamento.

5. Para trasladar ao consumidor as características singulares destas zonas, promocionándoas, e á vez para achegar un valor engadido aos seus produtos vitícolas, a consellería competente en materia de agricultura facilitará a implantación dunha etiqueta especial, que supoña unha oportunidade do incremento das súas vendas directas, cos distintivos desta viticultura que sexan outorgados de acordo coa normativa que resulte de aplicación, sen prexuízo de adoptar calquera outro a nivel estatal ou comunitario.

6. Así mesmo, a consellería competente en materia de agricultura velará pola posta en valor dos viñedos en situación de abandono como potencial fonte de riqueza sobre a cal se debe incidir de xeito especial, poñéndoos á disposición das explotacións vitícolas para establecer, ampliar ou dotarse dunha base territorial que mellore a súa competitividade e viabilidade técnico-económica, social e ambientalmente sustentable.

Disposición adicional primeira. Plantacións de viñedo en terreos afectados por procesos de concentración parcelaria ou medidas de expropiación por causa de utilidade pública.

1. Desde a promulgación do decreto polo que se declara de utilidade pública e urxente execución o proceso de concentración parcelaria e ata a toma de posesión provisional dos predios de substitución polas lexítimas persoas adxudicatarias, unha vez resoltos os recursos de alzada ao acordo, para as operacións de arrinca de viñedo e plantación, ademais das autorizacións e procedementos que exixa a normativa vixente de aplicación, requirirase un informe favorable do xefe do servizo territorial correspondente da consellería competente en materia de agricultura responsable dos traballos de concentración parcelaria, acreditando que a operación de que se trate non supón ningún prexuízo para o proceso.

2. No caso de que un proceso de concentración se prolongue máis alá do período de vixencia dos dereitos de plantación, estes dereitos quedarán na reserva galega á disposición da persoa titular, sempre e cando tivese solicitado a oportuna prórroga deles para os efectos da súa reasignación.

3. No caso dunha plantación afectada por medidas de expropiación forzosa por causa de utilidade pública, a persoa titular poderá quedar en posesión dos dereitos de replantación de viñedo sempre e cando solicite a oportuna autorización de arrinca antes do acordo polo que se inicia o expediente expropiatorio. No caso contrario, os dereitos de replantación integrarán a reserva galega.

Disposición adicional segunda. Fomento da tramitación informática co RVG.

Os procedementos de solicitude ou declaracións regulados neste decreto poderán ser obxecto de tramitación electrónica a medida que a consellería competente en materia de agricultura implemente o acceso, vía internet, á consulta do Rexistro Vitícola de Galicia, a través da oficina agraria virtual da súa web, moi en particular para contribuír á continua actualización dos seus datos.

Disposición adicional terceira. Deber de información.

A dirección xeral responsable en produción vitícola e as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de agricultura, así como o FOGGA, intercambiarán preferentemente, por vía telemática, a información necesaria para facilitar o seguimento das disposicións recollidas neste decreto.

Disposición adicional cuarta. Colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe no subministro de información sobre as declaracións de colleita de uva

1. Nos casos en que as parcelas estivesen sometidas ao réxime dunha denominación de orixe, a declaración de colleita de uva prevista no artigo 27.1.b).3º deste decreto poderá efectuala directamente o consello regulador da denominación de orixe (CRDO) ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), logo de autorización da persoa viticultora declarante.

Inclúese como anexo D: VI deste decreto o modelo de autorización que outorgará a persoa viticultora ao CRDO baixo cuxo réxime se encontren as súas parcelas para que lle prepare a validación da colleita e para que o remita ao Fogga, unha vez que obteña a súa conformidade.

Nestes casos as persoas viticultoras autorizantes entregarán a súa autorización á adega ou ás adegas en que entreguen a súa uva no momento da entrega. As adegas, pola súa banda, deberán remitir as ditas autorizacións ao CRDO correspondente, responsabilizándose desta remisión.

2. No caso de que a persoa viticultora se acolla a esta opción mediante a autorización previa, o CRDO correspondente realizará as seguintes actuacións:

a) Recadará das adegas a información precisa de entregas de uva por parte das persoas viticultoras en relación coas parcelas acollidas ao réxime do consello regulador, co obxecto de proceder á remisión a validación da colleita.

b) Recadará das persoas viticultoras a información adicional que, de ser o caso, sexa precisa para completar a validación da colleita da persoa viticultora da cal obtivese a autorización.

c) Remitirá á persoa viticultora un borrador de validación da colleita para que esta, nun prazo máximo de dez días naturais, lle dea a súa conformidade ou desconformidade co dito borrador. Transcorrido este prazo sen contestación por parte da persoa viticultora entenderase que esta amosa a súa conformidade a que o CRDO presente a declaración de colleita ao seu nome.

O CRDO efectuará estas comunicacións e recibirá, de ser o caso, a contestación a través de correo electrónico con xustificante de recepción, sempre que así conste na autorización da persoa viticultora.

d) Subministrará ao Fogga a información relativa á declaración de colleita dos viticultores que prestaran a súa conformidade, como data máxima o día 10 de decembro de cada ano.

e) Porá en coñecemento do Fogga a listaxe de persoas viticultoras que, de ser o caso, non outorgaron a súa autorización para a transmisión destes datos ou non deron a súa conformidade e as parcelas delas acollidas á súa DO.

f) Porá en coñecemento do Fogga calquera discrepancia ou erro detectado na información remitida relativa á declaración de colleita das persoas produtoras acollidas á súa DO, unha vez que se detecte.

3. A persoa viticultora que teña outorgada a autorización prevista no punto 1 desta disposición deberá cumprir as seguintes obrigas:

a) Colaborar co CRDO a que estea acollido para subministrar os datos da declaración de colleita das parcelas suxeitas ao seu réxime que sexan precisos para facilitar que aquel poida remitir a declaración de colleita no seu nome ao Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

b) Dar a súa conformidade ou desconformidade aos datos da declaración de colleita que, con carácter de borrador, lle sexan remitidos polo CRDO a que estea acollido antes de que este os remita no seu nome ao Fogga.

4. Anualmente os consellos reguladores das denominacións de orixe que vaian colaborar na subministración de información sobre as declaracións de colleita de uva formalizarán previamente a dita colaboración mediante un convenio de colaboración co Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ambos adscritos á Consellería do Medio Rural.

Disposición adicional quinta. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición, poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio de dereitos de plantación.

1. Salvo decisión expresa do Estado español, o réxime transitorio de dereitos de plantación de viñedo mantense no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ata o 31 de decembro de 2018, polo que estará prohibido plantar vides de uva de vinificación en Galicia, e igualmente sobreenxertar as ditas variedades de uva para vinificación noutras variedades de uva que non sexan clasificadas conforme o establecido no artigo 42, agás que se planten con dereitos de plantación de viñedo ao abeiro do artigo 3.

2. O final da duración do réxime transitorio de dereitos de plantación de viñedo e, en consecuencia, o final da prohibición provisional de efectuar novas plantacións sen autorización, previsto para o 31 de decembro de 2018, non afectará as obrigas dispostas neste decreto respecto ás plantacións ilegais de viñedo e ás notificacións e avaliación no sector vitivinícola.

Disposición transitoria segunda. Dereitos de plantación concedidos coa normativa anterior.

Os dereitos de plantación de viñedo concedidos en virtude da normativa vitivinícola anterior e que sexan válidos ata unha data posterior á entrada en vigor do presente decreto seguirán sendo válidos ata esa data, sen prexuízo da duración prevista do réxime transitorio de dereitos de plantación.

Disposición transitoria terceira. Utilización do sistema de identificación de parcelas vitícolas do RVG e coordinación co SIXPAC.

1. Sen prexuízo do artigo 21 deste decreto, mentres non remate a actualización do RVG e a posterior correlación das referencias de identificación gráfica e alfanumérica das parcelas vitícolas dispoñibles no Rexistro Vitícola de Galicia coas do SIXPAC, poderá seguir utilizándose a información de referencia das parcelas do RVG.

2. As persoas viticultoras interesadas poderán consultar a información dispoñible sobre a correlación das referencias vitícolas do RVG e SIXPAC na páxina web da consellería competente en materia de agricultura.

3. No caso de discrepancias, poderán presentar solicitude de actualización/modificación dos datos do RVG ou, de ser o caso, do SIXPAC.

Disposición transitoria cuarta. Medición de superficies.

1. Non obstante a disposición anterior, con relación ás axudas ao sector vitivinícola, no marco do Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español, en particular no que atinxe á medida de reestruturación e reconversión do viñedo, a superficie vitícola subvencionable, para os efectos da súa medición, é aquela cunha referencia alfanumérica única representada gra- ficamente no SIXPAC, que será medida tendo en conta o método recollido no artigo 75 do Regulamento (CE) n.º 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño.

2. A consellería competente en materia de agricultura incorporará os medios técnicos adecuados para facilitar a realización das ditas medicións dunha maneira áxil e eficaz.

Disposición transitoria quinta. Revalorización das superficies vitícolas abandonadas.

1. As persoas viticultoras titulares de viñedos abandonados, de acordo co RVG, que pretendan recuperalos, ben para a súa nova posta en cultivo da vide, ben para a súa arrinca co obxecto de transferir os seus dereitos de replantación de viñedo a outra explotación vitícola, deberán comunicar por escrito a súa intención á consellería competente en agricultura, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da entrada en vigor deste decreto, sen prexuízo da apertura de novos prazos tras as publicacións das oportunas relacións de viñedos abandonados, nos termos do artigo 5.2. Na comunicación para os efectos utilizarase a referencia de identificación das parcelas vitícolas abandonadas segundo consta no Rexistro Vitícola de Galicia.

2. As persoas viticultoras que comuniquen a súa intención de recuperar o viñedo abandonado disporán dunha campaña vitícola para a súa posta en produción ou ben a transferencia a outra explotación vitícola, sen prexuízo do disposto no artigo 5.2 e 5.6.

3. No caso contrario, consonte o previsto na disposición derradeira e na medida en que se contraste a información do RVG coas actualizacións do «uso viñedo» no SIXPAC, os dereitos en cuestión procedentes das superficies vitícolas abandonadas pasarán progresivamente á reserva galega para a súa redistribución, sendo asignados ou reasignados, de ser o caso, nas convocatorias específicas que se fagan para os efectos.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto, e en particular:

– Orde do 19 de xuño de 2001 pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de produción vitícola e se regula a asignación de dereitos para novas plantacións de viñedo en zonas de denominación de orixe (DOG n.º 130, do 5 de xullo; p. 9.047-9.066).

– Orde do 2 de outubro de 2001 (DOG n.º 199, do 15 de novembro) pola que se regula a concesión de dereitos de replantación anticipada á arrinca dun viñedo nesta comunidade.

Disposición derradeira primeira.

Modificación do Decreto 21/2009, do 29 de xaneiro, polo que se crea a Reserva galega de dereitos de plantación de viñedo:

Un. O punto 3 do artigo 3 queda redactado como segue:

«3. Os dereitos de replantación de viñedo xerados polas superficies plantadas abandonadas en que, consonte o previsto no artigo 8.2.º da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, se demostre fidedignamente que non foron cultivadas nas tres últimas campañas, nas cales a consellería competente en materia de agricultura, cando proceda, poderá acordar a súa arrinca. Para os efectos considérase proba suficiente os informes técnicos realizados mediante series de ortofotos. En todo caso, os dereitos asociados ás plantacións que figuran no RVG e leven máis de tres anos como abandonadas quedarán integrados na reserva galega para a súa redistribución».

Dous. O punto 4 do artigo 4 queda redactado como segue:

«4. Excepcionalmente, os dereitos asignados á reserva galega procedentes de superficies vitícolas abandonadas serán adxudicados sen contrapartida financeira».

Tres. Engádese un punto 4 ao artigo 7, coa seguinte redacción:

«4. Con carácter excepcional, coa finalidade de preservar o patrimonio vitícola de Galicia, os dereitos asignados á reserva galega procedentes de superficies vitícolas abandonadas serán adxudicados a título gratuíto preferentemente naquelas zonas vitícolas de Galicia declaradas de especial protección. Non obstante, con carácter prioritario nas ditas zonas teranse en conta igualmente os agricultores e as agricultoras mozos e o redimensionamento estrutural das explotacións nos termos do punto anterior».

Catro. A alínea b) do artigo 8 queda redactada como segue:

«b) A cantidade máxima de dereitos de plantación de viñedo procedentes da reserva galega que se poderán asignar por solicitante será de 3 hectáreas. Non obstante, no caso de entidades asociativas, cooperativas ou calquera outra agrupación de persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación ou dos seus membros, a superficie máxima de dereitos de plantación de viñedo procedentes da reserva galega que se poderán asignar será de 3 ha por socio ou membro, cun máximo de 18 ha».

Disposición derradeira segunda. Título competencial.

Este decreto dítase ao abeiro do disposto no punto 3 do artigo 30.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, que lle outorga á comunidade autónoma competencia exclusiva, de acordo coas bases e coa ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, en materia de agricultura e gandaría.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e cumprimento do disposto neste decreto e modificar os anexos, en particular de acordo coas modificacións da normativa básica estatal e comunitaria, así como para modificar as datas e os prazos contidos nel e as normas procedementais que considere oportunas.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

Este decreto entra en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO S: VII

Clasificación das variedades de uva para vinificación da Comunidade Autónoma de Galicia

Provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Variedades recomendadas:

– Albariño, B

– Branca de Monterrei, B

– Brancellao, T

– Caíño branco, B

– Caíño bravo, T

– Caíño longo, T

– Caíño tinto, T

– Dona Branca, B

– Espadeiro, Torneiro, T

– Ferrón, T

– Godello, B

– Mouratón, T

– Lado, B

– Loureira, Loureiro branco, Márqués, B

– Loureiro tinto, T

– Mencía, T

– Merenzao, María Ordoña, T

– Pedral, Dozal, T

– Sousón, T

– Torrontés, B

– Treixadura, B

Variedades autorizadas:

– Agudelo, B

– Albillo, B

– Branco lexítimo, B

– Castañal, T

– Garnacha tintureira, T

– Gran negro, T

– Macabeo, Viura, B

– Palomino, B

– Tempranillo,T

(B: branca; T: tinta)

ANEXO S: VIII

[táboa]

ANEXO S: IX

[táboa]

ANEXO S: X

[táboa]

ANEXO D: I c.

Novo. Anexo D: I c.Véxase a ligazón a orde do 22 de setembro de 2021.

ANEXO D: IV b

[Documento: dec_CMR------_00256_2011_20111207]

Modificación. Anexo D: III b nova redacción.Véxase a ligazón a orde do 22 de setembro de 2021.

EXPLICACIÓN DO ANEXO D: III b

O ORIXINAL E A PRIMEIRA COPIA DESTE ANEXO III b DEBEN SER FACILITADOS POLO PROVEDOR AO COMPRADOR.

O ORIXINAL, ASINADO TAMÉN POLO COMPRADOR, DEBE XUNTARSE Á DECLARACIÓN DE PRODUCIÓN (ANEXO III).

FORMALIZACIÓN DOS DATOS SOLICITADOS

CADRO A.

Cubrirase cos datos que figuran no anexo III.

CADRO B.

Cubrirase cos datos do provedor.

CADRO C.

1. Natureza.

Consignarase a denominación comunitaria do produto entregado: uva, mosto de uva, mosto de uva concentrado, mosto de uva concentrado rectificado, mosto de uva parcialmente fermentado ou viño novo aínda en proceso de fermentación.

2. Cantidade.

Entrega efectuada en hectolitros. A cantidade de uva entregada consignarase en hectolitros de viño equivalentes, calculados a partir dos 100 quilos de uva de procedencia multiplicados por 0,74.

3 e 4. Provincia de orixe da uva e viñedo de procedencia.

Son os correspondentes ao produto entregado.

5. Rendemento.

Débese indicar o correspondente á unidade territorial e ao tipo de viñedo sinalados nos puntos anteriores 3 e 4.

6. N.º do documento que se achega ao produto.

Consignarase o número cando o transporte do produto se efectúa acompañado del, de acordo co establecido no Regulamento (CE) n.º 436/2009, da Comisión.

EXEMPLARES E DESTINO

- Orixinal: ADMINISTRACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA (FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA, FOGGA).

- Primeira copia: COMPRADOR.

- Segunda copia: PROVEDOR.

ANEXO D: V

[Documento: dec_CMR------_00256_2011_20111207]

Modificación. Anexo D: IV pasa a denominarse D: V Véxase a ligazón a orde do 22 de setembro de 2021.

EXPLICACIÓN DO ANEXO D: IV

PERSOAS OBRIGADAS A PRESENTAR A DECLARACIÓN

Todas as persoas que obtivesen uvas de parcelas plantadas sen permiso da Administración e que non fosen regularizadas.

PRAZO DE PRESENTACIÓN

Ata o 10 de decembro.

LUGAR DE PRESENTACIÓN

Ante o órgano designado pola comunidade autónoma en cuxo ámbito radique a superficie de viñedo; a presentación pode realizarse mediante entrega no rexistro, envío por correo certificado, ou calquera outro procedemento previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

UNIDADES.

- Os datos indicaranse de acordo cos seguintes criterios:

- superficie en hectáreas (1 ha = 10.000 metros cadrados), con dous decimais;

- masa en quintais (100 quilogramos, qm), con dous decimales;

- rendemento en quintais por hectárea (100 quilos por hectárea, (qm/ha), cun decimal.

En todos os casos a supresión de decimais realizarase sen redondeo.

EXEMPLARES DAS DECLARACIÓN E DESTINOS

Orixinal: COMUNIDADE AUTÓNOMA (FONDO GALEGO DE GARANTÍA AGRARIA, FOGGA).

Copia: DECLARANTE.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia