lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 23 de setembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

Publicado en: DOG 184 Bis 23/09/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia fai necesario que as autoridades sanitarias autonómicas sigan adoptando determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación da infección e dirixidas a facer fronte á crise sanitaria derivada da COVID-19.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto dese acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión, mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Establécese, ademais, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo do citado acordo.

Con base no disposto no citado punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, adoptáronse, mediante a Orde do 25 de xuño de 2021, unha serie de medidas que teñen por obxecto regular distintas actividades coa finalidade de que se poidan desenvolver en condicións de seguridade, minimizando ao máximo o risco de contaxio e a propagación da enfermidade.

Estas medidas específicas tradúcense, en moitos casos, no establecemento de capacidades máximas e na regulación destas, xa que se demostrou que, para lograr o fin proposto, resulta imprescindible evitar as aglomeracións e garantir o mantemento, en todo momento, da distancia de seguridade, reducindo o contacto físico ou a proximidade en condicións favorecedoras do contaxio.

A evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma exixiu modificar determinados aspectos desa orde coa finalidade de adaptar as medidas contidas nela á realidade actual, o que se fixo mediante distintas ordes.

Por outra banda, mediante a Orde do 14 de setembro de 2021 aprobouse o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxectivo de seguir garantindo a máxima seguridade tanto para as persoas traballadoras como para as persoas usuarias. O plan incide no control dos niveis de ocupación e na necesidade de manter, en todo momento, as normas hixiénico-sanitarias básicas de limpeza de mans e superficies, nas distancias de seguridade interpersoal, no uso de máscara, nas medidas de ventilación dos espazos e na limitación dos tempos de contacto.

O novo Plan de hostalaría segura, previamente consensuado coa Asociación Provincial de Hostalaría da Coruña, Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra e Clúster Turismo de Galicia, establece un procedemento para a clasificación dos establecementos segundo o seu nivel, en función das boas prácticas levadas a cabo e da aplicación de medidas sanitarias adicionais que fomenten espazos máis seguros e que ofrezan todas as garantías posibles.

Este novo plan permite unha estabilidade das condicións de apertura nos establecementos de hostalaría con independencia dos niveis de restrición de cada concello.

O novo Plan de hostalaría segura prevé no seu anexo determinadas disposicións en relación coa formación do persoal traballador.

Así, no nivel 1c establécese que se deberá asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19, cunha formación básica de 2 horas; mentres que no nivel 2c prevese que a dita formación básica teña unha duración de 4 horas.

A través da presente orde establécense os contidos mínimos dos programas de formación, a forma de acceder a tales cursos e a validación de cursos xa realizados desa formación, para os efectos de facilitar a formación sobre medidas hixiénicas e de seguridade no contexto da COVID-19 orientadas ao persoal traballador dos establecementos de hostalaría e restauración.

II

As medidas que se adoptan nesta orde teñen o seu fundamento normativo na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

Conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificación da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. O anexo da Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia pasará a denominarse como anexo I.

Dous. Engádese un novo anexo II na Orde do 14 de setembro de 2021 pola que se aproba o novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia, que se achega como anexo na presente orde.

Segundo. Eficacia

1. As medidas previstas na presente orde e no seu anexo producirán efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación. Non obstante, establécese un prazo de dous meses desde a súa publicación para o cumprimento da obriga de asegurar que a totalidade do persoal traballador dos establecementos de hostalaría e restauración teña a formación requirida segundo os contidos marcados polo novo Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde e no seu anexo serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO II

Contidos da formación do persoal da hostalaría e restauración no contexto da COVID-19 e procedementos para a validación da formación

1. Contidos mínimos dos programas de formación.

1.1. Un dos requisitos do novo Plan de hostalaría segura é asegurar a formación do persoal traballador segundo os contidos marcados pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre medidas hixiénicas e de seguridade na hostalaría no contexto da COVID-19.

Establécense dous tipos de formación en función do nivel dos establecementos:

a) Para o nivel 1c (unha cunchiña): a formación será básica (2 horas).

b) Para o nivel 2c (dúas cunchiñas): a formación será avanzada (4 horas).

1.2. Os contidos mínimos para o nivel de formación básico son os seguintes:

a) O novo Plan de hostalaría segura.

– Obxectivos e niveis.

b) Infección por SARS-CoV-2.

– Que é o SARS-CoV-2. Como se transmite.

– Que é a COVID-19 e cales son os síntomas. Consecuencias da infección pola COVID-19.

– Síntomas e actuacións en caso de contaxio. Illamento do caso sospeitoso. Caso e contacto.

c) Principais medidas ante a COVID.

– Uso correcto da máscara. Tipos de máscaras.

– Lavado de mans e outras medidas de hixiene.

– Distancia de seguridade e capacidades neste nivel.

– A importancia da ventilación. Medición de CO2.

d) Medidas específicas na hostalaría.

– Limpeza e desinfección: pautas para a súa realización; produtos autorizados.

– Organización adecuada dos espazos (itinerarios e zonas comúns).

– Medidas complementarias e medidas hixiénicas específicas das actividades (cociña, barra...).

1.3. Os contidos mínimos para o nivel de formación avanzado son os seguintes:

a) O novo Plan de hostalaría segura.

– Obxectivos e niveis.

b) Infección por SARS-CoV-2.

– Que é o SARS-CoV-2. Como se transmite.

– Que é a COVID-19 e cales son os síntomas. Consecuencias da infección pola COVID-19.

– Síntomas e actuacións no caso de contaxio. Illamento do caso sospeitoso. Caso e contacto.

– Control da transmisión:

• Detección precoz de casos.

• Manexo dos contactos estreitos.

• Cribados.

– As probas diagnósticas (PCR/tests de antíxenos) e seroloxías.

c) Principais medidas ante a COVID-19.

– Uso correcto da máscara. Tipos de máscaras.

– Lavado de mans e outras medidas de hixiene.

– Distancia de seguridade e capacidades neste nivel.

– A importancia da ventilación. Medición de CO2.

– Vacinas.

d) Medidas específicas na hostalaría.

– Limpeza e desinfección: pautas para a súa realización; produtos autorizados.

– Organización adecuada dos espazos (itinerarios e zonas comúns).

– Medidas complementarias e medidas hixiénicas específicas das actividades (cociña, barra...).

– Importancia do emprego de materiais dun só uso.

– Información sobre formas e sistemas de pagamento, itinerarios, zonas comúns.

– Rexistro de clientes.

– Pass COVID/Radar COVID.

e) Relacións coa clientela.

– Servizo e orientación ao cliente sobre as normas de hixiene, tanto a nivel individual como colectivo (grupos e familias).

– Transmisión de confianza e seguridade ao cliente sobre os servizos da hostalería.

1.4. Os contidos de cada curso acompañaranse de material didáctico, que debe incluír:

– Manual cos contidos teóricos.

– Outra información de interese: ligazóns e bibliografía.

1.5. Para a superación de cada curso, realizarase unha proba teórica formada, como mínimo, por 20 preguntas, das cales, para aprobar a proba, se debe contestar correctamente un 80 %.

1.6. Tras a superación de cada curso, porase á disposición do alumnado un certificado que conterá o programa da formación.

2. Como acceder á formación requirida.

2.1. Novos cursos organizados pola Administración autonómica.

A Xunta de Galicia no prazo máximo de 10 días, porá á disposición dos profesionais do sector unha plataforma de formación para acceder aos contidos de cada nivel e obter a certificación oportuna de forma gratuíta.

O acceso será a través da páxina web https://www.turismo.gal/galiciadestinoseguro/ formacion-niveis-covid-19.

Alí atoparanse as dúas opcións para acceder aos contidos da formación básica e da formación avanzada. Os contidos poderán visualizarse cantas veces se considere conveniente.

Tras a visualización dos contidos, o alumnado deberá rexistrarse para solicitar o acceso á proba que corresponda. A cada alumno que o solicite, enviaráselle por correo electrónico a ligazón para realizar a proba. Se a proba é superada, remitiráselle o certificado tamén por correo electrónico.

2.2. Novos cursos organizados por outras entidades e servizos de prevención de riscos laborais.

Os cursos para obter a formación básica e avanzada no contexto do novo Plan de hostalaría segura tamén poderán ser impartidos por entidades de formación, asociacións do sector e servizos de prevención de riscos laborais.

Os contidos para cada nivel deben ser, como mínimo, os que se achegan no punto 1.

Dado o carácter sanitario da formación, as titulacións dos docentes deberán ser: licenciaturas ou diplomaturas do ámbito sanitario, licenciatura en Veterinaria, técnicos de Seguridade e Hixiene, técnicos en Prevención de Riscos Laborais.

Ademais, deben exixir asistencia completa (presencial ou virtual) e a superación dunha proba para a obtención do certificado correspondente.

As entidades de formación, as asociacións do sector e os servizos de prevención de riscos laborais que pretendan acreditar esta formación comunicarán á Dirección Xeral de Saúde Pública a seguinte información:

– Nome do curso que se vai impartir.

– Modalidade (presencial e/ou virtual).

– Nivel de formación (básica ou avanzada).

– Programa.

– Duración.

– Docentes e titulación.

Tras a revisión da información achegada, a Dirección Xeral de Saúde Pública validará o curso ou comunicará, se é o caso, os requisitos que deban cumprirse para a indicada validación. Entenderanse validados se non se recibe a indicada comunicación nun prazo de quince días. Os cursos validados publicaranse na páxina web https://coronavirus.sergas.es/ Contidos/Hostalaria-segura.

2.3. Validez dos cursos xa realizados.

Os cursos xa realizados con anterioridade á data da eficacia do presente anexo daranse por válidos como formación básica, cando o seu contido coincida co recollido no punto 1.2 (cando menos nun 80 %), a duración sexa igual ou maior a 2 horas e se entregase o correspondente certificado acreditativo co programa. Estes requisitos poderán ser comprobados polas autoridades competentes no caso de inspección do establecemento.».

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia