lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Orde do 1 de setembro de 2021 pola que se prorroga e se modifica o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia.

Publicado en: DOG 170 Bis 03/09/2021

Departamento: Consellería de Sanidade

Estado: En vigor

PDF

I

No Diario Oficial de Galicia número 140-bis, do venres 23 de xullo de 2021, a Consellería de Sanidade publicou a Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia.

A dita orde ditouse consonte o disposto no punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, en que se establece que as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Con esta finalidade poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade. Tamén se establece que a persoa titular da consellería competente na dita materia, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de conformidade coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación das medidas concretas contidas no anexo.

A adopción das medidas recollidas na Orde do 21 de xullo de 2021 veu determinada pola evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, tal e como se xustifica na súa exposición de motivos. Para facer fronte a ela, a dita Orde do 21 de xullo de 2021 recolleu unha serie de medidas limitativas de dereitos fundamentais que consisten no establecemento de limitacións de permanencia de grupos de persoas no territorio de todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, cun máximo de seis persoas nos espazos interiores e dez persoas en espazos exteriores, agás que sexan conviventes ou estean conformados, como máximo, por dúas unidades de convivencia. Por outra banda, para os concellos con nivel de restrición máximo e alto, entre a 1.00 horas (hora de peche da actividade de hostalaría e restauración nestes concellos, nos cales está pechado o lecer nocturno) e as 6.00 horas, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, queda limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Así mesmo, respecto dos concellos con nivel de restrición medio e medio-baixo, a permanencia de grupos de persoas en espazos pechados e en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, queda limitada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes entre as 3.00 horas (hora de peche da actividade do lecer nocturno nestes concellos) e as 6.00 horas. As citadas medidas foron ratificadas mediante o Auto 88/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Cómpre indicar que o número 3 do punto cuarto da Orde do 21 de xullo de 2021 dispón que, en cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas na citada orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade. Polo tanto, a Orde do 21 de xullo de 2020 prevé expresamente a posibilidade de prorrogala e de acometer a súa modificación coa finalidade de adaptala á realidade da evolución da pandemia.

Así, mediante a Orde do 29 de xullo de 2021 modificouse o anexo da Orde do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, para os efectos de incluír no nivel de restricións que en cada caso correspondía os concellos segundo a súa situación epidemiolóxica. As citadas medidas foron tamén autorizadas mediante o Auto 94/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Posteriormente, mediante a Orde do 4 de agosto acometeuse unha nova modificación do anexo da Orde do 21 de xullo coa finalidade de adaptalo á realidade da situación epidemiolóxica. Tamén se prorrogou a súa eficacia, estendéndose a súa vixencia ata as 00.00 horas do 21 de agosto. Mediante o Auto 95/2021, da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, foron autorizadas as ditas medidas. Mediante a Orde do 11 de agosto de 2021 levouse a cabo unha nova modificación do anexo da Orde do 21 de xullo para adaptalo á realidade actual. Pola súa banda, mediante a Orde do 19 de agosto de 2021 prorrogouse a eficacia da Orde do 21 de xullo ata as 00.00 horas do día 4 de setembro. Tamén se modificou o anexo da citada Orde do 21 de xullo mediante a referida Orde do 19 de agosto e, posteriormente, mediante a Orde do 25 de agosto coa finalidade de axustalo á evolución da situación epidemiolóxica. Ao igual que nos casos anteriores, tanto a prórroga como as modificacións realizadas foron autorizadas mediante os correspondentes autos da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

II

Debe salientarse que, neste momento, resulta necesario prorrogar a eficacia da Orde do 21 de xullo xa que se mantén, en termos xerais, a situación que determinou a adopción das medidas previstas nela; non obstante, a concreta evolución da situación epidemiolóxica de determinados concellos da Comunidade Autónoma mudou, o que exixe acometer unha nova modificación do anexo da dita orde coa finalidade de incluír no nivel de restricións que en cada caso corresponda os concellos en que variou a situación. Así resulta do Informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 1 de setembro de 2021, do cal pode destacarse o seguinte:

O número reprodutivo instantáneo (Rt), que indica o número de contaxios orixinados por un caso activo, segue a manterse por debaixo do 1, o que indica unha diminución na transmisión da infección. Todas as áreas sanitarias están por debaixo do 1.

Do total de concellos de Galicia (313), 49 non notificaron casos nos últimos 14 días. O número de concellos sen casos nos últimos 7 días foi de 82. Isto supón un aumento en 9 concellos a 14 días e en 11 concellos a 7 días desde hai unha semana, que era de 40 e 71, a 14 e a 7 días.

Entre o 17 e o 23 de agosto realizáronse 57.567 probas diagnósticas de infección activa polo virus SARS-CoV-2 (36.214 PCR e 21.353 tests de antíxenos) cunha porcentaxe de positividade a sete días do 8,6 %, o que supón un descenso do 8,4 % con respecto a entre o 9 e o 16 de agosto, que era do 9,4 %.

A incidencia acumulada a 7 e a 14 días é de 115 e 260 casos por cen mil habitantes, respectivamente, valores inferiores aos observados hai unha semana, en que eran de 145 e 325 casos por cen mil habitantes, respectivamente (descenso do 21 % a 7 días e do 20 % a 14 días). A tendencia diaria mostra, desde o 28 de decembro, catro tramos, primeiro crecente, a un ritmo do 0,6 % ata o 1 de marzo, e despois decrecente, cunha porcentaxe de cambio diario de -2,1 %; séguelle outro tramo de tendencia lixeiramente crecente, cunha porcentaxe de cambio diaria do 10,4 %, e o 21 de xullo detéctase outro cambio en sentido decrecente cunha porcentaxe de cambio diaria do -3,7 %.

En canto á evolución por grupos de idade, obsérvase que a incidencia acumulada por grupos de idade está a descender en todos os grupos máis novos, agás nos de 12 a 19 anos, en que se observa un descenso menor e non á mesma velocidade que o descenso anterior. Os grupos maiores de 60 anos ou se estabilizan, incluído o de 80 e máis anos, ou descenden, pero lentamente.

Polo que respecta á situación das áreas sanitarias, indícase que as taxas a 14 días das áreas están entre os 159,17 casos por cen mil habitantes de Pontevedra e os 369,57 de Lugo. As taxas de incidencia a 14 días seguen a diminuír con respecto ás de hai 7 días. Non obstante, as taxas a 14 días aumentaron nas áreas de Santiago, Lugo e Ourense. As taxas de incidencia acumulada a 7 días aumentan nas áreas sanitarias de Santiago e Lugo; nas áreas sanitarias de Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo están por debaixo dos cen casos por cen mil habitantes.

No que atinxe á evolución da incidencia por grupos de idade e por áreas sanitarias, establécese que na Área Sanitaria de Santiago semella que se estabiliza o aumento na incidencia nos grupos de 0 a 29 anos e obsérvase unha estabilización nos demais grupos de idade. Na Área Sanitaria de Lugo aumentan todos os grupos de idade, especialmente os de 0 a 29 anos. Na área de Ourense parece que se estabiliza o descenso en todos os grupos de idade, agás un lixeiro aumento nos de 0 a 14 anos.

No que respecta á hospitalización dos casos de COVID-19, a media de pacientes coa COVID-19 en hospitalización de agudos nos últimos 7 días foi de 193,4, o que significa un descenso do 16,5 % con respecto aos datos de hai sete días. A taxa de pacientes coa COVID-19 en hospitalización de agudos é de 7,2 ingresados por 100.000 habitantes, cun descenso, tamén, do 16,5 % con respecto aos datos de hai 7 días. En canto aos ingresos COVID-19 nas unidades de críticos (UCI) nos últimos 7 días, a media foi de 51,3 e a taxa a 7 días de ingresados nas UCI é de 1,9 ingresados por cen mil habitantes, o que supón un descenso do 14,5 % con respecto aos datos de hai sete días, tanto na media como na taxa.

En canto ao número de ingresos por grupo de idade, saliéntase que o grupo de idade de 15 a 64 anos é o que presenta máis ingresos, pero os grupos de idades máis avanzadas, especialmente os de 80 e máis anos, presentan un importante número de ingresos, que se explica porque ante incidencias elevadas, como as actuais, este grupo de idade ten risco de enfermar de gravidade, a pesar da vacinación, xa que os maiores teñen máis probabilidade de non desenvolver anticorpos de xeito igualmente eficiente que os máis novos debido á senescencia do seu sistema inmune.

Pola súa banda, as defuncións acumuladas pola COVID-19 seguen a aumentar, pero máis amodo, aínda que a onda está a descender, debido a que tanto as hospitalizacións como as defuncións levan un atraso con respecto á incidencia de casos.

Polo que respecta á situación epidemiolóxica nos concellos de Galicia, destácase que nos concellos con poboación igual ou maior de dez mil habitantes 3 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 32 do informe anterior, o que supón un descenso en 29 concellos. Dous superan os 500 casos por cen mil habitantes. No que se refire aos concellos de menos de 10.000 habitantes, 68 presentan unha taxa axustada de incidencia a 14 días igual ou superior aos 250 casos por cen mil habitantes, fronte aos 104 de hai unha semana, o que supón un descenso en 36 concellos. Deles, 22 presentan taxas axustadas de incidencia iguais ou superiores a 500 casos por cen mil habitantes, 8 máis que hai unha semana, pero hai que ter en conta o tamaño de poboación destes concellos, xa que 11 deles teñen menos de 2.500 habitantes. No que atinxe ás comarcas, estarían no nivel máximo as comarcas de Viana, Terra de Trives, A Ulloa, Terra de Lemos, Terra de Melide, Ordes e Arzúa.

En canto ás variantes do virus SARS-CoV-2, o informe recolle que desde a posta en marcha da vixilancia da prevalencia das variantes en Galicia, baseada na aplicación dunhas PCR específicas sobre unha mostra aleatoria das mostras positivas para SARS-CoV-2 por PCR da semana previa, identificadas nos servizos de microbioloxía dos hospitais CHUAC, CHUS, CHUVI, CHUO, HULA e Vithas (Vigo), na semana epidemiolóxica 33/2021 (do 16 ao 22 de agosto) a porcentaxe de positividade para a posible variante Alfa foi dun 1 % (IC95 %: 0-2 %) e para a variante Delta foi do 97 %. (IC95 %: 96-98 %). Polas diferenzas nas fraccións de mostraxe entre áreas sanitarias, a prevalencia axustouse ao número de casos en cadansúa área, que é notablemente diferente á prevalencia sen axustar 97 % (IC95 %: 96-98 %) e 1 % (IC95 %: 0-2 %) para as variantes Delta e Alfa, respectivamente. Ata a semana 32, incluída, das variantes de preocupación (VOC) identificáronse 953 casos da variante Alfa con secuenciación completa; 42 casos da variante Beta (B.1.351 ou surafricana); 82 casos da variante Gamma (P1 ou brasileira); 555 casos da variante Delta (B.1.617.2 ou india). Ademais das VOC, tense constancia de 3 mostras coa variante Eta (B.1.525 ou nixeriana); 9 mostras coa variante Iota (B.1.526 ou de Nova York); 21 mostras coa variante Lambda (C.37) e 51 mostras coa variante B.1.621 (colombiana).

O informe conclúe que a taxa de incidencia diminúe tanto a 7 como a 14 días. A tendencia amosa o descenso cunha porcentaxe de cambio diaria do -3,7 %. O Rt no global de Galicia segue por debaixo do 1, o mesmo que en todas as áreas sanitarias. A información do modelo de predición indica que a incidencia vai diminuír tanto a 7 como a 14 días, aínda que a 14 un pouco máis lixeiramente.

A taxa de incidencia a 14 días, no global de Galicia, está nos 260 casos por cen mil habitantes. As áreas sanitarias de Santiago e Lugo aumentaron as súas taxas a 7 días con respecto á semana previa. A 14 días fano as áreas de Santiago, Lugo e Ourense.

En canto á evolución da incidencia por grupos de idade e área sanitaria, obsérvase que segue o aumento nos grupos de idade de 0 a 29 anos na área de Santiago, aínda que semella unha estabilización. Na área de Lugo aumentan todos os grupos de idade, especialmente os de 0 a 29 anos.

No que atinxe aos concellos de máis de dez mil habitantes, xa aplicando o axuste de taxas, hai 3 concellos con taxas de incidencia a 14 días iguais ou superiores a 250 casos por cen mil habitantes. Nos de menos de dez mil habitantes hai 68 concellos que superan unha taxa de incidencia de 250 casos por cen mil habitantes. Isto supón un descenso importante con respecto a hai unha semana.

Neste momento, a variante Delta (india) segue a ser a prevalente e pódese considerar que é a que circula, xa que a Alfa ten unha prevalencia do 1 %. A maior transmisibilidade da variante Delta explica, entre outros posibles motivos, a alta incidencia, especialmente nos máis novos, que son os que teñen unha maior mobilidade.

Cómpre indicar que o criterio que se vén utilizando para determinar os niveis de restrición aplicables a cada un dos concellos da Comunidade Autónoma é, ademais do da situación sanitaria, o da taxa de incidencia acumulada segundo os casos por cada 100.000 habitantes, tanto a 14 días como a 7 días; esta última permite reaccionar con maior rapidez e eficacia fronte aos gromos.

Desta maneira, establecéronse os seguintes niveis de restricións: nivel de restricións máximo, alto, medio e medio-baixo. Atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 14 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos con taxas por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos con taxas que se atopen entre os 150 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes; no alto, os concellos con taxas que se atopen entre os 250 e por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, atendendo ás taxas de incidencia acumulada a 7 días, sitúanse no nivel medio-baixo os concellos que se atopen por debaixo dos 75 casos por cada 100.000 habitantes; no medio, os concellos que se atopen entre os 75 e por debaixo dos 125 casos por cada 100.000 habitantes; no nivel alto, os concellos que se atopen entre os 125 e por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes, e no nivel de restrición máxima, os concellos cuxas taxas de incidencia acumulada sexan máis de 500 casos por 100.000 habitantes.

A taxa de incidencia acumulada non é o único criterio que se ten en conta para determinar o nivel aplicable a cada concello, xa que este dato se modula en función doutros factores e da análise da situación do propio concello. Así, o criterio da incidencia vese completado coa consideración de criterios demográficos (pois debe terse en conta que en concellos de escasa poboación poucos casos poden dar lugar a taxas moi elevadas, que deben ser postas no debido contexto). Ademais, os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo. Neste sentido, vénse prestando unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica.

Actualmente, o avance da campaña de vacinación masiva está a conseguir protexer a poboación e retomar actividades económicas e sociais ata o de agora limitadas para evitar un maior número de contaxios. Non obstante, e mentres non se alcance a inmunidade de grupo, é necesario seguir adoptando medidas preventivas e de control que permitan garantir as máximas condicións de seguridade e reducir o risco de contaxio e propagación da COVID-19. Estas medidas deben ser adecuadas e eficaces de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e de capacidade do sistema asistencial.

Tendo en conta o expresado en relación con que existe unha porcentaxe moi elevada de poboación vacinada, o cal permitiu unha redución importante de hospitalizacións e falecementos, foi necesario actualizar os indicadores de risco establecidos antes do inicio da campaña de vacinación. Deste xeito, a partir da adopción destes novos criterios, as medidas de prevención e control pretenden adaptarse ao novo escenario en que nos atopamos, onde prevalecen os casos entre a poboación máis nova e na cal unha porcentaxe maioritaria non ten consecuencias clínicas importantes.

Neste sentido, saliéntase que dous terzos dos casos se están a dar entre os 15 e os 39 anos de idade e que existe un menor risco de padecer a enfermidade grave nesas franxas de idade. Na situación actual concorren, en definitiva, determinadas circunstancias que aconsellan axustar as taxas de incidencia acumulada mediante a aplicación dun factor de corrección baseado no risco de ingreso hospitalario, xa que a situación da carga asistencial hospitalaria é, neste momento, de 3,2 e 0,6 ingresos por 100.000 en hospitalización de agudos e en unidades de críticos, respectivamente, a pesar das taxas de incidencia elevadas que se están a observar. Isto indica que a onda ten un menor impacto nos ingresos pola COVID-19, o que se atribúe aos factores aludidos de vacinación dos maiores e á idade dos casos.

Para o axuste, calculouse un factor de corrección que se interpreta como o risco relativo de ingreso no período comprendido entre agosto de 2020 e marzo de 2021 (período de referencia) comparado co momento actual. Este factor é superior a 1, debido á vacinación e á diferente distribución por idade dos casos, que actualmente se concentran, fundamentalmente, na poboación de 15 a 29 anos. Para axustar a incidencia a 7 e a 14 días dos concellos, divídese a taxa bruta polo factor de corrección.

O factor de corrección calcúlase, para cada día, como o cociente entre a taxa bruta de ingresos nos últimos 28 días e a taxa axustada por idade, aplicando o método directo e usando como poboación estándar o número de casos do período de referencia.

A taxa bruta de ingresos a 28 días é a porcentaxe de casos que ingresaron entre os casos con diagnóstico por PCR ou tests de antíxenos acumulados nos últimos 28 días. As taxas específicas de ingreso por idade calcúlanse do mesmo xeito, pero no grupo de idade correspondente.

A taxa axustada de ingresos calcúlase aplicando as taxas específicas de ingreso por idade a 28 días á poboación de referencia. A suma dos valores obtidos por idade divídese entre o total de casos do período de referencia (97.996) e o resultado interprétase como a porcentaxe de casos que terían ingresado se tivesen a mesma distribución por idade ca no período de referencia (taxa de ingresos axustada).

A cada un dos distintos niveis de restrición seranlle de aplicación as medidas xerais e específicas previstas para cada caso nas disposicións vixentes, aprobadas polas autoridades sanitarias competentes, tendo en conta, ademais, que actualmente está cientificamente constatado que, mentres non exista unha alta cobertura poboacional de vacinación, as intervencións non farmacolóxicas son as intervencións de saúde pública máis efectivas contra a COVID-19, medidas que se poderán ir suavizando na súa aplicación en vista da situación epidemiolóxica no territorio e do aumento da cobertura vacinal.

Debe destacarse, ao fío do anterior, que Galicia conta cunha poboación especialmente envellecida, cunha porcentaxe de persoas de 65 e máis anos (ano 2020) do 25,4 % fronte ao 19,6 % do conxunto de España.

Porén, tamén hai que ter en consideración que, aínda que esta cobertura se obteña en determinados grupos, a distribución poboacional pode ser desigual, se se ten en conta toda a poboación e non os grupos de idade prioritarios que se están a vacinar en primeiro lugar. Tampouco se pode esquecer que mentres non se consiga conter a pandemia no mundo, con países con alta circulación do virus, poden aparecer novas variantes do virus que poidan ter a capacidade de escapar á inmunidade proporcionada polas vacinas actuais. Ademais, a circulación da variante Delta pode facer que haxa escape á inmunidade naquelas persoas que non estean completamente vacinadas e certo escape nas completamente vacinadas, sen esquecer que esta variante se considera que é un 40-60 % máis transmisible ca a variante Alfa.

Non obstante, estas medidas aplicaranse con criterios epidemiolóxicos, pero tamén de proporcionalidade, e estarán en vixencia só durante o tempo preciso para asegurar que a evolución desta situación epidemiolóxica é boa e que se está a cortar a transmisión, que é o obxectivo destas medidas.

En atención ao exposto, tendo en conta o indicado no citado informe da Dirección Xeral de Saúde Pública e logo de escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, acórdase manter no nivel máximo de restricións os concellos de Ordes e Monforte de Lemos, polas súas taxas axustadas a 7 e a 14 días. Nestes dous concellos a situación epidemiolóxica continúa sen ser boa, aínda que se observou unha lixeira melloría. Pola súa banda, acórdase que o concello de Melide ascenda ao nivel máximo desde o alto actual, tal como indican as súas taxas axustadas a 7 e a 14 días. Este concello, por mor das festas, experimentou un aumento na incidencia dos concellos veciños, incluso doutras provincias. Ademais, dado o empeoramento da súa situación epidemiolóxica, considérase preciso o seu ascenso a este nivel co obxectivo de controlar o aumento na incidencia de casos e que continúe a afectar os concellos limítrofes, sobre os cales ten unha elevada influencia económica e de actividades mercantís e de lecer.

Polo que respecta ao nivel alto de restricións, acórdase manter neste nivel os concellos de Trazo, A Pastoriza, Castro de Rei, O Saviñao e Viana do Bolo xa que, aínda que as súas taxas de incidencia acumulada a 7 e a 14 días son propias do nivel máximo, en todos eles a incidencia descendeu nos últimos 7 días, polo que se considera que o nivel alto de restricións, no cal xa se atopaban, podería ser suficiente para controlar os gromos que alí se están a desenvolver. Ademais, en todos eles, os casos forman parte de gromos controlados. Tamén debe permanecer no nivel alto de restricións o concello de Muxía, aínda que as súas taxas a 14 días son propias do nivel máximo, xa que este concello está a amosar unha boa evolución da súa situación epidemiolóxica, cun descenso claro da súa incidencia nos últimos 7 días. Igualmente, mantéñense no nivel alto, tal como indican as súas taxas axustadas a 7 e a 14 días, os concellos de Cee, Cerceda, Ares, Meira e A Cañiza. Todos estes concellos presentan unha boa evolución da súa incidencia, aínda que non o suficientemente rápida como para poder descendelos a niveis inferiores.

Ascenden ao nivel alto os seguintes concellos, actualmente no nivel medio-baixo: Curtis, Agolada, Arzúa, O Pino, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei e A Pobra de Trives, xa que, aínda que as súas taxas a 7 e/ou a 14 días son propias do nivel máximo, o aumento da incidencia se debe a gromos relacionados coas festas de Melide (como é o caso de Curtis, Agolada, Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei) ou a gromos de orixe controlada debidos a reunións familiares, sendo a fonte do gromo, en moitos deles, de fóra do propio concello.

Tamén ascenden ao nivel alto os concellos de Lalín e Vilalba, debido á súa taxa a 7 días. Nos dous concellos houbo un aumento explosivo da incidencia nos últimos 7 días. Os casos estanse a dar, principalmente, en xente nova, debido á súa asistencia a festas, tanto dentro do seu concello como fóra del.

Finalmente, cabe salientar que descenden do nivel alto ao nivel medio e ao nivel mediobaixo, como consecuencia da mellora da súa situación epidemiolóxica, os seguintes concellos:

Por unha banda, descenden ao nivel medio os concellos de Camariñas e Fisterra, aínda que a súa taxa a 14 días é propia do nivel alto, xa que, non obstante, a súa taxa a 7 días xa é de nivel medio, cunha evolución da súa incidencia a 7 e a 14 días en descenso e unha razón de taxas a 7 días por debaixo do 1, o que indica a non aparición de casos novos. Tamén descenden ao nivel medio, tal como están a indicar as súas taxas a 7 e a 14 días, os concellos de Betanzos, O Barco de Valdeorras e Nigrán.

Por outra banda, descenden ao nivel medio baixo os concellos de Rábade, Cariño e Sober xa que evolucionan favorablemente con rapidez, presentando xa taxas a 7 días propias do nivel medio-baixo.

III

Sentado o anterior, debe insistirse en que, mediante esta orde, se prorroga a eficacia e se modifica a Orde do 21 de xullo 2021 para adaptala á realidade da evolución epidemiolóxica de determinados concellos, tal e como se establece no punto cuarto desta, en que se consagran os principios de necesidade e proporcionalidade con base nos cales as medidas recollidas nela deben ser obxecto de seguimento e avaliación continua para garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Debe salientarse, ademais, que tanto a prórroga como a modificación da Orde do 21 de xullo de 2021 precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, polo que só se procederá á publicación da orde unha vez obtida a referida autorización.

A eficacia desta orde comezará ás 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación e estenderase durante o período en que se manteña a vixencia da Orde do 21 de xullo de 2021, que modifica, sen prexuízo do seguimento e avaliación continua a que están sometidas, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Destácase finalmente que, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, a persoa titular da Consellería de Sanidade ten a condición de autoridade sanitaria, polo que é competente para adoptar as medidas de prevención específicas para facer fronte ao risco sanitario derivado da situación epidemiolóxica existente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coa urxencia que a protección da saúde pública demanda.

Na súa virtude, en aplicación do punto sexto do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Prórroga da eficacia das medidas previstas na Orde de 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia

Atendendo á evolución da situación epidemiolóxica, prorrógase ata as 00.00 horas do día 18 de setembro de 2021 a eficacia das medidas previstas na Orde de 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, sen prexuízo do indicado no punto segundo desta orde.

Segundo. Modificación do anexo da Orde do 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia

Modifícase o anexo da Orde do 21 de xullo pola que se establecen medidas cualificadas de prevención para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e que precisan de autorización xudicial para a súa eficacia, que queda redactado segundo o anexo desta orde.

Terceiro. Autorización xudicial, publicación e eficacia

1. Solicitarase a autorización xudicial da prórroga e modificación previstas nesta orde, de acordo co disposto na redacción vixente do número 8 do artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e publicarase a orde unha vez obtida a referida autorización.

2. As medidas previstas nesta orde terán efectos desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación.

3. En cumprimento dos principios de necesidade e de proporcionalidade, as medidas previstas nesta orde serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Como consecuencia deste seguimento e avaliación, as medidas poderán ser prorrogadas, modificadas ou levantadas por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

Julio García Comesaña

Conselleiro de Sanidade

ANEXO

«ANEXO

Concellos en que son aplicables as limitacións de permanencia de grupos de persoas aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes entre a 1.00 e as 6.00 horas

A) Concellos con nivel de restrición máxima:

Ordes

Melide

Monforte de Lemos

B) Concellos con nivel de restrición alta:

Agolada

Antas de Ulla

Ares

Arzúa

Cañiza (A)

Castro de Rei

Cee

Cerceda

Curtis

Lalín

Meira

Monterroso

Muxía

Palas de Rei

Pastoriza (A)

Pino (O)

Pobra de Trives (A)

Saviñao (O)

Trazo

Viana do Bolo

Vilalba»

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia