lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Publicado en: DOG 252 29/12/2009

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos.

I

A Comunidade Autónoma de Galicia ten regulado o aproveitamento da enerxía eólica a través do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, no que, entre outros aspectos, se estimula a participación do sector público no capital social do proxecto das empresas que, en virtude do procedemento que deseña, resulten autorizadas para instalar parques eólicos xeradores de enerxía eléctrica na nosa comunidade autónoma.

Tal participación, concibida polo Consello Consultivo de Galicia no seu Ditame 727/2007 como unha tacha de legalidade directa e infranqueable, ademais de supoñer a transmisión de accións ou participacións mediante distintos negocios xurídicos que requiren compromisos certos de elevados fondos públicos, tamén implica compartir decisións en decenas de consellos de administración alleos á Administración autonómica, en definitiva, ser socio e intervir en estratexias empresariais privadas nun sector que a normativa básica de aplicación, Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, abandonando a noción de servizo público, considera expresamente, artigo 2.1, de libre iniciativa empresarial.

Unha escrupulosa observancia e respecto da liberalización do sector e a consideración de que o interese público de Galicia pode e debe encontrarse mellor reflectido e en harmonía plena co ordenamento xurídico son causa e razón suficientes para xustificar o distanciamento do procedemento ideado polo decreto e iniciado pola orde de aplicación co fin de atopar outras fórmulas, outros modelos máis racionais, máis perfectos, máis rectos.

A enerxía eólica, na súa consideración de renovable, é dicir, na súa condición de enerxía procedente dunha fonte inesgotable, e en atención ao seu carácter de limpa, ao non producir efectos contaminantes á atmosfera, é un activo que debe ser impulsado/ estimulado desde os poderes públicos. Que isto sexa así non implica que a súa implantación sexa totalmente inocua. En efecto, a instalación de aeroxeradores supón servidumes, cargas inevitables para o contorno, para o medio natural, para a paisaxe e para o hábitat no que se localizan, que en parte devén transformado non só como consecuencia do impacto visual producido pola existencia dos aeroxeradores, senón tamén como resultado das infraestruturas que eses elementos requiren, como son os camiños de acceso e as liñas de evacuación.

Esta alteración ambiental dos perfís dos horizontes, esta deseconomía, debe ser reparada mediante o establecemento dunha compensación en favor das concretas áreas territoriais que soportan e sosteñen a implantación de parques eólicos, resarcimento que basicamente debe nutrirse dos ingresos xerados pola institución dun tributo medioambiental denominado canon eólico, prestación patrimonial pública de natureza finalista e extrafiscal concibida como instrumento axeitado destinado a internalizar os custos sociais e ambientais mencionados e dirixido a estimular e promover a incorporación das novas tecnoloxías nos aeroxeradores, de tal xeito que a maior potencia unitaria destas repotenciacións dea lugar á redución do seu número, en definitiva, a protexer o medio ambiente, artigo 45.2 da Constitución.

Xustifícase plenamente a creación do canon eólico ao se configurar esta prestación como tributo de natureza extrafiscal, defínese o seu feito impoñible como a xeración de afeccións e impactos ambientais adversos sobre o medio natural e, por ende, sobre o territorio, a través da instalación dos bens afectos á produción de enerxía eólica.

Como se vén adiantando, paralelamente ao canon créase o Fondo de Compensación Ambiental, que se integrará esencialmente cos recursos derivados do canon eólico. Articúlase como medio que facilita a compatibilidade do desenvolvemento eólico coas actuacións de reparación do contorno e coa ordenación do territorio, definida xa como obxectivo polo vixente Plan sectorial eólico de Galicia na súa memoria xustificativa. En consecuencia, serán principais beneficiarios do fondo os entes locais cuxo termo municipal se encontre dentro da liña de delimitación poligonal dun parque eólico, tamén os afectados polas súas instalacións de evacuación.

Esta lei, ademais de concibir o novo modelo de aproveitamento eólico descrito nos parágrafos precedentes, pretende tamén regular as liñas esenciais do procedemento que debe seguirse para a autorización das instalacións de parques eólicos.

Suposta a competencia autonómica para a ordenación do procedemento e de acordo coa Directiva 2009/72/CE, do 13 de xullo, sobre normas comúns para o mercado interior da electricidade, esta lei conforma un procedemento de autorización administrativa precedido dun trámite de selección competitiva que, sen desvirtuar a natureza autorizatoria do procedemento, se adecúa á especificidade do sector da enerxía eólica. A seguridade da subministración, manifestada en limitacións derivadas da cota e das redes de transporte, a protección ambiental, a promoción das novas tecnoloxías e, en xeral, as potestades administrativas de planificación na materia derivadas das obrigas do sector público xustifican sobradamente a adopción do procedemento elixido, que, así mesmo, desde unha planificación racional dos tempos que deben seguirse e das necesidades que deben satisfacerse, establece convocatorias periódicas para autorizacións de parques eólicos por grupos de ADE.

Neste mesmo sentido é preciso resaltar que o Tribunal Supremo examinou a materia da enerxía eólica en pronunciamentos recentes, de entre os que cómpre destacar a sentenza do 30 de xaneiro de 2007, na que respecto do sector eléctrico recoñece «unha certa intervención pública» e o carácter de «sector necesariamente regulado», sinala que a circunstancia de que as autorizacións teñan carácter regrado e se rexan polos principios de obxectividade, transparencia e non discriminación «non é incompatible coa esixencia de que aqueles que as soliciten deban acreditar, entre outros extremos, as condicións de eficiencia enerxética das instalacións propostas».

A Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior, aínda que non resulte directamente aplicable a este sector, admite, utilizando a mesma lóxica, a opción de autorización con selección «cando o número de autorizacións dispoñibles para unha determinada actividade estea limitado debido á escaseza de recursos naturais ou das capacidades técnicas que se poidan empregar».

A regulación por esta lei do novo procedemento que debe seguirse é unha necesidade imposta pola instauración deste renovado modelo de aproveitamento eólico que, como xa apuntamos, prescinde da participación pública como criterio de valoración nas autorizacións, extremo este de substancial relevancia no anterior. Esta diferente ordenación dos trámites vén ademais requirida polas recentes exixencias normativas de simplificación e axilización deste tipo de procesos.

En efecto, o Real decreto lei 6/2009, do 30 de abril, polo que se adoptan determinadas medidas no sector enerxético e se aproba o bono social, prevé a planificación e axilización de instalacións como medida para garantir a sustentabilidade económica do sistema eléctrico no ámbito do réxime especial. O novo rexistro de preasignacións previsto no devandito real decreto lei e o seu carácter cronolóxico xustifican sobradamente esta conveniencia.

En similar sentido, a Directiva 2009/28/CE, do 23 de abril, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, ademais de definir como obxectivo obrigatorio para o ano 2020 unha cota do 20% de enerxías procedentes desas fontes, prevé que con ese fin os estados membros adopten as medidas apropiadas para garantir que os procedementos administrativos se racionalicen e se aceleren no nivel administrativo adecuado.

Pois ben, este obxectivo de axilización administrativa acádase mediante unha regulación racional e simplificada das distintas fases que non necesariamente deben producirse nun único procedemento. Con iso supérase a complexidade e conseguinte confusión/ dificultade xerada pola normativa precedente, garantíndose, á par, os principios de concorrencia e transparencia nun contexto de ampla seguridade xurídica.

Na mesma razón, non podemos obviar que a exixencia da certeza xurídica resulta reforzada mediante a previsión de convocatorias limitadas a áreas de desenvolvemento eólico nas que desde a propia administración se garantan o respecto aos requisitos ambientais, a suficiencia de recursos de vento e a posibilidade técnica de evacuación da enerxía xerada nos parques.

A incompatibilidade do novo modelo de aproveitamento eólico co ata agora vixente baseado, entre outros aspectos, na participación pública en capitais sociais alleos aos seus intereses, a pluralidade de convocatorias con ámbitos territoriais limitados fronte a unha soa de carácter global, a obriga de que non chegue a consolidarse o procedemento anterior incurso nunha manifesta incerteza xurídica, a creación do canon eólico e do Fondo de Compensación Ambiental como instrumentos de protección medioambiental e as consecuentes modificacións procedementais articuladas nesta norma que axilizan os trámites das autorizacións de parques eólicos son, a xuízo definitivo da lei, cambios normativos substanciais e razóns xustificadas de interese público que motivan a falta de base do procedemento instruído ao abeiro do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, e da Orde do 6 de marzo de 2008 e que determinan a imposibilidade da súa continuación.

En virtude do anterior, é vontade e decisión da lei acordar de xeito expreso e unilateral o desestimento e, en consecuencia, a finalización do actual procedemento en curso e declarar competente para materializar tal acto debido á persoa titular da consellaría con atribucións en materia de enerxía.

II

A lei estrutúrase en corenta e cinco artigos, seis títulos, unha disposición adicional, catro transitorias, unha derrogatoria e tres derradeiras.

O título I, artigos 1º a 4º, establece disposicións xerais relativas ao obxecto, ao ámbito de aplicación e ás competencias e definicións básicas para a interpretación de diferentes conceptos.

O título II, artigos 5º e 6º, relanza o concepto de planificación, especificando os criterios nos que debe asentarse e regulando a figura do Plan sectorial eólico de Galicia como eixe básico para a implantación das instalacións de enerxía eólica na nosa comunidade autónoma.

O título III, artigos 7º a 26º, de acordo co principio «quen contamina paga», prevé o establecemento do canon eólico e do Fondo de Compensación Ambiental. O canon é un tributo ambiental que, partindo dun limiar de tolerancia, pretende combater as cargas que provoca a implantación de aeroxeradores. Ten unha finalidade reparadora garantida pola a súa afectación ao Fondo de Compensación. De conformidade co sinalado no artigo 31.3 da Constitución, o establecemento deste ingreso público require dunha norma con rango de lei formal que delimite non só o feito impoñible, senón tamén os demais elementos que incidan directa e determinantemente na contía da débeda, elementos todos eles regulados ao longo destes artigos. Respecto do Fondo de Compensación Ambiental institúense normas definidoras da súa natureza, procedencia dos ingresos que o integran, actuacións de investimento ás que se destina e órgano encargado da súa xestión.

O título IV, artigos 27º a 41º, regula o réxime de autorización administrativa para a instalación de parques eólicos, con especial atención ao procedemento administrativo que debe seguirse e que se basea nunha fase de selección previa de anteproxectos e no outorgamento final da autorización. Prevé outros aspectos relevantes como o réxime de fianzas e a transmisión das autorizacións eólicas.

O título V, artigos 42º e 43º, refírese á inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e á consecuente inscrición no correspondente rexistro. Recolle a inclusión no réxime especial.

O título VI, artigos 44º e 45º, prevé as normas básicas sobre expropiación e servidumes, como procedementos asociados ás autorizacións de parques eólicos.

A disposición adicional modifica a alínea 37 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición transitoria primeira mandata ao conselleiro competente en materia de enerxía para desistir do procedemento incoado para a obtención de autorizacións de parques eólicos que se está a tramitar no momento de aprobación desta norma.

A disposición transitoria segunda asimila certos espazos ás áreas de desenvolvemento eólico en tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia e pretende garantir os dereitos adquiridos ao abeiro da normativa anterior por aqueles promotores convertidos en titulares de plans eólicos empresariais actualmente aínda vixentes ou non esgotados.

A disposición transitoria terceira considera vixente o actual Plan sectorial eólico de Galicia en tanto non se aprobe un novo plan e en todo o que non se opoña ao disposto nesta lei.

A disposición transitoria cuarta contén previsións en relación cos parques eólicos e parques eólicos singulares admitidos a trámite ao abeiro do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e da Orde do 29 de outubro de 2002.

A disposición derrogatoria única suprime a vixencia do Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico na Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira primeira habilita os órganos da Administración autonómica para adoptar as disposicións regulamentarias precisas para o desenvolvemento da lei.

A disposición derradeira segunda posibilita a modificación de calquera elemento do canon eólico a través da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A disposición derradeira terceira dispón a data de entrada en vigor da lei.

III

O marco competencial no que se encadra esta lei vén constituído polo Estatuto de autonomía de Galicia, que no seu artigo 27.13, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.º.22 e 25 da Constitución, lle outorga á nosa Comunidade a competencia exclusiva sobre as instalacións de produción e as instalacións de distribución e transporte secundario de enerxía eléctrica, cando estas non saian do territorio de Galicia e o seu aproveitamento non afecte outra provincia ou comunidade autónoma. O artigo 28.3 da mesma norma recoñécelle a Galicia a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de réxime mineiro e enerxético.

A competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o establecemento do canon eólico ten a súa cobertura nos artigos 133.2, 148.1.9.ª, 149.1.23 e 157.1.b) da Constitución, nos artigos 10.1, 27.3 e concordantes do Estatuto de autonomía, no artigo 17.b) da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, e na autonomía financeira que o artigo 156.1 da norma fundamental recoñece a estas no marco do seu ámbito competencial, neste suposto, dentro do contexto medioambiental; isto é, nun dobre título, dunha parte, na competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para aprobar normas adicionais sobre protección do medio ambiente e a paisaxe, e, doutra, na súa intrínseca potestade tributaria.

Neste escenario competencial, considerando o disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, reguladora do sector eléctrico, visto o Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve, co fin de que o aproveitamento da enerxía eólica se realice consonte o novo modelo deseñado e trazado nos parágrafos anteriores e co ánimo resolto de afianzar a Galicia no liderado da produción de enerxía eólica, procede levar a cabo esta regulación normativa.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

TÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto regular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) A planificación do aproveitamento da enerxía eólica mediante a elaboración do Plan sectorial eólico de Galicia.

b) O canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, como instrumentos para garantir o equilibrio territorial afectado pola instalación de parques eólicos e a sustentabilidade dos valores naturais.

c) O establecemento dun procedemento para a autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, baseado nos principios de libre competencia, transparencia, simplicidade, publicidade e axilización administrativa, que garanta o pleno respecto á seguridade xurídica.

d) Outras cuestións conexas co réxime autorizatorio como o procedemento para a declaración de utilidade pública das instalacións nos procedementos de expropiación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos de interpretación desta lei teranse en conta as seguintes definicións:

1 Parque eólico: instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria.

2. Plan sectorial eólico de Galicia: instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico (ADE) para garantir unha adecuada inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio.

3. Área de desenvolvemento eólico (ADE): espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial.

4. Aeroxerador: conxunto mecánico instalado nun parque eólico composto esencialmente de zapata, torre, pas e góndola que transforma a enerxía eólica do vento en enerxía eléctrica mediante rotores de palas que, a través dun sistema de transmisión mecánico, xiran o rotor dun xerador convertendo a enerxía mecánica rotacional en enerxía eléctrica.

5. Instalacións de conexión: segundo se define no artigo 30 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, enténdese por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de enlace entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

6. Poligonal de delimitación dun parque eólico: área efectivamente afectada pola instalación dun parque eólico determinada no seu proxecto de execución.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Quedan sometidas ao disposto na presente lei aquelas instalacións de produción de electricidade obtida da enerxía eólica cuxa autorización, conforme o previsto no artigo 27.13 do Estatuto de autonomía, sexa competencia da Comunidade Autónoma. Ao resto de instalacións do mesmo tipo situadas no territorio de Galicia seranlles aplicables en todo caso as disposicións do título II, III e V da presente lei.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta lei:

a) As instalacións eólicas de potencia menor ou igual a 100 kW.

b) Os parques eólicos experimentais que leven asociado un alto compoñente de investigación en I+D+i, definidos no artigo 3 do Decreto 30/2011, do 17 de febreiro, polo que se establece o procedemento para a autorización de parques eólicos experimentais con alto compoñente de I+D+i na Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que o substitúa.

c) As instalacións de xeración eólica para o autoconsumo asociadas a unha instalación de potencia eléctrica contratada superior á potencia eólica que se pretenda instalar.

Artigo 4º.-Competencia.

A planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia será aprobada polo Consello da Xunta por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.

Esta mesma consellaría será a competente para tramitar e resolver, como órgano con competencia principal, as solicitudes que se presenten ao amparo do disposto nesta lei, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder a outros órganos das administracións públicas.

TÍTULO II PLANIFICACIÓN DO APROVEITAMENTO EÓLICO EN GALICIA

Artigo 5º.-Criterios de planificación.

1. A planificación do aproveitamento da enerxía eólica en Galicia realizarase atendendo aos seguintes criterios:

a) Estimación do potencial eólico do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a base dos estudos xa realizados, do Atlas eólico realizado polo IDAE, Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, e dos datos obtidos pola Administración autonómica a través do Instituto Enerxético de Galicia, Inega.

b) Infraestrutura eléctrica necesaria para absorber a enerxía producida, planificada de forma que incida favorablemente na estrutura de distribución eléctrica das áreas afectadas pola explotación dos recursos eólicos.

c) Integración con todos os ámbitos sectoriais afectados pola implantación de parques eólicos, con especial referencia á inserción no territorio das instalacións eólicas.

d) Impacto medioambiental.

e) Repercusión sobre o tecido industrial de Galicia e o desenvolvemento socioeconómico e tecnolóxico.

f) Desenvolvemento harmónico dos proxectos de implantación de parques eólicos que permita unha implantación das infraestruturas eléctricas e industriais.

2. O resultado desta planificación plasmarase no Plan sectorial eólico de Galicia.

Artigo 6º.-Plan sectorial eólico de Galicia.

1. O Plan sectorial eólico de Galicia abranguerá aquelas áreas nas que se estime, logo de informe do Inega, a existencia de recursos eólicos aproveitables e terá carácter vinculante para os distintos suxeitos que operen no sector.

2. O Plan sectorial eólico conterá, como mínimo, as seguintes determinacións:

a) Delimitación dos ámbitos territoriais nos que poderán localizarse as infraestruturas e instalacións obxecto do plan.

b) Descrición das características xerais das infraestructuras, dotacións ou instalacións previstas no plan.

c) Directrices para a elaboración dos proxectos sectoriais ou dos proxectos obxecto de licenza municipal para o caso previsto no artigo 39º.2 desta lei.

d) Medidas para articulación co planeamento e prazo para realizar a súa adecuación.

e) Incidencia territorial e ambiental.

3. O Plan sectorial eólico de Galicia será tramitado como plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos do establecido no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Nel estableceranse as condicións xerais para o desenvolvemento das infraestruturas, dotacións e instalacións dos parques eólicos no territorio da comunidade autónoma.

4. Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía.

En calquera caso, todos os proxectos deberán cumprir as distancias mínimas ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable residencial establecidas no artigo 33, e será necesario que o uso do solo sexa compatible coa implantación destas infraestruturas.

TÍTULO III INSTRUMENTOS DE EQUILIBRIO TERRITORIAL. O CANON EÓLICO E O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

Artigo 7º.-Obxectivos de equilibrio territorial.

Para protexer o medio ambiente, para estimular a incorporación das novas tecnoloxías nos aeroxeradores, para minorar o número destes e para reforzar o equilibrio territorial xerado pola instalación de parques eólicos créanse o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

CAPÍTULO I O CANON EÓLICO

SECCIÓN PRIMEIRA DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 8º.-Creación, natureza, obxecto e ámbito de aplicación.

Co obxecto de contribuír a regular e preservar o medio ambiente na súa consideración de ben protexido, con carácter de ingreso compensatorio e como prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, créase o canon eólico aplicable ao ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Afectación dos ingresos xerados polo canon.

1. Os ingresos derivados do canon, deducidos os custos de xestión, destinaranse a conservación, reposición e restauración do medio ambiente, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial das que serán principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes.

2. Así mesmo, será beneficiaria o conxunto da sociedade mediante actuacións que, promovidas pola Administración autonómica, se dirixan ao incremento da eficiencia no aproveitamento dos recursos enerxéticos renovables, da sustentabilidade, da biodiversidade e do uso recreativo e educativo dos recursos naturais de Galicia.

3. Tales ingresos serán xestionados a través do Fondo de Compensación Ambiental.

Artigo 10º.-Normativa aplicable.

O canon eólico rexerase polas disposicións desta lei, polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento e polo disposto nas disposicións xerais en materia tributaria.

SECCIÓN SEGUNDA ELEMENTOS DO CANON EÓLICO

Artigo 11º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do canon eólico a xeración de afeccións e impactos visuais e ambientais adversos sobre o medio natural e sobre o territorio, como consecuencia da instalación en parques eólicos de aeroxeradores afectos á produción de enerxía eléctrica e situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Entenderase producido o feito impoñible aínda que a titularidade dos aeroxeradores non corresponda ao titular da autorización administrativa para a instalación dun parque eólico.

Artigo 12º.-Período impositivo e devengo.

1. O período impositivo coincidirá co ano natural.

2. A devindicación producirase na data de outorgamento da autorización de explotación do parque eólico e o primeiro día do ano natural nos sucesivos anos nos que a autorización administrativa estea vixente, ata o seu desmantelamento e restitución ambiental dos terreos afectos pola instalación.

3. Sen prexuízo do disposto na alínea 1, nos casos de primeira instalación ou desmantelamento do parque eólico o período impositivo entenderase polo período existente entre o devengo e o último día do período impositivo, no primeiro caso, e entre o devengo e a data de desmantelamento do parque eólico, no segundo.

Artigo 13º.-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos do canon en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que, baixo calquera título, leven a cabo a explotación dun parque eólico aínda que non sexan titulares dunha autorización administrativa para a súa instalación.

Presumirase, salvo proba en contra, que a explotación dun parque eólico é realizada pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente autorización administrativa para a súa instalación.

2. Son suxeitos do canon en calidade de responsables solidarios:

a) As persoas titulares de autorizacións administrativas para a instalación dun parque eólico cando quen leve a cabo a explotación non coincida co titular da autorización.

b) As persoas titulares dos aeroxeradores cando a devandita titularidade non concorra no titular da explotación nin no titular da autorización administrativa.

Artigo 14º.-Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a suma de unidades de aeroxeradores existentes nun parque eólico situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de parques eólicos que se estendan máis alá do limite territorial da comunidade autónoma, a base impoñible estará constituída pola suma de unidades de aeroxeradores instalados no territorio galego.

3. Para a determinación da base impoñible teranse en conta as circunstancias concorrentes na data de devengo. No caso de que o número de aeroxeradores varíe ao longo do período impositivo, a base impoñible calcularase prorrateando por días o período período de explotación de cada aeroxerador respecto ao total do número de días do ano natural.

Artigo 15º.-Tipo de gravame e cota tributaria.

1. A cota tributaria vén determinada pola aplicación á base impoñible dos seguintes tipos de gravame anuais:

-En parques eólicos que dispoñan de entre 1 e 3 aeroxeradores: 0 euros por cada unidade de aeroxerador.

-En parques eólicos que dispoñan de entre 4 e 7 aeroxeradores: 2.300 euros por cada unidade de aeroxerador.

-En parques eólicos que dispoñan de entre 8 e 15 aeroxeradores: 4.100 euros por cada unidade de aeroxerador.

-En parques eólicos que dispoñan de máis de 15 aeroxeradores: 5.900 euros por unidade de aeroxerador.

2. Durante o primeiro ano de explotación do parque eólico e durante o último ano os tipos de gravame prorratearanse en función do número de días do período impositivo.

3. A modificación dos importes desta tarifa require informe previo do Consello Galego do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 16º.-Bonificacións na cota.

1. Cando como consecuencia dun proxecto de modificación de parques eólicos preexistentes en funcionamento que supoña unha substitución total ou parcial dos aeroxeradores por outros de maior potencia, e que dean lugar a unha redución efectiva das unidades de aeroxeradores que non supoña tramo diferente de base, a contía da cota que debe satisfacerse, no período correspondente á dita redución, bonificarase nunha porcentaxe resultante de multiplicar por 10 o número de unidades de aeroxeradores reducidas.

2. Esta bonificación terá carácter rogado e o seu recoñecemento estará condicionado á comunicación do proxecto de modificación de parques eólicos á dirección xeral competente en materia de enerxía e á acreditación efectiva polo devandito órgano do cumprimento das condicións sinaladas no punto anterior.

SECCIÓN TERCEIRA XESTIÓN DO CANON

Artigo 17º.-Presentación de declaracións e autoliquidacións

1. Para os efectos de aplicación do canon eólico, os suxeitos pasivos están obrigados a declarar inicialmente os datos, as características e as circunstancias necesarias para a cuantificación do tributo, así como as modificacións dos datos previamente declarados, nos prazos e lugar e mediante os modelos e consonte as instrucións que estableza a consellaría competente en materia de facenda mediante orde. Así mesmo, estarán obrigados a presentar unha declaración de baixa, no suposto de desmantelamento do parque eólico.

2. A Administración establecerá un rexistro obrigatorio de parques eólicos, dos aeroxeradores neles existentes e das características destes. A estrutura, o contido e a sede do rexistro así como os procedementos para a súa formación e o seu mantemento determinaranse mediante orde da consellaría competente en materia de facenda.

3. Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do canon eólico, determinando a débeda tributaria correspondente, e ingresarán o seu importe na forma, nos prazos e no lugar e mediante os modelos e consonte as instrucións que estableza a consellaría competente en materia de facenda mediante orde.

Artigo 18º.-Liquidacións provisionais

Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda de conformidade co disposto na Lei xeral tributaria.

Artigo 19º.-Utilización de tecnoloxías informáticas e telemáticas.

A consellaría en materia de enerxía poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do canon se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben.

Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Artigo 20º.-Aplicación do canon eólico.

1. A consellaría competente en materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo.

2. O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do canon así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderanlles aos órganos competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda, segundo a norma de organización da Administración tributaria.

3. Sen prexuízo do establecido na alínea anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de medio ambiente, enerxía e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes por petición deles, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Artigo 21º.-Potestade sancionadora.

1. A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme os seus principios reguladores en materia administrativa e as especialidades previstas na Lei xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nela.

2. A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 22º.-Revisión.

1. Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables consonte as disposicións contidas na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

2. O coñecemento das reclamacións económicoadministrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da vía contencioso- administrativa.

CAPÍTULO II O FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

Artigo 23º.-Creación e natureza.

Para a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do medio ambiente e reequilibrio territorial créase o Fondo de Compensación Ambiental, ao que lle serán aplicables as disposicións previstas neste capítulo e as establecidas nas ordes que, para a súa regulación, dite a consellaría competente en materia de réxime local.

Artigo 24º.-Financiamento.

Sen prexuízo dos demais recursos que nel poidan integrarse, o Fondo de Compensación Ambiental financiarase cos ingresos obtidos do canon eólico deducidos os gastos de xestión.

Artigo 25º.-Destino.

1. O Fondo de Compensación Ambiental estará afectado á realización, nos termos previstos nos puntos seguintes, de gastos nos entes locais que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego.

Non obstante, a lei anual de orzamentos poderá establecer criterios específicos de afectación do Fondo de Compensación Ambiental, sempre e cando a súa aplicación non comprometa máis do 50% da dotación correspondente aos recursos anuais e consista na súa vinculación ao financiamento de actuacións comprendidas en aplicacións orzamentarias que teñan entre as súas finalidades a protección do medio e do contorno natural, a súa conservación, reposición e restauración, así como o fomento da investigación dirixida á mellora na eficiencia do aproveitamento dos recursos das enerxías renovables.

2. Despois de aplicar o disposto na alínea anterior, destinarase como mínimo o 50 % da contía dispoñible do fondo ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de:

a) Actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, ao coñecemento e á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e mais á recuperación do medio natural degradado ou contaminado.

b) Actuacións de impulso da eficiencia e de utilización sustentable das enerxías renovables.

c) Outras actuacións de protección do medio ambiente e do espazo natural.

3. Os custos elixibles, para efectos de distribución do fondo, son os seguintes:

a) Investimentos en inmobilizado: custo de man de obra externa, execución material, equipos e instalacións. Cando no investimento participe directamente persoal da entidade local procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.

b) Custos de proxecto e dirección de obra, se se trata de contratacións externas.

c) Custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente e do espazo natural. No caso de utilizar persoal da entidade local procederase á imputación dos gastos correspondentes ao persoal utilizado.

4. A cantidade asignada a cada proxecto destinarase en función do orzamento presentado pola entidade local solicitante e non poderá superar o 100% do devandito orzamento

5. A distribución anual do fondo regularase mediante orde ditada pola consellaría competente en materia de réxime local, na que tamén se establecerán os criterios de repartición, os entes locais beneficiarios e as actuacións ás que se destinará a parte do fondo que non estivese comprendida no punto 2 deste artigo, que terán que estar dirixidas á protección do medio ambiente, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco.

Artigo 26º.-Xestión.

A xestión do fondo realizaraa a dirección xeral competente en materia de réxime local de conformidade coas directrices que se establezan na orde que dite a consellaría da que aquela dependa.

TÍTULO IV PROCEDEMENTO DE AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA DAS INSTALACIÓNS DE PARQUES EÓLICOS

Artigo 27. Réxime de autorizacións administrativas

1. A posta en funcionamento, a modificación substancial, o pechamento temporal, a transmisión e o pechamento definitivo de parques eólicos estarán sometidos, con carácter previo, ao réxime de autorizacións establecidas no artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e á súa normativa de desenvolvemento, ou normas que as substitúan.

2. O procedemento administrativo de autorizacións para a instalación de parques eólicos iniciarase por solicitude da persoa interesada e tramitarase de acordo co especificado nesta lei.

3. Segundo o establecido no punto 5 do artigo 21 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa, e por petición da persoa promotora, poderase solicitar a tramitación das autorizacións administrativas necesarias das infraestruturas de evacuación conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa previa e de construción do parque eólico.

CAPÍTULO I TRÁMITE DE SELECCIÓN DE ANTEPROXECTOS

Artigo 28. Avais

1. Antes de iniciar os trámites de solicitude da autorización administrativa previa e de construción, as persoas promotoras depositarán na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia a garantía económica á que fan referencia os artigos 59 bis e 66 bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma que o substitúa, segundo corresponda coa rede de transporte ou coa rede de distribución.

2. Quedan eximidas do depósito da devandita garantía aquelas modificacións de instalacións en explotación que non supoñan incrementos sobre a capacidade de acceso previamente concedida.

3. A garantía económica será cancelada cando a persoa solicitante obteña a autorización de explotación definitiva da instalación.

4. A desistencia na construción da instalación, a caducidade dos procedementos de autorización administrativa da instalación ou o incumprimento dos prazos previstos nas autorizacións preceptivas supoñerán a execución da garantía. Porén, o órgano competente poderá exceptuar a execución da garantía depositada polo titular dunha instalación se a desistencia na construción desta vén dada por circunstancias impeditivas que non sexan nin directa nin indirectamente imputables á persoa interesada e así fose solicitado por esta ao devandito órgano.

5. A garantía constituída será devolta á persoa promotora no caso de inadmisión da solicitude á que se fai referencia no artigo 33.3.

Artigo 29. Presentación de solicitudes de autorización administrativa previa e de construción

1. O procedemento administrativo de autorizacións para a instalación de parques eólicos iniciarase por solicitude da persoa interesada e tramitarase de acordo co especificado neste título.

2. Só se poderá solicitar o inicio dun procedemento de autorización administrativa previa e de construción dun parque eólico se a persoa solicitante e o parque eólico cumpren cos requisitos establecidos nos artigos 30, 31 e 32, así como se contan co permiso de acceso á rede de transporte e distribución. Non serán admitidas aquelas solicitudes que incumpran estes requisitos.

3. As solicitudes presentaranse exclusivamente a través de medios electrónicos que se habilitarán para o efecto regulamentariamente e dirixiranse á dirección xeral competente en materia de enerxía, de acordo co establecido no punto 5 do artigo 16 e no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

4. O modelo normalizado de solicitude de autorización aprobarase por orde da consellaría competente en materia de enerxía, así como a documentación necesaria que se achegará a aquela, que se presentará en formato electrónico e, cando menos, conterá:

a) Documentación xustificativa da capacidade legal, técnica e económica da persoa solicitante, segundo o establecido no artigo 30.

b) Copia do resgardo da presentación na Caixa Xeral de Depósitos da garantía económica á que se fai referencia no artigo 59 bis ou 66 bis do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, ou norma que o substitúa.

c) Proxecto de execución subscrito por técnico ou técnica competente, con separatas para os organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O contido mínimo do proxecto de execución será establecido regulamentariamente.

d) Documento ambiental que proceda segundo o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa, para a avaliación do impacto ambiental do proxecto.

e) De ser o caso, proxecto sectorial, co contido e a documentación exixidos nos artigos 44 e 45 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico.

f) Para aqueles casos en que a persoa promotora solicitase a declaración de utilidade pública, de acordo co artigo 44, relación de bens e dereitos afectados, así como a xustificación da necesidade da expropiación, xunto cunha declaración responsable dos acordos acadados coas persoas titulares dos bens e dereitos afectados.

g) Xustificante de pagamento da taxa de verificación de requisitos e capacidades recollida co código 01 no punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa.

h) Para aqueles casos nos que se produza solapamento nos termos establecidos no artigo 31, escritura pública do acordo entre as partes ao que fai mención o devandito artigo.

5. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos exixidos no punto anterior, requirirase a persoa interesada para a súa reparación, concedéndolle un prazo de dez días, coa indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida dela.

Artigo 30. Requisitos da capacidade das persoas solicitantes

1. As persoas promotoras que presenten as solicitudes de autorización administrativa ás que se refire esta lei deberán acreditar capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, a través dos medios seguintes:

a) Capacidade legal. A persoa solicitante deberá ter personalidade física ou xurídica propia, excluíndose as unións temporais de empresas.

b) Capacidade técnica. A capacidade técnica cumprirase mediante a acreditación de, cando menos, un dos seguintes requisitos:

– Ter exercido a actividade de produción de enerxía eléctrica durante, polo menos, os últimos tres anos.

– Contar entre os seus accionistas cunha persoa socia que participe no capital social cunha porcentaxe igual ou superior ao 25 % e que poida acreditar a súa experiencia durante os últimos tres anos na actividade de produción de enerxía eléctrica.

– Subscribir un contrato de asistencia técnica por un período de tres anos cunha empresa que acredite experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica e que cumpra, á súa vez, con algún dos requisitos que se describen nos parágrafos anteriores.

c) Capacidade económica. Entenderase cumprida cando se achegue documentación suficiente que garanta a viabilidade económico-financeira do proxecto. Esta documentación deberá incluír, polo menos, unha declaración responsable e un estudo económicofinanceiro que xustifique a viabilidade do proxecto.

2. A documentación xustificativa para a acreditación das capacidades poderá ser desenvolvida por orde da consellaría competente en materia de enerxía.

Artigo 31. Requisitos das solicitudes de autorización previa e de construción de parques eólicos

1. As solicitudes ás que se refire o artigo 29 non poderán solaparse, no momento da solicitude, con ningún parque eólico en explotación, autorizado pendente de construción ou en fase de tramitación administrativa, agás que exista un acordo entre os titulares dos parques eólicos afectados.

2. Para estes efectos, estableceranse regulamentariamente os criterios que determinen a existencia de solapamento entre parques eólicos.

3. Considerarase que un parque eólico se atopa en fase de tramitación administrativa desde o momento no que a persoa solicitante presente a correspondente solicitude, sempre que na data de presentación dela cumpra cos requisitos necesarios para a súa admisión a trámite.

Artigo 32. Rede Natura

Quedan excluídos da implantación de novos aeroxeradores aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valores naturais por formaren parte da Rede Natura 2000, consonte a normativa vixente en cada momento. Exceptúanse do anterior as modificacións de parques eólicos en explotación cando a dita modificación supoña unha redución de, polo menos, o 50 % dos aeroxeradores previamente instalados na dita zona de Rede Natura.

Artigo 33. Instrución do procedemento

1. As solicitudes de autorización administrativa previa e de construción de parques eólicos estudaranse e tramitaranse na estrita orde temporal da súa data de presentación.

2. A dirección xeral competente en materia de enerxía verificará o cumprimento dos requisitos de capacidade das persoas solicitantes e das solicitudes indicados no artigo 29.2.

3. No caso de incumprimento dos devanditos requisitos, a dirección xeral competente emitirá unha resolución na que declarará a inadmisión da solicitude.

4. No caso de cumprimento, a dirección xeral competente notificara á persoa solicitante a admisión a trámite para que proceda ao pagamento da taxa de autorización administrativa recollida no código 02 do punto 37 do anexo III da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa. A persoa solicitante disporá dun prazo máximo dun mes para a presentación do xustificante de pagamento da devandita taxa.

A presentación do xustificante de pagamento da taxa será requisito necesario para que prosiga a tramitación. Se o suxeito promotor non achegar a xustificación prevista no apartado anterior no prazo establecido, o órgano competente terao por desistido da súa solicitude.

5. A orde de tramitación das solicitudes de autorización administrativa admitidas poderase determinar mediante resolución motivada do centro directivo competente en materia de enerxía, tendo en conta as posibilidades de evacuación da enerxía eléctrica destes proxectos, así como os proxectos tractores ou que se declaren iniciativa empresarial prioritaria, de acordo coa normativa aplicable.

6. Previamente, a persoa promotora poderá solicitar ao órgano ambiental que elabore un documento de alcance do estudo de impacto ambiental, segundo o procedemento establecido no artigo 34 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa. No caso de proxectos que deban ser obxecto dunha avaliación ambiental simplificada, a dirección xeral competente en materia de enerxía remitirá ao órgano ambiental o documento ambiental do proxecto, para que realice o procedemento de consulta recollido no artigo 46 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

7. A dirección xeral competente en materia de enerxía enviará copia do proxecto sectorial do parque eólico ao órgano autonómico competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, para o efecto de obter, no prazo máximo de vinte días, informe sobre o cumprimento dos requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

8. Así mesmo, o dito órgano poderá solicitar informes previos aos órganos sectoriais en función das posibles afeccións que poidan resultar incompatibles co proxecto. O prazo máximo para a emisión destes informes será dun mes. Transcorrido este prazo sen pronunciamento expreso, continuarase co procedemento. Será condición necesaria para continuar co procedemento que estes informes non teñan carácter desfavorable. De ser o caso, arquivarase a solicitude por incompatibilidade, logo de audiencia ao promotor, e procederase á devolución das garantías económicas correspondentes.

9. Obtido o informe de cumprimento de distancias, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviará o expediente á unidade tramitadora. Nos supostos de parques eólicos cuxa implantación afecte máis dunha provincia, a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía.

10. A unidade responsable da tramitación someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e, de ser o caso, o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría competente en materia de enerxía. No caso de que se solicite a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.

11. Durante o prazo indicado, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións coide oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou da parte dela que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daquelas e o comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.

12. De modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, solicitando, cando menos, os informes preceptivos indicados para a avaliación ambiental e de aprobación do proxecto sectorial, dando audiencia aos concellos afectados. Así mesmo, enviaranse de forma simultánea as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas do servizo público e de servizos de interese xeral afectados, con bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establezan o condicionado técnico procedente do proxecto de execución.

13. No caso de avaliación ambiental simplificada, realizaranse os trámites indicados na sección 2ª do capítulo II da Lei 21/2013, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

14. Aplicarase o regulado na sección 1ª do capítulo I da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, coa única excepción do prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución, que se reduce a un mes desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

15. A unidade tramitadora enviará á persoa promotora os informes e as alegacións recibidos para a súa conformidade e/ou consideración na redacción do proxecto de execución, do estudo de impacto ambiental e do proxecto sectorial, a fin de que realice as modificacións e adaptacións de cada un destes documentos. A persoa promotora disporá do prazo máximo dun mes para presentar os documentos definitivos adaptados para continuar co procedemento. De non se presentar esta documentación no prazo indicado, entenderase que o promotor desiste da solicitude de autorización administrativa e arquivarase a solicitude, sen más trámites. O arquivamento da solicitude será realizado pola unidade tramitadora, que o comunicará ao órgano competente.

16. A unidade tramitadora emitirá ou solicitará, de ser o caso, ao órgano territorial onde se sitúe a instalación o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas. Cando lle corresponda a tramitación do procedemento, o órgano territorial remitirá o expediente completo á dirección xeral competente en materia de enerxía, engadindo ao informe anterior un resumo da tramitación realizada ata ese momento, para que a dirección xeral proceda a ditar a correspondente resolución.

17. A valoración positiva ambiental exixible ao proxecto de acordo co resultado da avaliación realizada de conformidade co establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, así como o informe de cumprimento de distancias indicado no punto 7 deste artigo, serán requisitos indispensables para o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción.

18. Así mesmo, deberase acreditar a obtención do permiso de acceso e conexión á rede de transporte ou distribución, segundo corresponda, previamente ao outorgamento da autorización administrativa previa e de construción.

Artigo 34. Resolución da autorización administrativa previa e de construción e finalización do procedemento

1. Logo de realizada a instrución do procedemento administrativo de autorización e acreditado por parte da persoa solicitante o acceso e a obtención do punto de conexión á rede de transporte ou á rede de distribución, segundo corresponda, a dirección xeral competente en materia de enerxía ditará resolución respecto do outorgamento da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción do parque eólico no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa no órgano competente para resolver o procedemento.

2. A resolución de autorización administrativa previa e de construción expresará que a persoa promotora disporá dun prazo de tres anos, contado a partir do seu outorgamento, para solicitar a correspondente autorización de explotación, indicando que, no caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/3013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

3. A resolución publicarase integramente no Diario Oficial de Galicia e notificarase a todas as terceiras persoas que formulasen alegacións e teñan carácter de interesadas no expediente. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios e habilitará a persoa solicitante para interpor os recursos que procedan.

4. De conformidade co previsto no artigo 84 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, xunto coa resolución, porán fin ao procedemento a desistencia das persoas interesadas, a renuncia ao dereito en que se funde a solicitude cando tal renuncia non estea prohibida polo ordenamento xurídico, a declaración de caducidade e a imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas. A declaración de caducidade do procedemento, cando se produza a súa paralización por causa imputable á persoa interesada, será acordada de conformidade co establecido no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

Artigo 35. Autorización de explotación

1. Logo de executado o proxecto, presentarase a correspondente solicitude de autorización de explotación no órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase o expediente.

2. Á devandita solicitude achegarase un certificado de final de obra subscrito por técnica ou técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia.

3. A autorización de explotación será outorgada polo órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase o expediente, no prazo dun mes, logo das comprobacións técnicas que se consideren oportunas.

4. No caso de que a unidade tramitadora for a dirección xeral competente en materia de enerxía, solicitarase unha autorización de explotación en cada unha das provincias onde estea situada a instalación.

CAPÍTULO II AUTORIZACIÓN ADMINISTRATIVA DAS INSTALACIÓNS DE PARQUES EÓLICOS

Artigo 36. Transmisión da titularidade de parques eólicos

1. As transmisións de titularidade dun parque eólico en explotación, dun parque eólico autorizado pendente de construír e dun expediente administrativo no que se tramita a autorización dun parque eólico requiren autorización administrativa previa da consellaría competente en materia de enerxía.

2. A solicitude de autorización administrativa de transmisión deberá ser dirixida á dirección xeral competente en materia de enerxía por quen pretenda adquirir a titularidade. Á solicitude deberá achegarse a documentación necesaria que permita acreditar a capacidade legal, técnica e económica da persoa solicitante, así como unha declaración da actual persoa titular na que manifeste a súa vontade de transmitir a dita titularidade.

3. A dirección xeral competente en materia de enerxía resolverá sobre a solicitude da autorización de transmisión no prazo de tres meses, desde a recepción da documentación completa da solicitude. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e poderán interpoñerse os recursos que procedan.

A resolución será notificada á persoa solicitante e á transmitente. A partir desta notificación, a persoa solicitante contará cun prazo de seis meses para adquirir a titularidade. Producirase a caducidade da autorización se, transcorrido o devandito prazo, a adquisición non se fai efectiva.

Producida a transmisión, a persoa solicitante deberá comunicala á dirección xeral competente en materia de enerxía, no prazo dun mes desde que se faga efectiva.

4. A autorización administrativa de transmisión de titularidade terá validez ante as entidades locais e calquera outro organismo desde o mesmo momento en que se lles notifique de maneira que faga fe. A transmisión de titularidade autorizada entenderase extensiva á declaración de utilidade pública da instalación en cuestión e comportará a necesidade do cambio da titularidade do aval de acceso e conexión.

Artigo 37. Modificacións non substanciais de parques eólicos

1. As modificacións dun parque eólico terán o carácter de non substanciais cando cumpran a totalidade dos seguintes requisitos:

a) Os aeroxeradores mantéñense dentro da poligonal definida no proxecto inicial.

b) A potencia total do parque eólico non experimenta un incremento ou redución de máis do 10 % da potencia autorizada no proxecto orixinal.

c) Cúmprense os requisitos e criterios de non solapamento establecidos no artigo 31.

d) Disponse de informe favorable do órgano ambiental respecto da proposta de modificación.

e) Disponse de informe favorable do órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre a adecuación da modificación aos preceptos urbanísticos aplicables establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia, especialmente no relativo á nova ordenación urbanística proposta e aos requisitos de distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado.

2. Así mesmo, para os efectos do previsto neste artigo, tamén terán a consideración de modificacións non substanciais aquelas modificacións consistentes no incremento da potencia nominal dos aeroxeradores, sempre que non supoñan un incremento ou redución de máis do 10 % da potencia autorizada no proxecto orixinal, manténdose inalteradas todas as demais características técnicas do parque eólico.

3. As solicitudes de modificacións non substanciais deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 31.

Artigo 38. Procedemento de autorización de modificacións non substanciais

1. As modificacións non substanciais de parques eólicos non requirirán o outorgamento dunha nova autorización administrativa previa e de construción.

2. As autorizacións administrativas previas e de construción de parques eólicos seguirán a ser eficaces respecto das modificacións non substanciais dos proxectos iniciais, sempre que, antes do inicio da execución do proxecto modificado, así o soliciten as persoas titulares delas ante a dirección xeral competente en materia de enerxía e lles sexan recoñecidas estas modificacións como non substanciais en virtude do disposto nesta lei.

3. As solicitudes de recoñecemento dunha modificación como non substancial presentaranse dirixidas ao órgano competente en materia de enerxía, de acordo co establecido no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa, e conterán, cando menos:

a) Para aqueles casos nos que se modifique a potencia da instalación, documentación acreditativa de dispoñer de acceso e punto de conexión á rede de transporte ou á rede de distribución, segundo corresponda, para a potencia adicional.

b) Nos supostos de modificación non substancial recollida no punto 1 do artigo 37:

– A documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos establecidos nas alíneas a), b) e c) do punto 1 do artigo 37.

– A documentación necesaria para solicitar os informes aos que fan mención as alíneas d) e e) do punto 1 do artigo 37.

c) Para aqueles supostos establecidos no punto 2 do artigo 37:

– Declaración responsable da persoa promotora de que se manteñen inalterables todas as características do parque eólico, agás a potencia nominal dos aeroxeradores.

– A documentación xustificativa do incremento de potencia do aeroxerador.

4. Nos supostos de modificacións non substanciais recollidos no punto 1 do artigo 37, a dirección xeral competente en materia de enerxía enviará ao órgano ambiental a documentación necesaria para solicitar o informe ao que fai mención a alínea d) do punto 1 do artigo 37, para o efecto de que este emita no prazo de vinte días o devandito informe. No caso de que o órgano ambiental o considere preciso, indicará a relación de organismos que considera necesario que se consulte con respecto á validación ambiental do proxecto modificado.

5. Igualmente, enviarase ao órgano competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo a documentación necesaria, para o efecto de que emita nun prazo máximo de vinte días o informe ao que se refire a alínea e) do punto 1 do artigo 37.

6. A dirección xeral competente en materia de enerxía dispoñerá dun prazo dun mes para emitir o recoñecemento dunha modificación como non substancial, contado desde o momento no que dispoña de toda a información e documentación necesaria. A dirección xeral competente só poderá emitir o devandito recoñecemento logo de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31. A falta de recoñecemento expreso terá efectos desestimatorios, e poderanse interpoñer os recursos que procedan. Este recoñecemento será expresamente comunicado ás consellarías con competencias en materia de ordenación do territorio, urbanismo e medio ambiente.

7. As autorizacións de explotación recollerán expresamente aquelas modificacións non substanciais expresamente recoñecidas.

8. A eficacia das modificacións non substanciais recoñecidas como tales de acordo co establecido nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo de cantos permisos, licenzas e autorizacións ou outros requisitos precisen con carácter previo a solicitar a autorización de explotación.

Artigo 39. Modificacións substanciais

1. Terán a consideración de modificacións substanciais as modificacións que non poidan incluírse na definición de modificación non substancial recollida no artigo anterior.

2. As modificacións substanciais tramitaranse e, de ser o caso, autorizaranse de acordo co procedemento e condicionantes establecidos neste título.

CAPÍTULO III FIANZAS E TRANSMISIÓN DE PARQUES EÓLICOS

Artigo 40. O proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico)

1. Todas as referencias ao proxecto sectorial entenderanse referidas á figura de proxecto de interese autonómico da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.

Completados os trámites previstos no artigo 33 da presente lei relativos ao proxecto sectorial, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, e contando co previo informe preceptivo do organismo con competencias en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo máximo de dous meses, aprobará definitivamente, de proceder, o proxecto sectorial, coas modificacións ou correccións que considere convenientes.

2. Quedan exceptuados de avaliación ambiental estratéxica os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal dos parques eólicos, así como os das súas infraestruturas de evacuación, cando o proxecto de execución da infraestrutura concreta estea sendo ou vaia ser sometido á avaliación ambiental, de acordo coa Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

3. Nos casos en que o proxecto sectorial do parque eólico autorizado estea aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e a persoa promotora presentase unha modificación non substancial das recollidas no apartado 1 do artigo 37 recoñecida como tal, enviarase ao órgano competente en ordenación do territorio e urbanismo o recoñecemento desta modificación non substancial, así como o informe favorable do órgano ambiental indicado no apartado d) do punto 1 do artigo 37 e a addenda do proxecto sectorial na que se recollan estas modificacións, para os efectos de que se emita o informe preceptivo previo á aprobación da modificación do proxecto sectorial por parte do Consello da Xunta.

4. Exceptúanse da obriga da aprobación dun proxecto sectorial aqueles proxectos eólicos e as súas infraestruturas de evacuación que se implanten naqueles concellos onde a natureza do uso do solo sexa compatible con este tipo de infraestruturas. Para estes casos deberase achegar, xunto coa documentación da solicitude, o certificado do concello que acredite esta circunstancia, en substitución do proxecto sectorial.

5. En todo caso, e para os efectos do regulado no punto 1 do artigo 37 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, no solo rústico estará permitida a apertura de camiños rurais contidos nos proxectos eólicos e das súas infraestruturas de evacuación aprobados pola administración competente.

Artigo 41. Pechamento

1. A persoa titular da instalación que pretenda o pechamento desta deberá presentar unha solicitude de autorización administrativa de pechamento, a través dos medios electrónicos que se habilitarán regulamentariamente, dirixida ao órgano competente en materia de enerxía, de acordo co establecido no punto 5 do artigo 16 e no artigo 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou norma que a substitúa.

2. A persoa titular da instalación achegará á solicitude un proxecto de pechamento, que deberá conter como mínimo unha memoria na que se detallen as circunstancias técnicas, económicas, ambientais ou de calquera outra orde polas que se pretende o pechamento, así como os planos actualizados da instalación a escala adecuada.

3. A unidade tramitadora será o órgano territorial correspondente da consellaría competente en materia de enerxía que tramitase a autorización de explotación, agás que a solicitude de pechamento se refira a un parque eólico situado en máis dunha provincia, para o que a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía.

4. Logo de tramitado o expediente, o órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía elevará o expediente de solicitude de pechamento, xunto co seu informe, á dirección xeral competente en materia de enerxía, que deberá resolver, logo do informe favorable do operador do sistema e xestor da rede de transporte, nun prazo de tres meses desde a recepción do expediente completo na dirección xeral competente. En todo caso, a autorización de pechamento da instalación impoñerá á persoa titular desta a obriga de proceder ao seu desmantelamento nos termos que resulten da tramitación do expediente de pechamento e á restitución ambiental dos terreos afectos pola instalación.

A falta de resolución expresa terá efectos desestimatorios, e poderán interpoñerse os recursos procedentes.

A resolución notificarase á persoa solicitante e publicarase, en todo caso, no Diario Oficial de Galicia.

5. A autorización expresará o período de tempo, contado a partir da notificación do seu outorgamento, dentro do cal deberá procederse ao pechamento e ao desmantelamento da instalación.

6. Concedida a autorización de pechamento, o órgano territorial da consellaría competente en materia de enerxía, logo das comprobacións técnicas que se consideren oportunas, redactará acta de pechamento cando este se faga efectivo e o parque eólico cursará baixa no Rexistro Eólico de Galicia.

TÍTULO V Rexistro Eólico de Galicia

Artigo 42. Rexistro Eólico de Galicia

1. Créase o Rexistro Eólico de Galicia, no que se recollerá dun xeito electrónico a localización cartográfica de todos os parques eólicos en funcionamento, autorizados ou en tramitación administrativa no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, os cales, á súa vez, deberán ser obxecto de inscrición no Rexistro de Cartografía de Galicia, nos termos e de conformidade co previsto no Regulamento de ordenación da información xeográfica e da actividade cartográfica de Galicia, aprobado polo Decreto 14/2017, do 26 de xaneiro.

2. Aos datos sinalados no punto anterior incorporaranse no Rexistro Eólico de Galicia todas as solicitudes de modificación de proxectos, que constituirán información de apoio para a xestión de solapamentos de parques eólicos.

Artigo 43. Funcionamento e xestión do Rexistro

1. O Rexistro Eólico de Galicia constitúese coa finalidade de ser unha ferramenta electrónica de acceso e consulta pública.

2. O funcionamento, a xestión e o desenvolvemento do Rexistro estableceranse por orde da consellaría competente en materia de enerxía.

TÍTULO VI Expropiación e servidumes

Artigo 44. Declaración de utilidade pública

1. Para os efectos previstos no título IX da Lei 24/2013, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e na normativa que o desenvolve, ou normas que as substitúan, o recoñecemento da utilidade pública das instalacións incluídas no ámbito desta lei será acordado pola dirección xeral competente en materia de enerxía, sen prexuízo da competencia do Consello da Xunta de Galicia no caso de oposición de organismos ou outras entidades de dereito público.

2. A solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública poderá efectuarse de xeito simultáneo á solicitude de autorización administrativa previa e/ou de construción, durante a tramitación destas autorizacións ou con posterioridade á obtención de calquera das devanditas autorizacións administrativas.

3. Para o devandito recoñecemento será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación.

4. A solicitude mencionada no punto anterior someterase a información pública. Igualmente, solicitarase o informe dos organismos afectados.

5. A declaración de utilidade pública levará implícita en todo caso a necesidade de ocupación dos bens e a adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa e concordantes da Lei 24/2013, do 27 de novembro, do sector eléctrico, ou normas que as substitúan.

Artigo 45. Concorrencia de utilidades ou interese público e trámite e declaración de compatibilidade ou prevalencia

1. Se, solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora do parque eólico, se opuxer á declaración deste a persoa titular doutro interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender que a autorización e a subseguinte instalación do parque eólico prexudicarían a este, procederase a determinar a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados e, no caso de incompatibilidade, declararase a prevalencia dun deles.

2. O procedemento de declaración de compatibilidade ou prevalencia de utilidades públicas será iniciado pola dirección xeral competente en materia de enerxía logo de solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora e en canto teña coñecemento da existencia de aproveitamentos que poidan resultar incompatibles.

3. Ao devandito coñecemento poderá chegarse de oficio ou por solicitude de parte interesada presentada en calquera momento anterior á resolución na que se declare a utilidade pública. O órgano tramitador dará audiencia ás persoas titulares dos dereitos que poidan estar afectadas, e concederalles un prazo de quince días para presentar alegacións, que se remitirán á persoa promotora para o seu coñecemento e contestación.

4. Finalizado o trámite de audiencia, remitirase copia completa do resultado del ao órgano competente para a autorización ou título habilitante do aproveitamento, que deberá remitir, nun prazo de vinte días hábiles, informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade do aproveitamento afectado.

5. Cando a compatibilidade ou prevalencia se suscite entre aproveitamentos nos que sexa competente para a súa autorización a consellaría competente en materia de enerxía, a declaración de utilidade pública e, de ser o caso, a declaración de compatibilidade ou prevalencia serán realizadas pola persoa titular da consellaría en materia de enerxía no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e poderanse interpoñer os recursos que procedan.

6. No caso de que as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia de máis dunha consellaría, a declaración de utilidade pública do parque eólico e, de ser o caso, a declaración de compatibilidade ou prevalencia serán realizadas polo Consello da Xunta de Galicia, ao que se remitirá o expediente co informe das consellarías afectadas, no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa. A falta de resolución expresa no prazo indicado terá efectos desestimatorios, e poderanse interpoñer os recursos que procedan.

7. Se a instalación afecta montes veciñais en man común, os trámites previstos no artigo 6 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ou norma que o substitúa, entenderanse cumpridos co procedemento regulado neste artigo. Nestes casos, a declaración de utilidade pública da instalación levará implícito o recoñecemento de prevalencia para os efectos establecidos no punto 1 do artigo 6 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Disposicións adicionais

Disposición adicional primeira. Proxectos declarados de interese especial

1. Poderán ser declarados de interese especial polo Consello da Xunta os proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas de evacuación asociadas que se desenvolvan no marco de poxas para a asignación de réxime retributivo específico a instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de tecnoloxías renovables, impulsadas ao amparo do disposto no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, ou norma que o substitúa, coa finalidade de que sexan despachados prioritariamente polos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que interveñen no procedemento administrativo da súa autorización e con carácter de urxencia.

2. A solicitude de declaración de interese especial destes proxectos deberase realizar á consellaría competente en materia de enerxía, presentando unha memoria que conteña a súa especial incidencia e beneficios no ámbito industrial, social e territorial, entre outros, así como unha declaración responsable de que o proxecto se desenvolverá no marco das poxas indicadas anteriormente, debendo determinar o prazo previsto para a súa execución.

Para realizar esta solicitude, a persoa promotora do proxecto deberá presentar previamente, tanto para a instalación de produción de enerxía como para as infraestruturas de evacuación asociadas, a solicitude de autorización de construción, así como, se é preciso, a solicitude de declaración de utilidade pública e a de aprobación do proxecto sectorial.

3. A declaración de proxecto de interese especial será acordada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, e abarcará conxuntamente o proxecto de produción de enerxía e as infraestruturas de evacuación asociadas.

4. A declaración de interese especial dun proxecto terá como efectos a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento da autorización administrativa previa e/ou de construción, así como dos prazos na instrución do procedemento de avaliación ambiental que sexa necesario. Así mesmo, reduciranse á metade os prazos necesarios na tramitación do proxecto sectorial.

5. Os proxectos declarados de interese especial deberán executarse e solicitar a autorización de explotación con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2020. No caso contrario, quedará sen efecto a declaración de interese especial do proxecto e serán incautados os correspondentes avais e garantías depositadas.

Disposición adicional segunda. Creación da comisión de seguimento da execución dos proxectos de desenvolvemento de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula esta lei.

Co fin de levar a cabo o seguimento da execución dos proxectos de natureza industrial e do resto de criterios de selección vinculados aos parques eólicos adxudicados dentro das ordes de convocatoria que regula esta lei créase unha comisión de seguimento e control que garantirá a execución das actuacións polas que os proxectos eólicos foron seleccionados.

A comisión de seguimento e control estará integrada por seis membros e funcionará en pleno e por seccións. O presidente e os restantes membros serán designados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía. Será nomeado secretario da comisión un dos membros, distinto do que exerza a presidencia.

A concreción dos fins da comisión, a súa organización e o seu funcionamento desenvolveranse regulamentariamente mediante orde da consellaría con competencias en materia de enerxía.

A constitución e posta en funcionamento desta comisión non supoñerán incremento do gasto público.

Disposición adicional terceira. Infraestruturas de evacuación

1. As novas solicitudes de autorización ás que se refire o artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa, correspondentes a infraestruturas de evacuación dos parques eólicos tramitaranse segundo as disposicións establecidas nesta lei, no que sexa aplicable. Os órganos competentes para a súa autorización serán os establecidos no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Decláranse de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, ou norma que o substitúa, os proxectos sectoriais das infraestruturas de evacuación das instalacións de xeración eólica desenvolvidas no marco do Plan sectorial eólico de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Réxime xurídico

No procedemento de autorizacións administrativas das instalacións de parques eólicos serán de aplicación os artigos 50, 51 e 52 da Lei 9/2021, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Réxime aplicable a procedementos de autorización en curso.

1. As xustificadas razóns que motivan esta norma son causas necesarias e suficientes de interese público que determinan o desestimento dos procedementos de autorización de parques eólicos en tramitación instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008.

2. En aplicación do previsto no anterior parágrafo, a persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía, no prazo do mes seguinte á entrada en vigor da lei, ditará resolución e acordará, expresa e unilateralmente, o desestimento e, en consecuencia, a finalización do procedemento e dos trámites instruídos ao abeiro da Orde do 6 de marzo de 2008.

3. O desestimento comunicaráselles aos operadores económicos interesados que participasen no referido procedemento.

4. As indemnizacións que se é o caso deriven do desestimento referiranse exclusivamente aos gastos debidamente xustificados que resultasen imprescindibles na instrumentación da solicitude sempre e cando tales documentos non sexan utilizados nas novas convocatorias que se produzan ao amparo desta lei.

5. No prazo dos dous meses seguintes á entrada en vigor da lei a consellaría competente en materia de enerxía ditará as resolucións oportunas e iniciará o proceso de convocatorias mencionado no artigo 28º desta norma.

Disposición transitoria segunda. Áreas de desenvolvemento eólico

1. En tanto non se modifique o Plan sectorial eólico de Galicia, considéranse áreas de desenvolvemento eólico as áreas de reserva e áreas de investigación, así como a franxa paralela a estas, previstas no Plan sectorial eólico de Galicia vixente.

2. No caso das áreas de desenvolvemento eólico nas que se produza superposición coa Rede Natura, a zona de superposición que afecte a aquela non se considerará apta para implantar novos parques eólicos, agás proxectos de modificación de parques eólicos nos termos indicados no artigo 32 desta lei. Esta limitación farase extensiva á totalidade das instalacións do parque eólico recollidas na poligonal establecida no seu proxecto de execución.

Terceira.-Plan sectorial eólico de Galicia.

En tanto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei.

Cuarta.-Especial referencia ao Decreto 302/2001.

De forma transitoria, o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 29 de outubro de 2002, pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos e parques eólicos singulares, serán aplicables para todos aqueles parques eólicos e parques eólicos singulares que foron admitidos a trámite en ordes de convocatoria formuladas ao abeiro desta lexislación.

Disposición transitoria quinta. Suspensión da tramitación de parques eólicos na ampliación da Rede Natura.

1. O anuncio de exposición pública da proposta de ampliación do ámbito da Rede Natura 2000 determinará por si mesmo a suspensión do procedemento de autorización dos parques eólicos que se sitúen, en todo ou en parte, no ámbito territorial obxecto de ampliación, ata a aprobación da proposta de ampliación polo Consello da Xunta de Galicia.

2. Aprobada, se é o caso, a proposta de ampliación da Rede Natura 2000, estarase ao disposto no artigo 31 desta lei.

3. Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas disposicións sexan precisas co fin de garantir a finalidade desta disposición.

Disposición transitoria sexta. Normas transitorias mentres non se leve a cabo o desenvolvemento regulamentario previsto nesta lei

1. O necesario desenvolvemento regulamentario ao que se fai referencia nesta lei non impedirá a admisión a trámite de novas solicitudes de autorización de parques eólicos mentres aquel non se leve a cabo.

Para estes efectos, en tanto non se realice o desenvolvemento regulamentario previsto nos puntos 3 e 4 do artigo 29 respecto do modelo normalizado de solicitude, as solicitudes presentaranse mediante instancia por escrito dirixida á persoa titular da dirección xeral competente en materia de enerxía.

Do mesmo xeito, ata que se proceda ao desenvolvemento regulamentario indicado, o contido do proxecto de execución será o indicado para este tipo de instalacións no Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas Instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, ou norma que o substitúa.

2. En tanto non se diten as normas de desenvolvemento regulamentario ás que se fai referencia no punto 4 do artigo 31, entenderase que existe solapamento da nova solicitude cando a distancia proxectada horizontalmente entre os aeroxeradores da nova solicitude e os aeroxeradores dun parque eólico en funcionamento, autorizado ou en fase de tramitación administrativa sexa inferior a 10 diámetros do parque eólico autorizado ou en fase de tramitación administrativa nas direccións correspondentes ao 1º (+,+) e 3º (-,-) cuadrante, e a 4 diámetros nas direccións correspondentes ao 2º (-,+) e 4º (+,-) cuadrante. Para estes efectos, tomarase o maior dos diámetros dos aeroxeradores afectados. Para a determinación da dirección, terase en conta a liña recta que una o aeroxerador solicitado co aeroxerador do parque que xa se atopa en funcionamento, autorizado ou en fase de tramitación administrativa, utilizando un sistema de coordenadas cartesianas co norte orientado no eixe +y.

Disposición derrogatoria

Única.-Especial referencia ao Decreto 242/2007.

Queda derrogado o Decreto 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, e a Orde do 13 de xuño de 2002 pola que se crea e regula a Comisión de Seguimento do Plan Eólico de Galicia.

Quedan derrogadas as demais disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei. Autorízase a consellaría competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a aplicación do canon eólico.

Segunda.-Habilitación para a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderá modificar calquera elemento do canon eólico.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao de súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O canon eólico comezará a exixirse a partir do 1 de xaneiro de 2010

Disposición derradeira cuarta. Normativa supletoria

En todo aquilo non disposto por esta lei aplicarase con carácter supletorio a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e a súa normativa de desenvolvemento, ou normas que as substitúan.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia