lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Resolución do 17 de febreiro de 2021 pola que se establece o modelo normalizado para a solicitude da exención no canon da auga e coeficiente de vertedura establecida no artigo 4.2 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas (código de procedemento AU231C).

Publicado en: DOG 34 19/02/2021

Departamento: Augas de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Con data do 29 de xaneiro de 2021 foi publicada no DOG a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas. Nesta lei establécese, entre outros aspectos, unha nova exención no canon da auga e coeficiente de vertedura dirixida a paliar os efectos da COVID-19 en determinados sectores.

Na citada lei, ademais de establecer os requisitos para poder obter a exención indicada, establécese que tal exención se debe tramitar logo da solicitude do interesado.

Así mesmo, o feito de que na maior parte dos casos esteamos ante abonados do servizo municipal de subministración de auga xustifica que se opte por axilizar o procedemento mediante dous instrumentos para, na medida do posible, evitar facturacións que posteriormente deban ser regularizadas; habilitarase, en primeiro lugar, que a solicitude se presente ante a propia entidade subministradora e, en segundo lugar, posibilitarase que a acreditación do cumprimento dos requisitos subxectivo sexa realizada mediante unha declaración responsable.

Non obstante, a acreditación do requisito subxectivo para ser beneficiario da exención non é suficiente para acadar a exención, pois a lei establece, a maiores, un requisito obxectivo consistente na acreditación dunha diminución significativa da actividade a partir do 5 de novembro de 2020 a causa da declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020 e, singularmente, pola entrada en vigor das medidas establecidas no Decreto 179/2020, do 4 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria.

Para tal efecto, e de acordo co establecido no artigo 98.3 da Lei xeral tributaria, procede pór á disposición dos interesados un modelo de solicitude que, por unha banda, normalice a solicitude por parte dos eventuais beneficiarios e, por outro, permita mellorar a eficiencia na súa tramitación por parte dos órganos competentes.

En consecuencia, e en exercicio das competencias que o artigo 15.2 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, me confire,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

A presente resolución ten por obxecto establecer o modelo normalizado de solicitude de exención do canon da auga e coeficiente de vertedura establecida no artigo 4.2 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, pola que se modifica o artigo 59 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

A solicitude de exención que figura no anexo desta resolución habilitarase na Guía de procedementos e servizos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co código de procedemento administrativo AU231C.

Segundo. Solicitantes

Poderán solicitar a exención do canon da auga e coeficiente de vertedura os titulares de consumos de auga nos seguintes establecementos, nos supostos en que visen diminuída significativamente a súa actividade:

a) Establecementos de restauración: restaurantes, salóns de banquetes, cafetarías e bares.

b) Establecementos de lecer e entretemento: salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculo e furanchos.

c) Hoteis e aloxamentos turísticos.

d) Albergues turísticos.

A acreditación desta circunstancia realizarase mediante declaración responsable contida no anexo de solicitude.

Terceiro. Diminución significativa da actividade

Segundo o disposto no artigo 4 da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, para os efectos da aplicación da exención, entenderase producida unha diminución significativa da actividade nos establecementos indicados cando no período de vixencia da exención:

a) Os consumos realizados sexan iguais ou inferiores ao 25 % do consumo realizado no período de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020, no caso de que dispoñan de contador.

b) Dos rexistros de aloxamentos, dos servizos efectivamente realizados ou do consumo eléctrico se desprenda unha diminución da actividade no período de vixencia da exención de, polo menos, o 75 % respecto da actividade desenvolvida no período de facturación inmediatamente anterior ao 5 de novembro de 2020.

A acreditación do cumprimento do requisito previsto na alínea a) realizarao a entidade subministradora e, no caso de se abastecer de captacións propias, por Augas de Galicia.

A acreditación do cumprimento do requisito previsto na alínea b) realizarase mediante unha declaración responsable do solicitante contida no anexo desta resolución.

Cuarto. Período de exención

O período de exención do canon da auga e coeficiente de vertedura é o comprendido entre o 5 de novembro de 2020 e a data en que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020, ambas as datas incluídas.

No caso de que non dispoñan de contador, os solicitantes deberán presentar unha solicitude por cada período de facturación onde o contribuínte considere que cumpre os requisitos de diminución significativa de actividade durante todo o período de vixencia da exención.

Quinto. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas traballadoras autónomas e as persoas representantes dalgunha das anteriores.

De conformidade co artigo 89 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacions e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presentase a solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Ademais, as solicitudes poderán presentarse ante a entidade subministradora, a través do anexo desta resolución e polos medios que teña establecidos.

Sexto. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da ultima factura de auga.

b) A acreditación da representación, no caso de actuar a través de representante.

De conformidade co artigo 99.2 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, non será necesario achegar os documentos que non resulten exixibles pola normativa tributaria e aqueles que fosen previamente presentados polos interesados e que se atopen en poder da Administración tributaria actuante. Poderáselle, en todo caso, requirir ao interesado a ratificación de datos específicos propios ou de terceiros, previamente achegados. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou eses documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

A presentación ante a entidade subministradora realizarase polos medios que teña establecidos.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sétimo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/ NIE da persoa física solicitante ou representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitavo. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Noveno. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse eses trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Decimo primeiro. Vixencia

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2021

Teresa María Gutiérrez López

Directora de Augas de Galicia

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia