lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada.

Publicado en: DOG 127 06/07/2010

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Preámbulo

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece no seu artigo 3 o dereito á maternidade, considera esta como un ben insubstituíble e precisa que todas as cargas e coidados que supón o embarazo, o parto, a crianza e a socialización dos fillos deben recibir axuda directa das institucións públicas galegas, co fin de que non constitúa unha situación gravosa para as mulleres.

Esta lei é o resultado dunha iniciativa lexislativa popular promovida por miles de galegas e galegos; iniciativa que supón unha chamada de atención sobre o difícil que lles pode resultar a determinadas mulleres levar adiante o embarazo, particularmente a aquelas que se atopan en risco de exclusión social ou que padecen algunha discapacidade ou que son menores de idade ou que son inmigrantes ou que se atopan cursando estudos.

É unha realidade que moitas mulleres se ven condicionadas a interromper o seu embarazo por falta de apoios; noutros casos, aínda que prosigan coa xestación, o embarazo desenvólvese nun contexto de precariedade psicolóxica ou material impropio do chamado Estado do benestar.

A falta de apoios para que mulleres en situación de precariedade prosigan, en condicións axeitadas, co seu embarazo constitúe un atentado á igualdade e á liberdade. A sensu contrario, a promulgación desta lei favorece, consonte o disposto no artigo 9.2 da nosa Constitución, a remoción dos obstáculos que impiden ou dificultan os devanditos valores. Así, con esta lei favorécese a liberdade de elección, liberdade de elección para ser nai, sen que a lei cuestione ningunha opción alternativa ou diverxente. E con esta lei favorécese tamén a igualdade entre as mulleres ou, se é o caso, entre as parellas, xa que a norma está orientada a que a maternidade non estea ao alcance tan só das persoas con recursos. Favorece, por suposto, a igualdade real de oportunidades, pois está orientada a que o embarazo non sexa un lastre para a inserción sociolaboral das mulleres, en igualdade de condicións cos homes; e, ao tempo, favorece tamén a igualdade de inserción sociolaboral entre aquelas e aqueles que optan pola maternidade e pola paternidade, por unha banda, e entre aquelas outras persoas que tamén lexitimamente desbotan esa posibilidade, pola outra.

A norma incide na información, xa que a experiencia demostra que é precisamente a falta de información sobre a existencia de recursos o que, en moitos casos, lles impide ás mulleres acceder a estes.

A lei insírese na idea do «pluralismo do benestar» ou da «sociedade do benestar», isto é, na idea de que o apoio ás persoas en situación de dificultade debe vir dos máis diversos actores e entidades, co fin de evitar o que se podería cualificar de «egocentrismo competencial».

Cabe dicir tamén que a lei ten o valor engadido de revalorizar a maternidade, ou concretamente a figura da muller xestante, e de facer ver que o camiño da igualdade non se ten por que transitar con renuncias innecesarias.

A Constitución española, no seu artigo 39 e no ámbito dos principios reitores da política social e económica, establece que os poderes públicos aseguran a protección social, económica e xurídica da familia, a protección integral dos fillos, iguais estes ante a lei independentemente da súa filiación, e da súa nai, sexa cal sexa o seu estado civil.

Así mesmo, con base no disposto no artigo 148.1.20 da vixente Constitución española e nas previsións recollidas no Estatuto de autonomía no seu artigo 27.23, onde se recollen como competencias exclusivas da Comunidade Autónoma as materias de asistencia social, a Xunta de Galicia asumiu esas competencias e ao seu amparo apróbase esta lei.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada.

Artigo 1º.-Obxecto da lei.

Esta lei ten como obxecto dispoñer dun marco xurídico de actuación da Xunta de Galicia no ámbito da protección e da atención social á maternidade, co fin de establecer as medidas e actuacións encamiñadas a garantir e a preservar o dereito da muller xestante a culminar o seu embarazo, a ser apoiada socialmente nesa decisión e a ser informada dese dereito e dos programas e mecanismos de apoio dispostos ao seu favor, así como do dereito á vida en formación desde a concepción, e a que se propicie o establecemento dos medios necesarios de carácter social, xurídico, educativo, sanitario ou asistencial que permitan conseguir esta finalidade.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Será beneficiaria das actuacións desta lei toda muller con domicilio, traballo ou residencia na Comunidade Autónoma de Galicia que por razón das súas circunstancias persoais ou sociais poida acceder aos beneficios e servizos establecidos nesta lei e a aqueles outros que no seu desenvolvemento posterior puidesen establecerse.

As disposicións contidas nesta lei tamén lle serán de aplicación a toda a Administración pública e a calquera entidade de titularidade pública ou privada que preste servizos sociais ou sanitarios no ámbito territorial da Comunidade de Galicia.

Artigo 3º.-Dereito de información.

1. Toda muller xestante ten dereito a ser informada de xeito personalizado, suficiente e comprensible das axudas e dos apoios establecidos nesta lei e dos que puidese beneficiarse para culminar a súa xestación, en consideración das súas características persoais, sociais e económicas.

Calquera persoa, independentemente do seu sexo, idade e condición, poderá solicitar a información prevista nesta lei.

2. As administracións públicas de Galicia informarán a muller embarazada da existencia desta rede de apoio desde os distintos centros sanitarios, sociais e educativos. Co fin de alcanzar a máxima difusión desta información, a Xunta elaborará unha guía de recursos, apoio e asistencia que conterá, polo menos, a seguinte información:

-Identificación dos centros, as prestacións e as axudas ás que pode acceder a muller desde a acreditación do seu embarazo.

-As medidas á disposición da muller embarazada ou das nais para acceder ao emprego, a formación, as rendas mínimas de inserción social ou en materia de residencia.

3. A Xunta, no marco da súa competencia, promoverá as condicións necesarias e a correcta adecuación da prestación dos servizos sociais para que os principios e dereitos recoñecidos nesta lei sexan obxecto dunha aplicación real e efectiva.

Así mesmo, a Xunta elaborará un código de boas prácticas que promova os valores, os dereitos e os principios éticos neste ámbito dos servizos sociais, divulgará o seu contido e fomentará o seu uso para conseguir o funcionamento correcto dos servizos sociais.

4. Do mesmo xeito, estenderá a dita protección ao ambito das políticas de inclusión social, establecendo para iso medidas específicas, programas e actuacións encamiñadas á tutela e á integración social das mulleres xestantes que se atopen en situación de risco ou de exclusión social.

5. De acordo cos principios establecidos, a orientación das políticas de atención social á maternidade quedará estruturada conforme ás seguintes directrices:

a) A valoración e a concienciación social do apoio á maternidade e da protección do dereito á vida en formación como presuposto de implementación do Estado do benestar social da Comunidade galega.

b) O fomento transversal das políticas sociais de protección á maternidade e a súa respectiva organización e instrumentación.

c) A realización dunha política preventiva e educativa neste ámbito que inclúa medidas informativas e formativas dirixidas á infancia e á adolescencia fundamentalmente.

d) A prioridade do dereito de información e acceso ás políticas asistenciais neste ámbito.

e) O fomento das medidas e dos programas de inclusión social e de inserción sociolaboral das mulleres xestantes tendentes a garantir a súa autonomía persoal e patrimonial fronte a situacións de vulnerabilidade ou de exclusión social.

f) A promoción de medidas de apoio á crianza dirixidas a familias nas que existan especiais dificultades para o exercicio das responsabilidades parentais.

g) A promoción da acollida e da adopción como alternativas eficaces para permitirlle á muller xestante seguir adiante co embarazo.

Artigo 4º.-Prioridade nas políticas sociais da Xunta.

Nas políticas sociais, a Xunta de Galicia establecerá a prioridade das mulleres embarazadas sen recursos económicos para acceder ás prestacións e axudas das que se trate.

Artigo 5º.-Beneficiarias.

1. Mulleres xestantes en especial situación de risco.

1.1. Consideraranse mulleres xestantes en especial situación de risco aquelas xestantes que por motivos de idade, cultura, saúde, situación socioeconómica, situación de exclusión social, ou calquera outra circunstancia persoal ou social, atopen específicas dificultades para levar a cabo o embarazo.

1.2. En todas as políticas asistenciais e informativas da Comunidade galega establecerase como prioridade a atención ás mulleres xestantes en especial situación de risco para accederen ás prestacións, axudas ou programas de actuación de que se trate, sempre que sexan adecuadas á súa situación.

A Xunta de Galicia, no ámbito das súas competencias, establecerá programas de actuación encamiñados á protección das mulleres xestantes en especial situación de risco.

2. Mulleres xestantes menores de idade.

2.1. Toda muller xestante menor de dezaoito anos terá dereito a unha asistencia específica que incluirá, polo menos, as seguintes prestacións:

a) Educación para a maternidade.

b) Apoio psicolóxico antes e despois do parto.

c) Intervención familiar.

d) Apoio para facilitar a súa formación na etapa do ensino obrigatorio.

e) Formación afectivo-sexual.

2.2. A muller xestante menor de idade, durante o proceso de xestación e posteriormente, no caso de que se fixera cargo da atención do seu fillo, terá dereito á flexibilización temporal do período de escolarización. As autoridades educativas velarán polo perfecto cumprimento desta previsión e arbitrarán os medios e as medidas necesarias para facer posible a optimización do rendemento académico da embarazada de forma compatible coas esixencias derivadas do embarazo e da maternidade. Tamén se lle recoñece o mesmo dereito ao pai menor de idade que poida xustificar un comportamento de paternidade responsable.

A consellaría competente arbitrará os instrumentos de apoio necesarios para facer posible a continuación dos estudos por parte da menor de idade embarazada e do pai, se é o caso, de forma compatible coas esixencias derivadas do embarazo e coas obrigas derivadas da maternidade e da paternidade.

3. Mulleres xestantes que se atopan cursando estudos.

Para as mulleres embarazadas menores de trinta anos que se atopen cursando estudos implantarase un réxime especial de protección e unha asistencia específica que incluirá, polo menos, as mesmas prestacións que para as embarazadas menores de idade se establecen nas alíneas anteriores.

4. Mulleres xestantes con discapacidade.

4.1. A Xunta de Galicia velará polo cumprimento dos dereitos das mulleres xestantes con discapacidade ou con incapacidade xudicial para protexer a súa maternidade.

Deberánselles proporcionar as axudas, apoios e asistencia necesarios, desde o inicio do embarazo, en función da súa discapacidade ou incapacidade xudicial.

4.2. Así mesmo, deberánselles prestar, en función das súas necesidades, os apoios e servizos precisos que lles permitan exercer as súas responsabilidades na crianza dos fillos do xeito máis apropiado.

5. Mulleres xestantes inmigrantes.

5.1. A Xunta de Galicia garantirá o acceso das xestantes inmigrantes aos servizos sociais en condicións de igualdade, sen que caiba ningunha discriminación pola súa condición de inmigrante.

5.2. No suposto de non comprender ningún dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma galega, a Xunta de Galicia poñerá á disposición da xestante inmigrante todos os medios necesarios que lle faciliten recibir a información dos dereitos e prestacións recollidos nesta lei nun idioma que lle sexa comprensible.

5.3. A Xunta de Galicia garantirá a prioridade das xestantes nos programas de integración social e laboral dirixidos ás persoas inmigrantes.

Artigo 6º.-Dos recursos.

1. Coa finalidade de favorecer a máxima difusión da información prevista nesta lei, a Xunta de Galicia elaborará unha guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade co seguinte contido mínimo:

a) A identificación dos centros, as prestacións e as axudas ás que pode acceder a muller xestante desde que acredite o seu embarazo.

b) As medidas á disposición das mulleres xestantes ou das nais para o acceso ao emprego, á formación, ás rendas mínimas de inserción ou a outras prestacións sociais.

c) A relación de entidades de interese xeral que, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, colaboran para a consecución dos fins previstos nesta lei.

2. As convocatorias de axudas que efectúe a Xunta de Galicia en materia de servizos sociais deberán considerar a circunstancia prioritaria de que algunha das beneficiarias sexa unha muller xestante, sempre que as destinatarias desas axudas sexan persoas físicas ou familias. Para estes efectos, computarase que a unidade familiar da que forme parte a muller embarazada está integrada por un ou máis membros adicionais desde o momento da fecundación, dependendo do número de fillos que espere, sempre que na aplicación desta fórmula se obteña un maior beneficio.

Para a xustificación do dito extremo, achegarase certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude de axuda.

Se a nai xestante non forma parte da unidade familiar, entenderase que, polo feito de estar embarazada, a constitúe para os efectos que prevé esta lei.

O disposto nesta alínea 2 será aplicable tanto ás axudas financiadas integramente pola Xunta de Galicia como a aquelas que se financian total ou parcialmente por medio de fondos procedentes do Estado, sempre que este cómputo non se opoña ao disposto na normativa reguladora do fondo de orixe.

3. A Xunta de Galicia poderá concertar o desenvolvemento dos labores de información, apoio e asistencia previstos nesta lei con entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan os fins de asistir, apoiar e informar as mulleres xestantes, co fin de asegurar que a dita atención se cubra nas catro provincias da Comunidade Autónoma galega, incluso a través da constitución de equipos itinerantes de apoio, información e asistencia ás mulleres xestantes.

Valorarase que as ditas entidades conten con equipos formados por profesionais con formación en calquera das áreas pedagóxicas, psicolóxicas, sociais e educativas que lles proporcionen ás mulleres xestantes atención pedagóxica, psicolóxica, social e educativa. Estes equipos contarán coa cooperación e co apoio técnico da Administración da Comunidade Autónoma.

4. A Xunta de Galicia fomentará prioritariamente programas de apoio á crianza destinados a familias con dificultades no exercicio das funcións parentais. Tamén impulsará, a través da sensibilización social e das prestacións necesarias, a acollida familiar e a adopción como alternativas efectivas de integración familiar en todos os supostos nos que así o requira o interese superior dun menor.

Así mesmo, a Xunta de Galicia poñerá á disposición das nais xestantes a información esencial sobre as medidas de apoio á maternidade e á crianza, así como as posibles medidas de protección, en especial a acollida familiar e a adopción, en caso de que manifesten, en calquera momento, que non poden facerse cargo da crianza tras o nacemento.

A Xunta, no ámbito das súas competencias, adoptará as medidas necesarias para axilizar a toma de decisións nos expedientes de protección de menores, e, para tal efecto, incrementaranse os medios materiais e humanos destinados á tramitación dos ditos expedientes e estableceranse medidas de revisión e control de calidade para elaborar propostas tendentes a axilizar a súa tramitación e a mellorar a súa xestión.

O Consello da Xunta adoptará as medidas necesarias para previr o abandono de menores e establecerá as vías para que, naqueles supostos nos que este poida producirse, os titulares da patria potestade ou os gardadores accedan con facilidade ao sistema de protección de menores e reciban unha rápida resposta deste.

5. O Consello da Xunta facilitará a creación de redes de voluntariado de apoio ás mulleres xestantes que as asistan durante a xestación e nos primeiros meses tras o nacemento, igual que apoiará as xa existentes.

Estableceranse regulamentariamente os requisitos que deberán cumprir as persoas ou as entidades, así como os criterios de valoración que se aplicarán para a súa selección e os beneficios que, se é o caso, lles poidan conceder.

Artigo 7º.-Confidencialidade.

Todas as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades públicas ou privadas que exerzan actividades de asistencia, apoio e información, de acordo co disposto nesta lei, deberán manter a debida reserva e confidencialidade sobre calquera das informacións obtidas como consecuencia das ditas actividades. O incumprimento desta obriga será sancionado de acordo co disposto na normativa vixente.

As administracións públicas poderán cederse os datos de carácter persoal necesarios para proporcionarlles ás nais unha cobertura integral das súas necesidades.

En todo caso, deberá cumprirse o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e a normativa que a desenvolve.

Artigo 8º.-Da información qlue se debe facilitar.

1. En todos os centros asistenciais e sanitarios radicados na Comunidade Autónoma galega, sexa cal sexa a súa titularidade, así como naqueles centros dependentes da Xunta de Galicia que presten labores de información, facilitaráselles ás mulleres xestantes e ás súas familias a información básica prevista nesta lei.

2. A información básica incluirá unha guía de recursos de apoio e asistencia á maternidade. Nela figurará, de xeito destacado, o teléfono de acceso xeral e gratuito previsto no artigo 9 desta lei.

3. Así mesmo, a información que se lles facilite ás mulleres xestantes incluirá toda aquela necesaria e útil ante a nova situación e para protexer a súa maternidade, e conterá as referencias detalladas dos recursos de protección social existentes no ámbito estatal, autonómico e local, tanto públicos como privados e redes de voluntariado, adecuados ás súas necesidades.

4. O contido desta información virá recollido nos protocolos que se elaboren para tal efecto.

Artigo 9º.-Da información telefónica e a través da internet.

1. A Xunta de Galicia facilitará a través do Teléfono da Muller, dependente do departamento competente en materia de igualdade, asistencia telefónica de acceso xeral e gratuíto que lle permita a calquera embarazada conectar coa rede de apoio regulada nesta lei, así como acceder á información básica sobre os recursos de apoio e asistencia á maternidade previstos neste texto legal e nos que en virtude deste se desenvolvan.

2. Así mesmo, a Xunta de Galicia facilitará, a través da internet, toda a información de carácter xeral prevista nesta lei.

Artigo 10º.-Da colaboración e coordinación administrativa.

1. A Xunta de Galicia, de conformidade coa lexislación vixente, potenciará a cooperación entre a Administración autonómica e os concellos, outras entidades locais e, se é o caso, a súa federación, por medio da celebración de convenios de colaboración, co fin de propiciar unha maior difusión, entre as potenciais mulleres interesadas, da existencia da rede de apoio á muller embarazada que crea esta lei e que supoña a súa colaboración activa na difusión, aplicación e eficacia da rede.

2. Así mesmo, a Xunta de Galicia, no marco dunha maior eficacia e eficiencia das medidas de apoio e asistencia á maternidade, promoverá mecanismos específicos e instrumentos de coordinación interadministrativa e elaborará, se é o caso, os protocolos necesarios para a dita efectividade.

3. O disposto na alínea anterior será obxecto de especial aplicación nos ámbitos da implementación sociosanitaria, da coordinación no sistema educativo, nos programas de protección e integración social, no perfeccionamento dos servizos de formación e emprego, no acceso á vivenda e en todos aqueles que poidan converxer no apoio e na asistencia á maternidade.

4. A Xunta de Galicia poderá conceder subvencións e establecer convenios, de conformidade coa lexislación aplicable, coas entidades de interese xeral que se comprometan a ofrecer apoio, asistencia e asesoramento á muller xestante no sentido previsto nesta lei.

5. As administracións públicas colaborarán e prestarán asistencia técnica, no ámbito das súas competencias respectivas, coas entidades de interese xeral previstas na alínea anterior.

Disposicións adicionais

Primeira.-Plan integral de apoio á muller embarazada.

A Xunta de Galicia, e máis concretamente os departamentos competentes en materia de sanidade, educación, vivenda, transportes, emigración, traballo, benestar e igualdade, elaborarán, no prazo dun ano, un plan integral de apoio á muller embarazada que inclúa as oportunas accións e obxectivos para facer realidade a existencia da rede de apoio aquí recollida e que supoña poñer á disposición da muller embarazada recursos de tipo sanitario, social, educativo e de calquera outro, tanto públicos como privados, que permitan axudar a levar a bo termo os embarazos.

Segunda.-Familias monoparentais en Galicia.

A Xunta de Galicia, no prazo dun ano, elevará ao Parlamento de Galicia un informe sobre a situación das familias monoparentais en Galicia e dispoñerá un elenco de medidas co fin de mellorar a atención e a cobertura social das súas necesidades.

Terceira.-Transversalidade da protección da maternidade na actuación da Xunta.

A protección da maternidade informará, con carácter transversal, a actuación da Xunta de Galicia. Polo tanto, as actividades prestacionais ou de servizo público, así como as actividades de fomento que desenvolva a Xunta ou as súas entidades vinculadas e dependentes, deberán considerar e priorizar a condición de muller xestante.

Para estes efectos, determinaranse regulamentariamente os ámbitos concretos nos que se deberá considerar e priorizar a condición de muller xestante, e incluiranse, entre outros, e con carácter preferente, os servizos sociais, a educación, a sanidade, a vivenda, os transportes e o emprego.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil dez.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia