lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 8/2007, do 13 de xuño, de Policía de Galicia.

Publicado en: DOG 120 22/06/2007

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos.

1

A Constitución española de 1978 reflicte con nitidez a intención de poñer un punto e á parte na historia do noso modelo estatal. Deste xeito, na norma básica do sistema político español óptase de maneira decidida por unha distribución territorial do poder, pasando dun sistema de tradición centralista a un descentralizado e polo tanto máis adaptado ás novas circunstancias da realidade social.

A Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 27.25 do seu Estatuto de autonomía e na lei orgánica prevista no artigo 149.1.29.º da Constitución, ten atribuída, ao igual que outras comunidades, a competencia para a creación dunha policía autónoma.

Considerando que varias comunidades autónomas gozan desde hai tempo dese servizo propio, así como a intención doutras que non o teñen de poñelo en marcha durante os vindeiros anos, faise evidente que a decisión do Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia de crear a Policía de Galicia é totalmente acorde co ordenamento xurídico español.

2

Esta lei nace coa vocación de contribuír positiva e construtivamente á correcta evolución do Estado autonómico, dentro dos parámetros preestablecidos pola Constitución e polo Estatuto de autonomía. Seguindo esta máxima, a creación da Policía de Galicia responde tamén ao propósito de reforzar as características máis esenciais do sistema policial español: flexibilidade, pluralidade e participación dos cidadáns na execución da política de seguridade.

A flexibilidade implica o rexeitamento a un modelo pechado e acabado na máis pura liña centralista que, pola súa propia rixidez, imposibilita a investigación das solucións empíricas necesarias para resolver os problemas que se presenten en cada momento. A flexibilidade implica un modelo que demostra a súa capacidade para adaptarse ás situacións cambiantes que aparecerán de forma exponencial nos vindeiros anos, e así responder con eficacia ás novas exixencias de seguridade que se presentarán no futuro.

A pluralidade vese axeitadamente reforzada e incrementada grazas a esta lei, non só porque así o exixe a natureza autonómica do noso Estado senón tamén porque a experiencia demostra que son os sistemas plurais e máis descentralizados os que mellor permiten a execución de políticas públicas de seguridade interior baseadas na protección dos dereitos e liberdades e na potenciación dos aspectos preventivos sobre os meramente represivos.

Esta pluralidade non pode dar bos resultados se non vai acompañada sempre dos principios de cooperación, coordinación e mutua colaboración. Por esta razón créanse o Centro de Elaboración de Datos para o Servizo Policial e a Xunta de Seguridade de Galicia como órganos de coordinación.

É necesario facer constar que, ante a crecente sensibilización da opinión pública polos problemas de seguridade, o modelo policial débelle recoñecer un amplo espazo á participación da cidadanía na programación e na execución das políticas públicas de seguridade interior. Con esta finalidade créase o Gabinete de Iniciativas Cidadás para a Optimización do Servizo Policial, órgano que actuará como instrumento e canle de comunicación para permitir a libre expresión das demandas cidadás, xa sexa a título individual xa sexa a través das organizacións e entidades que as expresen.

3

A creación da Policía de Galicia supón o inicio dun cambio nas circunstancias socioculturais de Galicia. Un cambio que se enmarca con total claridade e de forma transparente no proceso descentralizador que, inaugurado no seu día pola Constitución española, actuou desde entón como motor de xeración e eixe de vertebración do Estado das autonomías.

Dentro deste progresivo proceso de asunción de competencias, esta lei supón un acontecemento certamente histórico e cunha forte carga simbólica que a ninguén deixa indiferente dentro da sociedade galega. Estas circunstancias son facilmente entendibles, xa que por primeira vez Galicia se dispón a realizar os labores preceptivos e os quefaceres necesarios para a verdadeira posta en marcha dun proxecto co que se leva especulando desde hai máis dunha década, pero que nunca ata agora se afrontou en termos realistas de cara á súa firme realización.

Para iso, esta lei recolle os principios básicos de actuación que compoñen o código ético policial, incluídos na Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade, que obrigan a todos os corpos policiais e que, pola súa vez, se inspiran nas resolucións da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa e da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, especialmente no relativo á Declaración sobre a policía e ao Código de conduta para os funcionarios encargados de facer cumprir a lei. Engádenselles a estes principios os que se poden aplicar directamente aos axentes encargados de facer cumprir a lei, que veñen recollidos no Código europeo de ética policial de 2001.

Como consecuencia destes principios, imponse aos membros da Policía de Galicia un absoluto respecto á Constitución, ao Estatuto de autonomía e á lexislación vixente, así como a obriga de actuar no desempeño das súas funcións con integridade e dignidade e con segredo profesional e de respectar o honor e a dignidade da persoa, intervindo sempre en defensa das leis e da seguridade cidadá. Ademais, dado o respecto que a Policía de Galicia lle debe á sociedade, á cal pertence e da cal provén o seu mandato, exíxelle a utilización dos recursos coactivos só en situacións extremas e cunha inflexible aplicación dos principios de oportunidade, proporcionalidade e congruencia.

Deste xeito, os membros da Policía de Galicia axustaranse no seu labor á maior profesionalidade posible, coas limitacións e cos sacrificios que sexan necesarios en favor do servizo que prestan.

4

Para lograr un correcto desenvolvemento da Policía de Galicia e proporcionarlle unhas garantías de estabilidade e crecemento acordes coas finalidades xa expostas e as funcións que se lle encomendan, é dotada dunha estrutura suficiente que lle permita establecer un escalafón no mando capaz de absorber o seu propio crecemento. Por iso se establece un sistema de escalas e categorías que se considerou conveniente para alcanzar o dito obxectivo. Así mesmo, establécense os requisitos de acceso ao corpo e as condicións para a promoción interna dentro del.

Esta lei plasma a intención do Goberno de Galicia de dotar a Comunidade Autónoma dun corpo policial eficaz que manteña as oportunas relacións de coordinación cos corpos e forzas de seguridade do Estado. Outro aspecto destacado desta lei é a regulación do acceso de membros procedentes doutras forzas e corpos de seguridade á Policía de Galicia, tanto se pertencen ao Corpo Nacional de Policía como á Garda Civil, á Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia ou a calquera outro, co obxecto de evitar calquera clase de discriminación ao mesmo tempo que se fan valer reciprocamente os principios de respecto e colaboración.

Ademais, conságrase o carácter civil da Policía de Galicia, dadas as inconfundibles características que inciden na función policial e a repercusión que as súas actuacións teñen sobre os dereitos e liberdades. Para garantir o seu exercicio, esta lei asígnalle á Policía de Galicia unhas funcións que se corresponden co marco constitucional e son as necesarias para asegurar a protección das persoas e bens e que se asumirán nun marco de acordo coa Administración xeral do Estado. Como policía ao servizo da comunidade, deberá contribuír á consecución do benestar social e cooperar con outros axentes sociais, especialmente nos ámbitos da prevención, o civismo, a cohesión social, a loita contra a violencia de xénero, a axuda e a asistencia ao cidadán e a rehabilitación e reinserción social.

O carácter finalista das funcións de seguridade e o feito de que os últimos destinatarios da actividade de policía sexan os cidadáns exixen que a Policía de Galicia opere segundo os xa mencionados principios de cooperación, coordinación e colaboración con todas as demais forzas e corpos de seguridade, sempre consonte os criterios que as dúas partes acorden na Xunta de Seguridade.

Así mesmo, coordinarase a actuación da Policía de Galicia coas policías locais, ás cales o novo corpo policial lles dará soporte técnico e operativo cando estas non poidan asumir plenamente un servizo ou por solicitude das entidades locais, para desempeñar as funcións dos corpos de Policía local.

Tendo en conta as funcións e os aspectos mencionados, á Academia Galega de Seguridade Pública correspóndelle un papel destacado no sistema desta lei e no proceso de creación da Policía de Galicia. Non pode existir unha policía eficiente se os seus membros non dispoñen dunha boa formación, axeitada á misión que se lles encomenda, e en constante actualización para os compoñentes de todas as categorías do novo corpo policial. A importancia desta tarefa formativa e de capacitación, que incidirá na Policía de Galicia, obriga a que a Academia Galega de Seguridade Pública sexa apropiadamente dotada e atendida.

Por último, esta lei, a través das súas disposicións adicionais, regula os recursos provenientes de acordos con outras administracións e establece a correspondencia de categorías coas outras forzas e corpos de seguridade do Estado cuxos membros desexen integrarse na Policía de Galicia. Así mesmo, as disposicións transitorias regulan a integración e promoción dos funcionarios pertencentes á Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, así como a promoción dos funcionarios provenientes doutras forzas e corpos de seguridade e a configuración do escalafón da Policía de Galicia. Especialmente importantes son as que se refiren ao período transitorio que a aplicación desta lei debe ter, non só polo lóxico proceso de despregamento da Policía de Galicia senón porque algunhas das funcións contidas no artigo 15 precisan a plena asunción de competencias pola Comunidade Autónoma de Galicia a través das correspondentes reformas legais e estatutarias ou da previa transferencia ou delegación polo procedemento establecido no artigo 150.2º da Constitución.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de Policía de Galicia.

TÍTULO I Disposicións xerais, principios de actuación e funcións

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da lei.

Esta lei ten por obxecto a creación da Policía de Galicia.

Así mesmo, nela estableceranse a súa estrutura e funcións e o réxime xurídico e estatutario do seu persoal.

Artigo 2. Ámbito territorial.

1. O ámbito de actuación da Policía de Galicia estará constituído polo territorio da dita comunidade autónoma.

2. Non obstante, de acordo co establecido no artigo 42 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, a Policía de Galicia poderá actuar fóra do dito territorio:

a) En situacións de emerxencia, logo de requirimento das autoridades estatais.

b) Cando exerza funcións de protección de autoridades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Neste último suposto, precísase autorización previa do Ministerio do Interior e, cando proceda, comunicación ao órgano de goberno da comunidade autónoma correspondente, coas condicións e requisitos que se determinen regulamentariamente.

Artigo 3. Natureza.

A Policía de Galicia é un instituto armado de natureza civil, con estrutura e organización xerarquizada, que se constitúe organicamente como un corpo único e que se rexe, sen prexuízo do establecido na normativa básica reguladora das forzas e corpos de seguridade, polo disposto nesta lei e, supletoriamente, na Lei da función pública galega.

Artigo 4. Uso de armas e uniforme.

1. Dado o carácter de instituto armado da Policía de Galicia, os seus membros portarán as armas que regulamentariamente se determine, agás nos supostos que pola mesma vía se establezan.

2. Os membros da Policía de Galicia vestirán o uniforme regulamentario cando estean de servizo. Non obstante, en determinados postos de traballo ou polas características do servizo poden exercer as súas funcións sen o uniforme. Tales excepcións determinaranse regulamentariamente.

3. Pola mesma vía determinaranse as divisas, os distintivos e a documentación policial, así como os saúdos e honores.

Artigo 5. Misión da Policía de Galicia.

1. No ámbito das súas competencias a Policía de Galicia ten como misión esencial protexer o libre exercicio dos dereitos e liberdades e garantir a seguridade cidadá. Para estes efectos, deberá velar pola pacífica convivencia e protexer as persoas e os seus bens de acordo co ordenamento xurídico.

2. Así mesmo, como policía ao servizo da comunidade, deberá contribuír á consecución do benestar social e cooperar con outros axentes sociais, especialmente nos ámbitos da prevención, o civismo, a cohesión social, a loita contra a violencia de xénero, a axuda e a asistencia ao cidadán e a rehabilitación e reinserción social.

Artigo 6. Acatamento á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia.

Antes de tomaren posesión do seu cargo, os membros da Policía de Galicia xurarán ou prometerán acatamento á Constitución, como norma fundamental do Estado, e ao Estatuto de autonomía de Galicia, como norma institucional básica desta comunidade autónoma.

Artigo 7. Réxime xurídico.

1. No relativo ao foro xurisdicional, ao réxime de protección penal e ao réxime penitenciario, os membros da Policía de Galicia réxense polo establecido pola Lei orgánica 2/1986, de forzas e corpos de seguridade do Estado.

2. Na súa aplicación establécese:

a) No exercicio das súas funcións, os membros da Policía de Galicia terán para todos os efectos legais o carácter de axentes da autoridade.

b) No caso dos delitos de atentado na comisión dos cales se empreguen armas de fogo, explosivos ou outros medios de agresión de perigosidade análoga que poidan poñer en perigo grave a integridade física dos membros da Policía de Galicia, estes teñen, para os efectos da súa protección penal, a consideración de autoridade.

c) A xurisdición competente para coñecer dos delitos que se cometan contra membros da Policía de Galicia así como os cometidos por estes no exercicio das súas funcións é a xurisdición ordinaria.

d) Os membros da Policía de Galicia cumprirán a prisión preventiva e as penas privativas de liberdade nos establecementos penais ordinarios. Non obstante, garántese a súa separación dos demais detidos ou presos.

e) A iniciación dun procedemento penal contra un membro da Policía de Galicia non impide a tramitación dun expediente disciplinario polos mesmos feitos. Non obstante, a resolución definitiva do expediente tan só poderá producirse cando a ditada no ámbito penal sexa firme, vinculando á administración a declaración de feitos probados.

Capítulo II Principios de actuación

Artigo 8. Disposicións xerais.

A Policía de Galicia exercerá as súas funcións con respecto á Constitución, ao Estatuto de autonomía e ao resto do ordenamento xurídico. Así mesmo, cumprirá os seus deberes servindo a comunidade e observando os principios básicos de actuación do código ético policial, contidos na normativa básica dos corpos e forzas de seguridade e nesta lei.

Artigo 9. Principios básicos de actuación.

1. Os membros da Policía de Galicia actuarán con absoluta neutralidade política, de maneira equitativa e con imparcialidade, respectando en todo momento os principios de igualdade e non-discriminación por razón de ideoloxía, relixión ou crenzas, situación familiar, pertenza a etnia ou raza, orixe nacional, idioma, sexo, orientación sexual, xénero, enfermidade, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Así mesmo, deberán observar e acatar todos os demais principios, dereitos e liberdades que se consignan na Constitución e na Declaración universal de dereitos humanos.

2. Así mesmo, evitarán calquera práctica abusiva, arbitraria ou que entrañe violencia física e/ou moral e deberán actuar en todo momento con integridade e dignidade, evitando todo comportamento que poida significar perda da confianza e consideración que requiren as súas funcións, ou comprometer o prestixio ou eficacia do servizo ou da administración. En particular, absteranse de todo acto de corrupción e opoñeranse a el.

3. Na súa actuación profesional rexeranse polos principios de xerarquía e subordinación e débenlles respecto e obediencia ás autoridades e superiores xerárquicos. Non obstante, absteranse de cumprir ordes que entrañen a execución de actos que manifestamente constitúan delito ou sexan contrarios á Constitución ou ás leis, sen que no dito caso poida ser adoptada ningunha medida disciplinaria contra eles.

4. Os membros da Policía de Galicia respectarán a autoridade dos tribunais e deben colaborar e auxiliar a Administración de xustiza nos termos que dispoñan as leis.

Así mesmo, no desempeño da súa función como policía xudicial, estarán ao servizo e baixo a dependencia da dita administración, nos termos legalmente establecidos.

Artigo 10. Relacións coa comunidade.

1. Nas súas relacións coa cidadanía os membros da Policía de Galicia manterán un trato correcto e esmerado, proporcionándolles información cumprida e tan ampla como sexa posible sobre as causas e finalidade das súas intervencións. Así mesmo, procurarán o seu auxilio e protección sempre que as circunstancias o exixan ou sexan requiridos para iso.

Ademais, acreditarán a súa condición profesional sempre que sexa necesario e cando o demanden as persoas coas cales se relacionen nas súas actuacións.

2. No exercicio das súas funcións, os membros da Policía de Galicia actuarán sen demora e coa decisión necesaria cando diso dependa evitar un dano grave, inmediato e irreparable.

3. As súas intervencións rexeranse polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade na utilización dos medios ao seu alcance, e non recorrerán á forza salvo no caso de absoluta necesidade e co exclusivo fin de conseguir un obxectivo lexítimo.

4. Non deberán utilizar as armas salvo que exista un risco racionalmente grave para a súa vida ou integridade física ou para a vida e integridade física de terceiras persoas, así como naquelas circunstancias en que concorra un grave risco para a seguridade cidadá. Ao facelo, rexeranse polos principios a que se refire o punto anterior.

Artigo 11. Tratamento dos detidos.

Os membros da Policía de Galicia, no tratamento cos detidos, observarán os seguintes principios:

a) Identificarse debidamente como tales no momento de efectuar unha detención.

b) Dar cumprimento e observar coa debida dilixencia os trámites, prazos e requisitos exixidos polo ordenamento xurídico.

c) Velar pola vida, integridade física e saúde das persoas que deteñan ou que se atopen baixo a súa custodia e respectar o seu honor, dignidade e os demais dereitos recoñecidos na Constitución e no resto do ordenamento xurídico.

Artigo 12. Dedicación profesional.

Os membros da Policía de Galicia levarán a cabo as súas funcións con total dedicación. Ademais, mesmo cando estean fóra de servizo, están obrigados a observar os deberes inherentes á súa función e deben intervir sempre en defensa da lei e da seguridade cidadá e prestar auxilio naqueles casos en que fose necesario.

Artigo 13. Deber de segredo.

Os membros da Policía de Galicia deberán gardar segredo respecto de todas as informacións que coñezan por razón ou con ocasión do desempeño das súas funcións. Polo tanto, non estarán obrigados a revelar as súas fontes de información, salvo que llelo impoña o exercicio das súas funcións ou as disposicións legais.

Artigo 14. Responsabilidade.

Todos os membros da Policía de Galicia son responsables, persoal e directamente, dos actos que leven a cabo na súa actuación profesional ao infrinxir ou vulnerar as normas legais así como as regulamentarias que rexen a súa profesión e os principios enumerados neste capítulo, sen prexuízo da responsabilidade patrimonial que como consecuencia daqueles lle poida corresponder á administración pública da cal dependen, de acordo coa normativa vixente.

Capítulo III Funcións da Policía de Galicia

Artigo 15. Funcións.

1. O Corpo de Policía de Galicia, consonte o artigo 5 desta lei, exercerá as seguintes competencias e funcións:

a) No ámbito de seguridade cidadá:

1.º A vixilancia e protección de persoas, órganos, edificios, establecementos e dependencias da Comunidade Autónoma de Galicia, garantindo o normal funcionamento das instalacións e a seguridade dos usuarios dos seus servizos.

2.º Prestar auxilio nos casos de accidente, catástrofe ou calamidade pública e participar na execución dos plans de protección civil na forma en que se determina nas leis.

3.º Prestar auxilio nas actuacións en materia de salvamento, se é requirido para iso.

4.º As demais funcións legalmente atribuídas, especialmente:

-Protexer as persoas e os bens.

-Manter a orde pública, de acordo co ordenamento xurídico.

-Vixiar os espazos públicos.

-Protexer e colaborar nas manifestacións e manter a orde pública nas grandes concentracións humanas cando fose requirido para iso.

-Prever a comisión de actos delituosos e intervir cando fosen cometidos.

-Intervir na resolución amigable de conflitos privados se fose requirido.

-Cumprir as funcións de protección de seguridade cidadá atribuídas ás forzas e corpos de seguridade pola Lei orgánica 1/1992.

b) No ámbito de policía administrativa:

1.º Velar polo cumprimento das leis e disposicións do Estado aplicables en Galicia e garantir o funcionamento dos servizos públicos esenciais.

2.º Velar polo cumprimento das leis de Galicia e das normas, disposicións e actos emanados das demais institucións e órganos da Comunidade Autónoma, mediante as actividades de investigación, inspección e denuncia, e a execución forzosa das súas resolucións.

3.º A inspección das actividades sometidas á ordenación ou disciplina da Comunidade Autónoma de Galicia, denunciando toda actividade ilícita.

Na execución deste tipo de funcións prestarase especial atención a:

-Velar polo cumprimento da normativa vixente sobre medio ambiente, recursos mariños, caza, gandaría, saúde pública, incendios forestais, pesca fluvial, ordenación urbanística, protección de camiños, costas e asuntos marítimos, transporte e contaminación acústica.

-Velar polo cumprimento da normativa sobre o patrimonio histórico e cultural galego para evitar o seu espolio ou destrución e para garantir a súa salvagarda e protección.

-No marco das funcións que lle atribúa a normativa específica, vixiar e controlar o cumprimento da lexislación vixente en materia de xogo e de espectáculos.

4.º Vixilancia e control do tráfico nas vías interurbanas do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5.º Vixiar, inspeccionar e controlar as empresas de seguridade privada, os seus servizos e actuacións e os medios e persoal ao seu cargo, nos termos establecidos na lexislación vixente.

6.º Informar, asistir e orientar os cidadáns.

7.º Colaborar coas institucións públicas de protección e tutela de menores na consecución dos seus obxectivos, de conformidade coa lexislación civil, penal e penitenciaria do Estado.

8.º Colaborar coas institucións públicas e privadas de protección e tutela da inmigración e con aqueloutras que teñan como obxectivo previr e evitar calquera forma de marxinación.

9.º Colaborar coas institucións públicas de protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero.

10.º As demais funcións que lle atribúa a lexislación vixente.

c) No ámbito de policía xudicial, aquelas funcións que lle correspondan de acordo co establecido no artigo 126 da Constitución, na Lei orgánica do poder xudicial e na restante normativa vixente.

2. As funcións enumeradas no punto anterior cumpriranse baixo os principios de cooperación, coordinación e mutua colaboración co resto de forzas e corpos de seguridade.

3. Ademais, a Policía de Galicia poderá asumir todas aqueloutras funcións que sexan delegadas ou transferidas á Comunidade Autónoma pola vía do artigo 150.2 da Constitución, así como aqueloutras que lle sexan encomendadas.

Artigo 16. Convenios de colaboración coas entidades locais.

As entidades locais e a consellaría competente en materia de seguridade poderán subscribir convenios de colaboración para a asistencia da Policía de Galicia naquelas funcións de natureza técnica e operativa, estritamente policial, que correspondan aos corpos de Policía local, nos casos en que non dispoñan del ou, aínda que dispoñan, os seus efectivos non alcancen a dar cobertura á totalidade dos servizos da súa competencia. En ningún caso estes convenios de colaboración poderán eximir do exercicio de competencias que as entidades locais teñen en materia de Policía local.

TÍTULO II Organización administrativa

Capítulo I Órganos de dirección

Artigo 17. Órganos de dirección.

1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, a través do seu presidente, o mando supremo da Policía de Galicia. O dito mando exérceo a persoa titular da consellaría competente en materia de seguridade, segundo o previsto nesta lei.

2. Á devandita consellaría, de conformidade cos obxectivos xerais establecidos polo Consello da Xunta de Galicia, correspóndelle a xefatura e superior dirección da Policía de Galicia, respecto da cal exerce as seguintes competencias:

a) A dirección, coordinación e inspección dos servizos policiais.

b) A elaboración de plans e proxectos de actuación policial, o seguimento e a execución deles.

c) A elaboración dos plans e proxectos de actuación económica e a coordinación e execución deles, coa excepción daqueles que correspondan ao Consello da Xunta de Galicia ou a outros órganos, de conformidade coa legalidade vixente.

d) A elaboración de estudos relativos a organización, coordinación e desenvolvemento que afecten o Corpo de Policía de Galicia.

e) A aplicación e supervisión do réxime estatutario dos funcionarios da Policía de Galicia, con excepción das competencias que correspondan ao Consello da Xunta de Galicia e das que estean atribuídas a outros órganos da Administración da Comunidade Autónoma, en virtude do disposto nesta lei e no resto do ordenamento xurídico.

f) As funcións relativas a selección, formación, especialización, promoción, situacións administrativas e réxime disciplinario dos funcionarios da Policía de Galicia, sen prexuízo do disposto na alínea anterior.

g) A determinación da representación da Administración da Xunta de Galicia nas negociacións cos representantes dos funcionarios da Policía de Galicia, de acordo coa normativa vixente.

h) Fomentar a coordinación da Policía de Galicia e dos seus servizos de soporte técnico-administrativo coas policías locais, respectando, en todo caso, a autonomía orgánica e funcional desta.

i) Promover a creación dos órganos e servizos necesarios para o desenvolvemento das tarefas policiais referidas a coordinación, información, consulta e asesoramento da Policía de Galicia.

j) As demais previstas no ordenamento xurídico.

3. As competencias previstas no punto anterior entenderanse sen prexuízo de calquera outra que lle atribúa a normativa vixente, e o seu exercicio corresponderalles aos órganos da consellaría competente en materia de seguridade que regulamentariamente se determinen.

Capítulo II Órganos de coordinación

Artigo 18. Xunta de Seguridade de Galicia.

1. De conformidade co disposto no artigo 50 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de novembro, de forzas e corpos de seguridade, constitúese a Xunta de Seguridade de Galicia, integrada por igual número de representantes do Estado e da Comunidade Autónoma, coa misión de coordinar a actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado e da Policía de Galicia, nos termos que regulamentariamente se determinen.

2. A Xunta de Seguridade de Galicia será o órgano competente para resolver as incidencias que puidesen xurdir na colaboración entre os membros das forzas e corpos de seguridade do Estado e os da Policía de Galicia.

3. Para tal efecto, as autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia e a Delegación do Goberno deberán informar periodicamente á dita xunta verbo das deficiencias que se observen na coordinación, mutuo auxilio e información recíproca entre aqueles, indicando as medidas oportunas para corrixir os problemas suscitados.

Artigo 19. Centro de Elaboración e Proceso de Datos para o Servizo Policial.

1. Créase o Centro de Elaboración e Proceso de Datos para o Servizo Policial, como órgano administrativo encargado da captación, análise, clasificación, elaboración, depósito e conservación, en ficheiros automatizados con soporte físico, dos datos que lles sexan precisos aos servizos policiais para o exercicio das súas funcións. O dito órgano tamén levará a cabo a súa comunicación aos suxeitos autorizados.

2. A organización e o funcionamento deste órgano determinaranse regulamentariamente, de acordo co previsto legalmente sobre o tratamento automatizado de datos de carácter persoal, especificando a súa dependencia orgánica, a súa estruturación, as persoas autorizadas para acceder a el, os mecanismos de control, as condicións de acceso e seguridade e cantas cautelas sexan necesarias para o correcto uso da información.

3. O centro coordinarase coa Administración xeral do Estado nos termos previstos na lexislación vixente.

4. Para facilitar a coordinación policial e mediante o correspondente convenio, a Policía de Galicia e as policías locais poderán utilizar as bases de datos comúns no necesario para o cumprimento das súas respectivas funcións.

Capítulo III Órganos consultivos

Artigo 20. Consello da Policía de Galicia.

1. Créase o Consello da Policía de Galicia como órgano consultivo e de participación no cal se integran representantes da consellaría competente en materia de seguridade e representantes dos membros da Policía de Galicia.

O dito consello estará presidido polo titular da consellaría competente en materia de seguridade, que será quen designe e destitúa os representantes do seu departamento que integrarán o dito órgano.

Os representantes dos membros da Policía de Galicia designaranse do xeito que regulamentariamente se determine. Establecerase tamén, pola mesma vía, todo o relativo a número de integrantes, organización, estrutura e réxime interno.

2. Correspóndenlle ao Consello da Policía de Galicia as seguintes funcións:

a) Formular propostas relativas aos criterios de aplicación no desenvolvemento dos concursos para a provisión de postos de traballo.

b) Realizar consultas en materias relativas ao estatuto profesional.

c) Participar en programas de modernización dos métodos e técnicas de traballo.

d) Con carácter previo á adopción da resolución que proceda, emitir informe nos expedientes disciplinarios que se instrúan por faltas moi graves contra funcionarios da Policía de Galicia e en todos aqueles que se instrúan contra os seus representantes ou delegados sindicais. Así mesmo, será informado da incoación dos restantes expedientes disciplinarios que se instrúan, así como da súa resolución e das rehabilitacións.

e) Emitir informe sobre os anteproxectos de lei e os proxectos de calquera normativa que afecten o réxime estatutario.

f) Emitir informe na determinación das condicións de prestación do servizo policial.

g) Debater e propoñer medidas en relación coa política de persoal e, en especial, en materia de sistemas de ingreso, relacións de postos de traballo, promoción e carreira profesional e aplicación de retribucións.

h) Aprobar as súas normas de organización e funcionamento.

i) As demais que lle atribúa a normativa vixente.

Artigo 21. Comisión Galega de Seguridade.

1. Créase a Comisión Galega de Seguridade, como órgano de encontro e intercambio de ideas e experiencias para favorecer a coherencia nas actuacións das diversas entidades e institucións implicadas e afectadas pola política de seguridade.

2. Poderán formar parte da dita comisión representantes:

a) Da Administración da Comunidade Autónoma, a través da consellaría competente en materia de seguridade.

b) Da Administración do Estado.

c) Da Administración local.

d) Da Administración de xustiza de Galicia.

Así mesmo, poderán participar nas súas sesións aquelas persoas físicas ou xurídicas, xa sexan públicas ou privadas, que resulten de interese aos fins da comisión.

3. Regulamentariamente estableceranse as normas que rexerán a constitución, a composición e o funcionamento da Comisión Galega de Seguridade.

Capítulo IV Órganos de participación cidadá

Artigo 22. Gabinete de Iniciativas Cidadás para a Optimización do Servizo Policial.

1. Na consellaría competente en materia de seguridade existirá un Gabinete de Iniciativas Cidadás para a Optimización do Servizo Policial, que se encargará de estudar as iniciativas dirixidas á mellora do funcionamento dos servizos policiais que sexan presentadas por calquera administrado con suxeición aos requisitos e límites establecidos polo ordenamento xurídico.

Ademais, o dito gabinete proporá a adopción daquelas medidas que coide convenientes para o perfeccionamento do servizo.

2. As iniciativas poderán ser presentadas en calquera dependencia policial, e o funcionario responsable dela estará obrigado á súa inmediata tramitación.

3. Quedan excluídas do ámbito deste gabinete as peticións derivadas de accións administrativas, penais ou doutra orde suxeitas a regulación específica.

4. De todas as iniciativas daráselle conta á Comisión Galega de Seguridade.

TÍTULO III Do réxime funcionarial da Policía de Galicia

Capítulo I Disposicións xerais

Artigo 23. Regulación.

1. Os membros do Corpo da Policía de Galicia son funcionarios de carreira da Administración da Comunidade Autónoma galega e rexeranse polas normas de aplicación directa da Lei orgánica 2/1986, do 13 de novembro, de forzas e corpos de seguridade, polo establecido nesta lei e polas normas que a desenvolvan.

2. Será aplicable ademais, con carácter supletorio, a normativa vixente en materia de función pública galega e, así mesmo, terase en conta o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 24. Escalas e categorías.

1. O Corpo de Policía de Galicia estrutúrase xerarquicamente nas seguintes escalas e categorías:

a) Escala de mando e dirección, que comprende as categorías de comisario, inspector xefe e inspector.

b) Escala executiva, que comprende a categoría de subinspector.

c) Escala básica, que comprende as categorías de oficial e policía.

2. Correspóndenlles ás escalas da Policía de Galicia os seguintes grupos:

a) Á escala de mando e dirección, grupo A.

b) Á escala executiva, grupo B.

c) Á escala básica, grupo C.

Artigo 25. Funcións.

1. Correspóndelles aos membros da Policía de Galicia, segundo as respectivas categorías, cumprir con carácter preferente as seguintes funcións:

a) Comisario: o mando, a dirección, a orientación, a coordinación e a inspección, a nivel superior, dos servizos policiais.

b) Inspector xefe: a xestión das distintas áreas e unidades.

c) Inspector: o mando e a xestión dos grupos policiais.

d) Subinspector: o control operativo e a supervisión das tarefas executivas e dos subgrupos policiais.

e) Oficial: as funcións de mando dun ou máis funcionarios da mesma escala nos diferentes servizos policiais.

f) Policía: as tarefas executivas derivadas do cumprimento das funcións policiais.

2. Ademais do establecido no punto anterior, os funcionarios da Policía de Galicia están obrigados, en xeral, a realizar os labores que exixa a execución dos servizos policiais no marco das competencias que se teñan asumidas.

Artigo 26. Persoal non policial.

1. Na Policía de Galicia existirán as prazas de facultativos e de técnicos, con títulos dos grupos A e B, que se precisen para a cobertura de apoio do servizo policial dentro das súas respectivas especialidades.

2. Tamén se dispoñerá do persoal que fose necesario para levar a cabo as funcións administrativas e auxiliares de apoio á función policial.

3. O persoal dos dous puntos anteriores poderá pertencer, como funcionario, á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Neste caso, integrarase nos corpos e escalas que establece a Lei da función pública de Galicia.

Capítulo II Acceso e promoción

Artigo 27. Principios do sistema de selección.

1. Os sistemas de selección para o acceso ás diferentes categorías do Corpo da Policía de Galicia rexeranse polas bases da respectiva convocatoria, que se deberá axeitar aos principios de libre concorrencia, igualdade, mérito e capacidade, así como ao de publicidade do proceso selectivo.

2. As convocatorias publicaranse no Diario Oficial de Galicia e vinculan a administración, os tribunais que avalíen as probas selectivas e os que tomen parte nelas.

3. As probas selectivas para ingresar nas escalas e nas categorías do Corpo de Policía de Galicia serán de carácter teórico-práctico e incluirán probas de capacidade física, psicotécnicas, médicas e de coñecementos, tanto xerais como específicos, en materias relacionadas co exercicio profesional, así como a demostración do coñecemento da lingua galega.

Artigo 28. Requisitos de ingreso.

1. Ademais de estar en posesión da titulación requirida en cada caso, os requisitos de ingreso na Policía de Galicia serán os establecidos con carácter xeral para o ingreso na función pública galega e aqueloutros relacionados co carácter específico deste corpo, os cales se determinarán regulamentariamente.

2. En todo caso, para o ingreso na Policía de Galicia polo sistema de oposición libre requirirase unha idade non superior a 35 anos para a escala básica e a 40 anos para a escala executiva. Cando o ingreso se produza desde outros corpos policiais, a idade máxima será a de 42 anos para a escala básica, a de 45 anos para a escala executiva e a de 52 anos para a de mando e dirección.

Artigo 29. Titulación.

1. Para ingresar na Policía de Galicia exíxese cumprir os requisitos que se establecen nesta lei e no resto da normativa aplicable.

2. De acordo co establecido na normativa xeral en materia de función pública galega, a titulación exixida para o seu ingreso será a seguinte:

a) Grupo A: doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

b) Grupo B: diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, formación profesional de terceiro grao ou equivalente.

c) Grupo C: bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

Artigo 30. Ingreso na categoría de policía.

1. O ingreso na categoría de policía realízase polo sistema de oposición libre.

2. O dito sistema require, ademais de superar as probas selectivas que estableza a convocatoria, aprobar un curso de formación na Academia Galega de Seguridade Pública e superar un período de prácticas.

A avaliación do curso de formación e do período de prácticas débese restrinxir aos méritos e ás capacidades profesionais.

3. Unha vez que se superen as probas selectivas, o curso de formación e o período de prácticas, os aspirantes serán nomeados funcionarios de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia da escala e categoría correspondente.

Artigo 31. Funcionarios en prácticas.

1. Durante o curso de formación e o período de prácticas, os aspirantes terán a consideración de funcionarios en prácticas. A dita situación leva consigo a percepción dunha remuneración e a correspondente cotización á Seguridade Social.

2. O nomeamento como funcionario de carreira unicamente se pode efectuar unha vez que se superen o curso de formación e o período de prácticas, de acordo co que se estableza na convocatoria correspondente.

3. Con independencia da proba de recoñecemento médico que poida establecer a dita convocatoria, en calquera momento anterior a seren nomeados funcionarios de carreira, os aspirantes poderán ser sometidos ás probas médicas que sexan precisas para comprobar a súa idoneidade, de acordo co cadro de exclusións médicas que se determinará regulamentariamente. Se das probas practicadas se deduce a existencia dalgunha delas, o órgano responsable poderá propoñer a exclusión da persoa aspirante do proceso selectivo; neste caso correspóndelle ao órgano competente do nomeamento adoptar a resolución que proceda, sen que en ningún caso se teña dereito a indemnización.

4. Malia o disposto no punto anterior, se a causa de exclusión a que se fai referencia no punto anterior sobreveu como consecuencia de lesións sufridas no exercicio dos seus labores como funcionario en prácticas, o órgano responsable pódelle propoñer o seu nomeamento como funcionario de carreira ao órgano competente. No devandito caso, débeselle asignar ao dito funcionario un posto de traballo axeitado ás súas capacidades.

Artigo 32. Acceso á categoría de oficial.

O acceso á categoría de oficial levarase a cabo pola modalidade de promoción interna, mediante concurso oposición, entre membros da Policía de Galicia en situación de servizo activo cun mínimo de dous anos de antigüidade na categoría inmediatamente inferior e que superen no proceso de selección o curso específico que para estes efectos se impartirá na Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 33. Acceso á categoría de subinspector.

1. O acceso á categoría de subinspector realizarase por promoción interna ou por oposición libre.

2. O 50 % das prazas cubriranse por promoción interna. O dito sistema levarase a cabo mediante concurso oposición entre membros da Policía de Galicia en situación de servizo activo cun mínimo de tres anos de antigüidade na categoría inmediatamente inferior que posúan a titulación exixida e que superen no proceso de selección o curso específico que se impartirá na Academia Galega de Seguridade Pública.

3. O outro 50 % accederá polo sistema de oposición libre, no cal se exixirá, ademais da superación das probas selectivas que estableza a convocatoria, aprobar un curso de formación na Academia Galega de Seguridade Pública e superar un período de prácticas.

4. Os aspirantes á categoría de subinspector que se presenten á correspondente proba selectiva pola quenda libre, durante o período de prácticas, terán a consideración de funcionarios en prácticas e seralles de aplicación o previsto no artigo 31 desta lei.

5. As convocatorias de prazas de subinspector, sexa por quenda libre ou por promoción interna, poden establecer que as prazas ofertadas que non se cubran por un sistema se acumularán ás ofertadas no outro.

Artigo 34. Acceso á categoría de inspector

O acceso á categoría de inspector realizarase mediante concurso oposición por promoción interna, entre os membros da Policía de Galicia en situación de servizo activo que teñan un mínimo de cinco anos de antigüidade na categoría inmediatamente inferior, posúan a titulación exixida e superen un curso de formación específico impartido para estes efectos na Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 35. Acceso á categoría de inspector xefe.

O acceso á categoría de inspector xefe realizarase por promoción interna, mediante concurso entre membros da Policía de Galicia en situación de servizo activo que teñan un mínimo de tres anos de antigüidade na categoría inmediatamente inferior e superen un curso de formación específico impartido para estes efectos na Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 36. Acceso á categoría de comisario.

Sen prexuízo das previsións efectuadas no artigo 43 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de novembro, de forzas e corpos de seguridade, o acceso á categoría de comisario realizarase por promoción interna, mediante concurso, entre membros da Policía de Galicia en situación de servizo activo que teñan un mínimo de cinco anos de antigüidade na categoría inmediatamente inferior e superen un curso de formación específico impartido para estes efectos na Academia Galega de Seguridade Pública.

Artigo 37. Integración de membros doutras forzas e corpos de seguridade.

1. Sen prexuízo do disposto nos anteriores artigos, cando se trate de membros procedentes doutras forzas e corpos de seguridade, o acceso ás diferentes escalas e categorías levarase a cabo na forma que regulamentariamente se determine.

2. Requirirase, en todo caso, a superación dun curso de adecuación á Policía de Galicia que para estes efectos se organizará na Academia Galega de Seguridade Pública.

Capítulo III Formación

Artigo 38. Formación.

1. Promoveranse as condicións máis favorables para a adecuada formación profesional, social e humana dos membros da Policía de Galicia, de acordo cos principios de obxectividade, igualdade de oportunidades, mérito e capacidade.

2. A formación e perfeccionamento dos membros da Policía de Galicia adecuarase aos principios de actuación recollidos no capítulo II do título I desta lei, e ademais:

a) Terá carácter profesional e permanente.

b) A Academia Galega de Seguridade Pública elaborará un plan de carreira profesional para o acceso ás distintas categorías que establece esta lei.

c) Igualmente, a Academia Galega de Seguridade Pública organizará cursos de formación permanente, de actualización, de especialidades e de promoción. Para impartir as ensinanzas e os cursos referidos promoverase a colaboración institucional das universidades, do poder xudicial, do ministerio fiscal, das demais forzas e corpos de seguridade, das forzas armadas e doutras institucións, centros ou establecementos que especificamente interesen para os referidos fins docentes.

d) Así mesmo, a Academia Galega de Seguridade Pública promoverá a validación académica dos estudos que se realicen no centro docente e validará aquelas materias, cursos ou titulacións que fosen superados previamente noutros centros educativos oficiais, de acordo coa normativa aplicable e na forma que se determine regulamentariamente.

Capítulo IV Relacións de postos de traballo e a súa provisión

Artigo 39. Relación de postos de traballo.

1. A relación de postos de traballo da Policía de Galicia será a que figure dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, distribuída nas escalas e categorías que establece o artigo 24 desta lei.

2. A mencionada relación, estruturada organicamente, inclúe a totalidade de prazas da Policía de Galicia. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia aprobar esta relación, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

3. Para cada posto de traballo a relación incluirá, polo menos, a denominación, o nivel, as funcións que se van desenvolver, as exixencias formativas, os complementos que teñan asignados e a forma de provisión, así como calquera outra característica significativa do destino.

4. Na relación figurarán os postos reservados para os membros da Policía de Galicia en situación de segunda actividade e a forma de adscrición.

5. A relación de postos de traballo aprobarase de conformidade co procedemento establecido na normativa da función pública galega.

Artigo 40. Adscrición.

1. Con carácter xeral, os postos serán de adscrición indistinta para todos os compoñentes do corpo pertencentes á escala e categoría de que se trate, sen prexuízo dos requisitos específicos que poidan exixir.

2. A relación de postos de traballo determinará os postos que poidan ser cubertos por funcionarios procedentes doutras forzas e corpos de seguridade.

Artigo 41. Adscrición para os funcionarios de novo ingreso.

O destino dos funcionarios de novo ingreso en cada categoría realizarase pola orde de puntuación, de acordo coa clasificación obtida no proceso selectivo.

Artigo 42. Grao persoal.

De conformidade co establecido na Lei da función pública galega, cada funcionario da Policía de Galicia posúe un grao persoal que corresponde a algún dos niveis en que se clasifican os postos de traballo.

Artigo 43. Permanencia nos postos.

Os funcionarios adscritos definitivamente a un posto de traballo mediante os procedementos de libre designación ou concurso de méritos non poderán tomar parte noutro procedemento de provisión de postos de traballo durante o prazo de dous anos.

Artigo 44. Desempeño provisional de funcións.

Nos casos de urxencia, de se producir algunha vacante nun posto de traballo das categorías superiores á de policía, o xefe do corpo pódelle encomendar o desempeño provisional de funcións a un funcionario da Policía de Galicia pertencente á categoría inmediatamente inferior. Este desempeño non pode durar máis dun ano prorrogable por outro. Estes destinos en postos de traballo de superior categoría dan dereito a percibir as retribucións complementarias do posto a que se accede.

Artigo 45. Permuta.

Poderanse efectuar permutas de posto de traballo de igual natureza cando os interesados cumpran os requisitos exixibles para o posto a que aspiran acceder e os responsables das unidades de destino dos solicitantes emitan informe favorable sobre a petición; a súa autorización correspóndelle á xefatura do corpo.

Capítulo V Carreira profesional da Policía de Galicia

Artigo 46. Concepto.

1. A carreira profesional dos funcionarios da Policía de Galicia articúlase mediante a promoción, consistente na progresión nas diversas categorías que a compoñen ou a través dos distintos destinos que integran a relación de postos de traballo.

2. A carreira profesional farase respectando a normativa que a Comunidade Autónoma de Galicia estableza para o seu funcionariado, coas peculiaridades propias deste corpo policial. En todo caso velarase polo estrito cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Artigo 47. Progresión entre categorías profesionais.

A progresión a unha categoría ou escala superior á que se posúe efectuarase con ocasión de vacantes nelas. Periodicamente publicaranse as vacantes existentes nas distintas categorías, agás nos supostos de promoción interna, e ofreceranse en convocatoria pública, na cal poderán participar os funcionarios da categoría inmediatamente inferior sempre que cumpran os requisitos establecidos na normativa vixente.

TÍTULO IV Réxime estatutario

Capítulo I Dereitos e deberes

Artigo 48. Principios xerais.

1. Os membros da Policía de Galicia teñen os dereitos e deberes que lles corresponden como funcionarios da Xunta de Galicia, no marco da especificidade da súa función, de acordo coa lexislación vixente.

2. A Xunta de Galicia protexerá os funcionarios da Policía de Galicia no exercicio das súas funcións e outorgaralles a consideración social debida á súa xerarquía e á dignidade do servizo policial.

Artigo 49. Retribucións.

1. Os funcionarios da Policía de Galicia terán dereito a unha remuneración xusta, que atenderá o seu nivel de formación, o réxime de incompatibilidades, a mobilidade por razón de servizo, a dedicación e o risco que comporta a súa misión, así como a especificidade dos horarios de traballo e a súa peculiar estrutura.

2. As retribucións básicas terán idéntica contía para todos os membros dun mesmo grupo.

3. As retribucións complementarias estableceranse tendo en conta os conceptos expostos no punto 1 e dentro dos límites fixados pola lexislación vixente.

Artigo 50. Réxime da Seguridade Social.

Os funcionarios da Policía de Galicia estarán acollidos ao réxime xeral da Seguridade Social, sen prexuízo doutros réximes que lles sexan de aplicación e que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 51. Saúde e seguridade laboral.

Así mesmo, terán dereito á promoción da seguridade e da saúde no desenvolvemento da súa función e á prevención de riscos laborais nos termos que estableza a lexislación específica para o ámbito das funcións públicas de policía e seguridade.

Artigo 52. Asistencia xurídica.

1. Os membros da Policía de Galicia recibirán asesoramento xurídico naquelas situacións derivadas do servizo en que o precisen.

2. De acordo coa normativa aplicable, a Xunta de Galicia garantirá a defensa xurídica dos funcionarios da Policía de Galicia no exercicio das súas funcións.

Artigo 53. Formación e capacitación profesional permanente.

Os membros da Policía de Galicia recibirán unha formación e capacitación profesionais permanentes, co fin de garantir o axeitado cumprimento das súas funcións, de acordo cos principios de obxectividade e de igualdade de oportunidades. Para estes efectos, pódese establecer a obrigatoriedade da asistencia a determinadas actividades formativas.

Artigo 54. Medios e instalacións.

Os membros da Policía de Galicia dispoñerán dos medios e das instalacións apropiados para o cumprimento das súas funcións e para a atención adecuada á cidadanía.

Artigo 55. Incompatibilidades.

Os membros da Policía de Galicia teñen incompatibilidade para o exercicio de calquera outra actividade pública ou privada, salvo as exceptuadas do réxime xeral de incompatibilidades. A este respecto, será de aplicación o disposto na normativa de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 56. Consumo de drogas, estupefacientes e substancias psicotrópicas.

1. Os membros da Policía de Galicia non poderán consumir bebidas alcohólicas nin calquera outra droga tóxica, estupefaciente ou substancia psicotrópica mentres estean de servizo ou se atopen nalgunha dependencia policial.

Tampouco poderán estar de servizo baixo a influencia de calquera destas substancias.

2. Para verificar que un funcionario policial está baixo os efectos do alcohol ou dalgunha das substancias sinaladas no punto anterior, poderanse realizar probas técnicas de comprobación.

3. Os funcionarios que estean baixo tratamento médico con algunha das substancias mencionadas estarán obrigados a advertilo para adecuar o réxime dos servizos que se lles asignen.

Artigo 57. Revisións médicas.

Os membros da Policía de Galicia teñen dereito a unha revisión médica anual.

A rtigo 58. Deber de residencia.

1. Os membros da Policía de Galicia poderán residir fóra da localidade onde traballan, agás os casos en que por razón do servizo sexa necesario o deber de residencia na propia localidade.

2. Sen prexuízo do que se establece no punto 1, determinarase regulamentariamente a distancia máxima en quilómetros, respecto da localidade de destino, a que están obrigados a residir os membros da Policía de Galicia.

Artigo 59. Xornada e horario.

1. Os membros da Policía de Galicia cumprirán estritamente a xornada e o horario de traballo que determine o órgano competente.

2. En situacións excepcionais, cando se produzan feitos ou emerxencias que así o exixan, os funcionarios poderán ser requiridos para o servizo fóra da súa xornada de traballo.

3. No caso de que as necesidades do servizo obrigasen a prolongar a súa prestación, terán que se cumprir as ordes referidas ao respecto, sen prexuízo da compensación que proceda polo exceso de xornada realizado na forma que se determine regulamentariamente.

Artigo 60. Permisos, licenzas e vacacións.

O réxime de licenzas, permisos e vacacións establecerase de acordo co sinalado na lexislación vixente.

Artigo 61. Distincións e recompensas.

1. Regulamentariamente regularanse as distincións e recompensas para os membros da Policía de Galicia.

2. Todas as distincións e as recompensas outorgadas aos membros da Policía de Galicia constarán nos seus expedientes persoais e valoraranse como mérito nos concursos de provisión de postos de traballo. Tamén se poderán ter en conta nos procesos de provisión polo sistema de libre designación.

Artigo 62. Dereito de sindicación.

1. Para a representación, defensa e promoción dos seus intereses profesionais, económicos e sociais, os funcionarios da Policía de Galicia poderanse integrar libremente nas organizacións sindicais, separarse delas e constituír outras organizacións, de acordo co marco legal aplicable.

2. As organizacións sindicais inscribiranse nun rexistro especial de sindicatos da Policía de Galicia.

Artigo 63. Limitación do dereito de folga.

Os funcionarios da Policía de Galicia, de acordo co establecido pola Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, non poderán exercer en ningún caso o dereito de folga nin accións substitutivas deste ou concertadas co fin de alterar o normal funcionamento dos servizos.

Capítulo II Xubilación e situacións administrativas

Artigo 64. Xubilación.

A xubilación forzosa dos membros da Policía de Galicia declararase de oficio ao cumprir o funcionario os 65 anos.

Artigo 65. Situacións administrativas.

1. Os funcionarios do Corpo da Policía de Galicia poderanse atopar, ademais de nas situacións administrativas recollidas na lexislación básica da función pública, na situación de segunda actividade.

2. As citadas situacións rexeranse polo disposto nesta lei e nas normas que a desenvolvan. Supletoriamente aplicarase o disposto no capítulo II do título V da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Capítulo III Segunda actividade

Artigo 66. Natureza.

A segunda actividade é unha situación administrativa especial que ten como obxecto garantir unha axeitada aptitude psicofísica dos integrantes da Policía de Galicia mentres permanezan en servizo activo, asegurando a eficacia do servizo.

Artigo 67. Causas.

1. Poderase pasar a segunda actividade por:

a) Cumprimento das idades que se determinan para cada escala.

b) Diminución das condicións psicofísicas para o desempeño da función policial.

c) Embarazo e lactación.

2. En situación de segunda actividade permanecerase ata o pase a xubilación ou a outra situación que non poderá ser a de servizo activo, agás que a causa do pase á situación de segunda actividade fose por embarazo, lactación ou insuficiencia das aptitudes psicofísicas e tales circunstancias desaparecesen.

No suposto de diminución das condicións psicofísicas deberá ser o tribunal médico a que se refire o artigo 76 desta lei o que aprecie que tal insuficiencia desapareceu.

3. Ao persoal non policial a que se refire o artigo 26 non se lle aplica a situación de segunda actividade.

Artigo 68. Por razón de idade.

1. O pase a segunda actividade por idade terá lugar ao se cumpriren as seguintes idades:

a) Escala de mando e dirección: aos 62 anos de idade.

b) Escala executiva: aos 60 anos de idade.

c) Escala básica: aos 58 anos de idade.

2. Logo de escoitar A xunta de persoal, a consellaría competente en materia de seguridade poderá motivadamente limitar por cada ano natural e categoría o número de funcionarios que poidan acceder á situación de segunda actividade por razón de idade, prorrogando a permanencia no servizo activo dos que, na orde inversa á data en que cumpran a idade, excedan da cota así fixada.

3. Así mesmo, a consellaría competente en materia de seguridade poderá aprazar o pase á situación de segunda actividade, por sucesivos períodos dun ano, cando exista solicitude expresa do interesado, e sempre que medie informe favorable do tribunal médico, constituído segundo o establecido no artigo 76 desta lei.

Artigo 69. Por diminución de aptitudes psicofísicas.

1. Pasarán á situación de segunda actividade, sen a limitación das idades determinadas no artigo anterior, aqueles funcionarios da Policía de Galicia que teñan diminuídas as aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais necesarias para o desempeño da función policial, ben por incapacidade temporal ben doutro tipo, e sempre que non constitúan causa de incapacidade permanente. O dito procedemento poderase iniciar de oficio ou por solicitude do interesado.

2. A avaliación da diminución deberá ser ditaminada polo tribunal médico a que se refire o artigo 76 desta lei.

3. Poderase acordar, de oficio ou por solicitude do interesado, o reingreso no servizo activo no caso de desapareceren as causas que motivaron a diminución de aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais, tras o ditame médico.

4. No caso de que o pase á segunda actividade sexa motivado por accidente laboral ou enfermidade profesional, o funcionario percibirá o 100% das retribucións que viña percibindo no momento de se producir o feito causante do referido pase.

Artigo 70. Cadro de aptitudes.

Regulamentariamente establecerase para cada escala o cadro de causas de diminución das aptitudes físicas, psíquicas ou sensoriais que orixinen o pase á situación de segunda actividade.

Artigo 71. Por embarazo ou lactación.

1. As funcionarias da Policía de Galicia poderán pasar á situación de segunda actividade durante o embarazo, tras o ditame médico que o acredite.

2. Igualmente, poden permanecer nesta situación durante o período de lactación sempre que, segundo o informe facultativo, as condicións do seu posto habitual de traballo poidan influír no seu estado de saúde.

Artigo 72. Razóns excepcionais.

A persoa titular da consellaría competente en materia de seguridade poderá requirir, motivadamente, os funcionarios da Policía de Galicia en situación de segunda actividade para o cumprimento de funcións policiais, cando concorran razóns excepcionais que se determinarán regulamentariamente.

Artigo 73. Postos de traballo.

A situación administrativa de segunda actividade declararase con indicación de destino. Aos funcionarios que pasen á dita situación asignaránselles postos de traballo desta natureza ben dentro do mesmo corpo policial ben nun posto de traballo da Administración da Comunidade Autónoma que se corresponda coa categoría que se posúa, preferentemente na área de seguridade e axeitado á súa experiencia e capacidade.

Artigo 74. Catálogo de postos de traballo.

1. O catálogo de postos de traballo de segunda actividade precisará os que poden ser cubertos con persoal nesta situación.

2. O catálogo determinará para cada posto a función, o horario, a localización, o perfil necesario, a formación axeitada e calquera outra circunstancia apropiada. Estas definicións poderanse cambiar e adaptar en función das necesidades.

3. O catálogo de postos de traballo de segunda actividade aprobarase coa relación de postos de traballo da Policía de Galicia.

Artigo 75. Réxime xurídico.

1. O pase á situación de segunda actividade non comportará a perda da condición de axente da autoridade.

2. Os funcionarios en situación de segunda actividade estarán suxeitos a idéntico réxime disciplinario e de incompatibilidade que no servizo activo, agás que desempeñen postos de traballo distintos aos da Policía de Galicia; neste caso estarán sometidos ao réxime xeral disciplinario dos funcionarios da Xunta de Galicia ou ao específico de aplicación ao posto que ocupen.

3. O tempo de permanencia na segunda actividade é computable para os efectos de perfeccionamento de trienios e de dereitos pasivos.

4. Na situación de segunda actividade non se poderá participar en procedementos de promoción interna ou concursos de traslados, agás cando se accedese por causa de embarazo ou lactación.

Artigo 76. Tribunal médico.

1. Regulamentariamente determinarase a composición dos tribunais médicos que ditaminarán se as afeccións ou enfermidades físicas ou psíquicas están incursas ou non no cadro de incompatibilidades médicas para a prestación do servizo ordinario.

2. O tribunal emitirá un ditame médico e dirixirallo ao órgano competente para a súa resolución, no cal propoñerá o pase a segunda actividade ou que se tramite o correspondente expediente de incapacidade ou, se procede, de xubilación forzosa.

Artigo 77. Regulamento.

As circunstancias e condicións da situación administrativa da segunda actividade non recollidas nesta lei determinaranse regulamentariamente.

Capítulo IV Réxime disciplinario

Artigo 78. Disposicións xerais.

1. O réxime disciplinario da Policía de Galicia, sen prexuízo da observancia das garantías recoñecidas no ordenamento xurídico, inspirarase nos principios básicos de actuación que se establecen no capítulo II do título I desta lei.

2. Sen prexuízo das responsabilidades civís e penais que puidesen proceder, o réxime disciplinario aplicable aos membros da Policía de Galicia será o que se establece nesta lei e, no seu defecto, na Lei da función pública de Galicia.

Artigo 79. Ámbito de aplicación.

1. Esta lei élles de aplicación aos funcionarios da Policía de Galicia, calquera que sexa a situación administrativa en que se atopen, sempre que a falta cometida sexa compatible, atendidas as circunstancias, coa dita situación.

2. Os funcionarios en prácticas someteranse ás normas de réxime disciplinario que se establezan regulamentariamente.

Artigo 80. Suxeitos responsables.

1. Os funcionarios da Policía de Galicia poden incorrer en responsabilidade disciplinaria pola comisión das faltas que se tipifican neste capítulo desde o momento da toma de posesión ata o da xubilación ou a perda da condición de funcionario.

2. Incorrerán na mesma responsabilidade que os autores dunha falta os que induzan á súa comisión e os xefes que a toleren.

3. Así mesmo, incorrerán en falta de inferior grao os que encubrisen a comisión dunha falta moi grave ou grave. Débese entender por encubrimento non lle dar conta ao superior xerárquico competente, de xeito inmediato e por escrito, dos feitos constitutivos de falta dos cales se teña coñecemento, agás cando sexa este o presunto infractor; neste caso a comunicación faráselle ao seu superior inmediato.

Artigo 81. Clases de faltas.

As faltas que poden cometer os membros da Policía de Galicia poderán ser leves, graves e moi graves.

Artigo 82. Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves:

a) O incumprimento do deber de fidelidade á Constitución e ao Estatuto de autonomía no exercicio das súas funcións.

b) Ter sido condenado en virtude de sentenza firme a pena privativa de liberdade, como autor dunha conduta constitutiva de delito doloso, relacionada co servizo ou que cause grave dano á administración ou aos administrados.

c) O acoso moral e o acoso sexual.

d) O abuso de atribucións que lles cause grave dano aos cidadáns, aos subordinados ou á administración, e a práctica de tratos inhumanos, degradantes, discriminatorios ou vexatorios ás persoas que se atopen baixo a súa custodia.

e) A insubordinación individual ou colectiva, respecto das autoridades ou mandos de que dependan.

f) A non-prestación de auxilio con urxencia, naqueles feitos ou circunstancias graves en que sexa obrigada a súa actuación.

g) O abandono do servizo.

h) A publicación ou a utilización indebida de segredos declarados oficiais ou cualificados como tales.

i) A violación do segredo profesional e a falta do debido sixilo respecto dos asuntos que coñezan por razón do seu cargo, sempre que prexudique o desenvolvemento do labor policial, cause prexuízo á administración, aos detidos e investigados ou a calquera outra persoa afectada pola investigación policial ou se utilice o dito coñecemento no proveito do propio funcionario.

j) A realización de actividades declaradas incompatibles legalmente, cando estas comprometan a imparcialidade ou independencia.

k) A participación en folgas, en accións substitutivas delas ou en actuacións concertadas co fin de alterar o normal funcionamento dos servizos.

l) Incorrer en falta grave cando o funcionario fose sancionado anteriormente, en virtude de resolucións firmes, por outras tres faltas de carácter grave ou moi grave, cometidas no período dun ano inmediatamente anterior á comisión da nova infracción.

m) A falta de colaboración manifesta cos demais membros da Policía de Galicia e cos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, cando resulte prexudicado gravemente o servizo ou deriven consecuencias graves para a seguridade cidadá.

n) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante o servizo ou sempre que prexudique a súa prestación.

ñ) Toda actuación que supoña discriminación por razón de ideoloxía, relixión ou crenzas, situación familiar, pertenza a etnia ou raza, orixe nacional, idioma, sexo, orientación sexual, xénero, enfermidade, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

o) A obstaculización grave ao exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

p) Así mesmo, son faltas moi graves, para os efectos do establecido na Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, pola que se regula a utilización de videocámaras polas forzas e corpos de seguridade en lugares públicos:

1.º A alteración ou manipulación de imaxes e sons gravados, sempre e cando non constitúan delito.

2.º A cesión, transmisión e revelación a terceiras persoas non autorizadas, por calquera medio e con calquera ánimo e finalidade, dos soportes orixinais das gravacións ou as súas copias, de xeito íntegro ou parcial.

3.º A reprodución de imaxes e sons gravados con finalidades distintas das establecidas na Lei orgánica 4/1997.

4.º A utilización de imaxes e sons gravados ou dos medios técnicos de gravación afectos ao servizo para finalidades distintas das establecidas na Lei orgánica 4/1997.

q) Calquera outra conduta non enumerada nos puntos anteriores tipificada como falta moi grave na lexislación xeral.

Artigo 83. Faltas graves.

Son faltas graves:

a) A grave desconsideración cos superiores, compañeiros, subordinados ou cidadáns, no exercicio das súas funcións ou con ocasión delas.

b) A desobediencia aos superiores xerárquicos ou responsables do servizo con motivo das ordes ou instrucións dadas por aqueles.

c) A omisión da obriga de lles dar conta aos seus superiores, coa debida dilixencia, de todo asunto que requira o seu coñecemento ou decisión urxentes.

d) A infracción de deberes ou obrigas legalmente establecidos inherentes ao cargo ou función, cando se produzan de maneira grave e reiterada.

e) Os actos e condutas que atenten gravemente contra a dignidade dos funcionarios, contra a imaxe da Policía de Galicia e contra o prestixio e a consideración debidos á Xunta de Galicia.

f) A falta de presentación ou posta á disposición inmediata na dependencia de destino ou na máis próxima nos casos de declaración dos estados de alarma, excepción ou sitio, ou cando así se dispoña no caso de alteración grave da seguridade cidadá.

g) A terceira falta inxustificada de asistencia ao servizo nun período de tres meses, cando as dúas anteriores fosen obxecto de sanción firme por falta leve.

h) Non prestar servizo alegando suposta enfermidade ou simulando maior gravidade desta.

i) A falta de rendemento manifesta, reiterada e non xustificada, que ocasione un grave prexuízo á cidadanía ou á eficacia dos servizos.

j) A emisión de informes sobre asuntos de servizo que, sen faltar abertamente á verdade, a terxiversen, valéndose de termos ambiguos, confusos ou tendenciosos, ou a alteren mediante inexactitudes, cando se cause prexuízo á administración ou aos cidadáns, sempre que o feito non constitúa delito ou falta moi grave.

k) A intervención nun procedemento administrativo cando concorra algunha das causas legais de abstención.

l) Non ir provisto nos actos de servizo da uniformidade regulamentaria cando o seu uso sexa preceptivo, así como dos distintivos da categoría ou cargo, da arma regulamentaria ou dos medios de protección ou acción que se determinen, sempre que non medie autorización en contrario.

m) O extravío, a perda ou a subtracción da arma regulamentaria, sempre que concorra neglixencia grave.

n) A utilización da arma en acto de servizo ou fóra del sen causa que o xustifique, creando alarma entre os cidadáns ou grave desprestixio do corpo.

ñ) Asistir de uniforme a calquera manifestación ou reunión pública ou facer uso ou ostentación da arma regulamentaria e/ou dos distintivos de identificación, agás que se trate de actos de servizo ou actos oficiais en que a asistencia con uniforme estea indicada.

o) Causar danos graves na conservación de locais, material ou demais elementos relacionados co servizo, ou dar lugar por neglixencia grave ao extravío, perda ou subtracción destes.

p) Impedir, limitar ou obstaculizar os subordinados no exercicio dos dereitos que teñan recoñecidos, sempre que non constitúa falta moi grave.

q) Embriagarse ou consumir drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, en ambos os casos con habitualidade ou cando afecte a imaxe do corpo ou da función policial.

Entenderase por habitualidade a existencia acreditada de máis de dous episodios de consumo.

r) A negativa a someterse á realización das probas técnicas tendentes a comprobar que se está baixo a influencia do alcohol ou de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

s) Solicitar e obter cambios de destino mediando calquera recompensa ou ánimo de lucro ou falseando as condicións que o regulen.

t) A realización de actos ou declaracións que vulneren os límites ao dereito de acción sindical sinalados no artigo 19 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, sempre que se cause perturbación grave no normal funcionamento dos servizos.

u) Promover ou asistir a encerros en locais de titularidade pública ou ocupalos sen autorización, sempre que cause perturbación grave no normal funcionamento dos servizos.

v) Ter sido condenado por sentenza firme como autor dun delito ou falta imprudentes cando afecte o servizo ou cause grave dano á administración ou aos cidadáns.

w) As infraccións ao disposto na Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, non constitutivas de falta moi grave.

x) O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoñan mantemento dunha situación de incompatibilidade.

y) O incumprimento do deber do segredo profesional no que se refire aos asuntos coñecidos por razón ou con ocasión do desempeño das súas funcións que prexudique o desenvolvemento do labor policial ou a calquera persoa.

z) As accións ou omisións tipificadas como faltas moi graves e que, de acordo cos criterios que se establecen no artigo 85 desta lei, merezan a cualificación de falta grave.

Artigo 84. Faltas leves.

Son faltas leves:

a) O atraso ou neglixencia no cumprimento das funcións e ordes recibidas ou a falta de interese na instrución ou preparación persoal para desempeñalas.

b) A incorrección cos cidadáns, con outros membros da Policía de Galicia ou cos membros doutras forzas e corpos de seguridade, sempre que non mereza unha cualificación máis grave.

c) A inasistencia ao servizo que non constitúa falta de maior gravidade e o incumprimento da xornada de traballo, así como as reiteradas faltas de puntualidade.

d) O mal uso ou o descoido na conservación dos locais, material ou demais elementos dos servizos, así como o incumprimento das normas dadas nesta materia, cando non constitúa falta máis grave.

e) Prescindir do conduto regulamentario para formular calquera solicitude, reclamación ou queixa nas relacións de servizo, así como non tramitar as peticións ou reclamacións formuladas na debida forma.

f) O descoido no aseo persoal e o incumprimento das normas de uniformidade, sempre que non constitúa falta máis grave.

g) O extravío, a perda ou a subtracción dos distintivos e credenciais de identificación, sempre que concorra neglixencia grave.

h) A ausencia inxustificada de calquera servizo, cando non mereza cualificación máis grave.

i) A omisión intencionada do deber de saúdo, a non devolución deste ou o incumprimento, de calquera outro xeito, das normas que o regulan.

j) Calquera clase de xogo que se leve a cabo nas dependencias policiais, sempre que prexudique a prestación do servizo ou menoscabe a imaxe policial.

k) A exhibición ou ostentación da arma regulamentaria, dos distintivos e credenciais do cargo ou da condición de axente da autoridade sen causa que o xustifique.

l) As accións ou omisións tipificadas como faltas graves e que, de acordo cos criterios que se establecen no artigo 85 desta lei, merezan a cualificación de falta leve.

Artigo 85. Criterios de graduación.

Para a determinación da cualificación dunha falta como grave ou leve, así como para a graduación das sancións, teranse en conta os seguintes criterios:

a) A intencionalidade.

b) A perturbación que poidan producir no normal funcionamento da administración e dos servizos policiais.

c) Os danos e perdas ou a falta de consideración que poidan implicar para os cidadáns e subordinados.

d) O quebrantamento que poida supoñer dos principios de disciplina e xerarquía propios do corpo.

e) A falta de consideración para outros membros da Policía de Galicia, para as demais forzas e corpos de seguridade ou para os cidadáns.

f) A reincidencia. Existe reincidencia cando o funcionario, ao cometer a falta, xa fose anteriormente sancionado en resolución firme por outra falta de maior gravidade ou por dúas de gravidade igual ou inferior e que non fosen canceladas.

Para os efectos de reincidencia non se computarán os antecedentes disciplinarios cancelados ou que o debesen ser.

g) O descrédito e desprestixio para a imaxe pública da institución policial.

h) O historial profesional do funcionario.

i) En xeral, a transcendencia para a seguridade pública.

Artigo 86. Sancións.

1. As sancións que se poderán impoñer ás faltas anteriormente expostas serán as seguintes:

a) Por faltas moi graves:

1.º Separación do servizo.

2.º Suspensión de funcións por máis dun ano e ata tres anos.

3.º Traslado con cambio de residencia.

b) Por faltas graves:

1.º Suspensión de funcións desde cinco días ata un ano.

2.º Traslado a outro posto de traballo dentro da mesma localidade.

c) Por faltas leves:

1.º Perda dun a catro días de remuneración e suspensión de funcións por igual período, que non supoñerá a perda de antigüidade nin implicará a inmobilización no escalafón.

2.º Apercibimento.

2. As sancións inscribiranse nos respectivos expedientes persoais con indicación das faltas que as motivaron.

3. Os funcionarios sancionados con traslado con cambio de residencia non poderán obter novo destino por ningún procedemento na localidade da cal foron trasladados no prazo dun a dous anos.

4. O traslado a outro posto de traballo dentro da mesma localidade comporta a imposibilidade de concursar ao mesmo posto no período de seis meses a un ano.

5. Os prazos mencionados nos dous puntos anteriores computaranse desde o momento en que se efectúe o traslado.

Artigo 87. Prescrición das faltas.

1. As faltas moi graves prescribirán aos dous anos desde a data da súa comisión, as graves ao ano e as leves ao mes.

2. O prazo de prescrición comezará a contar desde que a falta se cometese, agás que esta derive de feitos que fosen obxecto de condena por delito doloso; neste caso o prazo comezará a contar desde a data da firmeza da sentenza condenatoria.

3. A prescrición interromperase pola iniciación do procedemento disciplinario.

4. Cando se inicie un procedemento penal contra un funcionario da Policía de Galicia, a prescrición das infraccións disciplinarias que dos feitos puidesen derivar quedará interrompida pola incoación daquel procedemento, mesmo cando non se procedese disciplinariamente. Nestes supostos, o prazo volverase computar desde a data da firmeza da resolución xudicial.

Artigo 88. Prescrición das sancións.

1. As sancións por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves ao ano e as impostas por faltas leves ao mes.

2. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola cal se impón a sanción ou desde que se quebrantase o seu cumprimento, se comezase.

Artigo 89. Cancelación.

1. As sancións disciplinarias anotaranse no rexistro de persoal con indicación das faltas que as motivan.

2. Transcorridos seis meses desde o cumprimento da sanción, de se tratar de faltas leves, ou un e tres anos, respectivamente, segundo se trate de faltas graves ou moi graves non sancionadas con separación do servizo, acordarase de oficio a cancelación daquelas anotacións sempre que durante aquel tempo non fose sancionado o interesado por feitos cometidos neses mesmos períodos. A cancelación producirá o efecto de anular a anotación sen que se poida certificar sobre ela, agás cando o soliciten as autoridades competentes para iso, facéndose constar expresamente a cancelación, e para os únicos efectos do seu expediente persoal.

Artigo 90. Procedemento.

1. Non se poderán impor sancións por faltas graves ou moi graves senón en virtude de expediente instruído para o efecto, cuxa tramitación se determinará regulamentariamente e se rexerá, en todo caso, polos principios de sumariedade e celeridade, sen que en ningún momento se poida producir indefensión.

2. A sanción por faltas leves poderase impoñer sen máis trámites que a audiencia do interesado.

Disposicións adicionais

Primeira.-Recursos provenientes de acordos con outras administracións.

Na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia figurarán os recursos económicos provenientes dos acordos con outras administracións para o desenvolvemento, por parte da Policía de Galicia, das funcións e servizos que viñesen desenvolvendo ou fosen competencia daquelas.

Segunda.-Correspondencia de categorías.

1. O persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que se integre na Policía de Galicia farao de acordo coas equiparacións seguintes:

a) Escala de mando e dirección da Policía de Galicia:

1.º Asimílanse á categoría de comisario as de comisario e comisario principal do Corpo Nacional de Policía, e as de comandante, tenente coronel e coronel da Garda Civil.

2.º Asimílanse á categoría de inspector xefe a de inspector xefe do Corpo Nacional de Policía e a de capitán da Garda Civil.

3.º Asimílanse á categoría de inspector a de inspector do Corpo Nacional de Policía e as de alférez e tenente da Garda Civil.

b) Escala executiva da Policía de Galicia:

Asimílanse á categoría de subinspector a de subinspector do Corpo Nacional de Policía e as correspondentes aos distintos empregos da escala de suboficiais da Garda Civil.

c) Escala básica da Policía de Galicia:

1.º Asimílanse á categoría de oficial a de oficial do Corpo Nacional de Policía e as de cabo, cabo primeiro e cabo maior da Garda Civil.

2.º Asimílanse á categoría de policía a de policía do Corpo Nacional de Policía e a de garda da Garda Civil.

2. No suposto de que na mesma categoría da Policía de Galicia se poidan equiparar empregos ou categorías distintos das forzas e corpos de seguridade do Estado, terase en conta a súa procedencia á hora do seu escalafonamento no novo corpo, así como o recoñecemento individual dos dereitos adquiridos que procedese.

3. Para a integración de membros doutras forzas ou corpos de seguridade na Policía de Galicia atenderase, con carácter xeral, ás escalas e categorías en que se atopasen dentro dos seus respectivos corpos, tendo en conta o disposto nos artigos 24, 28 e 29 desta lei, así como a normativa de desenvolvemento dela que poida afectar.

Terceira.-Escalafón

Os funcionarios integrantes da Policía de Galicia constituirán o escalafón do dito corpo, ordenados por categorías e, dentro destas, por antigüidade. No dito escalafón faranse constar os apelidos e nomes, data de nacemento, antigüidade, situación e documento nacional de identidade.

Disposicións transitorias

Primeira.-Integración dos funcionarios pertencentes á Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

No momento da entrada en vigor desta lei, os membros da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que se atopasen na situación de activo e segunda actividade con destino poderanse integrar nas escalas e categorías que lles correspondesen, segundo a disposición adicional segunda, sen que lles sexa de aplicación o disposto no artigo 28 desta lei respecto do requisito da idade e respectándolles os dereitos individuais adquiridos, no momento da integración, no Corpo Nacional de Policía.

Segunda.-Promoción dos funcionarios pertencentes á Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Os membros da Unidade do Corpo Nacional de Policíaadscrita á Comunidade Autónoma de Galicia que se atopasen na situación de activo nela no momento da entrada en vigor desta lei poderán acceder, pola modalidade de concurso de méritos, á escala ou categoría inmediatamente superior, en función das vacantes que se puidesen producir, sempre que cumpran os requisitos de titulación que, para cada escala e categoría, se recollen no artigo 29 desta lei.

2. Para tales efectos, no suposto de careceren da titulación exixida, poderán ser dispensados do dito requisito, por esta única vez e só para os efectos de facilitar o acceso á promoción.

Terceira.-Promoción dos funcionarios pertencentes a outras forzas e corpos de seguridade.

1. Os membros doutras forzas e corpos de seguridade que se integrasen, en virtude da correspondencia de categorías descrita na disposición adicional segunda, no Corpo de Policía de Galicia só poderán acceder á escala ou categoría inmediatamente superior pola modalidade de promoción interna, sempre que cumpran os requisitos de titulación que, para cada escala e categoría, se recollen no artigo 29 desta lei.

2. No suposto de careceren da titulación exixida para a categoría á cal opten, poderán ser dispensados nun grao do requisito de titulación exixido, por unha soa vez e só para os efectos de facilitar o acceso á promoción, sempre que superen un curso para o efecto na Academia Galega de Seguridade Pública.

Cuarta.-Período transitorio.

Mentres se leve a cabo o despregamento da Policía de Galicia e mentres se prolongue, a través das necesarias reformas legais e estatutarias, o proceso de asunción plena pola Comunidade Autónoma de Galicia de todas as competencias que lle atribúe o artigo 15 desta lei, estas seguirán sendo exercidas polas forzas e corpos de seguridade do Estado, nos termos e acordos de coordinación que se establezan coa administración da que estes dependen.

Quinta.-Transferencias.

As funcións contidas no artigo 15 que se refiran a competencias de titularidade estatal no momento da entrada en vigor desta lei non serán exercidas pola Policía de Galicia ata que non se produza a previa transferencia ou delegación polo procedemento establecido no artigo 150.2º da Constitución.

Disposición derrogatoria

Única.-

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango no que se opoñan ou contradigan o establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

Facúltase o Consello da Xunta de Galicia para realizar o desenvolvemento regulamentario desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia