lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 12/2007, do 27 de xullo, pola que se modifica a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Publicado en: DOG 153 08/08/2007

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos.

Galicia non dispón dunha normativa que, de xeito sistemático, regule o estatuto xurídico das persoas que ocuparon a Presidencia da Xunta de Galicia. Ata o momento no que tal normativa sexa aprobada nun corpo xurídico unitario cómpre proceder a introducir no noso dereito unha modificación puntual da lei que regula o Consello Consultivo de Galicia, para facer posible, de xeito inmediato, que a el se poida incorporar quen desempeñou a máis alta responsabilidade política da comunidade autónoma, co fin de que poida pór a súa experiencia ao servizo de Galicia.

Con tal finalidade, esta lei limítase a introducir unha nova categoría entre os membros do Consello Consultivo de Galicia, a de conselleira ou conselleiro nato, reservada ás persoas que foron titulares da Presidencia da Xunta de Galicia. Así, en tal condición, poderán pór novamente ao servizo do país a valiosa bagaxe que a súa experiencia representa.

En consonancia coa anterior medida, procédese á modificación da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, no relativo á fixación da duración das compensacións económicas e dos medios e servizos aplicables ás persoas que ocuparon a Presidencia da Xunta de Galicia, diferenciando para estes últimos a súa duración en función do período de tempo durante o cal desempeñaron o cargo de presidenta ou presidente.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a lei pola que se modifica a Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Artigo primeiro.-Modificación da Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia.

A Lei 9/1995, do 10 de novembro, do Consello Consultivo de Galicia, queda modificada como segue:

Un.-O artigo 4 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 4. Membros natos e membros electivos do Consello Consultivo de Galicia.

1. O Consello Consultivo de Galicia está integrado por conselleiras e conselleiros natos e conselleiras e conselleiros electivos.

2. Son conselleiras e conselleiros natos as ex presidentas e os ex presidentes da Xunta de Galicia.

3. Son conselleiras e conselleiros electivos as cinco persoas nomeadas por decreto da presidenta ou do presidente da Xunta de Galicia, oído o Consello da Xunta, entre:

a) Xuristas de recoñecido prestixio, con máis de dez anos de experiencia profesional efectiva.

b) Altos cargos e funcionarias e funcionarios das administracións públicas, coa licenciatura en dereito, con máis de dez anos de experiencia.

4. As conselleiras e os conselleiros natos exercerán o seu mandato por un período de seis anos, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante catro ou menos anos, ou por un período de doce anos, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante máis de catro anos.

O mandato non será renovable agás no caso de seren nomeados conselleiras ou conselleiros electivos. Durante o tempo do seu mandato serán inamovibles, agás nos supostos establecidos nesta lei.

5. As conselleiras e os conselleiros electivos exercerán o seu mandato por un período de seis anos, renovable unha soa vez, agás o establecido na alínea 2 do artigo 7 para o suposto das vacantes. Durante o tempo do seu mandato serán inamovibles, agás nos supostos establecidos nesta lei.

6. Os membros natos do Consello Consultivo de Galicia teñen dereito ás honras e ás precedencias protocolarias que lles correspondan na súa condición de ex presidentas ou ex presidentes da Xunta de Galicia.

Os membros electivos do Consello Consultivo de Galicia teñen dereito ás honras e ás precedencias protocolarias que se sinalen regulamentariamente.

7. Os membros natos e electivos teñen dereito ás remuneracións, polo exercicio das súas funcións, que se fixen nos orzamentos xerais da comunidade autónoma. »

Dous.-Engádese o artigo 4 bis, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 4 bis. Procedemento de incorporación dos membros natos.

1. A incorporación como membro nato do Consello Consultivo de quen ocupou a Presidencia da Xunta de Galicia producirase dentro do período dun ano desde a data de publicación do seu cesamento como tal. Durante este tempo a ex presidenta ou o ex presidente deberá formalizar o seu desexo de se incorporar ao Consello Consultivo e formular declaración de non estar incurso en causa de incompatibilidade.

2. A incorporación poderase demorar, por petición da persoa interesada, mentres esta ocupe un cargo público incompatible coa pertenza ao Consello Consultivo. Ao producirse o cesamento no devandito cargo, a ex presidenta ou o ex presidente disporá dun novo prazo, de tres meses, para formalizar a súa incorporación ao Consello Consultivo.

Se o cesamento no cargo incompatible estivese motivado pola incorporación a outro cargo público igualmente incompatible coa condición de membro do Consello Consultivo, o prazo de tres meses para formalizar a referida solicitude de incorporación como membro nato computarase desde o cesamento neste último.

3. O mandato dos membros natos do Consello Consultivo de Galicia poderase interromper como consecuencia do seu nomeamento para un cargo público declarado incompatible. Para os efectos da súa reincorporación ao Consello Consultivo polo tempo que lle quede de mandato, observarase o disposto na alínea anterior».

Tres.-O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte xeito:

«1. O Consello Consultivo de Galicia terá un presidente elixido por e entre as conselleiras e os conselleiros electivos en votación secreta e por maioría absoluta, na forma prevista no artigo 10. O presidente ou a presidenta terá a súa representación para todos os efectos».

Catro.-O punto 2 do artigo 7 queda redactado do seguinte xeito:

«2. As vacantes de membros electivos do Consello Consultivo cubriranse consonte o previsto no artigo 4.3, e polo tempo que quede de mandato.»

Cinco.-O artigo 10 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Elección da presidenta ou do presidente e substitucións.

1. Na primeira reunión do consello, cando estea vacante a presidencia, os seus membros electivos procederán á elección do seu titular de entre eles, mediante votación secreta e por maioría absoluta. No caso de non se obter esta, as conselleiras e os conselleiros electivos procederán a unha segunda votación, na que tan só serán elixibles aquelas conselleiras e conselleiros máis votadas e votados na primeira votación. Nesta segunda votación resultará elixido quen obteña maior número de votos. A proposta comunicaráselle á presidenta ou ao presidente da Xunta, quen procederá ao seu nomeamento mediante decreto por un período de seis anos, ao termo dos cales só poderá ser reelixido para un novo mandato.

2. No caso de ausencia ou enfermidade, ou mentres dure a vacante por cesamento da presidenta ou do presidente, exercerá as súas funcións a conselleira ou o conselleiro electivo máis antigo, e de a antigüidade ser a mesma, o de máis idade».

Seis.-O artigo 15 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 15. Atribucións do pleno e das seccións.

1. O Consello Consultivo de Galicia actuará en pleno e en seccións.

2. Correspóndelle ao pleno emitir ditame sobre os asuntos comprendidos nas alíneas a), b), c), d), e), k) e 1) do artigo 11, e ás seccións sobre os restantes.

3. No caso dos ditames facultativos, a competencia atribúeselle ao pleno, e este poderalle asignar a unha sección a elaboración dunha proposta para a súa posterior elevación a aquel».

Sete.-A alínea 3 do artigo 16 queda redactada do seguinte xeito:

«3. As seccións estarán compostas por conselleiras e conselleiros electivos. O número mínimo de membros de cada sección será de tres, e cada unha estará presidida por un deles, coa asistencia dun letrado».

Oito.-Engádeselle unha nova alínea 4 ao artigo 17, que queda redactada do seguinte xeito:

«4. Os membros natos do Consello Consultivo de Galicia actuarán con voz pero sen voto, en consecuencia, non se computará a súa asistencia para os efectos do quórum de constitución e adopción de acordos. Malia o anterior, actuarán con voz e voto na emisión de ditames facultativos ou na daqueles nos que sexan solicitadas do órgano consultivo valoracións de oportunidade ou conveniencia, e nestes casos computarase a súa asistencia para os efectos de quórum de constitución e adopción de acordos.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os membros natos do Consello Consultivo de Galicia non poderán tomar parte na discusión e na elaboración dos ditames preceptivos ou facultativos en relación con asuntos que estivesen en tramitación no Parlamento de Galicia».

Artigo segundo.-Modificación da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

A Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, queda modificada como segue:

O parágrafo segundo do punto 7 do artigo 11 queda redactado do seguinte xeito:

«As ex presidentas e os ex presidentes terán dereito a percibir, durante dous anos desde a data do seu cesamento, as compensacións económicas que se establezan por decreto da Xunta de Galicia.

Así mesmo, terán dereito por un período de catro anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante catro ou menos anos, ou por un período de dez anos adicionais, se tiveron a condición de presidenta ou presidente durante máis de catro anos, aos medios e servizos que se establezan por decreto da Xunta. Este dereito será incompatible coa condición de membro nato do Consello Consultivo de Galicia ou co exercicio dun cargo público que outorgue unha prestación de medios e servizos de análoga natureza.

Malia o anterior, a Xunta de Galicia poderalles prestar ás ex presidentas e aos ex presidentes os medios materiais de apoio precisos para o exercicio das funcións inherentes á súa condición por un período de tempo superior ao establecido no parágrafo anterior».

Disposición transitoria

Única.-

Quen, na data de entrada en vigor desta lei, teña a condición de ex presidenta ou ex presidente da Xunta de Galicia poderá exercer o dereito de incorporación ao Consello Consultivo de Galicia nos prazos e nas condicións establecidos no artigo 4 bis. A entrada en vigor producirá, para o caso, os mesmos efectos que o decreto de cesamento como presidente da Xunta de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei.

Disposición derradeira

Única.-

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia