lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 141/2012, do 21 de xuño, polo que se aproba o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia.

Publicado en: DOG 129 06/07/2012

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

Estado: En vigor

PDF

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, declara no seu artigo 32 de interese da Comunidade Autónoma de Galicia o servizo de depuración de augas residuais urbanas, cuxo ámbito de aplicación comprende a regulación, a planificación, a aprobación definitiva de proxectos, a construción e a xestión, explotación e mantemento de estacións depuradoras de augas residuais, redes de colectores xerais e conducións de vertedura que formen parte do Plan galego de saneamento, así como, de ser o caso, a reutilización das augas residuais depuradas. Pola súa parte, o artigo 27 da mesma lei reserva para a competencia municipal a prestación do servizo de sumidoiros e o control das verteduras a estas redes dentro do que ordene a normativa aplicable.

Especificamente, o punto 3 do mencionado artigo 32 da Lei 9/2010 encomenda ao Consello da Xunta a aprobación do Regulamento marco de prestación do servizo de saneamento e depuración de augas residuais. O presente decreto dá resposta ao dito mandato legal aprobando o mencionado regulamento, o cal desenvolve as cuestións previstas naqueles preceptos: nel regúlase a protección das instalacións de saneamento e depuración, a definición das verteduras prohibidas e toleradas e a obriga de someter a tratamento previo a aquelas que non acaden os límites establecidos; a obriga de obter permiso previo para as verteduras de natureza non doméstica, así como o procedemento e contido do dito permiso; réxime de situacións de emerxencia, de verteduras accidentais e de verteduras mediante camións-cisterna; e o réxime de inspeccións, tomas de mostra e análise das verteduras.

Por outra banda, o Regulamento tamén inclúe as previsións necesarias para permitir e protexer a correcta explotación, isto é, a operación e o mantemento dos equipamentos e das instalacións dos sistemas de saneamento e depuración.

Finalmente, e para garantir o cumprimento das súas previsións, o Regulamento remítese ao réxime de infraccións e sancións previsto no título VII da Lei 9/2010.

Así, o Regulamento estrutúrase en seis capítulos: o primeiro dedicado ás disposicións xerais; o segundo á utilización dos sistemas públicos de saneamento e depuración de augas residuais; o terceiro á regulación das situacións de emerxencia; o cuarto ao réxime de inspección e control; o quinto ás relacións interadministrativas, e o sexto ao réxime sancionador. Por outra parte, o elevado contido técnico da materia regulada impón a confección de seis anexos relativos ás verteduras prohibidas e limitadas, ao modelo de solicitude de permiso de vertedura, ao plan de conservación e mantemento dos sistemas, ao contido das actas de inspección e aos métodos analíticos e sistema de conservación de mostras.

Este regulamento dítase tamén para dar cumprimento á normativa estatal básica en materia de depuración de augas residuais urbanas, formada polo Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, e o Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, e constitúe, pois, o marco normativo de referencia directa ao cal as ordenanzas e os regulamentos municipais deberán adaptarse, segundo indica a disposición adicional novena da Lei 9/2010.

En consecuencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de xuño de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

Apróbase o Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, cuxo texto se inclúe a continuación.

Disposición adicional única

As instrucións técnicas para obras hidráulicas en Galicia a que se refiren os artigos 2.e) e 7.2 do Regulamento serán aprobadas mediante resolución da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, e serán de obrigada aplicación na redacción dos correspondentes proxectos técnicos que promova a Administración hidráulica de Galicia nos termos previstos na vixente normativa xeral en materia de contratos do sector público.

Disposición transitoria primeira

As entidades locais adecuarán as ordenanzas e os regulamentos sobre planificación, deseño, uso e verteduras ás redes de sumidoiros públicos ao disposto neste regulamento no prazo de dous anos contados desde a súa entrada en vigor, conforme o disposto no artigo 32.3 da Lei 9/2010, de augas de Galicia. Transcorrido ese prazo de dous anos, este regulamento entenderase de aplicación directa en todos aqueles aspectos que resulten incompatibles con el.

Disposición transitoria segunda

1. As persoas titulares de todas as actividades indicadas no artigo 8.1 do regulamento que se aproba por este decreto, xa existentes na data de entrada en vigor do decreto, deberán solicitar, se carecen del, o permiso de vertedura perante a entidade local correspondente no prazo de dous anos a partir da súa entrada en vigor, co obxecto de regularizar a súa situación administrativa.

2. A solicitude do permiso poderá incluír un plan de descontaminación cuxas actuacións deberán executarse nun prazo máximo de dous anos contados desde a súa aprobación por parte da entidade local correspondente.

3. No mesmo prazo indicado no punto 1, as entidades locais procederán a adaptar ao contido do presente regulamento os permisos de vertedura que se outorgasen no momento da entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao contido do presente decreto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da consellería competente en materia de augas para ditar cantas disposicións resulten necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do regulamento aprobado no presente decreto.

Disposición derradeira segunda

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e un de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Regulamento marco do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia

CAPÍTULO I. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente regulamento ten por obxecto regular o Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia, en desenvolvemento do mandato previsto no artigo 32.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia

Artigo 2. Finalidades

O Regulamento do Servizo Público de Saneamento e Depuración de Augas Residuais de Galicia dítase para, de acordo co disposto no artigo 32.2 da Lei 9/2010, contribuír a acadar as finalidades seguintes:

a) Garantía de evacuación e tratamento das augas residuais de xeito eficaz co fin de preservar o estado das masas de auga e posibilitar os seus máis variados usos, incluíndo a súa reutilización.

b) Adecuación da calidade da auga dos efluentes das estacións depuradoras para dar cumprimento á normativa básica sobre depuración de augas residuais urbanas, sen prexuízo do respecto aos obxectivos ambientais establecidos na lexislación e na planificación hidrolóxica aplicables.

c) Prohibición de vertedura ás redes de sumidoiros e colectores de augas residuais de orixe industrial, agrícola e gandeira, cuxas características incumpran o exixido na respectiva ordenanza ou regulamento, ou poidan alterar o correcto funcionamento das instalacións afectas ao servizo.

d) Garantía, por parte das entidades locais, de que o conxunto das verteduras da súa rede de saneamento se adecua ás características de deseño da correspondente instalación de depuración.

e) Xestión eficiente das instalacións a partir dun deseño coherente coas Instrucións técnicas para obras hidráulicas en Galicia aprobadas por Augas de Galicia.

f) Adecuación dos permisos de vertedura ás exixencias e requirimentos do progreso técnico, adecuación que non será indemnizable e cuxo incumprimento poderá dar lugar á suspensión e á revogación do permiso, que non terán carácter sancionador.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

1. O presente regulamento aplícase a todos os sistemas públicos de saneamento e depuración de augas residuais de Galicia, calquera que sexa a Administración competente e o sistema de xestión utilizado.

2. En todo caso, o presente regulamento ten o carácter de norma supletoria en todas as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos deste regulamento, enténdese por:

a) Sistema público de saneamento e depuración de augas residuais: conxunto de bens de dominio público interrelacionados, composto por unha ou máis redes locais de sumidoiros, colectores, estacións de bombeo, conducións de vertedura, estación depuradora de augas residuais e outras instalacións de saneamento asociadas, co obxecto de recoller, conducir ata a estación e sanear, de maneira integrada, as augas residuais xeradas nun ou máis municipios ou en parte dun ou máis municipios. As acometidas ao sistema non forman parte do sistema público.

b) Sistema de depuración: aquela parte do sistema definido na letra anterior, composto por unha estación depuradora de augas residuais e a súa condución de vertedura, incluído, de ser o caso, un emisario submarino.

c) Sistema de saneamento: o resto do sistema definido na letra a).

d) Augas residuais urbanas: as augas residuais domésticas ou a mestura delas coas augas residuais non domésticas, así como con augas de escorregamento pluvial.

e) Augas residuais domésticas: as augas residuais procedentes dos usos residenciais das vivendas, actividades comerciais sen almacenaxe, oficinas e talleres integrados nas vivendas, xeradas principalmente polo metabolismo humano e as actividades domésticas.

f) Augas residuais non domésticas: as augas residuais vertidas desde establecementos nos que se efectúe calquera actividade industrial, agrícola ou gandeira, que non sexan augas residuais domésticas ou de escorregamento pluvial. Entenderase por actividade industrial aquela que consista na produción, transformación, manipulación, reparación e almacenaxe de materias primas e produtos manufacturados.

g) Augas brancas: as augas que non foron sometidas a ningún proceso de transformación de xeito que a súa potencial capacidade de perturbación do medio é nula e, polo tanto, non deben ser conducidas mediante os sistemas públicos de saneamento. A súa procedencia é diversa: augas destinadas á rega agrícola, augas subterráneas, augas superficiais, fontes ou mananciais, e augas procedentes da rede de abastecemento.

h) As augas de escorregamento pluvial terán carácter de augas brancas ou de augas residuais urbanas en función da posibilidade de alteración dos obxectivos de calidade do medio receptor. Así mesmo, terán esta consideración as augas de refrixeración en función das súas características.

i) Residuos sólidos ou semisólidos xerados: os lodos orixinados nos sistemas públicos de saneamento e depuración de augas residuais urbanas, así como o resto de residuos xerados nos sistemas públicos de saneamento e depuración.

j) Entidade xestora: a Administración pública que teña encomendada a xestión de cada un dos sistemas públicos de saneamento e depuración de augas residuais, de acordo co disposto nos artigos 26 e 27 da Lei 9/2010, de augas de Galicia, e con independencia de que o servizo se preste directa ou indirectamente.

k) Usuarios domésticos: aqueles que verten augas residuais domésticas.

l) Usuarios non domésticos: aqueles que verten augas residuais non domésticas.

m) Estación depuradora de augas residuais: conxunto de instalacións necesarias para, como mínimo, o tratamento físico, fisicoquímico ou biolóxico das augas residuais domésticas.

n) Acometida: conxunto de elementos interconectados que unen a rede pública de saneamento coa instalación privada dunha vivenda ou edificio.

o) Redes unitarias: aquelas que constan dunha soa canalización pola que en tempo seco circulan augas residuais urbanas e en tempo de chuvia asume tamén a función de drenar as augas pluviais, provocándose unha mestura de ambos os tipos de augas.

p) Redes separativas: aquelas que constan de dúas canalizacións independentes; unha delas transporta as augas residuais de orixe doméstica, comercial ou industrial ata a estación depuradora, e a outra conduce as augas pluviais ata o medio receptor, ou ata un posible sistema de tratamento previo á súa vertedura.

Artigo 5. Das redes de saneamento e os seus elementos

1. As administracións desenvolverán accións para a paulatina substitución de redes unitarias por redes separativas sempre que sexa posible, garantindo a calidade da auga pluvial na vertedura ao medio receptor ou na súa reutilización, ben mediante a aplicación de técnicas de drenaxe urbana sustentable en orixe ou ben estruturais.

2. Nos casos en que resulte imposible a separación das redes aplicaranse as técnicas de drenaxe urbana sustentable en orixe para minimizar a entrada da auga pluvial nos sistemas de saneamento, así como as técnicas de drenaxe urbana sustentable estruturais para garantir a xestión eficaz do volume de auga resultante tanto na rede como na estación depuradora de augas residuais, así como para garantir a calidade do efluente vertido ao medio receptor.

3. Tanto nos supostos de redes separativas como unitarias deberase garantir a compatibilidade das verteduras ao medio receptor coa lexislación vixente, de xeito que se asegure a capacidade do medio para recibir estes efluentes, tanto desde o punto de vista cualitativo coma cuantitativo. As verteduras ao medio realizaranse a través das estacións depuradoras, desaugadoiros ou outros elementos que formen parte da rede, os cales deberán estar perfectamente identificados.

CAPÍTULO II. Utilización dos sistemas públicos de saneamento e depuración de augas residuais

Artigo 6. Condicións previas para a conexión

1. Para a conexión dun novo usuario ao sistema público de saneamento é necesario que a rede local de sumidoiros se atope en servizo e que a vertedura do usuario cumpra as condicións establecidas neste regulamento.

2. De conformidade co Real decreto 509/1996, do 15 de marzo, de desenvolvemento do Real decreto lei 11/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas aplicables ao tratamento das augas residuais urbanas, as verteduras de augas residuais non domésticas nos sistemas de saneamento ou nos sistemas de depuración serán obxecto do tratamento previo que sexa necesario para:

a) Garantir que as verteduras das instalacións de tratamento non teñan efectos nocivos sobre o ambiente e non impidan que as augas receptoras cumpran os obxectivos de calidade da normativa vixente.

b) Protexer a saúde do persoal que traballe nos sistemas de saneamento e depuración.

c) Garantir que as instalacións dos sistemas de saneamento e depuración e os equipamentos correspondentes non se deterioren.

d) Garantir que non se obstaculice o funcionamento das instalacións de tratamento de augas residuais.

e) Garantir que os lodos poidan evacuarse con completa seguridade de xeito aceptable desde a perspectiva ambiental. En ningún caso se autorizará a súa evacuación aos sumidoiros ou ao colector.

Artigo 7. Requisitos e características da conexión ao sistema

1. As entidades xestoras dos sistemas de saneamento deben establecer os requisitos e as características das conexións ao sistema, respectando o seguinte contido mínimo:

a) Planos da rede de desaugadoiros do interior do edificio en planta e alzado, a escala adecuada, detallando expresamente os sifóns xerais e a ventilación aérea.

b) Descrición das disposicións e dimensións adecuadas para un correcto desaugamento, especificando o material, o diámetro e a pendente lonxitudinal.

c) Instalación dun sifón xeral ou sistema semellante en cada edificio para evitar o paso de gases. Entre a acometida da condución e o sifón xeral do edificio disporase dunha tubaxe de ventilación, sen sifón nin peche.

d) Toda instalación que verta augas residuais non domésticas deberá localizar, antes da conexión ao sistema e en todas e cada unha das conexións que posúa, unha arqueta de rexistro, se é posible fóra do recinto fabril, e en todo caso libre de calquera obstáculo e accesible en todo momento aos servizos técnicos competentes para a obtención de mostras e medición de caudais.

e) Na dita arqueta deberá dispoñerse, cando o permiso de vertedura así o estableza, dun elemento de medida cun rexistro totalizador e instantáneo para a determinación exacta do caudal do efluente vertido. Cando os volumes de auga consumida e os volumes de auga vertida sexan aproximadamente os mesmos, a medición da lectura do caudal de auga de abastecemento poderá utilizarse como medida do caudal vertido sempre que o sistema de medida de auga consumida permita obter caudais instantáneos.

2. Os establecementos non domésticos deberán unificar as verteduras xeradas nos distintos procesos produtivos minimizando na medida do posible, sempre que sexa tecnicamente e economicamente viable, o número de puntos de conexión a colectores. No caso das augas pluviais, deberán aplicarse as oportunas técnicas de drenaxe urbana sustentable, de acordo coas Instrucións técnicas para obras hidráulicas en Galicia, aprobadas por Augas de Galicia.

3. Os usuarios domésticos, públicos ou privados, tamén velarán polo cumprimento do contido do punto anterior, coas excepcións igualmente antes establecidas, debidamente xustificadas e motivadas.

4. As obras de conexión ao sistema público de saneamento estarán suxeitas ás prescricións da normativa urbanística que resulte aplicable.

5. Todos os gastos derivados das actuacións de conexión ao sistema, así como os da súa conservación e mantemento, serán por conta da persoa usuaria, que é a responsable do seu mantemento, salvo que as ordenanzas ás que se refire o artigo 34.1 establezan un mandato distinto.

6. Os criterios, metodoloxía, materiais, tipo de acometida e a súa execución deberán contar previamente coa autorización da entidade xestora da instalación receptora da vertedura.

7. As ordenanzas e regulamentos municipais relativos ao servizo de saneamento deberán establecer, ademais do resto de condicións aplicables, a distancia máxima entre o produtor da vertedura e a rede de sumidoiros a partir da cal resulta obrigatoria a recepción do servizo por parte daquel. Subsidiariamente, establécese unha distancia de cincuenta metros.

8. As persoas usuarias que non queden suxeitas á obriga prevista na alínea anterior deberán dispoñer dun sistema propio de tratamento das augas residuais e, de ser o caso, da correspondente autorización de vertedura outorgada polo organismo de bacía competente en razón do territorio.

Artigo 8. Condicións para a utilización do sistema público de saneamento e depuración

1. Quedan obrigadas a obter permiso de vertedura ao sistema público de saneamento e depuración de augas residuais e a respectar as prohibicións e limitacións establecidas nos anexos I e II, respectivamente, deste regulamento as seguintes persoas usuarias:

a) Os/as usuarios/as non domésticos/as cuxa actividade estea comprendida nas correspondentes epígrafes da vixente CNAE-2009, aprobada polo Real decreto 475/2007, equivalentes ás epígrafes C, D, E e F do CNAE-93, segundo os cadros de equivalencias entre a CNAE-93 e a CNAE-2009 elaborados polo Instituto Nacional de Estatística, así como aqueloutros/as usuarios/as non domésticos/as cuxa vertedura sexa superior a 2.000 metros cúbicos anuais.

b) Os/as usuarios/as cun volume de vertedura inferior a 2.000 metros cúbicos anuais pero que orixinen contaminación especial nos termos do artigo 47.1.c) da Lei 9/2010, de augas de Galicia.

2. O resto de persoas usuarias cuxa actividade xere augas residuais domésticas quedan suxeitas ás regulamentacións que dite a entidade xestora e, en todo caso, ás prohibicións establecidas no anexo I deste regulamento.

3. As entidades xestoras dos sistemas de depuración deben aterse ás condicións impostas nas autorizacións de vertedura á canle pública ou ao dominio público marítimo-terrestre que diten os diferentes organismos de bacía competentes no territorio de Galicia.

Artigo 9. Prohibicións e limitacións

1. Están prohibidas:

a) A vertedura ao sistema de saneamento e depuración das substancias relacionadas no anexo I deste regulamento.

b) A dilución para acadar os niveis de emisión que permitan a súa vertedura ao sistema, excepto nos supostos de emerxencia ou de perigo inminente. Nestes supostos deberase realizar a comunicación inmediata destas circunstancias á entidade xestora, a cal deberá adoptar as medidas que en cada caso foren pertinentes.

c) A vertedura de augas pluviais ao sistema cando se poida adoptar unha solución técnica alternativa.

d) A vertedura de augas brancas ao sistema.

2. As verteduras que conteñan substancias das relacionadas no anexo II deste regulamento deberán respectar as limitacións que se especifiquen no contido do permiso de vertedura ou outras para substancias non especificadas no dito anexo que a entidade xestora considere, co fin de protexer os sistemas de saneamento e depuración ou o medio a que verte. Naqueles parámetros do anexo II para os cales non se especifiquen limitacións no contido do permiso de vertedura, as limitacións serán as especificadas no dito anexo. Non se admitirá a dilución para acadar os ditos límites e o incumprimento desta prohibición será tipificarado polas ordenanzas e os regulamentos locais e será sancionado de conformidade co réxime establecido no artigo 85.b) da Lei 9/2010, de augas de Galicia.

3. O permiso de vertedura poderá establecer valores máis restritivos que os previstos no anexo II deste regulamento e, así mesmo, poderá establecer limitacións de caudal respecto de parámetros específicos, todo iso en función da capacidade do sistema.

4. Logo de consulta da entidade xestora, Augas de Galicia poderá adoptar limitacións diferentes das establecidas no punto anterior cando, en aplicación das mellores técnicas dispoñibles, se consiga para unha mesma carga contaminante vertida ao sistema unha diminución do caudal de vertedura indicado no permiso correspondente mediante o emprego de sistemas de aforro de auga por parte da persoa titular do permiso.

Artigo 10. Solicitude do permiso de vertedura

Antes de efectuar ningunha vertedura de augas residuais ao sistema, as persoas usuarias de novas acometidas titulares das actividades indicadas no artigo 8.1 deben solicitar da entidade xestora o correspondente permiso de vertedura, e achegar, como mínimo, a documentación que se indica no anexo III deste regulamento.

Artigo 11. Permiso de vertedura

1. O permiso de vertedura ao sistema público de saneamento e depuración será outorgadoaos usuarios indicados no artigo 8.1 pola entidade xestora correspondente.

2. A entidade xestora do sistema de depuración, no caso de ser distinta á que xestiona o sistema de saneamento, deberá emitir informe con carácter previo e preceptivo sobre as solicitudes de permiso de vertedura que esta reciba, e particularmente sobre os caudais e concentracións máximos instantáneos, e a súa duración e os medios diarios admisibles da vertedura para a cal se solicita o permiso, co fin de asegurar que os caudais sexan asumibles hidraulicamente polo sistema e que as concentracións non alteren as características de deseño das instalacións de depuración ou os obxectivos de calidade do medio receptor a que se verte. Se o informe non é emitido no prazo de dous meses, entenderase que ten carácter favorable.

3. O outorgamento do dito permiso faculta as mencionadas persoas usuarias para realizaren verteduras de augas residuais ao sistema público de saneamento nas condicións establecidas nel.

4. O permiso de vertedura regulado neste regulamento establécese sen prexuízo do resto das competencias municipais en materia de redes de sumidoiros e da obtención por parte da persoa usuaria de cantos permisos sexan necesarios ata chegar a conectarse ao sistema público de saneamento.

5. O prazo máximo para ditar resolución será de seis meses desde que reciba a solicitude de permiso o órgano competente para resolver. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución, a solicitude entenderase denegada.

Artigo 12. Réxime de obtención do permiso de vertedura

1. O procedemento para a obtención do permiso de vertedura aos sistemas públicos de saneamento e depuración no caso de actividades comprendidas no ámbito de aplicación da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, así como na normativa que sobre a materia aprobe a Comunidade Autónoma de Galicia, será o establecido nas mencionadas normas.

2. No caso de que as actividades non se atopen afectadas polo punto primeiro, serán de aplicación as normas do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Contido do permiso de vertedura

1. A resolución de outorgamento do permiso de vertedura ao sistema público de saneamento que dite a entidade xestora deberá incluír, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Os límites máximos admisibles das características cualitativas da vertedura, tanto en concentracións máximas instantáneas como en concentracións medias máximas.

b) Os límites cuantitativos do volume da vertedura, indicando o caudal medio diario, o volume máximo diario e o máximo caudal instantáneo e a súa duración.

c) A obriga de instalar, no prazo máximo de seis meses desde a notificación da resolución, unha arqueta coas características que se definan no permiso, facilmente accesible e identificable, que permita as tarefas de inspección e control recollidas na resolución de permiso de vertedura.

d) Con carácter xeral, agás por razóns xustificadas debidamente motivadas, os permisos de vertedura outorgaranse por un período máximo de oito anos, renovables por idénticos períodos, por consentimento expreso e por escrito, da entidade xestora dos sistemas públicos de saneamento. Nos supostos do artigo 12.1, a vixencia do permiso someterase ao prazo da autorización ambiental integrada.

2. O permiso de vertedura ao sistema de saneamento poderá, ademais, establecer limitacións, condicións e garantías en relación con:

a) A obriga de instalar na dita arqueta un elemento de medida e rexistro do caudal de vertedura instantánea.

b) Horario de vertedura.

c) Definición das instalacións de tratamento previo da vertedura que resulten necesarias para acadar as condicións cualitativas ou cuantitativas impostas e o prazo de execución delas.

d) Poderanse establecer excepcións temporais dos requirimentos do anexo II, sempre que se aprobe un programa que garanta o seu cumprimento nun prazo determinado desde a notificación da resolución. Tamén se poderán establecer excepcións motivadas pola baixa saturación do sistema, tendentes a aproveitar ao máximo as súas capacidades de depuración e, de ser o caso, delimitadas no tempo ou na carga.

e) Realización de autocontrois por parte do titular do permiso, nos supostos de verteduras que comporten un risco elevado de impacto sobre o sistema de saneamento e depuración.

f) A obriga de instalar os medios necesarios para a toma de mostras.

g) A realización de programas de seguimento da vertedura.

h) A obriga de remitir informes periódicos á entidade xestora do sistema.

i) As demais que estableza a entidade xestora do sistema.

3. En ningún caso o outorgamento do permiso de vertedura pode comprometer a consecución dos obxectivos de calidade do medio receptor do efluente depurado do sistema de saneamento e depuración.

4. A inspección, vixilancia e control do cumprimento das condicións do permiso de vertedura corresponde á entidade xestora do sistema, sen prexuízo da intervención de Augas de Galicia na súa función de alta inspección.

Artigo 14. Revisión do permiso de vertedura

1. Sen prexuízo do disposto na Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, o permiso de vertedura ao sistema de saneamento deberá revisarse, logo de audiencia do interesado, cando se produza algún cambio significativo na composición ou no volume da vertedura, cando se alteren substancialmente as circunstancias que motivaron o seu outorgamento, ou cando sobreveñan outras circunstancias que, de existiren anteriormente, terían xustificado a súa denegación ou o seu outorgamento en termos diferentes.

2. En todo caso, procederase á revisión do permiso:

a) Cando a carga contaminante vertida por unha actividade resulte significativa en relación co total tratado polo sistema e poida dificultar a súa depuración nas condicións adecuadas.

b) Cando o efecto aditivo de verteduras das mesmas características poida dificultar o tratamento do sistema nas ditas condicións adecuadas.

3. No caso de que a revisión comporte a modificación das condicións da vertedura ao sistema, a entidade xestora poderá conceder á persoa titular do permiso un prazo de adaptación que non excederá un ano contado desde a aprobación da revisión.

4. Se a persoa titular do permiso non realizase as modificacións no prazo que para o efecto lle indique a entidade xestora, esta poderá declarar a caducidade do permiso de vertedura sen prexuízo da imposición das sancións oportunas.

5. En ningún caso a revisión do permiso de vertedura comportará para o seu titular dereito a ningunha indemnización.

Artigo 15. Revogación do permiso de vertedura

O permiso de vertedura ao sistema de saneamento e depuración poderá ser revogado, logo de audiencia do seu titular, nos seguintes supostos:

a) Como consecuencia da revogación da autorización ou licenza que permita o desenvolvemento da actividade que causa a vertedura.

b) Por incumprimento dos requirimentos efectuados para adecuar a vertedura ás condicións establecidas no permiso.

c) Como consecuencia dunha sanción que leve implícita a perda do permiso.

d) A non aceptación ou incumprimento das modificacións do permiso de vertedura impostas como consecuencia da súa revisión.

Artigo 16. Obrigas da persoa titular do permiso de vertedura

A persoa titular do permiso de vertedura debe cumprir as obrigas seguintes:

a) Comunicar de xeito inmediato á entidade xestora calquera avaría do proceso produtivo ou das súas instalacións de tratamento que poida afectar negativamente a calidade da vertedura ao sistema, así como calquera modificación nos procesos que inflúa na dita calidade.

b) Comunicar á entidade xestora calquera circunstancia futura que implique unha variación das características cualitativas ou cuantitativas da vertedura, para os efectos de proceder, de ser o caso, á revisión do permiso.

c) Adaptar a súa actividade e as súas instalacións ás medidas e actuacións que resulten da aplicación das normas previstas no artigo 19 deste regulamento.

Artigo 17. Censos de verteduras ao sistema

1. A entidade xestora levará un censo informatizado de verteduras ao sistema no cal inscribirá as verteduras sometidas a permiso, e no cal deberán constar, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Nome, enderezo, CNAE e NIF do titular do permiso.

b) Datos básicos do caudal de auga de abastecemento e de vertedura.

c) Condicións básicas do permiso, incluíndo a localización con coordenadas UTM e o acceso ao punto de vertedura.

d) Situación administrativa do permiso.

e) Informe analítico da vertedura, renovado con periodicidade anual.

2. Cando unha mesma entidade xestora teña ao seu cargo a xestión do saneamento en baixa e o servizo de depuración de augas residuais, deberá incluír no censo as verteduras non canalizadas a que se refire o artigo seguinte.

3. O censo de verteduras dos sistemas públicos de saneamento estará á disposición da Administración hidráulica de Galicia e, de ser o caso, da do Estado, para a súa utilización de acordo coa normativa vixente. A cesión de datos e notificación previa entre as administracións públicas non require autorización previa dos titulares nin notificación a eles.

4. As entidades xestoras dos sistemas de saneamento deberán informar periodicamente sobre o seu censo de verteduras á entidade xestora do sistema de depuración correspondente, no caso de que se trate de distintas entidades.

Artigo 18. Verteduras non canalizadas

1. Enténdese por verteduras non canalizadas aquelas que chegan ás estacións depuradoras de augas residuais a través de medios de transporte que non son nin tubaxes nin canles.

2. Para efectuar verteduras ás instalacións de saneamento mediante sistemas non canalizados será necesario que, sen prexuízo dos permisos ou autorizacións exixibles de conformidade coa lexislación aplicable en materia de residuos, quen produza a vertedura obteña un permiso especial outorgado pola entidade xestora, logo de consulta á entidade xestora do sistema de depuración, no caso de que se trate de distintas entidades.

3. Este tipo de verteduras deberán respectar as prohibicións e limitacións establecidas nos anexos I e II deste regulamento.

4. Exceptúanse das obrigas do punto anterior as verteduras procedentes de fosas sépticas ou das limpezas dos sistemas públicos de saneamento, no referente aos parámetros DQO, DBO, MES, sulfuros, aceites e graxas e as diferentes formas de nitróxeno e fósforo recollidas no anexo II deste regulamento, así como as verteduras deste tipo ás cales poida resultar de aplicación o disposto no artigo 13.2.d) deste regulamento.

5. As verteduras non canalizados só se poderán realizar nas estacións depuradoras de augas residuais que dispoñan das instalacións adecuadas para a recepción destas verteduras e de todas as autorizacións correspondentes. En todo caso, a incorporación destas verteduras pautarase de acordo coas indicacións ao respecto da entidade xestora da estación depuradora, coa finalidade de evitar calquera alteración do proceso.

6. En ningún caso se poderán engadir estas verteduras non canalizadas en estacións depuradoras que estean próximas ao límite ou saturadas en canto á carga contaminante que se vai tratar.

Artigo 19. Normas de mantemento, reposición e explotación das instalacións

1. Cada entidade xestora velará polo correcto funcionamento e estado de conservación do sistema público de saneamento e, de ser o caso, de depuración.

2. Para estes efectos, a entidade xestora elaborará e executará os plans de mantemento de equipos, instalacións electromecánicas e obra civil e conducións, de conformidade co establecido no anexo IV deste regulamento.

3. En canto ás redes de sumidoiros e de colectores, e sen prexuízo das accións que permitan o seu correcto funcionamento, a entidade xestora velará polo seu adecuado estado de limpeza e identificará as conexións existentes, os puntos de risco de incidencias no medio e as eventuais rupturas, fugas ou intrusións de augas brancas.

4. En canto ás estacións depuradoras de augas residuais, a entidade xestora explotará a liña de auga e os lodos, en cumprimento da normativa aplicable en materia de augas, costas, verteduras, residuos e xestión de lodos de depuradora, de xeito que se asegure o rendemento adecuado da instalación, que non se obstaculice o seu bo funcionamento pola acumulación de lodos na liña de proceso, non se causen afeccións prexudiciais para o contorno e se asegure a evacuación dos lodos de acordo coa normativa vixente na materia.

5. O funcionamento e a xestión das estacións de bombeo nas redes de saneamento deberá adecuarse ao deseño das estacións depuradoras de augas residuais tanto na capacidade de bombeo como no horario de funcionamento. Para estes efectos, a entidade xestora do sistema de saneamento someterá á entidade xestora do sistema de depuración as solucións adecuadas para acadar este obxectivo, tendo en consideración as eventuais afeccións por desaugamento no dominio público hidráulico ou marítimo-terrestre.

6. Nos supostos de parada forzosa do sistema de depuración de augas residuais, sexa programada ou imprevista, a entidade xestora deberá adoptar as medidas necesarias para minimizar as súas consecuencias, reducir o tempo de parada, realizar as reparacións no período de menor incidencia e asegurar o máximo grao de depuración posible.

7. Nos supostos de paradas programadas, a entidade xestora deberá comunicalas ao organismo de bacía cun mes de antelación, polo menos, xustificando a súa necesidade e, en todo caso, informará a Augas de Galicia sobre as medidas propostas para minimizar posibles afeccións ao medio receptor cando se trate de instalacións situadas no ámbito territorial previsto no artigo 6.1.a) da Lei 9/2010. Augas de Galicia, logo de audiencia da consellería competente en materia de pesca e marisqueo nos supostos en que a parada poida afectar estas materias, emitirá nese prazo informe preceptivo e vinculante acerca das medidas que cómpre adoptar para minimizar a afección ao medio receptor.

Artigo 20. Prevención de riscos laborais

1. Na execución das tarefas de explotación, conservación e mantemento dos sistemas de saneamento e depuración de augas residuais darase cumprimento ao previsto na normativa vixente en materia de prevención de riscos laborais, adoptando as medidas de protección individuais e colectivas que resulten necesarias.

2. De conformidade co establecido na dita normativa, a entidade xestora deberá dispoñer da avaliación de riscos laborais do sistema e do correspondente plan de seguridade.

CAPÍTULO III. Situacións de emerxencia

Artigo 21. Comunicación

1. Cada persoa usuaria deberá tomar as medidas adecuadas para evitar as descargas accidentais de verteduras que poidan ser potencialmente perigosas para a saúde das persoas ou a seguridade das instalacións que compoñen o sistema público de saneamento e depuración, así como para o medio receptor.

2. Cando por accidente, fallo de funcionamento ou da explotación das instalacións da persoa usuaria se produza unha vertedura que estea prohibida e que sexa capaz de orixinar unha situación de emerxencia e perigo tanto para as persoas coma para o sistema de saneamento e depuración, o usuario deberá comunicar urxentemente a circunstancia producida á entidade xestora do sistema así como ao número de emerxencias 112, co obxecto de evitar ou reducir ao mínimo os danos que se poidan causar. A comunicación efectuarase utilizando o medio máis rápido.

Artigo 22. Adopción de medidas en situacións de emerxencia

1. Unha vez producida a situación de emerxencia, a persoa usuaria utilizará todos os medios ao seu alcance para reducir ao máximo os efectos da descarga accidental.

2. A persoa usuaria deberá remitir á entidade xestora do sistema, no prazo máximo de corenta e oito horas, un informe detallado do accidente, no cal deberán figurar os seguintes datos: identificación da empresa, caudal e materias vertidas, causa do accidente, hora en que se produciu, medidas correctoras tomadas in situ, hora e forma en que se comunicou o suceso. Cada unha das entidades xestoras poderá solicitar do usuario os datos necesarios para a correcta valoración do accidente.

Artigo 23. Valoración de danos

Os custos das operacións a que dean lugar os accidentes que ocasionen situacións de emerxencia ou perigo, así como os de limpeza, remoción, reparación ou modificación do sistema de saneamento e depuración, deberán ser aboados pola persoa usuaria causante, con independencia doutras responsabilidades en que puider incorrer.

Para a valoración dos danos terase en conta o establecido no artigo 36 deste regulamento.

Artigo 24. Accidentes maiores

Cando as situacións de emerxencia a que se fai referencia nos artigos anteriores poidan ser cualificadas de accidentes maiores a criterio da Axencia Galega de Emerxencias, ademais das normas establecidas no presente regulamento, serán de aplicación as disposicións normativas vixentes en Galicia en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

CAPÍTULO IV. Inspección e control

Artigo 25. Función inspectora

1. A función inspectora corresponde á entidade xestora respecto das instalacións ao seu cargo, e exércea:

a) Directamente, a través dos seus propios órganos que teñan atribuídas as funcións inspectoras.

b) Por medio de entidades colaboradoras debidamente acreditadas.

2. Corresponde a Augas de Galicia a alta inspección de todos os sistemas de saneamento e depuración de augas residuais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma, sen prexuízo do exercicio das competencias propias dos organismos de bacía. En exercicio desa facultade, poderá levar a cabo cantos controis, ensaios e análises considere necesarios.

3. As funcións inspectoras que corresponden a Augas de Galicia poderán ser encomendadas ás entidades a que se refire o Decreto 162/2010, do 16 de setembro, polo que se regulan as entidades colaboradoras da Administración hidráulica de Galicia en materia de control de verteduras e calidade das augas. O auxilio destas entidades nas funcións de inspección limitarase ás actividades técnicas que non comporten o exercicio de autoridade.

4. As funcións de inspección que corresponden competencialmente a Augas de Galicia e aos entes locais deberán coordinarse co obxecto de mellorar a eficiencia e o control dos sistemas de saneamento aos seus respectivos cargos.

Artigo 26. Obxecto e inicio da inspección

1. Poden ser obxecto de inspección as actividades ou instalacións cuxas verteduras poidan afectar o sistema de saneamento e depuración de augas residuais.

2. A actuación inspectora iníciase de oficio:

a) Por iniciativa do órgano competente ou por orde superior.

b) Por propia iniciativa do persoal inspector.

c) En virtude de denuncia.

Artigo 27. Dereitos do persoal inspector

No exercicio da súa función, o persoal inspector, debidamente acreditado pola entidade xestora correspondente, poderá:

a) Acceder ás instalacións que xeran verteduras de augas residuais. Non será necesaria a notificación previa da inspección cando se efectúe en horas de actividade industrial.

b) Efectuar notificacións e realizar requirimentos de información e documentación ou de actuacións concretas para a adecuación e mellora das verteduras de augas residuais.

c) Proceder á toma de mostras ou ao control da vertedura de augas residuais e, de ser o caso, de augas de proceso.

d) Proceder á toma de fotografías ou outro tipo de imaxes gráficas, sen prexuízo do disposto na vixente normativa sobre segredo industrial.

e) Levar a cabo calquera outra actuación tendente a descubrir a orixe das verteduras, o seu grao de contaminación e a súa afección sobre os sistemas de saneamento e depuración.

Artigo 28. Deberes do persoal inspector

O persoal inspector está obrigado, durante o desenvolvemento das súas funcións, a:

a) Identificarse como tal e acreditar a súa condición de persoal inspector.

b) Observar o respecto e a consideración debidos ás persoas interesadas.

c) Informar as persoas interesadas, cando así sexan requiridas, dos seus dereitos e deberes en relación cos feitos obxecto da inspección, así como das normas que deben cumprir os titulares das verteduras.

d) Obter toda a información necesaria respecto dos feitos obxecto de inspección e dos seus responsables, accedendo, se é necesario, aos rexistros públicos existentes.

e) Gardar sixilo profesional e segredo respecto dos asuntos que coñeza por razón do seu cargo e actividade pública.

f) Comunicar as anomalías detectadas á persoa titular das instalacións.

Artigo 29. Desenvolvemento da actividade inspectora

1. Cando o persoal inspector se presente no lugar onde radiquen as instalacións que se van inspeccionar, porá en coñecemento da persoa titular o obxecto das actuacións, logo de identificación mediante exhibición do documento que o acredite para o exercicio das súas funcións, no cal constarán o órgano da entidade xestora ao cal está adscrito, o seu nome, apelidos, o número do documento nacional de identidade e unha fotografía.

2. As actuacións inspectoras realizaranse en presenza da persoa titular das instalacións. No caso de persoas xurídicas, considerarase o seu representante quen legalmente teña a dita condición. No caso de ausencia da persoa titular ou representante, as actuacións entenderanse con calquera persoa presente nas instalacións, facendo constar na acta ou informe a súa vinculación con elas. Non será obstáculo para a realización das actuacións a negativa ou imposibilidade da persoa titular ou representante de estar presente durante a súa práctica, sempre que así se faga constar nas actuacións que documenten a inspección.

3. A persoa interesada está obrigada a permitir o acceso do persoal inspector ás instalacións e a toma de mostras e medicións, e a subministrar a información que se lle requira en relación cos feitos obxecto da inspección.

4. No caso de obstaculización das actividades inspectoras, o persoal inspector farao constar así. Poderá proceder entón á toma de mostras de augas residuais desde o exterior do recinto das instalacións, sempre que sexa posible.

Artigo 30. Documentación das actuacións inspectoras

1. As actuacións inspectoras documentaranse nunha acta, na cal constarán como mínimo os datos indicados no anexo V do presente regulamento, e na que tanto o persoal inspector como a persoa interesada poderán facer constar as observacións que consideren oportunas.

2. No caso de que a persoa comparecente se negue a asinar a acta ou a recibir a mostra contraditoria, o persoal inspector farao constar así, autorizando a acta coa súa sinatura e entregando unha copia á persoa interesada, deixando igualmente constancia de se esta se negou a recibila.

3. Os feitos constatados nas actas terán valor probatorio, cos efectos previstos no artigo 137.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No caso de que o levantamento ou o asinamento da acta se produzan sen a presenza da persoa titular ou do representante do establecemento produtor da vertedura, notificaráselle o documento para os efectos de que poidan presentar cantas alegacións e probas consideren convenientes no prazo de dez días.

Artigo 31. Toma de mostras

A toma de mostras de augas residuais levarase a cabo de acordo co seguinte procedemento:

1. Punto de toma de mostras. A mostra tomarase da arqueta de rexistro se existir, logo de comprobación das coordenadas UTM ou, no seu defecto, no último punto accesible de saída das augas residuais das instalacións de produción ou tratamento, previo á incorporación ás redes de saneamento e a calquera dilución.

2. Preparación da mostra. Para a obtención da mostra tomarase nun recipiente unha cantidade de efluente suficiente para poder dividila en tres submostras en candanseus recipientes de material adecuado ás determinacións analíticas que se prevexa realizar. Os recipientes enxaugaranse previamente co mesmo efluente obxecto da mostraxe.

3. As mostras así obtidas precintaranse e identificaranse. Dúas quedarán en poder do persoal inspector, a primeira para efectuar as determinacións analíticas e a segunda para a práctica dunha eventual análise dirimente, e a terceira ofreceráselle á persoa interesada, para os efectos de que poida proceder, se o considera oportuno, á práctica da análise contraditoria. No caso de que a persoa interesada se negue a recibir esta terceira mostra ou non poida facerse cargo dela, comunicaráselle o lugar en que queda á súa disposición.

4. A natureza dos envases, as súas condicións de preservación, así como os métodos analíticos dos diferentes parámetros, serán os que figuran no anexo VI do presente regulamento.

5. O volume mínimo para realizar a mostraxe será de dous litros para cada unha das tres mostras referenciadas no punto tres deste artigo, agás que xustificadamente se poida utilizar un volume menor. Este volume subdividirase en senllos recipientes dun litro, un de vidro e outro de plástico, en función dos parámetros que se van analizar.

6. Poderá prescindirse da toma de mostras para determinar as súas características contaminantes cando se trate de verteduras de natureza inequivocamente doméstica ou gandeira e o persoal inspector así o faga constar expresamente na acta.

Artigo 32. Práctica das análises

1. Para a práctica da análise inicial e da contraditoria deberá entregarse ao laboratorio de que se trate a mostra correspondente, debidamente conservada, no prazo máximo de 72 horas desde a toma de mostras, para os efectos de iniciar o procedemento de análise no dito prazo.

2. As determinacións analíticas da mostra inicial e da contraditoria levaranse a cabo en laboratorios que dispoñan de acreditación que garanta o cumprimento da norma UNE-EN-ISO 17025. Tamén se poderán levar a cabo no Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

3. O laboratorio a que se encargue a práctica da análise inicial deberá entregar os resultados á entidade xestora no prazo de trinta días naturais desde a recepción da mostra, e a entidade xestora procederá a comunicalos á persoa interesada. A comunicación á persoa interesada deberá realizarse no prazo de dez días desde a recepción dos resultados pola entidade xestora.

4. A folla de resultados analíticos, tanto na análise inicial como na contraditoria, expresará en todo caso a data de recepción da mostra, de inicio e de fin da análise, así como os métodos analíticos empregados. De ser o caso, farase constar igualmente o estado de conservación da mostra á súa chegada ao laboratorio.

5. Pola súa parte, a persoa interesada poderá facer uso do dereito a realizar a análise contraditoria. Nese caso, comunicaralle á entidade xestora os resultados da dita análise, se o considera procedente.

6. A práctica da análise dirimente, por solicitude de calquera das partes, levarase a cabo no laboratorio que designe a entidade xestora entre os indicados na alínea 2. A mencionada entidade comunicaralle á persoa interesada con antelación suficiente o lugar, a data e a hora onde se levará a cabo, para os efectos de que poida estar presente nas operacións, asistida, se o xulga oportuno, de persoal técnico. En ningún caso se tomará en consideración a petición de análises dirimentes logo de transcorridos dous meses desde a data da toma de mostras, ou cando non se realizase análise contraditoria.

7. Os gastos xerados pola práctica da análise contraditoria corresponden sempre á persoa interesada. Os gastos da análise dirimente corresponden á parte que a solicite.

CAPÍTULO V. Relacións interadministrativas

Artigo 33. Obrigas das entidades locais

1. As entidades locais, en canto que entidades xestoras dos sistemas públicos de saneamento, deben comunicar a Augas de Galicia, dentro do mes seguinte ao da resolución de que se trate os permisos de vertedura outorgados no seu ámbito consonte as disposicións deste regulamento, así como a súa revisión, modificación, suspensión ou revogación.

2. Cando as entidades locais actúen como entidades xestoras dos sistemas públicos de depuración de augas residuais urbanas deberán comunicar a Augas de Galicia:

a) Anualmente: os permisos especiais para a vertedura mediante vehículos cisterna, e os datos relativos á produción de lodos.

b) Trimestralmente: os resultados dos datos de control do sistema que incluirán, como mínimo, os datos do estado de colectores ao seu cargo como entidade xestora do sistema de saneamento, depuradora e, de ser o caso, emisario ou condución de vertedura, así como a calidade da vertedura, e no primeiro trimestre do seguinte ano un resumo anual en idénticos termos.

3. En caso de que os xestores do sistema de saneamento e do sistema de depuración sexan distintos, o xestor do sistema de saneamento deberá informar o xestor do sistema de depuración con tempo suficiente das operacións, reparacións, mantemento, obras ou calquera outra circunstancia que poida influír no normal funcionamento do sistema de depuración, de tal xeito que se poida minimizar o impacto xerado por estas actuacións. En todo caso, as entidades locais deberán comunicar a Augas de Galicia, con carácter urxente, calquera situación de emerxencia que se poida producir nas instalacións que xestionan.

Artigo 34. Regulamentos específicos

1. No marco da Lei 9/2010, de augas de Galicia, e do presente regulamento, as entidades locais deberán elaborar regulamentos ou ordenanzas específicos en relación cos sistemas de saneamento e depuración que xestionan.

2. Por petición das entidades locais, Augas de Galicia prestará asistencia técnica e información sobre a adecuación das regulacións específicas ao dito marco normativo.

3. Augas de Galicia emitirá informe preceptivamente sobre os regulamentos e as ordenanzas indicados no punto 1, con carácter previo á súa aprobación definitiva por parte das entidades locais. Pasados dous meses desde a solicitude do informe sen que se teña emitido, entenderase avaliado en sentido favorable.

CAPÍTULO VI. Réxime de infraccións e sancións

Artigo 35. Réxime de infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións relativas as verteduras ao sistema público de saneamento e depuración, así como o réxime de medidas cautelares, é o previsto no título VII da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Artigo 36. Valoración de danos

1. A valoración dos danos ás obras hidráulicas para os efectos da aplicación do réxime sancionador a que se refire o presente capítulo será realizada pola entidade xestora e determinarase en función dos gastos de explotación e, de ser o caso, de reposición daquelas.

2. Os danos ás obras hidráulicas que conforman o sistema de saneamento e depuración calcularanse en euros/día, como resultado da ponderación do custo diario de explotación das instalacións públicas afectadas en relación co caudal e carga contaminante da vertedura de que se trate.

3. A entidade xestora determinará, de acordo cos orzamentos aprobados para o efecto e as correspondentes certificacións, os gastos de explotación repercutibles ao responsable da vertedura de que se trate.

4. A valoración de danos que servirá de base para a cualificación da infracción, para a cuantificación da sanción e, de ser o caso, da indemnización que deba impoñerse, resultará do cálculo a que se refire o punto segundo multiplicado polo número de días que se considere que a vertedura se mantivo en situación irregular.

5. Para os efectos do disposto no punto anterior, computaranse os gastos correspondentes a todo o período en que a instalación pública de saneamento ou de depuración de augas residuais quedase afectada pola vertedura irregular, mesmo se este for de carácter illado. En calquera caso, considerarase que a vertedura irregular se mantivo durante, cando menos, un día.

6. A valoración de danos deberá notificarse ao presunto/a infractor/a simultaneamente co prego de cargos que se dite no correspondente expediente sancionador.

Artigo 37. Relación co canon da auga e co coeficiente de vertedura

1. Os resultados analíticos de que dispoña Augas de Galicia para a determinación do canon da auga e o coeficiente de vertedura regulados no título IV da Lei 9/2010, de augas de Galicia, poderán ser utilizados nos expedientes sancionadores a que se refire este capítulo, sempre que se correspondan cos períodos considerados neles.

2. Estar ao día de pagamento do canon da auga ou do coeficiente de vertedura non implica estar en posesión do permiso de vertedura cando este sexa preceptivo nos termos deste regulamento, e en ningún caso pode considerarse como circunstancia atenuante nos mencionados procedementos sancionadores.

ANEXO I

Verteduras prohibidas

a) Materias sólidas ou viscosas en cantidades ou tamaños tales que, por si soas ou por integración con outras, produzan obstrucións ou sedimentos que impidan o correcto funcionamento do sistema ou dificulten os traballos da súa conservación ou mantemento.

b) Disolventes ou líquidos orgánicos inmiscibles na auga, combustibles ou inflamables.

c) Aceites e graxas flotantes sólidas ou semisólidas.

d) Substancias sólidas potencialmente perigosas.

e) Gases ou vapores combustibles ou inflamables, explosivos ou tóxicos ou procedentes de motores de explosión.

f) Materias que, por razón da súa natureza, propiedades ou cantidades, por si mesmas ou por integración con outras, poidan orixinar:

1. Calquera tipo de molestia pública.

2. A formación de mesturas inflamables ou explosivas co aire.

3. A creación de atmosferas molestas, insalubres, tóxicas ou perigosas que impidan ou dificulten o traballo do persoal encargado da inspección, limpeza, mantemento ou funcionamento do sistema.

4. A coloración das augas residuais de tal xeito que non se pode eliminar con ningún dos procesos de tratamento usuais nas estacións depuradoras.

g) Materias que, por si mesmas ou a consecuencia de procesos ou reaccións que teñan lugar dentro da rede, teñan ou adquiran calquera propiedade corrosiva capaz de danar ou deteriorar os materiais do sistema ou prexudicar o persoal encargado da súa limpeza e conservación.

h) Residuos de natureza radioactiva.

i) Residuos industriais ou comerciais que, polas súas concentracións ou características tóxicas ou perigosas, requiran un tratamento específico ou un control periódico dos seus efectos nocivos potenciais.

j) As verteduras que por si mesmas ou a consecuencia de transformacións químicas ou biolóxicas que se poidan producir na rede de saneamento dean lugar a concentracións de gases nocivos na atmosfera da rede de sumidoiros superiores aos seguintes límites:

• Dióxido de carbono: 15000 ppm.

• Dióxido de xofre: 5 ppm.

• Monóxido de carbono: 25 ppm.

• Cloro: 1 ppm.

• Ácido sulfhídrico: 10 ppm.

• Ácido cianhídrico: 4,5 ppm.

k) Residuos sanitarios definidos na vixente normativa nesta materia.

l) Residuos sólidos ou semisólidos xerados por sistemas de saneamento e depuración.

m) Residuos de orixe pecuaria.

ANEXO II

Verteruras limitadas

Modificación. Anexo 2 nova redacción.Véxase a ligazón ao Decreto 42/2020.

(1) Poderán observarse valores superiores de AOX naqueles casos en que se cumpran os valores de organoclorados individualizados deste anexo II.

(2) Suma de benceno, tolueno, etilbenceno e xileno.

(3) Substancias activas co azul de metileno expresadas como lauril sulfato sódico (LSS)».

ANEXO III

Solicitude de permiso de vertedura ao sistema

1. Solicitude: nome e NIF da persoa titular, enderezo social, enderezo do establecemento, acceso ao punto de vertedura, teléfono, distrito postal, localidade; características da actividade produtiva, caudais de vertedura en m3/ano e m3/día, caudal punta en m3/hora, e identificación da EDAR do sistema ao cal se pretende verter.

2. Proxecto técnico:

Antecedentes:

• Obxecto: obtención do permiso de vertedura ou a súa revisión.

• Características da localización e localización da actividade.

• Punto de conexión ao sistema con coordenadas UTM.

Memoria descritiva:

• Datos de produción: actividade desenvolvida, materias primas utilizadas e produtos resultantes expresados en tm/ano.

• Procesos industriais.

• Balance de augas: fontes de abastecemento, título concesional, volume abastecido e a súa distribución no proceso industrial, volume de vertedura.

• Características do efluente: análise de cada punto de vertedura.

Memoria técnica das instalacións de tratamento (se existen ou se requiren):

• Sistemas e unidades de tratamento: descrición do sistema de tratamento existente con cálculos hidráulicos de dimensionamento (volumes, tempos de retención); descrición detallada de equipamentos instalados, potencias de bombeo, materiais de construción; medidas de seguridade para evitar verteduras accidentais, instrumentos de control propostos, proposta de seguimento e control de calidade do efluente, produción e destino de residuos.

• Planos de detalle segundo regulamentos ou ordenanzas municipais ou, no seu defecto, segundo requirimento da entidade xestora.

ANEXO IV

Plan de conservación e mantemento dos sistemas de saneamento de augas residuais

1. Definicións.

1.1. Mantemento correctivo: o que se realiza a un elemento do sistema de saneamento como consecuencia dunha avaría, rotura ou unha diminución da calidade do servizo por debaixo dos límites predeterminados. Adoita tratarse dun mantemento non programado, ben que en ocasións é planificable.

1.2. Mantemento preventivo: o que se realiza a un elemento do sistema de saneamento como consecuencia de determinados criterios prefixados (número de horas de funcionamento, períodos de tempo, grao de sucidade etc.) co obxectivo de evitar avarías, roturas ou diminucións no seu rendemento que poidan afectar o bo funcionamento do sistema de saneamento. Sempre é un mantemento programado.

1.3. Mantemento normativo: é a parte do mantemento preventivo que vén establecido pola lexislación sectorial, e que inclúe tanto equipamentos como instalacións (extintores, caldeiras, instalación eléctrica de baixa tensión etc.).

1.4. Mantemento preventivo para época estival: é o mantemento que prepara os sistemas de saneamento para os impactos estivais; considérase época estival a comprendida entre xuño e setembro.

1.5. Conservación: é o mantemento específico da obra civil, edificios, colectores e outros elementos do sistemas de saneamento.

2. Documentos necesarios para a xestión e control da explotación dos sistemas de saneamento. A documentación que necesariamente debe levarse actualizada é a seguinte:

2.1. Documentación xeral.

2.1.1. Proxecto das instalacións de depuración, planos das redes de saneamento e os seus elementos e planos da situación dos puntos de vertedura.

2.1.2. Recompilación da documentación relativa á legalización das instalacións ou elementos que forman parte do sistema de saneamento; débese proceder á legalización de cantas estean pendentes diso, incluíndo no plan de reposicións, melloras e novos investimentos as actuacións necesarias para a dita legalización.

2.1.3. Inventario das instalacións e equipamentos que forman parte do sistema de saneamento (bombeos, tanques de retención, aliviadoiros etc.), con copia dispoñible nas instalacións da entidade xestora do sistema.

• 2.1.3.a. O inventario de equipamentos debe incluír: descrición, tipo, marca, modelo, número de serie, ano de instalación, custo, potencia e calquera outra característica que se considere de interese.

• 2.1.3.b. A entidade xestora clasificará equipamentos e instalacións incluídos no inventario nunha das categorías seguintes:

2.1.3.b.1. Críticos: aqueles cuxa avaría pode supoñer un colapso do sistema de saneamento provocando unha deterioración importante da calidade do efluente cara ao medio receptor, ou ben un custo elevado na súa reparación (transformadores, centrífugas, motores de coxeración, sopradores, bombas etc.).Tamén se inclúen instalacións ou equipamentos con compoñentes cuxo prazo de entrega sexa moi longo, ou cuxa avaría poida ser perigosa para a seguridade das persoas ou instalacións (detectores de gases, pararraios, e en xeral calquera equipamento relacionado coa seguridade).

2.1.3.b.2. Xerais: o resto de equipamentos e instalacións non incluídos no punto anterior.

2.1.4 Programa de mantemento preventivo, incluíndo operacións e frecuencia do dito mantemento para os diferentes equipamentos e instalacións. Incluirá fichas de seguimento do mantemento por cada equipamento.

2.1.5. Programa de inspección da rede de colectores, con identificación dos puntos máis importantes e a frecuencia de inspección, que incluirá o rexistro das inspeccións realizadas. Se o sistema inclúe emisarios submarinos, no programa engadirase, polo menos, unha inspección anual.

2.1.6. No caso de estacións de tratamento:

• Rexistros de analíticas e caudais de entrada.

• Rexistros de consumos de reactivos.

2.2. O inventario e os programas de mantemento e conservación realizaranse en soporte informático e deben facilitarse a Augas de Galicia, cun rexistro das operacións de mantemento correctivo, preventivo, estacional e normativo que se leven a cabo.

ANEXO V

Contido da acta de inspección

1. As actas que documenten as actuacións inspectoras, indicadas no artigo 30 deste regulamento, deberán incluír, como mínimo, a información seguinte:

• Identificación da entidade xestora do sistema e do persoal actuario.

• Identificación e localización do suxeito pasivo da inspección, da actividade e dos sistemas de tratamento de que dispoña, referencia da súa inscrición no censo de verteduras, no caso de que exista, e o seu correspondente permiso de vertedura.

• Descrición e localización do punto de toma de mostras, coas súas coordenadas UTM, e do sistema ao cal se realiza a vertedura, incluíndo, se procede, o nome da EDAR.

• Caudal da vertedura (medido ou estimado), tipo de mostra (puntual ou integrada), e parámetros que cómpre analizar.

• Obrigas formais: constancia ou non de sinatura do interesado, da súa aceptación ou rexeitamento da mostra xemelga, e do libramento de copia da acta.

• Advertencia de que os resultados analíticos obtidos da mostra tomada poderán utilizarse para a incoación, se procede, dun expediente sancionador, e para a revisión do canon da auga creado pola Lei de Galicia 9/2010 e as normas que a desenvolvan.

• Ofrecemento de dereitos á persoa interesada establecidos no artigo 30 deste regulamento e para solicitar os resultados das análises.

2. A entidade xestora deberá conservar copia destas actas e dos seus resultados analíticos á disposición de Augas de Galicia.

ANEXO VI

Condicións de preservación de mostras e métodos analíticos

[figura]

[figura]

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia