lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 15/2008, do 19 de decembro, do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

Publicado en: DOG 251 29/12/2008

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O Estatuto de autonomía de Galicia outórgalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de normas adicionais sobre protección do medio ambiente, nos termos establecidos no seu artigo 27.30.

No exercicio da indicada competencia, foron aprobadas, entre outras disposicións, as leis do Parlamento de Galicia de protección ambiental, Lei 1/1995, do 2 de xaneiro; a Lei de protección contra a contaminación acústica, Lei 7/1997, do 11 de agosto; a Lei de conservación da natureza, Lei 9/2001, do 21 de agosto, e a Lei de protección do ambiente atmosférico de Galicia, Lei 8/2002, do 18 de decembro.

Recentemente, a Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos, declarou, como interese prioritario de Galicia, a conservación do patrimonio natural fluvial, que inclúe a biodiversidade da flora e da fauna dos ríos galegos, e estableceu, así mesmo, a obriga das administracións públicas galegas de garantir a súa protección, conservación e mellora.

A conservación do medio ambiente e a utilización racional dos recursos naturais situados no territorio da Comunidade Autónoma configúranse como principios básicos para impulsar un crecemento económico sostible.

A Comunidade Autónoma de Galicia dispón de potestade para establecer e esixir tributos propios, segundo establecen os artigos 133 e 157 da Constitución española e o artigo 51 do Estatuto de autonomía.

As leis 8/1993, do 23 de xuño, e 12/1995, do 29 de decembro, reguladoras da Administración hidráulica de Galicia, e do imposto sobre a contaminación atmosférica, respectivamente, incorporaron ao ordenamento xurídico os correspondentes instrumentos económicos para facer efectiva a defensa, conservación e protección do medio ambiente, no que se refire aos vertidos que afectan a calidade das augas e a emisión de substancias contaminantes. Neste marco, esta lei dota os poderes públicos dun novo instrumento que contribuirá a preservar o patrimonio fluvial de Galicia, que constitúe, como xa se sinalou, un recurso natural de interese prioritario para a comunidade.

Por isto, o presente imposto somete a tributación os efectos medioambientais causados sobre a flora e a fauna das canles dos ríos, sobre a calidade das augas e sobre as ribeiras e os vales asociados ao ecosistema fluvial, como consecuencia da realización de determinadas actividades que empregan augas encoradas.

Esta lei propón, pois, unha actuación tendente á mellora do medio ambiente, cando o dano é producido por unha actividade industrial que utiliza auga encorada, e crea un imposto que incide na correcta atribución dos custos aos seus xeradores, custos que actualmente son soportados pola colectividade, e coa expresa finalidade de paliar os efectos negativos que se producen. Estes efectos son producidos tamén pola realización doutras actividades que utilizan auga encorada, para as que a lei establece a non suxeición, precisamente polas específicas características deses usos xunto a condicións de utilidade pública xeneralizada, que fan que non se considere oportuna unha específica tributación ecolóxica sobre eles, e, neste caso, son asumidos os custos ocasionados con carácter xeral pola colectividade.

A determinación da base establécese a partir de magnitudes obxectivas directamente relacionadas co impacto medioambiental, de xeito que non quedan suxeitas aquelas actividades cuxa realización provoca unha alteración reducida. Os tipos de gravame establécense en atención á alteración ocasionada no medio natural, polo que se gradúa a cota resultante.

En liña co exposto, considerouse como parámetro máis axeitado a capacidade volumétrica do encoro, tomando en consideración para a determinación do tipo de gravame o salto bruto, factor que vai incrementar a cota tributaria pola súa directa vinculación co maior efecto medioambiental negativo provocado polos desencoros e, de ser o caso, a potencia das instalacións destinadas á xeración de enerxía eléctrica, factor que vai minorar a cota, en función do mellor aproveitamento enerxético da auga ante un mesmo impacto medioambiental negativo.

En definitiva, o imposto somete a gravame as actividades e instalacións que orixinan un impacto negativo sobre o medio natural fluvial, polo que quedan obrigados ao pagamento aqueles que materialmente realizan a actividade á que están afectos os devanditos elementos patrimoniais en cuxa regulación se introducen elementos que discriminan a intensidade da carga tributaria en función do maior ou menor impacto medioambiental da actividade, e incentívase, de ser o caso, a mellora no aproveitamento enerxético.

A lei estrutúrase en 21 artigos, contidos en tres capítulos que, respectivamente, recollen as disposicións xerais, os elementos do imposto e as normas para a súa aplicación, e mais tres disposicións derradeiras. Na súa elaboración, solicitouse o ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei do imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada.

CAPÍTULO I DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1º.-Finalidade do imposto.

O imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada ten como finalidade, por unha banda, compensar os efectos negativos a que se encontra sometido o contorno natural de Galicia pola realización de actividades que afectan o seu patrimonio fluvial natural e, pola outra, reparar o dano medioambiental causado polas devanditas actividades.

Artigo 2º.-Natureza e obxecto.

O imposto establecido por esta lei é un tributo propio da Comunidade Autónoma de Galicia, de natureza real e finalidade extrafiscal, que somete a gravame o dano medioambiental causado pola realización de determinadas actividades que utilizan auga encorada.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

O imposto será aplicable ás actividades e aos aproveitamentos que utilicen encoros que estean situados en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Afectación da recadación.

Os ingresos efectivamente obtidos pola recadación deste tributo, deducidos os custos de xestión, destinaranse a financiar as actuacións e medidas encamiñadas á prevención e protección dos recursos naturais, así como á conservación, reparación e restauración do medio ambiente e, en especial, á conservación do patrimonio natural fluvial galego directa ou indirectamente afectado polos danos medioambientais gravados.

As leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia poderán establecer os criterios de afectación dos ingresos recadados por este imposto.

Artigo 5º.-Normativa aplicable.

O imposto sobre o dano medioambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga encorada rexerase polas disposicións desta lei e polas normas regulamentarias ditadas no seu desenvolvemento e, no non previsto nelas, polo disposto nas disposicións xerais en materia tributaria.

CAPÍTULO II ELEMENTOS DO IMPOSTO

Artigo 6º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible a realización de actividades industriais mediante o uso ou aproveitamento da auga encorada, cando o devandito uso ou aproveitamento altere ou modifique substancialmente os valores naturais dos ríos e, en especial, o caudal e a velocidade da auga na súa canle natural.

2. Entenderase que alteran e modifican substancialmente os valores naturais dos ríos as actividades industriais que empreguen augas encoradas mediante presas que reúnan algunha das seguintes condicións:

a) que a súa altura supere os quince metros, medida desde a parte máis baixa da superficie xeral de cimentación ata a coroación, ou

b) que a súa altura estea comprendida entre quince e dez metros, sempre que reúna algunha das seguintes características:

b.1) lonxitude de coroación superior a cincocentos metros,

b.2) capacidade de encorar máis dun millón de metros cúbicos de auga, e

b.3) capacidade de vertido superior a 2.000 metros cúbicos por segundo.

Artigo 7º.-Supostos de non suxeición.

Non estará suxeita a este imposto a realización das actividades que, empregando augas encoradas, se enumeran a seguir:

a) abastecemento de poboacións,

b) actividades agrarias,

c) acuicultura,

d) actividades recreativas, e

e) navegación e transporte acuático.

Artigo 8º.-Período impositivo e devengo.

1. O período impositivo coincidirá co trimestre natural.

2. O devengo producirase o último día do trimestre natural, agás no caso de extinción da concesión, que coincidirá con esta data.

3. Sen prexuízo do disposto na alínea 1, nos casos de nova concesión ou extinción desta, o período impositivo entenderase polo período existente entre a data da nova concesión e o devengo, no primeiro caso, e entre o primeiro día do trimestre natural e o devengo, no segundo.

Artigo 9º.-Suxeito pasivo.

Serán suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria que realicen calquera das actividades sinaladas no artigo 6.

Presumirase, salvo proba en contrario, que a actividade industrial é realizada pola persoa ou entidade que figure como titular da correspondente concesión de aproveitamento para uso industrial.

Caso de o titular da concesión non realizar a actividade industrial a que se refire o artigo 6 terá o carácter de:

a) Suxeito pasivo substituto do contribuínte, no caso de haber máis dun usuario da concesión que realice a actividade industrial a que se refire o artigo 6. O suxeito pasivo substituto poderá exixir dos contribuíntes o importe das obrigas tributarias satisfeitas, na proporción do seu uso respecto ao total, caso en que os contribuíntes quedarán obrigados a resarcir o suxeito pasivo substituto das cantidades satisfeitas no seu lugar.

b) Responsable solidario, no resto dos casos.

Artigo 10º.-Base impoñible.

1. Constitúe a base impoñible a capacidade volumétrica máxima do encoro que estea situado na súa totalidade ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, medida en hectómetros cúbicos.

2. No caso de encoros para os que a auga encorada se estenda máis alá do límite territorial da Comunidade Autónoma, a base impoñible estará constituída pola parte da capacidade que corresponda ás augas situadas no territorio galego.

3. No suposto de que un ou máis aproveitamentos gravados compartisen un mesmo encoro, a base correspondente a cada un deles determinarase en proporción aos caudais concedidos.

Artigo 11º.-Cota tributaria e tipo de gravame.

1. A cota tributaria do imposto determinarase por aplicación do tipo de gravame trimestral, 800 € por hectómetro cúbico, á base impoñible.

2. A cota resultante obtida conforme a alínea anterior multiplicarase polo coeficiente (1 + a - b) en función do salto bruto do aproveitamento e, de ser o caso, da potencia instalada do aproveitamento hidroeléctrico, onde:

a = será o resultado de aplicar a seguinte escala ao salto bruto medido en metros desde a cota de toma e, no seu defecto, desde o punto de coroación do encoro ata o punto de restitución e, no seu defecto, ata o leito do encoro:

[figura]

b = será o resultado de aplicar, de ser o caso, a seguinte escala á potencia instalada do aproveitamento, medida en MW:

[figura]

A aplicación do coeficiente anterior non poderá supoñer, de ser o caso, unha redución superior ao 25% da cota inicial.

CAPÍTULO III XESTIÓN DO TRIBUTO

Artigo 12º.-Normas de aplicación.

A consellaría competente en materia de facenda aprobará as normas de aplicación do tributo.

Artigo 13º.-Declaración inicial.

Para os efectos de aplicación do imposto, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar unha declaración inicial mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda.

Do mesmo xeito, están obrigados a presentar unha modificación da declaración inicial cando varíen os datos declarados á administración.

Artigo 14º.-Autoliquidación.

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar autoliquidación do imposto, polo que determinarán a débeda tributaria correspondente e ingresarán o seu importe mediante os modelos que aprobe a consellaría competente en materia de facenda.

Artigo 15º.-Prazos e lugar de presentación.

1. As declaracións ás que se refire o artigo 13 deberán presentarse nos prazos que estableza a orde da consellaría competente en materia de facenda que aprobe os modelos de declaración.

2. As autoliquidacións ás que se refire o artigo 14 deberán presentarse nos prazos que estableza a orde da consellaría competente en materia de facenda que aprobe o modelo de autoliquidación.

3. As declaracións e autoliquidacións anteriores deberán presentarse ante o órgano ou a unidade administrativa competente consonte o sinalado no artigo 20.

Artigo 16º.-Utilización de tecnoloxías informáticas e telemáticas.

A consellaría competente en materia de facenda poderá dispoñer que as declaracións e autoliquidacións do imposto se efectúen mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben.

Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e o pagamento mediante medios telemáticos.

Artigo 17º.-Liquidacións provisionais.

Os órganos da Administración tributaria poderán ditar a liquidación provisional que proceda de conformidade co disposto na Lei xeral tributaria.

Artigo 18º.-Potestade sancionadora.

A potestade sancionadora en materia tributaria exercerase conforme aos seus principios reguladores en materia administrativa e coas especialidades previstas na Lei xeral tributaria, e serán aplicables as disposicións xerais contidas nela.

A clasificación das infraccións e sancións tributarias e o procedemento sancionador tributario rexeranse polo establecido na Lei xeral tributaria e nas demais disposicións que a desenvolvan e complementen.

Artigo 19º.-Revisión.

Os actos e as actuacións de aplicación deste tributo, así como os actos de imposición de sancións tributarias, serán revisables consonte as disposicións contidas na Lei xeral tributaria.

O coñecemento das reclamacións económico-administrativas corresponderalles con exclusividade aos órganos económico-administrativos da Comunidade Autónoma, sen prexuízo da vía contenciosa.

Artigo 20º.-Órganos competentes.

O exercicio das funcións de aplicación e de revisión do imposto así como o exercicio da potestade sancionadora en materia tributaria corresponderanlles aos órganos ou ás unidades administrativas competentes da Administración tributaria da consellaría competente en materia de facenda que determine a súa norma organizativa.

Artigo 21º.-Órganos de colaboración.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, os órganos administrativos competentes nas materias de medio ambiente, enerxía, augas e industria auxiliarán os órganos de aplicación deste tributo e colaborarán con eles, no marco das súas respectivas competencias, para a liquidación, comprobación e investigación do tributo, mediante, entre outras actuacións, a elaboración de informes por petición deles, a expedición de certificados oficiais dos datos necesarios para a liquidación do tributo e/ou a cesión informática dos datos sinalados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderá modificar calquera elemento do imposto.

Segunda.-Habilitación normativa.

A Xunta de Galicia ditará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei, e autorízase á consellaría competente en materia de facenda para aprobar as disposicións que sexan precisas para a aplicación deste tributo.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e o tributo comezará a esixirse a partir do primeiro trimestre natural que dea comezo tras a súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia