lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Publicado en: DOG 94 16/05/2007

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

O risco que acompaña o ser humano ao longo da súa historia adopta novas formas hoxe en día debido ao desenvolvemento industrial e tecnolóxico, ás diversas interaccións co ambiente, á evolución da poboación e mais ás modalidades de ocupación do territorio. Deste xeito, xorden novas tipoloxías de risco ás cales ten que lle facer fronte a sociedade.

Galicia, polas súas características xeolóxicas, orográficas, climáticas e hidrográficas, así como pola súa posición xeográfica e a súa estrutura económicosocial, vén soportando nas últimas décadas unha serie de emerxencias de diverso tipo e gravidade: na cornixa atlántica, o naufraxio do mercante Casón no 1987, o embarrancamento do Mar Exeo no 1992 e o naufraxio do petroleiro Prestige no 2002; por mor da meteoroloxía adversa, no inverno do 2000-2001, graves inundacións; os movementos sísmicos de maio de 1997, que afectaron as terras de Sarria, Becerreá e Triacastela; os incendios constantes no país, particularmente intensos no verán de 1989 e moi numerosos nos anos 1995 e 1997, así como a vaga de lumes de novo tipo en agosto do 2006.

Ás anteriores emerxencias temos que lles engadir o conxunto de riscos cotiáns que afectan a vida, o ambiente e os bens da cidadanía galega. Ambas as modalidades de riscos e de emerxencias requiren o establecemento dun marco legal propio que articule un sistema integrado para a súa xestión, no que se definan nidiamente as responsabilidades e as actuacións das distintas administracións públicas con competencias compartidas e concorrentes no eido dunha protección civil renovada, que inclúa a autoprotección cívica dos particulares, das empresas e das entidades sociais diversas.

Os poderes públicos teñen confiada a protección civil, entendida como a actuación preventiva e, chegado o caso, paliativa de loita contra os riscos de toda caste. Unha actuación na que o conxunto da cidadanía debe asumir tamén a súa responsabilidade para evitar a produción de riscos e colaborar na súa prevención e erradicación. A sociedade de risco moderna precisa, polo tanto, dun sistema integrado de protección civil e emerxencias no que se defina con nitidez o papel de cada un dos axentes implicados e, fundamentalmente, das administracións públicas con competencias na materia.

A Lei de emerxencias de Galicia estrutura de forma coordinada o labor das distintas administracións públicas de Galicia con competencias nestas materias e fixa o ámbito de colaboración da sociedade civil. Este sistema integrado estrutúrase en dous ámbitos inseparables de actuación: por unha banda, a xestión de riscos, que comprende a súa identificación e avaliación, a posta en práctica de medidas estruturais de seguranza e a planificación; por outra, a xestión das emerxencias, que comprende a activación dos plans, a coordinación dos recursos para o seu control ata a súa conclusión e, de ser o caso, a rehabilitación posterior. Todo isto, de acordo coa Constitución española, co Estatuto de autonomía de Galicia e coas sentenzas 123/1984, do 18 de decembro, e 133/1990, do 19 de xullo, do Tribunal Constitucional.

O título preliminar define a protección civil como un servizo público esencial organizado nun sistema integrado de actuación para lles facer fronte aos riscos ordinarios e a riscos graves coa participación das distintas administracións públicas, baixo a coordinación e a dirección da Xunta de Galicia e coa colaboración cidadá.

O título primeiro desta lei contén un catálogo conciso e claro de dereitos e deberes que, tendo por obxecto promover a colaboración da cidadanía nas tarefas de protección civil, introduce as garantías e as cautelas pertinentes para asegurar que se respecten os seus dereitos fundamentais.

Un dos obxectivos fundamentais desta lei é establecer con precisión a distribución das responsabilidades públicas en materia de protección civil e xestión de emerxencias sen modificar substancialmente a repartición de competencias e atribucións entre as distintas administracións públicas e os órganos administrativos que existía ata o momento, mais clarificándoa.

Nesta liña, no título segundo mantense nos concellos a responsabilidade de prestaren os servizos primarios de protección civil e a actuación inicial ante calquera situación de emerxencia que se detecte. Así mesmo, a lei preocúpase de modo particular de lles sinalar ás deputacións provinciais as súas responsabilidades na garantía do cumprimento polos concellos das súas obrigas nesta materia, e toma en consideración a realidade supramunicipal en previsión de que no futuro se poidan constituír entidades locais deste ámbito que asuman competencias sobre protección civil e xestión de emerxencias.

O papel da Xunta de Galicia céntrase en tres funcións fundamentais: a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere necesario prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta dos que dispón as entidades locais. Para o desenvolvemento destas funcións ten unha importancia esencial a nova Axencia Galega de Emerxencias que a lei crea como entidade pública dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, á que se lle encomenda a execución da política autonómica de protección civil e xestión de emerxencias e mais a xestión dos seus medios e servizos.

Abórdase tamén unha simplificación dos órganos colexiados de coordinación e cooperación interadministrativa que actualmente interveñen nestes ámbitos, que se reducen á Comisión Galega de Protección Civil, habilitada para crear cantos grupos de traballo especializados tecnicamente se necesiten para o máis eficaz desenvolvemento das súas funcións.

O título terceiro aborda a acción pública de protección civil e emerxencias mediante unha estrutura integrada con tres ámbitos de planificación: territoriais, especiais e de autoprotección. Aqueles que correspondan ao ámbito privado requirirán aprobación pública. Os plans territoriais corresponderanlles ao conxunto de Galicia, aos concellos e ás entidades comarcais ou supramunicipais. Os plans especiais establecen as medidas necesarias para lles facer fronte a emerxencias que, pola súa natureza ou pola actividade que as orixina, requiran uns métodos científicos ou técnicos adecuados para a súa avaliación e tratamento.

Os plans terán un contido común básico que comprende o diagnóstico, a cadea de mando unificado, os protocolos de activación e un inventario dos medios dispoñibles. Así mesmo, defínese o procedemento de elaboración e aprobación dos plans e mais a forma e o contido da súa activación.

A declaración de emerxencia de interese galego permite unificar na presidencia da Xunta a dirección daquelas emerxencias que, pola súa natureza, teñan un alcance ou requiran medios que fagan necesaria a súa superior dirección. Tamén se regula a xestión preventiva de riscos ordinarios que orixinan unha actuación constante do sistema integrado de protección civil e emerxencias para garantir a seguranza das persoas e dos bens. Esta activación permanente probablemente permitirá unha resposta máis áxil e inmediata no caso de xurdiren grandes emerxencias na nosa terra.

No título cuarto regúlanse as medidas de autoprotección que deben adoptar a cidadanía e as empresas, en concreto a elaboración de plans para aquelas actividades nas que o exixa o catálogo de riscos.

O título quinto ocúpase da regulación do persoal adscrito ao sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia. Para estes efectos, a lei distingue entre persoal profesional, voluntario e colaborador. A existencia na actualidade dun importante número de efectivos dedicados a estes labores, xestionados directa ou indirectamente por entidades públicas, con réximes xurídicos diferentes, aconsella establecer algunhas directrices que permitan a avaliación destas situacións no novo marco establecido nesta lei. Deseguido articularanse os mecanismos de ordenación e profesionalización máis axeitados; particularmente, porque nestes momentos tamén se está a elaborar a nova lexislación básica dos servizos e empregados públicos que afectará o conxunto das administracións públicas.

Emporiso, orgánica e funcionalmente débense dar pasos efectivos para mellorar a coordinación e asegurar a eficacia da xestión dos riscos e das emerxencias. Con tal fin, establécese que todo este persoal forme parte dun sistema integrado de grupos de actuación cun mando operativo único. Así mesmo, establécese unha formación profesional inicial e permanente deste persoal, oficialmente acreditada mediante a superación das probas que se establezan.

En canto ás organizacións do voluntariado de protección civil, exíxese, para a súa existencia, a inscrición nun rexistro especial da Xunta de Galicia, e remítese a regulación dos requisitos e do procedemento de inscrición ás correspondentes normas regulamentarias.

O título sexto ocúpase dos recursos que financiarán o sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, baseados, fundamentalmente, nas asignacións orzamentarias que lles poidan corresponder aos concellos de máis de 20.000 habitantes, ás deputacións provinciais, para custearen estas tarefas propias, ou nas que lles puidesen corresponder aos concellos menores de 20.000 habitantes, ou á Xunta de Galicia naqueles capítulos orzamentarios que se determinen regulamentariamente. Tamén se poderán incorporar recursos financeiros das distintas consellarías da Administración autonómica con atribucións nestes eidos, da Administración xeral do Estado ou de fondos europeos aplicables. Tamén serán fontes de financiamento as taxas por prestación de servizos de xestión de riscos e emerxencias e os acordos que poidan establecerse coas compañías aseguradoras.

O título sétimo aborda o réxime sancionador en materia de protección civil, establece un catálogo de infraccións e sancións e regula o procedemento para a súa aplicación. Os importes correspondentes das sancións impostas aplicaranse ao financiamento desta lei. Finalmente, establécense os recoñecementos públicos que merezan actuacións meritorias de persoas, entidades e profesionais.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de emerxencias de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

Artigo 1.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta lei regula o sistema integrado de protección civil e emerxencias en Galicia, dirixido a adoptar medidas preventivas que eviten situacións de risco, a actuar no caso de risco ordinario e a protexer a integridade das persoas e os bens de titularidade pública ou privada e mais o ambiente de danos en situacións de emerxencia ou grave risco provocados por catástrofes, calamidades, accidentes e outras situacións ou continxencias análogas.

2. A protección civil é un servizo público esencial. Na súa organización, no seu funcionamento e mais na súa execución participan as distintas administracións públicas de Galicia, así como a cidadanía mediante a colaboración voluntaria ou en cumprimento dos deberes que establece esta lei.

3. Para os efectos desta lei, enténdese por emerxencia unha situación sobrevida, de carácter inesperado, que afecta en menor ou maior grao a seguranza das persoas, dos bens ou do ambiente.

4. Esta lei é aplicable en todo o territorio de Galicia e para todas as situacións de emerxencia.

Artigo 2. Principios xerais.

1. As administracións públicas de Galicia, en cumprimento dos fins desta lei e no ámbito das súas respectivas competencias, garanten a existencia dun sistema integrado de protección civil e emerxencias, baseado nos principios de coordinación, solidariedade, participación, subsidiariedade, colaboración, responsabilidade pública e privada e lealdade institucional, e promoven a asistencia e o socorro mutuo con outras comunidades autónomas e no ámbito transfronteirizo.

2. A protección civil desenvolverase de acordo cos criterios de profesionalidade, autoprotección, prevención, continuidade e celeridade na acción pública, transparencia e información.

Artigo 3. Obxectivos

A actuación das administracións públicas da Comunidade Autónoma galega en materia de protección civil e emerxencias terá como obxectivos os que se especifican nos seguintes ámbitos:

1. Xestión de riscos:

a) Identificar, analizar e avaliar de xeito permanente os riscos existentes no territorio.

b) Previr os riscos existentes mediante o conxunto de actuacións encamiñadas á súa diminución e a adopción de medidas acaídas para a súa detección e posibles solucións.

c) Planificar a acción pública e privada ante as situacións de risco, previndo unha estrutura operativa e de mando unificadas, os medios necesarios e os protocolos de actuación precisos para asegurar a integridade das persoas e dos bens.

2. Xestión de emerxencias:

a) A canalización unificada das incidencias e das alertas que se produzan a través do número único europeo de emerxencias 112.

b) A xestión, entendida como a aplicación e a adecuación dos plans establecidos ás características singulares das emerxencias que se produzan, a través de protocolos específicos e a mobilización dos medios e dos recursos dispoñibles ou que estean previstos incorporar para a máis axeitada resolución da emerxencia.

3. Xestión da rehabilitación mediante a restauración dos servizos esenciais e a recuperación da situación de normalidade tras a emerxencia.

4. Xestión da formación e a información:

a) A adecuada formación, preparación e coordinación das persoas que interveñen de forma profesional ou voluntaria na xestión de riscos e emerxencias.

b) A formación dunha cidadanía responsable que colabore na prevención e na xestión de riscos e mais a información públicas ás persoas e aos colectivos que se poidan ver afectados por emerxencias.

TÍTULO I Dereitos e deberes

Artigo 4.-Dereito á protección e á información e obrigas das administracións públicas.

1. Os cidadáns teñen dereito a:

a) Unha actuación preventiva dos poderes públicos, unha resposta eficaz ante os riscos e unha adecuada protección da súa integridade, dos bens e do contorno.

b) Ser informados dos riscos que poidan afectalos e das consecuencias deles que sexan previsibles, así como dos medios de que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia para lles facer fronte.

c) Participar e ser escoitados nos procesos de elaboración dos plans de protección civil.

2. As administracións públicas galegas, nos seus respectivos ámbitos de competencia, teñen a obriga de lles proporcionar información e impartir instrucións claras e precisas a aquelas persoas que se poidan ver afectadas por situacións de grave risco, sobre as medidas de seguranza que deben adoptar e a conduta que deben seguir no caso de emerxencia. Fomentaranse campañas de información e divulgativas.

Artigo 5.-Dereito e deber de colaboración.

1. Os cidadáns e as cidadás teñen o dereito de colaborar nas tarefas de protección civil, e os maiores de idade o deber de colaborar, consonte o establecido nos plans e nos demais instrumentos de planificación previstos nesta lei e segundo as instrucións das autoridades de protección civil.

2. O deber de colaboración implica tamén a participación dos cidadáns nos simulacros programados polas autoridades de protección civil. Este deber afectará de xeito especial as entidades públicas ou privadas que teñan unha actividade relacionada coa prevención, a atención, o socorro e a seguranza das persoas e dos seus bens.

3. A colaboración regular coas autoridades de protección civil realizarase a través das organizacións do voluntariado de Protección Civil, da Cruz Vermella Española e doutras entidades existentes ou que se poidan crear no desenvolvemento desta lei.

4. As cidadás e os cidadáns poderán colaborar tamén de forma ocasional cos servizos de emerxencia, nomeadamente a través de convenios de colaboración que, co fin de facilitar esa participación, subscriba a Xunta con entidades públicas ou privadas.

Artigo 6.-Dereito de restablecemento.

Recoñécese o dereito dos cidadáns afectados por unha catástrofe ou calamidade á restauración dos servizos esenciais, á rehabilitación das zonas afectadas polos sinistros e ao retorno á normalidade nos termos establecidos polo artigo 31.

Artigo 7.-Deber de comunicación e cumprimento de ordes.

1. Todo cidadán e toda cidadá que teñan coñecemento de actividades ou circunstancias que poidan xerar situacións de emerxencia deberanllo comunicar ao organismo competente en materia de protección civil.

2. As persoas, as empresas e as entidades deberán adoptar comportamentos responsables que eviten a produción de riscos e asumir as medidas de autoprotección que regulamentariamente se establezan.

3. No caso de emerxencia os cidadáns deberán cumprir as ordes e as instrucións, xerais ou particulares, que lles sexan ditadas polas autoridades competentes.

Artigo 8.-Prestacións persoais e reais.

1. En canto sexa activado un plan de protección civil ou nas situacións de risco ou emerxencia declarada, a autoridade de protección civil competente poderalles ordenar aos cidadáns a prestación de servizos persoais, de acción ou omisión, sempre de forma proporcionada á situación de necesidade e á capacidade de cada individuo.

2. Esta prestación persoal terá carácter obrigatorio e non dará dereito a indemnización, bardante das lesións producidas respecto de calquera dos bens ou dereitos do prestador derivadas da prestación, consonte o establecido no sistema de responsabilidade patrimonial das administracións públicas.

3. No caso de activación dun plan de protección civil, sempre que a emerxencia o faga necesario e tendo sempre presente o principio de proporcionalidade, a autoridade de protección civil poderá ordenar a requisa, a destrución, a intervención e a ocupación temporal e transitoria dos bens dos cidadáns, incluídos combustibles, locais, industrias e outros establecementos e medios de transporte que se precisen para lle facer fronte á emerxencia. Os cidadáns que sufran danos e perdas nos seus bens, por causa destas actuacións, poderán ser indemnizados de acordo co estipulado pola lexislación vixente.

Artigo 9.-Medios de comunicación social.

1. Os medios de comunicación social, tanto de titularidade pública coma privada, teñen a obriga de colaborar, de forma gratuíta, coas autoridades de protección civil competentes nas situacións de emerxencia colectiva.

2. Esta colaboración concrétase no deber de emitir, transmitir, publicar e difundir, de xeito inmediato, prioritario e destacado, de así se lles requirir, a información, os avisos, as ordes e as instrucións ditadas polas autoridades competentes e dirixidas á poboación. En todo caso, será necesaria a identificación da autoridade emisora da mensaxe.

TÍTULO II Organización administrativa e competencias

Capítulo I Niveis de actuación

Artigo 10.-Distribución das responsabilidades públicas en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

No sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia, e sen prexuízo das competencias do Estado, correspóndelles:

a) Á Xunta de Galicia, a superior coordinación e dirección da protección civil, a xestión dos servizos que se considere necesario prestar de forma unitaria para todo o territorio galego e a xestión das emerxencias que superen os medios de resposta dos que dispón as entidades locais.

b) Aos órganos de goberno dos entes provinciais, a garantía do cumprimento polos concellos das súas obrigas neste ámbito.

c) Aos municipios e ás entidades locais supramunicipais, de ser o caso, a prestación dos servizos de protección civil e a actuación inicial ante calquera situación de emerxencia que se detecte, coas previsións do artigo 331.1 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Capítulo II Competencias da Xunta de Galicia

Artigo 11.-O Consello da Xunta.

1. O Consello da Xunta é o órgano superior de dirección e coordinación da protección civil e da xestión de emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta:

a) Aprobar as disposicións de carácter xeral en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

b) Aprobar o Plan territorial de protección civil de Galicia e os plans especiais.

c) Aprobar o mapa e o catálogo de riscos de Galicia.

d) Fixar as directrices da política de prevención e autoprotección.

e) Declarar a situación de emerxencia de interese galego, cando a situación de perigo, pola súa especial extensión ou intensidade particularmente grave, o requira.

f) Establecer as liñas de cooperación en materia de protección civil coa Administración xeral do Estado e coas demais administracións públicas de Galicia.

g) Exercer a potestade de substitución das entidades locais nos casos e nos termos previstos nesta lei, en especial no artigo 28.

h) Exercer a potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.

i) As demais funcións que lle outorgue a lexislación vixente.

Artigo 12.-A persoa titular da presidencia da Xunta.

1. En tanto que autoridade superior de dirección e coordinación da Xunta, á persoa titular da presidencia da Xunta correspóndelle:

a) Exercer o mando único dos servizos de intervención fronte ás emerxencias nos casos previstos nesta lei.

b) Promover as fórmulas de cooperación transrrexional e transfronteiriza que resulten precisas para a prevención dos riscos e a xestión das emerxencias comúns nestes ámbitos.

c) Promover, cando fose preciso, a través da persoa titular da Delegación do Goberno, o concurso das Forzas Armadas e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado no campo da prevención dos riscos e da xestión das emerxencias.

2. A persoa titular da presidencia da Xunta de Galicia poderá, por razóns funcionais, operativas ou organizativas, delegar expresamente algunha destas atribucións.

Artigo 13.-A persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

A persoa titular da consellaría da Xunta de Galicia que teña atribuída a competencia en materia de protección civil e xestión de emerxencias é o órgano responsable da política de protección civil e xestión de emerxencias de Galicia, e, como tal, correspóndelle:

a) Proporlle ao Consello da Xunta a declaración de situación de emerxencia de interese galego.

b) Proporlle ao Consello da Xunta, para a súa aprobación, o Plan territorial de protección civil de Galicia, os plans especiais, o mapa e o catálogo de riscos e mais cantas disposicións de carácter xeral se requiran en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

c) Proporlle á persoa titular da presidencia da Xunta de Galicia as iniciativas que sexan precisas para garantir a prevención dos riscos e a xestión das emerxencias comúns nos ámbitos transrexional e transfronteirizo.

d) Proporlle á persoa titular da presidencia da Xunta as iniciativas relativas ao sistema estatal de protección civil e ao sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia e mais aqueloutras no ámbito da asistencia mutua bilateral entre comunidades autónomas ou internacionais nas materias desta lei.

e) Adoptar as decisións que correspondan en canto á revisión dos plans á que se refire o artigo 34 desta lei.

f) Aprobar os catálogos de medios e recursos.

g) Aprobar as directrices de actuación da Axencia Galega de Emerxencias e exercer as demais atribucións derivadas da adscrición orgánica desta á consellaría competente.

h) Requirir das demais administracións públicas, das entidades públicas ou privadas e dos particulares a colaboración necesaria para o cumprimento das obrigas establecidas nesta lei e resolver, de ser o caso, sobre a execución subsidiaria das medidas de autoprotección, prevista no artigo 42.2 desta lei.

i) Coordinar as actuacións da Xunta de Galicia con outras administracións públicas en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

j) Coordinar entre si os servizos públicos e privados que deban intervir en situacións de emerxencia.

k) Proporlle ao Consello da Xunta a substitución das entidades locais nos casos e nos termos previstos nesta lei e, en especial, no artigo 28.

l) Exercer a potestade de recoñecemento público das actuacións meritorias de cidadáns, entidades, organismos e profesionais.

m) Exercer a potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.

n) Promover a formación en materias de protección civil e xestión de emerxencias, o que contribúe a consolidar unha cultura social de colaboración institucional e cidadá.

Artigo 14. As persoas titulares das delegacións provinciais do departamento competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

Ás persoas titulares das delegacións provinciais da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias correspóndelles activar os plans públicos de protección civil na súa provincia, dirixir a xestión das emerxencias e exercer a potestade sancionadora nos casos e nos termos establecidos nesta lei.

Artigo 15.-As demais consellarías da Xunta de Galicia.

A protección civil incúmbelles a todas as consellarías da Xunta de Galicia, así como aos organismos vinculados ou dependentes delas. En especial, e no seu ámbito de competencias, correspóndelle a cada unha delas:

a) Realizar as funcións de previsión, avaliación e prevención dos riscos susceptibles de xeraren emerxencias de protección civil.

b) Participar na elaboración dos plans de protección civil e integrar neles os recursos e os servizos propios.

c) Potenciar os servizos e os medios necesarios para mellorar a operatividade dos plans de protección civil.

d) Pór á disposición da autoridade que exerza as funcións de dirección e coordinación de cada emerxencia os medios e os recursos dispoñibles da súa titularidade.

e) Realizar os traballos de rehabilitación que lles son propios e impulsar, dentro do seu ámbito competencial, os que correspondan a outras administracións públicas ou ao sector privado.

f) Tomar as iniciativas que consideren necesarias para a mellor xestión dos riscos e das emerxencias do seu ámbito competencial para garantir a seguranza integral das persoas, dos bens e do ambiente que lles estean confiados, incluíndo a posible incorporación ao número europeo de emerxencias, nos termos que regulamentariamente se establezan, dentro do marco de coordinación establecido nesta lei.

g) Colaborar co titular da consellaría competente en materia de protección civil e emerxencias na garantía do cumprimento das obrigas atribuídas á Xunta no artigo 10.a) desta lei.

Capítulo III A Axencia Galega de Emerxencias

Artigo 16.-Natureza.

1. Créase a Axencia Galega de Emerxencias, como entidade instrumental da Xunta de Galicia, para o estudo e a execución da política autonómica en materia de protección civil e xestión de emerxencias, nos termos establecidos nesta lei.

2. A Axencia Galega de Emerxencias ten a natureza de entidade de dereito público con personalidade xurídica propia consonte o artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e estará dotada de patrimonio de seu e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 17. Réxime xurídico e adscrición.

1. No marco do disposto por esta lei e polo seu estatuto, a Axencia Galega de Emerxencias axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico privado, agás cando exercite potestades administrativas. O persoal poderá ser contratado en réxime de dereito laboral ou ser funcionario, ou asimilado ao servizo da Administración da Xunta de Galicia adscrito á axencia, nos termos previstos pola Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia.

2. Por decreto do Consello da Xunta aprobarase o estatuto da Axencia Galega de Emerxencias, no que se determinarán a súa organización, o seu réxime xurídico e as súas funcións, en desenvolvemento do previsto nesta lei.

3. A Axencia Galega de Emerxencias adscríbese funcionalmente á consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias, e correspóndelle á persoa titular daquela o exercicio das facultades derivadas de tal adscrición.

Artigo 18.-Funcións.

Correspóndelle á Axencia Galega de Emerxencias:

a) Xestionar o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia e prestar materialmente a asistencia requirida polos cidadáns e polas cidadás a través del, ou dar traslado, segundo se estableza regulamentariamente, daquelas que lles corresponda atender a outros organismos competentes na materia.

b) Xestionar os helicópteros de emerxencias do 112 e todos os outros medios e recursos operativos que se poidan incorporar á axencia.

c) Analizar os riscos e mais identificalos e localizalos no territorio co fin de elaborar o mapa e o catálogo de riscos de Galicia, así como os catálogos de medios e recursos e o catálogo de servizos.

d) Desenvolver programas en materia de protección civil e xestión de riscos e de emerxencias consonte as directrices emanadas da Xunta de Galicia e establecer os medios para fomentar actuacións que contribúan á prevención de riscos, á atenuación dos seus efectos e, en xeral, á toma de conciencia e sensibilización dos cidadáns da importancia de protección civil.

e) Levar a cabo os estudos necesarios para a elaboración do Plan territorial de protección civil de Galicia, dos plans especiais e das liñas directrices para a elaboración dos plans territoriais que correspondan.

f) Avaliar e cualificar o risco cando lle sexa comunicada unha situación de emerxencia das que poden dar lugar á activación dun plan público de protección civil.

g) Pór á disposición dos órganos competentes da Xunta de Galicia os medios á súa disposición para a xestión das emerxencias de interese galego baixo a superior dirección da persoa titular da presidencia da Xunta ou da persoa titular da consellaría na que esta delegue e mais daqueloutras emerxencias que os plans especiais ou territoriais determinen.

h) Estudar as actuacións necesarias para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade e a restauración, a rehabilitación e o retorno á normalidade nos casos de catástrofe ou calamidade.

i) Fomentar, en colaboración coa consellaría competente en materia de voluntariado, a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns ás actividades de protección civil.

j) As demais funcións que no ámbito da protección civil e da xestión de emerxencias se determinen no seu estatuto.

Artigo 19.-Órganos.

Os órganos de goberno e administración da Axencia Galega de Emerxencias son:

a) O consello reitor.

b) A presidencia.

c) A vicepresidencia.

d) A xerencia.

Artigo 20.-Composición do consello reitor.

O Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias está formado por unha presidencia, unha vicepresidencia, a xerencia, dezaseis vogalías e unha secretaría.

1. Presidencia: a persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

2. Vicepresidencia: a persoa titular do órgano directivo da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias que designe a persoa titular desta.

3. Xerencia: o/a xerente da Axencia Galega de Emerxencias.

4. Vogalías:

a) A persoa titular da secretaría xeral da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de interior.

c) Un representante, con categoría cando menos de director xeral, da consellaría competente en materia de voluntariado.

d) Un representante, con categoría cando menos de director xeral, da consellaría competente en materia de urbanismo e transportes.

e) Un representante, con categoría cando menos de director xeral, da consellaría competente en materia de montes e incendios forestais.

f) Un representante, con categoría cando menos de director xeral, da consellaría competente en materia de sanidade.

g) Un representante, con categoría cando menos de director xeral, da consellaría competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

h) Un representante, con categoría cando menos de director xeral, da consellaría competente en materia de medio ambiente.

i) Tres vogais designados pola presidencia do consello reitor entre persoas expertas e de prestixio en materia de emerxencias.

j) Catro representantes dos concellos de Galicia, designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

A condición de vogal representante dos concellos estará vinculada á representatividade posuída e perderase ao desaparecer esta.

k) Un representante da Administración do Estado, nomeado pola persoa titular da Delegación do Goberno en Galicia.

Os vogais serán nomeados e removidos polo Consello da Xunta por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

5. Secretaría: a persoa titular da Secretaría Xeral da Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 21. Funcións do consello reitor.

1. O Consello Reitor da Axencia Galega de Emerxencias é o órgano colexiado de control, planificación e supervisión xeral da actividade do centro.

2. O consello reitor debe coñecer e aprobar:

a) As directrices xerais de actuación do organismo.

b) O plan anual de actividades.

c) A memoria das actividades do exercicio anterior.

d) O regulamento de réxime interior.

e) O anteproxecto do orzamento anual da axencia e as súas contas.

3. O consello reitor debe coñecer e emitir informe sobre:

a) Aquelas normas relativas ás disposicións e aos actos que afecten as funcións que a axencia ten encomendadas nesta lei.

b) Os asuntos que a persoa titular da presidencia do consello reitor ou o/a xerente da Axencia Galega de Emerxencias sometan á súa consideración.

4. O consello reitor debe ser informado de:

a) A estrutura orgánica e o cadro de persoal da axencia.

b) Os convenios de colaboración e cooperación subscritos pola persoa titular da presidencia.

Artigo 22. Funcionamento do consello reitor.

1. O funcionamento do consello reitor axustarase ao disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre órganos colexiados.

2. O consello reitor reunirase, como mínimo, unha vez cada ano e, en calquera caso, sempre que sexa convocado pola persoa titular da presidencia ou que sexa solicitado por unha terceira parte dos seus membros.

3. A persoa titular da presidencia do consello reitor ou o/a xerente da Axencia Galega de Emerxencias poderá convocar ás reunións, para asesoramento, persoas técnicas ou especialistas.

Artigo 23. O/A xerente.

1. A presidencia da Axencia Galega de Emerxencias corresponderalle, por razón do seu cargo, á persoa titular da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

2. A vicepresidencia da Axencia Galega de Emerxencias corresponderalle á persoa titular do órgano directivo da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias que designe a persoa titular desta última consellaría. Corresponderalle á devandita persoa a resolución dos recursos que se poidan interpor respecto das actuacións da axencia, que esgotarán a vía administrativa.

3. A xerencia é o órgano executivo da Axencia Galega de Emerxencias e compételle a súa xestión ordinaria. A persoa titular da xerencia será nomeada e removida polo consello reitor, por proposta da persoa titular da presidencia, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada.

Artigo 24.-Estrutura orgánica.

Para a realización das súas funcións, a Axencia Galega de Emerxencias terá asignadas as unidades organizativas que se determinen mediante decreto da Xunta de Galicia por proposta da consellaría competente en materia de protección civil.

Artigo 25.-Recursos económicos e patrimonio.

1. A Axencia Galega de Emerxencias disporá, para o cumprimento dos seus fins, dos seguintes recursos:

a) As cantidades que se lle asignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) Os bens e os dereitos que constitúan o seu patrimonio e os rendementos deste.

c) As subvencións e outras achegas públicas ou privadas.

d) As contraprestacións derivadas dos convenios nos que sexa parte.

e) Os rendementos das publicacións e calquera outro servizo retributivo do centro que así se estableza.

2. Terán carácter de patrimonio adscrito os bens que lle adscriba a Comunidade Autónoma.

Capítulo IV Competencias das entidades locais

Artigo 26.-As provincias.

Os órganos de goberno provinciais exercerán as súas competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias de acordo co previsto nesta lei, na lexislación galega de réxime local e na normativa estatal aplicable.

Correspóndelles a estes:

a) Elaborar os inventarios de riscos e de recursos da súa respectiva provincia.

b) Facilitarlles a asistencia técnica e financeira aos concellos da provincia para a elaboración e a execución dos plans de emerxencia.

c) Pór á disposición da autoridade que exerza as funcións de dirección e coordinación de cada emerxencia os medios e os recursos dispoñibles da súa titularidade que figuren nos plans correspondentes cando lle sexan requiridos.

d) Garantir a prestación do servizo de protección civil e xestión de emerxencias, incluídos os servizos contra incendios e de salvamento, naqueles municipios que non conten con servizos propios, por non resultaren obrigados ou por teren obtida a dispensa deles.

Artigo 27.-Os concellos.

1. Sen prexuízo da competencia xeral en materia de protección civil e xestión de emerxencias que o artigo 10 desta lei lles atribúe a todos os concellos, correspóndelles aos concellos de máis de 20.000 habitantes:

a) Crear o servizo municipal de protección civil e xestión de emerxencias.

b) Crear os servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento consonte o establecido na lexislación de réxime local e de protección civil.

c) Elaborar e aprobar o plan de emerxencia municipal, os plans de actuación municipais e, en xeral, calquera outro instrumento de planificación de protección civil no ámbito municipal.

d) Colaborar na recollida e na transmisión á Axencia Galega de Emerxencias de datos e información relevantes para a protección civil.

e) Elaborar os inventarios de riscos e o catálogo de recursos municipais en situacións de emerxencia.

f) Pór á disposición da autoridade que exerza as funcións de dirección e coordinación de cada emerxencia os medios e os recursos dispoñibles da súa titularidade que figuren nos plans correspondentes ou que lles fosen requiridos.

g) Fomentar os programas municipais de previsión e prevención, coa promoción de campañas e programas de sensibilización á poboación, a divulgación dos medios de autoprotección e a realización de prácticas e simulacros de protección civil.

h) Promover, en colaboración coa consellaría da Administración autonómica competente en materia de voluntariado, a creación de organizacións do voluntariado de protección civil.

2. A persoa titular da alcaldía é a autoridade municipal superior de protección civil e xestión de emerxencias.

En particular, nos concellos que dispoñan de servizos propios de protección civil e xestión de emerxencias, correspóndelle á persoa titular da alcaldía:

a) Elaborar e manter o catálogo de medios e recursos mobilizables para a protección civil no concello.

b) Activar os plans de protección civil de ámbito municipal, declarar a súa desactivación e comunicarlle á persoa titular da consellaría con competencia en materia de protección civil a activación e a desactivación dos devanditos plans a través da Axencia Galega de Emerxencias.

c) Solicitar do Consello da Xunta, a través da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias, a declaración da situación de emerxencia de interese galego nos casos previstos nesta lei.

d) Exercer a dirección, o mando superior, a coordinación e a inspección de todos os servizos e os recursos afectados ao plan municipal activado e das actuacións que se realicen.

e) Constituír o centro de coordinación de operacións local e exercer a dirección superior del.

f) Requirir das entidades privadas e dos particulares a necesaria colaboración para o cumprimento das obrigas establecidas nesta lei.

g) Realizar as actividades de inspección previstas nesta lei.

h) Exercer a potestade sancionadora nos termos establecidos nesta lei.

Artigo 28.-Potestade de substitución.

1. A Xunta de Galicia poderá proceder á substitución das entidades locais cando estas, de xeito reiterado, incumpran calquera das obrigas que esta lei lles impón:

a) Aprobar os correspondentes plans de protección civil.

b) Modificar os plans aprobados, se a modificación ser condición para a súa homologación ou vir exixida por circunstancias sobrevidas ou pola modificación dos plans superiores nos que se integren.

c) Activar o correspondente plan de protección civil, de se produciren os presupostos para isto.

d) Pór á disposición da autoridade que exerza as funcións de dirección e coordinación de cada emerxencia os medios e os recursos dispoñibles da súa titularidade que figuren nos plans correspondentes ou que lles fosen requiridos.

e) Cumprir as obrigas derivadas da alínea e) do artigo 26.

2. A substitución deberá ir precedida dun requirimento do titular do departamento competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias. Se ao transcorrer un mes desde o devandito requirimento non se levase a cabo a actuación requirida ou non se xustificasen os motivos da inactividade, a persoa titular da consellaría, oída a Comisión Galega de Protección Civil, proporíalle ao Consello da Xunta de Galicia, a través do conselleiro competente na materia, a declaración do seu incumprimento e, producida, de ser o caso, esta, adoptaría as resolucións de execución subsidiaria que fosen precisas, por conta da entidade local obrigada.

3. Non será necesario deixar transcorrer o prazo dun mes desde a comunicación do requirimento cando a actuación requirida sexa urxente e a súa non-realización puidese pór en perigo persoas, bens ou o ambiente, ou ben supor unha agravación da situación de risco.

Capítulo V Órganos de coordinación e cooperación interadministrativa

Artigo 29.-A Comisión Galega de Protección Civil.

1. A Comisión Galega de Protección Civil é o órgano colexiado de coordinación e cooperación das administracións públicas en Galicia en materia de protección civil, adscrito á consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

2. Regulamentariamente determinarase a composición, a organización e o funcionamento da Comisión Galega de Protección Civil, na que estarán representadas a Administración da Xunta de Galicia, a Administración xeral do Estado, as entidades locais de Galicia, os servizos de emerxencia e as organizacións do voluntariado de protección civil.

3. Correspóndelle á Comisión Galega de Protección Civil:

a) Emitir informe sobre o Plan territorial de protección civil de Galicia e sobre os plans especiais.

b) Emitir informe sobre o mapa de riscos, o catálogo de riscos e os catálogos de medios e recursos.

c) Homologar os plans de protección civil de ámbito inferior á comunidade autónoma e emitir informe sobre os plans especiais de protección civil de ámbito da Comunidade Autónoma, así como sobre os plans de autoprotección que se indiquen na normativa vixente.

d) Emitir informe sobre as normas técnicas e sobre os proxectos de normas regulamentarias sobre protección civil e xestión de emerxencias.

e) Emitir informe sobre os procedementos de operativos de protección civil e de xestión de emerxencias.

f) Propor medidas preventivas e de protección civil ante os órganos competentes das diferentes administracións públicas.

g) As demais funcións que regulamentariamente se determinen.

4. A Comisión Galega de Protección Civil contará cunha comisión técnica de carácter permanente, coa composición que se determine regulamentariamente, como órgano de estudo e proposta para a preparación das súas decisións e a adopción por delegación daquelas que a comisión determine. Así mesmo, poderá crear grupos de traballo temporais, integrados por membros dela e outras persoas técnicas, para o estudo e o informe de aspectos concretos relacionados coas súas funcións.

5. A Comisión Galega de Protección Civil e os seus órganos de traballo, para o exercicio das súas funcións, poderán solicitar información de calquera persoa física ou xurídica, así como das organizacións de voluntarios de protección civil e dos servizos de emerxencias de Galicia, e mais solicitar o asesoramento de especialistas.

Artigo 30.-As xuntas locais de protección civil.

1. Os concellos poderán crear as xuntas locais de protección civil, como órgano asesor en materia de protección civil e xestión de emerxencias no ámbito local. A súa composición e o seu modo de funcionamento determinaranse regulamentariamente, sen prexuízo das competencias municipais en materia de protección civil.

2. Correspóndelles ás xuntas locais de protección civil, como órganos asesores de protección civil e xestión de emerxencias no ámbito local:

a) Propor a elaboración do plan de emerxencias municipal ou supramunicipal de acordo cos riscos do concello.

b) Emitir informe, con carácter previo á súa aprobación, sobre os plans de protección civil elaborados.

c) Supervisar o desenvolvemento, a implantación, a revisión e a realización de simulacros e mais a actualización dos plans.

d) Promover e supervisar o cumprimento das medidas de prevención establecidas no plan de emerxencias municipal ou supramunicipal.

e) Promover as campañas de formación e información cidadá, así como o adestramento daqueles sectores da poboación que se considere necesario, consonte os riscos que os afecten.

f) Analizar e avaliar o desenvolvemento do plan de emerxencias municipal ou supramunicipal unha vez concluída a situación de emerxencia e propor as correccións necesarias nel.

g) Promover e impulsar as medidas que considere necesarias no ámbito da protección civil.

h) Emitir informe e propor as previsións económicas e de infraestruturas que sexan necesarias para o desenvolvemento das súas competencias.

i) As demais funcións que regulamentariamente se determinen.

TÍTULO III A acción pública de protección civil e emerxencia

Capítulo I Planificación

Artigo 31.-Clases de plans.

1. Os plans públicos de protección civil defínense como o marco orgánico e funcional das autoridades, dos órganos e dos organismos, así como a identificación e a avaliación de riscos e os mecanismos de mobilización dos medios materiais e persoais, tanto públicos coma privados, necesarios para a protección da integridade física das persoas, os bens e o patrimonio colectivo e ambiental ante situacións de emerxencia colectiva. No marco da normativa vixente en materia de protección civil, os devanditos plans poden ser territoriais e especiais. Realizaranse plans de protección nos casos previstos na Norma básica de autoprotección.

2. Os plans de protección civil territoriais prevén, con carácter xeral, as emerxencias que se poidan producir no respectivo ámbito. Os niveis de planificación son o conxunto de Galicia, os concellos de máis de 20.000 habitantes e o ámbito supramunicipal.

3. Os plans especiais establecen as medidas necesarias para lles facer fronte a emerxencias que pola súa natureza requiran uns métodos científicos ou técnicos adecuados para a súa avaliación e tratamento. Son obxecto de plans especiais, nos ámbitos territoriais que sexan precisos, as emerxencias producidas por asolagamentos, movementos sísmicos, riscos químicos, transporte de mercadorías perigosas, incendios forestais e mais todas aqueloutras que determinen os órganos competentes. Os plans especiais de ámbito municipal ou supramunicipal integraranse nos plans de protección civil correspondentes.

Artigo 32.-Contido

Os plans de protección civil, no marco da normativa vixente en materia de protección civil, elaboraranse seguindo unha estrutura homoxénea para a súa adecuada integración e deberán incluír, necesariamente, previsións sobre:

a) Identificación do territorio, poboación e bens de interese relevante afectados polo plan.

b) Análise dos riscos.

c) Medidas de prevención dos riscos existentes e actuacións dos servizos operativos de emerxencia.

d) Centro de coordinación operativa con designación do/a director/a do plan e do responsable de comunicación.

e) Servizos que compoñen os grupos operativos.

f) Inventario de medios e recursos dispoñibles.

g) Niveis de aplicación do plan, procedemento de activación e de relación con plans doutros niveis.

h) Programa de implantación, mantemento, actualización e simulacros dos plans.

i) Financiamento.

Artigo 33.-Procedemento de aprobación e publicación

1. O Plan territorial de protección civil de Galicia será aprobado polo Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e de xestión de emerxencias, logo de consulta aos departamentos da Xunta de Galicia e aos organismos afectados. Os plans municipais serán aprobados polos plenos dos concellos, logo de información pública e informe, de ser o caso, da Xunta Local de Protección Civil. Todos os plans serán homologados pola Comisión Galega de Protección Civil.

2. Correspóndelle ao Consello da Xunta, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, logo de consulta ás entidades locais e ás entidades que regulamentariamente se establezan. As entidades locais afectadas polos plans especiais deberanos incorporar aos seus plans.

3. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes. As administracións disporán de exemplares dos plans aprobados para a súa consulta pública e promoverán a súa publicación electrónica.

Artigo 34. Adaptación e revisión.

Os plans deben ser adaptados aos cambios de circunstancias e revisados periodicamente. Todos os plans deben ser revisados cada catro anos polo mesmo procedemento de aprobación e homologación iniciais. Periodicamente realizaranse simulacros que permitirán contrastar a adaptación dos plans aos posibles riscos.

Artigo 35. Activación dos plans.

1. Ao se detectar unha situación de emerxencia, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, logo da avaliación e da cualificación do risco, establecerá o procedemento de actuación pertinente.

2. Correspóndelle á autoridade local, no seu termo municipal, a responsabilidade da adopción das medidas inmediatas necesarias para afrontala, sen prexuízo do auxilio das deputacións provinciais.

3. Cando a natureza ou a extensión do risco ou a necesidade de servizos ou recursos excedan os previstos no seu correspondente plan, a autoridade competente da dirección do plan de nivel superior activará o plan territorial máis amplo conforme as necesidades da emerxencia, asumindo a dirección e a coordinación das actuacións a autoridade que exerza tales funcións no plan territorial máis amplo.

4. En todo caso, os órganos autonómicos competentes asumirán a dirección e a coordinación cando se dispoña a activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia ou dun plan especial ou ben cando sexa declarada a situación de emerxencia de interese galego.

5. Procedemento formal de activación dun plan: ante unha situación de emerxencia que requira a activación dun plan, o director do plan pertinente activará formalmente o plan que corresponda e comunicaralle esta situación á Axencia Galega de Emerxencias a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia. A activación do plan implicará, en todo caso:

a) A constitución do centro de coordinación operativo do plan e, de ser o caso, do centro de control operativo integrado.

b) O enlace co posto de mando avanzado.

c) A mobilización inmediata dos diversos grupos operativos.

d) A información á poboación e a comunicación das instrucións pertinentes.

6. A desactivación dun plan de protección civil será declarada formalmente polo seu director, así que fose superada totalmente a situación de emerxencia, e comunicaralle esta situación á Axencia Galega de Emerxencias a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia.

Artigo 36.-Declaración de emerxencias de interese galego.

1. Cando a situación de perigo ou os danos ocorridos sexan, pola súa especial extensión ou intensidade, particularmente graves, o Consello da Xunta, por solicitude da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil, poderá acordar a declaración de emerxencia de interese galego.

2. A declaración de emerxencia de interese galego suporá a asunción pola persoa titular da presidencia da Xunta ou da persoa titular da consellaría en quen delegue da dirección de todas as actividades da emerxencia. Para tal fin estará asistida por un gabinete de crise formado por aqueles membros do Consello da Xunta implicados na emerxencia, ademais da persoa titular do departamento competente en materia de protección civil.

3. A xestión da emerxencia de interese galego corresponderalle á Axencia Galega de Emerxencias, sen prexuízo da incorporación de medios doutros órganos ou entes administrativos. A declaración poderá implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos e as modificacións orzamentarias precisas para lle facer fronte á emerxencia.

Capítulo II A xestión de riscos ordinarios

Artigo 37.-Xestión de riscos ordinarios.

1. Organización da xestión:

a) Cando a emerxencia afecte o territorio dun único concello e os medios dos que este dispoña sexan suficientes para a atención da emerxencia, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, limitará o seu labor a cualificar o risco, mobilizar os medios e realizar o seguimento e pechamento dela.

b) No caso de que a emerxencia afecte máis dun concello ou os recursos deste non fosen suficientes, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, mobilizará os medios necesarios e solicitará da autoridade competente en materia de protección civil e emerxencias a activación do plan correspondente de ser preciso.

c) No caso de emerxencias de interese galego, actuarase segundo o disposto no artigo 36.

2. O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ten por obxecto atender as chamadas realizadas polos cidadáns ante situacións de emerxencia, darlles o tratamento correspondente a estas e dirixilas aos centros de atención dos servizos públicos que deberán prestar a asistencia obxecto da chamada.

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia non comprenderá a prestación material da asistencia requirida.

Capítulo III Restablecemento

Artigo 38.-Restablecemento.

1. As administracións públicas, dentro das súas respectivas competencias, restablecerán os servizos esenciais para a comunidade afectada por unha catástrofe ou calamidade.

2. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil, aprobará un regulamento sobre os criterios que se deberán seguir, de ser o caso, para a concesión de axudas ou subvencións en atención ás necesidades derivadas de situacións de emerxencia de natureza catastrófica. Estas axudas terán carácter subsidiario e complementario de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, estatal ou internacional, do que poidan ser beneficiarios os afectados.

3. As administracións públicas colaborarán, de xeito recíproco, nas tarefas de restauración, rehabilitación e retorno á normalidade. A Xunta de Galicia e as deputacións provinciais prestaranlles asistencia aos concellos e ás entidades locais supramunicipais que teñan asumida a competencia de protección civil e xestión de emerxencias para a elaboración e a execución de plans de recuperación, para o cal poderán asinar convenios de colaboración. Adoptaranse as medidas orzamentarias precisas para realizar as actuacións de restauración, rehabilitación e retorno á normalidade.

4. As empresas de servizos públicos ou de interese xeral, tanto públicas coma privadas, procederán ao restablecemento dos seus servizos, cando sexan afectados por unha situación de catástrofe ou calamidade, coa maior celeridade posible.

TÍTULO IV As medidas de autoprotección privada

Artigo 39.-Obriga de autoprotección.

1. As persoas, as empresas e, en xeral, as entidades e os organismos que realizan actividades que poden xerar situacións de grave risco colectivo, de catástrofe ou de calamidade, así como os centros e as instalacións públicas e privadas que poden resultar afectados de forma especialmente grave por situacións deste carácter, están obrigados a adoptar medidas de autoprotección e a manter os medios persoais e materiais necesarios para afrontar situacións de risco e emerxencia, ademais do sinalado no artigo 20 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e na normativa específica, e nos artigos 8 e 40 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguranza industrial de Galicia.

2. A Xunta determinará por regulamento o catálogo de actividades e os tipos de centros aos que se refire a alínea anterior, así como as medidas mínimas que se deben adoptar en cada caso, de acordo coas directrices básicas de autoprotección establecidas na lexislación vixente.

Artigo 40.-Autoprotección nos centros educativos.

1. Considérase centro docente ou educativo, para os efectos desta norma, aquel en que se leven a cabo actividades de formación presencial de persoas tales como:

a) Gardarías.

b) Escolas de educación infantil.

c) Centros de educación primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, ensino de réxime especial e centros de educación especial.

d) Universidades.

e) Academias, calquera que sexa o tipo de ensino que impartan.

f) Outros centros asimilables aos mencionados.

2. Nos diferentes ciclos educativos cómpre programar actividades de información, prevención e divulgación en materia de protección civil, para o que se deberá realizar, polo menos unha vez ao ano, un simulacro de evacuación, de acordo coas previsións do plan de autoprotección correspondente.

3. Estes programas elaboraranse en colaboración coas autoridades con competencia na materia de educación, coa elaboración dos mecanismos necesarios para o seu cumprimento.

4. Os plans de autoprotección nos centros educativos deberán ser aprobados polo seu titular.

Artigo 41.-Catálogo de actividades de risco e plans de autoprotección

1. A Xunta de Galicia, logo de audiencia das persoas, das empresas e das entidades que se poidan ver afectadas ou das súas organizacións representativas, determinará, mediante regulamento, un catálogo autonómico complementario de actividades e tipos de centros aos que se lles exixan medidas de autoprotección de acordo coas directrices básicas de autoprotección establecidas na lexislación vixente.

2. Os citados plans de autoprotección comprenderán, cando menos, os aspectos previstos na Norma básica de autoprotección.

Artigo 42.-Actividade administrativa de apoio e control das medidas de autoprotección

1. A Xunta de Galicia promoverá a formación de organizacións de autoprotección entre as persoas, as entidades e as empresas e facilitaralles asesoramento técnico e asistencia. Estas comunicaranlles ás autoridades de protección civil os plans e as medidas de autoprotección adoptadas e mais as súas modificacións.

2. As administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias en materia de protección civil e xestión de emerxencias, poderán proceder de oficio á execución subsidiaria das medidas de autoprotección, prevención e seguranza no caso de incumprimento polo obrigado, de conformidade co previsto na lexislación de procedemento administrativo, sen prexuízo das infraccións penais ou administrativas nas que poida ter incorrido e, de ser o caso, da exixencia do pagamento dos custos das intervencións públicas.

TÍTULO V O persoal

Artigo 43.-O persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia.

1. O sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional coma por voluntarios. A dirección e a coordinación das actividades reguladas nesta lei corresponderanlle ao persoal profesional.

2. O persoal profesional é aquel que desempeña a súa actividade mediante vínculo laboral con algún dos servizos relacionados coa xestión de riscos e de emerxencias, con independencia do réxime xurídico de xestión deles.

3. O persoal voluntario é aquel que, libre e desinteresadamente, se incorpora a entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que teñen como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións definidas nesta lei como situacións de xestión de riscos e de emerxencias.

Artigo 44.-A organización do persoal. Os grupos operativos.

1. O persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias en Galicia organizarase, para o desenvolvemento das funcións previstas nesta lei, en grupos operativos que deberán estar previstos nos correspondentes plans públicos de protección civil.

2. Cada grupo operativo estará conformado polo persoal profesional e voluntario que pola súa formación e pola súa actividade ordinaria estea especificamente preparado e equipado para o desenvolvemento das actividades previstas nesta lei. Os plans deberán prever o número mínimo de persoas e equipamento que deben integrar cada grupo para asegurar o correcto desenvolvemento das tarefas que teñen atribuídas.

3. Na conformación dos grupos operativos respectarase, no posible, a súa estrutura organizativa propia, pero garantindo, en todo caso, un mando operativo único profesional nas intervencións que así o requiran.

Artigo 45.-A relación xurídica dos membros dos grupos operativos.

1. A participación do persoal profesional e voluntario nos grupos operativos levarase a cabo por medio da organización na que se integre cada un. A actividade desenvolvida ao abeiro desta lei non xerará vínculo contractual de ningún tipo coa administración xestora do risco ou da emerxencia.

2. O persoal profesional será retribuído ou indemnizado polos servizos prestados ao abeiro desta lei de conformidade co que establezan as normas reguladoras do seu estatuto xurídico. O persoal voluntario prestará os servizos regulados nesta lei de xeito voluntario, altruísta e gratuíto, sen prexuízo das indemnizacións que se poidan establecer.

3. Os membros dos grupos operativos terán dereito á cobertura dun seguro de accidentes, enfermidade, invalidez e morte e, de ser o caso, de responsabilidade civil, ademais de aloxamento, manutención e transporte, tanto durante os períodos de formación e prácticas coma durante as misións que se vaian desenvolver ao abeiro desta lei.

4. Os membros dos grupos operativos teñen a obriga de participar nas actividades previstas nos correspondentes plans e nos simulacros que se leven a cabo.

Artigo 46.-A formación e acreditación do persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia.

1. Os membros dos grupos operativos teñen a obriga de realizar as actividades de formación e capacitación precisas para o exercicio das súas funcións.

2. A Xunta de Galicia, por si mesma ou de acordo coas entidades locais e cos organismos públicos e privados interesados, establecerá un sistema de formación que asegure a capacitación profesional do persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias e a acreditación dos directores de posto de mando avanzado.

Esta formación será continuada por medio de cursos que incluirán unha parte de exercicios de adestramento e coordinación e que formarán parte dun deseño curricular de xestión de riscos e de emerxencias, nos termos que regulamentariamente se determine.

A Xunta de Galicia promoverá a formación homoxénea do persoal dos servizos contra incendios e de salvamento de Galicia segundo a estrutura que se determine no Plan director dos servizos contra incendios e de salvamento, tendo en conta a cualificación profesional do Instituto Nacional das Cualificacións no relativo ao módulo da formación profesional de extinción de incendios e salvamento.

3. O persoal voluntario deberá seguir un curso de formación básica, organizado ou homologado pola Xunta de Galicia, co fin de obter a acreditación precisa para o exercicio da súa función. A superación do devandito curso dará dereito á obtención dun carné de persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e de xestión de riscos e de emerxencias de Galicia e mais a empregar os distintivos e as insignias que se establezan regulamentariamente.

Artigo 47. O persoal colaborador non permanente.

1. Será persoal colaborador aquelas persoas ou entidades que de forma ocasional ou temporal participen no desenvolvemento dalgunha das actividades previstas nesta lei, intégrense ou non nos grupos operativos.

2. A Xunta de Galicia poderá subscribir convenios de colaboración con entidades, públicas ou privadas, co fin de facilitar a participación do persoal colaborador nas actividades de xestión de riscos e de emerxencias e mais nas actividades formativas do persoal.

3. A colaboración ocasional cos servizos de emerxencia non xerará ningún vínculo contractual ou laboral con eles, sen prexuízo das indemnizacións que poidan establecerse.

Artigo 48.-Voluntariado de protección civil e emerxencias.

1. O persoal voluntario do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia poderase agrupar, de acordo coa normativa autonómica en materia de voluntariado, en asociacións que terán como finalidade social a colaboración desinteresada na protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións definidas nesta lei como situacións de xestión de riscos e de emerxencias.

2. As entidades de voluntariado de protección civil deberanse ater ao disposto na Lei 3/2000, do 22 de decembro, de voluntariado de Galicia, e deberanse inscribir no Rexistro de entidades de acción voluntaria adscrita á consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de voluntariado. Igualmente, deberanse inscribir nun rexistro especial que se levará no departamento da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias. En todo caso, este último rexistro deberá funcionar de xeito coordinado co Rexistro de entidades de acción voluntaria adscrito ao departamento da Xunta de Galicia competente en materia de voluntariado.

3. Regulamentariamente fixaranse os requisitos precisos para inscribirse no Rexistro de asociacións de protección civil e de emerxencias, así como os dereitos, as obrigas e os distintivos dos seus membros, na materia específica de protección civil e emerxencias.

4. As autoridades competentes en materia de protección civil e emerxencias, en coordinación coa consellaría da Administración autonómica competente en materia de voluntariado, promoverán a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de protección civil nos termos que se establezan regulamentariamente.

TÍTULO VI Financiamento

Artigo 49.-Recursos financeiros do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia

O sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia financiarase mediante a aplicación dos seguintes recursos:

a) As dotacións previstas para este fin nos orzamentos de:

-Os concellos de máis de 20.000 habitantes.

-As deputacións provinciais para actividades propias ou para atender as que lles correspondan aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

-A Comunidade Autónoma.

b) Os fondos provenientes das aseguradoras que cubran riscos persoais ou de bens e os que por razóns de auxilio e urxente necesidade poidan ser devengados polas administracións públicas.

c) As contribucións especiais.

d) As taxas pola prestación de servizos.

e) O produto das sancións pecuniarias impostas en aplicación desta lei.

f) As subvencións e outros ingresos de dereito público.

g) As doazóns, as herdanzas e os legados e mais calquera outro ingreso de dereito privado.

TÍTULO VII Réxime sancionador en materia de protección civil e xestión de emerxencias

Capítulo I Infraccións e sancións

Sección 1 Infraccións

Artigo 50.-Infraccións moi graves.

1. Constitúen infraccións moi graves as seguintes condutas:

a) Non adoptar medidas de autoprotección ou non manter os medios persoais e materiais necesarios para lles facer fronte a situacións de risco e emerxencia.

b) Non adoptar ou revisar os plans de autoprotección preceptivos.

c) Impedirlle a inspección do estado das medidas e dos medios de autoprotección á autoridade competente.

e) Negarse os medios de comunicación social a emitir, transmitir, publicar e difundir, de xeito inmediato, prioritario e destacado, de así se lles requirir, a información, os avisos, as ordes e as instrucións ditadas polas autoridades competentes e dirixidas á poboación.

f) Impedir a destrución, a intervención ou a ocupación temporal e transitoria dos bens e dos medios de transporte, cando sexa ordenada pola autoridade competente de protección civil de acordo co establecido nesta lei.

g) Non respectar as ordes ou as instrucións ditadas pola autoridade de protección civil en situacións de activación dun plan ou emerxencia declarada.

h) Negarse, sen causa xustificada, a realizar as prestacións persoais ordenadas pola autoridade de protección civil de conformidade con esta lei en situacións de activación dun plan ou emerxencia declarada.

2. Constitúen tamén infraccións moi graves en materia de protección civil e xestión de emerxencias a comisión de dúas infraccións graves cando sexan cometidas por unha persoa ou entidade sancionada con carácter firme nos tres anos anteriores a aquel no que se cometeron os feitos constitutivos da última infracción grave.

Artigo 51.-Infraccións graves.

1. Constitúen infraccións graves as seguintes condutas:

a) Obstaculizar, sen chegar a impedir, a inspección do estado das medidas e dos medios de autoprotección pola autoridade competente de protección civil.

b) Non lles comunicar ás autoridades competentes de protección civil calquera circunstancia ou incidencia que poida xerar situacións de emerxencia.

c) Non participar, o persoal voluntario dos grupos operativos, no caso de emerxencia, agás por causa debidamente xustificada, nas actividades previstas nos correspondentes plans.

d) Obstaculizar, sen chegar a impedir, a destrución, a intervención ou a ocupación temporal e transitoria dos bens e dos medios de transporte, cando sexa ordenada pola autoridade competente de protección civil, de acordo co establecido nesta lei.

e) Non respectar ou obstaculizar o cumprimento das ordes e das instrucións emanadas das autoridades de protección civil en situacións de activación dun plan ou dunha emerxencia declarada.

f) Realizar chamadas abusivas, insultantes, ameazadoras ou xocosas de xeito reiterado ao 112, ou realizar chamadas reiteradas coas que se comunican avisos falsos de urxencia.

2. Constitúen tamén infraccións graves en materia de protección civil e xestión de emerxencias a comisión de dúas infraccións leves cando sexan cometidas por unha persoa ou entidade sancionada con carácter firme no ano anterior a aquel no que se cometeu a infracción leve.

3. Tamén poden constituír infraccións graves en materia de protección civil e xestión de emerxencias as condutas constitutivas de infraccións moi graves previstas na alínea primeira do artigo anterior cando pola súa natureza e as circunstancias concorrentes non deban ser cualificadas como moi graves.

Artigo 52.-Infraccións leves.

1. Constitúen infraccións leves as seguintes condutas:

a) Realizar chamadas inxustificadas ao Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia sempre que pola súa natureza, ocasión ou circunstancia, non deban ser cualificadas como graves.

b) Non seguir ou non respectar as medidas e as instrucións dispostas pola autoridade de protección civil e xestión de merxencias cando se fagan simulacros.

2. Tamén poden constituír infraccións leves en materia de protección civil e xestión de emerxencias as condutas constitutivas de infraccións graves previstas na alínea primeira do artigo anterior cando pola súa natureza e as circunstancias concorrentes non deban ser cualificadas como graves.

Sección 2ª. Sancións

Artigo 53.-Sancións pecuniarias.

1. As infraccións moi graves sancionaranse con multa de 15.001 ata 600.000 euros.

2. As infraccións graves sancionaranse con multas de 1.001 ata 15.000 euros.

3. As infraccións leves sancionaranse con multas de 60 ata 1.000 euros.

Artigo 54. Gradación e actualización da contía das sancións.

1. A contía das sancións débese graduar atendendo ás seguintes circunstancias:

a) A gravidade do feito constitutivo da infracción, tendo en conta a súa transcendencia económica ou social, a incidencia na seguranza, o risco obxectivo causado a bens e persoas e mais os danos e as perdas producidos.

b) A culpabilidade presente na concreta actuación infractora, tendo en conta a intencionalidade, a reiteración, a reincidencia, a realización de actos para dificultar ou impedir o seu descubrimento, a actitude do interesado na reparación do dano causado para evitar un prexuízo maior, así como a reparación, durante a tramitación do procedemento, das anomalías que deron lugar á súa incoación.

c) A situación socioeconómica do infractor, tendo en conta a súa capacidade económica.

Artigo 55.-Sancións non pecuniarias.

1. As infraccións graves e moi graves cometidas polos membros voluntarios dos grupos operativos sancionaranse coa baixa forzosa no sistema integrado de protección civil e emerxencias na condición de voluntario, e a prohibición da súa reincorporación a el nesa condición durante un prazo de cinco anos nos casos de falta moi grave e de tres anos nos casos de falta grave.

2. As infraccións leves cometidas polos membros voluntarios dos grupos operativos sancionaranse coa suspensión, de entre un e seis meses, da súa participación no sistema integrado de protección civil na condición de voluntario.

Artigo 56.-Responsabilidade por danos ou perdas

1. As sancións que correspondan ás infraccións tipificadas nesta lei imporanse con independencia da obriga de indemnizar polos danos e as perdas as persoas, os bens e as instalacións.

2. En particular, se a comisión da infracción lle ocasionase danos ou perdas á administración pública, o infractor, ademais da sanción que corresponda en función da gravidade da infracción cometida, estará obrigado a reintegrar a contía económica dos custos orixinados á administración pública.

Capítulo II Procedemento sancionador

Artigo 57.-Competencia sancionadora.

1. A potestade sancionadora correspóndelles aos concellos e á Administración autonómica, nos termos establecidos neste artigo.

2. A competencia para impor as sancións correspóndelles:

a) Ás persoas titulares das alcaldías ou ás persoas titulares das delegacións provinciais da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias, de acordo co ámbito do plan ou da emerxencia afectada pola conduta constitutiva de infracción, no caso de infraccións leves.

b) Á persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias no caso de infraccións graves.

c) Ao Consello da Xunta de Galicia no caso de infraccións moi graves.

Artigo 58.-Medidas provisorias

1. Cando concorran circunstancias graves que afecten a seguranza das persoas ou dos bens, poderá acordarse cautelarmente a clausura inmediata de establecementos, a precintaxe de instalacións ou a suspensión de actividades.

2. Estas medidas poderán ser adoptadas, mediante resolución motivada, polas autoridades de protección civil tanto no acordo de iniciación do procedemento coma durante a súa instrución.

3. Excepcionalmente, nos supostos de grave risco ou perigo inminente para as persoas ou os bens, as devanditas medidas poderán ser adoptadas polas autoridades de protección civil antes da iniciación do procedemento.

Neste suposto, as medidas provisorias deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento, que se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes ao da súa adopción e poderá ser obxecto do recurso que proceda.

En todo caso, as citadas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no devandito prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso sobre elas.

Artigo 59.-Normativa aplicable ao procedemento sancionador

Na tramitación das infraccións e na imposición das sancións previstas nesta lei observaranse os principios do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e do procedemento administrativo común, e aplicarase o disposto neste capítulo e, en todo o non previsto nel, a normativa galega sobre o exercicio da potestade sancionadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-Recoñecemento de actividades do voluntariado.

A experiencia, debidamente xustificada, desenvolvida durante un período mínimo dun ano en organizacións de voluntariado que realicen actividades relacionadas coa protección civil ou coa xestión de emerxencias poderá ser considerada como mérito para acceder aos servizos profesionais de protección civil, extinción de incendios ou calquera outro relacionado coa xestión de emerxencias, sen prexuízo dos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade e do disposto na Lei 4/1988, do 26 de maio.

Segunda.-Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

«45. Homologación de plans de autoprotección privada e das súas modificacións e revisións: 100 euros».

Engádeselle o número 48 ao anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte redacción:

«48. Control do estado das medidas e dos medios de autoprotección existentes nas actividades e nos centros que estean obrigados a ter medidas de autoprotección consonte a normativa de emerxencias de Galicia: 60 euros».

Terceira.-Servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento.

1. A Xunta de Galicia, a través da consellaría competente en materia de emerxencias e protección civil, impulsará as accións necesarias para homoxeneizar no prazo de tres anos as prestacións e as condicións de traballo en todo o territorio de Galicia dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento aos que se refire o segundo parágrafo da alínea 2 deste artigo.

2. A Xunta de Galicia procederá, no prazo de seis meses desde a súa posta en funcionamento, á elaboración dun plan director dos servizos contra incendios e de salvamento que definirá o modelo de reordenación territorial e a estrutura operativa deles.

Neste sentido, a Xunta impulsará a creación dos consorcios provinciais en cuxa xestión e financiamento participen as deputacións e os concellos de máis de 20.000 habitantes que non teñan parque propio e mais a propia Xunta de Galicia.

3. No prazo dun ano desde a aprobación desta lei, a Xunta de Galicia, mediante proposta da consellaría competente na materia, promoverá a elaboración dun regulamento do bombeiro profesional e do voluntariado.

Cuarta-Financiamento dos servizos contra incendios e de salvamento.

O financiamento dos servizos contra incendios e de salvamento realizarano as distintas administracións nos termos establecidos nesta lei e segundo a porcentaxe de participación nos consorcios que se determine. Para este efecto, as entidades que o integren achegarán a cantidade proporcional correspondente consonte a avaliación obxectiva dos factores de risco e da frecuencia de servizos demandados por cada un dos concellos, que se actualizará periodicamente.

Quinta.-Integración da análise de riscos na planificación urbanística.

A lexislación urbanística e de ordenación do territorio en Galicia terá en conta os plans territoriais e especiais e as medidas de prevención de riscos e de redución de impacto de eventuais catástrofes.

Para este fin, dentro da tramitación dos plans urbanísticos, no seu momento procedemental, o órgano competente en materia de protección civil solicitará, cando o considere necesario, especialmente cando se identifiquen riscos de orde hidrolóxica, xeotécnica, de incendios ou de calquera outra que afecten a seguranza das persoas, un informe da Comisión Galega de Protección Civil, para evitar situacións de risco colectivo derivado da ordenación do territorio.

Sexta.-Competencia das áreas metropolitanas e entidades supramunicipais.

Por lei do Parlamento de Galicia determinarase, de ser o caso, a competencia das áreas metropolitanas e doutras entidades supramunicipais en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

Sétima.-Procedemento excepcional de acreditación do nivel básico de coñecementos

As persoas que na data do 1 de xaneiro de 2020 non teñan acreditada a realización do curso de formación básica previsto no artigo 46.3 e estean formando parte dunha agrupación de voluntarios de protección civil ou estean inscritas no Rexistro de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro da Sección de Rexistro de Voluntarios de Protección Civil, regulado nos artigos 59 e seguintes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, poderán acreditar o nivel básico de coñecementos mediante a xustificación da posesión dos coñecementos e da formación necesarios que lles permitan o correcto desenvolvemento das actividades dentro da agrupación de protección civil a que pertenzan.

Por orde da persoa titular da consellaría competente en materia de protección civil regularase o procedemento que se seguirá para a aplicación desta disposición.

Disposicións transitorias

Primeira.-Aprobación do decreto de axudas para as necesidades derivadas de situacións de emerxencia e do catálogo de recursos de protección civil e actualización ou aprobación de plans.

A consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil remitirá, no prazo de nove meses a partir da entrada en vigor desta lei, para a súa aprobación no Consello da Xunta, un decreto de axudas para as necesidades derivadas de situacións de emerxencia ou de natureza catastrófica.

A consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil deberá, no prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei, aprobar un catálogo de todos os recursos dispoñibles para a protección civil. Para tal efecto poderalles requirir información aos demais departamentos e entes autonómicos, aos entes locais e mais ás empresas e ás organizacións privadas.

No prazo máximo dun ano a Xunta de Galicia actualizará os plans vixentes ata o momento.

Os concellos deberán actualizar ou, de ser o caso, elaborar os plans de nivel municipal no prazo dun ano a partir do remate da actualización do Plan territorial de protección de Galicia. Entrementres non sexan remitidos para a súa aprobación ou homologación, os concellos non poderán ser beneficiarios de axudas públicas en materia de protección civil.

Segunda.-Homologación da formación dos servizos de protección civil e dos servizos contra incendios e de salvamento.

A consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil deberá, no prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei, aprobar un sistema de homologación da formación dos servizos de protección civil e dos servizos contra incendios e de salvamento, no que se valorará a experiencia demostrable e a formación xa adquirida.

Terceira.-Constitución dos consorcios e das entidades locais de cooperación.

Os consorcios e as demais entidades locais de cooperación previstos nesta lei constituiranse no prazo de tres anos a partir da entrada en vigor dela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento regulamentario.

Autorízase o Consello da Xunta para ditar as disposicións de aplicación e desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de maio de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia