lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Publicado en: DOG 214 05/11/1999

Departamento: Consello de Xunta

Estado: En vigor

PDF

Inclúe a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

A disposición adicional oitava da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, autorizou o Goberno galego para a elaboración, no prazo dun ano, do texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

En uso da dita autorización redactouse o correspondente texto refundido, no que se incorporan ó texto inicial da Lei 11/1992 as modificacións sufridas por esta desde a súa entrada en vigor, así como algunhas actualizacións terminolóxicas e correccións gramaticais que non inciden no fondo da disposición.

En consecuencia, de acordo co previsto no artigo 10.1º a) do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e no artigo 4.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do sete de outubro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-

De conformidade coa disposición adicional oitava da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, apróbase o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, que se insire a continuación.

Disposición adicional

Única.-Remisións normativas á Lei 11/1992.

As remisións e referencias normativas á Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, entenderanse feitas, no sucesivo, ó texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Corrección de erros. Disposición adicional única redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

O presente decreto lexislativo e o texto refundido que se aproba entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de outubro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

TEXTO REFUNDIDO DA LEI DE RÉXIME FINANCEIRO E ORZAMENTARIO DE GALICIA

TÍTULO PRELIMINAR Principios xerais

Artigo 1º.-Concepto.

1. A Facenda pública de Galicia está constituída polo conxunto de dereitos e obrigas de contido económico e financeiro dos que a súa titularidade lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Constitúen materias propias da Facenda pública de Galicia, con independencia da normativa que as regule, as seguintes:

a) O procedemento orzamentario nas súas distintas fases de elaboración, xestión e liquidación.

b) O sistema de contabilidade a que debe someterse a actuación económica dos órganos competentes do sector público galego.

c) O réxime do seu patrimonio.

d) A contratación en réxime de dereito administrativo.

e) A regulación dos seus ingresos de dereito público e privado.

f) As normas de asignación e xestión dos recursos públicos e o control de eficacia e eficiencia no seu emprego.

g) O endebedamento e a concesión de avais e outras garantías.

h) A organización e regulación da Tesourería.

i) Os procedementos xerais de funcionamento dos órganos responsables da Facenda pública galega.

j) As prerrogativas da Facenda pública galega e as responsabilidades derivadas da actuación dos seus órganos e do persoal ó seu servicio.

k) Calquera outra que tivese relación co contido da Facenda pública galega.

Artigo 2º.-Criterios e fins.

1. A distribución e xestión dos recursos públicos realizarase tendo en conta criterios de eficacia e eficiencia.

2. A acción do Goberno para a prestación de servicios públicos e a dotación de infraestructuras públicas básicas e sociais da Comunidade farase conforme os principios de equidade, solidariedade e equilibrio territorial.

Artigo 3º.-Normativa reguladora.

1. Constitúe o obxecto desta lei a regulación da actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo do que se dispoña noutras leis especiais.

2. A actividade económico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia rexerase:

a) Por esta lei e polas demais leis especiais e normas concordantes que sobre a materia dicte o Parlamento de Galicia.

b) Polas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

c) Polas normas regulamentarias que se dicten no desenvolvemento desta lei.

3. Terán carácter supletorio as demais normas do ordenamento xurídico administrativo e, no seu defecto, o dereito privado respectando a prelación de normas do dereito civil galego.

4. As leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán conter normas relacionadas coa súa actividade económico-financeira con vixencia permanente ou con vixencia temporal superior ó período anual ó que estas correspondan.

Cando nas ditas normas legais concorra algunha destas circunstancias deberá terse en conta o seguinte:

a) De tratarse de normas de vixencia permanente, establecerase así de forma expresa, incluíndo, se é o caso, a táboa de derrogacións motivada pola entrada en vigor da nova norma legal.

b) De tratarse de normas de vixencia temporal, definirase con precisión o seu prazo de vixencia e as normas de ordenamento xurídico que quedan afectadas, así como os efectos sobre estas á entrada en vigor da nova normativa ó longo do prazo no que esta sexa aplicable.

Artigo 4º.-Principios orzamentarios e control.

1. A actividade económico - financeira da Comunidade Autónoma de Galicia estará sometida ó réxime de orzamento anual e ós principios de control interno, de contabilidade e de unidade de caixa que se determinan nesta lei.

2. Tódalas actividades que dean lugar ó recoñecemento de dereitos e obrigas de contido económico ou ó manexo de fondos públicos deberán estar controladas ou intervidas conforme as normas desta lei e sometidas ó réxime de rendemento de contas ó Consello de Contas e ó Tribunal de Contas, de acordo coas disposicións que os regulan.

3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma será o órgano encargado da execución das funcións de control interno e de contabilidade reguladas nesta lei.

4. A Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos procedementos legais establecidos, poderá esixírlle-las indemnizacións económicas que sexan procedentes ós responsables da custodia e do manexo dos fondos públicos polos prexuízos que puidesen ocasionar, con independencia das demais responsabilidades de carácter civil, penal ou disciplinario en que puidesen incorrer.

Artigo 5º.-Reserva legal.

Regularanse por lei do Parlamento de Galicia as seguintes materias:

a) Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e a concesión de créditos extraordinarios e suple mentos de créditos da Xunta de Galicia e dos organismos autónomos nos termos recollidos nesta lei.

b) O establecemento, a modificación ou a supresión dos seus propios tributos e das exencións e bonificacións que os afecten.

c) O establecemento, a modificación e a supresión das recargas sobre os impostos do Estado.

d) A emisión e o réxime da débeda pública e demais operacións de crédito.

e) O réxime de patrimonio da Comunidade Autónoma.

f) A creación e supresión dos organismos autónomos nos termos que se prevén nesta lei.

g) Os convenios e acordos de cooperación con outras comunidades autónomas previstos no artigo 35 do Estatuto de autonomía.

h) O réxime e a concesión de avais e outras garantías pola Comunidade Autónoma.

i) A coordinación orzamentaria das deputacións provinciais de Galicia, en concordancia coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

j) As demais materias relativas á Facenda pública galega que, segundo as leis, se deban regular con este rango.

Artigo 6º.-Competencia do Consello da Xunta.

Será competencia do Consello da Xunta no marco das materias reguladas nesta lei:

a) A determinación das directrices básicas de política económica e financeira, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia.

b) A elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

c) A autorización dos gastos que segundo as leis requiran a súa aprobación.

d) A aprobación dos regulamentos para a súa aplicación.

e) Calquera outra que precise coñecemento ou aprobación da Xunta e a competencia da cal non lle estea reservada ó Parlamento de Galicia.

Artigo 7º.-Competencia da Consellería de Economía e Facenda.

Será competencia da Consellería de Economía e Facenda:

a) A administración, xestión e recadación dos dereitos da Facenda da Comunidade Autónoma.

b) A ordenación de pagamentos nos termos establecidos na presente lei.

c) A elaboración do anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

d) O control de eficacia e eficiencia respecto dos obxectivos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade.

e) O exercicio directo das demais funcións de control interno reguladas nesta lei e a dirección e execución da contabilidade pública.

f) A execución ou dirección da política económica e financeira aprobada pola Xunta, na forma que esta determine.

g) O desenvolvemento das actividades inherentes ó exercicio da tutela financeira sobre os entes locais, que ten atribuída a Comunidade no artigo 49º do Estatuto de autonomía.

h) As funcións executivas en materia de ordenamento e control das institucións de crédito corporativo público e territorial e das caixas de aforro que operen no seu territorio, nos termos previstos no artigo 30º do Estatuto de autonomía.

i) As demais funcións e competencias que lle asigne a normativa legal vixente.

Artigo 8º.-Competencia das consellerías.

Será competencia das consellerías:

a) A elaboración do seu anteproxecto de orzamento.

b) A administración e xestión dos créditos para gastos incluídos nos orzamentos e que estean adscritos a elas.

c) A autorización dos gastos propios da consellería, agás que aquela estea reservada ó Consello da Xunta.

d) A proposta do pagamento de obrigas á Consellería de Economía e Facenda.

e) As demais que lles confira a normativa legal vixente.

Artigo 9º.-Competencia dos organismos autónomos.

1. Son funcións dos organismos autónomos da Comunidade Autónoma no ámbito das súas respectivas competencias:

a) A elaboración do seu anteproxecto de orzamentos de gastos e ingresos.

b) A administración, xestión e recadación dos seus propios dereitos económicos.

c) A autorización dos gastos contidos nos seus orzamentos e a ordenación dos seus pagamentos.

d) As demais que lles atribúan as normas legais vixentes.

2. O previsto no número 1 anterior enténdese sen prexuízo do que puidese establecerse no uso do disposto no artigo 11º.2.

Artigo 10º.-Prerrogativas.

Á Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias ás que se refire esta lei, corresponderanlle en todo momento as mesmas prerrogativas e idéntico trato fiscal que a lei teña establecidos para o Estado.

Corrección de erros. Artigo 10º redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 13º.-Convenios, acordos e transferencias.

1. Nos convenios con outras comunidades autónomas para a xestión e prestación de servicios da súa exclusiva competencia, e nos acordos de cooperación que se subscriban a teor do disposto nos números 1 e 2 do artigo 35º do Estatuto de autonomía, deberán establecerse as cláusulas precisas para asegurar en todo momento a aplicación desta lei no caso de que se proceda a comprometer recursos da Facenda pública galega para o seu desenvolvemento.

2. Nos casos en que, conforme o disposto no artigo 36º do Estatuto de autonomía, se lle transfiran ou deleguen á Comunidade Autónoma facultades e competencias non asumidas nel, que pola súa natureza dean orixe ó manexo e á distribución dos fondos públicos, seranlle aplicables á xestión financeira dos ditos fondos os preceptos desta lei, sen prexuízo das formas de control que reserve o Estado para si.

TÍTULO I Do contido da Facenda da Comunidade

Capítulo I Dos recursos

Artigo 14º.-Recursos da Facenda autonómica.

Constitúen dereitos económicos da Facenda pública galega:

1. Os rendementos dos impostos, das taxas e das contribucións especiais que estableza a Comunidade Autónoma.

2. Os rendementos dos tributos cedidos polo Estado.

3. A participación nos ingresos do Estado por impostos directos e indirectos, incluídos os monopolios fiscais.

4. As dotacións para a nivelación dos servicios mínimos.

5. O importe dos prezos derivados dos servicios prestados pola Comunidade ou pola concesión de canons por aproveitamentos especiais, xa sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos dos servicios estatais.

6. Os ingresos procedentes do Fondo de Compensación Interterritorial ou doutros fondos de análoga natureza.

7. As recargas sobre impostos estatais.

8. Calquera outra asignación a favor da Comunidade Autónoma recollida nos orzamentos xerais do Estado ou nos doutros entes públicos.

9. O producto da emisión da débeda pública e do recurso ó crédito.

10. Os rendementos do patrimonio da Comunidade Autónoma.

11. Os legados, as doazóns e calquera outro ingreso de dereito privado.

12. O producto das multas e sancións impostas no ámbito da súa competencia.

13. Se é o caso, as participacións que establezan as leis nos ingresos por tributos do Estado para recupera-los custos sociais producidos por actividades contaminantes ou que deterioren o medio ambiente ou que xeren riscos de especial gravidade para o medio físico e humano de Galicia.

14. As subvencións que poida recibi-la Comunidade Autónoma.

15. Calquera outro recurso de dereito público ou privado que obteña ou lle corresponda á Comunidade Autónoma.

Artigo 15º.-Destino.

Os recursos da Comunidade Autónoma galega e de cada un dos seus organismos autónomos estarán destinados a satisface-lo conxunto das súas obrigas respectivas, salvo que por lei se estableza a súa afectación para fins determinados.

Artigo 16º.-Administración dos recursos.

1. A administración xeral dos recursos da Facenda pública galega, así como a dirección e a coordinación xeral dos seus procedementos, correspóndenlle á Consellería de Economía e Facenda, cos controis que a lei estableza.

2. Na mesma forma, correspóndelles ós órganos rectores dos organismos autónomos e demais entes públicos con personalidade xurídica propia a administración dos recursos específicos que lles correspondan para o cumprimento dos seus fins.

3. As persoas ou entidades que teñan ó seu cargo a administración dos recursos da Facenda pública galega dependerán da Consellería de Economía e Facenda ou dos órganos de administración dos organismos autónomos, e demais entes públicos, en todo o relativo á súa xestión, aplicación e rendemento de contas.

4. Estarán obrigadas á prestación de fianza aquelas persoas ou entidades que manexen fondos ou valores públicos, na contía e forma que determinen as disposicións regulamentarias.

Artigo 17º.-Xestión dos tributos.

1. A xestión, incluíndo tódalas fases do procedemento, dos tributos propios da Comunidade Autónoma, dos impostos cedidos e das recargas sobre impostos do Estado que poida establece-la Comunidade Autónoma axustarase:

a) Ás disposicións do Estatuto de autonomía.

b) Ó disposto na presente lei.

c) Ás demais leis do Parlamento de Galicia.

d) Ás disposicións regulamentarias aprobadas pola Xunta en desenvolvemento desta lei e demais leis citadas.

e) Ás normas de desenvolvemento que as leis ou os regulamentos lle autoricen dictar ó conselleiro de Economía e Facenda.

f) Á Lei xeral tributaria e ás disposicións dictadas no seu desenvolvemento, coa consideración de dereito supletorio nos casos nos que sexa preceptiva a súa aplicación.

2. Na xestión dos tributos cedidos polo Estado terase en conta ademais o que dispoña a correspondente normativa.

Artigo 18º.-Dispoñibilidade de bens e dereitos.

1. A xestión dos bens patrimoniais e dos seus rendementos, tanto da Comunidade Autónoma coma dos seus organismos autónomos, axustarase ó disposto nas leis do Parlamento de Galicia aplicables en cada caso.

2. Non poderán ser alleados, gravados nin arrendados os dereitos da Facenda da Comunidade Autónoma, salvo nos supostos e nas condicións previstas nas leis.

3. Tampouco se concederán exencións, condonacións, rebaixas nin moratorias no pagamento dos dereitos a favor da Facenda pública galega, salvo nos casos e na forma que se determinen nas leis.

Artigo 19º.-Garantías.

1. Para realiza-lo cobro dos tributos e demais recursos de dereito público que lle correspondan, a Facenda pública galega estará en posesión das prerrogativas legalmente establecidas, gozando en todo momento das mesmas facultades e garantías cás demais administracións públicas de ámbito estatal ou territorial.

2. As providencias de constrinximento acreditativas do descuberto ante a Facenda da Comunidade das débedas por tributos e demais ingresos de dereito público, expedidas polos funcionarios competentes segundo os regulamentos, serán títulos suficientes para iniciar o seu cobramento pola vía de constrinximento e terán a mesma forza executiva que a sentenza xudicial para proceder contra os bens e os dereitos dos debedores.

3. A efectividade dos dereitos da Facenda da Comunidade non recollidos no número l do artigo 21º esixirase de acordo coas normas de procedemento aplicables en cada caso.

Artigo 20º.-Suspensión do procedemento de constrinximento.

1. En ningún caso se poderán suspende-los procedementos administrativos de constrinximento en virtude de recursos interpostos polos interesados, se non se realiza o pagamento do débito, se consigna o seu importe ou se garante este na forma regulamentariamente establecida.

2. Se contra os ditos procedementos se establecesen reclamacións en concepto de tercería ou por outra acción de carácter civil, por persoa que non teña ningunha responsabilidade coa Facenda da Comunidade en virtude de obriga ou xestión propia ou transmitida, suspenderanse os ditos procedementos só na parte que se refira ós bens ou dereitos controvertidos, unha vez que se efectuase o seu embargamento ou, se é o caso, a súa anotación preventiva no rexistro público correspondente, e substanciarase este incidente na vía administrativa como trámite previo á xudicial.

3. Cando as reclamacións formuladas en vía administrativa fosen denegadas, proseguirá o procedemento de constrinximento a non ser que da execución poidan derivarse prexuízos de imposible ou difícil reparación; en tal caso a Administración pública poderá acorda-la suspensión daquel, sempre que se adopten as medidas regulamentarias de aseguramento dos respectivos créditos.

4. Así mesmo poderá suspenderse o procedemento de constrinximento sen os requisitos establecidos no punto l deste artigo se o interesado demostra que existiu no seu prexuízo erro material ou aritmético na determinación da débeda que se lle esixa.

5. Poderán aprazarse ou fraccionarse as cantidades debidas á Facenda da Comunidade nos casos e cos procedementos que regulamentariamente se establezan. As ditas cantidades devengarán xuros de demora e deberán garantirse excepto nos casos seguintes:

a) Cando sexan inferiores á cifra que, por norma xurídica de rango suficiente, fixe a Consellería de Economía e Facenda.

b) Cando o debedor careza de bens ou créditos suficientes para garanti-la débeda e a execución do seu patrimonio afectase ó mantemento da capacidade productiva e do nivel de emprego da actividade do sector económico respectivo, ou ben producise graves crebas para o interese da Comunidade Autónoma, se así o acorda o conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 21º.-Xuros de demora.

1. As cantidades debidas á Facenda da Comunidade Autónoma devengarán intereses de demora desde o día seguinte ó do seu vencemento. Inclúense neste apartado as cantidades recadadas a través de entidades colaboradoras, contas restrinxidas, oficinas liquidadoras e demais entidades recadadoras por conta da Facenda da Comunidade que non sexan ingresadas polas ditas entidades na Tesourería nos prazos establecidos.

2. Agás o establecido en leis especiais, o xuro de mora resultará da aplicación, para cada ano ou período dos que integran o período de cálculo, do xuro legal fixado na Lei de orzamentos do Estado para os devanditos exercicios.

Artigo 22º.-Integridade da Facenda.

1. Non se poderá transixir sobre os dereitos da Facenda da Comunidade, nin someter a arbitraxe as contendas que se susciten respecto deles, senón mediante decreto acordado pola Xunta de Galicia.

2. A subscrición pola Facenda da Comunidade dos acordos de convenios en procesos concursais previstos na Lei de axuizamento civil e na Lei de suspensión de pagamentos requirirá unicamente autorización do conselleiro de Economía e Facenda.

3. Os actos e contratos realizados en prexuízo da Facenda da Comunidade polos que resulten debedores dela serán rescindibles conforme as disposicións legais que lles sexan aplicables.

Artigo 23º.-Prescrición.

1. Salvo o establecido polas leis reguladoras dos diferentes recursos, prescribirá ós cinco anos o dereito da Facenda da Comunidade:

a) A recoñecer ou liquidar créditos ó seu favor, computándose o citado prazo desde o día no que o dereito puido exercitarse.

b) Ó cobro dos créditos recoñecidos ou liquidados, que se contará desde a data da súa notificación ou, se esta non fose preceptiva, desde o seu vencemento.

2. En todo caso, o prazo de prescrición a que se refire o punto anterior será de catro anos para tódolos recursos derivados dos tributos propios da Comunidade Autónoma.

3. A prescrición quedará interrompida:

a) Pola interposición de reclamacións ou recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia perante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos devanditos recursos.

b) Por calquera actuación do obrigado conducente ó recoñecemento, á liquidación ou ó pagamento da débeda.

c) Por calquera acción administrativa, realizada con coñecemento formal do obrigado, conducente ó recoñecemento, á liquidación ou ó cobramento da débeda.

4. Os dereitos declarados prescritos serán dados de baixa en contas, logo da tramitación do oportuno expediente, no que, se é o caso, se declarasen as responsabilidades a que houbese lugar, salvo que procedese a súa tramitación en peza separada na forma disposta no título VI desta lei.

5. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para que poida dispoñe-la non liquidación de débedas ou a anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas cando a súa execución resulte antieconómica. Para estes efectos, a dita consellería determinará previamente o límite cuantitativo no que se considere que se produce tal efecto.

Capítulo II Das obrigas

Artigo 24º.-Nacemento e esixibilidade.

1. As obrigas económicas da Comunidade e dos seus organismos autónomos nacen da lei, dos negocios xurídicos e dos actos e feitos que, conforme a dereito, as xeren.

2. O pagamento das obrigas só lle será esixible á Facenda da Comunidade na medida que resulte da execución dos seus orzamentos, de sentencia xudicial firme ou de operacións de Tesourería legalmente autorizadas.

3. Cando as ditas obrigas teñan por causa prestacións ou servicios á Administración da Comunidade, o pagamento non poderá realizarse mentres o acredor non cumpra ou garanta, conforme a lei, a súa respectiva obriga.

Artigo 25º.-Inembargabilidade.

1. Os tribunais, xuíces e autoridades administrativas non poderán despachar nin dictar mandamento de execución ou providencia de embargamento contra os dereitos, fondos, valores e demais bens da Facenda da Comunidade.

2. O cumprimento das resolucións que determinen obrigas a cargo da Comunidade ou dos seus organismos autónomos corresponderalle exclusivamente á autoridade administrativa que sexa competente.

Se non existise crédito no orzamento en vigor ou fose insuficiente o dispoñible, solicitarase do Parlamento, dentro dos tres meses seguintes á notificación da resolución, a concesión dun crédito extraordinario ou dun suplemento de crédito.

Corrección de erros. Artigo 25º.2 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 26º.-Xuros.

Se o pagamento das obrigas da Comunidade non se lle fixese efectivo ó acredor no prazo dos tres meses seguintes ó día da notificación da resolución xudicial ou do recoñecemento da propia obriga, este terá dereito ó aboamento dos correspondentes xuros de demora sobre a cantidade debida ó tipo establecido no número 2 do artigo 21º sempre que reclame por escrito o cumprimento da obriga.

Artigo 27º.-Prescrición.

1. Salvo o establecido nas leis especiais, prescribirán ós cinco anos:

a) O dereito ó recoñecemento ou á liquidación de toda obriga, computándose o prazo desde o momento no que esta sexa esixible conforme a dereito.

b) O dereito a esixi-lo pagamento das obrigas recoñecidas ou liquidadas. O prazo contarase desde a data de notificación do recoñecemento ou da liquidación da respectiva obriga.

2. O pedimento por escrito do recoñecemento ou do cumprimento da obriga, ou da efectividade do seu pagamento, por parte dos acredores lexítimos, ou dos que se subroguen nos seus dereitos, mediante a presentación dos documentos xustificativos do seu dereito, interromperá a prescrición, segundo o disposto no Código civil, salvo o establecido en leis especiais.

3. As obrigas que prescribisen serán dadas de baixa nas contas respectivas, logo de tramitación do oportuno expediente.

TÍTULO II Das operacións de endebedamento

Capítulo I Das operacións de endebedamento

Artigo 28º.-Endebedamento.

Constitúe o endebedamento público os capitais tomados a préstamo pola Xunta de Galicia ou polos seus organismos autónomos. A emisión de débeda pública ou a concertación doutras operacións de crédito, a súa administración, conversión ou extinción, así como a prescrición dos capitais e dos seus xuros, regularanse polas disposicións desta lei.

Artigo 29º.-Denominación e autorización.

1. As operacións de crédito e a emisión de débeda pública poderanas levar a cabo a Comunidade ou os seus organismos autónomos, recibindo no primeiro caso a denominación de «Débeda da Comunidade Autónoma de Galicia» e no segundo a de «Débeda dos organismos autónomos».

2. O endebedamento, tanto da Comunidade Autónoma coma dos seus organismos autónomos, terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento por realizar, deberá sinala-lo importe máximo autorizado. A Xunta de Galicia poderá determinar ó longo do período de autorización límites inferiores ó dito importe se así o aconsellasen circunstancias de política económica.

Artigo 30º.-Destino.

1. A débeda e demais operacións de crédito concertadas pola Comunidade ou polos seus organismos autónomos por prazo superior a un ano destinaranse exclusivamente ó financiamento de gastos de capital.

2. A contía das anualidades de amortización, incluído capital e xuros, non poderá exceder do 25% dos ingresos correntes previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma en cada ano.

Artigo 31º.-Débeda de Tesourería.

1. No endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de Tesourería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano.

Na lei de orzamentos de cada ano autorizarase o límite máximo destas operacións para cada exercicio.

2. O producto da débeda de Tesourería a que se refire o número anterior contabilizarase independentemente nas contas de operacións do Tesouro. Os gastos e xuros que motive seranlle imputados ó orzamento da Comunidade antes do peche do exercicio, e á devandita débeda seralle aplicable, de proceder, o establecido nos artigos 38º e 39º desta lei.

3. En todo caso, a partir do momento no que o montante total anual destas operacións transitorias exceda do 5% do estado de gastos, deberáselle dar conta trimestralmente ó Parlamento da evolución daquelas.

Artigo 32º.-Importe máximo.

1. Nas autorizacións de endebedamento incluídas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade e noutras leis especiais, o importe máximo autorizado deberá entenderse, agás disposición contraria, como variación neta da posición debedora da Comunidade ou de cada un dos organismos autónomos ós que a dita autorización se refira, computada ó remate do período ó que se estenda a autorización.

2. Queda excluído do disposto no parágrafo anterior a débeda de Tesourería a que se refire o artigo 31º.

Artigo 33º.-Autorización da emisión ou contracción.

1. As emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade ou os seus organismos autónomos terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ó que lle corres ponderá así mesmo autoriza-las súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación.

Tales actos de endebedamento, cando este teña un prazo de vencemento superior a un ano, poderán ser formalizados dentro do exercicio orzamentario no que a lei autorice a súa creación ou do exercicio seguinte.

2. Cando se trate de conseguir unha mellor administración da débeda pública emitida ou das operacións de crédito formalizadas, a Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá acorda-la súa conversión ou renegociación, e daralle conta ó Parlamento de Galicia dentro dos trinta días seguintes e sempre que non se altere o equilibrio financeiro daquelas, nin se prexudiquen, se é o caso, os dereitos económicos dos posuidores.

Artigo 34º.-Contabilización.

Sen prexuízo do disposto no artigo 36º, o producto das emisións continuas de títulos de pagamento ou calquera outro título emitido pola Comunidade Autónoma con vencemento igual ou inferior a dezaoito meses, así como o importe das amortizacións destes, contabilizaranse independentemente en contas de Tesourería, aplicándose o saldo neto das ditas operacións, ó remate do exercicio orzamentario, ó orzamento da Comunidade.

Os gastos por xuros ou de calquera outra natureza derivados da súa emisión ou amortización aplicaranse ó orzamento seguindo as normas xerais determinadas nesta lei.

Artigo 35º.-Subscrición e transmisión.

1. A débeda pública poderá estar representada por títulos-valores ou calquera outro documento que formalmente a recoñeza.

2. Na subscrición e transmisión da débeda pública negociable só será preceptiva a intervención de fedatario público cando aquela estea representada por títulos valores e así o dispoña a lexislación aplicable a estes. Non será preceptiva, en todo caso, para as operacións con títulos de pagamento ou títulos análogos emitidos pola Comunidade ou os seus organismos autónomos nos que os títulos-valores se extingan pola súa transformación en anotacións en conta.

Artigo 36º.-Aplicación orzamentaria.

O producto que se obteña da débeda pública e demais operacións de crédito, así como a súa amortización e xuros, aplicarase ó orzamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos correspondentes, sen prexuízo do disposto no artigo 34º.

Artigo 37º.-Competencia e atribucións do conselleiro de Economía e Facenda.

Coas limitacións que se derivan do contido do presente capítulo, facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para:

1. Proceder a autoriza-la emisión ou contracción de débeda pública e demais operacións de crédito da Comunidade ou dos seus organismos autónomos respectivos, determinando a súa representación en títulos-valores, títulos de pagamento ou outros documentos que formalmente a recoñezan; sinalar ou concerta-lo seu prazo, tipo de xuro e demais características; e formalizar, se é o caso, en representación da Comunidade Autónoma, tales operacións, podendo delega-la dita representación nun funcionario da consellería cando a formalización da operación se realice no estranxeiro.

2. Utilizar para a colocación de emisións de débeda pública calquera técnica financeira relativa á súa oferta, xuros, prazo ou calquera outra condición delas, sempre que o seu uso non represente a creación de situacións distintas ás derivadas das prácticas usualmente aceptadas nos mercados financeiros.

3. Proceder de acordo coas condicións da emisión ou da contracción, ou de mutuo acordo cos acredores, ó reembolso anticipado total ou parcial da débeda pública ou dos préstamos concertados ou á modificación dalgunha das súas condicións cando a situación do mercado ou outras circunstancias así o aconsellen.

4. Calquera outra operación usual no mercado financeiro, sempre que non prexudique os acredores ou se realice de común acordo con estes e non estea expresamente excluída pola normativa aplicable.

5. Encomendárlle-lo exercicio das facultades expostas nos números anteriores en relación coa débeda pública emitida ou contraída polos organismos autónomos ós seus correspondentes órganos rectores.

Artigo 38º.-Beneficios.

1. A débeda pública da Comunidade gozará dos mesmos beneficios cá débeda pública do Estado e suxeitarase ás demais normas que lle sexan aplicables segundo a súa modalidade e características, e conforme o previsto polas leis.

2. Ós títulos ó portador da débeda pública que fosen roubados ou furtados, ou que sufrisen extravío ou destrucción, seralles aplicable o procedemento previsto pola lexislación mercantil, agás que se dictasen procedementos administrativos especiais que total ou parcialmente substituísen a aquel.

Artigo 39º.-Prescrición.

A obriga de reembolso dos capitais da débeda pública e o pagamento dos seus xuros prescribirán de acordo co procedemento e cos prazos establecidos pola normativa vixente para a débeda pública do Estado.

Capítulo II Das garantías

Artigo 40º.-Garantía por aval.

1. A Comunidade Autónoma poderá afianza-las obrigas derivadas de créditos concertados por per soas naturais ou xurídicas, públicas ou privadas, con domicilio social en Galicia, mediante o outorgamento do correspondente aval da Tesourería, na forma establecida nesta lei.

2. Os citados avais autorizaraos a Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 41º.-Importe.

O importe máximo dos avais que poderá concede-la Comunidade Autónoma durante o ano será determinado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade.

Artigo 42º.-Beneficiarios.

1. A Comunidade Autónoma poderá avala-las operacións de crédito que a favor dos seus organismos autónomos, sociedades públicas e corporacións locais sitas no seu territorio concedan as entidades de crédito legalmente establecidas.

Así mesmo poderalles prestar un segundo aval ás empresas privadas que teñan fixado o seu domicilio social ou a radicación dos seus negocios en Galicia.

2. Os créditos avalados na forma indicada no número anterior, no caso de que os beneficiarios sexan empresas privadas, soamente poderán ter como finalidade financia-la creación, reconversión e reestructuración de medianas e pequenas empresas que, mediante a presentación dun plan económico-financeiro, demostren a capacidade e o dimensionamento necesario para facer viable a súa continuidade. Neste suposto cada aval individualizado non poderá exceder do 2% do límite global autorizado na Lei de orzamentos xerais da Comunidade.

3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma controlará a debida aplicación dos créditos avalados.

Trimestralmente daráselle conta ó Parlamento dos avais existentes, dos novos avais concedidos e, se é o caso, dos riscos efectivos ós que a Tesourería da Comunidade lles tivese que facer fronte.

Artigo 43º.-Obrigas.

1. Os avais outorgados pola Comunidade Autónoma terán carácter subsidiario e obrigarán á súa Tesourería polo importe do principal e dos xuros só no caso de non poder satisfacelos o debedor principal ou o primeiro avalista.

2. Poderá convirse a renuncia ó beneficio de excusión previsto no artigo 1.830º do Código civil se se garantisen créditos concertados polos seus organismos autónomos e entes públicos, corporacións locais existentes no seu territorio ou, para cada caso, se se autorizase a dita renuncia por lei do Parlamento de Galicia.

3. Os avais outorgados pola Comunidade Autónoma documentaranse na forma na que regulamentariamente se determine e devengarán a favor da súa Tesourería a comisión que para cada caso se estableza.

Artigo 44º.-Autorización legal.

Para a concesión de calquera outra forma de aval da non prevista no presente capítulo será precisa autorización mediante a correspondente lei, a que determinará polo menos a identidade dos avalados e o límite e prazo do correspondente aval.

Artigo 45º.-Avais dos organismos autónomos.

1. Os organismos autónomos e entes públicos poderán prestar avais dentro do límite máximo fixado con esta finalidade para cada exercicio pola correspondente lei de orzamentos xerais, sempre que os beneficiarios sexan sociedades públicas ou mercantís no capital das cales participen. Dos avais que concedan, así como da situación dos existentes, deberán renderlle conta anual á Consellería de Economía e Facenda.

Sen embargo, o Instituto Galego de Promoción Económica poderá conceder avais, dentro do límite máximo fixado, a aquelas empresas privadas, participadas ou non por este instituto, e para aquelas operacións que reúnan as condicións e cumpran os requisitos que se establezan por acordo do Consello da Xunta de Galicia por proposta da Consellería de Economía e Facenda. O citado acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, ós avais concedidos en virtude deste artigo deberá dárselles publicidade no Diario Oficial de Galicia.

2. Os avais así concertados cumprirán as condicións establecidas no artigo 43º.1 desta lei, salvo acordo da Xunta no que autorice a renuncia do beneficio de excusión previsto no artigo 1.830º do Código civil.

TÍTULO III Dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma

Capítulo I Contido e aprobación

Artigo 46º.-Concepto.

1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma constitúen a expresión cifrada, conxunta e sistemática:

a) Das obrigas que, como máximo, se poderán recoñecer e os dereitos que se prevexan liquidar por parte da Comunidade e dos seus organismos autónomos durante o exercicio orzamentario.

b) Dos obxectivos que se pretendan conseguir coa utilización dos recursos financeiros consignados neles.

c) Das estimacións dos fluxos financeiros das sociedades públicas.

d) Da totalidade dos gastos e ingresos dos demais entes públicos.

e) Dos beneficios fiscais estimados.

2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma enmarcaranse nun escenario plurianual que conteña as liñas básicas da actuación a medio prazo do sector público galego.

3. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma presentaranse e aprobaranse de forma que os estados de gastos non superen os recursos totais previstos nos respectivos estados de ingresos.

4. Logo da autorización do conselleiro de Economía e Facenda poderán xestionarse como operacións extra orzamentarias aquelas nas que a actividade da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das sociedades públicas autonómicas de carácter non mercantil se limite á realización de funcións de intermediación na súa xestión.

En todo caso, terán a consideración de operacións extra orzamentarias aquelas xeradas nos procedementos de liquidación dos patrimonios deferidos a favor da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia de procesos de sucesión legal intestada. Logo de acadar firmeza a resolución de liquidación, procederase a imputar ao orzamento os dereitos e as obrigas que lle correspondan á Comunidade Autónoma.

Artigo 46 bis. Principios da xestión económico-financeira

1. Os suxeitos que integran o sector público autonómico orientarán a súa xestión económico- financeira ao cumprimento da eficacia na consecución dos obxectivos fixados e da eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos, nun marco de obxectividade e transparencia na súa actividade administrativa.

2. A programación e execución da actividade económico-financeira do sector público autonómico terán como finalidade a obtención dos resultados concretados nos obxectivos fixados así como o seguimento e rendición de contas destes, e contribuirán á continua mellora dos procedementos, servizos e prestacións públicas, de acordo coas políticas de gasto establecidas polo Consello da Xunta e en función dos recursos dispoñibles.

3. Os titulares dos servizos, organismos e demais entes instrumentais que compoñen o sector público autonómico serán responsables da consecución dos obxectivos fixados, promovendo un uso eficiente dos recursos públicos e prestando un servizo de calidade aos cidadáns.

Artigo 46 ter. Planificación económica

1. En aplicación do principio de orientación a resultados, a actuación económica a medio prazo do sector público autonómico estará ordenada nun plan estratéxico ou de goberno (PEG).

2. O Plan estratéxico é o instrumento que fixa a finalidade última dos actos de goberno e precisa, xerarquiza e establece prioridades, ordenando e dotando de coherencia o conxunto de actividades que a Xunta levará a cabo a medio prazo.

3. O Plan estratéxico debe axustarse ao marco financeiro plurianual da Comunidade Autónoma e contar cunha definición dos obxectivos estratéxicos e operativos coherente coa dos programas plurianuais de gasto, así como de indicadores que permitan seguir a súa consecución.

Artigo 46. quater. Plans sectoriais e transversais

1. As diferentes seccións e servizos do sector público autonómico deben desenvolver as estratexias priorizadas no Plan estratéxico dentro do eido da súa competencia a través de plans sectoriais ou transversais.

2. Plan sectorial é un conxunto ordenado de actuacións sectoriais que colaboran na consecución dun ou varios obxectivos estratéxicos para Galicia.

3. Plan transversal é un conxunto ordenado de actuacións que abranguen varias políticas de gasto ou departamentos da Comunidade Autónoma co obxecto de acadar un ou varios obxectivos estratéxicos para Galicia.

4. Os anteditos plans deben contar cun contido mínimo, que consistirá nunha diagnose da situación, en obxectivos estratéxicos e operativos e en indicadores e sistemas de información que permitan o seu seguimento e avaliación. En todo caso, os referidos plans deben conter os obxectivos e indicadores que no Plan estratéxico se refiran á área de actuación deste.

5. As previsións económicas e orzamentarias que conteñan os anteditos plans serán coherentes coas do marco orzamentario plurianual vixente en cada momento. Para tal efecto, deberá emitir informe sobre estes documentos a consellaría competente en materia de facenda.

6. Para estes efectos, todo documento que trate de ordenar a actividade plurianual con carácter sectorial ou transversal dun ou varios servizos da Administración autonómica, independentemente da súa denominación, terá a consideración de plan e deberá axustarse ao establecido neste artigo.

7. A estrutura da planificación sectorial e transversal debe axustarse á clasificación funcional do orzamento da Comunidade Autónoma e incardinarse no PEG

Artigo 46 quinquies. Asignación orzamentaria e xestión encamiñada a resultados

1. Os programas plurianuais das consellarías atenderán á consecución dos obxectivos que se establezan na planificación estratéxica de Galicia e nas súas concrecións sectoriais e transversais e recollerán os indicadores precisos para garantir o seu seguimento.

2. As asignacións orzamentarias aos centros xestores de gasto efectuaranse tendo en conta, entre outras circunstancias, o nivel de cumprimento dos obxectivos en exercicios anteriores.

3. Os obxectivos de carácter instrumental deberanse pór en relación cos obxectivos finais aos que serven.

4. Os sistemas de xestión e control do gasto público deberán orientarse a asegurar a consecución dos resultados previstos mediante a realización dos obxectivos operativos e estratéxicos finais dos programas orzamentarios e a proporcionar información sobre o seu cumprimento, as desviacións que poidan producirse e as súas causas.

5. Corresponde ao departamento competente en materia de facenda establecer a metodoloxía que se deberá seguir para a definición e a avaliación dos indicadores precisos para a planificación e programación financeira, así como para o desenvolvemento do control da eficacia e a eficiencia vinculada á execución orzamentaria.

6. Os titulares dos centros xestores do gasto responsables dos distintos programas orzamentarios formularán un balance de resultados e un informe de xestión relativos ao cumprimento dos obxectivos fixados para ese exercicio no programa plurianual correspondente ao devandito centro xestor do gasto, que se incorporarán á memoria das correspondentes contas anuais.

7. A comprobación do grao de cumprimento dun programa orzamentario efectuarase en función dos resultados cando estes sexan mensurables e identificables. Cando os resultados non sexan mensurables, a efectividade do programa farase mediante indicadores que permitan a súa medición indirecta.

Artigo 47º.-O exercicio orzamentario.

O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle:

a) Os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período ó que correspondan.

b) As obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servicios ou outro tipo de gastos realizados con cargo ós créditos respectivos dentro do correspondente ano natural, sen prexuízo do disposto no punto 2 do artigo 60º.

Artigo 48º.-Contido.

1. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma estarán integrados:

a) Polo orzamento da Comunidade.

b) Polos orzamentos dos organismos autónomos.

c) Polos orzamentos das axencias públicas autonómicas.

d) Polos orzamentos de explotación e de capital das sociedades mercantís do artigo 12 desta lei e daquelas nas que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.

e) Polos orzamentos dos entes públicos aos que fai referencia o artigo 12 desta lei.

f) Polos orzamentos de explotación e capital das fundacións do sector público autonómico nas que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.

g) Polos orzamentos dos consorcios nos que concorran os requisitos determinados polo Sistema Europeo de Contas para integrarse no sector da administración pública autonómica de Galicia.

h) En todo caso, polos orzamentos das demais entidades que estean clasificadas como administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo coas normas do Sistema Europeo de Contas, salvo as universidades públicas.

2. Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma conterán:

a) Os estados de gastos, nos que se especificarán na forma establecida os créditos necesarios para darlles cumprimento ás obrigas.

b) Os estados de ingresos, nos que se detallarán as estimacións dos dereitos económicos que se liquidarán durante o exercicio orzamentario.

c) Os estados financeiros dos organismos autónomos comerciais, industriais ou financeiros aos que fai referencia o artigo 11 desta lei.

d) Os estados financeiros das sociedades públicas autonómicas, entes de dereito público e demais entidades con personalidade xurídica propia que formen parte do sector administracións públicas, segundo o Sistema Europeo de Contas.

Artigo 49º.-Estructura.

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustaranse, en canto á súa estructura, ás seguintes regras:

Primeira.

a) Os estados de gastos confeccionaranse aplicando unha clasificación funcional por programas. Así mesmo, as clasificacións orgánica e económica informarán, respectivamente, sobre o axente que realiza o gasto e a súa natureza.

b) Para cada programa de gasto estableceranse os obxectivos que se pretenden conseguir cos recursos que se lle asignen, así como sempre que sexa posible os indicadores de seguimento que se consideren adecuados para analiza-lo grao de consecución destes.

c) Presentaranse con separación os gastos correntes e os gastos de capital, e a súa clasificación económica rexerase polos seguintes criterios:

1. Nos créditos para gastos correntes distinguiranse os de funcionamento dos servicios, os gastos financeiros e as transferencias correntes.

2. Nos créditos para gastos de capital distinguiranse os de investimentos reais, as transferencias de capital e as variacións de activos e pasivos financeiros.

Segunda.

Os estados de ingresos presentarán unha clasificación económica distinguindo os correspondentes a operacións correntes e a operacións de capital.

Corrección de erros. Artigo 49, regra primeira, redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 50º.-Competencias das consellerías.

1. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda determinar con carácter xeral as estructuras básicas dos orzamentos e os demais estados financeiros correspondentes á Comunidade, ós seus organismos autónomos e ós demais entes e sociedades públicas.

2. As distintas consellerías adoptarán as ditas estructuras básicas e desenvolveranas en función das súas propias necesidades de xestión e das dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas a elas adscritas.

3. Os obxectivos e indicadores de seguimento ós que fai referencia o artigo 49º. Primeira. b) estableceranos as consellerías, os organismos autónomos e demais entes públicos, de acordo coa Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 50 bis. Oficina orzamentaria

1. No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, en cada sección orzamentaria, baixo a dependencia da correspondente secretaría xeral técnica, identificarase un órgano, con nivel mínimo de servizo, que desenvolverá como mínimo as seguintes funcións, sen prexuízo daqueloutras que poidan establecerse nos decretos de estrutura orgánica:

a) Formular, en termos de obxectivos e programas de gasto, incluso plurianuais, os plans de actuación e proxectos dos servizos orzamentarios dependentes.

b) O estudo e informe económico dos actos e disposicións con repercusión económicofinanceira nos orzamentos de gastos e ingresos.

c) Informar e propoñer, se é o caso, á comisión orzamentaria que corresponda a revisión dos programas de gasto e desenvolver e aplicar as instrucións para a elaboración do orzamento anual.

d) A elaboración e tramitación do anteproxecto anual de orzamentos da sección e a coordinación dos correspondentes ás entidades instrumentais dependentes, o seguimento da execución dos créditos orzamentarios e a tramitación das súas modificacións.

e) O seguimento do grao de realización dos obxectivos respecto dos programas e actuacións que se determinen na lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) A análise e coordinación de cantos recursos financeiros ten asignados a sección, así como a coordinación e seguimento da aplicación dos fondos europeos ou outros finalistas que financien programas ou proxectos da sección e das súas entidades dependentes, sen prexuízo das funcións atribuídas ás outras unidades e órganos da sección.

2. Nas entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma de Galicia cuxa normativa específica confira carácter limitativo aos créditos do seu orzamento de gastos, estableceranse as unidades necesarias para dar cumprimento ao sinalado na letra d) do número anterior.

3. Por orde da consellaría competente en materia de facenda aprobarase o desenvolvemento regulamentario relativo á realización destas funcións e o procedemento que se debe seguir para o exercicio de cada unha delas.

Artigo 51º.-Elaboración dos orzamentos xerais.

O procedemento para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustarase ás seguintes normas:

1. Os órganos estatutarios da Comunidade Autónoma e as consellerías remitiranlle á de Economía e Facenda antes do 1 de xullo os seus respectivos estados de gastos debidamente documentados e axustados ás normas que lles sexan aplicables e ás directrices establecidas pola Xunta.

2. Dentro do mesmo prazo e coas mesmas formalidades indicadas no punto anterior, cada unha das consellerías remitirá:

a) Os anteproxectos de orzamentos de gastos e ingresos dos organismos autónomos que teñan ads critos, formando un só orzamento para cada organismo, incluíndo nos que teñan carácter comercial, industrial ou financeiro os estados financeiros a que fai referencia o artigo 82º da presente lei.

b) Os anteproxectos de orzamentos de ingresos e gastos dos entes públicos ós que fai referencia o artigo 12º desta lei que lle estean adscritos.

c) Os anteproxectos de orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas que teñan adscritas.

3. O anteproxecto de orzamento de ingresos da Comunidade Autónoma no que se recolla a estimación dos recursos derivados das súas fontes xerais de financiamento elaborarao a Consellería de Economía e Facenda.

4. Tendo en conta os estados de ingresos e gastos mencionados e o marco macroeconómico no que se conteña a previsible actividade económica do exercicio orzamentario seguinte, a Consellería de Economía e Facenda formulará o anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e someterao a acordo da Xunta.

5. Xunto co anteproxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma remitiráselle ó Consello da Xunta a seguinte documentación:

a) A conta consolidada dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) Unha memoria explicativa do seu contido e das principais diferencias existentes neles en relación co orzamento en vigor.

c) A liquidación dos orzamentos do ano anterior e un avance dos do exercicio corrente.

d) Un informe económico e financeiro.

e) Un anexo de investimentos reais, que conterá a valoración dos proxectos de investimento público que se van realizar e a súa distribución territorial. No caso de investimentos plurianuais, indicarase o investimento de cada ano.

Dentro do dito anexo de investimentos reais distinguiranse os proxectos de investimento en vinculantes e non vinculantes. Os créditos destinados a proxectos de investimento ós que se lles dea carácter vinculante non poderán destinarse ó financiamento doutros proxectos, agás por autorización do conselleiro de Economía e Facenda. Trimestralmente comunicaráselle á Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia a relación das autorizacións realizadas, no caso de as haber.

f) Un anexo de transferencias.

g) Un anexo de persoal.

Artigo 52º.-Remisión ó Parlamento.

O proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, xunto coa documentación establecida no número 5 do artigo anterior, remitiráselle ó Parlamento de Galicia antes do 20 de outubro, para os efectos do artigo 53º.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Artigo 53º.-Orzamentos das deputacións provinciais.

A Xunta remitiralle igualmente ó Parlamento de Galicia os orzamentos das deputacións provinciais, para os efectos previstos na disposición adicional terceira do Estatuto de autonomía e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 53 bis. Comparecencia dos titulares da presidencia das deputacións provinciais ante a comisión parlamentaria

Sen prexuízo da competencia dos plenos das deputacións provinciais para a aprobación dos seus orzamentos en uso da súa autonomía constitucional e estatutariamente garantida, o Parlamento de Galicia tomará coñecemento deles desde a perspectiva dos intereses xerais comunitarios directamente afectados. Para estes efectos, deberán comparecer ante a comisión parlamentaria competente, de acordo co Regulamento do Parlamento de Galicia, as persoas titulares da presidencia das deputacións.

Artigo 54º.-Prórroga dos orzamentos xerais.

Se a lei de orzamentos xerais non fose aprobada polo Parlamento de Galicia antes do primeiro día do exercicio económico no que teña que aplicarse, consideraranse automaticamente prorrogados os do exercicio inmediato anterior.

1. A Consellería de Economía e Facenda poderá elaborar, se é o caso, os correspondentes estados de gastos nos que se detallarán os importes dos créditos prorrogados. Os ditos importes serán o resultado de realizar nos créditos iniciais do orzamento prorrogado as operacións seguintes:

a) Excluiranse aqueles gastos que correspondan a actuacións que deban quedar ultimadas ó finaliza-lo exercicio os orzamentos do cal se prorrogan, así como aqueles que non se consideren necesarios para o exercicio que se inicia.

b) Nos indicados estados de gastos incluiranse aqueles créditos que correspondan a actuacións de urxente iniciación ou cobertura, sempre que teñan cabida dentro das baixas motivadas polo indicado na alínea a) anterior.

c) O conselleiro de Economía e Facenda determinará qué modificacións orzamentarias das realizadas durante o exercicio os orzamentos do cal se prorrogan se consolidarán nos estados de gastos a que fai referencia a alínea a).

2. Durante o período de prórroga seralles aplicable ós estados de gastos resultantes do disposto no número anterior o contido no capítulo II deste título III.

3. Unha vez aprobados os orzamentos xerais da Comunidade procederase a imputarlles a estes as operacións realizadas durante o período de prórroga, de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Economía e Facenda.

No caso de non existir nos orzamentos aprobados créditos ós que lles imputar expedientes de gasto tramitados durante o período de prórroga, a consellería ou o organismo autónomo afectado propoñeralle á Consellería de Economía e Facenda aqueles créditos do orzamento aprobado con cargo ós cales deberá efectuarse a imputación.

4. A Consellería de Economía e Facenda confeccionará así mesmo os estados de ingresos que terán vixencia durante o período de prórroga e que se elaborarán en función das previsións que poidan derivarse ben da liquidación dos orzamentos de ingresos do exercicio prorrogado ou de calquera outro dato válido para sustenta-las ditas previsións, sempre que non supoña a introducción de ningún cambio na normativa legal vixente durante o exercicio do cal se prorroga o orzamento.

5. O texto da Lei de orzamentos correspondente ós que se prorrogan tamén se prorrogará nos seus propios termos, excepto aquelas disposicións que polas súas propias características só puidesen ter exclusiva vixencia durante o respectivo ano natural.

Artigo 55º.-Dereitos e obrigas recoñecidas.

1. Os dereitos liquidados e as obrigas recoñecidas aplicaranse ós orzamentos polo seu importe íntegro, quedando prohibido atender obrigas mediante minoración dos dereitos que se van liquidar ou xa ingresados, a non ser por autorización expresa dunha lei.

2. Exceptúanse do disposto no punto anterior as devolucións de ingresos que se declaren indebidos por tribunal ou autoridade competentes e o reembolso do custo das garantías achegadas polos contribuíntes para obte-la suspensión cautelar do pagamento de débedas tributarias impugnadas, en canto estas sexan declaradas improcedentes e a dita declaración adquira firmeza.

3. Para os efectos deste artigo entenderase por importe íntegro o que resulte despois de aplica-los beneficios fiscais que sexan procedentes, os que deberán ser obxecto de contabilización independente. O importe dos beneficios fiscais que afecten ós tributos propios da Comunidade Autónoma incluiranse na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 55 bis. Fondo de Continxencia de Execución Orzamentaria

1. Nas seccións 50.01 e 23 do orzamento da Xunta de Galicia recollerase un fondo para atender as necesidades que poidan xurdir no exercicio corrente e sexan inaprazables, de carácter non discrecional e que non tivesen en todo ou en parte a axeitada dotación orzamentaria.

2. Este fondo dotarase por importe conxunto do 2 % do total dos recursos propios para operacións non financeiras, e será dedicado unicamente a financiar, cando proceda, as seguintes modificacións:

a) As ampliacións de crédito reguladas no artigo 64 e mais no correspondente da Lei de orzamentos de cada exercicio.

b) Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito que se instrumenten mediante norma de rango legal, de conformidade co previsto no artigo 62.

Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito do Servizo Galego de Saúde.

c) As incorporacións de crédito recollidas no artigo 71, agás as que se financien con fondos que deban ingresarse durante o exercicio corrente.

Non poderá aplicarse en ningún caso o fondo para financiar modificacións que teñan por fin dar cobertura a gastos ou actuacións que deriven de decisións discrecionais da Administración e carezan de cobertura orzamentaria.

3. No expediente de aplicación do fondo a sección solicitante deberá acreditar que non conta con dispoñibilidade no seu orzamento para financiar a necesidade sobrevida.

4. A aplicación do Fondo de Continxencia aprobarase, por proposta do conselleiro de Facenda, mediante acordo do Consello da Xunta previamente á autorización das respectivas modificacións de crédito.

5. A Xunta de Galicia remitiralle ao Parlamento de Galicia, a través do conselleiro de Facenda, un informe trimestral acerca do emprego do fondo regulado neste artigo

Capítulo II Dos créditos e das súas modificacións

Artigo 56º.-Autorización de créditos.

1. Os créditos consignados nos estados de gastos destinaranse exclusivamente ás finalidades específicas para as que foron autorizados pola lei de orzamentos ou polas modificacións aprobadas conforme esta lei.

2. Os créditos autorizados nos programas de gastos teñen carácter limitativo e vinculante no nivel de concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal, excepto os que se refiren a incentivos ó rendemento, e os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante no nivel de artigo.

3. No orzamento correspondente ós servicios transferidos do Insalud a vinculación anterior entenderase referida ós seus grupos de programas, atendidos o alcance e grao de pormenor da súa estructura na citada clasificación, en tanto en canto a dita estructura difira da establecida con carácter xeral para a Comunidade Autónoma.

4. En todo caso terán carácter vinculante, co nivel de desagregación económica co que aparezan nos estados de gastos, os créditos destinados a atencións protocolarias e representativas e os declarados ampliables conforme o artigo 64º desta lei.

Artigo 57º.-Nulidade de obrigas.

1. Non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos figurados nos estados de gastos, sendo nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais con rango inferior a lei que infrinxan a expresada norma, sen prexuízo das responsabilidades a que haxa lugar.

2. Exceptúanse do disposto no número 1 anterior aqueles compromisos de gastos que regulamentariamente se determinen, cando a imputación corresponda a créditos ampliables ou que se adquiran como consecuencia das necesidades propias do normal funcionamento dos servicios e o seu importe exacto sexa de difícil previsión por corresponder a obrigas de tracto sucesivo.

Artigo 58º.-Gastos plurianuais.

1. Poderán adquirirse compromisos de gastos de carácter plurianual, aínda que a súa execución deba iniciarse no exercicio seguinte, cando o seu contido coincida cos que a seguir se especifican:

a) Investimentos e transferencias de capital.

b) Transferencias correntes derivadas de normas con rango de lei, ou que se concedan a través de convocatorias ou do asinamento de convenios, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta.

c) Gastos en bens e servizos cuxa contratación baixo as modalidades establecidas na Lei de contratos do sector público non poida ser estipulada ou resulte antieconómica por prazo que comprenda un só exercicio orzamentario.

d) Arrendamentos de bens inmobles que vaian ser utilizados por organismos ou servizos da comunidade autónoma.

e) Cargas financeiras derivadas de operacións de endebedamento da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.

f) Activos financeiros.

g) Convenios con universidades e outras institucións ou centros docentes cando aqueles deban executarse durante cursos académicos coincidentes con dous exercicios orzamentarios.

2. A autorización ou realización dos gastos de carácter plurianual subordinarase ós créditos que para cada exercicio se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3. O número de exercicios aos que se poden aplicar os gastos incluídos nas letras a), b), c), f) e g) do número 1 non poderá ser superior a catro.

O gasto que nestes casos se comprometa con cargo a exercicios futuros non poderá exceder o resultado de lle aplicar ao crédito inicial, a nivel de concepto, as seguintes porcentaxes: no exercicio inmediato seguinte o 70%, no segundo exercicio o 60% e nos exercicios terceiro e cuarto o 50%. Tampouco poderá ser inferior ao 10% do importe total do expediente de gasto, en ningún dos anos aos que se estenda a súa execución material, agás, se é o caso, no derradeiro exercicio.

O total dos importes comprometidos con cargo a exercicios futuros no conxunto dos conceptos que definen un nivel de vinculación non poderá superar as porcentaxes arriba indicadas, calculadas sobre o crédito inicial dese conxunto de conceptos.

Nos contratos de obra de carácter plurianual, con excepción dos realizados baixo a modalidade de aboamento total do prezo, efectuarase unha retención adicional de crédito do 10 % do importe de adxudicación, no momento en que esta se realice. Esta retención aplicarase ao exercicio en que finalice o prazo fixado no contrato para a terminación da obra ou ao seguinte, segundo o momento en que se prevexa realizar o pagamento da certificación final. Estas retencións computarán dentro das porcentaxes establecidas neste artigo.

4. Tamén poderá ser diferido o pagamento do prezo de compra das adquisicións de bens inmobles cando o importe exceda de 350 millóns de pesetas, sen que en ningún caso o desembolso inicial no momento de asina-la escritura poida ser inferior ó 30% do prezo, podendo distribuírse libremente o resto ata en catro anualidades sucesivas ós respectivos vencementos dentro das limitacións do punto anterior.

5. Con independencia do establecido nos números anteriores para os programas e proxectos de gastos de capital que se especifiquen nas leis de orzamentos, poderán adquirirse compromisos de gastos que teñan que estenderse a exercicios futuros ata o importe que para cada unha das anualidades se determine.

Para estes efectos, cando nos créditos orzamentarios se encontren incluídos proxectos das características sinaladas anteriormente, as porcentaxes a que se refire o número 3 deste artigo aplicaranse sobre os ditos créditos, unha vez deducida a anualidade correspondente a estes proxectos.

6. O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá modifica-las porcentaxes sinaladas no número 3 deste artigo e os importes que se fixen conforme o disposto no número 5, así como modifica-lo número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da correspondente consellería e logo dos informes que se xulguen oportunos, e, en todo caso, do da dirección xeral competente en materia de orzamentos.

Este procedemento será igualmente de aplicación no caso dos contratos de obras que se efectúen baixo a modalidade de aboamento total deles, segundo o previsto no artigo 99.2 do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, ben se pacte o aboamento total do prezo dunha soa vez ou se fraccione en distintas anualidades, que non poderán ser superiores a dez desde a data fixada para a conclusión das obras.

7. Os compromisos de gastos de carácter plurianual a que fai referencia o presente artigo serán adecuadamente contabilizados de forma independente.

8. O Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de facenda, poderá establecer unhas porcentaxes de límite de compromiso de gasto a exercicios futuros inferiores, logo da xustificación da súa necesidade, para garantir a senda de estabilidade orzamentaria comprometida no marco orzamentario plurianual.

Corrección de erros. Artigo 58º.4 e 58º.5 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 59º.-Anulación de créditos.

1. Os créditos destinados a atender gastos que no último día do exercicio orzamentario non estean afectados ó cumprimento de obrigas recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, salvo as excepcións recollidas no artigo 71º da presente lei.

2. Malia o indicado no número anterior, a anulación de créditos que por disposición legal teñan o carácter de incorporables non impedirá a continuación da tramitación en forma provisional de expedientes de gastos con base nos mesmos, condicionados a que ó dictarse o acordo de autorización do compromiso de gasto exista crédito adecuado e suficiente.

En ningún caso esta tramitación provisional poderá xerar dereitos a favor de terceiros.

Artigo 60º.-Regulación de obrigas.

1. Con cargo ós créditos consignados nos estados de gastos só poderán contraerse obrigas derivadas de adquisicións, obras, prestacións de servicios e demais gastos en xeral que fosen realizados no ano natural do correspondente exercicio orzamentario.

2. Sen embargo, aplicaránselles ós créditos do orzamento vixente no momento da expedición de ordes de pagamento as seguintes obrigas:

a) As que resulten do recoñecemento e da liquidación de atrasos a favor do persoal que perciba as súas retribucións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) As derivadas de compromisos de gastos debidamente adquiridos en exercicios anteriores.

c) As que teñan a súa orixe en sentencias xudiciais.

Naqueles casos nos que non exista crédito adecuado no exercicio corrente, por iniciativa da consellería correspondente, o conselleiro de Economía e Facenda poderá determina-los créditos ós que se lles deberá imputa-lo pagamento destas obrigas

Artigo 61º.-Normativa aplicable.

1. As modificacións dos créditos orzamentarios axustaranse ó disposto nesta lei e nas leis anuais de orzamentos.

2. Todo acordo de modificación orzamentaria deberá indicar expresamente, ademais da sección ou ente público a que se refira, o programa, servicio ou organismo autónomo, artigo, concepto e subconcepto, se é o caso, afectados por ela, incluso naqueles casos nos que o crédito se consigne ou sexa vinculante no nivel de artigo.

As limitacións establecidas no artigo 68º desta lei entenderanse referidas no nivel de concepto para aqueles casos nos que a vinculación establecida o sexa no nivel de artigo.

A correspondente proposta de modificación orzamentaria deberá expresar ineludiblemente a súa incidencia na consecución dos obxectivos previstos, así como as razóns que a xustifican.

3. Non terán a condición de modificacións orzamentarias nin a redistribución de créditos nin os movementos interproxectos que non alteren o nivel de vinculación dos créditos previsto no artigo 56 ou nas leis anuais de orzamentos.

4. O procedemento de xestión dos expedientes de modificacións orzamentarias que afecten a Administración xeral, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas e restantes entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma de Galicia cuxa normativa específica confira carácter limitativo aos créditos do seu orzamento de gastos desenvolverase por orde da consellaría competente en materia de facenda. Nesta orde tamén se desenvolverá o procedemento de xestión das figuras previstas no número 3 deste artigo.

Artigo 62º.-Créditos extraordinarios e suplementos.

1. Cando deba realizarse algún gasto con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma que non poida demorarse ata o exercicio seguinte e non exista crédito nos estados de gastos, ou sexa insuficiente e non ampliable o consignado, o conselleiro de Economía e Facenda, logo de informe da dirección xeral competente en materia de orzamentos, someterá ó acordo da Xunta, para a súa remisión ó Parlamento, un proxecto de lei de concesión dun crédito extraordinario no primeiro caso ou dun suplemento de crédito no segundo, no que se especificarán necesariamente os recursos con que se financiará o gasto que por estas causas se xera, e o detalle do concepto orzamentario que se debe crear ou que é suplementado.

2. Malia o indicado no punto anterior, se a necesidade de crédito extraordinario ou de suplemento de crédito se produce nun organismo autónomo e estes non supoñen aumento nos créditos do orza mento da Comunidade Autónoma, observaranse as seguintes normas:

a) A súa concesión será facultade do conselleiro de Economía e Facenda se o seu importe non excede do 5% do orzamento de gastos do organismo autónomo correspondente, e da Xunta de Galicia cando, superando a dita porcentaxe, non excede o 10% do citado orzamento de gastos. As ditas porcentaxes aplicaranse de forma conxunta e acumulada para ámbalas dúas clases de modificacións de crédito e ó longo do mesmo exercicio orzamentario.

b) No expediente de modificación orzamentaria emitirá informe a consellería á que estea adscrito o organismo autónomo que o promova, xustificando debidamente a necesidade e urxencia do gasto e propoñendo os recursos con que se financiará o incremento que se propón.

c) A Xunta de Galicia daralle conta trimestralmente ó Parlamento de Galicia dos créditos extraordinarios e suplementos de crédito concedidos ó abeiro do previsto na alínea a) deste número.

Artigo 63º.-Anticipos de Tesourería.

A Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá excepcionalmente conceder anticipos de Tesourería para atender gastos inaprazables, ata un límite do 2% dos créditos autorizados pola Lei de orzamentos xerais da Comunidade, nos seguintes casos:

a) Cando, dentro da tramitación do expediente de crédito extraordinario ou suplemento de crédito, recaese acordo favorable da Xunta para remitirlle ó Parlamento o correspondente proxecto de lei.

b) Cando se promulgue unha lei na que se establezan obrigas que para o seu cumprimento sexa precisa a concesión dun crédito extraordinario ou dun suplemento de crédito.

c) Se o Parlamento de Galicia non aprobase o proxecto de lei de concesión de crédito extraordinario ou do suplemento de crédito, o importe do anticipo de Tesourería será cancelado mediante minoración nos créditos que ocasionen menor trastorno nos servicios públicos da respectiva consellería ou organismo autónomo.

Artigo 64º.-Créditos ampliables.

1. Malia o disposto nos artigos 56º e 57º desta lei, terán excepcionalmente a condición de créditos ampliables:

a) Aqueles que se especifiquen de maneira singular na lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e coas condicións que nela se determinen.

b) Os que se destinen a cubri-los gastos dos servicios traspasados pola Administración do Estado, cando sexan ampliadas as transferencias nas respectivas materias e polo importe do custo efectivo de tódalas ampliacións, mentres este non se integre na base de cálculo para obte-la porcentaxe da participación nos ingresos do Estado.

c) As cotas de Seguridade Social e a prestación familiar, así como as achegas que, se é o caso, lle corresponda efectuar á Comunidade Autónoma ó réxime de previsión social dos seus funcionarios.

d) Os que se destinen ó pagamento de xuros, amortizacións do principal e gastos derivados da débeda pública emitida pola Comunidade Autónoma ou a operacións de crédito concertadas por ela.

e) Os créditos destinados á cobertura de necesidades de toda orde motivadas por sinistros, catástrofes ou outros de recoñecida urxencia, correspondentes a gastos en bens correntes e de servicios.

f) Os destinados ó pagamento de productos farmacéuticos procedentes de receitas médicas.

g) Os créditos dos que a súa execución corresponda a unha consellería e que a súa contía se module pola achega doutras consellerías ou organismos autónomos, logo de retención do crédito correspondente nos estados de gasto afectados. A estes créditos non lles serán aplicables as limitacións a que se refire o artigo 68º desta lei.

2. O expediente de ampliación de créditos deberá establece-la fonte de financiamento da dita ampliación, distinguindo se este se financia con retencións noutros créditos, con maiores recursos que se vaian obter, con remanente de Tesourería, con endebedamento dentro dos límites autorizados ou con outras formas de financiamento que non entrañen déficit orzamentario.

Artigo 65º.-Competencias do Consello da Xunta.

1. Correspóndelle ó Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e por iniciativa das consellerías correspondentes:

a) Autorizar transferencias de créditos entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servicios ou organismos autónomos dunha mesma consellería.

b) Autorizar transferencias de créditos entre un ou varios programas incluídos na mesma función, correspondentes a servicios ou organismos autónomos de diferentes consellerías.

c) Autorizar transferencias de crédito entre programas incluídos en distintas funcións, correspondentes a servicios ou organismos autónomos de diferentes consellerías, sempre que se trate de reorganizacións administrativas ou que se produzan como consecuencia da aplicación dos recursos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou do Fondo Social Europeo.

d) Autorizar transferencias de créditos por proposta do conselleiro de Economía e Facenda das dotacións non utilizadas nos programas das distintas seccións do orzamento ós distintos conceptos do programa de imprevistos e funcións non clasificadas, habilitando os créditos que sexan necesarios para a súa posterior reasignación.

2. De cada modificación acordada en virtude do disposto neste artigo daráselle conta de modo singular, no prazo máximo de trinta días, á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, con remisión de copia do correspondente expediente.

Artigo 66º.-Facultades da Consellería de Economía e Facenda.

Correspóndenlle ó conselleiro de Economía e Facenda, ademais das competencias xenéricas atribuídas ós titulares das consellerías, as seguintes de carácter específico:

a) Resolve-los expedientes de modificacións orzamentarias, nos supostos nos que estes estean atribuídos ós titulares das distintas consellerías e exista discrepancia na consellería respectiva co informe da Intervención Delegada.

b) Autorizar transferencias de crédito entre un ou varios programas incluídos na mesma ou distinta función, dentro do mesmo grupo de funcións, correspondentes a servicios ou organismos autónomos dunha mesma consellería, coa creación de novos conceptos orzamentarios, se isto fose preciso.

c) Autorizar transferencias de créditos desde o programa de imprevistos e funcións non clasificadas ós conceptos e artigos dos demais programas de gasto, calquera que sexa a función ou sección a que corresponda.

A consellería ou o organismo autónomo que solicite a transferencia deberá xustifica-la imposibilidade de atende-las insuficiencias mediante reaxuste dos seus créditos. Para tal efecto deberá procederse a unha revisión de conxunto dos oportunos programas de gasto, poñendo de manifesto as desviacións que na consecución dos obxectivos previstos motivaría a modificación orzamentaria proposta.

d) Introducir, logo de informe da consellería correspondente, as variacións que sexan precisas nos orzamentos de servicios transferidos do Imserso e do Insalud, co obxecto de adaptalos ós resultantes da aprobación polas Cortes Xerais dos orzamentos xerais da Seguridade Social.

e) Autoriza-las incorporacións de crédito previstas no artigo 71º desta lei.

f) Autoriza-las xeracións de crédito previstas nos artigos 69º e 70º desta lei.

g) Autoriza-las ampliacións de crédito cando estes teñan tal carácter por disposición de lei.

h) Introducir nos estados de gastos as modificacións precisas para adecua-los créditos afectados por transferencias finalistas procedentes dos orzamentos xerais da Administración do Estado e das comunidades europeas, e os demais recursos de igual carácter e procedencia. Esta autorización implicará o aumento ou a diminución das consignacións previstas, así como a incorporación ou creación dos correspondentes conceptos orzamentarios se así procede.

Corrección de erros. Artigo 66º d) redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 67º.-Facultades dos conselleiros.

1. Os titulares das consellerías poderán autorizar, logo de informe da Intervención Delegada correspondente, as transferencias de créditos entre diferentes conceptos do capítulo II, dun mesmo programa, correspondentes a un mesmo ou diferente servicio ou organismo autónomo dependente da consellería, sempre que non afecten a créditos de atencións protocolarias ou representativas, nin supoñan desviación na consecución dos obxectivos previstos para o programa respectivo.

En tanto o capítulo II teña carácter limitativo e vinculante no nivel de artigo, esta autorización comporta a creación, se é o caso, de novos conceptos orzamentarios dos previstos na clasificación económica.

2. En caso de discrepancia co informe emitido pola intervención delegada sobre a modificación orzamentaria proposta, remitiráselle o expediente á Consellería de Economía e Facenda para os efectos previstos no artigo 66º a) da presente lei.

3. Os presidentes dos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma terán as mesmas competencias establecidas neste artigo en relación coas modificacións orzamentarias do seu respectivo orzamento, sen prexuízo do principio de autonomía orzamentaria do Parlamento de Galicia.

4. En todo caso, unha vez autorizadas as modificacións orzamentarias incluídas nos números 1 e 3, remitiránselle á dirección xeral competente en materia de orzamentos da Consellería de Economía e Facenda, para instrumenta-la súa execución.

Artigo 68º.-Limitacións.

1. As transferencias de crédito de calquera clase estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

a) Non afectarán ós créditos ampliables nin ós extraordinarios concedidos durante o exercicio.

b) Non poderán minorarse os créditos incorporados como consecuencia de remanentes de exercicios anteriores nin os que fosen incrementados con suplementos ou transferencias, agás cando afecten a créditos de persoal.

c) Non poderán incrementarse créditos que como consecuencia doutras transferencias fosen obxecto de minoración, agás cando afecten a créditos de persoal.

2. Respecto do orzamento dos servicios transferidos do Insalud as limitacións contidas nas alíneas b) e c) anteriores entenderanse referidas ós orzamentos totais da entidade xestora, aínda cando estes se desenvolvan de modo descentralizado a través dos distintos centros de gastos.

3. As anteriores limitacións non afectarán as transferencias de créditos que se refiran ó programa de imprevistos e funcións non clasificadas ou realizadas ó amparo do artigo 60.2 desta lei, nin serán aplicables cando se trate de créditos modificados como consecuencia de reorganizacións administrativas, de acordos de transferencias de servicios ou que amparen gastos financiados exclusivamente ou cofinanciados con transferencias finalistas do Estado ou con fondos da Unión Europea.

4. Os créditos correspondentes a financiamento condicionado estarán suxeitos ás limitacións específicas que lles sexan aplicables; de non existir estas seralles aplicable o determinado no número 1 deste artigo.

Artigo 69º.-Xeración de crédito.

1. Poderán xerar crédito nos estados de gastos dos orzamentos os ingresos efectivos, os dereitos liquidados e os compromisos firmes de ingresos derivados das seguintes operacións:

a) Achegas doutras administracións públicas ou de persoas físicas ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos encomendados á Comunidade Autónoma ou ós seus organismos autónomos.

b) Alleamento de bens da Comunidade ou dos seus organismos autónomos.

c) Prestación de servicios.

d) Reembolso dos préstamos destinados a atencións sociais e á promoción e ó fomento da actividade económica e cultural de Galicia.

e) Créditos do exterior para financiar investimentos públicos.

2. As xeracións de crédito a que se fai referencia no número anterior unicamente poderán realizarse polo exceso de ingresos sobre as cifras inicialmente orzadas, e cando deriven de operacións incluídas na alínea c) destinaranse unicamente a cubrir gastos da mesma natureza que os que se orixinaron pola prestación do servizo.

3. As xeracións de crédito efectuaranse no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso, agás cando teña lugar no último trimestre do ano ou cando se trate de fondos procedentes da Unión Europea ou da Administración central do Estado, casos nos que se poderá xerar crédito no exercicio seguinte, sempre que se xustifique a imposibilidade de ter tramitada a xeración no mesmo exercicio no que se produciu o ingreso. Neste caso, o límite ó que se refire o punto anterior entenderase referido ó orzamento de orixe.

Artigo 70º.-Reposición.

Os ingresos derivados do reintegro de pagamentos indebidos con cargo a créditos orzamentarios poderán repoñer estes últimos nas condicións que se establezan regulamentariamente.

Artigo 71º.-Incorporacións.

1. Malia o disposto no artigo 59º desta lei, poderán incorporarse ós estados de gastos do orzamento correspondente ó exercicio inmediato seguinte:

a) Os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito, así como as transferencias de crédito, que se concedesen ou autorizasen, respectivamente, no último mes do exercicio orzamentario e que, por causas xustificadas, non puidesen ser utilizados durante este.

b) Os créditos que recollan compromisos de gastos anteriores ó último mes do exercicio orzamentario e que non puidesen executarse á fin do exercicio económico por causas xustificadas.

Será preciso que tales compromisos de gastos acadasen a fase de disposición en contabilidade antes do último mes do exercicio.

c) Os créditos destinados a operacións de capital.

d) Os créditos autorizados en función da efectiva recadación de dereitos afectados a estes.

e) Os créditos xerados polas operacións enumeradas no artigo 69º desta lei.

2. Os remanentes incorporados segundo o previsto no número anterior unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio orzamentario no que a incorporación se acorde, a excepción dos que correspondan a créditos financiados polo Fondo de Compensación Interterritorial ou por fondos ou subvencións finalistas procedentes da Unión Europea ou doutras administracións públicas, que poderán ser incorporados en canto persista o dereito á percepción do ingreso que os financia.

Nos supostos a) e b) do dito número a incorporación farase para os mesmos gastos que motivaron en cada caso a concesión, a autorización e o compromiso.

3. Os créditos correspondentes a financiamento condicionado serán incorporables de acordo coa normativa que lles sexa aplicable en cada caso. De non existir esta, rexeranse polas normas desta lei.

4. O conselleiro de Economía e Facenda poderá acordar, con carácter xeral, a incorporación automática ó exercicio seguinte dos créditos a que se refire a alínea d) do número 1 anterior.

5. Das incorporacións a que se refiren os números 1 e 3 daráselle conta ó Parlamento.

Capítulo III Execución e liquidación

Artigo 72º.-Autorización de gasto.

1. Correspóndelles ós órganos estatutarios, agás o que establezan outras leis aplicables, ós conselleiros e demais órganos da Comunidade Autónoma que tivesen dotacións diferenciadas nos seus estados de gastos autoriza-los gastos referentes ós servicios ó seu cargo, excepto nos casos reservados polas leis á competencia da Xunta de Galicia, así como autoriza-los actos de disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas, e propoñerlle ó conselleiro de Economía e Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.

2. Coa mesma reserva legal correspóndelles ós presidentes ou directores dos organismos autónomos da Comunidade a autorización e disposición de gastos e créditos, respectivamente, o recoñecemento de obrigas e o ordenamento dos pagamentos que lles correspondan a estes.

3. Regulamentariamente, o Consello da Xunta de Galicia poderá establece-las competencias e os trámites que debe realizar directamente a Consellería de Economía e Facenda, respecto da contabilidade e da tesourería para os organismos autónomos e entes que polas súas características se estime oportuno sen prexuízo da normativa que lles sexa aplicable.

4. As facultades ás que se fai referencia neste artigo poderán ser obxecto de delegación ou desconcentración nos termos que regulamentariamente se estableza.

Artigo 73º.-Fases do gasto.

A xestión económica e financeira dos créditos incluídos nos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos autónomos, axencias públicas e demais entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con orzamentos de gastos de carácter limitativo estruturarase de acordo coas seguintes fases:

1. A autorización do gasto, que é o acto en virtude do cal a autoridade competente acorda a realización dun gasto, calculado en forma certa ou aproximada, reservando para tal fin a totalidade ou unha parte do crédito orzamentario legalmente destinado a garanti-lo cumprimento das obrigas que poidan ser consecuencia daquel, tida en conta a súa natureza económica.

2. A disposición, que é o acto en virtude do que se acorda, concerta ou determina, segundo os casos, despois de cumpri-los trámites que de acordo co dereito procedan, a contía concreta que debe alcanza-lo compromiso económico para a realización de todo tipo de prestacións.

Cos actos de disposición queda formalizada a reserva do crédito por un importe e unhas condicións exactamente determinados.

3. O recoñecemento da obriga, que é a operación de contraer en contas os créditos esixibles contra a Comunidade de Galicia que deban acreditarse como contraprestación económica derivada dos acordos, dos concertos ou das normas resolutorias que determinen a disposición dun crédito, unha vez realizada e xustificada adecuadamente a correspondente prestación e efectuada a pertinente liquidación.

4. O ordenamento do pagamento, que é a operación en virtude da cal o ordenador competente, logo de proposta de pagamento realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga, expide a orde de pagamento contra a Tesourería da Comunidade a favor do respectivo acredor.

Artigo 74º.-Ordenación xeral dos pagamentos.

1. A ordenación xeral de pagamentos da Comunidade correspóndelle ó conselleiro de Economía e Facenda, podendo delega-la dita competencia de acordo cos procedementos legais aplicables.

2. Co obxecto de facilita-lo servicio de ordenamento de pagamentos, poderanse establecer ordenamentos secundarios baixo a dependencia do conselleiro de Economía e Facenda ou da autoridade na que delegue as súas competencias sobre a materia.

3. Os servicios e as funcións dos ordenamentos de pagamentos dispoñeranse regulamentariamente por proposta do conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 75º.-Plan de disposición.

A expedición de ordes de pagamento con cargo ó orzamento da Comunidade e dos seus organismos autónomos deberá axustarse ó plan que sobre disposición de fondos da Tesourería estableza anualmente a Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 76º.-Tramitación.

1. As ordes de pagamento expediranse unha vez que se xustificase documentalmente ante o órgano competente para recoñece-la respectiva obriga a realización da prestación ou o dereito do acredor, conforme os acordos polos que no seu día se autorizaron e comprometeron os correspondentes gastos.

2. Os ordenadores de pagamentos poderán recibi-las propostas e libra-las correspondentes ordes de pagamento mediante a utilización de procesos informáticos. Neste suposto a documentación xustificativa do gasto realizado poderá quedar naqueles centros nos que se recoñeceron as correspondentes obrigas, para a súa posterior inclusión, se é o caso, na Conta Xeral da Comunidade Autónoma ou para a súa posta á disposición dos órganos de control competentes.

3. Nos casos establecidos no número anterior, ós ordenadores de pagamentos non lles serán esixibles responsabilidades que procedan de trámites anteriores á súa participación no proceso de xestión orzamentaria, considerándose nestes casos que a referencia que no artigo 122º e seguintes desta lei se fai ás responsabilidades dos ordenadores de pagamento se entenderá referida ós órganos que recoñezan as obrigas ou propoñan o ordenamento do pagamento.

Artigo 77º.-Pagamentos para xustificar.

1. Terán o carácter de pagamentos para xustificar os fondos librados para atender gastos que non poidan ir acompañados da documentación xustificativa a que se fai referencia no artigo anterior.

2. Poderán expedirse ordes de pagamento para xustificar nos supostos seguintes:

a) Cando os documentos xustificativos non poidan achegarse antes de efectua-la proposta de pagamento.

b) Cando se considere conveniente a utilización deste sistema para axilizar significativamente a xestión dos créditos.

c) Cando as ordes de pagamento teñan por obxecto satisfacer gastos en localidades onde non existan dependencias do organismo autónomo de que se trate.

3. A Consellería de Economía e Facenda, oídas as consellerías, logo de informe da Intervención Xeral, establecerá as normas xerais que regulen a expedición de ordes de pagamento para xustificar, así como os seus límites cuantitativos e os conceptos orzamentarios ós que son aplicables.

4. As ordes de pagamento cursadas co carácter de para xustificar aplicaranse ós créditos orzamentarios que correspondan e os seus perceptores quedarán obrigados a xustifica-la aplicación das cantidades recibidas no prazo de tres meses, estando suxeitos ó réxime de responsabilidades previsto nesta lei. Nos casos excepcionais poderá concederse unha prórroga adicional por outro período igual para formalizar en todo ou en parte a citada xustificación.

5. No curso dos dous meses seguintes á data de recepción da documentación xustificativa a que se refiren os números anteriores, o órgano competente procederá á aprobación ou ó reparo da conta rendida.

6. Non terán a condición de pagamentos para xustificar as provisións de fondos de carácter permanente que se realicen a pagadorías, caixas e habilitacións para a atención de gastos periódicos ou repetitivos. Estes anticipos de caixa fixa terán a consideración de operacións extraorzamentarias e a súa contía global non poderá exceder do 10% do capítulo destinado a gastos correntes en bens e servicios do orzamento vixente en cada momento. Regulamentariamente, ordenarase o procedemento de concesión de anticipos de caixa fixa, a súa xustificación e imputación ó orzamento e demais aspectos relacionados con eles.

Artigo 78. Fases dos dereitos económicos

1. A xestión orzamentaria dos dereitos económicos incluídos nos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos, axencias públicas e demais entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con orzamentos de gastos de carácter limitativo realizarase a través das seguintes fases:

a) Compromiso de ingreso, que é o acto con base no cal se recoñece en contas o dereito a liquidar un determinado recurso por unha contía certa no momento no que se cumpran as condicións ou trámites que se prevén no título xurídico do que nace a expectativa do dereito á súa percepción.

Para estes efectos, terán a consideración de títulos xurídicos habilitantes as leis, os regulamentos, as resolucións e os acordos promulgados, aprobados, ditados ou adoptados por órganos estatais, autonómicos ou locais, así como os convenios e os contratos celebrados con estes órganos ou con outras entidades públicas ou privadas.

b) Contraído do recurso, que é o acto polo que se liquida o ingreso e se recoñece en contas o dereito definitivo á súa percepción pola súa exacta contía, unha vez cumpridas as condicións exixidas para a perfección do dereito.

c) Recadación do recurso, que constitúe o proceso a través do cal a Tesouraría da Comunidade ingresa nas súas caixas o importe do dereito recoñecido ou cando, de ser o caso, se procede ao seu ingreso en formalización.

2. O desenvolvemento das distintas fases realizarase tendo en conta o principio de mantemento do equilibrio económico-financeiro e condicionado ás garantías de estabilidade orzamentaria e á sustentabilidade financeira establecidas na normativa estatal e autonómica.

3. Poderán acumularse nun mesmo acto unha ou varias das fases de xestión orzamentaria.

Artigo 79. Normas especiais na xestión orzamentaria dos dereitos económicos por transferencias correntes e de capital

1. Respecto dos dereitos económicos procedentes de transferencias correntes e de capital, a competencia para a realización dos actos de xestión orzamentaria corresponderá:

a) Cando se trate de dereitos que corresponden ao orzamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma e cando se modifiquen as previsións iniciais das entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con orzamentos de gastos de carácter limitativo, á dirección xeral competente en materia de orzamentos, a través do órgano que teña atribuída a xestión orzamentaria dos ingresos procedentes de transferencias correntes e de capital.

b) Agás a excepción prevista na letra a) deste número, cando se trate de ingresos que corresponden ao orzamento das entidades públicas instrumentais con orzamento de carácter limitativo, aos órganos que dentro delas teñan atribuída a xestión orzamentaria en materia de ingresos.

2. Na aplicación do previsto nos artigos 64 e 69, a formalización de compromisos firmes de ingresos non orzados inicialmente axustarase ás seguintes especialidades:

a) Por solicitude das consellarías ou das entidades públicas recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con orzamentos de gastos de carácter limitativo, os expedientes de formalización do compromiso de ingreso e de xeración de crédito ou ampliación serán tramitados simultaneamente pola dirección xeral competente en materia de orzamentos, a través dos órganos que teñan atribuídas as correspondentes funcións.

b) Cando se trate de transferencias que corresponden a recursos previstos na lei reguladora do sistema de financiamento das comunidades autónomas, a tramitación simultánea dos expedientes de formalización do compromiso de ingreso e de xeración ou ampliación será realizada de oficio pola dirección xeral competente en materia de orzamentos.

3. O contraído dos recursos procedentes da Unión Europea efectuarase unha vez certificada ante a unidade estatal ou comunitaria administradora destes recursos a realización do gasto financiado coas transferencias dos devanditos recursos.

Con carácter xeral, sen prexuízo das excepcións que, no marco do proceso de elaboración do orzamento anual, estableza a dirección xeral competente en materia de orzamentos, a xestión destes recursos incluirase dentro do orzamento da Administración xeral, aínda que o beneficiario sexa calquera das entidades incluídas no ámbito do sector público autonómico definido segundo a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ou se trate de entidades que estean recollidas no orzamento consolidado da Comunidade Autónoma con orzamentos de gastos de carácter limitativo.

Realizada esta xestión orzamentaria, as entidades percibirán os recursos correspondentes desde a sección orzamentaria pola que reciben as transferencias correntes e de capital.

4. Os anticipos de fondos europeos percibidos para financiar gastos en fase de execución terán, transitoriamente, tratamento extraorzamentario, que se cancelará no momento en que se certifique o gasto e se efectúe o contraído do recurso e a aplicación do recadado, segundo proceda, como transferencia corrente ou de capital.

5. Non resultará aplicable o previsto no número anterior cando a Administración xeral da Comunidade Autónoma ou os seus entes instrumentais con orzamento de carácter limitativo resulten beneficiarios de axudas financiadas con fondos europeos xestionados pola Administración xeral do Estado para os que se conveña a realización de anticipos reembolsables.

6. Os ingresos por transferencias correntes e de capital que non poidan ser identificados polo órgano da dirección xeral competente en materia de orzamentos que teña atribuída a súa xestión, ao non figurar claramente especificada a súa procedencia, quedarán contabilizados en contas extraorzamentarias, que os recollerán como pendentes de aplicación ata a súa correcta identificación.

7. A devolución de ingresos procedentes de transferencias correntes ou de capital xa aplicadas ao orzamento e materialmente ingresadas en contas de Tesouraría só poderá realizarse como consecuencia de disposición, resolución ou acordo no que se estableza a súa exixencia á Administración xeral ou ás entidades públicas instrumentais que os percibiron.

Co obxecto de manter o equilibrio orzamentario, poderase requirir do órgano ou entidade que xestionou a transferencia recibida que comunique os créditos do seu orzamento de gastos que financiarán a correspondente devolución. En ningún caso o expediente de devolución incluirá as cantidades exixidas por xuros ou conceptos análogos, e a devolución das devanditas cantidades será a cargo do xestor da transferencia.

8. Por orde da consellaría competente en materia de facenda desenvolveranse os procedementos de xestión orzamentaria que correspondan para cada unha das especialidades previstas nos números 1 a 7 deste artigo e determinaranse os órganos competentes en cada caso.

Artigo 80º.-Liquidación.

1. O orzamento de cada exercicio liquidarase en canto á recadación de dereitos liquidados e ó pagamento de obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do ano natura1 correspondente, e quedarán a cargo da Tesourería da Comunidade Autónoma os dereitos pendentes de cobro e as obrigas pendentes de pagamento segundo as súas respectivas contraccións.

2. Non obstante, aplicaranse ó exercicio corrente os ingresos procedentes de dereitos liquidados que non sexan esixibles no momento do pechamento do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, dos fraccionamentos e das moratorias legalmente concedidos, así como os que se encontren dentro do prazo legal para realiza-lo ingreso en período voluntario. Neste suposto, deberase proceder a dar de baixa os indicados dereitos nas contas xustificativas da xestión de recursos imputables ó exercicio que se cerra, antes da súa inclusión nas contas do exercicio seguinte.

3. Os demais ingresos que se realicen unha vez cerrado o exercicio orzamentario respectivo quedarán desafectados do destino específico que, se é o caso, lles correspondese, sen prexuízo do seu recoñecemento e nova afectación con cargo ó orzamento do exercicio en curso, naqueloutros supostos que así se determinen.

Artigo 81º.-Remanentes de Tesourería.

1. O remanente de Tesourería da Comunidade ou de cada un dos seus organismos autónomos administrativos con referencia a un exercicio orzamentario determinado estará formado pola suma das dispoñibilidades líquidas e mailos dereitos recoñecidos pendentes de cobro, menos as obrigas recoñecidas pendentes de pagamento, segundo a situación que os mesmos presenten ata o 31 de decembro do exercicio anterior.

2. Entenderase por remanente de Tesourería dispoñible aquel que non estea afectado ó financiamento específico de determinados gastos.

O remanente de Tesourería dispoñible poderá afectarse na súa totalidade ou en parte ó financiamento do orzamento inicial de gastos ou ó financiamento de modificacións orzamentarias, unha vez que sexa suficientemente comprobada a súa dispoñibilidade.

3. A diferencia que en cada momento exista entre o remanente dispoñible e o afectado ó financiamento do orzamento inicial ou de modificacións orzamentarias ó longo do exercicio constituirá o remanente líquido.

4. No caso de resultar un remanente de Tesourería negativo ó longo do exercicio, o organismo autónomo afectado instruirá o oportuno expediente de modificación orzamentaria ante a Consellería de Economía e Facenda, no que se propoñerá a baixa naqueles créditos que considere adecuados para o financiamento daquel.

No orzamento que non sexa de organismos autónomos, o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, dará de baixa créditos das distintas consellerías. De non ser posible, no orzamento seguinte compensaranse con menores gastos.

Capítulo IV Normas de especial aplicación para os organismos autónomos e para as axencias públicas autonómicas

Artigo 82. Orzamentos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas.

1. Dos orzamentos dos organismos autónomos e das axencias públicas autonómicas formarán parte os seguintes estados financeiros:

a) Conta de operacións comerciais, se é o caso.

b) Estado demostrativo da variación do fondo de manobra.

c) Conta financeira con resultado en termos de contabilidade nacional.

2. O resultado que derive dos estados financeiros correspondentes ás letras a) e b) da alínea anterior terá o adecuado reflexo no orzamento de ingresos do organismo autónomo ou da axencia pública autonómica respectiva.

3. As operacións propias da actividade específica destes entes instrumentais, recollidas na conta de operacións comerciais, non estarán sometidas ao réxime de limitacións establecido no artigo 56 desta lei para os créditos incluídos nos estados de gastos dos seus orzamentos.

4. A consellaría competente en materia de facenda establecerá as estruturas dos estados financeiros indicados adaptados ás súas distintas especialidades, así como os criterios xerais que se aplicarán para a imputación de gastos á conta de operacións comerciais, segundo o principio xeral de que, agás os gastos xerais de persoal, se lle poderán imputar a esta todos aqueles gastos que forman parte directa ou indirectamente do custo dos produtos vendidos, dos servizos prestados ou dos bens producidos.

5. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural, sen prexuízo dos axustes necesarios cando as operacións que realicen os organismos autónomos e as axencias públicas autonómicas estean vinculadas a un ciclo produtivo distinto, que non poderá ser superior a doce meses.

Capítulo V Normas de especial aplicación ás entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo

Artigo 82 bis. Orzamento.

1. Son entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo as entidades públicas empresariais, as sociedades mercantís públicas autonómicas, as fundacións do sector público autonómico, os consorcios públicos autonómicos e demais entidades instrumentais do sector público autonómico non recollidas no orzamento consolidado.

2. As devanditas entidades elaborarán un orzamento de explotación que detallará os recursos e as dotacións anuais correspondentes. Así mesmo, formarán un orzamento de capital co mesmo detalle.

Os orzamentos de explotación e de capital integraranse nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Os orzamentos de explotación e de capital estarán constituídos por unha previsión da conta de resultados e do cadro de financiamento do correspondente exercicio. Como anexo aos devanditos orzamentos, engadirase unha previsión do balance da entidade, así como a documentación complementaria que determine a Consellería de Facenda.

3. As entidades remitirán os orzamentos e os anexos sinalados na alínea anterior, referidos ao exercicio relativo ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, á liquidación do último exercicio pechado e ao avance da liquidación do exercicio corrente.

4. Xunto cos orzamentos de explotación e de capital, as entidades remitirán unha memoria explicativa do seu contido, da execución do exercicio anterior e da previsión da execución do exercicio corrente.

Artigo 83. Plan de actuación, investimentos e financiamento.

1. As entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo consonte o disposto no artigo 82 bis desta lei formularán e actualizarán, de xeito anual, un plan de actuación, investimentos e financiamento.

2. Non están obrigadas a presentar o devandito plan aquelas entidades instrumentais que, de acordo co disposto na normativa contable vixente, poidan presentar balance abreviado, agás que reciban con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma subvencións de explotación ou de capital ou outra achega de calquera natureza. Tampouco terán que presentar o plan de actuación, investimentos e financiamento as fundacións do sector público autonómico.

3. As entidades instrumentais do sector público autonómico con orzamento estimativo que posúan, directa ou indirectamente, a maioría do capital social dunha ou varias sociedades mercantís deberán presentar os seus orzamentos de explotación e capital e, se é o caso, os seus plans de actuación, investimentos e financiamento de xeito individual e consolidado coas devanditas sociedades mercantís, relacionando as sociedades obxecto de presentación consolidada. Esta norma non se lles aplicará a aquelas sociedades mercantís autonómicas que, á súa vez, estean participadas maioritariamente, de xeito directo ou indirecto, por outra entidade que deba elaborar os orzamentos de explotación e de capital.

Artigo 84. Definición, contido e tramitación do plan de actuación, investimentos e financiamento.

1. O plan de actuación, investimentos e financiamento é a expresión plurianual da estratexia, das actuacións e do financiamento dun ente instrumental. Nel concretarase como desenvolverá o seu obxecto a medio prazo e como contribuirá a acadar os obxectivos dos programas orzamentarios que o financian, se é o caso.

Este plan estará integrado polos orzamentos e anexos determinados no artigo 82 bis desta lei, e, xunto coa documentación indicada na alínea seguinte, reflectirá os datos económico- financeiros previstos para o exercicio que atinxe ao proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e aos dous exercicios seguintes, segundo as liñas estratéxicas e os obxectivos definidos para a entidade.

2. O devandito plan conterá a información de carácter complementario seguinte:

a) Hipótese da evolución dos principais indicadores macroeconómicos que servisen de base para a elaboración do plan de actuación, investimentos e financiamento, que, salvo excepción motivada, será a contida na envolvente económico-financeira do orzamento.

b) Premisas principais de formulación do plan, consonte as liñas estratéxicas da entidade.

c) Previsións plurianuais dos obxectivos que hai que acadar e indicadores de seguimento destas.

d) Memoria das principais actuacións da entidade.

e) Programa de investimentos.

f) Plan financeiro do período, que cuantificará os recursos e as fontes externas de financiamento.

g) A restante documentación que determine a consellaría competente en materia de facenda.

3. Os orzamentos de explotación e de capital remitiránselle, polas entidades instrumentais con orzamento estimativo, conxuntamente co plan de actuación, investimentos e financiamento actualizado, á consellaría á que estean adscritos, para a súa posterior remisión, antes do 10 de xullo de cada ano, á consellaría competente en materia de facenda. A estrutura básica e a documentación complementaria dos anteditos documentos establecerase pola consellaría competente en materia de facenda.

4. O plan de actuación, investimentos e financiamento someterase ao acordo do Consello da Xunta de Galicia antes do 1 de maio de cada ano, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de facenda. Para estes efectos, as entidades elaborarán oportunamente as adaptacións que sexan precisas, dimanantes do proceso de aprobación polo Parlamento de Galicia dos seus orzamentos de explotación e de capital, e remitiranas á consellaría competente en materia de facenda a través do departamento do que dependan.

5. Cando unha consellaría non remitise en tempo e forma o plan de actuación, investimentos e financiamento dalgunha das entidades instrumentais que tivese adscritas, entenderase que está prorrogado o último presentado. Porén, axustaranse as transferencias de funcionamento en función das normas de prórroga previstas no artigo 54 desta lei.

Artigo 85. Modificacións orzamentarias.

1. As entidades instrumentais con orzamento estimativo dirixirán o seu funcionamento á consecución dos obxectivos recollidos nos seus orzamentos de explotación e de capital e nos seus programas de actuación, investimentos e financiamento, se é o caso. Estes obxectivos deben ser coherentes cos do programa que conteña as partidas que financian a entidade.

2. Cando algunha das entidades ás que se refire a alínea anterior reciba con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma subvencións de explotación ou de capital ou outra achega de calquera natureza, as autorizacións das variacións anuais que supoñan incremento de dotacións dos seus orzamentos de explotación e de capital axustaranse ao seguinte:

a) Se a variación atinxe ás transferencias de funcionamento e ás achegas autonómicas recollidas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia corresponderalle á autoridade competente para tramitar as correspondentes modificacións do orzamento da Comunidade Autónoma.

b) Se a variación non atinxe ás anteditas transferencias e achegas autonómicas, será competencia da persoa titular da Consellería de Facenda cando o seu importe non exceda do 10% de cada tipo de gasto por natureza (persoal, resto de gasto corrente, investimentos reais ou financeiros, transferencias e subvencións de capital e endebedamento neto) e do Consello da Xunta de Galicia nos demais casos.

3. Requirirá autorización do Consello da Xunta o incremento da contía total que as entidades instrumentais dediquen ao financiamento dos plans de actuación, investimentos e financiamento de calquera outra entidade instrumental autonómica na que participen.

4. Cando unha entidade instrumental adquira compromisos plurianuais que se deberán financiar con achegas do orzamento da Comunidade Autónoma, a consellaría financiadora deberá solicitar o informe ao que fai referencia o artigo 58 desta lei.

5. O procedemento de xestión dos expedientes de modificacións orzamentarias que afecten as entidades instrumentais previstas no número 1 desenvolverase por orde da consellaría competente en materia de facenda.

Artigo 86. Convenios coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, cos organismos autónomos e coas axencias públicas autonómicas.

1. Nos supostos nos que se estipulen convenios e contratos programa coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, cos organismos autónomos ou coas axencias públicas autonómicas que dean lugar a réximes particulares de xestión, tanto polas entidades ás que se refire a alínea 1 do artigo 82 bis desta lei coma por calquera outra que reciba subvencións de explotación e de capital, avais ou outra achega de natureza distinta con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceranse, polo menos, as correspondentes cláusulas sobre as seguintes materias:

a) Hipóteses macroeconómicas e sectoriais que sirvan de base ao acordo.

b) Obxectivos da política de persoal, rendibilidade, produtividade ou reestruturación técnica da explotación económica, así como métodos indicadores de avaliación daqueles.

c) Achegas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma nas distintas modalidades ás que se refire esta alínea.

d) Medios que se deben empregar para adaptar os obxectivos acordados ás variacións habidas no respectivo ámbito económico.

e) Efectos que deriven do incumprimento dos compromisos acordados.

f) Control, pola Consellería de Facenda, da execución do convenio e dos resultados derivados da súa aplicación.

2. O control anterior non excluirá o que poida corresponder aos respectivos departamentos ou organismos dos que dependan as entidades que subscribisen o correspondente convenio ou ás comisións de seguimento, no caso dos contratos programa.

3. A subscrición do convenio ou contrato programa ao que se refiren as alíneas anteriores non excluirá a elaboración, de forma coherente con eles, do orzamento de explotación e de capital e do plan de actuación, investimentos e financiamento (PAIF).

TÍTULO IV Da Tesourería

Artigo 87. Concepto

1. Constitúen a Tesouraría da Comunidade Autónoma de Galicia todos os recursos financeiros, sexan diñeiro, valores, créditos e os demais produtos das operacións de ende bedamento da súa Administración xeral, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e entidades públicas instrumentais de consulta ou asesoramento, que se xeren tanto por operacións orzamentarias como extraorzamentarias.

2. As dispoñibilidades da Tesouraría e as variacións que poidan sufrir están suxeitas ao réxime de intervención e deben ser rexistradas de conformidade coas normas de contabilidade pública. Poderán establecerse procedementos especiais de anotación en conta para aqueles movementos internos de efectivo entre as distintas contas operativas da Tesouraría que determine o conselleiro competente en materia de facenda.

Artigo 88. Funcións

Son funcións propias da Tesouraría:

a) A xestión recadatoria dos recursos e o pagamento das obrigas da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades públicas instrumentais sinaladas no artigo anterior.

b) Instrumentar e servir ao principio de unidade de caixa, mediante a centralización de todos os fondos e valores xerados por operacións orzamentarias e extraorzamentarias.

c) Distribuír no tempo e no territorio as dispoñibilidades de diñeiro para a satisfacción puntual das obrigas da Comunidade Autónoma.

d) Velar pola obtención da axeitada rendibilidade dos recursos dispoñibles da Comunidade Autónoma sen menoscabo dos fins propios da Tesouraría.

e) Responder dos avais contraídos pola Comunidade Autónoma conforme as disposicións desta lei.

f) As demais funcións que deriven ou se relacionen coas anteriores enumeradas.

Artigo 89. Situación dos fondos da Comunidade Autónoma

1. Con carácter xeral a Tesouraría da Comunidade Autónoma situará os fondos públicos no Banco de España ou nas entidades de crédito e aforro que operen en Galicia, en contas das que, en todo caso, posuirá a titularidade.

2. A Tesouraría da Comunidade Autónoma poderá instrumentar todas aquelas operacións activas que considere convenientes para manter a adecuada rendibilidade dos fondos ao seu cargo, guiada en todo caso polo principio de seguridade na súa colocación.

3. O réxime xeral de autorizacións para a situación e colocación de fondos, a natureza das contas, o control e a disposición dos fondos e dos servizos de colaboración que se vaian concertar coas entidades financeiras indicadas no punto anterior establecerao a consellería competente en materia de facenda

Artigo 90. Situación dos fondos das entidades públicas instrumentais

1. Os fondos dos organismos autónomos, das axencias públicas autonómicas e das entidades públicas empresariais, así como das entidades públicas instrumentais de consulta e asesoramento, situaranse en contas diferenciadas coa autorización expresa da consellería competente en materia de facenda e baixo o control da Tesouraría, utilizando rúbricas que conteñan a denominación xeral de «Entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia», e terán a consideración, para todos os efectos, de fondos da propia Tesouraría.

2. Os ditos fondos poderán estar situados no Banco de España ou noutras entidades de crédito e aforro que operen en Galicia, e necesitarán autorización expresa da consellería competente en materia de facenda para a apertura de cada conta e para a determinación das súas condicións de funcionamento, logo de solicitude motivada e con expresión da finalidade da súa apertura.

A Tesouraría da Comunidade Autónoma poderá solicitar do órgano administrativo xestor calquera dato tendente a comprobar o cumprimento das condicións nas que se autorizou a apertura da conta e poderá ordenar a súa cancelación ou suspender a súa utilización se se comproba que non subsisten as condicións que motivaron a autorización de apertura.

3. As entidades financeiras indicadas no punto anterior teñen para coa Tesouraría da Comunidade Autónoma, pola súa solicitude, as mesmas obrigas de información que para coas consellerías e as entidades públicas instrumentais titulares das contas abertas nelas.

4. A consellería competente en materia de facenda poderá propoñerlle ao Consello da Xunta que as operacións de ingreso e de ordenación e realización material do pagamento das entidades públicas instrumentais ás que lles sexa de aplicación o disposto neste artigo as realice a dirección xeral competente en materia de tesouraría, para o cal se establecerá o correspondente procedemento.

5. O disposto no presente artigo será tamén de aplicación ás entidades públicas instrumentais a que fai referencia a disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que aínda non adaptasen a súa regulación ás determinacións do título III da citada lei.

Artigo 91. Ingresos e medios de pagamento

1. Os ingresos a favor da Tesouraría poderán realizarse no Banco de España, nas caixas da propia Tesouraría ou das súas entidades colaboradoras, ou ben nas que se habiliten nas entidades públicas instrumentais ás que se fai referencia no artigo anterior.

2. Os medios de pagamento admisibles polas caixas da Tesouraría poderán consistir en diñeiro de curso legal, cheques nominativos, xiros, transferencias ou calquera outro medio de pagamento legalmente establecido. A consellería competente en materia de facenda establecerá as condicións que terán que cumprir e o momento no que en cada caso se producirá a liberación da débeda.

3. A Tesouraría poderá dar cumprimento ás súas obrigas por calquera dos medios de pagamento a que se fai referencia no punto anterior.

Artigo 91 bis. Prescrición dos depósitos e garantías en efectivo constituídos ante a Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma

Os depósitos e garantías en efectivo constituídos na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma respecto dos cales non se realice xestión ningunha por parte dos interesados no exercicio do seu dereito de propiedade prescribirán a favor da Facenda da Comunidade Autónoma no prazo de vinte anos.

Artigo 92. Fluxos financeiros

Para unha mellor xestión da Tesouraría e unha adecuada análise do seu funcionamento, deberase elaborar trimestralmente un cadro de seguimento dos fluxos financeiros derivados da actividade do sector público autonómico afectado polo disposto neste título, no marco das previsións dun orzamento monetario.

TÍTULO V Do control interno e da contabilidade

Capítulo I Do control interno

Sección primeira Aspectos xerais

Artigo 93º.-Control interno da actividade económico-financeira.

1. O control interno da actividade económico-financeira da Comunidade, dos seus organismos autónomos e entes públicos e das sociedades públicas exercerao a Intervención Xeral, sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, do Tribunal de Contas.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma exercerá as súas funcións de control interno con plena autonomía respecto dos órganos responsables da xestión controlada.

Artigo 94º.-O seu exercicio.

1. O exercicio do control interno realizarase a través da función interventora e do control financeiro.

2. A función interventora ten por obxecto controlar tódolos actos, documentos e expedientes da Comunidade e dos seus organismos autónomos dos que puidesen derivarse dereitos e obrigas de contido económico, así como os ingresos e pagamentos que deles se deriven e, en xeral, a recadación, o investimento ou a aplicación dos fondos públicos, co fin de asegurar que a xestión dos órganos controlados se axuste ás disposicións aplicables a cada caso.

3. O control financeiro exercerao a Intervención Xeral de conformidade co prevido en cada caso e na forma que regulamentariamente se estableza respecto dos servicios da Comunidade, dos organismos autónomos, dos entes públicos e das sociedades públicas para comproba-lo seu adecuado funcionamento tanto no aspecto organizativo coma no económico-financeiro.

Así mesmo exercerase o control financeiro respecto das sociedades mercantís, empresas, entidades e particulares por razón das subvencións, créditos, avais e demais axudas da Comunidade ou dos seus organismos autónomos, concedidos con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade. Neste caso o control financeiro terá por obxecto comproba-la adecuada e correcta obtención e utilización das indicadas subvencións e axudas e mailo cumprimento dos obxectivos que con elas se pretenden alcanzar.

4. Malia o disposto na alínea 3 deste artigo, por acordo da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá establecerse o control interno realizado a través da función interventora en organismos autónomos, sociedades e entes públicos.

Sección segunda Da función interventora

Artigo 95º.-Fases.

1. A función interventora exercerase a través das seguintes fases:

a) A fiscalización ou intervención previa de todo acto, documento ou expediente susceptible de producir dereitos e obrigas de contido económico ou movemento de fondos e valores.

b) A intervención formal do ordenamento do pagamento.

c) A intervención material do pagamento.

d) A intervención da aplicación das cantidades destinadas a obras, subministracións, adquisicións e servicios, que comprenderá o exame documental e, se é o caso, a comprobación material.

2. Son inherentes á función interventora as seguintes competencias:

a) Interpoñer recursos e reclamacións nos supostos recollidos nas disposicións vixentes.

b) Solicitar dos órganos competentes o asesoramento xurídico ou os informes técnicos que se precisen en función da natureza do acto, documento ou expediente intervido, así como os antecedentes e documentos necesarios para o exercicio da dita función.

Artigo 96º.-Principios.

1. A función interventora exercerase conforme os principios de autonomía funcional, exercicio desconcentrado, xerarquía interna e actuación contradictoria.

2. O exercicio da función interventora organizarase de forma desconcentrada a través das intervencións delegadas situadas ou próximas ós órganos sometidos a control. O interventor xeral da Comunidade poderá avoca-lo exercicio da función respecto de calquera acto ou expediente que estime oportuno.

Regulamentariamente establecerase a competencia dos interventores delegados do interventor xeral da Comunidade.

Corrección de erros. Artigo 96º.2 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 97º.-Intervención limitada.

1. Non estarán sometidos a intervención previa:

a) Os gastos de obras, de xestión de servicios públicos, de subministración, de consultoría e asistencia e dos servicios, por importe inferior ó que de se-lo caso se estableza na Lei de orzamentos de cada ano.

b) Os gastos de carácter periódico e demais de tracto sucesivo, unha vez intervido o gasto correspondente ó período inicial do acto ou contrato do que deriven, ou as súas modificacións, así como aqueloutros gastos que de acordo coa normativa vixente se fagan efectivos a través do sistema de anticipos de caixa fixa.

c) A autorización e disposición das subvencións que figuren nos orzamentos con asignación nominativa. »

2. A Xunta de Galicia poderá acordar, logo de informe da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que a intervención previa en cada unha das consellerías ou nos seus distintos servicios, organismos autónomos ou sociedades e entes públicos se limite a comproba-los extremos seguintes:

a) A existencia de crédito orzamentario e que este é o adecuado á natureza do gasto ou da obriga que se propón contraer.

Nos casos en que se trate de contraer compromisos de gastos de carácter plurianual comprobarase, ademais, se se cumpre o preceptuado no artigo 58º desta lei.

b) Que as obrigas ou gastos as xeran órganos competentes.

c) Aqueloutros extremos que, pola súa transcendencia no proceso de xestión, determine o Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de informe da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Os interventores delegados poderán formula-las observacións complementarias que consideren convenientes, sen que estas teñan, en ningún caso, efectos suspensivos na tramitación dos expedientes correspondentes.

3. O disposto no número anterior non será de aplicación respecto das obrigas ou dos gastos de contía indeterminada e daqueloutros que deban ser aprobados polo Consello da Xunta.

4. As obrigas ou os gastos sometidos á fiscalización limitada a que se refire o número 2 deste artigo serán obxecto doutra plena con posterioridade, exercida sobre unha mostra representativa dos actos, documentos ou expedientes que deron orixe á referida fiscalización, mediante a aplicación de técnicas de mostraxe ou auditoría, co fin de verificar que se axustan ás disposicións aplicables en cada caso e determina-lo grao de cumprimento da legalidade na xestión dos créditos.

Os interventores delegados que realicen as fiscalizacións con posterioridade deberán emitir informe escrito no que fagan constar cantas observacións e conclusións se deduzan delas. Estes informes remitiránselle ó titular da consellería para que formule, se é o caso, e no prazo de quince días, as alegacións que considere oportunas, e posteriormente elevaránselle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma daralles conta ó Consello da Xunta e ós centros directivos que resulten afectados dos resultados máis importantes da fiscalización realizada con posterioridade, e, se é o caso, propoñerá as actuacións que resulten aconsellables para asegurar que a administración dos recursos públicos se axuste ás disposicións aplicables en cada caso.

5. Con independencia do disposto no número anterior, o conselleiro de Economía e Facenda, por proposta do interventor xeral da Comunidade Autónoma, poderá acordar en qué casos a función interventora será exercida sobre unha mostra e non sobre o total de actos, documentos ou expedientes suxeitos á intervención previa.

A Intervención Xeral determinará nestes casos os procedementos que se deban aplicar para a selección, a identificación e o tratamento da mostra de procedemento.

6. A fiscalización previa dos dereitos será substituída pola inherente á toma de razón en contabilidade, e estableceranse as actuacións comprobatorias posteriores que determine a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Corrección de erros. Artigo 97º.5 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 98º.-Documentación e prazo.

1. A Intervención exercerá a función interventora á vista do expediente orixinal completo unha vez reunidos tódolos xustificantes e emitidos os informes preceptivos e que estea, polo tanto, en disposición de que se dicte acordo por quen corresponda.

2. O expediente será fiscalizado no prazo de dez días contados a partir do seguinte ó da data de recepción, que se reducirá a cinco días computados de igual forma cando se declarase urxente a tramitación do expediente ou se aplicase o réxime especial de fiscalización previsto no número 2 do artigo 97º.

3. Cando a Intervención faga uso da facultade a que se refire a alínea b) do número 2 do artigo 95º, suspenderase o prazo mencionado no número 2 anterior, debendo darlle conta da dita circunstancia ó órgano xestor propoñente do gasto.

Artigo 99º.-Reparos e reclamacións.

1. Se a Intervención se manifestase en desacordo co fondo ou coa forma dos actos, expedientes ou documentos examinados, deberá formula-los seus reparos por escrito. Os ditos reparos deberán ser motivados con razoamentos fundados en normas que apoien o criterio sustentado e deberán conter tódalas obxeccións realizadas ó expediente.

2. Cando a desconformidade se refira ó recoñecemento ou á liquidación de dereitos a favor da Facenda da Comunidade Autónoma, as observacións formularanse en notas de reparos e, en caso de subsisti-la discrepancia, mediante a interposición dos recursos ou das reclamacións que procedan.

Artigo 100º.-Suspensión do expediente.

1. Se os reparos afectan a autorización e disposición de gastos, o recoñecemento de obrigas ou o ordenamento de pagamentos, orixinarase a suspensión da tramitación do expediente, ata que aqueles non sexan emendados nos seguintes casos:

a) Cando se baseen na insuficiencia ou inadecuación do crédito ó que se lle propoña imputa-lo gasto, a obriga ou o pagamento.

b) Cando se aprecien graves irregularidades na documentación xustificativa das ordes de pagamento ou non se acredite suficientemente o dereito do perceptor.

c) Cando o gasto se lle propoña a un órgano que careza de competencia para a súa aprobación.

d) Cando se omitan no expediente requisitos ou trámites que se consideren esenciais a xuízo da Intervención ou cando esta estime que a continuación do procedemento lles puidese causar crebas económicas á Comunidade Autónoma ou a un terceiro.

e) Cando o reparo sexa consecuencia de comprobacións de materiais de obras, subministracións, adquisicións e servicios.

2. A Intervención poderá fiscalizar favorablemente, malia os defectos que se observen no expediente, sempre que os requisitos ou os trámites incumpridos non sexan esenciais.

Nestes supostos a eficacia da fiscalización quedará condicionada á reparación daqueles defectos con anterioridade á aprobación do expediente. O órgano xestor remitiralle á Intervención a documentación xustificativa de que se repararon os ditos defectos.

De non repara-lo órgano xestor os defectos indicados, para a continuación do expediente considerarase formulado o correspondente reparo.

O previsto neste número non será aplicable naqueles supostos nos que a fiscalización previa se realice de forma limitada, de conformidade co disposto no número 2 do artigo 97º da presente lei.

Artigo 101º.-Discrepancia.

1. Cando o órgano ó que se dirixa o reparo o acepte, deberá repara-las deficiencias observadas e remitirlle de novo as actuacións á Intervención.

2. Cando o órgano xestor non acepte o reparo deducido, formulará discrepancia, que deberá ser motivada con citas dos preceptos legais nos que sustente o seu criterio.

A discrepancia resolverase da seguinte forma:

a) Se o reparo fose formulado por unha intervención delegada, corresponderalle á Intervención Xeral da Comunidade coñecer da discrepancia, e a súa resolución será obrigada para aquela.

b) Se o reparo fose formulado pola Intervención Xeral da Comunidade ou esta confirmase en todo ou en parte o dunha intervención delegada e subsista a discrepancia, corresponderalle á Xunta de Galicia adoptar unha resolución definitiva.

Artigo 102º.-Omisións.

1. Nos supostos nos que, de acordo co disposto neste capítulo, a fiscalización previa da aprobación do gasto ou do recoñecemento da obriga fosen preceptivas e se omitisen, non se poderá recoñece-la obriga, nin tramita-lo pagamento nin intervir favorablemente estas actuacións ata que se coñeza ou resolva a dita omisión nos termos previstos neste artigo.

2. Se o interventor xeral da Comunidade ou os seus delegados ó coñecer un expediente observasen algunha das omisións indicadas no número anterior manifestaranllo á autoridade que iniciase aquel e emitirán ó mesmo tempo a súa opinión respecto da proposta, co fin de que, unindo este informe ás actuacións, poida o titular da consellería de que aquela proceda somete-lo actuado á decisión da Xunta de Galicia para que adopte a resolución a que houbese lugar.

Este informe, que non terá natureza de fiscalización, poñerá de manifesto, como mínimo, os seguintes extremos:

-As infraccións do ordenamento xurídico que, a xuízo do interventor, se producisen no momento no que se adoptou o acto de aprobación do gasto sen fiscalización ou intervención previa.

-As prestacións que se realizasen como consecuencia do dito acto.

-A posibilidade e conveniencia de revisión dos actos dictados con infracción do ordenamento.

Os interventores delegados daranlle conta do seu informe á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma no momento da súa emisión.

3. Se o titular da consellería acordase somete-lo expediente á decisión da Xunta de Galicia, comunicarallo ó conselleiro de Economía e Facenda, por conducto da Intervención Xeral da Comunidade, con dez días de antelación á reunión do Consello no que se coñeza o asunto.

Ó expediente unirase unha memoria que inclúa unha explicación da omisión da preceptiva fiscalización ou intervención previa e, se é o caso, as observacións que estime convenientes respecto do informe da Intervención.

A Secretaría do Consello comunicaralle á Consellería correspondente, á de Economía e Facenda e á Intervención Xeral da Comunidade o acordo adoptado sobre o expediente para a súa toma de razón e cumprimento nos seus propios termos.

Corrección de erros. Artigo 102º.2 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Sección terceira Do control financeiro

Artigo 103º.-Finalidade e principios.

1. O control financeiro ó que se refire o artigo 94º desta lei ten por finalidade procurar que a xestión económico-financeira do sector público galego se adecúe ós principios de legalidade, economía, eficacia e eficiencia.

2. O control financeiro exercerase con plena autonomía e independencia respecto das autoridades e entidades das que se controle a súa xestión, e poderá realizarse en réxime ordinario ou en réxime permanente.

3. O control financeiro exercerase mediante a realización de auditorías ou outros tipos de control de conformidade co que se estableza regulamentariamente.

Artigo 104º.-Auditorías e clases.

1. As auditorías a que se refire o artigo anterior consistirán na comprobación posterior da actividade económico-financeira do ente controlado, realizada de forma sistemática e mediante a aplicación de determinados procedementos de revisión a operacións ou actos singulares seleccionados para o efecto.

2. As ditas auditorías, en función dos obxectivos e do alcance que para cada control se establezan, poderán ser das seguintes clases:

a) Auditoría financeira, que terá por obxecto a emisión dun dictame sobre se a información contable do órgano controlado se presenta de acordo cos principios, cos criterios e coas normas contables que sexan aplicables.

b) Auditoría de cumprimento, que ten por obxecto determinar se na xestión das operacións que dean lugar a dereitos e obrigas de contido económico, na xestión dos ingresos e pagamentos e mais na recadación, custodia, investimento ou aplicación en xeral dos recursos se cumpriu coa legalidade e coas normas e directrices, internas ou externas, que resulten aplicables.

c) Auditoría operativa, o obxecto da cal é a avaliación da eficacia e a eficiencia alcanzadas na xestión dos recursos públicos adscritos a unha entidade para o cumprimento dos seus obxectivos. Este sistema de auditoría será o utilizado para a avaliación do grao de cumprimento dos obxectivos físicos e financeiros previstos nos programas de gasto.

d) Auditorías de sistemas e procedementos, a finalidade das cales é recomendar e propoñer melloras e modificacións parciais ou xerais, nos procedementos de xestión económico-financeira, sobre a base das posibles debilidades ou disfuncionalidades detectadas na súa revisión.

Artigo 105º.-Iniciación e desenvolvemento.

1. O control financeiro ordinario iniciarase por acordo do interventor xeral da Comunidade, quen delimitará a clase e o alcance do control que se vai efectuar, e desenvolverase directamente por medio de funcionarios ou equipos de control destacados temporalmente para o efecto e dirixido por interventores dependentes do interventor xeral.

2. O control financeiro permanente realizarase de acordo coas seguintes características:

a) Exercerao a Intervención Xeral da Comunidade a través das intervencións delegadas nos servicios, organismos, sociedades e entes públicos nos que se encontre establecido este réxime de control, sen prexuízo das actuacións de control ordinario que, con carácter excepcional e alcance limitado, poida realizar directamente o citado centro directivo.

b) As actuacións e os traballos necesarios para o seu desenvolvemento efectuaranse de forma permanente e continuada ó longo dos diferentes exercicios, e non se requirirá acordo expreso da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para a súa iniciación.

c) As ditas actuacións realizaranse, como regra xeral, sobre a base do principio de proximidade temporal respecto da actividade ou dos actos obxecto de control.

d) A Intervención Delegada encargada do control financeiro permanente deberá recibir información permanente, actualizada e detallada da actividade obxecto de control, dos seus obxectivos e do avance no seu cumprimento, na forma e coa periodicidade que a dita oficina determina, co fin de ter un coñecemento completo dela.

Artigo 106º.-Ámbito de aplicación.

1. O control financeiro permanente será aplicable nos seguintes entes do sector público de Galicia, sempre que, de conformidade co disposto no número 4 do artigo 94º desta lei, non estea establecida a función interventora:

a) Os organismos autónomos da Comunidade de carácter industrial, comercial, financeiro ou análogo.

b) O ente público Radiotelevisión de Galicia.

c) As consellerías, servicios, organismos autónomos de carácter administrativo, sociedades e entes públicos, calquera que sexa a súa denominación e forma xurídica, en que así se determine, de conformidade co previsto no punto seguinte.

2. A aplicación do réxime de control financeiro permanente ás consellerías, servicios, organismos, sociedades e entes nos que actualmente non se encontre establecido efectuarase:

a) Mediante orde do conselleiro de Economía e Facenda por proposta da Intervención Xeral da Comunidade, nos supostos de consellerías, servicios ou organismos autónomos nos que xa exista Intervención Delegada.

b) Mediante acordo da Xunta por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, nos supostos de servicios, sociedades ou entes públicos nos que non exista Intervención Delegada da Intervención Xeral da Comunidade.

3. A relación de dependencia e as condicións de funcionamento dos interventores delegados no exercicio do control financeiro permanente serán as mesmas cás vixentes para a función interventora.

4. Para a aplicación do disposto neste artigo as intervencións delegadas encargadas do control financeiro permanente poderán requirir información referida a:

a) Dereitos e obrigas, compras e vendas.

b) Investimentos e outros contratos.

c) Cobros e pagamentos.

d) Composición e detalle de saldos en contabilidade.

e) Operacións que se vaian realizar ou en curso de especial significación ou importancia.

f) Existencias de fondos, de materiais e de bens de calquera natureza.

g) Calquera outro aspecto financiero ou organizativo que se considere de interese en atención ás características do ente controlado.

As intervencións delegadas deberán recibir un exemplar das contas e doutros estados anuais, así como dos que se elaboren con outra periodicidade, e terán acceso directo ós sistemas de información dos que se deriven as ditas contas e estados.

5. Se no exercicio do control financeiro permanente se puxesen de manifesto graves irregularidades, daráselle conta á Intervención Xeral, propoñendo, se é o caso, a substitución dese procedemento de control polo exercicio da función interventora.

6. Os interventores delegados deberán elaborar para cada ente un plan anual de actuación, que se someterá á aprobación da Intervención Xeral da Comunidade.

O dito plan conterá o detalle das actuacións que se van realizar e o seu calendario de execución, así como a periodicidade dos informes e das datas previstas de emisión.

Os plans de actuación incluirán, en todo caso, a realización de:

a) Auditoría permanente de cumprimento.

b) Revisións de rexistros e procedementos contables e das existencias e dos movementos de fondos.

c) Auditoría financeira das contas anuais.

d) Auditoría de programas sobre o nivel de realización de obxectivos e análises das causas das desviacións.

Os citados plans incluirán ademais, se procede, a realización doutras auditorías operativas, de sistemas e procedementos ou outros tipos de control dos previstos no artigo 104º desta lei, nos casos e co alcance nos que así se determine.

Corrección de erros. Artigo 106º.5 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 107º.-Plan anual de auditorías.

1. O control financeiro ordinario enmarcará a súa actuación nun plan anual de auditorías que se debe realizar en cada exercicio, a elaboración do cal lle corresponde á Intervención Xeral da Comunidade.

2. O plan comprenderá as entidades sobre as que se realizarán controis financeiros de carácter ordinario no exercicio económico a que se refira, con indicación, en cada caso, do tipo de control que se debe realizar e do seu alcance.

3. O plan terá carácter aberto e poderá ser modificado para a realización de controis específicos, en atención ós medios dispoñibles e por outras razóns debidamente ponderadas.

4. Para o desenvolvemento do control financeiro ordinario, a Intervención Xeral da Comunidade poderá solicita-la colaboración de empresas privadas de auditorías, que deberán axustarse ás normas e instruccións que determine o dito centro directivo.

Para solicita-la dita colaboración será necesaria unha orde do conselleiro de Economía e Facenda, na que se especificará a insuficiencia dos servicios da Intervención Xeral da Comunidade que xustifique a dita colaboración.

Artigo 108º.-Resultado e informes.

1. Do resultado das actuacións de control financeiro ordinario ou permanente emitirase informe coa estructura, co procedemento e co contido que regulamentariamente se determine.

2. Os informes derivados das actuacións de control financeiro ordinario elevaránselle á Intervención Xeral da Comunidade para a súa remisión ó conselleiro de Economía e Facenda e ós órganos responsables e de tutela dos servicios ou organismos controlados.

3. Os informes que teñan a súa orixe en actuacións de control financeiro permanente remitiránselle ó titular da xestión e ademais á Intervención Xeral da Comunidade cando estes teñan un carácter xeral ou fosen realizados por algunha circunstancia especial.

Capítulo II Da contabilidade

Artigo 109º.-Réxime.

1. A administración da Comunidade Autónoma, dos seus organismos autónomos e das sociedades públicas de Galicia queda sometida ó réxime de contabilidade pública nos termos previstos nesta lei.

2. A suxeición ó réxime de contabilidade pública comporta a obriga de renderlles contas das respectivas operacións e transaccións económicas, calquera que sexa a súa natureza, ó Tribunal de Contas e ó Consello de Contas de Galicia.

3. O disposto no parágrafo anterior élles aplicable ó emprego dos fondos para xustificar e ó das transferencias correntes e de capital con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, calquera que sexa o seu perceptor.

4. As obrigas que se determinen no presente artigo entenderanse sen prexuízo das facultades que a Constitución lle confire ó Tribunal de Contas.

Artigo 110º.-Competencias da Consellería de Economía e Facenda.

É competencia da Consellería de Economía e Facenda a organización da contabilidade pública ó servicio dos seguintes fins:

a) Rexistra-la execución dos orzamentos xerais da Comunidade nas súas distintas fases.

b) Coñece-lo movemento e a situación da Tesourería.

c) Reflecti-las variacións, a composición e a situación do patrimonio da Comunidade e do inventario de bens afectados ós fins dos organismos autónomos e das sociedades públicas.

d) Proporcionárlle-los datos necesarios para a formación e o rendemento da Conta Xeral da Comunidade, así como das demais contas, estados e documentos que deban elaborarse ou remitirse ó Consello de Contas de Galicia e ó Tribunal de Contas.

e) Facilita-los datos e outros antecedentes necesarios para a confección das contas económicas do sector público estatal.

f) Rende-la información económica e financeira que sexa necesaria para a toma de decisións tanto na orde política coma na de xestión.

Artigo 111º.-Funcións da Intervención Xeral como centro directivo.

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma é o centro directivo da contabilidade pública de Galicia e correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Someter á decisión do conselleiro de Economía e Facenda o Plan de contabilidade pública de Galicia, ó que se adaptarán os organismos, as corporacións e as demais entidades comprendidas no sector público de Galicia, mantendo a debida coordinación co Plan xeral de contabilidade pública.

b) Promove-lo exercicio da potestade regulamentaria no tocante á determinación da estructura, xustificación, tramitación e rendemento de contas, informes e demais documentos relativos á contabilidade pública, podendo dictar para o efecto circulares e instruccións polos procedementos que se determinen nas leis e nos regulamentos.

c) Aproba-los plans parciais ou especiais de contabilidade pública que se elaboren conforme o Plan de contabilidade pública de Galicia, ou o Plan xeral de contabilidade do sector privado, respecto das sociedades públicas.

d) Inspecciona-la contabilidade de toda clase de organismos públicos da Comunidade Autónoma.

Artigo 112º.-Funcións como centro xestor.

1. Como centro xestor da contabilidade pública, correspóndelle á Intervención Xeral:

a) Forma-la Conta Xeral da Comunidade Autónoma e elabora-la memoria que a acompaña.

b) Preparar e examina-las contas que se lles deban render ó Consello de Contas de Galicia e ó Tribunal de Contas, e formula-las observacións que, se é o caso, se estimen necesarias.

c) Solicita-la presentación de contas, estados e outros documentos suxeitos a exame crítico.

d) Centraliza-la información deducida da contabilidade das corporacións, organismos, entidades e demais axentes que integran o sector público de Galicia.

e) Elabora-las contas económicas do sector público de Galicia, de acordo co sistema de contas en vigor para todo o Estado.

f) Vixiar e impulsa-las actividades das oficinas de contabilidade de tódolos organismos e servicios da Comunidade.

2. Tódolos informes e dictames económico-contables que deban emiti-las entidades sometidas ó réxime de contabilidade pública deberán ser solicitados a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. Para os efectos previstos neste artigo, o rendemento de toda clase de contas polos procedementos ordinarios deberase realizar a través da Intervención Xeral.

Artigo 113º.-Soporte documental.

A contabilidade pública levarase en libros, rexistros e contas, segundo os procedementos técnicos establecidos que sexan máis convenientes pola índole das operacións e das situacións que neles deban anotarse, sen prexuízo de que as sociedades públicas se axusten ás disposicións do Código de comercio, ás que se dicten no seu desenvolvemento e ó Plan xeral de contabilidade vixente para as empresas españolas.

Artigo 114º.-Contadantes.

Serán contadantes das contas que teñan que renderse ó Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, ó Tribunal de Contas:

a) Os funcionarios que teñan ó seu cargo a xestión dos ingresos e a realización dos gastos, así como as demais operacións da Administración da Comunidade.

b) Os presidentes ou directores dos organismos autónomos, sociedades públicas e demais entes que conforman o sector público de Galicia.

c) Os particulares que, excepcionalmente, administren, recaden ou custodien fondos ou valores da Comunidade, sen prexuízo de que sexan intervidas as respectivas operacións.

d) Os perceptores das transferencias a que se refiren os artigos 78º e 109º.3 desta lei.

Artigo 115º.-Forma e prazos.

As contas e a documentación que se lles deban render ó Consello de Contas de Galicia e ó Tribunal de Contas formaranse e cerraranse por períodos trimestrais, excepto as correspondentes ós organismos autónomos, sociedades públicas e demais entes que conforman o sector público de Galicia, que o serán anualmente.

Artigo 116º.-Sociedades públicas, entes e organismos.

A contabilidade pública das sociedades públicas, entes e organismos queda sometida á verificación ordinaria e extraordinaria a cargo dos funcionarios dependentes do interventor xeral da Comunidade e dos que, se é o caso, designe o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas.

Artigo 117º.-Publicidade e información.

1. A Consellería de Economía e Facenda publicará no Diario Oficial de Galicia os seguintes datos trimestrais:

a) Do movemento do tesouro por operacións orzamentarias e extraorzamentarias, e da súa situación.

b) Das operacións de execución do orzamento da Comunidade Autónoma e das súas modificacións.

c) Das demais que se consideren de interese.

2. Os organismos autónomos, as entidades públicas e as sociedades mercantís con participación maioritaria da Xunta remitiranlle trimestralmente á Consellería de Economía e Facenda un estado da súa situación financeira, de acordo coa estructura que esta determine.

3. Trimestralmente, o conselleiro de Economía e Facenda daralle conta á Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, do estado de execución orzamentaria.

Capítulo III Da conta xeral da Comunidade

Artigo 118º. Estrutura

1. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma comprenderá todas as operacións orzamentarias, patrimoniais e de tesouraría levadas a cabo durante o exercicio por todas as entidades incluídas nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de cada exercicio.

2. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma constará dos seguintes documentos:

a) Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

b) Conta das entidades en réxime de orzamento limitativo.

c) Conta das entidades en réxime de orzamento estimativo.

Artigo 119º.- Contido.

1. A Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma formarase con base nos estados e documentos que determine a consellaría competente en materia de facenda.

Como mínimo, deberán figurar na Conta da Administración xeral da Comunidade Autónoma os seguintes documentos:

a) A liquidación do orzamento, especificando os créditos iniciais e as súas modificacións, así como a liquidación dos estados de ingresos e gastos nas súas distintas fases de xestión orzamentaria.

b) Un estado demostrativo dos compromisos de gastos adquiridos con cargo a exercicios futuros, facendo uso do disposto no artigo 58.

c) Un estado demostrativo da evolución e da situación dos dereitos que se deben cobrar e das obrigas que se deben pagar procedentes de exercicios anteriores.

d) Un estado demostrativo da situación da tesouraría e das operacións realizadas durante o exercicio.

e) Un estado demostrativo do endebedamento público.

f) O resultado do exercicio económico, que recollerá a determinación do superávit, o déficit ou nivelación da liquidación do orzamento, o remanente de tesouraría resultante e a variación dos activos e pasivos financeiros.

2. A conta das entidades en réxime de orzamento limitativo formarase con base nos estados e documentos que determine a consellaría competente en materia de facenda.

Como mínimo, deberán figurar na conta das entidades en réxime de orzamento limitativo os seguintes documentos:

a) As contas anuais de todas as entidades en réxime de orzamento limitativo incluídas na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para cada exercicio, segundo o regulado no plan de contabilidade que lles sexa de aplicación.

b) A liquidación do orzamento, especificando os créditos iniciais e as súas modificacións, así como a liquidación dos estados de ingresos e gastos nas súas distintas fases de xestión orzamentaria.

c) Un estado demostrativo dos compromisos de gastos adquiridos con cargo a exercicios futuros, facendo uso do disposto no artigo 58.

d) Un estado demostrativo da evolución e situación dos dereitos que se deben cobrar e das obrigas que se deben pagar procedentes de exercicios anteriores.

e) Un estado demostrativo da situación da tesouraría e das operacións realizadas durante o exercicio.

f) O resultado do exercicio económico, que recollerá a determinación do superávit, o déficit ou nivelación da liquidación do orzamento, o remanente de tesouraría resultante e a variación dos activos e pasivos financeiros.

3. A conta das entidades en réxime de orzamento estimativo formarase con base nos estados e documentos que determine a consellaría competente en materia de facenda.

Como mínimo, deberán figurar na conta das entidades en réxime de orzamento estimativo as contas anuais de todas as entidades en réxime de orzamento estimativo incluídas na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para cada exercicio, segundo o disposto no plan de contabilidade que lles sexa de aplicación.

4. A consellaría competente en materia de facenda establecerá a estrutura e o contido das contas e estados a que se fai referencia neste artigo, así como das demais contas que deban render as entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 120º.- Información complementaria.

1. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma irá acompañada dunha memoria explicativa das principais magnitudes en que se proporcione unha visión global do conxunto do sector público da Comunidade Autónoma. En todo caso, incluirase información relativa ao movemento e situación dos avais ou préstamos concedidos.

A consellaría competente en materia de facenda establecerá a estrutura e o contido da memoria a que se refire este artigo.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá incorporar ao expediente relativo á Conta Xeral aquela información complementaria que considere necesaria para mellorar a comprensión dos documentos que forman parte da Conta.

Artigo 121º.-Revisión e aprobación.

1. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma de cada ano remitirase, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, antes do 30 de setembro do ano seguinte ao que se refire.

2. A Conta Xeral da Comunidade Autónoma deberá ser aprobada polo Parlamento de Galicia para efectos de dar cumprimento ó disposto na alínea b) do artigo 10 do Estatuto de autonomía.

TÍTULO VI Das responsabilidades

Artigo 122º.-Suxeitos responsables.

1. As autoridades, os funcionarios e os empregados da Comunidade Autónoma en calquera dos seus servicios, organismos autónomos, entes públicos ou sociedades públicas que, por dolo, culpa ou neglixencia adopten resolucións, executen accións ou incorran en omisións con infracción das disposicións desta lei, estarán obrigados a indemnizar á Facenda da Comunidade polos danos e perdas que sexan consecuencia daqueles, con independencia da responsabilidade penal ou disciplinaria que lles poida corresponder.

2. Estarán suxeitos á obriga de indemnizar á Facenda da Comunidade, ademais das autoridades, dos funcionarios e dos empregados ós que se fai referencia no número 1 anterior, os interventores, tesoureiros e ordenadores de pagamentos que, con dolo, culpa, neglixencia ou ignorancia inescusable, non salvasen a súa actuación no correspondente expediente mediante observación escrita acerca da improcedencia ou ilegalidade do acto ou resolución.

Iso deixando a salvo o disposto no artigo 76º.3, da presente lei.

3. A responsabilidade de quen participe na resolución ou no acto será mancomunada, excepto cando concorra dolo, no que será solidaria.

Artigo 123º.-Tipificación das infraccións.

Constitúen infraccións que dan orixe á obriga de indemnizar segundo determina o artigo anterior:

a) Incorrer no alcance ou malversación na administración de fondos da Comunidade.

b) Administra-los recursos e demais dereitos da Facenda da Comunidade incumprindo as normas reguladoras da súa xestión, liquidación, inspección, recadación ou ingreso nas caixas da Tesourería.

c) Comprometer gastos e ordenar pagamentos sen crédito suficiente ou infrinxindo doutro modo as disposicións legais aplicables á execución e xestión dos orzamentos e das operacións de Tesourería.

d) Dar lugar a pagamentos indebidos ó liquida-las obrigas ou ó expedir documentos en virtude das funcións que se teñan encomendadas.

e) Non render contas regulamentarias esixidas ou presentadas con graves defectos.

f) Non xustifica-la aplicación dos fondos a que se refire o artigo 77º desta lei.

g) Calquera outro acto ou resolución dictada con infracción do disposto nesta lei ou da normativa aplicable á xestión e administración do patrimonio.

Artigo 124º.-Instrucción e resolución.

1. Sen prexuízo das competencias e do coñecemento dos feitos por parte do Consello de Contas de Galicia e do Tribunal de Contas, a responsabilidade polos actos, omisións e resolucións tipificados no artigo anterior será determinada e esixida mediante expediente administrativo instruído ó interesado.

2. O acordo de incoación, o nomeamento de xuíz instructor e a resolución do expediente corresponderanlle á Xunta cando se trate de persoas que, de conformidade co ordenamento vixente, teñan a condición de autoridade e ó conselleiro de Economía e Facenda nos demais casos.

3. Na tramitación do expediente daráselles audiencia ós interesados e a súa resolución conterá o pronunciamento sobre os danos e perdas causados ós bens e dereitos da Facenda da Comunidade, impoñéndolles ós responsables a obriga de indemnizar na contía e no prazo que se determine.

Artigo 125º.-Execución.

1. Os danos e perdas declarados na resolución do expediente a que se refire o artigo anterior terán a consideración de dereitos da Facenda da Comunidade, gozarán do réxime previsto no artigo 19º desta lei e poderá procederse ó seu cobro, se é o caso, pola vía de constrinximento.

2. A Facenda da Comunidade terá dereito a esixi-lo xuro previsto no artigo 21º desta lei sobre o importe dos alcances, malversacións, danos e perdas ós seus bens e dereitos, desde o día no que estes se causasen.

3. Cando, a consecuencia da insolvencia dos obrigados que deben indemnizar, haxa que proceder contra os responsables subsidiarios declarados como tales no expediente, os xuros a que fai referencia o punto anterior seranlles esixidos desde a data na que fosen requiridos para realiza-lo pagamento.

Corrección de erros. Artigo 125º.3 redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Artigo 126º.-Dilixencias previas.

Tan pronto como se teña noticia dun alcance, malversación, dano ou prexuízo á Facenda da Comunidade, ou transcorresen os prazos sinalados no artigo 77º desta lei sen que se xustificasen as ordes de pagamento ás que este se refire, os superiores xerárquicos dos presuntos responsables e os ordenadores de pagamentos, respectivamente, instruirán as dilixencias previas oportunas e adoptarán, con igual carácter, as medidas necesarias para asegura-los dereitos da Facenda da Comunidade, dándolles conta inmediata ó Consello de Contas de Galicia, ó conselleiro de Economía e Facenda e, se é o caso, ó Tribunal de Contas, para que procedan de acordo coas súas competencias e conforme os procedementos establecidos.

Corrección de erros. Artigo 126º redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Disposicións adicionais

Primeira.-Definición de empresa pública.

Para os efectos desta lei, a definición que na normativa autonómica se fai da empresa pública entenderase referida, no sucesivo, ás sociedades públicas establecidas nesta.

Segunda.-Rendición de contas ó Parlamento.

A Consellería de Economía e Facenda, dentro dos primeiros quince días hábiles de cada mes, daralle conta á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos de tódalas modificacións que se realicen de acordo co previsto nesta lei.

Corrección de erros. Disposición adicional segunda redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Terceira.-Vixencia do artigo 23º, número 2.

O número 2 do artigo 23º desta lei, na redacción dada polo artigo 8º da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión (DOG do 31. Corrección de erros no DOG do 12 de febreiro de 1999), terá a vixencia determinada na disposición derradeira primeira desa lei, sen prexuízo da que establezan leis futuras.

Disposición derrogatoria

Única.-

Quedan derrogadas as leis que se citan nas táboas adxuntas e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta lei.

1. En virtude da súa incorporación ó texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia quedan derrogadas as seguintes normas:

-Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

-Disposición adicional terceira da Lei 14/1992, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1993.

-Artigos 8º, 23º, 38º, 39º e 40º da Lei 1/1994, do 30 de marzo, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1994.

-Disposicións adicionais novena, décima e décimo primeira da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

-Artigos 4º e 5º da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión.

-Artigos 3º, 4º, 5º, 6º e 8º da Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión.

2. En virtude do establecido na disposición derrogatoria da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, está derrogada a Lei 30/1984, do 3 de abril, de xestión económica e financeira pública de Galicia.

Corrección de erros. Disposición derradeira única redactado conforme a corrección de erros publicada no DOG núm. 218, do 11 de novembro de 1999.

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia