lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Publicado en: DOG 141 26/07/2019

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

I

A administración pública desempeña un papel fundamental no desenvolvemento da sociedade como reguladora e como provedora de servizos públicos para a cidadanía e tamén como organización cun importante colectivo de persoal e como parte salientable no desenvolvemento económico dun país.

No marco normativo, e en liña coas demandas sociais de cambios na administración, aprobáronse nos últimos anos importantes normas en materia de racionalización da organización administrativa e dos recursos públicos, a eficacia na xestión, o desenvolvemento dos principios vinculados á garantía da calidade dos servizos públicos, o dereito á boa administración e a dispoñer de servizos públicos de calidade, e tamén en materia de transparencia e bo goberno.

Estas demandas xorden nunha sociedade na que as tecnoloxías da información e a comunicación, e en particular a internet, adquiriron unha importancia evidente nas relacións económicas, sociais e profesionais das persoas. Segundo a Enquisa sobre o uso das tecnoloxías da información e a comunicación nos fogares do 2018, publicada polo Instituto Nacional de Estatística, o 72,1 por cento da poboación entre os dezaseis e os setenta e catro anos accede diariamente á internet, o 43,5 por cento fixo algunha compra pola internet e o 65,4 por cento utilizou a administración electrónica. Na poboación entre os dez e os quince anos, o 69,8 por cento dispoñen de teléfono móbil, e o uso da internet está estendido ata o 92,8 por cento.

A administración pública debe evolucionar xunto coa sociedade. Debe acadar un desenvolvemento pleno da administración electrónica e aproveitar as innovacións que as tecnoloxías da información e a comunicación, as denominadas tecnoloxías dixitais, na súa constante evolución, poden achegar para construír un novo modelo de administración, máis transparente, sinxelo, eficaz e inclusivo e, por conseguinte, máis acorde coas demandas da cidadanía e das empresas.

O Plan de acción sobre administración electrónica 2016-2020 da Unión Europea determinou que no ano 2020 as administracións públicas e as institucións públicas da Unión Europea deberán ser abertas, eficientes e integradoras e prestarlles servizos públicos dixitais sen fronteiras, personalizados, fáciles de utilizar e de extremo a extremo a toda a cidadanía e ás empresas da Unión Europea.

Nesta liña, o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 30 de abril de 2015, aprobou a Axenda dixital de Galicia 2020. Esta estratexia tecnolóxica de Galicia para o período 2015-2020 busca impulsar un modelo de crecemento baseado na economía dixital, que contribúa a dar resposta aos desafíos a que se enfronta Galicia en todas as áreas de desenvolvemento.

Daquela, a administración pública está na obriga de aplicar enfoques innovadores para deseñar e prestar mellores servizos de conformidade coas necesidades e as demandas da cidadanía e as empresas, por medio do aproveitamento das oportunidades que brinda a nova contorna dixital para facilitar as súas interaccións cos cidadáns e as cidadás, coas empresas e con outras administracións. Unha administración dixital para unha cidadanía usuaria do dixital e para aquela que non o é.

II

Esta Lei de administración dixital de Galicia completa o marco normativo galego mencionado no punto anterior para o desenvolvemento no contexto dixital dos principios vinculados á racionalización administrativa e dos recursos públicos, a garantía da calidade dos servizos públicos e o dereito á boa administración, así como a transparencia e o bo goberno.

Aborda catro ámbitos imprescindibles para o desenvolvemento dunha administración dixital: os instrumentos necesarios para o desenvolvemento da administración electrónica, a necesaria capacitación para acadar unha cidadanía dixital, as infraestruturas e os sistemas para o funcionamento dixital do sector público autonómico e mais os instrumentos de coordinación, colaboración, cooperación e seguimento para conseguir unha implantación efectiva da administración dixital de xeito cohesionado. Desta maneira:

a) Concreta e regula o xeito en que o sector público autonómico constrúe o seu funcionamento electrónico, dando cumprimento ao establecido no marco normativo estatal no eido da administración electrónica, pero garantindo a súa capacidade de organización dixital interna e de establecemento do modelo de relación dixital coa cidadanía. A regulación complétase coas previsións necesarias para o impulso do desenvolvemento dos servizos públicos dixitais no contexto da internet dunha forma ordenada e coherente, superando o ámbito do procedemento administrativo para se dirixir á cidadanía en xeral e non unicamente ás persoas interesadas nun procedemento administrativo.

b) O desenvolvemento dixital da administración pública galega, de xeito similar a outros ámbitos da sociedade, require promover na cidadanía as capacidades de aproveitamento das posibilidades que a tecnoloxía facilita, pero non unicamente no uso de determinadas aplicacións de uso cotián ou necesarias para a relación coa administración, senón tamén no desenvolvemento de hábitos de comportamento no eido dixital que garantan o uso adecuado e seguro das tecnoloxías, que son, ademais, cambiantes. Neste senso, prevese o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais en liña co que os organismos europeos promoven para acadar unha cidadanía dixital responsable. Neste punto é imprescindible recoller a necesaria capacitación dixital do persoal que traballa no sector público autonómico e o recoñecemento da súa capacidade de impulso de enfoques innovadores de funcionamento da administración aproveitando as tecnoloxías dixitais.

c) As infraestruturas tecnolóxicas, os medios utilizados polos empregados públicos para o seu desempeño profesional, así como os sistemas e as aplicacións que se utilizan para o funcionamento dixital do sector público autonómico quedan tamén recollidos neste texto. Tamén se implantan as previsións sobre a seguridade, a dispoñibilidade e a interoperabilidade, orientadas a facilitaren servizos públicos dixitais de calidade. Establécense os criterios básicos da súa xestión e posta á disposición, de xeito que o desenvolvemento dixital se faga de forma transversal e homoxénea a todo o sector público autonómico.

d) E, por último, os instrumentos de coordinación, cooperación, colaboración e seguimento para o proceso da transformación dixital tanto no sector público autonómico coma na relación coas restantes administracións.

Con todo iso avanzarase en conseguir unha administración diferente, que teña as tecnoloxías dixitais como un elemento catalizador para a súa modernización e onde os efectos reais da utilización destas tecnoloxías irán encamiñados á utilización dos medios e das formas inclusivas para toda a cidadanía, creando as condicións de confianza precisas para o uso dos servizos dixitais.

III

Unha administración dixital debe ter como referencia os seguintes alicerces básicos:

a) Orientación á cidadanía, asociada á universalización dos servizos en forma dixital e a garantir que a cidadanía e as empresas faciliten a mesma información a unha administración pública unha soa vez, co obxectivo de que a cidadanía e as empresas teñan que soportar a menor cantidade de cargas administrativas.

b) Transparencia, asociada a explicar a acción de goberno, incluíndo a apertura de datos compatibles e reutilizables, que permitan coñecer e controlar o funcionamento das institucións públicas. Esta dimensión vincúlase á rendición de contas.

c) Participación, asociada a fomentar a implicación da cidadanía, das empresas, das asociacións e dos e das profesionais na definición e a avaliación das políticas e dos servizos públicos, permitíndolles aos cidadáns e ás cidadás contactaren de forma directa cos seus gobernantes e a estes consultaren permanentemente a cidadanía sobre as políticas. O uso da internet e das redes sociais propicia o xurdimento de novas fórmulas de participación, mais exixe que as administracións públicas deban redefinir o seu funcionamento e reformular a forma de facer as cousas para poderen responder ás expectativas da sociedade.

d) Colaboración, asociada ao desenvolvemento de fórmulas de traballo conxunto e transversal entre diferentes actores dentro e fóra da administración, incluíndo actuacións que comprenden iniciativas de interoperabilidade, de innovación social e de coprodución. Ao relacionarse coa coprodución de servizos, a colaboración require a asunción dunha responsabilidade activa e constante por parte dos diferentes actores que participan.

IV

No ordenamento xurídico estatal, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen un novo escenario normativo para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas, e, polo tanto, tamén no sector público autonómico de Galicia.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, derroga expresamente a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e mais a Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que constituían a base normativa para o desenvolvemento da administración electrónica.

Así é que a regulación estatal en materia de procedemento administrativo común e en materia de réxime xurídico do sector público introduce de maneira transversal o emprego dos medios electrónicos nas relacións entre as administracións públicas e entre estas e os cidadáns e as cidadás. Xeneralízase así o uso dos medios electrónicos en todas as fases do procedemento administrativo, desde a identificación e a representación das persoas interesadas ata a preferencia pola notificación electrónica.

V

No eido galego, os alicerces da regulación dunha administración dixital xa contan cun corpo legal integrado pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, reguladora da organización e do réxime xurídico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico; pola Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que promoveu a optimización dos recursos públicos, a eficacia na xestión e o logro da máxima coordinación dos distintos órganos e unidades administrativas como principios básicos que guían a actuación do sector público autonómico, e pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que consagra legalmente o dereito da cidadanía á boa administración e a que se lle presten uns servizos públicos de calidade, así como a participar na avaliación da calidade dos servizos públicos, como parte imprescindible do ciclo das políticas públicas.

A Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, estableceu que o sector público galego dispoñerá dun sistema integrado de atención á cidadanía que garantirá a prestación deste servizo a través de tres modalidades: presencial, telefónica e telemática, sendo esta última a que se ofrece a través da web institucional e da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou por calquera outro medio que, vinculado ás tecnoloxías dixitais, se poida implementar.

A referida lei determina, así mesmo, como mecanismos de atención os seguintes: o recibimento e a acollida, a orientación, a información, a recepción e o rexistro de documentos e a presentación de queixas e suxestións, coa regulación ademais da información e os seus tipos, das suxestións e as queixas e mais do procedemento para a súa presentación. Cómpre agora nesta lei abordar, con máis fondura, a modalidade de atención telemática a que se refire a devandita Lei 1/2015, do 1 de abril.

No ámbito da transparencia, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, regula a transparencia e a publicidade na actividade pública, entendendo esta como a desenvolvida cun financiamento público, así como o dereito da cidadanía a acceder á información pública.

Débese mencionar tamén a Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, que proporciona o marco normativo adecuado para que a Comunidade Autónoma de Galicia desenvolva as competencias en materia de arquivos e documentos, permitindo articular unha xestión documental electrónica eficaz e eficiente, integrada na xestión administrativa xeral. A xestión documental electrónica, aplicada con carácter transversal e continuo dentro dun sistema de arquivos, serve para garantir a autenticidade, a fiabilidade, a integridade e a dispoñibilidade dos documentos no seu ciclo vital, para facilitar o acceso aos documentos e á información e mais para preservar e difundir o patrimonio documental de Galicia nunha contorna dixital.

Máis recentemente, a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, dedicou unha sección específica ao establecemento de determinadas previsións en materia de administración dixital, como primeiro paso para a adaptación á regulación contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Xunto a estes textos legais, polo que se refire ao ámbito da administración electrónica, a evolución normativa autonómica na materia caracterizouse pola aprobación duns decretos e ordes que forman a columna vertebral da administración dixital do sector público autonómico de Galicia.

Desta forma, o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, supuxo un cambio organizativo substancial, xa que ordenou o proceso de desenvolvemento dos servizos electrónicos e determinou o réxime regulador do dereito da cidadanía a relacionarse coa Administración pública galega por medios electrónicos. Pola súa parte, o Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, estableceu o marco xurídico do Sistema único de rexistro da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. E, por último, o Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, recoñece o papel fundamental da internet para a prestación de servizos públicos, e establece unhas regras de coordinación do xeito en que o sector público autonómico se achega á cidadanía.

Xa que logo, ante o novo escenario lexislativo estatal, resulta clave dotar o ordenamento xurídico autonómico dunha regulación única, coherente, actualizada e ordenada, contando cunha lei que sistematice nun único corpo toda a regulación relativa ás relacións dixitais ad extra e ad intra no sector público autonómico de Galicia, os dereitos das persoas nas súas relacións dixitais e que promova un réxime xurídico novo na administración dixital do sector público autonómico de Galicia segundo as prescricións establecidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

VI

É neste novo marco de actuación onde o uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) representa un motor de transformación, unido ao cambio na cultura das organizacións públicas. Para iso é imprescindible non só promover a incorporación destas tecnoloxías senón tamén de novos estilos na xestión, e, en especial, promover novas competencias dos e das profesionais ao servizo das organizacións públicas.

Ao redor do corenta por cento dos traballadores e das traballadoras da Unión Europea, segundo a Eurostat (Oficina Europea de Estatística), ten un nivel insuficiente de competencias dixitais, polo que existe unha perentoria necesidade de adquirir novas competencias multidisciplinares e dixitais. A fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores e traballadoras con competencias dixitais é cada vez maior. As innovacións dixitais tamén teñen un gran potencial para crear máis emprego na industria, dado que se crean novas empresas e se axuda a preservar e reforzar uns postos de traballo industriais. Para traballar nunha economía dixitalizada serán necesarias tamén novas competencias e habilidades; por exemplo, máis capacidades creativas, comunicativas e de adaptación. Requirirase unha mellora masiva da capacitación das persoas traballadoras a todos os niveis.

Existe ademais a necesidade de que o persoal empregado público teña a suficiente competencia dixital para facilitar a relación electrónica coa cidadanía e para contribuír a unha administración máis sustentable e eficiente.

Deste xeito, a presente regulación senta os alicerces para definir un Marco galego de competencias dixitais, para a cidadanía no seu conxunto, e para os empregados públicos en particular. Este Marco galego de competencias dixitais estará aliñado co marco europeo European Digital Competence Framework (DigComp). Na súa definición teranse en conta as condicións específicas para o seu desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia.

O desenvolvemento destas competencias para o conxunto dos profesionais do sector público autonómico establecerase adecuando o seu aprofundamento aos contidos, ás funcións e ás responsabilidades do posto de traballo ocupado.

Nesta liña, desde a perspectiva das administracións públicas, a formación profesional continua e a reciclaxe profesional de todo o persoal empregado público constitúen, ademais, unha necesidade imprescindible para conseguir os seus obxectivos permanentes de eficacia e de modernización. Pero, hoxe en día, a súa necesidade é máis imperiosa dada a rápida evolución dos coñecementos e das tecnoloxías da información e a comunicación e, con iso, dos requirimentos da administración ao seu persoal empregado. A formación constitúe un factor relevante para incrementar a produtividade de cada persoa empregada pública e da organización no seu conxunto, polo que este é un obxectivo esencial para acadar os niveis de competitividade aos que debe aspirar a nosa administración, no marco da Unión Europea e na dinámica da globalización.

VII

A regulación da infraestrutura dixital básica ten como obxectivo asegurar a prestación dos servizos públicos mediante o acceso sen descontinuidade e cos niveis adecuados de protección de datos, seguridade e calidade do servizo.

Ademais, no actual contexto de transformación dixital, o persoal empregado público resulta motor clave do cambio. Os espazos de traballo débense transformar para adaptarse a un escenario onde os traballadores e as traballadoras demandan conectividade e acceso a recursos personalizados e contextualizados desde calquera lugar, en calquera momento e desde calquera dispositivo.

Por outra parte, a entrada en vigor do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e a rápida evolución tecnolóxica e a globalización expuxeron uns novos retos para a protección dos datos persoais. A magnitude da recollida e do intercambio dos datos persoais aumentou de maneira significativa. Estes avances requiren un marco máis sólido e coherente para a protección dos datos, garantindo un elevado nivel de seguridade da información e dos datos persoais tratados polo sector público autonómico.

Nesta liña, a Directiva 2016/680 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, completa a nova regulación europea en materia de protección de datos delimitada polo Regulamento 2016/679 e a Directiva 2016/681, definindo as garantías e os principios que deben rexer o tratamento, automatizado ou manual, dos datos persoais relativos ás persoas físicas, identificadas ou identificables, cando este se realice con fins de prevención, investigación, detección ou axuizamento de infraccións penais ou de execución de sancións penais, incluídas a protección e a prevención fronte ás ameazas contra a seguridade pública.

VIII

Polo que atinxe o fundamento competencial, esta lei dítase no exercicio das competencias autonómicas exclusivas en materia de organización das institucións de autogoberno e en materia de procedementos administrativos que deriven do específico dereito galego ou da organización propia dos poderes públicos galegos, así como da competencia autonómica de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de réxime xurídico da Administración pública de Galicia, recollidas, respectivamente, no artigo 27, alíneas 1 e 5, e mais no artigo 28.1 do Estatuto de autonomía de Galicia. Xunto a estes títulos competenciais tamén procede invocar, atendidas as previsións en materia de emprego público e de contratación contidas na lei, as competencias autonómicas de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de réxime estatutario dos seus funcionarios e en materia de contratos, previstas no artigo 28, alíneas 1 e 2, do Estatuto de autonomía de Galicia.

IX

Esta lei estrutúrase nun título preliminar e sete títulos, cada un deles dedicado á regulación dos aspectos fundamentais do réxime da administración dixital para a incorporación do potencial das tecnoloxías dixitais no deseño das políticas públicas e na modernización do sector público autonómico, coa finalidade última de impulsar a economía galega.

Así, en primeiro lugar, o título preliminar, «Disposicións xerais», establece o obxecto, o ámbito de aplicación e os fins da lei. Este título preliminar marca aqueles principios xerais de actuación polos cales se deberá rexer a aplicación das previsións desta lei, onde destaca o relativo aos colectivos obrigados a realizaren calquera trámite dun procedemento administrativo perante o sector público autonómico. Esta previsión é adicional respecto daqueles colectivos indicados no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Igualmente, recóllese unha previsión sobre o acceso da comunidade galega no exterior aos servizos públicos dixitais. Faise tamén fincapé no desenvolvemento dos servizos públicos dixitais, nas súas condicións de uso e de acceso, nas previsións relativas á subministración única dos datos por parte da cidadanía, e en aspectos como a igualdade no acceso, o uso da lingua, a importancia da capacitación dixital e a avaliación da prestación dos servizos públicos dixitais.

Deseguido, o título I, «Das relacións coa cidadanía», céntrase na regulación dos diversos instrumentos e das canles necesarios para as relacións ad extra. O primeiro dos capítulos define o modelo de sede electrónica da Xunta de Galicia, o seu contido mínimo e o seu réxime de titularidade e responsabilidade. Relacionado coa sede electrónica, o capítulo II, «Carpeta cidadá da Xunta de Galicia», amplía o concepto da actual Carpeta do cidadán para lles facilitar o acceso á cidadanía e ás empresas tanto á información de carácter persoal coma á información e a documentación de carácter administrativo ou de prestación de servizos, así como a manter permanentemente actualizados e vixentes aqueles datos ou a documentación que a persoa interesada poida achegar. É especialmente salientable que a información dispoñible na Carpeta cidadá lle permitirá á administración pública, logo do consentimento da persoa interesada, promover o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais en beneficio dos propios cidadáns, os denominados «servizos proactivos», que se adianten ás demandas e ás necesidades dos propios cidadáns, permitindo unha maior información cara ao cidadán relativa aos seus posibles intereses na relación coa administración, así como a redución de trámites ou procedementos, simplificando, en definitiva, a súa relación coa administración pública.

Por outra banda, regúlase o Sistema único de rexistro, integrado polo Rexistro Electrónico Xeral, pola Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro e, de existiren, polos rexistros electrónicos das entidades públicas instrumentais. Esta Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro realiza as funcións de servizo público para a prestación de información, asistencia ou atención coordinada de acceso aos servizos públicos e nas relacións dixitais da cidadanía e das empresas coas administracións públicas, así como a recepción e a remisión de solicitudes, escritos e comunicacións. Polo tanto, estas oficinas desenvolven, entre outras, as funcións encomendadas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ás oficinas de asistencia en materia de rexistro. Na súa configuración será necesario ter en conta a especial dispersión no medio rural, que abrangue máis do oitenta por cento do territorio de Galicia, así como a necesaria dotación suficiente de medios humanos e materiais para a atención da rede.

Pola súa parte, as previsións sobre a representación, coa creación do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, a identificación e sinatura, a notificación e os medios de pago incorporan no ámbito do sector público autonómico as especificidades destes elementos necesarios para asegurar o funcionamento dunha administración cen por cento dixital.

Os sistemas de identificación e sinatura electrónicas previstos nesta lei adecúanse ao disposto no Regulamento (UE) nº 910/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e aos servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior e pola que se derroga a Directiva 1999/93/CE.

O título II regula o Diario Oficial de Galicia, a través do cal se dá publicidade ás normas, ás resolucións, aos actos administrativos e aos demais documentos e informacións que sexan obxecto de público coñecemento. O eido dixital facilita tamén a accesibilidade e a interoperabilidade dos sistemas que publican información normativa na internet. En consecuencia, esta lei prevé expresamente que no Diario Oficial de Galicia se promoverá a adopción das medidas que faciliten esa interoperabilidade. Neste senso, procede salientar que a Unión Europea promove a adopción dun estándar de identificación e descrición das normas denominado European Law Identifier/Identificador europeo de lexislación (ELI), que ten por obxecto facilitar o acceso, o intercambio e a interconexión da información xurídica publicada nos sistemas de información xurídica nacionais e europeos, para poñer en marcha unha verdadeira rede de información legal, dispoñible como un conxunto de datos abertos e susceptibles de reutilización.

O título III, «Da presenza do sector público autonómico na internet», estrutúrase en catro capítulos que regulan a presenza do sector público autonómico na internet como mecanismo para garantir unha adecuada información institucional, administrativa e de prestación de servizos e potenciar unha imaxe institucional homoxénea no acceso aos contidos e aos servizos ofrecidos polo sector público autonómico na internet. Este título dá continuidade aos criterios de coordinación da presenza na internet establecidos polo Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, regulando a Rede integrada da presenza na internet (denominación que pasa a ter a actual Rede integrada de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia), na que se incorporan como canles ordinarias de presenza na internet, ademais dos portais e das canles sociais e participativas, as aplicacións de dispositivos de mobilidade, coa previsión, tamén, da posible integración na rede daqueloutras vías de relación que os usos sociais convertan en habituais.

Destaca tamén a previsión sobre a organización da presenza na rede arredor do Portal web institucional da Xunta de Galicia htpp://www.xunta.gal, a través do cal se poderá acceder á información institucional corporativa e ao resto das iniciativas de presenza na internet promovidas polo sector público autonómico, incluídos os servizos en mobilidade. Igualmente, e como principal referente da presenza do sector público autonómico na internet, así como unha canle de acceso da cidadanía, o Portal web institucional asumirá as funcións do Punto de acceso xeral electrónico.

O título IV, «Do funcionamento dixital do sector público autonómico», regula aqueles elementos ad intra para o desenvolvemento da súa actividade. Así, o capítulo I, «Inventario da información administrativa», inclúe a ordenación dos conxuntos de datos ou catálogos corporativos que con carácter transversal serven para a clasificación da información e a documentación do sector público autonómico, garantindo a interoperabilidade entre os sistemas e entre as administracións.

O capítulo II, «Funcionamento dixital interno», regula tanto os procesos internos da tramitación administrativa coma a emisión dos documentos administrativos, as copias ou as comunicacións internas ou con outras administracións, co obxectivo de incrementar a eficiencia e a produtividade a través dun modelo de xestión dixital máis coordinado e integrado e que teña como eixe a perspectiva da cidadanía.

Merecen especial mención as novidades introducidas polo capítulo III sobre a configuración dixital dos procedementos administrativos e dos servizos como un instrumento de normalización e simplificación dos procedementos administrativos e dos servizos públicos dixitais co obxectivo de lograr unha maior interacción coa cidadanía e as empresas.

No capítulo IV, en materia de identificación e sinatura, tendo en conta a regulación básica contida na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regúlanse os medios de identificación e sinatura que debe empregar o sector público autonómico. Hai que destacar, ademais, a aposta pola modernización dos procedementos administrativos mediante o fomento das actuacións administrativas automatizadas no marco dun procedemento administrativo.

Por outro lado, no capítulo V, «Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado», créase o rexistro autonómico onde constará o persoal funcionario público habilitado para a expedición de copias auténticas e a realización da identificación e da sinatura electrónicas das persoas interesadas que carezan dos medios electrónicos necesarios. Recóllese, así mesmo, a posibilidade de adhesión voluntaria das administracións públicas de Galicia.

O capítulo VI, «Interoperabilidade dos datos e dos documentos», declara a entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital como un nodo de interoperabilidade do sector público autonómico mediante a plataforma de intermediación pasaXe!, que prestará funcionalidades comúns para o intercambio de datos e de documentos entre as administracións públicas galegas e o resto das administracións públicas. Destaca, ademais, a definición do alcance do Mapa de interoperabilidade do sector público autonómico, que permitirá avaliar a demanda de datos e documentos, atendendo á súa criticidade e ás melloras que achegan, o que permitirá priorizar os traballos de incorporación de servizos do nodo de interoperabilidade.

En materia de arquivos, o capítulo VII, «Arquivo electrónico administrativo», estende o alcance do arquivo a todos os expedientes administrativos do sector público autonómico en tramitación e aos finalizados.

O título V, «Dos medios, da seguridade e da continuidade da infraestrutura dixital», regula, no seu capítulo I, a infraestrutura básica necesaria para dar soporte á administración dixital. Neste senso, a infraestrutura básica deberá asegurar a prestación de todos os servizos dixitais a nivel de posto de traballo.

Como punto básico transversal, o capítulo II, «Medios dixitais para o desempeño da actividade », senta os alicerces para o desenvolvemento do posto de traballo dixital e os seus elementos fundamentais. A este respecto, cómpre salientar a regulación dos elementos fundamentais do plan de actuación para o desenvolvemento do posto de traballo dixital, que permitirá unha mellor adecuación das demandas e das necesidades do persoal empregado público que desenvolve a súa actividade no sector público autonómico.

O capítulo III, «Seguridade da información e protección dos datos», asegura normativamente a protección efectiva da seguridade da información e dos datos persoais conforme as normas previstas no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, así como na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Pola súa parte, o capítulo IV, a respecto do Plan de continuidade dos servizos dixitais, define o alcance dun plan transversal que permita garantir a continuidade dos servizos regulados nesta lei ante incidentes de seguridade. Este plan determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e mais o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos servizos dixitais.

O título VI, «Do impulso dixital», busca aproveitar todo o potencial das tecnoloxías da información e a comunicación para a innovación tecnolóxica e o aumento das competencias laborais que requiren máis habilidades dixitais para competir a escala global. Desta forma, o capítulo I, «Marco galego de competencias dixitais», define por primeira vez un proxecto transversal para a cidadanía galega que permitirá acreditar uns coñecementos, unhas capacidades e unhas aptitudes mínimas para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade competente e á mellora das competencias profesionais. A este respecto, cómpre salientar que o Marco galego de competencias dixitais será aplicable na definición das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público.

Destaca, así mesmo, a definición da capacitación dixital do persoal empregado público como mecanismo para asegurar unhas competencias dixitais mínimas do persoal empregado público para o exercicio das súas funcións, así como os mecanismos de acreditación dos coñecementos, das capacidades e das aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

O capítulo III, sobre o fomento da innovación dixital no sector público autonómico, promove a innovación dixital e a mellora dos servizos públicos a través de medidas de impulso do fomento da innovación dixital no sector público autonómico.

O derradeiro dos títulos da lei, o título VII, «Dos órganos e os instrumentos para a coordinación, a cooperación, a colaboración e o seguimento», incorpora os principios de coordinación no sector público autonómico e de cooperación e colaboración necesarios para o exercicio da actividade administrativa, de modo que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Nesta liña, a Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, órgano creado e regulado no Decreto 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, supuxo desde a súa creación o establecemento dunha garantía de integración do principio de transversalidade nas actuacións dixitais do sector público autonómico. Ademais, como instrumento de coordinación do sector público autonómico, créase o Catálogo dos sistemas dixitais, que recollerá as aplicacións, os sistemas de información e as infraestruturas tecnolóxicas que se utilizan para o funcionamento dixital interno do sector público autonómico, así como para a prestación de servizos á cidadanía e a relación con outras administracións públicas.

O capítulo II enuncia as atribucións que lles corresponden aos distintos órganos e entidades do sector público autonómico competentes en relación coas materias reguladas nesta lei.

No capítulo III, «Colaboración e cooperación entre administracións públicas», cómpre salientar a creación da Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital, co obxectivo de impulsar un desenvolvemento cohesionado da administración dixital nas administracións públicas de Galicia e de promover a prestación conxunta de servizos dixitais.

No capítulo IV, ante a necesidade de ter un maior control e de mellorar a avaliación dos servizos públicos, créase o Sistema de indicadores da administración dixital, como un sistema para a medición da evolución e do impacto no desenvolvemento dixital do sector público autonómico.

O último dos capítulos, «Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia», aposta pola potenciación do Observatorio como un órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo que respecta ás disposicións adicionais, hai que salientar aquelas referidas á continuidade dos servizos das tecnoloxías, a información e a comunicación (TIC) ante calquera indispoñibilidade e os instrumentos de avaliación da calidade na contratación dos servizos TIC en aplicación do principio de eficacia e eficiencia na prestación dos servizos públicos dixitais.

O resto das disposicións incluídas na parte final dedícanse, de xeito fundamental, a recoller as previsións necesarias para un axeitado tránsito á nova regulación, tendo en conta, en especial, que determinadas previsións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, aínda non se atopan en vigor consonte o disposto na disposición derradeira sétima da dita lei, na redacción dada polo Real decreto lei 11/2018, do 31 de agosto. Introdúcense, ademais, as seguintes modificacións normativas: unha modificación puntual na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coas copias auténticas; unha modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en relación co funcionamento dixital dos órganos colexiados, e unha modificación da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, para un mellor aliñamento do Arquivo electrónico administrativo con esta normativa. Por último, a lei establece o mandato para o seu desenvolvemento regulamentario e a previsión sobre a súa entrada en vigor.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de administración dixital de Galicia.

TÍTULO PRELIMINAR Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta lei ten por obxecto regular o modelo de administración dixital no sector público autonómico, procedendo a desenvolver a normativa básica estatal en materia de administración electrónica, a implementar e a fomentar a adopción das medidas precisas para incorporar o potencial das tecnoloxías dixitais no deseño das políticas públicas, na modernización do sector público autonómico e no impulso da economía galega, coa finalidade última da prestación de servizos públicos dixitais de calidade.

2. Para estes efectos, a lei regula o réxime xurídico da utilización dos medios electrónicos por parte do sector público galego no desenvolvemento da súa actividade e nas súas relacións coa cidadanía, coas demais administracións públicas e coas empresas e as entidades, as infraestruturas e os servizos do sector público galego, as medidas para o desenvolvemento dixital na sociedade con criterios de inclusión e non-discriminación e os órganos con competencias en relación coa administración dixital.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

Esta lei será aplicable:

a) Ao sector público autonómico, integrado, de acordo co artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Administración xeral e polas entidades instrumentais.

Malia o anterior, non serán aplicables ás entidades instrumentais de dereito privado previstas na alínea b) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, aqueles preceptos da lei cuxa aplicación se restrinxa expresamente ás entidades públicas instrumentais, así como aqueles que, segundo o caso, non resulten aplicables en atención á natureza das ditas entidades e ao réxime xurídico a que deban quedar sometidas as concretas funcións desenvolvidas por elas.

b) Á cidadanía nas súas relacións co sector público autonómico de Galicia.

Para estes efectos, as referencias aos cidadáns e ás cidadás comprenderán as persoas físicas, as persoas xurídicas e, cando legalmente teñan recoñecida capacidade de obrar perante as administracións públicas, os grupos de afectados, as unións e entidades sen personalidade xurídica e mais os patrimonios independentes ou autónomos.

c) Nos casos en que así se indique expresamente, ás relacións entre o sector público autonómico e as restantes administracións públicas, dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con pleno respecto ás competencias destas.

Artigo 3. Fins da lei

Son fins desta lei:

a) A garantía do exercicio dos dereitos recoñecidos nos artigos 13 e 53 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nas relacións electrónicas co sector público autonómico de Galicia, promovendo unha administración pública aberta, transparente, accesible, eficaz e eficiente.

b) A modernización do sector público autonómico, coa aplicación das tecnoloxías existentes en cada momento, de modo que a actividade pública sexa máis transparente, áxil, responsable e innovadora.

c) A efectividade dos dereitos á calidade dos servizos públicos e a unha boa administración recoñecidos nos artigos 2 e 3 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración; todo iso baixo os principios, recollidos no artigo 4 da mesma lei, de calidade, simplificación, claridade, boa fe, imparcialidade, confianza lexítima, proximidade á cidadanía, coordinación e cooperación coas outras administracións públicas.

d) O fomento do uso das tecnoloxías da información co obxectivo de asegurar os principios de simplificación, racionalización administrativa e redución de cargas a que fai referencia o artigo 4 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

e) O impulso do uso da identificación electrónica e dos servizos de confianza para as transaccións dixitais.

f) A capacitación da cidadanía en competencias dixitais, co obxectivo de favorecer un desenvolvemento social inclusivo e integrador, impulsar a participación plena en todos os ámbitos da vida, protexer os seus dereitos en relación coas administracións públicas e contribuír ao desenvolvemento económico de Galicia.

g) A regulación da infraestrutura e dos sistemas tecnolóxicos que habilitan o funcionamento dixital do sector público autonómico de Galicia.

h) A cooperación interadministrativa e a reutilización dos servizos e dos compoñentes técnicos como mecanismo esencial para asegurar a interoperabilidade. Esta cooperación prestará especial atención á Administración local galega, para o que se abordarán as necesarias medidas de fomento e apoio.

Artigo 4. Principios xerais de actuación

Para a consecución dos fins enumerados no artigo anterior, o sector público autonómico axustará a súa actuación aos seguintes principios xerais:

a) Mellorar a prestación dos servizos públicos e o funcionamento do sector público autonómico aproveitando as capacidades das tecnoloxías da información e a comunicación, de acordo cos principios e as normas de calidade, eficacia, transparencia e boa administración previstos na Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

b) Facer efectivo o principio de igualdade e non-discriminación, co obxectivo de que o uso de medios electrónicos non poida implicar en ningún caso a existencia de discriminacións para os cidadáns e as cidadás, tanto respecto do acceso á prestación de servizos públicos coma respecto de calquera actuación ou procedemento, así como por razón de discapacidade ou dificultades especiais. Así mesmo, garantir a accesibilidade dos sistemas, das aplicacións, dos sitios web e das aplicacións para dispositivos móbiles.

Este punto terá en conta o disposto no Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

c) Asegurar a interoperabilidade dos servizos, os sistemas e a información cos doutras administracións públicas, coa finalidade de contribuír a homoxeneizar o marco electrónico de relación entre o sector público autonómico e a cidadanía, así como a favorecer a optimización e o aproveitamento dos recursos.

d) Garantir a seguridade da información e a protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais, mediante un trato responsable e transparente dos datos, coa aplicación dos principios relativos ao tratamento previstos na normativa en materia de protección de datos.

e) Asegurar a integridade, a autenticidade, a confidencialidade, a calidade, a protección e a conservación dos documentos que as persoas interesadas acheguen ao procedemento administrativo, de acordo co previsto no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica.

f) Facer efectiva a garantía dos dereitos dixitais previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

g) Adoptar as medidas necesarias para que o deseño dos servizos, dos trámites e dos procedementos sexa conforme co obxectivo de reducir as cargas, os custos e os prazos de resolución dos procedementos administrativos, co obxecto de acadar a maior eficacia, eficiencia e economía na actividade administrativa.

h) Garantir o uso normal da lingua galega en todas as plataformas, os procedementos e os servizos da administración dixital, así como potenciar o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas en galego e en estándares abertos.

i) Facer efectiva a participación plena de toda a cidadanía, evitando a fenda tecnolóxica e a exclusión por razóns de xénero, xeográficas, xeracionais, económicas, de diversidade funcional, culturais ou sociais.

Artigo 5. Servizos públicos dixitais

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia promoverán a utilización das tecnoloxías da información e das técnicas avanzadas de tratamento dos datos para poñer á disposición da cidadanía unhas novas actividades prestacionais que, asumidas como propias no exercicio das súas competencias, permitan a mellor satisfacción dos intereses xerais, respectando as previsións e as exixencias da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

2. En particular, promoverán o desenvolvemento dos servizos públicos dixitais que:

a) Atendan de xeito personalizado a cidadanía, tendo en conta as súas circunstancias.

b) Promovan a prestación de servizos conxuntos entre os órganos da Administración xeral ou os órganos das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, orientados á atención das necesidades da sociedade.

c) Promovan actuacións simplificadas ou automatizadas que reduzan os tempos de atención ou de resolución administrativa.

d) Teñan en conta as características especiais do medio rural, tanto na súa dispersión coma na dispoñibilidade de medios de acceso aos servizos públicos dixitais.

3. En todo caso, o emprego duns procedementos administrativos electrónicos ou dixitais non supoñerá ningunha modificación da natureza e dos efectos dos servizos ou actos administrativos, nin implicará a eliminación, a redución ou o condicionamento indebido dos dereitos recoñecidos ou atribuídos á cidadanía.

Artigo 6. Cooperación na prestación dos servizos públicos dixitais

Coa finalidade de mellorar a atención á cidadanía e de simplificar a súa relación coa administración pública, promoverase a identificación e o deseño de servizos dixitais que inclúan as actuacións coordinadas e complementarias coas restantes administracións do territorio, potenciando a mellora na atención á cidadanía mediante o uso de ferramentas e de medios electrónicos que soporten esa coordinación entre administracións.

Artigo 7. Deberes no acceso e na utilización dos servizos públicos dixitais

1. Os cidadáns e as cidadás teñen o deber de utilizar os servizos públicos dixitais que se poñan á súa disposición de xeito adecuado, co respecto das normas de uso, xerais ou específicas, que se establezan para cada un dos servizos.

2. En particular, os cidadáns e as cidadás deberán utilizar os sistemas de identificación e de sinatura electrónicas de que sexan lexítimos titulares, usar a información dispoñible conforme a política de privacidade publicada e respectar a normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8. Acceso aos servizos públicos dixitais

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia garantirán o acceso aos servizos públicos dixitais que se poñan á disposición da cidadanía, para o seu emprego nas relacións coas administracións públicas.

2. Para facilitar o acceso aos servizos públicos dixitais, a Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia:

a) Promoverán as medidas necesarias para que a cidadanía teña o acceso á provisión dos medios de identificación e de sinatura electrónicas.

b) Poñerán á disposición nos edificios administrativos os medios de acceso para a utilización dos servizos públicos dixitais.

c) Facilitarán o uso das canles de acceso aos servizos públicos dixitais e establecerán canles de atención e axuda para o uso adecuado deles, así como preverán os mecanismos para a continuidade dos servizos públicos no caso de indispoñibilidades tecnolóxicas.

Artigo 9. Acceso da comunidade galega no exterior aos servizos públicos dixitais

1. A Xunta de Galicia determinará as medidas necesarias para garantir que os cidadáns galegos e as cidadás galegas residentes fóra de Galicia e mais as entidades galegas asentadas fóra de Galicia teñan acceso por medios electrónicos aos servizos públicos dixitais que lles sexan aplicables, con especial atención ás medidas necesarias para asegurar a provisión dos medios de identificación e sinatura electrónicas abondos para o acceso a tales servizos públicos dixitais.

2. Para estes efectos, a Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, adoptarán as medidas funcionais, técnicas e organizativas necesarias e dirixidas a facer efectivo o exercicio deste acceso.

Artigo 10. Obrigatoriedade de emprego dos medios electrónicos

1. No ámbito do sector público autonómico estarán obrigados a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, ademais dos indicados no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os seguintes suxeitos:

a) Os traballadores autónomos e as traballadoras autónomas para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional.

b) O estudantado universitario para os trámites e as actuacións que realicen motivados pola súa condición académica.

c) As persoas que representen un suxeito obrigado dos anteriormente indicados.

2. Consonte o artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regulamentariamente poderase establecer a obriga de relacionarse a través dos medios electrónicos co sector público autonómico para determinados procedementos e certos colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

3. No caso específico dos procedementos para a concesión de axudas e subvencións, as correspondentes bases reguladoras poderán establecer a obrigatoriedade do emprego dos medios electrónicos, sempre que se xustifique nelas a concorrencia das circunstancias indicadas na alínea anterior, de acordo coa memoria que para o efecto se inclúa no procedemento necesario para a súa aprobación.

4. Do mesmo xeito, e de conformidade co artigo 16.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, regulamentariamente poderase establecer a obriga de presentar determinados documentos por medios electrónicos para certos procedementos e colectivos de persoas físicas respecto dos cales, por razón da súa capacidade económica, técnica, dedicación profesional ou outros motivos, quede acreditado que teñen o acceso e a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

Artigo 11. Subministración única de datos

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico adoptarán as medidas tendentes a garantir, con suxeición á normativa vixente en materia de protección de datos, que os cidadáns e as cidadás faciliten unha mesma información só unha vez.

Para estes efectos, e respectando as exixencias impostas pola dita normativa, estableceranse os mecanismos que permitan a reutilización interna dos datos facilitados polas persoas que se relacionan co sector público autonómico co obxectivo de reducir as súas cargas administrativas.

2. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poñerán á disposición dos cidadáns e das cidadás, de xeito individualizado e con plenas garantías de seguridade, continuidade, privacidade e protección de datos, a información e os datos por eles ou elas subministrados, co obxectivo de que poidan acceder ou modificar os seus propios datos e coñecer os procedementos nos cales teñan a condición de persoa interesada.

3. Serán aplicables as previsións do artigo 28 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e da disposición adicional oitava da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como da restante normativa aplicable.

Artigo 12. Igualdade dixital

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia promoverán as actuacións necesarias para facilitar a relación dixital das persoas con discapacidade, con especial atención ás persoas con discapacidade intelectual ou sensorial, para o pleno exercicio dos seus dereitos e das súas obrigas ao amparo desta lei.

2. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia impulsarán as medidas para eliminar todas as dificultades de relación dixital por razón de xénero. Así mesmo, prestarán especial atención aos factores que poidan agravar as dificultades de relación dixital, en particular a idade, a localización no medio rural ou a situación de precariedade económica ou de exclusión social.

3. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia promoverán uns programas dirixidos a fomentar a autonomía dixital dos colectivos en risco de exclusión dixital.

Para estes efectos, considéranse colectivos en risco de exclusión dixital aqueles que polas súas circunstancias educativas, sociais, culturais ou económicas carezan da posibilidade de acceder aos servizos electrónicos do sector público autonómico en condicións de igualdade cos restantes colectivos.

Artigo 13. Usos lingüísticos

1. Nas relacións da cidadanía co sector público autonómico por canles dixitais, os contidos e os servizos garantirán o uso normal do galego e do castelán. Adicionalmente poderanse incluír noutras linguas contidos ou servizos para os que se considere de interese en prol de acadar unha mellor difusión.

2. Os contidos e os servizos dixitais establecerán o galego como lingua de contacto inicial. O castelán será tamén lingua de uso nos contidos e nos servizos dixitais.

Artigo 14. Capacitación dixital

1. A Xunta de Galicia deberá desenvolver un modelo de acreditación oficial dos coñecementos, das capacidades e das aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación que posibilite o recoñecemento das competencias dixitais dos cidadáns e das cidadás.

2. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia promoverán, no seu ámbito competencial, actuacións para fomentar a capacitación dixital da cidadanía, como medida para facer efectivo o principio de igualdade fronte á administración dixital, así como para facilitar a participación cidadá nos procedementos do sector público autonómico e, en último termo, aproveitar o impulso das tecnoloxías dixitais para o desenvolvemento da economía galega.

Artigo 15. Efectividade das medidas previstas na lei

A Xunta de Galicia establecerá uns mecanismos e procedementos que permitan avaliar as medidas previstas nesta lei, entre os cales han figurar os seguintes:

a) Incluiranse no Sistema de indicadores da administración dixital uns indicadores específicos sobre os dereitos e os principios enunciados nesta lei. Para estes efectos, poderase solicitar o asesoramento dos órganos do sector público autonómico con competencias en relación cos dereitos e os principios sinalados ou dos colectivos aos que singularmente afecten.

b) O Plan xeral de mellora da calidade dos servizos públicos, previsto no artigo 20 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, terá en consideración, para a elaboración dos seus obxectivos estratéxicos e programas operativos, as propostas de actuación resultantes da análise dos indicadores, por proposta da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico.

TÍTULO I Das relacións coa cidadanía

CAPÍTULO I Sede electrónica

Artigo 16. Sede electrónica da Xunta de Galicia

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia é o enderezo electrónico dispoñible para a cidadanía nos termos establecidos no artigo 38 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. O ámbito de aplicación da sede electrónica da Xunta de Galicia abrangue o conxunto de órganos e entidades que configuran o sector público autonómico de Galicia.

Artigo 17. Contido da sede electrónica da Xunta de Galicia

1. A sede electrónica da Xunta de Galicia facilitará a seguinte información:

a) A identificación do enderezo electrónico de referencia da sede, do seu titular e do seu ámbito de aplicación, así como dos servizos postos á disposición da cidadanía nela.

b) Os textos íntegros das normas de creación da sede electrónica e do Rexistro Electrónico Xeral.

c) A data e a hora oficial e mais os días declarados como inhábiles para os efectos do cómputo dos prazos.

d) A relación dos sistemas de identificación e de sinatura que son admitidos na sede electrónica, así como os trámites e os procedementos para os que son admitidos.

e) A relación dos sistemas de identificación e de sinatura que son utilizados pola sede electrónica.

f) A Guía de procedementos e servizos, recollida na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que incluirá a relación dos procedementos e dos servizos á disposición da cidadanía, con indicación do seu obxecto, das persoas beneficiarias, dos requisitos e os documentos necesarios, dos prazos de presentación e de resolución, do sentido do silencio, do nivel de interactividade na tramitación e das canles de presentación, así como a normativa aplicable. Ademais, incorporará os formularios normalizados que sexan aplicables en cada un deles. A Guía de procedementos e servizos inclúe a relación actualizada dos trámites que poden iniciarse no Rexistro Electrónico Xeral a que dá acceso a sede electrónica.

g) A relación das actuacións administrativas automatizadas no sector público autonómico e os selos electrónicos ou os outros mecanismos utilizados para a súa sinatura, se é o caso.

h) A información relativa ás indispoñibilidades do servizo por incidencias técnicas, e, no caso de ampliación do prazo derivada dunha incidencia técnica, a incidencia técnica acontecida e mais a ampliación concreta do prazo non vencido.

i) Os formatos admitidos para a presentación electrónica de documentos no Rexistro Electrónico Xeral.

j) O directorio xeorreferenciado da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, que lles permita ás persoas identificaren a oficina máis próxima ao seu enderezo, con indicación dos días e do horario en que permanecen abertas, así como a relación actualizada das oficinas en que se prestará asistencia para a presentación electrónica de documentos.

k) A información necesaria para a correcta utilización da sede, incluíndo o mapa da sede electrónica, con especificación da estrutura de navegación e as distintas seccións dispoñibles, así como o acceso á información relacionada coa propiedade intelectual, a protección de datos persoais e a accesibilidade da sede electrónica.

2. Ademais, a sede electrónica da Xunta de Galicia permitirá:

a) O acceso ao Rexistro Electrónico Xeral para a presentación electrónica de solicitudes, escritos, comunicacións e documentos.

b) O acceso ao Rexistro Electrónico Xeral para a presentación de queixas ou suxestións.

c) O acceso personalizado á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia.

d) O outorgamento de apoderamentos apud acta mediante a comparecencia electrónica na sede electrónica por parte de quen teña a condición de persoa interesada nun procedemento administrativo.

e) A consulta personalizada das transmisións de datos ou de documentos entre administracións públicas efectuadas con motivo da realización dun trámite ou unha consulta.

f) A práctica de notificacións administrativas por comparecencia na sede electrónica.

g) A solicitude de emisión de copias auténticas dos documentos públicos administrativos.

h) A comprobación da autenticidade e da integridade dos documentos electrónicos emitidos polos órganos e as entidades incluídos no ámbito de aplicación da sede electrónica.

i) O acceso ao Diario Oficial de Galicia.

3. Así mesmo, a sede electrónica da Xunta de Galicia incorporará calquera outro contido exixido pola normativa vixente, e poderá incorporar outras informacións, contidos ou servizos de interese para a cidadanía.

Artigo 18. Titularidade e responsabilidade

1. A titularidade da sede electrónica da Xunta de Galicia correspóndelles á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás entidades públicas instrumentais incluídas no seu ámbito.

2. Corresponderalle á consellaría con competencias en materia de administracións públicas a coordinación, cos órganos e as entidades do sector público autonómico, dos contidos e dos servizos dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital será a responsable dos contidos e dos servizos comúns dispoñibles na sede electrónica, da xestión tecnolóxica e da continuidade, a accesibilidade e a seguridade da sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A responsabilidade dos contidos postos á disposición da cidadanía na sede electrónica da Xunta de Galicia e relativos ao ámbito de actuación dun órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou dunha entidade pública instrumental do sector público autonómico será, respectivamente, da secretaría xeral ou secretaría xeral técnica da consellaría ou do órgano executivo da entidade pública instrumental correspondente. No caso dos contidos relativos ás outras entidades instrumentais, a responsabilidade corresponderalle á consellaría de adscrición.

Artigo 19. Outras sedes electrónicas

1. Excepcionalmente, as entidades públicas instrumentais, por razóns de eficacia, de eficiencia e de interese xeral derivadas da concorrencia de circunstancias especiais, poderán crear as súas propias sedes electrónicas de acordo coas condicións e cos requisitos que se establezan regulamentariamente.

2. Na norma de creación concretaranse o seu ámbito específico de actuación así como os servizos específicos que prevexa. No relativo aos contidos e aos servizos comúns coa sede electrónica da Xunta de Galicia vincularanse a esta última.

3. A creación ou a supresión dunha sede electrónica corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia, consonte o establecido no artigo 120.

4. Na sede electrónica da Xunta de Galicia habilitarase o acceso ás sedes electrónicas que se creen ao amparo deste artigo.

CAPÍTULO II Carpeta cidadá da Xunta de Galicia

Artigo 20. A Carpeta cidadá da Xunta de Galicia

1. A Carpeta cidadá da Xunta de Galicia é o conxunto estruturado de información e documentos en formato electrónico relativo ás relacións administrativas de cada persoa interesada, xerada nas súas relacións administrativas ordinarias co sector público autonómico de Galicia.

2. Así mesmo, forma parte da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia a información de contacto, a de circunstancias persoais e a outra información ou documentación achegada voluntariamente pola cidadanía na súa relación co sector público autonómico.

3. A Carpeta cidadá é única para o conxunto de órganos e entidades do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 21. Finalidade da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia

A Carpeta cidadá da Xunta de Galicia terá como finalidade:

a) Achegar de forma personalizada a administración á cidadanía, facilitándolle o acceso ao estado de tramitación dos seus expedientes administrativos, simplificando as relacións administrativas e promovendo a prestación de servizos personalizados.

b) Facilitar o acceso por parte dos cidadáns e das cidadás á información, tanto de carácter persoal coma de carácter administrativo, que respecto deles e delas estea dispoñible no sector público autonómico, de xeito ordenado e sinxelo.

c) Dispoñer de información actualizada e de calidade e de contacto coa cidadanía para utilizala de xeito preferente nas relacións con ela, sempre que non se indiquen outros medios específicos para un determinado procedemento ou servizo, e recoller informacións doutras circunstancias persoais facilitadas polos cidadáns e as cidadás.

d) A elaboración de actividades estatísticas orientadas a satisfacer as necesidades das persoas usuarias, a avaliación das políticas públicas e a toma de decisións, con suxeición ás exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Garantir que os cidadáns e as cidadás faciliten a mesma información unha soa vez nos termos previstos no artigo 11.

Artigo 22. Contido da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia

Formará parte da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia a seguinte información:

a) Os datos persoais achegados polos cidadáns e as cidadás. En particular, os datos de identidade, correo electrónico e enderezo preferente para os efectos de notificación que queiran utilizar na tramitación dos procedementos, de non especificaren outros datos distintos para un procedemento concreto.

b) Os expedientes tramitados no ámbito do artigo 20.1, nos cales se teña a condición de persoa interesada, incluíndo os documentos, as informacións relacionadas e o estado da tramitación.

c) Os apoderamentos inscritos no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, creado no artigo 40.

d) As notificacións das resolucións e dos actos administrativos.

e) Aquela que permita o acceso á información de ámbito especializado, sempre que se dea cumprimento aos requisitos de acceso necesarios segundo o ámbito de que se trate.

f) Outra documentación ou información que, en función da evolución dos servizos dixitais e coas debidas garantías de seguridade e protección de datos, poida conter a Carpeta cidadá da Xunta de Galicia para dar cumprimento aos fins previstos no artigo anterior.

Artigo 23. Acceso á Carpeta cidadá

1. O acceso das persoas interesadas á súa Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, farase coas garantías de seguridade necesarias, logo da identificación electrónica por calquera dos sistemas de identificación admitidos pola sede electrónica, e deberá permitir:

a) O acceso por parte das persoas interesadas ao contido da súa carpeta, así como obter unha copia dos datos e documentos que nela se conteñan.

b) Prestar o seu consentimento e retiralo para o tratamento dos seus datos persoais co obxecto de prestar servizos proactivos personalizados, así como manifestar a súa vontade de non recibir información sobre a prestación de servizos proactivos.

2. O acceso á Carpeta cidadá por parte do persoal do sector público autonómico estará suxeito ao réxime previsto na normativa de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 24. Responsabilidades

1. Os distintos órganos da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia garantirán a permanente actualización e veracidade da información e dos contidos da Carpeta cidadá dentro dos seus ámbitos competenciais.

2. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital será a encargada da xestión tecnolóxica dos sistemas de soporte da Carpeta cidadá da Xunta de Galicia. Esta entidade adoptará as medidas necesarias para que as condicións de identificación, accesibilidade, continuidade, integridade e seguridade respondan ás exixencias normativas vixentes.

3. A persoa interesada será responsable da veracidade da información que achegue.

Artigo 25. Servizos proactivos personalizados

1. A partir da información dispoñible na Carpeta cidadá sobre as persoas interesadas, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán ofrecer, de forma proactiva, servizos personalizados no exercicio das súas funcións e competencias, relativos ás súas preferencias persoais e aos seus intereses, sempre que se apliquen as medidas adecuadas para a protección dos dereitos, das liberdades e dos intereses lexítimos das persoas destinatarias.

2. Para o tratamento dos datos persoais necesarios para a prestación dos servizos sinalados neste precepto será necesario que a persoa interesada preste o seu consentimento, nos termos previstos na normativa de protección de datos de carácter persoal, debendo subministrárselle a aquela a información exixida pola dita normativa.

O tratamento exixirá a adopción das medidas de seguridade necesarias conforme o disposto no Esquema nacional de seguridade no ámbito da administración electrónica e na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

A persoa interesada terá dereito a retirar o seu consentimento en calquera momento.

Consonte o artigo 9.1 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, o só consentimento da persoa afectada non abonda para levantar a prohibición de tratamento de datos cuxa finalidade principal sexa identificar a súa ideoloxía, afiliación sindical, relixión, orientación sexual, crenzas ou orixe racial ou étnica.

3. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar, en calquera momento e a través da Carpeta cidadá, a súa vontade para que o sector público autonómico lles preste, ou deixe de prestar, servizos proactivos personalizados.

CAPÍTULO III Sistema único de rexistro

Sección 1ª. Composición do sistema

Artigo 26. Sistema único de rexistro

1. O Sistema único de rexistro é o conxunto de órganos e unidades que realizan funcións de rexistro de entrada e saída de cantas solicitudes, escritos, comunicacións e documentos se reciban ou remitan na Administración xeral e nas entidades instrumentais do sector público autonómico, para a súa debida constancia, co fin de facer real e efectivo o principio de proximidade á cidadanía.

2. O Sistema único de rexistro está integrado pola Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, polo Rexistro Electrónico Xeral e, de existiren, polos rexistros electrónicos das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que se creen conforme o previsto na alínea 4.

3. Non terán a condición de rexistro electrónico as caixas de correo electrónico corporativo asignadas ao persoal empregado público ou aos órganos ou ás unidades, nin tampouco os dispositivos de recepción de fax ou outras canles electrónicas non integradas co rexistro, agás nos supostos expresamente previstos no ordenamento xurídico.

4. Excepcionalmente, as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia, por razóns de eficacia, eficiencia e de interese xeral derivadas da concorrencia de circunstancias especiais, poderán crear o seu propio rexistro electrónico de acordo coas condicións e cos requisitos que se establezan regulamentariamente. Estes rexistros deberán ser plenamente interoperables, estar interconectados co Rexistro Electrónico Xeral e cumprir coas garantías e as medidas de seguridade previstas na lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

5. O Sistema único de rexistro dependerá da consellaría competente en materia de administracións públicas.

Sección 2ª. Rexistro Electrónico Xeral

Artigo 27. Rexistro Electrónico Xeral

No Rexistro Electrónico Xeral farase o correspondente asento de todo documento que sexa presentado ou se reciba en calquera órgano administrativo da Administración xeral ou dunha entidade instrumental do sector público autonómico de Galicia. Tamén se poderá anotar nel a saída dos documentos oficiais dirixidos a outros órganos ou particulares.

Artigo 28. Interoperabilidade do Rexistro Electrónico Xeral e protección dos datos de carácter persoal

1. O Rexistro Electrónico Xeral facilitará o acceso aos rexistros electrónicos das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, de os haber.

2. O Rexistro Electrónico Xeral cumprirá coas garantías e as medidas de seguridade previstas na lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

3. De acordo co artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o Rexistro Electrónico Xeral será plenamente interoperable cos das demais administracións públicas, de modo que se garanta a súa compatibilidade informática e interconexión, así como a transmisión telemática dos asentos rexistrais e dos documentos que se presenten en calquera dos rexistros.

Artigo 29. Acceso ao Rexistro Electrónico Xeral

1. O acceso da cidadanía ao Rexistro Electrónico Xeral para a presentación electrónica de solicitudes, escritos, comunicacións e documentos estará dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O Rexistro Electrónico Xeral permitirá a presentación de solicitudes, escritos, comunicacións e documentos todos os días do ano durante as vinte e catro horas. Regulamentariamente regularase a posibilidade de interrupción temporal do funcionamento do Rexistro Electrónico Xeral por motivos xustificados de carácter técnico, así como os supostos en que, de acordo coas condicións de uso do servizo, se poderán rexeitar os documentos electrónicos que se presenten e os efectos do seu rexeitamento.

3. O Rexistro Electrónico Xeral dispoñerá duns modelos e habilitará uns sistemas para a presentación conxunta de solicitudes para aqueles procedementos que regulamentariamente se determinen, co fin de facilitar a automatización da súa presentación por parte das persoas interesadas e a súa tramitación pola administración.

Artigo 30. Anotacións dos asentos

1. A recepción e a remisión de solicitudes, escritos e comunicacións xerarán os asentos correspondentes no rexistro. Para a realización dos asentos e para a súa consulta utilizaranse medios electrónicos seguros.

2. Por cada recepción ou remisión de solicitudes, escritos e comunicacións, o sistema informático que dea soporte ao Rexistro Electrónico Xeral realizará un asento de entrada ou de saída, respectivamente, e asociará a cada asento a documentación complementaria presentada ou remitida, especificando o número, a pegada dixital e a denominación dos documentos que se xuntan.

3. Os asentos do rexistro anotaranse respectando a orde temporal de recepción ou saída.

4. O Rexistro garantirá a constancia, en cada asento que se practique, dun número de rexistro, unha epígrafe expresiva da súa natureza, a data e a hora da súa presentación ou remisión, a identificación da persoa interesada, o órgano administrativo remitente, de proceder, a persoa ou o órgano destinatario e, de proceder tamén, unha referencia ao número de expediente, así como unha referencia ao contido da solicitude, do escrito, da comunicación ou do documento que se rexistra.

Artigo 31. Recibos acreditativos da presentación

1. O Rexistro Electrónico Xeral xerará automaticamente un recibo consistente nunha copia autenticada do documento de que se trate, no que se inclúe a data e a hora de presentación e o número de rexistro, así como un recibo acreditativo doutros documentos que, se for o caso, o acompañen, que garanta a súa integridade e non-repudiación.

2. Regularase o sistema de recuperación dos recibos no caso de fallo técnico ou cando concorran outras circunstancias que poidan impedir a súa correcta recepción por parte da persoa destinataria.

Artigo 32. Cómputo de prazos

1. O computo dos prazos no Rexistro Electrónico Xeral rexerase polo establecido no artigo 31 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. De acordo co disposto no dito precepto, o Rexistro Electrónico Xeral rexerase, para os efectos do cómputo dos prazos, pola data e a hora oficial da sede electrónica de acceso, que será a sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A sede electrónica mostrará nun lugar facilmente visible e accesible a data e a hora oficial, que será a que conste como data e hora da operación, e para garantir a súa integridade adoptaranse as medidas de seguridade necesarias.

Sección 3ª. Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro

Artigo 33. Composición

1. A Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro constitúena as oficinas que desenvolven as funcións de asistencia en materia de rexistros e no uso dos medios electrónicos, a información á cidadanía e as demais previstas nos artigos 34, 35 e 36.

2. A Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro intégrana as oficinas que no momento da entrada en vigor desta lei desenvolvan as actividades de asistencia en materia de rexistros no sector público autonómico e mais por aqueloutras oficinas que pasen a formar parte da rede conforme o disposto nas alíneas seguintes deste artigo.

3. As oficinas desta rede crearanse, modificaranse e suprimiranse mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de administracións públicas.

4. Así mesmo, por unha orde da persoa titular da consellaría competente en materia de administracións públicas, poderanse habilitar temporalmente unidades ou órganos da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais como oficinas da rede para que realicen as funcións de oficina de atención á cidadanía e de rexistro, nos termos e co alcance que nela se determinen.

5. As delegacións e as oficinas exteriores autonómicas poderán dispoñer de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, de acordo coas condicións e cos requisitos que se establezan regulamentariamente, coa finalidade de achegar o sector público autonómico á comunidade galega residente fóra de Galicia e, en xeral, a calquera cidadán ou cidadá non residente en Galicia que se queira relacionar con el.

6. O disposto anteriormente enténdese sen prexuízo da posible subscrición de convenios entre a Administración autonómica e as outras administracións públicas para a cooperación no desenvolvemento das funcións propias das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro que no convenio se concreten.

7. Na sede electrónica da Xunta de Galicia farase pública e manterase actualizada unha relación das oficinas nas cales se prestará asistencia para a presentación electrónica de documentos, así como un directorio xeorreferenciado que lles permita ás persoas interesadas identificaren a oficina máis próxima ao seu enderezo.

8. Mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia determinaranse os días e o horario en que estarán abertas ao público as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro.

Artigo 34. Presentación presencial e dixitalización

As persoas que non estean obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas poderán voluntariamente presentar escritos, solicitudes, comunicacións e documentos presencialmente nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, que, de acordo co artigo 16.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, deberán dixitalizalos para a súa incorporación ao expediente administrativo electrónico.

Os documentos orixinais devolveránselles ás persoas interesadas, sen prexuízo daqueles supostos en que unha norma determine a custodia por parte da administración dos documentos presentados ou resulte obrigatoria a presentación de obxectos ou de documentos nun soporte específico non susceptibles de dixitalización.

Artigo 35. Funcións das oficinas de atención á cidadanía e de rexistro

1. Ademais das establecidas no artigo anterior, son funcións das oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro:

a) A asistencia no uso dos medios electrónicos ás persoas interesadas que non estean obrigadas ao emprego dos ditos medios que así o soliciten, especialmente no referente á identificación e a sinatura electrónica, á presentación de solicitudes a través do Rexistro Electrónico Xeral e á obtención de copias auténticas.

b) Facilitarlles aos cidadáns e ás cidadás información xeral nos termos establecidos no artigo 11 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración. Prestaráselles especial atención ás persoas con discapacidade a través dos medios ou dos formatos adecuados.

c) Informar sobre o exercicio do dereito de acceso á información pública ao abeiro da lexislación vixente en materia de transparencia e prestar orientación e asesoramento para o exercicio do devandito dereito.

d) Informar sobre o procedemento para a presentación de suxestións e queixas e prestar asistencia no exercicio deste dereito nos termos previstos na Lei 1/2015, do 1 de abril.

e) Informar, sen prexuízo das funcións correspondentes aos órganos, aos servizos e ás unidades de xestión dos ámbitos competenciais específicos, sobre o estado de tramitación dos procedementos a aquelas persoas que así o soliciten, que teñan a condición de persoas interesadas e acudan persoalmente, ou mediante unha persoa representante, a unha oficina da rede, sempre e cando a antedita información conste na Carpeta cidadá ou sexa accesible a través da sede electrónica.

f) A provisión dos medios de identificación dixital para as persoas que así o soliciten.

g) A realización de copias auténticas, axustándose ao previsto no Esquema nacional de interoperabilidade, no Esquema nacional de seguridade e nas súas normas técnicas de desenvolvemento, así como ás regras previstas no artigo 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

h) Formalizar os apoderamentos apud acta outorgados mediante comparencia persoal na oficina por quen teña a condición de persoa interesada nun procedemento administrativo.

i) A comunicación ás persoas interesadas da información de identificación do órgano, o centro, a unidade administrativa ou a entidade a que se dirixe a solicitude, o escrito, a comunicación ou os documentos.

j) A práctica de comunicacións ou notificacións nos casos previstos no artigo 41.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

k) Calquera outra función exixida pola normativa vixente, así como aquelas funcións que, orientadas á prestación de asistencia á cidadanía e de impulso do uso dos medios dixitais, se determinen regulamentariamente.

2. Coa finalidade de prestar un servizo máis personalizado aos cidadáns e ás cidadás poderanse establecer mecanismos de cita previa ou outros similares.

3. A Administración autonómica poñerá á disposición dos cidadáns e das cidadás as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e as aplicacións que en cada caso se determinen para dar cumprimento ás funcións da rede.

4. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia dotarán as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro cos medios humanos e materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 36. Asistencia para a identificación ou a sinatura electrónica

1. De acordo co artigo 12.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que a identificación ou a sinatura electrónica das persoas interesadas que non dispoñan dos medios electrónicos necesarios poida ser validamente realizada polo persoal funcionario público habilitado será necesario que elas se identifiquen perante a persoa funcionaria e presten o seu consentimento expreso para a dita actuación, do que deberá quedar constancia para os casos de discrepancia ou litixio.

2. As persoas interesadas presentarán para a súa identificación o documento nacional de identidade ou un documento identificativo equivalente en vigor, e deberán consentir expresamente a súa identificación ou sinatura polo persoal funcionario público habilitado para cada actuación administrativa por medios electrónicos que a requira. Para iso, deberán utilizar o modelo de documento dispoñible para o efecto na sede electrónica da Xunta de Galicia e nas oficinas da rede regulada nesta lei.

3. As persoas interesadas poderanlle solicitar ao persoal funcionario público habilitado toda a documentación acreditativa do trámite realizado e unha copia do documento de consentimento expreso asinado. Esta documentación estará dispoñible, en todo caso, na Carpeta cidadá.

CAPÍTULO IV Cooperación para a atención á cidadanía

Artigo 37. Cooperación para a atención á cidadanía

1. Por razóns de eficacia, eficiencia e mellor atención á cidadanía poderanse establecer acordos de colaboración con entidades públicas ou privadas, nos cales se indicarán as actividades e o obxecto da colaboración. De forma prioritaria, impulsaranse estes acordos coas entidades locais galegas.

2. A formalización dos devanditos acordos deberá contar co informe favorable da Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico.

CAPÍTULO V Interaccións informais

Artigo 38. Interaccións informais

1. Para os efectos desta lei, enténdese por interaccións informais coa cidadanía aquelas comunicacións que se efectúan a través de canles dixitais, promovidas polo sector público autonómico, coa finalidade de proporcionar información xeral en tempo real, así como de dar resposta de natureza meramente orientativa ou informativa a determinadas cuestións. As respostas dadas no marco das interaccións informais non serán en ningún caso vinculantes nin para a persoa que as formule nin para o órgano ou a unidade do sector público autonómico que as conteste.

2. Considéranse canles de interacción informal:

a) As canles sociais e participativas, promovidas polo sector público autonómico, accesibles desde o Portal web institucional da Xunta de Galicia.

b) As caixas de correo electrónico do órgano ou da unidade do sector público autonómico con competencias na materia obxecto de consulta ou comunicación que figuren no Portal web institucional da Xunta de Galicia.

c) Os sistemas de mensaxaría electrónica de tipo individual ou colectivo e chats de texto ou voz que figuren no Portal web institucional da Xunta de Galicia.

3. Calquera persoa física ou xurídica poderá empregar as canles de interacción informal para obter unha información nos termos expostos na alínea 1, sen que sexa exixible a acreditación da identidade. Porén, tales canles non servirán para a válida presentación de solicitudes, escritos, comunicacións, recursos ou reclamacións, para o que haberá que aterse ao disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, nesta lei e na restante normativa aplicable.

CAPÍTULO VI Representación

Artigo 39. Acreditación da representación

1. Conforme a normativa reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, a representación poderase acreditar mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

2. De acordo co disposto na mesma normativa, entenderase acreditada a representación nos procedementos administrativos tramitados polo sector público autonómico mediante o outorgamento de apoderamentos apud acta efectuados pola comparecencia persoal nas oficinas da rede regulada nesta lei, pola comparecencia electrónica na sede electrónica da Xunta de Galicia ou a través da acreditación da inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, ou no que corresponda, do poder de representación.

Artigo 40. Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia

1. Créase o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, no cal deberán ser inscritos, polo menos, os de carácter xeral outorgados apud acta, de forma presencial nas oficinas de atención á cidadanía e de rexistro ou electronicamente na sede electrónica da Xunta de Galicia por quen teña a condición de interesado ou interesada nun procedemento administrativo a favor dunha persoa representante, para actuar no seu nome perante as administracións públicas.

2. O Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia será plenamente interoperable nos termos do artigo 6.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 41. Acreditación da representación asociada á titularidade de determinados órganos ou cargos

1. Coa finalidade de simplificar o trámite relativo á acreditación da representación, créase un rexistro autonómico no que constarán as persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

2. Nos procedementos administrativos que se tramiten perante o sector público autonómico en que estas persoas, na condición de titulares de tales órganos ou cargos, actúen, conforme a normativa aplicable, en representación dunha entidade, a dita representación poderase aboar a través da acreditación da súa inscrición neste rexistro. Para estes efectos, o órgano competente para a tramitación do procedemento deberá incorporar ao expediente administrativo o documento electrónico que acredite o resultado da consulta ao dito rexistro.

3. Neste rexistro constarán:

a) As persoas que ocupen o cargo da alcaldía dos concellos de Galicia e a presidencia das deputacións provinciais de Galicia.

b) As persoas titulares dos órganos das administracións públicas galegas e das entidades vinculadas ou dependentes destas cuxo nomeamento sexa publicado no Diario Oficial de Galicia ou no boletín oficial correspondente.

c) As persoas que teñan a dirección dun centro educativo público autonómico, dunha delegación da Xunta de Galicia no exterior, das universidades públicas do Sistema universitario de Galicia ou dun centro de investigación ou tecnolóxico da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) As persoas representantes das entidades galegas asentadas fóra de Galicia e inscritas no Rexistro da Galeguidade.

e) As persoas titulares doutros cargos non incluídos nas alíneas anteriores cando resulte de interese para os fins que motivan a creación deste rexistro, e que así se determinen regulamentariamente.

4. Regulamentariamente desenvolverase o procedemento de inscrición e de baixa no rexistro, así como as súas condicións de funcionamento, e deberá garantirse a súa permanente actualización.

CAPÍTULO VII Identificación e sinatura electrónicas

Artigo 42. Sistemas de identificación electrónica admitidos

1. As persoas, nas súas relacións co sector público autonómico, poderán identificarse electronicamente a través de:

a) Os sistemas baseados en certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de sinatura electrónica expedidos polos prestadores incluídos na Lista de confianza dos prestadores cualificados de servizos electrónicos de confianza.

Para estes efectos, enténdense comprendidos entre os citados certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados os dunha persoa física representante dunha persoa xurídica e dunha entidade sen personalidade xurídica.

b) Os sistemas baseados en certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de selo electrónico expedidos polos prestadores incluídos na Lista de confianza dos prestadores cualificados de servizos electrónicos de confianza.

c) Os sistemas de clave concertada e calquera outro sistema que a Administración autonómica considere válido, nos termos e nas condicións que se establezan, quen, en todo caso, ha contar cun rexistro previo como usuaria que permita garantir a identidade.

2. A lista de confianza de prestadores cualificados de servizos electrónicos de confianza será accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 43. Sistemas de sinatura electrónica admitidos

1. No caso de que as persoas se relacionen co sector público autonómico a través de medios electrónicos, consideraranse válidos para os efectos de sinatura:

a) Os sistemas de sinatura electrónica recoñecida ou cualificada e avanzada baseados en certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de sinatura electrónica expedidos polos prestadores incluídos na Lista de confianza dos prestadores cualificados de servizos electrónicos de confianza.

Para estes efectos, enténdense comprendidos entre os citados certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados os dunha persoa física representante dunha persoa xurídica e dunha entidade sen personalidade xurídica.

b) Os sistemas de selo electrónico recoñecido ou cualificado e de selo electrónico avanzado baseados en certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados de selo electrónico incluídos na Lista de confianza dos prestadores cualificados de servizos electrónicos de confianza.

c) Os sistemas de sinatura electrónica baseados na utilización de datos biométricos, nas condicións e nos termos que se establezan.

d) Calquera outro sistema que a Administración autonómica considere válido, nos termos e nas condicións que se establezan, en especial para facilitar as relacións electrónicas das persoas nacionais e estranxeiras non residentes con esta administración.

Artigo 44. Sistemas de identificación e sinatura electrónicas nos procedementos administrativos

1. A Xunta de Galicia determinará, con carácter xeral, os sistemas de identificación e sinatura electrónicas admitidos, de entre os previstos nos artigos anteriores, tendo en conta as previsións dos artigos 9 e 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. De conformidade co artigo 10.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando así o dispoña expresamente a normativa reguladora aplicable, poderanse admitir os sistemas de identificación previstos nesta lei como sistema de sinatura cando permitan acreditar a autenticidade da expresión da vontade e do consentimento das persoas interesadas.

3. De acordo co artigo 10.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, cando as persoas interesadas utilicen un sistema de sinatura dos previstos nesta lei, a súa identidade entenderase xa acreditada mediante o propio acto da sinatura.

CAPÍTULO VIII Notificacións

Artigo 45. Sistema de notificacións electrónicas de Galicia

1. O sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal é o enderezo electrónico habilitado único que o sector público autonómico pon á disposición da cidadanía.

2. As notificacións electrónicas que realicen os órganos e as entidades do sector público autonómico de Galicia practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, enderezo electrónico habilitado único.

3. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital será a encargada dos contidos e os servizos comúns, da xestión tecnolóxica, da continuidade, da accesibilidade e da seguridade do sistema Notifica.gal. Corresponderalle a cada órgano ou entidade que utilice o sistema a responsabilidade sobre os contidos ou os servizos específicos, así como da xestión das notificacións dentro do seu ámbito de competencia.

4. Nos casos de non-funcionamento do sistema por razóns de imposibilidade técnica no envío ou na posta á disposición, derivada dun caso fortuíto, de forza maior ou doutras incidencias técnicas, as notificacións que se teñan que realizar na sede electrónica da Xunta de Galicia e no enderezo electrónico habilitado único, namentres non se restableza o sistema, poderanse efectuar, a xuízo do órgano que tramite o procedemento e atendendo ao cumprimento dos prazos de resolución e ás circunstancias concorrentes, por medios non electrónicos, de acordo co establecido na lexislación reguladora do procedemento administrativo común, sempre que permitan ter constancia do envío ou da posta á disposición da notificación, da recepción ou do acceso pola persoa interesada ou por quen a represente, da data e a hora, do contido íntegro do acto notificado e da identidade fidedigna da persoa remitente e destinataria dela.

5. Para os efectos do acceso ao contido das notificacións por parte das persoas interesadas, o sistema informará das indispoñibilidades do servizo planificadas, así como das interrupcións non planificadas derivadas de incidencias técnicas. O sistema poñerá á disposición das persoas interesadas o oportuno xustificante electrónico de indispoñibilidade, no que se expresen os períodos da interrupción, para os efectos, de ser o caso, da súa presentación por parte da persoa interesada no correspondente procedemento e da xustificación perante o órgano competente para a súa tramitación da imposibilidade do cumprimento dos prazos dentro deste, así como a petición da súa ampliación, de así proceder.

6. O sistema Notifica.gal estará accesible no Portal web institucional da Xunta de Galicia e na sede electrónica da Xunta de Galicia, así como no seu enderezo directo.

Artigo 46. Notificación ás persoas interesadas que non están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa administración

1. As persoas interesadas que non estean obrigadas a relacionarse por medios electrónicos coa administración poderán solicitar a creación do seu enderezo habilitado único a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, mediante os modelos normalizados dispoñibles para estes efectos no propio sistema, para os efectos de recibir a partir dese momento as notificacións a través de medios electrónicos en calquera procedemento administrativo tramitado polo sector público autonómico

2. En particular, nos procedementos iniciados por solicitude da persoa interesada, cando esta elixa no modelo normalizado de solicitude que a notificación nese procedemento se practique por medios electrónicos, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia crearán o seu enderezo habilitado único.

3. A creación do seu enderezo electrónico habilitado nos casos das dúas alíneas anteriores implicará que as notificacións que deban cursarse coa persoa interesada se realizarán preferentemente por vía electrónica, de acordo co establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común, sen prexuízo do seu dereito a decidir e a comunicar en calquera momento á Administración xeral e ás entidades instrumentais do sector público autonómico, mediante os modelos normalizados dispoñibles no sistema para o efecto, que as notificacións sucesivas se deixen de practicar por medios electrónicos. En particular, nos sucesivos procedementos iniciados por solicitude das persoas interesadas, as notificacións practicaranse polo medio sinalado para o efecto no modelo normalizado de solicitude.

4. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, no momento en que se lle teña que practicar a unha persoa interesada das previstas neste artigo unha notificación en papel, poñerán tamén á disposición desta, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, o contido da notificación para que poida acceder a este de forma voluntaria, e poderán dar de alta de oficio o enderezo electrónico habilitado da persoa interesada no caso de que non o teña. A información relativa a esta cuestión poderase incluír na notificación en papel.

Artigo 47. Notificación ás persoas interesadas que están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coa administración

1. As persoas interesadas obrigadas a se relacionaren a través de medios electrónicos coa administración deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través de Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das indicadas persoas interesadas da súa obriga de se relacionaren por medios electrónicos.

2. En particular, nos procedementos iniciados por solicitude das persoas interesadas deberase optar, en todo caso, no modelo normalizado de solicitude, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida para eles, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

3. Nos procedementos iniciados de oficio, nos casos en que as persoas interesadas previstas neste artigo non teñan creado o seu enderezo electrónico habilitado único, este seralles creado de oficio pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico, e practicaranse nel as correspondentes notificacións. Cando á Administración xeral ou ás entidades instrumentais do sector público autonómico lles conste o seu enderezo de correo electrónico ou dispositivo electrónico poderán utilizar estes datos para lle enviar á persoa interesada un aviso en que se informe da posta á disposición da notificación. A falta de práctica deste aviso non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

CAPÍTULO IX Medios de pagamento

Artigo 48. Cumprimento das obrigas de pagamento a través dos medios electrónicos

1. As operacións de pagamento previstas ou derivadas da tramitación ou da resolución dun procedemento administrativo, e que se realicen por medios electrónicos a favor da Facenda Pública autonómica, efectuaranse a través dunha plataforma autonómica transversal.

2. A plataforma de pagamentos admitirá como métodos de pago os medios de pagamento previstos na normativa vixente ou calquera outro que, ao respectar a dita normativa, autorice o órgano competente.

3. As persoas usuarias da plataforma de pagamentos terán dereito a que se lles entregue un xustificante do pagamento realizado.

TÍTULO II Do Diario Oficial de Galicia

Artigo 49. Diario Oficial de Galicia

1. O Diario Oficial de Galicia (DOG) é o medio de publicación oficial da Comunidade Autónoma de Galicia a través da cal se dá publicidade ás normas, as resolucións, os actos administrativos e os demais documentos e informacións que sexan obxecto de público coñecemento, de conformidade co ordenamento xurídico vixente.

2. O DOG publícase en edición electrónica. Esta edición electrónica, que ten carácter oficial, auténtico e único, incorpora a sinatura electrónica cualificada como garantía da autenticidade, a integridade e a inalterabilidade do seu contido.

3. O DOG publicarase simultaneamente nos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ambas as versións terán a consideración de oficiais e auténticas.

4. A responsabilidade da publicación e da xestión do DOG é da consellaría con competencias en materia de administracións públicas.

5. O DOG rexerase polo disposto nesta lei e no resto da normativa que resulte aplicable.

Artigo 50. Interoperabilidade no eido xurídico

A publicación do DOG adoptará criterios de interoperabilidade no referido ao intercambio de información de índole xurídica, coa finalidade de facilitar o acceso da cidadanía e a interoperabilidade coas redes de información xurídica que se poidan establecer.

Artigo 51. Publicación

1. O DOG publicarase no Portal do Diario Oficial de Galicia e será accesible desde o Portal web institucional da Xunta de Galicia e desde a sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A través do Portal do Diario Oficial de Galicia será posible acceder aos boletíns oficiais provinciais de Galicia.

3. Co obxecto de minimizar a diseminación da información de carácter persoal á que se poida acceder a través dos motores de busca, garantirase o pleno respecto ás exixencias derivadas da normativa en materia de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

TÍTULO III Da presenza do sector público autonómico na internet

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 52. Principios xerais da presenza do sector público autonómico na internet

1. A presenza na internet do sector público autonómico deberá atender os seguintes principios xerais:

a) Garantir unha adecuada información institucional, administrativa e de prestación de servizos, asegurando o máximo nivel de calidade, consistencia e coherencia no que atinxe á imaxe, a comunicación e a información ofrecidas na Rede integrada da presenza na internet.

b) Potenciar unha imaxe institucional homoxénea que permita articular, mediante unha adecuada organización da información, o acceso aos contidos e aos servizos ofrecidos polo sector público autonómico na internet.

c) Impulsar unha estruturación adecuada dos contidos e do acceso aos servizos, mediante a integración, a segmentación e a xerarquización para garantir un acceso baseándose nas necesidades das persoas usuarias independentemente da estrutura organizativa do sector público autonómico, facilitando así a súa localización.

d) Promover e garantir a transparencia, como criterio orientador da actividade do sector público autonómico para lles facilitar aos cidadáns e ás cidadás información e datos de interese xeral.

e) Ofrecer unha canle de comunicación á cidadanía coas institucións que permita, á súa vez, promover a participación desta nos asuntos públicos.

f) Promover a difusión da información de interese e relevancia pública para o aproveitamento das oportunidades que ofrece a evolución dos servizos na internet para achegar a administración á cidadanía, facilitando espazos de participación.

g) Impulsar a difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia a través da internet.

h) Fomentar a calidade e a eficiencia na prestación dos servizos electrónicos.

i) Garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade.

j) Fomentar o coñecemento e o uso da lingua galega.

k) Crear unhas canles e uns procedementos de consulta á cidadanía.

2. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico prestarán servizos en liña accesibles á cidadanía, fomentando os portais web con orientación temática e centrada nas persoas destinatarias fronte a unha orientación orgánica ou departamental, co obxectivo de simplificar o acceso aos ditos portais.

CAPÍTULO II Organización da presenza do sector público autonómico na internet

Artigo 53. Portal web institucional da Xunta de Galicia

1. O Portal web institucional da Xunta de Galicia http://www.xunta.gal é o sitio web institucional da Xunta de Galicia constituído polo conxunto de páxinas web relacionadas entre si, estruturadas mediante un sistema de información, de libre acceso e albergadas na Rede corporativa da Xunta de Galicia.

2. O Portal web institucional da Xunta de Galicia recollerá, xunto coa información institucional de todos os órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a información administrativa e os servizos en liña facilitados ou prestados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a súa difusión á cidadanía. En particular, dará acceso ao Portal de transparencia e goberno aberto e facilitará a interconexión con outros enderezos electrónicos da rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico.

3. A través do Portal web institucional da Xunta de Galicia poderase acceder tamén á totalidade dos portais e dos servizos dixitais das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, de xeito que constitúa un punto de acceso permanente á información e aos servizos do sector público autonómico.

4. En particular, o Portal web institucional recollerá tamén o acceso ás canles de comunicación da cidadanía co sector público autonómico e o acceso á sede electrónica da Xunta de Galicia e á Carpeta cidadá da Xunta de Galicia.

5. O Portal web institucional da Xunta de Galicia realizará as funcións do Punto de acceso xeral electrónico do sector público autonómico.

Artigo 54. Rede integrada da presenza na internet

1. A presenza do sector público autonómico na internet ordénase como un conxunto ou unha rede integrada de portais, cos seus correspondentes contidos e servizos, canles sociais e participativas e aplicacións móbiles, cuxa titularidade, xestión e administración lles correspondan aos órganos do sector público autonómico no exercicio das súas competencias.

2. Formarán parte da Rede integrada da presenza na internet aqueloutras tipoloxías de canles que a evolución dos usos da sociedade e o propio desenvolvemento tecnolóxico permitan, establecendo novos modos de achegamento á cidadanía.

Artigo 55. Organización da estrutura dos portais integrados na Rede integrada da presenza na internet

1. Os órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán ofrecer información ou servizos ao público a través da internet, mediante espazos web baixo subdominios de xunta.gal.

2. Orientarase a publicación dos portais cara á súa configuración como portais temáticos destinados a organizar contidos e servizos vinculados a unha determinada materia que transcendan do órgano ou da entidade instrumental que ofrece os contidos ou presta o servizo, e que poderán contar con varios segmentos de destinatarios ou públicos obxectivos.

3. Poderase acordar, ademais, a publicación de portais promocionais para a difusión na internet de campañas ou programas específicos. Estes portais non se identificarán como portais dun determinado órgano ou dunha entidade instrumental, aínda cando os contidos destes portais se correspondan, maioritariamente, cos dun órgano ou unha entidade.

4. En calquera caso, para a incorporación de novos portais temáticos ou promocionais seguirase o principio de integración cos portais previamente existentes, coa finalidade de articular un modelo coherente de presenza do sector público autonómico na internet sobre a base dos elementos comúns do sistema que garanten a homoxeneidade da imaxe, a compatibilidade e a interoperabilidade dos contidos.

CAPÍTULO III Instrumentos para a organización da presenza na internet

Artigo 56. Catálogo da Rede integrada da presenza na internet

1. O Catálogo da Rede integrada da presenza na internet recolle a relación de portais, canles sociais e participativas e aplicacións móbiles do sector público autonómico, así como aqueloutros elementos que poidan formar parte desta rede, segundo o establecido no artigo 54.2, con identificación da información xeral, das características e propiedades e das responsabilidades dos elementos que o conforman.

2. Calquera portal web, canle social e participativa, aplicación móbil e aqueloutros elementos que poidan formar parte desta rede, segundo o establecido no artigo 54.2, do sector público autonómico deberá quedar identificado no catálogo, que estará dispoñible para a súa consulta no Portal web institucional da Xunta de Galicia.

3. Para a publicación dunha iniciativa, e a súa inclusión no catálogo, deberase seguir o establecido nas políticas e as recomendacións vixentes, recollidas nas Guías de políticas web corporativas da Xunta de Galicia.

Artigo 57. Guías de políticas web corporativas

1. Coa finalidade de garantir uns criterios comúns que permitan artellar unha presenza na internet ordenada, cunha imaxe coherente e recoñecible pola cidadanía e con información e servizos de calidade, elaboraranse guías en materia de deseño e creación dos elementos que compoñen a Rede integrada da presenza na internet, garantindo, entre outros, a seguridade, o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade e a reutilización de recursos. Estas guías denominaranse Guías de políticas web corporativas.

2. As entidades do sector público autonómico deberán atender as previsións das devanditas guías na posta en marcha e na permanente actualización dos portais, das canles sociais e participativas, das aplicacións móbiles ou doutros elementos susceptibles de poderen formar parte da rede.

3. Deberase velar pola permanente actualización das guías e pola súa adecuación á normativa vixente na materia prevista nelas. Estas deberán estar publicadas e accesibles para todos os órganos do sector público autonómico.

4. Incluiranse nas Guías de políticas web corporativas os mecanismos de revisión periódica dos elementos que compoñen o Catálogo da Rede integrada da presenza na internet, coa finalidade de garantir o cumprimento continuado das guías.

CAPÍTULO IV Dominios

Artigo 58. Dominio nos portais web

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico ofrecerán a información ou os servizos ao público a través da internet mediante portais web baixo o dominio de nivel superior .gal.

2. Os portais web do sector público autonómico que empreguen dominios de nivel superior distintos do .gal deberán redirixir ao dominio .gal correspondente, mantendo a navegación por este dominio. As referencias internas a outros dominios substituiranse por referencias ao .gal, para non duplicar a presenza do sector público autonómico en indexadores ou buscadores.

Artigo 59. Dominio de correo

Os órganos e as entidades do sector público autonómico empregarán o dominio de correo de nivel superior .gal en todas as contas de correo electrónico persoais, departamentais ou corporativas.

Artigo 60. Rexistro de nomes de dominio

1. O rexistro de nomes de dominio por parte dos órganos e das entidades do sector público autonómico realizarase baixo a denominación única «Xunta de Galicia».

2. Rexistraranse os nomes de dominio que sexan de interese para os órganos e as entidades do sector público autonómico e mais aqueles dominios que se consideren de especial interese e permitan preservar a imaxe e a presenza na rede do sector público autonómico.

3. A entidade do sector público autonómico con competencias en materia de desenvolvemento dixital será a encargada de:

a) Xestionar as solicitudes de rexistro de novos dominios e mantelos ante as organizacións encargadas do dito rexistro, por petición das entidades do sector público autonómico.

b) Manter a titularidade dos dominios vixentes e garantir a unidade de dominio e o cumprimento das políticas vixentes na materia, de acordo coa normativa patrimonial vixente.

TÍTULO IV Do funcionamento dixital do sector público autonómico

CAPÍTULO I Inventario da información administrativa

Artigo 61. Inventario da información administrativa

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico harmonizarán a información básica de funcionamento dos sistemas de información utilizados nos diferentes ámbitos da actividade do sector público autonómico para permitir a coherencia da información e a interoperabilidade con outras administracións públicas.

2. O Inventario da información administrativa do sector público autonómico recollerá os conxuntos de datos ou catálogos corporativos que con carácter transversal serven para a identificación unívoca dos contidos dos catálogos, a ordenación e a clasificación da información e da documentación do sector público autonómico, garantindo a interoperabilidade entre os sistemas e entre as administracións.

3. O Inventario da información administrativa utilizarase para difundir a información corporativa á cidadanía, interoperar con outras administracións públicas e configurar os sistemas de información segundo o establecido nos catálogos corporativos.

4. O Inventario da información administrativa do sector público autonómico incluirá, como mínimo:

a) O Directorio oficial do sector público autonómico, que recolle o esquema completo da composición da estrutura orgánica do sector público autonómico, incluíndo a relación dos órganos e das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia, das oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro e mais as unidades de xestión económico-orzamentaria, así como as súas relacións entre eles.

b) O Catálogo de procedementos e servizos, que inclúe a información actualizada dos procedementos e dos servizos do sector público autonómico de Galicia de forma clasificada, estruturados en familias e con indicación do seu nivel de informatización e seguridade.

A Guía de procedementos e servizos, parte integrante deste catálogo, recompila e divulga a información básica de cada procedemento ou servizo que pode ser de interese para a cidadanía.

c) O Catálogo de series documentais xeradas na xestión dos procedementos administrativos e dos servizos que presta o sector público autonómico, o Catálogo de tipos documentais e o Cadro de clasificación e esquemas de metadatos, necesarios todos eles para a configuración e a xestión do Arquivo electrónico administrativo.

d) Outros catálogos corporativos que con carácter transversal se establezan para a ordenación ou a clasificación da información do sector público autonómico, así como os necesarios para garantir a interoperabilidade coas restantes administracións.

5. De acordo co establecido no artigo 9 do Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da administración electrónica, estableceranse os mecanismos que permitan enlazar e interoperar co Inventario da Administración xeral do Estado.

Artigo 62. Xestión e uso do Inventario da información administrativa

1. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico determinará os protocolos de coordinación e mantemento dos contidos do Inventario da información administrativa.

2. O Inventario da información administrativa será de uso obrigatorio por parte dos sistemas de información utilizados nos diferentes ámbitos de actividade do sector público autonómico.

3. Os datos e os catálogos recollidos no Inventario da información administrativa do sector público autonómico estarán dispoñibles en formatos reutilizables.

CAPÍTULO II Funcionamento dixital interno

Artigo 63. Emisión de documentos administrativos

1. De acordo co artigo 26.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os documentos administrativos emitiranse por escrito, a través de medios electrónicos, a menos que a súa natureza exixa outra forma máis adecuada de expresión e constancia.

2. Para os efectos da alínea anterior, cando a súa natureza o exixa como forma máis adecuada de expresión e constancia, será documento administrativo o ficheiro resultante da gravación de son ou imaxe axustado aos requisitos e ao procedemento que se estableza.

3. Os documentos administrativos e aqueles susceptibles de formaren parte dun expediente terán sempre asociada polo menos unha sinatura electrónica para garantir a autenticidade e a integridade. Para a sinatura electrónica por parte da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, os sistemas que poden ser utilizados son exclusivamente os previstos no capítulo IV do título IV, sobre a identificación e a sinatura do sector público autonómico.

4. De acordo co artigo 26.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non requirirán de sinatura electrónica os documentos electrónicos emitidos polas administracións públicas que se publiquen con carácter meramente informativo, así como aqueles que non formen parte dun expediente administrativo. En todo caso, será necesario identificar a orixe destes documentos.

Artigo 64. Copias de documentos

1. A expedición de copias auténticas de documentos públicos administrativos ou privados e mais a validez e a eficacia das ditas copias rexeranse polo disposto no artigo 27 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Nos procedementos administrativos tramitados polo sector público autonómico de Galicia deberase expedir unha copia auténtica electrónica de calquera documento en papel ou noutro soporte non electrónico susceptible de dixitalización que presenten as persoas interesadas e que se vaia incorporar a un expediente administrativo.

3. Regulamentariamente determinaranse os órganos que teñan atribuídas as competencias de expedición de copias auténticas dos documentos públicos administrativos ou privados, así como os formatos das copias auténticas electrónicas.

Artigo 65. Comunicacións internas

1. As comunicacións que se realicen entre os órganos ou as entidades do sector público autonómico realizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través das ferramentas tecnolóxicas corporativas habilitadas para o efecto.

2. As datas de transmisión e recepción acreditadas nas comunicacións electrónicas internas serán válidas para o cómputo dos prazos.

3. As comunicacións en soporte de papel só poderán utilizarse de forma excepcional e xustificada naqueles casos en que a comunicación non se poida realizar de xeito integramente electrónico.

Artigo 66. Comunicacións con outras administracións

As comunicacións que se realicen entre os órganos e as entidades do sector público autonómico e outras administracións públicas realizaranse, agás nos supostos de imposibilidade xustificada, por medios electrónicos.

CAPÍTULO III Procedementos administrativos e servizos dixitais

Artigo 67. Configuración dixital dos procedementos administrativos e dos servizos no sector público autonómico

1. A configuración dixital dos procedementos administrativos e dos servizos no sector público autonómico ten por finalidade simplificar e axilizar os procedementos administrativos e prestar servizos públicos dixitais, homoxéneos, personalizados e fáciles de utilizar, aplicando enfoques innovadores para deseñar e prestar mellores servizos de conformidade coas necesidades e as demandas da cidadanía, aproveitando as oportunidades que brinda a nova contorna dixital para facilitar as súas interaccións coas partes interesadas.

2. A implantación dos procedementos administrativos e dos servizos no sector público autonómico exixirá unha revisión integral e preceptiva, que permita a verificación dos principios e dos criterios comúns na concepción de procedementos e servizos cun pleno funcionamento electrónico, sen prexuízo do necesario respecto dos dereitos das persoas non obrigadas a se relacionaren por medios electrónicos coa administración, así como o uso de novas canles e tecnoloxías dispoñibles para cada caso na prestación dos servizos públicos.

3. Os procedementos e os servizos dixitais que se implanten deberán respectar os seguintes principios fundamentais co obxectivo de lograr a maior interacción coa cidadanía:

a) Principio de «só unha vez»: garantir que os cidadáns e as cidadás faciliten a mesma información unha soa vez, nos termos previstos no artigo 11.

b) Homoxeneización: simplificar os procedementos administrativos e os servizos públicos dixitais a través dunha interface homoxénea, facilitándolles ás persoas interesadas, por unha banda, a aprendizaxe do uso dos servizos e, por outra, a comprensión da información que se solicita.

c) Interoperabilidade: deberase garantir o cumprimento das normas técnicas de interoperabilidade que posibiliten a circulación dos datos e dos documentos entre as administracións públicas.

d) Personalización: habilitación de solucións dixitais personalizables que permitan a mellor adecuación ás demandas e ás singularidades de colectivos específicos.

e) Seguridade e protección de datos: cumprimento do marco xurídico sobre a protección dos datos persoais, da intimidade e da seguridade da información, integrando estes elementos na fase de deseño.

f) Automatización: fomento de actuacións administrativas automatizadas nos actos ou nas actuacións que sexan susceptibles de ser configuradas como tales no marco dun procedemento administrativo.

g) Inclusión e accesibilidade: deseñar os servizos públicos dixitais de tal modo que sexan inclusivos e tomen en consideración as necesidades de determinados colectivos, como as das persoas maiores e das persoas con discapacidade.

h) Transparencia e goberno aberto: compartir información e datos entre as administracións públicas e permitir que os cidadáns e as cidadás poidan ter acceso aos seus propios datos, controlalos e rectificalos, e que as persoas interesadas poidan facer un seguimento dos procedementos administrativos que as afecten.

i) Proxección exterior: lograr, no marco das competencias autonómicas, que paulatinamente os procedementos e os servizos públicos dixitais pertinentes sexan accesibles nos países cos que a nosa comunidade ten maiores relacións, especialmente con Portugal e cos países de Iberoamérica, co que se facilita así a mobilidade das persoas e a integración tecnolóxica dos cidadáns galegos e das cidadás galegas residentes no exterior e das entidades galegas asentadas fóra de Galicia.

j) Adaptación tecnolóxica: evolución das tecnoloxías e dos sistemas informáticos coa finalidade de que estean permanentemente actualizados en relación coa contorna e co desenvolvemento tecnolóxico.

k) Pagamento electrónico: na realización de trámites suxeitos ao pagamento de taxas autonómicas deberase permitir o pago electrónico.

Artigo 68. Deseño dos procedementos e dos servizos dixitais

1. Na fase de deseño dun procedemento administrativo ou dun servizo deberanse ter en conta os seguintes elementos básicos da súa configuración dixital:

a) A incorporación da canle dixital por defecto, considerando a aplicación dos criterios de administración dixital, previstos na presente regulación, e a utilización dos sistemas dixitais únicos, regulados no artigo 119, sen prexuízo de lles garantir o acceso ás persoas que non estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa administración.

b) A incorporación de actuacións administrativas automatizadas en trámites que sexan susceptibles desta configuración, reducindo substancialmente os tempos de tramitación e atención.

c) A aplicación de criterios iguais na relación cos mesmos colectivos.

d) A definición dos procedementos que permitan a interacción e a coordinación entre diferentes órganos ou coas restantes administracións públicas galegas, en prol da simplificación e da redución das cargas administrativas á cidadanía.

e) A identificación das canles de asistencia no uso dos servizos públicos dixitais.

f) Os mecanismos de identificación de melloras na prestación do servizo público dixital.

g) A facilidade de uso do servizo, minimizando o grao de coñecemento funcional ou tecnolóxico necesario para o seu uso.

h) A identificación dos datos ou dos certificados que se xeren no procedemento e no servizo e que se deban incluír no Catálogo de servizos de interoperabilidade regulado no artigo 79.

i) A identificación da información de carácter público que deba ser incorporada no Catálogo de información reutilizable en formato de datos abertos, en consonancia co capítulo III da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

2. Regulamentariamente determinarase o procedemento de configuración dixital dos procedementos administrativos e dos servizos do sector público autonómico de Galicia, así como os órganos ou as unidades responsables.

Artigo 69. Impulso de servizos dixitais a empresas e profesionais

1. O sector público autonómico de Galicia promoverá o uso preferentemente das canles electrónicas nas súas relacións coas empresas e os profesionais, incluíndo aquí calquera entidade que exerce unha actividade económica, independentemente da súa forma xurídica.

2. Impulsarase a creación de servizos electrónicos e a automatización dos procesos entre o sector público autonómico e as empresas e os profesionais, naqueles casos en que resulte beneficioso.

3. Promoverase o acceso unificado á información e aos servizos dispoñibles, tanto nas relacións administrativas coma nas económicas co sector público autonómico. Igualmente, promoverase a difusión da información de carácter público que permita favorecer o coñecemento do sector empresarial e profesional galego.

4. En particular, promoveranse os servizos dixitais no eido da contratación administrativa, tendo en conta a súa normativa específica aplicable e facendo efectivos os principios recollidos no título II da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

5. A Xunta de Galicia poderá establecer convenios co obxecto de colaborar coas empresas na promoción entre estas dos seus medios dixitais.

Artigo 70. Guías en materia de configuración dixital dos procedementos e dos servizos

1. Para o deseño dos procedementos e dos servizos dixitais elaboraranse guías en materia de configuración dixital dos procedementos e dos servizos que ofrecerán as directrices de uso obrigatorio para a habilitación dos procedementos administrativos e dos servizos, baixo uns principios de racionalización e simplificación, e facilitarán o cumprimento da normativa en materia de administración electrónica e simplificación administrativa. As entidades do sector público autonómico deberán atender as previsións das devanditas guías para a habilitación electrónica dos procedementos e dos servizos no seu ámbito competencial.

2. En particular, para os procedementos de contratación pública elaborarase unha guía, que recollerá as recomendacións que hai que ter en conta na redacción dos pregos e das invitacións a procedementos negociados, que aseguren o uso das tecnoloxías da información e a comunicación nas relacións entre o sector público autonómico e as empresas, dando cumprimento ás prescricións legais da administración electrónica en vigor.

3. Regulamentariamente determinaranse os órganos ou as unidades responsables da elaboración e da actualización continuada das guías en materia de configuración dixital dos procedementos e dos servizos. Deberase velar pola permanente actualización das ditas guías e pola súa adecuación á normativa vixente na materia prevista nelas, e deberán estar publicadas e accesibles para todos os órganos do sector público autonómico.

CAPÍTULO IV Identificación e sinatura no eido do sector público autonómico

Artigo 71. Identificación e sinatura electrónicas do persoal empregado público

A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico dotarán o seu persoal empregado público dos mecanismos de identificación e sinatura electrónicas necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

Artigo 72. Sistemas de identificación do persoal empregado público

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico dotarán o seu persoal empregado público, con carácter xeral, dun certificado electrónico recoñecido ou cualificado de empregado público e dun sistema de usuario e contrasinal.

2. Estes sistemas de identificación poderán ser utilizados polo dito persoal, dependendo do nivel de seguridade requirido e nos termos previstos pola correspondente administración, nos sistemas informáticos do sector público autonómico ou doutras administracións públicas.

3. Así mesmo, este persoal poderá ser dotado doutros sistemas de identificación específicos que se determinen para o exercicio das súas funcións, incluíndo certificados de persoa física representante da Administración xeral ou das entidades públicas instrumentais.

Artigo 73. Sistemas de sinatura do persoal empregado público

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico dotarán o seu persoal empregado público, con carácter xeral, dun certificado electrónico recoñecido ou cualificado de empregado público como sistema de sinatura electrónica.

2. Así mesmo, poderanse dotar outros mecanismos específicos que se determinen, incluído un certificado de persoa física representante da Administración xeral ou da entidade pública instrumental, para o desenvolvemento das súas funcións.

3. Cando as funcións desenvolvidas polo persoal empregado público do sector público autonómico exixan mobilidade ou exista unha imposibilidade técnica para a sinatura electrónica a través dun certificado electrónico recoñecido ou cualificado, poderán habilitarse, nos termos que se determinen regulamentariamente, outros sistemas de sinatura electrónica.

4. Naquelas actuacións que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións nas cales legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización, regulamentariamente poderá habilitarse para determinados colectivos de persoal empregado público do sector público autonómico o uso de certificados electrónicos con pseudónimo, que deberá referirse, en todo caso, ao número de identificación profesional da empregada ou do empregado público, que permitirá a súa identificación nos casos en que for necesario.

Artigo 74. Tarxeta de acreditación persoal

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais dotarán o seu persoal empregado público dunha tarxeta de acreditación persoal, que incluirá todos os certificados electrónicos que requira para o desenvolvemento das súas funcións e que terá unha validez indefinida desde a toma de posesión ata o cesamento como persoal empregado público.

2. O mecanismo concreto de acreditación persoal do persoal empregado público do sector público autonómico estará suxeito á renovación das tecnoloxías e dos sistemas informáticos utilizados cando sexa necesario, coa finalidade de que estea permanentemente actualizado en relación coa contorna e co desenvolvemento tecnolóxico.

Artigo 75. Sistemas de identificación da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderanse identificar mediante o uso dun selo electrónico baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado que reúna os requisitos exixidos pola lexislación da sinatura electrónica. Estes certificados electrónicos incluirán o número de identificación fiscal e a denominación correspondente, así como, se é o caso, a identidade da persoa titular no caso dos selos electrónicos dos órganos do sector público autonómico.

2. A relación dos selos electrónicos utilizados no sector público autonómico, incluíndo as características dos certificados electrónicos e os prestadores que os expiden, así como as medidas para a súa verificación, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Entenderase identificada a entidade do sector público autonómico respecto da información que se publique como propia nos portais web da Rede integrada da presenza na internet.

Artigo 76. Actuación administrativa automatizada

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico promoverán o fomento de actuacións administrativas automatizadas cando se trate de actos ou actuacións respecto dos cales os criterios de análise ou decisión poidan integrarse nun programa que realice a actuación automatizada.

2. A sinatura electrónica das actuacións administrativas automatizadas poderase realizar mediante os seguintes sistemas de sinatura electrónica, de acordo co artigo 42 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público:

a) Selo electrónico de administración pública, órgano, organismo público ou entidade de dereito público, baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado que reúna os requisitos exixidos pola lexislación da sinatura electrónica.

b) Código seguro de verificación vinculado ao sector público autonómico, permitíndose, en todo caso, a comprobación da integridade do documento mediante o acceso á sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. No caso da sinatura electrónica con código seguro de verificación, deberase asegurar a autenticidade e a integridade do documento durante toda a súa vixencia. Para este fin, e co obxecto de favorecer a interoperabilidade, poderase superpoñer ao documento asinado un selo electrónico baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado.

4. As actuacións administrativas automatizadas deberanse declarar mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, a programación, o mantemento, a supervisión e o control de calidade e, se é o caso, a auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada.

5. O texto íntegro das resolucións indicadas na alínea anterior publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

CAPÍTULO V Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado

Artigo 77. Obxecto e alcance do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado

1. Créase, no eido do sector público autonómico, o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado, onde constará o persoal funcionario habilitado para a expedición de copias auténticas e a realización da identificación e da sinatura electrónicas das persoas interesadas que non dispoñan dos medios electrónicos necesarios.

2. O Sistema de xestión do persoal da Xunta de Galicia conterá a información necesaria para dar soporte ao Rexistro, onde constará como persoal funcionario habilitado, polo menos, aquel persoal funcionario que realice funcións de atención aos cidadáns e ás cidadás nas oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, sen prexuízo da habilitación doutro persoal funcionario que se determine.

3. No caso da prestación de servizos á cidadanía que impliquen a actuación coordinada e complementaria de diversas administracións no territorio, estableceranse os mecanismos de incorporación ao rexistro do correspondente persoal funcionario das restantes administracións públicas galegas.

4. As restantes administracións públicas galegas poderanse adherir voluntariamente a este rexistro, para cumprir co disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común en materia de rexistro de funcionarios públicos habilitados.

5. Consonte o disposto na normativa reguladora do procedemento administrativo común, este rexistro será plenamente interoperable e estará interconectado cos rexistros ou cos sistemas das restantes administracións públicas, para os efectos de comprobar a validez das habilitacións.

6. O Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado dependerá da consellaría con competencia en materia de función pública.

7. Publicarase o catálogo das funcións e dos servizos que prestarán de cara á cidadanía, especialmente con respecto á habilitación e á tramitación da administración dixital no tocante a aquelas persoas que non están obrigadas a relacionarse de xeito electrónico coa administración.

CAPÍTULO VI Interoperabilidade dos datos e dos documentos

Artigo 78. Plataforma de intermediación

1. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital funcionará como un nodo de interoperabilidade mediante a plataforma de intermediación pasaXe!, que prestará funcionalidades comúns para o intercambio dos datos e de documentos entre o sector público autonómico e co resto das administracións públicas.

2. O intercambio dos datos e de documentos a través de pasaXe! realizarase nunhas condicións tales que garantan a seguridade da información e a protección dos datos persoais que se transmitan, proporcionando medidas para a autenticidade, a confidencialidade, a integridade, a dispoñibilidade e a trazabilidade adecuadas á natureza daqueles.

Artigo 79. Catálogo de servizos de interoperabilidade

1. O Catálogo de servizos de interoperabilidade incluirá todos os servizos de consulta dos datos e dos documentos accesibles a través da plataforma de intermediación pasaXe!.

2. O Catálogo de servizos de interoperabilidade estará dispoñible para a súa consulta tanto na Intranet corporativa coma no Portal web institucional, e nel informarase sobre os datos e os documentos que se poden consultar en cada un dos servizos, así como das condicións de uso de cada un deles.

3. A identificación de novos servizos de interoperabilidade poderá vir determinada por calquera órgano das entidades usuarias de pasaXe!, tanto polas necesidades de novos datos ou documentos na tramitación dos procedementos coma pola súa capacidade de poñer á disposición doutros órganos ou administracións públicas novos datos ou documentos.

Artigo 80. Mapa de interoperabilidade do sector público autonómico

1. O Mapa de interoperabilidade do sector público autonómico é o inventario de tipos de documentos e datos elaborados ou que xa consten en poder das administracións públicas que o sector público autonómico precise para o desempeño da súa actividade ou poida proporcionar a outras administracións para o desempeño da súa actividade.

2. Coa finalidade prevista na alínea 1, estarán incluídos no alcance do mapa a demanda potencial de intercambios electrónicos de datos ou documentos, a oferta de servizos interoperables que proporcionen tales datos ou documentos e o uso real destes servizos, que virá determinado polas consultas efectivas de información realizadas a través da plataforma de intermediación.

3. Para estes efectos, a posta á disposición do mapa permitirá:

a) Facilitar o impulso do intercambio de documentos e datos entre as administracións públicas a través de medios electrónicos.

b) Identificar e inventariar as necesidades e as obrigas de intercambio de datos e documentos do sector público autonómico.

c) Definir os documentos interoperables que dean soporte ás necesidades de intercambio de información entre as administracións públicas, aplicando unha visión de conxunto, e ordenando as transmisións entre administracións.

d) Avaliar a demanda de datos e documentos, atendendo a súa criticidade e as melloras que achegan, permitindo así priorizar os traballos de incorporación de servizos na plataforma de intermediación.

CAPÍTULO VII Arquivo electrónico administrativo

Artigo 81. Arquivo electrónico administrativo da Xunta de Galicia

1. O Arquivo electrónico administrativo da Xunta de Galicia é o sistema que permite a xestión de expedientes administrativos electrónicos do sector público autonómico nas súas diferentes fases. Polo tanto, incluirá todos os expedientes en tramitación e os finalizados, durante o tempo establecido nos seus calendarios de conservación.

2. O Arquivo electrónico administrativo rexerase polo disposto nesta lei, na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, e no resto da normativa aplicable.

3. A responsabilidade da custodia e o mantemento dos expedientes e os documentos durante a súa tramitación será responsabilidade da unidade xestora deles. Ao finalizarse a súa tramitación, a unidade xestora do expediente deberá transferir a súa custodia ao Arquivo de Galicia ou a outros arquivos do Sistema de arquivos de Galicia.

4. Os formatos dos documentos do Arquivo electrónico administrativo deberán garantir a súa autenticidade, integridade, conservación, dispoñibilidade e confidencialidade, así como a súa consulta, con independencia do tempo transcorrido desde a súa emisión.

Artigo 82. Política de xestión documental electrónica

1. A política de xestión documental electrónica constitúe o marco de actuación para a creación e a xestión de documentos auténticos, fiables e dispoñibles no tempo. A política de xestión documental electrónica desenvolve os aspectos técnicos, normativos e organizativos necesarios para a coordinación, a aplicación e a supervisión da xestión documental electrónica, de forma que se garanta a seguridade, a interoperabilidade e a preservación dos documentos.

2. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital, en coordinación coas consellarías competentes en materia de arquivos e patrimonio documental e en materia de administracións públicas, deberá poñer en práctica a política de xestión documental electrónica do sector público autonómico no ámbito do Arquivo electrónico administrativo, que deberá prever, entre outros, os seguintes aspectos:

a) As directrices e as responsabilidades para a estruturación e o desenvolvemento dos procedementos de xestión documental.

b) Os metadatos dos expedientes e dos documentos electrónicos para o seu tratamento e xestión a nivel interno e para garantir a interoperabilidade con outras administracións públicas.

c) Os formatos de contido permitidos e recomendados.

d) Calquera outro contido necesario para a xestión dos expedientes e dos documentos do sector público autonómico.

TÍTULO V Dos medios, da seguridade e da continuidade da infraestrutura dixital

CAPÍTULO I Infraestrutura dixital do sector público autonómico

Artigo 83. Infraestrutura dixital básica do sector público autonómico

1. A infraestrutura dixital básica do sector público autonómico é o equipamento tecnolóxico e o software de base necesario para o funcionamento dixital dos servizos baixo os principios de dispoñibilidade, accesibilidade e seguridade. Inclúe o equipamento necesario para o procesamento dos datos e o correcto almacenamento e a custodia deles, así como para garantir as comunicacións electrónicas e o intercambio de información tanto no ámbito interno coma en relación con outras administracións e mais coa cidadanía e as empresas.

2. A infraestrutura dixital básica deberá asegurar a prestación dos servizos a nivel de posto de traballo, a dispoñibilidade dos datos e a súa protección para facilitar a interoperabilidade e a relación multilateral no intercambio de información e no acceso aos servizos entre todas as administracións públicas.

3. As características principais da infraestrutura dixital básica son:

a) A utilización de protocolos estándar de comunicacións.

b) A alta dispoñibilidade e o rendemento.

c) A escalabilidade, a extensibilidade e a fiabilidade.

d) A facilidade de integración con outras redes públicas e privadas.

e) O cumprimento estrito dos controis de acceso e seguridade.

4. Terán a consideración de infraestrutura dixital básica os centros de procesamentos de datos e a Rede corporativa da Xunta de Galicia (RCXG).

Artigo 84. Centros de procesamento de datos

1. Os centros de procesamento de datos corporativos do sector público autonómico albergarán as infraestruturas tecnolóxicas necesarias para que o sector público autonómico lles proporcione servizos dixitais á cidadanía, ao propio sector público autonómico ou a outras administracións, cos axeitados niveis de seguridade e dispoñibilidade.

2. Estes centros actuarán como enlace para posibilitar a conexión entre os servizos dixitais ofrecidos polo sector público autonómico e os da Administración xeral do Estado.

3. Co fin de garantir a dispoñibilidade dos servizos que se prestan desde o Centro de Procesamento de Datos Integral (CPDI) e, se é o caso, os centros de procesamento de datos de salvagarda (CPDS), a entidade responsable da xestión das infraestruturas de telecomunicacións do sector público autonómico realizará o control das conexións e o establecemento das condicións específicas de acceso aos devanditos servizos.

Artigo 85. Acceso á Rede corporativa

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico dispoñen dunha rede de acceso que integra voz e datos nas súas principais dependencias, a denominada Rede corporativa da Xunta de Galicia (RCXG), que proporciona servizos de datos, internet, telefonía fixa e telefonía móbil.

2. Os accesos aos servizos de telecomunicacións nos edificios e nos conxuntos inmobiliarios en que a Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico desenvolven a súa actividade deberán cumprir coas medidas de seguridade e de continuidade dos sistemas, dos datos, das comunicacións e dos servizos electrónicos aplicables conforme a regulación vixente.

3. A entidade responsable da xestión da infraestrutura de telecomunicacións do sector público autonómico será a competente para supervisar e autorizar internamente as conexións da Rede corporativa con redes públicas de acceso aos devanditos servizos, establecendo as condicións específicas que se deben garantir conforme a regulación vixente.

Artigo 86. Acceso á internet nos edificios públicos

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico deberán contribuír á inclusión dixital da cidadanía, permitindo aproveitar os beneficios da conexión á internet de alta velocidade en todos os edificios da súa titularidade en que desenvolvan as súas competencias.

2. Para cumprir con este obxectivo, a Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico habilitarán nos ditos edificios o acceso público á información dixital a través da internet, sempre que se dean as condicións técnicas que o fagan posible.

Artigo 87. Seguridade da infraestrutura dixital

1. A entidade do sector público autonómico competente en desenvolvemento dixital será a responsable de administrar e controlar as infraestruturas dixitais que dean soporte aos servizos regulados nesta lei, garantindo a súa seguridade.

2. De conformidade co Esquema nacional de seguridade no relativo ao rexistro da actividade das persoas usuarias, e co obxectivo de garantir a seguridade, a continuidade e o rendemento da infraestrutura dixital do sector público autonómico, o seu uso poderá ser monitorizado e rexistrado, con independencia dos mecanismos que se poidan empregar para asegurar as comunicacións. Esta medida abranguerá, como mínimo, o servizo de mensaxaría corporativa, o acceso á información contida nos seus sistemas e os datos de conexión e tráfico das redes de comunicación. Esta monitorización non será nunca selectiva ou discriminatoria, senón que será realizada de forma sistemática ou aleatoria e sen vulneración da intimidade persoal nin do segredo das comunicacións. Estas accións levaranse a cabo cumprindo os requisitos que para o efecto estableza a normativa vixente.

3. Os servizos respecto dos que se detecte un uso inadecuado ou que non cumpran os requisitos de seguridade, continuidade e protección de datos definidos nesta lei poderán ser bloqueados ou suspendidos temporalmente.

4. Darase difusión entre o persoal empregado público dos procedementos e dos criterios aplicables da monitorización indicada neste artigo.

CAPÍTULO II Medios dixitais para o desempeño da actividade administrativa

Artigo 88. Principios reitores

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico deberán impulsar a introdución na xestión pública de novas ferramentas, servizos e procesos de prestación da actividade para o seu persoal empregado público co obxectivo de prestar os seus servizos á cidadanía de forma cada vez máis eficiente, eficaz e con maior celeridade e seguridade.

2. A utilización dos medios dixitais por parte do persoal empregado público do sector público autonómico axustarase aos seguintes principios:

a) Eficacia e eficiencia; a xestión dixital posibilitará a prestación dos servizos públicos mediante unha óptima utilización dos medios dixitais corporativos que posibilite a consecución directa dos fins públicos perseguidos.

b) Mellora de coñecementos, capacidades e aptitudes dixitais; asegurarase a formación dixital do persoal e a concienciación necesarias para garantir o coñecemento e a aplicación da seguridade da información e mais a protección de datos, así como que cubra as necesidades para o desenvolvemento da súa actividade.

c) Simplicidade; o uso de ferramentas e métodos que permitan a simplificación dos trámites, a eliminación dos procedementos innecesarios e a optimización das cargas administrativas.

d) Seguridade e protección de datos; o cumprimento do marco xurídico sobre a protección dos datos persoais e da intimidade e a seguridade da información.

e) Mobilidade; permitir o acceso desde calquera momento e lugar á información, aos servizos e ás ferramentas corporativas para o correcto desempeño da actividade profesional.

f) Colaboración interna; a posta á disposición de ferramentas de colaboración mutua no exercicio da actividade administrativa.

g) Personalización; a habilitación de solucións dixitais personalizables que permitan a mellor adecuación das demandas e das especificidades dos colectivos de persoal específicos.

h) Inclusión e accesibilidade; o deseño de ferramentas dixitais inclusivas que tomen en consideración as necesidades e as condicións diferentes do persoal empregado público.

i) Automatización; maximizar a produtividade do persoal empregado público coa eliminación da súa intervención directa en calquera tarefa que se poida informatizar.

j) Innovación da xestión pública; a posta á disposición de novos procesos, servizos e ferramentas dixitais para satisfacer as necesidades do persoal empregado público.

k) Actualización permanente; a renovación das tecnoloxías e dos sistemas dixitais en relación coa contorna e co desenvolvemento tecnolóxico en cada momento.

Artigo 89. Obxectivos perseguidos

As medidas establecidas neste capítulo posibilitarán:

a) Facilitar o uso de ferramentas dixitais e de metodoloxías que reduzan o custo da xestión e melloren a eficacia e a eficiencia.

b) Incrementar a eficiencia e a produtividade, mediante a mellora dos coñecementos, das capacidades e das aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

c) Acceder a un modelo de xestión máis coordinado e integrado, que teña como eixe a perspectiva da cidadanía.

d) Proxectar unha imaxe renovada á sociedade, máis moderna e innovadora, acorde cos novos tempos.

e) Ofrecer os medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das funcións do persoal empregado público, garantindo, dentro do marco normativo vixente, o acceso á información necesaria para o seu correcto desempeño e ás ferramentas colaborativas que sexan necesarias.

f) Dixitalizar o posto de traballo, permitindo o acceso desde calquera momento e lugar á información, aos servizos e ás ferramentas para o correcto desempeño da súa actividade profesional.

g) Definir o marco para o establecemento dos obxectivos, da xornada de traballo flexible e do seguimento do desempeño.

h) O impulso e a extensión dunha formación dixital ao persoal empregado público que responda ás súas necesidades.

Artigo 90. Medios dixitais corporativos

1. Os medios dixitais corporativos son as ferramentas dixitais e outras solucións tecnolóxicas necesarias para a realización da actividade administrativa por parte do persoal empregado público segundo os principios reitores previstos.

2. O persoal empregado público, no exercicio da súa actividade, deberá:

a) Empregar os medios dixitais corporativos para o exercicio das súas funcións.

b) Seguir as recomendacións e as obrigas en materia de seguridade definidas na política de seguridade corporativa dos sistemas de información.

c) Velar pola seguridade dos datos a que teñan acceso polas tarefas do seu posto de traballo, especialmente os confidenciais ou de carácter persoal.

3. Para o emprego, no exercicio das súas funcións por parte do persoal empregado público, de medios dixitais e de dispositivos móbiles non corporativos deberanse seguir as políticas internas que implanten configuracións de seguridade específicas e adapten os ditos medios e dispositivos ás medidas de seguridade corporativas aplicables.

Artigo 91. Desenvolvemento do posto de traballo dixital

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico facilitarán ao seu persoal empregado público un posto de traballo dixital que permita o desempeño das súas funcións nun contexto dixital con eficiencia e autonomía.

2. O posto de traballo dixital deberá ter as seguintes características básicas:

a) Permitir o uso de escritorios e aplicacións corporativas en calquera dispositivo e en calquera lugar, que permitan unha xestión máis eficiente, segura e flexible.

b) Usar terminais ou dispositivos adaptados aos perfís do persoal empregado público, que permitan a mellor adecuación das demandas e especificidades dos colectivos de persoal específicos, maior rapidez nos despregues masivos, migracións ou actualizacións e maior homoxeneidade.

c) Posibilitar contornas de traballo colaborativas que permitan a comunicación directa e en grupo, o exercicio da actividade administrativa de maneira participativa e a creación de redes de usuarios con intereses ou actividades comúns.

3. A organización do posto de traballo dixital deberá ter en consideración os distintos perfís do persoal empregado público que desenvolven organizativamente tarefas similares e que comparten información e ferramentas de colaboración propias.

Artigo 92. Intranet corporativa

1. A Intranet da Xunta de Galicia é a plataforma web corporativa que permite a xestión e a organización do coñecemento, así como o acceso á información, aos servizos e aos medios dixitais que a Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico poñen ao servizo do persoal empregado público co obxectivo de facilitar o desempeño do seu traballo.

2. Desde a Intranet o persoal empregado público poderá acceder directamente a todos os medios dixitais corporativos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade administrativa e ao coñecemento compartido da organización.

3. A Intranet proporcionaralle ao persoal empregado público espazos colaborativos orientados a satisfacer as demandas de grupos de traballo ou de colectivos específicos, conectándoos a unha mesma contorna de coñecemento.

4. Os espazos colaborativos configúranse como unha contorna produtiva, de aprendizaxe e de xestión cuxo contido pode ser creado de forma colaborativa. Ademais, ofrecerán espazos sinxelos e conectados con ferramentas internas preexistentes, que lle permitan ao persoal empregado público o intercambio de información e a transferencia interna, a creación de contornas de cooperación en rede, a apertura á participación e o intercambio de información.

CAPÍTULO III Seguridade da información e protección dos datos

Sección 1ª. Seguridade da información

Artigo 93. Política de seguridade da información

1. A política de seguridade da información de aplicación xeral no sector público autonómico será aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo da posibilidade da aprobación de políticas concretas en cumprimento do artigo 11 do Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, que deberán respectar, en todo caso, o disposto na aprobada polo Consello da Xunta de Galicia.

2. A política de seguridade determina os principios e a organización en materia de seguridade da información e establece as medidas de seguridade de natureza organizativa, física e lóxica que garantirán a integridade, a autenticidade, a confidencialidade, a dispoñibilidade, a trazabilidade, a calidade, a protección, a recuperación e a conservación da información dos documentos electrónicos, os seus soportes e medios.

3. As medidas de seguridade derivadas da política de seguridade da información estableceranse atendendo os riscos a que a información poida estar exposta e os prazos durante os cales deba conservarse, e serán de obrigado cumprimento para toda a infraestrutura dixital do sector público autonómico, incluíndo os servizos de administración dixital regulados nesta lei, e para todas as súas persoas usuarias e provedores dixitais que se relacionen coa dita infraestrutura dixital.

Artigo 94. Xestión de incidentes de seguridade

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico constituirán un equipo de resposta ante as emerxencias informáticas e os incidentes de seguridade (CSIRT) que actuará como centro de resposta ante incidentes de seguridade en tecnoloxías da información e a comunicación e velará polo desenvolvemento de medidas preventivas e correctivas neste ámbito.

2. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico dispoñerán dun protocolo de notificación de incidentes de seguridade, que establecerá as responsabilidades e os procedementos de xestión e de notificación para garantir unha resposta rápida, eficaz e ordenada ante a ocorrencia dos incidentes, e cuxa xestión será responsabilidade do equipo de resposta ante emerxencias informáticas e incidentes de seguridade. Este protocolo será de obrigado cumprimento para todos os órganos e as entidades que conforman o sector público autonómico e para os provedores dixitais e as persoas usuarias dos servizos previstos nesta lei.

Artigo 95. Relacións con provedores dixitais

1. Para os efectos do previsto nesta lei, entenderase por provedor dixital calquera persoa física ou xurídica que, en virtude dunha relación xurídica con entidades do sector público autonómico, subministre produtos ou preste servizos relacionados coa infraestrutura dixital do sector público autonómico.

2. A relación entre a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico e os seus provedores dixitais rexerase polo disposto no instrumento xurídico concreto que sirva de fundamento xurídico á relación, que deberá incluír os requisitos necesarios para garantir a seguridade e a continuidade dos servizos prestados en función do risco vinculado á prestación do servizo por parte do provedor.

3. Cando foren ou se estimaren necesarias para a prestación do servizo ou da subministración dos produtos, os provedores dixitais deberán contar coas declaracións ou as certificacións, segundo o caso, de conformidade co Esquema nacional de seguridade, e deberanlle facilitar á Administración xeral e ás entidades instrumentais do sector público autonómico a información sobre o cumprimento das medidas de seguridade e de continuidade aplicables con carácter previo ao comezo da prestación do servizo ou da subministración do produto.

4. Os provedores dixitais terán o deber de colaborar coa Administración xeral e coas entidades instrumentais do sector público autonómico en materia de seguridade da información e de continuidade.

5. Prestarase especial atención ao control dos servizos facilitados por provedores dixitais cando a súa infraestrutura estea situada fóra das instalacións do sector público autonómico, en particular no caso de que tales servizos supoñan unha transferencia internacional de datos.

6. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia reservaranse o dereito de monitorizar, revisar e auditar en todo momento os servizos prestados por terceiros, co fin de garantir a seguridade e a continuidade do servizo. Estas accións levaranse a cabo cumprindo os requisitos que para o efecto estableza a normativa vixente.

Artigo 96. Xestión dos recursos tecnolóxicos do sector público autonómico

1. Regulamentariamente determinaranse as condicións de soporte na xestión dos recursos tecnolóxicos co obxectivo prioritario de garantir a seguridade no uso dos servizos dixitais do sector público autonómico, e en particular nos centros educativos públicos galegos.

2. A entidade do sector público autonómico competente en materia de desenvolvemento dixital será a responsable da xestión e da auditoría dos devanditos servizos segundo a normativa sectorial correspondente, e poderá establecer os criterios e as condicións de uso destes servizos, así como as súas excepcións.

3. Co obxectivo de garantir a seguridade e a continuidade dos servizos dixitais prestados polo sector público autonómico, os órganos responsables das localizacións físicas en que estean situados os elementos da infraestrutura dixital terán a obriga de lle facilitar o acceso ás ditas localizacións ao persoal técnico competente, cando tal acceso sexa necesario para garantir a seguridade e a continuidade dos servizos.

Artigo 97. Auditorías de seguridade da información

Realizaranse auditorías que permitan verificar o cumprimento das medidas de seguridade, de continuidade e de protección de datos en intervalos planificados ou cando teñan lugar cambios significativos en función do que estableza a normativa de referencia vixente en cada momento.

Sección 2ª. Protección de datos

Artigo 98. Licitude do tratamento dos datos persoais

O tratamento dos datos persoais derivado dos servizos regulados nesta lei deberase fundar nunha base lexítima conforme o disposto no Regulamento xeral de protección de datos e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 99. Intercambio dos datos persoais

1. Coa finalidade de facer efectivo o dereito das persoas interesadas nun procedemento administrativo a non achegar documentos que se atopen en poder da administración actuante, que fosen elaborados por calquera administración ou que fosen achegados anteriormente polas persoas interesadas a calquera administración, realizaranse os tratamentos dos datos de carácter persoal, incluídos os derivados dos intercambios de información entre administracións públicas, que resulten necesarios e que cumpran os requisitos establecidos na normativa aplicable.

2. Para a prestación dos servizos dirixidos á cidadanía previstos nesta lei realizaranse os intercambios de información entre as administracións públicas que sexan estritamente necesarios e que cumpran os requisitos establecidos na normativa aplicable.

3. Cando os tratamentos regulados neste artigo sexan relativos ás sinaladas como categorías especiais de datos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, aqueles deberán axustarse ao disposto no dito regulamento, así como no artigo 9 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Artigo 100. Transparencia e información á persoa afectada

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia cumprirán co deber de información nos termos previstos na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. As persoas interesadas poderán acceder á relación das transmisións dos seus datos e documentos entre administracións que se efectúen a través da plataforma de intermediación ou da Carpeta cidadá.

Artigo 101. Exercicio dos dereitos

1. As persoas afectadas poderán exercer perante a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico os dereitos que lles correspondan conforme o disposto na normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

2. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poñerán á disposición das persoas un procedemento específico na sede electrónica da Xunta de Galicia para o exercicio dos dereitos en materia de protección de datos, sen prexuízo de que poidan optar por outro medio.

Artigo 102. Persoa delegada de protección de datos

O sector público autonómico contará coa figura da persoa delegada de protección de datos, e establecerá o modelo de organización da prestación das funcións da devandita persoa delegada de protección de datos, baseándose na súa estrutura organizativa. Este modelo garantirá que as persoas interesadas dispoñan dun punto de contacto respecto de todas as cuestións relativas ao tratamento dos seus datos persoais e ao exercicio dos seus dereitos ao abeiro da normativa de protección de datos.

CAPÍTULO IV Continuidade dos servizos dixitais

Artigo 103. Plan de continuidade da prestación dos servizos dixitais

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia dispoñerán dun Plan de continuidade da prestación dos servizos dixitais que permita garantir a continuidade dos servizos regulados nesta lei ante incidentes de seguridade. Este plan determinará os requisitos de seguridade e de continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e mais o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos ditos servizos.

2. O Plan de continuidade da prestación dos servizos dixitais terá en conta os aspectos de continuidade:

a) Da infraestrutura dixital.

b) Dos procedementos de traballo ou das ampliacións dos prazos no caso de indispoñibilidades do servizo por incidencia técnica.

c) Da dispoñibilidade dos servizos de soporte para garantir a continuidade dos servizos dixitais.

3. A Administración xeral exixiralles a todos os órganos e as entidades do sector público autonómico o cumprimento do Plan de continuidade e, se for necesario, que dispoñan do seu propio Plan de continuidade.

4. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán auditar periodicamente os controis de seguridade e de continuidade establecidos e implementados para poderen garantir a súa validez e eficacia ante situacións de crise.

5. O Plan de continuidade da prestación dos servizos dixitais deberá ser aprobado pola Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico, por proposta da entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital.

Artigo 104. Indispoñibilidade técnica dos servizos

1. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital desenvolverá os protocolos e os procedementos internos que establezan os criterios e as formas de traballo ante a indispoñibilidade técnica dos servizos dixitais, coa finalidade de establecer pautas e criterios homoxéneos no funcionamento do sector público, en especial na relación coa cidadanía.

2. Así mesmo, respecto dos procedementos cuxa tramitación e resolución sexan da competencia do sector público autonómico, regulamentariamente establecerase o réxime de ampliación dos prazos aplicable e a emisión de certificados acreditativos da indispoñibilidade no caso de incidencias técnicas non planificadas que imposibiliten o funcionamento ordinario do sistema ou da aplicación que corresponda. Exceptuaranse do dito réxime aqueles procedementos que teñan unha normativa específica que resulte incompatible con el.

Artigo 105. Prestación do servizo por parte das unidades con competencias en materia de tecnoloxías da información e a comunicación

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico deberán establecer mecanismos para garantir o funcionamento e a atención dos sistemas e das tecnoloxías da información necesarios para a prestación dos servizos dixitais todos os días do ano e as vinte e catro horas do día.

2. As unidades do sector público autonómico con competencias en materia de tecnoloxías da información e a comunicación deberán prever a prestación ininterrompida dos servizos necesarios para a administración e a operación continuada dos sistemas transversais, así como a atención das incidencias que afecten a dispoñibilidade, a continuidade e a seguridade dos sistemas no momento en que se produzan e a realización de intervencións programadas fóra dos horarios ordinarios de traballo.

TÍTULO VI Do impulso dixital

CAPÍTULO I Marco galego de competencias dixitais

Artigo 106. Marco galego de competencias dixitais

1. A Xunta de Galicia favorecerá un contexto dixital, no que a cidadanía poida acadar, actualizar e mellorar as súas competencias dixitais, en liña cos cambios e os usos tecnolóxicos que se integren na sociedade.

2. Para estes efectos, enténdese por competencia dixital a habilidade no uso seguro e responsable das tecnoloxías da información e a comunicación para o traballo, o lecer e a comunicación, sustentándose nas competencias básicas en materia de tecnoloxías da información e a comunicación. Nestas competencias básicas inclúese o uso de ordenadores para obter, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, comunicarse e participar en redes de colaboración a través da internet.

3. A Xunta de Galicia promoverá a definición dun Marco galego de competencias dixitais, dirixido ao conxunto da cidadanía, no que se determinen os coñecementos, as capacidades e as aptitudes mínimas para contribuír ao desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais avanzados, á mellora profesional e ao benestar colectivo.

4. Dentro deste Marco galego de competencias dixitais incluirase a identificación das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público que posibiliten o correcto desenvolvemento do seu posto de traballo nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente, segundo o previsto no seguinte capítulo deste título.

5. A definición do Marco galego de competencias dixitais estará aliñada coas estratexias da Comisión Europea nesta materia.

Artigo 107. Acreditación persoal no Marco galego de competencias dixitais

1. Os cidadáns e as cidadás poderán obter unha acreditación oficial dos seus coñecementos, capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación que posibilite o recoñecemento das súas competencias dixitais por parte do sector público autonómico e doutras administracións que así o prevexan.

2. Regulamentariamente establecerase o alcance do Marco galego de competencias dixitais, identificando os contidos, a estruturación en niveis, o tipo de certificación ou certificacións e os criterios de actualización con base nas novas necesidades de competencias no eido dixital, así como os requisitos e o procedemento para a obtención da acreditación.

Artigo 108. Actuacións para a inclusión dixital

1. A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico, no ámbito das súas competencias e funcións, promoverán actuacións para a inclusión dixital, considerando as seguintes liñas básicas:

a) A alfabetización dixital da cidadanía, co fomento do uso das competencias dixitais básicas.

b) A capacitación dixital para as persoas usuarias que necesitan acadar madurez nas competencias dixitais.

c) O impulso de proxectos de innovación social dixital.

d) A promoción do talento dixital para que a cidadanía poida desenvolverse plenamente no ámbito persoal e profesional.

e) O fomento das redes de cooperación a través dos aliados dixitais e o Programa de voluntariado dixital.

f) A consideración de calquera outra acción que facilite a inclusión dixital da sociedade.

2. As aulas da Rede de centros para a modernización e a inclusión tecnolóxica (Rede Cemit) constituirán un instrumento para a execución das actuacións para a inclusión dixital. Promoverán, dentro das súas actividades, programas formativos orientados á capacitación para a obtención da acreditación regulada no artigo 107.

3. As actuacións para o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais contarán cos instrumentos necesarios para a súa aplicación, incluíndo a participación doutros axentes que colaboren co sector público autonómico.

CAPÍTULO II Capacitación dixital do persoal empregado público

Artigo 109. Capacitación dixital do persoal empregado público

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico habilitarán os medios e garantirán o acceso á formación continuada do persoal empregado público para o desenvolvemento das súas competencias dixitais e o aproveitamento eficiente dos medios dixitais na prestación dos servizos públicos.

2. En consonancia cos medios e a formación facilitados pola administración, o persoal empregado público procurará a súa capacitación dixital para o exercicio das súas funcións nunha contorna dixital de prestación de servizos públicos.

Artigo 110. Plan de capacitación dixital do persoal empregado público

1. A Xunta de Galicia aprobará o Plan de capacitación dixital do persoal empregado público. Este plan estará baseado no Marco galego de competencias dixitais, que deberá definir as competencias dixitais mínimas do persoal empregado público, e complementarase cos coñecementos específicos no funcionamento da administración dixital que posibiliten o correcto desenvolvemento do seu posto de traballo nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente.

2. O Plan de capacitación dixital estará dirixido á totalidade do persoal empregado público da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico e permitirá acadar o certificado galego de competencias dixitais referido no artigo 107.

Artigo 111. Formación no uso dos medios dixitais

1. As entidades do sector público autonómico con competencias en materia de formación ao persoal empregado público desenvolverán unha función permanente de detección de necesidades formativas para proporcionar respostas efectivas ás necesidades de formación e recualificación do persoal empregado público e para anticiparse á actualización constante da contorna dixital, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento profesional e persoal dos traballadores e das traballadoras.

2. Nos plans anuais de formación das ditas entidades incluiranse as actividades específicas de formación relativas á implantación continuada da administración electrónica e de procesos innovadores, á seguridade da información e a protección de datos, así como á posta en marcha de novos servizos dixitais.

3. Estas actividades de formación poderán ter a consideración de obrigatorias cando sexan necesarias para o desempeño profesional do persoal empregado público, nos supostos e cos requisitos que se determinen regulamentariamente. Neste caso, o tempo de formación será considerado como tempo efectivo de traballo.

Artigo 112. Capacitación dixital nos procesos de selección de persoal e provisión de postos

1. Os procesos selectivos para o ingreso na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia incorporarán no seu programa, de ser necesario, os contidos relativos á administración dixital e ás tecnoloxías da información e a comunicación que sexan adecuados aos corpos, ás escalas ou ás categorías a que se refiran os ditos procesos selectivos.

2. Nos procesos de provisión que se convoquen poderán valorarse os mesmos contidos, de acordo co que prevexa a correspondente convocatoria.

Artigo 113. Capacitación dixital noutras administracións públicas galegas

1. As restantes administracións públicas galegas deberán promover uns plans de capacitación dixital dos seus empregados públicos.

2. Estableceranse os mecanismos de colaboración que permitan facer extensivas as actuacións do sector público autonómico nesta materia ás restantes administracións públicas galegas.

CAPÍTULO III Fomento da innovación dixital na administración pública

Artigo 114. Fomento da innovación dixital

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico promoverán a innovación dixital na mellora das súas relacións coa cidadanía e no seu propio funcionamento, co obxectivo de deseñar novas formas de prestar servizos de maior calidade e de xerar eficiencias internas.

2. A estratexia de innovación dixital e mellora dos servizos públicos deberá recoller, con carácter mínimo, as seguintes liñas básicas:

a) Aumentar a eficiencia e a eficacia da actuación administrativa a través da transformación dos procesamentos de xestión internos das entidades en procesos dixitais.

b) Prover uns servizos públicos dixitais que se adapten ás posibles innovacións facilitadas pola evolución tecnolóxica.

c) Mellorar a satisfacción das persoas usuarias no uso dos servizos públicos dixitais.

d) Facilitar a utilización dos servizos dixitais por persoas con algún tipo de diversidade funcional e persoas maiores.

e) Promover uns procesos de innovación social para o desenvolvemento e a implementación de novos servizos públicos que satisfagan as necesidades sociais.

Artigo 115. Canles para a innovación dixital

1. A Xunta de Galicia creará un foro de innovación dixital no funcionamento da Administración pública galega, no cal poderá participar o persoal empregado público das administracións públicas de Galicia. A finalidade do foro será promover a xeración de ideas e a creatividade na procura de novas solucións ou formas de traballo aproveitando a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación.

2. A publicación das experiencias de innovación xurdidas permitirá intercambiar as boas prácticas entre as distintas administracións públicas e, polo tanto, introducir os ciclos de mellora continua no sector público autonómico.

3. A Xunta de Galicia promoverá a creación de canles e mecanismos de participación co obxecto de recoller as ideas e as suxestións cidadás no ámbito da innovación social.

4. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico utilizarán a posta en marcha dos sistemas e dos servizos dixitais e o coñecemento do funcionamento da administración pública por parte do seu persoal empregado público para mellorar os procesos na xestión pública e a innovación continua na forma de prestar servizos e no funcionamento interno.

5. Regulamentariamente estableceranse os mecanismos concretos para o fomento da innovación dixital e mais a creación e o funcionamento do foro previsto neste artigo, así como as canles que se habilitarán para a aplicación práctica das ideas innovadoras que xurdan na materia.

TÍTULO VII Dos órganos e os instrumentos para a coordinación, a cooperación, colaboración e o seguimento

CAPÍTULO I Coordinación no sector público autonómico

Artigo 116. Coordinación institucional

A Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico deberán abordar o desenvolvemento da administración electrónica e o seu funcionamento nun contexto dixital desde un ámbito corporativo e global que garanta un modelo único de relación coa cidadanía e un modelo transversal e homoxéneo de desenvolvemento dentro do sector público autonómico. As liñas do proceso de dixitalización do sector público autonómico, tanto as establecidas nesta lei coma as que resulten do seu desenvolvemento e a súa aplicación, deberanse levar a cabo mediante actuacións transversais e coas premisas da coordinación institucional e a cohesión de esforzos.

Artigo 117. Órgano de coordinación

A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico actuará como órgano de coordinación e desenvolverá para tal fin as funcións previstas no artigo 121.

Artigo 118. Catálogo dos sistemas dixitais

1. Os sistemas para o funcionamento dixital son o conxunto de aplicacións, sistemas de información e infraestruturas tecnolóxicas necesarias para a dispoñibilidade dos procesamentos e dos servizos dixitais.

2. Créase o Catálogo dos sistemas dixitais, e nel recolleranse as aplicacións, os sistemas de información e as infraestruturas tecnolóxicas que utilizan ou se poñen á disposición dos órganos e das entidades do sector público autonómico para o seu funcionamento interno, para a prestación de servizos á cidadanía e para a relación con outras administracións públicas.

3. O Catálogo dos sistemas dixitais ten como finalidade garantir a gobernanza tecnolóxica e a utilización de sistemas transversais ou especializados, nos cales se promova a aplicación adecuada dos criterios de reutilización, a transferencia tecnolóxica, a interoperabilidade, a seguridade, a facilidade de uso e a accesibilidade.

4. O Catálogo dos sistemas dixitais recollerá, con respecto aos elementos que o integran, a identificación das súas características técnicas e funcionais, as entidades responsables da súa xestión, así como a determinación do seu ámbito de utilización, o criterio de obrigatoriedade de uso e as condicións de uso.

5. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital será a encargada da xestión e da actualización continuada do Catálogo dos sistemas dixitais. Así mesmo, establecerá os requisitos e os protocolos de incorporación nel.

Artigo 119. Obrigatoriedade no uso dos sistemas

1. Entre os sistemas recollidos no catálogo regulado no artigo anterior identificaranse aqueles que por razón da súa natureza e interese común respondan ás necesidades transversais de desenvolvemento da administración dixital.

2. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital determinará os sistemas dixitais que serán de utilización obrigatoria para os órganos e as entidades do sector público autonómico no exercicio da súa actividade.

3. Como mínimo, terán a consideración de utilización obrigatoria para as entidades do sector público autonómico os seguintes: a sede electrónica da Xunta de Galicia, a Carpeta cidadá da Xunta de Galicia, o Rexistro Electrónico Xeral, o Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, a plataforma de intermediación pasaXe!, o sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal, o Portasinaturas electrónico da Xunta de Galicia, o Inventario da información administrativa e o Arquivo electrónico administrativo da Xunta de Galicia. No caso de que se aprobe a creación excepcional de sedes electrónicas ou rexistros electrónicos, nos termos previstos nesta lei, o uso de tales sedes ou rexistros será obrigatorio no seu respectivo ámbito de actuación.

4. Os sistemas que se utilicen para a prestación dos servizos dixitais deberán establecer os mecanismos de integración ou utilizar os sistemas dixitais recollidos na alínea anterior e cumprir os requirimentos legais establecidos na normativa básica aplicable e nesta lei.

5. Poñeranse á disposición dos órganos e das entidades do sector público autonómico unhas canles de información e apoio específicas en relación coas funcións e co alcance dos sistemas que sexan de utilización obrigatoria.

CAPÍTULO II Competencias e responsabilidades en materia de administración dixital dos órganos e das entidades do sector público autonómico

Artigo 120. O Consello da Xunta de Galicia

1. Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia establecer a política xeral do sector público autonómico en materia de administración dixital, dirixir o seu desenvolvemento e aplicación e mais exercer a iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria nesta materia, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

2. En particular, correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia:

a) Aprobar a política de seguridade da información do sector público autonómico de Galicia.

b) Aprobar os plans de actuación no ámbito do goberno electrónico.

c) Aprobar a creación ou a supresión de novas sedes ou rexistros electrónicos.

Artigo 121. Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico

1. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico é o órgano colexiado ao que lle corresponde, no eido do sector público autonómico, a coordinación, o asesoramento, o impulso e a promoción das actuacións en materia de seguridade da información, o desenvolvemento da administración electrónica, a homoxeneización do funcionamento dixital, o acceso á información pública e a participación cidadá. Igualmente, corresponderalle o seguimento da aplicación efectiva das medidas aprobadas no eido da seguridade e do goberno electrónico.

2. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico poderá establecer as prioridades, os criterios e os protocolos que se determinen para acadar a axeitada implantación do funcionamento dixital da administración, así como propoñerlles ao Consello da Xunta ou ás persoas titulares das consellarías a adopción de medidas neste eido respecto dos asuntos da competencia dos ditos órganos.

3. Adicionalmente, correspóndelle á Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico:

a) A proposta ao Consello da Xunta de Galicia da creación ou da supresión de novas sedes e rexistros electrónicos.

b) A aprobación dos protocolos de coordinación e mantemento da información contida no Inventario da información administrativa.

c) A aprobación do Plan de continuidade da prestación dos servizos dixitais.

d) A determinación dos indicadores de seguimento da implantación da administración dixital nos diferentes ámbitos competenciais do sector público autonómico.

e) O exercicio das funcións no ámbito da seguridade da información, a administración electrónica, a interoperabilidade, a presenza web e o goberno aberto previstas no artigo 5 do Decreto 73/2014, do 12 de xuño, polo que se crean e regulan os órganos colexiados con competencias en materia de seguridade da información e goberno electrónico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

4. Este órgano, adscrito á entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital, contará coa participación na súa composición de todas as consellarías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, como garantía da integración do principio de transversalidade nas actuacións que se poidan levar a cabo no ámbito das súas competencias.

5. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico rexerase polo disposto nesta lei, na súa norma de creación e na restante normativa aplicable.

Artigo 122. Consellaría competente en materia de administracións públicas

En relación coa materia regulada nesta lei, correspóndelle á consellaría competente en materia de administracións públicas:

a) A coordinación dos contidos e dos servizos dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

b) A xestión e a coordinación da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro, así como a creación, a modificación e a supresión de oficinas da rede e a habilitación temporal das unidades ou dos órganos da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais.

c) A xestión e a coordinación do Rexistro Electrónico Xeral.

Artigo 123. Consellaría e outros órganos competentes en materia de arquivos e patrimonio documental

1. En relación coa materia regulada nesta lei, correspóndelle á consellaría competente en materia de arquivos e patrimonio documental, coa colaboración da entidade con competencias en desenvolvemento dixital, determinar a política de xestión documental electrónica do sector público autonómico de Galicia.

2. Así mesmo, haberá que aterse, no que resulten aplicables, ás previsións en materia de competencias contidas na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.

Artigo 124. Entidades con competencia en materia de formación ao persoal empregado público

Correspóndelles ás entidades do sector público autonómico competentes en materia de formación ao persoal empregado público o desenvolvemento das actividades formativas que aseguren a obtención das competencias dixitais mínimas do persoal empregado público que posibiliten o correcto desenvolvemento do seu posto de traballo, así como as demais funcións previstas no artigo 111.

Artigo 125. Entidade con competencias en desenvolvemento dixital

1. Para os efectos desta lei, enténdese como entidade con competencias en desenvolvemento dixital a entidade do sector público autonómico á que lle corresponde a elaboración, o desenvolvemento e a execución da estratexia tecnolóxica global do sector público autonómico de Galicia.

2. Ademais das funcións previstas na súa norma de creación, a dita entidade desenvolverá as seguintes:

a) A función de nodo de interoperabilidade mediante a plataforma de intermediación pasaXe!, que prestará funcionalidades comúns para o intercambio dos datos e dos documentos entre o sector público autonómico e co resto das administracións públicas.

b) A xestión do procedemento para a acreditación das competencias dixitais.

c) A xestión e a auditoría dos servizos dixitais segundo a normativa sectorial correspondente, podendo establecer uns criterios de aplicación e excepcións a tales criterios. Ademais, deberá establecer as medidas necesarias para garantir que os servizos dixitais respondan ás exixencias de accesibilidade, dispoñibilidade, integridade, trazabilidade e seguridade consonte a normativa vixente.

d) A xestión e a actualización continuada do Catálogo dos sistemas dixitais e o establecemento dos requisitos e dos procedementos de incorporación nel.

e) As establecidas no artigo 60 relativas á xestión dos nomes de dominio.

f) As previstas no artigo 131 no relativo ao Sistema de indicadores da administración dixital.

g) Aqueloutras actuacións, derivadas do exercicio das súas competencias, que sexan necesarias para o desenvolvemento tecnolóxico dos instrumentos que fagan posible a execución das previsións contidas nesta lei.

CAPÍTULO III Colaboración e cooperación entre as administracións públicas

Artigo 126. Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital

1. Créase a Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital como o órgano técnico para a cooperación entre as administracións públicas galegas.

2. As funcións da Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital serán:

a) Impulsar o desenvolvemento cohesionado da administración dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Asegurar a cooperación entre as administracións públicas galegas para proporcionar uns servizos dixitais conxuntos ou complementarios, facilitando unha imaxe coherente da administración de cara á cidadanía.

c) Promover a prestación conxunta dos servizos dixitais.

d) Establecer as canles operativas para o desenvolvemento dos servizos dixitais compatibles e interoperables, así como fomentar a reutilización dos sistemas ou das infraestruturas dixitais.

e) Facer un seguimento conxunto do grao de avance da administración dixital e mais da efectividade das medidas postas en marcha.

3. Regulamentariamente determinarase a composición e o réxime xurídico da Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital.

Artigo 127. Intercambio dos datos, das informacións e dos documentos entre as administracións públicas

1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia deberán asegurar:

a) A subministración da información, dos datos e dos documentos no seu poder ás administracións públicas solicitantes que os precisen para o exercicio das súas competencias, nos termos previstos na normativa aplicable.

b) A creación e o mantemento dos sistemas integrados de información administrativa co fin de dispoñer de datos actualizados, completos e permanentes.

c) A prestación da asistencia mutua na aplicación da lexislación relativa á protección dos datos persoais, en particular mediante a notificación, a remisión de reclamacións, a asistencia nas investigacións, o intercambio de información e a reserva das garantías adecuadas para a protección dos datos persoais.

2. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia compartirán co resto das administracións públicas de Galicia as liñas de actuación e orientacións comúns para favorecer o intercambio de ideas, estándares, tecnoloxía e proxectos orientados a garantiren a interoperabilidade dos datos e documentos e a melloraren a eficacia e a eficiencia na prestación dos servizos públicos das distintas administracións públicas galegas.

Artigo 128. Cooperación e colaboración con outros organismos

1. Impulsaranse as relacións de colaboración e cooperación necesarias coas restantes administracións públicas presentes no territorio galego coa finalidade de favorecer o achegamento dixital á cidadanía nas súas relacións coa administración.

2. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia deberán impulsar a colaboración e a cooperación co resto das administracións públicas para a posta en marcha de servizos interadministrativos integrados e a compartición de infraestruturas, as técnicas e os servizos comúns que permitan a racionalización dos recursos das tecnoloxías da información e a comunicación a todos os niveis.

3. No ámbito das competencias autonómicas, deberanse promover actividades de cooperación con organizacións nacionais e internacionais en materia de tecnoloxías da información, de protección de datos e de seguridade da información.

4. Promoverase a participación do persoal competente do sector público autonómico en foros sectoriais e grupos de traballo nas materias reguladas nesta lei.

Artigo 129. Posta á disposición dos sistemas incluídos no Catálogo dos sistemas dixitais

1. No Catálogo dos sistemas dixitais indicaranse aqueles elementos que, pola súa situación tecnolóxica ou as súas características funcionais, estean en disposición de ser utilizados ou reutilizados por outras administracións públicas, órganos estatutarios, organismos e entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas, ou polas universidades públicas do Sistema universitario de Galicia, que poderán adherirse ao seu uso.

2. Darase publicidade ao contido do Catálogo dos sistemas dixitais, indicando as características dos sistemas, as condicións de uso, o nivel de servizo e os mecanismos de coordinación para a xestión dos cambios.

3. En función das condicións e da situación dos elementos contidos no Catálogo dos sistemas dixitais, estes poderanse poñer á disposición en diversas modalidades: reutilización, posta á disposición do seu uso, utilización compartida e aqueloutras que en cada momento poidan ser de interese.

4. Para os efectos do previsto no artigo 158 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o Catálogo dos sistemas dixitais realizará as funcións de directorio de aplicacións dispoñibles para a súa reutilización, de conformidade co disposto no Esquema nacional de interoperabilidade.

5. Por un acordo con outras administracións, estas poderán determinar o uso obrigatorio dos sistemas do catálogo que consideren de interese no seu ámbito competencial.

6. As entidades que integran o sector público autonómico de Galicia velarán por que as aplicacións que desenvolvan se baseen en criterios e estándares que faciliten a interoperabilidade e poidan ser reutilizadas por outras entidades do sector público.

CAPÍTULO IV Sistema de indicadores da administración dixital

Artigo 130. Sistema de indicadores da administración dixital

1. Créase o Sistema de indicadores da administración dixital, constituído polos indicadores do funcionamento da propia administración, nos seus diferentes ámbitos de actividade, configurados a partir da información dispoñible nos sistemas e nas aplicacións que dan soporte dixital á actividade do sector público autonómico.

2. A creación do Sistema de indicadores da administración dixital do sector público autonómico ten como obxectivo o establecemento dos mecanismos de medición necesarios para a avaliación, a análise, o control da evolución e a prospectiva da implantación e mais o impacto da administración dixital, así como a achega de coñecemento para a mellora da prestación dos servizos públicos.

3. O Sistema de indicadores da administración dixital estará orientado e estruturado para a súa utilización e entendemento desde diferentes ámbitos:

a) Para a súa utilización por parte do sector público autonómico, como elemento na toma de decisións.

b) Para a súa utilización como fonte de información na avaliación da prestación dos servizos públicos.

c) Para a súa utilización como fonte de información por parte dos organismos encargados da observación da sociedade dixital ou da análise estatística.

d) Para o seu aliñamento cos indicadores comúns que se establezan no marco da cooperación entre as administracións públicas.

e) Para a súa posta á disposición da cidadanía como elemento de transparencia, proporcionando un servizo de información de alta calidade baseado nos principios de libre e fácil acceso á información do sector público.

4. Os informes resultantes do Sistema de indicadores da administración dixital estarán dispoñibles en formatos reutilizables.

Artigo 131. Xestión do Sistema de indicadores da administración dixital

1. Correspóndelle á Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico a determinación dos indicadores de seguimento da implantación da administración dixital nos diferentes ámbitos competenciais do sector público autonómico.

2. A entidade do sector público autonómico con competencias en desenvolvemento dixital será a encargada da xestión e do desenvolvemento dos mecanismos de creación e difusión do Sistema de indicadores da administración dixital. Esta entidade adoptará as medidas necesarias para que as condicións de accesibilidade, continuidade, integridade e seguridade respondan ás exixencias normativas vixentes, así como que dean resposta ás necesidades das persoas destinatarias do sistema.

3. Será responsabilidade das unidades usuarias dos sistemas de información ou das aplicacións orixes da información garantir o seu bo uso, o que redundará nunha mellor calidade do Sistema de indicadores.

4. Por proposta da Comisión de Cooperación Interadministrativa para o Desenvolvemento Dixital, ou dalgunhas das administracións que formen parte dela, poderanse incluír indicadores do seu ámbito competencial, que quedarán integrados no sistema cos mesmos criterios e usos que os restantes indicadores.

CAPÍTULO VI Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

Artigo 132. Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia

1. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia configúrase como o órgano asesor para a valoración da evolución da sociedade da información e a modernización administrativa nas administracións públicas de Galicia, para a participación e a colaboración coas ditas administracións públicas nesas materias e para a contribución á promoción e á extensión da sociedade da información e a modernización dixital en Galicia. Igualmente, configúrase como un sistema de información para a análise, a comparación, o seguimento e a divulgación dos datos, da información e dos coñecementos relacionados coas materias antes referidas.

2. O Observatorio abordará, mediante os seus traballos, a análise do impacto das actividades de desenvolvemento da administración dixital na propia administración e na sociedade galega. As súas observacións e estudos deberán dar lugar a propostas de orientación estratéxica no desenvolvemento da administración dixital galega.

3. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia rexerase por esta lei, pola súa norma de creación e pola restante normativa aplicable.

Disposición adicional primeira. Enderezos de acceso aos sistemas

Os enderezos da internet, nos cales estarán dispoñibles os sistemas regulados nesta lei ou no seu desenvolvemento normativo, serán obxecto de publicación mediante unha resolución da entidade do sector público autonómico con competencias en materia de desenvolvemento dixital.

Disposición adicional segunda. Continuidade na prestación dos servizos das tecnoloxías da información e a comunicación

1. Coa finalidade de garantir a dispoñibilidade dos servizos dixitais, os contratos que subscriban as entidades do sector público autonómico para a prestación dos servizos das tecnoloxías da información e a comunicación que sexan críticos para o funcionamento dos ditos servizos dixitais deberán incluír obrigatoriamente nas súas cláusulas da prestación do servizo que queda garantida a atención continuada. Nos ditos contratos estableceranse os réximes dos servizos de garda e aqueloutros que permitan a atención continuada dos servizos.

2. Coa finalidade de asegurar a prestación de servizos críticos, o persoal empregado público poderá estar sometido á dispoñibilidade horaria nos termos que se establezan regulamentariamente.

Disposición adicional terceira. Asistencia á cidadanía no relativo aos medios tecnolóxicos

1. Estableceranse as canles e os medios que permitan ofrecer un soporte tecnolóxico á cidadanía nas súas relacións electrónicas cos órganos e as entidades do sector público autonómico.

2. Coa finalidade de garantir o acceso igualitario aos servizos dixitais durante o proceso progresivo da incorporación do uso dos medios dixitais na sociedade, as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro poderán desenvolver actuacións específicas tendentes a favorecer a progresiva incorporación, familiarización ou desenvolvemento do uso dos medios dixitais por parte dos colectivos que especialmente o requiran.

3. Na posta en marcha dos servizos ou dos procedementos dixitais, para promover o uso igualitario dos medios dixitais, poderase impulsar o desenvolvemento de plans de acompañamento orientados aos colectivos implicados, coa finalidade de promover a capacidade de acceso e a utilización dos servizos. Estes plans poderanse desenvolver en colaboración con outros axentes.

Disposición adicional cuarta. Sobre a vixencia e a homologación da formación previa

1. No deseño e o desenvolvemento do Marco galego de competencias dixitais estableceranse os criterios de vixencia e homologación da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, regulada polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro.

2. No caso do persoal empregado público estableceranse igualmente os criterios de convalidación dos cursos ou das actividades formativas que se teñan realizado e que teñan relación directa coa implementación das tecnoloxías dixitais da información e a comunicación aplicadas á administración e con contidos vixentes e aplicables.

Disposición adicional quinta. Actividades de prestación e persoal das entidades instrumentais de dereito privado

As previsións desta lei en materia de servizos públicos dixitais e as relativas ao persoal empregado público serán aplicables, no que proceda, ás actividades de prestación e ao persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico de dereito privado.

Disposición transitoria primeira. Sistema único de rexistro

Namentres non se proceda ao desenvolvemento regulamentario do Sistema único de rexistro manterase en vigor o Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, en todo o que non resulte incompatible con esta lei.

Disposición transitoria segunda. Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado

O funcionamento efectivo do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado producirase na data que se determine no desenvolvemento regulamentario das previsións desta lei relativas aos ditos rexistros. Esta data será, en todo caso, anterior á data da entrada en vigor da regulación contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sobre o Rexistro Electrónico de Apoderamentos e o Rexistro de Empregados Públicos Habilitados.

Disposición transitoria terceira. Interoperabilidade

En tanto non entren en vigor as previsións da Lei 39/2015, do 1 de outubro, sobre o Rexistro Electrónico de Apoderamentos, o Rexistro Electrónico Xeral e o Rexistro de Empregados Públicos Habilitados, a interoperabilidade do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia, do Rexistro Electrónico Xeral e do Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado e mais os efectos derivados de tal interoperabilidade, estarán condicionados á efectiva dispoñibilidade de rexistros equivalentes doutras administracións públicas cos que se poida interoperar.

Disposición transitoria cuarta. Presenza do sector público autonómico na internet

1. Mantense en vigor o Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, en todo o que non resulte incompatible con esta lei.

2. A actual Rede integrada de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regulada no artigo 9 do Decreto 201/2011, do 13 de outubro, pasa a denominarse Rede integrada da presenza na internet.

3. O actual Catálogo de portais, regulado no artigo 12 do Decreto 201/2011, do 13 de outubro, pasa a denominarse Catálogo da Rede integrada da presenza na internet, segundo o recollido no artigo 56 desta lei, coa ampliación do seu contido nos termos indicados no dito precepto.

4. A Guía de políticas web, regulada no artigo 13 do Decreto 201/2011, do 13 de outubro, pasa a denominarse Guías de políticas web corporativas, segundo o recollido no artigo 57 desta lei, coa ampliación do seu contido nos termos indicados no dito precepto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogada a sección 1ª do capítulo III do título II da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

2. Queda derrogado o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango contradigan ou se opoñan ao contido desta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia

Modifícase a alínea 27 do anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, no sentido de substituír o inciso «Copias compulsadas ou auténticas de expedientes en poder da administración» por «Copias compulsadas ou auténticas de expedientes en poder da administración e copias auténticas de documentos privados ou doutras administracións».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

Modifícase o artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 21. Uso de medios electrónicos

1. Os órganos colexiados desenvolverán a súa actividade nunha contorna dixital. A constitución dos ditos órganos colexiados así como as comunicacións e a adopción de acordos realizaranse preferentemente por medios electrónicos, segundo o establecido na normativa básica sobre os órganos colexiados contida na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. De acordo co artigo 17.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, salvo que non resulte posible, as convocatorias serán remitidas aos membros do órgano colexiado a través de medios electrónicos nos termos previstos no dito precepto.

3. Os órganos colexiados poderán realizar sesións mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos consonte o previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

4. As actas das sesións dos órganos colexiados e os certificados dos acordos constarán en documentos asinados electronicamente polas persoas que teñan a secretaría, a presidencia, ou ambas as dúas, segundo corresponda, e quedarán arquivadas electronicamente no Arquivo electrónico administrativo da Xunta de Galicia, con todas as garantías adecuadas para a súa autenticidade e conservación. Para a sinatura electrónica utilizaranse os sistemas previstos no artigo 73 da Lei reguladora da administración dixital de Galicia.»

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia

1. Modifícase o artigo 35 da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, co engadido dunha alínea 4, que quedará redactada como segue:

«4. O Arquivo Electrónico da Xunta de Galicia formará parte do Sistema de arquivos da Xunta de Galicia como repositorio dos documentos electrónicos dos arquivos enumerados nos puntos 2 e 3 que cumpran os requisitos previstos no artigo 43.»

2. Modifícase o artigo 42 da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, coa eliminación da alínea 4.

3. Modifícase o artigo 43 da Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, que quedará redactado como segue:

«Artigo 43. Arquivo Electrónico da Xunta de Galicia

1. O Arquivo Electrónico da Xunta de Galicia é o sistema dixital que permite xestionar os documentos electrónicos en poder do sector público autonómico. Está integrado tanto polo o Arquivo Electrónico Administrativo coma polo Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental, de acordo coas políticas de xestión establecidas en cada caso.

2. O Arquivo Electrónico Administrativo xestionará os expedientes administrativos electrónicos da Administración xeral e do sector público autonómico nas súas diferentes fases ata o momento da súa eliminación ou da súa transferencia ao Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental, cando fosen valorados e seleccionados para a súa conservación permanente.

3. O Arquivo Electrónico do Patrimonio Documental xestionará os documentos valorados como de conservación permanente. Del forman parte tanto o repositorio de difusión coma o repositorio de preservación.

4. O Arquivo Electrónico da Xunta de Galicia desenvolverá os procesos e funcións da xestión documental a que se refire o artigo 18 no ámbito da Administración electrónica en coordinación co órgano competente en materia de Administración tecnolóxica.

5. O Arquivo Electrónico da Xunta de Galicia terá un modelo específico que será de uso común entre os órganos de goberno e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

6. A Xunta de Galicia deberá garantir a custodia e a conservación dos seus documentos e expedientes electrónicos e facilitaralles aos arquivos da súa titularidade ou xestión o cumprimento das funcións que lles corresponden sobre aqueles.

7. A Xunta de Galicia promoverá a coordinación e a colaboración entre a consellaría ou entidade instrumental competente en materia de Administración electrónica e sistemas de información e a consellaría competente en materia de arquivos e patrimonio documental para garantir a custodia e a conservación no marco da xestión documental electrónica.

8. A consellaría competente en materia de arquivos participará na elaboración e mantemento dun sistema de información administrativa da Xunta de Galicia para facilitar a xestión dos documentos electrónicos dos órganos de goberno e da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.»

Disposición derradeira cuarta. Adaptación normativa

No prazo dun ano a partir da entrada en vigor desta lei deberanse adecuar as normas autonómicas que sexan incompatibles co previsto nela.

Disposición derradeira quinta. Desenvolvemento normativo

Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido nesta lei.

Disposición derradeira sexta. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia