lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas.

Publicado en: DOG 73 16/04/2013

Departamento: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras

Estado: En vigor

PDF

Unha das principais novidades introducidas pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, é a determinación da repartición competencial entre as diferentes administracións públicas de Galicia en materia de infraestruturas hidráulicas. Neste senso, os artigos 4 e 5 da mencionada lei catalogan, respectivamente, as funcións que corresponden á Administración hidráulica autonómica, que serán exercidas fundamentalmente pola entidade pública empresarial Augas de Galicia, e ás administracións locais de Galicia.

Pero a lei non se limita a relacionar as mencionadas competencias dun xeito xeral, senón que no seu título III trata e describe polo miúdo a intervención dunha e doutra Administración nas materias de abastecemento de auga, e de saneamento e depuración de augas residuais. Así, no seu artigo 24, a Lei establece os principios de actuación a que debe someterse a actuación de todas as administracións, e nos artigos 26 e 27 enuméranse, respectivamente, as competencias que exercerá a Administración hidráulica e as entidades locais naquelas materias.

Por outra parte, o artigo 28 da Lei 9/2010 realiza unha declaración de interese da Comunidade Autónoma de Galicia respecto das obras incluídas nos plans galegos de abastecemento e de saneamento, cuxo réxime xurídico se detalla no artigo 29, e especifica no artigo 32 a mencionada declaración de interese autonómico respecto do servizo de depuración de augas residuais urbanas.

A mencionada repartición competencial inclúe tamén, naturalmente, un mandado legal de colaboración e cooperación entre a Administración hidráulica de Galicia e as entidades locais. Así se establece de xeito xeral no artigo 30 da Lei 9/2010, a cal igualmente ordena na súa disposición transitoria quinta que se regulamenten as condicións en que as entidades locais que presten os servizos de depuración de augas residuais urbanas poidan solicitar de Augas de Galicia a asunción deses servizos. A lei mesmo establece no seu artigo 33 o réxime excepcional de intervención da Administración hidráulica de Galicia nos supostos en que se aprecie a imposibilidade por parte da Administración local de prestación dos servizos que lle corresponden.

O desenvolvemento dos mencionados mandados legais constitúe o obxecto do presente decreto, ao cal non pode resultar allea a función que no artigo 11.3.d) da Lei 9/2010 se atribúe a Augas de Galicia de participar na execución e explotación das obras hidráulicas de competencia das entidades locais, e que debe materializarse nunha adecuada resposta ás demandas que en materia de abastecemento e saneamento de auga teñen as mencionadas entidades locais, coas respectivas finalidades previstas no artigo 24 do mencionado texto legal: garantía de subministración de auga en calidade e cantidade axeitada e contribución á consecución do bo estado ecolóxico das augas.

Do mesmo xeito, cunha finalidade de simplificación administrativa, o presente decreto leva a cabo unha coordinación e integración entre os distintos procedementos de intervención administrativa aplicables a un proxecto de desenvolvemento dunha infraestrutura hidráulica, unificando o trámite de información pública e anticipando a obtención de todos os títulos administrativos necesarios respecto ao momento da súa aprobación definitiva pola Administración hidráulica de Galicia.

O decreto estrutúrase do seguinte xeito: no capítulo I indícase o obxecto e ámbito de aplicación da norma, así como os principios xerais que a rexen; o capítulo II dedícase ás normas de colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica coas entidades locais, establecendo un novo procedemento que substitúe o previsto no Decreto 84/1997, que integra as necesarias tramitacións ambientais no caso de que sexan necesarias; no capítulo III relaciónanse os procedementos en relación coas infraestruturas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que, de acordo co previsto no artigo 26.1.b) da Lei 9/2010, o seu alcance se limita á elaboración dos proxectos e á súa execución con cargo aos orzamentos da Administración hidráulica (artigo 28.3 da mesma lei), correspondendo ás entidades locais a explotación dos servizos da súa competencia; no capítulo IV especifícanse, coa referencia do Plan xeral galego de saneamento, as condicións en que Augas de Galicia asumirá a xestión e explotación das estacións depuradoras cuxo servizo prestan as entidades locais, e o capítulo V trata as situacións de intervención da Administración hidráulica sobre infraestruturas de adución e depuración nos supostos en que o servizo non é prestado axeitadamente polas entidades locais.

Finalmente, regúlase nas disposicións adicionais a titularidade das obras, a aplicación do procedemento abreviado previsto no Decreto 133/2008, así como a posibilidade de extensión da explotación de estacións depuradoras ás pequenas instalacións; e o réxime transitorio respecto das actuacións de colaboración xa iniciadas e respecto da asunción das instalacións de depuración, así como a extensión das obrigas das entidades locais á xestión do canon de saneamento cando proceda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito

1. É obxecto do presente decreto o desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, nas materias seguintes:

a) A regulación da colaboración técnica e financeira entre a Administración hidráulica de Galicia e as entidades locais de Galicia en materia de infraestruturas hidráulicas.

b) A regulación do procedemento de aprobación das infraestruturas hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A regulación das condicións en que as entidades locais poderán solicitar de Augas de Galicia a asunción da prestación dos servizos que leven a cabo en materia de depuración de augas residuais urbanas.

d) A regulación do réxime de asunción por parte de Augas de Galicia das funcións de xestión e explotación das infraestruturas de adución e depuración, nos supostos excepcionais previstos no artigo 27.6 da Lei 9/2010.

2. Quedan excluídas do presente decreto as actuacións en materia de obras hidráulicas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia que sexan declaradas de interese xeral do Estado.

3. O ámbito de aplicación do presente decreto é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Principios xerais

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia colaborará con lealdade coas entidades locais. Para eses efectos, a colaboración respecto das actuacións a que se refire este decreto materializarase segundo o procedemento regulado nel, sen prexuízo da subscrición dos convenios que sexan precisos para acadar os obxectivos das políticas de abastecemento e de saneamento e depuración establecidos nos números seguintes.

2. A actuación da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais no ámbito de abastecemento de poboacións garantiralles a subministración de auga en cantidade e calidade axeitada a todos os núcleos de poboación legalmente constituídos no marco do que indique a planificación hidrolóxica aplicable.

3. No ámbito do saneamento e a depuración das augas residuais, a actuación da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais terá como finalidade contribuír á consecución do bo estado ecolóxico das augas e dos seus ecosistemas asociados mediante o cumprimento dos obxectivos que nesta materia fixe a lexislación aplicable.

CAPÍTULO II Colaboración técnica e financeira coas entidades locais

Artigo 3. Actuacións obxecto de colaboración

1. Poderá ser obxecto da colaboración técnica e financeira que se regula no presente capítulo calquera obra correspondente aos servizos que compoñen o ciclo da auga segundo quedan definidos no artigo 2.16 da Lei 9/2010, así como os correspondentes proxectos técnicos e construtivos.

2. Enténdese por colaboración financeira aquela referida fundamentalmente ao financiamento da obra, que se concreta na súa contratación por parte da Administración hidráulica de Galicia, mentres que a colaboración técnica se refire á redacción dos documentos técnicos ou proxectos correspondentes, á dirección facultativa das obras e ao control de calidade e de seguranza e saúde das obras.

3. A colaboración estenderase ás modificacións contractuais aprobadas e aos contratos complementarios adxudicados pola Administración hidráulica de Galicia para as actuacións de que se trate.

4. As actuacións en materia de abastecemento en zonas que carezan de infraestruturas para a recolla ou tratamento de augas residuais levaranse a cabo cando se poidan executar unhas e outras ao mesmo tempo.

Artigo 4. Exclusións

Exclúense do ámbito da colaboración regulada neste capítulo as conexións domiciliarias ata a arqueta de conexión de servizo.

Artigo 5. Administración actuante

As actuacións comprendidas no ámbito de aplicación deste capítulo serán executadas por Augas de Galicia.

Artigo 6. Contía da colaboración financeira

1. A colaboración financeira da Administración hidráulica de Galicia poderá acadar ata un 100 % do custo da obra, incluído o posible incremento do custo das obras derivado de modificacións contractuais, contratos complementarios e outras incidencias acaecidas na execución das obras.

2. No suposto de que a porcentaxe da colaboración sexa menor ao cen por cento do custo da actuación, deberase acreditar no expediente a inclusión nos orzamentos da entidade local interesada da dotación orzamentaria precisa para afrontar a súa parte do investimento. A achega da entidade local determinarase nunha porcentaxe sobre o importe de licitación da actuación, cantidade que se considerará inalterable, con independencia das baixas derivadas do procedemento de adxudicación e dos incrementos de custo derivados das modificacións contractuais, contratos complementarios ou outras incidencias acaecidas na execución das obras, as cales serán asumidas integramente pola Administración hidráulica de Galicia.

3. As colaboracións financeiras coas entidades locais necesitarán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando impliquen a asunción de obrigas de contido económico por un importe superior a 150.000 euros ou cando as ditas obrigas, aínda que non superen a citada cifra, teñan carácter plurianual. A aprobación do Consello da Xunta comprenderá tamén a aprobación das modificacións dos termos da colaboración financeira que poida producirse a consecuencia das modificacións contractuais, contratos complementarios, revisións de prezos e liquidacións dos contratos de obras que se concerten, todo iso sen prexuízo das autorizacións do Consello da Xunta que poidan ser preceptivas pola natureza do contrato de obras conforme a lexislación que sexa aplicable.

Artigo 7. Solicitude de colaboración

1. As entidades locais interesadas deberán instar a colaboración técnica e/ou financeira da Administración hidráulica de Galicia. Para tal efecto dirixirán solicitude á dirección de Augas de Galicia, presentada de acordo co modelo previsto no anexo I, na cal se identificará con precisión a actuación que se pretende, así como a porcentaxe en que se solicita o seu financiamento pola Administración autonómica.

As ditas solicitudes poderán presentarse no rexistro de Augas de Galicia, en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou na sede electrónica da Xunta de Galicia, accesible no enderezo https://sede.xunta.es

2. Coa solicitude achegarase:

a) Informe xustificativo da necesidade e/ou urxencia de execución das obras.

b) Características cualitativas ou cuantitativas, presentes ou previsibles, do abastecemento e dos efluentes de augas residuais; así como, se é o caso, as instalacións existentes e a súa localización xeográfica.

c) Información sobre os terreos apropiados para as instalacións obxecto da solicitude de colaboración e a súa dispoñibilidade.

d) Agás que a solicitude o inclúa, documento técnico redactado co contido mínimo previsto na vixente normativa de contratación do sector público.

e) Memoria xustificativa do investimento previsto, xunto cun estudo económico-financeiro da capacidade municipal de dispoñibilidade e endebedamento en que se xustifique a necesidade de que a Xunta financie a obra na porcentaxe solicitada.

f) Certificación expedida polo concello interesado, da efectiva utilización e do bo estado de mantemento e conservación das obras ou actuacións executadas pola Administración hidráulica de Galicia nos últimos cinco anos nese concello.

g) Calquera outra documentación que se considere necesaria.

3. Para a elaboración da documentación indicada as entidades locais interesadas poderán instar de Augas de Galicia o asesoramento técnico e administrativo que sexa preciso.

Artigo 8. Tramitación das solicitudes

1. Recibidas as solicitudes, Augas de Galicia seguirá este procedemento, cuxa finalidade é determinar os termos en que se preste a colaboración.

2. Augas de Galicia examinará o cumprimento dos aspectos previstos no artigo anterior e, se é o caso, solicitará o complemento ou corrección da documentación presentada. En calquera momento da tramitación poderase requirir á entidade solicitante a información complementaria que se considere conveniente en relación coas obras obxecto da solicitude.

O mal uso ou o abandono das obras executadas pola Administración hidráulica de Galicia nos últimos cinco anos poderá ser causa de denegación da colaboración solicitada, agás que a entidade local presente un informe coas medidas correctoras precisas e un plan de acción tutelado por técnicos de Augas de Galicia.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias, da necesidade e xustificación técnica e económica da solicitude, así como da súa compatibilidade coas previsións da planificación hidrolóxica, a dirección de Augas de Galicia ditará resolución, debidamente motivada, accedendo total ou parcialmente á colaboración solicitada ou denegándoa. En todos os casos se emitirá previamente proposta de resolución, que incluirá os termos en que se presta a colaboración cando se emita en sentido favorable.

4. Darase prioridade ás solicitudes de colaboración que efectúen conxuntamente dúas ou máis entidades locais, no marco dun sistema de xestión supramunicipal da auga que se encargue da explotación das obras unha vez rematadas.

5. De estimarse a solicitude, na propia resolución requirirase á entidade local solicitante a presentación perante Augas de Galicia, no caso de ser necesario consonte a normativa vixente, da documentación seguinte:

a) Documento técnico redactado co contido mínimo previsto na vixente normativa de contratación do sector público, no caso de que a súa redacción non sexa obxecto de solicitude de colaboración.

b) A documentación exixible para os efectos de obter as autorizacións ou concesións precisas para a execución das obras.

c) A documentación necesaria para iniciar a tramitación do instrumento de avaliación ambiental que resulte aplicable á infraestrutura en cada caso.

6. Seguidamente, Augas de Galicia dará traslado dela ao órgano ambiental competente co fin de que este determine a necesidade de someter a actuación a avaliación ambiental.

Artigo 9. Información pública

1. Logo de supervisado o documento técnico por parte da Administración hidráulica de Galicia, a entidade local abrirá un trámite de información pública mediante publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da provincia de que se trate e no taboleiro de anuncios do concello correspondente polo prazo de vinte días hábiles.

2. Rematado o período de información pública e, se for o caso, o trámite de avaliación ambiental que resulte preceptivo, o órgano competente da entidade local aprobará inicialmente o documento técnico e remitirao a Augas de Galicia xunto con certificación acreditativa do resultado da información pública e, se for o caso, os informes sobre as alegacións presentadas e as declaracións ou ditames resultantes dos anteditos trámites ambientais.

3. Considerarase que a mencionada aprobación do documento técnico suporá a aceptación pola entidade local beneficiaria de calquera modificación, revisión de prezos, obra complementaria ou liquidación que resulte necesaria para o correcto remate da obra.

4. No caso de que o proxecto requira o seu sometemento a trámites de avaliación ambiental, o concello asumirá a condición de órgano promotor e substantivo perante o órgano ambiental competente, e o trámite de información pública regulado neste artigo farase simultaneamente para os efectos da mencionada tramitación ambiental.

Artigo 10. Obrigas complementarias das entidades locais e aprobación definitiva do documento técnico

1. Antes de proceder á licitación das obras, as entidades locais beneficiarias deberán achegar:

a) Certificación acreditativa da posta á disposición efectiva, libres de cargas e gravames, dos terreos necesarios para a normal execución das obras ou, se for o caso, certificación acreditativa do inicio do expediente expropiatorio.

b) Documentación contable consonte o réxime de colaboración fixado no acordo indicado no artigo 8 que acredite a dispoñibilidade orzamentaria nos orzamentos das entidades locais, así como o compromiso de efectuar as achegas correspondentes, se é o caso, a medida que llas requira Augas de Galicia.

c) Compromiso de facerse cargo de calquera tipo de taxa, canon ou imposto de carácter local que, se for o caso, resultaren exixibles con motivo das obras.

d) Compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras e efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da execución das obras, unha vez que sexan recibidas pola Administración hidráulica de Galicia. O dito compromiso incluirá expresamente a obriga de cumprir as determinacións derivadas das declaracións ou ditames ambientais que, se for o caso, se teñan emitido durante a tramitación do proxecto.

e) Compromiso de establecemento ou actualización das tarifas pola prestación do servizo na medida axeitada para cubrir a explotación e amortización das obras, logo da súa cesión á entidade local.

f) Acreditación da solicitude daquelas autorizacións ou concesións que resulten preceptivas e cuxo outorgamento non corresponda á Administración hidráulica de Galicia.

2. Recibida a documentación indicada no número anterior, a dirección de Augas de Galicia resolverá acerca da aprobación definitiva do documento técnico, para os efectos da vixente normativa en materia de contratos.

Artigo 11. Cesión das instalacións

1. Recibidas as obras por parte da Administración hidráulica de Galicia, serán entregadas á entidade local, quen se fará cargo da súa explotación, mantemento e conservación. Porén, Augas de Galicia conservará as competencias relativas á súa inspección facultativa e poderá ordenar os traballos necesarios para a boa utilización das obras, o que será de obrigado cumprimento para as entidades citadas.

2. En ningún caso as obras financiadas consonte o previsto neste capítulo se considerarán de titularidade de Augas de Galicia.

CAPÍTULO III Procedemento de aprobación das obras hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 12. Procedemento aplicable ás obras declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia

Respecto das obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia no artigo 28.1 da Lei 9/2010, será de aplicación o procedemento seguinte:

a) Con carácter previo á aprobación técnica do proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar, Augas de Galicia solicitará á Administración urbanística competente un informe preceptivo referido á compatibilidade da actuación co planeamento urbanístico vixente, nos termos do artigo 29.3 da Lei 9/2010.

b) Simultaneamente co trámite anterior, Augas de Galicia solicitará da entidade ou entidades locais correspondentes a posta á disposición dos terreos necesarios para a execución das obras, así como o compromiso de asumir a explotación, mantemento e conservación das obras e efectuar os traballos ordenados pola inspección facultativa despois da execución das obras, unha vez que sexan recibidas pola Administración hidráulica de Galicia. No suposto de que a entidade local non poña á disposición os terreos, a Administración hidráulica de Galicia iniciará o procedemento de expropiación necesario.

c) En todos os casos se implementará un trámite de información pública mediante publicación de anuncio no Diario Oficial de Galicia por un prazo non inferior a 30 días, despois do cal a dirección de Augas de Galicia ou, se for o caso, o Consello da Xunta de Galicia, resolverá acerca da aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento técnico similar.

d) As actuacións necesitarán a autorización previa do Consello da Xunta de Galicia cando impliquen a asunción de obrigas de contido económico por un importe superior a 150.000 euros ou cando as ditas obrigas, aínda que non superen a citada cifra, teñan carácter plurianual. A aprobación do Consello comprenderá as modificacións da colaboración derivadas das modificacións que xurdan da aplicación da vixente normativa en materia de contratación.

Artigo 13. Procedemento aplicable para a declaración de infraestruturas hidráulicas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia non declaradas como tales na planificación

Nos supostos de infraestruturas indicadas no artigo 28.2 e na disposición transitoria primeira da Lei 9/2010, será de aplicación o procedemento seguinte:

a) A actuación deberá dispor dun documento técnico supervisado pola Administración hidráulica de Galicia.

b) Augas de Galicia debe elaborar un informe que xustifique a necesidade da declaración de interese da Comunidade Autónoma, así como a viabilidade económica e ambiental da actuación.

c) Cos anteriores informes, Augas de Galicia seguirá o procedemento previsto nas letras a), b) e c) do artigo 12.

d) Seguidamente, Augas de Galicia debe solicitar informe preceptivo da consellería competente en materia de facenda.

e) Finalmente, o titular da consellería competente en materia de augas elevará ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de declaración de interese da Comunidade Autónoma.

f) O acordo do Consello da Xunta estenderase, se procede, aos efectos indicados na alínea d) do artigo 12.

CAPÍTULO IV Condicións en que as entidades locais poderán solicitar de Augas de Galicia a asunción da prestación dos servizos que leven a cabo en materia de depuración de augas residuais urbanas

Artigo 14. Instalacións obxecto de explotación e inicio da aplicación do sistema

1. Augas de Galicia asumirá, de acordo co previsto na disposición transitoria terceira da Lei 9/2010 e nos termos deste regulamento, a prestación do servizo respecto das estacións depuradoras de augas residuais urbanas que estean previstas no Plan xeral galego de saneamento vixente en cada momento.

2. As instalacións asumibles comprendidas no servizo serán as estacións depuradoras de augas residuais e, se for o caso, o resto de instalacións indicadas no artigo 32.1 da Lei 9/2010. En ningún caso Augas de Galicia asumirá a xestión doutros elementos do sistema de saneamento.

3. Excepcionalmente poderase asumir a xestión de instalacións de depuración de augas residuais que dean servizo a aglomeracións menores das previstas no Plan xeral galego de saneamento en termos de habitantes-equivalentes, sempre que a solicitude quede vencellada á explotación doutra instalación das indicadas no número 1.

4. O comezo da asunción da xestión comportará a aplicación efectiva do coeficiente de vertedura a sistemas de depuración previsto no título IV da Lei 9/2010.

5. A asunción da xestión por parte de Augas de Galicia en ningún caso supón que a Administración hidráulica da Comunidade Autónoma asuma a titularidade das instalacións que se xestionan.

Artigo 15. Condicións administrativas e tributarias que deberán reunir as entidades locais para os efectos de presentar a solicitude de explotación

1. A entidade local deberá ter aprobada e en vigor unha ordenanza ou regulamento do servizo de saneamento que conteña as previsións técnicas suficientes para que as verteduras á rede de sumidoiros cheguen á estación depuradora en condicións axeitadas en función da súa capacidade hidráulica e de tratamento.

2. No caso de que a entidade local leve a cabo de xeito directo a facturación do abastecemento domiciliario de auga, deberá atoparse ao día nas súas obrigas de xestión do canon da auga creado no título IV da Lei 9/2010. No caso de xestión indirecta que inclúa a facturación, Augas de Galicia comprobará a xestión do tributo por parte da entidade subministradora.

3. As instalacións cuxa xestión se traspase deberán contar con todas as licenzas, permisos e autorizacións administrativas que sexan exixibles en cada caso ou, cando menos, acreditación de que se iniciaron os trámites para obtelas.

4. No suposto de que o servizo cuxa asunción se solicita estea prestado pola entidade local en réxime de xestión indirecta, a entidade local deberá acreditar a extinción dos mencionados contratos para o momento de comezo da prestación efectiva do servizo por parte de Augas de Galicia.

Artigo 16. Forma e contido da solicitude de explotación

1. A solicitude de asunción da explotación, presentada de acordo co modelo previsto no anexo II, deberá formalizarse mediante acordo plenario do concello.

A dita solicitude poderá presentarse no rexistro de Augas de Galicia, en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou na sede electrónica da Xunta de Galicia, accesible no enderezo https://sede.xunta.es

2. Á solicitude xuntaráselle a documentación seguinte:

a) Documentación técnica descritiva das instalacións cuxa xestión se pretende traspasar e as súas características, xunto con análises da auga bruta e do efluente tratado, así como a documentación administrativa correspondente e os contratos de subministracións.

b) Documentación técnica descritiva da rede de saneamento a que dá servizo a instalación obxecto da solicitude e compromiso de mantemento da explotación desa rede.

c) Acreditación de que as verteduras industriais dispoñen de permiso municipal de vertedura ás instalacións municipais.

d) Se for o caso, contrato de explotación e pregos de prescricións do concello co explotador das instalacións e certificación da intervención municipal sobre os pagamentos correspondentes.

e) Informe económico-financeiro sobre o servizo, elaborado pola súa intervención.

f) No caso das instalacións que a requiran, concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre ou solicitude presentada perante a Administración do Estado.

g) No caso de instalacións localizadas fóra do ámbito territorial das bacías de Galicia- Costa, autorización de vertedura outorgada polo organismo de bacía competente ou solicitude presentada perante o mencionado organismo.

h) A documentación técnica e administrativa que corresponda en cada caso, segundo o que se detalla no anexo III deste decreto.

3. Augas de Galicia reserva para si a facultade de levar a cabo cantas comprobacións técnicas e administrativas considere convenientes en relación coas instalacións obxecto da solicitude, de acordo co previsto no anexo IV deste decreto, e de solicitar a documentación complementaria que considere oportuna, en particular sobre a rede de saneamento, de acordo co previsto no anexo V deste decreto.

Artigo 17. Acordo

1. Augas de Galicia e a entidade local solicitante acordarán o que proceda en relación coa solicitude, especificando nese acordo os compromisos asumidos por ambas as partes.

2. No caso de desestimar a solicitude, Augas de Galicia emitirá previamente proposta de resolución e, se for o caso, outorgará á entidade solicitante un prazo suficiente para emendar os defectos que se puidesen ter observado na solicitude.

3. A sinatura do acordo comportará o financiamento dos gastos que deriven da prestación do servizo por parte da Administración hidráulica de Galicia.

4. Comprobadas as instalacións por parte da entidade local e da Administración hidráulica de Galicia, serán entregadas a esta, e a data da sinatura da acta de comprobación constituirá o comezo efectivo da prestación do servizo e da asunción das obrigas económicas por parte da Administración hidráulica de Galicia.

5. Será condición para a asunción do servizo, e así se poderá especificar no acordo que adopten as partes, que, unha vez asumida a xestión, os custos extraordinarios provocados por influentes de calidade inadecuada recibidos nas instalacións xestionadas por Augas de Galicia que deriven da responsabilidade municipal en relación coa xestión das redes de saneamento serán reclamados aos concellos no correspondente expediente sancionador incoado por danos ás obras hidráulicas, de acordo coa normativa que resulte de aplicación.

6. En ningún caso Augas de Galicia financiará, nos termos previstos no capítulo I deste regulamento, gastos ordinarios de explotación, xestión ou mantemento das instalacións de depuración de augas residuais urbanas respecto das que as entidades locais que sexan titulares non soliciten a asunción daquela xestión á Administración hidráulica de Galicia.

Artigo 18. Formalización de convenio

En todos os casos nos que se asuma a xestión das instalacións o acordo indicado no artigo anterior formalizarase mediante a sinatura dun convenio entre a dirección de Augas de Galicia e a entidade local de que se trate.

Artigo 19. Administración actuante

1. Augas de Galicia asumirá a xestión e explotación das instalacións, para o cal poderá empregar calquera método de xestión directa ou indirecta.

2. En calquera momento, a entidade local poderá solicitar de Augas de Galicia a reversión da explotación, á cal só se accederá no caso de que non queden afectados os intereses xerais. Nese caso cesará o cobramento do coeficiente de vertedura establecido no artigo 66 da Lei 9/2010.

CAPÍTULO V Réxime de asunción por parte de Augas de Galicia das funcións de xestión e explotación das infraestruturas de adución e depuración nos supostos excepcionais previstos no artigo 27.6 da Lei 9/2010

Artigo 20. Supostos de asunción

1. Excepcionalmente, nos termos dos artigos 27.6 e 33 da Lei 9/2010 e nos prazos e condicións previstas na lexislación básica de réxime local, cando se aprecie a imposibilidade por parte da entidade local do axeitado exercicio das súas competencias, a Administración hidráulica de Galicia poderá realizar por si mesma as actuacións que considere precisas.

2. En concreto, entenderase que a prestación dos servizos non está garantida correctamente cando concorra algunha destas circunstancias:

a) Cando os resultados analíticos da auga subministrada nos depósitos de cabeceira incumpran reiteradamente os parámetros establecidos na normativa por causa imputable á entidade local titular do servizo.

b) Cando se produzan cortes periódicos nas subministracións ou redución manifesta da presión, por causa imputable á entidade local titular do servizo.

c) Cando as verteduras de augas residuais depuradas incumpran reiteradamente os parámetros establecidos, por causa imputable á entidade local titular do servizo.

d) Cando se incumpran os parámetros de calidade de servizos que se establezan regulamentariamente para os sistemas.

e) Cando a entidade local titular do servizo non realice as tarefas de conservación e mantemento axeitadas das infraestruturas e das instalacións.

3. A intervención da Administración hidráulica de Galicia producirase unicamente cando as circunstancias indicadas no número anterior se refiran á xestión e explotación das infraestruturas de adución de auga ou de depuración de augas residuais.

4. De conformidade co previsto no artigo 72 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en casos de urxencia debidamente motivados e por razóns de interese público, Augas de Galicia poderá acordar no requirimento a que se refire o artigo seguinte a medida cautelar de intervir directamente as instalacións de titularidade local que resulten necesarias para a normal prestación dos servizos, sempre de xeito temporal e repercutindo os custos asumidos por Augas de Galicia na entidade local de que se trate. O Consello da Xunta de Galicia deberá validar a intervención no prazo máximo dun mes desde que esta tivese lugar.

Artigo 21. Condicións en que se producirá a asunción

1. Nos supostos en que a Administración hidráulica de Galicia aprecie de oficio a concorrencia das circunstancias indicadas no artigo 20.2, Augas de Galicia formulará requirimento á entidade local de que se trate para que no prazo que se lle indique, que como mínimo será dun mes, proceda a executar as actuacións necesarias para unha prestación axeitada do servizo.

2. No caso de que o requirimento sexa desatendido, o conselleiro competente en materia de augas, logo de informe de Augas de Galicia, elevará ao Consello da Xunta unha proposta de intervención das instalacións necesarias por parte da Administración hidráulica de Galicia.

3. A resolución corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia, encomendando a Augas de Galicia a asunción da xestión e explotación das infraestruturas de que se trate, e determinando o prazo en que a Administración hidráulica de Galicia asumirá a mencionada prestación, así como as achegas económicas da entidade local para cubrir o custo do servizo, ou ben ordenando a repercusión nela dos custos asumidos por Augas de Galicia.

4. Rematado o prazo da asunción, Augas de Galicia restituirá as instalacións á entidade local, unha vez que acredite a súa dispoñibilidade para a correcta prestación do servizo e se atope ao día no pagamento dos custos asumidos por parte da Administración hidráulica durante o período a que se estendeu a asunción.

Disposición adicional primeira

Agás acordo ou disposición en contrario, entenderase que a titularidade das obras correspondentes ás actuacións relacionadas nos capítulos I e II deste decreto corresponde ás entidades locais.

Disposición adicional segunda

Será de aplicación o previsto na disposición adicional terceira do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental, aos proxectos incluídos no ámbito do presente decreto que a requiran. Para estes efectos, será válida a información pública levada a cabo consonte o previsto nos artigos 9, 12 e 13 deste decreto, cando no expediente sometido a información pública se tivese incluído a documentación exixida polo artigo 7 do devandito Decreto 133/2008 e se tivese publicado o anuncio de información pública no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia e no taboleiro de anuncios do concello ou concellos afectados.

Disposición adicional terceira

1. A Administración hidráulica de Galicia poderá establecer, logo de audiencia da Federación Galega de Municipios e Provincias, a extensión da prestación dos servizos previstos no artigo 12 deste regulamento para as estacións depuradoras de augas residuais menores das previstas no Plan xeral galego de saneamento en termos de habitantes-equivalentes.

2. No acordo que se adopte Augas de Galicia poderá encomendar as correspondentes tarefas ás deputacións provinciais ou a outros entes supramunicipais e, así mesmo, determinará as estacións depuradoras axeitadas para recibir e tratar as verteduras e os lodos procedentes do baleiramento daquelas instalacións, que serán conducidos a elas mediante camións cisterna ou outros sistemas de transporte semellantes.

3. A posta en marcha deste servizo suporá a aplicación do coeficiente de vertedura previsto nos artigos 66 e seguintes da Lei 9/2010, de augas de Galicia.

Disposición adicional cuarta

1. Para os efectos do presente regulamento, considérase que o período de explotación das estacións depuradoras de augas residuais naquelas instalacións executadas pola Administración hidráulica de Galicia se inicia coa acta de recepción das obras nos casos en que se executasen con contrato de obra ou de proxecto e obra, ou ben coa acta de comprobación nos casos de concesións de obra pública.

2. O anterior será de aplicación igualmente para aquelas instalacións que á entrada en vigor do regulamento previsto no artigo 40.3 da Lei 9/2010, de augas de Galicia, se atopen no período de garantía e explotación incluídos no contrato de obra ou de proxecto e obra.

Disposición transitoria primeira

As solicitudes formuladas ao abeiro do Decreto 84/1997, do 10 de abril, sobre colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas, xa resoltas á entrada en vigor do presente decreto, esgotarán os seus efectos de acordo coa referida normativa. Noutro caso, continuarán a súa tramitación no estado en que se atopen, de acordo co presente decreto.

Disposición transitoria segunda

1. As normas contidas no capítulo III deste decreto serán igualmente de aplicación respecto da planificación de saneamento vixente na data da súa entrada en vigor, así como, se for o caso, respecto das obrigas de xestión do canon de saneamento creado pola Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

2. Mentres non sexa aprobado o Plan xeral galego de saneamento previsto no artigo 37 da Lei 9/2010, a asunción de instalacións prevista no capítulo IV deste decreto entenderase referida ás aglomeracións maiores de 2.000 habitantes-equivalentes.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 84/1997, do 10 de abril, sobre colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO III

Documentación técnica e administrativa das instalacións de depuración de augas residuais urbanas (artigo 16.2.h)

1. Proxecto construtivo das instalacións, xunto coas modificacións e proxecto das melloras que se realizasen, incluíndo planos de detalle das instalacións eléctricas e dos procesos de automatización.

2. Manuais de instalación, operación e mantemento completos de cada un dos equipamentos da estación.

3. Documentación relativa á automatización, incluíndo o código do autómata debidamente comentado, así como fichas explicativas da lóxica de funcionamento dos equipamentos.

4. Copia do programa de adquisición de datos (SCADA) e o seu manual de funcionamento.

5. Legalización de instalacións por parte da consellería competente en materia de industria:

a) Instalación eléctrica de alta tensión.

b) Instalación eléctrica de baixa tensión.

c) Instalación de grupo electróxeno.

d) Instalación de aire comprimido.

e) Instalación de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

f) Aparellos a presión.

g) Caldeiras.

h) Instalacións receptoras de gases combustibles.

i) Instalación contra incendios.

j) Inclusión da EDAR no rexistro de establecementos industriais de Galicia.

6. Contratos de subministracións externas:

a) Enerxía eléctrica.

b) Auga potable.

c) Gas natural.

7. Documentación xerada durante o funcionamento da estación:

a) Libro de ordes.

b) Libro de incidencias.

c) Rexistro de provedores: xestores de residuos, subministradores de reactivos.

d) Inventario de equipamentos, coa correspondente nomenclatura e características principais.

e) Plan de mantemento e fichas de seguimento de cada equipamento.

f) Histórico do caudal tratado pola estación desde a posta en funcionamento.

g) Histórico de análises do influente e do efluente da estación: mostras realizadas polo explotador e por entidades externas que acrediten o cumprimento das normas establecidas na Directiva 91/271/CEE.

h) Histórico de residuos xerados.

i) Histórico de incidencias durante o tempo de explotación, con indicación da data de produción de avarías e da súa reparación.

j) Produtos químicos: fichas de seguranza e histórico de consumos.

k) Histórico de recepción de fosas sépticas, con indicación da data e a cantidade.

ANEXO IV

Avaliación do estado da estación (artigo 16.3)

A entidade local deberá acreditar o estado dos equipamentos e instalacións da estación mediante a realización das seguintes probas, que se levará a cabo seguindo as instrucións do persoal de Augas de Galicia:

1. Probas hidráulicas:

a) Comprobación de ausencia de fugas en recipientes, recintos, depósitos e conducións a presión ou a presión atmosférica.

b) Comprobación de ausencia de cavitación e vibracións anómalas nas conducións.

2. Probas pneumáticas:

a) Comprobación de ausencia de fugas na rede de aire a presión.

b) Comprobación do correcto funcionamento de elementos de regulación de presión e acondicionamento do aire.

3. Comprobación da instalación eléctrica:

a) Proba de caída de tensión.

b) Comprobación das proteccións eléctricas xerais.

c) Comprobación da posta á terra da instalación.

d) Funcionamento dos sistemas de alimentación ininterrompida.

e) Comprobación da calidade eléctrica: existencia de harmónicos, variacións de amplitude, frecuencia, forma de onda, diferenzas de amplitude e fase.

f) Funcionamento de mandos, acendido/apagado de lámpadas, ventiladores do cadro etc.

4. Comprobación de equipamentos mediante a realización das probas electromecánicas que se deban realizar en baleiro ou con auga limpa.

5. Verificación dos sistemas de automatización:

a) Comprobación da recepción e envío de sinais do autómata aos actuadores dos equipamentos.

b) Simulación de erros (acendido e apagado dos equipamentos e estudo da resposta).

c) Simulación de cortes de subministración eléctrica: rearme automático de equipamentos, funcionamento do SAI, válvulas etc.

6. Verificación da liña piezométrica segundo o caudal circulante polos diferentes procesos, con especial atención a:

a) Comprobación do funcionamento dos alivios nas condicións de caudal requiridas.

b) Efectividade do nivel sobre vertedoiros para eliminación de flutuantes.

c) Comprobación de ausencia de retornos de auga e entrada en carga de conducións e equipamentos.

d) Comprobación da ausencia de acumulación de auga en canais ou outros elementos que deben operar en baleiro.

ANEXO V

Informe diagnóstico da rede de saneamento (artigo 16.3)

A entidade local deberá elaborar un informe do estado da rede de saneamento en que se identifiquen con precisión o seu trazado, diámetros, alivio e estado. Como mínimo, o informe constará destes elementos:

1. Planos de rede, con identificación de pozos, diámetros, materiais, profundidades etc.

2. Instalacións: bombeos, pretratamentos, tanques de tormenta etc.

3. Estudo de caudais e dimensionamento.

4. Núcleos de poboación conectados, con indicación do número de vivendas e/ou habitantes conectados.

5. Establecementos industriais conectados, con caudal de chegada, parámetros de vertedura e permiso de vertedura á rede outorgado pola entidade local.

6. Diagnóstico de problemas actuais con identificación gráfica e causal, e necesidades futuras (planeamento, crecemento demográfico, períodos estivais etc.).

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia