lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 11/1988, do 20 de outubro, de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Publicado en: DOG 208 28/10/1988

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

A Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, deu resposta á necesidade de normativizar, no marco dos artigos 15 e 16 do Estatuto de Autonomía, o estatuto persoal e as atribucións do Presidente e da Xunta de Galicia e as súas relacións co Parlamento.

A presente reforma tenta de axeita-la regulación das devanditas materias ás necesidades de hoxe en día, introducindo novas institucións xurídicas arraigadas noutros sistemas parlamentarios occidentais e realizando concretas revisións sistemáticas. Consérvase, nembargantes, o carácter da Lei como reguladora de institucións e órganos políticos —a Xunta e mailo Presidente—, sen prexuício de establecer, no Título IV, determinados principios básicos de organización e funcionamento administrativo. Tales principios teñen vocación de se converter na base dunha futura regulación orgánica e funcional da Administración da Comunidade Autónoma —organización e réxime xurídico da Administración—, regulación onde polo seu carácter administrativo deben situarse.

1. O primeiro aspecto da reforma é o que se refire á natureza e competencias da Xunta. No artigo 1 introdúcese o concepto de dirección presidencial da Xunta, presente xa no Estatuto, e engádese a facultade de iniciativa lexislativa que recollen tanto o Estatuto coma o Regulamento do Parlamento. No artigo 4 refírense algunhas novas competencias do Consello da Xunta, fundamentalmente nos eidos de xestión de servicios e empresas públicas, administración do patrimonio da Comunidade Autónoma e deliberación previa e meramente consultiva sobre a decisión presidencial de disolución parlamentaria prevista no artigo 24. Así mesmo, recóllese como competencia do Consello a de tomar coñecemento das resolucións do Parlamento para adoptar, se é o caso, as medidas procedentes, o que constitúe un claro avance no xogo de poderes dentro do marco institucional da Comunidade.

2. O segundo punto da reforma atingue ó estatuto dos ex-Presidentes e demais membros da Xunta.

Establécense as previsións necesarias respecto do tratamento, honores e precedencias dos ex-Presidentes, así como a habilitación normativa para que o Goberno, por Decreto, lles asigne unha compensación ponte ós Presidentes da Xunta no tempo inmediatamente posterior a cesaren no seu cargo. Esta compensación, lonxe de ter unha natureza permanente, tenta tan só posibilita-la normal reincorporación dos ex-Presidentes á súa vida profesional logo de prestaren os seus altos servicios.

Ó mesmo tempo, a Lei establece as pertinentes disposicións respecto do tratamento e honores que lles deben corresponder ós ex-Vicepresidentes e ex-Conselleiros da Xunta de Galicia.

3. Cómpre salientar, en terceiro lugar, a introducción da institución xurídica da facultade do Presidente de disolve-lo Parlamento. Aínda desde a conciencia da problematicidade que implica inserir esta facultade no marco das relacións Executivo-Lexislativo na orde autonómica, primou no criterio legal ó final asumido a realidade de que a facultade disolutoria constitúe unha institución presente en boa parte dos sistemas parlamentarios occidentais, como lóxico contrapunto á posibilidade da moción de censura, e a existencia de precedentes específicos no ordenamento das outras nacionalidades históricas do Estado: artigo 7.c) da Lei basca reguladora do Lehendakari e do Goberno, e 46 da Lei catalana do Parlamento, do Presidente e do Consello Executivo da Generalitat.

O Dereito transitorio da Lei, por último, fixa as posibilidades aplicativas da facultade disolutoria respecto dos Parlamentos de Galicia elixidos trala entrada en vigor desta Lei. A motivación de permiti-lo asentamento da figura disolutoria así como a necesidade de non perturba-lo estatuto duns Deputados elixidos ó abeiro doutras regras parlamentarias actúan como suficientes razóns xustificativas do criterio legal.

4. En cuarto lugar, atribúeselle ó Presidente a competencia de crear, modificar ou suprimir Departamentos, competencia antes situada no Consello da Xunta. A razón fundamental desta reforma consiste en prove-la formación e reestructuración departamental dos novos Gobernos nas tempadas de interinidade, coa limitación, sempre garante e racionalizadora do proceso orgánico, de que tales modificacións non supoñan aumento de gasto público.

5. Outro aspecto importante da reforma consiste en establecer, no Título IV da Lei, os principios xurídico-políticos e organizativos que constitúen lugar común das Administracións das democracias occidentais, sendo cerna do seu réxime xurídico. Así mesmo acláranse sistematicamente os conceptos legais de Decreto e Orde no ordenamento xurídico autonómico e a mecánica do referendo das resolucións do Presidente da Xunta.

6. Cómpre salientar, igualmente, a introducción dun novo mecanismo de impulso e control parlamentario da acción do Goberno, consistente no debate de política xeral anual. É esta unha figura presente no Dereito Comparado que lles permite ós Deputados un control global do Executivo sen caer na inevitable sectorialización presente noutras formas de control parlamentario.

7. As modificacións operadas completan a regulación das institucións e dos órganos políticos da Comunidade Autónoma, que ten o seu necesario vencellamento coa regulación orgánica e funcional da Administración antes mencionada e co propio Regulamento do Parlamento en canto ás relacións Xunta-Cámara lexislativa. Todo isto no cadro de equilibrio de poderes que establece o Estatuto como norma institucional básica do país.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, promulgo, en nome de El-Rei, a Lei de reforma da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente.

Artigo primeiro

O artigo 1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, quedará redactado do seguinte xeito:

«A Xunta é o órgano colexiado que, baixo a dirección do Presidente, dirixe a política xeral e a Administración da Comunidade Autónoma. A tal fin, exerce a iniciativa lexislativa, a función executiva e a potestade regulamentaria de conformidade co Estatuto de Autonomía e as Leis.»

Artigo segundo

1. Modifícanse os apartados 10, 14, 15, 16 e 18 do artigo 4 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente, que quedan redactados co seguinte teor:

«10.— Deliberar sobre a cuestión de confianza que o Presidente da Xunta propoña formular ó Parlamento, así como sobre a disolución da Cámara, que o Presidente pode decretar, ó abeiro do artigo 24 da presente Lei.»

«14.— Crear, modificar e suprimi-las Comisións Delegadas da Xunta.»

«15.— Determina-la estructura orgánica superior da Vicepresidencia ou Vicepresidencias e das Consellerías da Xunta de Galicia.»

«16.— Designa-los representantes da Comunidade Autónoma nos organismos económicos, institucións financeiras e empresas públicas do Estado a que se refire o artigo 55 do Estatuto de Autonomía. Do mesmo xeito, supervisar, de acordo coa Lei, a xestión dos servicios públicos e dos entes e empresas públicas dependentes da Comunidade Autónoma, e administra-lo patrimonio da mesma con suxección ó disposto na Lei.»

«18.— Tomar coñecemento das resolucións do Parlamento e adoptar, se é o caso, as medidas que proceden.»

2. O actual número 18 do artigo 4 da Lei 1/1983 transfórmase en número 19 co mesmo texto.

Artigo terceiro

O artigo 6 da Lei 1/1983 quedará redactado nos seguintes términos:

«As atribucións da Xunta serán exercidas polo Consello. O Consello designará de entre os seus membros un Secretario que dará fe dos seus acordos e dos das Comisións Delegadas e librará, cando proceda, certificación dos mesmos.»

Artigo cuarto

O actual artigo 7 da Lei 1/1983 quedará redactado nos seguintes términos:

«1. O Consello será convocado polo Presidente da Xunta. Á convocatoria xuntaráselle a orde do día, que será conformada polo Secretario de acordo coas instruccións do Presidente.

2. O Consello entenderase validamente constituído cando asista o Presidente, ou quen o substitúa, e, ó menos, a metade dos seus membros.

3. Os membros do Consello están obrigados a gardar segredo sobre as deliberacións daquel, as opinións e, se é o caso, os votos emitidos.»

Artigo quinto

Engádeselle un número 7 ó artigo 11 da Lei 1/1983, co seguinte texto:

«7. Recibir con carácter vitalicio o tratamento de excelentísimo señor e os honores protocolarios e as precedencias establecidas na lexislación vixente e na que, se é o caso, dicte a Comunidade Autónoma.

Os ex-Presidentes terán dereito a percibir, durante o prazo de dous anos tralo seu cesamento, as compensacións económicas e os medios e servicios que se establezan por Decreto da Xunta e se consignen presupostariamente.»

Artigo sexto

O artigo 12 da Lei 1/1983 quedará redactado nos seguintes términos:

«O Presidente da Xunta non poderá exercer ningunha función pública que non se derive do seu cargo, nin actividade mercantil ou profesional ou calquera outra que puidese menoscaba-la independencia e dignidade da súa función.

En canto ás funcións representativas propias do mandato parlamentario, haberá que aterse ó disposto no artigo 6 da Lei de Galicia 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia.»

Artigo sétimo

O artigo 24 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu Presidente, quedará redactado do seguinte xeito:

«Ó Presidente da Xunta, como supremo representante da Comunidade Autónoma, compételle representar a esta nas relacións con outras institucións do Estado, subscribi-los convenios e acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas, convocar eleccións ó Parlamento de Galicia trala súa disolución, promulgar en nome de El-Rei as Leis de Galicia, así como, se é o caso, os Decretos lexislativos, e ordena-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

O Presidente, baixo a súa exclusiva responsabilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta, poderá disolve-lo Parlamento mediante Decreto que fixará a data das eleccións.

Esta facultade en todo caso non se poderá exercer cando non pasase alomenos un ano desde a última disolución da Cámara.»

Artigo oitavo

Modifícase o número 1 do artigo 26 da Lei 1/1983, que adoptará a seguinte redacción:

«1. Crear, modificar ou suprimir mediante Decreto a Vicepresidencia ou Vicepresidencias, se as houber, e as Consellerías, sempre que non supoña aumento de gasto público, así como nomear e dispo-lo cesamento dos Vicepresidentes e dos Conselleiros.»

Artigo noveno

O artigo 27 da Lei 1/1983 quedará redactado do seguinte xeito:

«1. O Vicepresidente ou Vicepresidentes, se os houber, e os Conselleiros serán nomeados e cesados polo Presidente da Xunta, a teor do disposto no artigo 26, e terán a alta consideración que corresponde á súa condición de membros do Goberno Autónomo e o tratamento de excelentísimo señor.

2. Os ex-Vicepresidentes e mailos ex-Conselleiros manterán o tratamento de excelentísimo señor e recibirán os honores protocolarios que estableza a lexislación vixente e a que dicte a Comunidade Autónoma.»

Artigo décimo

O Título IV da Lei da Xunta e do seu Presidente levará a rúbrica de «Organización e réxime xurídico » e comprenderá os seguintes artigos:

«Artigo 36

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, constituída por órganos xerarquicamente ordenados baixo a dirección da Xunta, ten personalidade xurídica única e posúe a capacidade de obrar necesaria para levar a cabo os seus fins.

2. A actuación da Administración axéitase ós principios de legalidade, obxectividade, servicio ó interese xeral, publicidade, eficacia, xerarquía, economía do gasto público, desconcentración e coordenación entre os seus órganos.»

«Artigo 37

1. Adoptarán a forma de Decreto:

a) As disposicións xerais aprobadas polo Consello da Xunta.

b) As resolucións do Consello da Xunta nos supostos dos números 6, 7, 12, 13, 14, 15, 16 primeiro inciso e 18 do artigo 4 da presente Lei e os demais casos que establezan as Leis.

c) As resolucións do Presidente da Xunta, nos supostos contemplados no parágrafo segundo do artigo 24 e nos números 1 e 7 do artigo 26 desta Lei.

2. Os Decretos serán asinados polo Presidente da Xunta e referendados, agás no suposto c) do apartado anterior, polo Conselleiro competente en razón da materia.»

«Artigo 38

As disposicións e resolucións dos Conselleiros revestirán a forma de Ordes, que serán asinadas polo titular do Departamento. Cando interesen a máis de unha Consellería, serán asinadas conxuntamente polos Conselleiros afectados.»

Artigo 39

Mantense a redacción do artigo 37 actual, agás o número 1 do mesmo, que queda expresado do seguinte xeito:

«1. Decretos.»

Artigo 40

Mantense a redacción do actual artigo 38.

Artigo 41

Mantense a redacción do actual artigo 39.

Artigo 42

Mantense a redacción do actual artigo 40.

Artigo 43

Mantense a redacción do actual artigo 41.

Artigo 44

Mantense a redacción do actual artigo 42.

Artigo undécimo

1. Os artigos 45, 46 e 47 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente adoptarán correlativamente a actual redacción dos artigos 43, 44 e 45.

2. A Sección 3.ª do Capítulo I do Título V da Lei da Xunta e do seu Presidente baixo a rúbrica «Do impulso e control da acción política do Goberno» constará dun único artigo 48 coa seguinte redacción:

«A Xunta solicitará anualmente do Parlamento, ó comenzo dun dos períodos ordinarios de sesións, a celebración dun debate de política xeral.»

3. A Sección 4.ª do Capítulo I do Título V da Lei 1/1983 baixo a rúbrica «Doutras formas de control» comporase dos artigos 49, 50, 51 e 52, que asumirán, correlativamente, a actual redacción dos artigos 46, 47, 48 e 49.

4. O Capítulo II do Título V da devandita Lei comporase dos artigos 53, 54, 55, 56 e 57, que asumirán, correlativamente, a actual redacción dos artigos 50, 51, 52, 53 e 54.

Artigo duodécimo

Engádenselle á Lei 1/1983 tres Disposicións Transitorias co seguinte texto:

«Disposición transitoria primeira

O disposto no número 7 do artigo 11 da presente Lei será aplicable para tódolos efectos desde a celebración das primeiras eleccións autonómicas galegas.

Os tratamentos honoríficos establecidos nese precepto serán tamén extensibles ós ex-Presidentes da Preautonomía.»

«Disposición transitoria segunda

En tanto a Xunta non regule por Decreto o establecido no parágrafo segundo do número 7 do artigo 11 da presente Lei, a compensación económica establecida será equivalente ó 60 por cento da que lle corresponda ó Presidente da Xunta. Tal compensación será compatible con aqueloutras retribucións que os ex-Presidentes poidan percibir, por outros conceptos, con cargo ós Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

En ningún caso, a contía global pode chegar a ser superior á retribución total que en cada caso perciba o Presidente da Xunta de Galicia.»

«Disposición transitoria terceira

A facultade disolutoria do Parlamento recoñecida ó Presidente da Xunta no artigo 24 da presente Lei poderá ser exercitada respecto dos Parlamentarios elixidos trala entrada en vigor desta Lei.»

Disposición derradeira

A presente Lei entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 1988

Fernando Ignacio González Laxe

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia