lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 4/2012, do 12 de abril, da Área Metropolitana de Vigo.

Publicado en: DOG 77 23/04/2012

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

I

As áreas metropolitanas están a configurarse hoxe en día como escenarios nos que se manifestan as dinámicas sociais, culturais e políticas. A economía do coñecemento e a sociedade en rede aumentan o poder de atracción destas áreas metropolitanas para as persoas e as actividades. Desde a década dos noventa revitalizouse, especialmente en Europa, o debate sobre a necesidade da reorganización institucional destes espazos, a partir dos gobernos metropolitanos creados na súa maioría desde os anos sesenta.

Na actualidade, cando máis do 70% dos cidadáns europeos residen xa en áreas metropolitanas, estase a producir en moitos estados europeos un debate de ámbito nacional e rexional sobre a política que se ten que aplicar nas grandes metrópoles e sobre a súa gobernanza, e, nesta liña, diversas instancias europeas xa se teñen pronunciado acerca da necesidade de atopar fórmulas que garantan un goberno eficaz das áreas metropolitanas.

No ano 2004, o Comité Económico e Social Europeo (CESE) chamou a atención sobre as repercusións socioeconómicas das áreas metropolitanas, que, ao seu xuízo, se atopaban amplamente subestimadas, e avogou por que o desenvolvemento das metrópoles europeas figurase na axenda comunitaria. Neste sentido, o Comité Económico e Social Europeo foi un dos pioneiros en subliñar a existencia dun vínculo directo entre a función das metrópoles e a aplicación da Estratexia de Lisboa sobre a sociedade do coñecemento. No ano 2007, o devandito órgano consultivo europeo elaborou un novo ditame, por solicitude da presidencia alemá, no que se definen as áreas metropolitanas como laboratorios da economía mundial, motores da economía e centros de creatividade e innovación.

O Estado español non é alleo ao rexurdimento do fenómeno metropolitano que se está a producir no ámbito europeo, tal e como pon de manifesto a recente aprobación polo Parlamento de Cataluña da Lei da Área Metropolitana de Barcelona.

II

A contorna da cidade de Vigo configúrase como un espazo físico no que conviven preto de medio millón de persoas, cunha densidade de poboación case tres veces superior á media provincial, e constitúe un dos principais polos económicos e dinámicos de Galicia, co predominio dalgúns sectores industriais de tecnoloxía punta que resultan claves no crecemento económico de Galicia. O seu peso demográfico, económico e social, así como a súa continuidade xeográfica, conforman un espazo idóneo para a posta en marcha da primeira área metropolitana en Galicia.

Ademais, a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está a configurarse actualmente como un espazo de forte interrelación social, económica e cultural, cheo de oportunidades e cun gran potencial de desenvolvemento futuro. Neste espazo de cooperación, que conta xa cunha área metropolitana arredor da cidade do Porto, é indiscutible que a área de Vigo está chamada a desempeñar un papel fundamental.

A nova ordenación territorial que vai supoñer a creación da área metropolitana fortalecerá as infraestruturas de comunicación e transporte e a súa intermodalidade, desenvolverá estratexias de complementariedade e propiciará vías de desconxestión e descentralización da ocupación do territorio, garantirá servizos públicos de calidade, cunha administración próxima, e incrementará a implicación e a participación cidadá no desenvolvemento dun novo modelo de cidade, xa que só aqueles espazos urbanos amplos e adaptados á nova realidade se constituirán en áreas económicas potentes, modernas e competitivas.

III

A Xunta de Galicia non pode ser allea a esta realidade social e económica, polo que este proxecto de lei é a resposta a unha identidade propia da área de Vigo baseada na dinámica metropolitana expresada polos concellos integrados na futura área.

O proxecto de lei incorpora así as consideracións formuladas polas alcaldesas e polos alcaldes integrantes da actual Mancomunidade Intermunicipal de Vigo, que xa desde o momento da constitución do ente, coa Declaración institucional sobre a Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo de 1991, amosaban a súa visión da mancomunidade como un primeiro paso e a súa vontade de camiñar xuntos cara a unha nova realidade administrativa que tería a súa fin coa creación da Área Metropolitana de Vigo; unha vontade que foi referendada posteriormente na Declaración de Soutomaior, na que se reiteraba a intención de crear a figura da área metropolitana desde a libre vontade de cada un dos concellos.

Esta declaración tivo a súa continuación en Nigrán no ano 2000, xa coa participación activa dos concellos de Cangas e Moaña. A Declaración de Nigrán é unha peza clave para entender esta lei. Neste texto, co apoio unánime de todas as alcaldesas e os alcaldes participantes, están xa os elementos estruturais desta lei, os piares que se materializan neste texto articulado.

En Nigrán proponse xa un peso de cada concello nos diferentes órganos de goberno, especialmente no que atinxe á asemblea metropolitana, e recoñécese o papel da cidade de Vigo, que sería a sede da futura área metropolitana. O ámbito territorial que conforma está definido polos mesmos catorce concellos que abrangue esta lei, pero sen excluír a incorporación futura doutros.

A partir desta vontade das administracións locais, ao longo destes anos desenvolveuse un amplo proceso de participación e debate, que pode entenderse desde a importancia estratéxica que un proxecto así ten para a área de Vigo e para toda Galicia; un proceso que, aínda que longo, non fixo senón enriquecer o documento e consolidar as ideas fundamentais que se mantiveron durante estes anos, que se plasmaron primeiro no malogrado texto do 2005 e que se reincorporaron, aumentadas e melloradas, neste novo proxecto.

Neste proceso de participación son vitais, para entender este texto, as achegas de todos os concellos. As ideas xurdidas ao longo de todo o proceso de participación complementáronse coa análise das experiencias de xestión metropolitana que están funcionando en toda Europa, e tivéronse en conta especialmente as experiencias existentes no Estado español, como é o caso da Área Metropolitana de Barcelona, que conta cunha longa tradición de xestión conxunta entre os concellos integrados nela.

A Área Metropolitana de Vigo está chamada a servir de modelo para unha nova organización da estrutura administrativa local, que evite duplicidades e mellore a coordinación entre as administracións existentes. A necesaria coordinación entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e os concellos ten a súa materialización na área metropolitana, de xeito que se racionalicen os gastos e se eviten duplicidades orzamentarias. A mellora da calidade dos servizos que reciben os cidadáns, sen que isto supoña novos impostos, é o motor que impulsa a elaboración desta lei.

A futura área metropolitana será un éxito seguro se todos os concellos camiñan unidos na mesma dirección, con plena autonomía nas súas decisión, pero co apoio garantido de antemán de toda Galicia e, na súa representación, do Goberno galego.

IV

De acordo co previsto no artigo 148.1 da Constitución española, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu, a través do artigo 27 do Estatuto de autonomía, a competencia en materia de réxime local.

A normativa autonómica en materia de réxime local, e concretamente a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recoñece no seu articulado a posibilidade de crear, mediante lei do Parlamento de Galicia, áreas metropolitanas “integradas polos municipios onde existan grandes aglomeracións urbanas e cando entre os seus núcleos de poboación haxa vinculacións económicas e sociais que fagan precisas a planificación conxunta e a coordinación de determinados servizos e obras”.

A figura das áreas metropolitanas xa aparecía regulada na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, mais ata o de agora non chegara nunca a ser materializada. No entanto, cómpre subliñar que, despois dun longo camiño percorrido da man dos concellos, o 13 de xaneiro do 2005 o Consello da Xunta de Galicia aprobaba un proxecto de lei de creación da Área Metropolitana de Vigo que non chegou a finalizar a súa tramitación parlamentaria por mor da disolución anticipada do Parlamento de Galicia.

Esta lei recolle o traballo plasmado naquel texto, xa que introduce as melloras e actualizacións pertinentes sobre o núcleo fundamental daquel proxecto, renova o consenso cos concellos e enmárcase dentro dun proceso de vertebración integral de Galicia determinado por unha estruturación asentada na organización e no réxime xurídico das entidades locais propias de Galicia, así como nos novos asentamentos poboacionais e económicos que determinan a distribución territorial da poboación galega.

V

A lei estrutúrase en cinco capítulos, cun total de trinta e sete artigos, oito disposicións adicionais, tres disposicións transitorias, unha derrogatoria e cinco disposicións derradeiras.

O capítulo I leva por rúbrica «Disposicións xerais e ámbito territorial», no que se recolle a natureza da área metropolitana de entidade local territorial, dotada de personalidade xurídica e autonomía para o cumprimento dos seus fins, e o seu ámbito territorial, conformado por 14 municipios, que teñen a súa capital no municipio de Vigo.

O capítulo II, rubricado «Organización e funcionamento da Área Metropolitana de Vigo», regula o goberno e a administración da Área Metropolitana de Vigo e establece os órganos de goberno e de administración da entidade. Así mesmo, regúlase a composición da asemblea metropolitana, que estará en relación co número de habitantes de cada municipio e co procedemento de designación dos representantes de cada concello, e establécese a regra de que a alcaldesa ou o alcalde de cada concello será membro nato da asemblea metropolitana. Regúlase tamén polo miúdo o procedemento de constitución da asemblea metropolitana, así como a elección da presidenta ou do presidente e das vicepresidentas ou dos vicepresidentes. Neste mesmo capítulo regúlanse as atribucións da asemblea metropolitana, da presidencia e da xunta de goberno metropolitana como principais órganos de goberno da entidade local, e concédeselle un peso especial á xunta de goberno metropolitana, en coherencia coa regulación recollida no título X da Lei de bases do réxime local relativa ao réxime de organización dos municipios de gran poboación. Por último, regúlanse dous órganos de singular importancia, como son o comité de cooperación, que representa de xeito paritario á Xunta de Galicia, á Deputación Provincial de Pontevedra e á Área Metropolitana de Vigo, e a comisión especial de contas, cunha natureza idéntica á dos municipios.

O capítulo III, que leva por título «Potestades e competencias», divídese en nove seccións, unha por cada área de xestión competencial da futura área metropolitana, que son: promoción económica, emprego e servizos sociais; turismo e promoción cultural; mobilidade e transporte público de viaxeiros; medio ambiente, augas e xestión de residuos; prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial e cooperación urbanística; e coordinación nas tecnoloxías da información e da comunicación. Van precedidas dunha sección de disposicións xerais.

Dentro das disposicións xerais, regúlase o sistema de asunción de competencias pola área metropolitana, as potestades que asume para o correcto exercicio delas e o instrumento planificador da actuación da área metropolitana: o plan metropolitano cuadrienal de actividades, obras e servizos.

Sobre as competencias en materia de promoción económica e emprego, a área metropolitana poderá planificar, xestionar e avaliar programas e proxectos económicos e de emprego, así como fomentar a creación de novas empresas e calquera outro servizo susceptible de xerar emprego e recursos económicos para os municipios da área metropolitana, especialmente a busca de fórmulas de financiamento e axudas da Unión Europea.

En materia de servizos sociais, serán competencia da área metropolitana a planificación e a coordinación dos servizos de competencia municipal, a xestión dos servizos especializados de ámbito metropolitano, o apoio técnico e o fomento de proxectos comunitarios.

En materia de turismo e promoción cultural, as competencias serán fundamentalmente de planificación e coordinación, así como de articulación de fórmulas de cooperación e de colaboración cos concellos, coas entidades e coas empresas. Máis concretamente, en materia turística, velarase pola promoción da marca turística de Galicia, polo apoio técnico, pola participación na planificación turística e pola coordinación e o fomento das estratexias de promoción.

A área metropolitana, en materia de transporte público de viaxeiros, exercerá competencias no ámbito da ordenación, xestión, planificación, inspección e sanción do servizo, da ordenación e intervención no servizo de autotaxi, así como da ordenación e intervención no transporte marítimo de viaxeiros. Con este obxecto, a área metropolitana aprobará un plan de explotación do servizo de transporte público metropolitano.

Unha das competencias máis importantes da área metropolitana será o medio ambiente, que abarcará a conservación de espazos naturais supramunicipais, a colaboración cos municipios integrados, a asistencia a estes e a elaboración dun plan metropolitano de protección do medio ambiente. Ademais, asumirase, en materia de augas, o abastecemento en alta, o servizo de abastecemento domiciliario de auga potable, a rede de sumidoiros e a depuración de augas residuais urbanas. No eido dos residuos, intervirase na planificación da recollida selectiva, do transporte, da valorización e da eliminación de residuos urbanos.

A área metropolitana poderá asumir a prestación de servizos de titularidade municipal en materia de prevención e extinción de incendios para coordinar as súas facultades co fin dunha máis efectiva prestación destes.

En materia de protección civil e salvamento, a área metropolitana poderá exercer a coordinación dos efectivos no ámbito do seu territorio.

En materia de ordenación territorial e cooperación urbanística, dótase a área metropolitana dunha competencia capital, como é a elaboración do plan territorial integrado metropolitano (PTIM), como segundo nivel de ordenación territorial por debaixo das Directrices de ordenación do territorio. Este plan territorial integrado metropolitano deberá ser aprobado pola Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo, e será o marco para a futura aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal dos distintos concellos integrantes e dos plans e proxectos sectoriais, que tamén recaerán na citada comisión. Ademais, a Área Metropolitana de Vigo prestaralles asistencia aos municipios integrados nela, para os efectos do correcto cumprimento das determinacións urbanísticas correspondentes.

Como novidade transcendental, créase a antedita Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo como órgano de composición paritaria (Xunta de Galicia-Área Metropolitana de Vigo) adscrito á consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, o que supón na práctica o traslado do centro de decisión política ao territorio metropolitano, demostrando así a madurez do fenómeno local e a confianza nas bondades dunha descentralización destas características.

En liña coas recomendacións do Comité Económico e Social Europeo e conscientes da contribución que poden realizar as áreas metropolitanas á posta en marcha da sociedade do coñecemento, a Área Metropolitana de Vigo vai asumir un importante papel na difusión do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que incorpora a metodoloxía de traballo en rede e pon en marcha a administración electrónica nos concellos integrados.

O capítulo IV aborda a facenda da Área Metropolitana de Vigo, e establece unha listaxe dos posibles recursos, entre os cales destacan as achegas dos municipios integrados na área metropolitana, que, cando menos, deberán cubrir o sistema xeral de financiamento da Área Metropolitana de Vigo, sen prexuízo do número de competencias que se deleguen, diferenciando así o financiamento da estrutura xeral do financiamento dos servizos concretos que poidan ser prestados pola área metropolitana.

O capítulo V, e último, regula o réxime do persoal ao servizo da área metropolitana, que se adapta estritamente ao regulado no Estatuto básico do empregado público, aprobado pola Lei 7/2007, do 12 abril. Neste sentido, recóllese a posibilidade de contar, ademais de con persoal funcionario e laboral, con persoal directivo.

A disposición adicional primeira regula a constitución da primeira asemblea metropolitana, que pretende ser coherente coa actual regulación da constitución das corporacións municipais, e detalla neste sentido o procedemento de elección de representantes na asemblea, da presidencia da área metropolitana, da xunta de goberno e do comité de cooperación.

A disposición adicional segunda establece que, como consecuencia da integración dun municipio na área metropolitana, deberá iniciarse a disolución doutros entes de carácter asociativo, como poden ser as mancomunidades que coincidan dentro do ámbito territorial da área metropolitana e que non estean xustificadas polo especial das súas actividades e mais por un principio xeral de eficacia.

A disposición adicional terceira determina que as competencias transferidas á área metropolitana non poderán ser exercidas polos concellos delegantes, co obxecto de evitar disfuncionalidades e duplicidades.

As disposicións adicionais cuarta, quinta e sexta regulan o mecanismo de materialización das transferencias das competencias; isto é, o procedemento concreto para o traspaso dos servizos e dos seus medios materiais, persoais e técnicos; e establecen que en todo caso serán necesarios estes acordos de traspaso por parte dos concellos integrantes na área metropolitana, da Xunta de Galicia e da deputación. Desta maneira, as administracións deberán chegar a consensos e adoptar os acordos preceptivos segundo o réxime establecido na lexislación aplicable. Para o efectivo traspaso das competencias transferidas créase a figura da comisión mixta paritaria, que terá como misión concretar e levar a efecto os anteditos acordos.

A disposición adicional sétima configura a Área Metropolitana de Vigo como delimitación territorial preferente cando se estea planificando en diferentes materias como emprego, servizos sociais, etc.

A disposición adicional oitava establece a posibilidade de ampliación do ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo, despois dun procedemento que remata cun acordo do Consello da Xunta de Galicia.

A disposición derrogatoria deixa sen vixencia os artigos relativos ás áreas metropolitanas da Lei de administración local de Galicia.

A disposición transitoria primeira establece a posibilidade de que o regulamento orgánico habilite unha fórmula para que as aprobacións que recaian sobre servizos cuxos acordos de traspaso non fosen aprobados por todos os concellos sexan acordadas polos representantes dos concellos que si procedesen ao traspaso efectivo deses servizos.

A disposición transitoria segunda establece un sistema de cálculo supletorio para a asignación das concelleiras ou dos concelleiros metropolitanos aos grupos políticos dos diferentes concellos.

A disposición transitoria terceira establece que, unha vez traspasado o abastecemento en alta dos encoros de Eiras e Zamáns, os concellos quedarán sometidos ao réxime tarifario daquel, aínda que non decidisen traspasar o seu servizo en alta á Área Metropolitana de Vigo.

A disposición derradeira primeira dedícase á modificación da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que supón unha adaptación do procedemento para establecer a aprobación dos plans territoriais integrados de ámbito metropolitano e dos plans e proxectos sectoriais metropolitanos, e engádelle dous artigos á citada lei.

A disposición derradeira segunda axusta, á súa vez, a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A disposición derradeira terceira trasládalle á Lei de Administración local de Galicia a consideración das áreas metropolitanas como entidades locais de carácter territorial.

Por último, a lei remata coas disposicións derradeiras cuarta e quinta, que a habilitan para o desenvolvemento regulamentario, e fixan o prazo dun mes de vacatio legis, respectivamente.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei da Área Metropolitana de Vigo.

CAPÍTULO I Disposicións xerais e ámbito territorial

Artigo 1. Obxecto e natureza.

1. O obxecto desta lei é a creación da Área Metropolitana de Vigo e a regulación da súa organización, das súas competencias e do seu financiamento.

2. A Área Metropolitana de Vigo é unha entidade local supramunicipal, de carácter territorial, integrada polos municipios de Vigo e os da súa área de influencia, entre os que existe unha vinculación económica e social que fai necesarias a planificación conxunta e a coordinación de determinados servizos e obras, para garantir a súa prestación integral e adecuada no ámbito de todo o territorio así como acadar a eficacia dos investimentos públicos.

3. A Área Metropolitana de Vigo posúe plena capacidade xurídica e autonomía para o cumprimento dos seus fins, dirixidos, en todo caso, á consecución e ao mantemento da cohesión socioeconómica e ao desenvolvemento do territorio metropolitano.

4. A Área Metropolitana de Vigo rexerase polo disposto nesta lei, polo establecido na lexislación de réxime local e pola normativa sectorial aplicable aos diferentes ámbitos de actuación pública que son da súa competencia.

Artigo 2. Ámbito territorial e capitalidade.

1. O ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo estará delimitado polos termos municipais dos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo.

2. A Área Metropolitana de Vigo poderá estruturarse, para os efectos funcionais, en ámbitos territoriais de actuación para unha mellor prestación dos servizos, nos que estarán incluídos os concellos afectados polo servizo correspondente.

3. A Área Metropolitana de Vigo terá a súa capitalidade no municipio de Vigo.

CAPÍTULO II Organización e funcionamento da Área Metropolitana de Vigo

Artigo 3. Goberno e administración.

1. O goberno e a administración metropolitanos correspóndenlles á presidenta ou ao presidente e ás concelleiras ou aos concelleiros metropolitanos.

2. A organización básica do goberno e da administración da Área Metropolitana de Vigo está determinada pola seguinte estrutura:

a) A asemblea metropolitana.

b) A presidenta ou o presidente e dúas vicepresidentas ou dous vicepresidentes.

c) A xunta de goberno metropolitana.

d) O comité de cooperación.

e) A comisión especial de contas.

3. O regulamento orgánico da área metropolitana poderá completar esta organización básica e poderá crear, ademais, outros órganos de carácter directivo, consultivo e de participación.

Neste sentido, a través do regulamento orgánico ou por acordo da asemblea metropolitana, que terá natureza orgánica e precisará maioría absoluta do número legal dos seus membros, poderá crearse como órgano directivo de administración a figura da dirección xeral.

4. A Área Metropolitana de Vigo observará o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes nos nomeamentos que corresponda efectuar nos seus órganos colexiados. Así mesmo, designará, de acordo con este principio, os seus representantes nos órganos colexiados ou comités nos que participe, agás por razóns fundadas e obxectivas debidamente motivadas.

5. Os cargos dos órganos de goberno da Área Metropolitana de Vigo con dedicación exclusiva no seu concello de orixe non poderán percibir indemnizacións pola asistencia ás sesións dos devanditos órganos.

Artigo 4. Estatuto dos membros da Área Metropolitana de Vigo.

1. A duración do mandato dos membros dos órganos de goberno da Área Metropolitana de Vigo será a mesma ca a establecida na lexislación de réxime electoral xeral para as corporacións municipais. Neste sentido, coa convocatoria de eleccións municipais finalizará o seu mandato, e quedará en funcións soamente para a administración ordinaria ata a toma de posesión dos seus sucesores. En ningún caso poderán adoptar acordos para os que legalmente se requira unha maioría cualificada.

2. O estatuto xurídico dos membros dos órganos de goberno da área metropolitana será o establecido para as corporacións municipais na lexislación básica de réxime local, coas particularidades recollidas nesta lei.

Artigo 5. Composición da asemblea metropolitana.

1. A asemblea metropolitana é o órgano de máxima representación política das cidadás e dos cidadáns no goberno metropolitano, e estará formada pola persoa que ocupe a presidencia e polos representantes asignados por cada concello, que se denominarán concelleiras ou concelleiros metropolitanos.

2. O número de representantes designados por cada concello respectará a seguinte proporción:

a) Municipios con poboación inferior a 10.000 habitantes: 1 representante.

b) Municipios con poboación entre 10.000 e 15.000 habitantes: 2 representantes.

c) Municipios con poboación entre 15.001 e 20.000 habitantes: 3 representantes.

d) Municipios con poboación entre 20.001 e 50.000 habitantes: 4 representantes.

e) Municipios con poboación entre 50.001 e 100.000 habitantes: 5 representantes.

f) Municipios con poboación entre 100.001 e 200.000 habitantes: 10 representantes.

g) Municipios con máis de 200.000 habitantes: 14 representantes, e un máis por cada 25.000 habitantes ou fracción por enriba dos 50.000.

Para estes efectos, a cifra de poboación que se computará en cada concello será a resultante da revisión do padrón municipal aprobada polo Goberno con referencia ao 1 de xaneiro do ano anterior ao da constitución da asemblea metropolitana.

Artigo 6. Elección das concelleiras e dos concelleiros metropolitanos.

1. As persoas titulares das alcaldías serán membros natos da asemblea metropolitana e poderán delegar a súa representación nunha concelleira ou nun concelleiro da súa corporación. Esta delegación deberá ser xenérica e por tempo indefinido.

2. O resto de concelleiras ou concelleiros metropolitanos que non sexan membros natos son designados polo pleno do concello de cada municipio de entre as súas concelleiras ou concelleiros.

3. Cada concello, no prazo de trinta días desde a constitución das corporacións, debe convocar a sesión extraordinaria do pleno, na que se tomará coñecemento das concelleiras ou dos concelleiros designados polos grupos políticos como representantes na asemblea metropolitana.

4. O procedemento de designación das concelleiras ou dos concelleiros metropolitanos de cada concello efectuarase de acordo coas seguintes normas:

a) Nos concellos aos que lles corresponda designar un só representante na asemblea metropolitana, este será a persoa titular da alcaldía.

b) Nos concellos aos que lles corresponda designar varias concelleiras ou concelleiros, estes estarán representados pola persoa titular da alcaldía e polos membros da corporación que cada concello designe, conforme a proposta previa de cada grupo político con representación política e segundo as regras que se especifiquen no regulamento orgánico metropolitano, e supletoriamente conforme o sistema de cálculo que recolle a disposición transitoria segunda.

5. Os membros da asemblea metropolitana poderán ser substituídos por falecemento, incapacidade, renuncia ou perda da condición de concelleira ou concelleiro ou por acordo do grupo político municipal propoñente, consonte as mesmas regras aplicables á súa elección.

Artigo 7. Constitución da asemblea metropolitana.

1. A asemblea metropolitana constituirase en sesión pública o vixésimo día posterior á última sesión plenaria para elixir os representantes dos concellos e de acordo co previsto na normativa electoral vixente.

2. Para tal fin constitúese unha mesa de idade, integrada polos representantes de maior e menor idade presentes na sesión, e na cal actuará como secretaria ou secretario o que o sexa da Área Metropolitana de Vigo. A mesa comprobará as credenciais presentadas; isto é, as certificacións dos acordos plenarios que os nomean como representantes na asemblea metropolitana.

3. Realizada a operación anterior, a mesa declarará constituída a asemblea metropolitana se concorresen a maioría absoluta dos representantes dos concellos. No caso contrario, realizarase unha sesión dous días despois, e quedará constituída a asemblea cun terzo do número de representantes. En todo caso, require a presenza da presidenta ou do presidente e da secretaria ou do secretario ou de quen legalmente os substitúan.

Artigo 8. Atribucións da asemblea metropolitana.

1. Correspóndenlle á asemblea metropolitana as seguintes atribucións:

a) O control e a fiscalización dos órganos de goberno metropolitanos.

b) Aprobar o plan metropolitano cuadrienal de actividades, obras e servizos e a súa revisión anual, así como velar pola súa execución.

c) Aprobar a memoria anual, antes do 1 de marzo do ano seguinte.

d) Aprobar e modificar o regulamento orgánico metropolitano.

e) Aprobar e modificar as ordenanzas e os regulamentos metropolitanos.

f) A transferencia de funcións ou actividades a outras administracións públicas, así como a aceptación das transferencias, delegacións e encomendas de xestión realizadas por outras administracións.

g) A determinación das formas de xestión dos servizos, así como o acordo de creación, modificación ou disolución de organismos autónomos, de entidades públicas empresariais e de sociedades mercantís para a xestión de servizos de competencia metropolitana.

h) Aprobar as tarifas dos servizos metropolitanos, sen prexuízo das especialidades previstas para as tarifas dos servizos de transporte metropolitano no plan de explotación deste e na normativa autonómica.

i) A determinación dos recursos propios de carácter tributario.

j) A aprobación e modificación dos orzamentos, nos termos establecidos na lexislación de facendas locais, e do cadro de persoal. Así mesmo, aprobará a conta xeral do exercicio correspondente.

k) Nomear e separar a persoa titular da presidencia. A votación da moción de censura e da cuestión de confianza rexerase en todos os seus aspectos polo establecido na lexislación de réxime electoral xeral para os municipios.

l) A revisión de oficio das súas disposicións de carácter xeral e dos seus actos administrativos, e a declaración de lesividade destes últimos, o exercicio das accións xudiciais e administrativas e a defensa xurídica da área metropolitana nas materias da súa competencia.

m) A formulación de conflitos de competencias.

n) O establecemento, de ser o caso, do réxime retributivo dos membros da asemblea metropolitana e da xunta de goberno segundo a normativa de réxime local e consonte o disposto no artigo 3.5.

o) A aprobación provisional do plan territorial integrado e dos plans e programas sectoriais en materia de ordenación do territorio, e a cualificación da incidencia supramunicipal destes últimos.

p) O informe sobre a modificación do ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo.

q) Aprobar, logo da proposta da xunta de goberno, a forma e a contía das achegas económicas dos municipios á facenda metropolitana.

r) O nomeamento dos representantes no comité de cooperación e na comisión de ordenación do territorio da área metropolitana.

s) A determinación do número e da composición da comisión especial de contas, distribuídos proporcionalmente segundo o número de representantes dos grupos políticos presentes na asemblea metropolitana.

t) A iniciativa, a elaboración e o impulso do plan de explotación de transporte metropolitano, coordinado coas actuacións nesta materia promovidas pola Xunta de Galicia.

u) Resolver os procedementos de asunción de novas competencias e servizos públicos coa aceptación do concello ou dos concellos afectados.

v) A contratación, autorización e disposición dos gastos nas materias da súa competencia, de acordo coa lexislación de réxime local.

w) A concertación de operacións de crédito segundo os límites establecidos na normativa básica estatal.

x) As restantes competencias que expresamente lle confiran as leis.

2. Requirirase o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros da asemblea metropolitana para a adopción dos acordos referidos nas letras d), f), o), p), q) e u). Os demais acordos adoptaranse por maioría simple de votos.

3. A asemblea metropolitana pode delegar o exercicio das atribucións enumeradas nas letras c), m) , t) e v) na xunta de goberno metropolitana.

Artigo 9. Funcionamento da asemblea metropolitana.

1. A asemblea metropolitana reunirase, en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao trimestre. Así mesmo, poderase reunir en sesión extraordinaria por convocatoria da presidencia ou por solicitude dunha cuarta parte do número legal dos seus membros.

2. Con carácter xeral, o funcionamento da asemblea metropolitana rexerase polo disposto na normativa de réxime local para o pleno, que será de carácter público, así como polo establecido no regulamento orgánico que, de ser o caso, se aprobe, e que deberá respectar, en todo caso, a antedita normativa.

3. Para un mellor funcionamento da asemblea metropolitana as concelleiras e os concelleiros metropolitanos deberán constituírse en grupos políticos metropolitanos, nos que se integrarán segundo o disposto na normativa de réxime local aplicable e no regulamento orgánico metropolitano.

Artigo 10. Da presidencia e das vicepresidencias da Área Metropolitana de Vigo.

1. A asemblea metropolitana, na súa sesión constitutiva, elixirá de entre os seus membros a presidenta ou o presidente mediante o voto favorable da maioría absoluta na primeira votación, e simple na segunda. Unicamente poderán ser candidatas ou candidatos os representantes dos concellos que sexan alcaldesas ou alcaldes.

2. Á persoa titular da presidencia corresponderanlle as seguintes atribucións:

a) Representar a area metropolitana e dirixir a política, o goberno e a administración metropolitanos.

b) Convocar e presidir as sesións da asemblea metropolitana e da xunta de goberno, así como decidir nos empates con voto de calidade.

c) O exercicio das accións xudiciais e administrativas en materia da súa competencia e, en caso de urxencia, en materias da competencia da asemblea metropolitana. Neste suposto, daralle conta a esta na primeira sesión que teña lugar para a súa ratificación.

d) Dirixir, inspeccionar e impulsar as obras e os servizos metropolitanos.

e) Exercer a superior dirección do persoal da área metropolitana, sen prexuízo das competencias que lles correspondan aos outros órganos de goberno da área metropolitana.

f) Ordenar a publicación, a execución e o cumprimento dos acordos dos órganos executivos da área.

g) Ditar resolucións, decretos e instrucións.

h) Adoptar as medidas necesarias e adecuadas nos casos de extraordinaria e urxente necesidade, así como darlle conta inmediata á asemblea metropolitana.

i) A contratación, a autorización, a disposición dos gastos e o recoñecemento das obrigas nas materias da súa competencia, de acordo coa lexislación de réxime local.

j) A concertación de operacións de crédito segundo os límites establecidos na normativa básica estatal.

k) Establecer a organización e a estrutura da Administración metropolitana executiva, sen prexuízo das competencias atribuídas á asemblea en materia de organización da área metropolitana.

l) A elaboración da memoria anual.

m) As restantes competencias que expresamente lle atribúan as leis e aquelas que a lexislación do Estado ou da Comunidade Autónoma lle asignen á área metropolitana e non se lles atribúan a outros órganos desta.

3. A persoa titular da presidencia poderá delegar exclusivamente, mediante decreto, o exercicio das atribucións sinaladas nas letras c), d), f) e i) na xunta de goberno, nas vicepresidentas ou nos vicepresidentes e na directora ou no director xeral.

4. A xunta de goberno nomeará de entre os seus membros dúas vicepresidencias, que substituirán a presidencia, por orde de nomeamento, en caso de vacante, ausencia ou impedimento para o exercicio do cargo.

A proposta das vicepresidencias corresponderalles aos grupos metropolitanos, e a súa orde virá determinada en función da maior representatividade destes na asemblea metropolitana.

As vicepresidencias non poderán recaer no mesmo grupo metropolitano que ocupe a presidencia.

Artigo 11. Xunta de goberno metropolitana.

1. A xunta de goberno, presidida pola persoa titular da presidencia da área metropolitana, é o órgano colexiado de goberno da área metropolitana, e está formada por cada unha das alcaldesas ou dos alcaldes dos concellos integrados nela.

2. No prazo máximo dun mes desde a constitución da asemblea metropolitana debe procederse á constitución da xunta de goberno metropolitana.

3. Os acordos adóptanse por maioría simple de votos.

4. Á xunta de goberno correspóndenlle as seguintes atribucións:

a) A aprobación dos proxectos do regulamento orgánico, dos proxectos de ordenanzas e do proxecto do plan metropolitano cuadrienal.

b) A aprobación do proxecto do orzamento.

c) Coordinar as actuacións dos municipios integrados na área metropolitana coas demais administracións públicas que incidan na súa demarcación territorial.

d) A autorización, a disposición de gastos e o recoñecemento das obrigas nas materias da súa competencia, e a disposición dos gastos que autorice a asemblea.

e) As contratacións de toda clase, como órgano de contratación, independentemente da súa contía e do seu número de anualidades, agás as que lle estean expresamente recoñecidas á presidenta ou ao presidente e á asemblea metropolitana nesta lei e na normativa de réxime local.

f) As concesións de toda clase, así como a xestión, a adquisición e o alleamento do patrimonio.

g) O exercicio das accións xudiciais e administrativas en materia da súa competencia.

h) Exercer a potestade sancionadora, salvo que por lei estivese atribuída a outro órgano.

i) A aprobación da relación de postos de traballo, das retribucións do persoal de acordo co orzamento aprobado pola asemblea metropolitana, da oferta de emprego público, das bases das convocatorias de selección e provisión dos postos de traballo, do número e réxime do persoal eventual, do nomeamento do persoal directivo e da separación do servizo das funcionarias e dos funcionarios da área metropolitana, do despedimento do persoal laboral, do réxime disciplinario e das demais en materia de persoal que non lle estean expresamente atribuídas a outro órgano.

j) Exercer as competencias que lle sexan delegadas pola asemblea metropolitana ou pola presidenta ou presidente.

k) Nomear de entre os seus membros dúas vicepresidentas ou dous vicepresidentes.

l) Nomear e separar o persoal eventual e de asesoramento.

m) As demais que lle correspondan de acordo coas disposicións legais vixentes.

1. A xunta de goberno poderá delegar exclusivamente o exercicio das atribucións sinaladas nas letras c), d), e), f) e g) na persoa titular da presidencia, nas das vicepresidencias e na directora ou no director xeral.

2. Con carácter xeral, o funcionamento da xunta de goberno réxese polo disposto na normativa de réxime local para a xunta de goberno local, así como polo establecido no regulamento orgánico que, de ser o caso, se aprobe, e que deberá respectar, en todo caso, a antedita normativa.

Artigo 12. Comité de cooperación.

1. O comité de cooperación está composto por tres membros, que se distribúen do seguinte xeito:

a) Unha ou un representante designado pola Xunta de Galicia.

b) Unha ou un representante designado pola Deputación Provincial de Pontevedra.

c) Unha ou un representante designado pola Área Metropolitana de Vigo.

2. No prazo máximo dun mes desde a constitución da asemblea metropolitana deberá procederse á constitución do comité de cooperación.

3. Serán funcións, entre outras, do comité de cooperación:

a) Coordinar as actuacións das administracións no ámbito territorial da área metropolitana.

b) Establecer fórmulas de cooperación e colaboración entre administracións.

c) Emitir informe preceptivo do proxecto do plan metropolitano cuadrienal no que afecte os servizos de competencia compartida.

d) Promover de común acordo un catálogo de servizos que, sendo titularidade das diferentes administracións, poidan ser prestados no ámbito metropolitano. Os servizos incorporados a este catálogo poderán dar lugar aos acordos de delegación na área metropolitana mediante os mecanismos sinalados para o efecto nesta lei.

4. O comité de cooperación reunirase por proposta de calquera dos tres representantes, e, en todo caso, realizará, como mínimo, dúas sesións ao ano.

5. Cando a especificidade da materia así o requira, poderán asistir ás reunións do comité de cooperación outros representantes das administracións que o integren, así como persoal técnico, que terán voz pero non voto, e que estarán circunscritos unicamente á materia concreta que motive a súa incorporación transitoria.

Artigo 13. Comisión especial de contas.

1. A comisión especial de contas créase e constitúese en aplicación do establecido ao respecto pola lexislación de réxime local, e terá, así mesmo, as funcións que esta normativa lle atribúe.

2. As contas anuais someteranse antes do 1 de xuño ao informe da comisión especial de contas e serán así mesmo obxecto de información pública antes de someterse á aprobación da asemblea metropolitana, co fin de que poidan formularse contra elas reclamacións, reparos ou observacións.

3. Poderá denunciarse perante o Consello de Contas e o Tribunal de Contas a existencia de irregularidades na xestión económica e nas contas aprobadas.

CAPÍTULO II Potestades e competencias

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 14. Potestades.

1. Correspóndenlle á Área Metropolitana de Vigo, no eido das súas competencias, as potestades e prerrogativas atribuídas ás administracións públicas de carácter territorial pola lexislación de réxime local.

2. A Área Metropolitana de Vigo ten, entre outras, as seguintes potestades:

a) Potestade normativa para a aprobación de regulamentos e ordenanzas.

b) Potestade tributaria, tarifaria e financeira.

c) Potestade de autoorganización.

d) Potestade de planificación e programación.

e) Potestade expropiatoria.

f) Potestade sancionadora.

g) Potestade de investigación, de deslinde e de recuperación de oficio dos seus bens.

h) Potestade de execución forzosa.

i) Potestade de revisión de oficio dos actos e acordos.

j) As demais potestades determinadas polas leis.

3. A Área Metropolitana de Vigo gozará, entre outras, das seguintes prerrogativas:

a) Presunción de legalidade e execución dos seus actos e acordos.

b) Inembargabilidade de bens e dereitos, nos termos establecidos nas leis.

c) Prelación, preferencia e outras prerrogativas recoñecidas na facenda pública en relación cos seus créditos, sen prexuízo das que lles corresponden ás finanzas do Estado e da Comunidade Autónoma e ás demais administracións públicas, nos termos establecidos pola normativa aplicable.

d) Exención dos tributos do Estado e da Comunidade Autónoma, nos termos establecidos polas leis.

4. A potestade tributaria consistirá na posibilidade de establecer e esixir recargas, taxas e contribucións especiais de acordo coa lexislación do Estado reguladora das facendas locais e das disposicións de desenvolvemento.

5. Así mesmo, a Área Metropolitana de Vigo, logo da correspondente encomenda ou delegación, poderá xestionar, liquidar, inspeccionar e recadar os tributos dos municipios que a integran.

Artigo 15. Ámbito competencial.

1. A Área Metropolitana de Vigo exerce as competencias que lle atribúe esta lei.

2. A Área Metropolitana de Vigo exercerá, nos termos establecidos nesta lei, competencias sobre as materias que a continuación se indican:

a) Promoción económica, emprego e servizos sociais.

b) Turismo e promoción cultural.

c) Mobilidade e transporte público de viaxeiros.

d) Medio ambiente, augas e xestión de residuos.

e) Prevención e extinción de incendios.

f) Protección civil e salvamento.

g) Ordenación territorial e cooperación urbanística.

h) Coordinación nas tecnoloxías da información e da comunicación.

1. A Área Metropolitana de Vigo exercerá, ademais, as competencias cuxa titularidade lle poida ser transferida por outras leis.

2. A Área Metropolitana de Vigo exercerá aqueloutras competencias que lle sexan delegadas e cuxa titularidade lles corresponda á Xunta de Galicia, á Deputación Provincial de Pontevedra, á Administración do Estado, así como aos municipios que a integran. O procedemento para a delegación axustarase á súa normativa reguladora.

1. A Área Metropolitana de Vigo poderá realizar actividades de carácter material, técnico ou de servizos de competencia doutras administracións públicas que lle sexan encomendadas por razóns de eficacia. O procedemento para a encomenda de xestión axustarase á súa normativa reguladora.

2. No exercicio das competencias atribuídas, a Área Metropolitana de Vigo integrará a dimensión da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes, para evitar calquera elemento de discriminación directa ou indirecta.

Artigo 16. Plan metropolitano.

1. A asemblea metropolitana aprobará, no prazo máximo de seis meses desde a realización da súa sesión constitutiva, o plan metropolitano cuadrienal de actividades, obras e servizos, elaborado pola xunta de goberno metropolitana, no que deberán figurar expresamente:

a) Os obxectivos da área metropolitana durante ese período.

b) Os servizos, as actividades e as infraestruturas de competencia metropolitana que se van acometer.

c) As fases de execución dos servizos, das actividades e das infraestruturas de competencia metropolitana anteditos.

d) Os recursos económicos necesarios para a execución dos proxectos citados, que deberán estar recollidos no plan de financiamento incluído nel.

2. A competencia para a elaboración do proxecto do plan corresponderalle á xunta de goberno metropolitana, que o someterá durante o prazo dun mes ao informe do comité de cooperación previsto nesta lei no que afecte os servizos de competencia concorrente e á información pública, para posteriormente elevalo á asemblea metropolitana, para os efectos da súa aprobación, xunto co informe emitido polo comité de cooperación e coas alegacións que, de ser o caso, se producisen no trámite de información pública.

3. As obras e os servizos comprendidos no plan metropolitano cuadrienal levarán implícitas, unha vez aprobado este, a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados para os fins de expropiación ou imposición de servidumes.

Artigo 17. Servizos metropolitanos.

1. Os servizos metropolitanos préstanse en todo o ámbito metropolitano e en beneficio de todos os municipios. No caso de prestárense nun ámbito inferior, farase en función dos ámbitos territoriais de actuación debidamente xustificados, e o seu financiamento será determinado polas achegas económicas coas que deben contribuír os concellos afectados, con independencia do que lle corresponde ao sistema xeral de financiamento da Área Metropolitana de Vigo, segundo o establecido no artigo 33 desta lei.

2. Os servizos metropolitanos poderán xestionarse segundo as formas establecidas no artigo 85 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

Sección 2.ª Promoción económica, emprego e servizos sociais

Artigo 18. Promoción económica e emprego.

A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as funcións de:

a) Planificar, xestionar e avaliar programas e proxectos económicos e de emprego que redunden no desenvolvemento socioeconómico da área, con financiamento das outras administracións, con especial atención a aqueles que canalicen financiamento da Xunta de Galicia e das institucións da Unión Europea, en especial dentro do contexto de cooperación transfronteiriza na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, de acordo co marco competencial establecido na normativa vixente e sen prexuízo dos instrumentos de cooperación xa existentes ao respecto.

b) Participar no establecemento das prioridades de desenvolvemento do territorio da Área Metropolitana de Vigo, colaborando coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Administración xeral do Estado na elaboración da programación dos fondos comunitarios.

c) Promover un plan estratéxico metropolitano que, coa participación dos axentes económicos, sociais e institucionais, favoreza a modernización, a investigación e a innovación.

d) Colaborar cos grupos de empresas industriais implantados no seu ámbito, fomentando o modelo da tripla hélice, mediante a cooperación con outras administracións, a universidade e as empresas, e propiciando a consolidación e a retención de capital humano cualificado.

Artigo 19. Servizos sociais.

A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as funcións de:

a) Coordinar e xestionar todos os servizos sociais comunitarios, tanto os básicos coma os específicos, no ámbito do seu territorio.

b) Xestionar os servizos sociais especializados que lle sexan transferidos pola Xunta de Galicia de maneira coordinada cos servizos sociais que preste cada un dos concellos da área.

Sección 3.ª Turismo e promoción cultural

Artigo 20. Turismo e promoción cultural.

1. A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as funcións de:

a) Planificar e xestionar os programas e proxectos para o desenvolvemento e a coordinación das iniciativas culturais e turísticas que afecten os concellos incluídos na área metropolitana.

b) Articular as necesarias fórmulas de cooperación e colaboración cos concellos afectados e coas entidades e cos organismos públicos e privados que interveñan como axentes de desenvolvemento dos proxectos.

2. Así mesmo, a Área Metropolitana de Vigo exercerá, en coordinación co órgano da Xunta de Galicia competente en materia de turismo, as seguintes funcións:

a) Promocionar os recursos e a marca turística de Galicia, en coordinación con todos os entes locais afectados.

b) Asesorar e apoiar tecnicamente os entes locais do seu ámbito territorial en calquera aspecto que mellore a súa competitividade turística.

c) Articular, coordinar e fomentar as estratexias de promoción derivadas do ámbito privado do sector turístico.

d) Participar na formulación dos instrumentos de planificación turística no ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo.

Sección 4.ª Mobilidade e transporte público de viaxeiros

Artigo 21. Transporte público de viaxeiros.

1. A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as seguintes funcións:

a) Ordenar, xestionar, planificar, inspeccionar e sancionar os servizos de transporte público urbano de titularidade dos municipios que a integran, así como das concesións de carácter interurbano que atendan exclusivamente tráficos no ámbito da Área Metropolitana de Vigo. Estas facultades exerceranse conforme a lexislación sectorial que resulte aplicable e sen prexuízo das facultades que lle corresponden á Xunta de Galicia de coordinación do sistema xeral de transportes.

b) Ordenar e intervir administrativamente os servizos de transporte marítimo de persoas con orixe e destino nos municipios incluídos na área metropolitana, consonte o disposto na lexislación vixente.

c) Ordenar e intervir administrativamente o servizo de taxi no ámbito territorial da área metropolitana no marco que estableza a lexislación pola que se regula o transporte público de persoas en vehículos turismo.

2. A Xunta de Galicia exercerá en exclusividade as competencias xerais previstas na lexislación sectorial sobre os servizos de transporte presentes na Área Metropolitana de Vigo que teñan tráficos con puntos situados fóra do seu ámbito territorial. Os novos servizos metropolitanos deberán respectar a unidade económica dos servizos de competencia autonómica.

3. O exercicio das competencias previstas no punto 1 deberá coordinarse, consonte o previsto na lexislación aplicable en materia de transporte urbano e interurbano, coas que lle correspondan á Xunta de Galicia como titular de servizos non metropolitanos.

4. As actuacións executadas pola Área Metropolitana de Vigo en materia de transportes coordinaranse coa planificación efectuada pola Xunta de Galicia, coa finalidade de lles ofertar aos usuarios do transporte na comunidade autónoma un sistema integrado de transporte. Para tal fin, e neste marco, a Área Metropolitana de Vigo procederá á elaboración dun plan de explotación do servizo do transporte público metropolitano, que será tramitado e aprobado consonte o previsto na Lei 6/1996, do 9 de xullo, de coordinación dos servizos de transporte urbanos e interurbanos por estrada de Galicia, e que integrará as previsións do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

Sección 5.ª Medio ambiente, augas e xestión de residuos

Artigo 22. Planificación e xestión medioambiental.

A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar e coordinar un plan de actuación metropolitano para a protección do medio ambiente, a saúde e a biodiversidade.

b) Establecer unha estratexia metropolitana de loita contra o cambio climático co obxectivo de impulsar políticas conxuntas de loita contra este en coordinación cos programas que sobre a materia estableza a Xunta de Galicia, en particular, en aspectos vinculados coa enerxía, co transporte, coa edificación e coa planificación urbanística.

c) Establecer unha estratexia conxunta dos municipios en materia de contratacións públicas que incorpore criterios obrigatorios de sustentabilidade e de loita contra o cambio climático.

d) Elaborar a Axenda 21 metropolitana.

e) Cooperar cos municipios para programar as políticas de ordenación ambiental.

f) Instaurar os instrumentos de contabilidade enerxética municipais, co fin de coñecer e controlar os consumos, de evitar os innecesarios e de promover medidas de aforro, así como de identificar e adoptar boas prácticas na xestión enerxética municipal dos municipios integrantes da área.

g) Elaborar o plan de mobilidade sustentable e establecer as bases para impulsar a cooperación con outras administracións, institucións e entidades con competencias sobre o transporte, co obxectivo de planificar e coordinar os sistemas de transporte multimodal (tren de alta velocidade, transporte aeroportuario, ferrocarril de proximidade, transporte terrestre, transporte marítimo, autoestradas do mar, etc.).

h) Promover e potenciar o transporte sustentable e fomentar os vehículos híbridos e eléctricos; elaborar un mapa metropolitano de electrolineiras; e promover a instalación de autoservizos de alugamento de coches eléctricos para viaxes curtas, con estacións de alugamento para media xornada ou xornada completa.

i) Conservar e xestionar os espazos naturais supramunicipais integrados na súa totalidade dentro do ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo, entendendo como tales os espazos verdes ou os que no planeamento municipal figuren como solos rústicos de protección de espazos naturais.

j) Colaborar cos concellos integrantes no control da contaminación acústica, así como na elaboración de ordenanzas sobre ruídos e vibracións e de mapas de ruído de ámbito municipal, e promover ante a Xunta de Galicia a elaboración de mapas de ruído supramunicipais, logo da identificación daquelas áreas nas que se produza o incumprimento dos obxectivos de calidade acústica.

k) Promover e, de ser o caso, xestionar as instalacións públicas e privadas de enerxías renovables.

l) Planificar e coordinar as medidas de aforro enerxético e a introdución paulatina da utilización de enerxías renovables como estratexia de xestión da demanda enerxética, coa finalidade de aforrar enerxía de orixe fósil e de diminuír a dependencia enerxética.

Artigo 23. Augas.

1. A Área Metropolitana de Vigo intervirá na planificación hidrolóxica a través da súa participación nos organismos correspondentes, conforme o previsto na lexislación aplicable. Esta lei garante a súa representación no consello reitor do ente Augas de Galicia.

2. A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, asumirá a xestión do ciclo completo da auga, definido como tal na lexislación sectorial de augas, que comprende, entre outras:

a) O abastecemento de auga en alta ou adución, que comprende a captación, o nacemento e a represa dos recursos hídricos e a súa xestión, incluídos o tratamento de potabilización, o transporte por arterias principais e o abrollamento en depósitos reguladores de cabeceira dos núcleos de poboación.

b) A subministración da auga en baixa ou distribución, que inclúe o almacenamento intermedio e a subministración de auga potable ata as instalacións propias para o consumo por parte das persoas usuarias finais.

c) A recollida de augas residuais ou da rede de sumidoiros dos núcleos de poboación a través das redes municipais ata o punto de intercepción cos colectores xerais e a intercepción e o transporte das augas residuais a través dos colectores xerais.

d) O tratamento e a depuración de augas residuais urbanas.

e) As augas pluviais e o seu tratamento.

3. De acordo co sinalado nos puntos anteriores e consonte a normativa que resulte aplicable, para exercer as súas competencias en materia de augas a área metropolitana realizará, manterá e conservará as infraestruturas precisas, executará as obras necesarias, agás aquelas declaradas de interese da Comunidade Autónoma ou de interese xeral do Estado, e organizará a prestación dos correspondentes servizos.

4. Con carácter previo ao inicio da prestación dos seus servizos, a área metropolitana elaborará as ordenanzas polas que estes se deberán rexer, que se someterán ao ente Augas de Galicia nos supostos previstos no artigo 89 do vixente texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo. En todo caso, as ordenanzas deberán dar cumprimento aos regulamentos marco dos servizos de saneamento e abastecemento ditados en desenvolvemento da lexislación de augas de Galicia.

Artigo 24. Xestión de residuos.

A Área Metropolitana de Vigo, neste ámbito competencial, exercerá as seguintes funcións:

a) Elaborar e aprobar o seu plan metropolitano de xestión de residuos segundo o procedemento previsto pola normativa de residuos e conforme os plans autonómicos sobre a materia, e incluír nel a instalación dos puntos limpos e das infraestruturas necesarias para a recepción daqueles residuos que requiran unha xestión específica polo seu tamaño, polas súas características ou pola súa composición.

1. O inicio da tramitación do plan metropolitano de residuos seralle comunicado á Xunta de Galicia co fin de que a consellaría con competencias sobre medio ambiente decida sobre a necesidade de someter o devandito plan aos trámites de avaliación ambiental estratéxica.

2. A aprobación definitiva do plan por parte da área metropolitana requirirá, en todo caso, informe previo favorable da consellaría da Xunta de Galicia competente en materia de xestión de residuos sobre a súa compatibilidade cos obxectivos previstos na planificación autonómica.

b) Asumir a xestión da recollida, do transporte, da valorización e da eliminación de todo tipo de residuos urbanos, que se considerará para todos os efectos como parte do plan autonómico de residuos.

Sección 6.ª Prevención e extinción de incendios

Artigo 25. Prevención e extinción de incendios.

A Área Metropolitana de Vigo poderá asumir a prestación de servizos de titularidade municipal en materia de prevención e extinción de incendios.

No marco da planificación xeral que lle corresponde á Xunta de Galicia, a Área Metropolitana de Vigo e o Consorcio Provincial para a Extinción de Incendios poderán coordinar as súas facultades co fin dunha máis efectiva prestación dos servizos.

Sección 7.ª Protección civil e salvamento

Artigo 26. Protección civil e salvamento.

A Área Metropolitana de Vigo poderá asumir a coordinación dos efectivos de protección civil e de salvamento no ámbito do seu territorio, sen prexuízo da atribución de competencias que proceda no caso de activación de plans de protección civil de ámbito superior que estean aprobados e homologados.

Sección 8.ª Ordenación territorial e cooperación urbanística

Artigo 27. Ordenación territorial.

1. No marco da planificación territorial e sectorial da Xunta de Galicia, a ordenación territorial e urbanística integrada do territorio da Área Metropolitana de Vigo levarase a cabo mediante os seguintes instrumentos:

a) O plan territorial integrado metropolitano.

b) Os plans e proxectos sectoriais metropolitanos.

Artigo 28. Plan territorial integrado metropolitano.

1. En desenvolvemento das Directrices de ordenación do territorio de Galicia, a Área Metropolitana de Vigo redactará un plan territorial integrado metropolitano, de acordo coa lexislación aplicable en materia de ordenación do territorio.

Para a redacción do plan territorial integrado metropolitano establecerase un procedemento de colaboración coa consellaría competente en materia de ordenación do territorio e coas consellarías competentes nas materias que o regulan para garantir a súa coherencia territorial co sistema de planificación en serie establecido coas Directrices de ordenación do territorio.

2. No ámbito das súas competencias, o plan territorial integrado metropolitano ten como misión a organización do territorio metropolitano, polas súas características homoxéneas, de tamaño e as súas relacións funcionais, que fan necesaria unha planificación infraestrutural e de equipamentos de tipo metropolitano e carácter integrado, de cara a un desenvolvemento sustentable e equilibrado de todos os concellos integrantes.

3. As determinacións do plan territorial integrado metropolitano serán as establecidas no artigo 13 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

4. O Plan territorial integrado metropolitano da Área Metropolitana de Vigo elaborarase no marco das Directrices de ordenación do territorio de Galicia e deberá respectar en todo os diferentes plans territoriais integrados que afecten total ou parcialmente o ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo.

Artigo 29. Plans e proxectos sectoriais metropolitanos.

Os plans e proxectos sectoriais metropolitanos, no marco das determinacións vinculantes establecidas polo plan territorial integrado metropolitano, terán como finalidade algunha das establecidas no punto 1 do artigo 22 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

No ámbito das súas competencias, a cualificación de incidencia supramunicipal dos plans e proxectos sectoriais metropolitanos corresponderalle á asemblea metropolitana.

Artigo 30. Cooperación en materia urbanística.

A Área Metropolitana de Vigo poderá exercer funcións de asistencia e cooperación cos municipios integrados nela, especialmente cos de menor capacidade económica e de xestión, para colaborar no cumprimento das súas obrigas urbanísticas.

Neste sentido, determinarase na comisión mixta paritaria a transferencia de competencias nesta materia por parte da Deputación Provincial de Pontevedra a favor da área metropolitana, así como os recursos económicos, humanos e materiais para o seu exercicio.

Artigo 31. Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo.

1. Créase a Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo como órgano de coordinación interadministrativa en materia de ordenación do territorio e urbanismo adscrito á consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

2. A presidencia da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo ou á persoa en quen delegue. Esta comisión estará integrada por vinte membros, ademais da presidenta ou do presidente da comisión, dez en representación da Administración da Xunta de Galicia e dez en representación da Área Metropolitana de Vigo, cinco dos cales serán elixidos polo Concello de Vigo en proporción ao número de concelleiras ou concelleiros que teña cada grupo político no pleno.

3. Correspóndelle á Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo:

a) A articulación do plan territorial integrado metropolitano cos demais plans territoriais integrados que afecten o seu territorio, cuxas determinacións serán vinculantes para aquel.

b) A aprobación definitiva do plan territorial integrado metropolitano e dos plans e proxectos sectoriais formulados e tramitados pola Área Metropolitana de Vigo, consonte o previsto nos artigos 28 e 29 desta lei.

c) A aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal dos concellos integrantes e as súas modificacións, cuxa competencia, segundo a normativa vixente, lle corresponde á conselleira ou ao conselleiro, no marco do plan territorial integrado metropolitano. Para estes efectos será necesario que estea aprobado definitivamente o plan territorial integrado metropolitano.

d) O exercicio das demais competencias que, en materia de ordenación territorial e urbanística da Área Metropolitana de Vigo, lle delegue a Administración da Xunta de Galicia.

4. Por decreto do Consello da Xunta de Galicia determinarase o réxime de organización e funcionamento da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo.

Sección 9.ª Coordinación nas tecnoloxías da información e da comunicación

Artigo 32. Concellos en rede.

Os concellos da Área Metropolitana de Vigo, co obxecto de melloraren a eficacia, garantiren o acceso da cidadanía á internet e promoveren a súa participación, crearán e xestionarán unha plataforma informática común, que permitirá, entre outras cousas:

a) Elaborar un catálogo de prestacións e servizos en liña común para todos os cidadáns da área.

b) Unificar determinados trámites administrativos a través da rede para que sexan facilmente identificables e realizables polos cidadáns.

c) Cooperar cos concellos para que incrementen este tipo de prestacións en liña para os cidadáns.

d) Promover e estender o uso da internet e das novas tecnoloxías no ámbito de actuación da área.

e) Centralizar e coordinar os servizos técnicos informáticos, na procura da redución de custos, da optimización de recursos e da instauración de economías de escala.

CAPÍTULO IV Facenda da área metropolitana

Artigo 33. Facenda da Área Metropolitana de Vigo.

1. A facenda da Área Metropolitana de Vigo estará constituída polos seguintes recursos:

a) Os ingresos procedentes do seu patrimonio e demais de dereito privado.

b) Os canons e demais dereitos pola utilización de bens públicos e tributos propios, clasificados en taxas e contribucións especiais, nos termos da lexislación aplicable en materia de facendas locais.

c) As achegas económicas dos municipios integrados na área metropolitana, que serán fixadas pola asemblea metropolitana, logo da proposta da xunta de goberno metropolitana, e que consistirán:

1. Nunha cantidade fixa por habitante igual para cada concello, que, necesariamente, deberá cubrir o sistema xeral de financiamento da Área Metropolitana de Vigo.

2. Nunha cantidade, que será acordada nas comisións mixtas paritarias e que dependerá dos servizos transferidos, calculada segundo as premisas de racionalidade e de non incrementar o gasto público e determinada polo custo efectivo neto.

Para tal fin, os concellos integrados na área metropolitana consignarán, nos seus orzamentos, as cantidades precisas.

Se as achegas económicas non se efectuasen, a área metropolitana, a través da persoa que ocupe a presidencia, poderá solicitarlle á Comunidade Autónoma que reteña, logo da instrución do correspondente procedemento, e con cargo ás transferencias de carácter incondicionado e non finalista que esta poida ter recoñecidas a favor dos concellos debedores, os fondos do municipio debedor ata a contía en que se cifre a débeda en cuestión e que os ingrese na facenda da área metropolitana.

d) As transferencias, subvencións e achegas en xeral provenientes doutras administracións públicas, incluídas as achegas dirixidas ao financiamento de servizos e competencias específicos previamente traspasados, delegados ou encomendados calculadas segundo a premisa de non incrementar o gasto público e determinadas polo custo efectivo neto. As achegas dos servizos traspasados pola Xunta de Galicia serán acordadas nas comisións mixtas paritarias segundo o establecido nesta lei. Tamén, de ser o caso, as que se pudiesen conceder con carácter non finalista.

e) O produto das operacións de crédito.

f) Os percibidos en concepto de prezos públicos.

g) O produto das multas e sancións que a área metropolitana poida impoñer no ámbito das súas competencias.

h) As demais prestacións de dereito público.

i) Os recursos procedentes da UE e de programas comunitarios.

j) Os recursos que, con carácter de afectados, puidesen establecerse nos orzamentos xerais do Estado en concepto de financiamento de determinados servizos específicos.

k) As doazóns de entidades particulares.

l) Calquera outro que lle corresponda percibir ou, de ser o caso, se estableza de acordo coas leis.

2. A área metropolitana terá capacidade para adquirir, gravar e allear bens, e obrigarase mediante relacións de dereito público e privado. O seu réxime orzamentario e contable será o que se sinala na lexislación aplicable en materia de facendas locais e na súa normativa de desenvolvemento para os entes locais.

CAPÍTULO V Persoal da Área Metropolitana de Vigo

Artigo 34. Persoal da Área Metropolitana de Vigo.

1. A Área Metropolitana de Vigo poderá contar co seguinte persoal público:

a) O persoal funcionario de carreira.

b) O persoal funcionario interino.

c) O persoal laboral.

d) O persoal eventual.

2. A Área Metropolitana de Vigo formará a relación de todos os postos de traballo existentes na súa organización baixo criterios de austeridade e o de non incrementar o gasto público, polo que promoverá a mobilidade do persoal entre a área metropolitana e os municipios que forman parte dela e fará as previsións respectivas segundo o establecido no Estatuto básico do empregado público e na normativa autonómica aplicable ás entidades locais.

3. O persoal da Área Metropolitana de Vigo será principalmente persoal traspasado das diferentes administracións que transfiran competencias e servizos. No suposto de que a área metropolitana queira incorporar persoal non traspasado, a xunta de goberno metropolitana deberá presentar unha proposta xurídica, económica e de oportunidade, que será aprobada por maioría absoluta pola asemblea metropolitana.

4. O réxime xurídico aplicable ao persoal da área metropolitana será o previsto na lexislación vixente para o persoal ao servizo das entidades locais.

Artigo 35. Persoal directivo.

1. A directora ou o director xeral que se cree segundo o artigo 3.3 desta norma terá en todo caso a consideración de persoal directivo. O persoal directivo deberá ser seleccionado entre persoal empregado público ou profesionais do sector privado, tituladas ou titulados superiores en ambos os dous casos, e con máis de cinco anos de exercicio profesional no segundo. A súa designación atenderá a criterios de mérito, capacidade e idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

2. A directora ou o director xeral exercerá, de ser o caso, as seguintes funcións:

a) Impulsar e dirixir os servizos técnicos e administrativos que se creen para o exercicio das competencias da área metropolitana.

b) Velar polo establecemento de métodos de xestión que garantan unha prestación eficiente e de calidade dos servizos metropolitanos.

3. Ao persoal directivo sonlle aplicables as causas de incapacidade e incompatibilidade establecidas para os membros das corporacións locais e o establecido pola lexislación xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

4. Cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección.

5. O persoal directivo pode asistir ás sesións dos órganos de goberno da Área Metropolitana de Vigo se é requirido pola presidenta ou polo presidente ou se así o solicita a maioría dos membros.

Artigo 36. Oferta de emprego público.

A Área Metropolitana de Vigo aprobará anualmente a súa oferta pública de emprego, e promoverá a mobilidade do persoal entre a área metropolitana e os municipios que forman parte dela, na que se expresarán as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria e autorización da asemblea metropolitana, cando deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso.

Artigo 37. Funcionarias e funcionarios con habilitación de carácter estatal.

1. Serán funcións públicas necesarias na Área Metropolitana de Vigo, cuxa responsabilidade administrativa estará reservada a funcionarias ou a funcionarios con habilitación de carácter estatal:

a) A de secretaría, comprensiva da fe pública e do asesoramento legal preceptivo.

b) A de control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria e a de contabilidade, tesouraría e recadación.

2. A clasificación e a provisión dos postos de traballo reservados a funcionarias ou funcionarios con habilitación de carácter estatal na Área Metropolitana de Vigo serán as reguladas na normativa sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal.

3. O réxime xurídico aplicable ao persoal funcionario con habilitación de carácter estatal da Área Metropolitana de Vigo será o previsto na lexislación vixente para estes empregados públicos.

Disposición adicional primeira. Constitución da primeira asemblea metropolitana.

1. Cada concello, no prazo de trinta días desde a entrada en vigor desta lei, debe convocar a sesión ou as sesións extraordinarias do pleno para designar os seus representantes á asemblea metropolitana que non sexan membros natos dela.

2. A primeira sesión constitutiva da asemblea metropolitana realizarase no prazo de tres meses desde a entrada en vigor desta lei, e a súa convocatoria corresponderalle á alcaldesa ou ao alcalde do municipio de Vigo.

3. Constituirase unha mesa de idade, integrada polos representantes de maior e menor idade presentes na sesión, na que actuará como secretaria ou secretario na primeira constitución a secretaria ou o secretario xeral do Pleno do Concello de Vigo.

Disposición adicional segunda. Cesación da participación dos concellos noutros entes asociativos.

1. No caso de entidades asociativas supramunicipais cuxo ámbito territorial e competencial estea incluído integramente dentro do ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo, soamente se poderá xustificar que non se disolvan ou que se cree unha nova cando desenvolvan actividades con características especiais e cando por razóns de eficacia xustifiquen o desenvolvemento de tales funcións por unha entidade supramunicipal diferente da Área Metropolitana de Vigo.

2. Constituída a asemblea metropolitana e mediante unha comisión mixta, os órganos de goberno deberán poder acordar cos da Mancomunidade Intermunicipal de Vigo o procedemento e as condicións nos que deben ser traspasados á Área Metropolitana de Vigo os servizos, os medios materiais, financeiros e persoais, os dereitos e as obrigas de titularidade da mancomunidade, así como todo canto proceda para os efectos da substitución da mancomunidade pola Área Metropolitana de Vigo nos órganos, nos organismos, nas institucións, nos consorcios, nas sociedades e nos demais entes públicos e privados dos que forma parte ou nos que está representada. Os municipios mancomunados, previamente ao que se determina ao principio deste punto, deben manifestar a vontade de participar, conforme os preceptos legais e estatutarios aplicables, na disolución, se procede, da Mancomunidade Intermunicipal de Vigo.

Disposición adicional terceira. Participación das outras administracións no exercicio das competencias asumidas pola Área Metropolitana de Vigo.

Os concellos integrados na Área Metropolitana de Vigo e na deputación non poderán dotar créditos nos seus orzamentos nin aprobar expedientes de gasto para o recoñecemento de obrigas naquelas competencias cuxos servizos fosen efectivamente traspasados. A Xunta de Galicia e o resto de administracións que lle traspasen servizos á Área Metropolitana de Vigo tampouco poderán executar gasto para o financiamento destes servizos transferidos.

Disposición adicional cuarta. Traspaso de servizos e funcións da Comunidade Autónoma á Área Metropolitana de Vigo.

1. O traspaso efectivo dos medios e servizos que con anterioridade á entrada en vigor desta lei eran exercidos pola Comunidade Autónoma efectuarase logo dos acordos de transferencia correspondentes, conforme o disposto na normativa aplicable e nos seguintes puntos.

2. Para o procedemento de traspaso dos medios e servizos necesarios para o exercicio das competencias transferidas desde a Comunidade Autónoma á Área Metropolitana de Vigo créase unha comisión mixta paritaria integrada por un máximo de seis membros.

A comisión será presidida pola conselleira ou polo conselleiro competente en materia de réxime local, e formarán parte dela, sempre, a conselleira ou o conselleiro competente na materia obxecto do traspaso, así como un representante da Consellería de Facenda.

A principal función deste órgano será concretar os termos en que os traspasos se deban realizar no que se refire ao custo dos servizos, medios materiais e humanos, condicións de exercicio e demais necesarios. O traspaso de medios e servizos que se efectúe desde a Comunidade Autónoma á área metropolitana deberá ir acompañado dunha adecuada e suficiente transferencia de recursos a favor desta última que lle garanta un óptimo e efectivo desempeño das competencias transferidas.

Elaboradas por consenso de ambas as dúas representacións as propostas de traspaso, solicitarase, antes da súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, informe da Comisión Galega de Cooperación Local.

A materialización da transferencia requirirá a aprobación, tanto polo Consello da Xunta de Galicia coma pola asemblea metropolitana, das propostas consensuadas nas comisións mixtas paritarias.

3. As propostas das comisións mixtas paritarias deberán conter, en todo caso, sen prexuízo das adaptacións que procedan, as seguintes previsións:

a) A referencia ás normas legais que xustifican o traspaso.

b) A relación das competencias e dos servizos que se traspasan, así como a dos que reserva para si a administración transferente.

c) A identificación concreta, de ser o caso, e a especificación daquelas funcións concorrentes e compartidas entre ambas as dúas administracións, coa determinación das formas institucionais de cooperación entre elas.

d) O inventario detallado dos bens, dos dereitos e das obrigas da Administración que estean adscritos á prestación do servizo que se transfira, con especificación dos datos que permitan a correcta identificación dos bens inmobles e con determinación dos contratos afectados polo traspaso.

e) As relacións nominais do persoal adscrito aos servizos que se transfiran, con expresión do seu número de rexistro de persoal, e, ademais, se se trata de persoal funcionario, do corpo, do posto de traballo, da situación administrativa e do réxime de retribucións básicas e complementarias. No caso de persoal laboral, expresarase a súa categoría, o seu posto de traballo e o réxime de retribucións.

f) A relación de vacantes, dotadas orzamentariamente, e dos servizos que se traspasen, con indicación do corpo ao que están adscritas, do nivel orgánico e do importe da dotación económica.

g) A valoración do custo efectivo do servizo, tendo en conta que, cando se traspasen servizos cuxa prestación estea gravada con taxas ou reporte de ingresos de dereito privado, o seu importe minorará a valoración do custo efectivo do servizo transferido. Enténdese por custo efectivo o que lle corresponda ao gasto corrente, así como, de ser o caso, o gasto de novo investimento e de reposición e as subvencións condicionadas.

h) O custo efectivo neto dos servizos traspasados, calculado segundo o punto 2 da disposición adicional quinta, e as modificacións que, de ser o caso, se deban operar nos orzamentos municipais, así como os criterios de actualización no futuro ou a porcentaxe equivalente sobre os ingresos dos devanditos orzamentos.

i) A referencia á documentación administrativa referida á competencia ou ao servizo transferido.

j) A data de efectividade do traspaso. Antes desta data deberán formalizarse cantos documentos e cantas actuacións sexan precisos para garantir a titularidade e dispoñibilidade pola área metropolitana dos bens e dereitos que se transfiran.

Disposición adicional quinta. Subrogación da titularidade das concesións e traspaso de empregadas ou empregados públicos.

1. A aprobación dos acordos de transferencia supoñerá a subrogación na titularidade de todas as concesións dos servizos públicos e de todos os contratos administrativos formalizados que pasen a ser competencia da Área Metropolitana de Vigo e que estean en vigor no momento en que se faga efectiva a asunción da devandita xestión.

2. O método de cálculo do custo efectivo neto dos servizos transferidos á Área Metropolitana de Vigo vén determinado polo cálculo do custo efectivo da prestación do servizo no momento da transferencia; entendendo por custo efectivo o importe total comprensivo do gasto corrente e o de reposición, segundo a letra g) do punto 3 da disposición anterior, así como tamén das subvencións co carácter de condicionadas, se as houbese. Calculado o devandito importe total, habería que determinar a carga neta asumida por cada administración delegante, que virá dada pola diferenza entre o custo efectivo e o importe da recadación líquida obtida por taxas e ingresos que graven a prestación do servizo transferido.

3. Ás empregadas ou aos empregados públicos que no marco do disposto nesta lei pasen a prestar servizos noutra administración pública respectaránselles, en todo caso, o grupo do corpo ou a escala de procedencia, así como os dereitos económicos inherentes ao grao persoal que tivesen consolidados.

As empregadas ou os empregados públicos transferidos permanecerán, polo que se refire ao seu corpo e á escala da administración de orixe, na situación de servizos noutras administracións públicas, que lles permitirá manter respecto deles todos os seus dereitos, coma se estivesen en servizo activo, de acordo co establecido na lexislación básica do Estado e de desenvolvemento autonómico.

Disposición adicional sexta. Traspaso de servizos e funcións das entidades locais territoriais á Área Metropolitana de Vigo.

1. Cando se trate de competencias da deputación, dos concellos ou doutras entidades locais atribuídas por esta lei á Área Metropolitana de Vigo, constituirase para cada entidade local unha comisión paritaria mixta, integrada por tres representantes do respectivo ente, elixidos polo pleno ou por un órgano equivalente, e outros tres da área metropolitana, elixidos pola asemblea metropolitana.

2. A comisión será presidida pola presidenta ou polo presidente da Área Metropolitana de Vigo, e formarán parte dela, sempre que existan na administración metropolitana, as súas vicepresidentas ou os seus vicepresidentes. Se non é así, serán nomeados os dous representantes metropolitanos pola xunta de goberno metropolitana. Os representantes do concello serán elixidos polo pleno, e as alcaldesas ou os alcaldes serán sempre membros natos da comisión.

3. A materialización do traspaso realizarase nos termos establecidos nas dúas disposicións anteriores, así como na normativa autonómica vixente, e requirirá a aprobación, tanto polo órgano competente da corporación local –segundo o establecido na lexislación básica de réxime local– coma pola asemblea metropolitana, das propostas consensuadas nas comisións mixtas paritarias.

Disposición adicional sétima. Vinculación do ámbito territorial da Área Metropolitana de Vigo.

Para os efectos da elaboración dos distintos instrumentos de planificación autonómica, exceptuando aqueles instrumentos de ordenación territorial establecidos no artigo 29, a Área Metropolitana de Vigo terá a consideración de área de delimitación territorial preferente para a planificación organizativa á que se refira.

Disposición adicional oitava. Ampliación do ámbito territorial.

O ámbito territorial establecido no artigo 2 desta lei poderá ser ampliado por decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo da audiencia do concello afectado, da Comisión Galega de Delimitación Territorial, da asemblea metropolitana e da consellaría con competencias en materia de réxime local.

A ampliación establecida nesta disposición só lles será aplicable a aqueles concellos que sexan limítrofes con algún outro que xa forme parte da área metropolitana e entre cuxos núcleos de poboación se dean as mesmas vinculacións económicas e sociais que fixeron necesarias a planificación conxunta e a coordinación dos servizos que recolle esta lei.

Disposición transitoria primeira. Acordos que afecten servizos transferidos.

No regulamento orgánico poderase prever que nos acordos da asemblea metropolitana, da xunta de goberno metropolitana e do resto de órganos complementarios nos que estean presentes concelleiras ou concelleiros metropolitanos e que afecten servizos transferidos unicamente poidan participar aqueles representantes dos concellos que transferisen os anteditos servizos, ou ben establecer mecanismos de repartición proporcional destes.

Disposición transitoria segunda. Procedemento de designación das concelleiras ou dos concelleiros metropolitanos do artigo 6.4.b).

Ata que o regulamento orgánico estableza outro sistema de designación das concelleiras ou dos concelleiros metropolitanos, e, en todo caso, para a constitución da primeira asemblea metropolitana, o procedemento de designación dos representantes do artigo 6.4.b) terá carácter regrado para cada concello e levarase a cabo polo sistema D`Hont segundo as seguintes regras:

a) Ordénanse de maior a menor nunha columna as cifras de concelleiras ou concelleiros que cada candidatura acadase no concello nas eleccións municipais.

b) Divídese o número de concelleiras ou concelleiros obtidos por cada candidatura entre 1, 2, 3, etcétera, ata o número de representantes que lle corresponden a ese concello segundo o artigo 5.2. As concelleiras ou os concelleiros metropolitanos atribúenselles ás candidaturas que obteñan cocientes maiores, atendendo a unha orde descendente. No caso de empate no cociente na derradeira concelleira ou no derradeiro concelleiro metropolitano, este corresponderalle a aquela candidatura que obtivese maior número de votos.

c) Cando a persoa titular da alcaldía ou membro nato pertenza a un grupo municipal con representación segundo a letra anterior, este será un dos concelleiros ou das concelleiras que lle correspondan ao seu grupo. Se a alcaldesa ou o alcalde ou membro nato non pertence a un grupo municipal con representación segundo a letra anterior, este será un dos concelleiros ou das concelleiras metropolitanos que lle corresponden ao concello, e o resto distribuirase segundo o sistema disposto na letra anterior.

Disposición transitoria terceira. Xestión do abastecemento en alta.

A área metropolitana asumirá a xestión do abastecemento en alta e fixará as tarifas que se lles cobrarán aos concellos que se subministren dos encoros, aínda que estes concellos non lle transferisen á Área Metropolitana de Vigo efectivamente a xestión do ciclo integral da auga por non teren rematados os procedementos de traspaso destes servizos.

Entenderase como abastecemento en alta o definido como tal na lexislación sectorial de augas.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta lei, e expresamente derróganse os artigos 123, 124, 125, 126, 127, 128, 129, 130, 131, 132, 133 e 134 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

1. Engádese un novo artigo 15 bis, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 15 bis. Procedemento de aprobación de plans territoriais integrados de ámbito metropolitano.

1. Correspóndelle á asemblea metropolitana acordar a iniciación do procedemento de elaboración. Este acordo será motivado e sinalará as causas que o xustifiquen.

De non se iniciar o procedemento de elaboración no prazo de dous anos, contados desde a constitución da área metropolitana, a consellaría competente en materia de ordenación do territorio poderá subrogarse no exercicio desta iniciativa. Iniciado o correspondente expediente pola consellaría, a área metropolitana deberá absterse de toda actuación no mesmo asunto desde o momento en que reciba a oportuna comunicación, e remitiralle á citada consellaría cantas actuacións practicase, sen prexuízo da participación que lle poida corresponder no expediente iniciado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Este acordo, que deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia á que pertenza a área metropolitana e polo menos en dous dos xornais de maior circulación no ámbito territorial da área metropolitana, notificaráselles, ademais, aos concellos afectados e á deputación provincial respectiva.

2. Unha vez acordada a iniciación do plan territorial integrado, establecerase un procedemento de colaboración coa consellaría competente en materia de ordenación do territorio para garantir a súa coherencia territorial co sistema de planificación en serie establecido coas Directrices de ordenación do territorio.

3. Redactado o plan territorial integrado metropolitano, e antes da súa aprobación inicial pola asemblea metropolitana, someterase ao informe das corporacións locais integrantes da área metropolitana, que o emitirán no prazo máximo de dous meses.

Así mesmo, solicitaranse das administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios, que deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, salvo que a lexislación sectorial sinale outro prazo.

4. Unha vez que o expediente estea completo, remitiráselle á persoa titular da consellaría competente en materia de ordenación do territorio para o seu informe, que será preceptivo e vinculante e que deberá ser emitido no prazo de dous meses. Este informe versará unicamente sobre o exacto cumprimento dos trámites establecidos e sobre a adecuación do plan ás Directrices de ordenación do territorio e aos demais plans territoriais integrados que afecten total ou parcialmente o seu territorio.

5. Co acordo de aprobación inicial adoptarase o de apertura do trámite de información pública por un período de dous meses e solicitarase informe da Delegación do Goberno, que o deberá emitir no mesmo prazo.

6. A asemblea metropolitana, á vista do resultado da información pública e dos informes producidos, acordará a aprobación provisional coas modificacións que, de ser o caso, procedan. Se con motivo das alegacións formuladas ou dos informes emitidos tivesen que introducirse modificacións substanciais en relación co documento aprobado inicialmente, poderá dispoñer dun novo período de información pública e consulta de igual duración ca o anterior.

7. Logo da aprobación provisional, a asemblea metropolitana elevaralle o expediente completo á Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo, que procederá, de ser o caso, á súa aprobación definitiva e á súa publicación nos diarios oficiais sinalados no punto 1».

2. Engádese un novo artigo 25 bis, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 25 bis. Procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais metropolitanos.

1. A iniciativa poderá partir da propia asemblea metropolitana, de calquera concello integrado nela, dunha persoa física ou xurídica ou doutra administración pública.

2. A asemblea metropolitana, logo do informe preceptivo e vinculante da Comisión de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Área Metropolitana de Vigo, será o órgano competente para a declaración do plan ou do proxecto como de incidencia supramunicipal.

3. Logo da súa aprobación inicial pola asemblea metropolitana, someterase durante o prazo mínimo dun mes aos trámites de información pública mediante os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial da provincia respectiva, audiencia aos municipios integrantes da área metropolitana e anuncio nun dos xornais de maior circulación no ámbito territorial metropolitano.

4. Logo do exame das alegacións presentadas, a asemblea metropolitana procederá á súa aprobación provisional, introducirá, de ser o caso, as modificacións ou correccións que procedan e elevará o expediente completo á consellaría competente en materia de ordenación do territorio, que o poñerá á disposición de todas as consellarías afectadas para que poidan alegar o que consideren conveniente. Con toda esta documentación, a consellaría competente en materia de ordenación do territorio emitirá o seu informe preceptivo e vinculante nun prazo máximo de dous meses.

5. A consellaría competente en materia de ordenación do territorio remitiralle o plan ou o proxecto sectorial metropolitano á comisión de ordenación do territorio e urbanismo, xunto co informe preceptivo, para os efectos da súa aprobación definitiva, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial da provincia respectiva».

Disposición derradeira segunda. Modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1. No artigo 85.7, no seu terceiro parágrafo, substitúese «o conselleiro ou conselleira» por «o órgano competente para acordar a aprobación definitiva».

2. Engádese un novo punto ao artigo 89 coa seguinte redacción:

«3. A aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal e das súas modificacións dos concellos integrantes dunha área metropolitana correspóndelle ao órgano competente que designe a lei de creación da área metropolitana, unha vez aprobado definitivamente o seu plan territorial integrado».

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

1. Modifícase o artigo 2, que queda coa seguinte redacción:

«Artigo 2.

1. Gozan da condición de entidades locais non territoriais as mancomunidades de municipios, os consorcios locais e as entidades locais menores.

2. As áreas metropolitanas terán a consideración de entidades locais supramunicipais de carácter territorial».

Disposición derradeira cuarta. Habilitación normativa.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións regulamentarias de desenvolvemento e de execución desta lei.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor ao mes seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia