lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia.

Publicado en: DOG 93 18/05/2016

Departamento: Parlamento de Galicia

Estado: En vigor

PDF

Exposición de motivos

I

A economía social engloba un conxunto de actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo entidades que perseguen, ben o interese colectivo das persoas que o integran, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos os dous, mostrándose día a día como un actor fundamental no desenvolvemento da sociedade actual.

Segundo dispón o artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto no artigo 149.1.13 da Constitución española, a competencia exclusiva para o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

As institucións da Unión Europea teñen posto de manifesto de xeito reiterado a importancia da economía social, que contribúe a un modelo económico sustentable no que as persoas son máis importantes ca o capital e que pon en evidencia un modelo de empresas que non se caracteriza polo tamaño ou polo sector de actividade, senón polo respecto aos valores comúns, e cuxo motor principal non é a rendibilidade financeira, senón os beneficios para toda a sociedade.

Neste senso, cómpre destacar pola súa relevancia o Informe 2008/2250 (INI), do 26 de xaneiro de 2009, do Parlamento Europeo, que considera a economía social como axente clave para o logro dos obxectivos de Lisboa, no que se establecen os medios necesarios para acadalos, dá unha visibilidade institucional clara á realidade da economía social e insta a decidir que políticas poden ser determinantes para axudar este sector, tales como establecer clarificacións conceptuais e estatísticas ou fomentar programas europeos que a favorezan.

En España, a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, definiu o concepto e concretou os seus principios orientadores, configurando un marco xurídico de aplicación no conxunto do Estado que, sen substituír a normativa aplicable a cada unha das entidades que conforman o seu ámbito, pretende un maior recoñecemento e visibilidade da economía social ao lle outorgar maior grao de seguridade xurídica.

Entre as entidades que forman parte da economía social cómpre citar as cooperativas, as mutualidades, as fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica, as sociedades laborais, as empresas de inserción, os centros especiais de emprego, as confrarías de pescadores e as sociedades agrarias de transformación.

Esta norma común recoñece como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades que conforman a economía social e sinala os obxectivos que os poderes públicos deben ter presentes á hora de abordaren a súa política de promoción.

II

Galicia non é allea a esta actividade de fomento e ten realizado un importante esforzo de promoción, a través de múltiples programas e iniciativas, entre os que destaca, nos últimos tempos, a creación da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.

A situación actual demanda reforzar a aposta de futuro pola economía social e dar un salto cualitativo que permita visibilizar o sector en toda a súa amplitude e que recoñeza especificamente as importantes achegas que realiza á sociedade, así como as oportunidades de mellora económica e social que ofrece.

Cómpre salientar que as características deste sector lle permiten afrontar as demandas, os retos e os desafíos da sociedade e a economía global, adaptándose especialmente ben ás situacións de crise. Todas as persoas se poden beneficiar das vantaxes que a economía social proxecta sobre a sociedade, o territorio e a realidade económica. En particular, o colectivo de persoas emprendedoras ten ao seu dispor unha interesante vía para levar a cabo o seu proxecto e crear o seu propio emprego.

Tendo en conta as potencialidades da economía social e as competencias que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia, resulta importante a aprobación dunha norma legal que dote o sector dunha regulación propia en sintonía coa realidade galega e que fomente a súa consolidación e expansión.

Esta Lei da economía social de Galicia ten entre os seus obxectivos principais o de poñer en valor este sector económico, dotalo da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade e impulsar a súa capacidade de xerar un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable.

Pretende, igualmente, achegar solucións ao complexo panorama sociolaboral e constituírse nun estímulo para a dinamización do autoemprego e do emprendemento enraizado no territorio, e ten como protagonistas as persoas.

Por medio desta lei intégrase o sector, ata o de agora disperso, situándose nun plano de participación que abre canles de interlocución capaces de melloraren a eficacia das políticas activas de emprego e a dinamización económica e social de Galicia. Así mesmo, establécense mecanismos de coordinación entre os distintos axentes públicos e as entidades de economía social, que facilitan concretar obxectivos e aglutinar esforzos e incentivos para o desenvolvemento do sector.

III

Con ocasión da regulación na nosa Comunidade Autónoma deste sector da economía, neste escenario normativo representado pola Lei da economía social de Galicia, resulta axeitado proceder á adaptación da normativa autonómica en materia de autorización de servizos sociais prevista na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, ao disposto na Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, a cal deseña un sistema que elimina regulacións innecesarias, establece procedementos máis áxiles e minimiza as cargas administrativas, en prol de fomentar e impulsar o emprendemento e a iniciativa dos operadores económicos. Esa pretensión non pode, non obstante, descoñecer as especificidades propias dos servizos sociais, en especial a protección dos dereitos das persoas destinatarias deles e a garantía duns servizos sociais de calidade, que fan preciso configurar un réxime propio descrito nesta lei a respecto da exixencia de autorización.

A Lei de servizos sociais de Galicia está suxeita xenericamente nos seus artigos 2.4 e 29.2 ao requisito da autorización ás entidades que creen centros de servizos sociais, así como ás que xestionen programas e prestacións desta natureza. E nos seus artigos 59.d) e 68 atribúelle respectivamente á Xunta de Galicia competencias sobre a autorización de centros, servizos e programas sociais e a determinación do réxime de autorización administrativa en materia de servizos sociais, e difire ao seu desenvolvemento regulamentario as condicións e os procedementos para a obtención, revogación e suspensión das autorizacións.

Ese reflexo legal en prol da autorización para a creación e a prestación de servizos, centros e programas sociais acollía unha interpretación do réxime de rexistro e de autorización conciliable coas previsións da Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, que se viu afectada pola Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, en especial respecto do control administrativo, ao declarar a dita lei xenericamente o libre acceso e exercicio de todas as actividades económicas en todo o territorio nacional, coa única limitación do establecido nesa lei e do disposto na normativa da Unión Europea ou en tratados e convenios internacionais.

Así mesmo, semella preciso adaptar a Lei de servizos sociais ás disposicións da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e da Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei 17/2009, e a Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior.

Para maior abastanza, tivéronse en conta na redacción deste texto legal a Resolución do 13 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, e mais a Resolución do 31 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia.

En definitiva, de acordo co anterior, a exixencia do réxime de autorización, sometido aos principios de necesidade e proporcionalidade, dabondo motivados legalmente, con especificación da súa concorrencia, atópase circunscrita a que esas razóns non poidan salvagardarse mediante a presentación dunha declaración responsable ou dunha comunicación previa.

Sen prexuízo do anterior, o mantemento do réxime de autorización é unha garantía necesaria para a prestación de determinados servizos sociais, fundamentada en razóns imperiosas de saúde pública, orde pública, seguridade pública e interese xeral, que en suma se constitúen nunha garantía para os usuarios.

Finalmente, no marco da adaptación da Lei de servizos sociais de Galicia á lexislación vixente operada a través desta lei, modifícase tamén o artigo 40.2.c) da devandita Lei de servizos sociais de Galicia, para a súa adaptación á disposición adicional décimo terceira, «Participación institucional», da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

IV

A lei estrutúrase en catro capítulos con dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais, dúas transitorias, unha derrogatoria e cinco derradeiras.

O capítulo primeiro recolle as disposicións xerais e nel reflíctese o obxecto da norma, no que destaca a vontade de acadar un maior recoñecemento e visibilidade do conxunto das entidades asociativas que conforman a economía social, así como a de fomentar o seu desenvolvemento. Defínense o concepto de economía social, o ámbito de aplicación e os valores e principios orientadores comúns, tendo en conta os aspectos singulares derivados da realidade galega.

O capítulo segundo identifica as entidades que forman parte da economía social en Galicia e establece as bases da súa organización e representación. Entre as achegas singulares que realiza a lei, cómpre destacar a incorporación das comunidades de montes veciñais en man común, institución peculiar recollida no dereito civil galego, ao Catálogo galego de entidades da economía social.

O terceiro capítulo define o marco galego de participación do sector respectando as competencias atribuídas ao Consello Galego de Cooperativas. Créase o Consello da Economía Social de Galicia como órgano de carácter consultivo e asesor para as actividades relacionadas coa economía social, tamén en materia de promoción e difusión da economía social.

A súa creación ten como obxecto establecer un foro de comunicación e diálogo que favoreza a participación do conxunto do sector da economía social e que permita unha coordinación das actuacións para o seu fomento e promoción, ao tempo que culmina a estrutura representativa das entidades da economía social e permite aglutinar todo o sector, así como os poderes e as entidades públicas interesadas, para unha máis eficaz tarefa de desenvolvemento.

Establécese a composición deste consello tendo en conta as peculiaridades do sector en Galicia. A composición axústase ás características e á implantación das entidades da economía social en Galicia, procurando a representación dos distintos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia que se relacionan máis directamente coa promoción e o fomento da economía social desde unha perspectiva sectorial. Recóllese a participación da Administración local e das universidades galegas polo seu papel central na investigación e divulgación, así como a das organizacións sindicais e empresariais de conformidade coa normativa aplicable en materia de participación institucional.

Fíxanse a súa estrutura e as súas funcións, ao tempo que se establece unha regulación básica co contido preciso para que o órgano poida constituírse e funcionar adecuadamente, cunha ampla capacidade de autorregulación.

O cuarto e último capítulo céntrase na promoción, no fomento e na difusión da economía social, dos seus principios e valores, e incorpora obxectivos específicos para un eficaz despregamento deste labor en todo o territorio galego, entre os que cómpre destacar a especial referencia ao labor de impulso e dinamización do autoemprego, do emprendemento de base cooperativa e da colaboración empresarial.

Tamén a introdución da formación en materia de economía social no currículo das distintas ensinanzas, a mellora da formación e da xestión empresarial, así como o estímulo dos procesos de innovación e de inmersión nas tecnoloxías da información e as comunicacións, constitúen obxectivos básicos deste conxunto de medidas, que promoven, ademais, a utilización de ferramentas que permitan poñer en valor as achegas do sector á sustentabilidade social e ambiental.

Igualmente procúrase como obxectivo a integración das políticas de fomento da economía social coas desenvolvidas nas áreas de desenvolvemento rural, emprendemento económico, prestación de servizos sociais, dependencia e integración social, así como a simplificación de trámites administrativos para a creación de empresas de economía social e a introdución de cláusulas de carácter social que estimulen a súa participación na contratación pública.

A lei recoñece o papel de asesoramento central que lles corresponde aos representantes do propio sector no deseño das políticas de fomento, e procura a incorporación do conxunto de entidades públicas ao labor de promoción da economía social. De igual modo, prevese a colaboración de entidades privadas e dos cidadáns en xeral. Estimúlase o traballo en rede e colaborativo, en particular a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, creada polo Decreto 225/2012, do 15 de novembro, que regula a súa creación e funcionamento.

O financiamento dos proxectos de emprendemento é unha das dificultades máis importantes coas que se atopan os seus promotores, polo que se prevé o fomento de instrumentos financeiros adaptados ás necesidades das novas iniciativas de economía social.

Mediante dúas disposicións adicionais establécese a necesaria coordinación do Consello da Economía Social de Galicia co Consello Galego de Cooperativas e mais regúlase especificamente o acceso da economía social aos órganos de participación institucional, co propósito de fomentar a súa visibilidade e facilitar o coñecemento das súas alternativas.

En liña coas medidas de fomento, a terceira disposición adicional promove a plena integración dos avances tecnolóxicos na xestión dos rexistros administrativos e xurídicos, co obxecto de axilizar de xeito efectivo a tramitación dos procedementos e acadar un importante aforro de tempo e a redución de custos, tanto na inscrición da constitución de entidades coma no cumprimento de trámites durante o seu funcionamento.

Na quinta disposición adicional establécese o Plan galego de impulso das entidades da economía social.

A primeira das disposicións derradeiras modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, co obxectivo fundamental de adecuar o seu texto ás previsións e orientacións desta lei, polo que se incide na promoción do autoemprego, na ampliación de posibilidades de captación de financiamento interno e, moi especialmente, na creación dunha nova clase de cooperativa que responde á preocupación polo alto nivel de desemprego existente entre a xuventude galega, e propón, así mesmo, unha solución que facilita o tránsito desde as etapas formativas ao desenvolvemento profesional.

Esta nova clase de cooperativas está constituída maioritariamente por mozos e mozas comprendidos entre dezaseis e vinte e nove anos, ou trinta e cinco anos no caso de persoas con discapacidade, que poñan en común o seu traballo persoal. A súa creación trata de facilitar o acceso ao autoemprego cooperativo, polo que se simplifican os requisitos de constitución e se concibe como un paso intermedio, considerándose unha duración limitada no tempo e a súa conversión en cooperativa ordinaria.

Esta modificación incide, así mesmo, en incrementar as posibilidades organizativas das asociacións representativas do sector, permitindo a constitución de unións de cooperativas de distinta clase.

Na segunda disposición derradeira autorízase a Xunta de Galicia para aprobar o Texto refundido da Lei de cooperativas de Galicia que incorpore as modificacións efectuadas.

Na terceira disposición derradeira inclúese a modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais, para a súa adaptación á normativa estatal de unidade de mercado, así como a adaptación da composición do Consello Galego de Benestar ao disposto a respecto da participación institucional na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia para as organizacións sindicais, empresariais e agrarias máis representativas a nivel galego, e fíxanse en senllas disposicións o réxime transitorio aplicable en cada caso en tanto non se leve a cabo o desenvolvemento regulamentario preciso para a súa aplicación.

Por último, en dúas disposicións derradeiras recóllese a habilitación normativa para a aplicación e o desenvolvemento da lei, así como a súa entrada en vigor.

O anteproxecto desta lei foi sometido ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia, do Consello Galego de Relacións Laborais e do Consello Galego de Cooperativas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei da economía social de Galicia.

CAPÍTULO I Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta lei ten por obxecto establecer unha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que integran a economía social en Galicia, así como orientar as accións de fomento e impulso con pleno respecto á normativa específica que se aplica a cada clase de entidades, e mais á normativa básica estatal, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social.

2. En todo caso, as entidades da economía social regularanse polas súas normas substantivas específicas.

Artigo 2. Finalidade

Esta lei ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as entidades que integran a economía social para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, co potenciamento da súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como co establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación, respectando a súa autonomía.

Artigo 3. Concepto

Denomínase economía social o conxunto das actividades económicas e empresariais que, no ámbito privado, levan a cabo aquelas entidades que se rexen polos principios recollidos no artigo 5 desta lei, e que perseguen o interese colectivo das persoas que as integran, o interese xeral económico ou social, ou ambos.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

1. Esta lei aplícase ao conxunto de entidades de economía social que teñan o seu domicilio social en Galicia e que desenvolvan a súa actividade empresarial e económica principalmente no seu ámbito territorial, sen prexuízo das competencias que lle poidan corresponder ao Estado.

2. Entenderase que unha entidade desenvolve a súa actividade empresarial e económica principalmente en Galicia cando estea inscrita no rexistro galego que lle corresponda por razón da súa natureza.

Artigo 5. Principios orientadores

As entidades de economía social, inspiradas polos valores de axuda mutua, responsabilidade, democracia, igualdade, equidade, solidariedade, honestidade, transparencia, autonomía, autoxestión, responsabilidade social e preocupación polas demais persoas, están informadas polos seguintes principios orientadores:

a) A primacía das persoas e do fin social sobre o capital, que se concreta nunha xestión autónoma e transparente, democrática e participativa, que leva a priorizar a toma de decisións máis en función das persoas e as súas achegas de traballo e servizos prestados á entidade, ou en función do fin social, ca en relación coas súas achegas ao capital social.

b) A aplicación dos resultados obtidos da actividade económica, principalmente en función do traballo achegado e do servizo ou da actividade realizados polas socias e os socios ou polas persoas integrantes, se for o caso, ao fin social obxecto da entidade, ao servizo da consecución de obxectivos como o desenvolvemento sustentable, o interese dos servizos aos membros e o interese xeral.

c) A promoción da solidariedade interna e coa sociedade que favoreza o compromiso co desenvolvemento local, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social, a cooperación, a inserción de persoas con discapacidade e de persoas en risco ou en situación de exclusión social, a xeración de emprego estable e de calidade, a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e mais a sustentabilidade.

d) A independencia a respecto dos poderes públicos.

e) O compromiso co territorio, fronte ao despoboamento e o envellecemento no medio rural galego, inxectando estabilidade e futuro.

f) O fortalecemento da democracia institucional e económica.

CAPÍTULO II Entidades da economía social

Artigo 6. Entidades da economía social de Galicia

1. Forman parte da economía social de Galicia:

a) as sociedades cooperativas galegas,

b) as mutualidades,

c) as fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica,

d) as sociedades laborais,

e) as empresas de inserción,

f) os centros especiais de emprego,

g) as confrarías de pescadores,

h) as sociedades agrarias de transformación,

i) as comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común, e

j) as entidades singulares creadas por normas específicas que se rexan polos valores e principios orientadores establecidos nesta lei, sempre e cando desenvolvan unha actividade económica e empresarial.

2. Así mesmo, poderán formar parte da economía social de Galicia as entidades que realicen actividade económica e empresarial, cuxas regras de funcionamento respondan aos principios regulados no artigo 5, e que sexan incluídas no Catálogo de entidades da economía social, regulado no seguinte artigo.

Artigo 7. Catálogo galego de entidades da economía social

1. Correspóndelle á consellaría competente en materia de economía social da Xunta de Galicia, logo de informe do Consello da Economía Social de Galicia, elaborar e manter actualizado o Catálogo galego de entidades da economía social, no que se incluirán os diferentes tipos de entidades da economía social relacionadas no artigo 6 desta lei.

2. Todos os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma con competencias rexistrais sobre as entidades da economía social do artigo 6 desta lei deberán notificar e remitir anualmente á consellaría competente en materia de economía social, para a súa inclusión no Catálogo galego de entidades da economía social, unha relación das inscricións efectuadas nos ditos rexistros relativas á constitución, fusión, transformación ou disolución das anteditas entidades.

3. O Catálogo galego de entidades da economía social regulado neste artigo terá carácter único no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá ser público e non terá carácter constitutivo, elaborarase de forma coordinada co Catálogo de entidades de economía social de ámbito estatal, e o seu funcionamento así como o acceso a el articularanse a través de medios electrónicos.

Artigo 8. Organización

As entidades da economía social galega poderán constituír asociacións que representen e defendan os seus intereses, e estas poderanse agrupar entre si, de acordo co previsto na normativa de aplicación correspondente.

Para tal obxecto, a Xunta de Galicia impulsará e promoverá a creación de entidades de integración do sector.

CAPÍTULO III O Consello da Economía Social de Galicia

Artigo 9. Consello da Economía Social de Galicia

1. Créase o Consello da Economía Social de Galicia como órgano consultivo e asesor para as actividades relacionadas coa economía social, especialmente no ámbito da promoción e difusión da economía social.

2. O Consello promoverá o diálogo, a coordinación e a colaboración entre todos os actores da economía social, e será a canle principal de participación das entidades da economía social.

3. Este órgano colexiado quedará integrado na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellaría competente en materia de economía social, sen participar na súa estrutura xerárquica.

Artigo 10. Funcións

1. Correspóndenlle ao Consello da Economía Social de Galicia as seguintes funcións:

a) Asesorar, cando sexa requirido para iso, na planificación, no fomento, na coordinación e na execución dos programas de promoción e difusión da economía social, en especial mediante a elaboración de recomendacións.

b) Emitir informe, con carácter facultativo e non vinculante, sobre os proxectos de normas reguladoras que afecten as entidades da economía social galega.

c) Elaborar estudos e propostas sobre cuestións que afecten a economía social en Galicia, así como os informes que con carácter facultativo e non vinculante lle soliciten as autoridades competentes sobre esta materia.

d) Colaborar na elaboración e avaliación dos programas de desenvolvemento da economía social, cando sexa requirido para isto.

e) Formular e emitir informe sobre as propostas de incorporación ou exclusión no Catálogo galego de entidades da economía social de tipos de entidades da economía social.

f) Orientar a cooperación empresarial entre as entidades que forman parte da economía social.

g) Asesorar, cando sexa requirido para iso, na integración e coordinación da promoción da economía social coas demais políticas públicas, en especial coas dirixidas á creación de emprego, ao fomento do emprendemento e ao desenvolvemento local e rural.

h) Velar pola promoción e pola axeitada aplicación dos principios da economía social expresados neta lei.

i) Todas aquelas funcións que veñan determinadas por disposicións legais ou regulamentarias.

2. O Consello da Economía Social de Galicia poderá solicitar das institucións da Comunidade Autónoma canta información precise para o desenvolvemento das súas funcións.

3. Ao Consello da Economíaial de Galicia, como órgano de colaboración, coordinación e interlocución no ámbito da economía social de Galicia, correspóndelle designar as persoas que deban ter a representación das entidades de economía social nos órganos de participación institucional de carácter xeral ou específico, de conformidade co que establezan as normas reguladoras do funcionamento destes, así como a designación de persoas interlocutoras e representantes da economía social de Galicia nos ámbitos en que proceda.

Artigo 11. Composición

1. Integran o Consello da Economía Social de Galicia:

a) A presidencia, que a ocupará o conselleiro ou a conselleira competente en materia de economía social, ou persoa en quen delegue.

b) A vicepresidencia primeira, que a ocupará a persoa titular da dirección xeral competente en materia de economía social, ou persoa en quen delegue.

c) A vicepresidencia segunda, que será ocupada pola persoa elixida maioritariamente polas persoas membros do Consello da Economía Social representantes das entidades da economía social, de entre elas.

d) Doce persoas en representación das entidades da economía social de Galicia, nomeadas do seguinte xeito:

1º. Seis persoas propostas polo Consello Galego de Cooperativas de entre os seus membros representantes das cooperativas en función da súa representatividade nese órgano.

2º. Unha persoa proposta pola entidade de representación das sociedades laborais máis representativa.

3º. Unha persoa proposta pola entidade de representación dos centros especiais de emprego máis representativa.

4º. Unha persoa proposta pola entidade de representación das empresas de inserción máis representativa.

5º. Unha persoa proposta pola entidade de representación das asociacións e fundacións máis representativa.

6º. Unha persoa proposta pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

7º. Unha persoa proposta pola entidade de representación das comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común máis representativa.

e) Nove persoas en representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia:

1º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de economía social.

2º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de desenvolvemento rural.

3º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de desenvolvemento mariño.

4º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de economía e industria.

5º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de emprego.

6º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de educación.

7º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de fundacións e asociacións.

8º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de política social.

9º. Unha persoa representante da consellaría competente en materia de igualdade.

f) Unha persoa designada conxuntamente polas organizacións sindicais intersectoriais da comunidade autónoma con dereito de participación institucional consonte a normativa aplicable.

g) Unha persoa en representación das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas a nivel galego.

h) Unha persoa representante dos concellos de Galicia proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

i) Unha persoa representante das universidades de Galicia designada conxuntamente polas universidades do Sistema universitario de Galicia.

2. A secretaría será ocupada por unha persoa funcionaria proposta pola dirección xeral competente en materia de economía social, quen actuará con voz pero sen voto.

3. A composición e a organización do Consello, así como dos seus órganos, realizaranse atendendo o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

4. Para os efectos previstos na alínea d) do punto 1 deste artigo, considérase como entidade máis representativa a que agrupe un maior número de persoas físicas a través das entidades asociadas, como socios ou socias, patróns ou patroas, persoas asociadas ou traballadores e traballadoras.

Artigo 12. Nomeamentos e cesamentos

1. O conselleiro ou a conselleira competente en materia de economía social nomeará e dispoñerá o cesamento das persoas titulares e suplentes integrantes do Consello da Economía Social de Galicia, por proposta da entidade ou do órgano ao que lle corresponde ou das decisións derivadas do propio Consello.

2. A duración do mandato das persoas integrantes do Consello da Economía Social de Galicia será de catro anos, e renovarase á finalización deste período, sen prexuízo da súa reelección.

3. As persoas integrantes do Consello da Economía Social de Galicia poderán ser substituídas por iniciativa da entidade ou do órgano ao que lle corresponde realizar a proposta de nomeamento.

Artigo 13. Funcionamento

1. O Consello funcionará en pleno e a través de comisións de traballo.

2. Correspóndelle ao Pleno o exercicio das funcións previstas no artigo 10 desta lei, aprobar as normas de réxime interno, constituír comisións de traballo e calquera outra función que resulte precisa para o cumprimento dos seus obxectivos.

3. Poderán crearse comisións de traballo para o estudo de cuestións concretas e a elaboración de informes e ditames. A súa creación e extinción acordaraas expresamente o Pleno.

4. O funcionamento do Consello axustarase ao disposto nesta lei, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e complementarase coas normas de réxime interno aprobadas polo Pleno do Consello.

En todo caso, ás reunións do Pleno ou das comisións de traballo poderán asistir, sen dereito a voto, unha persoa asesora por cada unha das entidades da economía social, da Administración xeral da Comunidade Autónoma, dos concellos de Galicia e das universidades de Galicia, representadas no Consello da Economía Social de Galicia, así como as persoas que autorice o correspondente órgano.

5. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal e inexistencia de delegación expresa, a presidencia será substituída pola vicepresidencia primeira, e esta á súa vez, nos mesmos termos, será substituída pola persoa titular da vicepresidencia segunda.

6. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, os membros titulares do órgano, agás os da presidencia e da vicepresidencia primeira, serán substituídos polas persoas que os suplan.

CAPÍTULO IV Fomento da economía social

Artigo 14. Fomento e difusión

1. A Xunta de Galicia recoñece de interese xeral e social a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas.

2. A Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades integrantes do sector público autonómico realizarán unha política de fomento e difusión da economía social que terá entre os seus obxectivos, ademais dos previstos na Lei 5/2011, de economía social, os seguintes:

a) A promoción dos principios e valores da economía social.

b) Facilitar as iniciativas de economía social, especialmente mediante a creación dunha contorna que fomente o seu desenvolvemento nos planos económico e social.

c) A mellora da xestión das entidades.

d) A promoción da formación e actualización profesional das persoas vinculadas ás entidades da economía social.

e) O estímulo dos procesos de innovación tecnolóxica e organizativa, así como de inmersión en tecnoloxías da información e as comunicacións.

f) A promoción da participación das entidades da economía social nas políticas activas de emprego, en especial nas dirixidas a mulleres, xuventude, persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade e persoas en risco ou en situación de exclusión social.

g) O impulso e a dinamización do autoemprego, do emprendemento de base cooperativa e da colaboración empresarial.

h) O fomento dos procesos de mellora da competitividade e da internacionalización das entidades da economía social, integrando a promoción de sistemas de produción e servizos eficaces cos obxectivos sociais de cara á súa consolidación no tecido económico.

i) A introdución de contidos formativos en materia de economía social no currículo das distintas ensinanzas, en particular nos niveis previos ao acceso ao mundo laboral e na formación para o emprego.

j) A integración das políticas de fomento da economía social coas desenvolvidas nas diferentes áreas de xestión, especialmente as de desenvolvemento rural, emprendemento económico, prestación de servizos sociais, dependencia e integración social, procurando a efectiva coordinación entre consellarías, departamentos e organismos dependentes da Administración autonómica.

k) A promoción da elaboración e a utilización de ferramentas que permitan avaliar e poñer en valor as achegas do sector á sustentabilidade social e ambiental.

l) A introdución de cláusulas de carácter social que, tendo en conta as características e os valores da economía social, favorezan a súa participación na contratación pública e permitan avaliar adecuadamente as súas achegas e contribucións á sociedade.

m) A remoción de obstáculos que impidan o inicio e o desenvolvemento de actividades económicas por parte das entidades da economía social.

n) A simplificación de trámites administrativos para a creación de entidades da economía social, en particular incorporando solucións baseadas nas tecnoloxías da información e as comunicacións.

3. As correspondentes actuacións levaranas a cabo a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades integrantes do sector público autonómico, a través do impulso e a coordinación da consellaría competente en materia de economía social e do asesoramento do Consello da Economía Social de Galicia, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outras consellarías en función da actividade empresarial que desenvolvan as entidades de economía social.

4. A Administración local, as universidades e o conxunto de entidades públicas procurarán a promoción da economía social dentro das súas actuacións.

5. Pola especial contribución das entidades da economía social ao desenvolvemento económico e social de Galicia promoverase a implicación das entidades privadas e dos cidadáns en xeral no labor de promoción e fomento da economía social.

Artigo 15. A Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e da economía social

As actividades de fomento e difusión da economía social, de acordo coa orientación do Consello da Economía Social de Galicia, impulsaranse especialmente a través da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social como instrumento creado polo Decreto 225/2012, do 12 de novembro.

Artigo 16. Planificación e execución das actividades de fomento

A planificación das actividades de fomento da economía social terá especialmente en conta a existencia de programas europeos de colaboración e procurará a elaboración de programas específicos enmarcados nos distintos instrumentos comunitarios.

Artigo 17. Lanzamento de novas iniciativas de economía social

1. Co obxecto de promover o desenvolvemento de novas iniciativas de economía social, mediante a creación de novas entidades ou mediante a ampliación de actividades das existentes, fomentaranse instrumentos financeiros específicos que contribúan ao seu lanzamento e inicio de actividades.

2. Estimularase o acceso das pequenas e medianas empresas da economía social galega a programas de microcréditos ou fondos de capital risco que se poidan concertar especificamente para o lanzamento de novas iniciativas de economía social e, en xeral, promoverase o seu acceso a todos aqueles instrumentos financeiros que se poidan adaptar ás necesidades das novas iniciativas da economía social.

Artigo 18. Impulso da responsabilidade social empresarial, igualdade e conciliación nas entidades da economía social de Galicia

A Xunta de Galicia impulsará e fomentará a implantación efectiva de plans de responsabilidade social empresarial, plans de igualdade e de conciliación nas entidades da economía social de Galicia.

Disposición adicional primeira. Coordinación co Consello Galego de Cooperativas

1. O Consello Galego de Cooperativas, máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo, segue tendo as funcións e competencias atribuídas pola Lei de cooperativas de Galicia e constitúe o superior órgano de representación do cooperativismo no ámbito da Comunidade Autónoma, ao que lle corresponden en exclusiva as funcións de carácter consultivo e asesor das administracións públicas galegas, naqueles temas que afecten o cooperativismo.

2. O Consello da Economía Social de Galicia coordinará as súas actuacións coas do Consello Galego de Cooperativas, a través dunha comisión específica formada por seis persoas, nomeadas de forma paritaria entre as persoas integrantes de cada un dos ditos órganos e unha presidencia designada pola consellaría competente en materia de economía social.

A comisión reunirase por iniciativa da súa presidencia ou por petición de calquera dos devanditos órganos, co obxecto de formular propostas de coordinación de actuacións.

Disposición adicional segunda. Participación institucional

As normas reguladoras do funcionamento dos órganos consultivos de carácter económico e social, en particular do Consello Económico e Social e do Consello Galego de Economía e Competitividade, así como dos órganos que se creen especificamente para a participación institucional na definición de políticas activas de emprego e de desenvolvemento nos planos económico e social, determinarán a forma en que participarán neles as entidades da economía social, cuxa representación será designada polas entidades que integran o Consello da Economía Social de Galicia.

Disposición adicional terceira. Informatización dos rexistros e administración electrónica

1. Promoverase a plena integración dos avances tecnolóxicos na xestión dos rexistros das entidades da economía social, en particular a incorporación dos medios e procedementos informáticos.

2. A tramitación dos procedementos relativos aos rexistros administrativos de sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción poderán ser realizados por medios telemáticos.

3. A tramitación dos procedementos de inscrición e depósito de títulos e documentos, a obtención de certificados e notas simples, así como os trámites vinculados co Rexistro de Cooperativas, poderán ser realizados por medios telemáticos, na medida en que o permita a implantación da administración electrónica e os mecanismos de colaboración que se establezan coa Administración do Estado e co Consello Xeral do Notariado.

4. A Administración galega adoptará medidas de coordinación entre os seus departamentos e coa Administración do Estado con competencia en materia rexistral da economía social para garantir unha información estatística actualizada e axustada ao catálogo regulado no artigo 7 desta lei.

Disposición adicional cuarta. Non incremento de consignacións orzamentarias

A constitución, a posta en marcha e o funcionamento do Consello da Economía Social de Galicia non xerarán incrementos das consignacións orzamentarias do departamento ao que se adscribe.

Disposición adicional quinta. Plan galego de impulso das entidades da economía social

A Xunta de Galicia aprobará, no prazo de seis meses desde a entrada en vigor desta lei, un plan de impulso das entidades da economía social, con especial atención das de singular arraigamento na súa contorna e das que xeren emprego nos sectores máis desfavorecidos. Para a súa aprobación e avaliación será convocado o Consello da Economía Social de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio relativo ao desenvolvemento da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, a respecto dos órganos consultivos e de participación

No prazo máximo de seis meses desde a publicación desta lei procederase a adaptar o Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, consonte o disposto no punto dous da disposición derradeira terceira desta lei. Mentres non se proceda a adaptar o decreto, o Consello Galego de Benestar estará integrado por catro vogais en representación das organizacións sindicais máis representativas na comunidade autónoma e das que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, catro vogais en representación das organizacións empresariais máis representativas a nivel galego e catro vogais en representación das organizacións profesionais agrarias máis representativas a nivel galego.

Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio relativo á adaptación da intervención administrativa prevista na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, á normativa estatal de unidade de mercado

1. En tanto o Consello da Xunta de Galicia non dite as disposicións necesarias para a adaptación do réxime previsto no actual Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia, ao establecido nesta lei en materia de autorización, declaración responsable e comunicación previa para a prestación de servizos sociais, e en particular para cada tipoloxía de servizos sociais dite as disposicións necesarias para a adaptación da normativa sectorial reguladora de cada unha das ditas tipoloxías de servizos ao novo réxime de intervención administrativa, todos aqueles servizos, centros e programas non sometidos a autorización de acordo co previsto na presente lei quedarán sometidos ao réxime de declaración responsable.

2. Sen prexuízo do anterior, quedan suxeitos ao réxime de comunicación previa os servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal da carteira de servizos comúns e da carteira de servizos específicos destinada a persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, a excepción do Servizo de Supervisión e Apoios Puntuais en Equipamentos Especiais e do Servizo de Apoio á Vida Independente, regulados no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, que quedan suxeitos á autorización previa.

Así mesmo, os servizos de prevención das situacións de dependencia e promoción da autonomía persoal que no momento da entrada en vigor desta lei consten comunicados ao órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellaría da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais non estarán obrigados a presentar nova comunicación previa.

3. As solicitudes de autorización conforme o previsto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e na normativa que a desenvolve, que se atopen en tramitación á entrada en vigor desta lei a respecto de servizos, centros e programas que en virtude do disposto nela e na correspondente normativa sectorial pasen a estar suxeitos ao réxime de declaración responsable ou comunicación previa resolveranse de conformidade co procedemento previsto na normativa anterior e segundo os requisitos exixidos na normativa sectorial específica reguladora deles vixente no momento da presentación da solicitude, salvo que o ou a solicitante opte por desistir da súa solicitude e iniciar un novo procedemento.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, queda modificada da seguinte maneira:

Un. Modifícase o punto 1 do artigo 5, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. O capital social mínimo para constituírse e funcionar unha sociedade cooperativa non será inferior a tres mil euros, expresándose nesta moeda, e deberá estar totalmente desembolsado desde a súa constitución. Exceptúanse as cooperativas xuvenís, para as que o capital social mínimo será de trescentos euros».

Dous. Modifícase o primeiro parágrafo do punto 2 do artigo 12, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. A asemblea constituínte deliberará e adoptará, como mínimo, os acordos sobre todos aqueles extremos que resulten necesarios para o outorgamento da correspondente escritura de constitución, coa aprobación, en todo caso, dos estatutos da cooperativa e coa designación de entre os promotores das persoas que teñan que outorgar a escritura pública de constitución. O seu número non poderá ser inferior a tres e entre eles deberán estar, polo menos, o designado como secretario da asemblea constituínte e os designados para desempeñaren os cargos do primeiro órgano de administración».

Tres. Suprímense o último parágrafo do punto 1 e o contido íntegro do punto 3 do artigo 29. Polo tanto, o artigo 29 queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 29. Socios colaboradores

1. Os estatutos poderán prever e regular a existencia de socios colaboradores, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que, sen poderen realizar plenamente o obxecto social cooperativo, poidan colaborar na súa consecución.

Estatutariamente determinaranse os dereitos e as obrigas, fixándose en todo caso a achega obrigatoria mínima, o desembolso dela, os requisitos para adquirir a condición de socio, o seu réxime de baixa e o dereito ao retorno cooperativo, e, no non previsto por eles, por acordo da asemblea xeral. O conxunto destes socios, agás que sexan sociedades cooperativas, non poderá superar un terzo dos membros do órgano de administración, sen que en ningún caso poidan desempeñar os cargos de presidente e vicepresidente del.

Os socios colaboradores que acheguen exclusivamente capital percibirán o xuro pactado, que non poderá ser inferior ao percibido polos socios, nin exceder en máis de seis puntos do xuro legal do diñeiro, sen que en ningún caso teñan dereito a percibir o retorno cooperativo.

2. Tamén poderán ser socios colaboradores aquelas cooperativas coas que se subscribise un acordo de colaboración intercooperativo, nas mesmas condicións establecidas no número anterior».

Catro. Engádese un novo punto 4 ao artigo 73, coa seguinte redacción:

«4. Con carácter complementario ao depósito dos documentos indicados no número anterior, poderá depositarse no Rexistro de Cooperativas a memoria social consonte os modelos aprobados polo Consello Galego de Cooperativas».

Cinco. Modifícase o punto 2 do artigo 74, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. O acordo sobre cambio de denominación, cambio de domicilio e modificación do obxecto social ou do capital social mínimo anunciarase nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa con carácter previo á súa inscrición. A publicación da inscrición destes acordos no Diario Oficial de Galicia será tramitada polo rexistro de cooperativas competente con carácter gratuíto».

Seis. Modifícase o primeiro parágrafo do punto 2 do artigo 107, que queda redactado nos seguintes termos:

«2. Estatutariamente poderá establecerse para as novas persoas socias un período de proba non superior a seis meses, agás que a incorporación estea acollida a programas de promoción do autoemprego cooperativo, caso no que poderá ser prorrogado por outros seis meses adicionais».

Sete. Modifícase o punto 1 do artigo 133, que queda redactado nos seguintes termos:

«1. As unións de cooperativas estarán constituídas, como mínimo, por cinco sociedades cooperativas galegas, e poderán formar parte delas as sociedades agrarias de transformación».

Oito. Engádese unha nova disposición adicional, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional novena. Cooperativas xuvenís

Obxecto e normas aplicables.

1. Son cooperativas xuvenís as que teñen por obxecto proporcionarlle emprego e un marco apropiado para o desenvolvemento profesional á xuventude, mediante a prestación do seu traballo persoal producindo en común bens e servizos para terceiros.

Deberán estar formadas maioritariamente por persoas socias traballadoras con idades comprendidas entre dezaseis e vinte e nove anos, agás no caso de que sexan persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, no cal a idade máxima será de trinta e cinco anos.

2. As cooperativas xuvenís constitúen unha especialidade das cooperativas de traballo asociado e asimiladas, ou das cooperativas de explotación comunitaria da terra ou de explotación de recursos acuícolas, e resúltalles aplicable a regulación xeral e específica que corresponda á súa clase, coas seguintes particularidades:

a) Completarán a parte obrigatoria da súa denominación coa palabra xuvenil do seguinte xeito: Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil ou S. Coop. Galega Xuvenil.

b) O capital social mínimo necesario para constituírse e funcionar unha sociedade cooperativa xuvenil será de trescentos euros, que deberán estar totalmente desembolsados desde a súa constitución.

c) A inscrición dos actos de constitución, modificación de estatutos, disolución, reactivación e liquidación das sociedades cooperativas xuvenís poderá realizarse en virtude de documentos de carácter privado cos mesmos requisitos que os previstos para as escrituras públicas na Lei de cooperativas de Galicia, no que resulte procedente. As sinaturas que consten nos documentos deberán estar lexitimadas notarialmente ou autenticadas polo rexistro de cooperativas que resulte competente para a inscrición dos referidos actos. Cando a publicación dos acordos referidos aos devanditos actos resulte preceptiva, realizarase no Diario Oficial de Galicia e será tramitada polo rexistro de cooperativas competente con carácter gratuíto, sen que resulte obrigatoria a publicación nun dos diarios de maior circulación da provincia do domicilio social da cooperativa.

d) A cooperativa xuvenil constituirase por tempo determinado fixado estatutariamente e deberá transformarse en cooperativa ordinaria ou disolverse ao transcorrer cinco anos desde a súa inscrición no Rexistro de Cooperativas. Transcorrido o prazo de cinco anos sen que se adoptase o acordo de transformación en cooperativa ordinaria, a cooperativa xuvenil quedará disolta de pleno dereito e entrará en período de liquidación.

e) O acordo de transformación en sociedade cooperativa ordinaria deberá ser adoptado pola asemblea xeral por máis da metade dos votos validamente expresados, non sendo computables para estes efectos os votos en branco nin as abstencións, e deberá elevarse a escritura pública e inscribirse no Rexistro de Cooperativas.

A transformación require o cumprimento de todos os requisitos exixidos legalmente para a constitución dunha cooperativa ordinaria da clase que se trate e realizarase a través do procedemento previsto no artigo 74, en canto resulte procedente.

f) A redución do número de persoas socias traballadoras que teñan entre dezaseis e vinte e nove anos por debaixo da maioría exixida para a constitución de cooperativas xuvenís sen que se restableza no prazo de seis meses, e sen que se acorde a transformación en cooperativa ordinaria, será causa de disolución, para o que se aplicará o disposto no artigo 86, alínea d), e concordantes desta lei.

g) Anualmente deberá someterse á aprobación da asemblea xeral un plan de formación profesional individualizado, que alcance a totalidade das persoas socias e ao que deberán asignarse os recursos económicos precisos, entre os que deberá figurar a dotación total do Fondo de Formación e Promoción Cooperativa».

Disposición derradeira segunda. Autorización para refundir textos

1. No prazo dun ano desde a entrada en vigor desta lei, a Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro ou da conselleira competente en materia de traballo, aprobará o correspondente decreto lexislativo que refunda a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e as súas modificacións, incluíndo os correspondentes preceptos contidos na presente lei.

2. A autorización á que se refire esta disposición inclúe a facultade de regularizar, aclarar e harmonizar os textos legais que teñan que refundirse.

Disposición derradeira terceira. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, queda modificada da seguinte maneira:

Un. Modifícase o parágrafo último do punto 2 do artigo 29, que queda redactado como segue:

«Por razóns de saúde pública directamente vinculadas coa garantía da axeitada atención e protección dos usuarios dos servizos sociais, sempre que inclúan prestacións ligadas á saúde de acordo coas respectivas normativas sectoriais que os regulan, a prestación dos servizos para persoas maiores, con discapacidade e/ou con dependencia, dos servizos para a infancia e a adolescencia e mais dos servizos de acollida ou inclusión está suxeita, con carácter previo ao inicio da actividade, á correspondente autorización ditada polo órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellaría da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, nos termos previstos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

A prestación dos servizos que supoñan o exercicio privado de funcións públicas relativas ao acollemento residencial de menores ou á aplicación de medidas xudiciais a menores, así como a prestación de servizos de educación infantil suxeitos á autorización de conformidade coas leis en materia educativa que os regulan, está suxeita con carácter previo ao inicio da actividade á correspondente autorización ditada polo órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellaría da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, nos termos previstos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento.

A prestación dos restantes servizos sociais está suxeita, con carácter previo ao inicio da actividade e nos termos previstos nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, á presentación da correspondente declaración responsable ou comunicación previa, de acordo co previsto na normativa sectorial de aplicación, sen prexuízo das facultades de control, comprobación e inspección que corresponden ao órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellaría da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais. As ditas facultades de control, comprobación e inspección poderán exercitarse en calquera momento».

Dous. Modifícase a alínea c) e engádense dúas novas alíneas c bis) e c ter) no artigo 40.2, que quedan redactadas como segue:

«c) As organizacións empresariais máis representativas a nivel galego, que designarán de común acordo os seus representantes.

c bis) As organizacións sindicais máis representativas a nivel galego e as que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, que designarán de común acordo os seus representantes.

c ter) As organizacións profesionais agrarias máis representativas a nivel galego, que designarán de común acordo os seus representantes».

Tres. Modifícase o punto 1 do artigo 67, que queda redactado como segue:

«1. A inscrición das entidades titulares ou xestoras de servizos, centros ou programas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, adscrito á consellaría da Xunta de Galicia con competencias en materia de inspección de servizos sociais, efectuarase de oficio coa resolución de autorización, ou coa presentación da declaración responsable ou da comunicación previa conforme o disposto na correspondente normativa sectorial.

Sen prexuízo do anterior, as entidades prestadoras de servizos sociais, segundo a definición dos servizos sociais contida no artigo 2 desta lei, poderán solicitar a súa inscrición no dito rexistro».

Catro. Modifícase o artigo 68, que queda redactado como segue:

«Artigo 68. Réxime da autorización, declaración responsable ou comunicación previa

1. Os servizos, centros e programas de servizos sociais de titularidade pública e privada que se desenvolvan en Galicia precisarán, con carácter previo, para a súa creación ou construción, inicio de actividades, modificación substancial e cesamento de actividades, obter a autorización ou presentar a correspondente declaración responsable ou comunicación previa ante o órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellaría da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais, de conformidade co disposto na normativa de unidade de mercado, nesta lei e na correspondente normativa sectorial, sen prexuízo doutras autorizacións ou licenzas exixibles de acordo coa lexislación vixente.

2. No suposto de servizos, centros e programas promovidos polos concellos ou as deputacións, ademais do indicado no punto anterior, estes quedarán supeditados ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Plan de viabilidade económica do concello ou da deputación, con informe favorable da persoa que exerza a intervención da entidade local, no que se garanta a sustentabilidade financeira das novas actividades económicas, respectando en todo caso o principio de eficiencia e o resto dos requirimentos da lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

b) Informe previo e preceptivo, emitido polo órgano competente da Comunidade Autónoma, acerca da inexistencia de duplicidades nas competencias ou nos servizos, así como da oportunidade e necesidade do recurso en cuestión, para efectos da planificación estratéxica de servizos sociais da Comunidade Autónoma.

3. Regulamentariamente desenvolveranse as condicións e os procedementos para a obtención, revogación e suspensión das autorizacións, así como o réxime da declaración responsable ou comunicación previa segundo o previsto na normativa sectorial de aplicación.

Os procedementos administrativos para a tramitación das diferentes autorizacións terán unha duración máxima de seis meses. Unha vez transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución administrativa, as solicitudes entenderanse desestimadas por silencio administrativo nos procedementos relativos á obtención das diferentes autorizacións, co que se producirá a caducidade nos procedementos relativos á suspensión e revogación das autorizacións administrativas.

4. Cando a creación ou construción, a modificación substancial ou o inicio de actividades dun servizo, centro ou programa de servizos sociais se realice sen a preceptiva autorización administrativa ou, de ser o caso, sen a presentación da declaración responsable ou comunicación previa de conformidade co previsto nesta lei e na súa normativa de desenvolvemento, o órgano con atribucións en materia de autorización e inspección da consellaría da Xunta de Galicia con competencia en materia de servizos sociais poderá dispoñer a clausura do centro ou a suspensión inmediata das actividades, logo da tramitación do correspondente procedemento nos termos que regulamentariamente se establezan, con audiencia, en todo caso, da persoa interesada e sen prexuízo do que proceda en materia sancionadora».

Cinco. Modifícanse as alíneas a) e g) do artigo 73, que quedan redactadas como segue:

«a) Verificar o cumprimento dos requisitos e das condicións exixibles para a prestación e o funcionamento dos servizos de conformidade coa súa normativa sectorial específica e mais para a acreditación en materia de servizos sociais».

«g) Emitir informes e propoñer a iniciación de expedientes sancionadores, a adopción de medidas cautelares, a clausura ou o cesamento definitivo de servizos, centros e programas, a suspensión ou o cesamento temporal de servizos, centros e programas, a revogación das autorizacións e das resolucións ditadas no procedemento de comprobación no caso de servizos suxeitos a declaración responsable, así como a revogación e suspensión das acreditacións concedidas».

Seis. Modifícanse as alíneas a) e c) do artigo 81, que quedan redactadas como segue:

«a) O inicio, a modificación substancial ou o cesamento de actividades de servizos, centros ou programas carecendo da autorización administrativa correspondente ou, de ser o caso, a non presentación da declaración responsable ou da comunicación previa que resulte procedente segundo a normativa sectorial aplicable.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que se acompañe ou incorpore á solicitude de autorización ou á presentación dunha declaración responsable ou comunicación previa».

«c) Non prestar o tratamento técnico propio da finalidade específica do servizo, centro ou programa segundo a normativa sectorial aplicable».

Sete. Engádese unha nova disposición adicional, coa seguinte redacción:

«Disposición adicional sétima bis. Referencias normativas á autorización e ao réxime de autorización

As referencias á autorización contida na Lei de servizos sociais de Galicia no artigo 2, puntos 3 e 4, no artigo 59, alínea d), relativa á competencia, e no artigo 69, relativo á acreditación, entenderanse efectuadas á autorización, declaración responsable ou comunicación previa de conformidade co disposto nesta lei e na correspondente normativa sectorial.

Pola súa vez, as referencias contidas na rúbrica do capítulo I do título VIII da lei e no artigo 70 ao réxime de autorización administrativa entenderanse efectuadas ao réxime da autorización, declaración responsable ou comunicación previa de conformidade co disposto nesta lei e na correspondente normativa sectorial.

Disposición derradeira cuarta. Habilitación normativa

1. Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións regulamentarias que sexan precisas para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

2. En particular, o Consello da Xunta de Galicia ditará no prazo de seis meses desde a publicación desta lei no Diario Oficial de Galicia as disposicións regulamentarias que sexan precisas para a aplicación e o desenvolvemento do previsto na disposición derradeira terceira.

Disposición derradeira quinta. Entrada en vigor

Esta lei entrara en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia