lex.gal dereito galego consolidado

Norma Consolidada

Decreto 109/2022, do 16 de xuño, polo que se modifica o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Publicado en: DOG 117 20/06/2022

Departamento: Consellería de Medio Rural

Estado: En vigor

PDF

O Decreto 58/2022, do 15 de maio, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no seu artigo 1 relacionou as vicepresidencias e consellerías que a integran, entre as cales se encontra a Consellería do Medio Rural.

Coa finalidade de acadar un maior grao de racionalización e eficacia consonte os criterios de mellora continua reflectidos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, o Decreto 73/2022, do 25 de maio, fixou a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia. En particular, o artigo 10 deste decreto estableceu os órganos de dirección da Consellería do Medio Rural, así como as entidades públicas instrumentais adscritas a ela.

Previamente á publicación dos citados decretos, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, estableceu a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e modificou parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixaba a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia. De acordo co artigo 1 deste decreto, á Consellería do Medio Rural correspóndelle propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural. Esta atribución engloba as diferentes competencias ligadas ao impulso da economía rural, entre as cales se encontran as competencias en materia de montes e, polo tanto, as inherentes ao desenvolvemento da política forestal.

Estas competencias están estreitamente ligadas coas correspondentes á Axencia Galega da Industria Forestal, entidade que ten como finalidade actuar como un instrumento de xestión eficiente no exercicio de funcións relacionadas co impulso da actividade económica asociada á industria forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación e tecnolóxicos en materia forestal.

Polo exposto, e co fin de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das estruturas administrativas da Xunta de Galicia, o Decreto 73/2022 adscribiu a Axencia Galega da Industria Forestal á Consellería do Medio Rural e, en consecuencia, resulta procedente a modificación do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, prevendo tanto a dita adscrición como a coordinación nas súas actuacións coa dirección xeral competente en materia de planificación e ordenación forestal.

De acordo co exposto, e por proposta do conselleiro do Medio Rural, cos informes previos da Consellería de Facenda e Administración Pública, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia

O Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 1, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 1. Competencias

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias alimentarias, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Así mesmo, correspóndelle o impulso da actividade económica asociada ao sector forestal, coa mellora da competitividade e da innovación das empresas do sector e coa coordinación dos centros de investigación en materia forestal, sen prexuízo das competencias das vicepresidencias e doutras consellerías da Xunta de Galicia. Estas competencias exerceranse de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, na forma establecida neste decreto.».

Dous. Engádese un novo parágrafo d) no artigo 2.2, co seguinte contido:

«d) Axencia Galega da Industria Forestal.».

Tres. Modifícase o parágrafo a) do artigo 15.1, que queda redactado do seguinte xeito:

«a) O impulso da xestión forestal activa e multifuncional do monte galego, cumprindo cos criterios de sustentabilidade, mediante o fomento, segundo a lexislación vixente, da redacción dos instrumentos de planificación, de ordenación e de xestión forestal e o seu seguimento e control, e a actuación coordinada coa Axencia Galega da Industria Forestal no impulso da actividade económica asociada ao sector forestal.»

Disposición derradeira primeira. Referencias normativas

As referencias feitas á consellería competente en materia de economía no Decreto 81/2017, do 3 de agosto, que crea a Axencia Galega da Industria Forestal e aproba os seus estatutos, entenderanse feitas á consellería competente en materia do medio rural, coa excepción da referencia que contén o artigo 13.2.c).1º.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela

Presidente

José González Vázquez

Conselleiro do Medio Rural

Este documento é de carácter informativo e non ten valor xurídico. Está elaborado unicamente a partir das normas publicadas en Lex.gal. Consulte a información contida ao respecto na sección de preguntas frecuentes.

Universidade de Santiago de Compostela
Parlamento de Galicia
Xunta de Galicia